Archives

Curso de capacitación en uso do dron para actividades agrogandeiras e forestais

O Centro de Promoción Rural EFA – Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), inicia este luns, 9 de outubro, un curso de “Capacitación en Tecnoloxía de Drons para a súa Aplicación Práctica nas Actividades Propias do Agro (Agricultura, Gandaría e Forestal)”, enmarcado dentro do Proxecto Iniciativa Xove da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. DronRural é un proxecto destinado a mostrar o potencial tecnolóxico do ámbito agrario e capacitar aos mozos e mozas para que se convertan en protagonistas activos na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, como os drons. Os días luns 9 e martes 10 de outubro de 2023, en horario de 10:00 a 19:00 horas, DronRural levará a cabo unha serie de talleres deseñados para capacitar á mocidade no uso e desenvolvemento de drons no medio rural. Estas actividades inclúen: 1. Xornada: “Dron e Medio Rural” O obxectivo desta xornada é dar a coñecer a tecnoloxía dos drons á mocidade e ao público en xeral, destacando as posibilidades que ofrecen na agricultura, na gandaría, no turismo, na topografía e na industria forestal. 2. Xornada: “Piloto de Drons” Esta xornada proporcionará información detallada sobre como obter unha licenza de piloto A1-A3 de forma gratuíta e en liña. Abordaranse aspectos administrativos do proceso e ofrecerase orientación para superar o exame. Ademais, establecerase unha canle de comunicación continua para resolver dúbidas relacionadas coa normativa e as licenzas. 3. Taller: “Crea o teu Dron” Este taller ten como obxectivo capacitar aos participantes para construír drons desde cero, adaptándoos ás súas necesidades específicas e ao entorno rural. Os asistentes aprenderán a construír drons de carreiras, drons xenéricos para fotografía/videografía e drons de carga capaces de transportar cargas máis pesadas. Estes talleres son só unha parte dos esforzos de DronRural para capacitar á mocidade en tecnoloxía aérea, mellorar a percepción do medio rural como un lugar de futuro socioprofesional e fomentar o emprendemento en actividades relacionadas coa tecnoloxía. DronRural representa unha oportunidade única para que a mocidade do medio rural se converta en líderes na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, contribuíndo así ao progreso e á revitalización das comunidades rurais.

Máis información: josemanuel.campos@efagalicia.org

Aposta de Terras Gauda pola Intelixencia Artificial e a robótica na xestión sustentable da viña

Adegas Terras Gauda continúa con paso firme desenvolvendo a súa estratexia de innovación, desde o convencemento de que a investigación e o desenvolvemento son os mellores aliados para a sustentabilidade e ferramentas necesarias para a preservación do seu legado vitivinícola. Referente no sector pola súa aposta pioneira polo I+D+i como elemento diferenciador dos seus viños, agora apunta cara á xestión sostible do viñedo optando pola intelixencia artificial, a robótica e o big data. A adega fixo un importante investimento nestes dous anos e medio dentro do proxecto de cooperación internacional FlexiGrobots, no marco de Horizon 2020. Os últimos ensaios na súa viña leváronse a cabo nesta vendima, para a que despregaron unha frota de robots de terra e drons con distintas funcións, que traballan colaborativamente e intégranse nun IoT (internet das cousas). Durante a proba, corroborouse a súa eficacia ao reducir os tempos na chegada da uva recentemente recollida do viñedo á adega, o que incide de forma positiva na calidade. Os robots, que integran cámaras, algoritmos de IA e outros dispositivos, dispoñen de 4 comportamentos autónomos como apoio ao labor que realizan os vendimadores, principalmente nas tarefas máis duras: cargar, portar as caixas e trasladalas ás instalacións. Impacto positivo na contorna Consciente da riqueza do seu terreo, a adega traballa desde hai anos para minimizar a súa pegada ambiental e aumentar o impacto positivo na súa contorna. Unha das formas de conseguir este obxectivo é mediante a aplicación localizada dos tratamentos na viña e, con este proxecto, abríronse importantes posibilidades na detección e xestión temperá de enfermidades. Os drons, dotados de cámaras multiespectrais e grazas aos algoritmos desenvolvidos, facilitan a inspección remota de cepas posiblemente afectadas, xerando mapas de risco de enfermidades. Con esta información, os robots de inspección, mediante visión artificial, proporcionan datos xeorreferenciados das zonas do viñedo específicas, nas que actúan os robots configurados para o tratamento. Os datos intégranse e rexistran na aplicación web CULTIVA, que permite visualizar e dispoñer, nunha única plataforma, de información moi valiosa, incluíndo a que achegan as cámaras multiespectrales dos drons que facilitan a inspección remota de cepas e acios en tempo real e facer o seguimento do traballo dos robots. “É un gran paso para a xestión sostible do noso viñedo”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico da adega, quen tamén alude a unha mellora na eficacia de todos os procesos incorporando os últimos avances tecnolóxicos, que sirvan de complemento ao labor que desempeña o equipo humano. Grupo Terras Gauda Co desenvolvemento deste proxecto, Terras Gauda continúa afianzándose como referente no sector en materia de I+D+i. A diferenciación, a sustentabilidade e a internacionalización son os tres piares sobre os que se asenta a súa filosofía empresarial e que definiron a súa folla de roteiro no proceso de diversificación xeográfica: desde as Rías Baixas á DOCa Rioxa (Compañía de Viños Heraclio Alfaro), Sardón de Douro (Quinta Sardonia) e D.O. Bierzo (Adegas Pittacum), catro das zonas vitivinícolas con maior renome. Presente en máis de 70 mercados internacionais, o grupo adegueiro comercializa 3 millóns de botellas. Consorcio internacional Dezaseis empresas e 8 grupos científicos de España, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Alemaña, Lituania, Serbia e Letonia impulsaron este consorcio internacional. Un proxecto liderado por ATOS e financiado con 7 millóns de € polo programa marco europeo Horizonte 2020.

O dron: unha nova tecnoloxía para a fertilización do millo

No marco da nova PAC e das medidas acorde ao Real Decreto de Nutrición Sostible, a cooperativa Delagro organizou unha xornadas formativas sobre fertilizantes e cultivos forraxeiros con especies mellorantes o pasado 27 de Xullo, en Santa Comba (A Coruña). Este evento incluíu unha demostración de aplicación de fertilizante con dron nun momento clave para a floración do millo en colleita, no cal, non se podía aplicar de xeito manual ou con maquinaria pesada. “Nesta aplicación con dron imos utilizar bioestimulantes, que consisten en compostos orgánicos que axudan a combater o estrés abiótico froito de altas temperaturas, seca, etc.”, explica o responsable do departamento de bioestimulantes de Yara Iberia, Carlos Martín. Neste sentido, “as cantidades a aplicar son a ultra baixo volume, e como se observará o dron leva entre 20 e 30 litros que serven para cubrir dúas hectáreas de cultivo, neste caso de millo”, detalla o responsable de producións vexetais de Delagro, Javier Caneda.
“A aplicación é a ultra baixo volume, e como se observará o dron leva entre 20 e 30 litros que serven para cubrir dúas hectáreas” (Javier Caneda)
Esta tecnoloxía con dron tamén permite xeolocalizar a parcela e facer un seguimento do tratamento vía satélite, e sen a necesidade de estar presente na finca. “Queremos probar os tratamentos aplicados sobre este cultivo de millo, para iso, despois faremos un seguimento cun par de satélites que temos en órbita, os cales detectan as parcelas escaneadas polo dron, logo métense nun programa e sabemos os índices de fotosíntese que está tendo o millo”, amplía Carlos Martín. Este tipo de tratamentos aéreos contan con restriccións legais que atinxen ao propio dron, polo que as limitacións principais son ás necesidades de solicitar permiso en espazo aéreo, ou non sobrevoar puntos cerca de aeroportos ou preto de liñas de alta tensión. Aínda así, “isto é unha cuestión que lle pode interesar a calquera agricultor pola súa viabilidade técnica e económica, polo que aquelas cooperativas con ou sen parques de maquinaria deberán estar atentas a estas novas tecnoloxías porque vai ser servizo demandado”, avanza Javier Caneda.
“As cooperativas deberán estar atentas a estas novas tecnoloxías porque vai ser servizo demandado” (Javier Caneda)
A fertilización desta parcela dividiuse en tres franxas, en cada unha das cales se utilizaron tratamentos diferentes. Na primeira delas abonouse cun producto a base de silicio, Exacticil, outra con un bioestimulante foliar en base a algas, Optimaris, e unha terceira que consiste nun combinado das dúas. Agora, daráselles seguimento para ver o comportamento do millo desde a súa aplicación.

25 mulleres rurais fórmanse en Lugo no uso de drons no ámbito agrogandeiro

Tras aterrar noutras cinco comunidades, a escola ambulante de pilotaxe de drons para mulleres rurais ‘FADEMUR Vuela” despegou este xoves en Lugo. Alí celebrouse a xornada de presentación e posta en marcha dun curso no que participan 25 mulleres rurais galegas; que nas vindeiras semanas formaranse para converterse en pilotas profesionais de drons. A presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, a responsable da formación, Carlota Nieto, e a concelleira de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, Ana González Abelleira inauguraron unha formación que se impartirá na súa maior parte de maneira online. Dese xeito, as participantes poderán avanzar no temario teórico do curso de maneira cómoda para rematar completando a súa capacitación, seis semanas despois, con sesións prácticas de voo e exames presenciais. Unha vez remate esta primeira parte, as mulleres optarán a unha especialización, tamén gratuíta, en drons para agricultura de precisión ou en drons con fins audiovisuais. En total, o curso completo supón 80 horas de formación. Artesás, gandeiras, emprendedoras de diversos eidos e tamén desempregadas en busca de novos nichos de emprego. Os perfís das mulleres rurais que participan no curso que arrincou onte son diversos. Como tamén as súas localidades de orixe, repartidas entre as catro provincias galegas. O curso servirá ás participantes para obter a titulación de pilotas a distancia de UAS/drons en categoría aberta, A1/A3, A2 e STS01 e STS02 certificado pola AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Ademais, tamén obterán a certificación de Fotogrametría, que proporciona as técnicas para obter mapas e planos de grandes extensións de terreo por medio da fotografía aérea.

A escola ‘FADEMUR Vuela’ no ‘Plan Allen Rural’

Para lanzar a súa escola de pilotaxe de dron, FADEMUR aliouse coa academia Advanced Smart Robotics (ASR-Formación), da empresa Pirineos Drone, e con Drone Doing, empresa responsable da formación no caso de Galicia. Tamén con IKEA, compañía cuxo apoio permitiu a FADEMUR lanzar a escola xunto con outras iniciativas enmarcadas no ‘Plan Allen Rural’. Este é un programa co que a organización cumprirá un ambicioso obxectivo: mellorar a situación de máis de 1.000 mulleres de toda España no sector agroalimentario e no ámbito rural. Pola súa parte, cos cursos de ‘FADEMUR Vuela’, a Federación formará a 500 mulleres rurais de dez comunidades autónomas durante 2023 e 2024. Ademais da formación en pilotaxe de dron, o ‘Plan Allen Rural’ de FADEMUR tamén axuda ás mulleres agricultoras e gandeiras na transición ecolóxica das súas explotacións, a mellorar a comercialización dos seus produtos, a complementar os seus proxectos con iniciativas de agroturismo e a avanzar na dixitalización dos seus negocios, entre outras cuestións.

Lanzan unha plataforma gratuíta para acelerar o emprendemento dixital no agro galego

Bautizada como E-Learning Data, esta nova plataforma gratuíta nace para acelerar o emprendemento dixital no agro galego. A ferramenta ofrece formación e asesoramento e está a disposición tanto do sector primario galego como dos emprendedores que pretendan apostar polo agro e pola agrodixitalización do campo da comunidade autónoma. Trátase dunha ferramenta desenvolvida no marco do proxecto Interreg Poctep Hub Iberia Agrotech (HIBA), do que forma parte o centro loxístico galego Datalife Hub de Innovación Dixital. E-Learning Data está dispoñible na web do proxecto HIBA en español e en portugués. A plataforma inclúe cursos en liña gratis (MOOC) sobre Tecnoloxías Habilitadoras Dixitais no agro adaptados a distintos perfís de usuario. Permite o acceso a ferramentas innovadoras que favorecen o emprendemento. Tamén proporciona apoio ao desenvolvemento da capacitación a través de asistentes virtuais e coñecemento sobre os aspectos máis relevantes da agricultura de precisión. Un asistente virtual dispoñible as 24 horas, HIBABot, encárgase de resolver calquera dúbida. A plataforma está destinada a persoas que traballen ou emprendan no sector agroalimentario, en empresas de servizos do sector primario, grupos de desenvolvemento local, asociacións agrícolas, formadores e alumnado tanto universitario como non universitario. “Permitirá testear innovacións e experimentar con tecnoloxías para promover o espírito emprendedor, mellorar a capacitación en agrodixitalización e brindar apoio á hora de tomar decisións”, apuntan desde Datalife.

Satélites e drons

A iniciativa E-Learning Data tamén pon ao dispor das empresas galegas a experimentación e desenvolvemento de aplicacións que, baseadas en datos procedentes de distintas plataformas de observación (satélites ou drons), melloren as capacidades de innovación do sector agro. Un exemplo é o acceso a produtos Copernicus, que poden ser de especial interese para o agro, como as imaxes de Sentinel-2, que rexistran observacións do planeta Terra para dar servizos como o seguimento da evolución dos bosques, os cambios na cortiza terrestre e a xestión dos desastres naturais.

Diagnóstico de Madureza Dixital

Datalife Hub de Innovación Dixital anunciou que no marco deste proxecto europeo tamén fará público o informe sobre o Diagnóstico de Madurez Dixital (DMD) do sector primario galego. Este traballo difundirase na web de Datalife. O seu obxectivo é afondar no coñecemento do Hub sobre a situación do agro galego para poder adaptar os servizos á realidade do campo, mar e sector forestal. Para completar este traballo, Datalife seleccionou e recompilou todo tipo de información a través dos espazos de diálogo realizados ao comezo do proxecto sobre o sector primario, desde o punto de vista e as necesidades de micropemes e grandes empresas, da agricultura e a transformación, a pesca e o ámbito forestal.
"A transformación dixital non ten un único camiño marcado no agro galego. Cada empresa debe priorizar os aspectos en liña cunha planificación adecuada do negocio e os seus procesos"
“O Diagnóstico de Madurez Dixital do agro galego pon de manifesto que as súas necesidades, capacidades e prioridades deben deseñarse segmentadas por sectores. Tamén deixa claro que a transformación dixital non ten un único camiño marcado, que cada empresa ou axente deberá ir priorizando os aspectos en liña cunha planificación adecuada do negocio e os seus procesos”, destacan fontes de Datalife. Ademais, tamén recomendan que promover un cambio gradual e non unha transformación radical destes sectores para que calle a dixitalización en toda a cadea de valor. O informe concíbese como un punto de partida e que os avances derivados deste coñecemento en cada sector permitan establecer unha planificación para saber onde se está e onde se quere chegar a todas as empresas galegas interesadas na agrodixitalización da man dos provedores tecnolóxicos.

Curso para tratamentos de sanidade vexetal aplicados con drons

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza catro xornadas teórico-prácticas sobre tratamentos aéreos con drons en sanidade vexetal en Monforte de Lemos. Os obradoiros impartiranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal os días 27, 28, 29 e 30 de setembro cun horario de mañá desde as 10.00 ata as 14.15 horas. O obxectivo desta acción formativa é dar a coñecer os conceptos básicos nos tratamentos aéreos, as normativas ás que están suxeitos e os drons como maquinaria agrícola alternativa para a realización de tratamentos preventivos, mellorantes ou curativos en sanidade vexetal. A iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira. O programa formativo recolle primeiramente a evolución e tendencia da agricultura dando conta de diferentes esixencias normativas, para logo abordar a xestión integrada de pragas e a agricultura de precisión, con revisión de conceptos e exemplos prácticos. Deseguido, tratarase a normativa sobre seguridade aérea e sanidade vexetal e os tratamentos con drons, para finalizar cunha demostración atendendo á preparación de equipos, ao voo e á comprobación de eficiencia do tratamento. A preinscrición en liña xa está accesible nesta páxina cubrindo os datos necesarios, e ademais pode atoparse o referido curso. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.

Curso en Bergondo sobre emprego de drons en agricultura de precisión e sector agroforestal

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre o manexo de drons no sector agroforestal e agricultura de precisión. O obradoiro darase ao longo de 5 días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os días 23 e 30 de xuño en horario de mañá dende as 9:00 ás 14:00 horas. O curso abordará aspectos básicos no emprego de vehículos aéreos non tripulados e os diferentes usos que poden ter no sector agroforestal. Así mesmo, tratarase a agricultura de precisión, cunha introdución nos métodos, equipamentos e aplicacións así coma os sistemas de uso e a análise das vantaxes e futuro deste tipo de tecnoloxías no sector. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse online nesta ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal

Xornadas en Monforte sobre as posibilidades que ofrecen os drons na agricultura

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte cinco xornadas sobre os drons aplicados á agricultura. Previstas dende o próximo luns 27 de setembro ao venres 1 de outubro, todas están programadas das 10,00 h. ás 14,00 h. O obxectivo da iniciativa é dar a coñecer a tecnoloxía dos drons (vehículos aéreos non tripulados), a lexislación que os regula e as vantaxes que poden supoñer nas explotacións, en relación ao aforro de tempos e custos, para levar a cabo aplicacións máis precisas e con maior seguridade e, en definitiva, para incrementar a eficiencia nos traballos agrícolas. En concreto, o programa inclúe contidos sobre as novas tendencias na agricultura, sobre as necesidades do agricultor e dos cultivos, sobre as pragas que poden afectar as plantacións e sobre o uso de fitosanitarios. Nesa liña, aprenderase como poden empregarse os drons para pulverizar aforrando non só produto senón tamén tempo e man de obra. Así mesmo, revisarase a lexislación de aeronáutica civil e a normativa do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en materia de aplicacións aéreas. Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. Para inscribirse é preciso descargar a folla de inscrición na páxina web de Medio Rural  e remitila ao enderezo electrónico isaac.lopez.felipe@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982889105.

Xornada sobre uso de drons e de diferentes fertilizantes e rotacións para mellorar os rendementos do millo forraxeiro

O vindeiro mércores, 25 de novembro, terá lugar a xornada “Relatorios sobre os resultados dos ensaios do grupo de fertilización e medio ambiente do CIAM-Agacal”. A xornada será telepresencial mediante a aplicación WEBEX. O día previo enviarase un correo electrónico co enlace para seguir os relatorios. Os interesados en seguir os relatorios deberán  remitir un correo electrónico a grupofer@ciam.gal solicitando a asistencia. Admitiranse solicitudes ata as 12:00 h do día 24 de novembro. 

Programa:

10:00- 10:20 h. “Millo forraxeiro en rotación con varios cultivos de inverno e abonado con diferentes fertilizantes”. Dolores Báez Bernal. Investigadora do CIAM-Agacal. 10:20-11:30 h. “Uso de drons e parámetros de solo e planta para predecir produción e calidade do millo forraxeiro”. Manuel López Luaces. CIAM-Agacal. Federico Cheda Tuya. 3edata. José Antonio Gay Fernández. Monet. Mª Isabel García Pomar. CIAM-Agacal.

Así traballan os drons da Xunta na loita e prevención de incendios

A Xunta de Galicia conta ao longo deste ano con 10 drons máis, que se suman aos 2 do ano anterior, durante a tempada de alto risco de incendios, que arrancou o pasado 1 de xullo e que se prolongará ata o próximo 30 de setembro. Estes vehículos non tripulados traballan na localización de incendiarios e na mellora da vixilancia preventiva, na detección e na extinción de lumes. Así mesmo, dan apoio na medición e na avaliación de superficies queimadas, así como na detección de posibles incumprimentos en materia de xestión de biomasa ou distancias de plantación. Os drons están controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Deste xeito, incorporan un sistema anticolisión perimetral, con sensores frontal, inferior, traseiro, superior e lateral. O seu tempo de voo está entre os 20 e os 30 minutos e incorporan unha cámara dual con varios modelos de visualización de vídeo. Así, grazas a estes aparellos, poderanse tamén controlar as posibles accións delituosas que poidan supoñer un risco de incendio forestal. Deste xeito, mediante a tecnoloxía que brindan estes drons, poderanse tomar decisións en incendios activos ou estabilizados grazas ao envío de cartografía e determinación de puntos quentes, co obxectivo de atallar os focos que se poidan producir.

Vixilancia fixa

A maiores do aumento dos dispositivos móbiles, a Xunta mellorou tamén a vixilancia fixa. Así, un total de 32 novas cámaras de última xeración xa están instaladas nos montes galegos, sumándose ás 88 xa despregadas na Rede de videovixilancia forestal. Desta forma, este ano un total de 120 cámaras vixiarán en tempo real case o 60% da superficie da comunidade.

 “O uso do dron aporta múltiples vantaxes na loita e prevención de incendios forestais”

O persoal do distrito forestal 19, que abarca as comarcas de Pontevedra, Caldas, O Salnés e O Morrazo, é un dos que comezou a traballar este ano cun dron para mellorar a loita e a prevención contra os incendios forestais. “O dron entregáronnolo a comezos da época de alto risco de incendios deste ano, polo que aínda é recente para facer unha avaliación”, explica Carlos Magariños Fernández, axente ambiental da Brigada de Incendios Forestais do distrito XIX e que, xunto a outro compañeiro, é o responsable de pilotar o dron, despois de superar un curso de formación avanzado o pasado mes de setembro. Ao igual que os outros 12 drons da Consellería do Medio Rural que empregan este ano o persoal das brigadas de incendios, trátase dun DJI Mavi 2 Interprecide Dual, equipado cunha cámara térmica infravermella que analiza automaticamente con gran precisión a temperatura de persoas, animais ou calquera outro obxecto inerte sobre o terreo, pero sobre todo detecta con gran precisión lumes cando son incipientes. O peso do aparello é de tan só 905 gramos, o que facilita moito o traballo, e está equipado cunha batería que lle permite aproximadamente uns 30 minutos de voo nun radio máximo de 1 kilómetro arredor do piloto. “No noso caso, levamos 3 baterías, polo que temos máis tempo de voo e ao irmos dous pilotos, o principal e o auxiliar, podemos, dependendo da emerxencia, voar con el a 1 km de distancia, por riba dos 500 metros que establece a normativa”, explica Carlos Magariños.

As numerosas vantaxes que aporta o dron na loita e prevención de lumes

“Agora mesmo no noso distrito estamos voando co dron principalmente facendo labores de disuasión, pero as vantaxes e potencialidades que nos aporta no noso traballo son múltiples”, recoñece o axente ambiental da Brigada de Incendios Forestais do distrito XIX. Entre os avances que supón esta nova tecnoloxía destaca: -A visualización dun dron voando ten un efecto disuasorio para os posibles infractores. -Mellora a vixilancia e detección de posibles infraccións e delitos no monte ou no medio natural. Por exemplo, o uso do dron permítelles detectar vehículos e outra maquinaria que circule polo monte e identificar aos infractores. -Permite realizar de forma rápida, a baixo custo e sen pór en risco a vida dos pilotos, unha vixilancia aérea do territorio, con imaxes de vídeo e fotografías de alta resolución. -Permite analizar o estado da cuberta vexetal, sobre todo arborado, para detectar posibles pragas e enfermidades, así como realizar labores topográficas, o que supón un aforro de tempo e esforzo, especialmente en zonas de difícil acceso. -Unha das súas principais vantaxes é que permite detectar focos de lumes incipientes e difíciles de visualizar por estaren en zonas tapadas ou de altura. “E unha vez que se produce o lume, sérvenos para facer un estudo da súa posible evolución, detectando tamén pistas para acceder e vías de escape para o persoal de extinción”, precisa Carlos Magariños. E é que o dron envía en tempo real información ao dispositivo ao que está conectado, como unha táblet ou teléfono móbil, o que permite ter máis datos para atacar o incendio cos medios terrestres e aéreos. -O uso do dron, que tamén pode voar de noite, posibilita controlar certos riscos nun incendio que non se ven dende terra, como a existencia de vivendas próximas, ou o acceso a zonas que por medios terrestres sería imposible, polo fume e o calor do propio incendio. “O dron pode cruzar o fume, pero un medio aéreo non”, subliña o axente. -Unha vez extinguido o incendio o uso do dron facilita a medición da superficie afectada, elaborando planimetrías, pero tamén detectando puntos quentes no perímetro do incendio para buscar posibles reproducións. -”Na investigación dos lumes temos utilizado os drons, que nos valen para facer un estudo dos vestixios físicos do incendio: a xeometría do lume, os indicadores de dirección, elementos naturais que puderan influir na evolución do incendio como ríos, valgadas, estradas, pistas forestais ou camiños. Todo iso vai influir na propagación do lume e non é o mesmo ter que percorrer todo o terreo que miralo dende o aire, con fotos e vídeos de alta resolución que melloran a perspectiva”, engade Carlos Magariños. -O uso do dron tamén permite realizar dende o aire un estudo de indicios de actividade na zona que poden influír na orixe ou evolución do lume, como gando nas zonas exteriores, fincas agrícolas, liñas eléctricas, zonas de afluencia de xente como merendeiros, ermidas, abellarizas, vertedoiros incontrolados....

Dron empregado este ano pola Xunta para previr e loitar contra os lumes forestais: 

A Xunta xeneralizará o uso de drons para controlar as axudas da PAC e mellorar a xestión das explotacións agrogandeiras

A Xunta desenvolverá a segunda fase do Programa Primare tras validar a plataforma desenvolta para as inspeccións intelixentes avanzadas, cuxos resultados se presentaron este luns nunha xornada celebrada na Cidade da Cultura. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral da Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto. Ambos representantes autonómicos expresaron o interese de que Galicia siga sendo un referente no desenvolvemento de solucións innovadoras aplicadas ao sector agrogandeiro e avanzaron, que á vista dos resultados positivos obtidos nesta primeira fase, o programa Primare terá continuidade afondando na aplicabilidade da tecnoloxía, non só no ámbito da política agraria común, senón tamén na xestión das explotación agrarias e das parcelas agro forestais de Galicia. Esta continuidade materializarase no desenvolvemento dunha segunda fase da iniciativa, Primare - agricultura 4.0, que facilitará aos axentes do sector agrogandeiro dispoñer de ferramentas e servicios para simplificar, automatizar e facilitar a xestión asociadas das parcelas e das explotacións agrarias, e simplificar e dinamizar a súa relación coa administración. Primare – agricultura 4.0 aproveitará os avances tecnolóxicos obtidos no desenvolvemento primeira fase da iniciativa, que acadou importantes fitos tanto na obtención de datos a través de medios non tripulados, como na automatización dos procesos de posicionamento desta información e na análise e explotación das imaxes para obter información de valor, tanto para os produtores como para a administración. Esta plataforma senta as bases de sistemas expertos aplicables noutros eidos relacionados coa xestión do sector primario.

Preto de 100 participantes

Durante a xornada expertos no ámbito da política agraria común (PAC), representantes da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), así como dos medios aéreos non tripulados expuxeron as vantaxes do uso da tecnoloxía na simplificación dos procesos relacionados co ámbito agrogandeiro e da vindeira Política Agraria Común. A xornada contou coa participación de preto de 100 profesionais dos sectores tecnolóxico e agrario e representantes doutras comunidades autónomas interesadas no proxecto- Cómpre destacar que Primare foi presentado recentemente na conferencia MARS, organizada en novembro pasado en Praga por parte dos grupos expertos da comisión europea (JRC), e na que se deu conta dos avances no eido de tecnoloxías e monitorización agrarias por participantes de toda Europa, así como das liñas a impulsar pola comisión europea para o novo período da política agraria común (2021-2027)

Primeiro Proxecto CPTI no sector primario

O proxecto, liderado polo Fondo de Garantía Agraria (Fogga) dependente da Consellería do Medio Rural, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desenvolveuse por un consorcio de empresas e centros de innovación (Seresco, Proyestegal, Insitu e o Centro Tecnolóxico Gradiant). O Proxecto Primare é o primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTI) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, cun orzamento de 4millóns de euros cofinanciado nun 80% con Fondos Feder do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Gain e a Amtega dentro da iniciativa "Civil Uavs Initiative“.

Xornada este martes en Meira sobre as novas tecnoloxías para controlar as axudas da PAC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organiza o próximo martes, 22 de outubro, no concello de Meira (Lugo) a xornada “Primare Demo-Day” para dar a coñecer as oportunidades e retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC). Trátase da segunda das xornadas previstas, trala celebrada o pasado 17 de setembro en Forcarei (Pontevedra), para que responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), e outros axentes do ámbito agrario coñezan de primeira man o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC. O programa inclúe ademais a presentación de futuras aplicacións para que os agricultores se involucren de forma activa nos procesos de inspección da PAC e se beneficien de servizos de valor engadido para facilitar a xestión das explotacións agrarias. Así mesmo, incorpora unha actividade de campo para os que estean interesados en coñecer o funcionamento do uso de medios aéreos non tripulados – drons - para a captura e xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada das explotacións. A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/

Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos). Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.

A Xunta empezará a controlar a PAC por drons e satélite en 3000 parcelas

Un total de 90 axentes do sector agrogandeiro participaron este martes en Forcarei na primeira xornada “Primare Demo-Days”, na que se abordaron as oportunidades e os retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ da Xunta para automatizar os controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC). O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, que avanzaron que a iniciativa pilotarase, inicialmente, nunhas 3.000 parcelas do territorio galego, para comprobar a súa viabilidade técnica, económica e fiabilidade.

A plataforma Primare

Representantes da Administración autonómica e das empresas adxudicatarias da iniciativa explicaron en detalle o funcionamento da plataforma Primare, que integra tres tipos de solucións: -Un sistema que, a través de drons e imaxes satelitais, capta información xeorreferenciada das parcelas, obtendo os datos xeográficos, territoriais e agroambientais que requiren os controis asociados ás axudas da PAC. -Unha plataforma que analiza automaticamente as imaxes capturadas e permite obter información útil para a toma de decisións nos procesos de inspección. -Un sistema experto de control automatizado e intelixente que compara o declarado na solicitude de axuda coa información recollida en campo e que permite executar a inspección de xeito automatizado. A directora da Amtega lembrou que Primare é o primeiro proxecto de Compra Pública Innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario a nivel estatal e recalcou que a implantación de adquisición de solucións dixitais innovadoras proporcionará un impulso esencial para un sector primario intelixente e sostible. Mar Pereira indicou que, ademais da automatización das inspeccións, Primare ofrecerá outros servizos de valor engadido para os agricultores como unha aplicación móbil para capturar e enviar imaxes xeorreferenciadas como probas adicionais aos controis da PAC e unha aplicación web para xestionar o caderno de explotación, que permita mellorar a toma de decisións no futuro. Neste senso, o director xeral de Gandaría destacou que a tecnoloxía desenvolvida dentro do programa Primare podería ter evidentes aplicacións prácticas para os empresarios agrarios como, por exemplo, obter datos case instantáneos da humidade ou da altura dos cultivos poden axudar na xestión máis eficiente da auga e dos fertilizantes, na loita contra pragas e enfermidades, na valoración dos datos da fauna silvestre, entre outras posibilidades.

Nova xornada en outubro

O de onte é o primeiro dos dous encontros previstos para dar a coñecer a responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC. No mes de outubro está prevista unha segunda convocatoria da xornada que terá lugar no concello de Meira (Lugo). A asistencia a calquera das xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/

Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro e, en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados e outros sistemas tecnolóxicos). Primare conta cun orzamento de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.

Drons para avaliar a eficiencia enerxética das adegas de Ribeira Sacra

Fotografía termográfica de Adegas Moure, na Ribeira Sacra Un proxecto piloto avalía o uso de drons no estudo de eficiencia enerxética en adegas da Ribeira Sacra. O proxecto, no que colaboran investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid, ten como obxectivo optimizar os métodos de inspección e propor medidas de rehabilitación bioclimática en construcións tradicionais, para obter adegas de consumo enerxético case nulo (nZEB). A temperatura no interior das naves de crianza vinícolas ten unha gran influencia nos procesos de maduración do viño. Dado que moitas das reaccións que se producen no viño son fisioquímicas, estas poden ser aceleradas coas altas temperaturas. Por iso, en xeral, e sen entrar nas singularidades de cada variedade, os viños deben ser almacenados a temperaturas ambiente baixas para evitar acelerar o proceso natural de maduración e reducir así as posibles perdas. A introdución dos sistemas de climatización artificial na industria permitiu asegurar unhas condicións óptimas para a elaboración do viño en case calquera parte do mundo, logrando viños de excelente calidade cunha menor dependencia do clima. Porén, estes sistemas repercuten notablemente no consumo enerxético das edificacións. Máis aló do elevado impacto ambiental, o consumo destes equipos representa unha porcentaxe importante dos custos das adegas. Neste sentido, as novas estratexias de loita global contra o cambio climático tenden cada vez máis cara á consecución de edificios de consumo enerxético case nulo (nZEB, nearly-zero energy buildings). Este feito puxo de novo en valor moitas das edificacións tradicionais en Galicia para a elaboración do viño, que habitualmente aproveitan as vantaxes da inercia termal do chan (edificios semi-enterrados nas pendentes ladeiras) ou os sistemas de ventilación natural. Dentro deste contexto, investigadores do CIGEO (Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática) da USC xunto con investigadores da UPM, impulsaron un proxecto para a inspección termográfica de adegas tradicionais usando drons. A termografía infravermella permite detectar anomalías térmicas que revelen posibles patoloxías da construción ou fallas no illamento que comprometan a eficiencia enerxética. Como explica Juan Ortiz, profesor da EPSI de Lugo e coordinador dos traballos, “grazas a este tipo de fotografía, podemos localizar posibles pontes térmicas, fallas no illamento das fachadas e teitos, filtracións de calor cara ao interior, fendas ou cavidades no material, ou humidades dentro das paredes, entre outras aplicacións”. Os voos de proba leváronse a cabo nas instalacións de Adegas Moure, S.A. no lugar de Cuñas, no Saviñao (Lugo). O emprazamento da proba piloto, en plena Ribeira Sacra responde ben ás necesidades do estudo. Trátase dunha construción tradicional de dobre planta, rehabilitada hai uns anos para albergar na súa planta baixa semi-enterrada as barricas de envellecemento dos seus viños máis selectos. As altas temperaturas que se acadan na zona na época estival, fan que os mecanismos naturais da construción resulten claves para amortecer a oscilación térmica. O uso da termografía infravermella na auditoría enerxética non é en si mesmo algo novo, aínda que a combinación cos drons dota á técnica de moita maior flexibilidade. Os novos sensores son cada vez máis lixeiros e economicamente tamén máis accesibles. Por iso, a conxunción dos sensores térmicos e os vehículos aéreos non tripulados atopa unha aplicación moi interesante na avaliación do estado xeral de cubertas e envolventes de difícil acceso neste tipo de instalacións agroindustriais. Como contrapartida, a avaliación cuantitativa rigorosa (medición da temperatura superficial) require dunha monitorización precisa das condicións ambientais (temperatura ambiente e humidade relativa) no momento de tomar os datos e un estudo pormenorizado de cada material para arroxar resultados rigorosos. Por iso, aínda que a tecnoloxía é cada vez máis accesible ao público en xeral, o seu uso por persoal especializado e baixo condicións controladas faise imprescindible. Os principais resultados desta investigación pódense consultar nesta ligazón: https://doi.org/10.3390/rs11121424).