Archives

Programa de actividades da EFA Fonteboa para o segundo trimestre

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) vén de presentar o seu programa de formación para o segundo trimestre do ano. Para máis información chamar ao teléfono 981733051 ou enviar un mail a fonteboa@efagalicia.org Velaquí o programa completo:

A industria láctea prevé unha Galicia coa metade de granxas e máis produción de aquí a dez anos

Participantes no II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030” Unha Galicia de aquí a dez anos cun incremento da produción de leite, representando máis do 50% do total de España, pero con entre 2000 e 3000 ganderías menos, fronte ás arredor de 5600 que hai neste momento. Este é o escenario que ten en perspectiva a industria láctea para os vindeiros anos e ao que terá que adaptarse, coas implicacións que iso suporá en canto a relacións contractuais estables coas ganderías. De momento, a “fidelización” das granxas proveedoras é un obxectivo común para a maior parte do sector industrial para asegurarse o suministro de leite a presente e a futuro. Así se puxo de manifesto esta mañá na terceira e última xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”, organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Se a primeira xornada estivo adicada á debater sobre os retos de sustentabilidade (económica, social e medioambiental) para as ganderías de vacún de leite, e a segunda á análise dos mercados de produtos lácteos, a terceira xornada deste venres serviu para que representantes de sete importantes industrias lácteas de Galicia (Lactalis, Grupo Lence, Queserías Entrepinares, CLUN, Inleit, Naturleite e queixerías TGT) presentasen as súas prioridades na relación cos produtores, asi como a súa análise do sector. Xa pola tarde, o II Foro Empresarial Lácteo concluíu coa presentación do libro “El sector lácteo en España”, a cargo de Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo.

Lactalis: “Nos próximos 7 anos contamos con que entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia”

Por parte das industrias lácteas a súa previsión é que a produción se concentre máis en Galicia, polas súas boas condicións para a produción de forraxes, existencia de tradición gandeira e de servizos para o sector (veterinarios, maquinaria, centros de investigación...etc), incrementando o seu peso do 41% actual ao 50% do total do estado. Neste sentido, Juan Manuel Fiz, xefe de compras de Inleit pronosticou que “de aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España, pero iso si, con entre 2000 e 3000 ganderías, máis eficientes e con relevo xeneracional”. Ante a pregunta sobre que pasará co arredor do 1 millón de toneladas de leite que actualmente se concentran nas ganderías dos estratos con pequenas ou medianas produccións, Juan Manuel Fiz considerou que "non hai que dramatizar que desaparezan granxas porque normalmente as terras e as vacas acaban sendo adquiridas ou alugadas por explotacións con relevo e polo xeral con maior eficiencia, polo que mantemos ou incrementamos a capacidade produtiva".
Juan Manuel Fiz (Inleit): "De aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España"
Na mesma liña se pronunciou Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis en Galicia: "Si que contamos con que nos próximos 7 anos entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia, pero a produción vaise manter ou incrementarse". A representante da principal industria láctea da comunidade engadiu que "estamos en Galicia nunha taxa do 6% de desaparición anual de granxas de vacún de leite, mentres que a media española está no 6,5%, co cal non é moi diferente a evolución". Recoñeceu que este proceso obrígaos como industria a incidir máis na fidelización das ganderías proveedoras, para asegurarse o subministro presente e, sobre todo, futuro. Non obstante, subliñou que "nós non podemos dicirlle a un provedor que non peche a granxa se o seu fillo non quere seguir". "Estamos falando de que neste momento o investimento medio para construír un establo novo é de 7000 euros por vaca, e coas novas esixencias que veñen pode subir até os 10000 euros, polo que é comprensible que, se non hai relevo garantido nunha explotación, os propietarios se boten atrás á hora de facer unha ampliación e medrar", subliñou.

Rafael García (CLUN): "Boto de menos por parte da administración un plan para reducir o peche de explotacións"

As relacións estables coas ganderías tamén lle interesan á industria láctea para manter a súa eficiencia produtiva e reducir custos. Asi o destacou Rubén García, responsable de compras en Galicia de Queserías Entrepinares: "Como empresa interésanos fidelizar aos gandeiros para ter menos riscos de cara ao futuro. Ademáis, se cambiamos de explotación con frecuencia estamos perdendo eficiencia como industria láctea". Unha visión diferente aportouna Rafael García, responsable da cooperativa CLUN na comarca de Ames e Negreira, xa que precisamente boa parte das ganderías socias da cooperativa son do estrato medio en canto a produción. "Eu boto de menos unha actuación por parte da administración para frear o peche desas 2000 ou 3000 ganderías que se prevé que cesen a actividade nos próximos anos. En Francia, Suíza ou Italia o que fixeron é limitar en parte os queixos amparados con Denominación de Orixe ou IXP aos elaborados con leite producido en base a pasto, o que axudou a que os prezos se sitúen incluso nos 0,70 euros o litro e favorece que se manteñan moitas ganderías de pequeno e mediano tamaño e en zonas de montaña", apuntou. Na mesma dirección de apoiar o mantemento das pequenas e medianas ganderías, Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis, defendeu que o Goberno permita que os establos con vacas trabadas podan seguir activos. "É razoable que exixan a estabulación libre para as novas granxas que se constrúan, pero deberían permitir que pudesen seguir en funcionamento os establos con vacas trabadas, moitos deles con medias de produción moi altas, o que é indicativo de que as vacas poden expresar todo o seu potencial xenético e non están sometidas a estrés. Isto é por exemplo o que fixo a Unión Europea coa soia, que permite seguir importando de terras que foron deforestadas para o cultivo antes de xaneiro de 2021, polo que non ten ningún sentido que non aplique a mesma regra aos establos con vacas trabadas".

Algúns datos clave das principais industrias lácteas de Galicia:

-Cooperativas Lácteas Unidas: Uns 150 millóns de litros recollidos no 2023 dunhas 300 ganderías socias. Algo máis de 240 millóns de euros de facturación, entre pensos, leite e outros servizos. -Queserías Entrepinares: Maior fabricante nacional de queixo, o 80% del comercializado a través de Mercadona. Procesan na súa queixería de Vilalba algo mais de 250 millóns de litros de leite, dos que algo máis de 200 son recollidos a 170 ganderías galegas. -Inleit: Na súa planta de Teixeiro (Curtis) descompoñen o leite por procedementos físicos en nata, proteínas, lactosa e minerais, que venden a outras industrias alimentarias. Exportan o 70% destes derivados a fóra da Unión Europea. Aínda que o proxecto inicial estaba destinado a elaborar produtos secos, cada vez máis están comercializando máis produtos frescos, como natas, a outras industrias alimentarias de España e da Unión Europea, debido aos menores custos enerxéticos de elaboración. -Lactalis: Multinacional familiar francesa e principal industria láctea de Galicia, con dúas plantas en Vilalba e Nadela. En Galicia recolleron no 2023 un total de 508 millóns de litros a 1179 ganderías. -Naturleite: Empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP e cunha planta en Meira na que envasan leite UHT e leite fresco para Mercadona, un produto en aumento que xa representa o 20% da súa produción. Recollen en Galicia uns 165 millóns de litros. -Leite Río: Segunda empresa en volume de recollida en Galicia, con 475 ganderías que lle subministran leite. O pasado ano facturaron 260 millóns de uros, o dobre que en 2028. -TGT: A queixería Teodoro García Trabadelo comprou dúas queixerías na Pereira (Mazaricos) dedicada a queixo barra e queixo Tetilla e outra no concello coruñés do Pino especializada en queixo Arzúa Ulloa. En toda España en 2023 facturaron uns 500 millóns de euros. 1 de cada 4 queixos que se comericalizan en España é do grupo TGT. O 60% do queixo que comecializan é español -o 20% del é elaborado polo propio grupo TGT e o resto comprado a outras industrias queixeiras- e o 40% do restante é importado doutros países, polo que consideran que existe moita marxe de mellora para incrementar a produción de queixo en España.

“O caderno dixital ou a condicionalidade da PAC van ser de obrigado cumprimento, si ou si”

A normativa europea que emana do Pacto Verde, un acordo acadado entre todos os estados membros da UE para loitar contra o cambio climático, como é o caderno dixital, a condicionalidade, os ecoesquemas, o real decreto de nutrición sostible de solos ou as novas esixencias en benestar animal van ser de obrigado cumprimento, por moito que o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea se viran agora obrigados a aprazar a súa entrada en vigor obrigatoria, ante as protestas dos produtores. Así, o avanzou este luns o xefe de área do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), José Luis Acción Porto, na primeira xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”  que esta semana se celebra no concello coruñés de Coristanco. José Luis Acción presentou unha ponencia sobre a adaptación dos produtores lácteos á normativa vixente. Como punto de partida, defendeu que “Galicia é unha rexión privilexiada para a produción de leite, e así o ven tamén as industrias lácteas, pois reunimos unhas óptimas condicións climáticas para a produción de forraxes, un nivel xenético e tecnolóxico nas granxas que é punteiro e un capital humano cunha elevada capacitación. Pero tamén porque en Galicia só estamos empregando un 50% da superficia agraria útil (SAU) que temos dispoñible, polo que temos moita marxe para seguir incrementando a produción de leite e de forma sustentable nos vindeiros anos”. Sen embargo, recoñeceu que a falta de ordenación do territorio levou a que os produtores galegos saisen perxudicados nas axudas da PAC. “Para as ganderías de vacún de leite as axudas da PAC veñen representando entre 0,02 e 0,03 euros por litros, ou o que é o mesmo sobre o 11% dos ingresos, que nos momentos de baixos prezos do leite permítelles manter as rendibilidade das explotacións”. “Non obstante, -advertiu- na nova PAC, as explotacións máis intensivas, con máis carga gandeira en relación a superficie que poden declarar na PAC -o ideal é 2 UGM por hectárea- , van ser máis perxudicadas nas axudas. A iso temos que engadir que polo proceso de converxencia, os dereitos de vacún de leite vanse ver recortados para irse equiparando con outros sectores con menor valor dos dereitos”. Neste sentido, destacou que a gran materia pendente é incrementar a base territorial declarada na PAC das gandarías de vacún de leite galegas intensivas, que representan a maior parte da produción da comunidade.

Caso práctico: Unha gandería de vacún de leite que decidiu apostar por producir a baixo custo

A continuación, os participantes na xornada -uns 60, entre gandeiros, técnicos e estudantes- analizaron o caso práctico dunha gandería galega de vacún de leite que decidiu apostar pola producion a baixo custo para ser máis sustentable no tempo. En concreto, pasou de 8000 a 5.900 litros de producción por vaca e ampliou a súa base territorial declarada ata as 105 hectáreas de forma que a carga gandeira reduciuna a 2,16 UGM, unha decisión que nun contexto de bos prezos do leite non foi entendida por boa parte dos participantes. “Neste caso o propietario decidiu producir menos leite pero cun baixo custo de produción co cal a marxe por litro de leite é maior e está menos exposto a entrar en perdas en caso de que baixe o prezo do leite”, argumentou o responsable do FOGGA. Seguindo esta liña, a continuación, Aurelien Léray, un gandeiro francés de 35 anos, presentou a súa explotación de vacún de leite en ecolóxico. A súa granxa, situada na Bretaña francesa, e que mercou a un gandeiro que non tiña relevo -unha forma de transmisión moi común en Francia- por 220000 euros, conta con 56 hectáreas e 60 vacas cruzadas. “As vacas están fóra todo o ano e o pasto supón o 80% do que comen. Ese manexo é a clave para que a granxa sexa rendible, porque o o máis importante é a marxe que me queda do leite que produzo”, defendeu. No seu caso, a media é de 4500 litros por vaca e ano que vende á cooperativa Biolait. O prezo medio neste momento está moi baixo, nos 0,45 euros o litro, prácticamente igual que en convencional, debido á crise do leite ecolóxico en Francia motivada por unha producción que se incrementou por riba do que medrou o consumo. Por último, Jesús Combarro Pereira, responsable do sector agrogandeiro en Abanca, pechou a primeira xornada do Foro Empresarial Lácteo cunha ponencia sobre o reto da sustentabilidade e o seu impacto no financiamento. Combarro explicou que, paradoxalmente, a Comisión Europa non considera á agricultura e á gandería como sectores sustentables, o que fai que non se podan acoller aos beneficios do chamado “financiamento verde”. “Si que podemos incluír o financiamento de enerxías renovables nas granxas, para reducir a pegada hídrica ou para agricultura e gandería ecolóxica. En todo caso, dende Abanca, facemos un esforzo para que o agricultor ou gandeiro poda beneficiarse todo o posible do financiamento verde”, destacou.  O II Foro Empresarial Lácteo continuará este mércores cunha xornada dedicada á análise dos mercados internacionais dos produtos lácteos e a súa repercusión nos produtores e o venres será a quenda de abordar a relación entre industrias e produtores. 

O II Foro Empresarial Lácteo abordará os retos das ganderías galegas de vacún de leite de aquí ao 2030

O II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030” celebrarase os vindeiros 19, 21 e 23 de febreiro no Concello de Coristanco. Organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, o foro está dirixido a profesionais dos sector (gandeiros, persoal técnico, empresas transformadoras, investigadores, estudantes...etc) e contará coa participación de destacados expertos a nival nacional e internacional. A inscrición pode realizarse online a través desta ligazón Velaquí o programa:

Xornadas de emprendemento e innovación en empresas de economía social do sector agroalimentario

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza unha serie de xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.   As primeiras das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración co Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) os días 17 e 24 de xaneiro. Esta xornada na EFA Fonteboa contará cunha parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario e charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias. Tamén haberá unha mesa redonda con entidades sociais do sector agroalimentario que aplican a innovación nos seus plans de negocio, así como cunha visita a unha entidade de economía social.  As xornadas teñen tres grupos destinatarios:  1. Produtores primarios locais que queiran incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal para obter produtos alimentarios de calidade.   2. Propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores.   3. Alumnos e alumnas das escolas participantes (a gran parte deles menores de 30 anos) que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.   

Enlace á inscrición

Programa de actividades da EFA Fonteboa para o primeiro trimestre de 2024

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) ven de presentar o seu programa de formación para o primeiro trimestre do ano. Para máis información chamar ao teléfono 981733051 ou enviar un mail a fonteboa@efagalicia.org Velaquí o programa completo:

Curso de control e xestión de resíduos, economía circular e resíduo 0 nas ganderías

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), organiza para este martes, mércores e xoves un curso sobre control e xestión de resíduos, economía circular e resíduo 0 nas ganderías. Velaquí o programa:

Programa Integral de Formación Apícola na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa lanza o seu Programa Integral de Formación Apícola 2023-2024 no que ofrece un completo programa para formarse como apicultor. A formación está organizada en tres módulos: 1- Introdución á apicultura e produtos da colmea 2- Invernada, mantemento e preparación das colmeas 3- Reprodución do apiario e outros produtos da colmea Para inscribirse é preciso chamar ao 981 73 30 51 ou enviar un email a cicapis@fonteboa.es A formación impartirase os martes indicados de 19:00-21:00 horas. E a partir do 8 de marzo as 14:00-18:00 horas. O custo de cada módulo é de 80 € (Socios Asociación EFA Fonteboa 70 €) e do programa completo 190 € (Socios Asociación EFA Fonteboa 160 €). Velaquí o programa completo:

Amplo programa de formación agrogandeira da EFA Fonteboa para o último trimestre de 2023

Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) ven de presentar o seu programa de formación agrogandeira para o cuarto trimestre do ano. Para máis información chamar ao teléfono 981733051 ou enviar un mail a fonteboa@efagalicia.org Velaquí o programa completo:

Xornadas técnicas sobre muxido na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco, organiza ao longo deste mes de outubro unhas xornadas técnicas sobre muxido. As persoas interesadas en asistir poden enviar un email a fonteboa@fonteboa.es ou chamar ao 981 733 051

Curso de capacitación en uso do dron para actividades agrogandeiras e forestais

O Centro de Promoción Rural EFA – Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), inicia este luns, 9 de outubro, un curso de “Capacitación en Tecnoloxía de Drons para a súa Aplicación Práctica nas Actividades Propias do Agro (Agricultura, Gandaría e Forestal)”, enmarcado dentro do Proxecto Iniciativa Xove da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. DronRural é un proxecto destinado a mostrar o potencial tecnolóxico do ámbito agrario e capacitar aos mozos e mozas para que se convertan en protagonistas activos na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, como os drons. Os días luns 9 e martes 10 de outubro de 2023, en horario de 10:00 a 19:00 horas, DronRural levará a cabo unha serie de talleres deseñados para capacitar á mocidade no uso e desenvolvemento de drons no medio rural. Estas actividades inclúen: 1. Xornada: “Dron e Medio Rural” O obxectivo desta xornada é dar a coñecer a tecnoloxía dos drons á mocidade e ao público en xeral, destacando as posibilidades que ofrecen na agricultura, na gandaría, no turismo, na topografía e na industria forestal. 2. Xornada: “Piloto de Drons” Esta xornada proporcionará información detallada sobre como obter unha licenza de piloto A1-A3 de forma gratuíta e en liña. Abordaranse aspectos administrativos do proceso e ofrecerase orientación para superar o exame. Ademais, establecerase unha canle de comunicación continua para resolver dúbidas relacionadas coa normativa e as licenzas. 3. Taller: “Crea o teu Dron” Este taller ten como obxectivo capacitar aos participantes para construír drons desde cero, adaptándoos ás súas necesidades específicas e ao entorno rural. Os asistentes aprenderán a construír drons de carreiras, drons xenéricos para fotografía/videografía e drons de carga capaces de transportar cargas máis pesadas. Estes talleres son só unha parte dos esforzos de DronRural para capacitar á mocidade en tecnoloxía aérea, mellorar a percepción do medio rural como un lugar de futuro socioprofesional e fomentar o emprendemento en actividades relacionadas coa tecnoloxía. DronRural representa unha oportunidade única para que a mocidade do medio rural se converta en líderes na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, contribuíndo así ao progreso e á revitalización das comunidades rurais.

Máis información: josemanuel.campos@efagalicia.org

Xornada técnica este mércores en Boimorto sobre cultivo de alfalfa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en colaboración con Limagrain, organiza para este mércores, 28 de xuño, unha xornada técnica sobre cultivo de alfalta, unha forraxe cun alto contido en proteína, o que resulta de interese para optimizar a ración en ganderías de vacún de leite. A xornada inclúe unha parte de formación teórica e outra práctica con visita á gandería UGASMA SL, de Boimorto, unha da que xa levan anos cultivando con éxito alfalfa. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 981 733051 ou enviar un email a luis.garcia@efagalicia.org Velaquí o programa:

“O que frea o desenvolvemento do rural galego é a falta de ordenación do territorio e certo complexo de inferioridade respecto ao mundo urbano”

As EFA de Galicia celebran o seu 50 aniversario e para festexar esta efeméride organizarán un evento conmemorativo este xoves no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. En Galicia hai tres Centros de Promoción Rural – EFA: A Cancela (As Neves-Pontevedra), Piñeiral (Arzúa-A Coruña) e Fonteboa (Coristanco-A Coruña), que ao longo destes 50 anos formaron a uns 7.000 alumnos en ensinanzas regradas e a uns 10.000 en formación non regrada, colaborando con máis de 2.500 empresas.  Unha das persoas clave do impulso da actividade das EFA en Galicia é Luis García Fernández (Murias; Aller, Asturias; 1958), director do Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa, en Coristanco. Conversamos con el sobre as claves da oferta formativa nestes centros e a súa visión do presente e do futuro do rural galego. -Os Centros de Promoción Rural – Escolas Familiares Agrarias de Galicia cumpren 50 anos. ¿Que importancia ten para vós celebrar este medio século de actividade en Galicia? Cincuenta anos na vida das EFA de Galicia é un fito importante polo proxecto de formación – desenvolvemento que aporta o modelo educativo e polas profundas transformacións do medio rural galego nas pasadas décadas. As EFA en Galicia empezan a primeiros dos 70 cunha precariedade de medios manifesta, pero coas ideas claras do que debería ser un proxecto educativo diferente para a mocidade do rural. Tratábase de formarse, non para marchar do rural, sinón para quedarse, un tanto paradóxico na mentalidade da época. A celebración dos 50 anos debe servir para tres cousas: en primeiro lugar para rendir contas á sociedade en xeral e á sociedade rural en particular; en segundo lugar, para agradecer a todas as persoas e institucións que apoiaron o arranque inicial e o mantemento posterior, e en terceiro lugar a celebración do 50 aniversario debe servir para trazar a liña do futuro, adaptándose ás circunstancias do momento, pero mantendo os principios e fins institucionais -Tes longa experiencia polo teu traballo na EFA Fonteboa ¿Que vos levou no seu momento a elixir o rural galego para facer chegar o labor das EFA? ¿Cal era o voso referente de desenvolvemento rural naquel momento? Os promotores das EFA, a finais dos anos 60, a través de Cifasa (Centro de Iniciativas para a formación agraria) establecían acordos coas entidades que tiñan sensibilidade pola educación e polo desenvolvemento rural (Obras Sociais das Caixas de Aforros, fundacións, entidades públicas…) e arrancábase coa actividade nos diversos lugares da xeografía española. Fonteboa empeza a súa actividade en 1975 como centro de Formación Profesional de 1º grao na rama agraria, especialidade agropecuaria, grazas a un acordo coa Deputación Provincial da Coruña. Os primeiros 5 anos foron nunhas instalacións provisionais, nun edificio do centro de Coristanco. En 1981 trasládase a actividade á sede actual, o cal permitiur medrar en canto a oferta formativa e actividades. E no persoal, xa imos acumulando decenios de experiencia e de aprendizaxe continua, pois traballar nun proxecto que ten como finalidade “a promoción do medio rural a través da formación das persoas” esixe implicación, paixón, coñecemento e aprendizaxe continua. Empecéi a traballar en Fonteboa a mediados dos 80, cando había tanto por desenvolver e a través dun imprescindible traballo en equipo conseguimos establecer a dinámica de traballo de Centro de Promoción Rural – EFA, trascender do esquema de ensinanza regrada e á vez reforzar a labor do centro educativo como un proxecto educativo diferente para o desenvolvemento rural. -Que é o que diferencia a formación que se imparte nas EFA de Galicia e no caso da  EFA Fonteboa en concreto? A proposta das EFA de Galicia é un proxecto educativo cos pés na terra, isto é, no territorio, baseado na realidade das áreas rurais e as súas potencialidades para favorecer o desenvolvemento económico e a cohesión social.
 “A proposta das EFA de Galicia é un proxecto educativo cos pés na terra”
Os docentes das EFA, como coñecedores do medio do que procede o alumnado, procuran orientar de xeito adecuado a cada alumno para propiciar unha aprendizaxe significativa e constructiva que permita a adquisición de coñecementos, habilidades e destrezas que axuden á inserción profesional -Nestes 50 anos experimentastes os profundos cambios no rural galego, como son a especialización produtiva, o declive da economía agraria de autosuficiencia e tamén o abondono e o despoboamento. ¿Como vos afectou este proceso ás EFA de Galicia e que leccións cres que se deberíamos sacar de cara a manter a actividade económica e a poboación no rural? É certo, houbo cambios profundos, pasamos dun modelo de economía agraria, en moitos casos de subsistencia, a outro modelo industrial, nun marco de economía global. Era necesaria esta reconversión, pero tal vez faltaron políticas máis integradas e ao mesmo tempo máis ambiciosas, pero hai que recoñecer que non é facil. Desde 1986, ano de incorporación á Unión Europea, tivemos que aplicar políticas que noutros países levaban anos “cociñando” e xa se sabe que determinadas políticas, igual que os bos pratos, deben facerse a lume lento. Nestas décadas houbo unha redución drástica do número de explotacións agrarias, que era necesaria pero tal vez nos pasamos de freada, pois considero fundamental manter a actividade agraria nas zonas rurais polo rol estratéxico da mesma e polo emprego indirecto que dela se deriva. E para acometer proxectos empresariais, integrados na economía de mercado, precisamos formación adaptada ás esixencias da sociedade actual, unha formación, técnica, empresarial, pero tamén humanística, ancorada na cultura rural, que ten moitas cosas positivas que demandan unha posta en valor, ver o rural en positivo.
“Hai que pasar dunha visión do rural pesimista a unha visión proactiva, dinamizadora”
-Falades dende as EFA de que non hai "territorios sen futuro, senón territorios sen proxecto". Explícate.…Hai que pasar da visión pesimista a unha visión proactiva, dinamizadora. Desde a formación temos que transmitir ilusión, presentar proxectos cribles, de emprendemento, capaces de establecer iniciativas que desencadeen proxectos de territorio. Nos primeiros anos de UE falábase de desenvolvemento agrario, nos anos 80, de desenvolvemento rural e hoxe a perspectiva é desenvolvemento territorial. No rural galego hai parroquias moi dinámicas e outras cunha situación máis lánguida; nas primeiras houbo emprendemento, auspiciado pola formación e a experiencia, que conseguiron crear un sistema productivo local e un futuro. Hai moito que facer pois é un proceso continuo que se retroalimenta. Cales serían para ti os países ou rexións referentes en desenvolvemento rural  e por qué? E no caso galego? En tódolos países podemos atopar referentes, pero temos que fixarnos naqueles máis próximos á nosa cultura. En Fonteboa levamos máis de trinta anos cun fluxo permanente de intercambios con diversas rexións de Francia (Bretaña, Pais do Loira, Normandía e Aquitania, principalmente) e temos moito aprendido en canto a sistemas de produción, organización do territorio, resposta ás demandas da sociedade na conxuntura actual, adaptación ás directivas da política de UE. En Galicia temos tamén casos moi interesantes de emprendemento e innovación rural nas diversas actividades do sector agrario, pois temos concellos punteiros na produción láctea, outros na horticultura, outros no forestal, etc. Pero en todos eles hai marxe para a mellora continua e a innovación para detraer máis valor engadido á actividade produtiva. -Que destacarías do perfil do alumnado -procedencia, motivacións.....taxa de empregabilidade posterior- que se forma nas EFA de Galicia, e na de Fonteboa en concreto? O perfil do alumnado que accede aos estudos de Formación Porofesional debe ser adquirir unha formación para acceder a unha ocupación concreta, ben como asalariado cualificado ou ben como empresario. Se traballas con persoas que teñen as ideas claras do seu proxecto profesional sube o nivel e obríganos a poñer os medios para dar resposta ás súas demandas. Sobre a empregabilidade, temos que saber para qué formamos, analizar o grao de inserción do alumnado que remata a formación, saber qué demandan as empresas: xente formada, con aptitudes e actitudes, con ganas de traballar e ganas de aprender. As estadías profesionais que levan a cabo durante os anos de formación teñen ese obxectivo: competencias profesionais e habilidades sociais a través da experiencia. -Que demandas de formación e de habilidades reclama a sociedade e o mercado aos profesionais do sector agrogandeiro e forestal do futuro? Procuramos estár á escoita. Un docente de calquera Centro de Promoción Rural – EFA debe coñecer moi ben o medio no que estamos, estar moi en contacto cos profesionais para propiciar que poidan participar en actividades de formación cos alumnos. Cada ano en Fonteboa pasan varios centos de profesionais que aportan a súa experiencia e coñecementos aos alumnos e aos profesores. -Dende o teu punto de vista, cales serían os principais obstáculos que frean o desenvolvemento do rural en Galicia, entendido como creación de riqueza e emprego que queden no rural? E as vantaxes competitivas das que dispomos? Sobre as vantaxes competitivas destacaría a riqueza dos solos e o clima favorable para prácticamente todo tipo de produción. Tamén destacaría a cultura emprendedora, pois houbo moita emigración e o feito de emigrar é un xeito de emprender.
“O principal obstáculo ao desenvolvemento do rural galego é a falta de ordenación do territorio e certo complexo de inferioridade respecto ao mundo urbano”
E en canto aos obstáculos que frean temos a rémora da falta de ordenación do territorio e, en determinados casos, certo complexo de inferioridade respecto á sociedade e os modos de vida urbanos. Por iso é importante traballar a autoestima, o arraigo territorial e o sentemento de pertenza, sen caer no chauvinismo. -Diversos estudos coinciden en que a masculinización do sector agrogandeiro é un importante freo para o relevo xeneracional, xa que en definitiva a actividade propfesional insírese dentro dun plan de vida. Detectades tamén este problema? Que pasos deberíamos dar para intentar corrixilo? É certo, a muller ten un papel moi importante no rural, pois a súa permanencia no rural contribúe a crear tecido social. Tradicionalmente a muller que casaba para unha casa agraria o seu futuro quedaba ligado de xeito inexorable á actividade agraria. Pero nos últimos anos as cousas foron evolucionando e o aumento de estutura produtiva das granxas permitiu xerar empregos máis adaptados ás súas necesidades de conciliación, expectativas profesionais, e en definitiva, a súa realización como persoa. -No plano persoal, a túa vida profesional estivo adicada ao proxecto da EFA Fonteboa. Que destacarías desta experiencia vital? Por formación eu procedía do ámbito da Educación e cando empecéi a traballar nas EFA pareceume un proxecto educativo moi innovador, na liña das modernas teorías da educación: atención personalizada, coñecemento do entorno do alumno coma fonte de aprendizaxe e motivación, formación integral, as actividades fóra da aula, etc. Co tempo vas ampliando a túa perspectiva e pensas nun marco de inserción profesional e a importancia que pode ter esa persoa con formación no desenvolvemento territorial. Traballar en educación é esixente, pero ao mesmo tempo moi gratificante. -Podes avanzarnos algo do que nos agarda no evento do día 22 en Santiago de Compostela? Pretendemos de maneira sucinta presentar o balance destes 50 anos, presentar, a través dunha mesa redonda, o impacto do alumnado no seu territorio e esbozar as liñas mestras da formación en alternancia para establecer o marco da acción pedagóxica.

50 aniversario dos Centros de Promoción Rural– EFA de Galicia: Valoracións dende o sector agrogandeiro

Os Centros de Promoción Rural EFA de Galicia celebran o seu 50 aniversario e para festexar esta efeméride organizarán un evento conmemorativo o vindeiro 22 de xuño no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Recollemos algunhas valoracións de ex-alumnos e de representantes do sector agrogandeiro e forestal:

Jesús Perfecto Fernández Pérez: Ex-alumno e hoxe propietario dunha das ganderías máis punteiras de Galicia

Jesús Perfecto Fernández Pérez é un antigo alumno da EFA Fonteboa de Coristanco, centro no que cursou 4º da ESO e o FP2 de Agraria alá polo ano 2000, o que equivale ao actual ciclo superior de formación profesional, para despois completar a súa formación coa Enxeñaría Agraria en 2008. Describe a súa experiencia no centro como moi boa e de gran valor para o seu futuro profesional, xa que actualmente dirixe unha explotación gandeira de leite, a Gandería de Pazos SCG, con granxas Dumbría e Mazaricos, onde realizan muxido automatizado con once robots. Do seu período formativo na escola, Jesús destaca a importancia da metodoloxía da alternancia, a través da cal o alumnado combina quincenas de formación na aula e en empresas ao longo de todo o curso académico. Jesús lembrou os intercambios con outros países, a asistencia a un congreso en Bélxica, e as prácticas durante un mes nunha explotación de Francia. “O sistema de alternancia pode baixar un pouco o rendemento académico, pero a práctica no sector é fundamental para dedicarse a este traballo no futuro” –apunta–.

Xoán Camafreita Pastoriza: “A FP proporcionoume unha saída laboral e evitou que tivera que marchar fóra de Galicia”

Xoán Camafreita Pastoriza é un antigo alumno da EFA Fonteboa de Coristanco, onde cursou o FP1 da rama agraria entre 1980 e 1982. Do seu paso pola escola, Xoán destaca o nivel formativo do centro, co sistema de alternancia con formación na clase e prácticas en empresas, ademais da convivencia con todos os compañeiros e profesores. A súa formación agraria pesou moito no seu futuro laboral que, aínda que non especificamente relacionado co campo, si o está co medio rural. Actualmente Xoán traballa como axente forestal. “A FP proporcionoume unha saída laboral e evitou que tivera que marchar fóra de Galicia ou traballar na construción, moi habitual na época” –explica–. O seu vínculo coa escola está máis vivo ca nunca, e Xoán é actualmente o presidente da Asociación EFA Fonteboa. A entidade, constituída en 1981, ten a finalidade promover a mellora e o desenvolvemento do medio rural, con especial atención á promoción profesional, cultural e social deste medio e das súas persoas mediante accións formativas. Xoán destaca que realizan xornadas formativas sobre gandería e fruticultura, actividade que ten moita aceptación e está destinada á poda e mantemento de froiteiras.

José Manuel Iglesias Vilas, presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia: “As EFAs desenvolven un traballo fundamental para formar a profesionais do sector forestal”·

O presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias Vilas, destaca que a relación coas EFAs sempre foi moi estreita posto que o Clúster está totalmente aliñado cos valores que promulgan estes centros de formación en canto a promover “o sentimento de pertenza ao mundo rural e de defender unha vida apegada á terra”. Ademais, Iglesias considera que os mozos e mozas que hoxe se forman nas EFAs xogarán un papel destacado no futuro do sector da madeira, representando ese cambio xeracional caracterizado pola formación e a vocación ruralista. “Cremos firmemente no traballo fundamental que desenvolven as EFAs Galicia, que garanten a supervivencia dalgúns sectores, como o da madeira, que comezaron a sufrir a falta de traballadores formados” –argumenta–. Desde fai anos, o Clúster e as EFAs achéganse aos centros educativos e ás empresas para impulsar proxectos conxuntos. É o caso da EFA Fonteboa, coa que o Clúster ten configurado un Ciclo Formativo de Grado Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, así como o desenvolvemento de certificados de profesionalidade de actividades auxiliares en aproveitamento forestal, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que, agardan, se imparta o vindeiro curso. Iglesias engade que este ciclo será o primeiro que se imparta en Galicia conforme ao establecido na nova Lei de FP, asumindo as empresas o 50% da formación dos estudantes.

Roberto García, secretario Xeral de Unións Agrarias-UPA: “Colaboramos coas EFAs para afrontar o reto do relevo xeracional e garantir o futuro dun sector esencial”

O secretario Xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García González, sinala que desde a organización valoran moi positivamente o papel das EFAs, e aseguran estar convencidos de que “a formación é un aspecto clave para o desenvolvemento e o futuro do sector agrogandeiro”. Colaboran desde sempre na divulgación e promoción destes centros entre as asociadas e asociados da organización. Tamén teñen participado en xornadas, charlas e encontros, e manteñen a man tendida para colaborar, sempre que teñen a oportunidade, en actividades que permitan “achegar a realidade do sector á mocidade, poñer en valor a actividade agrogandeira e promover o relevo xeracional”. Roberto García considera que tender pontes e manter un contacto directo entre os distintos elos do sector resulta fundamental para pór en valor unha actividade e un sector de futuro que ten moito que dicir no desenvolvemento socioeconómico do rural. Tamén destaca como fundamental achegar aos futuros profesionais unha visión máis apegada ao día a día. “Nos últimos anos, as explotacións agrogandeiras veñen dando bo exemplo da súa capacidade de adaptación e modernización para seren cada vez máis eficientes e rendibles e adaptarse ás esixencias normativas, e do mercado. Un proceso no que Unións Agrarias tenta ser ante todo unha ferramenta útil para os profesionais do campo” –indica o secretario xeral–. Nese senso, a colaboración coas EFAs permitiulles dar a coñecer o traballo da organización profesional agraria e transmitir información de primeira man relacionada con temas de actualidade de interese para o sector e visibilizar o papel de Unións Agrarias no asesoramento e na xestión do día a día, e tamén na defensa dos intereses do sector. A modo de previsión futura, Unións Agrarias asegura que continuará á disposición das EFAs para colaborar en actividades de interese e contribuír á formación de agricultores e gandeiros, “acción que nos permitirá superar o reto do relevo xeracional e garantir o futuro dun sector esencial”.