Archives

A Deputación de Lugo prepara unha nova edición do programa de axudas á gandeiría extensiva “ O que non arde”

O deputado Daniel García e o concelleiro de Infraestruturas de Lugo Álex Penas visitaron este venres a gandería San Salvador SC, na parroquia de Outeiro, en Lugo, unhas das beneficiarias das axudas para peches de fincas do programa O que non arde, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A instalación e o mantemento de peches perimetrais son as actuacións máis requeridas do programa, que financia tamén a compra de pastores eléctricos e outros sistemas para a protección, o manexo e a rotación do gando en extensivo, con axudas que chgan ata os 2.500 euros. Nas últimas tres edicións do programa, máis de medio cento de gandeirías de cabrún, ovino e porcino, e unha vintena de comuneiros, así como asociacións agrogandeiras beneficiáronse das distintas liñas de axudas do programa, no que se investiron 240.000 euros desde 2020. O deputado de Rural avanzou que “seguiremos apostando por este programa que apoia a gandeiría extensiva como fórmula para previr incendios e avanzar no aproveitamento e a xestión integral do territorio” e explicou que “o servizo de Rural está traballando na vindeira convocatoria, a partir das demandas e da experiencia que nos traslada o sector” “O que non arde” foi o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Conta co recoñecemento de mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola oenegué internacional WWF Adena.

O programa “Da escola á granxa”, da Deputación de Lugo, segue medrando cunha terceira edición

A Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación pon en marcha a terceira edición do programa de visitas escolares a granxas e producións agroalimentarias do rural Da escola á granxa, que medra en orzamento e oferta educativa por segundo ano consecutivo. O deputado Daniel García informou da aprobación este venres, na Xunta de Goberno, das bases do programa, que contará cun investimento de 100.000 euros, 20.000 euros máis que na pasada edición, que permitirá incrementar o número de visitas que se realizaron o ano pasado – 106 visitas e obradoiros -. O programa presentará nesta nova edición unha oferta formativa ampliada, con oito novas gandeirías e producións agrícolas que se incorporan ao programa, formulado co obxectivo de achegar as novas xeracións ao rural, amosando a importancia do sector primario para a producíon de alimentos saudables, a conservación do medio ambientes e da cultura tradicional. Daniel García suliñou o crecemento desta iniciativa, que se puxo en marcha desde a Vicepresidencia da Deputación hai tres anos, “cunha gran acollida por parte das Anpas e colexios pero tamén das gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”. O deputado provincial adiantou que “o catálogo educativo que se ofrecerá este ano inclúe 34 granxas, repartidas por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas, ademais de obradoiros de educación ambiental impartidos pola asociación Adega”.

Solicitudes

A convocatoria publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria, con prioridade para as de concellos con menos de 20.000 habitantes.

Feira de Razas Autóctonas este sábado no concello do Valadouro

O “Mes Gandeiro” volve en febreiro ao concello lugués do Valadouro para a posta en valor da gandería e a promoción das razas autóctonas. O formato mensual, que xurdiu o ao pasado para dar un novo pulo á feira gandeira que se viña celebrando en anos anteriores, celebrarase os tres vindeiros sábados – os días 3, 10 e 17 de febreiro –, centrando cada xornada nunha das áreas. O deputado de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Daniel García, e o tenente alcalde e o concelleiro de Medio Rural do Valadouro, Eduardo Chao, presentaron este mércores o programa, no recinto que acollerá as feiras. As actividades comezan esta fin de semana coa V Feira de Razas Autóctonas da Mariña a partir das 10 horas no aparcadoiro municipal ao carón da piscina. Esta cita contará cun concurso morfolóxico de cabalo de Pura Raza Galego coas seccións de sementais, eguas e poldros (nados no 2024,2023 e 2022). Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a primeira proba do III Campionato Galego do Cabalo Marchador Galego en dúas categorías. Durante toda a fin de semana nos distintos locais de restauración do Valadouro poderase degustar carne de poldro de cabalo de Pura Raza Galega 100% Raza Autóctona. O sábado día 10 celebrarase unha formación entorno ao Real Decreto 1053/2022 de Ordenación das Granxas Bovinas na que, entre outros aspectos, se asesorará ás gandeiras e gandeiros sobre a nova lei de de proteción dos dereitos e o benestar dos animais, coa que deberán ter un veterinario de referencia na explotación. Para rematar, o 17 de febreiro terá lugar a II Feira de Gando no Aparcadoiro Municipal, mentras que no Camiño da Granda terá lugar o III Concurso de Andadura Galega da man de PURAGA. Ambas actividades arrancarán pola mañá. Ao tempo, durante a fin de semana, ASOPORCEL promove a degustación gratuíta de carne de porco celta nos locais hostaleiros. Daniel García destacou “a importancia de levar focalizar estas actividades ao longo dun mes, que permite potenciar o sector primario e, especialmente, a actividade gandeira, poñendo en valor a tradición desta área da provincia na cría de cabalos e gando vacún”. “Dende a área de Rural sabemos a necesidade de desenvolver programas que permitan a promoción da gandería extensiva e das razas autóctonas para dinamizar o rural tanto social como economicamente, ao tempo que axudamos na conservación do territorio” Pola súa parte, Eduardo Chao explicou que o formato do Mes Gandeiro, que puxeron en marcha o ano pasaddo, repítese xa que “isto permite desenvolver as actividades e dedicarlles o tempo que cada unha delas require”. “Ademais, permite dar importancia a citas como a V Feira Gandeira, que xa é un referente na comarca e en toda a provincia e permite visibilizar un sector que produce alimentos de grande calidade”, engade o concelleiro.

Programa: 

3 de febreiro: V Feira de Razas Autóctonas, con exhibición e venda de exemplares de Pura Raza Galega, Porco Celta, Cabra Galega, Rubia Galega, Morenas Noroeste, Burro Fariñeiro, Galiña de Mos, Pita Piñeira e Can de Palleiro 10.00 h. Apertura do recinto ao público Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega Demostración de doma de alta escola co traballa a pe a terra a cargo da asociación Pura Raza Cabalo Galego 16.30 h. II Carreira Cabalo Marchador O Valadouro Durante toda a fin de semana terá lugar unha degustación gratuíta de carne de poldro de cabalo PRG 100% Raza Autóctona nos locais hostaleiros. 10 de febreiro: 12.00h. Conferencia RD 1053/2022. Ordenación das granxas Bovinas. Requisitos mínimos xerais. Celebrarase no Salón de Actos da Casa da Cultura. 17 de febreiro: II Feira de Gando e III Concurso de Andadura Galega. Durante a xornada poderá degustarse carne de porco celta nos locais hostaleiros

‘Da Escola á Granxa’ mostra aos máis novos a cría do porco celta

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) considera importante achegar aos máis cativos da familia á realidade do rural galego cos obxectivos de desmontar estereotipos en canto aos labores agrogandeiros e de facelos coñecedores do funcionamento do sector primario en xeral e dos diferentes sistemas de produción respectuosos co medio ambiente en particular. “Que a mocidade, como xeración consumidora do futuro, coñeza de onde proceden os alimentos que consumen e, por suposto, que aprendan a valorar os produtos galegos de calidade diferenciada, é para nós un eixe de traballo imprescindible”, aseguran os voceiros de Asoporcel, ao tempo que valoran moi positivamente a receptividade dos cativos e as cativas perante este tipo de actividades. En concreto, no que se refire a esta liña de traballo, a Asociación ofrece charlas e exposicións en distintos centros educativos e, entre outras iniciativas, formou parte por segundo ano consecutivo do proxecto “Da Escola á Granxa”, o programa de educación ofertado dende a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través das Anpas para dar visibilidade a proxectos de emprendemento no rural. Na primeira convocatoria participaron as ganderías lucenses de Porco Celta: Finca A Rega (Alfoz) o MVMC de Carballo (Friol), Porco Celta de Couboeira (Mondoñedo) e Casa da Fonte (Pantón). Esta última repetiu este ano, e a ela sumáronse Casa Labradela (Xove), Fraga do Coto (Vilalba) e a Fundación Terreo (Ribeira de Piquín). Máis de 5.000 nenas e nenos de toda a provincia acudiron a algunha das 106 visitas organizadas, nas cales puideron coñecer de preto o potencial e o nivel de innovación do sector produtor lucense. Delas, dende a área Rural da Deputación de Lugo, organizáronse máis de 30 visitas a granxas de gando porcino autóctono na concorrencia das 2 convocatorias anuais. Adaptando o contido á idade dos asistentes, afondaron en aspectos como o valor do labor gandeiro, os motivos para fixar poboación no rural, as bondades da gandería extensiva para recuperar terras abandonadas e para previr os lumes no rural, o benestar animal e a calidade dos produtos que, como é o caso dos derivados do Porco Celta, son elaborados e comercializados por produtores locais que xeran valor engadido na contorna e axudan á fixación de poboación en áreas do rural interior e de montaña.

A Deputación de Lugo adxudica as 27 hortas urbanas do Paseo do Rato

A Deputación de Lugo adxudicou este luns os 27 hortos urbanos que tiña dispoñibles no Paseo do Río Rato a través dun sorteo celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Desta forma, a institución provincial ten asignadas a totalidade das 150 parcelas públicas que pon a disposición da cidadanía gratuitamente nesta contorna para fomentar o lecer saudable e a agricultura ecolóxica. Nesta quinta fase de adxudicación, os hortos –de 30 metros cadrados cada un- foron concedidos mediante sorteo ás persoas físicas ou asociacións de Lugo e de concellos limítrofes que presentaron a súa solicitude. Entre os requisitos necesarios para optar a estas parcelas, os usuarios non poden convivir con beneficiarios doutros hortos ou posuír terreos con potencialidade de ser cultivados. As persoas ou entidades que resultaron beneficiadas poderán facer uso dos hortos de maneira gratuíta por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos. Durante ese tempo, contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles pon a disposición de balde.

“Da Escola á Granxa” ofrece ao alumnado de Quiroga coñecer o proceso de reciclaxe de papel

O programa "Da Escola á Granxa", da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, permitiu que o estudantado de 3º e 4º de primaria do CEIP de Quiroga coñecesen o proceso de reciclaxe do papel. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) achegouse ao centro para ensinar o proceso e dar unha segunda vida ao papel dos xornais ou de material que xa non pode ser empregado. Deste xeito, os pequenos e as pequenas coñeceron primeiro o proceso dun xeito teórico para despois avanzar e crear as súas propias follas e coñeceron todo o proceso de elaboración. A área de Rural permite, coa posta en marcha destes obradoiros de concienciación ambiental, que os máis pequenos tomen conciencia sobre o coidado e o mantemento do medio ambiente, poñendo en valor a reutilización de materiais, coma neste caso. O deputado de Medio Rural, Daniel García, acompañou ao alumnado e destacou que “Da escola á Granxa" é un programa que está tendo unha gran acollida, e só temos que ver que algúns dos nenos que participaron nesta actividade no curso pasado visitaron Caurelor e mesmo recordaban como elaborar produtos como a marmelada. Permite que se achegue, incluso os que viven no rural, ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación” Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que a área de Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa. ADEGA é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa Da Escola á Granxa, entre os que se atopan granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas. A área de Rural financia as visitas solicitadas polas asociacións de nais e pais que se están a desenvolver neste segundo semestre do ano. Participaron nelas preto de 5.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo). O programa supón un investimento de 80.000 euros na presente anualidade.

O programa lucense “Da Granxa á Mesa” quere levar produtos de proximidade aos menús escolares

A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a cooperativa A Carqueixa están a desenvolver un proxecto para fomentar que os centros de ensino valoren a posibilidade de mercar directamente a produtoras e produtores locais. A iniciativa aproveita o traballo desenvolvido pola área provincial a través do programa “Da Granxa á  Mesa” e do apoio á comercialización de produtos de razas autóctonas e a experiencia adquirida pola cooperativa gandeira en plataformas como “Son de Lugo” para poñer en contacto producións locais e comedores escolares. A cooperativa gandeira visitará ao longo desta semana unha decena de colexios, dando a coñecer os produtos das granxas e obradoiros alimentarios que participan no programa “Da Granxa á  Mesa” e ofrecéndolles a posibilidade de realizar un estudo individualizado que avalie os procesos, embalaxes e loxística necesaria para incrementar a presenza de produtos de quilómetro cero nos menús escolares. A actividade comezou este luns nos colexios de San Cosme de Barreiros, Mondoñedo e Parga, e continuará nos vindeiros días nos centros de infantil e primaria de Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes, Mato Vizoso de Vilalba e A Ponte de Lugo, aos que se entregará un lote de produtos. O deputado Daniel García explica que “con esta iniciativa aproveitamos a experiencia e as redes creadas ao longo destes anos para facilitar o contacto entre pequenas producións e comedores escolares e propiciar acordos que serían beneficiosos para ambas partes; no caso dos produtores, asegurar uns ingresos recorrentes e no caso dos centros, incorporar aos menús alimentos saudables e de grande calidade”. O proxecto ofrece tamén aos centros escolares información sobre convocatorias específicas para conseguir recursos económicos destinados a fomentar o consumo de produtos locais. Da granxa á mesa A iniciativa encádrase na campaña “Da Granxa á Mesa” coa que a área de Rural, Mar e Mocidade pretende promover o consumo de produtos de proximidade entre a poboación máis nova, con iniciativas propias e colaboracións que poñan en valor a calidade dos alimentos que se producen no rural e que sensibilicen sobre a importancia das decisións de consumo na sostibilidade económica e social das granxas e das pequenas producións locais, e polo tanto no mantemento da poboación no rural e na conservación do territorio.

Estudantes de Triacastela visitan Galletas Mariñeiras Daveiga grazas ao programa “Da Escola á Granxa”

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo creou o programa 'Da Escola á Granxa' para que o alumnado da provincia coñeza de primeira man como se elaboran determinados produtos alimentarios, ademais de mostrar a procedencia das materias primas coas que se elaboran. Desta maneira, o estudantado do CEIP Eduardo Cela Vila, de Triacastela, coñeceu esta semana o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras, elaboradas pola empresa DaVeiga. Esta visita enmárcase na segunda edición do programa 'Da Escola á Granxa' da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado de Medio Rural, Daniel García, acompañou ao alumnado durante o percorrido no que coñeceron o proceso completo de creación deste “pan sen miga”. Comezaron a visita coñecendo a materia prima empregada para a súa preparación, posteriormente visitaron os distintos obradoiros de amasado e cortado, e fixeron unha parada nos fornos antes de deterse, finalmente, no embolsado. A visita rematou no almacén, onde coñeceron a historia destas galletas e a que deben o seu nome. Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que Medio Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa e degustaron o produto. Daniel García destacou que “este programa permite que os máis pequenos, mesmo os que viven no rural, se acheguen ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación”. DaVeiga é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa 'Da Escola á Granxa', entre os que se atopan granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas. A área de Medio Rural financia as visitas solicitadas polas asociacións de nais e pais que se están a desenvolver neste segundo semestre do ano. Participarán nelas preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo). O programa supón un investimento de 80.000 euros.

A Deputación de Lugo impulsa as xornadas Artesanía Alimentaria: Marca a Diferenza para poñer en valor produtos artesáns

A promoción dos produtos alimentarios de elaboración artesá é un piar básico para consolidar un sistema produtivo baseado na calidade e na produción tradicional da agricultura galega. Así, a responsable de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, participou na demostración culinaria sobre produtos cárnicos e da IXP Pan Galego que se celebrou este martes en Friol no marco das xornadas divulgativas Artesanía Alimentaria: Marca a Diferenza, que, financiadas pola Deputación, buscan difundir, poñer en valor e promover a produción e comercialización dos produtos artesáns que ofrecen as reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, potenciando a súa calidade como factor diferencial. Trátase dunha actividade que organiza a Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP) grazas á axuda económica que recibiu da Deputación de Lugo a través da liña de subvencións de concorrencia competitiva convocada pola institución provincial neste ano 2023 para apoiar proxectos de entidades que traballen no ámbito das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses en favor do desenvolvemento social e económico sostible destes territorios. As xornadas sobre artesanía alimentaria inclúen tres citas: unha, xa celebrada, en Navia de Suarna sobre derivados cárnicos, a IXP Terras do Navia e a DOP Queixo do Cebreiro; a de hoxe en Friol, centrada nos derivados cárnicos e a IXP Pan Galego; e outra, prevista para o vindeiro 14 de novembro na capital chairega, sobre a DOP San Simón da Costa e a IXP Capón de Vilalba. A programación de hoxe en Friol arrancou pola mañá no Centro Público Integrado Doutor López Suárez e continuou con actividades centradas nos selos de calidade e a sustentabilidade deste negocio. O programa rematou cun showcooking celebrado nas instalacións de Traloagro S.L. Grazas á liña de axudas da Deputación para entidades que traballan nas reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, un total de 37 asociacións poden desenvolver neste ano 2023 proxectos vinculados co medio ambiente e co rural que poñen en valor o seu patrimonio, cultural e paisaxístico, contribuíndo desta forma a aproveitar os recursos propios como factor de dinamización social e de desenvolvemento económico.

Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega na Granxa Gayoso Castro

O Deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto Caserío, deulle a benvida este martes ás persoas participantes no XV Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega, que desenvolve a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación, situadas en Castro de Rei. Francisco Cajoto subliñou o “compromiso claro” da Deputación co sector primario, como “un dos grandes motores da provincia, en termos de xeración de emprego, de dinamización económica, pero tamén para o coidado do medio ambiente, para a ordenación do territorio, e para todo o que ten que ver coa preservación da nosa identidade”. Un compromiso, explicou o deputado, que se “materializa en gran medida na Granxa Gayoso, cunha ampla actividade destinada a apoiar ás explotacións gandeiras de vacún de carne e de leite, que desenvolvemos en colaboración con entidades como é ACRUGA, no caso da Rubia Galega”. Neste caso, coa actividade formativa que arrincou este martes, a Deputación busca “seguir mellorando o coñecemento da Rubia Galega e das súas características, tanto morfolóxicas, como xenéticas, para continuar avanzando así na promoción e mellora desta raza, e, polo tanto, das propias explotacións gandeiras, o que, sen dúbida, repercute no desenvolvemento da nosa provincia”. Dúas xornadas de formación A décimo quinta edición do Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega arrancou este martes cunha introdución ao libro xenealóxico e coa explicación teórica e práctica sobre a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza. Os participantes adquirirán conceptos básicos para xulgar aos animais de aptitude cárnica formándose sobre o prototipo racial para poder valorar os exemplares. Hoxe mércores, a formación continuará ao longo da mañá con prácticas de valoración dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. E o sábado, 7 de outubro, os alumnos poñerán en práctica os coñecementos adquiridos no Pazo de Feiras e Congresos a través dunha actividade de valoración morfolóxica dos animais que participan nos certames da Mostra Agrogandeira A Rural, Expolugo, dentro das festas patronais do San Froilán. Ao final da xornada farase entrega dos diplomas acreditativos e terá lugar a clausura do curso.

A feira agrogandeira ExpoLugo A Rural celebrarase do 6 ao 8 de outubro

A área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa a feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que se extenderá a cidade co tradicional Desfile de Gando. O deputado de Medio Rural Daniel García e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Asoporcel, Boaga, Avimós, Ovica e Puraga, veñen de presentar o programa da feira, que inclúe unha mostra gandeira con exemplares dunha vintena de razas autóctonas galegas e foráneas, así como actividades formativas e lúdicas ao redor do gando. Daniel García explicou que “a feira amosa e reivindica o papel central que o sector agrogandeiro ten no desenvolvemento económico e social de Lugo e de Galiza, e tamén no mantemento do territorio e da paisaxe” e agradeceu “o traballo desenvolvido ao longo destes meses na elaboración do programa, froito dun traballo coordinado no que participaron as asociacións gandeiras e as entidades participantes na feira, achegando a súa experiencia e coñecementos”. O responsábel provincial destacou “a importancia de actividades lúdicas coma os concursos e exposicións fotográficas e os obradoiros e xogos dirixidos a nenas e nenos, que poñen en valor a actividade gandeira para toda a cidadanía e que contribúen a manter o orgullo do rural”.

Programa:

O Desfile de Gando de Razas Autóctonas na contorna da Praza Maior de Lugo, o venres 6, ás 18.00 horas, será o prólogo da feira que se inaugurará oficialmente o sábado 7, ás 12.15 horas, coa presenza das seguintes razas: -Bovino: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Rubia Galega e Charolesa. -Ovino: Ovella Galega, Charolesa, Suffolk, Inra 401, Romanoff, Texel negra e Sasi Ardi. -Caprino: Cabra Galega e Boer -Porcino: Porco Celta -Aves: Galiña de Mos e Galiña Piñeira -Equino: Pura Raza Galega, Marchador Galego e Pura Raza Árabe. -Cans: Can de Palleiro Na cafetería do Pazo de Feiras, ofreceranse menús especiais con produtos de razas autóctonas, que pretenden promocionar o consumo destes alimentos de calidade.

A segunda edición de “Os Bolechas van da Escola á Granxa” chegará tamén 300 bibliotecas municipais e de centros escolares

A segunda edición do programa “Da Escola á Granxa” volverá ter a súa versión en papel, cunha nova entrega do libro “Os Bolechas van da escola á granxa”, na que os personaxes creados por Pepe Barreiro visitan as 30 granxas e pequenas producións alimentarias, artesanais e sostibles dende un punto de vista económico, social e ambiental, que participan no programa de Medio Rural da Deputación, un dos seus eixes principais de actuación.. O libro desenvolve de xeito didáctico os obxectivos do programa, amosando aos pícaros/as o papel fundamental que o sector primario ten na produción de alimentos e no mantemento da biodiversidade, do territorio e da paisaxe. Os Bolechas comparten protagonismo cos granxeiros e granxeiras que participan no programa, a quen o debuxante Pepe Barreiro converteu nuns personaxes máis dese universo infantil. A publicación repartirase entre os nenos e nenas que participen nas máis de 100 visitas a granxas e obradoiros de divulgación ambiental previstas na segunda edición do programa “Da Escola á Granxa”. Como novidade, este ano distribuiranse 2 exemplares por cada unha das máis de 300 bibliotecas municipais e de centros escolares públicos de toda a provincia. A deputada Mónica Freire explicou que a colaboración coa editorial Bolanda “aproveita a popularidade dos Bolechas entre os máis cativos para abordar os obxectivos do programa da Escola á Granxa, que pretende dignificar e poñer en valor o traballo que se desenvolve no rural en beneficio de toda a sociedade” e remarcou que “a publicación estará a disposición de todas as nenas e nenos ao distribuírse entre as bibliotecas”. Ao longo do libro, Os Bolechas aprenden sobre as orixes agricultura e da gandeiría como actividades humanas, da evolución dos utensilios de labranza, da pegada destas actividades na paisaxe e na cultura do país para logo visitar cada unha das granxas que participan no programa “Da Escola á Granxa” e coñecer como coidan os animais e cultivan e elaboran os alimentos. Así, visitan A Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara,Traloagro de Friol, Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei, Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá, Tropic Gaia de Xove, Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla e o Muvicla de Láncara. Paralelamente, á publicación da segunda Edición do Libro “Os Bolechas van da Escola á Granxa”, a área de Medio Rural da Deputación de Lugo incluíu no contrato coa Editorial Bolanda, propietaria do universo das personaxes dos Bolechas, unha actividade nun dos colexios participantes no programa na presente anualidade 2023, mediante sorteo ante notario. Deste xeito, prémiase a participación tanto das anpas do rural como do ámbito urbano das vilas. A anpa agraciada no sorteo foi a pertencente ao Colexio da Milagrosa de Lugo, que desfrutarán dunha xornada desfrutando cos bonecos e pasarrúas dos Bolechas no seu cole, onde lles ensinarán o orgullo dos nosos/as labregos/as polas actividades vitais que desenvolven para a sociedade.

Últimos días para solicitar as visitas escolares a granxas e producións agroalimentarias do programa “Da Escola á Granxa” da Deputación de Lugo

A  responsable da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, e representantes das gandeirías e producións alimentarias que participan no programa “Da Escola á Granxa” reuníronse para a posta a punto do programa de visitas escolares desta segunda edición do proxecto que busca concienciar ás xeracións máis novas da importancia do rural para a produción de alimentos e a conservación do territorio e do patrimonio. O acto, que se celebrou no Muvicla, en Trasliste, en Láncara, e que contou tamén coa presenza de asociacións gandeiras que colaboran activamente na iniciativa e coa presidenta da Fapacel Isabel Calvete, serviu para coordinar as actividades a desenvolver nos vindeiros meses e para reforzar os vínculos entre os propios produtores e produtoras. Mónica Freire deu a benvida ás ganderías e producións que participan por primeira vez no programa, renovando e ampliando a oferta educativa para escolares de primaria e infantil. Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara e Traloagro de Friol son as novidades deste catálogo. Súmanse a outros proxectos que xa recibiron visitas na pasada edición: Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei, Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá, Tropic Gaia de Xove, Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla ou o propio Muvicla. En total, Da Escola á Granxa reúne 30 proxectos de emprendemento repartidos por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos da horta, ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos ou marmeladas. Tamén se suma á oferta educativa ADEGA, con obradoiros de agricultura ecolóxico nos centros. Mónica Freire sinalou que “as granxas participantes no programa son o reflexo da potencialidade do rural da provincia de Lugo, expoñentes dunha enorme capacidade de traballo e de modelos sostibles de desenvolvemento rural, que mercen o recoñecemento de toda a sociedade”.

Últimos días para solicitar visitas

As anpas interesadas en realizar as visitas teñen ata o vindiero luns 15 de maio para presentar as solicitudes. A convocatoria está aberta á participacion de centros públicos de educación infantil e primaria de toda a provincia. Medio Rural da Deputación financia os gastos relacionados coa actividade, con axudas entre os 300 e 900 euros. As visitas poden realizarse ao longo de todo o 2023. O programa conta nesta edición cun orzamento de 80.000 euros, o dobre que na primeira edición.

O vindeiro luns convócanse as axudas para silvopastoreo do programa “O que non arde” da Deputación de Lugo

A responsabble da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, presentou este venres a cuarta edición do programa “O que non arde”, impulsado polo seu departamento para fomentar o silvopastoreo e reducir os niveis de biomasa nos montes. A convocatoria, aprobada este venres en Xunta de Goberno, contempla axudas para a instalación e mantemento de peches perimetrais que protexan o gando da fauna salvaxe e faciliten a rotación e manexo en extensivo, financiando a adquisición de pastores eléctricos, valados móbiles de malla electrificada, valados fixos electrificados, así como outros elementos accesorios para o pastoreo como cepos, curros, mangas de manexo, comedeiros e bebedoiros móbiles, tolvas ou refuxios. A convocatoria, que conta cun orzamento de 60.000 euros, diríxese a gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino. Mónica Freire explicou que “o silvopastoreo e a gandeiría extensiva compartan múltiples beneficios para os ecosistemas, xa que aproveitan os recursos naturais existentes nos montes para producir alimentos de forma sostíbel e reducen a biomasa, protexendo o territorio contra os incendios”. “ A través deste programa queremos apoiar as gandeirías que aposten neste modelo, colaborando nos gastos que implica a instalación e mantemento dos peches e outros elementos precisos para manexar o gando no monte”. O programa contempla axudas entre os 300 e os 2.500 euros. A convocatoria publicarase o luns no Boletín Oficial da Provincia. As persoas ou entidades interesadas disporán 20 días hábiles para solicitar as achegas.

Cuarta edición dun programa pioneiro

“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas. En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Na pasada edición, as axudas extendéronse a gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino, financiando a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a rotación e manexo do gando nunha vintena de gandeirías das distintas comarcas, así como o desenvolvemento de programas de fomento do silvopastoreo por parte de asociacións gandeiras. Con esa formulación, que se retoma nesta cuarta edición, o programa foi recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación pola oenegué internacional WWF Adena. Mónica Freire valorou “o traballo realizado ao longo destes catro anos para consolidar o programa e implicar a administracións locais, comunidades de montes, asociacións gandeiras e gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”. Medio Rural da Deputación destinou un total de 240.000 euros ás sucesivas convocatorias do programa.