Archives

Galicia participa en dous proxectos europeos para estudar a importancia dos microorganismos na fertilidade dos solos agrícolas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa, a través da sede en Santiago de Compostela da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), en dous proxectos de investigación europeos. Ambos están financiados con máis de catro millóns de euros pola convocatoria do EJP Soil (Programa Marco Horizonte Europa 2020), que inclúe a 24 países e persegue incrementar o coñecemento sobre o manexo do solo agrario e a súa relación cos máis importantes retos sociais, incluíndo o cambio climático, a seguridade alimentaria, os servizos ecosistémicos e a educación da sociedade sobre os problemas do solo. Trátase dos proxectos "Modeling and mapping soil biodiversity patterns and functions across Europe" (MINOTAUR), liderado por CREA (Italia) e a Universidade de Wageningen (Países Baixos), e "AGROECOlogical strategies for an efficient functioning of plant - soil biota interactions to increase SOC sequestration (AGROECOseqC", liderado por CREA (Italia) e INRAE (Francia). En "MINOTAUR2 por España participa o CSIC a través da MBG, o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (CEBAS) e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria de España (INIA). Ademais, conta con socios de nove países europeos (Francia, Irlanda, Países Baixos, Suecia, Suíza, Austria, República Checa, Eslovenia e Italia). "Esta investigación ten un gran interese dada a elevada susceptibilidade dos chans ao cambio global e as importantes funcións que levan a cabo os organismos que habitan o solo. Sabemos desde hai anos que as prácticas agrarias e o propio cambio climático inciden na fertilidade e biodiversidade da terra. Neste sentido, o proxecto MINOTAUR busca harmonizar e acordar ese coñecemento dentro dunha perspectiva continental", destacan desde o grupo Interaccións Microbioma- Solo-Planta da sede en Santiago da MBG do CSIC, que se encargará, xunto co CEBAS, do traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e da determinación do seu papel nos ciclos do carbono e outra macro e micro-nutrientes. En "AGROECOseqC" por España participa o CSIC a través da MBG, o CEBAS e o INIA. Ademas, conta con socios de oito países, entre os que figuran Dinamarca, Turquía, Lituania, Holanda, Bélxica ou Austria. O proxecto levará a cabo nunha rede de nove leiras experimentais distribuídas por toda Europa, incluíndo a Estación Experimental Finca La Canaleja (INIA-CSIC), nas que levan a cabo experimentos a longo prazo nos que se investiga como o aumento da agrobiodiversidade e a redución dos insumos externos promoven unha maior sincronía entre as demandas dos cultivos e a dispoñibilidade de nutrientes, mediados pola actividade da microbiota edáfica. A composición e actividade da microbiota, a absorción de nutrientes polas plantas, as simbioses microbianas e as fervenzas tróficas estudaranse en profundidade, como principais factores nos ciclos de carbono e nutrientes do chan. En concreto, investigarase de forma holística a diversidade funcional do complexo planta-fauna-microbiota do solo en nove emprazamentos na UE, para identificar estratexias agroecolóxicas (agricultura de conservación, agricultura ecolóxica) que freen a perda de carbono edáfico dos solos agrarios a longo prazo. A sede en Santiago da MBG en colaboración co CEBAS liderará o traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e a determinación do seu papel no ciclo do carbono . O INIA, pola súa banda, que liderará o traballo sobre fauna edáfica, co obxectivo de dilucidar o papel que xoga a diversidade de invertebrados do solo no secuestro de carbono e o ciclo de nutrientes, xunto co Instituto Pirenaico de Ecoloxía (IPE-CSIC), a Estación Experimental de Zonas Áridas (EEZA- CSIC) e a Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC).

Consellos para seleccionar e recoller correctamente as mostras para análise do solo

Realizar unha análise do solo cada entre 3 e 5 anos é unha recomendación básica para realizar un correcto abonado e detectar os excesos ou carencias tanto de macronutrientes como de micronutrientes. Este paso previo é imprescindible para realizar posteriormente un abonado racional que cubra as necesidades dos cultivos, evitando así contaminación ao medioambiente e sobrecustos innecesarios en fertilizantes. Sen embargo, ningunha análise ofrece información válida se a toma de mostras nas parcelas non foi coidadosamente realizada. Neste sentido, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, ofrece as seguintes recomendacións para unha correcta selección e recollida das mostras de solo que se enviarán ao laboratorio:

Definición de parcelas uniformes onde mostrear

A análise de terras e interpretación de resultados ten que realizarse sobre parcelas con características semellantes. Neste sentido, se se producen diferenzas claras: - No aspecto dos cultivos: cor ou desenvolvemento diferentes, síntomas visibles de carencias. - No tipo de solo: cor, profundidade, facilidade de laboreo (solos pesados/lixeiros). - Nos labores agrícolas realizados en anos anteriores: encalado, abonado orgánico intenso, subsolado. - Na pendente do terreo: transición acusada de solo chairo a inclinado. Nestes casos, dividirase a área en parcelas coas mesmas características sobre as que se tomará a mostra correspondente.

Técnica de mostraxe

Unha vez definida a parcela con características uniformes, tómanse entre 8 e 15 mostras parciais de terra que se mesturarán moi ben nun colector limpo, para despois tomar a cantidade de mostra que se envía ao laboratorio: entre 500 e 1.000 gr. Como tomar as mostras parciais? En todos os casos as mostras deben estar afastadas de obras, camiños, etc... As normas que se dan son resultado de aplicar a lóxica: que a pequena parte de terra que se analiza parézase o máis posible á superficie ou terreo que se quere coñecer. A.- En praderías, cultivos anuais (millo, trigo, cebada...) e hortalizas: As submostras deben estar uniformemente distribuídas, por exemplo en zig-zag. B.- En froiteiros e viñedos: Na área de sombra da copa da árbore (nin moi próximo ao tronco nin moi afastado). Distínguense dúas profundidades, e por tanto dúas mostras diferentes, (a zona superior é, en xeral, máis escura). En froiteiros e viñedos Resulta práctico facer unha calicata para despois tomar con pa a mostra a dous niveis, sobre todo se a mostraxe é para unha nova plantación. Se xa se realizou unha mostraxe en profundidade en anos anteriores, pode ser suficiente a evolución da capa superficial e mostrear só os 30 cm superiores. En solos de invernadoiros           B.- En solos de invernadoiros: Distribución ao azar, e se se práctica fertirrigación, que as submostras procedan de puntos próximos aos goteiros e entre os mesmos. Se se trata dunha mostraxe previa á instalación do invernadoiro, este sería similar ao apartado A. Profundidade da mostraxe: Trátase de tomar terra en contacto co maior volume de raíces. Retirando sempre a cuberta vexetal, danse como valores orientativos os seguintes: - Praderías: 10-20 cm de profundidade - Solos de invernadoiro: 15-25 cm. - Cultivos anuais e hortalizas: 20-30 cm. - Froiteiras e viñedos: ata 50-60 cm (distinguindo os 25 cm superiores). Cantidade de mostraxe e etiquetaxe: Entre 500 e 1.000 gr que se meterán nunha bolsa de plástico pechada contida noutra. Entre ambas colocarase unha etiqueta co nome do remitente, nome da parcela, profundidade de mostraxe e data. No laboratorio cumprimentarase a correspondente ficha informativa. A mostra debe estar o máis seca posible para unha maior rapidez da análise.

Momento da mostraxe e frecuencia:

A toma de mostra debe ser realizada despois da recolección e antes do abonado. Se non fose posible, deixar transcorrer un mes desde o último labor. En xeral, é suficiente como mínimo unha avaliación da fertilidade cada 3-5 anos; se se practica encalado a frecuencia será de 2-3 anos. En cultivos intensivos pode ser aumentada a 1 vez/ano. Estudos particulares de salinidade, toxicidade, etc...., requiren un tratamento específico. É recomendable una certa previsión. A maior parte das correccións ao solo deben ser realizadas, como mínimo un mes antes da plantación, e mesmo o outono anterior. Sen embargo, se se envía xusto cando se vai a plantar, posiblemente o laboratorio estará sobrecargado. 

Onde realizar analíticas de solo en Galicia?

En centros públicos, pódese facer nos seguintes: -Estación Fitopatolóxica do Areeiro Tlf.: 986 84 14 91 - 986 85 36 34; Fax: 986 86 42 91. Subida á Robleda d/n. 36153 Pontevedra E-mail: efa@efa-dp.org Páxina Web: www.efa-dip-org Prezos e taxas -Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia. Estrada AC-542 pk 7,5 Mabegondo. Abegondo 15318 A Coruña. Telf.: 881 881 366 Fax: 881 881 373 Folla de solicitude de análise Tarifas -Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo da Limia, dependente da Deputación de Ourense. Explanda do Pavillón de Deportes s/n 32630 - Xinzo da Limia . Tlf.: 988 317 946 Fax: 988 317 947 E-mail: centroagrogandeiro@inorde.com

Xornada sobre regadío e manexo do solo

A Escola Politécnica de Lugo acolle os días 21 e 22 de outubro unha xornada sobre “Manexo do solo e aforro de custos enerxéticos en agricultura e regadío”.

Está dirixida a todas as persoas interesadas na sector agrario e celebrarase no salón de actos da EPS.

As solicitudes deberán presentarse na Escola Politécnica ata as 14:00 horas do 20 de outubro. Pódese facer por FAC no 982823001 ou enviando un mail a xan.neira@usc.es.

Dado que o número de prazas, 50, é limitado a aceptación será por rigorosa orde de chegada da solicitude.

Programa:

Día 21. Mércores (Salón de actos da EPS)

09:00 Inauguración
Representantes Consellería Medio Rural da Xunta de Galicia, USC, SEAE e SOGA

09:30 Os recursos hídricos e a dispoñibilidade de auga para a rega: plans hidrolóxicos
Montserrat Valcarcel. USC
Jorge Dafonte. USC

10:45 Novas tendencias na determinación das necesidades hídricas dos cultivos
Javier J. Cancela. USC

11:45 Pausa

12:00 Panorama da rega e o goberno da auga en Galicia
Tomás Cuesta. USC

12:45 Aforro de custes enerxéticos nas regas a presión
Xan Neira. USC

15:30 Os predios agrogandeiros e o manexo do solo e a auga
Juan Castro. CIAM

16:30 Obradoiro: novas tendencias e materiais no deseño de sistemas de rega. Finca e nave de Montirón. USC Xan Neira. USC. Colabora: Reg Servei e AZUD

Día 22. Xoves (Sala de Xuntas da EPS)

09:00 Manexo agroecolóxico do solo e cambio climático.
Carlos Lacasta. CSIC

10:15 Manexo agroecolóxico do solo en secaño
Ramón Meco. JCCM

11:45 Clausura. Representantes Consellería Medio Rural da Xunta de Galicia, USC e SEAE

“O solo agrícola é escaso, fráxil e non renovable”

O 2015 foi declarado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) como o Ano Internacional dos Solos coa finalidade de concienciar a toda a sociedade sobre a importancia de este recurso natural non renovable a escala humana, que, entre outras funcións, é o sustento da alimentación da humanidade. Hoxe en día este recurso está seriamente ameazado, en boa medida, por malas prácticas agrícolas e silvícolas. Falamos con Montserrat Díaz Raviña, presidenta da Delegación Territorial de Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo, e investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, dependente do CSIC. Cal é o estado xeral de saúde dos solos en Galicia? En xeral, o que podemos dicir é que debido a unha mala xestión do uso do solo, á expansión demográfica (ocupación do solo por casas, industrias e estradas) e a malas prácticas agrícolas e silvícolas, a saúde dos solos ten empeorado moito nas últimas décadas incrementándose considerablemente o número de solos degradados.
“Nas últimas décadas aumentou a cantidade de solos degradados en Galicia”
Neste sentido, debemos prestar especial atención á prevención dos incendios forestais, aos cambios no uso do solo e ás prácticas de manexo inadecuado do solo agrícola e forestal que conducen á perda de materia orgánica e á contaminación dos solos (por exemplo, zonas de cultivo intensivo como A Limia). En definitiva, temos que diminuír o impacto das actividades humanas sobre este recurso; é dicir, protexer e conservar a calidade do solo a medio e longo prazo con boas prácticas agrícolas e silvícolas que garantan a produción de alimentos sans e materias primas para as vindeiras xeracións. Son os solos de Galicia de gran fertilidade? Non. Só un 20% dos solos son realmente axeitados para o cultivo; un 18% teñen problemas de fertilidades porque son pouco fondos, ou teñen demasiada pendente ou moitas rochas e pedras. Así, pouco máis do 30% dos solos teñen uso agrícola e outro 30% é monte madeirable.
 “Só o 20% dos solos de Galicia son realmente axeitados para o cultivo”
Ademais, en xeral, os solos de Galicia teñen un PH ácido, textura areosa e un contido de materia orgánica elevado. Sen embargo, a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas é baixa, debido tanto á lenta taxa de mineralización da materia orgánica como ao PH ácido do solo. En canto á dispoñibilidade de agua, debido a textura areosa, ven determinada fundamentalmente polo réxime de choivas. Cales son as principais problemáticas dos solos agrícolas e forestais na nosa Comunidade? Nos solos agrícolas a degradación prodúcese debido fundamentalmente ao cultivo intensivo, á labra non axeitada e á utilización masiva e incontrolada tanto de fertilizantes inorgánicos e orgánicos e produtos fitosanitarios. Isto conduce á erosión do solo, á compactación e perda de materia orgánica e á contaminación química do solo e das aguas superficiais e subterráneas. Nos solos forestais a degradación prodúcese debido aos incendios forestais, cambios do uso do solo (forestal a cultivo e pradeira) e manexo inadecuado do bosque (talas salvaxes, clareos excesivos, malas prácticas de instalación de bosques cultivados, etc.). Que perigos pode supor unha incorrecta achega de nitróxeno aos solos agrícolas? A contaminación dos solos é o desequilibrio de nutrientes por aporte excesivo de N amoniacal e nitratos á solución do solo. Estes nitratos non poden ser retidos no solo e, polo tanto, ou son absorbidos polas plantas, afectando á calidade dos alimentos producidos (elevado contido en Nitróxeno), ou pasan directamente a contaminar as augas superficiais e subterráneas, e repercutindo negativamente na calidade da auga (eutrofización) e na saúde das persoas (metahemoglobinemia). Encalando unha finca. Os agricultores solen encalar cada ano para garantir unha boa colleita. Realmente é necesario? Os solos en Galicia teñen un pH ácido. Así, dado que a maioría das plantas que se cultivan crecen mellor a pH próximo á neutralidade e que a dispoñibilidade de nutrientes aumenta co pH, é necesario encalar. As necesidades de cal van vir determinadas polo tipo de solo e a planta que se cultiva, por iso é fundamental elixir o cultivo que mellor se adapte o solo, para non ter que levar a cabo un plan encalado de fondo moi drástico no solo, que se fai progresivamente durante varios anos para tratar de acercar o PH do solo ao pH óptimo de crecemento da planta.
“O encalado debería facerse en función do tipo de solo, da planta que se cultiva e do clima”
Logo, tamén hai que facer un encalado de mantemento porque debido ao réxime de choivas pérdense nutrientes, e a súa periodicidade depende do sistema agrícola (solo/clima/planta). No programa de encalado, que é específico para cada sistema agrícola, débese seleccionar o encalante mais adecuado e tamén hai que ter en conta a dose, forma e a época de aplicación. Nas últimas décadas substituíuse o aporte de materia orgánica ás leiras en forma de esterco por xurro e fertilizantes químicos. Que cambios provocou no solo esta transición? O esterco tradicional era un fertilizante moi bo porque combinaba os residuos gandeiros e vexetais, aportando ao solo materia orgánica. Normalmente o residuo vexetal era o toxo, que ao ser unha leguminosa, aporta moito N, que é o nutriente más limitante na produción das colleitas. O esterco era un residuo equilibrado en nutrientes e pouco contaminante, xa que se produce una liberación lenta de nutrientes que se van poñendo a disposición da planta a medida que se vai descompoñendo pola acción dos microorganismos do solo.
 “O xurro é menos equilibrado en nutrientes e máis contaminante que o esterco”
O xurro é un abono menos equilibrado en nutrientes e con máis poder contaminante que o esterco debido á composición da fracción líquida (amonio, nitratos, metais pesados, antibióticos, etc.). Os abonos orgánicos deben ser tratados antes da súa aplicación ao solo para reducir o poder contaminante, e o solo non pode ser un vertedoiro non controlado dos mesmos. Esparexendo esterco. En canto aos fertilizantes químicos, só aportan nutrientes (N, P, K) que van parar directamente á solución do solo e, se non son absorbidos polas plantas, pasan a contaminar as aguas superficiais e subterráneas (nitratos, fosfatos, etc.). Sen embargo non aportan materia orgánica ao solo, que é tan necesaria para manter a fertilidade do mesmo porque mellora moitas das súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas. O que sempre hai que ter en conta é que a fertilización inorgánica e orgánica se complementan e que a súa aplicación ao solo débese facer de forma racional e controlada. -Os grupos conservacionistas critican o uso de pesticidas e herbicidas na agricultura, mentres os agricultores argumentan que son necesarios para reducir custos e poder ofertar alimentos a prezos asequibles. Realmente son tan prexudiciais para a saúde do solo? Non cabe dúbida que o mellor sería non ter que usalos porque son produtos orgánicos que poden persistir no solo durante un tempo, e tanto o produto orixinal como os metabolitos secundarios poden ser prexudiciais para os organismos do solo que viven nel, sobre todo se se usan incontroladamente e sen ter en conta a doses, época de aplicación, etc.. Tamén poden acumularse residualmente nas plantas que se cultivan e contaminar as aguas.
“Unha planta ben alimentada nun solo san é menos susceptible ás enfermidades”
Sen embargo, se queremos garantir e rendibilizar a produción hai que usalos, pero con precaución. Hai uns produtos máis prexudiciais que outros e ademais tamén poden afectar ás plantas que se cultivan (acumulación en órganos vexetativos) e aos acuíferos (contaminación). Por iso, ao igual que no caso dos fertilizantes químicos, hai que reducir e racionalizar o seu uso, utilizar produtos de baixo impacto ambiental e incluso tratar de compatibilizalos co control biolóxico. Outra cousa a ter en conta é a prevención e fomentar as boas prácticas agrícolas, porque unha planta ben alimentada nun solo san é menos susceptible ás enfermidades. Que actividades ten previstas este ano en Galicia a Sociedade Española de Ciencias do Solo? Apoiamos e organizamos o itinerario en Galicia da exposición “Solos e biodiversidade forestal”. A exposición, que consta de 13 paneis con fotografías que mostran a riqueza e o patrimonio edafolóxico nacional, recorrerá toda a comunidade ao longo do ano. Tamén se promoveron dúas actividades: un cómic e unha exposición de cadros, que teñen como finalidade chamar a atención sobre o solo dunha forma pouco convencional e atractiva, nun ámbito moi diferente ao científico; é dicir, entre os máis novos e os visitantes dos museos. O cómic, que se presentou este mes, tanto en formato electrónico como en formato papel, xa se está utilizando como recurso didáctico nos centros educativos de Galicia.
“O solo é un recurso non renovable e a súa conservación implica a toda a sociedade”
En canto á exposición “SoloArte: pintando con solo”, constará de 36 cadros do pintor José Caballo realizados directamente con mostras de solo de diferente cor e textura. A sede da exposición será o Museo de Historia Natural da USC e a duración de 6 meses (abril-setembro). Por outra parte, a principios do mes de Xullo están previstas unhas xornadas científicas de campo na Ribeira Sacra, que teñen como finalidade analizar os recursos naturais da zona, prestando atención ao solo e ás paisaxes ás que da lugar, que constitúen un bo exemplo de boas prácticas de conservación de solo e de construción da paisaxe. O segundo obxectivo é apoiar a candidatura da “Ribeira Sacra patrimonio da Humanidade”. As actividades do segundo semestre do ano aínda están sen concretar.

A USC súmase á conmemoración do Ano Internacional dos Solos

Un acto académico na Facultade de Bioloxía este mércores abriu a conmemoración do Ano Internacional dos Solos 2015 na Universidade de Santiago de Compostela.

A conmemoración do Ano Internacional dos Solos 2015 é unha iniciativa a prol da plena concienciación da sociedade e a quen ten a responsabilidade na toma de decisións sobre a importancia do solo para a vida humana xa que se trata dun recurso non renovable e que desempeña un papel básico para a seguridade alimentaria.

No acto inaugural, o director do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Eduardo García-Rodeja Gayoso, lembrou que “debemos a nosa existencia a 10 centímetros de capa superficial de chan e ao feito de que chove”.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Pola súa parte, a directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, Carmen Trasar Cepeda, lamentou que “o solo é o gran descoñecido”. “Así como a sociedade é cada vez máis consciente da auga para a vida no planeta, e de evitar a contaminación atmosférica, sen embargo , o solo séguese considerando un mero substrato, no que cultivamos ou construímos a nosa vivenda”, asegurou.

Na mesma liña incidiu a presidenta da delegación de Galicia da Sociedade Española da Ciencia da Solo (SECS),  Montserrat Díaz Raviña, quen advertiu de que “o solo atópase moi ameazado polas malas prácticas agrícolas e silvícolas”. Neste sentido, lembrou que “para crear 1 centímetro de solo precísanse 200 anos, pero abonda cunhas horas para destruílo”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, salientou na súa intervención a importancia socioeconómica do solo para a sociedade galega “xa que a produción agroalimentaria está a ser un sector moi importante de resistencia á crise en Galicia”. Do mesmo xeito, lembrou que “case o 60% das cortas de madeira que se fan no Estado son en Galicia, e dun xeito sustentable, aportando máis de 260 millóns de euros anuais aos silvicultores”.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Por último, o reitor da USC, Juan Viaño, pechou o acto salientando que “os solos son un recurso único e a súa conservación é especial para a nosa seguridade, especialmente a alimentaria”.

Con anterioridade ao acto académico, José Antonio Vega, do Centro de Investigación Forestais de Lourizán, pronunciou a conferencia ‘A conservación do solo, clave da xestión forestal sostible de Galicia’. A xornada completouse coa inauguración da exposición itinerante na que a SECS propón un achegamento a relación entre ‘Los Suelos y la Biodiversidad Forestal’ e que se poderá visitar na sede do Museo de Historia Natural da USC.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101893&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->