Archives

Agricultores e gandeiros da Limia propoñen en Xinzo 20 medidas urxentes

Produtoras e produtores da comarca secundaron esta mañá a concentración convocada pola Asociación de produtores da pataca, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a Federación rural Galega, Unións Agrarias e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). A protesta celebrouse na Praza Carlos Casares de Xinzo a mediodía. Os produtores demandan aos gobernos galego e estatal medidas inmediatas que freen o impacto da actual suba de custos de produción no sector agrogandeiro, que agravou a situación precaria que xa arrastraba o sector nos últimos anos. As organizacións convocantes instaron a mudar o actual modelo, dependente da especulación e a compra de insumos do exterior, ao tempo que presentaron unha batería de 20 medidas concretas a activar pola Xunta de Galicia e o Goberno estatal para comezar a frear a suba de custos. 1. Un gasóleo profesional libre de impostos para as explotacións agrícolas e gandeiras. 2. Flexibilización da PAC nesta campaña para que se poidan sementar os barbeitos co fin de paliar a escaseza de cereal. [Sobre este punto, o Ministerio xa avanzou esta semana que había un compromiso de Bruxelas]. 3. Búsqueda dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha vez feita a solicitude, sen ningún tipo de gravamen, para que os produtores teñan liquidez. 4. Flexibilizar os ecoesquemas para a PAC 2023. 5. Bonificación dos intereses e morataria, alomenos de 2 anos, nos préstamos das explotacións agrogandeiras. 6. Redución de módulo acorde coa suba de custos de produción a tódalas actividades agrogandeiras. 7. Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa para o ano 2021, polo menos do 15%. 8. Condonación da Seguridade Social dos agricultores e gandeiros tanto por conta propia como por conta allea durante un ano. 9.Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes. 10. Incremento do apoio dos fondos Next Generation para que cheguen a proxectos sostibles de produción primaria. 11. Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e planta de compostaxe. 12. Habilitar unha liña específica para o acondicionamento dos almacéns da pataca. 13. Aplicación real da lei da Cadea Alimentaria. Os prezos teñen que integrar as subas dos custos. 14. Bonificación da enerxía nas comunidades regantes e nas explotacións agrarias. 15. Reducir as autorizacións de forestar terras agrarias e autorizar os cambios de uso forestal a agrícola para atender as demandas de terra e premiar os cultivos forraxeiros, vexetais, cereal... 16. Facilitar a producción en terras de abandono. 17. Controlar que as importacións cumpren as normas vixentes na Unión Europea. 18. Incrementar a aposta definida para potenciar a pataca e o cereal da Limia a través dos Consellos Reguladores. 19. Activar mecanismos de diálogo para buscar solucións conxuntas e activar as dinámicas de produción e non depender tanto da importación. 20. Fomentar os mercados locais para a venda de produto de proximidade e fomentar o autoabastecemento. Tractorada o venres Gandeiros e produtores volverán saír o venres á rúa, esta vez nunha tractorada que recorrerá as rúas da Limia para amosar o seu descontento polo incremento dos custos de produción. A marcha comezará ás 12.00 horas e piden o apoio do resto dos veciños, sumándose tanto á marcha; así como do comercio, con peches solidarios da actividade durante a manifestación.