Archives

“Para fixar poboación no rural hai que crear emprego, fomentar a inclusión social e dar servizos”

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Ordes intervén en 7 concellos e ten máis de 120 socios. Nestes momentos, continúan con proxectos que arrancaron nos últimos compases do anterior período, e dispóñense a centrar unha liña de traballo para a nova estratexia. Polo momento, as súas prioridades están claras: apostar polas novas tecnoloxías, dar servizos á poboación -principalmente terceira idade e infancia-, fomentar a incorporación de mozos e mozas á actividade, e apoiar o sector agrogandeiro, principalmente de cara a transformación. O xerente deste Grupo, Domingo Lojo, leva máis de 20 anos presente na súa actividade. A pesar de que percibe cambios no reparto e na xestión orzamentaria, entende os desafíos aos que se deben enfrontar, entre os que destaca a necesidade de fixar poboación. Deste xeito, falamos con él para que nos dese máis información ao respecto, e tamén para ver a traxectoria dos últimos anos. Qué presentación pode facer do GDR Comarca de Ordes? A nosa actuación como Grupo de Desenvolvemento oriéntase a 7 municipios: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, cunha poboación conxunta aproximada duns 36.000 persoas. O punto no que máis se concentra é Ordes, que ten 12.000 habitantes, e logo están Oroso como cidade dormitorio de Santiago, e Cerceda como núcleo industrializado, e os outros catro concellos, con menor densidade de poboación e que son eminentemente rurais. Ademais dos 7 concellos, no GDR hai uns 114 socios privados máis, desde cooperativas agrarias ata asociacións culturais, deportivas, etc. A que axudas e proxectos  -tanto públicos como privados- se orientaron os fondos Leader nos últimos anos? Nós temos dúas tipoloxías de proxectos fundamentalmente, que son os productivos, orientados ás empresas, e os non productivos que son os que promoven os concellos e asociacións. Debido á escaseza de fondos que tivemos neste período -que houbo 3 millóns de euros para proxectos a repartir en cinco anos- apostamos en maior medida polos proxectos produtivos que son os que xeran emprego e fixan poboación, e dentro dos non produtivos, deuselle prioridade a temas sociais, culturais e medioambientais, e en xeral, dotar de servizos á poboación rural.  Entre os proxectos promovidos polos concellos, podemos destacar a creación un Punto de Atención á Infancia (PAI) que da servizo a dous concellos, a recuperación dunha área sensible medioambientalmente (As Brañas de Valga), roteiro do rio Mercurín,  a rehabilitación de inmobles para locais sociais destinados a actividades de asociacións, modernización de bibliotecas municipais, etc.
Unha das nosas prioridades é dotar de servizos á poboación rural por iso apoiamos principalmente proxectos sociais, culturais e medioambientais (Domingo Lojo)
En canto aos produtivos, é dicir, aqueles cuxos promotores son empresarios ou empresas, temos que salientar que contamos cunha limitación no sector agrogandeiro, xa que a Xunta non permite subvencionar ao abeiro do Leader proxectos de máis de 30.000 euros de investimento en produción agraria, e de 60.000 euros en transformación e comercialización de produtos agrarios. Ese importe resulta na maioría dos casos insuficiente para acometer ese tipo de investimentos, pero aínda así, subvencionamos un obrador de transformación de produtos cárnicos, a modernización de unha empresa de fabricación e comercialización de produtos lácteos (Casa Grande de Xanceda), e mesmo demos apoios a algunhas granxas para o emprego de enerxías alternativas. Aparte do sector agrario, tamén se axudou a outras actividades en distintos ámbitos, tales como:  modernización de carpinterías de madeira, creación de plataforma online de subasta de madeira, comercialización de cebo para pesca, albergues turísticos, etc no que a prioridade foi promover a innovación. Tamén axudamos a algunhas cooperativas gandeiras na comercialización de produtos. Gráfico co reparto de fondos entre proxectos productivos e non productivos do período anterior./ Fonte: GDR Comarca de Ordes Ademais destas levastes a cabo outras iniciativas? Si, o propio grupo levou a cabo proxectos de animación e promoción territorial con marcado carácter social como a elaboración dun documental e un proxecto educativo en contra da violencia de xénero e que levan como nome “Murmurios de Silencio” no que se lle da voz a vitimas de violencia de xénero da nosa comarca e no que colaboraron o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes e a Secretaría Xeral de Igualdade. Nun ámbito diferente, levamos a cabo o proxecto “O Camiño que nos une” que mesturaba andainas, coñecemento do territorio, emprendemento musical e valorización de produtos locais.  Que perspectivas de futuro tedes para os proxectos de investimento neste novo período? Nestes momentos estamos no proceso de delimitación de obxectivos e de decisión das accións que queremos implementar no período 2023-2027, polo que temos que ir centrando a liña de traballo de acordo aos fondos Leader e ás directrices da Xunta, tendo en conta a escaseza de fondos coa que contamos. Aínda que estamos comezando con ese proceso, podemos dicir que os proxectos relacionados coa atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes, así como a aplicación das NNTT, a creación de emprego, e o desenvolvemento sostible. Do mesmo xeito, na comarca temos moito tecido agrogandeiro, e a pesar de limitacións que se non impoñen, imos tratar de apoialo, principalmente no apartado de transformación, para que o valor engadido dos produtos quede no territorio. En definitiva, as liñas de actuación para o seguinte período queremos centralas nos tres piares das sustentabilidade: económico, ambiental e social.
Nesta convocatoria todos os temas relacionados con atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes (Domingo Lojo)
Traballastes en conxunto con outras Asociacións ou Grupos de Desenvolvemento Rural. Que proxectos estades levando a cabo? Efectivamente, en proxectos de cooperación traballamos fundamentalmente en dous eidos: novas tecnoloxías pero facendo fincapé no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Exemplo disto pode ser a iniciativa ‘Museos vivos’ pola cal, pretendemos que aqueles museos do territorio que quedaron pechados por diferentes motivo, abríronse de novo cun sistema de apertura dixital, e a axuda  de audioguías e videoguías. No sector primario, apoiamos á Administración na dinamización da Lei de Mobilidade de Terras, a través de dous proxectos: un deles baséase na figura das  Permutas de Terra Agraria, no que participamos con outros dous grupos (Comarca de Lugo e Pontevedra Norte), e o outro, “Paisaxes Intelixentes” pretende levar a cabos procesos de planificación participada para xerar iniciativas piloto de paisaxes intelixentes nos núcleos rurais dos territorios participantes, que contribúan ao desenvolvemento de figuras de mobilidade das terras agrarias como mecanismos para recuperar as paisaxes. Neste último proxecto, participamos 5 GDRs dos que cada un elixe unha temática paisaxística que queira desenvolver no seu territorio; tanto nós, como o GDR Costa da Morte priorizamos a recuperación de variedades fitoxenéticas tradicionais e a implementación de campos de ensaio de novos recursos fitoxenéticos.  Hai algunha novidade para o seguinte período de progamación? As novidades, así a bote pronto, pódense resumir nas seguintes:  teremos moitos menos recursos económicos para xestionar a estratexia; haberá  obrigatoriamente unha liña de formación con moi pouca dotación económica, e que antes era optativa; a inclusión do importe da  cooperación no cadro financeiro dos grupos que ascenderá ao 5% do total da estrategia e a implementación do Bono Activa Rural cunha axuda a tanto alzado. Polo resto é bastante semellante ao anterior, tan só que nos temos que adaptar aos novos retos e obxectivos da Política Agraria Común, claro. Como valora a dinamización e desenvolvemento rural nos municipios que comprende o GDR? O incremento da carga administrativa que recae sobres os equipos técnicos dos GDR, a burocratización dos procesos e a diminución de fondos, dificultan as tarefas de animación territorial. Con todo, o grupo realizou un esforzo moi importante para a promoción e a animación do territorio que comeza a dar os seus frutos, e proxectos como “O camiño que nos une” deberíase realizar anualmente. En canto ao desenvolvemento rural, debemos entender que nese concepto inclúense tanto as iniciativas agrogandeiras, como aquelas que se levan a cabo noutros sectores, e que teñen por obxecto a diversificación económica do territorio, e neste eido avanzouse bastante na Comarca de Ordes. 

A Asociación de GDR pon en marcha catro grupos temáticos de traballo para promover accións estratéxicas no rural galego

A asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia acorda a posta en marcha de catro grupos temáticos de traballo para promover accións estratéxicas no rural. A medida foi un dos eixes da súa Asamblea Ordinaria, presidida por José Antonio Santiso Miramontes e celebrada este martes na sede do GDR Pontevedra Norte en Lalín. Estes 4 grupos temáticos están divididos en eixos estratéxicos que teñen como obxectivo poñer en valor novos proxectos de colaboración entre grupos e unha maior inversión no rural. Están divididos en Auga e Enerxía. Cambio climático e innovación ambiental, Recuperación de terras agrarias. Ferramentas para a xestión do territorio, Produtos agrolimentarios. Potenciación do sector agropecuario e Turismo en zonas rurais. Deste modo, cada grupo de desenvolvemento rural puido seleccionar as áreas temáticas segundo os seus intereses e en liña coa estratexia local que vaia a desenvolver nos próximos anos. Estes grupos de traballo contan con dúas fases principais, unha primeira, na que se identificarán outros actores públicos e privados para ir incorporándoos sempre que estean vinculados a cada unha das áreas. E unha segunda fase, de creación de plans de acción para incorporar nos seus respectivos plans estratéxicos. Na asemblea tamén aprobaron as actuación levadas a cabo no 2022 e as accións previstas para o 2023. Acordaron seguir na mesma liña de actividades que son de interese común a todos os grupos, como son as visitas e actividades entorno ás estratexias territoriais, ás formación específicas e as xornadas sectoriais nas que se abranguen temas como os polígonos forestais ou as aldeas modelo.

Xornadas en Lalín sobre a remuda xeracional e a transición tecnolóxica no sector agrícola gandeiro

O Concello de Lalín organiza o ciclo de conferencias Lalín Conecta, xornadas sobre a remuda xeracional e a transición tecnolóxica no sector agrícola e gandeiro. As intervencións tratarán de motivar e impulsar a xeración de redes entre profesionais e empresas desde un punto de vista de substitución xeracional no sector agroalimentario galego con aplicacións de economía circular. O obxectivo das xornadas será identificar e dar a coñecer exemplos inspiradores e fórmulas de promoción do talento no sector agrícola e gandeiro e exemplos de relevo xeracional e de salto á transición tecnolóxica. Participarán un total de 18 conferenciantes e referentes a nivel local, autonómico e nacional no sector agroalimentario. As xornadas celebraranse 6, 9, 13 e 16 de febreiro no auditorio da biblioteca municipal de Lalín. Nelas poñeranse en valor as referencias de emprendedores relevantes que sirvan de guía e exemplo no sector. Desenvolveranse en horario de 10.30 a 13.00 horas. Estas xornadas están dirixidas a centros educativos da cadea agroalimentaria, emprendedores, colectivos con dificultades de acceso ao emprendemento e en especial ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade. As persoas que desexen participar de balde poden inscribirse en: lalinconecta@gmail.com.

Os relatores de cada xornada

O formato das xornadas tratará de unir a experiencia sénior e o ímpeto xove para crear contacto entre iniciativas innovadoras dentro do sector agroalimentario con longa historia e tamén iniciativas de nova creación, incluso ideas empresariais do sector que están en nova formación. Este é o programa e os participantes das xornadas:

Luns 6 de febreiro

- Carmen Rodríguez (Agaca) -Marta Castro Pintos (Lagar de Pintos) -Noelia Sampayo (Queixería Pazo de Anzuxao) -Carlos Brea (Cervexas Toupiña)

Luns 9 de febreiro

- Abel Mato (Antoxo do Carrio) -Ana Corredoira (Granxa A Cernada) -Verónica Núñez (Caurelor) -José Silva (Pazo de Des) -David Liñares (De Liñares)

Luns 13 de febreiro

-Sonia López (Piscofino) -María José Tallón (Trasdeza Natur) -José Antonio Pousa (Licores Pousa) -María Jesús Vilanova (Viveiros Agra) -Beatriz Piñeiro (Pazo Quinteiro da Cruz)

Xoves 16 de febreiro

-Chelo López (Gandería Quintián) -Salvador Martínez (Mirabel do Rosal) -Nuria Varela (Pazo de Vilane) -Susana Aguiar (Kalekoi)

Plan Talento Lalín

Esta acción encádrase dentro da liña de actuación “Plan Talento Lalín” da estratexia DUSI LALÍNSSUMA21 dirixida pola concelleira e tenente de alcalde, Paz Pérez. A responsable municipal da Estratexia fai fincapé en que o obxectivo das xornadas é conectar nas intervencións diversos referentes do mesmo sector ou de áreas complementarias dentro do sector agroalimentario ofrecendo múltiples beneficios: • Comunicar a súa experiencia vital no mundo do sector agroalimentario con produto ou servizo. • Establecer vínculos con potenciais socios, investidores ou clientes. • Mostrar exemplos de aplicación de economía circular no sector agroalimentario • Aplicación de novas tecnoloxías no sector agroalimentario • Exemplos de cooperativismo no sector Cartel da primeira xornada, que se celebrará o luns 6 de febreiro.

Convocan as axudas do Plan Leader para os anos 2023 e 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Esta liña de axudas conta cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024. Pode optar a estas achegas calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para presentar as solicitudes, que deberán ser dirixidas -tendo en conta a localización do investimento- ao GDR que corresponda. Así mesmo, deberán presentarse co formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria e de xeito telemático.

Poderán obter subvención proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos, esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.

Esta orde de axudas busca mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Tamén, pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos.

Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

As cifras económicas do Leader

Trátase da sexta convocatoria de axudas deste tipo no que vai de período Leader 2014-2020, prorrogado por dous anos, e tamén da última deste período. Como sinalan dende a Consellería de Medio Rural, neste período fixose un esforzo orzamentario para incrementar a contía das axudas dispoñibles para estas actuacións do Leader e, grazas á modificación do PDR, incrementouse nun 50% o orzamento dispoñible para dita convocatoria.

Este orzamento está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta. As seis convocatorias deste período Leader supoñen unha axuda pública de 90,3 millóns de euros.

-Consulta aquí a orde da convocatoria.

 

Convocan a segunda edición do programa de emprendemento social innovador RR dTerritorio

A Fundación Roberto Rivas presentou a pasada semana en Silleda (Pontevedra) a segunda convocatoria do seu programa de emprendemento social innovador RR_ dTerritorio, cuxo obxectivo é fomentar os novos proxectos vinculados ao rural de Galicia. Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas a través da web rrdterritorio.com. O programa RR_ dTerritorio está impulsado pola Fundación Roberto Rivas e conta co apoio da Rede Eusumo. No acto de presentación participaron a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas; o presidente da Fundación, Roberto Rivas; o coordinador de programas de emprendemento da Fundación, Xavier Fontcuberta; e a concelleira de Medio Ambiente, Industria, Emprego, Comercio e Persoal de Silleda, María Pilar Peón. Ademais, contou coa presenza de representantes da Deputación de Pontevedra e da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, entre outras persoas. O acto de presentación tivo lugar no espazo que a fundación ten en Silleda, “A Moda” Rural Lab, un lugar de encontro para os emprendedores no que terán lugar gran parte dos eventos formativos promovidos pola entidade.

Aberto o prazo de inscrición

As persoas cunha idea ou proxecto emprendedor que queiran participar no programa poden inscribirse ata o 15 de maio a través do formulario da web rrdterritorio. com. Para calquera dúbida pódese contactar a través do mail programa@rrdterritorio.com. Esta iniciativa está aberta a emprendedores rurais de toda Galicia, aínda que se enfoca en oito comarcas prioritarias de actuación: Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Arzúa, Santiago, Terras de Melide, Chantada, A Ulloa e O Carballiño. Avaliarán todos os proxectos presentados, independentemente do grao de madurez dos mesmos, e valorarase especialmente a disposición e compromiso para participar no proceso formativo dunha maneira activa e responsable. Ademais, priorizarán aquelas ideas cun claro compoñente social, innovador ou de sustentabilidade, que xeren un impacto positivo no territorio e as persoas.

Contido do programa

O programa RR_ dTerritorio comezará o 1 de xuño, co inicio da formación grupal en liña, que se prolongará durante os meses de xuño e xullo en horario de mañá. No mes de setembro desenvolveranse as mentorías en liña e as actividades presenciais, que incluirán xornadas de formación, talleres e visitas a empresas, institucións e recursos das comarcas centrais de Galicia. Os módulos formativos que se abordarán neste programa centraranse en: • Claves para Emprender • Design Thinking e Prototipado • Marketing e Experiencia de Cliente • Innovación Social e Emprendemento Social • Economía Circular, Bioeconomía e Sustentabilidade • Comunicación e Ferramentas Dixitais • Tecnoloxías Emerxentes • Retos e Oportunidades no Territorio Os emprendedores seleccionados participarán nun programa de formación e incubación 100% experiencial, que se caracteriza por estar conectado ao territorio e á súa realidade. "A finalidade é acompañarlles na xestación e desenvolvemento das súas ideas e proxectos, facilitándolles o acceso á formación e tecnoloxía; transferíndolles experiencia e coñecemento; e facilitándolles o acceso a financiamento público e privado", explican dende a Fundación. Ademais, unha vez terminado o programa, os participantes poderán seguir formando parte da comunidade de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas.

Un programa innovador

"O emprendemento social innovador é unha das claves para o crecemento sostible e sostido dos territorios, liderado polas persoas e baseado en ofrecer solucións e alternativas a través da innovación e o uso de novas tecnoloxías", reivindincan dende a Fundación. Por iso, apostan por promover este tipo de emprendemento e impulsar un desenvolvemento de futuro, adaptado ás necesidades de cada territorio e preparado para transformalo desde o punto de vista económico e social mediante o seu programa RR_dTerritorio.  Ademais, apuntan que o programa é innovador polas seguintes cuestións:
  • A súa metodoloxía 100% experiencial, baseada no coñecemento do mundo do emprendedor e a aplicación práctica das técnicas e ferramentas de emprendemento máis actuais.
  • A súa axenda de contidos transversal, que combina formación teórica con dinámicas prácticas, obradoiros, visitas guiadas e actividades colectivas.
  • O liderado a cargo dun equipo multidisciplinar de formadores e mentores con experiencia en emprendemento.
  • A colaboración cos axentes locais de cada comarca, como son os concellos, viveiros de empresas, cooperativas, asociacións, empresas, industrias ou grupos de desenvolvemento rural, que participan activamente na iniciativa e relaciónanse cos emprendedores e os seus proxectos.
  • A inclusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como parte transversal a todo o programa.
  • O apoio continuado que reciben os participantes unha vez terminado o programa, a través da rede de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas.
Tanto a primeira como a segunda edición do programa RR_ dTerritorio enmárcanse no programa de actuación 2021-2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Avanzan nun plan integral para a área suroriental de Ourense

A Xunta inicia esta semana talleres de participación pública para a elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. O obxectivo é valorar a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñar novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria. Así, desenvolveranse talleres participativos en cada un dos 10 concellos involucrados no proxecto, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Os primeiros son os previstos este mércores 20 de abril na Casa da Cultura de Verín, o xoves 21 na Casa da Cultura de Monterrei e o venres 22 na Casa do Concello de Oímbra. Aínda neste mes, seguiraos o taller da Aula arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero, en Cualedro, o xoves 28. O resto dos talleres participativos están programados para maio. En concreto, o mércores 4 celebrarase un no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, o xoves 5 o da Casa do Concello de Castrelo do Val e o venres 6 o da casa consistorial de Laza. Xa a seguinte semana, está previsto un taller na Casa da Cultura de Vilardevós o mércores 11, o xoves 12 outro no edificio multiusos da Gudiña e, por último, o da Mezquita será no seu edificio multiusos o venres 13 de maio. A maiores dos talleres, desde a Consellería do Medio Rural recordan que “nesta segunda fase do proceso participativo de elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense faranse cinco mesas temáticas, das que xa se celebrou a primeira -centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo- en Verín”. O resto abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a cooperación territorial con Portugal e os núcleos rurais.

VI Xornada do rural ‘Pousa Antelo’ en Negreira

A Asociación Cultural Afonso Eanes organiza o vindeiro sábado 20 de novembro a VI Xornada do Rural ‘Pousa Antelo’. Nesta edición abordaranse temas como a silvicultura de frondosas, a enerxía eólica, a contribución das mulleres rurais á economía ou a sustantibilidade das granxas familiares produtoras de leite. A xornada celebrarase no local social de Portor, en Negreira (A Coruña), e a entrada será de balde. Tamén haberá un xantar no restaurante San Lorenzo, en Ponte Maceira. O menú serán langostinos e ameixas, carne asada ou peixe, postre e café por un prezo de 16 euros para o público en xeral e de 10 euros para os socios do colectivo Afonso Eanes. A afiliación á asociación cultural poderá tramitarse no propio día. As persoas interesadas en asistir ó xantar deberán anotarse antes do 17 de novembro enviando un email a afonsoeanes@gmail.com ou no teléfono 627 162 939. A continuación detallamos o programa da xornada: 10.15 a 10.30 horas. Recepción dos asistentes e presentación da xornada. 10.30 a 11.15 horas. Silvicultura de frondosas. Monte demostrativo do Pico Sacro, por Jorge M. Bouzas Tomé, enxeñeiro de montes e técnico da Asociación Forestal de Galicia. 11.15 a 11.45 horas. Descanso para o café. 11.45 a 12.30 horas. Unha estratexia de proximidade para garantir os suministros e o desenvolvemento local, por Marcelino Fernández Mallo, economista e consultor. 12.30 a 13.30 horas. Eólicos, así non, impartida por Carme Varela Rodríguez, autónoma do ámbito da comunicación. 13.30 a 16.00 horas. Xantar 16.00 a 16.45 horas. A diversidade funcional no rural, por Marisol Bravos López, activista e mestra xubilada. 16.45 a 17.15 horas. Descanso para o café. 17.15 a 18.00 horas. As mulleres rurais en Galicia: a súa contribución á economía, por María Pilar Freire Esparís, profesora de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela. 18.00 a 18.45 horas. Presentación do libro Procurando unha vida digna. Prezo xusto e sustentabilidade nas granxas familiares produtoras de leite en Galiza, de Bibiana Martínez Álvarez, doutora en Antropoloxía. 18.45 horas. Clausura da xornada

Publicada a lista de beneficiarios das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a lista de beneficiarios das axudas de 2020 para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora); para a incorporación de agricultores mozos; e para pequenas explotacións. Deste xeito, 1.206 agricultores e gandeiros beneficiaranse dun total de 43,25 millóns de euros. No caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), a Consellería do Medio Rural aprobou 715 solicitudes cun importe de 29,76 millóns de euros. Polo tanto, a axuda media por proxecto ascende aos 41.600 euros. Se analizamos as achegas aprobadas por orientación produtiva, destacan o vacún de leite e o de carne, que representan o 60,5% e o 18% respectivamente. No apartado destinado aos mozos, un total de 278 incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 10,30 millóns de euros cos que, segundo a propia Xunta, "garántese o relevo xeracional no campo". Por sectores, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 20% dos expedientes respectivamente. Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2020 beneficiaranse un total de 213 granxas cunha achega por beneficiario de 15.000 euros. No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 68,5% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 15% dos expedientes. A achega total do orzamento ascende a 3,19 millóns de euros. Os obxectivos da Consellería "Con esta orde de axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade", reza a nota difundida aos medios de comunicación esta mañá. Ao mesmo tempo, engaden, "procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural".  

Crean unha nova fundación para promover o coñecemento e a investigación no ámbito agroalimentario

O que fora alcalde de Lugo entre os anos 1976 e 1977 e entre 1991 e 1995, Tomás Notario Vacas, e o presidente de  Caixa Rural Galega, Manuel Varela, presentaron este luns 11 de outubro a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario. A Fundación nace cunha dotación inicial de 200.000€, achegando cada unha das partes a metade desta cantidade. A creación da Fundación é algo que levaba tempo entre as intencións de Caixa Rural Galega e viu a luz tras as conversas con Tomás Notario, froito da coincidencia de intereses en canto aos fins perseguidos. A súa finalidade será a de promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal, con especial atención aos estudos superiores en aras de perseguir a excelencia e especialización en ámbitos que poidan reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas nos sectores citados. Entre as súas prioridades iniciais está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores, masters, mesmo no estranxeiro, coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas, co obxecto de que poidan achegar os seus coñecementos a sectores produtivos de Galicia. Aínda que os programas e convocatorias están aínda por definir, tamén se poderán destinar recursos para proxectos de investigación, edición de publicacións divulgativas, congresos científicos ou convencións. Este proxecto nace da confluencia de intereses e inquietudes de Tomás Notario e Caixa Rural Galega, que levan tempo traballando para a creación desta Fundación. Ambos os promotores pretenden con iso achegar valor e coñecemento para fomentar o progreso e a mellora de procesos produtivos que en definitiva revertan nunha mellora da actividade económica local. Sobre Tomás Notario Tomás Notario, arxentino de nacemento pola emigración dos seus proxenitores, orixinarios de Salamanca, e lucense de adopción, é enxeñeiro de camiños canles e portos. Chegou a Lugo xunto á súa esposa en 1960 da man do entón Ministerio de Obras Públicas coa encomenda de mellorar a rede viaria da provincia e os accesos a Galicia. O que fose alcalde de Lugo en dúas ocasións, ademais de Procurador en Cortes, pretende deixar un legado que reverta en Lugo e Galicia enteira. A traxectoria do exalcalde lucense foi publicamente recoñecida no ano 2009 cando o Consello de Ministros lle outorgou a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo que recibiu do entón ministro de Fomento, José Blanco, xunto a Antón Louro, que era delegado do Goberno en Galicia e o alcalde naquel momento, José López Orozco. Sobre Caixa Rural Galega A entidade lucense nace en 1966 co nome de Sociedade de Crédito Agrario Provincial de Lugo co obxecto de prestar servizos no ámbito rural e contribuír ao proceso de modernización do campo na provincia de Lugo. No 1991 o seu ámbito de actuación pasa de ser provincial a autonómico e modifica o seu nome para ser Caixa Rural de Lugo. A primeira oficina aberta fóra da provincia lucense será a de Melide no ano 1997. No 2001 modifica novamente o seu nome para quedar o actual Caixa Rural Galega. Na actualidade, a Entidade presidida por Manuel Varela e conta con 47 oficinas distribuídas pola xeografía galega e conta cuns activos totais de 1.500 millóns de euros, dos cales 700 millóns corresponden con crédito á clientela. O volume de depósitos de clientes sitúase en 1.300 millóns de euros e o resultado neto ascende a 5,75 millóns de euros, todo elo segundo as últimas contas anuais aprobadas. Conta con 160 empregados e unha base social cooperativa de máis de 21.000 socios na actualidade.

Tracción animal moderna para a conservación de hábitats na Serra do Xistral

Dende o proxecto Europeo Life in Common Land, coordinado pola Deputación de Lugo e coas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña como socios, levouse a cabo un traballo de restauración dun hábitat prioritario para a conservación da natureza a nivel Europeo, como son as turbeiras de cobertor. A restauración consistiu na eliminación da cobertura de piñeiros da turbeira. Para realizar os traballos cun mínimo impacto no hábitat e no solo empregouse tracción animal con cabalos para á reunión das árbores e saca con zorra (trineo) tirada por cable dende un tractor. As turbeiras de cobertor da Serra do Xistral constitúen un hábitat de interese comunitario prioritario. A súa enorme biodiversidade vexetal, unida ao carbono que veñen acumulando no solo dende fai miles de anos, convértenas nun patrimonio natural moi valioso e fundamentais para a mitigación do cambio climático. Sobre todo no verán, tamén proporcionan pasto para o gando vacún e para as bestas do monte, sendo sustento das comunidades rurais que manteñen as actividades gandeiras na zona. Nos anos 60 do pasado século, amplas extensións destas turbeiras foron plantadas con piñeiros. Hoxe, a presenza de piñeiros nas turbeiras considérase negativa para o hábitat e pode influír na diversidade florística e na presenza de especies de interese. Por outra banda, tamén altera os ciclos de nutrientes, afectando á capacidade das turbeiras como sumidoiros de carbono. O proxecto LIFE in Common Land ten como obxectivo a conservación do mosaico de hábitats prioritarios de turbeiras e queirogáis húmidos da Serra do Xistral, integrando o aproveitamento gandeiro e o sistema tradicional de bestas ceibes coa conservación da biodiversidade. É para conservar estes hábitats para o que o proxecto Life in Common Land está a levar a cabo varias accións demostrativas de eliminación de piñeirais para a restauración das turbeiras. As turbeiras, como humidáis, son hábitats moi sensibles e calquera actuación que se realice sobre elas debe deseñarse sen causar dano á vexetación nin ao solo. Imaxes do traballo realizado por Life in Common Land Con estas premisas, o equipo do proxecto Life in Common Land, en colaboración coa Associação Portuguesa de Tracção Animal (APTRAN) e coa empresa SETEGA (de Lugo), deseñou un traballo con mínimo impacto que se levou a cabo a finais de agosto deste ano. Unha actuación exemplar para a restauración de 7 hectáreas de turbeiras de cobertor no Monte Veciñal en Man Común de A Balsa (Muras), nunha zona con fortes pendentes (50-60%) cunha masa de aproximadamente 2.000 piñeiros de baixo porte e moi ramificados. A corta foi manual, con motoserristas contratados na zona. Empregouse tracción animal para reunir as árbores enteiras nuns cordóns dispostos ao longo de 9 vías de saca dispostas en abanico con entre 20-100 metros de separación entre elas. Para este traballo contouse con tres eguas de tiro operadas por profesionais da tracción animal. As eguas arrastraban as árbores enteiras en grupos, ou individualmente cando eran de máis porte, traballando xeralmente en curva de nivel, salvo no fondo da zona de actuación que era preciso salvar uns 20-40 metros en contra da pendente para acercar á vía de saca. Vista xeral da zona de actuación o terceiro día de traballo, onde se ve a disposición de dous dos cordóns de madeira apiados nas vías de saca Para a saca desta madeira apiada en cordóns ata ao cargadeiro a beira da pista, deseñáronse e construíronse dúas zorras de 4 x 2 m con patíns de 10 cm de largo coa idea de que deslizaran por encima da vexetación sen deixar marca no solo e repartindo a presión. O seu funcionamento cumpriu as expectativas. As zorras eran tiradas por medio dun cable de ata 300 m dende un tractor a beira da pista, fora da zona a restaurar. Tres operarios cargaban unha zorra mentres que a outra subía e era descargada, de forma que en cada viaxe se levaban 12-14 m3. Os cabalos tamén axudaron a baixar as zorras (e o cable de tiro dende o tractor) xa que as distancias eran de entre 200 e 350 metros. A orografía da zona de actuación permitiu que o tractor puidera estacionar en dous únicos puntos fixos, tendendo o cable en abanico cara as vías de saca, minimizando desta maneira o pisoteo.
A Comunidade de Montes xestionou o destino da madeira que polas características de escasa altura e elevada ramosidade foi para biomasa
Así, cun deseño ben meditado e unha execución impecable completouse a actuación en 13 xornadas extraendo aproximadamente uns 1.300 m3 de biomasa. Xornada de portas abertas do proxecto Life in Common Land Na primeira semana organizouse unha xornada de portas abertas dirixida a comuneiros dos MVMC participantes no proxecto, a empresas forestais e a asociacións conservacionistas, para mostrar e explicar os traballos e así reforzar orientación demostrativa da acción. Asistiron unhas 45 persoas. Agora, ábrese a porta á realización de actuacións semellantes en zonas de turbeira e noutras áreas sensibles e de elevado valor natural que requiran traballos de conservación, e preséntase a tracción animal moderna, neste caso en combinación coa saca en zorra, como unha alternativa eficaz, rápida e de impacto practicamente nulo no hábitat. Velaquí tedes uns videos para poder apreciar esta orixinal actuación:

Autores deste artigo: 

-Laura Lagos, e Jaime Fagúndez: investigadores no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña -César A. Blanco, Alfonso Laborda, Ramón Díaz-Varela e Emilio Díaz-Varela, investigadores do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC).   -Joâo Brandâo e Alfred Ferris, da Associaçâo Portuguesa de Tracçâo Animal (APTRAN) 

A Volta en Verde, o ciclismo solidario de Caixa Rural

A Volta a España volve pasar por Galicia e Caixa Rural Galega quere aproveitar a ocasión para volver realizar unha acción solidaria xunto ao equipo ciclista Caja Rural-Seguros RGA. Trátase da Volta en Verde, unha volta alternativa a iniciativa do equipo ciclista e o Grupo Caja Rural co mesmo mapa de etapas que a Volta a España. En cada etapa lánzase este reto dixital desde as redes sociais do Team Caja Rural-Seguros RGA que se transformará en 2.000€ se se conseguen 1.000 likes nas súas publicacións en Facebook, Instagran e Twitter.

Co gallo das próximas etapas con final en Monforte de Lemos, Mos e Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega convida os afeccionados a colaborar con esta iniciativa simplemente accedendo ás publicacións do equipo ciclista nas súas redes que presentan cada reto e picar no like para así conseguir unha doazón de 2.000€ para a Asociación PRODEME, A Fundación Amigos de Galicia e a Cociña Económica de Santiago de Compostela respectivamente. En todos os casos as doazóns faranse para proxectos de carácter social e local.

Ademais, en cada etapa sortearase unha caixa de experiencias Smartbox entre todas as persoas que colaborasen co reto achegando a súa interacción en redes sociais e que, ademais, mencionasen a un amigo en comentarios. Ao final da Volta en Verde haberá un sorteo entre todas as persoas que participasen nos retos de cada unha das etapas e o gañador levará unha caixa de experiencias Smartbox “‘3 días de ilusión”.

Cartaz da acción promovida por Caixa Rural Galega

“Temos que impulsar a cultura de transformación dos agricultores e gandeiros en empresarios”

Dende a Consellería de Medio Rural levan anos traballando na estruturación dun sólido modelo de formación mixto no que teñan cabida tanto formacións regradas como outras máis curtas e esporádicas, pero que, de calquera xeito, sexan habilitantes. A fin última é profesionalizar o primeiro sector para que Galicia acade a proxección de futuro á que, sen dúbida, pode aspirar.

Para falar de todos estes retos formativos do sector, falamos con Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Explíquenos o funcionamento dos Centros de Formación que dependen da Consellería de Medio Rural e, máis concretamente, os ciclos formativos de referencia que ofrecen a xente nova que se queira incorporar ao sector primario.

Dentro da oferta formativa que se imparte nos centros que dependen da Consellería de Medio Rural e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) evidentemente cínguense á rama agraria.

O principal é a formación regrada, composta polos graos medios e graos superiores. Entre os graos medios destacan o de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se imparte en Pedro Murias (Ribadeo), Becerreá, Sergude e Lourizán (Pontevedra); o de Produción Agropecuaria, que se imparte no Centro de Formación de Sergude (Boqueixón); tamén alí, temos o grao de Produción Agroecolóxica; e, por último, outro grao medio interesante é o de Xardinaría e Floraría, impartido no Centro de Formación de Guísamo.

O principal é a formación regrada, composta polos graos medios e graos superiores

Pero ademais dos graos medios, tamén hai unha ampla oferta de ciclos superiores.

Si, por esa banda, temos o de Xestión Forestal e Medio Natural, que está a ser impartido en Becerreá e Lourizán; o de Gandaría e Asistencia de Sanidade Animal, impartido en Sergude; e o de Paisaxismo e Medio Rural, impartido en Guísamo.

Para sintetizalo, son seis os centros nos que se imparte este tipo de formación. Na provincia de Lugo teriamos o de Ribadeo, o de Becerreá e o de Monforte; na da Coruña teriamos o de Guísamo e o de Sergude; e xa no sur de Galicia, o de Lourizán. Digamos que eses son os centros de formación e experimentación agraria de referencia.

Instalacións do centro Pedro Murias de Ribadeo

Ademais da formación regrada, dende a Consellería de Medio Rural fixeron unha grande aposta pola formación continua.

Si. A formación continua está composta por actividades de pequena duración, pero que son habilitantes para a obtención, por exemplo, da acreditación para o uso de produtos fitosanitarios nos seus distintos niveis.

Tamén hai outras actividades en auxe como a de benestar animal, tanto en explotación como en transporte.

No caso do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte, temos unha focalización na teleformación. Especialmente implementada en aqueles cursos de actitude empresarial agraria. Con esta fórmula semipresencial dáse cobertura ao gran paraugas do emprendemento agrario.

Dentro da formación continua agraria tócanse outros moitos temas, como poden ser os relativos á elaboración de queixos, á recuperación de pastos, á apicultura, á reprodución de gando vacún, ao marketing dixital, á análise de mostos e viños, ás ferramentas TIC,  aos cultivos hortícolas e de vide, ao coidado de pequenos rumiantes ovinos e cabrúns, á podoloxía en vacún, á fruticultura…

É dicir, unha oferta absolutamente diversa coa que se pretende dar unha formación adicional moi específica en ámbitos que son de interese para calquera agricultor ou gandeiro que queira vivir do seu sector e seguir a profesionalizarse.

Temos unha oferta absolutamente diversa coa que se pretende dar unha formación adicional moi específica

Tamén teñen unha terceira pata que completa toda esta formación que é a da Transferencia Tecnolóxica.

Correcto. Grazas á colaboración cos centros de investigación que dependen tamén da Agacal, dáse cobertura científica a campos de ensaio e demostración en materias tan diversas como pode ser o cultivo do kiwi, a fruticultura en xeral, o trigo, os cereais e case calquera produto hortícola, a utilización de compostaxe, a utilización de restos agroforestais, etc.

Un aspecto salientable é o feito de que, dende o primeiro momento, pretendemos que os rapaces e rapazas que entran nestes centros de formación, estean involucrados dentro das propias empresas, dentro das explotacións gandeiras para que o que están a aprender de xeito teórico nos centros, sexa transformado en colaboracións coas empresas coas que temos convenios.

CIAM Mabegondo

Un exemplo disto é a formación dual que se está a realizar no Centro de Formación Pedro Murias, de Ribadeo.

Si, concretamente, no grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, no que, dende o primeiro ano que están matriculados na formación regrada, están a facer prácticas remuneradas en empresas, o cal se convirte nunha oportunidade moi atractiva para eles.

Outra particularidade que creo que cómpre destacar é que cando falamos de I+D+i temos por un lado os Centros de Investigación, que xeran os coñecementos nos diferentes ámbitos da agricultura, a gandaría, do ámbito forestal e da industria agroalimentaria… Pero que, ademais de xerar ese coñecemento, ao estaren dentro da AGACAL permítenos trasladar toda esa información de forma automática aos centros de formación.

Por iso temos unha aposta moi decidida para que haxa esa simbiose entre investigación e formación. Temos tódalas ferramentas para facelo e creo que debemos potencialo, especialmente dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en tódolos ámbitos gandeiros e agrícolas, no de Lourizán no ámbito forestal, e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia no eido do viño.

Temos unha aposta moi decidida para que haxa esa simbiose entre investigación e formación

No ámbito da formación non regrada, que actividades destacaría que estean en marcha ou que veñan próximas no calendario?

En formación continua vimos de aprobar un total de 626 actividades que se van realizar coordinadas polas distintas unidades da Consellería de Medio Rural. Pero delas, 164 van ser desenvolvidas nos centros de formación e experimentación agraria

A modo de exemplo, vanse desenvolver dende agora ata novembro formacións sobre cultivos hortícolas; utilización de novas tecnoloxías na agricultura, como por exemplo o emprego de drons, técnicas de manexo forestal, utilización segura da motoserra, análise de mostos e viños, instalacións de rega, mantemento de maquinaria, comercialización a través de marketing dixital, etc.

Tamén velamos pola protección da biodiversidade, a redución de gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono. Deste xeito, tamén implicamos eses aspectos e temos temas relacionados como a prevención de ataques do lobo, coa idea de fomentar esa convivencia da gandaría e agricultura coa fauna salvaxe.

Tamén traballamos cousas do día a día, como pode ser tratar os temas relacionados coa etoloxía animal. É dicir, estudar e aprender do comportamento dos animais para empregalo en mellorar a produción, pero tamén a relación cos humanos.

Velamos pola protección da biodiversidade, a redución de gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono

E a nivel tecnolóxico?

Tamén intentamos formar arredor dos últimos avances, por exemplo os robots de muxido, a incorporación dos drons e calquera tecnoloxía susceptible de nos axudar. Todo enfocado cara esa mellora na precisión agrícola que hoxe en día as tecnoloxías nos brindan.

Resulta evidente que aquela vella visión urbana dun agro rudimentario vai quedando desfasada.

Sen dúbida. Non debemos esquecer que cando falamos de agricultores e gandeiros estamos a falar, en moitos casos, de emprendedores cada vez máis formados para desenvolver as súas responsabilidades con solvencia e competir con mercados internacionais.

En maior ou menor medida, non deixan de ser empresarios.

Estamos traballando duramente para estender esa visión tanto cara fóra, como cara dentro do propio sector. Queremos poñer en marcha unha especie de titorización, para que aqueles agricultores ou gandeiros novos que se queren incorporar ao mercado laboral, poidan ter un apoio e unha referencia que os acompañe durante a posta en marcha deses negocios e explotacións, durante as primeiras fases dos seus proxectos.

Hai moita marxe de mellora nos novos produtos, especialmente nas producións diversificadas. Concretamente, queremos alcanzar unha franxa de idade de entorno aos 40 anos ou menos porque cremos que é onde se atopa o futuro da gandaría e da agricultura. Sen esquecer, por suposto, ningunha das outras franxas de idade.

Queremos ser unha referencia que acompañe aos emprendedores durante a posta en marcha deses negocios

A moita xente nova a pandemia fíxolle repensar os seus modos de vida, as súas aspiracións de emprego. Parece que hai unha tendencia á volta ao agro polas condicións laborais dignas que ofrece que, en moitos casos, son equiparables ás das cidades.

Evidentemente, a crise sanitaria do coronavirus foi un punto de inflexión para todos. Un acto de reflexión no que nos demos conta da necesidade de ter capacidade para a autoabastecernos como individuos, pero especialmente como sociedade.

Non é o mesmo vivir na cidade que no campo, as condicións de vida cambian notablemente. Temos detectado unha volta cara o mundo agrario. Nese mundo e grazas aos avances rurais na dixitalización, pode converterse en oportunidade para o emprendemento e a creación de negocio cunha rendibilidade moi digna.

Pensemos nas denominacións de orixe e no resto de distintivos xeográficos. Temos unha oportunidade para facer chegar ao mercado produtos que o consumidor necesita e cunha calidade achegada á excelencia. Tamén por suposto nas materias primas.

Unha das bazas que temos é a calidade dos produtos que se obteñen no territorio.

A aposta polos produtos autóctonos pode ser unha garantía de futuro?

A aposta polos produtos autóctonos, tanto de orixe vexetal como animal, supón a posibilidade de acadar un valor diferencial único. Con isto os empresarios poderían entrar en determinados nichos de mercado de xente nova ou doutras idades con determinadas necesidades e demandas de dietas.

Se temos unha dieta mediterránea recoñecida, por que non imos ter unha dieta atlántica? Coa produción tan variada e de tanta calidade que temos en Galicia, poderiamos promocionala con éxito.

Hai unha idea clave: debemos identificar os produtos de alta calidade cunha dieta saudable.

Dende a súa propia experiencia e facendo balance das últimas décadas, é notable o avance na profesionalización do sector primario?

Absolutamente. Temos que pensar que Galicia, antigamente, era unha rexión agraria de autoconsumo. Ese autoconsumo nun mercado global competitivo como o que temos na actualidade non ten cabida. Supón que se queres vivir do campo, teste que converter nun empresario, un profesional do sector nos distintos ámbitos.

Malia que tódolos sectores do campo teñen elementos comúns, tamén teñen unhas características concretas que necesitan unha formación especializada. E niso estamos a traballar, queremos ofrecer garantías de éxito.

Con este pano de fondo, como ve a proxección de futuro do sector primario en Galicia?

Creo que temos un altísimo potencial. A través das estratexias europeas como a PAC, a Da granxa á mesa, a da Biodiversidade… Temos unha oportunidade para a recuperación de terra agraria e a súa posta en valor a través dos produtos que podemos xerar.

Cómpre facer unha aclaración. Non podemos xerar só materia prima, debemos facer unha aposta importante pola industrialización. Poñamos por caso o sector leiteiro, no que temos unha cota de mercado de aproximadamente un 40% en España. Somos unha das dez potencias de produción leiteira de Europa.

Agora estamos adicándonos a producilo e envasalo, pero temos que camiñar cara unha industrialización que permita a obtención dunha diversidade de produtos como queixos, iogures, xeados, requeixo… Darlle ese valor engadido. Algo que non estamos a aproveitar adecuadamente ou, polo menos, temos moitísima marxe de mellora.

Temos un potencial moi amplo que pode traer unha repercusión económica moi importante para Galicia.

Que cre que necesitamos para dar ese salto?

A Administración ten que acompañar aos empresarios. Temos que fornecer esa cultura do emprendemento e da transformación deses agricultores e gandeiros en empresarios, que o son xa dende tódolos puntos de vista. Sobre todo, para que os que teñan algunha dúbida acabe de dar ese paso.

Temos que fornecer esa cultura do emprendemento e da transformación deses agricultores e gandeiros en empresarios

O sector lácteo en Galicia é un dos máis profesionalizados. Cre que no resto aínda queda máis camiño por andar?

Penso que si. Igual que se fixo unha estratexia para a dinamización do sector lácteo, teño constancia de que se está a traballar para a elaboración de estratexias homólogas para o sector cárnico e agrícola.

As tendencias da Política Agraria Común cara as producións ecolóxicas e equilibradas co coidado da biodiversidade e como forma de mitigación do cambio climático son algo que temos en mente na elaboración desas estratexias.

Que capítulos cre que hai que mellorar na formación dos gandeiros?

Este ano, vimos de comezar un proceso para detectar aquelas liñas nas que existen máis carencias. Ben mediante a nosa investigación, ben porque se nos manifesta por parte dos profesionais.

Un exemplo. Na actualidade, estamos a desenvolver un curso para Gandeiros 20-30 dende o punto de vista emprendedor. É un enfoque radicalmente distinto aos cursos habituais aos que estamos acostumados. Estamos a facelo, ademais, por comarcas, para satisfacer as necesidades específicas de cada unha.

Entón, a grande aposta é mellorar a formación empresarial.

Dende logo, pero hai máis aspectos fundamentais. Debemos poñer en contacto as diferentes formas de produción. Afondar na diversificación dos produtos que se podan adaptar ás capacidades do noso territorio. Achegar eses novos coñecementos ao sector. Neste sentido, o labor dos nosos centros de investigación está a ser fundamental.

Para rematar, que aspectos quererías destacar dende as formacións ofrecidas pola Consellería de Medio Rural que quizais non sexan tan coñecidos.

Nos centros de formación, aínda que están ben repartidos polo territorio, temos para ofertar prazas de residencia e comedor para o alumnado. É un valor que creo que debemos destacar e promover. É a nosa responsabilidade facilitar as conexións e a mobilidade do alumnado.

Nesa liña, tamén temos que seguir apoiando os intercambios comunitarios a través dos Erasmus. Aínda que estamos a traballar para melloralos, xa temos exemplos de alumnos e alumnas que están a participar desas convivencias e dese intercambio de coñecemento internacional. Na futura PAC, unha das liñas estratéxicas é esa transmisión de coñecemento para poñela ao servizo do sector.

Máis de 600 proxectos optan a beneficiarse dos 13 millóns das axudas Leader

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de recibir máis de 600 proxectos a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia para as axudas enmarcadas no Plan Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Estas achegas, destinadas ao desenvolvemento de proxectos que dinamicen o rural, contan cun orzamento total de 13 millóns de euros para os anos 2021 e 2022. O pasado 3 de maio, o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader, que pechou finalmente o 3 de xuño cunha gran resposta por parte da cidadanía.
Propuxéronse proxectos tanto con fins lucrativos como outros de natureza non produtiva,
Así, máis de 600 foron as solicitudes nas que se propuxeron proxectos tanto con fins lucrativos como proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. Estes últimos contan con propostas tanto por parte do sector privado como público, con concellos que buscan a mellora dos servicios públicos do rural. Nesa liña, cabe engadir que case o 60% foron produtivos e o 40% non produtivos, pertencendo máis de 150 propostas aos Concellos.
Un 25% das propostas corresponden ós Concellos
Nesa liña, o traballo do persoal dos GDR foi fundamental na tramitación de cada unha das solicitudes, acompañando, informando e asesorando tanto aos promotores individuais como ás entidades públicas e privadas. Nas vindeiras semanas, os técnicos de Agader, xunto cos técnicos dos distintos GDR de Galicia, procederán á análise e resolución das propostas formuladas en función dos obxectivos de cada un dos territorios.
Nas vindeiras semanas procederase á análise e resolución das propostas formuladas
Estas subvencións do Plan Leader son posibles gracias á cofinanciación nun 75% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% da Administración xeral do Estado e nun 22,5% da Xunta.

Sobre o Plan Leader

A medida Leader ten como obxectivo mellorar as condicións do rural creando e mantendo emprego e dotando de servizos á poboacións destas zonas. Unha iniciativa que pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos como as mulleres, as persoas con discapacidade, as persoas maiores e os mozos e mozas.

A empresa lucense Agroamb inviste na conservación da Devesa da Rogueira, no Courel

A empresa lucense Agroamb converteuse na primeira firma española en patrocinar servizos ecosistémicos co seu apoio ao proxecto de conservación que se leva a cabo na Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel.Este bosque foi o primeiro en España e o segundo en Europa en lograr a certificación FSC en servizos ecosistémicos, unha iniciativa da comunidade de montes veciñais de Rogueira e Cabana conxuntamente coa consultora Enxeñería Forestal Asefor. Este tipo de acreditacións emitidas por FSC poñen en valor os beneficios que un ecosistema achega á sociedade e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida das persoas. No caso da Devesa da Rogueira, pon en especial valor á achega desta xoia ambiental á preservación da biodiversidade.
O acordo é unha grande oportunidade para protexer o patrimonio natural do Courel, dando relevancia ao labor dos comuneiros
Este acordo é, en palabras do CEO da compañía lucense Agroamb, Severiano Ónega, "unha excelente oportunidade para protexer o patrimonio natural da nosa contorna, dando relevancia, ademais, ao labor dos comuneiros, que souberon xestionar estes marabillosos montes durante toda a súa vida sen provocar alteracións no ecosistema". O convenio supón igualmente un reforzo do compromiso que Agroamb afirma ter co desenvolvemento sustentable do rural galego e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, iniciativa de Nacións Unidade de cuxo Pacto Mundial é asinante, ademais de vogal do Comité Executivo da Rede Española, a empresa con sede en Castro de Rei.
Este proxecto axudará a fixar poboación no Courel, unha zona especialmente afectada polo éxodo rural
Respecto diso, Ónega subliña a "satisfacción que nos produce apoiar proxectos que axudan a fixar poboación en zonas como O Courel, que sufriron o éxodo rural no pasado, e a alcanzar as metas dos ODS 13 (acción polo clima), 15 (vida de ecosistemas terrestres) e 17 (alianzas para lograr os obxectivos), entre outros", sostén o responsable da primeira patrocinadora de servizos ecosistémicos. Alvarizas no Courel.

Un bosque con ADN 100% galego

A Devesa da Rogueira é, sen dúbida, o paradigma máis puro do que sería un bosque atlántico autóctono galego. Este espazo natural, situado no Courel, alberga varios centenares de especies animais e vexetais nos seus algo máis de 400 hectáreas de extensión. Nel identificáronse 21 tipos diferentes de formacións boscosas. Estas cifras converten este enclave nun dos lugares con maior biodiversidade de toda a península. Para que a variedade deste bosque atlántico permanecera practicamente inalterada foron fundamentais os labores de xestión dos propietarios da comunidade de montes Rogueira e Cabana, que na parte baixa do monte traballan algo máis de 14 hectáreas con gando extensivo. Oso novo no Courel. / Imaxe: Fundación Oso Pardo. A riqueza deste espazo da Rede Natura 2000 en exemplares de especies como bidueiros, teixos, faias, serbais, aveleiras, rebolos, castiñeiros ou orquídeas, valéronlle tamén para recibir por parte da Xunta de Galicia a desginación como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

O bosque ao servizo da xente

Tal vez moitas persoas non sexan capaces de ver a primeira vista o resultado tanxible dos servizos que os ecosistemas achegan ao planeta. A eses beneficios, que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida de todos e todas, denomínaselles servizos ecosistémicos. As cinco dimensións do benestar humano (materiais básicos, boas relacións sociais, liberdade de acción, saúde e seguridade) dependen, de forma directa e indirecta, do tres tipos de servizos que son proporcionados polos ecosistemas e a súa biodiversidade:
  • Servizos de abastecemento. Aquelas contribucións directas ao benestar humano provenientes da estrutura dos ecosistemas. Forman parte deste tipo de servizos a alimentación, a auga doce, os materiais de orixe biótico (madeira, celulosa, fibra téxtil, etc.), os materiais de orixe geótico (sal mariño ou continental), as enerxías renovables, os medicamentos naturais ou os principios activos.
  • Servizos de regulación. Aquelas contribucións indirectas ao benestar humano provintes do funcionamento dos ecosistemas como poden ser a regulación climática, regulación da calidade de aire, regulación hídrica e depuración da auga, control da erosión e fertilidade do chan, regulación de perturbacións naturais, control biolóxico e polinización de cultivos, entre outros.
  • Servizos culturais. Aquelas contribucións intanxibles que a poboación obtén a través da súa experiencia directa cos ecosistemas e a súa biodiversidade. Son exemplos diso o coñecemento científico, o coñecemento ecolóxico local, a identidade cultural e sentido de pertenza, o goce espiritual e relixioso, o goce estético das paisaxes, as actividades recreativas e de ecoturismo ou a educación ambiental.
Con este acordo de patrocinio, pioneiro en España, "Agroamb busca tamén concienciar a todos os actores da súa contorna da importancia de coidar o capital natural e preservar a biodiversidade. Unha preocupación inherente á súa filosofía e á que ha ir realizando diferentes achegas, como pode ser o emprego de sementes autóctonas recuperadas polo Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo, como a do Trigo Caaveiro, das que hoxe en día cultiva máis de 50 hectáreas", explican desde a organización.
A importancia de coidar ese patrimonio é clave porque é a base do benestar humano.
A necesidade é planetaria, pero tamén se pode trasladar á realidade máis próxima. Preservar os ecosistemas españois axuda a reducir a vulnerabilidade a perturbacións naturais externas como incendios, pragas ou enfermidades emerxentes e tamén potencia a independencia antes as crises dos mercados internacionais.

Sobre Agroamb Prodalt

Agroamb Prodalt está especializada na valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola e confórmase a través dunha estrutura empresarial que permite pechar o ciclo da produción agrícola, a prestación de servizos agrícolas e de transporte, co engadido da valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola. Este grupo, que ten no seu ADN a consideración de iniciativa de emprego local, dá traballo a preto de medio centenar de persoas da súa contorna, ás que hai que engadir outras 150 persoas de maneira indirecta en actividades complementarias á agraria. Ademais de prestar servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, ten un firme compromiso con desenvolvemento de proxectos de I+D+i en diversas universidades e centros de coñecemento.