Archives

A Deputación de Pontevedra investirá 40.000 euros para rehabilitar a casa da Finca Areeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a unha empresa para a realización das obras de rehabilitación e reforzo estrutural da casona na Finca Areeiro. Luis López asegurou que este investimento, que ascende a 40.000 euros e ao que hai que engadir outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”. O obxectivo da actuación é arranxar complicacións existentes nos edificios pendentes desde facía anos. Deste xeito, no caso concreto da casona, á que se destinarán 40.000 euros, trátase de substituír elementos estruturais e emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. No caso do laboratorio, onde se investirán 90.000 euros, rehabilitarase o acceso ao primeiro andar do edificio. “En resumo –asegurou o presidente Luis López- imos investir nestes meses 130.000€ para remodelar as instalacións da Finca Areeiro, un centro científico pioneiro que queremos que sexa, se cabe, aínda máis pioneiro”. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía. Ademais este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. No 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

3.800 euros, prezo máximo na primeira poxa de gando frisón da Finca Mouriscade

A granxa da Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra e situada en Lalín, acolleu esta mañá a Primeira Poxa de Gando Frisón, con animais de gran valor xenético e pertencentes á propia granxa. A iniciativa congregou un elevado número de gandeiros procedentes tanto do Deza, como das principais zonas gandeiras da Coruña, así como da provincia de Lugo. Pese a que o acceso era libre, para poder participar na poxa e mercar os animais era preciso realizar unha inscrición previa, que formalizaron un total de 26 ganderías. Saíron a poxa un total de 17 vacas, na maior parte animais de segundo parto, aínda que tamén houbo algunha de primeiro e un exemplar de terceiro parto. O prezo de saída foi de 1.750 euros, agás no animal de máis idade, que partiu de 850 euros. O prezo medio situouse nos 2.600 euros e acadouse un importe total de 44.450 euros. O prezo máximo da poxa logrouno a vaca Mouriscade Neutrón Petri, que partiu de 1.750 euros e, tras unha áxil e disputada poxa, acadou os 3.800 euros, pagados pola gandería Pena Guisande, do Páramo (Lugo). É un animal cunha cualificación de 85 puntos e que xa conta cunha produción de 14.000 quilos de leite. Ademais, pertence a unha das familias de gran traxectoria na Finca. O segundo mellor prezo foi para a vaca Mouriscade Sálvame Malva, que foi adquirida pola gandería de José Ramón Carballeiro Becerra, de Tordoia (A Coruña), por 3.250 euros. Tódalas vacas acadaron un prezo superior ó de partida nunha poxa que se desenvolveu de forma áxil e rápida, en pouco máis dunha hora. O prezo máis baixo da sesión situouse nos 2.050 euros e non quedou ningún animal sen adxudicar dos que saíron á poxa.
Unha das actividades celebradas na Escola de novos gandeiros, celebrada esta semana na granxa da Finca Mouriscade.

Xornada de clausura da Escola de Iniciación de futuros gandeiros

A poxa coincidiu coa xornada de clausura da segunda edición da Escola de Iniciación de futuros gandeiros, organizada pola Federación Frisoa Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros e que tamén contou coas instalacións da Granxa da Finca Mouriscade. Ó longo desta semana un total de 35 rapaces de entre 8 e 17 anos iniciáronse no manexo do gando, dispoñendo para iso dos animais máis novos da gandería de Mouriscade. Recibiron formación sobre cuestións como a morfoloxía dos animais, a alimentación do gando, a importancia dun bo encamado, así como do pelado, limpeza, doma e preparación para os certames morfolóxicos. Ademais, cuestións como o sistema de muxido robotizado, que se emprega na granxa, tamén suscitaron gran interese entre o alumnado.
Os rapaces abordaron cuestións como a morfoloxía, a alimentación e manexo do gando ou a preparación para os concursos
Na xornada de clausura, os rapaces fixeron unha exhibición das destrezas na doma e o paseo dos tenreiros. O curso concluíu cunha comida de confraternidade e unha entrega de premios e diplomas ós asistentes, un acto que contou coa intervención do director xeral de gandería, José Balseiros.

Plan estratéxico de Mouriscade

Tanto a celebración da primeira poxa de gando frisón como acoller a escola de novos gandeiros son dous exemplos das actividades contempladas no Plan estratéxico de Mouriscade. Con este plan búscase, entre outros obxectivos, volver situar á Finca como referente no sector gandeiro, ofrecer servizos directos de mellora xenética para as ganderías galegas e, en especial, da provincia; así como dar a coñecer as instalacións e o traballo desenvolvido no centro á sociedade. A gandería de Mouriscade, que conta cunha granxa experimental en selección xenética, atópase entre as 12 mellores de España. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás granxas, cooperativas e empresas do sector.

Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Esta semana o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, detectou os primeiros restos de mudas do vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Por este motivo, no seu último aviso fitosanitario recomendan aplicar insecticidas, se non se fixo xa, naqueles viñedos do sur da provincia de Pontevedra, que poden ser susceptibles á presenza do insecto. “É aconsellable tratar con produtos autorizados para o seu control, co fin de tentar limitar a dispersión da grave enfermidade que transmite”, explican. As previsións meteorolóxicas para os próximos días, con nubes e claros, temperaturas altas e posibilidade de precipitación, motivan que sexa preciso manter vixiadas as viñas polo risco de mildio e oídio. Dende Areeiro recomendan ademais manter as labores culturais básicas e tratar aquelas viñas nas que continúen ou se produzan avance dos síntomas do mildio. Recordan tamén que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con ventos superiores a 8km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, sen que chegue a ser constante. Nestas condicións os produtos aplicados poden voar fóra da área a tratar. No caso do oídio, dende Areeiro recordan que a uva se atopa aínda moi sensible ó fungo e as néboas propias desta época do ano poden favorecer a súa aparición. Por iso, recomendan que a vixilancia sexa máis intensa, sobre todo naquelas variedades máis sensibles e nos predios que xa se viran afectados nalgún momento por este patóxeno. Insisten ademais, que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer a aparición doutros patóxenos como a botrite. Os viñedos atópanse aínda nun momento de elevada sensibilidade a black rot, polo que tamén é importante vixiar a aparición deste fungo, sobre todo se chegan a producirse choivas nos próximos días. As altas temperaturas tamén están a deixar máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Mouriscade volve situarse entre as 12 mellores ganderías de España

A granxa de Finca Mouriscade, situada en Lalín (Pontevedra), xa está entre as 12 mellores ganderías de todo o Estado. A granxa, dependente da Deputación de Pontevedra, conseguiu ascender 13 postos no último ranking semestral de avaliación xenética publicado hai só uns días pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe). Con este novo salto cualitativo en só un ano e medio a Finca pasou do posto 35 ao 12 das mellores ganderías por índice ICO grazas ao programa de mellora xenética posto en marcha pola Deputación dentro das accións para relanzar Mouriscade como centro punteiro no ámbito da agrogandería. A calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua desde a posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional. O centro xa lograra situar fai 6 meses 2 reses entre as 100 mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras 5 entre as 1.000 con máis alta puntuación. As previsións, segundo expuxo o deputado provincial Manuel González na última xuntanza do comité de expertas e expertos de Mouriscade celebrada esta semana, son as de seguir subindo postos. A Deputación fíxase como obxectivo escalar seis postos máis ata colocar a granxa entre as seis ganaderías con maior calidade xenética a nivel nacional. Na xuntanza tamén se informou ao comité da recente adquisición de 20 novos embrións de alta calidade xenética a unha empresa especializada canadense, coa que se espera seguir a obter grandes resultados que continúen a mellora da base xenética do gando da Finca e do sector. A compra materializouse a través dun sistema de contratación dinámica, un procedemento moi áxil que permite dispor dos embrións de xeito case inmediato e garantindo a súa máxima calidade xenética.  Trátase de embrións de fecundación in vitro (FIV), xenotipados e femias nun 100%, e teñen unha elevada calidade, xa que proceden do 1% dos mellores exemplares da raza Holstein a nivel mundial.

Posta en marcha do laboratorio móbil

Por outra banda, a Deputación vén de dar un impulso á posta en marcha do laboratorio móbil, unha demanda do sector gandeiro que mellorará a implantación embrionaria nas granxas da provincia. A furgoneta foi subministrada á Finca a pasada semana e o vehículo xa está a ser utilizado para desprazamentos veterinarios, se ben para equipalo e operar como laboratorio é preciso contratar o carrozado. O procedemento está en marcha e a previsión é que en dous meses estará en funcionamento este novo servizo. Ademais o deputado deu conta da adxudicación, o pasado día 2, da obra de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, concretamente sobre unha zona de estabulación, vestiarios e laboratorio. O importe é de 130.000 euros e os traballos darán comezo nos vindeiros días. A rehabilitación suporá outra mellora no estado das instalacións, que están a ser modernizadas e dotadas de novos equipos. O Deputado tamén informou ao comité da prórroga por un ano, e cun importe de 31.000 euros, do contrato do ensilado, sementado, aplicación de herbicida, abonado e roza das parcelas da Finca. Traballadores da Finca Mouriscade durante unha formación sobre benestar animal impartida nas instalacións do centro.

Formación en benestar animal

O deputado deu tamén conta da formación realizada polo persoal de Mouriscade en materia de benestar animal, dando cumprimento a un compromiso establecido no Plan Estratéxico de Mouriscade. Entre o 21 e o 25 de novembro impartiuse na Finca un curso sobre anatomía e comportamento en función de raza, idade e outros parámetros; prevención e seguridade no traballo; aspectos sociais e económicos do benestar animal; calidade ética das producións; instalacións e equipos; lexislación; e actuación en casos de emerxencia, entre outras temáticas de interese. O Plan de Comunicación é outro dos eixos estratéxicos nesta etapa para relanzar a Finca e tamén foi tratado no comité. Dentro das accións está o programa de visitas para a veciñanza, colectivos e centros escolares, que comezou en outubro cunha grande acollida. A Finca está a recibir peticións desde toda a provincia. Ademais, o 1 de decembro celebrouse alí a presentación dos proxectos do I Programa de Crecemento Empresarial organizado pola Deputación no viveiro de empresas de Lalín, polo que a institución segue a diversificar a actividade para poñer en valor o centro.

Arranca en Cambados a LXX Festa do Albariño da DO Rías Baixas con gran afluencia de público

A LXX Festa do Viño Albariño DO Rías Baixas arrincou este mércores coa apertura no Paseo da Calzada de Cambados (Pontevedra) de 42 casetas onde 44 adegas da denominación de orixe amosan as súas elaboracións ao público. A primeira xornada contou xa cunha gran afluencia de púbico, que agardan se manteña ata o domingo, cando rematan os actos. O Consello Regulador prevé distribuír ata o domingo 38.000 cataviños nestas casetas que permanecen abertas ata as 3 da madrugada. O presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, asegurou durante o acto de inauguración “estar encantado e feliz de retomar a integridade dos actos”. Resaltou ademais “a perfecta e impoluta” colaboración co Concello de Cambados na organización desta cita. “Levamos moitos anos colaborando para engrandecer a Festa do Albariño de Cambados, que tamén é festa da DO Rías Baixas. Esperamos estar moitos anos máis celebrando as virtudes do viño Albariño”, apuntou. Na inauguración participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Cambados, Samuel Lago, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, entre outros. O responsable autonómico de Medio Rural mostrou a súa satisfacción por volver reunirse no Paseo da Calzada e celebrar de maneira presencial esta festa. Destacou tamén que para a Xunta o viño é un produto que fai territorio, turismo e recalcou ademais a presenza internacional do viño Albariño Rías Baixas.

Inauguración do Túnel do Viño

A actividade no Paseo da Calzada, que se estenderá ata o domingo 5 de agosto, combinarase co XI Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, organizado polo Consello Regulador no Salón de Congresos e Exposicións José Pena, que constitúe un espazo profesional para coñecer máis sobre os viños da DO Rías Baixas. O XI Túnel do Viño mostrará un total de 153 marcas pertencentes a 54 adegas da denominación. Cada un dos viños contará coa súa ficha de cata. Haberá listaxe das marcas participantes, a colleita… Dita información tamén se poderá descargar a través dun código QR. Ademais, as persoas asistentes contarán co asesoramento dun catador profesional. O horario de apertura das instalacións do Túnel do Viño o xoves e venres será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas, mentres que o sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas. As entradas poderanse comprar no propio Salón. A inauguración oficial desta cita celébrase hoxe ás 12:15 horas e contará co presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o director de Agacal, José Luis Cabarcos, a deputada provincial, Ana Laura Iglesias; e as concelleiras de Igualdade e Turismo e Enoturismo do Concello de Cambados, Fátima Abal e María Cruz Leiro. Tamén estarán presentes a directora do Parador de Cambados, Meritxell Marcos; e o vogal do Consello Regulador, Antonio Crespo.

“Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos”

A segunda sesión das Xornadas Revitaliza, centradas este ano na agrocompostaxe, puxo sobre a mesa algunhas das vantaxes que pode proporcionar o tratamento conxunto dos biorresiduos urbanos e os procedentes da gandería e a agricultura. Ana García Ráncez, representante da Universidade Miguel Hernández de Alicante foi unha das ponentes que destacou a utilidade da agrocompostaxe para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático. "Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos. Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos", sinala García Ráncez nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida). A agrocompostaxe busca dar un uso útil aos residuos urbanos de carácter orgánico, que hoxe se queiman e dos que poderían obterse abonos e emendas orgánicas de calidade para os solos. Neste senso, o profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, apuntou o beneficio de introducir materia orgánica na terra, polo secuestro de CO2 da atmósfera que permite, sendo unha das poucas ferramentas para mitigar o cambio climático. En base a distintos estudos, Irigoien destaca que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, e a aplicación de compost non só mellora a fertilidade senón o balance neto de emisións de gases de efecto invernadoiro. Liña de axudas Nesta liña, dende a Deputación buscan fomentar estas prácticas de xestión, coas novas axudas que preparan para concellos e axentes agrogandeiros. Así, haberá axudas para as cooperativas e empresas agrogandeiras que se involucren na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser empregados para a fertilización do solo. A liña de axudas contempla tamén aportacións para os concellos que realicen unha correcta xestión dos biorresiduos, de xeito que sexa máis económico o seu aproveitamento no canto de queimalos. Nas Xornadas Revitaliza coñecéronse casos prácticos sobre agrocompostaxe nos que se inspirou o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona. Tamén se abordou a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe, grávase mediante un imposto o verquido de residuos, e foméntase unha tramitación sinxela para utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.

A Deputación achega a compostaxe a preto de 48.000 escolares da provincia de Pontevedra

No marco do Plan Revitaliza, centrado na compostaxe, a Deputación de Pontevedra tamén está a desenvolver un programa de actividades escolares co que achegar estas prácticas sostibles ós máis novos. Nos catro anos que leva activo este programa, preto de 48.000 escolares participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos sobre esta temática. O balance desta iniciativa posta en marcha pola Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) deuse a coñecer no marco do V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado este xoves e que congregou a diferentes colexios para coñecer os seus proxectos nesta temática. O encontro, que se realizou de xeito telemático, tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses. Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido. Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están “a ser partícipes dun proxecto punteiro e transcendente, xa que o Revitaliza é unha iniciativa novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dá, ou protexer o planeta de plásticos e outras substancias que lle fan dano...”, apunta Mosquera O director do CEIDA, Carlos Vales, salientou que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior. Subliñou que o traballo que se está a facer en materia de compostaxe está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Balance de actividades escolares

Neste 2021 pasarán polas actividades escolares do Revitaliza máis de 9.100 escolares en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia. No ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano. Ademais de nos centros de ensino, o Revitaliza estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Proxectos nos centros

Neste V Encontro de Educación Ambiental tamén se deron a coñecer as distintas iniciativas relacionadas coa compostaxe e as prácticas sostibles que se levaron a cabo nos 4 centros educativos seleccionados. O CEIP Froebel (Pontevedra) foi un dos centros participantes. O alumnando deste colexio de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, puxo en marcha unha experiencia de compostaxe dos propios restos das merendas escolares, unha idea que xurdiu tras unha visita a unha factoría de tratamento de residuos. No curso pasado obtiveron unha saca de compost, que repartiron entre as familias que o solicitaron, e este ano están a mellorar a calidade do produto. No CEP Riomaior (Vilaboa), levan tempo participando no programa do Revitaliza e teñen xa unha gran experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é “ síntome ben”, co que están a impulsar prácticas saúdables e sostibles en alimentación, xestión de restos téxtiles, deporte ó aire libre e recollida de lixo. Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres’ está moi arraigada neste centro, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro con actividades para reutilizar os materiais antes de desbotalos. Tamén teñen moi presente a importancia dunha alimentación sá e o alumnado de infantil e familias participan nun proxecto medioambiental cunha horta permanente no centro. Neste curso incorporan un composteiro para concienciar ó alumnado da necesidade de sacar máis proveito ós residuos orgánicos. O CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar) foi outro dos centros destacados da xornada. O aproveitamento dun vello composteiro que estaba no centro foi o xermolo para achegarse de novo á compostaxe. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e unha das nais con coñecementos en permacultura. Ademais, converteron o antigo galiñeiro da escola nun invernadoiro onde facer as sementeiras e sumaron novos composteiros para seguir afondando e aproveitando os residuos das merendas para compost.

Areeiro incorpora visitas guiadas para dar a coñecer a biodiversidade

A Deputación de Pontevedra abre ó publico a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) cun proxecto piloto de turismo científico. A iniciativa, bautizada como Ruta da Ciencia Areeiro, busca dar a coñecer o labor de investigación deste centro á cidadanía. Estas visitas tamén pretenden achegar valores medioambientais, así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na propia finca. As visitas serán conducidas por unha guía por distintos lugares da Estación como o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o xardín das aromáticas. Neste percorrido amosarase a investigación botánica en Galicia, a camelia -unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes- ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Na ruta tamén se dan a coñecer as plantacións de té , as feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta. Coa incorporación desta ruta Areeiro logra o selo Observer de turismo científico, un certificado que tamén ten o Castelo de Soutomaior. O percorrido foi inaugurado esta semana cunha visita oficial na que participou a presidenta provincial, Carmela Silva. “Estas visitas permitirán dar a coñecer a EFA moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade", destaca Silva. Ademais do público xeral, Areeiro tamén ofrecerá percorridos para persoal do eido científico, para quen se realizará un itinerario máis específico. Na súa visita á Estación, Carmela Silva tamén puxo en valor o traballo que se realiza no centro, un referente nacional e internacional. “Ó longo da súa historia, Areeiro converteuse en imprescindible para o sector privado”, destaca Silva ó tempo que recorda a importancia da ciencia e a investigación para recuperar o amor pola natureza e o seu coidado.

As mulleres na ciencia

Na súa visita á Estación, Carmela Silva fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan no eido científico. Fixo tamén unha mención especial a Carmen Salinero, xefa do servizo da EFA e "nai das camelias en Galicia e en toda España" polo seu labor neste campo. Ademais, lembrou que na primavera plantarase unha camelia co seu nome no Xardín do Castelo de Soutomior a modo de homenaxe a Salinero e a todas as traballadoras da Estación.

Areeiro recomenda manterse alerta ante danos de mildio e oídio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, remitiu este luns un novo aviso fitosanitario do estado dos viñedos da provincia, no que recomenda extremar as precaucións ante posibles danos de mildio e oídio. As condicións meteorolóxicas destes días están a ser favorables para desenvolver ambas infeccións. Na súa última revisión dos viñedos están a detectar manchas nas follas, moi incipientes e apenas visibles, de danos por mildio. Polo de agora, non detectaron síntomas nos acios. Dado que para os próximos días as condicións meteorolóxicas seguirán a ser propicias para a aparición destes patóxenos, dende Areeiro recomendan ós viticultores manterse moi alerta e realizar unha intervención inmediata en canto se detecten os primeiros síntomas. O persoal de Areeiro tamén detectou xa nalgunhas follas o característico micelio do fungo de oídio. Así, no caso de ter que renovar o tratamento fronte ó mildio, aconsellan engadir tamén un produto fronte ó oídio para evitar unha maior afección das cepas.