Archives

Claves para mellorar a produción gandeira ecolóxica

Uns 50 produtores e produtoras de vacún de leite e vacún de carne en ecolóxico déronse cita o pasado xoves en Teixeiro (Curtis) na VI Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada por Ecofeed, marca da cooperativa Campoastur, que é líder no mercado galego no segmento de pensos ecolóxicos para gando vacún. A xornada foi inaugurada por Iván Maques, concelleiro de Medio Ambiente, Xuventude e Infraestruturas do Concello de Curtis, e por Javier Fernández, director técnico de produción animal de Campoastur, quen atribuíu a suba do penso ecolóxico dos últimos meses “á mala colleita de cereais que houbo en España o ano pasado debido á seca”. “Para a elaboración de penso ecolóxico empregamos cereal nacional, dentro da nosa aposta tamén por unha agricultura sustentable, e o ano pasado a forte reducción da colleita encareceu os prezos e obrigounos a trasladalo en parte aos nosos clientes”, explicou.

Cando compensa dar penso en ecolóxico?

A continuación, Rafael Pardo de Andrade, veterinario de Campoastur, explicou as claves para un uso eficiente dos pensos ecolóxicos en vacún. Partindo de que, segundo a normativa europea de produción ecolóxica, cando menos o 60% da materia seca coa que se alimentan os ruminantes ten que ser forraxes producidas na propia explotación, “o aporte de concentrado debe ser para suplir as carencias nutricionais do pasto en determinadas épocas do ano, especialmente no verán e no inverno, e para levantar o pico de lactación e así lograr unha produción maior”. “En primavera é certo que o pasto pode cubrir as necesidades de produción dunha vaca pero no resto do ano é complicado, dependendo tamén da xenética do animal”, engadiu. En canto a vacún de carne, o veterinario de Campoastur lembrou que “na fase final do cebo é onde é máis interesante achegar penso, para mellorar o engraxamento do becerro e polo tanto a clasificación da canal”.

A importancia das pradeiras biodiversas con leguminosas

A continuación, Carlos Garrido, representante de Fertiprado, explicou as vantaxes que aportan as pradeiras biodiversas con presenza de leguminosas para a producción gandeira. “Os silos de pradarías con mesturas de leguminosas teñen máis palatabilidade e dixestibilidade, ademais de que aumentan a biodiversidade, melloran a estrutura do solo ou reducen as necesidades de abonos nitroxenados no cultivo posterior de millo”, destacou.

“O caderno dixital da Xunta non se adapta ás explotacións en ecolóxico”

Por último, Xisela Fernández, enxeñeira agrónoma en Agronovo Ecoloxía SL., explicou as últimas novidades sobre a aplicación do caderno dixital á produción ecolóxica. “Até o 1 de setembro non será obrigatorio o seu uso para as explotacións de maior tamaño, pero a día de hoxe hai moitos aspectos en aclarar: Descoñecemos as vantaxes que comprometeu o FOGGA a aquelas ganderías que o empreguen antes desa data e, sobre todo, o caderno dixital que ten o FOGGA, o XEAGA, non se adapta ás ganderías que fan pastoreo”, explicou. En canto ás motivacións últimas do caderno dixital, Xisela Fernández, asegurou que “o obxectivo da administración é a dixitalización completa do sector, de forma que a PAC se acabará pagando en base á información do caderno dixital de cada explotación”. Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Campoastur

Xornada técnica sobre gandaría ecolóxica o 1 de febreiro en Curtis

O próximo 1 de febreiro celebrarase en Curtis (A Coruña) a VI Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada por Ecofeed, marca líder no mercado galego no segmento de pensos ecolóxicos para gando vacún.

A cita será a partir das 11:30 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro, co seguinte programa:

-Presentación da Xornada. Representantes do Concello de Curtis e de Campoastur

-Uso eficiente dos pensos ecolóxicos en vacún. Rafael Pardo de Andrade (Veterinario – Campoatur)

-Pastos e pradarías para produción ecolóxica. Carlos Garrido (Veterinario – Fertiprado)

-Caderno dixital aplicación á produción ecolóxica. Xisela Fernández (Enxeñeira Agrónoma – Agronovo)

Ao finalizar celebrarase unha comida no restaurante Perla do Muiño

As inscricións poden realizarse escribindo a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou campoastur@campoastur.es ou chamando ao 679410087.

Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 29 de xaneiro

Na celebración da xornada colaboran Fertiprado, Agronovo Ecoloxía SL e o Concello de Curtis.

Xornada técnica de produción gandeira ecolóxica o vindeiro xoves en Vilalba

A cooperativa Campoastur, un dos principais fabricantes nacionais de alimentación animal ecolóxica a través da súa marca Ecofeed, organiza o próximo día 9 de febreiro, xoves, na localidade lucense de Vilalba unha xornada técnica de produción gandeira ecolóxica. A xornada, que se celebrará no Restaurante Montero, comezará ás 11:00 horas, co seguinte programa: -Presentación da Xornada: Representantes de Campoastur -"Enfoques ecolóxicos na fertilidade das pradarías". D. Joan Alibés, xerente de Beealia -"Perspectivas de futuro fronte á evolución dos custos de produción de leite e de carne en vacún ecolóxico". D. Xan Pouliquen, xerente de Xestión Agrogandeira e Natureza -"Solucións de abonado e encalado para a agricultura e gandaría ecolóxica". Dna. Bárbara Álvarez, Responsable de departamento técnico de Ecocelta. -"Dixitalización de granxas e sistemas de monitorización de gando: Sistema RUMI". D. Elio López, xerente de Innogando Ao finalizar, pincheo no mesmo lugar de celebración Inscripcions: enviar un email a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou chamando ao 679410087 ou Campoastur Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 6 de febreiro

Ecofeed reforza a súa aposta pola alimentación ecolóxica do gando

En momentos convulsos como os actuais asáltannos moitas dúbidas sobre a forma de afrontar o futuro e no noso sector agroalimentario non é unha excepción.

En Campoastur colaboramos desde hai vinte anos coa produción ecolóxica, que foi en aumento constante, e agora vemos algúns produtores vendo o escenario actual con preocupación. Cremos, non obstante, que a produción ecolóxica segue sendo o futuro no noso continente e proba diso son o obxectivos eco que se realzan na nova Política Agraria Común, con maiores obxectivos de superficie e con maiores axudas aos produtores ecolóxicos.

Aínda que asistimos a uns custos de produción superiores, derivados das consecuencias reais e tamén especulativas da guerra en Ucraína, e aínda que nos asalten dúbidas sobre a inflación e sobre as cotizacións actuais das producións gandeiras (leite, carne, ovos, etc.) non podemos mirar a curto prazo.

As cousas tarde ou cedo terminarán volvendo á normalidade e a sociedade pide cada vez máis alimentos saudables, sostibles e prácticas produtivas compatibles co medio ambiente. Por tanto, máis produción ecolóxica e a nosa cooperativa segue apostando por iso.

Ecofeed, a marca de pensos ecolóxicos da cooperativa Campoastur, continúa o seu crecemento neste sector, con ampla presenza no noroeste de España e Portugal. Dispoñemos dunha moderna fábrica de pensos, exclusiva para produción ecolóxica, con todos os adiantos técnicos e elaboramos pensos ecolóxicos para todo tipo de animais de produción, en vacún de leite, vacún de carne, avicultura, porcino… Ademais, a Planta Ecofeed conta coa certificación de Calidade ISO 9000 e a de Medio ISO 14000, así como medios de control analítico, NIR, etc.

“En ECOFEED logramos establecer suficientes contratos de materias primas ecolóxicas para superar esta campaña”

Por suposto, os pensos Ecofeed están elaborados con materias primas ecolóxicas e minerais autorizados, procedentes de provedores avaliados.

Ante un ano como este de dificultades no aprovisionamento de materias primas, tanto polo comentado da guerra como pola seca que se sufriu na maioría de países europeos, particularmente no noso, e pola responsabilidade que nos demanda o servizo á gran maioría das explotacións ecolóxicas da cornixa cantábrica, en ECOFEED logramos establecer suficientes contratos de materias primas ecolóxicas para superar esta campaña, co cal reforzamos a seguridade de poder atender ás explotacións ecolóxicas a longo prazo, facilitando a súa continuidade e crecemento.

Aspectos a mellorar na nutrición de vacún en ecolóxico

A gandaría de vacún en ecolóxico está a experimentar un importante incremento nos últimos anos, empuxada pola demanda duns consumidores que reclaman alimentos máis respectuosos co medioambiente e co benestar animal. Porén, o manexo do gando en ecolóxico en canto á alimentación segue sendo unha materia pendente, fundamentalmente pola ausencia de suficiente experiencia práctica. Neste sentido, a marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, propiedade da cooperativa Campoastur, organizou este mércores en Lalín (Pontevedra) a súa “IV Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica”, que congregou a uns 50 gandeiros e técnicos do sector. Un dos principais retos da alimentación de vacún en ecolóxico é mellorar o valor nutricional e a dixestibililidade das forraxes, xa que a normativa europea obriga a que o 60%, como mínimo, -a partir do 2023 será o 70%- da Materia Seca consumida por unha vaca en ecolóxico teñen que ser forraxes, preferentemente pasto, e producidas na propia granxa ou na súa contorna, estando prohibido o uso de Organismos Modificados Xeneticamente. A este respecto, Marta Miranda Castañón, profesora da área de Ciencias Médicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo incidiu en que “en ecolóxico cobra moita máis importancia que en convencional a calidade dos pastos e das forraxes, polo que debemos ter pastos equilibrados entre enerxía e proteína, potenciando por exemplo o uso de leguminosas como trevo ou a alfalfa”.

As racións en ecolóxico teñen maiores carencias de enerxía e de minerais

Neste sentido, lembrou que segundo un estudo realizado en Galicia e na Cornixa Cantábrica en gandarías de vacún de leite en ecolóxico entre os anos 2012 e 2014, concluíuse que “a inxesta das vacas en ecolóxico é inferior en quilos de materia seca, e son dietas máis fibrosas e menos dixestibles que as vacas que están estabuladas en convencional e alimentadas con ración unifeed”. “As vacas en ecolóxico teñen unha menor inxesta de enerxía, debido a que comen menos concentrado e menos forraxes enerxéticas como o silo de millo, o que leva a que a produción de leite sexa menor e que a que non se aproveite adecuadamente pola vaca a proteína do pasto para convertela en leite, co que estamos a perder nutrientes que se excretan polas feces ou nos ouriños”, detallou. Neste sentido, a súa recomendación é equilibrar máis as racións do vacún en biolóxico a través de distintas vías: mellorando a calidade dos pastos, achegando máis silo de millo ou máis concentrado. En canto aos minerais, cuxo contido foi analizado tanto no sangue das vacas como no leite que producen, Marta Miranda Castañón informou de que as vacas en ecolóxico teñen maiores deficiencias en cobre, selenio e iodo, debido a que os pensos non sempre están ben suplementados nestes elementos. Pola contra, as racións das vacas en ecolóxico, e por tanto o seu leite, resultan ser máis ricas en ferro, cromo, molidbeno ou manganeso, todos eles presentes nos chans e que se transfiren a través dos pastos. En todo caso, a profesora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra lembrou que “estes datos son de fai seis anos, e desde entón mellorouse”. “En todo caso, é moi importante ter en conta que dentro das granxas de vacún de leite en ecolóxico hai unhas variacións moi grandes no valor nutricional e no contido de minerais de cada ración, polo que sería necesario realizar recomendacións individualmente para cada gandaría”.

Cultivar millo en ecolóxico é posible en Galicia

Precisamente do cultivo de millo forraxeiro en ecolóxico, un das forraxes máis enerxéticas que contribuiría a equilibrar as racións, falou Juan Valladares, Enxeñeiro Agrónomo e Investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), quen avanzou os datos dos dous ensaios realizados en 2018 e en 2019 na gandaría SAT Torneiros, na comarca da Limia (Ourense). “É viable o cultivo de millo en ecolóxico en Galicia, aínda que é certo que nos falta experiencia práctica que esperamos no CIAM poder ampliar nos próximos anos cunha leira experimental na Pobra de Brollón”, avanzou Valladares. En canto aos rendementos, os resultados das parcelas na Limia foron este ano de 18 toneladas de Materia Seca por hectárea, iso si, con regadío por goteo. Como coidados culturais, o enxeñeiro do CIAM destacou que resulta fundamental o control das malas herbas cunha escarda cunha grade de púas cando o millo ten entre 2 e 3 follas para eliminar as herbas adventícias e un aporcado entre liñas cun aporcador tipo cola de anduriña cando o millo alcanza entre 6 e 8 follas. “O principal problema do cultivo de millo en ecolóxico témolo cos fariñentos e sobre todo coa xuncia, que volve renovar, polo que a nosa recomendación é sementar millo na mesma parcela, alternándoo cun cultivo de inverno -pradaría de raigrás con leguminosas no ensaio- durante un máximo de 3 anos, momento no que deixariamos a pradaría permanente durante outros dous ou tres anos, antes de volver sementar millo”, explicou.

Primeiros datos da RENGRATI ECO

Xornada celebrada por Ecofeed en Lalín Por último, Miguel Vega, Xefe de sección da Dirección Xeral de Calidade diferenciada e Produción ecolóxica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación expuxo os datos da recentemente creada RENGRATI ECO (Rede nacional de granxas típicas de vacún leiteiro e vacún de carne de produción ecolóxica). Os primeiros datos recolléronse o pasado ano en tres granxas en vacún de leite en ecolóxico de Galicia, Asturias e Cataluña, e, aínda que non son representativos, indican que “os beneficios económicos das granxas en ecolóxico son moi superiores a en convencional, con marxes moi positivas”, grazas aos menores custos de alimentación -en base a pasto, preferentemente- e ao maior prezo do leite. O RENGRATI Eco, tanto de vacún de leite como de carne, está pendente de que se prorrogue este ano, incorporando a máis gandarías.

Xornada sobre produción gandeira ecolóxica en Lalín

A Cooperativa asturiana Campoastur, que comercializa en Galicia o penso ecolóxico Ecofeed, organiza o mércores 22 de xaneiro en Lalín unha xornada técnica centrada na produción gandeira ecolóxica. Na sesión abordaranse temas como os cultivos forraxeiros ou a nutrición do gando neste sistema.

A xornada terá lugar no auditorio da aula da UNED, situada no Polígono Lalín 2000 e empezará ás 10.30 horas. A asistencia é gratuíta, pero as persoas interesadas en participar deberán inscribirse enviando un email a rafaelpardodeandrade(arroba)gmail.com, no teléfono 679 410 087 ou en Campoastur. As inscricións deben realizarse antes do sábado 18 de xaneiro.

A continuación detallamos o programa da xornada:

-Presentación da xornada a cargo de representantes do Concello de Lalín e de Campoastur.

-Produción ecolóxica de cultivos forraxeiros anuais en Galicia. Juan Valladares, enxeñeiro agrónomo e investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

-O reto nutricional no vacún leiteiro de produción ecolóxica. Marta Miranda, profesora do area Ciencias Clínicas Veterinarias. Facultade de Veterinaria. Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

-Presentación Tecnovit. Carlos Cerdán, veterinario responsable do departamento de Nutrición de Ruminantes.

-Rede nacional de granxas típicas de vacún leiteiro e vacún de carne de produción ecolóxica. Miguel Veiga, xefe de sección da Dirección Xeral de Calidade diferenciada e Produción ecolóxica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Ao finalizar a xornada haberá unha comida nun restaurante próximo.

-Consulta aquí o cartel e programa da xornada.

 

Manuel Lameiro, o maior gandeiro en extensivo de Galicia

Hai 20 anos que Manuel Lameiro marchou para Madrid e 11 que comezou coa cría de vacas en extensivo nas montañas de A Veiga, na comarca de Valdeorras (Ourense). Hoxe conta con arredor duns 500 animais e acaba de trasladarse a vivir coa súa familia a súa vila natal, na montaña ourensá. “A min gústanme as vacas e busquei a maneira de poder volver a estas terras e ter vacas. Así é que as circunstancias da vida leváronme a ser empresario pero son gandeiro por devoción”, comenta Manuel.
“Son empresario por circunstancias da vida e gandeiro por devoción”
A Madrid aínda regresa varias veces por semana para atender os negocios que rexenta na capital, e que lle permiten comercializar a súa propia carne: dúas carnicerías e dous restaurantes. Agora quere estar máis centrado na gandería. “Vivín 20 anos na Veiga, logo outros 20 en Madrid e con 40 decidín volver”, comenta.

Entre as Vianesas e as Asturianas de los Valles

Ten dous rabaños, un de Vianesas, que é o máis numeroso, e outro de Asturianas de los Valles, ademais dun grupo de 25 bois para a ceba. “Decidinme polas Vianesas por ser unha raza de aquí e polo ben que pairen e o boas nais que son”, xustifica Manuel. Manuel ten dous rabaños, un de Vianesas e outro de Asturianas de los Valles. Apela tamén á calidade da carne que logran as Vianesas para decantarse por elas. “Son vacas de pouco rendemento en canto a produción pero que teñen unha moi boa carne”, defende o gandeiro. “Se non fora porque comercializo eu directamente a carne se cadra xa tiña que ter deixado de ter vianesas ou telas cruzado con outras razas”, recoñece. En canto á raza Asturiana de los Valles elixiuna pola súa produtividade e tamén pola calidade. “Dentro das razas de carne é unha das que mellores resultados pode darche pero tamén dan moito traballo”, apunta.

Volver levar o gando ó monte

A Veiga é o concello con maior extensión da provincia de Ourense, con 290 quilómetros cadrados, e iso fai que as ganderías de vacún desta zona sexan de cría en extensivo e que ademais conten cunha importante base territorial. É o caso tamén de Manuel que foi facéndose cargo de terras que quedaban abandonadas e que fixo acordos coas comunidades de montes para meter o seu gando. “Pouco a pouco fun dispoñendo de terreos en distintas aldeas que xa non tiñan actividade gandeira”, explica Manuel.
Procura dispoñer de parcelas cerradas con zonas de arborado e pradeiras
As vacas pacen no monte de parroquias como Carracedo, San Lourenzo ou Pradolongo, entre outras. Conta con fincas cerradas que inclúen tanto zona de arborado como pradeiras ou monte raso, nunha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Manuel conta con arredor de 500 animais repartidos entre dous rebaños e os cebadeiros. Nalgunhas destas fincas dispón de naves onde os animais poden resgardarse cando queren e nas que tamén lles bota de comer. “Procuramos ter parcelas grandes e que estean ben comunicadas para poder cambialas vacas con facilidade dunhas fincas a outras”, comenta o gandeiro. A altitude deste concello, que conta co cume máis alto de Galicia, Pena Trevinca, é tamén determinante para a gandería. “Aquí temos pouca produtividade pero gran calidade de herba que lle dá un sabor exquisito á carne”, explica o gandeiro.

Camiño do ecolóxico

Manuel atópase agora en pleno proceso de transición a unha produción en ecolóxico. Ata o momento mercaba unha parte importante dos forraxes pero o cambio motiva que se centre en conseguir incrementar a produción tanto de herba seca como de silo. “Nestas terras hai pasto de calidade pero é pouco produtivo. Co cambio a ecolóxico e coas limitacións de abonado aínda se vai reducir máis a cantidade de forraxes por iso estou tentando segar máis superficie”, indica. Xunto con Manuel, na gandería traballan tres operarios. Ata setembro do 2020 non contará co selo de produción ecolóxica pero quere comezar a finais deste verán con tódolos cambios que implica este tipo de produción. Así, entre as variacións que se inclúen está o de introducir un penso axeitado a unha produción en ecolóxico, para o que baralla optar polos pensos Ecofeed. “Eu creo realmente que a produción ecolóxica é unha forma de conseguir máis calidade para a carne e, sobre todo, reducir o impacto no medio ambiente que a gandería ten, por iso estou agora co cambio”, comenta o gandeiro. Manuel apela tamén á calidade como un valor que faga competitiva á carne galega fronte á doutros países como Alemaña ou Holanda.. Ademais de atoparse en plena transición, Manuel quere continuar a incrementar os seus rabaños nos próximos anos e, de feito, acaba de incorporarse á gandería tamén a súa muller, mediante un plan de incorporación. Tamén pretende sumar outro traballador ós tres operarios cos que conta na actualidade.
Comezará a finais de verán cos cambios para ecolóxico aínda que non contará co selo ata setembro do ano próximo
Manuel ten tamén 6 cans que contribúen a gardar os rabaños nuns montes onde a presenza do lobo é habitual. Ademais dispón dun avisador de partos para tentar minimizar as perdas dos xatos no nacemento e para atallar as complicacións que poidan ter no parto as vacas.
Ademais da carne dos xatos e os anellos, Manuel tamén comercializa carne de boi e vaca.

Comercializar a produción propia

Polo de agora, Manuel está a criar a maioría das femias que lle nacen co obxectivo de seguir medrando e sacrifica arredor de 90 becerros ó ano, todos eles castrados. Comercializa tres liñas de carne: os becerros que van ata os 12 meses, os becerros anellos, dos 12 ata os 24 meses; e os animais de máis de 48 meses. Nesta categoría de animais adultos conta con dous cebadeiros en extensivo de bois e vacas, separados por sexos, e que vai cebando en función da dispoñibilidade e demanda.
Comercializa a carne da súa gandería nas dúas carnicerías e dous restaurantes que ten en Madrid
Toda a carne que produce comercialízaa directamente nos seus negocios. “Non compro máis carne da que produzo e non vendo a carne das miñas vacas a ningún outro distribuidor. Teño unha produción limitada pero tento que sexa da máxima calidade posible e que chegue ó cliente de xeito directo”, comenta o empresario e gandeiro. Así, as dúas carnicerías que ten, no Mercado de San Antón e no de Antón Martín, e os dous restaurantes, situados no centro de Madrid, son a porta de comercialización da súa carne. “Non teño unha produción moi alta pero a carne está gustando moito. A xente en Madrid valora moito que sexa carne galega criada nas montañas, de xeito extensivo e de razas autóctonas, todo iso contribúe a que sexa de calidade”, comenta Lameiro.

Oportunidades e retos para a gandería de carne en ecolóxico

A marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, da cooperativa Campoastur, organizou este xoves en Allariz (Ourense), a súa III Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, centrada na comercialización. A xornada foi inaugurada por Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz, e por Javier Fernández, director técnico de Campoastur. Congregou a uns 60 gandeiros e representantes tanto da administración, da distribución así como cooperativas de gandeiros que deron o paso á comercialización, unha das principais eivas do sector, sobre todo en vacún de carne e en ovino e caprino.

As oportunidades de negocio dos distintos sectores

A este respecto, Ramón Lamelo, xefe da área de Promoción da calidade agroalimentaria da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), dependente da Consellería de Medio Rural, falou das ”Perspectivas da comercialización de carne ecolóxica”. No caso do vacún de carne recoñeceu que as cifras revelan que segue sendo moi minoritaria a súa comercialización en Galicia: “Só se certificaron polo CRAEGA o pasado ano unhas 147 toneladas, moi pouco se as comparamos coas arredor de 23.000 toneladas que foron certificadas por Ternera Gallega”. Neste sentido, defendeu que unha das estratexias para potenciar a comercialización podería pasar por “lograr que a carne de vacún en ecolóxico manteña as bondades de Ternera Gallega Suprema, en canto a cor, sabor menos forte e textura, e para iso podería irse a un cebado final dos becerros con cereal ecolóxico, pero certificada polo CRAEGA e co plus que supón esta certificación en ecolóxico”.
 “Deberíamos lograr que toda a carne que se certifica como Ternera Gallega Suprema tamén logre certificarse en ecolóxico”
“Creo que se logramos que toda a carne que se certifica como Ternera Gallega Suprema tamén logre certificarse en ecolóxico aproveitaríamos a imaxe de Ternera Gallega e iso nos abriría as portas tanto no mercado español como no de exportación”, subliñou. En canto a outras especies destacou o potencial que ten tanto o porcino como a cunicultura en ecolóxico. “O porcino está tendo bastante éxito comercial, porque o consumidor o percibe como un sistema de produción moi distinto do convencional, polo que ten moito percorrido, o que se ve favorecido porque o regulamento, a diferencia doutros países, non é moi esixente pois permítese alimentalo con penso ecolóxico”, subliñou o representante da Xunta. “Sen embargo -advertiu- hai espazo para o produtor que queira ofrecerlle ao consumidor algo máis: crianza nun sistema extensivo, aproveitando verzas, mazás, landras, castañas...etc. E o mesmo poderíamos dicir dos polos e dos ovos”. En canto á cría de coello en ecolóxico, Ramón Lamelo avanzou que “en canto se concrete a normativa, creo que pode ter moi boas perspectivas de integrar esta produción nas explotacións de horta, nun modelo de pequeno tamaño e aproveitando as canles de comercialización convencionais”.

¿Que demanda a distribución e que oportunidades ve para a carne ecolóxica? O exemplo de Carrefour

Por parte da distribución falaron César López Sánchez, director de Relacións institucionais de Carrefour Asturias, e Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España. Tanto un como outro destacaron o enorme potencial de crecemento que teñen os produtos ecolóxicos en España. “Segundo os datos dos que dispoñemos, o 28% dos produtos que compra un consumidor de bio son ecolóxicos; o 94% está disposto a comprar máis e o 50% da poboación en países desarrollados quere consumidor máis produtos ecolóxicos”, explicou César López. ¿E que lles demandan a Carrefour os seus consumidores de produtos ecolóxicos? “O 73% dinos que os produtos bio son caros, e o 33% dinos que non son produtos fáciles de atopar no supermercado”.
“Carrefour quere democratizar os prezos dos produtos bio e facelos máis visibles nos seus supermercados”
Neste sentido, a estratexia de Carrefour pasa por democratizar no prezo o acceso a estes produtos, suprimindo intermediarios e negociando directamente con produtores agrupados en cooperativas ou noutro tipo de sociedades, e por facelos máis accesibles nos supermercados con espazos propios e ben sinalizados. A cadea francesa confía no potencial de crecemento que teñen estes produtos en España: “Entre 2008 e o 2017 o consumo de produtos bio en España medrou un 200%, ata representar o 1,91 % do total de gasto en alimentación, uns 2.000 millóns de euros, pero en Dinamarca xa supón o 10% do gasto en alimentación e cara aí iremos nos próximos anos”, destacou César López. Para iso, Carrefour está a incrementar de xeito notable o número de referencias de produtos cárnicos, de ovos e lácteos de produción ecolóxica. “Desde 2016 crecemos un 30% en referencias de produtos gandeiros bio o obxectivo de cara ao 2022 é multiplicar por catro o número de referencias”, avanzou Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España.

Experiencias de ganderías de vacún de carne ecolóxico na comercialización

Xunto á gran distribución, a xornada de Ecofeed tamén contou coa experiencia de catro gandarías ecolóxicas de carne na comercialización dos seus produtos. -José Luís Vaz, de Verín Biocoop. Verín Biocoop é unha cooperativa que agrupa a 30 ganderías da provincia de Ourense que teñen vacas de razas autóctonas en pastoreo en extensivo. En total, máis de 2.000 vacas nais en 4.500 hectáreas. José Luis Vaz, o presidente de Verín Biocoop, explicou que os becerros cébanos nos últimos meses con cereal ecolóxico de Ecofeed. Unha característica que marca a diferencia desta cooperativa é que realiza tanto o sacrificio como o despece e envasado da carne, vendéndoa directamente tanto a consumidores particulares, tendas e grandes superficies como El Corte Inglés. Realizan tamén un importante esforzo en I+D para adaptarse ás novas tendencias de consumo. Neste sentido, veñen de sacar ao mercado as hamburguesas Morenas y Verdes, nas que empregan tanto carne de vaca como de xato. -Luís Ceide, de Ovica – Pastores de Galicia Luis Ceide contou a experiencia da marca Pastores de Galicia, creada hai un ano pola Asociación de Produtores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) para comercializar o cordeiro e o cabrito dos socios, dentro dun sistema de crianza en extensivo ou semiextensivo, con alimentación en base a leite das ovellas e pasto. Sen embargo, segundo el un dos obstáculos aos que se enfrontan é que “o márketing está enganando aos consumidores, vendendo a imaxe de vacas e cordeiros en pastoreo, cando gran parte do cordeiro de España aliméntanse en granxas en base a leite en pó”. “Esa imaxe falsa provoca que o consumidor sexa difícil que opte polo cordeiro ou o cabrito ecolóxico, porque considera que non aporta diferenciación”, advertiu. -José Blanco, de Gandaría Cimadevila José Blanco é un gandeiro de Montederramo, en Ourense, que conta cun rabaño de 200 animais de raza Vianesa que pacen nunhas 150 hectáreas. A diferencia doutros gandeiros, el non fai cebo final dos becerros, que van ao matadoiro cun máximo de 16 meses de idade, alimentándose soamente de leite materno e pasto, polo que a súa carne ten un sabor máis intenso e unha cor máis escura”. Dende que comezou a súa actividade, esta gandería fai venda directa a particulares, con distintos formatos adaptados aos consumidores e últimamente tamén elabora hamburguesas. Para iso, chegou a un acordo cun carniceiro do concello que se encarga do sacrificio, despece e envasado da carne. “É unha carne dun sabor moi intenso, con graxa infiltrada, pero o consumidor que a proba repite”, destaca. Tamén pon en valor a colaboración coa restauración para dar a coñecer as propiedades desta carne de razas autóctonas, e no seu caso co restaurante Casa Elvira, en Montederramo, que a elabora en distintos presentacións. -Luís Rodríguez, de Chotoiba Luis Rodríguez é un gandeiro de Agolada (Pontevedra), que xunto á súa muller leva unha gandería de vacún de carne en ecolóxico, con 50 vacas nais de raza Rubia Galega e 28 de raza limiá. Iniciaron a venda directa aos consumidores no ano 2010 polas súas inquedanzas profesionais, para o que chegaron a un acordo cun carniceiro da zona. E dende o 2017 teñen o seu obradoiro propio, no que despezan a carne que venden directamente a consumidores de toda Galicia, e incluso doutras comunidades autónomas. “Temos máis demanda que oferta e de momento non imos medrar. A principal satisfacción da venda directa é a autoestima que che dá ter o trato directo co consumidor”, destaca.

¿Por que os prezos os prezos da carne de vacún en ecolóxico seguen baixos?

Un tema común na III Xornada Técnica de Produción Gandeira Ecolóxica de Ecofeed, tanto durante as preguntas do público como na mesa redonda foi a cuestión dos prezos. “Temos os mesmos prezos que hai 20 anos ou incluso menores, o meu pai chegou a vender os becerros a 1.000 pesetas o quilo e eu hoxe véndoos a 800 pesetas, e co custo a maiores que supón producir en ecolóxico”, queixábase unha das gandeiras asistentes. “A culpa é da distribución e dos intermediarios, que quedan coa marxe, porque o consumidor si que paga a carne de vacún máis cara”, engadía. “Por parte da distribución o que facemos é intentar negociar directamente cos produtores, pero teñen que estar agrupados para ser máis eficientes en custos de produción e garantirnos un subministro durante todo o ano e cun produto o máis homoxéneo posible”, respostaron dende Carrefour. José Luis Vaz, de Verín Biocoop asegurou que no seu caso “intentamos pagarlle un prezo ético ao socio gandeiro, uns 5 euros o quilo, cando noutras comunidades autónomas o prezo da carne en ecolóxico de vacún rolda os 4 euros”. “O que pon o prezo é o mercado, os consumidores, e nós facemos o prezo de abaixo a arriba, dende o que ten que gañar o gandeiro, aos gastos de matadoiro, despece ...etc, ata o noso cliente. Hai que procurar dentro do posible fixar un prezo ético para o gandeiro, pero hai que ter un equilibrio para que o produto se defenda no mercado”, engadiu. Por último, outro gandeiro en ecolóxico da provincia de León animou aos gandeiros a facer autocrítica e lembrou que a diferencia de hai 20 anos, “os gandeiros hoxe cobramos as axudas da PAC, e os en ecolóxico aínda máis, unhas subvencións que en realidade son para os consumidores europeos, para que podan comprar a carne a 10 ou a 15 euros o kilo e non a 20 ou 25 que valería se non houbera axudas”. “Por iso, os gandeiros en ecolóxico temos tamén que facerlle ver aos consumidores todos os beneficios que aportamos á sociedade”, concluíu. A Unión Europea regulará os protocolos de fitoterapia para gandería en ecolóxico A Comisión Europea está a traballar nunha regulamentación dos tratamentos con fitoterapia na gandería en ecolóxico, tomando como referencia a normativa alemana. Así o anunciou , Jordi Tost, responsable técnico de Allfeed, que falou sobre os ”Protocolos fitoterápicos en gandarías extensivas” e sobre a ampla gama de produtos innovadores que ofrece esta empresa tanto para vacún de leite e carne como para outras especies.

Programa da III Xornada Técnica de Produción Gandeira Ecolóxica

A marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, da cooperativa Campoastur, organiza o día 24 de xaneiro, xoves, en Allariz (Ourense), a súa III Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica. A xornada está dirixida a gandeiros e persoas con interese na produción de carne en ecolóxico. A asistencia é gratuíta, previa inscrición enviando un correo electrónico a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou chamando ao teléfono 679410087. Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 21 de xaneiro. O lugar de celebración será o Fogar dos Maiores (Rúa Campo da Barreira, 3) e na organización colaboran o Concello de Allariz e a empresa Gav Allfeed.

Programa:

-11:00 horas. Presentación da Xornada: -Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allaríz -Javier Fernández, director técnico de Campoastur -”Protocolos fitoterápicos en gandarías extensivas”. Jordi Tost, responsable técnico de Allfeed. -”Perspectivas da comercialización de carne ecolóxica”. Ramón Lamelo, xefe da área de Promoción da calidade agroalimentaria da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL-Xunta de Galicia). -”Os produtos ecolóxicos na distribución”. César López Sánchez, director de Relacións institucionais de Carrefour Asturias e Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España -Mesa redonda: "Retos na comercialización para as gandarías ecolóxicas de carne”, cos relatorios sobre experiencias comerciais de produtores de gandarías ecolóxicas: José Luís Vaz, de VerínBiocoop (comercializadora de gandarías asociadas de vacún, ovino e caprino) Luís Ceide, de Ovica - Pastores de Galicia (ovino-caprino) José Blanco, de Gandaría Cimadevila (gandaría de vacún vianesa) Luís Rodríguez, de Chotoiba (gandaría de vacún, con sala de despezamento) Moderador: Rafael Pardo de Andrade, do servizo técnico de Ecofeed en Galicia. Ao finalizar, xantar nun restaurante próximo ao lugar de celebración

Xornada en Santiago sobre produción de leite ecolóxico

O vindeiro xoves, 25 de xaneiro, celebrarase en Santiago de Compostela unha xornada sobre produción gandeira ecolóxica. Na xornada, organizada por Ecofeed, líder na fabricación de penso ecolóxico para vacún de leite, abordaranse temas como a selección xenética para as gandarías de vacún de leite ecolóxico, os factores que inflúen na calidade do leite que cambios se prevén na nova PAC para as axudas agroambientais e de produción ecolóxica.

A xornada comezará ás 11:00 horas co seguinte programa:

”A nova PAC: relevancia das medidas agroambientais e de produción ecolóxica”. Eloi Villada, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

-”Factores que inflúen na calidade do leite: ¿Que tipo de leite interesa producir?”. Jaime Magdalena, investigador da aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago.

-”Planificación da orientación xenética nas granxas de vacún leiteiro ecolóxico”. Stéphane Fitamants (Global Genetics-Procross).

Ao finalizar a xornada ofrecerase un cátering aos asistentes.

A xornada celebrarase no Edificio Cersia Empresa. Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, preto do Palacio de Congresos.

A inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse enviando un correo electrónico a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou chamando ao 679 410 087.
A data límite de inscrición é o luns 22 de xaneiro.