Archives

Comezan as obras para acondicionar a Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Deputación de Pontevedra inicia este luns dúas actuacións para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Trátanse da rehabilitación e reforzo da estrutura da casona e da mellora do acceso ao laboratorio de fitopatoloxía, unhas obras que levaban xa anos sendo demandadas e nas que o Goberno de Luis López investirá preto de 130.000 euros. Nestes momentos a casona está insuficientemente illada e amosa danos e incidencias nos elementos estruturais da fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior, o que impide garantir os niveis adecuados de seguridade, habitabilidade e salubridade para o desenvolvemento das actividades que alí se desenvolven. Deste xeito, a través da reforma, na que se investirán 40.000 euros, vanse acometer as actuacións dirixidas á substitución dos elementos estruturais que presentan danos e patoloxías e emendar os danos producidos polas filtracións, impermeabilizando as fachadas este e sur da súa primeira planta. No que respecta ao laboratorio de fitopatoloxía o investimento ascende a 90.000 euros e permitirá substituír un dos núcleos de escaleiras de acceso á primeira planta, que presenta deficiencias. Tamén se realizarán reparacións estruturais diversas no voladizo e piar, substituiranse os cortaventos de acceso e adecuarase o espazo baixo a nova escaleira para almacén. A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.

Resultados da poxa de gando frisón de Finca Mouriscade

A Deputación de Pontevedra acaba de celebrar na Finca Mouriscade a segunda poxa de animais de gandería , coa asistencia de 22 gandeiros da provincia así como doutros puntos de Galicia. Na poxa vendéronse un total de 11 vacas de raza frisoa que contaban cun prezo de saída de 1.900 euros, chegando algunha delas a alcanzar os preto de 3.000 euros. En canto aos gandeiros asistentes á poxa, a maioría proviñan do concello de Lalín, aínda que tamén se presentaron doutros puntos da provincia, como Rodeiro. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Sarria, en Lugo; Santa Comba ou Brión, na Coruña, ou San Xoán de Río, en Ourense. A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería. As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.

Estas son as 19 vacas que mañá martes se poxarán na Finca Mouriscade, en Lalín

A Deputación de Pontevedra celebra este martes,  2 de abril na Finca Mouriscade, a partir das 11:00 horas, unha poxa de animais da gandería de Mouriscade na que se ofertarán 19 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros. A poxa está aberta a persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Explotación Gandeira, que tiveron que inscribirse previamente para poderen participar. As ofertas que realicen non poderán ser inferiores ao prezo de saída e, a partir dese importe, o incremento deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que deixen de presentarse novas ofertas, quedando como licitadora quen realizase a poxa máis elevada. No caso de empate, resolverase por sorteo. A quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería. As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.

Descarga aquí o catálogo da poxa

Degustación en Fitur de té de camelia de Areeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compartiu este xoves unha degustación de té de camelia, unha bebida que se produce a partir das camelias que medran en xardíns da provincia pontevedresa, no stand que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Ao acto asistiron deputados do goberno provincial, así como representantes do sector turístico e público xeral que ademais de probar esta infusión 100 % Rías Baixas recibiron explicacións dos beneficios e sobre a elaboración desta infusión. Por outro lado, a Deputación ten a súa propia marca de té ecolóxico. Trátase do Té Areeiro, unha marca coa que a Deputación busca converterse nunha referencia na produción dun té de calidade elaborado na provincia e con produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas da variedade de camelia sinensis, que se cultiva nos xardíns da estación fitopatolóxica do Areeiro, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Unha iniciativa que supón ademais un paso adiante cara a diversificación e promoción do rural da provincia. No 2023 os xardíns do Areeiro acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e teñen en marcha un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

A Deputación de Pontevedra investirá 40.000 euros para rehabilitar a casa da Finca Areeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a unha empresa para a realización das obras de rehabilitación e reforzo estrutural da casona na Finca Areeiro. Luis López asegurou que este investimento, que ascende a 40.000 euros e ao que hai que engadir outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”. O obxectivo da actuación é arranxar complicacións existentes nos edificios pendentes desde facía anos. Deste xeito, no caso concreto da casona, á que se destinarán 40.000 euros, trátase de substituír elementos estruturais e emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. No caso do laboratorio, onde se investirán 90.000 euros, rehabilitarase o acceso ao primeiro andar do edificio. “En resumo –asegurou o presidente Luis López- imos investir nestes meses 130.000€ para remodelar as instalacións da Finca Areeiro, un centro científico pioneiro que queremos que sexa, se cabe, aínda máis pioneiro”. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía. Ademais este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. No 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

Oferta de visitas guiadas gratuítas á Finca Mouriscade

A Deputación de Pontevedra oferta a centros educativos, asociacións ou outros colectivos, visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade de Lalín, cun sentido didáctico e formativo en torno á vangarda investigadora en varios aspectos do sector agroalimentario. As visitas, que poden formalizarse a través de laboratorio.mouriscade@depo.es e están abertas a grupos de ata 35 persoas e permiten coñecer o laboratorio, a granxa e as terras de cultivo. Poden formalizarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta.   A través dela pódese coñecer en profundidade o traballo desenvolvido por este centro de referencia en Galicia en canto á análise e investigación avanzada sobre alimentación, enfermidades e xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e aves.  No laboratorio estúdase a calidade dos alimentos e a prevención de enfermidades, así como realízanse análises de auga e xermes. Pola súa banda, na granxa trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, procurando que os gandeiros poidan ter animais máis saudables e produtivos. Ademais, os refugallos que se producen na Finca Mouriscade empréganse na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás. Finalmente o percorrido contempla unha visita ás terras de cultivo que, cunha superficie de 44 hectáreas,  están destinadas na súa maior parte a cultivos de millo, para realizar ensaios de mellora da alimentación do gando así como investigacións sobre os fertilizantes.

A Deputación celebra o 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

A Finca Mouriscade, situada en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, celebrará o venres 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún. A poxa comezará as 11.00 horas e contará con 21 vacas de raza frisoa que forman parte da gandaría da Finca. Son animais que contan cun gran valor xenético e comercial para continuar a súa vida produtiva nas granxas lácteas. Os prezos de saída dos animais abranguen entre os 462 e os 1.925 euros en función da idade do animal. Os asistentes poderán ver os animais nas instalacións da Finca Mouriscade dende unha hora antes de que dea comezo a poxa.

Inscrición na poxa

Para poder poxar polos animais ese día é preciso inscribirse antes do próximo mércores, día 5 de xullo. As persoas interesadas teñen que presentar unha solicitude de participación na poxa a través da sede electrónica da Deputación, mediante o procedemento de Instancia Xenérica dirixida ó Servizo de Contratación. Deben achegar ademais un modelo de inscrición previa e de declaración responsable, que xa se facilita no portal. A poxa de gando vacún da Finca Mouriscade é o último dos compromisos adquiridos no marco do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade e nace para dar resposta á demanda dos gandeiros da provincia que solicitaban ter no mercado animais de alto valor xenético. Dende a Deputación teñen previsto que este sistema se utilice en vindeiras ocasións para poñer no mercado animais de gran valor. A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das ganderías da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás granxas, cooperativas e empresas do sector na provincia.

 

Máis información sobre a poxa

- Procedemento para a inscrición na poxa

- Ficha dos animais que participan na poxa

 

A Finca Mouriscade inicia a venda directa de embrións a través da súa renovada web

A Finca Mouriscade, dependente a Deputación de Pontevedra, acaba de presentar a súa renovada web na que se inclúen novos servizos directos para as ganderías, como a venda online de embrións. A presentación do reformado portal web realizouse este venres no marco da xornada técnica con gandeiros organizada por Africor Pontevedra nas instalacións do laboratorio da Finca, situada en Lalín. A web segue a manter o mesmo enderezo: mouriscade.depo.gal. Entre as novidades, na súa páxina de inicio inclúe as 4 áreas que forman a Finca Mouriscade: o laboratorio de análise de alimentación animal, a granxa, a planta de biogás e as terras de cultivo (que ademais de producir forraxe para alimentación do gando empréganse como campos de ensaios de cultivos). Coa renovación da web, ademais de incorporar novas seccións, buscan ofrecer transparencia e aumentar o acceso directo a servizos ás ganderías, en especial ás da provincia de Pontevedra, que contarán con importantes vantaxes.

A venda online de embrións

Na sección adicada á Granxa destaca a venda de embrións, un servizo que agardan ter totalmente operativo no próximo mes, xa que está pendente a publicación oficial dos novos servizos e tarifas no Boletín Oficial da Provincia, así como ultimar algúns apartados na web. Polo momento, xa é posible consultar os embrións dispoñibles e tramitar a súa compra chamando á Granxa Mouriscade, un procedemento que despois se fará totalmente online. No apartado para a venda dos embrións inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles. Ademais de contar cunha imaxe do animal, os gandeiros dispoñen dunha folla de datos proporcionada por Conafe, así como dun informe de avaliación xenómica americana e canadense. Na web inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles con datos detallados sobre os animais. “Pretendemos que o gandeiro teña toda a información posible dispoñible para facer a compra do animal que quere. Queremos aportar a máxima transparencia e garantías á venda de embrións”, indicou durante a presentación da web o xefe de sección da Gandería da Finca Mouriscade, Héctor Martínez Sanz, que se está a encargar da posta en marcha da web xunto cun equipo de traballadores do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

O procedemento

Unha vez que estea activa a venda online, o gandeiro interesado deberá rexistrarse previamente na sede electrónica para logo poder realizar a compra dos embrións. Con este rexistro pretenden evitar posibles fraudes na compra deste material. “Búscase ter un servizo de venda transparente e garantir a igualdade de acceso”, indica Martínez.
Só poderán mercar os embrións gandeiros en activo, con CEA e rexistro sanitario
Para rexistrarse deberán dispoñer de certificado dixital. Só poderán rexistrarse gandeiros en activo, para o que pedirán o número de CEA e a acreditación sanitaria, para asegurarse así que teñen animais. Os gandeiros poderán nomear un representante, como pode ser o veterinario da granxa, para realizar estes trámites.

Prezos dos embrións

Os prezos dos embrións é un dos temas pendentes da publicación da ordenanza e que non se fixeron públicos na presentación realizada na xornada. Martínez adiantou que as ganderías da provincia de Pontevedra terán prezos bonificados. Ademais, o prezo dos embrións reducirase de xeito automático co paso do tempo para evitar que queden embrións atrás na venda e favorecer o acceso á mellora xenética de todas as ganderías.
As ganderías da provincia terán prezos bonificados e poderán contratar a implantación do embrión
Só as ganderías da provincia de Pontevedra terán a posibilidade de contratar a implantación do embrión. Se se contrata este servizo o transporte será gratuíto. Mentres, no resto de casos o transporte correrá a cargo do comprador. O pago dos embrións deberá realizarse nos seguintes 7 días. De non efectuarse o pago, os embrións volverán a estar dispoñibles na web. Para evitar que de xeito reiterado se faga o procedemento da compra na web e non se remate o pago, cando se realicen impagos reiterados haberá penalizacións para eses gandeiros á hora de facer novas compras, co gaio de evitar que se bloqueen deste xeito embrións.

Restricións

Para favorecer o acceso á compra para as ganderías da provincia e ó mesmo tempo garantir o acceso a estes embrións de alto valor xenético a todo o sector, tamén estableceron unha serie de vantaxes e restricións para a compra: - Nos primeiros 14 días da posta á venda dos embrións, só poderán mercalos ganderías da provincia de Pontevedra. - A partir do día 15 a venda ábrese ó resto de ganderías. -Só poderán mercarse 2 embrións por día. Deste xeito pretenden evitar o acaparamento por parte das ganderías. -Non está permitida a revenda, cambio ou cesión dos embrións. Ademais, os embrións mercados con bonificacións para a provincia de Pontevedra só poderán implantarse en vacas da provincia.

Sistema de alertas

Dende a Granxa Mouriscade activarán un sistema de alertas da posta á venda de novos embrións. No momento en que teñan a previsión de realizar un flushing mandarán un email de aviso a todas as ganderías rexistradas da provincia de Pontevedra, para facilitar que todas elas teñan coñecemento de que disporán de novos embrións. Na web tamén se disporá dunha cronoloxía dos flushings que se van realizando.

Mellora xenética na Granxa Mouriscade

A renovación do portal web é unha das liñas de traballo incluídas no Plan para reactivar a Granxa da Finca Mouriscade. O Plan, iniciado hai dous anos, busca volver situala como un dos centros de referencia en mellora xenética do gando frisón. A nova web culmina un traballo de mellora xenética e pon agora estes esforzos a disposición das ganderías de vacún de leite. Neste programa de mellora xenética levouse a cabo a compra de material con alto valor xenético procedente dun núcleo de doantes de elite de mercados nacionais e internacionais. Ademais, fixeron unha aposta clara polos índices xenómicos nacionais GICO, americano (GTPI) e o canadense (GLPI). Tamén incluíron entre os criterios de selección a produción de leite A2A2 e a Kappa caseina BB. Martínez tamén recordou que a venda de embrións é un dos métodos destacados para a mellora xenética do rabaño, xa que con estes procedementos redúcese o risco de enfermidades, os custos derivados das corentenas de introducir novos animais na granxa, así como da compra e transporte dos mesmos. Xunto coa posta en marcha da nova web, no Plan de reactivación da granxa incluíuse a posta en marcha do laboratorio móbil, que se iniciou recentemente. Ademais, tamén está previsto a venda directa de animais mediante poxas públicas. Teñen pensado realizalas nas instalacións da propia granxa experimental de Mouriscade, aínda que por agora está pendente da tramitación do procedemento por parte da Administración.

Mouriscade comezará a transferir embrións de alta calidade xenética propios a partir de febreiro

A Finca Mouriscade, centro de referencia en mellora xenética e dependente da Deputación de Pontevedra, está xa en disposición de transferir embrións de alta calidade de frisoa propios, é dicir, formados na propia granxa, situada en Lalín. O persoal do centro está implantando os últimos embrións adquiridos en decembro, procedentes do 1% dos mellores exemplares de raza frisoa a nivel mundial, á vez que xa está valorando novas ofertas para incorporar novos lotes ao rabaño de Mouriscade. Este é un paso máis para que a Finca Mouriscade se sitúe como un centro de referencia internacional, tal e como sinalou a presidenta da Deputación Carmela Silva no encontro do comité informativo con alcaldes do Deza para informar sobre a evolución do plan de dinamización do centro que se está levando a cabo dende hai meses. A granxa de Mouriscade logrou situarse xa no posto número 12 das mellores gandarías estatais por índice ICO. Ademais, as previsións apuntan a que a finca seguirá medrando co obxectivo de escalar outros 6 postos máis ata colocar a granxa entre as 6 mellores explotacións a nivel estatal. Este obxectivo está máis próximo xa que 13 xovencas de Mouriscade acaban de situarse entre as 1.000 mellores a nivel estatal segundo as avaliacións xenéticas de CONAFE (Confederación de Asociacións de Frisoa Española). De feito, unha das 13 xovencas está no posto 17 e outras sete situáronse entre os 500 primeiros postos da clasificación (52, 114, 154, 242, 429, 467 e 478). A Deputación busca que os embrións producidos en Mouriscade cheguen a todas as ganderías da provincia. Para iso, terá un papel clave o novo sitio web, que se estreará a mediados de febreiro. O sitio disporá dunha plataforma para a venda dunha maneira transparente e áxil, para que todo o sector teña a mesma capacidade e accesibilidade á compra. Cando os gandeiros teñan mercado o material xenético, será o persoal técnico quen o implante nas súas ganderías, empregando para iso o laboratorio móbil da Finca Mouriscade, que estará operativo en arredor de dous meses. A nova web de Mouriscade tamén contará con importantes novidades para o sector. Na sección de laboratorio, axilizarase o procedemento de consulta de resultados para que o sector poida consultalos en tempo real desde calquera dispositivo, tamén o smartphone. Ademais, no segundo semestre do ano lanzarase unha libraría de composición de alimentos para ofrecer unha base de datos estatísticos do laboratorio, con rexistros desde 2001, que recollerá os parámetros nutricionais analizados en Mouriscade. Ademais, Mouriscade ampliará a súa oferta para o sector gandeiro coas últimas biotecnoloxías reprodutivas e estase a avaliar a ampliación dun sistema de aspiración transvaxinal de oocitos que permite a produción de embrións in vitro para obter descendentes das donantes a idades máis temperás. O benestar animal segue a ser unha das prioridades de traballo, polo que en colaboración con CONAFE instalaranse novos colares para a monitorización e toma de datos de saúde e benestar nas reses mediante a actividade da rumia. Estarán conectados a un software que permitirá detectar con antelación se algún animal pode estar padecendo unha patoloxía.  Participantes no comité informativo celebrado nas instalacións do centro.

Renovados os acordos cos laboratorios

Carmela Silva tamén informou da renovación de contratos cos laboratorios Evonik, Dairy One e SANOR (Seguridade Alimentaria del Noroeste). Por unha banda, a subscrición ás bases de datos NIT de Evonik e Dairy One permiten ofrecer ao sector gandeiro servizos de análise accesibles e de calidade de ensilados e forraxes para alimentación de ruminantes (Evonik) e pensos e materias primas (Dairy One). Pola outra banda, os acordos con SANOR permiten colaborar co programa de seguridade alimentaria Galis, pioneiro a nivel estatal, para a toma de mostras de materias primas destinadas á alimentación animal. O persoal realiza a mostraxe durante a descarga de materias primas e almacéns nos principais portos galegos para poder asegurar a trazabilidade en todo o proceso de control de calidade das materias primas importadas.

Mellora das instalacións

En canto a melloras das instalacións, Carmela Silva informou das obras de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, sobre a zona de estabulación de xovencas intermedias, vestiarios e laboratorio que darán comezo o vindeiro luns. Ademais, a Deputación adquirirá unha cuba de xurros con capacidade de 7000 litros cun sistema de triturado e aplicación a ras de solo. Outras melloras repercutirán na extracción de gases dos laboratorios (con tubos e un motor de extracción no exterior para mellorar a extracción e evitar condensacións) e no acondicionamento da sala de moenda, para que a sala teña menos ruído e máis espazo. Na procura dos maiores estándares de calidade, a Deputación comezará os trámites para obter a Certificación ISO-9001 e a ampliación de ensaios acreditados segundo o ISO-17025, o que permitirá ao centro ser recoñecido polos potenciais usuarios e usuarios pertencentes a países membros da Organización Internacional de Normalización (ISO).

Portas abertas para o sector

Outro obxectivo do plan de dinamización de Mouriscade é o de dar a coñecer as instalacións e o traballo do centro. Por iso, desde outubro abríronse as portas da finca á comunidade escolar e á cidadanía cun programa de visitas ás que xa asistiron centros de ensino de toda a provincia e mesmo da Coruña, o que evidencia o interese espertado. Xa se realizaron 12 visitas e hai outras 8 concertadas. Carmela Silva anunciou que as visitas guiadas a Mouriscade ábrense ao sector para que poida ser un centro de referencia para as súas actividades. Neste sentido, a presidenta provincial avanzou o calendario de reunións sectoriais xa pechadas, como as da compañía Nanta (líder en fabricación e comercialización de pensos) ou AGAFAC (organización de fabricantes de alimentos compostos).

Transferencia de varias parcelas

A presidenta Carmela Silva tamén deu conta na reunión, da sinatura co alcalde de Lalín da acta de entrega e recepción da titularidade das parcelas resultantes do proceso de segregación da Finca Mouriscade. A Deputación transfire ao Concello máis de 115.000 metros cadrados para que Lalín execute o seu proxecto de posta en valor do futuro “Espazo Mouriscade”. No marco da transmisión da propiedade, aprobada no pleno de outubro, acordouse tamén a cesión do antigo laboratorio, casona e edificacións auxiliares da finca. Os inmobles incorporaranse ao proxecto como un centro expositivo vinculado á realidade rural e ao sector agrogandeiro, e outro centro agroturístico.

Visitas organizadas á Finca Mouriscade, en Lalín, e a Areeiro, en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos centros educativos, das asociacións ou doutros colectivos, organizados en grupos de ata 35 persoas, a realización de visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade. A Finca Mouriscade é un centro de referencia en Galicia de análise e investigación avanzada sobre a alimentación, as enfermidades e a xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e da cabana de aves. Neste centro traballa un equipo de máis de trinta profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar o coidado, a nutrición, a saúde e a produción de leite dos animais. As visitas realizaranse todos os martes non festivos, desde o 11 de outubro de 2022 ata o 20 de abril de 2023, en dúas quendas: unha ás 10 h e outra ás 12 h e terán unha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos. As persoas visitantes poderán coñecer o centro que se divide en tres áreas: - O laboratorio: Conta con especialistas e medios de última xeración para coñecer a calidade dos alimentos do gando e previr enfermidades; tamén se analizan auga e xermes. - A granxa: Nela trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria. Nacen tenreiras dos mellores exemplares e grazas ao seu labor, as gandeiras e gandeiros poden ter animais máis saudables e produtivos. Os xurros que se producen na Finca Mouriscade emprégase na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás. - As terras de cultivo: O terreo ocupa unha superficie de 44 hectáreas e gran parte está destinada a cultivos de millo e praderías, que permiten realizar ensaios para mellorar a alimentación do gando, ademais de investigar sobre os fertilizantes. Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 35 integrantes, incluído en ambos os casos a ou o responsable, quen acompañará as e os integrantes en todo momento. Se o grupo supera o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas necesarias en función do número de integrantes do grupo. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta. Pódese solicitar á visita a través do calendario que hai ao pé desta web.

Programa de visitas á Estación Fitopatolóxica de Areeiro

En Pontevedra, a Deputación organiza tamén visitas ó outro gran centro agrario que xestiona, a Finca Areeiro. Igual que no caso de Mouriscade, tratarase de visitas para colectivos, centros educativos ou agrupacións, cun máximo de 25 persoas neste caso. A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) é un centro de referencia e ten un alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao labor desenvolvido no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia e na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. Neste centro traballa un equipo de cerca de 40 profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar as producións dos cultivos e traballar en sanidade vexetal para levar a cabo métodos de loita respectuosos co medio natural. Situada nun enclave privilexiado da ría de Pontevedra, a EFA conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos e, nas súas cerca de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras (kiwi, feixoa, mora, mirabeis, guaiabo fresa etc.), coa colección de camelias da Deputación de Pontevedra (con máis de 1.000 exemplares plantados), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese, que fan que sexa un xardín con carácter didáctico atractivo para as e os visitantes, tanto profesionais coma afeccionados. A apertura dos xardíns ao público ten un sentido didáctico e formativo, cuxa visita se realizará acompañada por guías especializadas, e permitirá dar a coñecer o traballo que se está a desenvolver, así como o patrimonio que forman os seus xardíns. As visitas levaranse a cabo todos os martes e xoves non festivos e dous sábados ao mes desde novembro de 2022 en horario 10 h a 12 h, cunha duración aproximada de dúas horas. As persoas visitantes poderán realizar un percorrido polo predio no que se explicarán os seguintes temas: • A Estación Fitopatolóxica Areeiro. Que é e a que se dedica: un pouco de historia • As orixes: que é a fitopatoloxía, a súa importancia e repercusión na produción de alimentos • A camelia, a flor de Galicia; Xardín Pedro Mansilla • Camelias figo: só para os ollos do emperador. O xardín de Franco Ghirardi • Insectario e viveiro de forestais: a loita contra as pragas • Plantación de kiwi: a tecnoloxía detrás da froita • Plantación de té, a bebida máis consumida do mundo • A camelia máis aló do seu uso ornamental • A feixoa: unha froita exótica que lle debe o nome a Galicia • A importancia dos froitos de outono, os froitos secos • Fentos arbóreos, o recordo do pasado Despois da visita, e dependendo da época do ano, realizarase unha cata de produtos obtidos no predio (froitas de tempada, té…). Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 25 visitantes, incluída en ambos os casos a persoa responsable do grupo, quen acompañará as e os seus integrantes en todo momento. Se o grupo superase o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas que se precisen en función do número de visitantes do grupo. Será necesario reservar a visita cunha antelación mínima de 24 horas antes da súa realización. Os colectivos profesionais (universidades, escolas agrarias, centros profesionais, bodegas etc.) relacionados coas actividades científicas da EFA poderán solicitar mediante instancia xenérica a visita aos laboratorios en grupos de menos de 10 persoas. Pódese solicitar á visita a través do calendario que hai ao pé desta web.

Convocan as axudas para a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as bases da liña de subvencións coa que busca a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras. Trátase dunha liña pensada para o tratamento dos residuos orgánicos destas empresas ou entidades, mesturados con biorresiduos urbanos. Poderán optar ás axudas empresas do ámbito agrario e gandeiro, silvícola, hortofrutícola e adegas, segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera. A iniciativa pretende ser un xeito sostible de tratamento dos residuos orgánicos urbanos, ó tempo que se proporciona compost de calidade ás entidades que o precisan para fertilizar os solos. Deste xeito, a planta de compostaxe construirase nas propias instalacións da empresa interesada, para facer os mínimos desprazamentos. Así, só se trasladarán os biorresiduos urbanos que precisen, que se axustarán en función dos residuos propios que xeren as empresas para conseguir un compost de calidade que permita despois a fertilización dos solos. Poderán beneficiarse desta liña de subvencións aquelas entidades, empresas, cooperativas e persoal autónomo da provincia de Pontevedra que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos orgánicos que poidan ser compostados. Deben ser entidades consumidoras de fertilizantes ou emendas de orixe orgánica. Ademais, teñen que ter dada de alta a súa actividade, ter unha facturación media dos últimos anos igual ou superior a 500.000 euros e dispoñer dos terreos para a instalación da planta de compostaxe. Cada entidade poderá obter unha subvención de, como máximo, o 75% do custo total da actuación recollida no anteproxecto presentado. O máximo da subvención será de 600.000 euros. Esta subvención incluirá tanto obra civil como calquera tipo de maquinaria precisa para realizar o proceso de compostaxe. As solicitudes poderán presentarse ata o 17 de setembro por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Unha vez presentada a documentación, o persoal do Plan Revitaliza da Deputación iniciará un proceso de asesoramento para cada entidade para elaborar un informe no que se detallará a cantidade de residuos propios que manexarán e a cantidade máxima de biorresiduos de orixe doméstica que poderían tratar nas instalacións de compostaxe. “Con esta orde de subvencións damos un salto adiante nas posibilidades de xestionar os biorresiduos na dirección máis eficiente e avanzada”, reivindicou César Mosquera, presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, durante a presentación da convocatoria. O organismo provincial destina 1,5 millóns de euros a estas axudas, se ben precisa que tal cantidade é ampliable se hai demanda. Esta liña súmase ás iniciativas postas en marcha xa dende a Deputación co Plan Revitaliza, co que se implantou tanto a compostaxe comunitaria como individual, de km. 0, naqueles concellos interesados.

-Consulta aquí as bases da convocatoria publicada o 18/08/2022 no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

As chuvias rexistradas en toda Galicia ó longo dos últimos días case non tiveron incidencia no estado sanitario dos viñedos. Así o recolle o último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entidade dependente da Deputación de Pontevedra. As viñas apenas presentan incidencia de patoloxías habituais coma o mildio. Detectaron moi poucos síntomas nos brotes terminais, mesmo na plantas de viñas que levaban máis dun mes sen aplicar tratamentos ou naquelas que manteñen sen intervención en toda a campaña. Os ventos do norte e a previsión de tempo seco para os próximo día fan que siga sendo improvable a aparición de danos por mildio. Os síntomas de oídio que detectara o persoal de Areeiro na revisión da semana anterior tampouco evolucionaron durante estes días, e só detectaron danos mínimos e casos puntuais. Aínda que as chuvias podían favorecer os danos por botrite, na maioría dos casos foron precipitacións moi lixeiras e a humidade non se mantivo durante moito tempo na vexetación, polo que non se aprecian danos de importancia. A previsión de tempo seco tamén reduce ó mínimo o risco para os próximos días. Se se producen danos para os que sexa preciso tratar e tendo en conta a proximidade da vendima nalgunhas zonas, dende Areeiro recordan que existen funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e outras solucións naturais que ou ben non teñen tempo de espera ou só se debe agardar un día. Esta semana incrementouse a presenza e capturas de machos de couza do acio, en especial nunha das trampas xestionadas por Areeiro en viñas de O Condado, onde capturaron 72 exemplares. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda así atópase por debaixo dos limiares nos que sería preciso realizar un tratamento. Malia as precipitacións rexistradas esta semana, as viñas seguen acusando estrés hídrico e patoloxías de madeira. Ademais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Esta semana, o persoal de Areeiro xa detectou os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.

O adianto da vendima limita o uso de fitosanitarios químicos no viñedo

As altas temperaturas e días solleiros deste verán fixeron que moitos viticultores estean preparándose para o inicio da vendima, por iso a maioría das grandes adegas teñen xa limitado o uso de fitosanitarios químicos e convencionais nos viñedos. Ademais, as vagas de calor e o avanzado estado fenolóxico no que se atopan as uvas reducen os riscos de danos por patóxenos como o mildio. Con todo, naqueles viñedos menos vigorosos e que se viran afectados pola incidencia de mildio, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomendan prestar atención a estes síntomas xa que, aínda que non provoque danos directos no acio, podería chegar a afectarlle á saúde da planta se se producen defoliacións a causa de manchas nas follas. Por este motivo, no último boletín fitosanitario emitido por Areeiro este venres, recomendan tratar estas viñas afectadas con solucións cúpricas, que practicamente na súa totalidade teñen un prazo de seguridade de 15 días. Ademais, destacan os efectos beneficiosos do cobre tanto sobre a pel da uva coma para o endurecemento da madeira. Nas súas revisións nos viñedos, o persoal de Areeiro detectou esta semana un incremento dos danos por oídio, en especial nas plantas de zonas con influencia mariña. Mesmo chegaron a detectar acios rebusco afectados nalgunhas parcelas xa tratadas, aínda que foron danos de pouca intensidade. Dado que o patóxeno xa non pode afectar á uva, polo xeral xa non será preciso realizar ningún tratamento fitosanitario. Mentres, se se detectan síntomas de oídio recomendan evitar excesos de vexetación e realizar labores de eliminación de brotes netos. Aínda que polo momento a incidencia de botrite está a ser tamén mínima, a previsión de tempo húmido para os próximos días fai incrementar os riscos. No caso de que a uva estea en bo estado, non é probable que se produzan danos de importancia nos acios, malia que haxa condicións favorables para a súa aparición. Con todo, dende Areeiro inciden en que puntualmente pode ser aconsellable tratar para evitar danos. En caso de ter que tratar, o Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio inclúe funxicidas antibotríticos cun prazo de seguridade de 14 días e produtos naturais cun prazo de seguridade dun día ou mesmo sen ter que agardar para colleitala. Tampouco se detectou incidencia da couza do acio, que favorece a aparición de danos por botrite nas feridas que provoca nas uvas. Pese a que capturaron varios machos nas trampas das que dispón a Estación Fitopatolóxica nos viñedos, este reducido número de capturas fai prever que a presenza do insecto tampouco faga ter máis incidencia da botrite, tendo en conta ademais que se prevé un adianto da vendima. Nas visitas ós viñedos realizadas nas últimas semanas, o persoal de Areeiro detectou a presenza de Trips en viñedos de O Salnés e o Rosal, con síntomas nas follas, sen chegar a producirse danos nos acios. De localizar estes insectos e ser preciso un tratamento, entre as solucións autorizadas hai un produto autorizado para o seu control e que non ten prazo de seguridade. Tras varias campañas sen constatar a súa presenza, esta semana localizaron síntomas de acariose nas parcelas de seguimento da Estación Fitopatolóxica. Nas cepas afectadas, o persoal especializado detectou tamén a presenza de ácaros beneficiosos fitoseidos, que posiblemente sexan capaces de controlar o ataque. Ademais, seguen a detectarse danos nos acios e cepas por golpes de calor, alteracións da madeira, estrés hídrico e erinose de verán.

Recomendan manter a vixilancia dos viñedos ante a proximidade da vendima

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, incide sobre a importancia de manter vixiados os viñedos para atallar de forma rápida os problemas que poidan xurdir. Co inicio do pintado dos acios comeza tamén a conta atrás para a vendima, polo que os viticultores deben ter en conta tamén os prazos de seguridade de ser preciso aplicar produtos fitosanitarios para o tratamento de pragas coma o mildio. No caso de que as adegas xa estableceran datas límite para o emprego de fitosanitarios cómpre consultar cos técnicos as solucións para atallar as patoloxías. A vaga de altas temperaturas e a escaseza de chuvias segue a propiciar unha boa sanidade dos viñedos. A medida que avanza o pintado das uvas diminúe tamén o risco de danos por pragas como o mildio. “Co pintado a sensibilidade do acio ó patóxeno do mildio é mínima, polo tanto xa non se producirán danos e só se verán afectadas as uvas máis atrasadas nas viñas que aínda non acadaron este estado fenolóxico”, recolle o boletín de Areeiro. As previsións de que se manteña o tempo seco para os próximos días fan prever que tampouco evolucionen as manchas que se poidan producir noutras partes verdes da planta, coma os brotes terminais ou naquelas zonas menos accesibles para os tratamentos. Con todo, recomendan manter a vixilancia, sobre todo naquelas viñas menos vigorosas, xa que precisan conservar a suficiente superficie foliar para manter a colleita, polo que é preciso controlar a incidencia para que non se cheguen a producir defoliacións. O risco de danos por oídio e black rot tamén está a ser mínimo. No caso do oídio poden aparecer síntomas do fungo nas partes verdes da viña e nos acios rebuscos, pero co pintado a sensibilidade da uva é mínima. O mesmo acontece co black rot, xa que ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos á uva. A partir destes momentos, nas plantas con síntomas as uvas terminarán co momificado, como xa observaron esta semana o persoal de Areeiro en cepas abandonadas. As elevadas temperaturas tamén reduciron a incidencia de avelaíña do acio, sen apenas capturas de machos nas trampas dispostas pola Estación de Areeiro e sen danos do insecto nos acios. Tampouco agardan problemas derivados das perforacións das eirugas da avelaíña nos próximos días se se mantén a previsión de seca. Nas súas revisións dos viñedos da provincia, o persoal de Areeiro segue a detectar danos por golpes de calor nos acios e plantas con alteracións da madeira e con síntomas de estrés hídrico así como un repunte da erinose de verán.