Archives

As organizacións agrarias manteñen o calendario de protestas tras reunirse co ministro de Agricultura

Cata de tomates no Ministerio, trala reunión entre Luis Planas e as organizacións agrarias O ministro de Agricultura, Luis Planas, está disposto a “seguir traballando coas organizacións agrarias e o conxunto do sector na procura de solucións para asegurar a rendibilidade e a competitividade das explotacións”. Así llo trasladou este venres aos sindicatos agrarios Asaja, COAG e UPA, cos que mantivo un encontro. Pero as palabras do ministro non impedirán que as protestas de agricultores que nas últimas semanas se estenderon por varios países europeos cheguen tamén a España. Os sindicatos agrarios reiteran as súas peticións e manterán o calendario de mobilizacións mentres negocian co Goberno medidas concretas. “Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas, non imos deixar de manifestarnos; non imos facer esta negociación sen a presión necesaria”, avanzou trala reunión co ministro Miguel Padilla, secretario xeral de COAG.
Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas
A nivel estatal, os sindicatos urxen a “corrixir as deficiencias da Lei da Cadea Alimentaria nun prazo brevísimo” e a “buscar solución á falta de infraestruturas e dotacións de rega para seguir producindo pesa á seca”. Tamén a revisar as franquías dos seguros agrarios para “convertelos en ferramentas seguras” e a facer fronte aos problemas de relevo xeracional no sector. “Dentro de 10 anos, 6 de cada 10 persoas activas a día de hoxe na agricultura estarán xubiladas”, alertan. “Asfixia normativa” Os sindicatos agrarios esixen tamén cambios a nivel europeo e demandaron o “compromiso do Ministerio para mediar ante Bruxelas”. “Ou se cambia a política agraria europea ou se vai destruír aos profesionais agrícolas porque se está lexislando de costas á realidade do sector”, aseguran. Xunto co Ministerio, crearase unha mesa de traballo para tratar de flexibilizar a PAC. “Temos unha asfixia normativa e o ministro recoñeceu esa asfixia”, asegura Padilla. “Simplificar non significa deixar de cumprir, pero si facelo de maneira máis sinxela”, aclarou sen embargo Luis Planas.
O sector teme que o acordo de libre comercio con Mercosur poida provocar unha entrada masiva de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai
Asaja, COAG e UPA denuncian ao mesmo tempo a “hipocrisía da política europea, que non esixe os mesmos requisitos aos produtos que veñen de fóra” e en relación ao acordo de libre comercio con Mercosur aseguran que “pode provocar unha invasión total de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai”. No sector existe tamén preocupación de cara á primavera pola enfermidade da EHE en vacún. Mantense a bonificación ao gasóleo agrícola Unha das medidas que os sindicatos lograron arrincar ao ministro de Agricultura, do mesmo xeito que sucedeu en países como Francia ou Alemaña, é o compromiso do mantemento das axudas fiscais ao gasóleo agrícola. Luis Planas confirmou, neste sentido, que o Goberno manterá a devolución do imposto especial de hidrocarburos esta lexislatura. En relación á PAC, a Comisión Europea propón permitir aos agricultores da UE acollerse a derrogacións para o ano 2024 das normas da Política Agrícola Común que os obrigan a manter zonas non produtivas.
O Ministerio apoia unha transición xusta cara a un modelo sostible de produción
En concreto, a norma BCAM 8, incluída na PAC, esixe dedicar o 4% da terra cultivable a áreas ou elementos non produtivos, o que se refire a terras en barbeito pero tamén a elementos como sebes ou árbores. A Comisión ofrece a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito este ano mantendo o seu dereito a recibir o pago directo básico da PAC. A medida será votada nos próximos días polos Estados membros. Despois diso, a Comisión procederá á adopción formal. O Regulamento aplicarase retroactivamente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e os Estados membros que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días para que os agricultores poidan ser informados canto antes.

As protestas en Galicia, para despois das eleccións

Reunión dos conselleiros do Medio Rural e Infraestruturas, José González e Ethel Vázquez, cos sindicatos Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon este venres a “unidade de acción” co obxectivo de programar un calendario de mobilizacións conxunto e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. Estas organizacións entenden que “sobran motivos para a mobilización” e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse, pero adían as protestas a despois das eleccións galegas, que terán lugar o 18 deste mes. Os sindicatos e as cooperativas aseguran que existen “motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa”, así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, no que a agricultura e a gandería galega “non pode manterse á marxe”, pero, ao mesmo tempo, manifestan o seu rexeitamento a “mesturar” mobilizacións e citas electorais, polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos.
A agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe das protestas pero rexeitamos mesturar mobilizacións e eleccións
A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos agrarios, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos “inasumibles” para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no gando vacún ou a flavescencia dourada da vide son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. A Xunta apunta cara arriba Seguindo a mesma estratexia que está a levar nos últimos anos ante a maioría dos problemas que afectan ao sector, a Xunta estase a limitar novamente neste caso a dar a razón ás organizacións agrarias e trasladar a responsabilidade ao Ministerio e á Unión Europea á hora de dar solución aos problemas plantexados polos produtores. Este mesmo venres o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha xuntanza coas organizacións agrarias, coas que dixo compartir a súa preocupación, e instou ao Goberno de España a actuar, do mesmo xeito que rexeitou calquera acto violento que se poida producir nas protestas.
A consellería considera “evidente” o descontento común en toda Europa porque “Bruxelas lexisla de costas“ ao sector
Engadiu que “resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa, por algo que dende Galicia se leva moito tempo tratando de facer ver ao propio ministro Luis Planas. Isto é, que Bruxelas lexisla de costas aos agricultores e gandeiros impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea”, asegurou. Sobre as demandas do sector primario, González trasladou que “a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización, que non eliminación, dos requirimentos ambientais da PAC e a adaptación dos ecorreximes á realidade de Galicia”.
A Xunta apoia a flexibilización, "que non eliminación", dos requirimentos ambientais da PAC 
Ademais, lembrou que desde a Xunta tamén se avoga por “evitar innecesarias cargas burocráticas ás explotacións, como o Caderno Dixital”, e que o Goberno galego vén reclamando ao Ministerio o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria, así como a necesidade de manter a bonificación ao gasóleo agrícola, entre outras cuestións.

O sector lácteo aumenta en 2023 a súa rendibilidade grazas ao incremento do prezo medio en orixe nun 22% e á baixada dos principais insumos

A renda agraria española alcanzará este ano os 31.931 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,1% con respecto a 2022, segundo a primeira estimación das principais cifras macroeconómicas elaborada polo Ministerio de Agricultura. Neste exercicio, a produción da rama agraria, que engloba a produción vexetal e a produción animal, rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022. O aumento do valor da produción e da renda agraria fundaméntase principalmente na subida dos prezos e no descenso dos custos tralos máximos rexistrados en 2022.
A suma de agricultura e gandería rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022
Ese aumento global reflicte, sen embargo, un comportamento moi diferente entre sectores, o que responde “á gran variedade de producións españolas”, destaca o Ministerio, entre as que se constatan este ano descensos importantes nas que foron máis golpeadas pola seca. En termos xerais, o factor prezo e a redución dos insumos compensou os descensos de volumes, que foron moi acusados nalgúns sectores como os cereais. A renda agraria en termos correntes por unidade de traballo anual (UTA) aumentou un 16,9 % ata alcanzar os 39.535 euros. Produción animal A produción animal alcanza o seu valor récord de 27.685 millóns de euros debido exclusivamente a un aumento dos seus prezos (+16,3%), xa que a cantidade producida descende respecto ao ano anterior (-2,5%). Destaca o porcino (+16,3%) e as aves (+6%), así como o leite (+21,1%) e os ovos (32,2%). No sector lácteo destaca o importante incremento medio do prezo do leite en orixe no conxunto do ano (un 22,4%), a pesar dos descensos de entorno ao 10% aplicados pola maioría das industrias na primavera. A produción total española, con todo, pechará este exercicio cun descenso do 1,1%, malia o incremento de produción rexistrado en Galicia. Insumos O aumento de rendibilidade das explotacións lácteas viuse favorecido, ademais de polo incremento no prezo de venda, polo descenso dalgúns dos principais custos de produción, Este comportamento vén determinado principalmente polos pensos (-1,3 %), a enerxía e combustibles (-31,9%) e os fertilizantes (-27,4%). Pola contra, este ano incrementouse o prezo das sementes un 10,3%, dos produtos fitosanitarios (1,1%), dos gastos veterinarios (2,2%), dos servizos agrarios (5,9%), así como os derivados do mantemento de maquinaria e edificios.
Os consumos intermedios sitúanse en 32.155 millóns de euros, o que supón un descenso dun 4,6% respecto ao máximo histórico que rexistraron en 2022
Os consumos intermedios, entre os que se atopan o gasto en sementes, enerxía, pensos, fertilizantes ou fitosanitarios, rexistran no conxunto de España un descenso en valor (-4,6% respecto á cifra récord de 2022) e alcanza os 32.155 millóns de euros. O descenso de prezos foi do 5,3% e a cantidade utilizada aumentou un 0,7%.

Descende á metade a renda da produción de cereais debido á seca e á caída nas cotizacións

A produción vexetal descendeu un 3,4% en valor, ata os 35.741 millóns de euros, debido á diminución das cantidades producidas (-11,7%), nun ano marcado por unha primavera inusualmente seca e cálida no conxunto de España. O recorte de volumes non se viu compensado polo aumento dos prezos percibidos polos agricultores (9,4%). Os datos poñen de manifesto os efectos das adversidades climáticas nalgunhas das producións. Os cereais sofren un importante descenso dun 50% en valor, froito tanto da seca, que fixo reducirse a súa colleita (-34,7%), que se sumou ao descenso dos prezos (-23,7%), tras un ano 2022 no que as cotizacións foron extraordinariamente altas debido aos efectos da guerra de Ucraína.
A colleita de aceite de oliva descendeu un 58% pero viuse compensada cunha suba de prezos do 70%
Así mesmo, foi notable o descenso do aceite de oliva (-29,4% en valor na campaña 2022-2023), debido á súa escasa colleita (-58,6%), pero neste casi si que se viu compensada en gran medida cun significativo incremento de prezos (70,7%). Tamén se reduciu o valor da produción de viño e mosto (-20%), fundamentalmente pola curta vendima rexistrada. Neste exercicio destacou o comportamento positivo do grupo das froitas, cuxo valor subiu un 16,9%, e hortalizas, que crecen un 8,8%.

O Ministerio de Agricultura observa melloras nas marxes produtivas do sector lácteo vacún

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes da mesa sectorial do vacún de leite mantiveron un encontro no que constataron unha mellora nas marxes da actividade produtora, tras uns anos complicados, aínda que os custos mantéñense aínda en niveis altos. En concreto, obsérvase unha estabilización nos custos enerxéticos e de alimentación dos animais, que son os que máis peso teñen na actividade deste sector, aínda que o Ministerio manterá un seguimento constante da situación dos mercados exteriores ante as incertezas do contexto xeopolítico actual. A directora xeral de Producións e Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, presidiu este xoves a reunión desta mesa sectorial, na que se analizou a evolución dos principais indicadores do mercado, para ter unha visión máis precisa da situación actual do sector. Orellana lembrou que, para paliar as dificultades polas que atravesou o sector gandeiro en 2022 e 2023 como consecuencia do incremento de custos derivados da guerra en Ucraína e a extrema seca, o ministerio puxo en marcha un paquete de axudas aos produtores de leite de vaca valoradas en 140,4 millóns de euros, que xa foron abonadas na súa totalidade. Así mesmo, na reunión analizouse o comportamento dos prezos percibidos polos gandeiros, que descenden desde o mes de marzo, despois de marcar rexistros históricos en 2022. Desde xaneiro deste ano, os prezos sitúanse por encima do prezo medio da Unión Europea. En relación coa evolución da produción de leite, os datos dispoñibles de 2023 (xaneiro a setembro) reflicten unha diminución da produción de leite, tendencia que se iniciou en 2022 tras os incrementos rexistrados desde que finalizou o réxime de cota láctea, en marzo de 2015. En todo caso, a directora xeral ha precisado que, no conxunto da Unión Europea, produciuse un lixeiro repunte da produción láctea. A diminución na produción de leite está asociada ao descenso do número de granxas e dos censos de vacas ocorrido en 2022, tendencia que se estaría estabilizando neste ano. Polo que se refire ao mercado exterior, o saldo comercial (exportacións menos importacións) do sector lácteo español segue sendo negativo no ano 2023, con descensos tanto nas importacións como nas exportacións. Doutra banda, a mesa sectorial ha pasado revista a un informe baseado na información dos paneis de consumo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cuxo análise se pode concluír que o consumo de leite e produtos lácteos en España en 2022 presenta unha tendencia descendente, en particular nos fogares. Ademais, anunciouse a próxima publicación dos informes relacionados co sector lácteo (vacún, ovino e caprino) nun novo formato, interactivo e moito máis dinámico, que vai permitir ao sector e á sociedade en xeral dispoñer de información máis detallada e actualizada.

As axudas directas do Goberno para gasóleo agrícola estenderanse até decembro

O Consello de Ministros aprobou un cuarto paquete de medidas para compensar a suba de custos de produción provocados por mor da invasión rusa de Ucraína e a seca, entre as que se inclúe, no caso do sector primario, a extensión das axudas extraordinarias e temporais para a compra de gasóleo agrario e pesqueiro até o próximo mes de decembro e amplía os potenciais beneficiarios das medidas de acceso ao crédito, así como o seu crédito mediante a liña ICO-MAPA-SAECA a cooperativas, entre outros. O motivo é que o aumento do prezo do gasóleo agrícola e pesqueiro situouse durante os últimos meses en máximos desde o ano 2008, un medio de produción esencial para asegurar a produción agraria e pesqueira, así como os seus rendementos. A través da Real Decreto-lei polo que se adoptan e prorrogan determinadas medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína, de apoio á reconstrución da illa da Palma e outras situacións de vulnerabilidade, o Goberno de España establecerá unha axuda directa para cubrir os custos adicionais que se produzan nas explotacións agrarias como consecuencia do incremento dos custos do gasóleo agrario. En concreto, o importe da axuda ascenderá a 10 céntimos por cada litro consumido durante tres meses e a 5 céntimos durante outros tres meses, que se calculará tendo en conta a media mensual realizada durante 2023. Esta axuda concederase aos agricultores mediante os mecanismos e procedementos asociados á devolución parcial do Imposto sobre Hidrocarburos. A Administración tributaria realizará o pago da nova axuda á compra de gasóleo de uso agrario mediante unha transferencia bancaria á conta á que se ordene o pago derivada da solicitude de devolución por adquisicións 2023. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación tamén propuxo no Consello de Ministros que se inclúa na normativa unha referencia para axilizar o pago dos fondos da reserva agrícola da Política Agrícola Común (PAC) e pola que a Comisión Europea asignoulle a España -o país comunitario que máis diñeiro percibe- 81 millóns de euros para facer fronte á situación do sector primario pola subida dos custos de produción tras o inicio da guerra en Ucraína, a seca e as elevadas temperaturas. Para iso, o Goberno integrará eses fondos europeos adxudicados na partida orzamentaria prevista no artigo 10 da Real Decreto-Lei 4/2023 que o pasado 11 de maio aprobou o Consello de Ministros e que establecía, entre outras medidas urxentes, axudas para o sector primario afectado pola seca por valor de 784 millóns de euros, dos que 636 millóns son axudas directas. Prolóngase a rebaixa do Ive O Goberno, a proposta do Ministerio de Facenda e Función Pública, tamén aprobou a extensión da redución do IVE dunha cesta de alimentos básicos, que finalizaba o 30 de xuño, ata o 31 de decembro. A rebaixa do IVE dalgúns alimentos foi aprobada polo Goberno o 27 de decembro de 2022 e entrou en vigor o 1 de xaneiro deste exercicio. En concreto, aprobouse a baixada deste imposto do 4 % ao 0 % para os seguintes produtos: pan común; masa de pan común conxelada; pan común conxelado destinado exclusivamente á elaboración do pan común; fariña panificable; leite de calquera especie animal, ben natural, certificada, pasterizada, concentrada, desnatada, esterilizada, UHT, evaporada e en po; queixos; ovos e froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais que teñan a condición de produtos naturais ou frescos. O descenso do IVE do 10 ao 5 % aprobouse para os aceites de oliva e de sementes e as pastas alimenticias.

Créase un grupo de traballo para avaliar os efectos da seca nos custos de produción

Tal e como pactara a Consellería do Medio Rural co sector, esta mañá constituíuse en Santiago un grupo de traballo para facer seguemento dos efectos que está causando a seca nos custos de produción do agro en Galicia. O impacto déixase notar en cuestións como o prezo das forraxes, pois un camión de palla está a día de hoxe a 2.600 euros, cando hai uns meses rondaba os 1.200 euros, compara Unións Agrarias. “Con portes, pódese chegar ós 4.000 euros nunha granxa galega”, advirte Unións. O novo grupo de traballo está integrado pola propia Xunta, polas organizacións agrarias clásicas (Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga Galicia), pola Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e polo Consello das IXPs de Vacún de Galicia. Trala reunión, a Xunta emitiu un comunicado sinalando que houbo consenso en emprazar de novo ó Ministerio de Agricultura a aumentar as axudas pola seca para Galicia. Desde Unións Agrarias, pola súa banda, emitiron outro comunicado no que sinalan que lle demandaron á Xunta a convocatoria de axudas complementarias ás do Ministerio. Esta organización agraria pediu tamén un maior apoio ós seguros agrarios, que gañan importancia para cubrir as perdas das explotacións ante fenómenos meteorolóxicos extremos. Unións propón que a Xunta eleve o apoio á contratación de seguros, pois na actualidade os contratantes dun seguro agrario teñen un apoio do 50% do custo (36% a cargo do Ministerio e 14% a cargo da Xunta). A organización agraria lembra que a normativa europea permite apoios de ata o 70%. Entre os sectores para os que se considera de especial interese a contratación de seguros, Unións subliña o vitivinícola, pois de novo este ano houbo xa episodios de pedrazo nalgunhas denominacións de orixe, como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra. A organización agraria é tamén partidaria de que se habilite unha fórmula para posibilitar a contratación colectiva de seguros a través de organizacións de produtores ou de organizacións agrarias.

“O rolo de silo de herba xa se paga a 45 euros debido á menor produción deste ano”

Un momento da protesta dos produtores de Suprema este luns diante da Subdelegación do Goberno "Non é certo que aquí non haxa seca; estamos recollendo un 40% menos de forraxe", asegura Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema. Os produtores de vacún de carne están a compatibilizar estes días a campaña de ensilado de herba coas protestas polos baixos prezos dos xatos e o reparto "discriminatorio" das axudas da PAC e a seca.  "Hai unha merma considerable nalgunhas zonas. Houbo menos herba e veu máis retrasada, polo que a segunda corta para silo xa non se vai facer e os prados que deixamos para herba seca van fundir moito menos que outros anos", afirma Santiago. 
Os rolos de silo estanse vendendo xa a 45€ e aínda van subir máis cando chegue o inverno
Iso obrigará ás ganderías a reducir o número de cabezas ou a depender de insumos externos, o que aumentará os custos de produción das granxas. "Os rolos de silo estanse vendendo a 45€ e cando chegue o inverno aínda van subir máis e a palla está a 170€. Con ese prezo é inviable encamar os xatos", di. 
Coa palla a 170€ é inviable encamar os xatos
Ante esta situación, os produtores de Suprema considéranse "dobremente prexudicados". "Por un lado só imos poder cobrar o 25% das axudas para paliar os efectos da seca e, por outro, imos ter que mercar moito máis caros os insumos que precisamos para alimentar o noso gando", argumentan.  A protesta trasládase á Deputación de Lugo O sonido das chocas, as bucinas e os petardos volveuse escoitar este luns diante da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema mantén a súa protesta desde hai máis dun mes e despois de que a semana pasada decidiran levantala de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo tralo anuncio da Consellería de Medio Rural dunha axuda directa por quilo de carne producido.  
Hai máis dun mes que os produtores de carne de Suprema se manifestan contra a nova PAC, a protección do lobo e os baixos prezos dos xatos 
"A AICA, a protección do lobo, a prima por vaca nodriza da PAC e o reparto da axuda pola seca é cousa do Ministerio e en ningún destes aspectos houbo avances", lembra Santiago Rego, que traslada a pelota ao tellado da Deputación de Lugo. "Queremos que o presidente da Deputación nos reciba antes do venres. Se o ministro ou o delegado do Goberno non atenden as nosas demandas queremos saber de qué lado están os alcaldes do PSOE, queremos que dean a cara antes das eleccións", insisten. Se esa xuntanza non se produce esta semana, o venres as protestas dos gandeiros trasladaranse á sede da Deputación. 

O Ministerio anuncia que a axuda pola seca será ingresada antes do mes de outubro

As demandas dos produtores de Suprema recibiron resposta a semana pasada por parte do Ministerio, pero esta non satisface aos manifestantes, que se consideran "discriminados" no reparto de axudas. "Vemos no BOE que en Estremadura ou Andalucía van cobrar 157€ por vaca mentres en Galicia só cobraremos 39€", lembra Santiago Rego.  O Ministerio anuncia na súa resposta que as axudas pola seca serán ingresadas antes de outubro. "A nova liña de axudas para paliar os sobrecustos producidos tanto pola situación de Ucraína como pola seca estímase que ascenderá a 6,2 millóns de euros e o Ministerio vai intentar que cheguen aos gandeiros galegos antes do vindeiro mes de outubro", avanza o departamento que dirixe Luis Planas.  En relación á nova PAC, o Ministerio descarta que se poidan comparar as axudas por vaca de leite (158€) e de carne (85€) e considera que o cumprimento dos ecorreximes por parte das ganderías en extensivo "non supoñen unha grande complexidade".
A gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España, recoñece o Ministerio de Agricultura
Sobre a protección do lobo, Luis Planas traslada a responsabilidade ao Ministerio de Transición Ecolóxica e recoñece que "a gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España" e móstrase partidario dunha "xestión adaptativa das poboacións de lobo" e dun "maior entendemento entre os actores involucrados: caza, gandería, Ministerio de Transición Ecolóxica e mundo urbano".  Na súa resposta, o Ministerio de Agricultura involucra tamén á Xunta no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria: "A competencia de control de cumprimento da Lei da Cadea é compartida entre a AICA e as 17 Autoridades de Execución das comunidades autónomas". 

Os produtores de Ternera Gallega Suprema cobrarán unha axuda directa por quilo de carne certificada

O conselleiro José González, durante a reunión mantida este luns en Lugo con Gandeiros Galegos da Suprema Os tractores e gandeiros concentrados desde o pasado xoves diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo levantaron este luns pola tarde a súa protesta, que manteñen aínda diante da Subdelegación do Goberno, despois de comprometerse o Conselleiro de Medio Rural, José González, a habilitar unha liña de axudas directas para os produtores de Suprema que compense a diferenza existente neste momento entre os custos de produción e os prezos actuais de venda dos xatos, que se sitúan no entorno dos 5,60-5,70€. Esta axuda extraordinaria, que chegaría xa este ano ás ganderías, non se pagaría por vaca nutriz nin por número de hectáreas, senón por quilo de carne certificada dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, cun importe final de entre 80 céntimos e un euro por quilo canal, segundo os cálculos que fan desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, en función do montante total de quilos certificados a final de ano como Suprema dentro da IXP.
A axuda pagaríase en función dos quilos de carne certificados por cada gandería dentro da IXP Ternera Gallega Suprema e prolongaríase por un mínimo de dous anos
A Xunta disporá para iso dunha partida de entre 10 e 12 millóns de euros anuais, que se prolongará durante un mínimo de dous exercicios. “Comprometéronse a axilizala o antes posible para sacala este ano ou, en caso de que saia no 2024, tratar de facer un anticipo este ano, como se fixo coa axuda pola guerra de Ucraína”, explica Santiago Rego. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema indica que o compromiso acadado por parte da Xunta cos produtores foi o de manter esta axuda un mínimo de dous anos, tratando de habilitar fondos FEADER para iso, ao igual que fixo nas axudas autonómicas pola guerra de Ucraína abonadas a semana pasada, e, se non fose posible, con fondos propios, segundo as palabras do propio conselleiro. O obxectivo, sinalou, é que “non se perdan explotacións de vacún de carne en extensivo pola situación insostible de incremento dos custos de produción, sen que o prezo sexa capaz de compensalo”.  Axudas por prevención de incendios José González avanzoulles tamén aos gandeiros que o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais, que prepara a Xunta, prevé axudas directas para gandeiros en extensivo que, mediante a súa xestión do territorio, colaboren na prevención do lume.
Estas axudas anuais a partir de 2024 financiaríanse con partidas destinadas a prevención de lumes e non con fondos destinados a gandería
Esta liña de axudas, que está aínda sen concretar, pagaríase aos gandeiros en función do número de hectáreas pastoreadas e podería entrar tamén a colaboración coa Administración en tarefas como o desbroce de camiños e pistas. “Falta que se aprobe a lei que está en proxecto para dotar o orzamento necesario, pero estes fondos serían de prevención de lumes, non de gandería e a convocatoria sairía no 2024”, avanza Santiago Rego. Flexibilizar o abonado de pradeiras en pastoreo No relativo a Política Agrícola Común para o actual período 2023-2027, a Xunta comprometeuse a estudar unha modificación da norma autonómica que regula os fondos de desenvolvemento rural do segundo piar da PAC para facer máis flexible o uso de fertilizantes na axuda agroambiental de fomento de pastos, permitindo a utilización de abonos químicos, así cono a manter durante os 5 anos de vixencia as axudas por Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) nas áreas que non son de montaña. En canto á axuda por vaca nodriza, que compete ao Ministerio, tanto a Xunta como a asociación de gandeiros concordaron en pedirlle ao Goberno central que modifique as contías das axudas directas asociadas á produción incluídas no primeiro piar da PAC para dotar de máis fondos o vacún de carne. Discriminación no reparto das axudas pola seca Na reunión, ambas partes incidiron tamén na importancia de facer presión ante o Ministerio de Agricultura para que incremente de 39,25 a 157 euros a axuda por vaca nutriz de carne contemplada no Real decreto publicado o pasado venres para facer fronte á seca.
Non estaremos tan afectados pola seca pero si polos custos de produción, porque vánsenos encarecer moito os cereais e a palla
“Levantamos a protesta e sacamos os tractores de diante da Xunta pero seguimos manténdoa na Subdelegación do Goberno, pola inxustiza do reparto das axudas da seca. Non pode ser que a nós nos dean só o 25%, porque ademais de penalizarnos na axuda imos sufrir tamén un incremento de custos nos insumos, porque moitos deles veñen desas zonas onde hai seca e vánsenos encarecer os cereais ou a palla, que xa está a 170€ a tonelada”, argumenta Santiago Rego. Desde a asociación de produtores de Suprema síntense “enganados” por parte da subdelegada do Goberno, que o mesmo día da manifestación, o pasado xoves, lles avanzaba que o importe da axuda sería de 100€ por vaca nutriz. “Primeiro dinnos unha cousa e agora resulta que é outra totalmente distinta, non poden anunciar un día 100€ e ao día seguinte poñer 39 no BOE sin dar explicación algunha”, asegura Santiago Rego.

“Que cada un cebe como queira, no prado ou na corte, pero hai que facer unha boa finalización dos animais”

Na reunión entre a Consellería e os gandeiros houbo tamén acordo sobre a necesidade de implementar melloras no Regulamento e no funcionamento da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O conselleiro José González pediulles aos responsables da asociación Gandeiros Galegos da Suprema que lle remitan por escrito as súas demandas e suxestións concretas, que incluirán nun documento con 7 propostas. Entre elas atópanse aspectos polémicos, como o feito de que se marquen como Suprema os xatos pasteiros. “Nós entendemos que hai que facer unha boa finalización dos animais e que cada un faga ese cebo como queira e onde queira, pero o que non pode ser é que se estean certificando algúns dos animais que se están certificando agora. Pódese facer o cebo no prado, pero hai que cebar”, opina Santiago Rego.
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema remitirá á Consellería un documento con 7 propostas para mellorar o funcionamento da IXP Ternera Gallega
Outra das propostas que fan desde a asociación de produtores é a ampliación das razas admitidas. “Neste momento están admitidos os cruces con limusín ou blonde, pero necesitamos abrir o abano cara a novas razas como pode ser a salers”, detalla. Finalmente, desde a Asociacion Gandeiros Galegos da Suprema piden “que haxa unha homoxeneización e unificación na presentación das canais nos matadoiros”. Actualmente hai tres tipos de canal, desde o tipo 3, con maior capa exterior de graxa, ao tipo 1, máis pelada, o que inflúe nos quilos de carne pagados aos gandeiros, polo que solicitan unificar os tres tipos de canal nun só, para que non haxa tanta disparidade.

Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

O sector agrario de Galicia reuniuse hoxe coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación no agro pola seca e o aumento de custos de produción. Se ben a seca en Galicia polo de agora a penas tivo impacto, sí que o problema xa se deixou notar no encarecemento das forraxes, con casos como a palla, que triplicou o seu prezo. Sobre a mesa estivo ademais o desaguisado que provocou o Ministerio de Agricultura coas axudas pola seca. As axudas do Ministerio de Agricultura pola seca e o aumento de custos, anunciadas o xoves pasado, poden quedar de exemplo para o futuro de como convertir en mala unha medida en principio boa. O Ministerio acordou destinar máis de 600 millóns ó agro pola actual crise, acompañando os apoios de beneficios fiscais e medidas de flexibilización da PAC, pero cometeu dous erros claros. Primeiro, non consultou a medida nin con comunidades autónomas nin con organizacións agrarias e cooperativas, co risco que iso implica, e segundo, anunciou datos errados. Agricultura comunicou o pasado xoves que as granxas de vacún de carne se beneficiarían dun apoio de 100 euros por vaca, un apoio que no caso do vacún de leite fixaba en 40 euros e no ovino e caprino de carne en 15 euros. Ao día seguinte, o Boletín Oficial del Estado chegou coa sorpresa de que os importes eran outros. No sur de España, nas comunidades máis afectadas pola seca, 157 euros por vaca de carne, 61 polas de leite e 18 por ovella e cabra de carne, pero en Galicia e na Cornisa Cantábrica, un 25% desas cantidades: 39,25 euros por vaca nutriz, 15,25 por vaca de leite e 4,5 por ovella e cabra. Entre medias, Castela e León e comunidades do centro, co 50% dos apoios. O cambio dos números, obviamente, sentou mal en Galicia. A Xunta, organizacións agrarias, cooperativas e a IXP de Vacún de Galicia mantiveron hoxe un encontro no que acordaron solicitar unha reunión urxente co Ministerio, a fin de pedirlle que rectifique a orde de axudas. “O Ministerio ten que ter en conta o aumento de custos das forraxes que están experimentando as granxas galegas pola seca xeralizada” -defende o conselleiro de Medio Rural, José González-. “Tampouco vemos lóxico que dúas provincias con condicións climáticas semellantes, como Zamora e Ourense, teñan un trato tan diferente”, advirte González, dado que os gandeiros de Zamora cobrarán o dobre que os de Ourense. A falta de axudas para os apicultores galegos, “que no mellor dos casos ingresarán 15.500 euros en conxunto” -pronostica o conselleiro-, é outro dos motivos do malestar. Grupo de traballo O sector acordou ademais crear un grupo de traballo en Galicia para facer un seguemento da seca e do aumento de custos no agro. O obxectivo é tanto trasladarlle ó Ministerio a evolución da situación como adoptar posibles medidas propias. “Temos que pensar que esta seca non é unha situación coxuntural, senón estrutural” -apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non se precisarán só axudas para os sectores máis afectados, tamén será preciso adoptar medidas en infraestruturas para o almacenamento da auga e para aumentar a base territorial das explotacións”, defende. Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considerou “moi importante” a creación do grupo de traballo, pois “Galicia pode verse nun mes en problemas de seca como os que teñen agora outros territorios”, valorou. De cara ó futuro, en caso de que se agudice a crise de seca e custos, García apuntou que unha posibilidade pasaba pola convocatoria de axudas autonómicas, ben con fondos Feader -previa autorización de Bruxelas-, ben con fondos propios da Xunta. Preguntado a ese respecto, o conselleiro non negou tal posibilidade de axudas complementarias, se ben subliñou que o prioritario era que o Ministerio de Agricultura modificase a súa orde de axudas pola seca, que considera “electoralista e discriminatoria con Galicia”, unha postura que compartiu o responsable de Asaga Galicia, Francisco Bello.

Axudas para as granxas de leite e de carne pola seca e o aumento de custos

O Consello de Ministros aprobou hoxe destinar 355 millóns de euros ós gandeiros de vacún de leite, vacún de carne, ovino e caprino para compensalos pola seca e o aumento de custos de produción. Agricultura lembra que a escasez de choivas mermou os pastos e obrigou a un aumento da compra de forraxes e pensos, que están máis caros a consecuencia da guerra de Ucraína. O decreto do Goberno establece unha contías de axudas de 100 euros por vaca de carne, e 15 por ovella e cabra de carne. En vacún de leite, pagaranse 40 euros por vaca e en ovino e caprino de leite 10 euros por animal. As axudas abonaranse directamente a través do Fondo Español de Garantía Agraria a tódalas explotacións que sexan beneficiarias das axudas da Política Agraria Común (PAC). No sector gandeiro, o Ministerio de Agricultura apunta ademais que, como xa se anunciara, hai 5 millóns de euros para o sector apícola. En total, a gandería contará con 355 millóns de euros en apoios. Agricultura Os sectores agrícolas disporán dun volume de axudas de 276,7 millóns de euros. O Ministerio de Agricutlura determinará os cultivos, zonas e contías das axudas, en función dos distintos graos de afección da seca nos cultivos. Para elo, teranse en conta os datos gubernamentais de evolución hidrolóxica e climática. Medidas fiscais O decreto do Goberno, que conta coa participación de multitude de Ministerios (Agricultura, Facenda e Traballo, entre outros), adoptou tamén unha serie de medidas fiscais: - Quedan eximidas do pago do Imposto de Bens Inmobles as propiedades de titulares de explotacións agrarias que sufriran no 2023 unha reducción do rendemento neto das actividades agrarias de polo menos un 20% en zonas con limitacións naturais ou dun 30% no resto de territorios. - Exímense do imposto de sociedades e do IRPF as axudas dos ecorrexímenes da PAC. - O decreto aprobado hoxe inclúe tamén numerosas minoracións nos coeficientes, de entre o 30 e o 50% para os sectores gandeiros, así como outros para parte dos sectores agrarios. - Cómpre lembrar ademais que Facenda anunciou o 25 de abril unha rebaixa para o sector agrario, ó reducir un 25% liñal o rendemento neto para o Imposto da Renda para tódolos gandeiros e agricultores que tributen no sistema de módulos. - Aprobado un aprazamento no pago das cotas á Seguridade Social. No caso dos traballadores por conta propia, aprázanse as cotas de xuño a setembro. No réxime especial agrario por conta allea, as cotas de maio a setembro. - Rebaixas no canon dos agricultores con dereito de rego que viran reducidos os aportes que poden empregar.

Flexibilización da PAC

O real decreto que se aprobou hoxe contempla que o Ministerio de Agricultura estableza os criterios para que as comunidades autónomas poidan flexibilizar determinados requisitos das axudas da PAC, ó obxecto de que a seca non represente un impedimento para cumprir coa normativa de condicionalidade reforzada, ecorrexímenes e axudas asociadas. Acórdase ampliar ademais ata o 30 de xuño o prazo para a presentación de solicitudes. Doutra banda, decidiuse igualmente atrasar a implantación do caderno dixital de explotación, que estaba previsto que comezase o 1 de setembro do 2023. Agricultura decidiu que a posta en marcha do caderno se faga en 4 fases, en función do tipo de explotación, arrancando o 1 de xaneiro do 2024.
Apoios á financiación A maiores das axudas directas e dos beneficios fiscais, o decreto contempla apoios á bonificación, en concreto 20 millóns de euros para bonificar créditos na liña ICO- MAPA – SAECA. Igualmente amplíase a liña de financiación de avais que son precisos para solicitar estes créditos. Seguros agrarios O Ministerio de Agricultura aumenta en 40 millóns de euros a partida destinada a subvencionar os seguros agrarios. Esta dotación permitirá cubrir ata o 70% do custo das pólizas que teñan cobertura do risco de seca e que estean xa contratadas. Este 70% é a porcentaxe máxima que permite a normativa europea. https://www.campogalego.gal/gandarias-galegas-apenas-se-beneficiaran-das-axudas-goberno-central-pola-seca/

Problemas das ganderías de vacún de carne para acceder ás novas axudas da PAC

Os gandeiros de Suprema consideran a nova PAC "unha ruína" para o sector e quéixanse da actitude dos sindicatos Tres semanas despois de que os tractores tomaran a cidade de Lugo en defensa dun prezo para a carne de Suprema que cubra os custos de produción e dun reparto "xusto" dos fondos da PAC, os gandeiros volverán este xoves a sacar os tractores á rúa para facer oir o seu descontento coa actitude da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, que non adoptaron ningunha das medidas que piden os produtores.  Os produtores de Suprema quéixanse de non ter neste momento "nin prezo nin PAC" por un reparto das axudas para o novo período que "marxina" aos gandeiros de carne en extensivo. "A axuda asociada por vaca nodriza permanece conxelada desde o anterior período, do ano 2014, en 85€ cando a de vacas de leite se incrementou até os 158€", comparan.
A axuda por vaca nodriza a partir de agora só poderán cobrala as vacas que saian ao pasto dentro de explotacións calificadas como extensivas
Pero ademais, para cobrala esíxese que a explotación estea declarada como "extensiva", o que poría en perigo o seu cobro por parte de ganderías que realizan un manexo tradicional, no que os becerros quedan na casa e as nais van e veñen todos os días ao pasto, un sistema habitual en áreas do interior da provincia de Lugo con fincas pequenas e dispersas, onde conviven explotacións de orientación cárnica con outras de leite, e en zonas de montaña onde a presenza do lobo impide ter os becerros fóra en parcelas alonxadas.  "Fixeron as normas pero nin eles mesmos saben as consecuencias desas normas nin como levalas á práctica. Isto significa un recorte encuberto en toda regra, porque póñenche condicións imposibles de cumprir por moitas explotacións", denuncia Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que lanza acusacións contra os sindicatos agrarios: "As Administracións negociaron a PAC de tapadillo cos sindicatos e agora os gandeiros estamos atados de pes e mans e non temos posibilidade algunha de modificación", afirma. Modelo de declaración responsable xunto coa solicitude única Un dos problemas detectados á hora de acceder a determinadas axudas da PAC nesta campaña é o feito de que están condicionadas a unha determinada tipoloxía de explotación, regulada polo Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas, aprobado no mes de decembro. Pasa tanto nas axudas directas do primeiro pilar como nas agroambientais do segundo. Por exemplo, para poder cobrar as axudas asociadas a vacún de carne e engorde de tenreiros na explotación de nacemento as explotacións terán que estar encadradas como extensivas ou tamén como semiextensivas se teñen entregas de leite. É dicir, a axuda por vaca nodriza a partir de agora só poderán cobrala as vacas que saian ao pasto dentro de explotacións calificadas como extensivas. 
A Xunta habilitou un modelo de declaración responsable asinado polas ganderías no momento de presentar a solicitude da PAC para corrixir erros na tipoloxía das explotacións
A Xunta incluíu nesta campaña no apartado das declaracións á hora de facer as solicitudes da PAC unha específica para marcar que tipo de explotación é a que ten cada beneficiario. Con iso farase a modificación no REGA sen necesidade de facer outra solicitude nin pagar taxas, aínda que despois comprobarase por parte da Xunta se esa información é correcta ou non e "en caso de non ser correcta reclamaranse os cartos cobrados indebidamente”, advertiu recentemente Celso Sevillano, responsable do servizo de axudas gandeiras da PAC no FOGGA. As explotacións bovinas de produción e reprodución en base a pasto clasifícanse como explotacións extensivas, semiextensivas e non extensivas.
  • Explotacións extensivas: explotacións nas que os animais non están aloxados dentro dunha instalación de forma permanente, e, para a súa alimentación, utilizan a maior parte do tempo unha base territorial con aproveitamento de pasto ou recursos agroforestais, complementando o pastoreo con achegas de materias primas vexetais ou pensos, en función das condicións climáticas e a dispoñibilidade de pastos.
  • Explotacións semiextensivas: explotacións que non podendo considerarse extensivas, dispoñen dunha base territorial á súa disposición cuxo aproveitamento se realiza con base en pastoreo e onde os animais realizan esta actividade un número significativo de horas a determinar pola autoridade competente da comunidade autónoma conforme á práctica habitual nos distintos territorios que a integran.
  • Explotacións non extensivas: o resto das explotacións que non se poidan clasificar como extensivas ou semiextensivas.
Pero a ambigüidade da norma estatal nas definicións establecidas no seu artigo 3.3 deixa lugar á interpretación, a falta dunha concreción da Xunta por medio de lexislación propia de carácter autonómico ou dun criterio único establecido polo servizo de Gandaría, responsable da xestión do Rexistro de Explotacións.  Fertilización exclusivamente orgánica Outro dos cambios importantes na nova PAC que "prexudica" ás explotacións de vacún de carne galegas son os compromisos establecidos para o cobro da axuda agroambiental para fomento de pastos. Un dos requisitos para poder pedir esta axuda, de 110€/ha, é o de realizar unha fertilización exclusivamente orgánica, o que impediría ás ganderías que a queiran solicitar realizar abonado químico, por exemplo na primavera, con miras a realizar un corte para ensilado.  "Non entendo como desde a PAC se fomenta o empobrecemento do chan e a perda de produción forraxeira. Se tes as vacas fóra non tes purín ou esterco co que abonar, polo que é necesario recurrir a abono químico. Por un lado din que priman a extensificación e sen embargo castigannos con isto", critica Santiago Rego. 
Non entendo como desde a PAC se fomenta o empobrecemento do chan e a perda de produción forraxeira
A imposibilidade de acollerse á nova axuda agroambiental de fomento de pastos está a provocar unha importante perda de ingresos por parte das explotacións de vacún de carne, dado que este compromiso de fertilización exclusivamente orgánica non se esixía na axuda de xestión sustentable de pastos do anterior período, á que estaban acollidas a maioría de explotacións de carne, cunha prima de 120€/ha.   Avalancha de peticións de mastíns e colares GPS Para cobrar a axuda do lobo esíxense dous mastíns por explotación ou colares GPS no 20% dos animais Outra das novidades deste ano é a nova axuda complementaria por convivencia con grandes carnívoros, de 75€/ha, á que non poden acceder os produtores de ecolóxico nin aquelas ganderías en convencional que non estean encadradas no mapa de zonas con presenza de lobos.
É un recorte encuberto, porque póñenche unhas condicións imposibles de cumprir para moitas explotacións
Para poder cobrala esíxese dispor de cando menos dous cans de garda (mastíns ou cans de palleiro) ou ter xeolocalizados o 20% dos animais da explotación antes do vindeiro 15 de xuño, cando remata o prazo de modificación das solicitudes únicas da PAC, o que está a provocar unha auténtica avalancha de peticións tanto de cans como de colares GPS. O FOGGA admite retrasos na campaña da PAC deste ano A tres semanas de que finalice o prazo de presentación de solicitudes, no FOGGA, o organismo público dependente da Xunta encargado da xestión e pago dos fondos da PAC en Galicia, admiten o "retraso" na campaña deste ano, mentres nas entidades colaboradoras falan de "caos" e de descoñecemento das novas esixencias por parte dos gandeiros. "Hai moi poucas solicitudes finalizadas e rexistradas neste momento, tan só as máis sinxelas", admiten uns e outros.
Fixeron as normas pero nin eles mesmos saben as consecuencias desas normas nin como levalas á práctica
No caso das ganderías de leite, os novos ecorreximes vinculados á rotación de cultivos nas terras do millo estarían xerando dúbidas entre as explotacións en relación ás prácticas esixidas e retrasando a presentación das solicitudes únicas, mentres que no caso das ganderías de carne as dificultades xiran arredor da axuda agroambiental de pastos e o encadre das granxas nas distintas tipoloxías de explotacións. 

Os produtores de Suprema volven sacar este xoves os seus tractores en Lugo: "Non temos nin prezo nin PAC"

Tractores e gando na Ronda da Muralla, diante da Xunta, na manifestación do pasado 18 de abril Este xoves hai nova manifestación dos produtores de vacún de carne en Lugo. Os gandeiros de Suprema manifestaranse de novo polas rúas de Lugo ao cumprirse tres semanas de protestas sen que a Xunta e o Ministerio atenderan as súas reivindicacións de suba dos xatos e melloras da Política Agraria Común para o actual período.  O percorrido dos manifestantes a pé sairá de diante da Xunta ás 13:00 horas para facer unha parada diante da Subdelegación do Goberno e voltar ao edificio administrativo da Xunta na Ronda. Os tractores partirán, ao igual que na ocasión anterior, do polígono industrial das Gándaras, ás 12:30 horas, para percorrer a continuación as principais rúas da cidade até acabar diante do edificio da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla.
Goberno e Xunta están a demostrar que teñen pouca empatía cun sector que está demandando cambios
A protesta está convocada pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que reúne a 400 produtores de carne de vacún amparaba pola IXP Ternera Gallega Suprema, e que acusa a ambas administracións de "non facer nada" ante a "situación desesperada" dos produtores. "Os uns e os outros dannos a razón pero non fan nada, así que queremos convidalos formalmente se queren vir á manifestación, como fixeron da outra vez, para ver se teñen algo que dicir publicamente aos gandeiros que alí nos xuntemos", explica Santiago Rego, presidente da asociación. "A suba dos xatos foi toda para as fábricas de penso" O prezo medio de venda dos becerros marcados co selo de Suprema subiu case un euro en quilo no último ano, de 4,80€ aos 5,70€ actuais. Sen embargo, afirma Santiago, "esa subida non foi para nós, na práctica foi toda para as fábricas de penso".
Hai un ano pagabamos a tonelada de penso a 300 euros e agora a 500, e a de palla pasou de 80€ a 125 
"Un xato de Suprema está estipulado que come entre 800 e 1.000 kilos de concentrado e antes pagabamos a tonelada de penso a 300 euros cando agora a estamos pagando a 500, aí van os 200 euros de diferenza que vale hoxe máis un xato que o ano pasado. Desa pequena suba non quedou nada nas explotacións", argumenta. A suba dos custos de produción fai que os produtores estean hoxe "igual ou peor" que cando decidiron bloquear os matadoiros coincidindo coa folga do transporte da primavera pasada. Calculan os seus custos de produción en 7€/kg cando o prezo de venda dos xatos sitúase máis dun euro en quilo por debaixo. 
A Administración autonómica pode sacar unha liña de axudas directas propia, as que deu ata agora viñan de Europa ou do Ministerio
Por iso, din, son necesarias axudas directas ao sector como as que se habilitaron o ano pasado a raíz da guerra de Ucraína ou fai dous anos con motivo da covid-19. "A Xunta pode sacar unha liña de axudas directas propia porque até agora non puxo un peso, as que deu proviñan da UE e do Ministerio", afirman desde a asociación que reúne aos produtores de Suprema, que ven ao conselleiro José González "enrocado".  Tamén se mostran críticos os membros da asociación co destino do millón e medio de euros aportados pola Xunta para a campaña de publicidade para fomentar o consumo de carne de Suprema. "Ao vender a perdas para un gandeiro vender máis significa endebedarse máis. Esa campaña a quen axuda é á industria e á distribución, que son os claros beneficiados desta situación", di Santiago Rego. 

“Os gandeiros estamos decididos a seguir coa reivindicación; o sector quere cambios”

Gandeiros informando aos cidadáns este mércores diante do edificio da Xunta en Lugo Tralo éxito da marcha deste martes polas rúas de Lugo, a asociación convocante, Gandeiros Galegos da Suprema, mantén "con carácter indefinido" as protestas diante dos edificios da Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno, as administracións ás que piden que actúen para acabar coa actual situación de venda a perdas que, segundo denuncian, se está a producir no sector do vacún de carne.   “Quedou patente que o sector quere cambios e que a xente está unida e animada a seguir coa reivindicación”, asegura Santiago Rego, presidente da asociación de produtores de Suprema. Os tractores abandonaron a Ronda da Muralla onte ás 8 da tarde para evitar "prexuizos innecesarios" á poboación, pero os gandeiros seguirán concentrados até que a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura atendan as reivindicacións dos produtores.
Decidimos abrir o tráfico para non causar prexuizos innecesarios á poboación, queremos ter do noso lado aos consumidores que compran a nosa carne
“Mantemos de xeito testemuñal algúns tractores aparcados diante da Xunta, que permanecerán o tempo que esteamos tamén nós. Quen ten que mover ficha é a Administración e de momento non recibimos contestación ningunha”, asegura Santiago Rego. Reparto de información aos consumidores Os gandeiros farán turnos para manter unha presenza permanente diante das dúas Administracións e están aproveitando para repartir dípticos informativos aos cidadáns para explicarlles o valor diferencial da carne amparada pola IXP Ternera Gallega Suprema e a labor medioambiental e de fixación de poboación que a gandería realiza no rural.
Estamos informando á xente da labor que fan as ganderías tradicionais e da diferenciación da carne de Suprema
“A acollida está sendo moi boa. A xente sabe o que lle subiu a carne no supermercado ou na carnicería, pero non canto nos pagan aos gandeiros por producila e descoñecen que moitas veces lles están vendendo a carne de cebadoiro ao mesmo prezo que a producida en extensivo”, explicaban esta mañá algúns dos gandeiros concentrados. “Nós non pedimos que se suba máis ao consumidor, senón que o reparto dentro dos elos da cadea sexa máis xusto”, din.

“Queremos que se trate por igual a todos os gandeiros, non pode haber discriminación por ter a explotación nun concello ou noutro”

Produtores de Suprema informando á poboación diante da Subdelegación do Goberno en Lugo Unha das reivindicacións da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten que ver co reparto de fondos da nova PAC, na que se sinten prexudicados. “Non podemos seguir sufrindo discriminación. O pago por vaca nodriza é de 85 euros, fronte a case o dobre para os nosos compañeiros os produtores de leite. Non queremos que lles baixen a eles, pero a nosa axuda está conxelada desde o ano 2014, non se actualizou nin o IPC”, denuncia Santiago Rego. Outra das queixas de cara ao novo período 2023-2027 da Política Agraria Común ten que ver co factor de degresividade introducido pola Xunta nas axudas agroambientais,  cun recorte de fondos a partir das 50 hectáreas de superficie e que “castiga” ás explotacións profesionais. Asimesmo, non están dacordo cos criterios introducidos para o reparto do complemento por ataques do lobo. “Non ten lóxica que unha gandería que está nun concello cobre este complemento e outra que está no do lado non, porque o lobo non entende de marcos e hai un estudo da propia Xunta que di que o lobo está presente no 94% do territorio galego", xustifican.
Non pode haber diferenzas entre gandeiros por estar na montaña ou no interior, todos producimos carne de calidade e todas as zonas teñen os seus pros e os seus contras
Outro elemento que introduce diferenzas entre ganderías é o feito de que esta axuda non sexa compatible coa produción ecolóxica, o que provoca discriminacións en ganderías dentro do propio concello. “Nós queremos que se trate por igual a todos os gandeiros de carne de Galicia, porque todos producimos carne de calidade e estar nunha zona ou noutra ten os seus prexuizos e os seus inconvintes, os seus pros e os seus contras”, argumentan desde a Asociación.

Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Os máis de trescentos tractores que marcharon este martes polas rúas de Lugo son un bo termómetro da complicada situación que atravesa o vacún de carne, un sector afogado pola suba dos custos de produción e un prezo de venda dos xatos insuficiente.  A caravana de tractores, acompañados de gandeiros a pé, partiu ás 11 e media da mañá desde o Polígono das Gándaras e rematou pasadas as tres da tarde diante da delegación da Xunta de Galicia, onde se xuntou un milleiro de produtores cunha ducia dos seus animais, logo dunha parada tamén na subdelegación do Goberno. A asociación convocante da protesta, Gandeiros Galegos de Suprema, expuña diante das dúas Administracións, nas que permanecerá a partir de agora concentrada de xeito indefinido até que se poñan sobre a mesa solucións aos seus problemas, as principais reinvindicacións: un prezo de venda dos xatos xusto, que non se recorten as axudas da PAC e que se free o avance do lobo. 
Non hai relevo xeracional porque as nosas explotacións non son viables
En conxunto, as peticións dos produtores resúmense nunha: "cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio para que as explotacións de carne sexan viables e non se vexan abocadas ao peche". "Prezo xusto é igual a profesionalización e a vida no rural, mentres que a situación actual leva ao abandono", aseguran. "Os mellores bombeiros somos os gandeiros, somos os que coidamos o territorio e se non hai gandeiros teremos unicamente incendios e terra queimada", insistiron.  Prezo imposto polos matadoiros O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, cuestiona o que considera un incuprimento da Ley de la Cadena Alimentaria: “A propia Administración ten un estudo do 2021 no que se di que o noso custo de produción está en 6,20 euros. A día de hoxe, trala suba dos pensos e materias primas o ano pasado, estaremos arredor dos 7 euros, moi por riba do prezo de venda dos xatos”, valora.
Os custos de produción estannos a afogar. Sentímonos totalmente indefensos neste sistema onde predomina o monopolio da industria
"Os custos de produción estannos a afogar. Estamos vendendo a perdas. Onde está a AICA?", pregunta. "Sentímonos indefensos de todo ante este sistema onde predomina o monopolio da industria. Vémonos obrigados a asinar uns contratos ilegais baixo a ameaza de non levarnos os becerros e nós aos xatos temos que darlles saída", din. A nova PAC, unha "descapitalización" para as explotacións de carne Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta. No contexto actual de altos custos, os produtores de Suprema consideran preciso un reforzo das axudas da PAC, pero advirten sen embargo de que o novo período da Política Agraria Común 2023-2027 chega para as granxas de vacún de carne cun recorte de axudas.
A PAC hoxe é imprescindible, pero non temos nin prezo nin axudas
"A nova PAC é unha descapitalización en toda regra das nosas explotacións", aseguran, alertando da "trampa" que supoñen novas liñas de axudas como os ecorreximes e as novas condicións impostas para o cobro das axudas agroambientais destinadas ao fomento de pastos.  O problema da fauna salvaxe Outro aspecto que preocupa aos gandeiros é sobre o lobo, que aseguran que está causando importantes danos sobre a gandería extensiva. “Se queren que sigamos mantendo o lobo, terá que haber suficientes subvencións para iso. Se non, terán que regular as poboacións, pero coa situación actual, na que o lobo está no Listado de Especies en Protección Especial, quedamos indefensos”, critica Santiago Rego.
As camadas de lobos multiplicáronse e campan ás súas anchas; se temos que seguir dándolles de comer, que nos paguen por iso
Os gandeiros acusan aos políticos de descoñecer a realidade dos produtores. "Acúsasenos de provocar o cambio climático, de que as nosas vacas contaminan e de ser os responsables de que a cesta da compra suba. Basta xa de ataques ao noso sector. Necesitamos políticos que nos defendan e que non nos ataquen", dixeron.  Rebaixa do IVE á carne A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide ademais que a carne sexa considerada "un produto de primeira necesidade" e que se lle aplique unha rebaixa do IVE, ao igual que se fixo con outros produtos de alimentación como o leite. "Rebaixar o IVE da carne serviría para incentivar o consumo e para rebaixar o custo da cesta da compra aos consumidores", defenden.  Sobre o prezo de venda da carne, a asociación defende que non é preciso subir máis o que se lle cobra ó consumidor, “senón facer un reparto máis equitativo do valor da carne ó longo da cadea”. "Ternera Gallega somos nós e non as industrias", reprocháronlle ao Consello Regulador da IXP. "Se o campo non produce a cidade non come", corearon durante toda a marcha e preguntaron "que trazabilidade ten a carne que chega de terceiros países a prezos baixos?".
Os gandeiros manterán unha concentración indefinida ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno até que se adopten medidas para solucionar a actual situación
Por parte da Xunta, Medio Rural sinalou hoxe nun comunicado que demanda do Goberno central un IVE cero para a carne, a fin de que os produtores poidan aumentar os seus ingresos. Tamén asegura que velará para evitar a venda de gando a perdas a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, a chamada ‘Aica galega’, pois asume en Galicia parte das competencias que vén desempeñando a Agencia de Información y Control Alimentario. Sindicatos, "chiringuitos" Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos Santiago Rego avogou pola unidade do sector e agradeceu o respaldo das asociacións que apoiaron a marcha. Na súa cartelería e nos lemas coreados, os gandeiros lembráronse tamén dos sindicatos, "os grandes austentes" da protesta, ós que equiparan a "chiringuitos" ligados ós partidos políticos. Ás portas das eleccións, a marcha foi secundada por alcaldes do PSOE, como o da Fonsagrada, e do PP, como os de As Nogais, Triacastela, Castro de Rei ou Friol, así como por deputados do PP ou do BNG. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema criticou os intentos de "politización" do sector. 
Ás portas das eleccións municipais, a protesta dos gandeiros foi apoiada por alcaldes do PP e do PSOE
"Houbo alcaldes que se moveron nas eleccións ó consello regulador de Vacún de Galicia e que se volveron a mover estes días para pedir que non se fose a esta manifestación", criticaron os convocantes nun dos discursos ao remate da marcha. "Divide e vencerás", lamentaron. Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.
Álex Rodríguez (Láncara)

“Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse á gandería”

Álex Rodríguez, un mozo de 27 anos de Láncara, tiña previsto incorporarse este ano á gandería familiar, que leva na actualidade súa nai, Marifé Blanco. Pero cos custos e prezos actuais, ve o panorama complicado. “Non hai garantías de futuro. Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse. Precisamos unha boa PAC porque cos prezos que temos hoxe polo gando, é imprescindible”, sinala. A gandería está a cobrar arredor de 6 euros /Kg. polos animais e cos prezos actuais do penso, xa decidiu reducir o periodo de ceba e a cantidade de penso que lle dá ós xatos. “De momento seguimos cebando, pero quizais chegue un momento no que teñamos que parar”, valora.
José Antonio Santos (Friol)

“Cobramos o mesmo polos xatos que hai 30 anos, pero daquela un saco de penso de 40 Kg. costaba 500 pesetas”

José Antonio Santos é un gandeiro xubilado de Friol que acudiu á concentración co seu fillo, que é o que leva hoxe en día a gandería, de 70 reprodutoras. Santos fai números comparando prezos e custos de hai 30 anos cos de agora. “Daquela cobrabamos 200.000 pesetas por un xato, que é parecido ó que cobramos agora, pero o saco de penso de 40 Kg. estaba a 500 pesetas e hoxe un saco de 25 Kg. custa 15 euros”, compara. A mesma situación dáse co abono. “Daquela un saco de abono eran 200 pesetas, hoxe son 30 euros” -explica-. “Nós o ano pasado xa non abonamos as pradeiras con fertilizantes químicos e este ano tampouco o faremos. O que fixemos foi reducir o rabaño”, apunta. De cara ó futuro, o produtor opina que “a xente que vén atrás vaino pasar moi mal”.
José Ángel Lamas (Friol)

“O sector gandeiro move a economía dos concellos”

José Ángel Lamas é un gandeiro de Friol que ten un rabaño de 28 vacas, que lle serve de complemento á súa actividade principal, a venda de penso. “O sector gandeiro move a economía dos concellos rurais”, advirte. Lamas considera que a mobilización en demanda de solucións “vai para longo” e pide “unidade” do sector.

Os produtores de vacún de carne suman apoios á manifestación de mañá en Lugo

Protesta en Novafrigsa durante a folga de transporte a primavera pasada A manifestación convocada para este martes en Lugo pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que sairá ás 11:30 horas do polígono industrial das Gándaras e percorrerá as principais rúas da cidade, segue a colleitar apoios de diversas entidades do sector. Nas últimas horas diversos colectivos veñen de sumarse ás protestas, como a Asociación Agrogandeira do Macizo Central ourensán, a Asociación de Criadores de raza Limusina de Galicia, a Plataforma de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia e o colectivo Asturiasganadera, que se engaden ao apoio mostrado tamén a semana pasada desde Agromuralla. A Asociación Agrogandeira do Macizo Central ourensán (Agromacen), que reúne a gandeiros de carne de vacún, ovino e caprino en extensivo, acudirá á manifestación e mostra o seu apoio ás reivindicacións que motivan as protestas: “sufrimos as consecuencias dos elevados custos de produción, os recortes que se aveciñan na nova PAC, así como os baixos prezos en orixe da carne”. Falta de democracia no Consello Agrario Para Agromacen, “a Lei da Cadea Alimentaria non é máis que unha cortina de fume que choca frontalmente co libre mercado” e as “restricións medioambientais impostas en zonas de Rede Natura 2000 supoñen un lastre máis para as explotacións, impedindo o normal desenvolvemento da actividade agrogandeira”. Denuncian ademais o “nulo interese” da Consellería por actualizar a representación do sector en órganos consultivos como o Consello Agrario, que deriva das eleccións realizadas hai máis de 20 anos, en 2001, o que provoca unha situación “anómala” de “falta de democracia”, cuestionan. Normativas sen lóxica Desde a Asociación de Criadores de raza Limusina de Galicia (Aliga) consideran que “o sector está sendo afectado gravemente pola normativa sen lóxica aprobada por aqueles que gobernan” e poñen como exemplo “a protección do lobo, que deixa desprotexido ao gando”. En canto aos prezos pagados aos gandeiros, denuncian a “presión das grandes cadeas para manter os prezos por debaixo do prezo de custo e a competencia desleal de terceiros países”. Lembran ademais o incremento de custos sufrido polas explotacións nos cereais, os fertilizantes, os gastos enerxéticos, os carburantes e as cotas de autónomos. Necesaria unidade de acción no agro Desde a Plataforma de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia (Proecogal) animan tamén aos produtores de ecolóxico que forman parte da entidade a acudir á manifestación. “Moitos dos membros da plataforma son produtores de Suprema, vendo o seu día a día moito máis angustiado tanto social como económicamente, xa que vimos da desfeita provocada pola Consellería do Medio Rural no ano 2022 no tocante as axudas de ecolóxico”, din. “Os produtores de ecolóxico estamos na mesma situación, e vemos necesario a unidade do agro ante o atropelo que vivimos a diario, que fai perigar a rendibilidade das nosas explotacións”, defenden. Actualización 18-IV - Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne.

Ponse en marcha a aplicación ‘Contacarne’

O Consello da Xunta abordou esta semana un informe da Consellería do Medio Rural no que se dá conta da posta en marcha da aplicación Contacarne. A imaxe de Conta Láctea, con Contacarne búscase que as granxas poidan calcular os seus custos de produción, de cara a ter unha idea do prezo que precisan polos seus animais para cubrir custos de produción. As ganderías poderán darse de alta en Contacarne como usuarios logo de introducir os seus datos básicos (número de persoas propietarias, persoas traballadoras, superficie agraria útil (SAU), investimentos, así como os datos de ingresos e gastos). Tamén é posible o rexistro como usuarios profesionais, o cal permite rexistrar varias explotacións que estean baixo o mesmo sistema de xestión técnico-económica e obter un informe/diagnose comparativo delas. Pódese acceder a Contacarne nesta web.