Archives

Avalían en Lugo novas tecnoloxías de roza do monte con baixo impacto

Investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC avalían novas tecnoloxías de desbroce de baixo impacto orientadas a mellorar a xestión micoselvícola de piñeirais ao abeiro do grupo operativo ‘Cogomelos+: Incremento da produtividade micolóxica dos piñeirais galegos’, financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e no que a USC participa xunto coa empresa de servizos forestais Servitec Medioambiente e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). O obxectivo esencial do proxecto, cuxos primeiros traballos xa se están a executar en parcelas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bóveda, no concello de Begonte, é a mellora da xestión de piñeirais para a produción múltiple de madeira e cogomelos silvestres, avaliando a produtividade en piñeiral baixo en distintas intervencións de clara e de roza. O proxecto, que se está a realizar nun sitio de ensaio cunha produtividade madeireira xa determinada ao longo de dúas décadas, permitirá analizar os custes e beneficios derivados dos distintos tratamentos aplicados, ao tempo que tamén posibilitará unha estimación económica global de toda a quenda. Os primeiros traballos acometidos consistiron en ensaios de maquinaria de roza, nos que se empregaron robots dirixidos a control remoto de Energreen RoboEVO, que presentan un peso reducido e montan frontalmente unha rozadora de martelos de eixo horizontal. Con potencia de 40 HP, estes dispositivo permitiron rozar debaixo dos piñeiros, incluso naquelas áreas con elevadas cargas de matogueira, segundo indican investigadores do grupo Uxafores da USC. As tarefas executadas posibilitaron tamén avaliar e medir os tempos produtivos, preparatorios e de servizo, así como os períodos sen traballo, explican investigadores de Uxafores, que consideraron como alternativa para os seus cálculos o tradicional tractor estreito tripulado dotado de rozadora de cadeas. Daquela, as primeiras análises sinalan que a roza con robot permite aparentemente unha boa calidade de desbroce cun impacto reducido, dado que o peso destes dispositivos (uns 1.500 Kg) é moi inferior ao dos tractores convencionais. Ademais, os robots dispoñen dun tren de rodaxe de cadeas, o que permite unha mellor distribución da súa carga . As accións de traballo proxectadas polos socios do grupo operativo Cogomelos+ implicados neste proxecto inclúen tamén a avaliación do efecto inmediato da compactación derivada da maquinaria de roza, ademais da mediación e o estudo da evolución a medio prazo da produtividade de cogomelos comestibles e comercializables baixo piñeiral na superficie dos terreos rozados. Os investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC implicados neste proxecto manteñen que a dimensión dos terreos nos que se están a desenvolver estes ensaios e que abranguen unha extensión de 20 hectáreas, é suficiente como para servir de modelo ou de experiencia piloto válida para outras comunidades de montes veciñais en man común. Aínda así, os socios do grupo operativo Cogomelo+ prevén realizar a comezos de verán unha primeira xornada de difusión dos resultados acadados, a fin de transferir a información recabada a outros propietarios de montes particulares e mesmo a outras comunidades de montes.

Recomendacións para evitar accidentes coa desbrozadora

A desbrozadora ou rozadoira é unha máquina cuxo uso se estendeu nos últimos anos debido ás vantaxes evidentes que aporta á hora de realizar labores de desbroce (maior rapidez e comodidade no traballo, versatilidade para cortar distintos tipos de vexetación..etc). Porén, o seu uso tamén conleva riscos de accidentes laborais, que poden chegar a ser moi graves (cortes co disco ou coas coitelas, proxección de obxectos..etc). Neste sentido, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) , organismo dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ofrece as seguintes recomendacións para reducir o risco de accidentes. Velaquí oito puntos clave que se recomenda observar: 1. Planificar e organizar o traballo: Elixir e empregar os elementos de corte recomendados polo fabricante segundo a vexetación que se vaia cortar. 2. Equiparse cos equipos de protección individual (EPI´s) necesarios: Casco, protectores auditivos, pantalla facial, lentes de protección , luvas de seguridade, roupa de seguridade e botas de seguridade con punteira reforzada. Cómpre lembrar, en todo caso, que o equipo de seguridade non é infalible e non ofrece unha protección absoluta contra lesións e tampouco substitúe unha técnica de traballo seguro. Polo tanto, é imprescindible observar os consellos de seguridade tanto no uso da rozadoira como do equipo de protección individual. 3. Revisión e posta a punto da máquina: Comprobar o bo estado e afiado das ferramentas de corte e das súas suxeicións e o correcto funcionamento dos elementos de seguridade. 4. Recarga de forma segura: Co motor apagado e frío, empregando bidóns homologados, sen derramar combustible ou aceite. E por suposto, non fumar. 5. Colocación e axuste do arnés: Axustar a altura da máquina en función da altura do operario, segundo as instrucións do fabricante. 6. Encendido: Realizarase de maneira que o elemento de corte non bata no chan e suxeitarase o grupo motor, e non poderá haber outras persoas nun radio de 15 metros. 7. Durante a roza: -Non retirar nin desprazar as proteccións -Manter a distancia de seguridade de máis de 15 metros -Co cabezal de corte para cortar herba, manexar a máquina coma unha gadaña, con movementos en horizontal de esquerda a dereita ou vicecersa. -Con coitelas trituradoras e de maleza, atacar a vexetación de arriba abaixo e sen levantar o elemento de corte por riba da cintura -Coa serra circular, traballar no sector A de o disco e evitar sempre o C para evitar riscos . -Situar a máquina no lado dereito do operario 8. Transporte: Apagar a máquina sempre nos desprazamentos, e asegurar a máquina no vehículo, para evitar derrames de combustible ou aceite

Descarga aquí a guía de boas prácticas do ISGGA no uso da rozadoira.