Archives

As gandarías españolas de vacún de leite só emiten 1 kg de CO2 por cada litro de leite producido

As gandarías españolas de vacún de leite emiten de media 1,1 quilogramos de dióxido de carbono (CO2) por litro de leite producido, na media de países da contorna como Francia, aínda que cunha importante variación entre granxas, en función da eficiencia no manexo da explotación, e independentemente do sistema (vacas en pastoreo, en réxime semiextensivo ou en intensivo). As emisións de CO2 da produción láctea suporían ao redor do 1% do total da economía española.  Esta é a principal conclusión dos primeiros resultados de Climate Neutral Farms, un proxecto europeo liderado en España polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), no que se miden as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de 135 gandarías de vacún de leite. O estudo, que comezou en 2022 e que continuará este ano, é un dos máis rigorosos realizados até agora, tanto pola representatividade (ademais do CIAM, participan algunhas das principais industrias lácteas españolas, ademais do LIGAL, entre outras), como pola fiabilidade do sistema de medición das emisións, CAP´2ER, o referente en Francia e noutros países. “Comparamos os resultados das granxas cos que ofrecen outros programas que están en uso e coinciden, o que evidencia a consistencia e homoxeneidade dos datos”, explica César Resch, investigador do CIAM, que presentou os resultados obtidos até agora por Climate Neutral Farms nunha xornada celebrada en gandaría A Esperanza (San Sadurniño- A Coruña), unha granxa de vacún de leite xestionado pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “O obxectivo do proxecto é, en primeiro lugar, medir de forma rigorosa as emisións de gases de efecto invernadoiro das gandarías de vacún de leite de España e a partir de aí propor medidas para reducilas, dentro da estratexia europea de lograr para 2030 a neutralidade de emisións de CO2”, engade o investigador.

“A clave para reducir a pegada de carbono é utilizar os recursos da contorna da forma máis eficiente posible”

Os técnicos do proxecto visitan as granxas seleccionadas medindo en boca as emisións de metano das vacas -a principal fonte de emisións e analizando todos os datos que inciden nas emisións. Como se demostran nestas dúas gráficas, a variación entre explotacións é moi notable: Entre o 0,570 kg de CO2 por litro de leite producido do 10% de granxas que menos dióxido de carbono emiten ao 1,47 kg das menos eficientes. As principais variacións débense, como se recolle na seguinte táboa, á compra de alimentos (as que producen a súa propia comida contaminan menos), á fermentación entérica das vacas (na que inflúe especialmente a dixestibilidade da ración) e ao secuestro de carbono que se realizan na granxa (a través sobre todo de pradarías permanentes) e que compensan de media o 15% das emisione de GEI dunha gandaría. “Hai gandarías con baixas emisións e con altas tanto en pastoreo ecolóxico, como en estabulación intensiva ou semiextensiva, o que nos leva a concluír que todos os sistemas de manexo do gando son bos e que a clave está en facer un bo manexo. É dicir, canto mellor utilicemos os recursos da nosa contorna como gandeiros para producir máis con menos, máis eficientes seremos e menos emisións teremos, independentemente do sistema”, destaca César Resch.

Eficiencia no uso do nitróxeno

Neste sentido, outro parámetro que están a analizar no proxecto Climate Neutral Farms é a eficiencia no uso do nitróxeno; é dicir, cuantos litros de leite se producen en cada gandaría estudada en relación ás unidades de nitróxeno que se introducen tanto a través da fertilización como da alimentación comprada. “A eficiencia media do uso do Nitróxeno no grupo de 80 granxas validadas en toda España é do 35%, pero cunha importante variación entre o 64% das mellores e o 14% das que rexistran peores datos”, explica o investigador do CIAM. Porén, si se detectan variacións en función do sistema de manexo, sendo as máis eficientes as extensivas, seguidas das intensivas, e en último lugar as que optan por un sistema mixto.

Xornada de presentación de resultados en gandaría A Esperanza

O pasado 27 de febreiro celebrouse en Finca A Esperanza, en San Sadurniño (A Coruña), unha xornada de presentación de resultados do proxecto Climate Neutral Farms, na que participaron unhas 40 persoas, entre técnicos, investigadores e gandeiros. A xornada comezou cunha presentación da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e da Granxa da Esperanza; a continuación realizouse unha visita ao establo, na que se coñeceron as medidas que aplican para a redución de emisións. Posteriormente, organizouse un grupo de traballo para propor distintas medidas a aplicar para reducir os GEI en gandarías de vacún de leite, para finalizar cunha comida na propia gandaría. No proxecto Climate Neutral Farms participan o CIAM-AGACAL, o LIGAL, as industrias lácteas Leche Río, Central Lechera Asturiana, Leite Pascual, Nestlé, Queserías Entrepinares, Danone, así como Caixa Rural Galega, Alltech e Agronovo Ecoloxía.

Información complementaria:

 

Está Galicia preparada para que desaparezan as cisternas convencionais do purín?

Cando se realice sementeira trala aplicación do xurro, deberá ser enterrado dentro das 12 horas posteriores En teoría, a partir do vindeiro 1 de xaneiro xa  non se poderá botar o purín cos sistemas actuais de prato ou abano, segundo establece o Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas. Pero, é isto viable nunha comunidade con 5.500 explotacións de vacún de leite, 2.500 granxas de porcos e 1.000 de polos? Tanto os representantes dos gandeiros como os das cooperativas con parques de maquinaria consideran “imposible de cumprir no curto prazo”. Aseguran ademais que se trata dunha norma que “non se adapta á realidade galega”. A normativa estatal, aprobada hai un ano, recolle unicamente determinadas excepcións para poder seguir empregando as cisternas convencionais (fincas con máis do 10% de pendente media, explotacións con menos de 2 hectáreas de base territorial ou con máis do 50% da superficie con pendente superior ao 10%). No resto dos casos será obrigatorio botar o xurro con tubos colgantes ou mediante sistemas de inxectores. A vixiancia e control sobre o cumprimento deste Real Decreto estatal corresponde sen embargo á Xunta, ao estaren transferidas as competencias en materia agraria ás comunidades autónomas. Os agricultores e gandeiros que incumpran a norma expóñense en teoría a penalizacións ou sancións.
O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas forma parte do corpo normativo da nova PAC e pode acarrear penalizacións nas axudas
Con un enfoque restritivo que penaliza en exceso ás granxas de vacas con terras, desde o sector en Galicia apóstase por outro tipo de medidas, máis “realistas e viables” para reducir a contaminación e as posibles emisións, como o redimensionamento e cubrición das fosas ou a escolla de momentos máis axeitados de aplicación, máis que por esixencias sobre o tipo de cisterna a empregar. Problemas para cobrar a PAC o ano que vén Á esixencia de botar o purín con tubos colgantes ou inxectores engádense outras obrigas: dispoñer de Plans de Abonado, facer analíticas de terras e de xurro, contar cun asesor en fertilización ou empregar unha ferramenta de cálculo de nutrientes recoñecida a nivel oficial. Para as granxas que traballan máis de 30 hectáreas de terras de cultivo ou solicitan na PAC o ecorrexime de rotación con especies mellorantes súmase unha obriga adicional: tras cada aplicación, deben facer no prazo dun mes as anotacións das aplicación realizadas nas distintas parcelas no Caderno Dixital da explotación.
O traballo burocrático e administrativo das granxas aumenta moito coa aplicación das novas normativas
Para as explotacións de maior tamaño as novas esixencias normativas van supoñer un incremento de custos “e de tempo adicado a cubrir papeis”, pero para as granxas máis pequenas pode ser a súa sentenza definitiva, advirte o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. Alerta ademais das posibles consecuencias do incumprimento normativo: “se se poñen serios pode supoñer a perda das axudas da PAC porque non estarías cumprindo coa condicionalidade”, explica, polo que “hai que ter en conta que isto pode ir ao peto”, di.
Moitas explotacións traballamos fincas que non podemos declarar na PAC e iso vai ser un problema á hora de abonar ou aplicar produtos fitosanitarios  
Hai aspectos da normativa que non están aínda definidos, como as cantidades máximas de abonos orgánicos e inorgánicos que se poderán botar por hectárea, pero o presidente de Agromuralla pon sobre a mesa unha realidade frecuente en Galicia: “O problema é a xente que solicita a PAC e non traballa as fincas, porque esas terras non poden ser declaradas pola explotación que as leva nin tidas en conta á hora de calcular os abonos ou fitosanitarios aplicados. Sería necesario adaptar as solicitudes da PAC á realidade, pero a peaxe do 30% na transmisión dos dereitos non axuda, porque non incentiva o traspaso”, asegura.
Se non nos deixan sacar o purín coas cisternas que temos e rebordan as foxas o problema de contaminación sería moito maior (José Luis Pérez, Agromuralla)
Desde Agromuralla aseguran que o sector non está preparado para cumprir unha normativa que consideran “inviable” e advirten de que “o purín ten que seguir sacándose das fosas para evitar que reborden, e máis co que choveu este ano en novembro”. “Se nos impiden usar as cisternas que temos e non hai neste momento maquinaria dabondo coa que sacar todo o xurro que se produce nas explotacións o problema pode ser moito peor, iso si que podería converterse nun problema ambiental importante. Sería peor o remedio que a enfermidade”, asegura Pérez Barreiro. Canto purín se xera en Galicia? Purín xerado por UGM de gando vacún segundo a Xunta (enriba) e segundo o Ministerio (abaixo) Galicia produce anualmente uns 8,5 millóns de metros cúbicos de purín (57% procedente de gando vacún, 35% de porcino e 9% de avicultura), aínda que os cálculos oficiais varían notablemente. Segundo a Xunta, unha vaca leiteira estabulada produce ao ano 26 metros cúbicos de xurro; sen embargo, o Ministerio reduce esa cantidade case á metade (14 metros cúbicos).
Segundo os cálculos da Xunta, unha vaca leiteira estabulada produce 26 metros cúbicos de xurro ao ano
Óscar Pose, responsable do sector leiteiro do sindicato Unións Agrarias, pide á Xunta que corrixa os seus cálculos, recollidos nas Instrucións Técnicas para a realización do Plan de Xestión de Dexeccións Gandeiras e Fertilización. “Os cálculos de aporte de nutrientes están mal feitos, a cantidade que se indica é maior do real, tanto o que produce cada animal como a composición do purín e iso deriva no que se pode aportar á terra. Outras comunidades, como Cataluña, xa o corrixiron. As granxas de porcino son as máis afectadas por iso”, asegura.
Había solucións técnicas máis doadas, como permitir o prato invertido
En canto á aplicación da norma a partir do vindeiro 1 de xaneiro, Óscar Pose afirma que “é un canto a Cartaxena”. “Hai que facer cousas, pero non é viable economicamente para as explotacións adquirir ese tipo de máquinas, que triplicaron o seu prezo nos últimos dous anos”, explica. “É unha regulamentación feita desde os despachos e que non ve a realidade do sector. Por iso non serve que se aprace o seu cumprimento; é necesario que se revise totalmente a norma porque non ten ningún sentido. Hai que ver en primeiro lugar quen contamina, porque as explotacións de vacún que teñen terras non son as responsables da contaminación”, asegura.
Non serve que se aprace o cumprimento da norma, hai que revisala por completo para axustala á realidade (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Desde UUAA propoñen outro tipo de medidas, como por exemplo cubrir as fosas que non están cubertas, aplicar nas fosas produtos que reducen as emisións de amoníaco, fixar un calendario de aplicación do xurro en función das temperaturas ambientais e autorizar a alternativa do prato invertido como sistema para botar o xurro nas terras e pradeiras. “Hai que poñerlle cabeza e plantexar solucións viables e realistas”, resume.

Oposición unánime ás plantas de tratamento

Os produtores de vacún opóñense á intención da Xunta de crear unha rede de plantas de tratamento de xurros en Galicia, onde o abono sería empregado como materia prima para xerar biogás e electricidade. “Parécenos un despropósito as plantas de tratamento de xurros. Ata agora a experiencia destas plantas é que funcionan só se hai unha inxección de fondos públicos moi elevados para cubrir os gastos de funcionamento, pero cando desaparecen eses fortes incentivos ao quilowattio pechan. Pasou en Cataluña. E aquí parece que imos no camiño de repetir ese mesmo erro”, di Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG. “Esa é a consecuencia de apostar por un modelo equivocado. Se nós tiveramos un modelo onde se priorizase o extensivo e dotar de base territorial ás granxas, xa habería unha diminución das emisións”, engade.
Galicia produce anualmente uns 8,5 millóns de metros cúbicos de purín (57% procedente de gando vacún, 35% de porcino e 9% de avicultura)
“A materia orgánica é un fertilizante esencial que teñen as granxas cando se ten un número de animais adecuado á superficie. Outra cousa son as granxas que non teñen terra, que é onde está o problema. Nese caso deixa de ser un recurso importantísimo nun equilibrio co chan para converterse nun residuo do que hai que facer unha xestión adecuada. O problema do Real Decreto é que non distingue entre eses dous modelos”, asegura Isabel. O presidente de Agromuralla tamén defende que “o xurro hai que xestionalo ben, pero non sobra”. “Non hai exceso de nitróxeno en Galicia, só hai que ver a cantidade de fertilizantes químicos que se mercan cada ano”, razoa José Luis, que propón, no canto de plantas de tratamento, melloras nas instalacións de almacenaxe, como ampliar e cubrir as fosas das explotacións, e acordos entre granxas de polos e porcos que non dispoñen de superficie e ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, que teñan capacidade para asumir ese xurro nas súas terras.
Se sobra o purín, tamén sobran os lodos de depuradora; son debates que hai que abrir (José Luis Pérez)
"Os gandeiros non nos negamos a coidar o medio ambiente; ao contrario, xa o facemos, porque somos os verdadeiros xestores do territorio. Pero hai unha dobre vara de medir, porque ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros. Nós non temos onde botar o noso purín pero queren que botemos os lodos das depuradoras das cidades”, quéixase o presidente de Agromuralla. Un problema xerado pola propia Administración “O problema vén dado pola mala xestión da Administración á hora de organizar as granxas. As explotacións intensivas sen terra de polos e porcos de zonas como a Limia ou Rodeiro son un pouco o problema. Non lles estou botando a culpa a eles, pero por uns imos pagar todos. Déronse licenzas e autorizacións onde non se deberían ter dado. O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros”, quéixase José Luis.
Non está aínda definido canto abono se vai poder botar por hectárea
UUAA  considera unha clara discriminación o feito de que ao vacún de leite, responsable segundo os datos oficiais do 8% das emisións de amoníaco, se lle obrigue a unha redución do 40% das súas emisións; mentres as granxas de porcino, que supoñen o 20% das emisións totais de amoníaco, unicamente teñen que reducir un 8%. “En Galicia non temos un problema xeral de contaminación e onde o hai non se debe ao vacún, senón á contaminación por acumulación de outras especies. Así que con isto non se vai solucionar o problema nesas zonas porque non está causado polas vacas”, afirma Óscar Pose. 
Os despachos están cada vez máis distantes do agro (Isabel Vilalba, SLG)
“Están poñendo unhas condicións que non son cumpribles. É unha evidencia máis dunha Administración máis burocratizada e máis distanciada da realidade das propias granxas. Os despachos están cada vez máis distantes do agro”, asegura Isabel Vilalba. Investimentos en maquinaria A entrada en vigor da prohibición das cisternas de prato e abanico vai obrigar a moitas explotacións a adaptar a súa maquinaria ou a externalizar os traballos. Pero o problema é que a capacidade coa que contan as empresas de servizos e as cooperativas para acoller esa sobrecarga de traballo cos parques de maquinaria actuais é insuficiente, sobre todo tendo en conta que as épocas de botar o purín coinciden con momentos de colleita e sementeira, onde as empresas de servizo e as cooperativas teñen picos de traballo importantes.
As cooperativas non teñen aínda unha previsión de cal vai ser a demanda real dos socios
“Desde as cooperativas fíxose un esforzo para poder ofrecerlles aos socios ese servizo, pero non se sabe aínda cal vai ser a demanda real. En todo caso, os medios que neste momento hai para abordar a normativa en toda a súa dimensión desde o día 1 de xaneiro son claramente insuficientes”, recoñece Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), que avoga por unha “aplicación paulatina da norma”. “Entendemos que ten que haber certa flexibilidade e producirse unha longa implantación da normativa; non pode ser dun día para outro”, reclama, posto que “o sector non está aínda suficientemente preparado”, di. “Non se explicou en detalle a norma a todos os gandeiros e os propios encargados de cumprila non saben como lles afecta e ata onde lles afecta”, asegura.
Non hai suficientes aparatos no mercado e a prezo razoable para que se poida facer unha implantación inmediata
“Hai que ir poñéndolle sentido a todo isto e vai levar o seu tempo. Non hai suficientes aparatos no mercado neste momento a prezo razoable para que se poida facer unha implantación inmediata. Pero ademais engádense outros problemas que complican a situación, xa que moitas veces non hai tractores con suficiente potencia, esa maquinaria non entra nas fincas porque son moi pequenas, temos camiños estreitos e complicacións nos accesos aos pozos de purín en explotacións antigas. Isto é como esixir a dixitalización sen ter nin sequera cobertura de telefonía e moito menos banda ancha”, compara Higinio. Sentenza definitiva para as pequenas granxas As granxas máis grandes levan anos adaptándose ás novas obrigas en materia de xestión de xurros, metendo nos plans de mellora o aumento da capacidade de almacenamento e a cubrición das fosas, algo xa esixido no caso de levar a cabo ampliación do número de cabezas, e moitas contan con cisternas de maior tamaño para botar o xurro, que sería viable adaptar para colocarlles un sistema de tubos colgantes.  
Son investimentos inasumibles que non se adaptan á pequena propiedade que hai en Galicia
Por iso, o problema plantéxase sobre todo nas pequenas granxas, con tractores de menor potencia e cisternas máis pequenas e antigas, inservibles para os aplicadores. “Estamos en contra de que se esixan esas grandes máquinas, porque se reduces as emisións por meter o xurro no chan pero produces máis emisións por queimar máis gasóleo non fixeches nada”, razoa a secretaria xeral do SLG, que avoga por analizar a medida cunha mirada máis integral. Desde esa óptica, di, “a implantación de grandes máquinas para a aplicación do xurro mediante grandes cisternas arrastradas non é unha solución, porque non se adaptan á estrutura da propiedade que temos en Galicia e porque supoñen maior risco de compactación da terra e maior uso de combustibles fósiles, polo que se amplían as emisións totais no canto de reducilas”, conclúe.  

Triplícanse as vendas de cisternas e inxectores

José Ángel Millares, xerente da empresa de maquinaria lucense Millares Torrón SL, recoñece que se está a dar un incremento notable na compra de cisternas e aplicadores para cumprir coa nova normativa. “Estase notando incremento de demanda e de vendas. Do 2022 ao 2023 o incremento de vendas de inxectores foi un 300% no noso caso. E este ano que entra supoño que seguirá aumentando aínda máis”, prevé.   “A xente está moi expectante a ver se é verdade que se pon como obrigatorio. Porque lévase moito tempo falando do mesmo e os gandeiros non o cren ata que o vexan diante”, asegura. As explotacións non coñecen tampouco as pendentes medias das súas fincas, polo que non teñen claro o alcance real da norma en determinadas comarcas, di.
O incremento da demanda notouse sobre todo cara a final de ano, logo da convocatoria das axudas da Xunta para maquinaria 4.0
O incremento da demanda notouse sobre todo cara a final de ano, logo da convocatoria das axudas da Xunta para novas tecnoloxías, agricultura de precisión e dixitalización de granxas, as coñecidas como subvencións Next Generation para maquinaria 4.0, que esixen a compra de cisternas con inxectores dotadas do sistema NIRS para analítica de nutrientes e composición do xurro.  “A xente aproveitou para meter a cisterna co inxector porque as contías da subvención están por enriba do 40%, dependendo da puntuación do solicitante. Houbo tamén algunha solicitude a través do Plan Renove do Ministerio e incluso a través das axudas de novas incorporacións ou plans de mellora, pero foron as menos”, detalla José Ángel.
Sería algo lóxico que de cara a 2024 houbese unha liña de axudas específica para cumprir co Real Decreto como a que houbo fai 12 anos
Pero máis aló das liñas existentes este ano, o xerente da empresa lucense considera necesario que de cara a 2024 se habiliten axudas específicas para cumprir co Real Decreto. “Fai 12 anos houbo unha subvención específica de medio ambiente para cisternas na que daban o 75%. A xente aproveitou para cambiar a cisterna e vendéronse inxectores cando non se sabía o que eran. Despois, como non se esixía, o inxector ás veces acababa aparcado na palleira, pero agora é diferente. Sería algo lóxico que agora volvese haber estas axudas”, argumenta. Cisternas a partir de 80.000 euros Unha cisterna nova pode adquirirse a partir de 80.000 euros, dependendo da súa capacidade e equipación. A situación dos subministros tamén se foi normalizando, cun prazo medio de entrega que se sitúa hoxe nos 4-5 meses, cando esa espera chegou a ser de case un ano.
Hai un prazo medio de entrega nestes momentos de 4-5 meses, cando antes chegou a case un ano
Unha cisterna de 16.000 litros con inxector de 10 metros e medio de longo pode adquirirse por menos de 100.000 euros pero o responsable de Millares Torrón admite que está aumentando a demanda de cubas máis grandes. “Estamos notando moito o incremento de capacidades, estanse pedindo cisternas de 20.000 litros e algunhas con 3 eixes incluso”, explica.
Estamos notando moito incremento na demanda de cisternas de gran capacidade
O prezo para este tipo de máquinas, con inxectores de 15 metros de lonxitude, sitúase entre os 170.000 e os 230.000 euros. A maiores, aclara, “estamos falando de que precisariamos un tractor de entre 250 e 280 cabalos para mover esa cisterna”. En canto á instalación de tubos colgantes nas cisternas xa existentes, a adaptación dunha cuba vella pode situarse entre os 1.200 e os 2.000€ dependendo “do tipo de cisterna, os enganches dos que dispoña detrás e de se leva brazos para a elevación do inxector ou pola contra vai fixo”, indica.
En cisternas de menos de 10.000 litros non é rendible instalar inxectores
José Ángel aclara sen embargo que en boa parte das cisternas que hai en Galicia, sobre todo das que dispoñen as granxas máis pequenas, non é viable a instalación dos inxectores. “En moitas cisternas de 6.000 ou 8.000 litros non é rendible porque se produce unha descompensación de peso atrás”, explica.  

“Hai un problema serio en España coa contaminación por nitratos e debemos actuar”

A nova normativa establece condicións para a almacenaxe e a aplicación de estercos O nitróxeno é un dos nutrientes esenciais na agricultura. A súa presenza é fundamental para o crecemento e desenvolvemento das plantas e para lograr un rendemento óptimo dos cultivos. Pero o seu uso en exceso ten consecuencias negativas para o medio ambiente e para o peto dos produtores. Lograr un uso eficiente dos fertilizantes nitróxenados é o obxectivo da Rede Ruena, que conecta a empresas, Universidades e centros de investigación. Na súa última xornada online, distintos responsables dos ministerios de Agricultura e Transición Ecolóxica debullaron algúns dos aspectos relevantes das novas normativas que afectan á produción agrícola en España. Nunha parte desa nova lexislación, o Goberno español vai máis aló do que esixe Bruxelas, algo que Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias do MAPA, xustifica: “Somos un país netamente exportador e cun destino principal desas exportacións na propia UE. Iso fai que desde o Ministerio pensemos que debemos ir por diante na procura de solucións”, argumenta. O Ministerio de Agricultura tamén supera o solicitado pola Comisión Europea aos distintos Estados membros na vinculación da nova normativa aprobada como condición para o cobro de axudas da PAC no actual período. O pau e a cenoria Ignacio explica que o Goberno optou por acompañar os 32.549 millóns de euros dos fondos da Política Agrícola Común para o período 2023-2027 cun “paquete lexislativo” que inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de tres insumos básicos na produción agrogandeira (fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos) co obxectivo de “lograr unha evolución profunda do sistema produtivo”.
O paquete lexislativo de acompañamento da PAC inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos
“O enfoque estratéxico que se persegue é o de combinar medidas regulatorias (sancionadoras) con medidas incentivadoras para axudar a que a agricultura española acade os obxectivos de desenvolvemento sostible”, indica. Datos individualizados de cada explotación O Caderno Dixital de Explotación (CUE), que entrará en vigor en setembro de 2024 para as explotacións de máis de 30 hectáreas de cultivo e un ano máis tarde para as demais, pretende “dispoñer de datos individuais” en relación ao uso destes insumos con respecto a niveis de referencia doutras granxas, da comunidade autónoma ou da media española.
O Caderno Dixital vai permitir dispoñer de datos comparativos de cada granxa
“No momento no que exista un mandato de redución obrigatoria por parte dun Regulamento comunitario, o feito de dispoñer de datos individualizados por explotacións permitiranos saber que explotacións terán a obriga de reducir, fronte a outras que xa fixeron este esforzo con anterioridade”, avanza Ignacio. “Tivemos propostas de facer un enfoque incentivador por parte dos ecorrexímenes primando a aquelas explotacións que fixesen un menor uso de fertilizantes ou fitosanitarios; o problema é que sen datos históricos iso non se pode levar a cabo”, aclara. Pero en futuras reformas da PAC ese podería ser o camiño. “As perdas de nutrientes son perdas económicas para o agricultor” María Luisa Ballesteros, da Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola do MAPA é unha das responsables da redacción do Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrarios e defende a necesidade dunha norma que persegue axustar as doses de fertilizante ás necesidades reais dos cultivos. “Ao chan soamente lle hai que aportar aquilo que supón un beneficio para o binomio solo-cultivo, non é un basureiro ao que se lle poida botar calquera cousa. E todo o que non supoña un beneficio para o chan é nocivo para el”, asegura, porque “todo o que exceda as doses que necesita o cultivo vaise perder en forma de emisións á atmosfera e en forma de lixiviación e contaminación das augas”.
De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea
Ademais, evidencia, “as perdas de nutrientes son perdas económicas”. “A fertilización é un dos principais gastos para un agricultor, polo que se conseguimos axustar as doses sen que se resinta a produción suporá mellorar os beneficios para o agricultor”, argumenta. “De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea. Iso supón perder 35€ por hectárea nestes momentos, pero cos prezos dos fertilizantes do verán de 2022 eran máis de 100€”, calcula Marisa. Recomendacións de abonado Esta responsable do Ministerio recoñece que “a Administración necesita dispoñer de datos fiables das explotacións”, pero asegura que “a función principal do Caderno Dixital non é informar á Administración, senón ao propio agricultor, porque o que non se apunta non se controla”, insiste. Para suplir a contratación dun asesor externo por parte das explotacións para a realización dos Plans de Abonado é necesario dispoñer dun programa informático de recomendacións de abonado, que pode estar integrado ou non no Caderno Dixital e debe ser aceptado pola comunidade autónoma.
O programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará a funcionar co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo
O Ministerio empezará por controlar o uso do nitróxeno antes de pasar ao fósforo. “Os balances de fósforo non son tan sinxelos como os de nitróxeno. Por iso, o programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo, pero non temos datas para cando estará dispoñible”, avanza. Producir máis sen molestar ao medio ambiente A responsable ministerial pon o foco nos problemas de carácter ambiental dun exceso de fertilización e nas posibles sancións que iso pode supor. “A Comisión Europea puxo unha demanda contra España polo incumprimento da Directiva Marco da Auga. En materia de contaminación das augas os agricultores non seremos os únicos responsables, pero si que somos culpables en parte”, asegura. Do mesmo xeito, lembra, “estivemos a piques de ter un apercibimento como país por parte da Comisión Europea por superar os niveis e obxectivos fixados para as emisións de amoníaco”.
É necesario mellorar a imaxe que ten a agricultura e a fertilización para a sociedade
A agricultura e gandería en España son responsables do 96,4% das emisións de amoníaco á atmosfera e contribúe ao 11% dos Gases de Efecto Invernadoiro, segundo o Sistema Español de Inventarios do ano 2022. Pero reducir a produción de alimentos non é unha fórmula válida para diminuír as emisións nun contexto mundial de incremento de habitantes e desaparición de superficie cultivable. Segundo a FAO, a terra arable pasará de 0,28 ha/persoa en 1998 a 0,22 en 2030. “A poboación mundial aumenta, pero o chan diminúe, ben por degradación ou porque se usa para outras cousas, polo que temos que ser capaces de producir máis por hectárea, pero sen molestar ao medio ambiente”, defende Marisa.

As zonas vulnerables á contaminación por nitratos deberán estar declaradas en maio de 2025

Javier Álvarez Rodríguez, xefe de área na Subdirección Xeral de Planificación Hidrolóxica do Ministerio de Transición Ecolóxica, está encargado da xestión de Real Decreto Contaminación de Augas por Nitratos (Real Decreto 47/2022 do 18 de xaneiro). Trátase dun Real Decreto de transposición dunha Directiva comunitaria do ano 1991 cuxo obxectivo é a designación das augas, tanto superficiais como subterráneas, afectadas por contidos en nitratos non aceptables; delimitación de zonas vulnerables que se ven afectadas por escorrentía; establecemento de programas de actuación, elementos de corrección e medidas reforzadas; así como elaboración de informes cuatrienais de estado das distintas concas. O obxectivo xeral desta nova normativa é establecer as medidas necesarias para reducir a contaminación das augas superficiais, de transición, costeiras e subterráneas, causada polos nitratos procedentes de fontes agrarias e actuar preventivamente contra novas contaminacións.
A designación de zonas vulnerables foi unha das deficiencias do cumprimento da normativa que indicou a Comisión Europea
“Hai un problema serio en España coa contaminación por nitratos”, recoñece o responsable do Ministerio, o que obriga a actuar de maneira decidida para reducir eses niveis. A UE presiona nese sentido, asegura.  Entre as medidas a adoptar estaría a limitación das doses de abonado e dos períodos de aplicación permitidos, que xa se estableceron en comunidades como Cataluña. En Galicia, sen embargo, non se puxo en marcha aínda ningunha destas medidas, ao non ter sido designada até o de agora ningunha área agrícola como vulnerable, se ben a Limia está pendente dese trámite, que se terá que executar nos próximos meses. Retraso na declaración de zonas vulnerables Nos últimos anos déronse pequenos pasos, aínda que os retrasos acumulados xa derivaron na presentación, por parte da Comisión Europea, dunha demanda contra España por deficiencias na aplicación da normativa comunitaria en materia de control de augas contaminadas por nitratos. O último informe cuatrienal (2016-2019) fíxose público en decembro de 2021 cos resultados da rede de puntos de control e en maio de 2022 publicouse o mapa de identificación das augas que non cumpren cos niveis aceptables de nitratos. En 2024 haberá un novo informe cuatrienal dentro do procedemento periódico de avaliación e seguimento da eficacia das medidas adoptadas. Este traballo de revisión incluirá datos das mostraxes, modificación ou ampliación das zonas vulnerables así como novas designacións respecto ao informe de situación, mapas de augas afectadas por nitratos e eutrofización, plans de actuación para estas zonas, con medidas obrigatorias e preventivas e códigos de boas prácticas para as explotacións.
En 2024 farase público un novo informe cuatrienal cos resultados actualizados da rede de puntos de control
“Agora mesmo atopámonos no Estudo de Presións e Impactos (EPI), que daría paso á Declaración de Zonas Vulnerables, que deberían estar definidas e publicadas en maio de 2025”, avanza Javier. Algunhas comunidades autónomas, como a valenciana, ampliaron as súas zonas vulnerables como consecuencia da demanda en curso da UE. Recuperación de áreas contaminadas Unha vez que unha zona deixa de ser vulnerable, porque volve a niveis aceptables, será sometida a un control e seguimento especial e aplicaránselle niveis máis estritos. “Declaramos zona vulnerable con carácter xeral por enriba de 25 mg/l en augas superficiais e 37,5 mg/l en augas subterráneas, pero para saír da Rede Operativa e volver á Rede de Vixiancia esas zonas deberán estar por baixo de 17,5 mg/l en augas superficiais e de 25 mg/l en augas subterráneas”, explica Javier.
Considérase eutrofización en augas continentais cando hai niveis de fósforo total superiores a 35 mg/m3 e clorofila A superior a 8 mg/m3
O Ministerio está a traballar neste momento nun estudo de presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas sobre os impactos rexistrados nas augas dirixido a determinar a contribución de cada sector de actividade á contaminación das augas nas zonas sensibles e vulnerables. Este Estudo de Presións e Impactos será realizado cuatrienalmente pola Dirección Xeral da Auga do Ministerio de Transición Ecolóxica en coordinación coas comunidades autónomas. “Temos un complexo administrativo importante para a aplicación do Real Decreto, no que entran as comunidades autónomas, e non coñecemos realmente onde nos imos atopar as dificultades de aplicación. É un Real Decreto especialmente complexo, tanto polo contido como polo contexto no que se move”, admite Javier.

Xornada o vindeiro martes no CIAM sobre como mellorar a sustentabilidade medioambiental das gandarías de vacún de leite

O vindeiro martes, 19 de setembro, celebrarase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre como mellorar a sustentabilidade económica e ambiental das gandarías de vacún de leite. A xornada enmárcase dentro do proxecto Climate Neutral Farms, da Axenda H2020, un proxecto europeo no que participan gandarías e industrias lácteas da Unión Europea e que en España ten como socio á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). O obxectivo deClimate Neutral Farms é buscar solucións a nivel local para lograr que as granxas de vacún de leite sexan climáticamente neutras; é dicir, cun balance 0 de emisións de gases de efecto invernadoiro, á vez que se busca mellorar o seu resiliencia ou capacidade de adaptación ao cambio climático. A asistencia á xornada é gratuíta previa inscrición enviando un correo a ciam.cmr@xunta.gal Este é o programa: 10:30 "Perspectivas da produción de leite en Nova Zelandia baixo as novas restricións ambientais". Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria en a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC). 11:45 "Aplicación e resultados do progama Bas Carbone en Francia". Solenn Challali, técnica do Institut de l´*Élévage (IDELE) de Francia. 13:00 "Proxecto Climate Neutral Farms". César Resch/Adrián Botana, investigadores do CIAM: · Resultados e accións levadas a cabo en ClieNFarms no ano 2022 · Ensaio con aceites esenciais para a redución da emisión de gases entéricos en vacún de leite · A produción de leite e as emisións de gases efecto invernadoiro

As ganderías deberán calcular e comunicar as súas emisións a partir do ano que vén

As explotacións gandeiras estarán obrigadas a calcular o consumo de recursos e as emisións contaminantes de gases de efecto invernadoiro xeradas no seu proceso de produción e comprometerse a establecer as medidas necesarias para reducir esta pegada ambiental. O Consello de Ministros aprobou na súa reunión deste martes un Real Decreto que regula o Rexistro Xeral das Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) en explotacións gandeiras, así como o soporte para o cálculo, seguimento e notificación das emisións en gandería. A norma, que entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2023, establece a estrutura deste rexistro e o contido mínimo da información que os gandeiros deben comunicar ás administracións públicas sobre a estimación das súas emisións mediante o envorcado de datos nun sistema informatizado desenvolvido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en coordinación co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico,
O Goberno xustifica que a nova norma “forma parte dos compromisos de España coa sustentabilidade das producións gandeiras”
A adopción deste Real Decreto forma parte das reformas contempladas no Compoñente 3 (Transformación ambiental e dixital do sistema agroalimentario e pesqueiro) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que xestiona o Ministerio de Agricultura logo do establecemento de fondos post-covid por parte da UE.  Entre os datos a achegar ao novo rexistro de emisións, as explotacións deberán indicar a aplicación das mellores técnicas dispoñibles para a súa redución, en consonancia coas obrigas establecidas nos reais decretos de ordenación gandeira. A nova norma realiza tamén unha adaptación nos reais decretos de ordenación porcina e aviaria, xa aprobados, para incluír unha referencia a este novo real decreto. Sistema ECOGAN, de adhesión voluntaria por parte das autonomías Para facilitar esta tarefa, o Ministerio de Agricultura pon ao dispor dos gandeiros a ferramenta ECOGAN, un sistema informatizado de intercambio de información, cuxa adhesión por parte das comunidades autónomas é voluntaria. No caso de Galicia, a Xunta xa se adheriu e a Consellería do Medio Rural será a responsable da toma de datos.
A ferramenta está dispoñible de momento unicamente para granxas de porcino
ECOGAN permitirá coñecer o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles nas granxas españolas, e posibilitará que o efecto da redución de emisións, derivado da aplicación destas técnicas, se reflicta nos informes que anualmente publica o Sistema Español de Inventario (SEI), con validez comunitaria e internacional. Pendente a aprobación da ordenación de granxas leiteiras Este sistema informatizado permite estimar as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro e o consumo de recursos dunha granxa concreta ao longo do proceso produtivo. Actualmente esta ferramenta está dispoñible unicamente para a especie porcina, onde tamén hai establecidas recomendacións a seguir por parte das granxas para a redución de emisións, e o Ministerio avanza que “o resto de especies gandeiras iranse incorporando a medida que se implemente a correspondente normativa de ordenación”. No caso do sector vacún de leite, o Real Decreto atópase en tramitación nestes momentos.
No caso das granxas de porcos, a declaración de emisións será anual e estará realizada antes do 1 de marzo
A notificación de MTDs ao Rexistro Xeral levarase a cabo segundo a periodicidade establecida na normativa de ordenación de cada sector gandeiro. No caso do sector porcino, o artigo 16.2 do Real Decreto 306/2020 establece que o titular da explotación deberá realizar unha declaración con carácter anual, antes do 1 de marzo de cada ano, das Mellores Técnicas Dispoñibles aplicadas na súa explotación durante o ano anterior.

Medir e reducir as emisións, os novos horizontes da gandería de vacún de leite

Na Unión Europea estanse desenvolvendo unha serie de estratexias para dar de comer ao mundo dun xeito máis sostible, unha cuestión que involucra á agricultura e á gandería, obrigándoas a redeseñar os seus sistemas produtivos. No camiño á adopción desta nova perspectiva, como se pode lograr a sustentabilidade no negocio lácteo? Responsabilidade social, viabilidade económica e xestión medioambiental son os tres puntos entre os que se artella a resposta.

Claves para a mitigación das emisións de carbono na gandería

A tecnoloxía aparece, de novo, coma un ingrediente fundamental “pero no futuro non é suficiente con aplicala, senón que é necesario formar alianzas tecnolóxicas para conformar liñas estratéxicas entre empresas e produtores”, sinala Xoán Rodríguez, director técnico de vacún de leite en Alltech Spain, que o pasado mércores organizou a xornada online ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’. “A gandería actual ten que afrontar unha serie de ameazas e dificultades, pero nese contexto, as persoas que a xestionan teñen que ter unha intelixencia, é dicir, ser flexibles e coller isto coma unha oportunidade; se nos esixen e nos apertan por outro lado, cómpre interpretalo coma unha oportunidade”, explica Rodríguez. Ao respecto, as emisións dunha granxa son o eixo fundamental sobre o que a normativa pretende actuar. É aquí onde cobran utilidade a tecnoloxía e as ferramentas que ofrece para “medir, predicir e reducir os índices técnicos dunha granxa en materia de cultivo, gando, dieta, dexeccións e produción”, sinala. “As medicións non se fan con ningún tipo de aparello, senón que se fan por estimacións indirectas con ferramentas competentes que teñan en conta o análise de ciclo de vida, é dicir, contemplando, non soamente o que ocorre na granxa, senón todo aquilo que a rodea”, apunta. Emisións da granxa leiteira. Fonte: Alltech

Por que é importante medir?

“Hoxe en día existen dous tipos de presións sobre as emisións dunha granxa: pola vía das axudas e do propio mercado. Na primeira, cómpre ter en conta que co apoio dos Estados Membros, as subvencións da nova PAC irán vencelladas cos índices dunha granxa. Na segunda, o mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; de feito, no caso de Reino Unido, cadeas como Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano”, destaca Xoán Rodríguez. En calquera caso “é fundamental ter unha calidade de medición, pero hai que traballar en estandarizar os criterios, posto que, hoxe en día, a pesar de que existen ferramentas cun maior e un menor nivel de agregación, o fundamental é ter un criterio adecuado á hora de facer as estimacións indirectas das emisións, e ter claro que é o que hai que ter en conta”, sinala Rodríguez.
“O mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano” (Xoán Rodríguez)

Como se poden baixar as emisións nunha granxa?

Nesta tarefa cómpre ter un punto de vista “poliédrico”, segundo define Xoán Rodríguez, onde a nutrición ocupa un lugar central debido á carga de emisións, tanto entéricas como aquelas que proveñen da aplicación de fertilizantes sobre cultivos para gando. No seu entorno, sitúanse outros aspectos importantes como a saúde, o benestar animal, a adaptación da estratexia reprodutiva, as dexeccións, a redución de estrés ou a produción forraxeira. Redución das emisións en forma poliédrica. Fonte: Alltech En canto á produción forraxeira, é necesaria a aplicación de boas prácticas agrarias. Por iso, a valorización das dexeccións como fertilizante, ou a caracterización do ensilado e o seu manexo no día a día pode mellorar a dixeribilidade e, así mesmo, minimizar as mermas, permitindo unha alimentación de precisión. Por outra banda, en canto á saúde, “hai que utilizar programas efectivos de vacinación, de control da mastite ou de podoloxía. Nesta liña, para contribuír á redución das emisións é fundamental coidar do benestar do animal, e procurar reducir o estrés por calor", suliña Rodríguez. “Un punto importante e polémico actualmente é a adaptación da estratexia reprodutiva; os animais evolucionaron e non podemos manexar a reprodución das vacas no s. XXI cos mesmos criterios do s.XX; por isto, ten que haber unha xestión individualizada dos animais de acordo co número de lactacións, coa produtividade, coa persistencia da lactación ou coa súa saúde e condición corporal. En paralelo, é fundamental ter un programa óptimo de cría e recría”, detalla o director de vacún de leite de Alltech Spain.

Iniciativas de empresas para reducir as emisións

Durante a xornada ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’, representantes de diferentes empresas e cooperativas  transmitiron a importancia que se lle está dando na agroindustria ao balance das emisións. “Aplicamos unha estratexia integral coa finalidade de reducir as emisións, tomando medidas en materia de produción forraxeira, nas ganderías, e no ámbito industrial”, sinala o director de compras e desenvolvemento de negocio de Covap, Emilio de León. “Na produción forraxeira substituímos unha parte do ensilado de millo e desenvolvemos un cultivo que se adapte ás necesidades do terreo, no noso caso, ao Val dos Pedroches, un territorio seco. En canto ás granxas, comezamos a facer medicións dos factores de emisión e establecemos ferramentas de mellora. Por último, no eido industrial, estamos buscando o residuo que xeramos para valorizar o máximo posible; nestes momentos estamos no 85%, e en leite no 95%. Ademais, planeamos varios proxectos de enerxías renovables e de tratamento das dexeccións”, detalla De León. Igualmente, o resto de empresas seguen traballando baixo o mesmo obxectivo de reducir as emisións, aínda que non sen dificultades. “Estamos intentando reducir algo difícil de medir, hai que partir da base de que o correcto é dicir que podemos estimar as emisións, e a primeira dificultade ao respecto é que existen moitas ferramentas para facelo e non todas coinciden, polo que cómpre tratar de armonizarnos neste sentido. Outro dos inconvenientes cos que nos atopamos é que isto é algo novo, e os gandeiros están pasando a ser xestores medioambientais”, concreta o responsable de aprovisionamento lácteo de Nestlé España, Javier Gómez. Do mesmo modo, seguen traballando no posta en marcha de iniciativas para avanzar cara os novos requirimentos medioambientais. “Nas 230 granxas coas que colaboramos na cornixa cantábrica pautamos unha serie de medidas en torno á redución de metano entérico mediante plantas de biogás e a incorporación de certos aditivos; tamén introducimos produción de legumes, fóra do millo, e procedemos a realizar unha fertilización de precisión”, detalla Gómez. Pola súa banda, o coordinador do grupo de innovación de campo do Grupo AN, fixo especial alusión ás complicacións que este compromiso ambiental ten que sortear. “Nesta conversión temos que darlles aos gandeiros unha boa formación e sobre todo manter un discurso armonizado, trasladando efectivamente que é o que se lles quere pedir e de que maneira o poden dar”.

Novas prioridades na UE

A agricultura de carbono é un concepto co que a Unión Europea se está familiarizando cada vez máis, e tradúcese como a captura de dióxido de carbono dos solos agrícolas, pero inclúe moitos aspectos, desde a xestión dos almacéns de carbono ata os fluxos de gases e gases de efecto invernadoiro nas explotacións agrícolas. “Segundo o comunicado da Comisión Europea de Agricultura e Gandería do pasado decembro de 2021, o obxectivo que se pretende é conseguir un modelo de negocio ambiental que recompense aos xestores da terra pola mellora das prácticas, resultando no secuestro de carbono nos ecosistemas e a redución da liberación de carbono á atmosfera”, amplía a subdirectora de cultivos herbáceos do Ministerio de Agricultura Paz Fentes. Deste xeito, a nova Política Agraria Común aplícase en base á consecución deses obxectivos, pero, como se encaixa a agricultura de carbono na nova PAC? A mitigación do cambio climático aparece como o obxectivo específico número 4, polo cal, “un mínimo do 25% dos pagos directos deben dedicarse aos ecoesquemas; un mínimo do 35% do Feader debe ter unha finalidade medioambiental e climática; establece indicadores de impacto e de resultado,e de seguimento da aplicación da PAC, relacionados con carbono e solos”. “Todos os pagos directos están fundamentados no cumprimento dunha liña de base, a condicionalidade -que se reforza-, e que inclúe unha serie de condicións agrarias e medioambientais dentro das cales hai moitas que teñen que ver coa agricultura de carbono, por exemplo, a Becam 1, sobre mantemento de pastos e destinada a evitar a reconversión do terreo a outros usos”, recalca Fentes. Unha cuestión interesante coa que se pretende contribuír a manter unha estratexia de redución é “a posta en marcha dun marco de medición mediante unha aplicación, na cal, o gandeiro introducindo unha serie de datos poida estimar as emisións da gandería; estamos traballando para desenvolver algo así e facilitar a adopción de medidas nas granxas”, detalla Leonor Algarra, subdirectora de medios de produción gandeiros no Ministerio de Agricultura.

“As granxas galegas teñen un nivel de emisións medio e poden mellorar reducindo o emprego de concentrado e aumentando o de herba”

Este 1 de xaneiro comezou oficialmente o proxecto europeo “Climate Neutral Farms: Building a low-carbon, climate resilient future: Research and innovation in support of the European Green Deal (H2020-LC-GD-2020)” aprobado pola Comisión Europea e que terá unha duración de 4 anos. O proxecto conta con 33 institucións participantes realizando a coordinación o INRA francés. A nivel español, o proxecto coordínase dende Galicia, en concreto desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), dependente da Consellaría do Medio Rural. Como resultados tanxibles do proxecto búscase lograr un método automático, sinxelo e fiable de medida e certificación de créditos-carbono nas explotacións de leite, xa que os actuais obedecen aos intereses dos sistemas de produción de cada zona (granxas en intensivo ou en extensivo). O obxectivo final do proxecto está orientado a conseguir a neutralidade climática das explotacións leiteiras europeas, en liña coa folla de ruta da UE no horizonte 2050. Falamos co investigador Dr. César Resch, a persoa responsable do proxecto desde o CIAM-AGACAL. ¿Cales son os obxectivos do proxecto “Granxas climáticamente neutras: Construír un futuro baixo en emisións de carbono e climáticamente resiliente: Invetigación e innovación en apoio do Pacto Europeo Verde (H2020-LC-GD-2020)“? O proxecto pretende analizar e minorar as emisións de gases efecto invernadoiro da agricultura e gandería. Acordar unidades e métodos de medida, a redución dos impactos e a súa cuantificación poderían ser, moi resumidamente, o primeiro gran obxectivo deste proxecto. Un segundo obxectivo será crear un sistema de marcadores para cuantificar as emisións e poñer as bases dun sistema de crédito carbono nos sectores antes mencionados. ¿Que importancia ten a participación de Galicia e da AGACAL no mesmo? A participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) neste proxecto é de suma importancia, pois permítenos estar nun grupo que vai ter moita influencia á hora da toma de decisións nos ámbitos anteriormente referidos. Os membros do consorcio poden ser agrupados en tres categorías, no ámbito científico a coordinadora é o INRAE, o centro de investigación agrogandeira de carácter público referente en Francia, estando entre outras tamén a Universidade de Wageningen, de Holanda, e o centro de investigación Teagasc irlandés. Asemade, existen outras dez institucións de investigación, como o Labotorio Interprofesional Galego da Análise do Leite (LIGAL), ou universidades. Hai unha participación de entidades industriais de relevancia no sector lácteo, como son Nestlé, Danone e Friesland Campina. Por último hai unha serie de entidades no consorcio que sendo máis transversais confírenlle a este unha alta relevancia. Neste sentido, destaca a neerlandesa Climate-KIC Holding BV (CKIC) que é unha entidade financiada polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía e que ten por cometido ser axencia de innovación que lidere a construcción dunha Europa sostenible en crecemento e competitiva. Neste apartado tamén se podería incluir a participación da empresa Electricidade de Francia ou o Comisariado francés da enerxía atómica e enerxías alternativas. Somos en total un consorcio composto por 32 entidades de 17 Estados diferentes dos que 5 son de fóra da UE. Somos a única entidade española que é membro do consorcio e o noso cometido será a coordinación das entidades que participen no ámbito lácteo español. ¿Como se realizará a selección das granxas participantes? AGACAL como coordinador ten a función de escoller 110 granxas comerciais en toda España nas que se farán propostas e medicións de impacto durante dous anos, os datos destas granxas fornecerán a base de datos do proxecto. Outra aportación serán os ensaios que farán na granxa experimental do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. O criterio de elección das granxas atenderá a unha distribución xeográfica coa lóxica da produción presente, atenderemos tamén a variabilidade dos sistemas de produción e a diversidade de tamaños. Todo este proceso de elección e seguimento farase en coordinación coas entidades colaboradoras que participan no proxecto. Levamos traballando con estas entidades dende o mes de Xullo pasado e podemos dicir que todas elas acolleron o proxecto con entusiasmo e a meirande parte xa contemplan nos seus plans de actuacións internos accións na dirección marcada polo proxecto. As entidades colaboradoras no ámbito industrial lácteo en España son Leche Pascual, Nestlé, Danone, Entrepinares, Leche Río, Naturleite e Central Lechera Asturiana. En suministros contamos con Alltech España, e tamén participa a empresa de asesoramento Agronovo de Lugo e, por último, a entidade financeira Caixa Rural Galega.
 “O sistema de produción de leite é complexo para calcular a súa pegada de CO2 porque hai emisions pero tamén fixación de carbono”
¿Que carencias detectades nos distintos sistemas de cálculo das emisións de gases contaminantes no sector gandeiro,e no vacún de leite en concreto? Máis que carencias eu falaría de incertezas, a xente quere rapidez e exactitude e a ciencia require tempo, hai moitas incertezas aínda por resolver. O sistema de produción de leite é complexo por definición, hai entradas e saídas e como en todos os sistemas agrícolas hai factores que suman e outros que restan. Isto non ocorre nos cálculos de emisión de por exemplo, unha central térmica onde non hai ningún tipo de fixación de CO2. Os modelos que circulan arestora para o cálculo da pegada de CO2 en gran medida obedecen aos intereses dos sistemas de produción maioritarios na área de procedencia. Pero hai avances e o proxecto vai na liña de consolidalos e procurar marcadores fáciles para poder achar pegadas de carbono nas granxas de leite de xeito sinxelo, obxectivo e rápido. Neste sentido, un dos obxectivos do proxecto é a construción dun método automático de medida e certificación de créditos-carbono nas explotacións de leite. Explícanos en que consistiría.... Como comprenderedes non podo por adiantar o que está por facer, pero si que podo dar a miña opinión sobre o que creo que pode ser. A idea é crear marcadores para que unha vez cheguemos a unha granxa, e en función do que indiquen estes, poder saber a intensidade de emisións das mesmas. Un exemplo moi fácil de entender é o censo e os partos de xovencas: canto máis número de animais e cantos máis partos de xovencas teña (taxa de reposición) máis emisións vou ter para unha produción de leite dada. Estes datos a día de hoxe están rexistrados e serían de moi doada consulta. Os tipos de cultivos, as cantidades de adubos, a capacidade e tipo de foxa de xurro, os quilos e composición de concentrados.....todos estes factores son doadamente medibles e teñen todos impacto directo na pegada de CO2. O sumatorio destes factores dará lugar a un índice que será o que me dirá se unha granxa está na media, por riba ou por baixo da emisión obxectivo. A partir de aí ven a decisión política de penalizar aqueles que o fan mal ou primar aos que o fan ben. ¿Os famosos peidos das vacas son un dos principais causantes do cambio climático? ¿Que hai de certo nisto? Só o 5% das emisións entéricas das vacas son pola parte traseira sendo o 95% vía boca en forma de arrotos. A simplificación das cousas lévanos a escenarios as veces un tanto esperpénticos. As vacas emiten metano porque teñen unha característica que é que son capaces de transformar as celulosas e hemicelulosas, non dixeribles polos humanos, en proteína e enerxía de alto valor alimenticio. A produción de alimentos é inherente á propia vida humana, algo que parece obvio pero coido que ás veces se esquece que comemos todos (os humanos) todos os días. Temos que producir alimentos, temos que mellorar os sistemas e que sexan máis eficiente e así producirán menos CO2, pero temos que producir alimentos para seguir vivindo. Non podemos borrar a agricultura e gandería da faz da terra. Somos o triplo de habitantes que hai 50 anos. Temos como sociedade ser menos hipócritas e cambiar hábitos de consumo, pero non só na comida, senón tamén no consumo de roupa, viaxes, electrónica e un longo etcétera que está na mente de todos.
“As granxas galegas teñen un nivel de emisións medio e pódese mellorar reducindo o emprego de concentrado, e facendo que as vacas coman máis herba e duren máis anos”
O obxectivo final do proxecto é conseguir a neutralidade climática das explotacións leiteiras europeas, en liña coa folla de ruta da UE no horizonte 2050. ¿Cales son os principais factores que inciden en que unha granxa tenda a ser climáticamente neutral? Isto non deixa de ser un suma resta, entón o que hai que facer é emitir menos e estocar máis. Menos emisión implica ser máis eficientes e almacenar máis e podemos dicir que vai acorde co tipo de uso do solo que facemos. É dicir, canta máis pradeira permanente teñamos máis CO2 almacenaremos. Moi simplificado é o que podo dicir. A grosso modo, como estimas que é a situación das granxa de vacún de leite galegas en canto a emisións de Gases de Efecto Invernadoiro? En xeral direi que nun grupo de análise a nivel europeo estamos nunha zona media, pero temos que reverter tendencias. Somos moi vulnerable aos factores de emisión que se lle poña aos concentrados, amañar isto é cuestión de ter menor dependencia de concentrado. Necesitamos máis terra, facer que as vacas consuman máis herba e ir a granxas nas que os índices de reposición sexan menores.

Amigos da Terra avoga por reducir a carne e consumila de gandería extensiva

A asociación ecoloxista Amigos da Terra fai público o Informe "A produción e consumo de carne a debate" no que visibiliza os principais impactos climáticos, medioambientais, sociais e de saúde do modelo intensivo de produción e consumo de carne en España. O colectivo destaca a necesidade de promover unha dieta climática que teña en conta estes impactos e os minimice, para alcanzar un modelo alimentario máis xusto, saudable e sostible. Amigos da Terra avoga por unha dieta climática para 2030, baseada tamén en recomendacións nutricionais, que implique a redución do consumo de carne nun 60% respecto ao consumo actual. Tamén incide en que esta carne debe proceder de ganderías extensivas, ecolóxicas e ligadas ao territorio. “É prioritario aumentar o consumo de legumes e cereais, fontes de proteína vexetal, que xunto coas verduras, hortalizas e froitas locais e de tempada deben ser a base da dieta habitual para cumprir con criterios de respecto ao medio ambiente e á saúde das persoas”, apuntan. Na publicación sinala que a produción e consumo de produtos de orixe animal supoñen o 45% da pegada climática do sistema agroalimentario en España. En concreto, 1,57 toneladas de CO2 equivalente por persoa ao ano. "É especialmente significativa a produción industrial de carne, principalmente de aves e porco, pola súa importante pegada de carbono asociada ao consumo de pensos, á vez que por ser un importante vector na degradación do medio ambiente en España", cuestionan os ecoloxistas. Tamén cómpre recordar que, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica, a gandería causa só o 7,8% dos gases de efecto invernadoiro de España, sendo a industria, o transporte e a enerxía os principais emisores de gases causantes do cambio climático, pois acumulan o 72% das emisións totais. No terreo alimentario, o estudo de Amigos da Terra defemde que é máis eficiente unha estratexia de redución do consumo de carne, combinada coa substitución da produción de carne industrial por outra de gandería extensiva. No caso concreto do porco, obsérvase que esta estratexia combinada suporía ata un 60% menos de emisións netas xeradas por persoa ao ano que unicamente reducindo o seu consumo. “Reivindicamos unha redución do consumo de carne e un cambio do modelo industrial de produción de carne por un de gandería extensiva, ecolóxica e ligada ao territorio. As políticas públicas deben ir encamiñadas a posibilitar esta transición agroecolóxica, polo clima, polo medio ambiente e pola saúde das persoas”, sostén Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria da asociación.

Consumo de carne

Na súa análise, Amigos da Terra expón que o consumo de carne actual en España, 52,3 quilos por habitante ao ano, é insostible para o medio ambiente e a saúde, así como para alimentar á poboación mundial. Así, e sempre tendo en conta as recomendacións nutricionais internacionais, avoga porque se consuman 21 quilos de carne ao ano. E apunta que o consumo de carne vermella non debe superar os 10 quilos por persoa ao ano, fronte aos 20,78 quilos actuais. Outro dos puntos a destacar do informe é o consumo de carne procesada, "o cal pode ser unha grave ameaza para a saúde e o clima", din. "En concreto, a carne procesada de vacún está baixo sospeita en España por ser potencialmente causante da deforestación na Amazonia. E é que debido ás laxas normas de control e ao risco de tratados comerciais como o da Unión Europea e Mercosur, pérdese facilmente a pista ás importacións brasileiras na cadea alimentaria", apuntan. Pola súa banda, a carne procesada de porco e aves tamén está baixo a lupa como causante de deforestación, segundo Amigos da Terra: o 95% da súa produción en España provén de explotacións industriais, enormemente dependentes de soia e maíz transxénicos, cuxa produción supón a perda de millóns de hectáreas de bosques, sabanas e pasteiros en Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai. O estudo recorda que, segundo Nacións Unidas, os custos sanitarios relacionados coa dieta en 2030 terán un impacto económico de 1,3 billóns de dólares ao ano a nivel mundial, asociados aos custos de atención sanitaria, baixas por enfermidade e custos de “coidados”. O cambio de patróns nutricionais cara a dietas flexivexetarianas e cunha maior presenza de proteína vexetal pode supoñer unha redución da mortalidade mundial en máis de 12 millóns de persoas ao ano.

¿Con qué tipo de alimentación emiten menos CO2 as vacas?

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), en colaboración co centro de investigación vasco NEIKER, organizaron recentemente un webinar sobre “Sustentabilidade do sector vacún leiteiro: Aposta pola innovación e competitividade”. Neste foro, o investigador do CIAM, César Resch expuso os resultados do estudo que está a realizar o equipo de valor nutritivo deste centro sobre as emisións de CO2 en vacún de leite segundo o sistema de alimentación. En concreto, estudáronse durante dous anos 5 sistemas de alimentación: 1) Silo de millo, silo de raigrás italiano e 1500 kilos de concentrado por vaca e lactación. 2) Silo de millo e silo dunha mestura de trevos, máis 1500 kilos de concentrado. 3) Silo de sorgo e silo dunha mestura de trevos, máis 1500 kilos de concentrado. 4) Pastoreo ou silo de trevo violeta e 1500 kilos de concentrado. 5) Pastoreo ou silo de raigrás inglés e 1500 kilos de concentrado. As vacas dividíronse en cinco lotes de 6 animais, cada un sometido a un sistema de alimentación e cos partos agrupados a saída do inverno. En canto aos parámetros que se mediron neste estudo foron: -Leite: Rendemento, parámetros físicoquímicos, ácidos graxos e urea. -Feces: Nitróxeno (orgánico e mineral), carbono, materia orgánica e fibra. -Ouriño: Nitróxeno. -Alimentos: Inxesta diaria de materia seca, analítica de concentrados e silos, nos grupos 4 e 5 analítica pre e post pastoreo. -Rendemento en materia seca e balance de nitróxeno dos cultivos. -Pradeiras: Rendemento (a pasto e para silo), porcentaxe de superficie reservada para silo, días en pastoreo, porcentaxe de trevo, florístico e valor nutritivo. -Cultivos (millo e sorgo e concentrado): Emisións asociadas a gases de efecto invernadoiro (metano, dióxido de carbono e amoníaco). -Materia orgánica no solo.

Resultados:

Os resultados preliminares relativos das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en función do sistema forraxeiro utilizado tomando o valor máis baixo 100, amosan que os sistemas con menos emisións relativas de gases de efecto invernadoiro por litro de leite son os baseados no pastoreo de trevo (100), seguido do pastoreo de raigrás inglés (116), mentres que os valores de emisións máis altos corresponden á ración de silo de millo e silo de raigrás italiano (129); seguido de preto polos sistemas de silo de millo e silo de sorgo ou silo de tres trevos (123). O sistema utilizado para a medición da pegada de CO2 foi o CAP´2ER® do Institut de l´Élévage (IDELE) de Francia. Tanto a produción das vacas como os consumos están referidos ao periodo de control das vacas que nestes ensaios foi de 279 días, dende o día 22 de lactación ata o 300.

Conclusións:

As conclusións preliminares da equipa de valor nutritivo do CIAM a partir destes resultados son as seguintes: -En condicións de produción de leite europeas, a pegada de carbono non parece estar ligada ao rendemento dos animais. -Factores como a cantidade de nitróxeno aplicada ao terreo e a proteína exóxena (importada) parecen ser determinantes no cálculo dos gases de efecto invernadoiro. E como conclusións individuais, César Resch aportou as seguintes: -A emisión de gases de efecto invernadoiro será nun prazo curto/medio de tempo un factor de pago do leite. A súa medición é complexa, por iso o uso de medidas indirectas que inciden de maneira determinante nos GEI emitidos na granxa serán de posible aplicación. -A cantidade de nitróxeno químico utilizado por hectárea; a autosuficiencia proteica da gandería, onde as leguminosas xogan un papel clave, ou a taxa de reposición do rabaño -canta menos reposición e vacas máis lonxevas menos emisións-, así como a calidade das forraxes (canta maior dixestibilidade menores emisións), poderían ser indicadores de emisión de CO2 equivalente. - No ensaio tamén pódese ver como con cantidades moderadas de concentrado acadamos rendementos interesantes de produción de leite mantendo unha mínima dependencia de recursos externos á explotación.

Como reducir as emisións? (III) Manexo e eficiencia produtiva

A responsabilidade das emisións na gandería divídese principalmente entre o sistema dixestivo dos ruminantes (42%), estercos e xurros (15%) e manexo do chan e produción de forraxes (uso de fertilizantes, labra e sementeira, uso de pradeiras, etc.), que provoca o 38% das emisións. Por tanto, as emisións entéricas supoñen unha parte principal no cómputo global de gases. Lograr maior eficiencia produtiva, un rabaño máis san e melloras dixestivas e en materia de conversión de alimento dos animais permite diminuír as emisións de metano propias do sistema dixestivo do gando vacún.
Maior optimización produtiva e un rumen máis eficiente permiten reducir as emisións de metano entérico
Os avances no campo da xenómica e a mellora xenética, que abren a vía á selección non só por aspectos meramente produtivos senón tamén de eficiencia ambiental (emisións por quilo de carne ou leite producida), introducen un campo aínda incipiente pero prometedor en canto ao seu potencial para mitigar de forma considerable os gases de efecto invernadoiro imputados á produción gandeira.

XENÉTICA, REPRODUCIÓN E MANEXO:

Toma de datos para unha gandería de precisión A recollida de datos e a obtención de información na explotación é esencial para tomar decisións baseadas en evidencias. A gandería de precisión consiste en utilizar as tecnoloxías dispoñibles na actualidade para mellorar o control da granxa e do rabaño, abarcando un amplo rango de ferramentas de monitoraxe, manexo, alimentación, control de comportamento, etc. Aínda que se desenvolveu máis en vacún leiteiro estabulado, tamén hai xa aplicacións dispoñibles para pastoreo. A aplicación destas tecnoloxías contribúe a optimizar o funcionamento da gandería, facéndoa máis eficiente e evitando emisións derivadas desas ineficiencias, o que pode contribuír a reducir as emisións de metano nun 20%. Selección de reprodutores A selección de femias e machos idóneos para a mellora xenética do rabaño é unha das estratexias de redución de emisións que pode ser implementada a menor custo, xa que ao mesmo tempo mellora a rendibilidade da explotación, cun efecto a longo prazo, xa que os avances neste campo teñen un efecto acumulativo nas seguintes xeracións.
As avaliacións xenéticas de caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que polo de agora estes datos raramente figuran nos programas de mellora xenética
Utilizar animais con alto valor xenético (tanto femias como machos) axuda a mellorar a produtividade pero tamén pode contribuír a diminuír as emisións se un dos valores de selección que se teñen en conta é o da súa eficiencia na conversión, o que equivale a unha menor inxesta de alimento por quilo de carne ou de leite producido. As avaliacións xenéticas para algúns caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que estes datos non figuran por agora de forma xeneralizada nos programas de mellora xenética.
Seleccionar animais máis fértiles reduce os períodos improdutivos, do mesmo xeito que lograr un maior crecemento comporta menor tempo e, por tanto, redución de emisións
Outro dos aspectos relacionados coa mellora da eficiencia produtiva tería que ver coa redución dos períodos improductivos dos animais, en aspectos como aceleración do crecemento da recría ou redución do intervalo entre partos. Mellorar o benestar As melloras no benestar animal contribúen a incrementar a produtividade e reducen a intensidade das emisións. A diminución da tensión do gando, avances na súa confortabilidade, mellora da súa saúde e lonxevidade, redución de enfermidades e mortinatalidade das crías son estratexias beneficiosas desde o punto de vista tanto produtivo como de descenso de emisións.
As enfermidades do gando teñen un potente efecto de incremento da intensidade das emisións
Con todo, algúns aspectos relacionados co benestar animal, como é o caso do pastoreo, pode, en determinadas circunstancias, se non está xestionado adecuadamente, estar ligado a un aumento de emisións, especialmente de óxido nitroso. Ademais, se a densidade nos sistemas de pastoreo alcanza un determinado limiar (que variará co tipo de ecosistema de pasto) pódese exceder a capacidade dos pastos para operar como sumidoiro de carbono e provocar o efecto contrario. Estratexias de aloxamento A intensificación do en espazos pechados e o incremento da densidade (nº de animais por unidade de superficie) busca a maior rendibilidade do sistema baseada na optimización dos recursos, polo que pode contribuír a diminuír as emisións relativas de gases de efecto invernadoiro. A redución das emisións nos sistemas intensivos tamén pode lograrse a partir de factores adicionais como a mellora da dixestibilidade da dieta, posto que este aloxamento implica unha alimentación desligada do pastoreo e normalmente baseada en dietas concentradas.
O aumento da densidade pode comprometer o benestar, debido ao incremento da competencia e tensión social
Doutra banda, un acceso ao pasto restrinxido (confinamento) diminúe a proporción de enerxía para o mantemento. Ademais, o confinamento permite capturar excretas o cal, en termos xerais, diminúe as emisións de óxido nitroso. Aumento da lonxevidade Aumentar a vida útil das femias reprodutoras axuda a reducir o número de animais de reposición necesarios. Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo
Mellora da fertilidade Aumentar a fertilidade das femias reprodutoras axuda a reducir o número de vacas nodriza no rabaño para ter unha determinada produción. Os animais improductivos que non paren no seu tempo consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais improductivos cunsumen recursos e xeran metano e esterco
Mellora da saúde Un rabaño que goce de boa saúde maximiza a súa capacidade produtiva optimizando os recursos e diminuíndo os refugallos. Os problemas de saúde tales como enfermidades, pero tamén lesións, provocan que se necesiten máis animais para producir a mesma cantidade de produto. A mellora da saúde permite unha mellora da eficiencia produtiva do rabaño, de modo que se pode producir máis alimento con menos animais.
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento, unha redución na capacidade de dixerir os alimentos e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento. Pola contra, as melloras na saúde dos animais tamén melloran os resultados produtivos, o que se traduce nunha maior eficiencia no uso dos recursos. Ademais, unha mellor saúde reduce a taxa de reposición por eliminación involuntaria, por tanto, esténdese a vida produtiva media do rabaño.

ACTUAR SOBRE O FUNCIONAMENTO DO RUMEN:

Incorporación de suplementos que reducen as emisións de metano O metano prodúcese no rumen mediante a actividade das arqueas metanoxénicas que utilizan gran parte do H2 xerado pola fermentación anaerobia de carbohidratos para reducir CO2 a CH4. Pódese modular o funcionamento do rumen dos animais a través da adición de aceites vexetais e taninos; ácidos orgánicos como o malato ou o fumarato; e extractos fitoxénicos como os organosulfurados, de microalgas (Asparagopsis taxiformis) ou sintéticos como o 3-NOP na alimentación ou na auga de bebida.
A redución pode chegar ata o 30-40%, expresada por quilogramo de materia seca inxerida, pero a súa utilización en doses elevadas reduce a inxesta do animal
Os aceites esenciais posúen un efecto antimicrobiano, antioxidante e melloran a absorción de nutrintes e o índice de conversión. O modo de acción dos taninos consiste en evitar a degradación da proteína a nivel ruminal e posteriormente favorecendo a súa liberación no intestino. As saponinas posúen un efecto anti-protozoario como principal modo de acción. Froito diso reducen as emisións de metano en torno ao 6%, aínda que as bacterias ruminais desenvolven a habilidade para inactivar as saponinas tras un período de tratamento superior a 2-3 semanas. Na súa maioría estes suplementos non adoitan reducir as emisións de metano per se pero en moitos casos incrementan a produtividade e a eficiencia do rabaño; por tanto, a intensidade das emisións (por unidade de produto) vense reducidas. Hai moitos produtos xa no mercado (como é o caso de extractos de plantas) pero ningún está rexistrado oficialmente, ata a data, como aditivo zootécnico para reducir as emisións. O custo dos compostos é outro escollo para a súa utilización. Aditivos que optimizan a función ruminal Trátase do emprego de compostos (extractos de plantas fundamentalmente) que exercen un efecto modulatorio sobre a microbiota ruminal, de maneira que o perfil de fermentación anaerobia favorece a produción de propionato a expensas da de acetato.
A produción de propionato consome H2 mentres que a de acetato xérao, de aí o efecto redutor da produción de CH4
Dentro dos aditivos para optimizar a función ruminal tamén estarían incluídos os probióticos. O máis utilizado en animais adultos para modular a función ruminal é o fermento (Saccharomyces cerevisiae). O seu principal modo de acción consiste en consumir osíxeno ruminal e favorecer un ambiente anaerobio estrito. O fermento non adoita reducir as emisións de metano. A vantaxe desta estratexia nutricional radica en que favorece a degradación da fibra e incrementa o pH ruminal, permitindo así evitar procesos de acidosis ruminal e a consecuente baixada nos índices de conversión. Moitos destes aditivos (como os fermentos ou os aceites esenciais) adóitanse utilizar de forma habitual nos pensos comerciais de animais de alta produción (caso das vacas leiteiras) debido a que melloran a produtividade e preveñen acidosis. A súa aplicación en tenreiros de cebo podería ser tamén rendible. Acelerar o desenvolvemento do rumen a idades temperás O ruminante cando nace carece de rumen funcional, xa que se alimenta a base de leite que pasa directamente ao omaso e dixírese posteriormente. Durante as primeiras semanas de vida o rumen vaise desenvolvendo e colonizando por unha complexa mestura de microorganismos procedentes do alimento, da auga, do chan ou as feces, e do contacto con animais adultos.
Esta estratexia ten por obxectivo acelerar o desenvolvemento anatómico, microbiolóxico e funcional do rumen para que o animal aproveite de forma eficiente, canto antes, o alimento sólido
No caso de tenreiros mamóns procedentes de explotacións de leite, ao carecer de contacto con animais adultos o desenvolvemento do rumen atrásase pero se se consegue modular a microbiota ruminal nas primeiras semanas de vida, esta permanecerá no animal adulto, permitindo minimizar a tensión e retardación de crecemento durante o destete e mellorar os seus niveis produtivos. As estratexias a empregar incluirían aditivos fitoxénicos, probióticos ou cambios na alimentación e estarían especialmente indicadas para animais separados da nai tralo parto e criados con leite artificial.
MÁIS INFORMACIÓN: 

O monte galego posiciónase para atraer investimentos de compensación de emisións

A bioeconomía e a compensación de emisións de CO2 preséntanse como novas oportunidades para os montes e o sector forestal galego nos próximos anos. Así o puxeron de manifesto diferentes expertos nun encontro dixital organizado este martes pola entidade financeira Abanca. Son dous eixos que están xa a xerar opcións, como o rexistro de proxectos forestais para a compensación de emisións de CO2 (Ministerio de Transición Ecológica). Galicia quere posicionarse como unha alternativa viable para a compensación das emisións contaminantes mediante os seus montes e o sector forestal, con ferramentas específicas para canalizar estes esforzos. “A Fundación Arume pretende ser unha xanela privilexiada para encauzar as inversións das empresas e marcas, sobre todo as galegas, para compensar as emisións que producen ó planeta, namentres traballan por reducilas”, explicou José Carballo, presidente da Fundación Arume, entidade que integra a toda a cadea de valor da madeira.
“A Fundación Arume pretende ser unha xanela privilexiada para encauzar as inversións das empresas para compensar as emisións”: José Carballo, presidente da entidade
Carballo tamén apostou neste foro especializado por converter Galicia na primeira eurorrexión descarbonizada.

Reducir a pegada de carbono

O rexistro da pegada de carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e os proxectos de absorción de emisións asociados é un dos motores de todo isto. Dende que se puxo en marcha hai 6 anos, inscribíronse neste rexistro 1.347 organizacións española de moi diverso tamaño e características, dende grandes grupos empresariais a pemes ou entidades sociais. Galicia ocupa o décimo lugar en canto ó numero de empresas incluídas neste rexistro, onde a industria manufactureira está á cabeza, seguida do sector do transporte e as administracións públicas. Este mecanismo foi creado para cuantificar, reducir e compensar as emisións de CO2. “Sempre que se calcula a pegada de carbono vai parello un plan para reducir estas emisións”, explica Marta Hernández, da Oficina Española do Cambio Climático do Ministerio, durante a súa intervención na xornada. A experta destacou o potencial do sector forestal como unha ferramenta para compensar as emisións de carbono, ben sexa mediante a creación de bosques propios ou facendo uso de terreos de terceiros.
Nos últimos 6 anos, os montes incluídos nos proxectos de mitigación de emisións permitiron compensar máis de 6.000 toneladas de CO2
Neste marco, impúlsanse proxectos de rexeneración forestal en zonas afectadas por incendios forestais ou en espazos sen masas boscosas nos últimos 30 anos. Son plantacións cunha superficie mínima dunha hectárea e onde debe haber un compromiso por 30 anos e unha xestión activa do espazo. Mediante estes montes, que inclúen diversas especies, formalizáronse 128 compensacións, o que supuxo unhas 6.094 toneladas de CO2 compensadas. Actualmente, contabilízanse 60 proxectos de absorción, que implican 175.000 toneladas de CO2 equivalente no período de permanencia que estableceron estas iniciativas e que comprenden unhas 818 hectáreas. “Cada vez estamos recibindo proxectos de rexeneración de maior tamaño”, concreta a experta. Galicia atópase como sexta comunidade autónoma, con 47 hectáreas de monte dentro dos 6 proxectos activos para a compensación de emisións. O esforzo por reducir a pegada de carbono e a colaboración directa co sector forestal tamén está a ser un dos eixos de traballo de entidades agrarias galegas como a cooperativa Clun. “Pese a ser dous motores do rural, durante anos estiveron moi afastados, e cómpre pór en valor a axuda que pode ofrecer o sector forestal a sectores como o do leite”, apunta Sabela Oca, responsable de Innovación, Calidade e Seguridade Alimentaria de Clun. De man da Fundación Arume, Clun proxecta un acordo para a recuperación de montes queimados, compensando así as emisións de carbono que produce nas súas industrias. Os esforzos por reducir as emisións na cooperativa comezaron xa no 2016, cando mediron a súa pegada de carbono e puxeron en marcha o proxecto de control da alimentación do gando, cunha ración que simula o pasto de primavera, co que lograron unha redución de emisións do 22%, e coa que obteñen o seu leite Unicla.

A bioeconomía como motor

A bioeconomía amósase como outro dos eidos nos que o sector forestal debe centrarse. “As inversións en madeira son imprescindibles para a sostibilidade do planeta”, apunta Carballo. Neste ámbito, dende a Fundación Arume inciden en potenciar a produción de madeira de coníferas de calidade e en cantidade, tendo en conta a redución da superficie forestal destas especies que se amosa nos datos manexados pola Xunta e que boa parte da industria da madeira galega está orientada a esta produción. Para logralo, apostan por incrementar o valor das coníferas e as oportunidades da madeira sólida.
“A bioeconomía é posible e o sector forestal é clave para acadala”: Eduardo Rojas, presidente Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes
Eduardo Rojas, presidente decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, reivindica que “os bosques pasaron a ter unha aportación substancial ou estratéxica en políticas e plans europeos como os Obxectivos de Desenvolvementos do Milenio”. Deste xeito, a bioeconomía e a xestión dos montes convértense nunha “oportunidade de ouro” para xerar importantes beneficios económicos, medioambientais e sociais. Rojas, que exerce tamén como coordinador da Plataforma Juntos por los Bosques, incide na contribución dos bosques na mitigación de emisións contaminantes, tanto de xeito permanente, mediante o stock forestal; como temporal, co uso da madeira en sectores claves ou coa substitución de elementos máis contaminantes xa iniciada en ámbitos como a construción, o téxtil ou a automoción. Retos como a obtención de enerxía e materias primas sostibles, o reequilibrio territorial e demográfico ou a loita contra o cambio climático teñen no sector forestal un aliado. “A bioeconomía é posible e o sector forestal é clave para acadala. En Galicia xa comezastes este camiño”, apunta o experto.

Impulso á prevención

A prevención dos lumes forestais e a recuperación dos montes queimados son os dous eixes sobre os que o conselleiro de Medio Rural, José González, centra a aposta da súa consellería no sector forestal. “Neste 2020, só nos 4 días de incendios de setembro, nos que se queimaron 11.000 hectáreas, emitíronse 148.000 toneladas de CO2 á atmosfera, o que supuxo un custe de 11 millóns de euros entre extinción e dano medioambiental”, detallou González para xustificar a importancia das súas liñas de actuación. O sector forestal galego será protagonista nas propostas de Galicia dentro dos chamados fondos Next Generation. “Son iniciativas coas que buscamos adaptar o noso monte ás novas esixencias, adiantándonos e potenciando a biodiversidade, a bioeconomía, a sostibilidade e a circularidade”, apunta. Neste senso, encádranse os polígonos cortalumes, que propoñen unha xestión do monte con criterios técnicos, e ó abeiro dos cales a Xunta pretende a creación da marca Cortalumes, para os produtos que se elaboren neste contexto.
A Xunta centra esforzos en iniciativas como a creación de polígonos cortalumes, coa creación da marca Cortalumes, ou as agrupacións de xestión conxunta
González ve tamén unha oportunidade para o sector forestal na agrupación de xestión conxunta, unha ferramenta xa en funcionamento, con experiencias sobre todo na provincia de Lugo. Ademais, proxectos como o da viscosa sostible, co que estiman unha creación de 1.000 postos de traballo na súa construción e outros 7.000 empregos unha vez estea en funcionamento, é outra das liñas nas que está a traballar a Consellería para o impulso do sector forestal. Valoracións de Abanca Pola súa banda, dende a entidade financieira, organizadora do acto, tamén incidiron no potencial do sector forestal galego nos retos que se presentan nas novas normativas europeas. Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, fixo un chamamento a aproveitar “as oportunidades derivadas do xiro cara á economía verde, que nos encamiña cara unha redución das emisións e o uso de recursos renovables, xusto o que a madeira pode ofrecer”. O conselleiro delegado apuntou as cifras do sector forestal, cun volume de negocio de 300 millóns de euros. No que vai de ano, Abanca concedeu financiación ó sector forestal por importe de 62,7 millóns de euros, un 36,9% máis que no 2019, nos que se inclúen 3.000 clientes, a maioría en Galicia, vinculados a distintas actividades da cadea de valor da madeira. O conselleiro delegado destacou a colaboración entre todos os integrantes da cadea de valor para conseguir que o sector sega medrando. Nesta mesma colaboración encadrou iniciativas como a participación na Fundación Arume ou outras iniciativas impulsadas dende áreas como a banca sectorial Abanca Agro.

Como reducir as emisións? (I) Xestión do purín e o esterco

O obxectivo en 2050 é que a gandería de vacún de carne logre secuestrar tanto carbono como produza A interprofesional do vacún de carne, (Provacuno), acaba de publicar un Código de Boas Prácticas Medioambientais coas que conseguir reducir progresivamente os gases de efecto invernadoiro xerados polas explotacións co obxectivo de que a gandería logre ser climáticamente neutra en materia de carbono en 2050. O obxectivo é secuestrar o CO2 equivalente aos gases de quecemento global que xera no seu proceso produtivo. A preocupación ambiental aumenta na sociedade (e por tanto tamén no consumidor), polo que a diminución da pegada ambiental e a contaminación converteuse nunha necesidade na que, pese ao esforzo dos gandeiros e o seu intento de adaptación progresiva nos últimos anos, aínda existe marxe de mellora.
Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos
Aínda que frear o quecemento global é unha necesidade humana a nivel planetario que afecta a todos os sectores económicos, desde distintos ámbitos e de maneira interesada focalizouse sobre a gandería a lupa das emisións de gases de efecto invernadoiro, unha mensaxe que calou mesmo nas elites gobernantes, de forma que as normativas europeas e estatais poñen xa o acento sobre a diminución de emisións, ao mesmo nivel que sobre os aspectos nutricionais dos alimentos, en documentos como a Estratexia da Granxa á Mesa, presentada o pasado mes de maio, en plena pandemia sanitaria, pola Comisión Europea. Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos. A pesar de que os últimos datos do inventario do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico feitos públicos o pasado marzo, atribúenlle ao sector da carne de vacún tan só o 3,6% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro en España, o sector vacún está obrigado a reducir, por exemplo, as súas emisións de amoníaco un 40% na próxima década, segundo o listón legal colocado polo Goberno español no Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á Atmosfera.
Aínda que están pensadas para explotacións de carne, moitas das medidas son tamén aplicables a ganderías de leite
Trátase dun obxectivo que non é doado de lograr e para o que ata o de agora non existía un documento de referencia, de carácter práctico, con medidas a aplicar nas explotacións. A través deste Código de Boas Prácticas que acaba de ser presentado, as explotacións contarán cunha ferramenta de base científica para saber que facer en cada caso, en función das características particulares de cada gandería, e os seus efectos. Esquema resumo das principais medidas a aplicar para reducir as emisións da ganadería de vacún A guía, elaborada por 17 expertos integrados na Red Remedia e pertencentes a 7 institucións e centros de investigación españoles (CSIC, INIA, Neiker, Universidad Autónoma de Barcelona, Universidad Politécnica de Valencia, Universidad de Córdoba e Basque Center for Climate Change), recolle un total de 37 medidas de mitigación de emisións estruturadas en 5 grandes bloques: alimentación; mellora do funcionamento do rumen; xenética, reprodución e manexo; xestión do esterco e pastos e cultivos. A guía foi elaborada por investigadores pertencentes á rede científica Remedia, que desde o 2012 engloba a expertos que traballan na mitigación do cambio climático nos sectores agrario, gandeiro e forestal Dentro de cada bloque identificáronse as medidas dispoñibles, describindo brevemente o fundamento destas, os efectos sobre os diferentes gases de efecto invernadoiro, así como a dispoñibilidade tecnolóxica e económica de cada medida. Con esta información, preténdese que cada produtor poida identificar as medidas máis aplicables en termos custo-beneficio á súa explotación. Iniciamos en Campo Galego unha serie de catro artigos nos que tentaremos desagregar cales son estas posibilidades de actuación a nivel de granxa e os seus efectos redutores, empezando pola xestión de xurros e estercos, un aspecto clave e que sufrirá modificacións coa próxima entrada en vigor do Decreto de Nutrición Sostible de Cultivos redactado polo Ministerio de Agricultura.

TRATAMENTO E APLICACIÓN DE PURÍNS:

Cuberta de balsas de xurros As balsas de xurros son fontes relevantes de emisión de metano. Cubrir estas balsas evita a emisión descontrolada deste gas. Esta técnica funciona mellor cando a cuberta é estanca e se equipa a balsa cun sistema de recuperación do biogás co seu aproveitamento para a xeración de enerxía ou cunha chama piloto que queime a mestura de gases producida, xa que se xeraría dióxido de carbono (CO2), tamén contaminante pero cun efecto invernadoiro 24 veces menor que o metano (CH4).
As cubertas estancas permiten a recuperación de biogás e reducen as perdas de nutrintes do xurro, aumentando a súa capacidade fertilizadora
Ademais, ao reducirse as emisións de óxido nitroso (N2O), a súa capacidade como fertilizante increméntase ao aumentar o contido en nitróxeno do xurro, permitindo así reducir o uso de fertilizantes sintéticos. Manter costra permanente nas balsas ou fosas de xurro A presenza de costra natural nos depósitos de xurro relaciónase coa redución das emisións de amoníaco, xa que evita o contacto do xurro coa atmosfera, diminuíndo a circulación de aire sobre a superficie emisora. Considérase que o uso de material orgánico nas camas (serrín, palla, etc) favorece a súa formación, do mesmo xeito que a forma de enchela, frecuencia e condicións climáticas da contorna.
A costra evita o contacto do xurro coa atmosfera e reduce as emisións de amoníaco ata nun 60% na fase de almacenamento
Ademais da redución de emisións de amoníaco, o metano pode verse tamén disminuído pola creación de zonas aeróbicas nos primeiros centímetros da superficie, onde o CH4 se converte en CO2 pola acción das bacterias metanotróficas.
Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada
Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada, pero este feito obriga a optimizar a aplicación en campo para minimizar as perdas de amoníaco e óxido nitroso. Aplicación de xurro mediante tubos colgantes Consiste na aplicación localizada dos xurros mediante tubaxes que o depositan na superficie do chan. Trátase dunha técnica deseñada para reducir as emisións de amoníaco, e, por conseguinte, as emisións indirectas de óxido nitroso, e é unha das opcións permitidas para a aplicación do xurro trala restrición das aplicacións en abanico.
Destinado principalmente ao abonado de praderías, ao evitar emisións e perdas de nutrintes asociadas ao esparexemento mediante sistema de prato, permite aproveitar mellor a capacidade fertilizante do xurro
O obxectivo desta técnica é reducir a superficie de xurro en contacto coa atmosfera. É aplicable principalmente en cultivos herbáceos en fases iniciais de crecemento e a súa principal vantaxe é ser un sistema pouco intrusivo co cultivo. Aplicación de xurro mediante inxección Do mesmo xeito que a aplicación do xurro mediante tubos colgantes, a inxección no chan é unha técnica deseñada especialmente para reducir a emisión de amoníaco. Combina un arado que abre regos na terra cunhas mangueiras que depositan o xurro no rego aberto e é outra das posibilidades permitidas pola nova normativa sobre fertilización de chans agrícolas.
En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria, existindo dificultades para aplicala en chans pesados de textura arxilosa
Existen dificultades ao realizar inxección de xurro en chans pesados de textura arxilosa pola súa menor permeabilidade e facilidade de encharcamiento, dado que a humidade do terreo é un factor que favorece as emisións. En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria. Separación sólido-líquido de xurros A colocación dun sistema de separación da fracción sólida e líquida do xurro permite facer unha xestión diferenciada de ambos compoñentes: a parte sólida pode someterse a un proceso de compostaxe que incrementa o seu valor fertilizante ou permite a súa reutilización nas camas como material de recheo de cubículos, mentres que a redución do contido en materia orgánica da parte líquida diminúe de forma moi importante as emisións de metano debidas á fermentación nas balsas ou pozos de xurro.
A separación do xurro e a xestión diferenciada da parte sólida e líquida permite realizar un uso agronómico máis eficiente
Para ser máis efectiva, a separación ha de facerse canto antes, preferiblemente sobre xurro recentemente excretado ou que leve pouco tempo almacenado. Do mesmo xeito, para evitar a emisións secundarias de amoníaco deben usarse técnicas como a aplicación e enterrado rápido da fracción líquida resultante. Compostaxe A compostaxe é un tratamento aeróbico que se aplica sobre o esterco ou sobre a fracción sólida do xurro que permite lograr un abono orgánico estabilizado en termos de nitróxeno, cunha maior concentración de nutrintes (elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta), diminución de patóxenos e redución de cheiros.
Compostar aumenta o valor fertilizante do esterco e reduce á metade as emisións de metano
Respecto a un almacenamento estándar do esterco, este sistema reduce á metade as emisións de metano e trala aplicación en campo o compost aminora de maneira significativa as emisións de óxido nitroso, compensando as emisións acumuladas durante o proceso de compostaxe.
Ao tratarse dun abono estabilizado con elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta, as emisións de amoníaco en campo redúcense significativamente ata compensar as que se producen no proceso de compostaxe
A compostaxe relaciónase co aumento das emisións de amoníaco debido á mineralización do nitróxeno orgánico durante o proceso. Estas emisións poden supoñer ata un 45% do contido inicial do nitróxeno incluído no esterco. Estas emisións nitroxenadas poden reducirse cubrindo a pila para compostar para limitar a transferencia ao aire, evitando un excesivo número de volteos no proceso e mediante a compactación do montón de esterco. Extracción de biogás A dixestión anaerobia é un sistema de tratamento que potencia a produción de metano procedente do xurro en condicións controladas co obxectivo de aproveitalo para a obtención de enerxía mediante a súa combustión, habitualmente nun motor de coxeración (producindo enerxía térmica e eléctrica).
As plantas de biogás reducen en gran medida a emisión de metano procedente do xurro, non así a carga de nitróxeno e as emisións de amoníaco nos efluentes digestados
É importante someter o xurro a este proceso de dixestión anaeróbica canto antes para evitar emisións de metano anteriores que diminúan o seu potencial na planta de biogás. O habitual é utilizar a co-dixestión con outros substratos, idealmente de dispoñibilidade local, que complementan o potencial dos xurros para xerar biogás. Aínda que é unha tecnoloxía madura e dispoñible no mercado, a clave da súa viabilidade económica depende do valor da enerxía obtida. En España é, a día de hoxe, unha técnica pouco viable polo seu elevado custo e as limitadas primas existentes actualmente a este tipo de enerxía, polo que o investimento necesario só é asumible por granxas ou agrupacións de certo tamaño. Uso de adhitivos inhibidores da nitrificación Os procesos microbiolóxicos polos que se produce óxido nitroso pódense modificar grazas ao uso de aditivos químicos. Existen dous tipos de aditivos inhibidores: • Inhibidores da nitrificación: que inhiben a oxidación de amonio (NH4+) a nitrato (NO3-). Os animais que reciben estes inhibidores co alimento excretáno sen alterar os ouriños, polo que poden exercer a súa función sobre as excretas. • Inhibidores da ureasa: impiden o paso de urea a amonio, polo que presentan gran potencial para reducir as perdas de amoníaco por volatilización. Estes inhibidores téñense aplicado tanto ao chan como ao esterco almacenado. Os inhibidores da ureasa reducen a volatilización de amoníaco, xa que este non chega a formarse e, por tanto, tamén as de óxido nitroso, ao ser o amoníaco un precursor deste.
O uso de inhibidores da nitrificación reduce as emisións de óxido nitroso asociadas aos ouriños en máis dun 60% e pode aumentar a produción de pastos cando se utilizan con animais en pastoreo
Os inhibidores da nitrificación reducen de forma directa a emisión de amoníaco, pero poden aumentar o amonio dispoñible no chan, polo que provocaría un aumento das volatilizacións deste gas a longo prazo.

ALMACENAMENTO E XESTIÓN DE ESTERCOS:

Aumentar a frecuencia na retirada do esterco A cama profunda (almacenamento durante longos períodos de tempo) pode ocasionar maiores emisións de óxido nitroso e metano, ao acumularse maior cantidade de material degradable e facelo en condicións de compactación (ausencia de osíxeno). Retirar frecuentemente a cama (frecuencia de polo menos 1 vez ao mes) impediría que se emitisen estes gases no aloxamento interior.
Retirar polo menos unha vez ao mes o esterco das camas evitaría a emisión de óxido nitroso e metano
Aínda que as emisións do esterco sólido son relativamente baixas, a súa retirada frecuente reduce a xeración de metano, ao diminuír as condicións anaeróbicas necesarias, así como de óxido nitroso, xa que estas redúcense pola menor cantidade de substrato orgánico dispoñible. Con todo, o problema destas emisións non desaparece, senón que se traslada aos estercoleiros, onde poden continuar se non se fai un adecuado manexo do esterco almacenado. Almacenamento de esterco sólido É recomendable o amontoado do esterco sobre unha superficie de formigón ou dun chan compacto e impermeable. En ambos casos, é convinte recoller as drenaxes mediante un canalización, para o seu almacenamento nun depósito específico, xa que recoller estes lixiviados reduce o risco de contaminación de acuíferos.
Protexer os estercoleiros cunha cuberta para impedir a acción directa do sol, ben sexa introducíndoos dentro dun alpendre ou cubrindo a superficie do esterco, reduce as emisións de amonio (NH4)
Débese cubrir o estercoleiro cunha cuberta, con independencia da recomendación de cubrir tamén o propio esterco con palla ou cun plástico flexible para evitar o contacto directo co aire. A redución das emisións de gases producirase como consecuencia de impedir o contacto directo entre o esterco e o aire, que é o lugar o que se produce a liberación de metano (CH4). Dita emisión diminúe substancialmente por baixo dos 10ºC de temperatura ambiental e aumenta por enriba dos 25ºC.
A emisión de metano, que se produce en contacto co aire, diminúe por baixo de 10ºC e aumenta substancialmente por enriba dos 25ºC
Realizáronse estudos sobre o impacto de distintas medidas de manexo do esterco e as porcentaxes de redución de emisións que se conseguen: cando se mantén o esterco sobre un chan impermeable, e cun sistema de drenaxe, a porcentaxe de redución de emisións oscila entre un 0 e un 3%; se cubrimos o esterco con palla ou cun plástico, estabilizado fronte á radiación ultravioleta, a porcentaxe de redución valorouse entre 2 e 5%. Todas estas medidas contribúen tamén a aumentar o valor fertilizante do esterco. Abonado mediante incorporación do esterco ao terreo O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes. Enterralo despois das doce horas supón unha perda importante do nitróxeno achegado, pola súa volatilización como óxido nitroso, polo que enterrar o esterco canto antes fai que o nitróxeno retido no chan aumente, aumentando desta forma a capacidade fertilizante do esterco.
O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes
Outras precaucións na aplicación do esterco son: • Non aplicalo en chans húmidos, ou en momentos de risco de choiva, nos que se facilita a liberación de óxido nitroso. O mesmo ocorre se se aplica en lugares asolagados, nevados ou xeados. • Analizar as características do terreo no que se vai a aplicar, especialmente se hai pendentes ou proximidade a leitos de auga, mananciais ou pozos, para previr que se produzan escorrentías ou arrastres. • Aplicar o esterco cando o requiran os cultivos e na dose apropiada.
MÁIS INFORMACIÓN: 

Pensos con algas ou sen soia: Así será a alimentación do gando no futuro

Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína É posible reducir a gran dependencia actual da importación de soia? Un recente webinar organizado pola Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) analizou as posibilidades existentes de diminuír da proteína nas racións e como aumentar o nivel de autoabastecemento grazas ao uso de novas materias primas. "Temos unha alta dependencia de materias primas, especialmente proteicas como a fariña de soia, pola escasa produción na UE. Ademais, a nosa dispoñibilidade de materias primas é menor que noutros países europeos e iso fainos máis dependentes e vulnerables", afirmou María Victoria Navas, xefa de área da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura. España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que se están producindo desde principios de setembro na cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de oleaxinosas como a soia ou a colza.
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos
Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia). O peso da avicultura e o sector porcino No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia. A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).
España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais
"Antes usábanse máis as leguminosas, cando a produción non era tan intensiva, pero na actualidade canto máis penso se produce máis soia se consume. Houbo un período de tempo no que non se traballaba con tanta proteína, pero foise incementando por efecto da competencia, pero non todo o que aparece etiquetado con máis proteína necesariamente é mellor. Na formulación habería que preguntarse se os niveis mínimos cos que estamos a traballar realmente non se poden reducir", afirma María Victoria. Os beneficios de reducir proteína No seminario online organizado por Cesfac participaron tamén responsables de formulación de varias empresas fabricantes de pensos, como Eugenio Cegarra, de De Heus, ou Braulio De la Calle, de Coren, que recolleron a luva lanzada pola representante do Ministerio.
En porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, substituíndoa por colza (Eugenio Cegarra, De Heus)
"A soia considerámola estratéxica porque ten unha alta dixestibilidade e dispoñibilidade e un gran contido en aminoácidos, polo que é unha materia prima indispensable, pero en porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, outra cousa é en porcos de 20 ou 25 quilos ou en penso para acabado de polos. O penso de acabado de porcos ten xa pouca soia e se lla sacas de todo non pasaría nada. Poderíase substituír por colza, de feito, xa está a entrar colza francesa, canadense ou polaca", respondeu Eugenio.
A redución de proteína ten efectos beneficiosos na saúde dos animais, logrando diminuír as emisións sen afectar o crecemento
O director de formulación de De Heus destacou os efectos beneficiosos que tería minorar as porcentaxes de soia nalgúns pensos. "Coa redución da proteína en pitos ou porcos reducimos as emisións sen afectar ao crecemento e evitamos problemas sanitarios, xa que o exceso de proteína nestes animais xera unha serie de graxas e substancias tóxicas que poden dar lugar a enfermidades e problemas diarreicos polos efectos da proteína sobre a microbiota e a saúde intestinal. A redución da proteína non só ten un efecto sobre a sustentabilidade, senón que ten outras vantaxes que se logran sen prexudicar os parámetros produtivos dos animais.", afirmou. Nutrición de precisión A recente normativa española xa camiña nesta dirección da redución da porcentaxe de proteína nas racións e pensos. O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece que "para reducir o nitróxeno total excretado e as emisións de amoníaco, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais dos animais, deberán utilizar unha estratexia nutricional e unha formulación de pensos que permitan reducir o contido de proteína bruta da alimentación, e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais segundo a etapa produtiva".
O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece a necesidade de reducir o contido de proteína bruta e unha alimentación multifase que se adapte aos requisitos nutricionais segundo a etapa de crecemento
"Baixar un punto a proteína bruta na formulación de pensos para porcos equivalería a aforrar un 3% de fariña de soia, é dicir, 119.000 hectáreas de superficie de cultivo", aclarou. Eugenio defendeu o que cualificou de "nutrición de precisión", adaptando máis os pensos a cada unha das fases de crecemento dos animais. "Hai que axustar a alimentación ao ciclo produtivo e nivel de crecemento e modificar con rapidez as matrices de formulación e adecualas ás materias primas dispoñibles en cada momento mediante analíticas do seu valor nutricional", indicou. Dentro deste concepto de nutrición de precisión incluíu o sistema de alimentación en explotacións leiteiras con muxido robotizado, xa que o robot suplementa o concentrado incluído na ración en función da produción de cada animal. "Cando se usa só ración con carro unifeed en pesebre dáselle o mesmo penso a unha vaca próxima ao secado que produce 20 litros que a outra que está no pico de lactación con 40 litros", evidenciou. O papel dos aminoácidos en ruminantes Eugenio lembrou que "un estudo realizado hai uns anos polo CIAM concluía que para vacas de 30 litros poderíanse facer racións sen torta de soia sen afectar significativamente a parámetros produtivos", mentres, pola súa banda, Braulio aclarou que "o polo é unha máquina de eficacia de conversión de enerxía fronte á vaca" pero, aínda así, asegurou que "é posible formular para vacas de produción de 14.000 litros de leite sen un gramo de soia", dixo.
É perfectamente factible formular para vacas de alta produción de leite sen un gramo de soia (Braulio Da Rúa, Coren)
En opinión do director de formulación para ruminantes, tanto de leite como de carne, da cooperativa ourensá Coren, "os aminoácidos son neste momento a pedra angular da formulación para poder baixar os niveis de proteína e de nitróxeno expulsado". Poderíase facer penso con menores niveis de proteína en base á utilización destes aditivos, dixo, xa que "mediante a formulación con aminoácidos reducindo a proteína bruta na ración podemos manter a produción leiteira e mellorar a eficiencia de nitróxeno, con efectos positivos en aspectos engadidos como a fertilidade", asegurou, aínda que para iso sexa necesario suplementar determinados aminoácidos porque, por exemplo, "en vacas de leite se eliminamos a soia temos que subir moito a lisina; doutro xeito teremos perdas de leite por non cubrir os niveis de aminoácidos necesarios", advertiu. Tamén defendeu que "hai que afacerse a mirar a pegada de carbono que teñen os pensos" e a empezar a facer a selección dos animais nunha granxa en función do seu grao de eficiencia, medida no caso de gando vacún, como gramos de metano por litro de leite ou quilo de carne producido, xa que, insistiu, "a xenética explica entre un 8 e un 14% das emisións de CH4". O enorme potencial das algas Planta de cultivo de algas en estanques en EEUU Tanto Braulio como Eugenio falaron das distintas alternativas existentes que se abren paso pouco a pouco nestes momentos como consecuencia das limitacións e condicionantes que a UE previsiblemente impoñerá á soia nos próximos anos e outras que como as algas ou os insectos (moscas soldado) atópanse nun estado máis incipiente. Braulio considerou "super interesantes" as algas, xa que achegan "altos niveis de proteína a uns custos asumibles", dixo. "En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. O problema é a variabilidade", insistiu. Aclarou ademais que Coren ten xa experiencia en traballar con este tipo de produtos en fábrica, que se poden presentar en distintos formatos, tales como fariña de algas, algas secas, aceites de algas ou extractos de algas.
En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. Achegan altos niveis de proteína a uns custos asumibles; o problema é a variabilidade
As especies máis interesantes para o seu aproveitamento en alimentación animal serían: Alaria esculenta, Lamirnaria digitata, Pelvetia canaliculata, Cladaphora rupestris, Ulva sp., Mastocarpus stallatus, Porphyra so. e Manifesta palmata. O seu contido en proteínas é variable: algas vermellas entre o 30 e o 40%, verdes sobre o 20% e marróns en torno ao 8%. Destacou tamén a lentella de auga (Lemna minor), unha especie exótica que non está regulada lexislativamente e que pode alcalzar un 30% de contido en proteína, e as microalgas, que para piscifactorías xa está moi avanzado pero "para vacún aínda vai tardar bastante polo tema de custos", asegurou. As microalgas son un grupo heteroxéneo de microorganismos que sería posible cultivar en tanques e que no caso de especies como a Spirulina platensis pode alcalzar valores de entre o 60 e o 70% de proteína bruna. A principal vantaxe das microalgas radica no seu perfil de aminoácidos, xa que nalgunhas das especies estudadas é comparable ás mellores fontes de proteínas tradicionais. Produtos estacionais Todos os participantes no webinar avogaron por complementar a soia con outras fontes de proteína alternativas para reducir a dependencia da importación (o autoabastecimiento de fariña de soia na UE é só do 3%). Entre outras posibilidades estarían outras materias primas de orixe vexetal, como os chícharos, veza, xeros, almortas ou algarrobas, que permitirían impulsar o cultivo na área de influencia de fabricación e consumo, aínda que para substituír a soia importada por sementes proteicas un dos desafíos é mellorar a súa dixestibilidade para obter un rendemento equivalente á fariña de soia de referencia. En relación ao uso destas materias primas proteaxinosas para a fabricación de pensos, impulsadas desde Bruxelas, Eugenio indicou que "a política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar".
A política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar
Para Braulio, moitos produtos de proximidade son estacionais e moitos deles non se poden almacenar facilmente. "É imposible meter bagazo de cervexa, que é un produto cun contido en proteína de entre o 20 e o 30%, nunha fábrica de pensos pero pode ser administrado a nivel de granxa, o problema é a dosificación por animal e día e a variación na súa función nutricional", asegurou. Dentro dos subproductos da industria alimentaria atoparíase tamén a pulpa de tomate (cun contido proteico de entre o 18 e o 22%), a pulpa de mazá procedente da fabricación de sidra, a pulpa de remolacha ou o soluble de melaza condensada (mosto da fermentación aeróbica de melaza cunha proteína bruta do 44%) procedentes da industria azucreira, a fariña de galleta, os soros lácteos procedentes da fabricación de queixos e a torta de limón da industria química, aínda que fóra da pulpa de tomate e o soluble de melaza condensada son materias primas con baixos contidos proteicos (inferiores ao 10%). En revisión o uso de PATs Actualmente non está permitido na Unión Europea para a alimentación de gando a utilización de Proteínas Animais Transformadas (PATs), prohibidas en maio de 2001, a raíz do mal das vacas tolas, a través do Regulamento 999/2001 polo que se establecen disposicións para a prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles. Con todo, si que se permite a importación de produtos cárnicos e pesqueiros procedentes de animais alimentados con PATs derivadas de non ruminantes e a inclusión de proteínas derivadas de leite, ovos, xelatinas e proteínas hidrolizadas en todas as especies así como as fariñas de peixe e de sangue de non ruminantes na alimentación de non ruminantes.
A reintrodución das proteínas animais, prohibidas a raíz do mal das vacas tolas, é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia
"Nestes momentos está en revisión a normativa sobre uso de Feed Ban e PATs de non ruminantes para alimentación animal, algo se está movendo en Europa neste sentido", avanzou María Victoria. A reintrodución das proteínas animais é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia. A partir de 2014 autorizáronse na acuicultura e a Comisión Europea estuda nestes momentos a posibilidade de dar luz verde á utilización de PATs de non ruminantes na alimentación de aves e porcos, evitando a alimentación con fariñas da mesma especie. Outra normativa en discusión desde hai anos na Unión Europea é a relativa aos transxénicos. "Aos Organismos Modificados Xeneticamente non hai que terlles medo, poden ser unha boa solución. Desde o Ministerio pensamos que non se deben demonizar os OXM nin rexeitalos no noso día a día, esa é a posición do Goberno de España desde hai anos, pero hai determinados países europeos que non son partidarios dos OXM", recoñeceu a representante da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.

Escenario futuro con escaseza de materias primas, maior demanda e normativa europea de sostibilidade de importacións

Despois dos cereais, a segunda fonte de proteínas en Europa está representada pola fariña de colza, soia e xirasol, que supoñen o 26% das fontes de proteína en pensos no conxunto da UE, onde o ano pasado se produciron 10,7 millóns de toneladas de colza, 1,1 millóns de toneladas de soia e 3,9 millóns de toneladas de xirasol. Con estas producións, a UE logra un nivel de autoabastecimiento do 79% de colza e un 52% de xirasol pero só dun 3% no caso da soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína. A Comisión Europea atópase en fase de elaboración nestes momentos de nova normativa en relación á importación de soia, que obrigará a maior trazabilidade aos fabricantes para garantir que esta materia prima non procede de zonas deforestadas para o seu cultivo. Espérase que o proceso de redacción da nova regulación europea vaia rápido e que o novo marco lexislativo se aprobe en 2023.
A nivel europeo un terzo dos alimentos que consomen os animais de granxa son pensos
"Están por chegar novos elementos normativos que van ingresar ao marco lexislativo comunitario en 2023. A comunicación saíu da Comisión este ano, estamos nos inicios. Van impoñer comprobar se as nosas materias primas proceden de deforestación ou non. As autoridades comunitarias queren chegar a cadeas de abastecemento libres de deforestación pero a CE non sabe tampouco realmente como facelo, xa que acabar coa deforestación é un obxectivo moi conceptual, pero despois hai que facelo operacional. Non sabemos aínda o que vai propoñer a Comisión o ano que vén, que é cando fará a primeira proposta de nova normativa", explica Anton van dean Brink, da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (Fefac), que engade que "o 77% da soia importada non está ligada a deforestación".
Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas deforestadas
A Unión Europea tenta dar resposta deste xeito a unha preocupación social cada vez maior que demanda decisións á comunidade internacional en prol do medio ambiente e o mantemento da biodiversidade no planeta. De feito, Nacións Unidas fixouse como obxectivo no seu Plan Estratéxico para os Bosques 2030 aumentar nun 3% a superficie boscosa mundial. Seguindo este obxectivo, na Estratexia da Granxa ao Garfo, presentada pola Comisión Europea o pasado mes de maio, búscase incentivar o consumo de produtos de cadeas de subministración libres de deforestación e reducir a compra de materia prima internacional. A Unión Europea exixirá a partir de 2023 que a soia importada non proceda de zonas deforestadas Aumento da poboación mundial e sustentabilidade O imparable crecemento da poboación mundial, que pasou de 2.000 millóns de habitantes en 1930 a 4.000 millóns en 1975, 5.300 millóns en 1990, 7.300 millóns en 2015 e seguirá aumentando exponencialmente, segundo as previsións da ONU, ata chegar aos 9.700 millóns en 2050 e os 11.200 millóns de persoas en 2100, está a incrementar as necesidades de alimentación, tanto humana como animal. A FAO estima que o consumo de carne aumentará nun 76% para o ano 2050, duplicándose o consumo de carne de aves e incrementándose un 69% a de vaca e un 42% a de porco. Tamén se prevé un incremento no consumo de proteína láctea do 58%.
En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional
O incremento das explotacións gandeiras e o aumento da necesidade de materias primas supón un aumento da superficie de cultivo e da necesidade de fertilizantes. Todo iso contribúe a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro e á contaminación de acuíferos. Segundo os cálculos da ONU, o sector agrogandeiro será responsable en 2050 do 45% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, triplicando o 15% actual. En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional para poder pasar dos 360 millóns de toneladas de soia de produción prevista en todo o mundo en 2020 aos 520 millóns toneladas en que se estiman as necesidades futuras. Competencia entre alimentación humana, animal e biocombustibles En 1987 Nacións Unidas empeza a falar de sustentabilidade no Informe Brundtland, alertando sobre as consecuencias negativas da globalización e os problemas derivados da industrialización e o aumento da poboación mundial. O índice de prezos dos alimentos da FAO, que se publica mensualmente, fai un seguimento dos prezos e existencias internacionais dos produtos alimenticios máis comercializados. No seu último informe prevese unha utilización mundial de cereais en 2020/21 de 2.744 millóns de toneladas, un 2% máis que no ano anterior. Máis da metade desa cifra corresponde aos cereais secundarios, cuxa utilización se prevé que se situará en 1.477 millóns de toneladas, mentres que se estima que a utilización de trigo alcanzará os 757 millóns de toneladas, cun aumento impulsado por un maior consumo en China e a India. Tamén se prevé que a utilización mundial de arroz alcance un novo récord de 510,5 millóns de toneladas. Coa demanda de utilización de materias primas en máximos históricos motivado polo aumento de necesidades tanto para alimentación humana como animal, increméntase a demanda social e dos Gobernos de distintos países para empregar produtos para fabricar pensos que non entren en competencia directa coa alimentación humana, así como a aceptación do uso de subproductos ou a reutilizacion de antigos alimentos procedentes da industria e a distribución alimentaria para dar para comer aos animais. A redución do uso de combustibles fósiles e a súa substitución por fontes renovables supuxo ademais un novo elemento de competencia a maiores pola utilización de determinadas materias primas e terras de cultivo destinadas a combustibles verdes. A Directiva Europea sobre biocombustibles provocou, por exemplo, un aumento na produción de fariña de colza e fariña de xirasol e levou a procesar 6,5 millóns de toneladas de maiz e 3,3 millóns de toneladas de trigo para producir biodiésel e etanol.

“Temos que pensar moi ben onde plantamos eucalipto, para non xerar un problema ambiental grande”

Doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e na Universidade Rei Xoan Carlos, en Madrid; Fernando Valladares leva a cabo, ademais, un importante labor de difusión científica. O impacto que o cambio climático e a acción humana teñen nos ecosistemas é un dos temas centrais das súas investigacións e artigos divulgativos. Nos últimos meses destacou a claridade das súas explicacións sobre o papel protector da natureza fronte ameazas para o ser humano coma o coronavirus. Con el coñecemos tamén as implicacións que a actividade agrogandeira e forestal ten no medio ambiente. -En máis dunha ocasión dixo que a vacina para o coronavirus a tiñamos nos nosos ecosistemas, que conexións hai entre a perda de biodiversidade e a aparición de novas enfermidades e pandemias como a do Covid-19? -As conexións son moito maiores do que pensabamos. Nunca foramos tan conscientes de que ter suficientes ou un amplo número de especies nos ecosistemas reducía moito o risco de zoonose [infeccións]. Hai casos de estudos que o demostraron, como as enfermidades de Lyme, na costa este de Estados Unidos, ou a do virus do Nilo. Neste último caso era a diversidade de aves o que baixaba o risco de zoonose significativamente na especie humana. Na enfermidade de Lyme, onde a responsable é unha bacteria, tamén ocorría que a falta dalgúns animais típicos como a sarigüé facía que predominase o rato, que ten unha carga de patóxeno maior, co que acababa pasando con maior frecuencia e perigo á especie humana. Isto son só dous exemplos, pero hai moitos nos que a presenza doutras especies actúa como un cortalumes natural ao contaxio humano. -¿Esa mesma función de cortalumes natural é a que realiza o lobo coa tuberculose no xabaril? -Non exactamente. Neste caso é un exemplo de como a regulación cun predador, o lobo, mantiña os niveis de tuberculose animal moito máis baixos. Así, o xabaril mantíñase en números moi similares se era controlado polo patóxeno, pola tuberculose, ou se era controlado polo lobo. A diferenza radicaba en que coa presenza do lobo os niveis de infección eran moi baixos, co cal o risco de contaxio para animais domésticos e outros elementos da cadea trófica, era tamén menor. A tuberculose animal non pasa, polo momento, á especie humana, pero afecta significativamente a outros animais domésticos e salvaxes coma linces, zorros ou otros mamíferos. Sen o lobo comprobouse que a presenza do patóxeno era moito maior, o que supuña un risco tamén máis elevado para todo o conxunto do ecosistema.
“A biodiversidade constitúe as pezas necesarias do ecosistema para que funcione”
-Aínda é posible dar marcha atrás, ou a saúde destes espazos naturais está demasiado danada para seguir ofrecendo protección ante virus e patóxenos? Cales son as claves para recuperar a biodiversidade? -Dar marcha atrás para algunhas especies xa non será posible porque se extinguiron, e iso é irreversible. Con todo, a función dalgunhas especies pódese ir recuperando por outras. Mantendo un ecosistema máis rico en especies a probabilidade de que se atopen substitutos funcionais é moito maior. A conservación, a protección da biodiversidade, a introdución, en ocasións, de especies claves, pode ter un efecto acelerador para a recuperación da biodiversidade e a funcionalidade. A biodiversidade constitúe as pezas necesarias do ecosistema para que funcione, que realice funcións como amortecer a carga vírica, reducir o risco de zoonose, pero tamén amortecer extremos climáticos e outro tipo de servizos relacionados coa nosa saúde ou comerciais como é a produción de madeira, captar CO2, regular o ciclo hidrolóxico, a polinización... Todo iso conséguese en ecosistemas que funcionen e para iso é imprescindible que conte con todas as pezas necesarias. -En que liñas se pode incidir para que esta aposta pola biodiversidade sexa compatible co aproveitamento económico do medio natural? -Témome que a única forma é baixar un pouco as nosas expectativas de produción a curto prazo. Conseguirémolo no momento no que baixemos a presión por producir en grandes cantidades, por exemplo, alimentos ou madeira; e teñamos unha visión máis a medio-longo prazo da sustentabilidade de todo o sistema. Trátase de non acabar coa galiña dos ovos de ouro: non acabar coa produción a longo prazo por maximizar uns anos de bonanza. Realmente, esa produción tan intensa tanto en sistemas gandeiros como forestais ou en sistemas naturais, pero moi intervidos, provoca unha perda de diversidade tanto xenética dentro das especies, como deses mecanismos que permiten que o ecosistema realice máis dunha función.
“Temos que apreciar a multifuncionalidade que nos ofrece a natureza, en lugar de querer maximizar a produción, xa que iso non é sustentable”
Nós tendemos a reducir as funcións a unha ou a dúas e a maximizar a produción para esa función e así non é como funciona a natureza, iso non é sustentable. Temos que apreciar a multifuncionalidade, aproveitar que a natureza pode facer máis dunha función, o que permite que o sistema sexa máis resilente, capaz de soportar perturbacións no futuro, que sexa máis sustentable, máis autónomo, polo que se precise mesmo menos diñeiro para mantelo. Todas estas vantaxes só chegan se non estamos obsesionados por maximizar unha ou dúas funcións, ben sexa a produción de madeira ou agrogandeira baseados en sistemas moi intensivos. -Que papel xogan a agricultura e a gandaría nesta recuperación? Son un aliado para a recuperación de ecosistemas? -Desde logo que poden selo, dependendo de como se leven a cabo. A agricultura moi tradicional, a que facían os pobos nativos nos Andes nunha economía de escala local, apoiábase nunha gran diversidade. Iso facía que houbese variedades para cada microclima. Agora, todo iso vaise perdendo e pretendemos pór a mesma especie, ademais sendo xeneticamente moi homoxénea, en todo o territorio, porque é a especie que coñecemos e queremos sacarlle o máximo partido. Isto obríganos a crear unha contorna moi artificial, é coma se quixésemos criar porco ibérico na tundra, sería unha crianza totalmente artificial porque non se dan as condicións necesarias. Recuperar unha certa naturalidade e resignarnos a que non todas as especies que nos gusten ou aquelas que teñamos máis estudadas, pola súa produción, sexan as que haxa que pór en todo tipo de territorios é unha vía de medio e longo prazo moito máis sensata e sustentable. A curto prazo, estes modelos pasan por unha redución da produción, pero se integramos a produción sostida durante moitos anos entre os cales houbese efectos de seca e pragas seguramente as diferenzas no volume de produción se vaian atenuando, á vez que sumamos outras funcións que realiza un bosque, un cultivo, un sistema agrosilvopastoral ou explotacións gandeiras extensivas. -En que debería mellorar a gandaría española intensiva en materia ambiental? -A gandaría intensiva, en realidade, é artificializar o natural e non vai polo bo camiño. Teriamos que limitala a aqueles casos nos que non quede outra alternativa. Debemos abrir a gandaría intensiva a formas máis compatibles co medio ambiente e a sustentabilidade ambiental. A pegada ambiental das gandarías intensivas é tan grande que se mide en algo tan importante como a auga, ademais de que seguen sendo altamente demandantes de antibióticos e fármacos. Todo isto dá forma a unha pirámide artificial á hora de producir baixo estes modelos.
“Debemos ir transformando os sistemas intensivos en extensivos, porque teñen maior grao de compatibilidade con outras funcións que proporciona o medio”
Aínda que teñamos tecnoloxía para manter este tipo de produción, se no cómputo engadimos a pegada ambiental que provocan non saen as contas. Polo momento, os estados van compensando dunha forma indirecta e difusa ese custo ambiental. En xeral, debemos ir transformando os sistemas intensivos en extensivos, porque teñen maior grao de compatibilidade con outras funcións que proporciona o medio e unha pegada ambiental tamén máis reducida. -Tanto en agricultura como en gandaría, en moitas zonas de España, estas actividades están a sufrir importantes perdas pola acción da fauna salvaxe sobre colleitas ou gando. É tamén un dano colateral dunha perda de biodiversidade? Como chegamos a esta situación? -Realmente estes ataques, polo momento, non supoñen aínda unha contía económica moi elevada, aínda que é certo que aos gandeiros que lle afecta nas súas ovellas ou as súas vacas supón unha perda importante, pero para iso xa se habilitaron mecanismos de compensación. A idea é seguir afondando nestas medidas, para que o gandeiro non pague polos efectos colaterais da biodiversidade. Tamén hai unha certa picaresca por parte dunha parte do sector que busca compensacións aínda que non tomase as medidas necesarias para reducilos ou evitalos ou que pretende atribuír á fauna salvaxe perdas por outras causas. As dimensións do problema agora mesmo a escala do territorio non son tan grandes e temos outros problemas máis graves.
“Tendemos a ver as políticas de conservación ou reintrodución de especies coma un gasto, no canto de valoralas coma un investimento”
-Como se perfila a solución? Esta problemática pódese abordar mediante unha xestión das políticas de compensación, baseadas na transparencia e a honestidade dos censos tanto da carga de gando e da fauna salvaxe. É verdade que a rendibilidade económica a curto prazo pódese ver reducida, pero a medio-longo prazo, unha vez máis, todos saímos beneficiados. Temos tendencia a pensar que políticas como a conservación e reintrodución de especies coma o lobo teñen un gasto, pero, en realidade, hai que empezar a valoralo coma un investimento. Ninguén pensaba, por exemplo, que a tuberculose animal a ía a regular o lobo. Está claro que non se reintroduce un lobo para que regule esta enfermidade, pero entre as múltiples funcións que realiza un lobo nun ecosistema está a de reducir a carga de patóxenos. En xeral, un ecosistema con todas as escalas tróficas e niveis é garantía de que pode realizar máis funcións aínda que non maximice individualmente ningunha delas.

“Os bosques mixtos crean unha barreira natural fronte a pragas”

-E en materia forestal, é contraproducente a repoboación dos bosques pola perda de biodiversidade que xera? -Hai moitas formas de repoboar, coma todo, pódese facer ben ou mal. Hai repoboacións que non se fixeron ben dende un punto de vista ecolóxico, que poden estar ben feitas estritamente para a obtención da madeira. Non podemos pensar que ter unha única especie sexa un bosque, iso é unha plantación. A gran diferenza entre un e outro é que un bosque é un ecosistema e unha plantación é un artificio humano, e non podemos pretender que esta realice nin a enésima parte das funcións que realiza un ecosistema natural ou seminatural. Un dos principios básicos en silvicultura é favorecer bosques mixtos, na medida do posible. Nas nosas latitudes, os bosques non teñen moitas especies forestais, pero abonda con que haxa 3 ou 4 especies e non se cinga a só unha. Esta variedade ofrece moitas vantaxes xa a medio-longo prazo, posto que permite que se regulen de forma natural fronte a pragas, ao crear as distintas especies unha barreira entre si, a diferenza do que ocorre na plantación dunha única especie. É o caso, por exemplo, das plantacións de piñeiros, onde a maioría de razas son susceptible da procesionaria. No canto de contar cunha plantación uniforme só de piñeiros, se se alterna con especies que non sexan coníferas, coma as sobreiras, fai que a praga non atope continuidade e, aínda que afecte a individuos a afección global é moito menor. -Pode compensarse o impacto que xeran na biodiversidade do ecosistema as plantacións forestais de crecemento rápido, coma o eucalipto, co seu papel como sumidoiros de carbono? -Non hai ningunha especie boa ou mala. O eucalipto foi moi demonizado porque ten impactos ambientais moi graves; como as características químicas das súas follas, que volven o chan moi acedo e moi pouco favorable á descomposición e á sustentabilidade natural. Ademais, é unha especie á que lle custa consolidar o chan e ten unha elevada necesidade de auga. O eucalipto ten graves problemas pero, indubidablemente é unha fonte de materia de polpa de papel e madeira e pode ser unha opción válida para o territorio.
“Non hai que pensar en eliminar por completo o eucalipto, pero tampouco se pode seguir na liña que se fixo en grandes zonas de Galicia”
Non hai que pensar en eliminar por completo o eucalipto, pero tampouco se pode seguir na liña que se fixo en grandes zonas de Galicia ou da costa norte de España pensando nestas plantacións como unha panacea económica, porque estas especies de crecemento rápido permiten recuperar o investimento, pero non son accións favorables para o ecosistema. Se somos capaces de realizar unha boa ordenación do territorio hai sitio para os eucaliptos, a pesar de que é unha especie moi pouco nativa no territorio español, onde non existe outra especie similar autóctona. Por exemplo, no caso do piñeiro, atopámonos con plantacións exóticas como o piñeiro de Monterrei (California), pero ao ser piñeiro polo menos ten certas similitudes cos piñeiros autóctonos, mentres que no caso do eucalipto non ten un equivalente autóctono. Temos que pensar moi ben onde metemos eucalipto, sen que se xere un problema ambiental grande. Aínda que é certo, que as plantacións de eucalipto, coma outras de rápido crecemento, teñen a vantaxe de ser bo sumidoiro de carbono, hai que ter en conta que, ás veces, o ciclo de vida desa madeira é tan curto que case é entreter un pouco ao carbono mentres pasa dun lado a outro. Non é o mesmo que en madeiras como o carballo ou a sobreira, onde o carbono queda acumulado durante moito tempo. As especies produtivas son iso: produtivas; pouco máis van facer ben, e cada vez temos que aspirar a cubrir máis dunha función e conseguir bosques máis resilentes a problemáticas como os incendios. -Que opinión lle merecen os selos de certificación forestal, son garantía de biodiversidade, posto que na actualidade céntranse en certificar plantacións de monocultivo? - Son garantía do que di o contrato de certificación forestal. Non hai dúas axencias que certifiquen o mesmo. Moitas veces certifican a orixe e iso xa é importante posto que ás veces fixéronse repoboacións con variedades xenéticas procedentes de zonas moi afastadas ou moi empobrecidas. A existencia dunha axencia de certificación xa supón un primeiro paso en asegurar que a procedencia é correcta e que se cumpriron unhas determinadas condicións de diversidade xenética. Isto é un primeiro paso, pero queda aínda moito por facer, hai que ver como se planta ese bosque, como se coida, a presenza doutras especies ou se se compatibiliza con outros usos que non sexa só a produción de madeira. Todo iso lévanos a que gañe como bosque e que non quede nunha plantación de madeira.
-Nos últimos anos púxose o foco na agricultura e a gandaría como factores que contribúen ao cambio climático polo uso que fan da terra. Agora coa crise do coronavirus evidenciouse que o seu impacto en materia de emisións é bastante máis reducido que o doutras actividades, son realmente preocupantes as emisións da actividade agrogandeira e forestal? -Si, son preocupantes, xa que debemos de multiplicar as emisións que xeran estas actividades pola inmensa superficie que ocupan. Pensemos que actividades tan sinxelas como queimar restrollos ou remover o chan provoca emisións de efecto invernadoiro. Aínda que esta cantidade non sexa moi elevada, cando se multiplica polos millóns de hectáreas en todo o mundo que ocupan o sector agrogandeiro e forestal teñen un impacto notable. Díxose moitas veces que os bosques teñen esa función de sumidoiro de carbono e de compensar emisións, e aínda que é verdade que a teñen, xa chegou un pouco ao seu teito. É certo que se pode mellorar esta capacidade dos bosques con reforestacións, hai marxe de mellora, pero en verdade temos máis que mellorar en canto ás nosas actividades económicas asociadas.
“Non podemos esixir ós agricultores e gandeiros prezos baixos e unha produción máis sostible. Ten que ser un esforzo de todos”
Se nós para producir un quilo de proteína animal temos que pór en movemento determinada maquinaria estamos indirectamente emitindo unha cantidade importante de CO2 para producir ese produto. Por iso, a agricultura máis local, que ten unha escala na que adoita sacrificarse o volume de produción, permite reducir moito a pegada hídrica ou de carbono por cada quilo de produto. Esa é unha misión que non podemos pedir só aos agricultores ou gandeiros, non podemos pretender que sexan eles os que manteñan os prezos baixos e esixirlles unha produción máis respectuosa. Ten que ser un esforzo de todos, no que se deixe atrás a produción de comida barata, porque ten unha pegada ambiental tremenda, que polo de agora parece non estar a repercutir en ninguén, xa que non a asume nin o produtor, nin o distribuidor nin o consumidor. Ademais, proporciona o espellismo de que estamos a producir tomates a 80 céntimos, pero se lle sumamos a súa pegada hídrica e de carbono o seu prezo incrementarase. Temos que ser conscientes diso no noso día a día, cando compramos, por exemplo, un mango procedente de Perú a 3 euros. Debemos ter presente de que ese non é o seu prezo real, tendo en conta o seu custo ao medio ambiente polas emisións que xerou tanto a súa colleita como o seu traslado. Se pagásemos 300 euros por ese capricho, e ese diñeiro a maiores se destinase a un fondo ambiental, poida que estivésemos a empezar a compensar e poderiamos permitirnos seguir facendo algunhas destas excentricidades enerxéticas, xa que son un auténtico disparate a nivel ambiental.