Archives

Taller práctico sobre enxerta na vide na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

A Consellería do Medio Rural organiza un taller práctico sobre enxerta na vide. Terá lugar o vindeiro venres, 7 de xullo, nas instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), na localidade ourensá de Leiro. Os interesados en participar nesta actividade teñen de prazo ata hoxe mércores, 5 de xullo, para anotarse e deberán preinscribirse a través deste enlace. Esta acción formativa iniciarase ás 9 da mañá coa recepción de participantes e a presentación. A continuación comezarán as actividades, centradas na análise dos fundamentos fisiolóxicos e tipoloxías de enxertos en campo e os traballos previos e posteriores á enxerta. Logo farase unha sesión práctica de enxerta no propio predio experimental de EVEGA. Xa pola tarde haberá outra sesión práctica de enxerta en viñedos da adega Cume do Avia. Con respecto aos obxectivos da xornada, o principal é facilitar aos alumnos unha serie de coñecementos, tanto teóricos como prácticos, sobre a realización de diferentes tipos de enxerta, o seu funcionamento e as vantaxes de lonxevidade e prevención de enfermidades da madeira. Asemade, permitirá aos participantes formarse para unha saída profesional dedicada ao cultivo do viñedo. Esta actividade vai dirixida especialmente a agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións con orientación comercial, cotitulares ou colaboradores das explotacións, así como titulares e asalariados dunha explotación agraria, industria transformadora, asociación profesional, ou empresa de servizos agrarios. Tamén a persoas en idade laboral e a público en xeral. Cómpre sinalar, neste sentido, que a enxerta da vide, ademais de facilitar a loita antifiloxérica, facilita a utilización de planta cun sistema radicular axeitado ás condicións do solo de cultivo e á presenza de nematodos, permitindo ademais mellorar a produción e a calidade da colleita.

Curso sobre melloras técnicas na produción de pataca en Coristanco

A Consellería do Medio Rural organiza a semana que vén un seminario enfocado á mellora das técnicas de produción de pataca en Coristanco. Celebrarase o luns 16 e martes 17 de xaneiro no edificio municipal de usos múltiples do municipio. Este curso contará con mesas redondas e expertos tanto galegos como da Bretaña francesa que contribuirán á transferencia de coñecementos e experiencias na produción de pataca. Nos dous días seguintes levarase a cabo o mesmo seminario en Xinzo de Limia. Os interesados poderán inscribirse, no caso de Coristanco, chamando ao Concello no teléfono 981 733 051 ou contactando ao 659426350. O obxectivo destes encontros é reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos. Outra das metas é instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización. No primeiro día abordaranse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. No segundo día trataranse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ambas as xornadas complementaranse con visitas ao campo e mesas redondas. Programa do evento: Luns 16 de xaneiro 9.30h. Presentación do seminario 10.00h. Criterios sobre o traballo do solo: Rotación de cultivos nas parcelas de pataca (cultivos de inverno e cultivos posteriores á pataca). Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants 10.45h. Labores preparatorios do solo para o cultivo da pataca. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants 11.30h. Pausa-café 12.00h. Sistemas de plantación da pataca. Consellería do Medio Rural 13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bretaña e en Bergantiños 16.00h. Visita a parcelas de pataca (rotación de cultivos, analítica de solos...) 18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada Martes 17 de xaneiro 10.00h. Plan de fertilización da pataca. Consellería do Medio Rural. 10.45h. Tratamento e coidados da pataca de sembra. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants 11.30h. Pausa-café 12.00h. O uso dos fitosanitarios (herbicidas, funxicidas e insecticidas) no cultivo da pataca. Consellería do Medio Rural 13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bergantiños e Bretaña. Produtores da Bretaña e de Bergantiños 16.00h. Visita de estudo: Almacenamento e conservación da pataca 18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada 19.00h. Clausura

Seminario para a mellora das técnicas de produción de pataca

A Consellería do Medio Rural organiza un curso de dous días enfocado á mellora das técnicas de produción de pataca, que se celebrará os vindeiros 18 e 19 deste mes. Entre os temas a tratar estarán as claves para facer as labores preparatorias do solo, plans de fertilización ou o uso de fitosanitarios; todo isto complementado con visitas a campo e co punto de vista de produtores internacionais. A maior parte do seminario realizarase na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, e para asistir é necesario cubrir este formulario ou ben chamar aos teléfonos 616 764 805 (Adegal) ou 981 654 637 (Fundación Juana de Vega), a través dos cales se pode obter máis información.

Os obxectivos que se pretenden acadar con este seminario son, entre outros, reflexionar sobre as técnicas de cultivo na Bretaña francesa, propoñer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivos que optimicen rendementos e favorezan a conservación dos solos, e establecer bases para reforzar os sistemas produtivos locais. Para isto, no desenvolvemento deste acto colaboran a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), o EFA Fonteboa e Bretagne Plants.

Este seminario pretende dar información sobre as diferentes fases do sistema de produción, almacenamento e comercialización. Deste xeito, as xornadas serán mañá e tarde, de 9.30h a 18.00h o mércores 18 de xaneiro, e de 10.00h a 19.00h durante o xoves 19.

O programa para ambos días é o seguinte:

Mércores 18 de xaneiro

9.30h. Presentación do seminario
10.00h. Criterios sobre o traballo do solo: Rotación de cultivos nas parcelas de pataca (cultivos de inverno e cultivos posteriores á pataca). Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
10.45h. Labores preparatorios do solo para o cultivo da pataca. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
11.30h. Pausa-café
12.00h. Sistemas de plantación da pataca. Consellería do Medio Rural
13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bretaña e na Limia
16.00h. Visita a parcelas de pataca (rotación de cultivos, analítica de solos…)
18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada

Xoves 19 de xaneiro

10.00h. Plan de fertilización da pataca. Consellería do Medio Rural.
10.45h. Labores preparatorios do solo para o cultivo da pataca. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
11.30h. Pausa-café
12.00h. O uso dos fitosanitarios (herbicidas, funxicidas e insecticidas) no cultivo da pataca. Consellería do Medio Rural
13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bretaña e na Limia. Produtores da Bretaña e da Limia.
16.00h. Visita de estudo: Almacenamento e conservación da pataca
18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada
19.00h. Clausura

Xornada de formación sobre os aspectos prácticos da normativa forestal

O Servizo de Montes de Ourense organiza o curso ‘Aspectos prácticos da normativa forestal’ que terá lugar en dous municipios do Distrito XII. A primeira edición será o 8 de novembro en Baños de Molgas, na Aula Multiusos do Centro de Saúde -código do curso FC2022F132059-; a segunda celebrarase o 10 de novembro no Centro Empresarial Transfronterizo de Barbadás - código do curso FC2022F132058-. O horario de ambos será de 17.00h a 21.00h e a súa asistencia require de preinscrición. O obxectivo destas actividades é “achegar a poboación do medio rural como lle afecta a normativa vixente en materia de montes e prevención de incendios forestais, centrándonos nos procedementos máis habituais que a maioría dos/as habitantes de aldeas e pobos van a necesitar nalgún momento”. Desta maneira, entre os contidos do curso estarán as obrigas de xestión da biomasa para prevención de incendios; os usos do lume e permisos de queima; as actividades en terreos queimados; as repoboacións forestais, e os aproveitamentos de madeira. O encargado de impartir estas temáticas será o axente forestal Fernando Moure. Para máis información está habilitado o teléfono 988386706 e o correo electrónico maria.jose.alberte.rivera@xunta.gal.

Últimos días para inscribirse nos cursos de formación agrogandeira de AGACA

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) imparte a partir de abril dous cursos gratis, dirixidos a persoas que van traballar no sector agroalimentario, sexa iniciando unha explotación propia ou en explotacións alleas. Estas formacións están homologadas pola Consellería do Medio Rural e a súa asistencia require da inscrición na web da asociación. O curso ‘Incorporación á empresa agraria: orientación vacún de leite’ desenvólvese na modalidade de teleformación e ten como data de inicio prevista o 18 de abril. A data límite de inscrición é o 4 de abril. Trataranse temas como a produción de forraxes e alimentación para gando ou a produción de leite e manexo. Cartel de AGACA coa programación do curso sobre a orientación vacún de leite En canto ao curso ‘Incorporación á empresa agraria: orientación cultivos intensivos’ impartirase por Internet e comeza o 25 de abril. Entre outras, abordaranse temas como os cultivos de horta e flor, ou sanidade vexetal. A data límite de inscrición é o 10 de abril. Cartel de AGACA sobre a formación en cultivos intensivos As iniciativas forman parte do proxecto ‘Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia’, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social. Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial destas.

Curso para obter a certificación europea de motoserrista

A EFA de Fonteboa, en colaboración coa empresa The Navigator, impartirá o curso para obter o carnet europeo de motoserrista (ECC). Esta formación impartirase entre o 28 e o 31 de marzo entre as 14.00h e as 19.00h, cunha duración total de 20 horas. O número total de prazas é de 8, polo que é necesario inscribirse. Esta certificación ten un nivel ECC1 no que se aborda ‘Mantemento da motoserra e técnicas de tronzado básico’. O coste do curso é de 220€, cunha redución de 15€ para os socios EFA Fonteboa. As taxas do exame son 195€, e existe a posibilidade de alugar máquina e EPIs. Aquelas persoas que traballen como autónomos, traballadores forestais ou de xardinería teñen unha bonificación pola que reciben un 20% de desconto. Este tipo de cursos só a poden impartir centros homologados, como é o caso de Fonteboa. Igualmente, aquelas persoas que teñan algunha dúbida ao respecto poden contactar co centro no 981 733 051, enviando un correo electrónico a fonteboa@fonteboa.es, ou a través da súa páxina web. Cartel de resumo do curso de ECC

Curso formativo para o manexo de procesadoras e autocargadores

A Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes de Madeiras de Galicia, Fearmaga, comezou a impartir o curso ‘Manexo e mantemento de procesadoras e autocargadores forestais’ dirixido a profesionais en activo do sector forestal. Esta acción formativa conta con tres sesións de 20 horas de duración e estenderase polas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña ata finais de abril. Un total de 33 participantes coñecerán os distintos tipos de precesadoras e autocargadores, sistemas de programación, medición e corte, e prevención de riscos laborais. Tamén terán a oportunidade de coñecer os seus principios básicos de mantemento, así como revisións necesarias e avarías frecuentes. Esta iniciativa forma parte dun plan específico de formación de Fearmaga para “alcanzar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego”, segundo afirman desde a federación. O curso dirixido aos profesionais de Ourense divídese en dúas quendas, que se levarán a cabo en Laza e O Carballiño: o primeiro que comezou o pasado martes e se estenderá ata o venres 11 de marzo, e o segundo, celebrarase no mes de abril. Na provincia de Pontevedra desenvolverase de maneira intensiva entre o 14 e o 16 de marzo, coa participación de 10 traballadores de empresas de aproveitamento forestal. No curso de A Coruña está previsto que participen outros 10 traballadores por conta allea.

Curso en liña sobre prevención de riscos laborais para o sector agropecuario

O SLG organiza un curso en liña de prevención de riscos laborais específico para o sector agropecuario. A formación é dun total de 40h e terá lugar entre o 14 de febreiro e o 27 de marzo. Esta acción está dirixida a persoas que están desempregadas, traballando por conta allea ou autónomas, así como empresarias, e alumnado dos centros de formación e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais na actividade agropecuaria. Para participar é necesario inscribirse neste formulario. O obxectivo desta formación é profundizar nos conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, nos riscos xerais e a súa prevención, nos primeiros auxilios, nos elementos básicos da xestión da prevención dos riscos laborais, nos riscos específicos da actividade agraria, e na perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Dese xeito, proporcionarase a formación que establece o Anexo IV do regulamento dos servizos de prevención -Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro- que establece a regulación necesaria para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais na actividade agropecuaria.

Fearmaga imparte un curso sobre loxística forestal

A Federación de Aserraderos e Rematantes de Galicia (Fearmaga) imparte desde o 24 de xaneiro ata o vindeiro 4 de febreiro unha nova edición do curso ‘Loxística no sector forestal’. Esta acción formativa conta coa colaboración de XERA e ca participación de 12 profesionais do ámbito forestal. O obxectivo principal do curso é facilitar o acceso dos profesionais a ferramentas necesarias para garantir un mellor servizo aos clientes, reducindo os custos dos procesos de planificación, execución e control dos produtos, o que remite a unha mellora da produtividade das empresas. A formación é totalmente telemática e inclúe contidos teórico-prácticos a través de videoconferencia en tempo real. O curso tamén ten un apartado final de estudo de casos, no que os asistentes aplicarán os coñecementos adquiridos sobre xestión da carga, documentación en almacén, e transporte ou xestión de stock. A iniciativa enmárcase nun plan específico de formación da Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes da Madeira en Galicia, destinado a alcanzar unha maior competitividade e eficiencia do sector e dos profesionais. Neste sentido, Fearmaga conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de accións formativas para empresas deste eido. Desde o 2015, a Federación sinala que é a única entidade do sector acreditada para impartir este tipo de cursos.

Prácticas remuneradas en xerencia de cooperativas

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias lanza unha nova edición do programa formativo de ‘Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias’. Comeza cun curso teórico logo do cal, participantes seleccionados comezarán unha estadía de 6 meses de prácticas nunha cooperativa agroalimentaria. O programa está aberto tanto a cooperativas que desexen profesionalizar a súa xerencia como a persoas con titulacións de grao medio ou superior, preferentemente en situación de desemprego, que desexen mellorar as súas habilidades xerenciais. Non ten custo para as entidades receptoras e o alumnado en prácticas recibirá unha axuda mensual de 775 euros, cantidade á que se descontarán impostos. O proceso de selección producirase entre xaneiro e febreiro de 2022. As persoas interesadas en tomar parte no programa formativo e as cooperativas interesadas en recibir alumnado en prácticas poden descargar a documentación necesaria en www.agaca.coop e informarse no teléfono 981 58 47 83. A iniciativa forma parte do proxecto ‘Formación’ para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social. Conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial das mesmas.

Curso de orientación para a incorporación laboral nunha explotación gandeira

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) impartirá o curso ‘Incorporación á explotación agraria, orientación vacún de leite’, que se ofrecerá online a través dun aula virtual. Comezará o 7 de febreiro, impartido de 9.30h a 14.30h, e rematará o 19 de abril. Este é o primeiro módulo dunha acción formativa que consta de dúas partes. Á segunda, un curso de 25 horas de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios, accederán aquelas persoas que superen a primeira parte. As persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse na web da Asociación. O primeiro módulo do curso, que conta coa homologación da Consellería de Medio Rural, inclúe 8 módulos nos que se desenvolverán diversos temas: empresa agraria e a súa xestión técnico económica; asociacionismo; comercialización e trazabilidade; relacións laborais e prevención de riscos laborais; sensibilización medioambiental; agrotecnoloxía; produción de forraxes e alimentación do gando, e produción de leite e manexo do gando. A posta en marcha deste programa está dirixida principalmente a persoas desempregadas con intención de incorporarse ao ámbito laboral da gandería. Esta iniciativa forma parte do proxecto ‘Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia’, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social. Nel, inclúense outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector hortícola e o outro enfocado ao apoio da función xerencial nas cooperativas.

Curso de promoción agroalimentaria para a mellora de estratexias de comercialización

O vindeiro luns, martes e mércores a Fundación Juana de Vega organiza o curso ‘Estratexias de comercialización, ‘packaging’ e etiquetado de produtos agroalimentarios’. Esta iniciativa está dirixida a emprendedores, produtores e transformadores agroalimentarios que procuren coñecer ferramentas de marketing online e comercialización no ámbito, así como as tendencias de deseño e presentación de etiquetas neste sector. Durante a xornada, profundizarase sobre os conceptos de ‘branding’ e ‘packaging’ coa finalidade de amosar a importancia do empaque de produtos agroalimentarios e o seu aporte diferencial. Todo o curso será ilustrado con diferentes tendencias a nivel global e intentarase actualizar sobre as novas tendencias que poden ser útiles na súa aplicación para os beneficiarios. O evento terá lugar na seda da Fundación, en San Pedro de Nós, Oleiros. O luns e o martes arrancarán coa intervención do docente José Ramón Porto, director de Pe e profesor de Markting Dixital na USC e na University College de Dublin, que abordará baixo a temática das estratexias de comercialización, os cambios no comportamento de compra do consumidor, a importancia de planificar marketing ou as novas estratexias que se están aplicando no mercado. O mércores intervirá Xosé Teiga, director creativo experto en estratexia aplicada á comunicación e a publicidade. Os contidos que abordará están centrados, nunha primeira parte, no significado dos conceptos ‘branding’ e ‘packaging’ e na necesidade dunha marca en aplicalos sobre os seus produtos a través de certos deseños ou signos. A segunda parte achegarase a todo o relacionado coa identidade do produto. Para a asistencia á xornada será necesaria inscrición.

‘Tips maquinistas’: claves para o manexo de maquinaria forestal

O curso ‘Tips maquinistas: axuste, parametraxe e calibracións para a optimización de procesadoras e autocargadores’ organizado por Lugo Madera e impartido a finais do pasado mes de outubro por profesionais de Forest Pioneer en colaboración con Tecmaf destinou unha acción formativa a profesionais do sector para dar luz sobre as claves no manexo de maquinaria forestal pesada de xeito práctico. Desta maneira, os obxectivos centrábanse en ampliar os coñecementos de maquinistas do sector para optimizar o seu traballo. “O que se procura é un nivel de mecanización do sector forestal cada vez maior, o que significa que operarios que manexen máquinas de entre 200.000€ e 500.000€ teñan un nivel de coñecemento alto tanto en electrónica como en programación, mecánica ou hidráulica”, explica Iratxe Zorraquino, técnica do grupo Forest Pioneer. O proxecto ‘Tips maquinistas’ é unha iniciativa desta empresa que procura complementar o traballo do sector con accións formativas que leven a un mellor aproveitamento da maquinaria. Unha parte do curso desenvolveuse nas instalacións de Tecmaf en Lugo
“O noso obxectivo é que haxa máis nivel para optimizar o traballo do sector” (Iratxe Zorraquino)
Este tipo de accións están destinadas a maquinistas profesionais que teñan unha experiencia no ámbito forestal ou que leven traballando nel un tempo. O curso celebrado en Lugo tivo unha duración de 25h repartidas en 5 xornadas de 5 horas cada unha. O seu carácter práctico a través da experimentación en diferentes escenarios confírelle unha ampla funcionalidade de cara á realidade do día a día. Nesta ocasión contaron con dous simuladores de autocargador e procesadora, cunha práctica con máquinas en taller, e con ensinanzas mediante casos reais en cortas. Maquinistas do curso a pé de monte abordando cuestións técnicas reais

Cales son as claves?

“Enfocámonos a ensinar cousas que lles sexan útiles para o seu traballo e que igual non sabían, de xeito que poidan facer máis cómodo o seu traballo e optimizalo”, afirma Zorraquino. A consecución de saber axustar dunha maneira máis efectiva a máquina, manexar todos os parámetros con precisión, ou calibrar un autocargador e unha procesadora ao volume ou ao tipo de madeira, foron algúns dos temas que se desenvolveron. Esta formación de carácter práctico “ten un punto de vista visionario que intenta amosar todas as aplicacións que teñen as máquinas forestais de hoxe en día para facilitar e automatizar o máximo posible o seu traballo”, destaca Nuria Rodríguez, Secretaria Xeral de Lugo Madera. Os operadores que asistiron ao curso aprenderon detalles fáciles e prácticos que puideron poñer en funcionamento de inmediato no seu día a día. “Resolver mellor as súas propias dúbidas durante as xornadas laborais ou procesar máis madeira e con maior acerto nos diámetros e dimensións forma parte da procura dunha profesionalización”, detalla Rodríguez. Ademais, a tecnoloxía está deixando cada vez unha maior pegada no mundo forestal, de maneira que “neste curso presentáronse ferramentas como engraxadoras automáticas e outras que se están introducindo no mercado coa finalidade de buscar facilidades para quen manexa a máquina”, avanza Iratxe Zorraquino. Como en todos os sectores, o forestal está demandando cada vez máis profesionais. Isto conséguese a través de experiencia e formación. A intención é “achegar todas as posibilidades da máquina ao profesional para evitar riscos e buscar maior comodidade do traballador no ámbito”, detalla a Secretaria Xeral de Lugo Madera.

Novos cursos

Este tipo de formacións son de carácter puntual. Desde Forest Pioneer, Iratxe Zorraquino avanza que “o traballo con simuladores é continuo para achegar novas sensacións aos maquinistas, pero accións formativas como a realizada en conxunto con Lugo Madera e Tecmaf dependen dunha calendarización e dunha posta en común, que de seguro emprenderán ao longo deste ano”. “Temos que cerrar datas; estamos esperando a ver a dispoñibilidade das persoas que imparten a formación, e que a situación da pandemia mellore para permitirnos facer cursos presenciais útiles”, explica Nuria Rodríguez. Así mesmo, a Secretaria Xeral fai fincapé en que “están agardando que se achegue persoal cualificado ao sector forestal porque os profesionais operarios manexan máquinas de última tecnoloxía ao igual que en calquera outro tipo de industria”.

Curso en liña sobre emprendemento e oportunidade de negocio no medio rural

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias impartirá un obradoiro gratuíto que leva por título “Emprendemento cooperativo no medio rural: oportunidades de negocio”. O seu obxectivo é definir aspectos xerais e elementos necesarios para levar a cabo un proxecto emprendedor e cooperativista no medio rural. Comezará o vindeiro 11 de xaneiro e estenderase ao longo de 5 sesións temáticas os martes e xoves de xaneiro en horario de mañá. Os temas que se desenvolverán encáixanse na elaboración do plan emprendedor, na súa importancia social e económica, na xeración e maduración de ideas, nas oportunidades de negocio existentes, e na fórmula cooperativa e axudas públicas á posta en marcha dun proxecto. Cada tema abordarao persoal técnico e de xerencia de Agaca. Este curso enmarcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta con financiación do Ministerio de Traballo. As persoas interesadas en asistir terán que matricularse en www.agaca.coop. A distribución do programa será a seguinte: 1ª Sesión: martes, 11 de xaneiro. ‘Elaboración do plan emprendedor’. A análise da viabilidade do proxecto de emprendemento: viabilidade persoal, técnica/comercial e financeira, a previsión de resultados. Relator: D. David Vila López, Técnico de Agaca. 2ª Sesión: xoves, 13 de xaneiro. ‘Por que emprender?’. A importancia da motivación por emprender: importancia económica e social do emprendedor. Relatora: Dª Loli Couso Costa, Técnica de Agaca. 3ª Sesión: martes, 18 de xaneiro. ‘Xeración e maduración de ideas para un proxecto emprendedor no medio rural’. Estratexias para levar adiante as túas ideas con éxito. Relator: D. Higinio Mougán Bouzón, Director-Xerente de Agaca. 4ª Sesión: xoves, 20 de xaneiro. ‘12 oportunidades de negocio para o emprendemento no medio rural’. Relator: D. Demetrio Bedriñana Bañico, Técnico de Agaca. 5ª Sesión: martes, 25 de xaneiro. ‘A fórmula cooperativa como modelo de emprendemento'. A posta en marcha do proxecto. Posibles apoios e axudas públicas iniciais na posta en marcha do proxecto emprendedor. Relator: D. Carlos Ares Fernández, Técnico de Agaca.