Archives

Landra, o proxecto do polígono agroforestal de Chantada para criar porcos en ecolóxico

Julio Taboada, cos porcos da súa explotación de Sabadelle (Chantada) Julio Taboada e Ramón Fernández empezaron hai 4 anos a criar porcos en extensivo na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Contaban cunha superficie de monte que levaba anos en situación de abandono pero que ofrecía boas posibilidades para a alimentación dos animais, ao contar con castiñeiros e carballos. “Onde temos os porcos non se daba nin entrado, había unha corredoira moi estreita. Hai 4 anos preparamos o sitio cunha pa e metemos os animais. O primeiro ano empezamos con 15 porcos e despois xa fomos aumentando”, explican. Neste momento dispoñen dunha extensión de 11 hectáreas pechadas e teñen solicitado un polígono agroforestal para ampliar a superficie da explotación. Serían outras 40 hectáreas en Vilameá, na zona de monte que rodea as casas, pertencentes a uns 80 propietarios. É superficie particular dos veciños que neste momento está sen uso, con parcelas de prados (unhas 5 hectáreas) e o resto de monte con presenza de castiñeiros e carballos.
Cambiámolos de parcela e encalamos para que o monte se recupere
A superficie total en conxunto permitiría criar uns 500 porcos ao ano en extensivo. “Faríamos parcelas de entre 4 e 5 hectáreas para poder ir rotando os animais e que se fose recuperando o monte unha vez que eles pasen e desbrocen. Neste momento, das 11 hectáreas das que dispoñemos, temos 3 en descanso. Normalmente cambiamos de parcela logo de dúas campañas”, explica. O valor de criar porcos en extensivo Julio destaca dous aspectos positivos da cría de porcos en extensivo: “por un lado temos os montes limpos para que non ardan e por outro producimos carne de moita calidade que non ten nada que ver coa de porcos criados nunha granxa, aínda que a raza poida ser a mesma”, defende. “A calidade é totalmente distinta, porque ademais da raza ten que ver moito a alimentación”, asegura. Neste caso, “o que comen é natural para que o sabor da carne lembre á dos porcos de antes”, di. Ademais do que eles comen no monte danlles tamén un pequeno aporte de cereal.
Suplementámolos unicamente cun quilo de cereal ecolóxico por animal e día; o resto do que comen é o que eles atopan no monte
“Suplementámolos con algo de penso ecolóxico, un quilo por animal e día, pero sobre todo eles aliméntanse do que atopan. Toda esta zona era monte con moita castaña e moita bellota”, indica. Ademais, non se xeran problemas de puríns ou contaminación. “Aquí non hai emisións de amoníaco como pode haber nunha granxa porcina convencional. Iso sábese tan só polo olor, neste sistema de manexo non hai cheiros”, asegura. Facer o ciclo de cría completo A explotación está focalizada polo momento no cebo, pero pretende completar o ciclo. "Até o de agora mercabamos os porcos de pequenos, xa destetados, e introduciámolos no monte, pero agora xa contamos con varias reprodutoras e un macho para facer tamén nós aquí a cría. Para a campaña do ano que vén xa os criaremos nós aquí todos", indica Julio. Dentro da parcela dispoñen dun cobertizo onde os animais se poden resgardar da chuvia e o frío, onde reciben a ración diaria de cereal e onde teñen bebedoiros. É tamén a zona de manexo para os tratamentos e a desparasitación e o lugar de carga para a saída dos porcos cebados cara ao matadoiro. Os peches, o máis importante Pechar ben as parcelas é “o máis importante e tamén o máis custoso”, recoñece Julio. “Nós pechamos con malla en todo o perímetro e logo poñémoslles a maiores o pastor. É importante non só para que non se boten eles senón tamén para que non entre o xabarín”, explica. Revisan case a diario o estado dos peches, algo que lle supón bastante tempo, xa que son perímetros de varios quilómetros con zonas algunhas delas difíciles de andar. “Fago o percorrido todo ao redor cada dous días por se puido caer algunha póla, por exemplo, e lévame hora e media. Case é o que máis traballo dá”, recoñece. Raza duroc Os porcos son de raza duroc 100%, que se caracteriza por un bo crecemento e unha axeitada infiltración de graxa. “Probamos distintas razas, desde porco celta a landrán, e tamén cruce de landrán con petrén, pero decantámonos por esta. É a que mellor aguanta o frío e ten un xamón moi entrefrebado. É a que máis rendible nos sae", asegura Julio.
Nun ano gañan uns 100 quilos de peso
Nós pesámolos cando entran e cando saen. Entran con entre dous meses e dous meses e medio e veñen pesando entre 30 e 35 quilos. Logo témolos aquí entre un ano e catorce meses e veñen saíndo con entre 130 e 140 quilos. Sala de transformación Polo de agora Julio e Ramón non contan con instalacións propias nin para sacrificar nin para elaborar, polo que dispoñen de acordos con outras empresas ás que tamén lles venden os porcos cando teñen excedentes unha vez que están cebados. "Matámolos no matadoiro, tanto aquí no de Taboada como en Lugo, e logo elaboramos nunha sala de transformación autorizada para poder vender o produto con tranquilidade", indica. Pero a súa idea a medio prazo é contar cunha sala de despece e elaboración propia e facer uso do servizo de matadoiro móbil que acaba de poñer en marcha a Xunta.
O sobreprezo deste tipo de porcos con respecto a un de granxa non é moito e sen embargo a calidade é outra moi diferente
Venden tanto a particulares que buscan un porco de calidade para a matanza como tamén a bares e restaurantes. Ofrecen tamén para grupos, e previa reserva a través do número de teléfono 647521992, a posibilidade de degustar nunha casa tradicional do século XVIII un cocido elaborado coa carne e as salazóns que eles fan. Dispoñen ademais dalgunha tenda que comercializa xa os seus produtos elaborados (chourizo, chourizo ceboleiro, butelo e androlla, entre outros).
Ofrecen para grupos a posibilidade de degustar un cocido previa reserva
Neste momento a produción que teñen é máis estacional e concéntrase sobre todo nos meses do inverno, que é tamén cando hai máis demanda pola tradición das matanzas nas casas, pero cando teñan a pleno funcionamento o polígono agroforestal, cos 500 porcos, a súa idea é ter produción durante todo o ano e que os seus embutidos e produtos salgados e curados poidan mercarse nas tendas. “E o que non sexamos capaces de transformar e vender nós seguirémolo vendendo a outras industrias cárnicas de transformación que hai en Galicia e que apostan polos produtos de calidade igual ca nós. Hainas que están interesadas en mercarnos a produción”, di Julio.

Vacas cachenas para manter limpos os prados

Nos prados pace un rabaño de dúas ducias de cachenas Na casa de Julio en Sabadelle houbo vacas de leite pero cando a explotación pechou as fincas fóronse abandonando e enchendo de maleza. Por iso decidiu introducir vacas de carne, de raza cachena, coas que manter coidados os prados. “Empecei con 5 e agora teño 24”, detalla. Coa carne de cachena tamén fai venda directa. “Ao principio non había moita saída, pero agora non se dan producido becerros, hai moita demanda”, asegura. Os animales están todo o ano fóra, "tanto en verán como en inverno”, explica. Máis aló do que pacen, nos meses de agosto e setembro ten que suplementar con silo ou herba seca porque “isto é moi seco”, conta.
Para cambialas de prado teño que manexalas eu só; son animais con bastante temperamento
O manexo que fai é sinxelo, simplemente vai cambiando de finca as vacas coas súas crías. A raza cachena ten fama de ter temperamento, pero Julio explica que no seu caso bota man dunha das vacas máis vellas do rabaño, que é a máis mansa, para levala diante e que as outras a sigan. “Teño que manexalas eu só, iso si”, recoñece. Para Julio tanto a cría dos porcos como as vacas cachenas é polo de agora unha actividade complementaria, polo que ten que buscar un sistema de manexo o máis sinxelo posible e que requira a menor carga de traballo posible.
As cachenas non dominan o monte, os porcos si
Aínda que a cachena é unha raza rústica que pace e é capaz de alimentarse en zonas arbustivas, “a vaca non domina o monte”, asegura Julio, polo que a maleza e a vexetación acabaría pechándoo. Por iso pensaron nos porcos que, nese sentido, “desbrozan moito máis que as cachenas”, di. “Os porcos pacen igual que as vacas, pero acaban tamén coas silvas e os toxos; deixan todo limpo e despois aí medra a herba”, valora. O ano pasado no outono, cando retiraron os porcos da parcela de monte na que levaban dous anos, encalaron para favorecer a desinfección do terreo e o nacemento da pradeira, grazas ao mellor aproveitamento do abono depositado polos propios animais.

Sae ao mercado unha nova gama de pensos ecolóxicos

Planta de fabricación de Piensos O Coto, que distribuirá o novo produto por toda Galicia

A UE pretende que no ano 2030 unha cuarta parte da produción agrogandeira europea sexa ecolóxica e a nova PAC empurra nesa dirección, ao tempo que os consumidores buscan cada vez máis produtos co selo bio. A produción ecolóxica ofrece grandes posibilidades en Galicia, sobre todo nos sectores do vacún de carne e de leite. 

Pero o mercado dos pensos ecolóxicos era até este momento moi limitado, con pouca oferta, o que condicionaba as posibilidades reais de escolla das explotacións. EcoCoto, a nova gama ecolóxica de Piensos O Coto, vén poñer fin a esa escaseza de alternativas nutricionais para o gando. 

O sector da produción ecolóxica está a medrar cada ano a nivel europeo e a nova PAC empurra nesa dirección

Esta nova liña de produto xa está no mercado e súmase á ampla gama de pensos, cereais, fertilizantes, sementes e subministros agrarios desta empresa familiar que empezou a funcionar no ano 1992. 

Logo da nova gama ecolóxica de Piensos O Coto

Coa nova gama ecolóxica, Piensos O Coto amplía a súa oferta, facilitando deste xeito a conversión a ecolóxico das ganderías, con fórmulas específicas tanto para vacún de carne como para vacún de leite, explica Joaquín Valledor Núñez, director-xerente de Piensos O Coto. 

A empresa ten previsto chegar a toda Galicia con esta nova gama ecolóxica que distribúe en exclusiva, elaborada a partir de materias primas de primeira calidade coas que cubrir de maneira efectiva os requerimentos nutricionais do gando, logrando deste xeito altas producións e unha mellora na rendibilidade das explotacións. 

A experiencia de Piensos O Coto, presente no sector desde fai máis de medio século e con fabricación propia desde hai tres décadas, é unha garantía para os produtores que desde fai anos confían nos seus servizos e tamén para os novos clientes.

Máis información no teléfono 982340300 ou no email administracion@benjaminvalledor.com

“Non ten sentido desligar a Suprema da sustentabilidade e o benestar animal para homoxenizala coa carne de cebadeiro”

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, xunto a produtores de Suprema A decisión da IXP Ternera Gallega de esixir aos animais de Suprema un remate final con acurralamento durante os dous últimos meses de vida está a xerar división entre os produtores. Os que fan un manexo en extensivo do seu gando opóñense á decisión acordada no Pleno do Consello Regulador, mentres outros gandeiros que seguen un sistema de manexo tradicional semiextensivo, coas vacas fóra e os xatos na corte, defenden a medida. A medida aprobada, pero que non entrará en vigor de xeito efectivo até dentro de dous anos, unha vez reciba o visto bo da Unión Europea, ameaza con reducir o número de produtores amparados baixo o selo rosa de Suprema, ao obrigalos a optar entre cebar durante os dous meses finais ou, do contrario, comercializar a súa produción coa etiqueta amarela, a empregada pola carne dos xatos criados en cebadeiro.   A IXP Ternera Gallega produce ao ano unhas 22.000 toneladas de carne, das que a metade son de Ternera Gallega Suprema, que saen das case 7.000 ganderías de vacas nodrizas que segue habendo repartidas polo territorio galego, a maioría na provincia de Lugo.  
Tres de cada catro explotacións inscritas na IXP están na provincia de Lugo
Segundo os datos do Consello Regulador, dentro do selo Ternera Gallega hay 7.000 ganderías de Suprema e 400 cebadeiros. Do total, o 74% das ganderías atópanse na provincia de Lugo, o 18% na da Coruña, o 6% en Ourense e o 2% en Pontevedra. As canais certificadas son unhas 95.000.

“Con bo pasto podes lograr os mesmos quilos e engraxamento que con penso”

“Eu teño instalacións para cebar, porque até hai 3 anos tiña os xatos dentro, pero decidín probar a facer todo o proceso fóra, só con pasto, sen nada de penso, e logro animais da mesma calidade ca tiña antes, dunha media de 200 kg/canal aos 9 meses e un nivel engraxamento 2”, conta José Carracedo, da gandería Irmáns Carracedo de Vilalba, que conta con 30 reprodutoras e 27 hectáreas de superficie. José fai pastoreo rotacional, un sistema no que os animais non están nunca máis de 3 días na mesma parcela. “Dispoñendo de pasto de calidade e introducindo os animais cando o pasto ten 15 cm de altura é posible lograr animais cos mesmos niveis de peso e engraxamento que con forraxe seca e penso”, asegura. “Os becerros, comendo o mesmo, non engraxan todos igual. Pasa no pasto pero pasa tamén con penso. Pero non son peores as canais que teño hoxe das que tiña antes”, di convencido.
O aforro só en penso ronda os 5.000 euros ao ano nesta explotación
O aforro só en penso ronda os 5.000 euros ao ano nesta explotación. “Dependendo da época do ano, 1.000 quilos de penso podíanme durar tres semanas, en función do número de xatos que tivera nese momento, e iso sen darlles a libre disposición”, lembra. A maiores, prodúcese un aforro de maquinaria e gasóleo, xa que se precisa ensilar menos, asegura, porque os animais botan máis tempo no pasto. “Eu con 100 rolos de silo e 60 de herba seca resolvo perfectamente, cando antes facía máis do dobre”, di. “A maior presenza dos animais nas pradeiras tamén fai que o pasto mellore. Os prados vense moito máis verdes agora que cando os usa para sega”, asegura. A gandería Irmáns Carracedo leva un ano en conversión a ecolóxico, polo que ter que volver a estabular sería para eles volver atrás. “Levar a cortello e rematar con penso é case levar a Suprema a convencional; non melloras a calidade da carne e implícache traballar más e gastar máis”, asegura. Cambio de sistema para aforrar traballo e diñeiro Até fai tres anos José tiña os xatos sempre dentro. As vacas saían pacer pola mañá, despois de darlles de mamar, e volvían á noite. “Os xatos mamaban só dúas veces ao día e facíano con ansiedade; agora ao estar coas nais nos pastos maman moitas máis veces de xeito moito máis natural e tranquilo e incluso o destete é moito menos brusco e traumático, tanto para o becerro como para a vaca, co que evitas as pneumonías nos xatos ao metelos dentro e as mamites das vacas”, asegura.
Ao botar o gando fóra o número de receitas de medicamentos redúcese drasticamente
Desde o punto de vista da saúde dos animais, di, ao botar fóra o gando “desaparecen as diarreas e as pneumonías”, polo que “diminúen tamén moito os gastos en veterinario e medicamentos”. Por iso, ao feito de facer a cría toda en extensivo velle todo vantaxes: “ves que se che reducen moito as horas de traballo porque non hai que traer e levar as vacas, nin limpar a corte, e o prado xa queda abonado; e tamén as enfermidades, que practicamente desaparecen”.   “Non teño ningunha intención de cambiar ao sistema anterior”, di, malia que se o cambio no Regulamento de Ternera Gallega segue adiante José sufriría unha depreciación no seu produto. “Estaría facendo un manexo en extensivo, producindo unha carne de moita calidade que quedaría despois ao mesmo nivel de prezo que a carne de cebadeiro”, quéixase.

“Se se aproban os cambios eu xa non poderei entrar na marca”

David Outeiro ten unha explotación de vacas cachenas na Fonsagrada. “Empecei no ano 2021 desde cero, non había vacas na casa desde facía 50 anos”, conta. Fai venda directa e non marca como Ternera Gallega pero estábase a plantexar incorporarse á IXP para ter unha alternativa máis para dar saída aos seus becerros. Sen embargo, se de aproba o cambio no Regulamento, xa non podería entrar na marca. “A miña perspectiva cando empecei foi irme a un modelo o máis sinxelo posible, no que poder prescindir da compra de insumos, porque me incorporei sen axuda e a miña capacidade económica era moi pequena”, explica. David defende a “resiliencia” do modelo baseado no pastoreo fronte a modelos máis intensivos, sobre todo en momentos de custos de produción elevados, como os que se deron desde que el comezou, nos últimos dous anos. “Se tivera empezado cun alto nivel de endebedamento, con moita maquinaria e dando penso, xa tería pechado”, asegura.
O incremento dos custos de produción fixeron que me afianzara na miña idea de manexo o máis sinxela posible
Este mozo apostou pola gandería rexenerativa, con altas cargas instantáneas en curtos períodos de tempo de pastoreo para ir mellorando deste xeito a produtividade do solo. “Empecei collendo as peores fincas que había na aldea, con pastos moi malos”, describe. David procedía de fóra do mundo gandeiro pero parecíanlle “chocantes” algunhas prácticas de manexo habituais en moitas ganderías, como o feito de limitar o acceso ao pasto do gando. “Cousas que moitas veces se consideran naturais a min parecíanme contraditorias, como o feito de impedir que un herbívoro rumiante poida pacer”, describe.
Que teñas que facer un investimento importante para poder producir non é viable para unha persoa nova que non ten recursos económicos
Co estalido da guerra de Ucraína e o encarecemento dos pensos e os fertilizantes David veu afianzada a súa idea de alimentar o gando con pasto. “Foron momentos nos que vimos que moitos gandeiros estiveron coa auga ao pescozo por seguir o camiño da intensificación que a industria lles marcaba. Neses momentos complicados onde ganderías moi sólidas e moi asentadas o estaban a pasar mal, ganderías como a miña, moito máis pequenas e sinxelas eramos capaces de seguir adiante”, describe.   Por iso, di, “obrigarme agora a facer un establo sería incrementar o endebedamento e facerme construír algo que eu non necesito. As axudas moitas veces son xeitos de endebedar á xente e facerche seguir unha liña que te fai máis escravo e dependente. Non entendo, por exemplo, como as axudas de incorporación impiden un proceso natural, que sería o de empezar con poucas vacas e ir medrando pouco a pouco a través dun proceso de aprendizaxe co mínimo investimento”, argumenta David.

“O que hai é que facilitar as cousas, non poñer trabas para producir”

Lois Varela, da Ulloa, ceba na corte pero está en contra de que se obrigue a todas as ganderías a facer o mesmo. “Non me parece lóxico que se un gandeiro cumpre cos requisitos da IXP cebando fóra haxa que obrigalo a meter o gando dentro. Non é entendible que teñan que obrigalo a facer o mesmo que fago eu”, argumenta. Lois está en ecolóxico, polo que ten os becerros coas nais fóra até que cumpren os 7 meses de vida. Logo, en función do estado de xestación da vaca, desteta e finaliza os animais na corte con 5 quilos de penso ecolóxico por animal ao día, que é o que lles permite o Regulamento do Craega. “Eu non estaría afectado polo cambio de normativa, porque remato dentro, polo que cumpriría coas condicións que queren impoñer,  pero penso que sería moi negativo para o sector. Porque o que hai é que facilitar as cousas aos produtores, non poñer máis trabas e obrigas”, di.

O SLG anuncia que tratará de bloquear o cambio en Bruxelas por ir en contra das directrices da nova PAC

“O cambio no Regulamento de Ternera Gallega Suprema é unha proposta moi negativa para o sector, tanto desde o punto de vista da calidade da carne producida como desde o punto de vista da sostibilidade ambiental, o benestar animal e a rendibilidade das granxas”, asegura o Sindicato Labrego Galego. A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, reiterou a oposición do SLG ao cambio proposto e anunciou que tratarán de que a modificación, que debe ser aprobada agora pola UE, non saia adiante en Bruxelas. Argumentan que vai en dirección contraria ás directrices marcadas na nova PAC, que aposta pola extensificación da produción, con medidas como o ecorrexime de pastoreo ou a axuda agroambiental de fomento de pastos, así como contra a Estratexia da Granxa á Mesa, que busca que o 25% da superficie agraria europea sexa ecolóxica no 2030. Máis gasto e traballo para as explotacións Isabel Vilalba destaca que moitas das ganderías que certifican os seus animais dentro de Suprema na actualidade carecen de instalacións axeitadas para facer o cebo dentro dos establos, tendo en conta as novas normativas de benestar animal, ademais de supoñer un incremento de man de obra e do volume de traballo para as explotacións.
Moitas granxas teñen establos antigos que non cumprirían as condicións esixidas hoxe polas normativas de benestar animal para acoller aos animais
Por iso, a secretaria xeral do SLG considera unha temeridade a aprobación deste cambio por parte do Pleno do Consello Regulador sen antes ter un estudo feito das consecuencias dunha medida que “supón expulsar da marca Ternera Gallega Suprema a unha boa parte dos produtores”, di. “Non é razonable tomar unha decisión de tanto calado sen un estudo das repercusións sobre as granxas”, insiste a secretaria xeral do Sindicato Labrego. “Obrigar a construír instalacións novas ou reformar as existentes para poder cebar é endebedar aos produtores e metelos en máis gastos”, quéixase. Do mesmo xeito, tampouco non ve “factible” o uso de instalacións móbiles para cebar nas pradeiras, debido ao minifundio e aos impedimentos urbanísticos fixados en áreas con protección ambiental, como poden ser as zonas declaradas Rede Natura. Ácidos graxos beneficiosos para a saúde grazas ao pasto O SLG nega tamén que a calidade da carne de animais procedentes do pasto sexa peor que a dos que se finalizan dentro. “A carne dos animais alimentados a pasto ten máis calidade porque ten ácidos graxos recoñecidos cientificamente como beneficiosos para a saúde, como son o Omega3 ou o Omega6”, argumentou. A calidade increméntase tamén, asegurou, ao aumentar o período de aleitamento máis aló dos 7 meses obrigatorios por parte da IXP. “Pero se acortellamos os becerros os dous meses finais está claro que reducimos o tempo de permanencia coa nai e de alimentación a base de leite materno”, insistiu.
Pensamos que é unha equivocación intentar homoxeneizar a carne de Suprema para que se pareza á de cebadeiro
Para Isabel Vilalba, “é posible lograr nos pastos animais que cumpran cos requerimentos de peso e engraxamento fixados pola IXP”. “Se as granxas levan dende a creación de TG Suprema, hai décadas, acadando eses indicadores cunha alimentación saudábel en base a pasto e prácticas medioambientalmente sostibles, que motivo xustifica que se lles obrigue agora a alcanzar eses mesmos indicadores que xa cumpren, pero acortellando e alimentando con concentrados?”, pregúntase a secretaria xeral do Sindicato Labrego. Asegura ademais que Ternera Gallega dispón xa neste momento “de ferramentas suficientes para garantir o cumprimento deses estándares, de maneira que se algún animal ten algunha eiva ou non cumpre cos índices fixados non estea dentro da marca”.  
Non se xustifica esta medida drástica cando, segundo os datos da propia IXP, só o 0,1% dos animais non cumpre
Pero argumenta que “un exiguo 0,1% que apuntan que podería representar a porcentaxe de canais que arestora non acadan os estándares de engraxamento da marca non xustificaría unha modificación de calado como sería obrigar a todas as produtoras e produtores a acortellar nos últimos meses”, defende. Desde o Sindicato Labrego propuxeron como alternativa ao acortellamento a posibilidade de colocar tolvas con cereal nos prados para suplementar a alimentación en base a pasto para aqueles animais que o precisen para acadar os niveis de peso e engraxamento requeridos, unha proposta que non foi aceptada. Incentivar a produción ecolóxica Desde o SLG consideran que, no canto de obrigar ao acortellamento do gando no seu tramo final, a IXP debería ir en sentido contrario, fomentando a extensificación e a produción ecolóxica, impulsando un dobre selo para a carne marcada como Suprema ecolóxica.
A maior dureza da carne dos xatos que veñen do prado lógrase corrixir tendo as canais máis días na cámara
Os becerros marcados de Suprema e criados en ecolóxico teñen necesariamente que saír ao prado, polo que a carne ten unha cor máis intensa, que non é sinónimo de peor calidade, senón todo o contrario, di. “A ninguén se lle ocorre dicir que o polo campeiro é de peor calidade aínda que sexa un pouco máis duro”, compara. “Ninguén dubida que a produción en ecolóxico é unha produción de calidade que reclama a sociedade. Por iso non ten sentido desligar a Suprema da sustentabilidade ambiental e o benestar animal, sobre todo cando a propia UE e os consumidores optan por iso”, conclúe Isabel Vilalba.

Xornada en Lugo sobre benestar animal en vacún de leite en ecolóxico

Agronovo Ecoloxía e a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia organizan o vindeiro día 27 de outubro en Lugo unha xornada formativa sobre benestar animal en vacún de leite en ecolóxico. A xornada é gratuíta e está financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A formación contará cunha sesión teórica impartida pola veterinaria especializada en Benestar Animal Nina Vázquez Viader. Posteriormente, impartirase un taller práctico para o cal se desprazarán a unha granxa situada en Outeiro de Rei. A sesión teórica será impartida na sala de exposicións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da vicepresidencia da Deputación de Lugo. Máis información e inscricións no teléfoo 698 956 453 ou a través do correo aplegalicia@gmail.com

Denuncian a “discriminación” dos produtores ecolóxicos nas axudas da Xunta para previr ataques do lobo

A Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL) denuncia o que consideran “trato discriminatorio” para este colectivo por parte do goberno da Xunta. "Queremos resaltar e recordar, a inexplicable incoherencia de que os productores de ecolóxico estamos excluídos na liña de axudas do PDR por ataque de lobo, polo que debemos comprender que a carne dos animais ecolóxicos non debe ser de bo dente para os seus depredadores, sendo o gando no sistema de manexo ecolóxico o que máis exposto está pola cantidade de horas que están nos pastos”, critican dende PROECOGAL. Neste sentido, dende a asociación anuncian que están a traballar  na presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra esta decisión da Xunta por considerala “totalmente discriminatoria”.   Ademáis, chaman a atención polo que consideran dobre vara de medir do goberno galego, pois mentres decide ampliar as axudas para a contratación de pastores e así cubrir todas as solicitudes “cando os produtores en ecolóxico solicitamos unha ampliación das axudas agroambientais do ano 2022 para cubrir todas as solicitudes que foran denegadas, non por incumprir os requisitos da axuda, se non por non ter orzamentado suficiente para a mesma, a resposta, pese o recoñecemento público, pola súa falla de previsión e comunicación entre entidades administrativas implicadas, foi un rotundo e reiterado non”.

Segundo encontro da veciñanza do Condado de Paradanta sobre a transición ecolóxica

O Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta organiza o segundo encontro da veciñanza para examinar a transición territorial e ecolóxica da zona, no marco da elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa. Terá lugar o vindeiro venres 14 de abril na Casa da Xuventude das Neves, e despois dela pecharase o ciclo en Covelo, o dia 28 deste mes, e centrará a temática na transición enerxética.  Nesta ocasión, os temas a tratar abordarán a ordenación e usos do territorio, a mobilidade de terras agrarias e as figuras de xestión. Despois dos relatorios haberá un espazo de reflexión e debate onde o público poderá compartir as súas inquedanzas, dubidas e achegas e participar activamente das liñas de desenvolvemento económico, social e ambiental do seu territorio.  Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, “despois da gran experiencia do primeira sesión realizada o 31 de marzo en Ponteareas, agárdase unha boa implicación dos veciños e veciñas do territorio que queiran compartir as súas achegas”. As suxestións da veciñanza serán tidas en conta á hora de decidir que proxectos poderán ser candidatos aos fondos europeos para os vindeiros catro anos. Na xornada participarán a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé; o cofundador de estudo MMASA , Luciano Alfaya e a arquitecta da Fundación Juana de Vega, Nuria Freire. Tamén intervirán o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e o xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González. 

Medio Rural defende a degresividade como o xeito de garantir un reparto equitativo das axudas á produción ecolóxica

A Consellería do Medio Rural defende a introdución de criterios de degresividade nas axudas da nova PAC relativas á extensificación e á produción ecolóxica. "A maior vantaxe da degresividade é o fomento dunha distribución máis equitativa das axudas, pois garante que os agricultores máis pequenos reciban unha proporción xusta de axudas, beneficiando deste xeito as explotacións que máis abundan na nosa comunidade", argumenta a Xunta.  Responde deste xeito a Consellería á Plataforma de produtores ecolóxicos, que este xoves denunciaba unha serie de cambios "prexudiciais" e  "discriminatorios" no novo reparto das axudas da PAC proposto polo Goberno autonómico, como o feito de que a partir das 40 primeiras hectáreas o pago redúcese ou a exclusión das ganderías ecolóxicas do complemento por danos do lobo. 
A redución gradual da axuda por hectárea a medida que o tamaño da explotación aumenta garante que os agricultores máis pequenos reciban unha proporción xusta de axudas en relación aos grandes
A degresividade nas axudas refírese á redución gradual das achegas directas aos agricultores en función do tamaño da explotación agrícola. É dicir, a medida que o tamaño da explotación aumenta, a cantidade de axuda directa por hectárea diminúe. "Cómpre sinalar que a superficie media dos solicitantes de agroambientais rolda as 35 hectáreas e a degresividade é a partir de 40 ha", xustifica a Consellería. Sobre o complemento nas zonas de grandes carnívoros "é unha axuda adicional dentro da liña de pastos e non é posible por normativa aplicar este complemento á agricultura ecolóxica, porque as axudas de agricultura ecolóxica e a dos pastos son incompatibles", argumenta. Acordo co Craega A Consellería asegura que "é rotundamente falso que a Xunta incumprira os acordos en materia de incremento de axudas de agricultura ecolóxica no marco das achegas da PAC 2023-2027". A Xunta asegura que o aumento da partida de agricultura ecolóxica ata situarse nos 9 millóns de euros anuais, para un total de 45 millóns no período 2023-2027, foi "pactado tras varias reunións coas organizacións agrarias e co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica".  A Consellería salienta ademais que a cantidade establecida supón "case triplicar o destinado o ano pasado". "Grazas a este incremento, e en base aos datos aportados polo propio Craega, prevese que ningunha solicitude quede sen axuda", afirma o departamento que dirixe José González.

A Xunta repartirá finalmente as axudas a zonas con limitacións naturais tamén fóra de lugares de montaña

O orzamento para todas as axudas agroambientais, incluídos os fondos para produción ecolóxica, é de 26,77 millóns de euros anuais, aos que habería que sumar 18 millóns de euros máis das axudas a zonas con limitacións naturais, repartidos en 12 millóns para as zonas clasificadas como de montaña e 6 millóns para as áreas distintas de montaña. Esta é tamén unha das novidades da Orde publicada a semana pasada pola Xunta, xa que inicialmente o Goberno galego anunciara que estas axudas a ZLN concederíanse no novo período da PAC tan só ás zonas de montaña.  O importe da axuda será de ata 280 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais de montaña e de ata 210 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais distintas de montaña. Estes importes serán decrecentes en función da superficie indemnizable:
  • Ás primeiras 5 ha, correspóndelles o 100% do importe
  • Entre máis de 5 ha e 25 ha incluída, o 75%
  • Entre máis de 25 ha e 100 ha incluída, o 50%
  • A partir de máis de 100 ha non se concede axuda
"No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao orzamento", establece a Orde publicada.
 

“Pasará o mesmo que no 2022; non todas as hectáreas que cumpren van cobrar a PAC”

A Consellería do Medio Rural destacaba esta semana, con motivo da publicación no DOG da Orde autonómica que regula as axudas da PAC en Galicia, o incremento a 45 millóns de euros do orzamento destinado a agricultura ecolóxica na comunidade para o novo período 2023-2027, froito do “acordo” acadado co sector. Se embargo, a Plataforma de produtores ecolóxicos síntese enganada e denuncia que “Medio Rural volve incumprir”. Segundo explican, por primeira vez a Xunta aplicará criterios de degresividade no pago das axudas de desenvolvemento rural pertencentes ao segundo pilar da PAC, de xestión autonómica, de maneira que “volverá acontecer o mesmo que este pasado ano, posto que non todas as hectáreas que cumpren cobrarán as axudas de ecolóxico”, denuncian. Segundo se recolle na Orde que regula os pagos para os vindeiros 5 anos, no caso da gandería ecolóxica, as primeiras 40 hectáreas de cada explotación cobrarían o 100% da axuda prevista, da hectárea 40 á 80 o 60%; da 80 á 200 o 30% e a partir de 200 ha non cobrarían nada. “Está claro que non hai unha aposta polo ecolóxico cando non se puxeron os cartos para que todas as hectáreas que cumpren cobren a axuda”, argumentan desde a Plataforma de produtores, que xa anuncian que reactivarán as accións de protesta organizadas con motivo do reparto das axudas da convocatoria de 2022, que deixou fóra ao 43% das hectáreas e ao 55% das explotacións solicitantes.  
Segundo os cálculos que realizan desde a Plataforma, un gandeiro de vacún de carne en ecolóxico con 100 hectáreas de prado perderá un 10% dos fondos que cobraba
“A Orde da Consellería o único que constata é a redución a mantenta das axudas á produción ecolóxica e supón un incumprimento de todo o falado e pactado co propio conselleiro, quen lonxe de paliar os danos polas perdas do 2022 cun incremento económico e coa inclusión de criterios que favorezan a produción ecolóxica, redúceas” relatan. “O conselleiro di que vai haber cartos para todos, pero na práctica hai unha redución de fondos. Hai un 25% de incremento nas primeiras 40 hectáreas, como di a Xunta, pero se computas toda a superficie non hai tal subida. Un gandeiro ecolóxico con 100 hectáreas de prado posiblemente perda un 10% dos fondos que cobraba ata agora”, din. Dúbidas sobre a aplicación  A aplicación deste criterio de degresividade xera ademais moitas dúbidas entre os produtores. “A orde é unha auténtica chapuza que non concreta nada. Por exemplo, dado que non vale o mesmo a pradeira que o pasto arbustivo ou baixo arborado, non se sabe cal vai ser o sistema para escoller as primeiras 40 hectáreas”, indican.
Créase unha inseguridade total nas explotacións; a incerteza chega ao punto que imos solicitar unha axuda sen saber como queda finalmente establecida
Do mesmo xeito, e dado que as modificacións propostas pola Xunta na Orde publicada están supeditadas ao visto bo da Comisión Europea, “créase unha inseguridade total nas explotacións, que imos solicitar unha axuda sen saber ao final como vai quedar establecida porque Europa non vai responder ata o último trimestre do ano”, din. “Despois do que pasou no 2022 xa houbo xente que se deu de baixa de ecolóxico. E este xeito de actuar leva a máis baixas. Con esta Orde é moi difícil planificar o futuro da explotación”, lamentan. Escaseza de fondos A maiores da degresividade, na Orde recóllese tamén un posible prorrateo dos fondos dispoñibles entre o número total de beneficiarios en caso de que o sistema de cobro aminorado por hectárea non sexa suficiente para garantir fondos a todos os solicitantes. Por iso, desde a Plataforma de produtores ecolóxicos consideran que “a degresividade e o prorrateo foron establecidos para que chegasen os cartos, que son insuficientes; é un xeito de repartir o que hai”, insisten.
Orzaméntanse 9 millóns de euros por ano, cando serían necesarios 13 para cubrir a totalidade das solicitudes e hectáreas
Segundo os seus cálculos, os 45 millóns de euros establecidos para o novo período, a razón de 9 millóns de euros anuais, resultan insuficientes. “Serían necesarios 13 millóns de euros ao ano, é dicir, 65 millóns de euros en total, para que todas as hectáreas que cumpren puidesen recibir axuda”, explican. Discriminación na axuda do lobo Outro dos motivos de queixa das ganderías de ecolóxico ten que ver coa súa exclusión da axuda complementaria para paliar os danos causados polo lobo. A Plataforma está a estudar vías legais para proceder á impugnación da Orde aprobada debido á retirada destas achegas económicas para grandes carnívoros, que deixan fóra para o período 2023-2027 aos produtores de ecolóxico.
O lobo non distingue, come tanto a animais en convencional como en ecolóxico
“A axuda do lobo é discriminatoria, pois está plantexada só para ganderías en convencional, como se o lobo non atacase tamén ás de ecolóxico”, argumentan. Esta axuda complementaria á extensificación en zonas con presenza de grandes carnívoros establécese nun importe de 75€/ha, incluíndo prados temporais e permanentes, pastos arbustivos e pastos arborados. O pago está limitado a un máximo de 50 ha e conta cun orzamento dun millón e medio de euros anuais, polo que en caso de non ser dabondo a partida orzamentada, aplicaríase tamén prorrateo e o importe final baixaría dos 75€/ha fixados na Orde publicada.

“Un produtor convencional con 100 hectáreas perderá un 30% con respecto ao que está cobrando hoxe”

Desde a Plataforma de produtores ecolóxicos rexeitan calquera tipo de enfrontamento cos produtores convencionais e aseguran que tamén eles se van ver prexudicados polo establecemento de criterios de degresividade no reparto dos fondos. “No caso dos gandeiros en convencional a redución é moi significativa. Se un gandeiro de vacún de carne en ecolóxico con 100 ha pode perder un 10% dos fondos, un en convencional pode chegar a perder arredor dun 30% da axuda que está cobrando hoxe”, din. Na axuda por extensificación das explotacións gandeiras, cun orzamento anual previsto de 12 millóns de euros, establécese os seguintes importes:
  • Prados temporais e permanentes: 110 €/ha.
  • Pastos arbustivos e pastos arborados: 80 €/ha.
Ao igual que nos pagos en ecolóxico, estas axudas en convencional serán decrecentes en función da superficie admisible:
  • Ás primeiras 40 ha, correspóndelles o 100% do importe
  • Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 60%
  • Entre máis de 80 ha e 200 ha incluída, o 30%
  • A partir de máis de 200 ha non se concede axuda
Produción ecolóxica Importe en euros por hectárea ou colmea en cada unha das liñas da PAC para produción ecolóxica No caso das axudas para produción ecolóxica, por importe total de 9 millóns de euros anuais, serán decrecentes en función da superficie ou colmenas admisibles: Agricultura ecolóxica:
  • Ás primeiras 20 ha, correspóndelles o 100% do importe
  • Entre máis de 20 ha e 40 ha incluída, o 60%
  • Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 30%
  • A partir de mais de 80 ha non se concede axuda
Gandaría ecolóxica:
  • Ás primeiras 40 ha, correspóndelles o 100% do importe
  • Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 60%
  • Entre máis de 80 ha e 200 ha incluída, o 30%
  • A partir de mais de 200 ha non se concede axuda
Apicultura ecolóxica:
  • Ás primeiras 450 colmeas, correspóndelles o 100% do importe
  • Entre máis de 450 ha e 900 colmeas incluída, o 60%
  • Entre máis de 900 ha e 1.500 colmeas incluída, o 30%
  • A partir de mais de 1.500 colmeas non se concede axuda
“No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao orzamento”, aclara a Consellería na Orde publicada esta semana.
https://www.campogalego.gal/medio-rural-defende-degresividade-como-o-xeito-de-garantir-un-reparto-equitativo-das-axudas-producion-ecoloxica/

“A gandería pode preservar os valores da paisaxe, ser rendible e crear empregos”

Cristina Fernández-Armesto recibe o galardón de mans do presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras O Premio Aresa supón un recoñecemento a “un soño de 50 anos de historia na Galicia rural”, segundo puxo de manifesto Casa Grande de Xanceda este venres na cerimonia de entrega da vixésimo terceira edición do galardón convocado pola empesa de suministros agrarios Aresa e a USC. No marco dunha cerimonia á que asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o reitor da USC, Antonio López, e o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a adxunta á Presidencia da empresa lucense, Carlota López Pardo, trasladou os parabéns á candidatura galardoada, respecto da que sinalou que “Casa Grande de Xanceda é un exemplo de éxito dunha emprendedora que retorna ao campo e converte un negocio familiar nunha empresa exemplar e de referencia”. Diante dun auditorio de Veterinaria ateigado de público, López Pardo, puxo o foco na transformación experimentada no medio rural desde o nacemento do Premio Aresa fai máis de 20 anos. “O sector agrogandeiro como produtor de alimentos, cunha excelente e merecida reputación, e como creador de riqueza, constitúe un elemento esencial para Galicia, polo que cómpre facer unha aposta como sociedade a prol deste colectivo”. Defensa da gandería e da produción en ecolóxico En nome da candidatura premiada, recolleron o galardón a súa socia fundadora, Cristina Fernández-Armesto, e a responsable de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, que asegurou que “o Premio Aresa supón o recoñecemento a un soño de 50 anos de historia na Galicia rural, o soño dos fundadores da granxa, os xornalistas galegos Felipe e Victoria Armesto. Un recoñecemento tamén á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”, afirmou. 
Onde hai vacas, persoas e traballo non hai incendios nin abandono
Torreiro enumerou algunhas cifras alarmantes sobre perda de biodiversidade constatadas pola Unión Europea para logo reclamar que “se deixen de ver as vacas como un problema, porque son parte da solución". "Onde hai vacas, persoas e traballo non hai monocultivos nin incendios nin abandonos”, dixo Torreiro, quen tamén demandou a aposta das Administracións pola produción en ecolóxico. A importancia da muller no rural A CEO de Leche Río, Carmen Lence, que formou parte do xurado do Premio Aresa deste ano, ofreceu unha lección maxistral baixo o título Unha historia de superación na que repasou a grandes trazos a historia do Grupo Lence, unha empresa láctea creada en 1975 por Jesús Lence, ao tempo que puxo en valor o impacto e a fonda pegada xerada pola súa actividade empresarial a prol do desenvolvemento rural.
Dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple
“O medio rural ten unha importancia capital en cuestións vitais como son a loita contra o cambio climático, o despoboamento ou a subministración de alimentos frescos”. Lence subliñou asemade o valor de manter a muller no campo e de atraer a máis, porque “dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple”, sentenciou. O reitor da USC, Antonio López, afondou nesta idea e dixo que "é un orgullo e un motivo de felicidade que este ano se lle conceda este galardón a unha empresa liderada por unha muller, en alusión a Cristina Fernández-Armesto, que decidiu vir da cidade ao rural a investir e a promover e dar continuidade a unha iniciativa emprendida no seu día polos seus avós”.

A Plataforma de Produtores de Ecolóxico en desacordo coas propostas da Xunta para o sector

A Plataforma de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia, constituída a raiz da denegación por parte da Xunta de boa parte das solicitudes de axudas do 2022, amosa o seu desacordo coas últimas propostas da Consellería do Medio Rural para o sector. En concreto, advirten de que ás axudas agroambientais en ecolóxico para o novo período da PAC 2023-2027 “non se lle pode aplicar nin o prorrateo nin a degresividade a estas axudas, e débese cubrir o cento por cento das solicitudes, que se deben incrementar nun 25% como foi o compromiso da consellería e do seu titular para este ano 2023”. Ademais, dende a plataforma defenden que “a axuda de lobo debe ser una axuda independente á que teñan tamén acceso as producións de ecolóxico”. Por último, manifestan que “non entendemos as liñas nin as políticas actuais da consellaría de Medio Rural para o sector da produción ecolóxica”.

Xornada técnica de produción gandeira ecolóxica o vindeiro xoves en Vilalba

A cooperativa Campoastur, un dos principais fabricantes nacionais de alimentación animal ecolóxica a través da súa marca Ecofeed, organiza o próximo día 9 de febreiro, xoves, na localidade lucense de Vilalba unha xornada técnica de produción gandeira ecolóxica. A xornada, que se celebrará no Restaurante Montero, comezará ás 11:00 horas, co seguinte programa: -Presentación da Xornada: Representantes de Campoastur -"Enfoques ecolóxicos na fertilidade das pradarías". D. Joan Alibés, xerente de Beealia -"Perspectivas de futuro fronte á evolución dos custos de produción de leite e de carne en vacún ecolóxico". D. Xan Pouliquen, xerente de Xestión Agrogandeira e Natureza -"Solucións de abonado e encalado para a agricultura e gandaría ecolóxica". Dna. Bárbara Álvarez, Responsable de departamento técnico de Ecocelta. -"Dixitalización de granxas e sistemas de monitorización de gando: Sistema RUMI". D. Elio López, xerente de Innogando Ao finalizar, pincheo no mesmo lugar de celebración Inscripcions: enviar un email a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou chamando ao 679410087 ou Campoastur Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 6 de febreiro

O Ministerio de Agricultura organiza un curso de asesoramento en agricultura ecolóxica

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación puxo en marcha o curso de Asesoramento en Agricultura Ecolóxica para dar a coñecer os fundamentos básicos da produción agraria en ecolóxico e ofrecer unha panorámica da lexislación que o regula. Con esta iniciativa quérese mellorar a capacidade dos operadores deste sector, á vez que se contribúe a mellorar a visibilidade e posta en valor do sector agroalimentario para o medio rural e a economía española. O curso, que se ofrece en liña a través do campus virtual, está dirixido principalmente a asesores de explotacións en activo e profesionais con interese en desenvolver a súa actividade na produción ecolóxica. Está impartido por profesionais do sector, que colaboraron na elaboración dos materiais didácticos, que servirán de apoio para que os alumnos, de maneira autónoma, poidan realizar o itinerario formativo e a avaliación. O formato práctico do curso facilita que sexa ameno de seguir e que os alumnos poidan realizalo ao seu ritmo. O temario abordará aspectos como a normativa e control da Unión Europea, a Política Agraria Común no período 2023-2027, o asesoramento práctico en agricultura ecolóxica, a xestión integrada de pragas, o emprendemento ou a comercialización da produción ecolóxica. Pódese acceder á inscrición e seguimento do curso a través do campus virtual nesta ligazón

318 produtores en ecolóxico de Galicia que quedaron sen axudas seguen á espera dunha solución por parte de Medio Rural

Os 318 produtores e produtoras en ecolóxico de Galicia, a súa maior parte pequenas e medianas explotacións, que quedaron fóra da última convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural debido á insuficiente dotación de fondos, seguen á espera de que a Xunta lles dea unha solución. O colectivo, organizado a través da Plataforma de Produtores de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL), que celebrou a primeira asemblea aberta o pasado sábado, 21 de xaneiro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, lembra que “as persoas máis afectadas son as que fixeron a conversión a ecolóxico no ano 2022, xa que deixaron fóra ao 80% dos novos produtores que se incorporaron, e os que a recibiron ven diminuída a achega ata case o 50% nalgún caso”. “É dicir, a consellería favorece o endebedamento de moitos produtores no seu primeiro ano de actividade en ecolóxico, o que vai lastrar a sustentabilidade económica destas explotacións, co que en lugar de favorecer o desenvolvemento rural favorecen o abandono da actividade ”, denuncian. De momento, dende a Consellería do Medio Rural anunciaron máis dotación orzamentaria e cambios nos criterios das axudas á agricultura e gandería ecolóxica, que se están a debater no Consello Agrario Galego, pero para o próximo período da PAC 2023-2027. Até o de agora dende o departamento que dirixe José González non estableceron unha axuda extraordinaria compensatoria pola perda de axudas da convocatoria 2022 para estas 318 explotacións, tal e como reclaman dende as organizacións agrarias ou unha partida para ingresar íntegramente as axudas denegadas, como esixen dende a plataforma. “Hai recursos materiais, o PP e o conselleiro teñen que mover as partidas, porque a perda económica das nosas explotacións é un golpe a todo o rural, aínda que nós sexamos os máis perxudicados, porque o país que non produce non ten futuro”, lamentan dende a Plataforma de Produtores de ecolóxico de Galicia. Os afectados seguen á espera dunha xuntanza co conselleiro do Medio Rural e/ou co presidente da Xunta de Galicia, unha reunión que solicitaron formalmente. Mentres tanto, seguen a realizar unha recollida de sinaturas por diferentes comarcas e vilas do país, así como recabando o apoio de diferentes sectores.

EcoComedores, un novo proxecto para impulsar o consumo de produtos locais de Galicia nos comedores escolares

O próximo mes de febreiro comeza o programa EcoComedores, un proxecto que se pon en marcha da man de 11 Grupos de Desenvolvemento Rural, Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais e que se presentará nas próximas semanas. Desta forma, os grupos de desenvolvemento rural buscan impulsar a incorporación de centros educativos nesta rede de EcoComedores coa finalidade de introducir nos seus menús os produtos locais, ecolóxicos e de tempada dos produtores locais de cada territorio. Así, durante o tempo que dura o proxecto, porase á disposición da comunidade escolar durante o curso 2022-2023 un equipo de nutrición para revisar os menús de cada centro participante, para poder analizar as necesidades e cambios que sería necesario aplicar para elaborar menús saudables, con produto local, sen que supoña un incremento económico da partida alimentaria. Ademáis de crear espazos de colaboración e comercialización para pequenos produtores, con este proxecto tamén se promocionarán os productos locais, fomentando o consumo en circuitos curtos diminuindo a pegada ecolóxica da alimentación, ao tempo que se dinamizará a economía local, fortalecendo a capacidade de producción de pequenos produtores, xeralmente novos emprendedores.

Participantes

Os Grupos de Desenvolvemeto Rural que participan no proxecto son a asociación Mariñas-Betanzos, asociación Seitura22, asociación Ulla-Tambre-Mandeo, asociación Terras de Miranda, asociación Terra Chá, asociación Comarcas de Lugo, asociación Montes e Vales Orientais, asociación Limia Arnoia, asociación Miño-Ulla, asociación Condado-Paradanta, e a asociación Galicia Suroeste Eu-Rural. A cooperación entre Grupos de Desenvolvemento Rural demostrou ser unha canle moi efectiva para o intercambio e transferencia de experiencias ao mesmo xeito que permite poñer en marcha actividades colaborativas de éxito en determinados territorios. Desta maneira, búscase dar resposta a problemáticas comúns e fomentar a transferencia de coñecemento e innovación dando un valor engadido aos comedores escolares e aos pequenos produtores locais.