Archives

Clausura dos dous primeiros cursos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche

A Nave do Mercado de Moeche acolleu este xoves o acto oficial de clausura dos dous primeiros cursos impartidos ata o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, en Moeche (A Coruña). Nestes cursos participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formárense na preparación de conservas e zumes, ademais de aprender o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións. O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é un proxecto promovido conxuntamente polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que ten como obxectivo converterse en espazo de referencia en toda a contorna para a transformación e conservación de elaborados a partir de produtos da terra, como son as hortalizas, a froita ou o mel. Agárdase que o centro, integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña, bote a andar no ano de maneira autoxestionada polas persoas usuarias en colaboración cos concellos de xeito que poidan ofrecerse máis cursos. Polo momento contan xa con 43 persoas en lista de agarda. No acto de clausura destes primeiros cursos contaron coa asistencia dunha representación de todas as Administracións implicadas no proxecto: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca. Instante do acto de clausura celebrado este xoves. // Imaxe: César Galdo.

Actividades para o 2023

De cara a 2023, o centro de transformación agroalimentaria ten marcados dous obxectivos prioritarios. O primeiro é organizar a súa xestión, na que xa se leva traballando varios meses sobre un modelo de autoorganización onde sexan as produtoras e produtores quen se ocupen da xestión do día a día da Fusquenlla. A idea é crear unha asociación que xestione o centro en colaboración cos concellos de forma que os municipios asuman os gastos fixos e as entidade os custos asociados ó uso das instalacións. Agardan que no proxecto se impliquen máis concellos da zona, posto que tanto entre os usuarios que xa participaron nos cursos como nas persoas en lista de agarda para novas formacións atópanse veciños de todo o norte da provincia da Coruña. Está previsto organizar dous novos cursos en 2023 para atender tanto as peticións rexistradas nos últimos meses como as que poidan producirse a partir de agora. Ademais, animan a que aquelas persoas que teñan interese nestas formacións se anoten no formulario dispoñible na portada da web do proxecto afusquenlla.gal.

A Fusquenlla, o Centro de Transformación Agroalimentaria dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño

O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla atópase no recinto da Feira de Moeche. Foto: César Galdo O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla preséntase en sociedade. Tras meses de obras e despois de facer investimentos en equipalo, o Centro Colaborativo de Apoio ao Medio Rural que comparten os concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño xa está listo. As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche contan con salas para a recepción de produtos, un amplo espazo para a elaboración de conservas e zumes e dous andares dedicados á extracción, decantado e envasado de mel, ademais de almacéns, unha grande cámara frigorífica e outras dependencias auxiliares.
As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche están integradas na rede provincial de espazos de traballo colaborativo e pretenden converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria
O centro, integrado na rede provincial de espazos de traballo colaborativo, quere converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria, facilitándolles tanto ás pequenas explotacións como a particulares un lugar axeitado e con todas as garantías sanitarias onde procesaren os seus excedentes para a venda ou autoconsumo. Transformación de froitas, vexetais e mel O centro dispón no seu andar baixo de dúas zonas de recepción de materia prima con accesos independentes, unha para froita e vexetais e outra para mel. A primeira delas conta con báscula de pesaxe, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. Ao conxunto de estancias engádense vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para a levanza dos rexistros obrigatorios. Un dos principais lugares de A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes. Nela instaláronse unha cociña industrial, un forno combi de alta capacidade para cocción, asado e pasteurización, a mesa de traballo con refrixerador e outros materiais necesarios, como son mesas e carros auxiliares, a batedora, a tamizadora, as básculas de precisión, a máquina lavalouzas e unha completa batería de potas, cazos, coitelos, garfos e outros utensilios.
Un dos principais lugares d'A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes, así como a sala de extracción de mel
Noutra banda desta mesma sala sitúanse a trituradora de froita e a prensa hidráulica para o apretado e filtrado de zumes, aos que logo se lles poderá dar un tratamento térmico para alongar o tempo de conservación mantendo todas as súas propiedades. O recinto complétase con dous almacéns para o produto xa elaborado. Un está ao carón da cociña, mentres que o outro se encontra na zona de extracción e envasado de mel. Esta área de A Fusquenlla, que tamén ten entrada propia de materia prima, distribúese en dous andares unidos por unha escaleira interior. No superior van colocadas a desoperculadora automática e máis o extractor por centrifugado, con capacidade para 18 cadros de cada vez. Dúas tubaxes comunican esta sala coa do baixo, onde o mel cae por gravedade directamente aos tanques de decantación e desde alí pasa a unha moderna máquina de envasado que axiliza o traballo sen que se haxa perdas dun produto tan saboroso e prezado. Plan de difusión e dinamización do centro Instalacións de elaboración de zumes e conservas vexetais. Foto: César Galdo O percorrido polas instalacións pode facerse desde hai uns días visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro dun programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural que tamén prevé a publicación doutro material informativo e un ciclo de charlas demostrativas durante os venres das próximas semanas. Delas encargarase o cociñeiro Antonio Díaz, promotor de varias iniciativas hostaleiras relacionadas coa posta en valor do produto de proximidade da zona.
Para participar no ciclo de visitas e presentacións fai falla inscrición previa
O chef, que rexentou durante 15 anos o restaurante Andarubel, no acceso ás Fragas do Eume, falará sobre o potencial culinario do produto local conservado preparando ao vivo distintos pratos, ademais de incidir no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións sempre e cando se use materia prima da máxima calidade e se lle dea un toque innovador tanto aos procesos como á presentación do produto final. As datas fixadas para as charlas, logo da celebrada xa en San Sadurniño o pasado 22 de outubro, son as seguintes: - Valdoviño: venres 29 de outubro na Casa da Cultura ás 18:00 horas. - Moeche: venres 12 de novembro na Nave do Mercado ás 18:00 horas (con visita guiada ás instalacións). - Cerdido: venres 19 de novembro na Casa da Cultura ás 18:00 horas. O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla poderá visitarse os días 11 e 23 en que hai de feira en Moeche anotándose no posto informativo que estará instalado na Nave do Mercado. Haberá dous percorridos, un ás 11:00 e outro ás 12:00 horas, guiados por Xosé María García, quen se está ocupando de coordinar o plan de difusión. Espazo formativo e para a colaboración Zona de envasado de mel, unha das producións más destacadas na zona. Foto: César Galdo Para participar neste ciclo fai falla inscrición previa, a través deste formulario en liña, xa que só se ofrecen 25 prazas para cada unha das charlas (inscricións ata dous días antes). Ademais, dentro da campaña de difusión do proxecto programouse unha visita ao Centro de Transformación e traballo colaborativo de Brión o 5 de novembro e tamén haberá un posto informativo nas feiras do 11 e o 23 de Moeche. Alén de dar a coñecer os obxectivos de A Fusquenlla, o plan de difusión tamén pretende propiciar o encontro entre persoas da zona interesadas en utilizar as instalacións cando entren en funcionamento, despois de recibiren a formación oportuna para o manexo do equipamento.
Preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores
A Fusquenlla quere ser tamén un espazo para a formación. Con apoio técnico da Consellaría do Medio Rural e doutras entidades especializadas preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores, compartindo ideas, técnicas e proxectos que melloren o posicionamento no mercado das súas elaboracións. Neste sentido, o centro forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo promovida pola Deputación da Coruña co ánimo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos recursos e a creación de emprego sostible. Un proxecto en territorio xeoparque A Fusquenlla é un proxecto dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. En paralelo á campaña de difusión, os catro concellos promotores traballan xa na definición do plan de usos das instalacións, para o que agardan recoller distintas propostas aproveitando o ciclo de charlas. A produción de A Fusquenlla tamén levaría a marca do Xeoparque do Cabo Ortegal (de momento aínda proxecto), que lle conferiría aos elaborados unha identidade de seu vencellada ao territorio. O distintivo axudaría a abrir novos mercados ou posicionar mellor os produtos, ademais de estar contribuíndo á estratexia de desenvolvemento que promoven estas figuras da UNESCO.

"O valor engadido dos produtos da terra está na súa elaboración e transformación"

O cociñeiro Antonio Díaz durante a presentación de A Fusquenlla en San Sadurniño. Foto: César Galdo O proxecto de A Fusquenlla, que conta desde hai uns días con web propia, inicia agora o momento de darse a coñecer entre as súas futuras e futuros usuarios. Por iso, os catro concellos promotores (Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño) acollerán cadanseu ciclo de charlas ofrecidas polo cociñeiro Antonio Díaz que inclúen demostracións sobre distintos elaborados que se poderían facer nas instalacións. A finalidade das sesións, que requiren inscrición previa, é falar de A Fusquenlla, pero tamén chamar a atención sobre o alto valor engadido que teñen os produtos da terra transformados e, sobre todo, facilitar que as persoas interesadas se sumen ao proxecto. A primeira xornada de presentación do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla desenvolveuse a pasada semana en San Sadurniño. O cociñeiro Antonio Díaz explicou que o principal valor engadido dos produtos da terra está, precisamente, na súa elaboración. Sirva como exemplo que unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso.
Unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso
Díaz tamén mostrou algúns exemplos de hortalizas, froitos e cogomelos conservados ou transformados para alongar no tempo as súas propiedades. A preservación amplía a todo o ano as posibilidades de comercialización de produtos que, doutro modo, só terían saída en fresco e con prezos moi inferiores, debido á saturación do mercado que se dá coincidindo coas épocas de maduración ou maior produción. Durante a charla de Antonio Díaz, quen leva anos apostando polos alimentos de proximidade, déronse a probar petiscos saborosos feitos con materia prima da zona e da máxima calidade. O cociñeiro sinalou que A Fusquenlla ofrece unha grande oportunidade que se debe aproveitar enchendo as súas instalacións de actividade e de propostas innovadoras. Colaboración intermunicipal Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño, onde se xestou o proxecto Neste primeiro encontro, ao que asistiron 25 persoas,  tamén interviu o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, para contar a historia dun proxecto que comezou a xestarse hai uns seis anos en San Sadurniño e que puido concretarse en instalacións do Concello de Moeche, coa implicación tanto do municipio veciño como dos de Cerdido e Valdoviño.
No equipamento do centro investíronse 250.000 euros
Entre obras e equipamento, que aínda se agarda ampliar no futuro, investíronse arredor de 250.000 euros, achegados polo programa europeo Leader a través do GDR Seitura 22, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Un momento do acto en San Sadurniño, onde de deron a probar distintas elaboracións. Foto: César Galdo   Varela incidiu no mesmo que dixo Antonio Díaz, na liña de que cómpre poñer a funcionar un centro que puido levarse a cabo gracias á iniciativa pública porque, segundo asegurou o concelleiro, "sería moi difícil" que algunha explotación da zona puidese asumir o investimento necesario para poñer en marcha unhas instalacións deste tipo.
Este centro de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria
Manolo Varela aclarou que, unha vez definido o plan de usos e o modelo de xestión, A Fusquenlla estará aberta á transformación das producións ou excedentes das pequenas explotacións da zona e incluso ás que queiran traballar alí, e ás persoas particulares, xa sexa para venda ou para autoconsumo. A este respecto, tal e como comentou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, o futuro servizo de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria.

‘Transformando en Brión’, artesanía alimentaria de pequenos produtores

Na parroquia dos Ánxeles, en Brión (A Coruña), un grupo veciños e veciñas parece resistir o ritmo frenético da globalización. Mentres a corrente da economía depende cada vez máis de mercados exteriores, a asociación Daquí Darredor vai camiño de facer dous anos dende que estreou a súa cociña colaborativa, orientada á transformación de produtos locais para a venda de proximidade. Neste espazo, ubicado na sala máis alta do Centro Comercial Monte Balado e financiado pola Deputación da Coruña, a veciñanza organizada da comarca de Brión transforma en masas e conservas os excedentes das súas hortas que non teñen saída en fresco, cuns resultados artesáns profesionais e un rexistro sanitario escrupulosamente coidado. O centro 'Transformando en Brión" está dividido fundamentalmente entre a liña de conservas vexetais e a liña de masas, na cociña colaborativa deste concello coruñés fanse zumes, marmeladas, chutneys, chucruts, encurtidos, galletas, xeados, deshidratados, empanadas, pan e moito máis. Así ata chegar máis de sesenta tipos de produtos artesanais: “podemos facer case calquera cousa que nos plantexemos. O único límite que temos é a nosa propia produción. Intentamos traballar —sempre que podemos— con produtos agrícolas producidos na proximidade”, explica Carme Freire, unha das caras visibles da asociación que xestiona este espazo. Daquí Darredor é unha sorte de oasis de cooperación veciñal onde máis de 70 persoas traballan en conxunto cos valores comúns da sustentabilidade e o aproveitamento máximo dos recursos da zona. Grazas á creación formal deste colectivo brionés, están comezando a comercializar os seus produtos en feiras e máis con hostaleiros que xa se interesaron polo proxecto. Para poder contar ben de preto a historia desta iniciativa, fomos ata Brión a falar cos veciños e ver como traballan tanto na liña de produción de conservas vexetais, como na liña de masas e bolos.

A Capela estrea novo centro de coworking orientado a apoiar ó sector primario

A Capela (A Coruña) vén de inaugurar un centro de coworking que se enmarca na rede provincial de espazos de traballo apoiada pola Deputación da Coruña. Este é o sexto centro de similares características que se pon en marcha na provincia, e igual que outros xa en funcionamento, como o de Brión, enfócase principalmente a darlle apoio a empresas ligadas ó sector primario e ó rural. O presidente da Deputación da Coruña,Valentín González Formoso, visitou este xoves o novo coworking da Capela, onde destacou a importancia de poñer en marcha servizos para o rural. O centro de coworking da Capela está instalado no primeiro andar do edificio do antigo centro de saúde das Neves. As obras de rehabilitación están valoradas en 72.000 euros e para as que a Deputación aportou, a través do Plan Único, 58.560.30 euros e o concello asumiu a contía restante de 13.439,97 euros. O coworking da Capela conta cunha superficie de 178,75 metros cadrados útiles e ten capacidade para acoller 12 iniciativas empresariais. Dende a Deputación agardan que este espazo sirva de xerme de creación e atracción de novas empresas e xere sinerxías entre as mesmas. O centro conta con todo o equipamento necesario para a posta en marcha de proxectos empresariais. Así mesmo, a zona de traballo divídese en 4 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha. Valentín González Formoso destacou a importancia “de que municipios como A Capela conten con este tipo de equipamentos que permiten reter á xuventude, atraer a novos talentos e fixar poboación, loitando contra o baleirado do rural, unha aposta estratéxica da Deputación da Coruña a través do Plan de Emprego Local”. O presidente apuntou que o coworking centrarase especialmente no sector primario nun municipio que conta con gran experiencia nese sector. Ademais, incidiu en que “o apoio provincial non vai a quedar na rehabilitación do espazo se non que imos involucrarnos, con presenza diaria, para levar a cabo a parte máis importante, que é a da dinamización do coworking e a súa difusión para captar interesados, da Capela e de toda a comarca, que nos consta que xa hai”. No pleno provincial deste venres aprobarase un convenio co Concello para desenvolver actividades de dinamización do novo centro. Pola súa parte, o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, agradeceu o apoio da Deputación e expresou o seu desexo de que sirva como un impulso económico e demográfico para A Capela. Dende a administración local e provincial reivindican este espazo de coworking como un eixo para a creación de novas iniciativas económicas que terán acceso a un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

Rede Provincial de Espazos de Traballo

O Coworking da Capela súmase á Rede Provincial que xa integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Transformando en Brión, LabBarbanza de Boiro, A Proa en Ames e o coworking de Moeche, que tamén entrará proximamente en funcionamento. Como apuntan dende a Deputación, a Rede provincial permite que os distintos centros adheridos presten un servizo eficaz e coordinado non só no concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, ben atendendo aos límites administrativos da comarca, ben atendendo a outros criterios de eficiencia.

A Deputación da Coruña e Fademur recoñecen o labor das mulleres rurais

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Rural, a Deputación da Coruña e Fademur organizaron un acto conmemorativo para recoñecer publicamente o labor das mulleres rurais nos distintos eidos. Nesta edición resultaron premiadas polo seu compromiso feminista co rural o festival Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro, de Ordes, e a xornalista de La Voz de Galicia, María Cedrón. Debido ás limitacións ocasionadas pola expansión da Covid-19 decidiuse facer este acto nun formato reducido e só participaron, ademais das premiadas, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos; e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou "o papel esencial das mulleres no rural" e reiterou "o compromiso da Deputación para continuar traballando a través da promoción de actuacións, programas e estratexias que se vexan reflectidas en oportunidades laborais e faciliten medidas de conciliación". A presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, afirmou tamén que, a pesar das restricións ocasionadas pola pandemia, decidiron manter estes recoñecementos "que contribúen a facer visible ante a sociedade o papel decisivo da muller no rural galego".

As premiadas

O Festiletras, que se celebra no lugar do Couto, na parroquia de Cospindo, en Ponteceso, dende hai máis de 30 anos foi unha das iniciativas premiadas pola súa achega ó mundo da cultura, a lingua e as artes. O festival fai que este lugar, con apenas 150 habitantes se converta por uns días no centro da cultura, a arte, a música, as tradicións e os oficios. Ademais, para a súa organización todo o pobo se implica voluntariamente, de xeito que cada quen aporta o seu tempo e o seu mellor saber colaborando así distintas xeracións, o que fai que deste proxecto unha aposta singular. O Taller de artesanía 'Vacatola'-Ferrol resultou premiado pola posta en valor da artesanía galega que fai Iria García e a súa parella Iván, no pequeno obradoiro onde deseñan e elaboran complementos en coiro. Utilizan peles procedentes de curtidoras ecolóxicas, con curtidores tradicionais, nos que so se usan taninos de orixe vexetal que respectan o medio ambiente. O seu sempre foi a comercialización directa, o contacto coa xente, e este ano, debido á situación de pandemia, tiveron que facer un esforzo por reinventarse, apostando polas redes sociais e a tenda online. Recentemente abriron un pequeno punto de venta en Ferrol, aínda que a súa vocación e raíces seguen estando no rural. María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro, foi outra das premiadas, neste caso polo seu compromiso co sector primario e o territorio. Esta emprendedora, gandeira de primeira xeración, ten a súa explotación dividida entre o concello de Ordes e o de Frades. Por unha banda atenden un curral con máis de 70 galiñas de Mos, para a venda de ovos e de galiñas para consumo, realizando a súa propia recría na granxa e vendendo tamén pitos para outras ganderías. Ademais, en Frades conta cun rabaño de vacas cachenas cuxa carne comercializa directamente en lotes, envasada ao baleiro.  A gandeira compaxina o traballo na explotación co coidado da súa nai e sogros e ten o seu espazo nas redes sociais, onde no perfil de Facebook "Granxa O Castiñeiro", amosa o seu día a día. O galardón á xornalista María Cedrón é un recoñecemento ó seu compromiso coa igualdade e o medio rural. Esta profesional medrou pegada á terra, herdeira dunha familia de tradición rural. Houbo un tempo, de nena, no que quixo ser veterinaria, pero ó final decantouse polo xornalismo para dar voz aos que non a teñen ou, cando menos, a esas persoas que non teñen a oportunidade de berrar alto. Faino a través das súas informacións, onde as mulleres do campo son, en numerosas ocasións, as protagonistas.

As axudas da Deputación da Coruña permitiron crear 49 empregos en explotacións agrogandeiras

Máis dun 22% dos 4,5 millóns de euros que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña destina este ano a apoiar ás pequenas e medianas empresas na contratación de novos traballadores e a apoiar a proxectos empresariais impulsados por mozos e mozas de entre 25 e 35 anos benefician a empresas do sector primario, fundamentalmente explotacións gandeiras e agropecuarias dos municipios rurais da provincia. Así o explicou o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou, acompañado do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, a unha explotación agrogandeira deste municipio que se beneficiou das axudas da liña PEL-Emprende para a modernización das súas instalacións. González Formoso destacou a importancia que ambas as dúas liñas do PEL teñen para “axudar a crecer e modernizarse ao sector primario, que é fundamental e estratéxico na economía coruñesa” e, ao mesmo tempo, “para aproveitar o potencial do rural, xa que as axudas contribúen a crear oportunidades de emprego e desenvolvemento económico e a fixar poboación”, apuntou o presidente provincial, que sostivo que “as administracións deben implicarse a fondo en deter a sangría demográfica do rural, que é un dos maiores problemas que enfronta o futuro de Galicia”. González Formoso mostrou a súa satisfacción polos resultados que acadou o programa no seu primeiro ano de vida e anunciou que nas vindeiras semanas se presentará a convocatoria 2018 do PEL, que contará con algunhas novidades importantes que poderían beneficiar ás empresas radicadas no ámbito rural. 49 novos empregos e 12 granxas que medrarán co PEL O montante total das axudas do PEL que se destinaron a empresas do sector primario ascende a 1.015.722 euros, arredor dun 22,5% do total destas subvencións, que contan cun orzamento total de 4,5 millóns de euros durante 2017. A través da liña PEL-PEMES, a Deputación subvencionou este ano o 75% dos custes de contratación de 49 persoas durante un período de un ano en granxas e explotacións agrarias ou gandeiras da provincia da Coruña, a maior parte delas na comarca das Mariñas betanceiras (10), seguida pola de Ordes (9), Xallas (7), Santiago (4), Melide (4) e Ortegal (3). O importe total destas axudas á contratación ascende en 2017 a 648.058 €. Coa liña PEL-Emprende, destinada a mozos/as de ata 35 anos, a Deputación apoia os procesos de modernización e innovación nas empresas. Un total de 12 empresas que pertencen ao sector agrogandeiro percibiron un total de 367.697 euros, das que a maior parte pertencen ás comarcas da Coruña (3), Ferrol (2) e Ordes (2). Unha aposta pola innovación para mellorar a competitividade Acompañado do mozo propietario desta explotación familiar, Pablo Ares Vilariño, o presidente da Deputación coñeceu o funcionamento da granxa, que foi medrando cos anos ata contar actualmente con 182 cabezas de gando que producen arredor de 3.600 litros de leite ao día. O gandeiro explicou ao presidente provincial a importancia de “apostar pola innovación e a modernización neste tipo explotacións para mellorar a súa competitividade”, pese ás dificultades que atravesa o sector nos últimos anos. Neste sentido, considerou “un gran apoio” a axuda por importe de 20.000 € recibida ao abeiro do programa PEL-Emprende da Deputación, destinado a mozas e mozos menores de 35 anos, que lle permitiu adquirir dúas máquinas que contribúen á automatización de procesos da granxa como a alimentación do gando vacún e a sega, compactación e secado da herba, facilitando e facendo máis eficiente o traballo da granxa. Unha das máquinas adquiridas é un robot que, cada dúas horas durante as 24 horas do día, remove e coloca a liña de alimentación do gando, aforrando un importante traballo físico que require ademáis dun amplo horario. A outra máquina adquirida coa subvención provincial e tamén relacionada coa alimentación das vacas, é unha segadora rotativa. Robot arrimador adquirido con la ayuda del PEL