Archives

Rumi-MASTER, penso complementario líquido para becerros lactantes con diarrea

Distribuidor en Galicia:
GLOBAL GENETICS
Teléfono: 619760916

Galidiet, leite para becerros e rehidratantes contra as diarreas da máxima calidade

Eliseo López, na planta de fabricación de Galidiet no Arneiro Eliseo López ceba uns 2.000 xatos ao ano na súa granxa do Arneiro, no concello lugués de Cospeito. É unha explotación que leva 30 anos dedicada á recría de becerros e que neste tempo desenvolveu as súas propias fórmulas de leite en po e de produtos dietéticos, que agora saen ao mercado baixo o nome de Galidiet. O seu obxectivo é compartir con outras ganderías a experiencia adquirida. “Nós sufriamos os problemas habituais de diarreas e obtiñamos un baixo crecemento nas idades temperás cos leites que había no mercado. Iso levounos a desenvolver os nosos propios produtos, primeiro para consumo noso e agora para que poidan usar tamén outras granxas”, explica Eliseo.  
Sufriamos problemas habituais de diarreas e baixo crecemento nas idades temperás cos leites que había no mercado
Os produtos de Galidiet son produtos de máis calidade polos ingredientes que levan e polo coñecemento que lles proporcionou pasar máis de 15 anos facendo leite todos os días para máis dun cento de becerros. “Son produtos testados e que funcionan, levamos xa máis de 30.000 becerros alimentados con esta fórmula propia de lactoreemprazante”, conta Eliseo.
Os nosos produtos están testados, levamos xa máis de 30.000 becerros alimentados con esta fórmula
No seu cebadeiro non se usa ningún outro produto, nin leite nin antidiarreicos, que os fabricados por el mesmo. “A maioría das diarreas habituais que poden darse nunha explotación poden solventarse con estes produtos. Dada a súa eficacia, evita ter que usar outros tratamentos veterinarios ás explotacións, logrando un considerable aforro económico”, asegura. De gandeiro a gandeiro, sen intermediarios Galidiet non é unha multinacional farmacéutica, senón unha explotación de gando vacún que decidiu compartir o seu saber con outras granxas, destacan. “Fabricamos para nós e baixo pedido para os nosos clientes; ao ser unha fábrica pequena podemos facer produtos a demanda coas características que nos demanda o cliente, mesmo personalizados a nivel de marca e imaxe”, salienta Eliseo.
Os derivados lácteos que usan como materias primas proceden de empresas asentadas en Galicia
Buscan acurtar as cadeas de subministro e traballar sen intermediarios, de gandeiro a gandeiro. As materias primas que usan para elaborar os seus produtos son tamén de orixe local, derivados lácteos que proceden de empresas asentadas en Galicia, aos que se engaden outros ingredientes específicos adquiridos nos mercados internacionais. Teñen distribución propia para pedidos de maior tamaño e os produtos de Galidiet poden atoparse tamén nas comerciais agrícolas e veterinarias de confianza por toda Galicia.

Leite en po que garante unha maior asimilación e crecemento e sueros antidiarreicos 100% eficaces

O leite maternizado de Galidiet está elaborado a base de ingredientes lácteos para conseguir unha maior asimilación e un maior crecemento por parte dos animais lactantes. “O noso produto chámase É leite porque iso é o que é, leite; non leva substitutivos e por iso os animais asimilan mellor o que toman e medran máis”, asegura Eliseo López. O lactoreemprazante de Galidiet comercialízase baixo tres formulacións diferentes, pero todas levan materias primas de primeira calidade, entre elas leite enteiro en po, que é unha das características diferenciadoras do produto; leite desnatado en po, soro e concentrado de proteína láctea.
Ademais da compoñente alimenticia, o ovo ten un poder inmunolóxico que axuda a que os animais non enfermen
Na súa composición figura tamén levadura de cervexa, que lle aporta maior dixestibilidade; correctores vitamínicos minerais e ovo seco en po. “Antigamente os gandeiros daban ovos aos becerros e ás vacas porque o ovo ten un poder alimenticio que todos coñecemos, porque é unha das proteínas da natureza máis dixeribles xunto coa do leite, pero a maiores o ovo ten un poder inmunolóxico que axuda a que os animais non enfermen”, detalla Eliseo.
Con menos leite conseguimos máis crecemento, o que supón un importante aforro para as ganderías
O leite maternizado de Galidiet conta con tres gamas de prezo diferentes, en función dos seus compoñentes nutricionais, que se adaptan ás necesidades de cada tipo de explotación:
  • Leche Madre: só con produtos lácteos
  • Recría Élite: que introduce unha mestura de lácteos con proteínas vexetais
  • Recría Vital: a base de proteínas vexetais
Estas tres gamas de produto están indicadas desde o nacemento do animal ata a idade de destete establecida en cada gandería. “Cos nosos produtos conséguese acurtar o período de lactación e aforrar cartos, xa que con menos leite conseguimos máis crecemento”, asegura Eliseo. Neodiet Plus O produto Neodiet Plus é un suero rehidratante con propiedades antidiarreicas para tratamento e convalecencia da descomposición en animais que estean en fase de lactación. A súa eficacia deriva do seu alto contido (30%) en sementes de plantago ovata, unha planta que provén da India e que proporciona regulación intestinal. Trátase dun regulador natural do tránsito, moi rico en fibra, que desta forma absorbe auga dentro do intestino e axuda a que as diarreas e a perda de auga se corten rapidamente.
O plantago ovata é un regulador natural do tránsito intestinal que corta rapidamente a deshidratación
O segundo compoñente en importancia (8%) é o propionato sódico, que é un axente alcalinizante que combate a acidez estomacal que se produce cando hai diarrea. “Case todos os produtos deste tipo que hai no mercado levan bicarbonato, que mesturado co leite fai que non coagule, polo que non cortamos a diarrea. Sen embargo se en vez de bicarbonato lle votas propionato fas que o leite sexa básico pero ao mesmo tempo permite que calle e ten a maiores un compoñente alimenticio”, explica Eliseo.
Ao levar propionato sódico en vez de bicarbonato non é necesario retirar o leite durante a fase de tratamento e recuperación
Esta característica permite que Neodiet Plus se poida dar tanto con auga como con leite, para aqueles gandeiros que prefiran non sacar o leite aos animais durante esa fase. O produto preséntase en paquetes de 100 gramos, a cantidade equivalente a unha dose. Recomendamos cantas máis tomas mellor, para axudarlle ao animal a rehidratarse, pero como mínimo débense dar dúas tomas ao día”, aclara.
Neodiet Plus preséntase en sobres de 100 gramos para mesturar con auga ou con leite nas distintas tomas
Os sobres de Neodiet Plus levan ademáis minerais, para suplir os desequilibrios electrolíticos que se producen nunha dierrea; levadura de cervexa, que aporta maior dixestibilidade e fai que se recupere a microbiota intestinal; ovo, que aporta enerxía e protección a nivel gastrointestinal e incluso a nivel local polas inmunoglobulinas; dextosa, que aporta enerxía e o poder alimenticio que o animal necesita cando ten diarrea, e glicina.   Readiet Stop Dentro do catálogo de produtos de Galidiet está tamén Readiet Stop, con funcións antidiarreicas, ao igual que o Neodiet Plus, pero con menor porcentaxe de plantago ovata e menor poder alimenticio. Está indicado para diarreas menos graves nas que o animal enfermo non necesita tanto aporte nutricional. Pode utilizarse con carácter preventivo e está pensado para un uso máis diario, polo que se presenta en caldeiros de 3 kg, recomendando aplicar 50 gramos en cada dose, polo que chegaría para 60 tomas.
Os produtos de Galidiet están formulados tanto para gando vacún como para ovellas e cabras
Ao igual que as distintas gamas de leite, os produtos dietéticos para o tratamento da diarrea de Galidiet están formulados tanto para gando vacún como para outros rumiantes, como ovellas ou cabras.
Para recibir mostras ou coñecer máis información sobre os produtos de Galidiet chamar ao teléfono 606044802 ou mandar un email a infogalidiet@gmail.com.

Pautas para un bo encalostrado e reducir as diarreas nos becerros

As diarreas son un dos problemas máis frecuentes nos tenreiros neonatos e supón un importante impacto nas granxas. Tanto é así que as diarreas resultan a primeira causa de mortalidade nos tenreiros durante o primeiro mes de vida, por iso reducir a súa incidencia na gandería é clave. Por este motivo, a prevención das diarreas foi un dos temas tratados este ano nos XVII Encontros Gandeiros de Lalín (Pontevedra), organizados pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) Xundeva. Manuel Cerviño López, asesor técnico veterinario de Boehringer Ingelheim, ofreceu aos gandeiros algunhas claves para ter en conta e reducir as diarreas que afectan ós tenreiros máis novos na granxa. “As diarreas son a enfermidade máis común nas primeiras 8 semanas de vida do animal. O 80% dos problemas que teñen os tenreiros no primeiro mes son diarreas”, lembra Cerviño. As diarres poden estar producidas tanto por bacterias (en especial E. Coli), así como virus (como rotavirus e coronavirus) e protozoos (principalmente Crytosporidium parvum). Á marxe da súa orixe, as diarreas son unha enfermidade multifactorial. Así, factores como o manexo, o ambiente no que se atopan os tenreiros, a inmunidade do animal, o calostro que se lle proporciona e a existencia de virus, bacterias, e parasitos determina que o becerro desenvolva a enfermidade.
As diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na granxa
Máis aló do propio benestar do tenreiro, as diarreas teñen un impacto económico directo nas granxas. Tal e como apuntaba Cerviño, as diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na gandería. As perdas económicas para a granxa coas diarreas poden abarcar desde: -O valor do animal -Os gastos veterinarios -O freo do crecemento -Aumento da idade do primeiro parto -Redución da produción de leite na primeira lactación -Empeoramento dos índices de engorde -Aumento do risco de padecer outras enfermidades e increméntase ata 2,5 veces a probabilidade de eliminar ao animal

O calostro, un aliado fronte á diarrea

Proporcionar un bo calostro aos tenreiros resulta de gran importancia para fortalecer ao animal e reducir a incidencia das diarreas. Tal e como sinalaba o veterinario, o calostro é un alimento perfecto para o tenreiro durante as súas primeiras horas de vida. Ao mesmo tempo, é un protector do intestino e actúa de laxante e estimulador do tránsito intestinal.
O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías
Tampouco hai que esquecer que proporciona defensas ao animal que lle protexen de forma inmediata e é un transmisor de microbiota. “O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías”, apunta Cerviño. Ademais, o calostro é unha forma de conseguir que o animal alcance a temperatura que necesita para sobrevivir nestes primeiros momentos de vida.

Pautas para realizar un bo encalostrado dos tenreiros

Para proporcionar un bo encalostrado dos tenreiros é preciso atender a diferentes factores. “O tenreiro debe tomar a cantidade necesaria de calostro de boa calidade, no momento adecuado e da mellor maneira posible”, resume Cerviño. Analizamos cada un destes condicionantes:

-Momento da toma

Uno dos maiores condicionantes sobre a eficacia do calostro é o tempo transcorrido desde o parto ata a súa inxesta por parte do tenreiro. Posto que o calostro serve para poñer en funcionamento o intestino do animal e proporciona defensas, é imprescindible que as tomas de calostro se realicen canto antes, se é posible antes das 6 horas de vida, xa que segundo pasan as horas diminúe a capacidade de absorción de inmuglobulinas presentes no calostro e que actúan como anticorpos no tenreiro. Capacidade de absorción por parte do tenreiro dos anticorpos do calostro en función do tempo transcorrido.

-Cantidade de calostro

É recomendable que nestas primeiras tomas o tenreiro inxira de calostro un 10% do seu peso vivo, é dicir un litro por cada 10 quilos de peso do animal. Así, un tenreiro que pese ao nacer 40 quilos deberá administrar como mínimo 2 litros de calostro nas dúas primeiras horas de vida, sendo conveniente ata 5 litros nas 6 primeiras horas e entre 2 a 5 litros nas 12 horas seguintes. Mentres, no gando en extensivo e de razas rústicas esta cantidade redúcese a 500 mililitros nas 6 primeiras horas de vida. Ademais, é aconsellable seguir administrando calostro, xunto co leite, durante as 3 primeiras semanas de vida do tenreiro, xa que lle ofrece unha maior protección local intestinal, unha forma de reducir o risco de diarreas.

-Calidade do costro

Para conseguir un calostro de calidade tamén hai que ter en conta diferentes factores. Un dos máis determinantes é o estado de saúde da nai e a súa alimentación, por iso resulta fundamental extremar os coidados das vacas secas, un período que debe durar entre 45 a 60 días. O parto é outro dos condicionantes para lograr un calostro de calidade. Lograr un parto sen complicacións contribúe a que a vaca poida proporcionar un calostro de maior calidade, xa que as defensas da vaca transfírense ao calostro poucas horas antes do parto. “O ideal é ter partos moi vixiados por parte do gandeiro pero pouco atendidos, é dicir que non requiran finalmente unha gran intervención por parte do gandeiro ou veterinario”, apunta. O parto afecta directamente ao calostramento e á calidade e cantidade de calostro que chega a producir a vaca. Tamén é importante muxir o calostro entre as 2 e as 6 horas tralo parto. “Se se muxe moi pronto non tivo tempo de que as defensas pasen ao calostro e se se demora o muxido a vaca recupera esas inmuglobulinas de maneira que o calostro comeza a empobrecerse”, detalla Cerviño. Ademais, a vacinación das nais tamén xoga un papel determinante para reforzar o sistema inmunolóxico do tenreiro.

-Administración do costro

Tan importante coma a cantidade, o momento ou a calidade do calostro é a forma na que se proporciona este leite ao tenreiro. Permitir que o tenreiro mame o calostro directamente é unha das mellores formas de garantir a absorción das inmuglobulinas presentes no calostro, aínda que a soa presenza da nai xa aumenta devanditos índices de absorción. Entre os métodos para amantar ao tenreiro é recomendable utilizar biberóns que lle proporcionen unha toma adecuada ao animal. A pesar de que pode resultar cómodo, o veterinario desaconsella utilizar cubos, xa que entre outros inconvenientes resulta máis incómodo ao tenreiro.

Outros aspectos para ter en conta fronte ás diarreas

Manuel Cerviño, asesor técnico veterinario de Boehringer Ingelheim durante a súa participación nas xornadas organizadas pola ADS Xundeva. Outro dos factores determinantes para reducir o risco de diarreas nas granxa é o manexo, xa que “a maioría dos tenreiros que morren por diarreas é por deshidratación e frío”, sinala Cerviño. Así, contar cun manexo e instalacións adecuadas é fundamental. Un dos aspectos para ter en conta é o manexo da parideira. “Cada parto supón un risco, polo que é recomendable controlar a acumulación de partos”, apunta o veterinario. É imprescindible manter a hixiene da zona de partos para reducir os focos de contaxio de patóxenos que poidan provocar diarreas. A parideira debe ser un espazo cunha humidade e temperatura adecuada e unha boa ventilación. “A corrente adecuada dunha parideira é aquela que permite que a chama dunha vela treme, pero non se chegue a apagar”, estima. O contacto entre tenreiros, que favorece o seu benestar, pode converterse tamén nun factor de risco fronte ao contaxio de diarreas, polo que hai que buscar un equilibrio. Para Cerviño outro dos factores claves para reducir a incidencia de diarreas nos tenreiros neonatos é contar cun programa vacinal completo na granxa, de forma que se transfira a inmunidade das vacas ao tenreiro mediante o calostro. Recomenda consultar co veterinario para valorar a administración de vacinas preparto e de calendario para manter aos animais máis protexidos e sans.

Un novo estudo ratifica a vacina de MSD Animal contra a diarrea neonatal como a máis completa

Un novo estudo publicado na revista científica internacional Animals demostra que a vacina Bovilis Rotavec Coroa, de MSD Animal Health, proporciona a resposta inmunitaria específica máis completa e equilibrada.

O artigo, de acceso público e titulado The Specific Immune Response after Vaccination against Neonatal Calf Diarrhoea Differs between Apparent Similar Vaccines in a Case Study, compara os resultados de Bovilis® Rotavec® Coroa, de MSD Animal Health, con outra vacina comercial, ámbalas dúas con dose única en primovacinación. O estudo levouse a cabo nunha granxa de vacún leiteiro de Galicia.

“Os resultados do estudo poñen de manifesto como a vacinación das nais no último terzo de xestación é unha ferramenta excelente para incrementar a inmunidade específica fronte aos principais axentes infecciosos e a súa transferencia de forma pasiva aos tenreiros a través do calostro”, explican dende MSD Animal Health. Entre as principais causas infecciosas de diarrea neonatal atopamos frecuentemente Escherichia coli, coronavirus ou rotavirus en infección pura ou mixta, e existen diferentes vacinas comerciais dispoñibles para a súa prevención.

Ademais, evidencia como a resposta obtida varía en gran medida entre vacinas. Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) incrementou a resposta inmune de forma significativa fronte a coronavirus e E. coli, en comparación á outra vacina do estudo, tanto no calostro e leite de transición, como no soro dos tenreiros encalostrados.

Como conclusión, o estudo demostra que Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) induce unha resposta inmune máis robusta e equilibrada fronte aos tres axentes (rotavirus, coronavirus e E. coli), o que resulta de gran interese de cara á protección dos tenreiros, sobre todo tendo en conta o frecuentes que son as infeccións mixtas nos casos de diarrea neonatal en granxa.

Este estudo foi realizado por Román González (Veterinario de SAT Prolesa), Laura Elvira e Carlos Carbonell (Equipo Técnico de Rumiantes de MSD Animal Health), Geert Vertenten (MSD Animal Health) e Lorenzo Frade (Departamento de Produción Animal, Universidade de Lleida).

-Accede aquí ao estudo completo.

Situación da BVD nas granxas galegas

A diarrea vírica bovina (BVD) continúa sendo unha das principais enfermidades coas que habitualmente lidan as granxas de produción de leite. Hoxe en día, aínda hai factores de risco que se descoidan nas gandarías e que son un foco de contaxio da enfermidade. Algúns dos efectos máis habituais da diarrea vírica son a redución da produción de leite ou a capacidade reprodutiva, así como a perda de peso dos animais, morte na recría ou mesmo, nos casos máis graves, a morte de vacas adultas.
A investigación profundiza na frecuencia e diversidade do virus e logra definir patróns de transmisión do virus nas gandarías
Un estudo realizado pola Facultade de Veterinaria de Lugo examina a frecuencia e diversidade do virus para ter maior información sobre a enfermidade, que permita mellorar a resposta nas gandarías. "É moi importante coñecer os distintos tipos xenéticos que hai en circulación en Galicia, xa que hai cepas con comportamentos diferentes nas que é preciso aplicar unha ou outra vacina", explica Javier Diéguez, profesor da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria e un dos investigadores participantes no proxecto. Ademais, entre as conclusións que extrae o equipo de investigadores figuran patróns de transmisión a ter en conta nas gandarías. "Xunto coa diversidade xenética que se analizou, coñecer estes patróns de transmisión é un dos aspectos máis interesantes desta investigación, de cara ao coñecemento da enfermidade", indica Diéguez.

A especie predominante en Galicia

O estudo, publicado o ano pasado, levouse a cabo entre os anos 2013 e 2017 cos datos recompilados en 140 granxas de toda Galicia, todas elas incluídas en Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS). "Tódolos datos analizados son de granxas que formaban parte do programa voluntario de ADS, xa que este programa permitíanos ter acceso a gandarías que detectaron a enfermidade", explica Diéguez. Localización de casos estadísticamente significativos de tres cepas de BVDV-1b, segundo o muestreo realizado entre 2015 e 2017. // Inia. As granxas localízanse nas provincias de Lugo e A Coruña, así como nas comarcas pontevedresas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Todas elas son gandarías cunha produción en convencional, aínda que con diferentes perfís.
En Galicia predominan os casos do tipo 1b, que adoita cursar con síntomas pouco aparentes na gandaría
As investigacións realizáronse en dúas fases: a primeira con datos solicitados entre 2013 e 2015 e a segunda con datos tomados entre 2015 e 2017. Analizaron 243 mostras que permitiron concretar que en Galicia predominan os virus de tipo 1b. En concreto, un 86,4% dos casos de BVD analizados eran desta especie. "Aínda que a predominante é a diarrea vírica de tipo 1b, atopamos puntualmente outras cepas do tipo 1 e mesmo, en menor medida, tamén atopamos algún do tipo 2", detalla o investigador. O resto de casos detectados nestas gandarías correspondían a outras variedades, na súa maioría do tipo 1 . Así, do tipo 1d, detectáronse 16 casos (que representan un 6,6% do total), 9 do tipo 1e (3,7%), 2 do tipo 1f e só un do tipo 1h, 1k,1l e 1p, así como un caso do tipo 2a . "A presenza do tipo 2 lévanos a estar atentos, xa que do mesmo xeito que ocorreu en Alemaña hai anos, pode aparecer un brote dalgún xen, que teña unha gran patoxenicidade e que poida supor problemas graves nas gandarías, como enfermidades hemorráxicas ou mesmo a morte dos animais adultos", concreta Javier Diéguez.
"A presenza do tipo 2 lévanos a estar atentos, xa que pode aparecer un brote dalgún xen que teña unha gran patoxenicidade"
Tanto a variedade 1b, como boa parte dos tipos detectados en Galicia, cursan con síntomas que poden ser difíciles de detectar na granxa. "Moitas veces, estas cepas de 1b cursan dunha forma case inaparente na gandaría, que apenas chaman a atención do gandeiro, comenta. "Entre os efectos que deixa a diarrea vírica do tipo 1b figuran perdas do rendemento reprodutivo da granxa, abortos, un pequeno incremento nos días abertos ou algunha diarrea neonatal máis", informa Diéguez. Os investigadores inciden en que coñecer a variedade xenética da enfermidade que existe en Galicia axuda a estar prevido e enfocar os tratamentos preventivos ás cepas máis presentes. "As vacinas protexen fronte a aquelas cepas similares ás que conteñen ou que estean xeneticamente próximas, pero canto máis afastada estea a cepa vacinal á que infecte o rabaño, menos eficaz é a vacina, por iso é moi importante saber a variedade de cepas que hai en Galicia", detalla o investigador.

Vías de contaxio

O estudo dos casos detectados tamén lles permitiu establecer patróns de transmisión, que axudan a coñecer as vías de contaxio máis habituais e mesmo aquelas que pasan máis desapercibidas. "Observamos que podiamos establecer algúns patróns de contaxio, xa que nalgunhas granxas había factores comúns", apunta. A principal vía de contaxio da diarrea vírica bovina en Galicia segue sendo a compra de gando. "Comprobamos que algúns dos casos detectados da mesma cepa localizábanse en granxas nas que a reposición procedía dun mesmo provedor de gando ou chegaran ás gandarías procedentes da mesma feira", indica. Volver introducir animais desde os puntos de concentración do gando, como feiras, mercados ou concursos, é outro dos principais focos de transmisión da enfermidade. "Aínda que en Galicia tampouco é moi habitual que o gando volva á casa tras acudir a estes eventos, tamén supón un risco", detalla o investigador. Á marxe destas vías de contaxio, "ás veces danse casos que non se explican por ningún destes factores", apunta Diéguez. Na investigación, conseguiron determinar que hai outras rutinas da granxa que implican o contacto con outras gandarías e que poden ser a orixe do contaxio. "Nalgúns casos, as granxas compartían maquinaria, como o carro mesturador de alimentación do gando", concreta. Tamén o persoal que acode á granxa, como profesionais veterinarios ou a presenza doutros gandeiros pode supor unha vía de contaxio desta enfermidade, tal e como conclúen na investigación.

Recomendacións para reducir riscos

Unha das medidas fundamentais para reducir o risco de contaxio de diarrea vírica na gandaría pasa por extremar as medidas de bioseguridade. "Moitas veces as probas fanse na propia granxa, pero é fundamental que se poida garantir xa antes da compra", detalla Diéguez. Neste sentido, incide na importancia de coñecer xa na granxa de orixe que o animal non ten a enfermidade e que tampouco se contaxie no traslado á nova granxa. Extremar os controis dos protocolos de desinfección no transporte de gando é un dos puntos clave para evitar ou reducir a incidencia da enfermidade nas granxas galegas. Aínda que polo momento non é habitual levar a cabo rutinas de limpeza e desinfección da maquinaria que entra na gandaría, estas prácticas tamén poden axudar a reducir os riscos. O control e a restrición de visitas á gandaría é outra das medidas preventivas. "A diferenza doutros sectores como o porcino ou o avícola, nos que o control de acceso á granxa é máis estrito, no vacún de leite o manexo é aínda diferente e non se extreman tanto estas medidas", recoñece o experto.

‘Sanisec Plus’, o secante galego natural que é óptimo para gandería intensiva e uso ecolóxico

Cando o gando conta con espazos apropiadamente secos mellora a hixiene, a sanidade e o benestar dunha granxa, pois fréase o aumento de microorganismos e, en consecuencia, redúcese a presenza de posibles patoloxías. Precisamente con ese obxectivo desenvolveuse Sanisec Plus, un secante en po a base de arxilas e extractos naturais, que vén de demostrar o seu potencial en diferentes granxas das diversas especies.

Se ben Sanisec Plus pódese considerar un produto de óptimo rendemento na gandería intensiva máis esixente, a maiores tamén é apto para uso en gandería ecolóxica. É aplicable en calquera tipo de espazo, cortello, sala ou cama (palla, area, serraduras, colchoneta, etc.), conseguindo absorcións de humidade de ata un 250% -cada kg. de produto absorbe ata 2,5 kg. de auga-. Pero ademais, como xa se dixo, a Universidade de Santiago de Compostela certificou o seu poder hixienizante, sendo quen de verificar que frea efectivamente o desenvolvemento de patóxenos.

“Trátase dun produto diferencial no mercado. O seu uso repercute nunha maior rendibilidade para as granxas, xa que reduce as perdas de produción e mellora o estado xeral das cabanas.”, destaca José Manuel Martínez desde a distribución oficial de ‘Sanisec plus’ para Galicia.

“Trátase dun produto diferencial no mercado. O seu uso repercute nunha maior rendibilidade para a granxa” (José Manuel Martínez)

Repasamos a continuación o impacto do tratamento secante en granxas avícolas, de porcino e de vacún, segundo os ensaios desenvoltos por Savelo Química Verde, que desde fai unha década vén comercializando esta gama de produtos principalmente fóra de Galicia, con exportación xa a máis dunha ducia de países.

“Movemos grandes volumes para fóra, onde os nosos secantes son moi apreciados, pero quizais este éxito nos despistou de darnos a coñecer na nosa casa. ‘Sanisec Plus’ é tanto a desculpa como a oportunidade de reparar esa falla.”, recoñecen desde o fabricante.

Porcino: redución de diarreas e tamén de baixas

Nas granxas de nais, un dos problemas máis habituais son as diarreas causadas polos patóxenos (particularmente por ‘E. coli’), que poden chegar a provocar gran taxa de mortalidade ou, como mínimo, desmedres e perdas en xeral na produción. Manter as camas e os espazos secos é polo tanto fundamental para frear o desenvolvemento dos microorganismos. É aí onde o gran poder de absorción de ‘Sanisec plus’ se fai patente.

A maiores da actividade básica de limitar esa proliferación de microorganismos indesexables, este produto tamén promove un aire máis san con menos amoníaco ambiental, o que mellora o ambiente da granxa e reduce as posibles irritacións e enfermidades respiratorias.

Impacto de ‘Sanisec Plus’ para frear ás bacterias ‘E coli’. / Gráfico: Savelo Química Verde.

Probas de campo desenvoltas en granxas de porcino indican que usando apropiadamente ‘Sanisec Plus’ chégase a unha redución moi significativa de diarreas, o cal leva aparellado unha diminución proporcional na taxa de mortalidade de leitóns. “Hai unha gran diversidade de granxas e situacións. Cada caso é distinto, pero comprobamos que uns determinados protocolos de aplicación de ‘Sanisec Plus’, tanto antes dos partos coma nos leitóns ó nacer e tamén nas correspondentes áreas de parideiras, contribúen sen ningunha dúbida á mellora da produción e do ambiente.”, subliñan en Savelo Química Verde.

Sanisec aplicado en leitóns.

O fabricante insiste en que a eficacia deste secante, alta xa en calquera caso, pódese potenciar moito a través dun correcto protocolo de aplicación en parideira, existindo marxe para adaptar a súa aplicación a cada granxa e a cada sala de partos en particular.

De xeito paralelo ás citadas melloras de sanidade e calidade ambiental, ‘Sanisec Plus’ é quen de influír favorablemente no estado da pel do leitón, reducindo rozaduras, comechóns e incidencia de ataques de insectos. E, por suposto, o mantemento das camas secas contribúe tamén a diminuír o estrés dos animais.

Polos: mellora dos parámetros produtivos

Para testar o resultado do tratamento secante da cama nunha granxa de polos, fíxose un test comparativo en dúas naves xemelas de broilers, enfrontando unha nave de control (sen aplicación de ‘Sanisec Plus’) con outra nave con aplicación do produto. Ambas naves tiñan condicións similares (mesmo granxeiro, mesmo sistema de manexo, mesmas características de ventilación e animais idénticos).

A proba valorou parámetros técnicos como o peso medio dos animais a final de ciclo, a ganancia diaria de peso ou os índices de conversión. En todos eses índices demostrouse que a nave que aplicaba ’Sanisec Plus’ obtiña mellores resultados. O estado sanitario dos polos tamén mellorou, pois reducíronse as úlceras en patas e peito, aumentando a calidade da produción.

Outra cuestión que se valorou foi a calidade da cama e do ambiente ó longo do ciclo, concluíndose que na nave que usou ’Sanisec Plus’ ambas cuestións eran cualificadas polo propio produtor como “excelentes”; en tanto na nave sen tratamento secante as calidades de cama e ambiente lle resultaban insatisfactorias.

A maiores, nesta última nave, foi preciso un maior gasto en base para cama (labras neste caso) e tamén o seu volteo durante o ciclo de produción, o cal non foi preciso na nave tratada.

Comparativa de dúas naves xemelas. / Táboa: Savelo Química Verde.

Vacún de leite: rendemento nas vacas e rendibilidade nas instalacións

Aplicación de ‘Sanisec Plus’ nunha cama de colchoneta.

O papel preventivo de manter as camas secas demostrouse importante nas granxas de vacún, xa que redúcense riscos na calidade sanitaria do leite e diminúe o gasto hixiénico-sanitario. A casa fabricante destaca que a aplicación de ‘Sanisec Plus’ debería supoñer un impacto a ter en conta na redución de casos de mamites, coxeiras, metrites e diarreas.

O tratamento secante é válido para calquera tipo de cama, cun volume de aplicación que dependerá do material base. En xeral, estímase un gasto de 50 a 100 gramos de produto por metro cadrado á semana.

A experiencia de uso de ‘Sanisec Plus’ permitiu constatar que o uso continuado do produto mellora a pel no ubre e é notable tamén a redución de problemas nos cascos. Ademais actúa positivamente sobre a incidencia de parasitos externos, de rozaduras e no benestar da vaca.

A nivel de economía de granxa, este novo secante de tecnoloxía galega, cunha dosificación inferior á maioría dos seus competidores, incrementa a duración das camas e actúa positivamente sobre os xurros a través de melloras na capacidade de fixación do nitróxeno, de reducións nas emisións de amoníaco e da xestión das fosas. É de destacar que ‘Sanisec Plus’ non decanta nin forma pedras e lousas, como sucede por exemplo con certos carbonatos.

Impacto do uso de ‘Sanisec Plus’ en granxas de vacún. / Gráfico: Savelo Química Verde.

Outros: infinitas posibilidades

Para os manexos propios tanto doutras especies gandeiras coma de instalacións relacionadas directa ou indirectamente con elas, pese a que aínda non se fixeron probas de uso, si cabe intuír que tería sentido que as bondades de ‘Sanisec Plus’ foran perfectamente extrapolables a casos onde as instalacións deben permanecer secas, a presencia de patóxenos pode ser un problema produtivo e/ou o uso de produtos agresivos cos animais, cos operarios ou co medio ambiente sexan desaconsellables ou directamente estean prohibidos.

Tanto a casa fabricante coma Piensos del Sil S.A. (distribuidor oficial) e a súa rede de colaboradores queren facer fincapé en que tan interesante alternativa no campo dos secantes gandeiros, a parte das vantaxes arriba indicadas, é 100% natural, con PH neutro, non irritante, inocuo e apto para gandería ecolóxica.

Para máis información comercial sobre ‘Sanisec Plus’

  • José Manuel Martínez +34 623 19 28 43
  • Claves para atallar as diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros

    As diarreas nos primeiros días de vida dos tenreiros, cando aínda teñen o seu sistema inmunolóxico por terminar de desenvolver, é un problema común, en maior ou menor medida, en tódalas gandarías. "É un tema ao que se lle dá pouca importancia e que se adoita tratar máis que previr", recoñece o veterinario José Luís Vázquez (Virbac), quen abordou esta cuestión durante os Encontros Gandeiros da ADS Xundeva, celebrados recentemente en Lalín.
    A penas un 30% das granxas vacinan as vacas para ofrecer maior protección aos tenreiros na primeira fase de vida
    A pesar de ser un tema recorrente nas gandarías, tal e como explicaba Vázquez, a penas un 30% das granxas optan pola vacinación das vacas para ofrecer unha maior protección aos tenreiros durante esta primeira fase de vida. "Cada día as gandarías teñen que ser máis eficientes, pero ás veces desaténdese o máis básico", comenta Vázquez. Nunha estimación básica, realizada polo veterinario co sistema de cálculo que ofrece o Laboratorio Virbac, as diarreas neonatais poden supor uns 3.000 euros nunha gandaría de 100 vacas. A cifra pode incrementarse se na granxa utilizan seme sexado. Estes gastos derívanse tanto da mortalidade da recría, que adoita supor ao redor dun 15%; como por outros factores, coma o retraso do crecemento das becerras. Ás baixas de animais, súmanse os gastos derivados dos tratamentos veterinarios, así como o traballo extra que implica na granxa o coidado dos animais enfermos ou as perdas de rendibilidade, xa que os animais con menor peso tamén terán un rendemento reprodutivo e produtivo menor.

    Por que afectan as diarreas nos primeiros días?

    A aparición de diarreas que afecten á recría máis nova da gandaría pode deberse a diferentes factores. "Un 65% das infeccións que provocan diarreas nos tenreiros débense a causas mixtas", concreta o veterinario. Os virus, como o rotavirus ou o coronarivus, son algúns dos causantes das diarreas. "É fundamental coñecer a orixe das diarreas para o seu tratamento, xa que no caso de ser provocadas por virus non poderán empregarse antibióticos", explica Vázquez.
    Nos primeiros días de vida o tenreiro carece dun sistema inmunolóxico desenvolvido que o protexa fronte a patóxenos
    Outra das causas que provocan diarreas nos tenreiros neonatos son bacterias como a E. coli, moi presente en zonas das gandarías con restos orgánicos e fecais. "Nos nosos cortellos temos moitos focos onde poden desenvolverse bacterias de E. coli. Non podemos chegar a ter todas as zonas limpas para evitar ese contaxio", recoñece o experto. Tamén os protozoos e parásitos como o Cryptosporidium spp e Eimeria motivan síntomas coma a diarrea nestes tenreiros tan novos. Estes patóxenos son unha das principais causas que provoca diarreas nas gandarías galegas. Tanto é así, que o Cryptosporidium está presente no 60% das granxas de Galicia. Incidencia dos diferentes patóxenos en granxas galegas. Máis aló destes factores de risco que motivan as afeccións nos animais, o maior detonante para que se produzan diarreas nos tenreiros recentemente nados é que até os 21 días de vida o animal non ten o sistema inmunolóxico desenvolvido para facerlle fronte. "Se estes 4 patóxenos se desen a partir dos 21 días, os tenreiros terían moitos menos riscos, por iso é fundamental protexelos durante estes primeiros días", explica o veterinario. Patóxenos que provocan diarreas nos primeiros días de vida dos xatos. Ademais das diarreas, estes patóxenos poden chegar a causar reaccións subclínicas, de maneira que inicialmente pasan desapercibidas para o gandeiro, pero traen consecuencias no desenvolvemento normal dos animais e a medio e longo prazo poden reducir a produtividade esperada.

    Non todo a unha carta

    Se a causa das diarreas na gandaría atende a distintos motivos, tamén no seu tratamento e prevención hai que ter en conta diversos factores. O manexo dos tenreiros e as prácticas hixiénicas poden ser unha das accións sobre as que incidir, así como as melloras no benestar do animal desde os primeiros momentos de vida ou a vacinación das nais, de maneira que lle ofreza unha maior protección ao tenreiro mentres o seu sistema inmune non está completamente desenvolvido.
    "Aínda facendo un manexo axeitado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría"
    "Aínda facendo un manexo adecuado dos animais, se non se vacinan as nais non poderemos evitar perdas na gandaría", sentenza Vázquez. Neste sentido, o veterinario destaca a importancia de vacinar ás nais e desmonta hábitos e crenzas populares á hora de vacinar. "Mentres estás a vacinar poderán estar cubertos os tenreiros, pero en canto deixes de facelo, volverán aparecer os problemas. Non se pode tratar a vacina como un remedio senón como un método de prevención", aclara. De igual maneira, Vázquez desaconsella o vacinado dos tenreiros como método para evitar as diarreas. Ademais, o veterinario incide en que a resposta para atallar esta problemática na granxa non só se soluciona coas vacinas. "Hai factores detrás da vacina que condicionarán a súa eficacia", indica o veterinario.

    O calostro, o mellor medicamento

    Un dos principais factores que condicionará tanto a eficacia da vacina como o desenvolvemento do tenreiro é o encalostrado. "Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro", indica o veterinario. Vázquez apunta a que o primeiro leite que toma o animal determinará o seu futuro.
    "Non só hai que vacinar, hai que conseguir incrementar a capacidade inmunitaria do tenreiro"
    O calostro ofrécelle ao tenreiro unha cobertura inmunolóxica neses 10 primeiros días de vida para que non se vexa afectado por patóxenos que provoquen diarreas. O veterinario incide na importancia de ofrecer un calostro de calidade, na cantidade adecuada e no momento preciso. Ter en conta este tres aspectos permite prolongar a protección durante maior tempo e rebaixar o risco de contaxio de infeccións. Evolución dos tenreiros en función do calostro que reciben. O tenreiro deberá de tomar un mínimo de 3 litros de calostro en dúas tomas. "É fundamental que o animal acabado de nacer tome este leite, tanto é así que se non mama será preciso sondalo, pola contra haberá perdas", confirma. Tamén é imprescindible que o tenreiro tome o calostro nas 6 horas seguintes ao parto. "O calostro que demos pasado ese tempo absórbese peor", explica o veterinario. Para conseguir un calostro de calidade, o veterinario apunta varios aspectos que o condicionarán: -A calidade do calostro vén dada pola concentración total de inmuglobulinas (igg) e o específicas que estas sexan. Un dos métodos para conseguir que estas igg sexan variadas e achegar resistencia fronte a patóxenos como rotavirus, coronavirus e E. coli. é mediante a vacinación anual da nai, durante o período de secado. -A idade da nai. As xovencas adoitan producir un calostro de peor calidade que as vacas que xa tiveron varios partos. -A xenética. As razas cunha maior produción teñen tamén unha menor cantidade de inmuglobulinas. Desta maneira, razas como a Holstein teñen un calostro de peor calidade que as Jerseys, coñecidas pola calidade do seu leite. -O estado sanitario da vaca. Unha vaca desparasitada e saneada produce un calostro de mellor calidade. -A conservación. Aínda que o ideal sería proporcionar ao tenreiro o calostro en fresco, é habitual que as gandarías decidan conservar algunhas reservas de calostro. Para a conservación do calostro pódese optar pola súa refrixeración, evitando telo máis dunha semana. Tamén se pode conxelar, aínda que perde algo de calidade no proceso. Hai quen decide pasteurizalo, para o que o ideal sería que se fixese por debaixo dos 50 graos, para evitar que se destrúan as inmuglobulinas. Tamén se pode optar por aditivos e conservantes que axudan á súa conservación.

    Lalín acolle os XV Encontros Gandeiros da ADS Xundeva o día 21

    A Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva celebra o próximo xoves, 21 de novembro, os seus XV Encontros Gandeiros. O evento desenvolverase en Lalín, no auditorio da UNED, situado no Polígono Lalín 2000. Na xornada abordaranse temas como as diarreas neonatais, os residuos perigosos nas ganderías ou a conxuntivite infecciosa bovina. Detallamos o programa da xornada: -10.30 horas. Café de benvida. Cortesía de MSD Animal Health. -11.00 horas. Apertura das xornadas. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. Avelino Souto Rozados, concelleiro do Medio Rural do Concello de Lalín. -11.30 horas. Aumenta os teus ingresos. Controla as diarreas neonatais. José Luís Vázquez Vázquez, xerente de zona de animais de produción do laboratorio Virbac. -12.00 horas. Residuos perigosos en explotacións gandeiras: normativa obrigatoria e xestión. Román Habela Gruart, xerente de Aplicaciones Ambientales y Residuos. -12.30 horas. Descanso. -12.45 horas. Queratoconxuntivite infecciosa bovina. ¿Podemos controlala? Raúl Martínez Fernández. Veterinario responsable servizo técnico ruminantes dos laboratorios Syva. -13.15 horas. Larvicidas: ¿Por que? ¿Cando? ¿Onde? Carlos Guada, asesor farmacéutico SP Veterinaria, técnico comercial nas Illas Canarias. César Ramos, veterinario unidade ruminantes SP Veterinaria. -13.45 horas. Clausura. José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín e Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. -14.30 horas. Comida de traballo.

    Tratamento e prevención das diarreas en becerras lactantes

    As diarreas en tenreiros lactantes son procesos moi frecuentes nas ganderías cuxa incidencia se mantén no tempo a pesar do elevado número de investigacións realizadas. Todo iso debería facer que nos preguntemos que estamos a facer mal. Como punto de partida, as diarreas son procesos complexos causados por múltiples patóxenos, algúns zoonóticos; é dicir, que poden afectar tamén a persoas, especialmente a aquelas máis en contacto cos animais enfermos, como o gandeiro, veterinarios, etc. Ademais, a presenza de diferentes factores vai condicionar a aparición e gravidade do proceso.

    1) Un proceso que causa importantes perdas....

    As diarreas causan importantes perdas económicas nas granxas: -Incremento da mortalidade dos tenreiros, que pode alcanzar o 25%. De feito, máis do 50% das baixas rexistradas nos primeiros meses de vida dun xato débense a procesos diarreicos. -Custos económicos veterinarios. -Redución da ganancia media diaria de peso debido á deshidratación e a unha menor absorción de nutrientes. -Problemas de rendemento no animal adulto: Un animal que sufriu unha diarrea nunca chega a alcanzar o seu máximo potencial de produción. -Constatáronse problemas reprodutivos por atraso na chegada á puberdade e ao primeiro parto. -Os animais que presentan diarrea son máis susceptibles a pneumonías e outras enfermidades. -Maior tempo que o gandeiro destina a atender ao becerro. Sumando todos estes gastos, as perdas económicas son cuantiosas

    2) Tipos de diarreas:

    A) Infecciosas: Tanto de natureza bacteriana, vírica ou parasitaria. Os máis frecuentes son rotavirus, coronavirus, Escherichia coli, enterotoxixénicos (ETEC) e Cryptosporidium parvum, aínda que tamén poden deberse á acción doutros axentes como Clostridium, Salmonella ou Eimeria. Estes patóxenos poden aparecer sós ou en combinación. Tamén existen virus causantes de diarrea que se consideran emerxentes como norovirus, nebovirus e torovirus, aínda que a súa relación coa aparición de diarreas non está totalmente confirmada.

    Principais enteropatóxenos relacionados coa diarrea do tenreiro:

    B) Non infecciosas

    3) Como causan a diarrea?

    -Mala absorción: Adoita ser o modo de acción da maioría de parásitos e virus relacionados coas diarreas. Destrúense os enterocitos nas vellosidades intestinais, polo que o organismo non pode absorber os nutrientes correctamente. -Hipersecreción: Son máis complicadas, por exemplo por ETEC. Trátase neste caso de diarreas que causan perdas de auga moi rápida, en moi pouco tempo e con porcentaxes de mortalidade máis elevadas. Ambos os mecanismos asócianse tamén con inflamación e secreción de líquidos polo intestino. Tamén se incrementa a motilidade intestinal, reducindo o tempo para que o animal poida dixerir os alimentos de maneira correcta.

    4) A importancia da transmisión fecal-oral:

    Os animais con diarreas clínicas son os que máis patóxenos eliminan coas feces e por tanto son os principais responsables da contaminación do medio. Porén, nalgúns casos os animais adultos tamén poden ser reservorios, padecendo infeccións leves ou crónicas e eliminando patóxenos ao medio en baixas cantidades pero constantemente. Un exemplo da importancia dos animais adultos na transmisión de patóxenos causantes de diarreas atópase nos coccidios. Un estudo realizado en vacas de raza Rubia Galega polo grupo de investigación INVESAGA da Universidade de Santiago de Compostela concluíu que a prevalencia de infeccións por coccidios, así como a súa eliminación en feces, é moito máis elevada nos animais máis novos que nos adultos, pois tras repetidos contactos co parásito desenvólvese unha certa resposta inmunitaria protectora.
    A limpeza na sala de partos e nos cubículos é clave
    Aínda así, e como se observa, os adultos poden actuar como reservorios de especies patóxenas para os tenreiros neonatos. Como os ooquistes dos coccidios son moi resistentes a desinfectantes, a limpeza na sala de partos e nos cubículos é clave para previr a aparición destes procesos. Neste sentido, cando as condicións hixiénicas no establo son deficientes, empézanse a acumular patóxenos no medio e hai dúas zonas especialmente perigosas: os cubículos, sexa individuais ou en grupo, e na sala de partos. A hixiene, limpeza e desinfección desas zonas é clave. No caso de Cryptosporidium, pola contra, os animais adultos non adoitan ser a fonte de infección para os tenreiros, pois recentemente sinalouse a existencia dunha relación directa entre a idade dos animais e as especies que aparecen. Así, os tenreiros, durante as primeiras 4 semanas de vida, adoitan estar infectados por C. parvum, que é a especie causante das diarreas. Sen embargo, a medida que aumenta idade, o gando bovino adoita estar parasitado por outras especies non patóxenas como C. bovis, C. ryanae ou C. andersoni.

    5) Os principais causantes de diarreas en tenreiros:

    Os patóxenos máis frecuentes en xatos con diarrea: Tanto en Bélxica como en Galicia, tal e como demostran as gráficas anteriores, a tendencia é que nos últimos anos diminuíron nos tenreiros as infeccións causadas por rotavirus e coronavirus, grazas ao emprego xeneralizado de vacinas, pero multiplicouse as infeccións diarreicas causadas por cryptosporidum que pasou dun 5% a máis dun 25%. En concreto, nun estudo realizado polo grupo INVESAGA da Facultade de Veterinaria de Lugo, en máis do 60% das mostras analizadas segue aparecendo Cryptosporidum, nun 35% rotavirus e nun 30% E. coli enterotoxixénicos. Chama a atención a presenza de norovirus, un virus emerxente, no 25% dos animais con diarrea. Outro aspecto a destacar das diarreas do tenreiro é que na maioría dos casos están implicados varios patóxenos, o que adoita relacionarse cunha maior gravidade do proceso, por exemplo, unha maior taxa de mortalidade.

    5) Factores de risco:

    A aparición destas diarreas neonataia e a súa intensidade, dependen da presenza de varios factores de risco que poden asociarse en dous grupos: A) Fallos inmunidade pasiva: -É clave o encalostrado: os tenreiros deben inxerir unha cantidade adecuada de costro canto antes para que mostre unha protección óptima fronte a infeccións. Os animais mal encalostrados teñen un maior risco de presentar diarrea. Neste sentido, débese ter coidado coas xovencas, con calidade de costro máis baixa, vacas que perden leite antes do parto, animais con partos prematuros...etc porque ese costro terá menos inmunoglobulinas. B) Manexo e instalacións: Resulta moi importante reducir: -Sucidade en cubículos e na sala de partos. -Controlar a densidade de animais por curral, pois provoca estrés e xeralmente maior sucidade. -Cumprir un protocolo de desinfección das instalacións, bebedoiros..etc. -Controlar a temperatura, correntes de aire, alimentación... C) Diagnóstico: Os signos clínicos son moi similares independentemente do patóxeno que estea involucrado, e inclúen dor abdominal, deshidratación, febre, hipotermia ou condición corporal baixa. Dependendo do axente causal, tamén poden aparecer signos de endotoxemia. A diarrea é o signo máis característico e nas feces pode aparecer sangue, moco, etc. A idade dos animais pódenos axudar a sospeitar de determinados patóxenos: por exemplo, a prevalencia de Cryptosporidium adoita ser máxima entre os 8 e os 11 días de vida, mentres que a dos coccidios aumenta coa idade. Non obstante, resulta clave identificar o patóxeno no laboratorio para implementar as medidas de control e prevención máis axeitadas en cada caso.

    6) Tratamento:

    -Sintomático: Rehidratar é esencial. Ademais a aplicación de antiinflamatorios en tenreiros favorece a súa recuperación. -Etiolóxico: É necesario unha análise en laboratorio para determinar o patóxeno causante da diarrea. Para Cryptosporidum os tratamentos que existen son halofuginona e paromomicina, pero ningún dos dous son totalmente eficaces, xa que reducen a velocidade de multiplicación de parásitos no intestino, de forma que o animal vai eliminar menos ooquistes, mostrar signos máis leves (ou non mostralos), pero segue contaminando o medio. Son máis que nada preventivos. Para G. duodenalis emprégase fenbendazol. Se está causada por Coccidios pódense empregar toltrazurilo, diclazurilo, decoquinato ou sulfamidas. Non funcionan como curativos, senón como preventivos. E en caso de bacterias antibioterapia con antibióticos. Algún autor recomenda utilizalos só en casos diagnosticados de Salmonella. De utilizalos realizar primeiro un antibiograma para determinar o antibiótico máis adecuado. Para as diarreas víricas non hai tratamento.

    7) Prevención:

    -Manexo da nai: Basicamente vacinalas fronte a rotavirus, coronavirus, ETEC. -Que o tenreiro inxira costro correctamente. -Evitar situacións inmunodepresoras para o xato: frío, calor, correntes de aire, deficiente nutrición do animal. -Reducir a presión de infección: Desinfectar ben entre tenreiros nos cubículos e currais, así como as salas de parto. Dependendo de que patóxenos, utilizar un ou outro desinfectante. Así, en caso de Cryptosporidium funcionan mellor os desinfectantes a base de peróxido de hidróxeno ou compostos de amonio cuaternario. -Aloxamento: As casetas individuais son o máis recomendable desde o punto de vista sanitario. Pódense lavar a presión e deixalas boca arriba para que as seque o sol, xa que a radiación ultravioleta destrúe os patóxenos.
    <amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>