Archives

A aldea de Vieiros, no Courel, porá en marcha un proxecto de pastoreo financiado por ‘crowdfunding’

Vieiros é a última aldea de Quiroga cara ao Courel. Dúas familias viven na actualidade no pobo, que durante anos chegou a estar deshabitado. Pero o abandono das terras e o monte que rodea as casas constitúe un risco importante en caso de incendio. Os cinco habitantes da aldea comprobárono en carne propia este verán, cando o lume que afectou a amplas zonas da serra do Courel se achegou perigosamente ás súas casas e tiveron que ser desaloxados.   
Ata os anos 70 Vieiros pertencía a Folgoso pero na actualidade a parroquia de A Seara, da que forma parte, está incluída no termo municipal de Quiroga
Pero unha vez pasado aquel perigo decidiron poñer en marcha medidas preventivas para que aquela situación non volva acontecer. “Os animais son a mellor ferramenta para evitar os incendios”, aseguran. Por iso están a levar a cabo unha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar fondos para desenvolver un proxecto de pastoreo con ovellas e cabras. Recuperar a actividade agrogandeira O gando desapareceu dos prados e os montes de Vieiros cando o fixo a xente, aló polos anos 70 e 80, e agora que as persoas regresaron, queren que tamén volva o gando. Na plataforma de crowdfunding Verkami teñen aberta unha suscrición para colaborar con esta iniciativa. Baixo o nome Vieiros con vida, o proxecto consiste en adquirir un rabaño de 30 ovellas e 5 cabras, así como un burro e dous mastíns para a protección do gando fronte ao lobo. Levan xa recadados neste momento máis de 11.400 euros, froito das 247 aportacións recibidas. Pero o prazo para colaborar co proxecto segue aínda aberto até este venres. “Pódense facer aínda aportacións, porque a verdade é que imos moi xustos”, aseguran.
Até este venres pódense facer aportacións para colaborar co proxecto
Ademáis de para mercar os animais, o recadado destinarase á preparación dos terreos, á adquisición do material para os cercados do gando e ao asesoramento necesario para aprender o manexo de cabras e ovellas. As recompensas por colaborar na iniciativa van desde apadriñar calquera dos animais e recibir fotos periódicas deles a unha visita guiada pola Devesa da Rogueira e a Lagoa de Lucenza, ou participar na vida da aldea e en actividades como cocer o pan ou visitar as colmeas e o muíño restaurado. Manexo do gando Nas vindeiras semanas os animais empezarán a chegar a Vieiros para que poidan adaptarse á zona e de paso poidan ir xa limpando os pastos do outono antes de que comecen as primeiras nevaradas. Empezarán por pacer a zona de hortas e prados de regadío a carón das casas. Son unha superficie dunhas 5 hectáreas, difíciles de manter limpas por medios mecánicos. “Ata agora tratabamos de rozalos a base de desbrozadora, pero non dabamos feito”, recoñece Roi Estévez, un dos 5 habitantes permanentes da aldea.
Estamos a recibir formación e asesoramento porque non tiñamos experiencia co gando
Aínda que é enxeñeiro de montes, está a recibir formación sobre como xestionar os pastos, manexar o gando e protexelo do lobo. “Imos traballar con peches electrificados móbiles, porque os peches fixos en parcelas pequenas coma estas, que ademais teñen muros, é complicado; os móbiles dan máis flexibilidade”, asegura. Os terreos que van pacer as cabras e ovellas son propiedade das distintas casas do pobo, que non puxeron impedimento algún á iniciativa e a intención é ir ampliando despois paulatinamente a zona de pasto.
O proxecto vai arrincar pacendo os prados arredor das casas para ir subindo despois cara os soutos, a devesa e o monte baixo
“Despois de pacer arredor das casas pasaremos aos prados de secano e iremos subindo cara aos soutos e a devesa”, avanza. Pola parte de enriba, a máis de 1.000 metros de altitude, está o monte que bordea a aldea, constituído por monte baixo de uces principalmente. En total, a superficie acada unhas 500 hectáreas. O lume deste verán chegou ás portas da aldea No pasado mes de agosto o incendio forestal que afectou á zona do Courel achegouse ás casas de Vieiros e os seus habitantes tiveron que fuxir. “Desaloxaron a aldea e o lume andivo moi cerca, pero por sorte non chegou, porque os esforzos que se fixeron por parte dos equipos de extinción para protexer A Devesa da Rogueira salváronnos a nós tamén”, explica Roi.  “O medo que collemos todos foi o que nos empurrou a facer algo”, recoñece.
Temos a todos os propietarios dacordo, están moi implicados porque o abandono da aldea é relativamente recente e lémbranse aínda de cando Vieiros tiña moita vida
O proxecto Vieiros con vida conta coa colaboración de todos os veciños, mesmo dos que xa non viven na aldea. “Creamos unha asociación. Somos unas 15 ou 20 persoas con implicación directa e temos o apoio do resto de familias, dos veciños que se marcharon pero que teñen aquí aínda casa ou fincas. O abandono da aldea é relativamente recente e os propietarios lémbranse de cando tiña moita vida”, explica Roi.

"O obxectivo é que se asenten novos veciños"

Até os anos 70 Vieiros era unha aldea illada á que non chegaba a estrada. Pero a chegada das comunicacións non freou o declive demográfico e a emigración, máis ben ao contrario. “Foi curioso, porque a chegada da estrada baleirou as casas de xente”, conta Roi. Até o punto de que a aldea estivo deshabitada durante anos. “No 2011 fun o primeiro en chegar. Tiñamos casa aquí”, explica. Teresa, a muller de Roi, é bióloga, e teñen unha filla, Taroa, de 2 anos.
Vieiros estivo incomunicada por estrada até os anos 70 e a emigración levou ao declive demográfico e ao abandono
Xunto a eles, outra parella está a recuperar a vida na aldea. Son José Manuel e Paula, que teñen unha casa de apartamentos turísticos. Paula está embarazada. Sae de contas en decembro, así que no 2023 Viveiros terá 6 habitantes en vez de 5, un incremento demográfico do 20%. Pero non se conforman e buscan que veñan máis veciños, para o que están dispostos a ceder terreos e mesmo algunhas das casas para quen desexe poñer en marcha algún proxecto na zona.  
Están dispostos a ceder terreos e vivenda a quen queira desenvolver un proxecto na zona
Sete familias vivían no pobo antes do seu abandono, e case todas contaban con varias edificacións. Entre segundas residencias en uso regular e casas habitables existen hoxe en día 9 vivendas, pero hai moitas outras construcións abandonadas ou en mal estado, que están tratando de recuperar. Coa súa iniciativa, Roi, Teresa, Taroa, José Manuel e Paula queren demostrar "que hai futuro no rural e que merece a pena loitar por el". “Agardamos inspirar a outras persoas e a outras aldeas para que vexan que é posible vivir no rural”, din.

Radiografía do sector produtor de vacún de carne en España

Momento da presentación do informe este luns en Madrid A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (PROVACUNO) presenta o informe Análise do sector vacún de carne de España, a maior e máis exhaustiva radiografía realizada até agora, que permite coñecer ao detalle en que punto se atopa o sector, e que servirá de guía para emprender accións encamiñadas a lograr unha mellor vertebración e competitividade. O informe, presentado este luns en Madrid, utilizou dúas fontes de información e estatística: o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e unha enquisa realizada a 260 granxas tipo repartidas por 15 comunidades (46 delas en Galicia) entre setembro de 2020 e febreiro de 2021.
Nestes momentos hai unhas 122.000 explotacións, das que o 40% están en municipios con risco demográfico
“É o informe máis exhaustivo xamais feito sobre o vacún de carne en España, un estudo rigoroso e fiel tras dous anos de traballo”, destacou Eliseo Isla, presidente de Provacuno. O vacún de carne en España é un piar básico para o medio rural, actuando de tractor para as zonas máis desfavorecidas. “O noso sector actúa de freo contra o despoboamento”, destacou. O estudo analiza os sistemas de produción do vacún de carne en España, o seu impacto na economía rural e a súa contribución para loitar contra o abandono e o despoboamento. Neste momento hai 122.000 explotacións gandeiras de vacún que manteñen algún tipo de vinculación coa produción de carne. Trátase na súa maior parte de explotacións familiares e o 40% están situadas en municipios con risco demográfico.
España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os incendios forestais
Con este estudo, a interprofesional española do vacún de carne trata de desterrar falsos mitos sobre o sector. “España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os terribles incendios forestais que estamos a vivir estes días. A situación podería ser peor se non estivesen as nosas vacas bombeiro”, afirmou Eliseo Isla. Explotacións de base familiar O estudo foi coordinado polo veterinario e consultor Manuel Lainez, quen destacou que se trata dunha actividade "de base familiar". O tamaño das granxas é un dos datos que se desprende deste informe, onde o grupo máis frecuente sitúase entre 20 e 50 animais.  A medida que o tamaño da explotación aumenta, tamén o fan as fórmulas de titularidade xurídica A maioría das explotacións teñen como titular a unha persoa física (86%), mentres que do 14% que teñen forma xurídica, a metade serían Sociedades Limitadas, o 16% Comunidades de Bens, o 14% Sociedades Agrarias de Transformación; o 9% Cooperativas e o 7% Sociedades Anónimas, polo que as SA só representarían o 1% do total das granxas, con menor incidencia no subgrupo das vacas nodriza e maior peso no de cebo. A idade media dos gandeiros de vacún de carne en España é de 56 anos. "Temos unha idade media avanzada e o máis preocupante é que temos por baixo dos 40 anos só ao 11,6% dos titulares de explotacións", indicou Lainez.
O 61% das ganderías non contan con remuda xeracional
O 61% dos gandeiros con máis de 60 anos non teñen substitución para a súa explotación. "Vemos que hai un futuro incerto para o sector se non lle aplicamos algunha medida de protección específica", afirma Manuel Lainez, que asegura que "os produtores necesitan un recoñecemento que os impulse a promover o relevo xeracional". "Para que os mozos vexan claro o futuro téñeno que ver tamén os seus pais, porque senón esa remuda non se vai producir", argumenta. O 40% dos titulares de explotacións de vacún de carne son mulleres, un dato superior ao doutros sectores agrícolas e gandeiros (o Censo Agrario de 2020 sitúa a porcentaxe de mulleres titulares de explotacións no 28%). Ademais, a presenza da muller é maior canto máis pequena é a explotación, sendo maioría no estrato de menos de 10 vacas pero perdendo peso a medida que se incrementa o tamaño da granxa, representando, por exemplo, só un 25% no de 50 a 100 cabezas. O 30% das granxas están situadas en municipios con risco grave de despoboamento (menos de 5.000 habitantes e menos de 8 habitantes por km cadrado). O 91% dos gandeiros vive na comarca onde ten a explotación. Alimentación en base a pastos e forraxes O 64% das explotacións son de carácter extensivo, criando aos animais ao aire libre, fronte a un 36% que mantén aos animais confinados. Os pastos son o elemento principal para a alimentación no 74% das granxas e, cando se suplementa en pesebre, faise con forraxe, palla e penso. Por tanto, "o noso modelo produtivo é pasto + forraxe + palla + penso", insiste Lainez. "Os produtores de vacún son os garantes da biodiversidade", asegurou o coordinador do informe, que indicou que o 26% das explotacións pastorea en zonas con algún tipo de protección ambiental. Marxe de mellora na redución de emisións O 80% das explotacións producen esterco e o 20% utilizan xurros, “sobre todo en ganderías da cornixa cantábrica”, detallou o autor do informe. Estes fertilizantes de orixe orgánica procedentes dos animais aplícanse ás pradeiras de media 1,4 veces ao ano, sobre todo en dous períodos: ao final do inverno e inicio de primavera e ao principio do outono. A dose media é de 16 toneladas por hectárea, a metade en caso de explotacións de vacas nodriza. "Se pensamos en termos de unidades de nitróxeno, a limitación de 170 kg por hectárea fixada para as zonas vulnerables equivalería a entre 25 e 30 toneladas en función das características do esterco", detallou Lainez.
O 9% das granxas instalou enerxías renovables nos últimos anos
A pesar de tratarse dun exemplo de economía circular "as prácticas de manexo das explotacións deixan marxe de mellora para reducir as emisións e garantir unha adaptación ás esixencias das políticas ambientais", recoñece Provacuno nas conclusións do estudo.

"Temos un só modelo produtivo de vacún de carne, non un de cebadeiros e outro de granxas de vacas nodrizas"

Manuel Lainez insistiu en considerar ao sector produtor de carne no seu conxunto, englobando tanto a ganderías como a cebadoiros. "Temos un só modelo produtivo, non temos un modelo de vacas nodriza e outro de instalacións de cebo, son o mesmo modelo, cunha fase de produción de tenreiros e outra de engorde. Sen os cebadoiros non existe a posibilidade de ter explotacións de vacas nodriza, porque os tenreiros que nacen nas ganderías de vacas nodriza non se poden cebar moitas veces nesas mesmas explotacións por falta de recursos naturais e condicións adecuadas", afirmou, en alusión a granxas que venden os becerros pasteiros ou de recría a cebadoiros. En canto ás actuais circunstancias de encarecemento de custos de produción, Javier López, director de Provacuno, asegurou que "a guerra de Ucraína foi un elemento máis, pero non o único. Era unha situación que xa viña de antes, fundamentalmente porque China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30", explicou.
China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30
En canto ás consecuencias sobre a produción, recoñeceu unha "tendencia decrecente". "Está a haber unha redución de animais para cebo, como xa ocorreu en 2007-2008, cunha redución dun 15%. Viñamos dun ciclo ascendente co ano 2019 con récord de produción e unha situación boiante do sector. Veu a covid e o sector aguantou, pero atopámonos cun incremento de prezos das materias primas que está a facer moito dano", asegurou. Seguimento de stocks para evitar a especulación Esperanza Orellana, directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, encargada de clausurar o acto, recoñeceu que “estamos nun momento difícil e de moita incerteza, sen precedentes en canto á concatenación de factores”. “Asistimos a unha escalada de prezos das materias primas para alimentación animal que é algo que nos preocupa e por iso puxemos en marcha un sistema de seguimento dos stocks en mans de operadores privados para evitar a especulación. Non podemos tomar decisións se non coñecemos con exactitude a realidade do sector, por iso decidimos monitorizar cales son a existencias en mans de almacenistas, cooperativas e importadores”, detallou.
O comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame
Orellana alertou sobre a “tentación proteccionista” por parte dalgúns países afirmando que “o comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame”, advertiu. En canto ás consecuencias que sobre o consumo podería ter a forte inflación, recoñeceu que aínda que as exportacións no sector do vacún de carne no ano 2021 comportáronse moi ben, cun incremento do 5% en volume e un 19% en valor, e a pesar de que o vacún é a segunda carne máis consumida fóra da casa, “os datos de consumo doméstico non son alentadores”, dixo. Alimentar na UE a 450 millóns de persoas No acto tamén interveu por videoconferencia desde Bruxelas María Gafo Gómez-Zamalloa, xefa adxunta da Unidade de Sustentabilidade Social da Comisión Europea, quen destacou que o 83% do territorio da UE é rural e nel vive o 30% da poboación. “É necesario ter unha visión a longo prazo para as zonas rurais”, insistiu tras destacar a importancia de asegurar o abastecemento alimentario na UE, onde 40 millóns de produtores alimentan a 450 millóns de consumidores. Fomentar a substitución xeracional “Temos un grave problema de remuda xeracional na agricultura. Só 1 de cada 10 agricultores teñen menos de 40 anos e a presenza da muller non representa máis do 30%. Na futura PAC dáse prioridade a estes dous aspectos”, insistiu.
Os Estados membros teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozas
Os países teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozos, aínda que as estratexias seguidas polos países son diferentes: “en Irlanda foméntase o relevo dentro da propia contorna familiar, mentres noutros países búscase a substitución fóra, en sectores que non teñen ningún tipo de tradición agrícola ou gandeira”, detallou. Servizos ecosistémicos asociados á produción de carne Margarita Rico, profesora da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Valladolid, puxo o foco nos servizos ecosistémicos que proporciona a gandería. “Os do medio rural non nos sabemos vender ben. Se desde fóra nos desacreditan, temos que defendernos. Temos que empezar a cuantificar en euros o valor dos servizos ecosistémicos. Será a maneira de acalar moitas bocas. É un sector que dá máis do que quita”, afirmou. Dar argumentos ao consumidor O informe presentado este luns trata de dar argumentos ao consumidor. “Está a haber un ataque desmesurado a todo o sector, non só de vacún, senón de produción de proteína animal, por sectores e intereses que queren cambiar os hábitos de consumo e facer negocio, e a partir de aquí constrúen un discurso cheo de falsidades e barbaridades e desde o sector até agora non soubemos responder”, recoñece tamén Javier López.
A nivel mundial, producir 1 quilo de carne de vacún xera 65 quilos de CO2; en España 22 quilos
“Temos un incendio en Zamora, iso si que solta carbono. E iso prodúcese porque o gando desapareceu e onde desaparece o gando temos un desastre ambiental. Hai intereses que tratan de gañar unha cota de mercado porque o mercado mundial de proteína é moi goloso. A partir de aí xorde a procura de argumentos”, afirmou.

Como facer pradeiras no monte con mínimo laboreo usando o gando

Alejandro Salvatierra, xunto ao seu rabaño de vacas caldelás na Pontenova Como en moitos outros concellos galegos, A Pontenova sofre desde hai anos un proceso de abandono agrario e peche de explotacións que está a contribuir á forestación das terras pero que tamén abre novas posibilidades.  Alejandro Salvatierra e a súa parella, Ana Martínez, non se conforman con esta situación e tratan de reverter o abandono apostando polo gando autóctono en extensivo, logrando facer do despoboamento unha oportunidade. “Temos gando en todos os pobos arredor da Pontenova: en Santalla, en Vilaxe, en Teixidais, en Neipín e en Vilaméa. A xente vaise facendo maior e vai deixando e imos collendo nós as fincas”, explica Alejandro, que participou na última reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, adicada aos sistemas de produción de carne resilientes ás crises. Unha explotación adaptada ás dificultades da montaña A explotación de Ana e Alejandro é unha explotación adaptada ás dificultades da montaña, tanto climatolóxicas como orográficas, de pendentes e desniveis. “Na nosa zona as dificultades do terreo son evidentes. Ademais, está a competencia do eucalipto”, afirmou.   Alejandro naceu en Ferrol, fillo dunha funcionaria e un traballador de Fenosa. “Eu non estaba predestinado a isto, pero sempre me sentín atraído polo que facían os meus tíos na Mariña”, recoñece. O tío de Alejandro, Pepe Salvatierra, foi técnico de Extensión Agraria e logo xefe de explotación do CIAM.
Nalgunhas zonas os solos son tan pobres que nin para eucaliptos valen, pero si para prados
Alejandro formouse nas escolas de Sergude e Ponteareas e traballou en explotacións de leite até que no ano 2001 alugou terras na parroquia de Álvare, na Pastoriza, e tras incorporarse, comezou cun rabaño de 186 ovellas. “Convén comezar pouco a pouco, para ir adquirindo experiencia e competencia nun traballo que esixe moitos coñecementos”, asegura. No ano 2014 Alejandro trasladouse a Neipín e comezou a diversificar o gando para adaptarse a un terreo de montaña con moita pendente repleto de toxeiras e uceiras adaptadas a estes solos pobres. “Algunhas zonas nin para eucaliptos valen, pero si para prados”, asegura Alejandro.   Amansar o monte sen meter palas e tractores Pradeira establecida con mínimo laboreo, a base do traballo do gando Ana incorporárase á explotación no ano 2009 mercando 7 vacas caldelás en Maceda e Petín. Buscaban gando autóctono adaptado ás dificultades do terreo e capaz de contribuír a domesticar o monte. “Nós amansamos sen meter un tractor nin unha pala, vai amansando o gando, pero iso leva máis tempo que se fose mecanicamente”, explican. “Metemos primeiro cabra ou cabalo, dependendo do tipo de broza que haxa. A cabra, por exemplo, só come o toxo cando é novo, o vello non o come. Despois desbrozamos e abonamos e imos introducindo as vacas até que logramos o pastizal”, detallan. 
Teñen distintos tipos de gando que se complementan entre si
A súa é unha explotación gandeira complexa, con distintos tipos de gando que se complementan entre si nun sistema integral no que cada especie ten a súa función. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, exemplifica Alejandro. “Comezamos con cero hectáreas de terra en propiedade” Ana e Alejandro levan adicados á gandeiría extensiva máis de 10 anos, nos que se foron facendo con algunhas terras e montes para traballar neste sistema que precisa, por enriba de todo, de superficie. Pero eles, comezaron “con cero hectáreas de terra en propiedade”, explican.
Nunha década levamos metidos uns 200.000 euros en fincas, que fomos apezando a base de mercar e permutar con outros veciños
A familia de Ana era caseira en Neipín e no 2016 lograron adquirir a propiedade na que levaban dúas xeracións de caseiros e onde neste momento están a rehabilitar a casa. Ao mesmo tempo, foron mercando na zona outros lugares con fincas que levaban nalgún caso 30 anos abandonadas. Dun deses lugares que mercaron quedaron coas fincas e os montes para facer pradeiras para o gando e coa casa, que venderon para a posta en marcha dun aloxamento de turismo rural, seguiron financiando a compra de máis superficie. Fincas a máis de 20 quilómetros Rabaño de ovella galega nunha pradeira situada a 18 km de Neipín Así, mercando e permutando, foron pouco a pouco facéndose con parte da base territorial que hoxe teñen. Son unhas 60 hectáreas en propiedade, situadas todas no entorno de Neipín. “Nunha década levamos gastado arredor de 200.000 euros en fincas e casas e tamén cambiamos moito cos veciños para apezar e poder ir xuntando parcelas”, explican. O resto, as fincas cedidas ou arrendadas, están distribuídas tanto polo concello da Pontenova como polo municipio veciño de Taramundi, xa en Asturias. En total, declaran na PAC 80 hectáreas, aínda que o gando pastorea moita máis superficie, aclaran, xa que hai persoas que lles ofrecen gratuitamente fincas situadas mesmo a máis de 20 km de Neipín.
Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer
“Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer”, explica Alejandro. Polo seu sistema de manexo, os peches son outra das bases da explotación. “Témolos de todo tipo, desde mallas metálicas a fíos ou mallas electrificadas”, detalla. Cabalos, vacas, ovellas e cabras A base da explotación de Ana e Alejandro é a diversificación, con distintos tipos de gando de distintas razas pero onde cada unha ten a súa función. A cabana gandeira actual está formada por 70 eguas de cría, maioritariamente de raza cabalo galego de monte; 50 vacas, maioritariamente de raza caldelá, pero tamén rubia galega e vianesa; 20 xovencas e tres touros (caldelao, charolés e rubio); 160 ovellas de raza galega (tamén os machos); e 28 cabras.
As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo
Neste momento raramente ceban xatos para sacrificio, senón que os machos cruzados véndense directamente do pasto ás explotacións de cebo e as xatas véndenas para vida. “Outra das nosas actividades é adquirir gando fraco e barato, tanto vacas como eguas ou cabras, e engordalas para logo vendelas para vida a outras explotacións”, explica Alejandro. As bestas As bestas son hoxe unha parte esencial do negocio da explotación. Manteñen os pastos en bo estado, controlan o que rexeitan as vacas e as ovellas e abren zonas de mato con toxo. O seu custo de alimentación é baixo, destaca Alejandro. “Ofrécennos pastos para elas en moitos sitios, ás veces son grandes extensións pero en lugares distantes”, conta. Neste momento hai unha forte demanda deste tipo de gando, tanto para vida como para carne e “os prezos son bos”, recoñece.
Son socios de Boaga, Acruga, Puraga e Asovega
Explica que hai uns anos, a raíz da esixencia do microchip, baixou moito o número de cabalos que había nos montes e alerta do descenso en picado da poboación de cabalo galego, que pasou de 23.000 exemplares a tan só 9.000 neste momento. “Penso que estamos nun momento no que tiñan que apostar por el desde a Administración. A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e darse conta de que non hai mellor solución para os montes para atallar o problema dos lumes”, afirma Alejandro.
A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e tiña que apostar por el porque non hai mellor solución para o problema dos lumes
“Pero o cabalo hai que profesionalizalo”, di, “non serve telo de calquera maneira, hai que atendelo e facer manexo igual que se fai coas vacas”, defende. E explica que o cabalo leva catro ou cinco anos sendo rendible e os poldros estanse a vender por enriba dos 250 euros. As poldras novas báixaas para as fincas máis próximas, a carón das casas, para evitar os ataques do lobo, aínda que isto non é garantía ao 100%. “De vez en cando temos algún ataque, mesmo ao lado das casas”, conta. Logo, ao segundo ano xa as sobe para o monte.
Neste tipo de explotacións os cans de manexo e de protección dos rabaños son esenciais
Recoñece que “o lobo é un problema” pero di que para el “o problema principal é que a xente non se dá conta de que co modo intensivo, tanto na gandería como no forestal, estamos cargándonos o ecosistema”. “Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados”, di. “O eucalipto non fixa poboación, por moito que nos queiran vender”, engade. Razas autóctonas Carga de xatos pasteiros cruzados vendidos a finais do mes de maio deste ano Alejandro defende a aposta polas razas autóctonas que fai na súa explotación e está tratando de mellorar xeneticamente a cabana mediante a selección. Corrupio, o touro caldelao, procede do Centro de Testaxe e na explotación conta con vacas que leva a concursos como os que se celebran en Silleda, Lugo ou O Valadouro. Por exemplo, Cabana foi varias veces campioa de Galicia. Ten máis de 20 anos. “O gando a nós dúranos moitos anos”, confesa.
No rabaño de vacas fan cruce industrial nas crías para vender pero as nais mantéñenas puras
A caldelá, di, é moi boa raza, porque “pare de case calquera touro e é unha vaca moi criadora. Hai que apostar por estas razas para despois poder meter touros cárnicos e non ter problemas”, asegura. Para facer os cruzamentos contan cun touro charolés e para manter a pureza da recría cun caldelao e outro rubio. “Apostamos por cruces coas razas autóctonas para os becerros pero as nais que queden puras”, insiste.
A xente pon outras razas porque quere os cartos rápido, pero a nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que penso que ao final é do que se trata
“Facendo selección vaise mellorando a cabana, pero a xente quere os cartos rápido, por iso vai a outras razas”, asegura. Alejandro, sen embargo, valora outros factores. “A nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que ao final é do que se trata; a vaca o que ten que facer é parir todos os anos e non dar problemas”, di. Explica que nas caldelás “non hai complicacións nos partos” mentres no outro rabaño, o de rubia galega, “sempre hai máis problemas”, recoñece. 

O proceso para converter o monte abandonado en pastizais

Cultivo de centeo no monte para aproveitar en pastoreo A explotación de Alejandro e Ana é un exemplo na xestión do monte con gando, tanto na transformación a pastos como na súa xestión. Están nun grupo de whatsapp no que hai 30 gandeiros, moitos rapaces novos, e o seu modo de traballar serve de exemplo para moitos deles. Tamén para Europa. Da man de Rosa Mosquera o seu modelo foi posto de exemplo na UE e a súa explotación forma parte de Afinet, unha rede europea de investigación sobre os sistemas silvopastorís no que participa o Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago.
Segue o modelo da carga instantánea, que consiste en introducir un alto volume de animais para que pazan a parcela o antes posible e de xeito inmediato retirar o gando
O proceso para converter o monte en pastizal é progresivo e calculado: primeiro consiste en pisar con vaca e cabalo, que come ademais os toxos, o segundo paso é introducir a cabra para que desbroce e logo entrarían as vacas e ovellas a pacer. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, explica. O primeiro, pisar o toxo No inverno tiran rolos de forraxe monte abaixo para obrigar ao gando a pisar as zonas de toxo “Temos fincas que son un peñasco, que era monte con toxos de 3 metros de altura e que en 6 anos son pradeira”, di Alejandro satisfeito. A dureza orográfica dunha zona alta como é Neipín engade dificultade ao proceso. “Castigamos o toxo a base de pisalo coas eguas e coas vacas. Tirámoslles rolos de silo monte abaixo polo medio dos toxos no inverno para alimentar ás vacas e que sigan pisando e ás bestas dámoslles unha de cal e outra de area, se están un tempo no monte pisando unha zona onde non hai moito que comer logo levámolas a un prado para que engorden e se recuperen, nunca lles deixamos adelgazar de todo”, relata.
No monte ten que haber que comer, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen
“No monte ten que haber que comer, ten que haber pasto, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen. Non serve dicirlles aos rapaces novos que se incorporan que boten as vacas para o monte sen máis. Hai que facer xestión e manexo porque ten que haber que comer”, argumenta. Queimas controladas Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal Ás veces, para axudar á implantación de pradeiras recurren a queimas controladas do mato que son realizadas durante o outono ou a primavera por persoal cualificado do Servizo de Defensa Contra Incendios da Xunta.
Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume ao crear discontinuidade nas masas forestais
Unha vez queimado o mato, establecen distintas estratexias, ben creación de pradeiras ou ben cultivo de centeo para aproveitar en pastoreo. Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume, ao crear discontinuidade nas masas forestais e actuar de cortalumes en caso de incendio. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba” Pradeiras recuperadas no monte. Apostan por especies de herba que aguantan ben a seca e o pastoreo Malia ter un número importante de cabezas de gando de varias especies, Alejandro non se considera gandeiro senón que se define como labrego. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba, que despois administro co gando como mellor me convén. A miña premisa é adaptar o gando ao terreo, non ao revés, adaptar o terreo ao gando”, asegura.  En definitiva, o obxectivo sería “lograr unha pradeira produtiva co menor gasto posible porque se o que dan as vacas o gastas todo nas vacas mal negocio fas”, razoa. “Nós abaratamos custos a base de andar co gando. Só damos ás vacas 3 meses de silo de herba, en decembro, xaneiro e febreiro, que é cando están nos patios para que descansen as fincas”, explica. Pastoreo rotativo “Non temos máis de tres días o gando nas parcelas para que non coman o retroño que comeza a saír e no inverno temos patios para que non sigan machacando as fincas e poidan recuperarse”, explica. Defende que “o pastoreo rotativo é o único xeito de que as fincas produzan porque senón machácanse moito”. Segue o modelo da chamada carga instantánea, que consiste en ter moito gando en pouco espazo para que pazan esa superficie o antes posible, no menor tempo, e de xeito inmediato retirar a carga gandeira para que rebrote a pradeira e se recupere. “Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas”, di.
Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas
Este sistema aplícao a todas as súas parcelas. “Nas fincas que recuperamos no monte facemos igual, pechamos e parcelamos para poder rotar”, explica. Este método tamén lle axuda no control das malas herbas. “Se tes o gando moito tempo acaba castigando as boas herbas pero se o moves e o rotas moito saen menos herbas malas”, di. Non empregan nin herbicidas nin pesticidas para controlar as malas herbas. “Facémolo todo manual, eu son moi artesanal”, bromea. Necesidade de árbores e sombras No verán o gando necesita sombras. Alejandro defende a plurifuncionalidade dos montes, con capacidade para acoller gando e a súa coexistencia coas árbores. “Neipín está orientado ao sur, necesitamos sombras. Cando amañamos monte imos deixando árbores para que dean sombra e para manter a capa freática máis arriba”, explica. Outra das dificultades de traballar estas zonas en pendente é o mantemento da pradeira. “Hai que ter moito ollo co sobrepastoreo en fincas moi costentas onde está a pena moi arriba, pero ao non mover a terra cando ven a seca aguanta máis a pradeira”, explica.
Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados
Traballan con herbas que aguantan ben a seca, como o datilo, que ademais resiste o pastoreo intensivo. “É malo de implantar, pero cando logras implantalo aguanta ben o pastoreo”, di. Fai tamén trashumancia. “Movemos bastante o gando tanto dentro das parcelas como dunha finca a outra. Subimos o rabaño no verán ás zonas altas, a 1.000 metros de altitude, á serra que está fronte á Fraga da Reigada, un dos bosques autóctonos máis grandes da Rede Natura, e baixámolo no inverno ás fincas que están no fondo do val. Son tres horas camiñando co gando para cambialo”, detalla. Un cambio na orientación da PAC Alejandro defende un cambio de orientación na PAC que prime modelos de gandería extensiva fronte a un modelo intensivo de produción. “Debían apoiar máis aos que facemos unha gandería máis respectuosa e coidamos dos ecosistemas, pero o problema é que Europa segue apostando polo sistema intensivo porque os que traballamos doutro xeito non interesamos, porque somos máis autosuficientes e xeramos menor volume de negocio, porque non gastamos tanto abono, maquinaria, seme, empresas asociadas e de servizos, etc, por iso non interesamos”, quéixase. Aínda lembra cando se excluíu o pasto arbustivo da PAC. “Para nós foi un pau, perdemos de golpe as subvencións e estabamos tan desanimados que estivemos a piques de deixalo todo, pero ao final serviunos para reorientar a explotación cara a un modelo sostible menos dependente das axudas”, asegura.

Mutante’s: xornadas sobre proxectos de innovación rural

Os vindeiros 9, 10 e 11 de Outubro celebraranse no concello ourensán da Veiga as primeiras xornadas Mutante's sobre proxectos de innovación rural como alternativas de vida e para asentar xente moza no agro. Están organizadas polo grupo informal Rural Mutante, formado por un grupo de mozas e mozas deste concello e do de Viana. Para anotarse recoméndase cubrir o seguinte formulario: https://forms.gle/1iBQWeM4JRjwRNgE6 Velaquí o programa:

Estanse a revalorizar as casas no rural e as fincas rústicas a raíz do coronavirus?

Lugar mercado por un investidor americano na Montaña de Lugo / ALDEAS ABANDONADAS A actual pandemia sanitaria a nivel mundial provocada pola Covid-19 está a facer rexurdir o interese polas propiedades no rural, segundo constatan alcaldes e xestores inmobiliarios. Os movementos poden servir para revitalizar aldeas e salvar do abandono un patrimonio que corre risco de derrubarse, pero tamén aparece o perigo da especulación. A percepción social sobre o traballo e a vida no campo, outrora denostado, semella ter cambiado nos últimos meses. Unha enquisa elaborada pola Universidade de Santiago confirmaría este cambio de tendencia e tralo confinamento, os ollos da sociedade máis urbana miran con envexa a vida no campo, que se ve cada vez máis non só como un lugar idílico no que vivir, senón tamén como un entorno cheo de oportunidades.
Tralo confinamento os ollos da sociedade máis urbana miran con envexa a vida no campo, que se ve cada vez máis non só como un lugar idílico no que vivir, senón tamén como un entorno cheo de oportunidades
Por iso, o temor a outro posible confinamento por mor dun rebrote do coronavirus nos vindeiros meses está a disparar o interese por mercar casas no rural. Tanto é así que ante a avalancha de chamadas e solicitudes de información sobre propiedades dispoñibles, varios Concellos, como o da Fonsagrada ou o do Incio, decidiron habilitar ferramentas para poñer en contacto a veciños interesados en vender con posibles compradores, a xeito de taboleiro de anuncios virtual nas redes sociais ou a través dos propios servizos oficiais municipais. Iniciativas nas redes sociais dos concellos do Incio e da Fonsagrada para favorecer a compra-venda de vivendas "A iniciativa xorde porque á oficina de turismo estaba a chegar xente preguntándonos por casas para alugar ou mercar. O que pretendemos é ter un pequeno censo sobre en que lugares hai casas dispoñibles para poñer en contacto aos propietarios que queren vender coas persoas interesadas en mercar, pero tampouco queremos facer de intermediarios nin de inmobiliaria, aínda que na Fonsagrada non hai ningunha, a nosa labor limítase a informar de en que aldeas hai casas en venda a posibles compradores", explica o alcalde fonsagradino, Carlos López.
A Fonsagrada é o concello máis extenso de Galicia, con 470 quilómetros cadrados de superficie e 302 núcleos de poboación
Pretenden que sexa un servizo útil tanto para os veciños como para a xente que ten intención de mercar e instalarse no municipio e deste xeito gañar poboación. "O martes da semana pasada viñeron dúas parellas novas con dous cativos cada unha a preguntar porque estiveran de vacacións, gustáralles a zona e querían establecerse. Ningunha das dúas tiña vínculos aquí", conta. Prezos asequibles A demanda estase a notar en todos os municipios do rural, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, que é onde máis propiedades hai dispoñibles e a un menor prezo a consecuencia da despoboación e o abandono das últimas décadas. Son tamén estes os lugares máis necesitados de novos habitantes, tendo en conta os altos índices de avellentamento da poboación.  
O Incio e A Fonsagrada habilitaron taboleiros de anuncios coas vivendas dispoñibles que se venden no municipio ante a avalancha de chamadas e solicitudes de información
Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto, tamén notou o tirón do rural nos últimos meses no seu concello. "Chaman e preguntan por casas que hai á venda, a xente quere vir para o rural, a tranquilidade nestes tempos é un valor", asegura. Desde o confinamento xa se venderon 3 casas neste municipio de 1.262 habitantes, nalgún caso como segunda vivenda de persoas residentes en Madrid que buscan un lugar próximo á Mariña de Lugo onde pasar as súas vacacións e noutro caso como vivenda habitual para unha persoa cunha empresa de transportes que xa se empadronou no municipio. Na maioría de casos as casas adquiridas son vivendas que é necesario rehabilitar e reformar, pero os seus prezos non teñen nada que ver coas hipotecas e os alugueres que se pagan nas grandes cidades e que, no caso do mercado de aluguer, disparouse nos últimos anos. Volve o interese polas fincas paradas dos pais e os avós Os dous meses de confinamento desta primavera foron máis levadeiros no rural que pechados nun piso de reducidas dimensións nunha cidade e persoas que fai anos emigraron, ou os seus fillos e netos, están pensando agora voltar aos seus lugares de orixe. "Moitos veciños que levan anos fóra están preguntando polas súas fincas e houbo unha parella nova con nenos que volveu á casa dos pais e dos avós, de feito, este ano entran 9 nenos novos no colexio, hai moitos anos que non pasaba, e iso é importante para un concello coma o noso para poder manter o centro. Neste curso que comeza imos ter 11 nenos en infantil", conta Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel.
En Folgoso do Courel entran este ano 9 nenos novos no colexio e moitos veciños que están fóra están a limpar e adecentar as súas casas para volver se hai outro confinamento
Este concello ten empadronados 1.024 habitantes, pero este ano en xullo e agosto duplicou a poboación. "Tanto é así que tivemos que incrementar a frecuencia da recollida do lixo, que no inverno facemos unha vez por semana porque temos que ir levalo á Rúa e agora temos que facelo tres veces e vense colas todos os días no supermercado e no banco. Outros anos non había tanta xente. Notamos un incremento tremendo, non só na afluencia de persoas emigradas que teñen casas aquí, senón no tema turístico. O Courel é cada vez máis coñecido polo xeoparque e estamos pegados á Ribeira Sacra, a xente busca destinos tranquilos e este ano está o camping e todas as casas de turismo rural cheas", relata a alcaldesa. E esas persoas que veñen un ano de turismo son tamén potenciais compradores de casas no futuro. Pero non só os turistas ou os autóctonos xubilados que están fóra están a pasar máis tempo este verán no municipio, senón que os seus fillos tamén están valorando virse. "Nótase que a xente veu facer limpeza ás casas, chámannos continuamente para que vaiamos recoller cousas para baixar ao punto limpo de Quiroga. Queren ter todo preparado por se a cousa se complica poder vir para aquí", detalla Lola. Pero esa chegada de persoas foráneas estaos obrigando a adoptar medidas para protexer á poboación local, esixindo por exemplo unha proba PCR negativa aos familiares que viñan ás casas onde hai usuarios do servizo de axuda a domicilio.

"A xente non se asusta porque as casas teñan moita terra, búscanse lugares onde ademais de vivir se poida emprender e desenvolver unha actividade"

Núcleo rural na Montaña de Lugo adquirido por un investidor americano / ALDEAS ABANDONADAS As inmobiliarias especializadas en casas e fincas rústicas non dan abasto. "O noso produto suscita moito interese agora mesmo. Desde que veu esta pandemia houbo un cambio importante na forma de pensar das persoas que favoreceu a venda de casas rústicas ou enclavadas en lugares especiais, hai maior interese da sociedade por este tipo de propiedades no rural", afirma Rosi Costoya, de Galician Country Homes. Nas primeiras semanas tralo confinamento houbo xente que reservou de xeito case impulsivo, sin nin sequera ter visitado o lugar, tan só polas fotografías dispoñibles no portal inmobiliario. "Desde fai tres ou catro meses notamos unha avalancha de reservas de internet, a xente non se podía desprazar para vela en persoa pero reservaba igual sen ter estado nunca no lugar. Levamos 15 reservas online nos meses de xullo e agosto. É o mellor momento para un negocio coma o noso, antes vender unha aldea custaba bastante pero agora sabemos que hai xente que quere ir vivir ao rural", explica Elvira Fafián, xerente de Aldeas Abandonadas, un portal especializado que leva 14 anos funcionando.
A busca de vivendas alonxadas das grandes aglomeracións aumentou nos últimos meses, o que pode ser un balón de osíxeno para casas e elementos patrimoniais a piques de caer
Aos xubilados doutros países do centro e norte de Europa que nos últimos anos mercaban casas en Galicia buscando tranquilidade e natureza engádense agora dous novos perfís de compradores: o das familias con nenos e o dos investidores estranxeiros. Avalancha de investidores estranxeiros Pero máis aló do boom inicial das primeiras semanas tralo confinamento, a demanda continúa en aumento, segundo constata Rosi, de Galician Country Homes. "A demanda segue e está a medrar, tanto de persoas nacionais como de estranxeiros. Nas últimas semanas pechamos operacións con compradores rusos, ingleses, holandeses, belgas e de países árabes", explica a responsable desta axencia afincada en Rábade. Tanto é así, que dentro de Galician Country Homes veñen de crear un novo servizo Gold para propiedades de máis de 300.000 euros, algunhas adquiridas por empresarios rusos para poñer en marcha negocios de turismo rural.
Compradores rusos ou americanos están a adquirir núcleos abandonados en Galicia para poñer en marcha complexos de turismo rural
"Está habendo unha avalancha de inversores estranxeiros con reservas online, que están comprando negocios que xa están funcionando ou núcleos deshabitados para poñer en marcha negocios", confirman desde Aldeas Abandonadas. "Este mes vendemos dúas aldeas grandes. Hai empresarios de fóra que queren mercar para hostalaría", detalla Elvira, que cita lugares como a Mariña de Lugo ou a zona fronteiriza de Ourense con Portugal como espazos que se cotizan neste momento.  "Está cambiando moito a sociedade e a xente xa non se quere reunir en grandes hoteis, búscanse outro tipo de establecementos", engade. No caso de Aldeas Abandonadas, un investidor americano vén de facer unha reserva online dunha propiedade na montaña de Lugo, no linde mesmo entre Galicia e Asturias, con casa, hórreo e outra serie de edificacións e cunha finca de 19 hectáreas, 6 de prado e o resto de monte repoboado.
A Montaña de Lugo, a Mariña e a zona de Ourense que fai fronteira con Portugal son lugares que están a ter moito tirón neste momento
De xaneiro a agosto deste ano o 63% dos compradores desta web foron estranxeiros e o restante 37% españois. Nas estatísticas de compra de propiedades en Galicia inclúense casas, aldeas enteiras, fincas rústicas e pazos con grandes fincas para o sector turístico e agroalimentario. O valor dos lugares illados Co coronavirus non só cambiou o xeito de relacionarse, agora fuximos das aglomeracións e o que antes era unha eiva, vivir nunha casa ou aldea illada, hoxe é un valor á alza. "Acabamos de vender unha propiedade na Fonsagrada a un executivo de Berlín que o que quería era non ver a ninguén en moitos quilómetros á redonda e outra para un cliente de Londres que tamén quería vivir en certa soidade, buscan un cambio de vida radical e valoran o noso silencio, a nosa natureza, os nosos ríos e o noso modo de vida un pouco á marxe desta pandemia", di Rosi.
As axencias inmobiliarias especializadas en vender propiedades rurais confirman que a demanda se incrementou pero iso pode tamén revalorizar os prezos e aumentar a especulación
As axencias tamén confirman que igual que nas cidades aumenta a demanda de pisos con terraza e casas con xardín, o comprador de vivendas no rural, aínda que sexa un urbanita, tamén busca que conte con terras e fincas onde poder desenvolver unha actividade agrogandeira ou turística. "Unha capitana de barco comprou unha casa en ruínas cunha grande extensión de terreo para poder ter unha gandería. Hai moitas persoas interesadas en montar un negocio desde a tranquilidade", afirman en Galicia Country Homes. "A raíz da Covid-19 a xente quere deixar o asfalto e as cidades e cambiar de vida e non hai tanto medo a emprender outra actividade, por iso que a casa teña unha extensión de terreo importante non asusta aos posibles compradores. Pero o mundo rural é moi complexo e todo o mundo non encaixa nel e hai persoas que queren montar algo vinculado á agricultura sen ter por exemplo experiencia en tarefas agrarias, por iso nós tamén os asesoramos en cales son as mellores posibilidades nesa zona, porque por exemplo plantar kiwis na montaña de Ourense pode non ser unha boa idea e nós non queremos que a xente que compra faga un mal investimento", indican desde Aldeas Abandonadas.
Os compradores buscan lugares para vivir pero tamén para emprender negocios non necesariamente vinculados coa agricultura ou a gandería
Porque "unha cousa é mercar unha casa e arreglala para segunda residencia e outra distinta mercar unha aldea enteira e con terreo para cultivar. Iso ten que estar vinculado a unha actividade e tamén é o que máis valor xera, xa que iso fai que a xente se empadrone e cree riqueza e postos de traballo na zona e axuda a recuperar as zonas rurais porque esa actividade abastécese despois dos produtores locais", destaca Elvira. O teletraballo abre o abano de posibilidades Ademais de cambiar o noso xeito de relacionarnos, o coronavirus fixo reflexionar a moita xente nas cidades que decidiron mudar o seu estilo de vida. Pero a volta ao rural a vivir e traballar non quere dicir facelo unicamente con actividades vinculadas coa agricultura e a gandería. Grazas ao teletraballo, moitos empregos son xa posibles a distancia, unha tendencia que acelerou tamén a pandemia. "Grazas á cobertura por satélite hai moita xente, de profesións moi variadas, que hoxe poden vivir e traballar en calquera parte do mundo. As persoas que compran non necesariamente son xente de moitísimo diñeiro que se poida permitir o luxo de vivir sen traballar, aínda que algún comprador dese tipo tamén hai, senón que son persoas que buscan un cambio radical na súa vida e que grazas ás novas formas de traballo poden estar remunerados vivindo no rural", explica Rosi.
As novas alternativas laborais profundizan a necesidade de cobertura de telefonía móbil e conexión a internet de banda ancha no rural, unha carencia aínda sistémica en amplas zonas de Galicia
Tamén se abren camiño cada vez máis modelos de vida comunitaria, coñecidos como coliving, que en certa medida reproducen o xeito de vida tradicional nas aldeas galegas, con distintas persoas ou familias compartindo servizos. "Hai xente que busca edificacións que lles permita esa estrutura, tanto persoas novas con cativos como profesionais liberais. Dentro de España este perfil de xente procede sobre todo de Madrid, Cataluña, Andalucía ou o Levante. Son persoas que queren vivir en comunidade, varias familias ou grupos de amigos xuntos na mesma aldea", describen desde Galician Country Homes.

“O rural só existirá se hai xente en idade activa que quere e pode traballar nel”

Manuel Requeijo Arnejo é dende o ano 2015 alcalde de Muras, un concello lucense que como prácticamente a totalidade dos 315 municipios de Galicia padece o problema do despoboamento do rural. No caso de Muras, hoxe contan con algo máis de 700 persoas censadas, case 5 veces menos que as 3200 que chegaron a ter censadas nos anos 50 do século pasado. Falamos con el sobre como ve o futuro do rural galego e sobre as medidas que se poden poñer en marcha por parte das administracións para frear o despoboamento das aldeas. -¿Por qué cres que a xente moza deixa de vivir no rural? Á Unión europea leva décadas deseñando unha política que marca as tendencias para que a xente merque o que queren vender as grandes multinacionais e empresas agroindustriais. Na medida en que o rural non entra nos plans da elite económica neoliberal, pois non está á venda, e por tanto ninguén o merca, e menos a xente moza. As políticas do Partido Popular na Galicia dende os anos oitenta, no canto de combatir e amortecer esas tendencias, fomentaron e apuntalaron na Galicia esas políticas que desembocaron no abandono do rural, encontrándonos hoxe nunha espiral imparábel moi difícil de reverter. Levan anos convencendo á xente de que actividade económica no rural non é rendíbel se non se ten un número elevado de animais, e subvencionando con cartos públicos o peche de todo tipo de explotacións. Acabaron con todas as microeconomías que había no rural, limitaron as producións, como no caso das coaccións aos gandeiros coas multas polas cotas lácteas, abandonaron o fomento do cooperativismo, non actuaron no seu momento ante o abandono das terras agrarias. E co rural abandonado, xorden novos problemas, que son máis que os incendios. Espiron un santo para vestir outro. Con este panorama, que cres que fai a mocidade de 20 a 25 anos.... saben ben o que non queren facer. -¿Que medidas puxestes en marcha dende o concello para favorecer que a xente quede a vivir nel? Aos concellos o único que nos queda é poñer en valor toda a parte positiva de vivir no rural, e evitar na medida das nosas posibilidades que a xente marche, dotándonos de servizos que xa deberían estar implantados hai moitos anos, e que se ofertan nas grandes vilas e cidades, e dotándonos de espazos de solo industrial, para que aqueles que queiran ampliar a empresa ou emprender un negocio, o poidan facer con plenas garantías no seu pobo. -¿Que importancia cres que ten a actividade gandeira para fixar poboación no rural? No noso concello moita, dado o número de explotacións gandeiras que existen en comparación ca poboación que temos. Hai máis vacas que persoas censadas. Pero vemos que a mocidade non acaba de engancharse ao agro, si colabora no tempo libre, pero a gandería non é a súa actividade principal, é secundaria e estase a reducir a unha actividade complementaria na maioría dos casos.
 “Intentamos facer atractivo o concello dotándonos dos servizos que podes atopar nunha vila”
Antes era o sustento económico dunha casa, hoxe é unha actividade complementaria que se mantén ben por inercias vitais, ben para non ter os prados á monte, ben por un certo romanticismo. A actividade gandeira xa non é o único reclamo para que a xente quede a vivir no rural, hoxe queres que calquera veña a vivir a Muras, sexa funcionario, teña unha profesión liberal, ou sexa un retornado da emigración. As políticas municipais que facemos para asentar poboación, non podemos enfocalas só ao agro, temos que diversificar. ¿Que medidas estades a poñer en práctica para que apoiar a que a xente quede a vivir no rural? Temos diferentes liñas de actuación, e a máis coñecida, é a axuda que lles damos ás unidades familiares censadas no pobo para pagar a factura da luz que serve para paliar o aumento abusivo e inxusto dos prezos da mesma, para eliminar a pobreza enerxética no concello e pretende tamén que a riqueza que xeran os 381 muiños instalados no Concello revirta dun xeito directo sobre as persoas que viven no territorio, todo elo cos cartos que reportan os muíños de vento no concello. Este é un incentivo importante para as familias que queren asentarse no entorno da comarca. Pero aínda temos máis, por un lado axudas dirixidas ao apoio dos gastos escolares dos nenos e nenas e estudantes de Muras tanto na ensinanza infantil, primaria, secundaria e FP. e universidade, e por outro lado, medidas como a implantación dun punto de atención á infancia, para que os pais e nais poidan conciliar a vida laboral coa familiar. E tamén temos investimentos de promoción económica, con vistas ao futuro a curto prazo, pois este ano, despois de aprobar a modificación do planeamento urbanístico, esperamos comezar as obras de acondicionamento dunha parcela de solo industrial, para fomentar novas instalacións industriais, e por tanto o emprego. -Máis alá do voso ámbito de competencias municipais, ¿Que medidas botades en falta por parte doutras administracións para frear o despoboamento do rural? Pois moitas, por non dicir todas. O problema é estrutural, e afecta a practicamente a todos os concellos de Galicia, por tanto a dinámica está xeralizada, aínda que con máis énfase na zona do interior. E os concellos nin temos competencias, nin temos financiamento, e seguimos cargando con todos os problemas da veciñanza, e Feijoo segue noutro mundo paralelo, sen apostar polos sectores produtivos agrogandeiros, sen axudar a solucionar problemas como o das indemnizacións polas mortes provocadas polo lobo no gando.......pasou máis dun ano e seguen sen facer nada, nin estudo sobre o Lobo no Xistral nin nada....está tomándonos o pelo...agora nas eleccións non valen excusas de que non tiveron tempo...Feijoo como presidente leva 11 anos, sen aportar medidas que freen este despoboamento, máis ben parecen facer todo o contrario. A xente segue emigrando ao estranxeiro, e o PP dinos que van aprender idiomas. Será logo que as vacas xa nacen falando alemán e francés, e non as entendemos.
“No rural galego segue habendo moitos sitios sen cobertura de internet e de teléfono”
Un exemplo sintomático e reflexo do que acontece é a sinatura que a Fegamp acaba de asinar coa Amtega un Convenio Marco de colaboración para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móviles no rural de Galicia, que benvido o convenio pero destacar que no meu Concello no Século XXI non existía tal comunicación nunha ampla extensión do territorio e que nos poñamos na “lexislatura do rural” con esto é tomarnos o pelo e tratarnos de tontos, cando hoxendía as novas tecnoloxías son básicas para estar no mundo e existir. -Algo máis  que queiras engadir? Os concellos temos a capacidade que temos, e o Partido Popular dende a Xunta, segue potenciando ás grandes empresas, pero esquecese dos autónomos e dos gandeiros. E as grandes empresas non están no rural, instálanse onde teñen boas redes de comunicación e de transporte. Aquí hai sitios onde hai que subir a un alto para poder falar polo móbil, e hoxe non podemos vender o rural só para vivir na xubilación. O rural so existirá, se hai xente en idade activa, que quere e pode traballar aquí. A nosa existencia pasa porque se cumpra esa premisa.

¿Cambiou a valoración social dos gandeiros e agricultores coa crise do coronavirus?

Xunto coa sanidade, a produción de alimentos amosouse nas últimas semanas como un sector básico e esencial para a supervivencia da poboación nun mundo globalizado no que, ao igual que os virus non entenden de fronteiras, moito do que comemos tamén chega da outra punta do planeta. O pico de demanda de alimentos, previo ao pico de contaxios, tensionou a cadea alimentaria e puxo aos supermercados ao bordo do desabastecemento, como días despois o coronavirus puña ás UCI ao bordo do colapso nos hospitais. Mentres manteñen as súas granxas funcionando, gandeiros e agricultores de distintos puntos de Galicia, o primeiro chanzo desa cadea de subministro de alimentos, e estudosos do noso mundo rural reflexionan en Campo Galego sobre o cambio de percepción social dun sector até o de agora infravalorado. Probablemente a actual crise sanitaria traia consigo un reaxuste das prioridades humanas e un cambio no modo de vida e os hábitos de consumo da poboación. O andazo do SARS-CoV-2 cebouse nas grandes urbes como principal foco de transmisión do virus, poñendo en cuestión o actual modelo de habitar o planeta, froito dun éxodo xeralizado cara as cidades. Pero, vai servir esta pandemia para darlle a volta á situación? Sairá reforzado o rural e o sector agrogandeiro da actual crise sanitaria do coronavirus? Poucos se atreven a aventuralo, pois unha vez todo isto pase corremos o risco de volver ás andadas.

"Igual que faltan mascarillas, os alimentos tamén poden faltar" (Xosé Luis Carrera, Granxa Arqueixal, Palas de Rei)

Xosé Luis Carrera puxo en marcha fai 30 anos Arqueixal en Santiago de Albá (Palas de Rei), un modelo integral de aproveitamento dos recursos que o medio rural e a natureza poñen á nosa disposición. Conta con gandaría ecolóxica extensiva, queixaría, aloxamentos rurais e unha serie de iniciativas complementarias ao longo de todo o ano para recuperar e poñer en valor o tradicional xeito de vida galego, vinculado ao campo e ás aldeas. "Os que tiñamos outro modelo eramos algo anecdótico, case exótico. É certo que todo o mundo se queixaba do estrés, das présas e da vida que levaba, pero a xente non era capaz de parar, de deixar de facer iso e facer outra cousa. Ti queres parar pero o propio sistema que te envolve non che deixa parar. Pero o actual confinamento obrigou a parar á xente e se o sistema para dache esa oportunidade, unha gran oportunidade necesaria para todo o mundo, mesmo para que a xente que estaba moi metida nese modelo poida cuestionarse tamén o modelo. O confinamento non debía ser gratuito, debería ser un despertar de conciencias porque dá a oportunidade para reflexionar nos valores importantes nos que temos que centrarnos a partir de agora", razoa.
O confinamento non debía ser gratuito, dá a oportunidade para reflexionar nos valores importantes nos que temos que centrarnos a partir de agora como elementos prioritarios para a supervivencia do ser humano: ter alimentos de calidade e un medio ambiente natural no que poidamos respirar con tranquilidade
Xosé Luis lamenta as graves consecuencias que está a ter a pandemia, tanto en vidas humanas como en perdas económicas e de emprego, porque "en calquera cambio social os máis vulnerables sempre son os que peor o pasan, forma parte da historia, xa na crise económica do 2008 xa foron os que peor o pasaron", di. Pero queda co aspecto positivo que poida ter: "é un golpe letal que fai reflexionar, unha gran oportunidade necesaria para a reflexión colectiva para o cambio de modelo, no que se fixen como elementos prioritarios para a supervivencia do ser humano ter alimentos de calidade e un medio ambiente natural no que poidamos respirar con tranquilidade", afirma. Unha oportunidade global para a reflexión sobre prioridades O responsable de Arqueixal considera o actual andazo "en certa medida unha resposta natural á superpoboación e a un modelo global do sistema que estaba imperando e que era un camiño a ningunha parte". "É un golpe na mesa da propia natureza para dar resposta a un camiño desbocado. Os humanos somos cómplices, pero estamos tendo a oportunidade de buscar a formula para saír disto, que a xente reflexione e poida darse conta do que estaba pasando, se non o sabemos aproveitar é o noso problema, porque isto é un aviso do que vai seguir acontecendo se non mudamos o rumbo, un avance para máis escenarios de colapso futuros", razoa.
Antes desta crise os chinos xa se deran conta de que poder alimentar á súa poboación é básico, por iso levan anos comprando terras en África e noutras zonas do planeta
"Os chinos xa se deran conta antes, por iso estaban comprando desde fai anos terras en África e noutras zonas do planeta porque viron que poder alimentar á súa poboación é básico. Porque a medida que a xente se urbaniza no seu subconsciente dá por feito que o alimento chega alí porque si e ten que seguir chegando porque sempre chegou, pero igual que se está vendo que faltan máscaras protectoras, tamén pode faltar o alimento. A xente estes días deuse conta diso e por iso asaltou os supermercados", argumenta. "Os sectores básicos esenciais penso que sairemos algo mellor parados, pero haberá diferenzas, porque a xente aplaudía aos sanitarios pero en moita menor medida aos produtores de alimentos, desde os balcóns e desde as televisións destacábase o valor da sanidade pero non se mencionaba apenas os alimentos", engade. Circuitos curtos Defensor dos circuitos curtos de consumo como mellor xeito de garantir a seguridade alimentaria para a poboación, Xosé Luis leva décadas practicando co exemplo coa comercialización do leite, os iogures e o queixo que produce. Malia ao coronavirus segue facendo o mesmo, aínda que tivo que reducir a produción como consecuencia do peche da hostalaría e do turismo. Todos os anos por estas datas recibía nos aloxamentos rurais que oferta en Santiago de Albá a moitos visitantes de entornos urbanos que aprendían como se fai o queixo da DOP Arzúa-Ulloa e que os levaban despois como souvenir. "Esta crise rompe moldes establecidos, o que pense que cando pase isto vai volver subirse ao mesmo tren está enganado. É un golpe durísimo á sociedade de consumo e á economía baseada no consumo, que é o maior atentado á natureza", asegura. "Coller un avión para pasar cinco días na outra punta do planeta case co único obxectivo de irme facer unha foto a Indonesia é un sensentido que ten un custo medioambiental moi alto. O viaxar de maneira superflua, como se viaxaba até agora o 80% das veces, con esa mobilidade sen sentido, terá que cambiar. Son optimista en que se dea ese cambio de tendencia. Á xente danlle esa oportunidade encerrándoa na súa casa e en masa, é unha gran oportunidade que até agora non se daba a nivel global. O confinamento ten que ser unha ferramenta para chegar a unha reflexión profunda a nivel individual e social. Porque cando nos cansemos de compartir cousas polo whatsaap e polo facebook estaremos obrigados a reflexionar. Penso que esta é unha das cousas que marca un antes e un despois na persoa, un cambio de fondo. E tamén é unha lección e unha demostración práctica de que podemos baixar a contaminación e reducir a capa de ozono", afirma. As cidades colapsadas e o rural baleiro "As cidades están colapsadas e o rural está baleiro, aí hai un desequilibrio que hai que compensar. Eu sempre dixen que un dos problemas graves da humanidade é estar agolpados nas cidades, porque perdemos a perspectiva de ser unha parte máis da natureza e esta é unha oportunidade para reconectar tamén coa natureza. Ten que haber unha desbandada cara ao rural. Penso que pode haber xente da cidade que poida querer ter un refuxio no rural, pola súa propia seguridade, porque a partir de agora nas cidades vai haber, ademais dunha incerteza laboral, unha incerteza de saúde. Non sei se realmente vai cambiar a percepción pero é unha oportunidade para que aconteza. Desde logo, danse as condicións para que puidera acontecer, mellor que en ningún outro momento", engade.
As cidades están colapsadas e o rural está baleiro, aí hai un desequilibrio que hai que compensar. O rural é unha zona de confort neste momento e pode haber xente da cidade que queira ter un refuxio no rural
"Nas cidades a xente xa estaba encerrada antes, aínda sen levar mascarilla, que era tan necesaria nelas antes pola contaminación coma agora polo virus. É a contradición destes días, agora a xente leva mascarilla nas cidades cando o aire está máis limpo ca nunca. O rural é unha zona de confort neste momento. Non ser vítima directa do problema, como acontece nas cidades, faiche tamén ter distancia e perspectiva maior. É unha oportunidade tamén para poñer en valor a sociedade como tal e mesmo a especie humana fronte a un xeito de vida baseado en alimentar egos persoais e no que o importante era o individuo fronte á colectividade", conclúe.

"A xente primeiro acordouse dos sanitarios, despois dos transportistas. Xa veremos se esa cadea de agradecementos chega tamén a nós" (Xusto Sánchez, gandeiría A Devesa Langueirón, Ponteceso)

Na gandeiría A Devesa Langueirón SL, de Ponteceso, onde moxen cada día máis de 400 vacas, seguen traballando con normalidade, coas precaucións debidas e con algún que outro pequeno problema puntual de subministros ou de saída do produto. "Gastamos bagazo de cervexa de Estrella Galicia, e iso foi un pouco máis intermitente, o resto normal, agás para mandar as vacas gordas, que niso si que hai problema porque seica non hai demanda", explica Xusto Sánchez, que xunto aos seus irmáns Antonio e Miguel comezou na gandeiría no ano 1979. "Os que van cambiar van ser os hábitos de consumo, non sabemos moi ben aínda cara onde, porque moitas veces a xente compra certos alimentos por moda, pero desde logo que cambiarán. Hai que agardar a que se normalice a situación para adiviñar ben cara onde van ir. De momento estamos aínda na cresta da ola e non me atrevo a facer moitas predicións porque isto nunca sabes como acaba evolucionando, saberémolo cando pasen unhas semanas ou uns meses e se calmen as augas, porque ante unha crise tan gorda coma esta a xente onde gasta é no máis barato. Así que as cousas que teñen un pouco máis valor pola súa calidade igual non son as que van saír máis reforzadas", opina.
Ante unha crise tan gorda coma esta a xente onde gasta é no máis barato, así que os produtos que teñen un pouco máis valor, precisamente pola súa calidade, igual non son os que van saír máis reforzados
Xusto pensa que a reacción final que a poboación poida ter tralo confinamento é moi imprevisible, porque "moitas veces a xente compra certos alimentos por moda pero non os valora en toda a sua medida". "Hai que agardar uns meses para saber como a xente vai valorar todo iso e ver se os consumidores comezan a valorar máis a calidade do produto, os alimentos de proximidade e o rural na súa esencia", di. "Os produtores tamén acabaremos sufrindo os efectos económicos da crise" Considera ademais que "a crise vai chegar a todos os lados e a agricultura non vai saír beneficiada desde o punto de vista económico porque a crise e os seus efectos van acabar chegando a todos e xa estamos vendo que hai exceso de leite en Europa que pode acabar tirando os prezos tamén aquí" pero agarda que polo menos a agricultura e a gandeiría comecen a ser máis valoradas.
A agricultura non vai saír beneficiada desde o punto de vista económico porque a crise vai chegar a todos os lados e os seus efectos acabarán chegando tamén a nós, pero si máis valorada
Pero sobre se esa maior valoración aos produtores de alimentos por parte da sociedade vai ser duradeira, Xusto ten as súas dúbidas: "Son moitas cousas e a xente xeralmente logo se esquece. A xente fala moito dos sanitarios e dos supermercados, a xente acórdase da distribución que lles fai chegar a produción alí onde viven, pero non dos produtores. Moita xente parece que dá por feito que os produtos nacen nos supermercados pero somos moitos máis os que participamos no sector alimentario e primario. A xente primeiro acordouse dos sanitarios, despois dos transportistas, xa veremos se esa cadea de agradecementos chega tamén a nós", di. "O que ensinamos na escola tamén se reflicte no que a xente pensa" "Esta crise tamén serve para reflexionar o que estivemos facendo ata o de agora e o que lle ensimamos aos nosos fillos, porque a educación tamén se ve reflexada en como a xente pensa. A percepción social da agricultura e da gandeiría tamén ten que ver con como educas á xente e cambiar logo iso, a maneira de pensar da xente, é difícil", razoa Xusto.
Imos aprender a vivir mellor con menos, que é un pouco a esencia do rural
"É moi aventurado facer unha predición cando aínda estamos recluidos, a xente cando saia á rúa non sabemos como vai comportarse e reaccionar, pero algunhas luces que agora aluman moito quizais deixen de funcionar no ámbito social porque non aportan nada. Pola contra, cousas como o turismo rural poida que teñan un boom, ou polo menos non sufran o que vai sufrir o outro tipo de turismo, o dos grandes hoteis e o das grandes aglomeracións, polo menos a curto prazo, porque vai haber medo e temor. Imos aprender a vivir mellor con menos, que é un pouco a esencia do rural", conclúe.

"Estes días hai moitos recoñecementos e moitos aplausos pero eu prefería que todos eses aplausos se repartiran nos vindeiros 10 anos" (Hortícolas Javier Miranda, Riotorto)

Como vai Javier? "De saúde ben, que é o que hai que pedir estes días", responde Javier Miranda. Este produtor de horta de Riotorto é un exemplo de profesionalización no sector. A súa empresa, Hortícolas Javier Miranda, ten só 8 anos pero labrará nesta campaña 72 hectáreas de terra con máis dunha ducia de produtos diferentes, que distribue por Galicia e Asturias e vende pola internet a toda España. "O coronavirus afectounos porque ao fallarnos a hostalaría, que representa o 60% das nosas vendas, tivemos que buscar outros clientes para dar saída á mercadoría", explica. Así que tentaron suplir ese mercado derivando parte desa produción ás cadeas de supermercados e directamente aos fogares a través da venda online.
A venda a través da nosa páxina web disparouse un 120%. Houbo días tolos, está Seur encantado
A venda a través da súa páxina web disparouse un 120% estes días. "Houbo días tolos, ese xoves e ese venres antes do confinamento saíron 120 paquetes cada día, agora aminorou algo, están saíndo a metade, sobre todo os primeiros días da semana. Están saíndo paquetes para toda España, está Seur encantado", bromea Javier. O feito de ter diversificado a comercialización e manter estes anos as distintas canles de venda (reparto cunha flota de tres furgonetas propias a hostalaría e froitarías, distribución a través de cadeas de supermercados e venda online) fíxolles ir salvando a situación. Iso e que a crise sanitaria non chegou en plena primavera, a época de máis produción, senón os estragos terían sido moito maiores. "Colleunos nunha época máis frouxa de mercadoría, non é como se viñera en plena primavera", recoñece. Por iso os problemas poderían ser maiores se o estado de alarma e o peche de bares e restaurantes se alonga máis aló de maio. Pero Javier non se queixa: "en comparación con outros sectores somos uns privilexiados, outra xente, como os bares ou restaurantes, non facturaron un peso", compara. Falta de man de obra Outro importante problema que Javier tivo que solventar sobre a marcha foi a falta de man de obra. As limitacións ao movemento de persoas colleunos plantando as cebolas. "Outros anos encargábanse diso cuadrillas de traballadores temporeiros de Andalucía, viñan en dúas furgonetas 14 ou 15 persoas e quedaban nun hostal, estaban dúas semanas plantando e logo marchaban, pero este ano non viñeron porque non tiñan onde quedarse porque os hoteis están pechados e porque só podían vir dous ou tres en cada furgoneta, así que tiñan que vir en máis coches e non lles compensaba. Iso obrigounos a ter que plantar a cebola nós mesmos, sen axuda, e son 6 hectáreas as que botamos. Estámolo facendo nós botando moitas horas todos os días e traballando as fins de semana para non perder a planta, onde temos invertido 60.000 euros, nin aos clientes", conta Javier.
Os clientes están todos os días preguntándonos se estamos plantando porque hai medo ao desabastecemento e eu penso que se isto segue así vai faltar produto, porque antes se non había aquí cebolas traíanse de Perú, pero agora iso non vai ser posible
El estivo a semana pasada no hospital, pero non por coronavirus. A súa muller, Tania, deu a luz ao seu segundo fillo, así que Javier está a disfrutar do permiso de paternidade plantando cebolas 12 horas ao día. "Eu penso que se isto segue así vai faltar produto, os clientes están todos os días preguntándonos se estamos plantando porque hai medo ao desabastecemento, antes se non había aquí cebolas traíanse de Perú, pero agora iso non vai ser posible", afirma. Igual que acontecía coas cebolas que viñan de Perú e doutros países sudamericanos, os produtores de horta galegos coma Javier estaban acostumados a sufrir a competencia (moitas veces desleal por pagárense salarios máis baixos e ter menos controis e esixencias en canto a tratamentos fitosanitarios) das xudías, os pementos ou os calabacíns de Marrocos ou as fabas de Bolivia e Colombia. "Seguramente a partir de agora se valore máis a produción local e non virá tanto produto de fóra, nesta colleita polo menos", opina.
Para a xente do rural ter a horta baleira é como ter a despensa baleira
É certo que no rural galego sempre houbo ese apego polas cousas producidas a carón da casa, pero nas cidades, e tamén para as cadeas de supermercados a distanciación semellaba moito maior e a falta de concienciación tamén. "Para a xente do rural ter a horta baleira é como ter a despensa baleira, estes días chamounos moita xente para que lle levaramos planta que antes mercaban na feira e nos mercados para poñer na súa horta e que estes días non poden mercar porque non poden saír da casa e porque non hai mercados", conta Javier. Manteñen a planificación que tiñan deseñada Malia aos contratempos, esta empresa de Riotorto mantén a programación e a planificación de plantacións que tiñan deseñado para este ano. "Tiñamos todo programado para 72 hectáreas, as terras, a planta, o esterco, o abono, e seguimos adiante coa mesma planificación de plantación que tiñamos feita. Pode saírnos ben ou mal, pero para atrás non lle imos dar. Esa incertidume haina, pero comer sempre se comeu", razoa. Entre outras producións teñen pensado dobrar a produción de pataca, que o ano pasado pasou das 500 toneladas.
A coliflor chegou a valer a semana pasada a 3 euros a peza e o calabacín igual. Hai demanda porque a xente está cociñando máis, unha porque se aburre, outra porque ten aos fillos na casa e non lles van dar pizza todos os días e tamén porque ao ver a enfermidade na porta conciénciase de que ten que comer máis san
Javier é unha persoa valente e decidida que xa tivo que facer fronte na súa curta historia empresarial a outras situacións complexas, como a praga da polilla da pataca, que o colleu de cheo, ou ao feito de que algún ano a distribuidora que lle mandara plantar repolos o deixara logo tirado sen levarllos. "Nós xa nacemos como empresa en tempos de crise, empezamos no 2012 e sabemos o que é non ter saída e ter que tirar mercadoría, así que nós estamos acostumados a arriscar. Sempre tes a presión de se estarás facendo o correcto, pero a xente comer ten que seguir comendo e imos seguir tirando do carro", asegura. A dúbida está en como vai reaccionar o mercado e se vai haber saída para o produto que planten como nun ano normal antes da crise sanitaria. "Agora mesmo aínda que non está a hostalaría, está habendo demanda e a peza de coliflor chegou a valer a semana pasada a 3 euros e o calabacín igual. A xente está cociñando máis estes días, unha porque se abure, outra porque ao ver na súa porta esta enfermidade cociéncianse de que hai que comer san e tamén porque ao non haber colexio teñen os fillos na casa e non van darlles todos os días pizza. Pero a xente agora que está na casa ten tempo para facer a compra online e cociñar, pero cando volva máis ou menos á normalidade todo isto o que menos temos todos é tempo, porque andamos todos como pito sen cabeza de arriba para abaixo, e priorizamos o traballo sobre o resto das cousas, entre elas cociñar e comer san", argumenta este mozo. Canto van durar os recoñecementos públicos? "Agora mesmo a xente está moi concienciada, pero a xente logo se esquece. Estes días hai moitos recoñecementos e moitos aplausos pero eu prefería que todos eses aplausos se repartiran nos vindeiros 10 anos. É coma cando comezas cunha rapaza, cando empezas é todo paixón pero a medida que vai pasando o tempo moitas veces vaise perdendo esa euforia. Agora está todo o mundo chalado cos médicos e cos agricultores, pero esa chaladura igual pasa en pouco tempo. Vivimos nun mundo no que nos esquecemos moi rápido de todo", sentenza.
Agora está todo o mundo chalado cos médicos e cos agricultores, pero esa chaladura igual logo pasa. É coma cando comezas cunha rapaza, cando empezas é todo paixón pero a medida que vai pasando o tempo moitas veces vaise perdendo esa euforia
Por iso, Javier tamén é dos que opina que hai que agardar para ver como acaba comportándose o consumidor logo de todo isto pero intúe unha tendencia: "os produtos de máis valor, como as fabas de Lourenzá, son produtos que sofren máis en épocas de crise, mentes que os produtos baratos teñen máis saída cando a xente perde poder adquisitivo", pensa.
A xente das cidades até agora pensaba que os agricultores e os gandeiros eramos uns animais que o único que faciamos era acabar co medio ambiente. Eu espero que o que pasou acabe con moita tontería que tiña antes moita xente
Con todo e malia todos os abatares que nesta empresa hortícola pasaron nestas semanas e as incertidumes sobre o futuro, Javier tira algo positivo do acontecido. "A xente das cidades até agora pensaba que os agricultores e os gandeiros eramos uns animais que o único que faciamos era acabar co medio ambiente. Agora non nos ven así, pero xa veremos canto dura iso. Eu espero que o que pasou acabe con moita tontería que tiña antes moita xente. Supoño que teremos cousas nas que mellorar, seguir formándonos e mellorando técnicas de cultivo para ser máis respectuosos co medio ambiente, pero a poboación urbana tense que dar conta, e así se demostrou, que a agricultura, ademais de necesaria, é beneficiosa para o conxunto da poboación, para a humanidade. Ás veces a natureza parece que nos pón a cada un no seu sitio e non quero dicir con isto que haxa nada bo na crise sanitaria actual, pero o que está a pasar tamén é unha ferramenta para nós, os agricultores e gandeiros, para defendernos no futuro. Porque até agora faciamos coma as ovellas e agachabamos a cabeza cando nos atacaban sen ter con que respostar, pero agora temos argumentos que todo o mundo entende", razoa este produtor.

"Esta crise cadra nun ano de reforma da PAC e os cartos da UE vanse ir a outras cousas" (Jordi Ánguez, Cachenas de San Breixo, Triacastela)

Jordi Ánguez é desas persoas nacidas na cidade que valora o rural. Naceu en Barcelona pero trasladouse a Triacastela coa súa familia para cumprir o seu soño e a súa paixón: ser gandeiro. Apostou polas razas autóctonas e Cachenas de San Breixo foi das primeiras gandeirías en comercializar a súa carne por internet, facéndoa chegar directamente ao consumidor final sen intermediarios. Está a vivir o confinamento polo Covid-19 nesta pequena aldea na que a súa casa é a única habitada todo o ano. "O rural revalorizouse, nesta situación é o paraíso. Nós baixamos unha vez á semana a Sarria a comprar cousas que en Triacastela non hai, como pescado, pero extremando o coidado para non contaxiarse". A súa muller, Mireya, ten problemas de inmunodepresión por unha enfermidade previa, un cancro, e é persoa de risco diante do coronavirus.
O rural revalorizouse, nesta situación é o paraíso
Pero na mente de Jordi, coma na de todos os gandeiros, hai outra preocupación. "Se nós caemos, quen coida do noso gando e o alimenta. As nosas explotacións non son fábricas que poidan apagar as máquinas", di. O seu traballo estes días mantense practicamente inalterado malia a pandemia. O modelo de gandeiría que escolleu, con animais de raza autóctona en extensivo, depende pouco de factores externos. Menor dependencia de terceiros "O modelo intensivo pode ser máis rendible, pero tamén ten máis riscos. Nós pechamos máis o círculo e dependemos máis de nós mesmos e do clima para ter pastos, pero non temos as facturas semanais de alimentación que teñen outro tipo de explotacións. Quizais unha das ensinanzas desta crise poida ser optar por sistemas coma o noso, poñer os pés no chan e plantexarse facer as cousas doutro xeito", opina.
Nós pechamos máis o círculo e dependemos máis de nós mesmos e do clima para ter pastos, pero non temos as facturas semanais de alimentación que teñen outro tipo de explotacións. Esa pode ser unha das ensinanzas desta crise
A estratexia que seguen en Cachenas de San Breixo é apostar por un produto de calidade destinado a un público que está disposto a pagar por ela. "A nosa liña é matar unha vez ao mes. O mes pasado fixémolo con normalidade e o próximo sacrificio está programado para finais deste mes. O matadoiro de Sarria xa non mata todos os días, agora xa o limitaron só a 3 días e outros matadoiros como Frilea en Castro tamén fan o mesmo", explica Jordi. Aínda que unha das consecuencias desta crise é que están aumentando considerablemente as vendas por internet, esta gandeiría de Triacastela, que vende a través da súa páxina web, non se puido beneficiar dese repunte. "Nós xa tiñamos lista de espera, estamos servindo só aos clientes habituais, sen coller novos clientes, porque non temos capacidade para producir máis e porque dependemos da loxística, que de momento está a funcionar ben pero non sabemos se tamén se pode ver afectada", di. "Vai haber animais que non van poder saír das explotacións nestas semanas" Agora mesmo, conta Jordi "os envíos están funcionando incluso mellor ca antes porque as cidades están baleiras de coches e as furgonetas de reparto van mellor e máis rápido porque non hai tráfico". "A base fundamental para nós é a loxística, mentres iso non pare non temos maiores problemas, iso é o que a nós nos garante o acceso aos mercados, no noso caso ao consumidor final", explica.
Os prezos dos alimentos non imos poder subilos porque non vai haber poder adquisitivo na poboación
Hai outros produtores de carne, tanto de vacún como doutras especies, que non teñen o mesmo control do punto de venda. "Vai haber animais que non van saír das explotacións nestas semanas, sobre todo aqueles produtores centrados na hostalaría e a restauración e que dependen da canle Horeca para comercializar. Discarlux xa está ofrecendo lotes a particulares para poder ir sancando mercadoría das cámaras dalgunha maneira", conta. Jordi prevé "un problema económico gordo, máis alá do sanitario" e conta cunha redución drástica das axudas da PAC, algo do que si dependen gandeirías como a súa, ubicadas en zonas de montaña e que apostaron polas razas autóctonas. "Esta crise cadrou nun ano de reforma da Política Agraria Común e os cartos da Unión Europea vanse ir a todos os lados menos a nós porque vai haber moitas outras cousas que pagar", pensa. "E os prezos dos alimentos non imos poder subilos porque non vai haber poder adquisitivo na poboación", engade.

"Temos que esforzarnos en comunicar o rural en positivo e contrarrestar as noticias falsas que se lanzan contra o sector"

Luis García e o director do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa de Coristanco e é partidario de aproveitar a actual situación xerada polo coronavirus para poñer en valor o medio rural e o sector agrogandeiro. "Eu penso que podemos sacar varias leccións de todo isto, a primeira é que temos que poñer en valor a importancia do sector primario, un sector moitas veces denostado e infravalorado, acusado un pouco gratuitamente de cuestións como contaminación, cambio climático, maltrato animal e demais. Hai que dar mensaxes certas para contrarrestar e neutralizar campañas orquestadas interesadamente por certos lobbies e trasladar unha imaxe positiva do rural e da profesión de agricultor e gandeiro, explicar que se fan as cousas ben, que se avanzou en trazabilidade, que se producen alimentos de calidade e que arredor das granxas hai ecosistema e coidado da natureza, e o propio sector ten que facer un esforzo de comunicación de todo isto á sociedade porque senón a poboación por si soa non o vai percibir", considera Luis.
Hai que aproveitar para transmitir ideas positivas da profesión, non pintalo sempre todo tan negro
O director da EFA-Fonteboa insiste en tratar de evidenciar a función que ten a agricultura no medio rural máis alá da meramente produtiva. "Detrás da produción hai vida", di. "É necesario que toda a poboación faga unha reflexión sobre o modo de ocupación do territorio, sobre o abandono do rural e sobre os modos de vida actuais, destacando que se pode vivir tamén nos pobos e a interrelación e interdependencia da actividade agrogandeira co territorio", propón.
Eu penso que non imos volver ás andadas cando todo isto pase porque nada vai volver a ser o mesmo e imos ter a partir de agora unha economía de postguerra
Finalmente, Luis considera que a situación actual é unha oportunidade para poñer en valor a economía de proximidade e o valor do local concienciando ao consumidor para que mire a procedencia e a orixe dos produtos que consume. "Eu penso que non imos volver ás andadas cando todo isto pase porque nada vai volver a ser o mesmo e imos ter a partir de agora unha economía de postguerra", conclúe.

"Haberá unha desbandada das grandes cidades cara ao rural baleirado" (Alberto Saco, sociólogo da Universidade de Vigo) 

Alberto, sociólogo experto en demografía e migracións, coa pirámide poboacional galega (Foto: UVIGO) Alberto Saco, é sociólogo da Universidade de Vigo no campus de Ourense e leva décadas estudando a despoboación do rural galego e o movemento incesante de poboación cara as vilas e cidades pero pensa que a crise sanitaria actual provocará un movemento en sentido contrario. "Evidentemente estanse vendo as feblezas do modo de vida que seguía a maior parte da poboación e estou seguro de que vai haber un movemento de poboación cara ao rural baleirado", opina. "O rural ten unha posición de vantaxe que ten que aproveitar, con esta crise moita xente está cambiando a súa percepción e o concepto de vida digna e penso que haberá un goteo constante de xente do urbano cara ao rural. Agora ese movemento non será por ideoloxía nin por voluntarismo, senón por necesidade, porque situacións como a actual poden volver pasar en máis momentos", xustifica.
Historicamente os cambios sociais sempre se deron por acontecementos traumáticos. É como unha curva na estrada, ata que se matan catro mozos e un deles é o fillo do alcalde non se rectifica a curva
"As desgrazas están para aprender delas. O modo de vida que se levaba non era viable nin sustentable, pero se non fose por isto quizais nunca fosemos quen de darnos conta e correxir o rumbo. Historicamente os cambios sociais sempre se deron por acontecementos traumáticos. O cambio social é coma unha curva na estrada, ata que se matan catro mozos e un deles é o fillo do alcalde non se rectifica a curva", compara.
Na Idade Media a xente tamén fuxiu das cidades por mor da peste e repoboáronse zonas como a Ribeira Sacra
E pon exemplos doutros momentos históricos nos que se rompeu a tendencia imperante. "Na Idade Media a xente tamén fuxiu das cidades por mor da peste e repoboáronse zonas como a Ribeira Sacra", lembra. Máis recentemente, di, "habitantes das cidades en EEUU noutras crises económicas reflexionaron que era mellor gañar a metade e vivir mellor e marcharon das grandes urbes". "Neste penoso e cada vez máis longo encerro, moitos miran con envexa aos que estamos nas aldeas, porque ademais de en Sanxenxo, a xente das cidades buscou refuxio no rural e nas aldeas", afirma. "É un xiro de 180º, non vai ser algún caso illado de urbanitas os que virán, penso que non vai ser unha moda nin un cambio coxuntural, senón algo estrutural, penso que vai haber un movimento que se vai producir de maneira masiva cara ao rural e cara as zonas menos poboadas", considera. Iso si, a renglón seguido tamén aclara que é un optimista nato. Confinado entre veciños Alberto está illado na súa casa de Santa Cruz de Rubiacós, unha aldea pertencente ao concello de Nogueira de Ramuín que só ten sete veciños e á que se mudou a vivir o ano pasado. Antes pasara sete anos como único habitante da aldea de Espartedo.
No rural asúmense as desgrazas con outra filosofía, porque a xente está acostumada a que ás veces as cousas saen mal, que estás coidando a horta con esmero e vén unha xeada e quéimacha
Despois dunha semana dura tras contaxiarse de coronavirus e confinado sen saír da súa casa reflexiona: "Teño parentes en México DF, Madrid e Nova York. Non me gustaría estar pechado nunha cidade desas". "Nas cidades perdeuse o de axudar ao veciño. A xente saíndo aos balcóns está coñecendo aos veciños, persoas que vivían pegadas e que non sabían nin que existían. A vida na cidade é moi egoísta e moi individualista, todos contra todos, e non hai sociedade posible así. No rural sempre hai roces entre veciños, pero á hora da verdade, cando fai falla, a xente vólcase, e iso hai que valoralo. Ter unha comunidade que che dá soporte e axuda é importante, a xente agora con isto valórao", di agradecido dos seus veciños, que lle traen todo o que precisa. Quizais porque, como el mesmo di, "no rural asúmense as desgrazas con outra filosofía, porque a xente está acostumada a que ás veces as cousas saen mal, a que estás coidando a horta con mimo todos os días e de repente ven unha xiada e quéimacha toda", Alberto, que se desprazaba a diario a dar clases ao campus de Ourense, toma con humor e filosofía o seu contaxio. Pola contra, afirma, "moita xente nas cidades non estaba acostumada ás desgrazas, porque pensaban que a vida era segura e consistía en ir traballar á oficina todos os días e cobrar a fin de mes". Seguridade alimentaria Este sociólogo defensor do rural considera que estamos diante dun cambio de sistema. "A xente que non pense que cando isto pase volveremos de novo á normalidade, volveremos, en todo caso, a outra normalidade, pero a vida á que estabamos acostumados non ten retorno", afirma.
A meirande parte dos alimentos que consumimos viaxan centos ou milleiros de quilómetros e semellan feitos de plástico. Visto o visto non soa nin eficiente nin moi seguro
"Imos ter que vivir todos cunha austeridade notable e nese novo escenario cobra unha maior importancia a seguridade alimentaria", di. "En Portugal xa sacaron a raíz de todo isto unha lei para favorecer a produción local e de proximidade. A meirande parte dos alimentos que consumimos viaxan centos ou milleiros de quilómetros e semellan feitos de plástico. Visto o visto non soa nin eficiente nin moi seguro", afirma. Autor de ensaios como A parroquia global ou A avenida das utopías, Alberto critica que "esa présa por vivir, esa insatisfacción permanente levounos a separarnos da terra" e fai unha proposta de cara ao futuro inmediato: "As cidades precisan de produto local fresco e de tempada. Máis que nunca. Os habitantes do rural, rendas para poder seguir adiante. É necesaria a posta en acto da función social da propiedade consagrada na nosa Constitución para poder poñer a producir as terras que non o fan".

"Unha das cousas que estamos comprobando é o valor que ten que nós produzamos o que consumimos" (Lourenzo Fernández Prieto, historiador da USC)

Lourenzo Fernández Prieto forma parte do grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela e destaca que "unha das cousas que estamos comprobando estes días é o valor que ten que nós produzamos o que consumimos. Vese a respecto da produción manofactureira, por exemplo coa dependencia de China nas máscaras e nos produtos sanitarios, pero tamén o estamos empezando a apreciar tamén xa dunha maneira clara no noso consumo alimentario. Nos últimos 30 anos afixémonos a que non había unha relación entre o que producimos e o que consumimos e, de feito, hai moitas cousas que xa non producimos, moitos alimentos que importamos", advirte. "Nas vindeiras semanas penso que vai haber problemas de abastecemento de certos produtos porque non se vai apañar a froita alí onde se produce e o mesmo vai acontecer con outras producións. E iso debería levarnos a unha reflexión e é por que todas as fresas teñen que vir de Andalucía e todas as mazás de Lleida", pregunta Lourenzo. A hiperespecialización e a economía de escala como tótem da produción Este estudoso da historia agraria cre que esta é "unha ocasión de ouro para facer evidente os ciclos curtos e os mercados de proximidade" e o erro da "hiperespecialización produtiva e a economía de escala como tótem". "En Galicia conservamos a diversificación agrogandeira durante moito tempo e penso que é o momento de recuperala", engade.
Por que todas as fresas teñen que vir de Andalucía e todas as mazás de Lleida?
"Este é o momento de facelo, non chega con dicilo, porque en calquera crise a solución historicamente deriva de como se posicione a sociedade", di. Recuperando a diversidade produtiva do rural galego lograriamos, a xuízo de Lourenzo, solucionar tamén en boa medida o problemas sanitario actual da rapidez de contaxios de virus como o Covid-19. "A biodiversidade e as barreiras naturais vinculadas á natureza frean os virus. Refírome á natureza manexada e iso chámase multifuncionalidade agraria e cabanas gandeiras complexas de razas diferentes. A forma orgánica de producir que historicamente tivemos permite ter as poboacións separadas porque esas formas orgánicas de produción agraria, que eran as que había en toda Europa e tamén aquí en Galicia, obrigan a estar espallados no territorio", explica.
A diversificación e a multifuncionalidade agraria crean barreiras naturais que frean a propagación dos virus
"Non é volver ao pasado, é recuperar o que temos e o que sempre tivemos, a horta, as froiteiras, en vez dos monocultivos. No pasado temos moitas receitas para gañar o futuro", engade. "No pasado temos moitas receitas para gañar o futuro" "Acabamos de parar o mundo. Os que diciamos que había que parar o crecemento para garantir a sustentabilidade vemos con esperanza a situación actual. Trátase de facer as cousas doutra maneira, porque mercado sempre tivemos, a xente sempre foi vender á feira, pero era un mercado diferente ao actual mercado financieiro capitalista", di. Pero Lourenzo advirte tamén de riscos nese novo plantexamento derivado da crise do coronavirus. "Estannos poñendo diante unha disxuntiva que non é real, non hai que escoller entre economía e saúde ou entre liberdade e saúde. Eses son os dilemas que non hai que aceptar porque son compatibles todos eses conceptos pero facendo as cousas doutro xeito que até agora", remata.

Curtis acolle o vindeiro 14 de marzo as IV Xornadas do Rural

O Recinto Feiral de Curtis acollerá o vindeiro 14 de marzo as IV Xornadas do Rural que desta volta consistirán nunha xornada monográfica sobre as distintas posibilidades e estratexias de Desenvolvemento Rural.

Con entrada de balde, distintos expertos da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias abordarán posibilidades como as que ofrecen os produtos agroalimentarios artesáns ou a interrelación entre o medio rural e as cidades.

As distintas ponencias, que presentará o alcalde da localidade, Javier Caínzos, correrán a cargo de Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e de Jaime Izquierdo Vallina, experto en desenvolvemento rural e comisionado para o Reto Demográfico do Principado de Asturias.

Esta IV Xornada do Rural dará comezo ás 10:45 horas e a clausura está prevista para as 14:30 horas.

Programa completo:

“Responsabilízase do cambio climático á produción de alimentos, en lugar de buscar solucións na aldea”

O ensaísta Jaime Izquierdo Vallina abordou a situación actual do rural, afectado polo abandono e o envellecemento da poboación, en varios dos seus traballos. O seu coñecemento deste tema valeulle que actualmente ocupe o cargo de Comisionado para o reto demográfico do Goberno do Principado de Asturias. No seu último libro A cidade agropolitana / a aldea cosmopolita, publicado a finais do ano pasado, entrou de cheo en analizar a situación do rural. Izquierdo Vallina incide nun novo enfoque e un cambio de paradigma para resolver o desgaste e o abandono que sofre o rural desde hai anos. -No seu último libro parte da idea de que a relación entre a cidade e a aldea está rota e que é preciso reconstruíla, a que se debeu esa ruptura? A ruptura marcouna a revolución industrial, xa que a partir dese momento ponse en marcha unha forma de produción na que xa non se necesita aos aldeáns que son substituidos pola industria agroalimentaria. Dáse tamén outro fenómeno que ten que ver cun cambio nas preferencias na alimentación. Até os anos 50 do século XX, a alimentación de proximidade era a que nutría as cidades e agora estamos inmersos nunha alimentación global. Sustituíuse ao campesiño polo agricultor industrial intensivo, entrou gran capital na produción e a partir de aí entran tamén as multinacionais e a distribución alimentaria. Basta con abrir a neveira para comprobar que na maioría de fogares unha boa parte dos alimentos proceden de lugares moi distantes.
“Téndese a culpabilizar ao alimento, en lugar de fixarse na forma de producir ese produto”
-En que outros aspectos nos afecta que esta relación estea rota? Outra das consecuencias desta ruptura, e que apenas se valora pese a súa transcendencia, ten que ver co cambio climático. Adóitase responsabilizar á produción industrial de alimentos en lugar de buscar a solución na aldea. Así, por exemplo, recrimínase que se produza carne con soia traída de países afastados e que xera unha contaminación, pero só se culpabiliza e non nos centramos en valorar que no pasado, cando a aldea tiña un maior peso, ese problema non era tan grave. Téndese a culpabilizar ao alimento en lugar de fixarse na forma de producir ese produto. Ultimamente está a se utilizar unha expresión moi acertada para entender este concepto: “Non é a vaca, é o como” para explicar que a gandaría extensiva e a produción local de alimentos non xeran un impacto tan brutal no cambio climático. Reivindicamos o papel da aldea porque cremos que nela están as solucións. -A súa proposta acuña o concepto de ‘aldea cosmopolita’. Como é esta aldea? A aldea cosmopolita debe de facer dúas cousas: Por unha banda, debe retomar os principios agroecológicos orixinais, que combinaban a produción de horta coa gandaría e o monte, todos eles relacionados e complementándose. Doutra banda, agora ten a posibilidade de abrirse ao mundo de man da tecnoloxía e así, se a aldea quere pode volverse cosmopolita. A única limitación virá da orixinalidade e xa non da falta de comunicación, como ocorría outrora. Antes, por moi orixinal que fosen os produtos da aldea a súa expansión estaba limitada á urbe máis próxima, agora pode expandirse moito máis, aínda que aínda quedan limitacións neste sentido xa que moitas aldeas carecen desa tecnoloxía que o permita, pero polo menos, a tecnoloxía da comunicación virtual xa existe.
“A aldea cosmopolita é aquela que retoma os principios agroecolóxicos e se abre ao mundo con propostas innovadoras”
A aldea cosmopolita é aquela que retoma os principios agroecolóxicos e se abre ao mundo con propostas innovadoras que permiten relacionarse con mercados. Esta é unha gran novidade que pode permitir o retorno á aldea e desterrar esa concepción de ‘aldea maldita’, froito do pensamento industrial, unha época na que foi anulada e por iso a día de hoxe está ao bordo da extinción. Nun pensamento postindustrial, a aldea debe dar moitas solucións aos problemas derivados desa concepción industrial. -A tecnoloxía será clave para esta nova transformación da aldea? É fundamental en dous sentidos: Por unha banda, as novas tecnoloxías da comunicación e por outro, será clave o rescate innovador das tecnoloxías ou formas de organización do pasado. Temos que incorporar novas tecnoloxías pero tamén rehabilitar vellas técnicas que nos facilitan o día a día. Ás veces, damos por sentado algúns métodos tecnolóxicos polo cotiáns que son, como a auga corrente... O mesmo ocorre con algunhas formas de organización que tiñan nas aldeas e que se perderon pero que resultaban moi útiles, por exemplo as vecerías, unha repartición de tarefas perfectamente regulada que organizaba o pasto do gando dunha forma comunitaria, de maneira que un só veciño encargábase cada día de levar o rabaño integrado por todos os animais da aldea. Esas formas de organización son moi interesantes para superar un dos problemas que máis afecta aos gandeiros hoxe en día, o tempo liberado. Son formas de organización en desuso pero que poden servir de inspiración. Moitas veces cando repasamos conceptos da nosa sociedade como a enerxía renovable dámosnos conta que a aldea se movía xa en base a eles. Esas formas innovadoras e antigas de xestionar o traballo, que non se consideran tecnoloxía, creo que deberían considerarse como tal, xa que contribúen a liberar a carga de traballo.
“Ó igual que ocorre noutros sectores, temos que conseguir un prototipo de aldea e verificar que funciona antes de replicalo”
-Cada vez fálase máis do despoboamento do rural, pero son poucas aínda as accións concretas para favorecer un regreso ao campo, en que liñas cre que é preciso actuar? O primeiro que se debe facer é un prototipo de aldea. Trátase de, en base ás teorías que explicamos, abordar a posibilidade de polo en práctica e deseñar unha aldea que funcione con estes principios. É o mesmo que ocorre en sectores como a automoción, onde os fabricantes de coches antes de sacar un novo modelo en serie realizan distintas probas co prototipo, nós temos que conseguir ese prototipo de aldea e verificar que funciona antes de replicalo. O mesmo pasou co turismo rural. Hai 30 anos ninguén sabía como podía resultar este tipo de turismo e houbo que facer iniciativas experimentais neste campo. -Cales considera que son actualmente os maiores obstáculos para que o campo e a aldea sexa unha alternativa? Hai tres elementos que van ser consustanciales e onde reside a dificultade. Por unha banda está a comunidade, é dicir, a capacidade de actuar de forma concertada no territorio cun obxectivo común. É o mesmo que ocorre nos equipos de fútbol ou nas bandas de música que perseguen, en común, un mesmo propósito. Outro dos piares é a dignidade, un concepto moral que reivindica o traballo na aldea, xa que o traballo do aldeán producindo alimentos é tan digno como un oficio na cidade. Ademais, non só é digno no sentido de que estea ben retribuido senón que esa dignidade tamén implica que é unha profesión que a quixese para os meus fillos, xa que actualmente aínda se busca que os fillos se marchen á cidade porque non consideramos que a aldea sexa unha alternativa de éxito ao asociarse a un modelo moi atado e escravo. Aí é onde entra a comunidade, xa que se es gandeiro a comunidade pode axudarche a romper ese modelo tan atado de ter que estar 365 días coidando do rabaño. Se a gandaría fose de toda a aldea, iso permitiría ter tempo libre. En definitiva, a comunidade dáche forza para afrontar procesos que en solitario é máis difícil.
“A aldea cumpre unha función xa non só na economía local, senón para mellorar as condicións do territorio”
O outro elemento polo que é importante a aldea é a funcionalidade. A aldea cumpre unha función xa non só na economía local, senón para mellorar as condicións do territorio: prevén incendios, fomenta a biodiversidade, produce alimentos practicamente sen pegada de carbono... Estes son o tres armazóns da aldea do futuro e é tamén onde reside a dificultade xa que o individualismo tamén está a afectar á aldea. -España é dos países máis despoboados de Europa. Considera positivo tomar exemplos doutros países para afrontar esta problemática? Que iniciativas foráneas considera interesantes para aplicar co obxectivo de frear a sangría demográfica do campo? É moi difícil copiar exactamente modelos doutros lugares pero si son, en moitos casos, inspiradores. De novo tomando como exemplo o turismo rural, Francia foi o pioneiro en pór en marcha iniciativas rurais en contraposición do turismo industrial. Inspirámonos naquelas propostas e agora pode pasar algo semellante. Cando aínda non hai unha solución clara o que temos é que inspirarnos no que algúns chaman iniciativas de transición, é dicir, propostas de escala local que aspiran a concretar todas as iniciativas globais, levándoas á práctica e vendo que funcionan. Eu son partidario en inspirarnos noutros exemplos realizados por distintos países. -Nos últimos anos, no caso de Galicia houbo iniciativas por parte da administración autonómica para fixar maior poboación no rural que pasaron por reducións fiscais, pero que tiveron un mínimo impacto polo momento, poden realmente ser efectivas estas políticas para frear esta situación? Unha soa medida non vai solucionar a problemática, xa que é un problema con moitas implicacións. Aínda que, este tipo de medidas fiscais poden formar parte da solución. Un trato fiscal diferenciado para eses negocios que hai nos pobos, que ademais de xerar unha actividade económica tamén teñen un labor social, é unha medida máis para evitar que pechen, igual que se pode recorrer a outros mecanismos de incentivo. O goberno galego está agora impulsando as súas chamadas ‘aldeas modelo’, que é unha proposta na que temos a vista posta para ver como resulta, xa que estamos todos tentando ver o que se vai facendo para tratar de aprender das experiencias que se van aplicando.

“A solución para o rural virá coa superación da sociedade industrial”

-Do mesmo xeito que Galicia e Asturias, outras comunidades como as dúas Castelas, Aragón ou A Rioxa tamén se atopan nunha situación crítica en canto a despoboamento rural, e as previsións para os próximos anos até hai pouco para todas elas tampouco parecían ser moi esperanzadoras, segue a mesma tendencia? As previsións seguen sendo moi malas, todo parece indicar que aínda non tocamos fondo. Creo que a solución para esta situación virá cun cambio de paradigma, motivado pola superación da sociedade e o ordenamento industrial que dará paso a un tempo postindustrial. Non se trata de liquidar a sociedade industrial senón de sucedela, sacando dela o mellor para seguir téndoo no futuro e eliminando o que nos prexudica.
"Non se trata de liquidar a sociedade industrial senón de sucedela, sacando dela o mellor e eliminando o que nos prexudica"
Exactamente igual que ocorre cando se expón rescatar a sociedade aldeá preindustrial, para o que haberá que recuperar os seus principios agroecolóxicos e superar cuestións como a separación de roles e a discriminación cara á muller, xa que aínda que a muller era clave para a aldea era a máis desfavorecida. Isto non será un cambio inmediato senón que haberá unha transición. -É posible deixar de ver o despoboamento como un problema e velo como unha oportunidade? Certamente é un problema pero a clave moitas veces está en converter os obstáculos en potencialidades. Se conseguimos superar esta situación será grazas a que conseguimos facer realidade os conceptos que manexamos e logramos axustalos ao que necesitamos.

De Heus: primeira empresa do sector da alimentación animal en ser Baby Friendly

A empresa de nutrición animal De Heus acaba de asinar un acordo coa empresa BebeDeParís e convértese con iso na primeira compañía do sector da alimentación animal en ser Baby Friendly Company. O obxectivo principal desta iniciativa é dar facilidades e apoio a aqueles traballadores entre 25 e 45 anos que decidan ter fillos a través dun programa de acompañamento de 12 meses.

En 2018 España rexistrou a taxa máis baixa de natalidade en 20 anos con 372.777 nacementos polo que para De Heus é importante impulsar este tipo de accións

“Ter fillos debe ser sempre motivo de celebración, queremos que os nosos empregados se sintan acompañados pola empresa nunha das etapas máis importantes das súas vidas. Por iso, mediante a iniciativa Baby Friendly Company pretendemos apoiar e axudar aos novos pais e nais de De Heus tanto profesional como persoalmente, e farémolo demostrándolles que van poder conciliar con éxito a súa nova situación familiar e a súa carreira profesional. Ademais, as empresas deben demostrar que son sensibles aos problemas sociais, e o grave descenso da natalidade en España evidencia a necesidade de implementar políticas efectivas de axuda ás familias”, explica Susana Arrojo González, directora de Recursos Humanos da compañía.

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2018 España rexistrou a taxa máis baixa de natalidade en 20 anos con 372.777 nacementos. No que respecta ao primeiro semestre deste ano, o descenso continúa e unicamente se rexistraron 17.074 nacementos.

Por este motivo, De Heus decidiu unirse ao club de empresas Baby Friendly formado por Seat, Volkswagen, Sareb, Peppermoney, NorteHispana, Atlantic Copper, Azucreira, entre outras, esperando servir de exemplo para outras empresas do sector.

Modernización de oficinas e centros de traballo

A multinacional holandesa de alimentación animal, fortemente implantada en España e en Galicia, modernizou as súas oficinas e centros de traballo e cambiou a oficina central a un espazo aberto, moderno e con luz natural que fomenta a comunicación e que busca que o empregado se sinta motivado e inspirado; participou nos Inspiring Games de AON con fins solidarios para fomentar hábitos de vida saudables entre os seus empregados e involucrarlos neste tipo de accións; levou a cabo a flexibilización de horarios para permitir unha maior conciliación da vida laboral e persoal; colaborou con diversas ONG a través da participación activa de voluntarios, como na Gran Recollida do Banco de Alimentos da Coruña do mes de novembro. Tamén en Nadal queren demostrar o seu lado máis solidario colaborando coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) na campaña de venda de bastóns máxicos para recadar fondos.

“Para que unha empresa medre, todas as engrenaxes dela deben ir ao compás e funcionar correctamente. Como director xeral de De Heus Iberia é o meu deber conseguir que todos os empregados que traballan aquí se sintan a gusto e implicados. Estes son só os primeiros de moitos cambios que pensamos ir implementando ao longo do 2020. De Heus Nutrición Animal é unha empresa próxima e familiar onde nos gusta celebrar as boas noticias e logros dos nosos empregados”, conclúe Jean François-Honoré, responsable da empresa na península.

Dez compromisos a favor da conciliación

Os dez principios que se compromete a seguir a compañía De Heus como empresa Baby Friendly serán:

1. Ofrecer horarios razoables que permitan ao empregado/a conciliar a vida laboral e profesional.
2. Non discriminar polo feito de ser pais.
3. Transmitir apoio e a alegría polo anuncio dunha futura maternidade/ paternidade.
4. Obsequiar ao empregado/a no momento do nacemento do bebé.
5. Ofrecer información aos seus empregados sobre os seus trámites e dereitos legais por paternidade/maternidade.
6. Ser flexible ante a realidade á que se enfronta cada empregado na súa nova situación parental.
7. Mostrar flexibilidade respecto a trámites con pediatras, urxencias médicas e reunións escolares.
8. Apoiar o seu crecemento laboral sen discriminación por sexo pero especialmente ás mulleres que teñan fillos e que queiran aumentar as súas responsabilidades.
9. Respectar o tipo de baixa que elixan os seus empregados: maternal, paternal ou compartida.
10. Innovar ao ofrecer aos novos pais as ferramentas para desenvolver e mellorar a súa función de pais.

Baby Friendly Companies é unha iniciativa de BebeDeParis para atraer e fidelizar talento de persoas entre 25 e 45 anos que queren ter fillos

Ademais disto, De Heus tamén está a impulsar a súa política de Responsabilidade Social Corporativa cun conxunto de accións que se desenvolveron ao longo do 2019 en liña coa transformación cultural que queren transmitir aos empregados, clientes, provedores e comunidades nas que están presentes. Deste xeito, demostran que son unha empresa que quere contribuír ao desenvolvemento económico sustentable por medio da colaboración cos seus empregados, as súas familias, a comunidade local e así mellorar a calidade de vida de todos eles.

A Galicia baleirada a debate o día 27 de setembro en Viana do Bolo

E o despoboamento unha causa ou un efecto? Cal é a situación en Galicia? Existen alternativas ou debemos afacernos a esta realidade? Estas son algunhas das inquedanzas que se tratarán de responder na xornada “A Galicia Baleirada”, que terá lugar no Salón de Actos da Casa do Concello en Viana do Bolo (Ourense) o venres 27 de setembro. A xornada é de carácter gratuíto e está aberta a todo o público interesado. A rede REVOLTA, composta por oito grupos de investigación, xunta a 15 investigadores/as e unha poeta co obxectivo de afondar nunha preocupación social cunhas dimensións transcendentais para o futuro de Galiza. Velaquí o programa da xornada, que conta coa colaboración do Concello de Viana do Bolo: -9:00- 9:30 BENVIDA: Lourenzo Fernández Prieto e Secundino Fernández -9:30- 11:30 MESA DIAGNOSE. “A situación demográfica actual”, por_Edelmiro López Iglesias “A demografía dende a historia”, por_Isidro Dubert “O rural morre cando se van as mulleres”, por_Alba Díaz Geada “Persoas e usos do territorio”, por_Eduardo Corbelle 11:30 – 12:00 CAFÉ E POESÍA_de Nieves Fernández Vidueira 12:00- 14:00 MESA SOBRE ALTERNATIVAS_ “Cara unha transición agroecolóxica (aprendizaxes do pasado)”, por_David Soto “As políticas agrarias e o despoboamento”, por_Mar Pérez Fra “Usos que non necesitan xente”, por_Emilio Carral e Teresa Rodríguez “O rural non baleirado”, a cargo de_Xavier Simón 14:00 – 14:30 DEBATE E CONCLUSIÓNS

Descarga aquí o programa completo da xornada.