Archives

“Coas novas instalacións buscamos maior comodidade para o gando e poder medrar empresarialmente”

Víctor e Tino, no novo establo de produción construído en Señoráns (Vimianzo)

O Grupo Lence

Grupo Lence, grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975, é a única empresa galega entre as 10 produtoras lácteas máis grandes de España. Este é un dato moi relevante tendo en conta que Galicia produce máis do 40% do leite que se produce no país. A través das súas marcas Río de Galicia e Leyma, Grupo Lence só recolle leite en Galicia. É a segunda empresa que máis recolle en Galicia e a única entre as catro primeiras que recolle o 100% na comunidade. Ademais, é a única compañía entre as catro primeiras lácteas españolas que é galega.

O activismo polo rural de Grupo Lence coas ganderías, a economía rural e a loita por manter a soberanía alimentaria é total e, por ese motivo, funciona como empresa tractora impulsando diferentes proxectos dirixidos a fomentar a innovación en toda a cadea de valor. Por exemplo, a compañía encabezou a proposta do PERTE Agroalimentario do sector en Galicia.

Apoio á modernización do sector

En Señoráns, no concello de Vimianzo, unha espectacular nave metálica de cor negro sobresae polo seu deseño vangardista. É o novo establo da gandería Os Loureiros, que está ultimando os derradeiros detalles para trasladar o gando para ela.

Víctor Lavandeira Pereira e Celestino Pose Velasco, os dous socios desta explotación, decantáronse por este modelo de construción logo dunha viaxe por Holanda. Buscaban unha instalación aberta e ventilada que ofrecera o maior confort ás súas vacas e comodidade tamén no traballo diario para eles e os seus empregados.

A nova edificación destaca pola súa estética diferente, pero tamén representa unha aposta por unha gandería moderna onde a tecnoloxía sexa a protagonista xunto co coidado do medio ambiente, a eficiencia enerxética e a integración no entorno no que se ubica.

A integración na paisaxe, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental foron aspectos que tiveron en conta, pero tamén a funcionalidade da granxa

Un dos aspectos que tiveron en conta á hora de construír o novo establo foi precisamente a sustentabilidade desde o punto de vista ambiental, pero tamén a funcionalidade da granxa desde un punto de vista práctico, creando un ambiente confortable tanto para os animais como para as persoas que traballan nela, un total de 13 neste momento contando aos dous socios.

Visión empresarial

“Coas novas instalacións buscamos maior comodidade para o gando e poder medrar empresarialmente”, destaca Tino. A nova nave ten capacidade para 617 vacas adultas, contando as que están en produción e as secas, o dobre das que están a muxir hoxe en día.

Os obxectivos de Tino e Víctor son claros: mellorar a eficiencia da produción, o benestar animal, as condicións de traballo, así como a rendibilidade da explotación

Logo de máis de 40 anos no lugar de Reparada, optaron por cambiar de ubicación, a unha finca situada a uns dous quilómetros e medio do antigo establo. Na nova nave construíron instalacións para as vacas en produción e para as secas, ademais de silos e unha vez efectivicen o traslado pretenden reformar a nave vella para acoller a recría.

“Empezamos co proceso burocrático no 2020 e estamos rematando a obra e de instalar os distintos sistemas para facer o cambio este ano”, avanzan. Na última campaña xa fixeron o ensilado na nova ubicación en previsión precisamente de mudarse para Señoráns.

Unha granxa coma esta non ten por que ser máis contaminante que outra máis pequena pero máis antiga, máis ben o contrario

A súa intención de seguir incrementando o volume de produción de leite de cara ao futuro vese sen embargo limitado trala aprobación do tope de 850 UGM fixado no Real Decreto de Ordenación de Granxas de Vacún.

“Cando nós comezamos con este proxecto non se aprobara esa normativa e o establo está disposto na finca para o día de mañá poder facer ao lado outro establo exactamente igual a este, pero iso neste momento xa non é posible desde o punto de vista lexislativo, algo que para min non é lóxico, porque unha granxa coma esta non ten por que ser máis contaminante que outra máis pequena pero máis antiga, ao contrario”, asegura Tino.

Apoiarse na tecnoloxía para ser máis eficientes

Zona para vacas secas no novo establo

Xunto coa modernización do establo, outro dos obxectivos que perseguen coa nova granxa é a dixitalización dos procesos. Van cambiar os actuais podómetros por colares de monitorización das actividades do gando, como apoio na toma de decisións para a mellora reprodutiva e a prevención de enfermidades, grazas a parámetros como a detección de celos ou as alertas de caídas de rumia. “Queremos pasar de pensar no rabaño a facer un control máis individual de cada animal”, indica.

Contan con portas selectoras á saída da sala de muxido para separar animais para inseminar ou tratar

Este tipo de tecnoloxías tamén lles van permitir facer máis doado o manexo do gando, mediante por exemplo a instalación de portas selectoras á saída da sala de muxido, o que lles vai facilitar as tarefas de separación de animais para realizar inseminacións, revisións de xestación ou aplicación de tratamentos.

A nivel agrícola, dispoñen de maquinaria de precisión, con autoguiado por GPS e dosificación variable para a aplicación de fitosanitarios e fertilizantes, o que lles permite reducir o uso de insumos e de combustible e protexer o medio ambiente ao tempo que manteñen unha boa produción forraxeira.

Sala rotativa de 50 puntos de muxido

Sala rotativa de 50 puntos, coa que buscan reducir os tempos de muxido

Na actualidade moxen 330 animais tres veces ao día nunha sala de 16 puntos pero a nova nave conta cunha sala rotativa de 50 puntos, coa que pretenden axilizar esta tarefa malia o aumento no número de animais en produción.

Decidimos facer o novo establo porque a densidade animal que tiñamos xa era desmesurada

“Cando fixemos a sociedade Víctor e máis eu, fai agora 17 anos, estreamos unha sala de muxido traseira oito dobre. Tiñamos daquela 72 vacas e desde entón fomos medrando paso a paso até chegar a estar muxindo máis de 250 vacas e foi cando nos decidimos a facer o novo establo, porque a densidade animal que tiñamos xa era desmesurada”, recoñece Tino.

Co deseño da nova granxa buscabamos unha instalación aberta e ventilada que ofrecera maior confort ás vacas

Xunto coa ampliación do número de prazas, tanto de comedeiro como de camas, unha maior anchura dos pasillos e un maior tamaño dos cubículos, a ventilación será outro dos aspectos da nova nave que vai redundar nun maior benestar do gando.

As camas de descanso dos animais serán de area no novo establo, unha decisión que tomaron pensando no que é mellor para as vacas. “Somos conscientes dos problemas que acarrea a xestión da area no pozo do purín e o maior desgaste que provoca nas instalacións pero a nivel hixiénico e de saúde de ubre e patas nas vacas non hai nada mellor neste momento”, asegura Tino.

Organización do persoal

Os Loureiros dá emprego a 13 persoas para cubrir os turnos necesarios para facer tres muxiduras diarias

Na nova nave seguirán mantendo as tres muxiduras diarias, algo ao que Tino lle ve vantaxes: “Xa non só é polo aumento de produción, que tamén, ou por aspectos sanitarios relacionados coa redución da presión sobre o ubre das vacas, que tamén, senón sobre todo por organización do traballo”, di.

“Muxir tres veces permíteche compaxinar mellor as quendas do persoal, xa que podes facer turnos continuos rotativos, algo que muxindo dúas veces ao día é máis difícil de facer”, asegura. “Os nosos empregados traballan de media 4 días e medio á semana, porque unha semana traballan 3 días, outra 5 días e outra 6 días e despois volta empezar e os grupos vanse intercambiando nos horarios, ou ben están de mañá ou ben de tarde”, explica.

A tecnoloxía non aforra persoal e obriga incluso a que estea máis formado, pero permite focalizar máis os esforzos

Diante das dificultades para atopar man de obra, habitual na maioría das granxas que precisan un volume importante de empregados, como é o seu caso, Tino non pensa que a tecnoloxía sirva para aforrar persoal, obrigando ademais a que estea máis formado, pero considera que permite “focalizar máis os esforzos naqueles aspectos relevantes nos que o factor humano é clave”.

Defende ademais que a modernización das explotacións pasa por introducir a robotización en determinadas tarefas. Por exemplo, a alimentación das becerras de recría realízana neste momento mediante taximilk pero teñen intención de instalar amamantadoras cando realicen a reforma do establo vello para a recría.

Un cuarto de século entregando o leite ao Grupo Lence

O benestar animal é unha das prioridades desta explotación

A estrutura actual de Gandería Os Loureiros xorde no ano 2006 da fusión das granxas que mantiñan as familias de Tino e de Víctor. “A historia da explotación arrinca ano 1979, cando os meus pais empezaron a producir leite con 12 vacas”, lembra Tino. No ano 1988 fíxose un novo establo e partir do 2004 empeza a traballar xa Víctor na granxa, primeiro como obreiro, para dous anos despois pasar a ser socio.

Desde fai 25 anos o leite que producen é entregado ao Grupo Lence para a súa transformación. A media de produción é de 42-43 litros e o seu obxectivo é mellorar os niveis actuais de sólidos, tanto de graxa como de proteína, un aspecto cara ao que están enfocando a selección xenética da granxa.

Os socios iniciais da granxa eran os pais de Tino e os de Víctor

Ganderia Os Loureiros destaca sobre todo pola produción vitalicia das súas vacas. A lonxevidade dos animais, sumado a unha taxa de reposición baixa, permitiulles medrar en número de cabezas en base á recría propia todos este anos.

“A recría facémola nós tamén, pero hai dous anos, cando empezamos a empregar moito seme sexado para incrementar o número de xatas, pensando en encher a nave nova, tivemos que tomar a decisión de externalizar unha parte da recría enviar becerras a centros de recría por non contar con instalacións dabondo para todas elas, enviando becerras a centros de recría como o de Cowvet en Valencia, onde neste momento temos 66 animais”, explica.

Coa selección xenética buscamos calidades, lonxevidade e produción e desde hai catro anos estamos afinando máis o tiro neses obxectivos

Outra das claves da rendibilidade da explotación é a súa autosuficiencia na alimentación do gando. Traballan 180 hectáreas de terreo, das que labraron a millo o ano pasado 160. Realizan a maioría dos traballos agrícolas con maquinaria propia, agás a picadora e o transporte da forraxe até os silos, que é unha contratación externa. En canto aos concentrados para a alimentación dos animais, subminístrallelos Agrosoneira, a empresa propiedade da familia de Tino, que conta con fábrica de pensos propia.

Reportaxe elaborada coa colaboración do Grupo Lence

“Grazas aos colares, detectamos rápido un posible caso de EHE, o que nos permitiu tratar o animal a tempo”

José Manuel Santín, coas súas vacas na parroquia de Pacios, en Baralla

Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.  

Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.

“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.

Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional

O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.

Cubrir o caderno de pastoreo de xeito doado para cumprir coa PAC

Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.   

A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017

Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.

“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.

Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto

“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.

Colocación dunha antena que garante cobertura propia

Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.

Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo

“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.

A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.

Os dispositivos Rumi, fabricados pola empresa Innogando, teñen unha grande versatilidade, tanto en ganderías de leite como de carne, e tanto para aquelas que producen en intensivo como para as que fan un manexo en extensivo, permitindo ter á man a información do rabaño en todo momento grazas a unha sinxela aplicación e ao envío de alertas ao teléfono móbil do gandeiro. 

“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.

Queres instalar Rumi na túa gandería?

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

Experiencias de tres granxas galegas de vacún de leite con sistemas de monitorización do gando

Pablo Suárez, Marcos Alvite e Jesús Blanco durante a mesa redonda nas xornadas de vacún de leite de Seragro As granxas leiteiras galegas levan anos apostando pola modernización das súas instalacións e pola implementación das novas tecnoloxías como ferramenta de apoio na toma de decisións. Pablo Suárez, de Grille Sociedade Cooperativa; Marcos Alvite, de Granxa Pazos SL; e Jesús Blanco, de Granxa Xustás SL, contaron nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro en que axudan os sistemas de monitorización ao día a día das súas explotacións. Nos tres casos trátase de ganderías que medraron en número de animais nos últimos anos e que empregan os datos que lles proporcionan os sistemas de muxido cos que contan e os colares instalados ao gando para a mellora en aspectos como o reprodutivo, que ten incidencia directa na rendibilidade económica da explotación.
Unha vez dixitalizadas as granxas, o seguinte paso é implementar nas fincas de cultivo a agricultura de precisión
Pero unha vez vista a utilidade da dixitalización aplicada á cabana gandeira, o seu seguinte obxectivo é tamén mellorar nas labores agrícolas axudados por maquinaria e software de última xeración, capaz de tomar datos de colleita e xerar mapas de cultivo, fertilización ou aplicación de fitosanitarios en base aos rendementos acadados.

“O futuro das explotacións leiteiras pasa por usar toda a potencialidade dos sistemas de monitorización para ser máis eficientes”

Nave de produción de Grille Sociedade Cooperativa, na parroquia de Antes, en Mazaricos Pablo Suárez forma parte do equipo de dirección de Grille Sociedade Cooperativa Galega, que naceu no ano 1968 da unión de 9 familias desta parroquia do concello de Mazaricos, na comarca do Xallas. A granxa pasou por distintas etapas na súa historia: construción do establo inicial e silos cubertos no ano 1968, sala de muxido no ano 1974, remodelación no ano 2000, construción de novas naves nos anos 2003 e 2012, novas instalacións para recría lactante no 2017 e finalmente construción doutra nave gandeira para 380 vacas e fosa de purín no 2019. “A filosofía de Grille baséase no crecemento constante, a evolución das instalacións e o incremento de litros por vaca e traballador”, explica Pablo, que asegura que “estes obxectivos non terían sido posible sen o apoio da CUMA Xallas e Barcala, creada no 2002; do centro de alimentación Forxabar no 2009; así como de Ganxabar, xurdida no 2006 para a recría en conxunto.
Todo o que podemos medir ou interpretar en base a datos non vai dar pé a confusións nin dúbidas das decisións a tomar
Nas vacas en produción, a toma de decisións baséase na información recibida dos podómetros e da sala de muxido, que está informatizada. “É unha fonte de información imprescindible no noso día a día. Todo o que podemos medir ou interpretar en base a datos non vai dar pé a confusións nin dúbidas das decisións a tomar”, asegura Pablo.
Retrasamos a primeira inseminación para reducir a produción no momento do secado e facer as lactacións máis rendibles; estabamos perdendo leite
“O noso futuro a curto prazo pasa por usar toda a potencialidade destes sistemas de monitorización para ser máis eficientes”, afirma. E pon un exemplo: “Fomos retrasando a primeira inseminación para reducir a produción ao secado, facendo as xovencas moito máis rendibles, porque estábamos perdendo de vender leite. Estabamos en 75 días e hoxe estamos en 95 días", explica. Ter que volver facer a recría na casa Xunto a outras granxas da zona, Grille optou no ano 2006 por externalizar a recría a través da cooperativa Ganxabar para centrarse na produción de leite e liberar espazo para medrar no número de cabezas. Pero o crecemento de todas as ganderías socias acabou por superar a capacidade do centro de recría conxunto. “Hoxe vémonos obrigados a facer o 50% da recría de novo na explotación pola saturación do centro de recría de Ganxabar”, explica Pablo. Iso supuxo ter que facer fronte a unha serie de problemas dos que antes non se tiñan que preocupar. “Ti mandas unha becerra ao centro de recría e esquéceste dese animal ata que regresa para parir. Por iso, volver a ter recría na granxa unha vez que a tiveche fóra é un golpe de realidade. Vímonos na obriga de acoller as xatas e xovencas sen instalación nin coñecemento; tivemos que actualizarnos e adaptarnos en moi pouco tempo ás necesidades que require hoxe a recría”, recoñece.
Tiñamos unha fertilidade moi baixa na recría; foi algo que resolvemos cos colares
A primeira cuestión foi facerse cunha nave axeitada onde ter a eses animais, dado que nas instalacións de produción non había sitio. “A recría témola a un quilómetro de distancia. Tiñamos unha fertilidade moi baixa a celo visto (37%), por iso apostamos por poñer colares e fomos capaces de pasar a máis dun 80%”, destaca. Con esa mellora, froito da tecnoloxía, o aforro económico foi notable. “O custo só de alimentación é de 60€ por animal cada 21 días”, detalla. Ao mesmo tempo, lograron adiantar a idade ao primeiro parto das xovencas e, polo tanto, facer que o seu retorno económico en forma de litros de leite se produza antes. Visto o problema que vai vir para a utilización de hormonas decidimos baixar a porcentaxe de celos inducidos A mellora reprodutiva xeral do rabaño tamén se notou nos lotes de vacas adultas. “Tiñamos un 25% de celos inducidos, cun índice de fertilidade dun 41%. Decidimos darlle unha volta, visto o problema que vai vir para a utilización de hormonas, e hoxe só o 20% é celo inducido, o 80% celo visto, cun 43% de índice de preñez”, conta. Estrés por calor Pablo recoñece que os sistemas actuais de monitorización facilitan o traballo, pero afirma que “o importante é recoller datos  e analizalos e moitas veces non fai falta outra tecnoloxía máis que unha libreta ou unha simple folla de excell”. “A decisión de mercar o sistema de refrixeración para a outra metade da nave foi anotar a cantidade de comida que deixaban de comer as vacas os días de calor”, exemplifica.
A decisión de mercar o sistema de refrixeración tomámola despois de anotar a cantidade de comida que deixaban de comer as vacas os días de calor
Grille dispón de dous sistemas distintos para refrescar as vacas: as primeirizas son enfriadas por ventiladores e aspersores colocados sobre a liña do pesebre, mentres que no novo establo teñen instalado un sistema de cooling. “É un ventilador que mete aire frío e o consumo de auga é moito menor”, aclara. A nave de 192 primeirizas consume 18.000 litros diarios de auga para refrixeralas, mentres que as 390 vacas adultas consumen unicamente 3.000 litros diarios de auga no seu arrefriamento, que é máis eficiente e duradeiro. “Na nave das multíparas logramos unha humidade relativa moito menor que na das primíparas”, recoñece. Podoloxía Pablo defendeu nas xornadas de Seragro que todas as decisións que se tomen nunha explotación leiteira deberían estar sustentadas en datos, para o que se mostrou partidario de analizar tamén datos de fontes externas á propia gandería. “Cando modificamos as revisións de podoloxía e pasamos de facer dúas revisións, ao secado e aos 150 días en leite, a tan só unha cada 9 meses, a severidade nas lesións graves de podoloxía das vacas que entraron ao potro pasou do 76% ao 98%. Ao ver que aumentaban os problemas pasamos a facer as revisións aos 6 meses e baixamos a severidade das lesións ao 54%”, conta. Agricultura de precisión Vistos os resultados do uso de novas tecnoloxías na mellora produtiva dentro do establo, nesta explotación optaron por estender o uso deste tipo de ferramentas de precisión ás distintas labores nas terras de cultivo. “Logo de monitorizar o gando decidimos tamén monitorizar a agricultura. Nos anos 2021 e 2022 fixemos un forte investimento en tecnoloxía e maquinaria 4.0. coa que poder facer mapas de sementeira variable ou prescrición de abonos e fitosanitarios. Dixitalizar o campo permitiunos ser máis respectuosos co medio ambiente e adiantarnos ás novas normativas”, di Pablo.
Dixitalizar o campo permitiunos ser máis respectuosos co medio ambiente e adiantarnos ás novas normativas
A día de hoxe en Grille traballan 15 persoas, 11 traballadores e 4 socios, entre eles José, o encargado das tarefas agrícolas da explotación,  que se centran na sementeira do millo e da herba, no abonado e na aplicación dos tratamentos fitosanitarios aos cultivos. Do resto ocúpase Forxabar.   Da totalidade dos traballadores, 9 persoas están só para muxir e atender ás becerras lactantes. En canto a un posible cambio de sistema de muxido, pensando en reducir a carga de traballo que requiren estas tarefas, dependería das posibilidades de mellora a lograr, di.  
Os números din que necesitas un 10% de produción a maiores para chegar a rendibilizar ese investimento que require a robotización do muxido
“Instalar robots de muxido nunha granxa deste tamaño está en función do punto de partida, porque necesitas un incremento de produción para amortizar o sobrecusto que ten o muxido robotizado a respecto dunha sala de muxido. Se partes de 30 litros e aumentas aos 38 seguramente sexa rendible, pero nós estamos en 42 litros, teriamos que poñernos en 48 litros de media. Penso que non somos tan bos como para manter a media de todos os animais neses niveis. E os números din que necesitas un 10% de produción a maiores para chegar a rendibilizar ese investimento”, asegura.

“Canto nos custa que un animal non empreñe ou non o faga ao seu debido tempo?”

Granxa Pazos mercou unha abonadora de precisión coa que logrou reducir as doses de fertilizante químico Marcos Alvite é socio e xerente de Granxa Pazos SL, unha explotación do concello de Mazaricos que se constituíu no ano 2016 pola unión de tres familias. Despois dun ano de obras, a granxa comezou a súa actividade no 2017, cunha ampliación no 2020 e a incorporación dun novo socio no 2021. Están a muxir neste momento 260 vacas nunhas instalacións con capacidade para 275, deixando un 5% das camas libres. Venden o leite a Entrepinares coa condición de entregar 10.000 litros diarios. A produción media por vaca no 2022 foi de 11.626 litros, cun 4,06% de graxa e un 3,44% de proteína e 104.000 células somáticas. A media de días en leite é de 170 e o intervalo entre partos de 397 días.  “A tecnoloxía na nosa granxa usámola para o control da saúde e a reprodución”, explica Marcos. A detección de celos é do 83% e a fertilidade sitúase no 40,6%, conta. Sobre o custo de instalar sistemas de monitorización nas explotacións leiteiras fai a seguinte reflexión: “Canto nos custa un animal que non empreñe ou non o faga ao seu debido tempo?”.
Optamos por retrasar a inseminación das primeirizas para facela coincidir co pico de lactación
En base aos datos que obteñen dos colares e a sala de muxido, decidiron retrasar a inseminación en primíparas, que representan o 38,45%, ata o momento no que chegan ao pico de lactación. “Ao inseminar a 60 ou 70 días cortábaslles o pico de lactación; é lóxica pura, pero despois hai que conseguir que empreñen para que non se alonguen moito no tempo no final da lactación”, engade. Ter as vacas monitorizadas deulles seguridade á hora de tomar esta decisión de retrasar a primeira dose porque saben o momento exacto para inseminar e precisan de menos intentos para que a vaca quede preñada. “Movémonos entre 18 e 24 horas desde o punto de inicio do celo que nos marca o programa para realizar a inseminación. Ese é o criterio que temos e non nos vai mal de momento”, indica. “Nas xatas viamos os celos, pero non sabiamos cando lle empezara” A recría (210 animais neste momento) téñena separada nunha nave alugada a un dos socios que se atopa a 500 metros da nave de produción. “Tiñamos unha detección de celos aceptable pero non sabíamos cando empezara ese celo, polo que tiñamos unha mala fertilidade e non acadabamos a ter suficiente recría para medrar, iso levábanos a frustración e a ter que mercar vacas para poder medrar”, explica.
Decidimos poñer os colares na recría no 2019, non sei por que tardamos tanto
Por iso, optaron por monitorizar as xatas a inseminar, co obxectivo de mellorar os índices reprodutivos. “Decidimos poñer os colares no 2019, non sei por que tardamos tanto. O desastre da recría cuns simples colares soluciónase. É un gasto, pero resólveche moitos disgustos. Penso que foi unha cousa moi positiva”, afirma. Grazas á instalación dos colares, sacan máis partido ao investimento en xenética, di. “Ao traballar con datos fiables podes mercar seme máis caro, de touros mellores, porque vas máis sobre seguro e sabes que os índices de preñez van ser mellores”, afirma. “Na recría estamos no 85% na detección de celos, superamos a porcentaxe das vacas, cunha fertilidade do 40%”, detalla. Seme sexado e probas xenómicas No 2019 xenotiparon todos os animais que estaban sen parir, desde xatas pequenas a xovencas preñadas e a mellora xenética da granxa desde entón foi notable. “No 2019 a media era +321 a leite, +11 a graxa, +14 a proteína; mentres no 2023 a media foi xa +871 a leite, +49 a graxa e +37 a proteína”, explica. En canto aos obxectivos que perseguen salienta: “Queremos que a graxa siga subindo en paralelo á produción de leite, para que a porcentaxe de sólidos no leite non caia. A min gústanme as vacas bonitas, como a todo o mundo, pero priorizo todo o resto. Para min o resto é que sexan vacas prácticas e que funcionen e despois se saen bonitas, pois mellor”, argumenta Marcos.
Ao traballar con datos fiables e ter mellores índices de preñez podes mercar seme máis caro; nós agora estamos poñendo todo sexado
Ao tempo que decidiron instalar os colares nas xatas para detectar celos e axustar o momento óptimo da inseminación, apostar pola xenómica “tamén foi unha decisión acertada”, asegura. “Agora poñemos todo seme sexado e xenotipamos todos os animais, porque a recría que nos saía antes non melloraba en nada as nais que xa tiñamos. Ao xenotipar lévaste unhas sorpresas enormes; o pedigee ten un 20% de acerto, coa xenómica a porcentaxe de acerto é do 70%”, asegura. Maior control de enfermidades A monitorización do gando facilita o traballo diario de Granxa Pazos. “O dos celos a min afórrame moitas dores de cabeza; é recomendable ao 100%”, reitera Marcos. Pero ter o gando controlado permanentemente tamén permite detectar problemas de manexo, enfermidades ou coxeiras. “As vacas coxas comen doutra maneira, comen basicamente cando as vas levantar para muxirse, porque de paso que vai para a sala pasa polo comedeiro e come, pero a inxesta non é tan repartida como no caso dunha vaca que non está coxa, que se levanta máis veces”, explica. Marcos defende a utilidade dos datos de monitorización da actividade e a rumia dos animais para a detección temperá de enfermidades. “As vacas cando están mal están deitadas máis do normal. É bo que descansen, pero non tanto”, argumenta.
Temos dous grupos de traballo, un de mañá e outro de tarde, e a monitorización do gando permite tamén detectar problemas no traballo diario ou no manexo
As alarmas de problemas de saúde que o sistema lles proporciona acostuman ser normalmente no grupo de postparto, pero tamén se dan noutros lotes, como por exemplo no das vacas secas, formado por uns 30 animais. “Eu chámolle o grupo esquecido, porque a non ser que sexa moi grave a cousa, non a detectas”, recoñece. “Limpar a casa” e investir en maquinaria de precisión Despois de aumentar de maneira moi rápida no número de animais desde o 2016, agora o obxectivo de Granxa Pazos é estabilizar a explotación e incrementar a produción por vaca. “Temos unha taxa de reposición alta neste momento, do 40%, porque estamos seleccionando moito o rabaño para quedarnos cos animais que realmente nos interesan. Tiñamos esa necesidade de seleccionar, igual que se peneira a fariña", compara. “Até agora a prioridade era medrar en número de cabezas, pero agora estamos varrendo, e seguirémolo facéndoo até que quede a casa limpa”, di Marcos, porque “vemos que vendendo vacas temos un retorno en cartos e as que quedan producen máis; en 4 ou 5 días recuperas a produción que tiñas”, asegura. “Unha vaca de 5 partos que está ben igual pode chegar aos 8 partos, pero dá uns bos chuletóns que pagan a xata que queda no seu sitio e evitámonos problemas futuros que esa vaca de 5 partos nos pode traer”, xustifica.
Coa abonadora nova eliminamos os solapes e aforramos entre un 7 e u 9% de fertilizante por hectárea
A nivel agrícola, están tamén a pasarse á maquinaria 4.0. “Fixemos un investimento nunha abonadora nova con sistema Isobus 2020. Permite un aforro de entre un 7 e un 9% de abono por hectárea, cun aforro total de 12 toneladas de abono en 4 aplicacións, elevando ademais o rendemento do traballo da maquinaria a 9 ou 10 hectáreas/hora”, explica.

“A xestión do rabaño apoiada en datos para nós é algo fundamental”

Nave para vacas secas e xovencas próximas construída por Granxa Xustás no 2023 para mellorar o seu confort Jesús Blanco é socio de Granxa Xustás SL, en Cospeito, o exemplo dunha SAT que co paso dos anos retornou á estrutura dunha granxa familiar e apostou pola eficiencia baixo o lema de “con menos intentar conseguir máis”. A orixe da explotación sitúase en 1999, cando tres matrimonios (6 socios) da parroquia de Xustás crean unha SAT con 100 vacas. Esta gandería sempre apostou pola modernización e no 2010 decidiron poñer en marcha unha das primeiras plantas de biogás instalada nunha explotación galega, creada pola empresa Norvento. Logo da saída da SAT no ano 2003 dunha das tres familias socias e de que no 2018 outro dos matrimonios fundadores, por atopárense próximos á xubilación e sen relevo, expuxeran a súa intención de vender o seu 50%, Jesús decide mercar esa parte e facerse coa totalidade da propiedade.  
Instalamos robots de muxido para liberar man de obra e para contar cunha ferramenta de xestión da granxa en base aos datos que nos proporcionan eses robots
“Nese momento perdemos dous socios que eran tamén dous traballadores, polo que tivemos que optimizar a man de obra para gañar en eficiencia e para iso vimos necesaria a instalación de robots de muxido”, explica. Con esta decisión perseguían varios obxectivos: “Buscabamos unha ferramenta que nos permitira liberar man de obra nas labores de muxido e gañar produción incorporando o terceiro muxido e, ao mesmo tempo, que nos permitira contar cunha ferramenta de xestión da granxa. Tiñamos claro que queriamos xestionar a nosa explotación a través dos datos e a información que o robot de muxido nos fose proporcionando”, salienta.
O noso futuro pasa pola instalación do cuarto robot, co que imos superar os 3 millóns de kilos de leite, superando a ratio dun millón de kilos de leite por UTA
No 2021 ampliaron a nave de produción, instalando un terceiro robot de muxido. Na actualidade contan con entre 160 e 170 vacas en produción e están medrando en recría para instalar un cuarto robot este ano, co obxectivo de superar os 3 millóns de kilos de leite. A produción por vaca é de 14.002 litros a 305 días, cun 3,69% de graxa e un 3,21% de proteína e unha media de 202.000 células somáticas. Os días en leite móvense entre 170 e 190 e a media entre partos é de 417 días. A explotación é atendida por 3 traballadores, 2 deles socios e 1 empregado. Unificar os datos nun único informe diario “A xestión do rabaño apoiada en datos para nós é algo fundamental e consideramos que as novas tecnoloxías son independentes do tipo de granxa e orientación produtiva, porque en todas elas permiten gañar en eficiencia”, razoa Jesús.   
Sempre intento que o que facemos sexa moi simple, co obxectivo de que ao ser simple poidamos convertelo nunha rutina
"Cando traballas con varios programas informáticos obtés información moi densa e tediosa de analizar", recoñece, e "por iso vin a necesidade de condensar toda a información nun único informe do rabaño", di. “Con ese informe, que nós chamamos de revisión diaria, a persoa que chega pola mañá á explotación é capaz en 5 minutos de ter unha idea de cómo está a granxa antes de meterse no medio das vacas. Así cando poñemos as botas xa imos a tiro fixo a ver os animais nos que detectamos algunha incidencia”, conta. Nese informe global inclúense distintos parámetros: datos identificativos do animal e do seu estado de lactación, como por exemplo os días en leite;  aspectos produtivos como a produción nas últimas 24 horas; aspectos de saúde, como a rumia ou a condutividade; e aspectos reprodutivos, como o estado de xestación do animal ou o inicio de celos.
Ferramentas como o plan de rabaño permítenos planificar mes a mes con antelación como vai estar o noso rabaño a nivel de lactación a futuro
Ademais de considerala imprescindible para o día a día, Jesús pensa que a recopilación de datos é fundamental tamén para a planificación a futuro. “Ferramentas como o plan de rabaño permítenos prever mes a mes con antelación como vai estar o noso rabaño a nivel de lactación. O ano pasado tivemos un problema cun millo que ensilamos moi seco e con baixa dixestibilidade e coa información que tiñamos do plan de rabaño buscamos o momento axeitado para abrir ese silo e que nos afectase o menos posible tanto á produción como á reprodución, cando tiñamos un maior número de animais no último terzo de lactación, é dicir, un maior número de vacas xa preñadas e en cola de lactación”, explica. Recría externalizada No ano 2006, co obxectivo de mellorar a calidade do rabaño, optaron pola externalización da recría no Rancho Las Nieves e na actualidade manteñen xovencas tanto neste centro de recría privado de Zaragoza como no creado nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. “Grazas a esta decisión de apostar por unha recría de calidade, hoxe temos un rabaño homoxéneo, lonxevo e produtivo”, salienta Jesús.
Contan con entre 90 e 100 xatas repartidas en dous centros de recría, Rancho Las Nieves e Recría Castro
“A taxa de reposición da nosa granxa, que está en crecemento, é inferior á dunha granxa que non medre. Temos bastantes vacas de 7, 8 e 9 partos dando leite. A nosa taxa de reposición actual sitúase no 29%, cunha taxa de baixas involuntarias do 19%, pero cando deixemos de medrar queremos estabilizar a nosa taxa de reposición no 20%. Iso permitiranos tamén vender recría”, destaca. “O primeiro dos méritos teno Mónica, que é a que se encarga de encalostar os xatos, pero o segundo dos méritos téñeno Rancho Las Nieves e Centro Recría Castro, que son capaces de retornarnos unhas xovencas fortes e produtivas”, afirma.   “Para ter leite hai que ter partos” Un dos usos principais que nesta explotación dan á monitorización ten que ver coa detección de celos. “Os que nos adicamos á produción láctea sabemos que para ter leite temos que ter partos, e que para ter partos temos que ter vacas preñadas, para que queden preñadas hai que inseminalas e para inseminalas hai que detectar celos. Parece unha perogrullada pero é así”, evidencia Jesús.   "Antes do 2017, antes de instalarmos os colares de rumia e celos, tiñamos moitos problemas para ver os celos nas nosas vacas. Detectabamos só un 50%, cando agora estamos un 70%, e a taxa de preñez pasou dun 16% en 2017 a un 28% hoxe", explica.
A media de inseminacións de Granxa Xustás é de 2,85 doses por vaca xestante
“Hai estudos que din que un incremento positivo dun punto na taxa de preñez supón entre 15 e 20€ por vaca e ano. No noso caso, ese incremento de 12 puntos son 240 euros de ganancia anual por vaca. Iso no noso rabaño de 200 vacas son 40.000 euros ao ano”, calcula. Prestar atención ao lote de vacas secas “Durante un tempo rexistramos os minutos medios de rumia e puxémolo en relación ao número de animais. Vimos que a medida que aumentaba o número de animais no lote de secas remoían moito menos e despois de parir a curva de lactación deses animais nunca chegaba á esperada”, conta.
No 2023 construíron unha nave para albergar o lote de vacas secas e xovencas próximas ao parto retornadas dos centros de recría
“Foi así como despois de analizar os datos da rumia no lote de vacas secas démonos conta de que tiñamos que construír un novo establo que dera máis confort ás nosas vacas secas”, recoñece Jesús. En Granxa Xustás o lote de vacas secas está formado por vacas secas máis as xovencas retornadas dos centros de recría antes do parto. En total son uns 30 animais os que habitualmente forman parte dese lote. “Para nós o lote de vacas secas é o lote máis importante que temos na granxa. A vaca seca hai que coidala e mimala. É o lote que máis hai atención hai que dar. Se fas iso os postpartos son invisibles”, razoa.

O proxecto de dixitalización da cadea da IXP Ternera Gallega chega ao alumnado da EFA Fonteboa e ao CFEA de Sergude

O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo DIXITEGA continúa para ter lista a plataforma tecnolóxica a finais de 2024. Tras o seu inicio en 2022, o proxecto DIXITEGA atópase inmerso na terceira fase de traballo de desenvolvemento e testeo da aplicación e, en paralelo, realizaranse varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector. Nos próximos meses, entre finais de xaneiro, febreiro e marzo, están programadas cinco sesións na EFA Fonteboa (Coristanco) e no CFEA de Sergude (Boqueixón). O obxectivo será achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras de Galicia ao uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. En xeral, o alumnado destes centros de formación agrogandeiros son nativos dixitais e excelentes prescritores de ferramentas e aplicacións na súa contorna máis próxima. As formacións, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, un dos colaboradores do Grupo Operativo DIXITEGA. A primeira cita terá lugar no Centro de Formación Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) este xoves 25 de xaneiro de 10:10 a 11:00h e de 11:30 a 12:20h. Participarán, respectivamente, o alumnado do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio en Gandería. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas como o caderno dixital ou a administración electrónica, mostraranse exemplos de aplicacións interesantes para as ganderías. O equipo de DIH DATAlife tamén repasará casos de éxito en uso de ferramentas dixitais. O luns, 19 de febreiro, a EFA Sergude acollerá outras dúas sesións de 11 a 11:30h e de 12:30 a 13:30h dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción agropecuaria. En marzo, a formación estará dirixida ao ciclo superior Gandería e asistencia en sanidade animal e terá un carácter máis práctico. Os asistentes realizarán un traballo coa ferramenta de sensorización e análise de datos aplicada ás producións agrarias AGRICOLUS (https://www.agricolus.com/es/). O verán pasado, os socios do GO DIXITEGA abriron un proceso participativo para consultar a opinión a unha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento durante o que se constatou a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible para a IGP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da indicación xeográfica dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións. Ao mesmo tempo, a implementación de tecnoloxías dixitais na cadea de valor da produción de carne con indicación xeográfica protexida facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto económica como social e ambientalmente. Resólvese deste xeito unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro. O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador de las IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.

Que son os Grupos Operativos?

O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os Grupos Operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a encontrar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.).

As vantaxes de monitorizar o gando con Rumi: o exemplo da gandería O Neno

Javier Lombao incorporouse no ano 2019 á gandería de vacún de carne que tiña a súa sogra no lugar de Bocacarreira, no concello de Begonte. Hoxe conta con 19 reprodutoras e 32 hectáreas de terreo, nas que fai pastoreo co seu gando.

Javier non se adica a tempo completo a atender as súas vacas, xa que traballa como empregado noutra explotación de leite, polo que para el contar cun sistema de monitorización que lle permitira ter controlados aos seus animais en todo momento era algo imprescindible.

Ou estás todo o día mirando para as vacas ou se non fora por estes dispositivos habería problemas que non detectarías a tempo

Hai un ano decidiuse a instalar os dispositivos Rumi, que fabrica a empresa Innogando, e está moi satisfeito co resultado. Agora pode coñecer a distancia e en tempo real, a través do teléfono móbil, o que está a acontecer no prado, algo que lle dá “moita tranquilidade”.

Alertas ao móbil

A gandería O Neno ten o seu gando dividido en dous lotes e repartido polas distintas fincas coas que contan. Se acontece calquera imprevisto, por exemplo que unha vaca se bote (os colares están provistos de localización GPS), recibe unha alerta para avisalo.

Javier ten o gando en dous lotes e en distintas fincas

Pero a monitorización continua e individualizada de cada un dos seus animais permítelle ademais ter un coñecemento exhaustivo e pormenorizado do estado reprodutivo e de saúde de cada vaca. “Gracias á aplicación ves cousas que doutra maneira non verías, a non ser que pasases as 24 horas do día coas vacas mirando para elas”, di.

Avisador de partos

O control dos celos é un aspecto esencial para mellorar a rendibilidade dunha explotación de vacún de carne e cando se fai un manexo en extensivo, coas vacas sempre fóra, ás veces non é doado velos. Por iso Rumi é de gran axuda, asegura Javier, “porque non se che pasa un”.

Xunto coa detección de celos, outra das funcións que este gandeiro máis valora dos dispositivos de Innogando é o avisador de partos. “Colócasllo no rabo á vaca cando ves que está próxima e no momento en que se pon a parir chámante por teléfono para avisarte que a cría vai nacer. Chegas e normalmente xa está cos pés de fóra; é efectivo ao 100%”, describe.

É efectivo ao 100%; chegas e normalmente o xato xa ten os pés de fóra

Desta maneira, o gandeiro pode acudir ao lugar no que está a vaca no momento xusto para presenciar o proceso e supervisar que todo vai ben, podendo actuar en caso de ser necesario para salvar o xato ou axudar á vaca. “Todos os que temos vacas sabemos o que é ter que levantarte 4 ou 5 veces na noite para vixiar se se pon de parto; desta maneira evítaste todo iso”, asegura.  

A tecnoloxía, clave para que a xente moza siga no rural

Por iso, di convencido, “instalar os Rumis foi moi boa cousa”. “É un investimento que merece moito a pena facer, porque mellora o meu benestar e o do meu gando”, argumenta. “Facilitar as cousas ao gandeiro”, di, é clave para que a xente nova se incorpore ao sector e siga habendo explotacións no rural.

“Nesta parroquia, Bóveda, só quedamos dúas ganderías de carne e unha de leite e na parroquia do lado, O Castro, xa non queda ningunha, nin de leite nin de carne”, conta.

Contacto

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

O SLG abre un curso de Dixitalización na actividade agraria en Sigüeiro-Oroso

O futuro dos traballos agrograndeiros pasa desde agora pola adaptación a novos procesos e modelos produtivos que inclúen as novas tecnoloxías. Desta maneira, e para non quedar desfasadas, todas as explotacións deberan actualizar os seus métodos tanto produtivos e os comerciais. Dentro deste contexto, o Sindicato Labrego Galego mantén aberta a inscrición até este mércores 18 de outubro para o Curso de Dixitalización na actividade agraria. Esta actividade formativa denominada 'Preparándonos para a que se nos vén enriba', terá lugar os días 23, 24, 25 e 26 de outubro en Sigüeiro, Oroso. A seguir veñen os datos desta formación: Lugar Aula Mentor EducaOroso (Sigüeiro - Oroso) Horario 10:30h a 13:30h (12 horas) Máis información e inscricións 981 682 908 ordes@sindicatolabrego.gal

Curso de dixitalización no agro: “Preparándonos para o que se nos vén enriba…”

O Sindicato Labrego Galego vai realizar en Chantada unha acción formativa presencial baixo o nome "Curso de Dixitalización no agro. Preparándonos para o que se nos vén enriba...". A formación realizarase durante o mes de outubro entre os días 9, 10, 23 e 24. O horario das aulas será de 15:30 a 18:30 horas no local do SLG na localidade chantadina. Para máis información pódese contactar cos números 982440804 e 666935548 ou no enderezo electrónico: chantada@sindicatolabrego.gal

Dixitega, o proxecto para dixitalizar a cadea de valor da IXP Ternera Gallega

A Fundación Juana de Vega coordinará un grupo de investigación centro na mellora da competitividade do sector cárnico galego. Para iso, IXP Ternera Gallega realizará unha serie de entrevistas durante dous meses a entidades clave para ter datos cos que desenvolver unha plataforma tecnolóxica dirixida á implementación das TIC dentro da cadea de valor dos produtos cárnicos coa indicación xeográfica. Así, IXP Ternera Gallega repartirá un cuestionario aos máis de 2.000 asociados a esta indicación. O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do proxecto DIXITEGA continúa este verán co proceso participativo durante o que se está solicitando información a unha mostra de responsables da produción, a industria e a distribución. Entre xullo e agosto, entrevistarase a unha decena de representantes de entidades como Unións Agrarias, Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, da cooperativa Almoga, Coren, da Asociación Gallega de la Carne (Asogacarne), Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Agafac), Gadisa, Vegalsa, así como propietarios de cebadeiros privados. A maiores, IxP Ternera Gallega compartirá un cuestionario online con seus máis de 2.000 asociados para recoller as súas opinións. Tras procesar a información obtida e detectar as necesidades, no outono dará comezo a terceira fase de traballo para comezar a crear e testear a plataforma tecnolóxica DIXITEGA. A ferramenta, que será presentada a finais de 2024, permitirá o acceso e manexo conxunto das fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IXP Ternera Gallega e facilitará a toma de decisións a partir de datos contrastados. Productores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribuidores, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información relativa ao custe das materias primas, evolución dos prezos, oferta e tipología dos animais dispoñibles para a comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outras. É decir, DIXITEGA tamén mellorará a transparencia e a información útil compartida co consumidor final. O agrogandeiro segue sendo un dos sectores económicos con menor implantación das TIC. Isto a pesar de que a dixitalización da cadea de valor das producións cárnicas en Galicia é unha das necesidades perentorias para ser máis competitivos e sostibles, tanto económica como social e ambientalmente e, a maiores, cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da Estratexia da Granxa á Mesa.

Barreiras que marcan oportunidades

As principais barreiras detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades produtivas e da industria cárnica, que fan difícil acometer os investimentos. Neste sentido, tamén é unha desvantaxe a dificultade de acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiables e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector altamente atomizado. O obxectivo final de DIXITEGA será achegar solucións prácticas e innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia. En xeral, o sector cárnico galego achega o 34% da PFA (Produción Final Agraria). Está formado por 43.000 explotacións e 192 industrias que facturan uns 1.400M€/ano e empregan a unhas 5.800 persoas. Representa, así mesmo, un papel esencial na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais. En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de formación para aprender a manexar a plataforma, consolidar o seu uso entre os axentes da cadea de valor e inserir novos datos que a manteñan actualizada. Que son os grupos operativos? O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os grupos operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a atopar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.). DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico dá Carne, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant)

Nova oportunidade para instalar colares intelixentes ao gando

A Consellería do Medio Rural vén de convocar unha liña de subvencións que contempla, entre outros investimentos, a instalación de colares de monitorización do gando, o que se converte nunha nova oportunidade para instalar Rumi, o sistema galego de xeolocalización que permite ter aos animais controlados en todo momento.

As axudas, por importe de máis de 2.500 euros por gandería, requiren facer un investimento mínimo de 5.000€. Para chegar a esta cantidade, as explotacións poden solicitala de xeito individual ou ben en agrupación con outras 4 ganderías, o que ademais se valora no baremo de puntos que se ten en conta á hora da concesión.

O prazo de solicitude remata o día 31 de xullo e a tramitación realízase de xeito telemático. Poden beneficiarse destas axudas tanto explotacións de leite en intensivo e extensivo como explotacións de carne. Desde a empresa galega Innogando, creadores de Rumi, facilitan a documentación necesaria para a tramitación desta subvención, que permite aforrar a metade do custo dos colares. 

Contacto

Para obter máis información sobre o sistema Rumi e a tramitación das axudas para comezar a beneficiarse das súas vantaxes na explotación pódese chamar ao número 644 586 245, contactar por whatsapp ou tamén enviar un email a hola@innogando.com.

Os datos sempre á man en todo momento

Os colares intelixentes Rumi funcionan a través dunha aplicación para teléfono móbil moi doada de usar, para que o gandeiro poida ter sempre as alertas na man sen necesidade de estar diante dun ordenador. Non é necesario tampouco instalar unha liña de internet na granxa, o que supón tamén un aforro.

As alertas chegan ao teléfono móbil do gandeiro, o que permite telas sempre á man, sen necesidade de estar diante dun ordenador

Rumi funciona tanto en interior, para gando estabulado, como en exterior, mesmo en lugares sen cobertura de telefonía móbil, habituais en moitas zonas rurais de Galicia, mediante a colocación dunha antena na propia granxa con alcance de até 10 km e os colares levan incorporada unha pequena placa solar que autorrecarga as baterías do dispositivo para que non sexa necesario cambialas, o que evita ter que coller o gando que se atopa fóra.

Rumi permite monitorizar o 100% da granxa e complementa a toma de datos do robot ou a sala de muxido

Precisamente esta é unha das vantaxes de Rumi con respecto a outros sistemas existentes no mercado, a súa versatilidade, xa que permite adaptarse ás condicións de cada explotación, sendo ademais compatible con sistemas de muxido robotizado, aos que complementa.

Detección de celos, a mellor maneira de aforrar cartos nunha granxa

Un dos beneficios que aportan os colares Rumi é o control de celos. Ao estaren dotados de localización GPS e monitorización en tempo real, ofrecen unha solución para ter as vacas e a recría controladas en todo momento, o que mellora a efectividade reprodutiva da granxa. 

Isto proporciona tranquilidade aos gandeiros e unha maior eficiencia produtiva a través do control absoluto do rabaño, porque un celo detectado a tempo supón unha inseminación máis viable e unha vaca máis rendible (menor número de doses, menor intervalo entre partos e maior número de lactacións).

O colar intelixente permite un seguemento completo e individualizado dos animais durante as 24 horas do día, tanto se están estabulados como se saen ao prado

O dispositivo tamén emite alertas sobre o retraso na inseminación, por exemplo, se unha xovenca cumpre 14 meses e non foi inseminada ou se transcorreron 60 días tralo parto dunha vaca e non saíu en celo, datos sobre os seguintes celos previstos ou outros que axudan ao control reprodutivo, como a lista das vacas inseminadas hai 30 días para proceder á súa revisión.

Control da recría noutra nave

O seguimento das becerras e xovencas é hoxe unha eiva importante en moitas explotacións leiteiras. Malia que o futuro dunha explotación está na súa recría, as ganderías están tan centradas moitas veces no seu día a día no coidado das vacas en produción que se esquecen da descendencia, que é realmente onde está o verdadeiro potencial de crecemento e mellora dunha gandería. 

En moitos casos, incluso se a granxa ten robot de muxido ou sala dixitalizada que aporte datos das vacas en produción, a recría segue a facerse a cegas. Pero cando se acada un volume importante de animais isto supón un problema porque é imposible ter un control individualizado de cada animal.

Os colares intelixentes permiten un control individualizado en tempo real de cada animal, mesmo se as xovencas están noutra nave lonxe da explotación ou na pradeira

A isto súmase un factor engadido. O crecemento das ganderías nos últimos anos levounas ademais en moitos casos a alugar instalacións para a recría que están mesmo distantes varios quilómetros da nave principal, o que dificulta aínda máis o seu seguemento, algo que agora resolve Rumi, enviando datos en tempo real de cada un dos animais ao teléfono móbil do gandeiro.  

Ao acurtar a idade do primeiro parto son necesarias menos xovencas para cubrir a taxa de reposición da granxa

Por iso, a solución que aporta Rumi supón un apoio importante para as ganderías de leite, xa que permite aforrar tempo e gañar en tranquilidade. O seguimento continuo axuda a optimizar a recría, adiantándose a enfermidades e detectando os celos, o que permite adiantar con garantías a primeira inseminación e a idade do primeiro parto e, polo tanto, o momento en que as explotacións comezan a recuperar o investimento realizado na recría. Ao estaren producindo antes, afórrase na súa alimentación e o seu retorno económico é maior.

Convocadas axudas para xestión de xurros e dixitalización de granxas

A Consellería do Medio Rural convoca axudas para adquisición de equipos de tratamento de xurros e ampliación e cubrición de pozos de purín, así como para a compra de maquinaria de precisión e instalación de sistemas de monitoraxe nas explotacións. A orde de subvencións, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta cun orzamento de 8,77 millóns de euros, cos que se pretende beneficiar a unhas 500 explotacións da comunidade. Estas achegas, están financiadas con fondos Next Generation, que derivan do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola COVID-19.
Finánciase a construción, ampliación e cuberta de fosas de xurro e esterqueiras, así como a instalación de separadores de purín
As subvencións divídense en dúas liñas diferentes. Unha delas está dirixida a promover a economía circular no sector agrogandeiro mediante a mellora da xestión de xurros e estercos nas explotacións desde o punto de vista medioambiental. Está dotada con 2,2 millóns de euros e diríxese a actuacións por importe superior a 10.000 euros, entre as que se inclúen a construción ou ampliación de fosas de xurro ou esterqueiras, a súa cubrición mediante cubertas ríxidas ou cubertas flexibles de lona, así como a instalación de separadores de purín e equipos de compostaxe.  
Subvencíonase a adquisición de abonadoras, colleitadoras e sulfatadoras de precisión, así como os robots de muxido e os colares GPS de xeolocalización e toma de datos dos animais
En relación coa liña dirixida a agricultura de precisión, dotada con 6,57 millóns de euros, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de maquinaria (sementadoras, colleitadoras e abonadoras por GPS, cisternas de aplicación localizada de xurro, carros mesturadores con análise NIR da ración, tractores con sistema de autoguiado, robots de muxido, colares GPS) ou de diversas aplicación e programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. Concorrencia competitiva Estas axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e as posibles beneficiarias son, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Entre os criterios de ponderación, concédense 5 puntos cando o investimento é conxunto entre cando menos 5 explotacións, 2 puntos por ser unha explotación de titularidade compartida e 2 por ter o solicitante menos de 41 anos. Tamén se prima con 3 puntos que o proxecto sexa executado nunha zona vulnerable á contaminación por nitratos (en Galicia aínda non hai ningunha zona declarada) e con outros 3 que o promotor sexa un consorcio público-privado.
No caso da maquinaria, prímase a compra de cisternas de aplicación localizada de xurros
No caso da maquinaria, prímase con 3 puntos os investimentos en cisternas con inxectores ou tubos colgantes, así como as sulfatadoras de precisión, con 2 puntos as sementadoras e colleitadoras con GPS e con 2 puntos máis cando se trata dunha CUMA, empresa de servizos ou outra modalidade de uso en común da maquinaria.   As porcentaxes subvencionables variarán entre o 40 e o 85% do proxecto e o prazo de solicitude é dun mes. Os investimentos que poden recibir subvención abranguen fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipos fixos, a maquinaria e a dixitalización.

Curso para empresas galegas da madeira sobre estratexia dixital e optimización de campañas en redes sociais

A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (FEARMAGA) organiza un novo curso de ‘Marca corporativa e márketing dixital na industria forestal-madeira’ dirixido a empresas do sector. A iniciativa, que se desenvolverá o próximo mes de setembro de maneira presencial e en liña, ten como obxectivo mostrar ás empresas a importancia de contar cunha boa presenza en liña para ofrecer novas canles aos seus clientes e captar novos nichos de mercado. O curso inclúe formación adaptada ás necesidades mostradas polas empresas e incide na importancia de contar cunha estratexia dixital que parta da páxina web ata alcanzar unha visión máis global. Os participantes coñecerán as ferramentas máis importantes do márketing dixital como o email márketing, as redes sociais ou o E-commerce. A nova edición do curso incluirá exercicios prácticos nos que as propias empresas poidan deseñar e poñer en marcha as súas propias campañas en redes sociais. Esta práctica estará enfocada na implementación en dúas redes sociais: a creación dunha campaña en Facebook para comprar madeira a propietarios, dirixido a empresas da industria da madeira; e o deseño doutra campaña para vender produtos a través de Instagram, dirixida a pemes e autónomos con tenda web. Inscrición gratuíta e equipo de docentes especializados no sector A inscrición ao curso é gratuíta, e permanece aberta ata completar aforo. A información e contidos do curso, así como o acceso para as inscricións, están dispoñibles na páxina web de Fearmaga: http://maderasdegalicia.com/taller-marca-e-márketing-dixital-fearmaga-2023/ O equipo de docentes está formado por expertos en márketing dixital e a industria forestal-madeira. Está dirixido por Manolo Rodríguez, xornalista con máis de 25 anos de experiencia no mundo dacomunicación e especializado en márketing e estratexia dixital. Ademais de formador en cursos e másteres de márketing dixital, é autor do blogue desenrolandolared.com, no que analiza tendencias no campo da estratexia dixital, as redes sociais ou o posicionamento SEO. O futuro é de madeira Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na nosa comunidade. Esta iniciativa desenvólvese cofinanciada por XERA - Axencia Galega da Industria Forestal. O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores

Novos cursos do Ministerio para mellorar as competencias dixitais dos profesionais do sector primario

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Centro de Competencias Dixitais e en colaboración coa Universidade de Córdoba e a Universidade Politécnica de Madrid, amplía en 2023 a súa oferta de cursos destinados a mellorar a capacitación dos profesionais do sector agroalimentario. Os destinatarios finais da formación son profesionais que desenvolven as súas actividades nos sectores agrario ou alimentario, cuxo ámbito de actuación son as zonas rurais, con especial énfase na formación de mozos e mulleres. Neste marco, o ministerio mantén aberto, até o próximo 2 de abril, inclusive, o prazo de inscrición para os seguintes 5 cursos, que se realizarán en liña, en horario de tarde e que se impartirán segundo o seguinte calendario:  Agricultura 4.0. Tecnoloxías Habilitadoras, do 11 ao 26 de abril. Control intelixente de procesos e produtos ao longo de toda a cadea agroalimentaria: sensores espectrales e blockchain, do 11 ao 27 de abril. Novas tecnoloxías na maquinaria para a produción de cultivos leñosos, do 12 de abril ao 4 de maio. Aplicacións de gandaría de precisión, do 20 de abril ao 18 de maio. Agricultura de Precisión. Tecnoloxías para a súa implantación e aplicación, do 3 ao 18 de maio. A inscrición a estes cursos pódese realizar desde a seguinte páxina de Internet: https://centrocompetencias.mapa.es/, onde hai dispoñible máis información. Ademais, nos próximos días abrirase o prazo para inscribirse a outros cursos. O Centro de Competencias Dixitais foi creado no marco do desenvolvemento da estratexia de dixitalización do sector agroalimentario e do medio rural. Desde 2021 desenvolveu cursos gratuítos destinados a fomentar a formación continua non regulada dos profesionais do sector agroalimentario, co obxectivo de axudarlles a mellorar as súas competencias dixitais e o seu labor profesional.

Finca Cabreira: “As decisións importantes que tomamos sempre van da man dos técnicos”

Manuel Candamio, xunto ás súas vacas na nave construída en 2018, a última ampliación realizada Gañar en eficiencia como forma de reducir custos e adaptar a produción ao tipo de leite que demanda a industria para incrementar beneficios nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. Esa é a filosofía de traballo de Finca Cabreira, unha gandería que aposta pola optimización dos distintos procesos que require a produción láctea a través da tecnoloxía. Manuel Candamio está á fronte desta explotación situada en Outeiro de Cela (Irixoa), que muxe 185 vacas neste momento. Tras titularse en Empresariais pola Universidade de Porstmounth e traballar no sector inmobiliario, Manuel incorporouse en 2013 á granxa que ata ese momento rexentaran os seus sogros, Emilio Freire e Fina Calvo, que acababan de xubilarse. Fíxoo coa intención de garantir a continuidade da explotación, na que a familia investira toda unha vida de esforzo e diñeiro. “Aínda que eu nunca traballara como tal na granxa, na casa sempre se falaba da gandería, polo que estaba familiarizado co día a día e coñecía ao persoal técnico que viña á explotación. Apoiado por eles e polos meus sogros decidinme a coller a granxa. Aos poucos funme incorporando, deixáronme facer e cando me dei conta estaba metido de cheo”, indica. Primeiro obxectivo: dimensionar a explotación Baixo unha mentalidade máis empresarial, o primeiro obxectivo para poder pasar dunha explotación de carácter familiar a outra máis profesionalizada era alcanzar un volume suficiente, Así, aquela gandería que Manuel colleu no ano 2013 foi aumentando de tamaño ata duplicar a produción a día de hoxe.
Nunha década duplicaron a produción e profesionalizaron a xestión para gañar en eficiencia
De forma paralela, a granxa foi tecnificándose ata converterse nunha moderna explotación dotada con sistemas de toma de datos, pero que conserva en uso aínda construcións con máis de 50 anos de antigüidade, que foron adaptándose e modernizándose. “Aproveitamos todo o que había e fomos ampliando. Aquí pode verse a historia da gandería en Galicia: o establo máis antigo é o que está a carón da casa e o máis moderno o que está máis afastado”, detalla.
Viamos que para poder continuar na actividade tiñamos que seguir medrando e modernizándonos
“A última nave, construída en 2018, fixémola porque viamos que se queriamos vivir con certa dignidade todos os que estabamos aquí metidos, tanto nós como os traballadores, necesitabamos ter comodidade e confort. E o volume o que che dá é a capacidade de poder contratar a máis traballadores e organizar quendas doutra maneira”, explica. De man de obra familiar a depender de persoal contratado Pero aumentar de tamaño significa pasar a depender de man de obra externa, algo que non abunda. “Eu creo que a dificultade para conseguir man de obra, sobre todo cualificada, é un problema moi serio a día de hoxe nas ganderías”, recoñece. Ante esta carencia xeralizada de formación entre a man de obra dispoñible no mercado laboral, apostan pola formación e a cualificación na propia granxa. “Tes que optar por contratar man de obra sen cualificar e formala ti. A nós aquí gústanos facer cursos de formación para os nosos empregados. Fixemos cursos de inseminación, de manexo de tenreiras, de técnicas de muxido. Aqueles aspectos que temos interese en mellorar buscamos a alguén que saiba realmente do tema para que nos forme aquí na propia explotación, para que sexa tamén unha formación adaptada ás condicións que temos aquí na granxa”, conta.
Adoitamos facer catro ou cinco cursos de formación ao ano na propia explotación para mellorar en distintos aspectos que consideramos necesarios
Manuel recoñece que non é habitual no sector ver este tipo de iniciativas pero el considera a formación como un aspecto básico para mellorar o funcionamento da súa granxa. “É certo que moitas veces tes a sensación de que estás a formar a xente que se cadra dentro de pouco marcha, pero por iso non vas deixar de formala. Para min é unha satisfacción ver como evolucionan de forma positiva os nosos traballadores”, argumenta. Tecnificación da granxa para reducir necesidades de persoal Xunto á formación continua, a estabilización do persoal é outra das prioridades desta explotación. “Este é un traballo monótono, de sábados, de domingos e de festivos e hai que lidiar con todos eses inconvintes”, admite. Neste momento esta gandería conta con 5 empregados ademais de Manuel e apoiáronse na mellora das instalacións para poder gañar calidade de vida. “Estivemos a estudar as distintas tecnoloxías que había dispoñibles e que nos podían permitir modernizar a granxa e ao final quedámonos coas que nos podían permitir ser máis eficientes e facer o traballo de forma máis cómoda. Tal como temos hoxe a explotación, dúas persoas son suficientes para atender o día a día da granxa”, indica.
Hai unha necesidade evidente de man de obra nas explotacións
Esas dúas persoas non necesariamente teñen que ser as mesmas pola mañá e pola tarde. De feito, en Finca Cabreira traballan cun sistema de quendas de mañá e tarde que permite aos seus traballadores realizar xornada continua e librar dous días á semana, ben xoves e venres ou sábado e domingo. Paso de tres a dous muxidos Finca Cabreira dispón na actualidade dun rabaño total de 220 vacas adultas, das que están a muxir a día de hoxe unhas 185, con picos por enriba de 190 noutros momentos do ano. Tras facerse cargo da explotación, Manuel tomou a decisión en 2015 de pasala a tres muxidos, un sistema que mantiveron ata 2022, cando ao cambiar de empresa compradora optaron por regresar de novo ao sistema de dous muxidos. “Empezamos a entregar o leite a Entrepinares. Como nos paga mellor as calidades, convíñanos obter menos litros e máis sólidos”, explica.
Fixemos unha aposta polas calidades ao pasar de entregar a Leite Celta a facelo a Entrepinares
Coa volta a dous muxidos perderon produción, pero reduciron tamén as necesidades de man de obra da granxa. “Estabamos en 43 litros con 3 muxidos e agora cústanos traballo manternos en 37 litros, pero pasamos dunha porcentaxe do 3,40 de graxa a 3,80 e do 3,30 a 3,40 de proteína”, detalla. Segundo obxectivo: gañar superficie agraria “Nestes momentos o noso obxectivo é estabilizar a explotación e centrarnos en conseguir un leite da mellor calidade adaptado á industria que nos recolle e tentar rendibilizar iso ao máximo, pero a nosa intención non é crecer no número de cabezas porque para iso teriamos que aumentar tamén en terras”, admite Manuel. Sementan 60 hectáreas a millo, nas que nunha parte fan rotación anual con raigrás e noutra parte con chícharo para abono verde. A maiores, dispoñen doutras 12 hectáreas a herba permanente.
Sementan 60 hectáreas a millo en rotación con raigrás e chícharo
“A falta de superficie é para nós un condicionante. Se puidésemos dispoñer de fincas útiles de tamaño grande e a poder ser preto da explotación as nosas condicións de produción serían moi diferentes, pero aquí a media de superficie por finca está entre 1 e 2 hectáreas”, explica. A maiores do pequeno tamaño das parcelas está o problema do xabaril. “Fainos grandes desfeitas, é moi desesperante”, afirma. Con eses condicionantes, non logran ser autosuficientes en materia de alimentación. “Millo compramos algo todos os anos, non moito, pero procuramos acabar a campaña con todos os silos cheos, polo que compramos xa na finca o que nos falta para completalos, porque iso é sempre unha garantía, dáche tranquilidade para todo o ano. Dependendo da colleita podemos comprar entre un 5 e un 15%. Este ano compramos pouco porque nos sobrou do ano anterior e ao final a campaña foi mellor do que se esperaba e fomos salvando”, conta. Un dos motivos para non verse afectados pola seca foi labrar cedo. “Somos sempre dos primeiros en sementar nesta zona; poñemos ciclos 500”, explica. Parte do traballo agrario fano eles mesmos. “Nós aramos e sementamos o millo pero despois contratamos todo o traballo de ensilaxe. Tiñamos un tractor e unha serie de maquinaria que seguimos usando, pero posiblemente cando cumpra a súa vida útil non volvamos comprar outra para centrarnos en atender o gando”, indica. Sala de muxido de 40 puntos Finca Cabreira conta cunha sala de muxido con 40 puntos que montaron cando muxían tres veces ao día coa intención de axilizar o proceso e asegurar a súa operatividade en todo momento. “Realmente son dúas salas de 20 puntos cada unha que non comparten nada do sistema, nin a bomba de baleiro nin a de descarga. Desa forma, ao ter un funcionamento independente, se temos unha avaría nunha parte podemos seguir traballando coa outra. Cando estabamos en tres muxidos non nos podiamos permitir ter a sala parada por calquera contratempo porque en caso de necesitar facer calquera reparación podíaseche xuntar un muxido co outro. Desta forma, en caso de avaría sempre estamos cubertos e a sala sempre está operativa”, razoa Manuel.
Muxen ás 7 da mañá e ás 6 da tarde. Acaban en hora e media
Ao ter o gando dividido en tres lotes e unha sala de muxido cunha capacidade importante reducen a presenza das vacas na sala de espera. “A nosa idea era muxir moi rápido para non molestar moito tempo ás vacas. Nunha hora e media acabamos de muxir as 180-190 vacas que temos normalmente en produción”, explica.
A maquinaria do sistema de muxido está nun túnel baixo a propia sala para evitar que os equipos se mollen e se estraguen
Para a almacenaxe do leite dispoñen dun tanque vertical de 30.000 litros e a maquinaria da instalación de muxido está nun túnel baixo a propia sala, o que evita que as bombas se mollen, se manchen e avaríen. “Na parte de arriba só están as pezoneiras, desta forma evitamos que o resto do sistema se estrague. Tivemos que facer algo máis de obra á hora de montar a sala pero ese investimento ímolo recuperar na duración dos equipos”, asegura Manuel. Apoiarse en asesoramento externo Aínda que afirma que “todos os galegos levamos no noso ADN o manexo da vaca”, Manuel é dos que se deixa asesorar porque considera importante contar con apoio externo de carácter profesional, destacando o gran nivel dos técnicos que axudan no día a día ás explotacións en Galicia. Traballan con Seragro para nutrición, calidade do leite, reprodución e podoloxía e da xestión da granxa encárgase a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Aquí calquera cambio que se fai é consultado para que as distintas decisións que tomamos conten cun aval técnico detrás”, recoñece.
As decisións importantes que tomamos na nosa explotación sempre van da man dos técnicos que nos asesoran
Os insumos cómpranos á cooperativa O Plantel, situada en Pederne e formada por 200 socios da comarca de Betanzos, que lles proporciona tamén o servizo de carro mesturador. “Fano dunha forma rápida, económica e eficiente e é unha carga de traballo que estamos a delegar neles e que nos permite a nós ter máis tempo para centrarnos noutras cousas”, argumenta. En vacas de produción teñen tres lotes: postparto, vacas adultas e primeirizas. “Xogamos con alimentación diferenciada en cada un dos lotes en función das súas necesidades e do que esperamos obter, con menor inxesta e unha comida máis enriquecida en posparto; máis inxesta en vacas adultas e menor inxesta en primeiro e segundo parto”, explica. Redución do consumo enerxético Nos cubículos da última ampliación utilizan area como material de recheo e nos máis antigos serrín con carbonato, dado que as fosas máis antigas non se adaptaban ao uso de area. A nivel de instalacións, di, “acabamos de facer uns investimentos bastante grandes e creo que temos capacidade de mellora sen meternos a máis gastos”. “Cando logremos rendibilizar os investimentos realizados poderiamos propornos melloras nas instalacións de recría para ter máis cómodos aos animais e traballar tamén nós máis cómodos”, avanza. Hai un ano apostaron pola instalación de placas solares, cunha potencia de 150 Kw/h, e un sistema de baterías que lles permitiu amortecer o forte incremento do prezo da luz producido desde entón. Contan tamén con intercambiadores de placas e recuperadores de calor para aproveitar ao máximo a enerxía xerada no proceso de arrefriado do leite. Ademais de lograr un aforro enerxético conseguen estabilizar antes a temperatura do leite no tanque, o que redunda nunha mellor calidade hixiénica. Futuro do sector Un fillo de Manuel, de 21 anos, está xa incorporado á explotación e ao seu pai gustaríalle que dese continuidade ao proxecto, aínda que prefire “non forzarlo”. “O gran problema que temos as ganderías a día de hoxe é a incerteza. É difícil saber que nos podemos esperar dentro duns anos pero creo que haberá concentración de explotacións e que as que queden serán cada vez máis eficientes”, prognostica.
O sector lácteo ten todo o futuro do mundo pero para iso as granxas deberemos superar novas esixencias
“É evidente que hai futuro neste sector e eu creo que este traballo será máis respectado do que é hoxe, aínda que para iso haberá que superar toda unha serie de novas esixencias a nivel de PAC, de xurros ou de benestar animal”, asegura.  

Aposta pola dixitalización da explotación e a monitorización do gando

Á vez que modernizou as súas instalacións, coa construción dunha nova nave, a reforma das máis antigas e a instalación dunha nova sala de muxido, Finca Cabreira deu pasos tamén nos últimos anos na monitorización do gando, o que lles levou a cambiar rutinas de saúde, reprodución e manexo na granxa. “Terminamos fai agora tres anos unhas instalacións novas que nos obrigaron a tomar decisións, porque deixamos de ser unha explotación familiar, sen practicamente man de obra contratada, a ser unha explotación cunha dependencia case total da man de obra asalariada. Isto fíxonos pensar que debiamos incorporar toda a tecnoloxía que houbese dispoñible no mercado para que nos axudase a mellorar e a darlle futuro ao noso proxecto”, argumenta Manuel. O cambio ás novas instalacións provocou ademais unha situación “complexa” na granxa. “Empezamos a ter unha serie de patoloxías, que se manifestaban basicamente no período seco e despois tamén no postparto e chegamos a estar preocupados”, recoñece.
A forma de traballo na granxa foi cambiando e fómonos adaptando a esta nova tecnoloxía que nos axuda a tomar decisións no día a día
Aconsellados polos técnicos que asesoran á granxa en materia de nutrición e reprodución decidiron substituír os podómetros por colares de monitorización. “Fixemos dous grupos de animais dos cales queriamos recibir información, por unha banda preparto, vacas secas e postparto e doutra banda as xovencas”, explica. “O que noto moitas veces na nosa explotación é que os gandeiros nos dedicamos continuamente a apagar lumes inmediatos do día a día, cando deberiamos dedicarnos a ter un obxectivo claro a máis longo prazo. Este tipo de tecnoloxía é útil para apagar lumes, pero axúdache sobre todo a tomar decisións a máis longo prazo”, valora.
Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na nosa granxa
A nivel de xestión da granxa, a información que achegan os colares en materia de nutrición e benestar axudan ao gandeiro para tomar decisións, por exemplo á hora de establecer as rutas e horarios do robot encargado de arrimar a ración ou para saber se é necesario instalar sistemas de arrefriado que reduzan o estrés por calor do gando. “Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na granxa. Estabamos nun momento delicado, con problemas que desapareceron bastante rápido, pero boto de menos un programa que unifique todos os datos e que o saiba manexar todo o mundo”, conclúe. Cambio de podómetros por colares Traballan con tecnoloxía de Allflex para a toma de datos. “Agora mesmo temos os colares nos grupos máis críticos, que son vacas que se van a secar, vacas secas, postparto e celos de xovencas, pero a nosa idea é ir substituíndo os podómetros, a medida que se vaian gastando, por colares”, avanza.
Nas xatas os colares usámolos para detectar celos e en vacas secas para evitar posibles patoloxías
“A vantaxe do colar é que é máis eficiente en detección de celos e dános información adicional que o podómetro non nos dá, por exemplo en rutinas de grupo, inxesta, tempo de descanso, rumia, que combina en forma de gráficas moi fáciles de entender e que permiten tomar decisións no día a día”, destaca. “Nas xatas os colares queriámolos basicamente para detectar celos, porque aínda que xa estabamos a traballar con podómetros, obrigábanos a que o animal tivese que pasar por un punto en concreto para descargar a información”. O receptor estaba situado nun dos bebedoiros, pero ao dispoñer de máis dun, creábanse distorsións na detección, algo que os colares solucionan, porque non traballan coa necesidade de que o animal pase por un lugar en concreto”, explica. Datos dous meses antes do secado selectivo En canto ás vacas en lactación, empezan a tomar datos dous meses antes do período de secado. “Dous meses antes do secado o software vai cargándose de datos e facilitándonos información”, indica. “Nas vacas secas non tiñamos ningunha información delas máis que o ollo do gandeiro e moitas veces cando nos dabamos conta de que había un problema xa era unha patoloxía avanzada que requiría nalgúns casos o uso mesmo de antibióticos, por tanto, para nós era fundamental ter datos deste lote de vacas secas”, insiste. Nesta explotación de Irixoa realizan secado selectivo, co que reduciron considerablemente o uso de antibióticos. “Seragro envíanos mes a mes as directrices sobre que vacas secar e con que e non temos habitualmente problemas, aínda que o verán pasado si notamos o estrés por calor no gando e estámonos propoñendo instalar ventiladores, porque tivemos perdas de inxesta e produción, baixou a fertilidade e as mamitis clínicas disparáronse”, recoñece. No lote de vacas secas, onde os animais pasan un máximo de dous meses, están tamén as xovencas próximas ao parto. Tras parir pasarían ao lote de posparto, con capacidade para 40 animais. “Son as vacas que temos que vixiar máis e tamén son as que muximos primeiro e a medida que van entrando vacas paridas imos sacando as que levan máis tempo”, explica. Detección precoz de enfermidades postparto “Antes de dispoñer dos colares o seguimento ás vacas paridas era manual. “Colliamos a todas as vacas que parían e mirabámolas cada dous días, cubrindo a man unha táboa con información sobre o seu estado de saúde, o que supoñía maior carga de traballo e menor fiabilidade dos datos, ao depender da subxectividade do observador. Xurdíannos dúbidas sobre se a vaca rumiaba ou non e sobre se as feces estaban ben ou non”, exemplifica. “Non era unha información obxectiva e non nos permitía ter un criterio claro de cando chamar ao veterinario ou non”, indica. “Agora podemos centrar a nosa atención unicamente nos animais que realmente o necesitan, porque o software sácanos unha listaxe das vacas que teñen algún problema. Ao resto das vacas nin as molestamos. Chamamos ao veterinario só para que veña a ver ese animal en concreto e o que facemos é revisar co veterinario diante do computador toda esa información e eses datos do estado do animal que nos achega o sistema antes de ir ver á vaca e diagnosticar a enfermidade e se é pertinente darlle un tratamento. Moitas veces o programa está a darche alertas antes de que a vaca manifeste síntomas ou unha baixada do leite, como ocorría antes, e nese momento cun tratamento preventivo estamos a evitar xa o problema”, valora. Tras aplicar o tratamento necesario, o sistema permite tamén realizar un seguimento e comprobar a evolución día a día do animal. “Iso achéganos unha gran satisfacción, de ver que esa vaca foi collida a tempo e puidemos salvala”, razoa. Mellora dos índices reprodutivos Con 220 vacas e 175 xatas, a mellora da fertilidade do rabaño era outro dos obxectivos desta explotación coa instalación de tecnoloxía de monitorización do gando. “Os colares, fronte aos podómetros, permitíronnos unha maior detección de celos e unha mellora en materia de fertilidade. O máis importante é que nos di cal é o momento óptimo da inseminación, algo importante ao utilizar seme sexado, que son doses de touros de alto valor xenético e cun custo elevado”, aclara Manuel.
Os colares danche máis seguridade á hora de utilizar seme sexado
No establo construído polos seus sogros en 1997 teñen o lote de primeirizas, con 70 animais, e as xatas, divididas en dous lotes: as que están para inseminar e as xa preñadas. Colocan os colares para detectar o celo nas xatas de cara á primeira inseminación, que realizan aos 12 meses se o animal cumpre as condicións corporais necesarias, situándose a media da granxa ao primeiro parto en 21 meses. “Os colares axudáronnos a mellorar bastante nese aspecto”, asegura. Programa de xenómica A principios de 2022 empezaron tamén cun programa de mellora xenética de ABS, GENEadvance, que consiste no xenotipado de todos os animais e a fixación de criterios de selección que no seu caso pasan por máis sólidos e aumento da lonxevidade. “Queremos vacas que nos dean graxa e proteína e que nos duren máis tempo sen darnos problemas”, indica Manuel.
Poñen seme sexado na maior parte das xatas, salvo as descartadas tralo test xenómico, e no 40% das vacas
“Pensamos que este programa vainos permitir un avance moi rápido, porque te centras só naqueles animais que che interesa, descartando o resto, permitíndonos corrixir erros que a xenómica che identifica e que se cadra non eras capaz de ver co pedigree. Agora só usamos seme sexado e de carne e podemos optar a touros de elite que só entran neste programa”, destaca. Rendibilizar os machos Na antiga sala de muxido habilitaron un espazo para ter os machos de cruces cárnicos con azul belga. “Estas doses custan tres veces máis que unha dose normal de azul belga pero son animais que en cebadoiro teñen un comportamento superior aos outros en conversión cárnica, uns 300 gramos ao día máis de ganancia de peso. Temos xa dous cebadoiros interesados en traballar con nós”, indica.
Os machos son encalostrados e reciben os mesmos coidados que as femias, non facemos distincións
A súa intención é poder comercializar directamente os seus machos, mediante acordos estables con estes cebadoiros, ofrecéndolles animais cun óptimo crecemento e que isto redunde tamén nuns maiores ingresos para a granxa. “Estamos a analizar cal é o mellor momento para a saída dos animais, tanto para o cebadoiro como para nós, e posiblemente sexa despois do destete. Fariámoslle ese labor ao cebadoiro”, engade. Os machos son encalostrados e aleitados cos mesmos protocolos que as femias, sen facer distincións nos coidados. “Traballamos con Xesga nun procedemento serio de desinfección dos boxes que nos obrigou a facer algún investimento en canóns de escuma e cada 3 días cámbianse todos os caldeiros, desinféctanse e quedan colgados do revés para que sequen. Procuramos ser metódicos pero cun sistema moi simple para que se faga e se cumpra”, indica. Pasteurizador para o calostro e o leite Dispoñen de pasteurizador e quentador de costro, que teñen sempre conxelado. “Cando nace unha cría lévase para o box e ponse o calostro a desconxelar para aplicarllo con sonda canto antes. Despois sóbese á nai para sacarlle o costro, que se analiza e se é de boa calidade pasteurízase e conxélase para ter reservas nese banco de calostro conxelado co que traballamos. Desta forma garantimos sempre a calidade do calostro que proporcionamos ás tenreiras”, detalla.
Dispoñen de costro conxelado que aplican con sonda (4 litros) ás tenreiras recén nacidas
Teñen tamén un taxi que pasteuriza o leite para ofrecerllo ás tenreiras á temperatura e condicións hixiénicas idóneas, así como lavalouzas para os biberóns unha vez realizada cada toma. Aos tres meses empezan a destetar. “Temos un procedemento bastante claro para todo o proceso de aleitado, identificando as tomas con cintas de cor verde (un biberón de 3 litros pola mañá e pola tarde), azul (un biberón de 4 litros pola mañá e pola tarde), de novo verde e finalmente amarelo (un biberón de 3 litros só pola mañá) previo xa ao destete”, detalla. Realizan o proceso completo de recría na propia granxa, para o que tiveron de reformar distintas naves, tanto antigos establos como almacéns e outras dependencias para acoller aos animais coa maior comodidade posible. “A recría require espazo”, afirma Manuel. Ese será o próximo obxectivo de Finca Cabreira.

A variabilidade do viñedo, o gran reto para a dixitalización da viticultura en Galicia

O proxecto Viniot, centrado na viticultura de precisión, presentaba os seus resultados logo de 3 anos de traballo, nun evento final celebrado recentemente en Santiago de Compostela. Á marxe dos logros acadados, neste encontro dos participantes do proxecto e outros axentes do sector abriuse o debate sobre a continuidade e o impacto que logra este tipo de iniciativas. Está a chegar a dixitalización tamén ós viñedos? Que repercusión ten para adegas e viticultores proxectos como Viniot? A resposta por tres das cooperativas vitivinícolas que participaron de cheo no proxecto Viniot é clara e unánime: as ferramentas de dixitalización que se empregan na viticultura de precisión están a ser de gran utilidade para a toma de decisións.
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”: Carlos Alberto, de Viña Costeira
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”, indica Carlos Alberto, director de viticultura na cooperativa do Ribeiro Viña Costeira, unha das integrantes deste proxecto. Nesa mesma liña, Débora Franco, directora de Monet, empresa de I+D, recoñece que estas ferramentas contribúen na toma de decisións destacadas como a necesidade de aplicar tratamentos fronte a enfermidades como o mildio, o oídio, o black rot ou a botrite, que poden condicionar en gran medida a colleita. Ademais, este tipo de ferramentas está a ter unha boa acollida entre os viticultores. Así, dende a Cooperativa Martín Códax están a empregar unha plataforma de alerta sobre o risco de mildio, e aínda que ó comezo houbo algunhas reticencias, hoxe o 60% dos viticultores está a empregala.

A variabilidade do viñedo, o gran reto

O gran reto para a implantación de ferramentas dixitais na viticultura é a gran variabilidade do viñedo, como apuntaban algúns dos técnicos presentes. “Aínda falta percorrido destas aplicacións para ter aplicación directa no sector. É necesario ir máis alá dos controis que se fan e abarcar toda a variabilidade do viñedo”, valora Daniel Durán, do departamento de viticultura da adega Paco&Lola. A sensorización e recollida de datos en cuestións como a humidade do viñedo está a resultar transcendente na optimización da rega, pero tamén inflúe no manexo que se fai do solo evitando nalgúns casos labrar a terra e mantendo cubertas vexetais. “A eficiencia na rega resulta cada vez de maior interese polos cambios no manexo que supón e polo custe que ten”, valoran dende Martín Códax, pese a que nesta denominación de orixe aínda non acusan importantes problemas de seca.
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”: Iago Portela, Triple Alpha
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”, apunta Iago Portela, consultor de procesos de Triple Alpha, empresa especializada na xestión de datos e propostas tecnolóxicas. “O sector do viño en Galicia sempre foi moi tradicional, pero estase dando conta da necesidade da dixitalización”, destaca. O outro gran reto da dixitalización da viticultura é chegar ás pequenas adegas e viticultores, como se apuntaba no foro. Así, as grandes adegas xa están a incorporar tanto en adega como en campo esta tecnoloxía e vese como un ‘movemento inevitable’, porén falta ver como se resolve para os pequenos produtores. Neste senso, as cooperativas poden servir de novo de táboa de salvación ó incorporar xa solucións dixitais. Con todo, sinalan que aínda hai pouco coñecemento en campo, en comparación coas innovacións que se están desenvolvendo na adega. Ademais, moitos dos avances ou información non chega a compartirse, polo que está a ser infrautilizada.
“Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”: José Silvestre, investigador do Iniav
Dende o Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e Veterinarias de Portugal (Iniav), o investigador José Silvestre, destacou que ademais da gran variabilidade que se atopa no viñedo, o feito de que haxa un clima moi variable, así como un custos moi cambiantes supoñen outros obstáculos á hora de integrar a dixitalización no sector do viñedo. Así, unha das súas máximas é procurar que a tecnoloxía chegue ós produtores. “Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”, afirma Silvestre.

O papel dos HUBs

No marco do proxecto Viniot tamén se desenvolveu Viniot HUB, un centro loxístico de innovación dixital centrado en dar difusión ós avances logrados con estas ferramentas e crear un punto de encontro das empresas e produtores do sector. De feito, tal e como sinalou Tamara Rodríguez, responsable de comunicación e do HUB, aquelas empresas e profesionais que estean interesados en participar no HUB poden acceder de xeito gratuíto logo de cubrir un formulario na páxina do proxecto: www.viniot.eu Aínda que inicialmente o Viniot HUB resultaba interesante ós participantes do proxecto, a súa continuidade e éxito está condicionado pola dinamización que se logre. “Conseguir que o HUB sexa un foro de encontro dependerá de como se dinamice e do valor que aporte para os participantes”, valoraban algúns dos asistentes. Nesta xornada de presentación de resultados tamén participaron outros Centros loxísticos de innovación dixital (HUBs) tanto do país como de Portugal que apuntaron algunhas claves para manter activos estes centros e conseguir que resulten unha ferramenta de utilidade para o sector. Ofrecer formación e vías de financiamento para que as empresas poidan incorporar a tecnoloxía é unha das prioridades para o HUB Datalife, centrado en promover a dixitalización no sector agrario en Galicia, unha entidade que, como apuntaba o experto en transformación dixital Javier Doval, integra tanto a empresas, como Clústers e Universidades galegas.
“O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é preciso crear sinerxías”: Edgar Delgado, do DIH de Extremadura
Dende o HUB DIH de Extremadura sinalaban que facer accesible esta tecnoloxía dispoñible ás empresas é tamén fundamental. Así, eles contan cun catálogo actualizado sobre recursos activos dos servizos de dixitalización que están dispoñibles. “Trátase de crear redes. O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é importante crear sinerxías entre sectores para sumar e aproveitar o que cada un pode aportar”, valora Edgar Delgado, do DIH de Extremadura. Tamén é fundamental coñecer o punto de partida do sector en materia de dixitalización para conseguir avanzar. Neste caso, dende o HUB DIH de Andalucía, José Antonio Adame sinala que un dos métodos para dar apoio ó sector é precisamente diagnosticando o seu grao de dixitalización, para o que realizan test de madureza dixital adaptados ó sector agrogandeiro, para poder establecer un punto de inicio. “Os centros loxísticos de innovación dixital deben estar alerta e ser os intérpretes do sector para que se creen solucións para as súas necesidades” destaca Adame.