Archives

 Axudas para a adquisición de maquinaria en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, a Xunta destina 7 millóns de euros a estas achegas ao longo dos próximos dous anos, que están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias con sección ou servizo de maquinaria, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola común (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra con cinco ou menos anos de antigüidade ou as sociedades agrarias de transformación nadas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais.

O importe das subvencións será do 35% dos custos, chegando ao 50% no caso da fusión de cooperativas ou en zonas con limitacións naturais

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento, ata un importe máximo de 1.000 euros. O seu obxectivo é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outras finalidades pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.

O prazo para facer as solicitudes é dun mes

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.

Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende este mércores, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deberán ser presentadas de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

“Aquí un de cada dous agricultores formamos parte dunha CUMA”

Traballos de ensilado de herba o pasado mes de maio por parte da maquinaria da CUMA Les Landes Fourragères As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola en común (CUMA) proliferaron na Bretaña francesa a partir da década dos 60 e hoxe son un dos piares fundamentais do traballo agrario na rexión.   Só no departamento de Ille et Vilaine, un dos catro que forman a rexión de Bretaña, hai unhas 200 CUMAs. “Aquí o 50% dos agricultores, un de cada dous, formamos parte dunha CUMA”, destacan desde a Federación provincial de CUMAs.
Existe colaboración entre as CUMAS e todas forman parte dunha Federación que as asesora e lles presta servizos comúns
En total, na Bretaña hai unhas 600 CUMAs. Cada unha é autónoma pero hai colaboración entre elas. Existe unha federación a nivel provincial que as aglutina, outra a nivel rexional, e outra a nivel nacional de toda Francia, onde o número total de CUMAs é de 11.500, formadas por uns 200.000 socios. Asesoramento conxunto Persoal da Federación de CUMAs nas instalacións de Les Landes Fourragères en Martigné-Feuchaud Francia conta con seis federacións rexionais de CUMAs (que non se corresponden coas 13 rexións administrativas coas que conta o país) e á súa vez a federación rexional de Bretaña está dividida en tres federacións de CUMAs, xa que os departamentos de Ille et Vilaine e o de Côtes d'Armor constitúen unha única federación. Esa estrutura a distintos niveis é a que permite ás CUMAs contar con servizos especializados para a súa xestión que non poderían ter a nivel individual. Este asesoramento sérvelles na súa toma de decisións, por exemplo, na compra de equipos, ao contar con especialistas independentes con alto coñecemento e competencia técnica que valoran as ofertas presentadas polas empresas de maquinaria.
Contan con especialistas en compra de maquinaria e en xestión económica
Tamén dispoñen de especialistas en materia contable e fiscal para axudarlles na confección de nóminas, na realización dos balances anuais, na presentación de resultados, á hora de realizar investimentos ou de financiar as adquisicións, e con animadores encargados de dinamizar as CUMAs e de mellorar a interrelación entre elas. O 50% das granxas pertencen a unha CUMA Instalacións da CUMA Les Landes Fourragères, no departamento de Ille et Vilaine (Bretaña) As CUMAs xogaron un papel fundamental no desenvolvemento da agricultura na zona, permitindo a mecanización dos traballos agrícolas e descargando ás explotacións de fortes investimentos en maquinaria.
En Bretaña tamén existen empresas privadas de servizos agrarios, pero o peso dos traballos recae nas CUMAs
Cunha superficie agraria útil que triplica a galega, a necesidade de contratar traballos de sementeira e recollida de forraxes e cereais increméntase. “As empresas de servizo son competencia, pero as CUMAs foron creadas para ter custos máis baixos”, destacan.   A diferenza do que ocorre en Galicia, onde a experiencia das CUMAs non foi de todo satisfactoria, en Bretaña, onde hai unhas 600 CUMAs, son as que levan o peso dos traballos agrarios e as que se encargan de cubrir as necesidades da maioría das explotacións.
En Bretaña hai 600 CUMAs, mentres en Galicia existen unicamente unhas 50
En España hai arredor dunhas 200 CUMAs, unha figura que está implantada en Galicia, Euskadi e Navarra, comunidades que teñen desenvolvido normas de cobertura legal e de apoio público a estas entidades asociativas. En concreto, Galicia conta con medio cento de CUMAs, que conviven con empresas de servizos e con cooperativas que teñen parques de maquinaria, como é o caso de Aira e Clun (Os Irmandiños).

CUMA Les Landes Fourragères: gañar en tamaño e profesionalidade para prestar un mellor servizo

Guénaël Hamelin, diante dunha das colleitadoras da CUMA A CUMA Les Landes Fourragères, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, é a quinta máis importante do departamento de Ille et Vilaine. Está formada por uns 100 socios, dos que 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo ou ben alugando simplemente o material. Dispoñen de practicamente todo o que pode necesitar unha gandería ou un agricultor que labre cereal, e mesmo algún tipo de maquinaria de carácter forestal. Nos seus garaxes gardan 2 colleitadoras autopropulsadas, 7 tractores, 3 segadoras, 2 enroladoras, encintadora, 5 cubas de purín con distintas capacidades (desde 16.000 a 25.000 litros), sementadora combinada de 4,5 metros, sementadora Horsch, binadora, grade de dentes, grade rotativa, trituradora, etc.
A CUMA está dirixida por un Consello de Administración formado por 15 dos 100 socios
 “Hoxe en día é un alivio para os agricultores porque alguén que non desexa investir moitos cartos en maquinaria pode dirixirse á CUMA e, ben os traballadores van á súa casa e fan o traballo, ou ben se quere alugar o material e está dispoñible, pode facelo”, explica o presidente da CUMA, Guénaël Hamelin, que ten unha explotación leiteira con 150 vacas en produción en Retiers. Máis dun millón de euros de facturación A cifra de negocio no ano 2021 foi de 1,2 millóns de euros. Os principais ingresos proveñen de botar purín, do ensilado de millo e do aluguer dos distintos equipos. A CUMA actual é o resultado da fusión no ano 2020 de tres CUMAs: La Fourragère, creada en 1960; Les Landes, creada en 1965; e Intercuma des Forges, creada en 1992.  
Nos últimos anos, as CUMAs foron gañando tamaño, en moitos casos mediante a fusión entre elas
Actualmente a súa área de traballo esténdese a uns 40 kilómetros á redonda e dispoñen de dúas sedes, en Martigné-Ferchaud e en Coësmes, para reducir os desprazamentos. Traballan unha superficie dunhas 6.000 hectáreas ao ano, das que unhas 3.000 son de cereal, entre trigo, cebada, centeo e distintas mesturas; 1.000 de millo; e entre 1.200 e 1.400 hectáreas de herba. Organización do traballo Taller de reparacións, onde realizan o mantemento aos distintos equipos A CUMA conta con 10 empregados entre condutores, técnicos e mecánicos. Frédéric é quen se encarga de organizar o traballo segundo un planning semanal no que teñen en conta as solicitudes dos socios, que teñen dispoñible tamén un calendario para a reserva do material en aluguer.
Dispoñen de dúas modalidades: contratar o servizo ou alugar a maquinaria sen chófer
Entre os socios os produtores de leite son maioría, pero tamén os hai de porcino, gandeiros de ovino, con vacas de carne e tamén agricultores que só cultivan as súas terras pero que non teñen explotación gandeira. “Hai moitos gandeiros que deixaron de producir leite porque dá moito traballo e cultivan as terras”, explica Guénaël. Maquinaria específica para agricultura ecolóxica Tractor realizando un pase coa binadora para arrincar as malas herbas nun cultivo de cereal ecolóxico Nos seus 60 anos de vida as CUMAs foron adaptándose á evolución da agricultura na rexión, igual que o fixo Les Landes Fourragères a medida que algúns dos seus socios foron facendo a conversión de convencional a produción ecolóxica e hoxe conta con maquinaria específica, como binadoras para eliminar as malas herbas en cultivos como o millo. “Na CUMA temos sete agricultores bio que fan agricultura ecolóxica e temos tamén agricultura convencional extensiva onde os agricultores fan venda directa da carne, de porco ou de bovinos, cunha alimentación a base de herba. E temos tamén os agricultores convencionais, intensivos, que cultivan millo, herba, trigo, colza, fabas, diferentes tipos de plantas que nos permiten alimentar o gando”, explica Guénaël.
Ao ter material para producir en ecolóxico, algúns agricultores convencionais empregan primeiro a binadora mecánica para as malas herbas no millo e así só utilizan un pase de herbicida químico en vez de dous
Respecto ao feito de contar cunha sección de maquinaria para agricultura ecolóxica, asegura que “é interesante ter dentro da CUMA este grupo de agricultores ecolóxicos, porque iso permite adquirir o material específico para a produción en ecolóxico e despois debater e reflexionar con eles e que os agricultores convencionais poidan empregar tamén este material e iso permite que poidan reflexionar. Algúns din eu podo converterme tamén a ecolóxico ou mantéñome en convencional pero emprego o material e en vez de facer dous pases con químicos, só fago un, e utilizo antes o pase mecánico”, conta. Aproveitar as podas das sebes para biomasa Labores de poda de árbores e sebes lindeiras nunha finca de millo Os agricultores e gandeiros bretóns levan anos tratando de recuperar as sebes nos lindeiros das parcelas. Estes peches vexetais, que axudan a manter a biodiversidade de flora e fauna, é unha das medidas que fomenta a nova PAC para o período 2023-2027, tanto na condicionalidade reforzada como nos ecoesquemas.  Pero ademais da función ambiental, estes peches teñen un retorno económico para as explotacións, debido ao auxe da biomasa como fonte de enerxía alternativa aos combustibles fósiles. A CUMA Les Landes Fourragères está a construír un edificio no que almacenar e secar estes restos de podas que recollen os seus socios para vendelos despois ás redes públicas de auga quente comunitaria que comezan a proliferar na rexión.
A mancomunidade local, que engloba a 16 municipios, está a impulsar redes comunitarias alimentadas con caldeiras de biomasa coas que quentar edificios públicos
“Temos un proxecto coa Mancomunidade do Pays de la Roche aux Fees. A mancomunidade puxo en marcha catro redes de calor que permiten quentar os edificios públicos. Por exemplo, en Janzé a piscina; en Retiers hai un kilómetro de redes de calor para quentar as escolas, o instituto, a residencia de anciáns e o pavillón e o ximnasio municipais; en Martigné tamén as escolas e o edificio administrativo municipal; e en Coësmes igual. En xeral, a idea é empregar a madeira de restos de cortas para producir auga quente que permita quentar eses edificios”, explican. Diversificación dos ingresos Trituración de restos de cortas forestais por parte de maquinaria da CUMA Esa biomasa provén nun 50% das sebes dos agricultores da contorna e noutro 50% doutras fontes. En conxunto representa 600 toneladas anuais de estelas que a CUMA Les Landes Fourragères se compromete a subministrar para alimentar esa rede de calor. “Nós temos trituradoras forestais e o obxectivo da CUMA é que cando un agricultor poda as sebes dunha parcela, dentro dun programa de xestión das sebes, vai a trituradora, colle a madeira e fai pequenos anacos de 5 centímetros, méteos no remolque e lévaos para o secadoiro que estamos a construír”, indica Guénaël, que está á fronte dun Consello de Administración formado por 15 membros.
A CUMA comprométese a subministrar 600 toneladas anuais de estelas cun tempo de secado de entre 6 e 7 meses
Na nave contan con cinco depósitos de secado e almacenamento alimentados con paneis solares. “A intención é secar a madeira durante 6 ou 7 meses para poder subministrala semanalmente, ao longo do inverno, de outubro a marzo, ás catro caldeiras da mancomunidade”, detalla. A construción do edificio para o secado da biomasa conta cun orzamento total duns 500.000 euros, incluídos os paneis solares. “Temos axudas da rexión, vía o ADM, que é o organismo que se ocupa da enerxía a nivel rexional en Bretaña, e tamén imos empregar fondos da mancomunidade e fondos europeos Leader. Queremos que o edificio estea xa listo en outubro ou novembro para poder utilizalo”, avanzan.

Gandería Pose e García SL, buscando máis rendibilidade coa produción de forraxes propias

José Manuel, xunto ao seu fillo Sergio, na última ampliación da nave de produción Ubicada no concello de Ponteceso, en Santa Cruz de Cores, Gandería Pose e García SL conta neste momento con 310 cabezas de gando, 192 delas vacas adultas e o resto recría. Moxen na actualidade 179 animais e entregan o leite a Leyma Natura, cun contrato de dous anos. Buscan estabilidade en aspectos como o prezo do leite ou o persoal contratado e tratan de reducir custos aumentando a produción de forraxes. A historia desta granxa non dista moito da de outras que apostaron por medrar e aumentar o número de cabezas en Galicia nos últimos anos, agás nun aspecto: a decisión de facelo de maneira conxunta mediante a colaboración e a unión. José Manuel incorporouse no ano 1998 á gandería que rexentaba o seu tío José, unha explotación con 16 vacas atadas. "Cando me incorporei sacamos o amarre e fixemos os cubículos e a sala de muxido, porque ata ese momento muxíase en cántara. Ese foi o primeiro proceso", conta. Pola súa banda, a súa curmá Sonia tamén decidira quedar coa explotación que tiña na casa, onde os seus pais contaban con 25 vacas en produción. Pero no canto de continuar cada un o seu camiño, facendo investimentos por separado, optaron por xuntarse. "No ano 2005 decidimos fusionarnos porque xa faciamos os traballos en común e os silos en conxunto, a mecha da unión xa estaba prendida", din.
Faciamos os traballos en común e os silos en conxunto, a mecha da unión xa estaba prendida
Como a explotación de José Manuel era máis moderna, debido ás obras que estivera facendo desde a súa incorporación (no ano 2000 fixera xa unha primeira ampliación), decidiron xuntar alí os animais en produción, ampliando a sala de muxido, e deixando a gandería de Sonia, ubicada na mesma parroquia, a menos dun quilómetro de distancia, para as xovencas. O 24 de xuño do 2008 estrearon a sala nova e no ano 2012 acometeron unha segunda ampliación das instalacións "para poder traer a recría e ter todos os animais máis controlados, que era o que queriamos, sobre todo para mellorar a detección de celos nas xovencas, que do outro xeito era máis difícil porque ao estar sempre centrados aquí aló botabas menos tempo", explica José Manuel. Absorción dunha gandería veciña Sala de muxido construída no ano 2008 tras fusionar as explotacións O proceso de medre continuou con esa mesma filosofía de que a unión fai a forza. No ano 2017 deron entrada na explotación a Estrella e Manolo, un matrimonio veciño de 55 e 58 anos a día de hoxe que non contaban con relevo na súa explotación. Comezaron a traballar como asalariados en Gandería Pose e García, que tamén lles alugou o establo e as fincas das que dispoñían. "Foi unha boa solución para eles e mellor aínda para nós", defende José Manuel, que é unha persoa convencida de que o futuro do sector pasa pola colaboración entre ganderías, algo que leva practicando desde que comezou a súa andaina fai máis de 20 anos. Na gandería de Estrella e Manolo, ubicada no mesmo núcleo de casas onde está a nave de produción, teñen agora parte da recría. "Foi un alivio para nós para poder desconxestionar un pouco o establo, porque tiñamos moito potencial de animais pero o espazo que había para eles era reducido", recoñece José Manuel. O último proceso para o redimensionamento das instalacións foi crear dúas naves modulares, tipo invernadoiro, para as vacas secas.
Teñen un empregado ruso, Vitali, que estivo á fronte dunha granxa de 2.000 vacas en Siberia e as fins de semana contan co reforzo de dous mozos, Sarai e Luciano
Ademais de José Manuel, Sonia, Estrella e Manolo, na gandería traballa tamén desde fai medio ano Vitali, un rapaz ruso que antes de vir a Galicia estivera á fronte dunha granxa de 2.000 vacas en Siberia. As fins de semana contan tamén co reforzo de outras dúas persoas, Sarai, que está a facer Enxeñería Agrónoma en Lugo e combina os estudos co traballo na explotación, e Luciano, que dispón doutro traballo e tamén lles vén a facer os turnos de reforzo para que eles poidan coller días. "Temos organizado para que os que estamos aquí pola semana poidamos ter un pouco de tempo libre e a explotación non quede desatendida ou con menos persoal, porque eu penso que ese é un dos problemas hoxe das ganderías", argumenta. Filosofía de empresa Malia o trato familiar entre os socios, así como co persoal contratado, José Manuel considera a gandería da que forma parte "unha empresa que trata de facer unha xestión o máis profesional posible". De feito, a forma xurídica inicial mudou co paso dos anos de SAT (Sociedade Agraria de Transformación) a SL (Sociedade Limitada), unha fórmula pensada expresamente para iniciativas de carácter empresarial pero que é aínda hoxe moi minoritaria dentro do sector agrogandeiro en Galicia.
Falta moita formación e cultura empresarial no sector, penso que é unha das eivas máis importantes nas explotacións
Con esa visión empresarial, Gandería Pose e García SL decidiu entrar hai dous anos no servizo técnico-económico de Seragro. "Queremos autoevaluarnos, analizar en que estamos fallando ou en que podemos mellorar", argumenta José Manuel, que considera que "falta moita formación e cultura empresarial no sector" e que esta é unha das eivas máis importantes en moitas explotacións a medida que van medrando e aumentando de tamaño. "A nosa é unha explotación saneada e rendible pero queremos saber en que podemos ser máis eficientes", razoa. Fixarse nos detalles e buscar estabilidade Zona de recría en cama quente, onde están as xatas antes de seren inseminadas Antes de incorporarse á explotación do seu tío, José Manuel foi metre de sala nunha marisquería da zona e iso, di, axudoulle despois á hora de ser gandeiro. "Valeume para fixarme nos detalles e iso sérveme no día a día para cuestións como detectar celos ou enfermidades", asegura. Levan moitos anos traballando a mellora xenética. "A base desta explotación son touros americanos e canadenses, foino sempre e a día de hoxe seguimos traballando con esa xenética", di. Gandería Pose e García chegou ao tope de animais que pode albergar sen facer novas ampliacións polo que xa non recría o 100% das becerras. "Agora estamos seleccionando un pouco máis as nais e empregando seme sexado. Nós necesitamos arredor dunhas 45 ou 50 xovencas ao ano para reposición. A un 35% do gando estámoslle poñendo xa cruce industrial neste momento e iso tamén che deixa unha remuneración maior con respecto ao frisón", asegura.
Empregan touros canadenses e norteamericanos para mellorar a xenética e o resto insemínano con cruce industrial, que poñen xa ao 35% das vacas
Teñen varios lotes de recría. O primeiro é o de neonatos. Destetan as becerras arredor dos 70 días (entre os 65 e os 73 normalmente), baixándolles ao leite de xeito progresivo e moi suave. Despois os animais pasan a outro lote desde os dous meses e medio aos cinco, con penso a discreción. De cinco a oito meses e de oito a dez meses están xa en grupos alimentados con mestura para recría. A partir desa idade xa se comezan a preparar para inseminar e desde que as xatas están preñadas pasan a facer o seu periodo de crecemento fóra, nunha finca que teñen destinada para elas, suplementando cunha ración a base de silo de millo, silo de herba, herba seca e penso. Entregan o leite a Leyma Natura Lote de postparto, onde teñen as vacas durante o primeiro mes da lactación, primando o seu benestar Logo de tomar a decisión de incorporarse, para coñecer outras realidades, José Manuel visitou Francia nun intercambio organizado pola EFA Fonteboa. Alí, di con envexa, "os gandeiros defenden o que producen" mentres aquí "estamos nas mans das empresas que nos recollen o leite e dos intereses das casas comerciais". É esta inestabilidade a que non quere na súa granxa. "É necesario marcar obxectivos, un gandeiro debe ter claro o rumbo da súa explotación para non dar bandazos", afirma.
A produción media do ano pasado foi de 12.300 litros con un 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína
Na actualidade Gandería Pose e García entrega o leite ao Grupo Lence, que destina a produción desta granxa á súa planta de Leyma en Arteixo. Contan con todas as certificacións de benestar animal para formar parte de Leyma Natura e asinaron contrato por dous anos. "A nosa explotación o que busca é estabilidade. Eu penso que nós, como empresa, temos que buscar iso e se temos un prezo de mercado que é razonable interésanos pechar por cantos máis anos mellor. A nosa intención era incluso ir a máis tempo no contrato. A partir de aí ti traballas, tes un prezo fixado e a redución dos custos para que sexa un prezo mellor témolo nós na man", asegura.
Asinamos contrato por dous anos. Tes un prezo fixado e a partir de aí ti traballas. A redución dos custos para que sexa un prezo mellor témola nós na man
Aspectos como "a eficacia no traballo, a xenética que temos no establo e como nos desenvolvemos na produción de forraxes" son, ao seu xuízo, factores determinantes para incrementar a rendibilidade dunha explotación. "A produción das terras é algo moi importante, porque non somos só gandeiros, somos tamén agricultores, para poder deste xeito reducir custos e que o negocio sexa viable, sen iso mal imos", engade. Dispoñen dunhas 100 hectáreas de terreo Vista da explotación desde unha das parcelas que unificaron, con fincas de cinco propietarios diferentes A explotación manexa unhas 105 hectáreas de terreo, repartidas entre millo e herba. Labran a millo 70 hectáreas e fan rotación con raigrás só nunha ducia delas. A maiores teñen unhas 22 hectáreas en pradeira artificial permanente e 10 en pradeira natural, polo que en total sumarían unhas 36 hectáreas a herba no conxunto do ano.
Movemos moitísima terra e preparamos fincas para que fose equilibrado o aumento de cabezas de gando e número de hectáreas de superficie
Á superficie propia das explotacións de Sonia, José Manuel e Estrella e Manolo foron sumando pezas de monte que roturaron para aumentar a superficie dispoñible. "Empezamos no ano 2016 cunha finca de 5 hectáreas de monte que alugamos e descepamos. Despois fixemos outra compra de monte de 3 hectáreas e media e logo alugamos outro monte de 10 hectáreas. Así foi como logramos ter un pouco máis de terra e ao mesmo tempo ter fincas un pouco máis grandes", recoñecen.
Coa mellora da superficie agraria da granxa buscan maior comodidade á hora de traballar as terras e incrementar tamén a súa produtividade sen estar tan condicionados por rotacións anuais millo-herba
A súa estratexia foi converter o monte en pradeiras permanentes para poder deixar as terras de labradío para cultivar millo. "Levabamos moito tempo facendo rotación e cambio de cultivo nas mesmas fincas e fomos vendo que nos é máis rendible ter un 80 ou 85% da pradeira en permanente e reservar a terra para o millo e logo ir rotando as fincas ao cabo duns anos, pero non ter que arar o 100% das fincas todos os anos, porque mover tanta terra ten uns gastos e ás veces iso deriva en que as colleitas sofren por sementeiras tardías e ensilados feitos tamén a destempo", asegura José Manuel. Fincas máis grandes e produtivas Dispoñen dunha capacidade limitada no pozo do purín. As bacterias de Bioprana evitan a formación de costra O aumento da superficie permitiulles gañar en autosuficiencia. "O 80% do que comen os nosos animais é producido na explotación", destacan. "A nosa tendencia foi sempre esa e seguiremos por ese camiño porque esa é a maneira de ser máis competitivos e poder estar no mercado como empresa que somos, xa que o que sexamos capaces de producir nós sempre será máis barato que o que teñamos que mercar, ademais de non estar na tesitura de se o mercado sobe ou baixa, como aconteceu este ano con moitas materias primas, tanto a proteína, o que é sobre todo a soia e colza, que se dispararon, como a enerxía, o millo. Se nós o temos na casa está claro que o sacamos máis barato", defende.
O 80% do que comen os nosos animais é producido na explotación
Nos últimos anos, a medida que ían incrementando a súa superficie, tamén foron investindo na mellora e redimensionamento das parcelas. "Entramos na parcelaria e fomos xuntando fincas para que fose un pouco máis doado traballalas", defenden. "A nosa situación cambiou moito nese sentido nos últimos tres anos, grazas á concentración e grazas a que, pola nosa conta, logramos tamén facer fincas máis unificadas e máis grandes", explica José Manuel.
Mantivemos as fontes todas no mesmo sitio pero canalizámolas subterráneas cara os regatos máis próximos en moitas fincas para poder traballalas
A carón da nave de produción, por exemplo, reuniron 7 hectáreas pertencentes a 5 propietarios diferentes. "Non é esa soa, temos moitas fincas feitas así", di. Ademais de xuntar terras tamén investiron en canalización de augas. "Drenamos moitas fincas. Temos por exemplo outra parcela de 7 hectáreas que é de 11 donos na que tamén canalizamos as fontes con tubaxes subterráneas cara aos regos onde ían desembocar. Estas fincas eran prados naturais e fixemos iso para poder traballalas. Hoxe o tema dos carros, as vacas e os bois acabouse e a agricultura modernizouse con máquinas máis pesadas", evidencia José Manuel. Foi un investimento importante pero "a día de hoxe xa está dando os seus froitos", asegura. Esterco para as terras pesadas Remolque para o estercado, usado para mellorar o laboreo en terras con solo de arxila Tratan de sacar o máximo rendemento á súa superficie agraria, ben na produción de forraxes para alimentación, ben na redución de custos nas camas. "O prado natural prodúcenos sobre todo herba seca para encamar, porque temos bastante cama quente. Temos, por exemplo, en cama quente o lote de postparto, desde que as vacas paren ata que pasan 30 días, que é cando pasan para os cubículos; tamén as secas e a recría ata os 11 meses", detalla José Manuel. "Tomamos esa decisión de apostar pola cama quente debido á nosa capacidade limitada na fosa de xurro e as limitacións medioambientais que se están poñendo ao purín", engade.
Tomamos a decisión de apostar pola cama quente debido á nosa capacidade limitada na fosa de xurro e as limitacións medioambientais que se están poñendo ao purín
"O esterco usámolo despois en determinadas terras onde botamos millo, porque temos unha zona, dunhas 20 hectáreas, que son terras moi pesadas, con solo moi arxiloso, moi barresco, e a ese tipo de terras venlles moi ben o esterco. Os nosos antepasados ían ao toxo ao monte e abonaban desa maneira. Así eran máis doadas de traballar, porque as amolecían con esa materia orgánica. Nós aplicamos esas ensinanzas e é aí onde botamos sobre todo o esterco, e iso axúdanos a que esa terra sexa máis levadeira á hora de laborear", explica.
Ás fincas que quedan para millo dun ano para outro fanlles tres aportes de purín: no outono tras sacar a colleita, no mes de febreiro se a meteoroloxía o permite, e en abril antes de facer a sementeira
No resto de fincas aportan xurro. "De purín botamos unhas 60 toneladas por hectárea e tratamos de enterralo arando ou ben pasándolle unha grade de discos. Nas fincas que quedan só para millo botamos purín varias veces durante o ano, por tema de capacidade da fosa: a final de ano, unha vez que sacamos o millo; en febreiro, se a meteoroloxía nos permite entrar nas fincas, facemos outro abonado; e no momento da sementeira, antes de arar, botamos outra vez", detalla. Animais de produción en tres lotes con area, carbonato e palla Lote de baixa produción, con cama de area, na nave inicial construída no ano 2000 Os animais en produción, arredor duns 180, están divididos en tres lotes diferenciados. O primeiro dos grupos, que alberga uns 22 animais, está destinado a vacas recén paridas até cumpriren o primeiro mes de postparto. "Pasámolas entón aos patios, onde contamos cun lote de alta produción e un lote de baixa, o de alta está cunha mestura de carbonato cálcico e serrín ao 50% nas camas e o de baixa conta con area como material de recheo dos cubículos. O principal motivo para ter esa diferenza de cama non é outro que os problemas que temos no canal. A area é un material moi pesado que é difícil de manexar", di.
Empregan as bacterias de Bioprana para acelerar a descomposición do purín e evitar atascos
Para resolver estes problemas de atascos botaron man dun remedio natural, as bacterias de Bioprana, unha empresa galega especialista en acelerar a descomposición da materia orgánica, tanto en granxas de vacún de leite como de porcino. "Fomos un dos primeiros clientes deles desde que se fundou a empresa, chamámolos por desesperación e vimos que nos empezaba a dar moi bos resultados, sobre todo no tema do canal", recoñece José Manuel. Á larga, resultou ser unha solución con múltiples vantaxes engadidas: redución de olores, atascos e de costra na fosa, minimización da perda do poder fertilizante do xurro vía emisións, mellora do axitado, facilidade de aplicación en campo, aumento da nutrición dos solos e recuperación da fertilidade do chan, etc. Contan cun sistema automatizado de dispensación mediante pulverizadores programados situados nos patios e subministrados desde un tanque de 1.000 litros, para que deste xeito sexan as vacas as que ao movérense polas instalacións distribúan as bacterias levándoas nas patas. "Cando quedamos sen o produto no depósito nótase moitísimo que non o hai, porque fai o purín moito máis líquido e esponxoso", asegura José Manuel. CUMA con outras 6 ganderías da zona A gandería conta cun parque propio de maquinaria usada para facer os distintos traballos O traballo agrario fano todo eles, agás as campañas de recollida de forraxes, tanto do millo como da herba, para o que botan man dunha empresa de servizos contratada. Outras tarefas como botar o purín ou o laboreo das terras fano directamente. "Temos un parque de maquinaria propio, está en bo estado pero é usado, nunca mercamos maquinaria nova", conta.
Nunca mercamos maquinaria nova
Para facer a ración diaria crearon unha pequena CUMA a nivel local con outras 6 ganderías. "Hai explotacións de distinto tamaño pero conxugamos todos, é un servizo moi bo de levar porque ten un percorrido moi pequeno, de arredor duns 5 quilómetros, e non houbo ningún problema polo de agora, estamos moi contentos", asegura José Manuel.
CUMA A Lamela está formada de fai ano e medio e préstalles o servizo de carro mesturador a todos os socios
Eles fan dúas racións para as vacas en muxido, unha para o lote de alta produción e outra para o lote de baixa. "Temos pouca diferenza entre os dous, no de baixa usamos 10 quilos de concentrado e no de alta estamos en 11 e medio. O resto de compoñentes son os mesmos: 39 quilos de silo de millo e 12 de silo de herba nos dous casos", detallan. "O rural é un potencial que temos para as novas xeracións" José Manuel xunto ao seu fillo Sergio arrimando a comida ás vacas José Manuel está orgulloso de ser gandeiro e trata de inculcarlles aos seus dous fillos, Sergio, de 7 anos, e Alejandro, de 10, o valor do rural e a importancia de producir alimentos. "A pandemia dinos que a aldea e o campo é unha solución, xa o era antes, pero parece que abrimos os ollos agora", di. Defende que "o rural é un potencial que temos para as novas xeracións" pero considera que "moitas veces desperdiciámolo porque penso que queremos facer nenos-robots". "Eu non sei se os meus fillos van seguir con isto ou non, pero o que non poden dicir é que non saben de onde sae o leite, porque ven aquí as vacas, nin de onde sae un ovo, porque hai galiñas e porcos tamén na casa", destaca.
Eu non sei se os meus fillos van seguir con isto ou non pero a pandemia dinos que a aldea e o campo é unha solución
Bota a vista atrás sobre as melloras que foron facendo na granxa nos últimos 20 anos e conclúe: "No que a min respecta, trato de inculcarlles que o esforzo que fixemos aquí é para ter un prato de comida na mesa, para poder vestirte e mercar eses tenis que che gustan, para poder ter unha bicicleta ou disfrutar xogando á pelota cos amigos, que foi tamén o que me inculcaron a min cando era pequeno. Despois, o mundo é moi grande e moi pequeno ao mesmo tempo", sentencia.

Estratexia de abonado de millo e pradeira

Un dos tractores da explotación camiño dunha terra de millo para o abonado antes da sementeira Gandería Pose e García SL pon especial énfase no abonado das terras para sacar o máximo rendemento delas en forma de boas colleitas. A maiores dos aportes de materia orgánica xerada na propia granxa, abonan con Entec desde fai unha ducia de anos. Sírvellelo Progando e foron unha das primeiras ganderías de Galicia en usalo. Comezaron utilizándoo no millo e desde fai sete anos emprégano tamén nas pradeiras e tanto nun caso coma no outro aseguran que os resultados son evidentes tanto en cantidade como na calidade das forraxes obtidas. Para o millo están usando uns 600 quilos por hectárea do abono composto Entec 24-8-7. Iso permítelles obter unhas producións de millo forraxeiro de entre 50 e 60 toneladas de materia verde por hectárea. "Antes de usar Entec xa tiñamos boas producións, porque estamos nunha zona privilexiada, moi perto do mar, e iso axúdanos a que non haxa cambios moi bruscos de temperatura, pero a diferencia que notamos é na calidade do silo, porque actúa no último tramo do ciclo do cultivo, no mantemento do stay green da planta e na maduración da mazorca sobre todo", asegura José Manuel.
É un abono que se mantén na terra para que o poida absorber a planta en momentos críticos e actúa no último tramo do ciclo do cultivo, no mantemento do 'stay green' e na maduración da mazorca
Destaca que se trata dun abono "que se mantén na terra para que o poida absorber o cultivo en momentos críticos, sobre todo no mes de agosto cando aperta o calor". "Este último ano, por exemplo, cando despois viñeron as chuvias a partir do 15 de agosto, a planta aproveitou moi ben esa auga e o abono fixo a súa labor para que o millo enverdecese e aguantase o verdor até o momento de ensilalo porque cando ves que o millo cambia de cor e reverdece cando caen catro gotas é porque o abono está funcionando, mantendo a planta viva e nun bo estado sanitario até o momento de levalo para o silo. No millo nós miramos a día de hoxe que haxa unha estabilidade cantidade-calidade para obter unhas fibras moi dixestibles na ración para que sexa apetecible para a vaca", indica. Mellores ensilados de herba do primeiro corte Buscan altas dixestibilidades no silo de millo e proteína no de herba Na pradeira empregan para o primeiro corte Entec cunha formulación 25-15-0. "Sobre todo no inverno, a temperaturas baixas, mantén a estrutura e bota máis tempo na terra e axúdanos a que as propiedades do abonado non nos marchen na auga en forma de lixiviado para que a pradeira chegue ao momento do ensilado cunha boa textura e haxa unhas boas calidades na herba. Entec permite na herba obter uns niveis de proteína moi considerables, iso é importante sobre todo no primeiro corte, cando aguanta o abonado ese tempo que necesita a pradeira para medrar pola falta de horas de luz e de calor. Estamos en Galicia e xogamos con tempo e por iso temos que ter un produto que nos axude. Antes usabamos un nac pero lavábase moito e vías que a herba se tornaba amarela e que lle faltaba crecemento", di.
A pradeira é a fonte de proteína que temos nas explotacións, aparte da soia ou a colza que poidamos mercar, e sobre todo na primeira corta o abono ten que axudar a suplir a falta de crecemento polas poucas horas de luz
Acostuman botar o abono entre a primeira e a segunda semana de febreiro, arredor duns 400 quilos por hectárea, para poder ensilar o primeiro corte entre o San Xosé e a última semana de marzo, sempre e cando a climatoloxía lles deixe tanto facer esa aplicación do abonado como despois segar. Para o segundo corte a estratexia cambia e levan dous anos botando man do Entec 27, un nac 27 coa molécula de inhibición da nitrificación de Entec. "É un abono que perdura arredor de 35 días, que é o tempo que nós lle estamos a dar antes de ensilar de novo, uns 40 días como máximo entre o primeiro e o segundo corte para levar ao silo a herba", di.

San Martiño SL, relevo en feminino nunha gandería que moxe 235 vacas

Laura coa súa nai, Maricarmen, na nave de produción da explotación Catro de cada dez incorporacións de mozos á actividade agrogandeira o ano pasado en Galicia déronse na provincia de Lugo pero case todas están protagonizadas por rapaces. As mulleres son minoría nas estatísticas pero o seu traballo é cada vez máis importante nas explotacións. Falamos con Laura Vázquez que con 32 anos dirixe xunto aos seus pais San Martiño SL, unha gandería de leite ubicada na parroquia de Vedro, no concello de Portomarín. Con 450 cabezas totais e 235 vacas en produción San Martiño é unha das ganderías máis grandes de Portomarín. Entregan uns 8.500 litros diarios de leite, pero a súa intención é seguir medrando. "A idea non é parar aquí, queremos seguir aumentando pouco a pouco", conta Laura. Laura é filla única, polo que o relevo da granxa pasa por ela cando os seus pais se xubilen dentro de 10 anos. A súa incorporación á explotación foi un proceso natural. "Sempre me gustou o traballo cos animais e é unha alternativa laboral que xa tes na casa. Empecei a estudar unha enxeñería, pero non a rematei porque ves o traballo na casa e acábaste centrando niso, sobre todo cando é algo que che gusta. Así que deixei a universidade e optei por facer o curso de incorporación en Monforte para seguir coa granxa", explica.  Tres décadas de crecemento sostido A última ampliación foi feita no ano 2017 Aos seus 32 anos Laura dirixe xunto aos seus pais, Antonio e Maricarmen, esta gandería que xa era dos seus avós. "No ano 87 meus pais casaron e viñeron para aquí. Eran os dous moi novos, a miña nai tiña 22 anos e o meu pai 23. Os meus avós tiñan xa aquí 20 vacas de leite e granxa de cochos, que se foi deixando ao ir aumentando ás vacas", conta. "No ano 88 fixérase un establo novo para 50 vacas pero logo quedou pequeno e fomos ampliando, así case todos os anos practicamente. Tiñamos 80.000 litros de cuota e fomos comprando moita", lembra a súa nai. Laura, que naceu o mesmo ano que se fixo aquela nave para 50 vacas, incorporouse fai tres anos e foi entón cando constituíron a SL. Foi tamén nese momento, no 2017, cando fixeron a última ampliación. "Fixemos máis camas e sacamos as parideiras e as becerras para fóra da nave de produción para facer sitio", contan. 15 anos sen entrar gando de fóra na explotación Un antigo silo adaptado para a recría. Dispoñen de 165 animais entre becerras e xovencas, o que lles garante reemprazo dabondo para cubrir as necesidades da gandería e lles permite ir medrando ano a ano Aínda que os seus pais sigan dirixindo a granxa, o futuro da explotación está xa en boa medida nas mans de Laura, xa que son ela e a súa nai as que se encargan de sacar adiante as becerras pequenas, fundamentais para que o número de cabezas e de vacas en produción siga aumentando sen ter que recurrir á compra de animais. 
O ano pasado instalaron unha amamantadora para reducir man de obra nas becerras pequenas
Malia que o crecemento foi notable e o medre continuo nos últimos anos, San Martiño leva 15 anos sen meter gando de fóra na explotación. "Levamos 15 anos sen comprar vacas, as últimas viñeran de Alemaña. Criamos todo e sóbranos a recría que temos. Neste momento temos 165 animais entre xatas e xovencas", indica Laura. As becerras están até os 6 meses nas instalacións de San Martiño, onde teñen a amamantadora e fan o destete, e logo pasan ás de Castrolázaro para completar o proceso de recría e inseminación Como en moitas outras ganderías de leite a medida que van aumentando o seu tamaño, nesta explotación a recría precisa cada vez máis espazo e rouba máis horas de traballo, polo que o ano pasado optaron pola instalación dunha amamantadora. "Levamos un ano con ela e estamos contentos, só tivemos unha baixa nestes doce meses e non foi de diarrea nin de e pneumonía nin de ningunha enfermidade dese tipo, foi algo súbito. Non notamos cambio en canto ao crecemento das becerras, porque antes xa poñiamos moito énfase na súa alimentación, pero agora ademais de velas bonitas velas en liberdade, antes estaban en boxes individuais na corte vella pero tiñan menos espazo", explica.
As xatas entran na amamantadora con entre 7 e 10 días de vida e botan un mínimo de 68 días mamando na máquina nodriza até que son destetadas
As xatas entran na amamantadora con entre 7 e 10 días de vida e botan 68 días mamando na máquina. "Se vemos que hai algunha pequena aínda lle prolongamos algún día máis", di. Ademais deste novo espazo habilitado para a nodriza da marca Delaval, usan tamén para a recría dous silos antigos que adaptaron para teren o lote de destete e a corte vella que tiñan xa os seus avós, onde os animais xa destetados teñen opción de saír a un patio de recreo. Recría repartida en distintas naves alugadas Lote das xovencas preñadas, nun dos establos arrendados en Castrolázaro A nave de produción está no lugar de San Martiño, o mesmo que pon nome á explotación, onde tamén teñen as vacas secas e as becerras pequenas, pero a medida que o número de cabezas ía medrando estas instalacións fóronlles quedando pequenas, polo que contan na actualidade ademais con dúas naves arrendadas en Castrolázaro, na mesma parroquia de Vedro, para completar o proceso de recría. "Eran de veciños que foron pechando ao xubilarse. As xatas saen daquí con 6 meses e van para unha destas naves que temos alugadas, onde están até os 13 ou 14 meses. Despois cambiámolas para a outra das naves, que é onde está o segundo lote. Alí é onde se fai a inseminación e están até que se aproximan ao parto. Volven para San Martiño un mes ou 20 días antes de parir", explica Laura.
A recría témola en tres emprazamentos distintos pero están cerca entre si, cambiámolas andando dunha corte para a outra
O feito de que as distintas instalacións, tanto o establo de produción como as naves alugadas de recría, se atopen próximas entre si, nun radio dun quilómetro de distancia, permítelles mover o gando a pé entre uns lotes e os outros, sen necesidade de transporte. "A recría témola repartida pero está cerca, cambiámolas andando dunha corte para a outra", conta. Entregan a Inleit desde esta primavera A maior parte das xovencas son inseminadas con frisón, o mesmo que as vacas, pero desde fai un ano están a cruzar con montbeliard algúns dos animais, seguindo o método Procross e agardan para final deste ano o nacemento das primeiras crías híbridas. "Para poder implantar os cruzamentos primeiro tiven que convencer ao meu pai das vantaxes. Son moitos anos inseminando con frisón e por iso custa decidirse a facer algo diferente, pero é cuestión de probar", admite Laura.  "Producimos unha media diaria de 36 litros por vaca e nas calidades sempre estamos ben", asegura. Móvense en medias de 3,85% de graxa e 3,33% de proteína e Laura agarda que a introdución dos cruces con montbeliard e rojo sueco sirva tamén para incrementar estes parámetros, que son interesantes para a empresa á que entregan a súa produción.  
Desde fai un ano están a inseminar algúns animais con montbeliard, seguindo o método Procross de cruzamentos 
San Martiño SL é unha das 200 explotacións ás que recolle Inleit, a planta instalada no polígono industrial de Teixeiro adicada á elaboración de derivados lácteos para nutrición, bebidas enerxéticas para deportistas, alimentación infantil ou a industria farmacéutica, e que decidiu instalarse en Galicia tanto pola dispoñibilidade de materia prima como pola maior porcentaxe de sólidos do leite producido na nosa comunidade.  Finca para as secas e preparto O mesmo que os distintos lotes de recría teñen a opción de saír a un patio, tamén as vacas secas dispoñen dunha finca ampla a carón do establo na que poden estar e que comparten co lote de preparto e con catro burros. "Trouxémolos fai 5 anos para vixiar, porque nesta zona hai lobo. Andan no medio das secas e veñen con elas tamén comer ao establo", explica. Ademais das perdas polos ataques do lobo, estar fóra supón que se incrementen os riscos de certos tipos de enfermidades, como determinados fallos reprodutivos provocados pola neosporose, responsable de abortos e pérdida de fetos. "Temos algúns problemas de neosporas, non é moito pero algo hai", recoñecen. Nestes casos inseminan con touros cárnicos, tanto azul belga como limusín, para evitar que o parásito se transmita á descendencia. 
Temos algúns problemas de neosporas, non é moito pero algo hai
A Neospora caninum é un parásito procedente do can que entra en contacto coa vaca a través da inxesta de auga ou pasto con restos de excrementos de can e que se enquista no sistema nervioso e no músculo esquelético da vaca, provocando desaxustes no sistema inmune do animal durante a época que está preñada.  Mellora da saúde podal O baño de pés dúas veces á semana con sulfato de cobre axúdalles a manter unha boa saúde podal Do outro lado da balanza, a posibilidade de saír ao exterior conleva outra serie de beneficios e mellora considerablemente a saúde podal do gando, favorecendo a recuperación das patas nos periodos de secado. Pero ademais nesta gandería dous días á semana fan baño de pés cunha solución a base de sulfato de cobre ás vacas que están en produción no establo para deste xeito previr posibles coxeiras.
Dúas veces á semana fan baño de pés ás vacas en produción para previr coxeiras
"Antes había bastantes problemas de coxeiras, agora pode haber un caso ou dous ao mes como moito. Ademais de atender esas urxencias, facemos dúas revisións anuais a todo o gando", detalla Laura.  Sete postos de traballo Arriman a ración tres veces ao día cun invento caseiro que fixeron para o tractor vello Nesta explotación traballan 7 persoas, tres da familia (Antonio, Maricarmen e Laura) máis outros catro empregados con contratos fixos e a tempo completo. "Empezamos con tres traballadores pero necesitabamos outro a maiores para cubrir as vacacións e as libranzas. Libran un día á semana e teñen un mes de vacacións", explica Laura. Aínda que as tarefas diarias se reparten en función de a quen lle toque traballar cada día, hai certas labores asignadas previamente. "Un dos empregados está centrado en muxir e nas inseminacións xunto co meu pai, iso é cousa deles, igual que as becerras pequenas son cousa miña e de miña nai, niso non toca ninguén máis, e para o resto das cousas ímonos alternando, non hai traballos fixos, imos organizando en función dos que estamos cada día e imos rotando, como por exemplo para ir atender as xovencas ás outras dúas naves", detalla.  
Determinadas tarefas como muxir, as inseminacións ou o coidado das becerras están asignadas a unha ou dúas persoas, o resto das cousas ímonos alternando, non hai traballos fixos e imos organizando en función dos que estamos cada día 
Dispoñen dunha sala con 20 puntos onde realizan dúas muxiduras diarias, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, unha tarefa que lles leva dúas horas e media. "Empezamos cunha sala de 5 puntos, logo puxeramos 9 e fai 6 anos reformámola para instalar 10 puntos de cada lado", explican. As camas das vacas en produción son de area e poñen especial énfase na súa limpeza. "As camas fanse todos os días pola mañá, a mediodía revísanse e pola noite antes de muxir vólvense facer", indican.

Pertencen á CUMA de Vilaxuste

A maquinaria da CUMA encárgase de ensilar e o carro mesturador de facer as distintas racións de alimentación San Martiño SL forma parte da CUMA de Vilaxuste xunto a outras 5 explotacións do concello de Portomarín (SAT A Campiña, Abrita SC, SAT A Cruz, Gandeiría Luchana e Gandeiría Outeiro). É esta cooperativa de maquinaria compartida a que se encarga de facer case todos os traballos na gandería, desde as tarefas agrícolas de sementeira e recollida das forraxes, a servir a ración diaria do gando ou axudar a botar o purín nas campañas. "Ata agora se non era en plena campaña sacabamos nós o purín e se era en campaña para poder sementar antes viña a CUMA axudar, pero se cambia a normativa do purín e non se pode botar o xurro co sistema de prato haberá que adaptar a maquinaria da CUMA porque para un só non vale a pena poñer inxectores", razoa Laura. 
O carro da CUMA vén todos os días ás sete da mañá facer unha ración para as vacas de leite e despois de facer o percorrido polas outras 5 explotacións volve facer as racións para as vacas secas e para a recría
O carro mesturador tamén é compartido e a persoa que o conduce está contratada pola CUMA, que conta con outros tres tractoristas fixos durante todo o ano, máis os contratos de reforzo para as campañas. "O carro pasa todos os días a primeira hora, ás sete da mañá e fainos unha ración para as vacas de leite. Logo segue o percorrido polo resto das explotacións que formamos a CUMA e despois volve a facer as racións para o lote de secas e o das xovencas e fainos outra ración máis para as de leite, porque cunha soa non nos chega para todas. Despois o que facemos é arrimar nós outras tres veces máis ao longo do día cun invento caseiro que se fixo para o rastrillo e o tractor vello", conta. Vilaxuste S. Coop. Galega foi no ano 1998 a primeira CUMA en crearse en Galicia e segunda a nivel de todo o Estado e, ademais de contar cun parque de maquinaria que dá servizo a todas as explotacións, ten contrata unha persoa que leva tamén a xestión de todas as granxas. O 75% da superficie é arrendada San Martiño conta con 120 hectáreas de superficie, das que só 30 son propias. "Temos 90 hectáreas alugadas, cando van pechando explotacións imos collendo as fincas. Pagamos a 200 euros", detalla. Para rendabilizar ese gasto tratan de que o terreo produza o máis posible. "Sacamos tres colleitas de herba, nos meses de marzo, maio e finais de xuño, dependendo de como veña o tempo, e logo botamos o millo. Abonamos moito porque algunhas das fincas que levamos alugadas pertencen a dous veciños que teñen granxas de porcos e sacámoslles tamén o purín", explica Laura.
Fan fincapé no abonado para sacar o máximo rendemento posible ás fincas e deste xeito logran tres cortes de herba e un de millo
Botan 90 hectáreas a millo e o resto téñeno a pradeira. Este ano a colleita de millo foi máis escasa que en anos anteriores. "Este ano o millo quedouse atrasado, afectoulle a seca e despois tamén algo o xabarín coma todos os anos", quéixase. Pero ademais a inestabilidade meteorolóxica durante a campaña de ensilado deste ano fixo que a recollida tivese que facerse máis tarde. "Como choveu moitos días, na segunda semana de outubro boa parte do millo aínda estaba sen meter", recorda Laura.

A Campiña, 30 anos producindo leite nunha das SAT máis veteranas de Galicia

Ricardo Pérez, na nave de produción que SAT A Campiña ten en Vilaxuste "Estamos buscando estabilizar a explotación en 280 animais en produción e telos cómodos. Se as vacas están cómodas nós traballamos cómodos tamén", afirma Ricardo Pérez, un dos tres socios da SAT A Campiña, unha das máis veteranas de Galicia, con 3 décadas xa de traballo en conxunto. Os 2,9 millóns de litros producidos en 2019 (400.000 máis que no 2018), que entregan a Leite Río desde fai 2 anos, converten a esta explotación de Portomarín nunha das máis grandes da provincia de Lugo. Pero a súa principal característica, ademais de apostar pola unión con outras granxas da zona, é a súa capacidade para ir adaptándose ao paso do tempo.
"A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce"
"Aínda que son instalacións antigas, fóronse facendo reformas para actualizalas e ter as vacas cómodas. A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce", insiste Ricardo. SAT A Campiña conta neste momento con 234 vacas en muxidura e 390 cabezas totais pero veñen de facer unha ampliación para 50 animais máis en produción. "É unha zona nova con cama quente para recolocar as vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos", explica. Parideira "Para incrementar a nosa produción estivemos dubidando entre pasar a facer 3 muxiduras diarias coas vacas que tiñamos ou seguir con dúas muxiduras e aumentar o número de animais e pensamos que nos sería máis factible esta segunda opción, por iso decidimos ampliar", razoa. Moxen ás seis e media da mañán e ás seis da tarde e lévalles dúas horas e media muxir e media hora máis lavar. Teñen unha sala 2x10 semitraseira remodelada no 2011 e moxen dúas persoas mentres outras dúas limpan os patios e as camas. 390 cabezas repartidas en tres ubicacións Teñen touro para as repetidoras A explotación no seu conxunto fórmana tres núcleos diferentes situados tres ubicacións distintas. O núcleo principal, onde se atopan as vacas en produción, as vacas secas e as becerras máis pequenas (até que son destetadas aos 2 meses de vida) está en Vilaxuste. Os seguintes lotes da recría repártense despois, a medida que van medrando, entre Recelle e Guntín, con 70 e 20 xovencas respectivamente. Esta SAT foi creada no ano 1989 por tres socios, dos que na actualidade seguen dous, Ricardo e José Pérez. O outro dos fundadores, José Luis López, deixou no 2009 a sociedade, á que se incorporou no 2003 José Manuel López, que continúa hoxe xunto a Ricardo e José. José Manuel é de Recelle, un pobo veciño a Vilaxuste, e no que era o seu establo atópase a meirande parte da recría, que atende a súa muller. "As xovencas levámolas tres anos a un centro en Escairón pero non nos resultou e decidimos volver facela nós", explica Ricardo. Menos recría Logran animais moi produtivos aínda que o que buscan tamén é que duren. "A nivel xenético estamos a un nivel medio-alto. Buscamos produción, evidentemente, pero tamén patas e ubres, o que queremos son animais medios que a nivel de establo respondan ben", indica. Aos dous meses, as becerras repártenas entre Recelle e Guntín "Hoxe temos menos recría, con criar un cento de becerras ao ano amañamos, tivemos épocas nas que recriabamos todo, agora non, solucionamos con menos. As que temos chégannos e senón mercamos, hoxe hai animais bos a bos prezos", asegura Ricardo. Teñen touro para as repetidoras, para asegurar a reprodución logo de tres intentos mediante inseminación. Tres das primeirizas do 2018 desta explotación situáronse entre as de máis produción de Galicia segundo os datos do control leiteiro. As tres superaron os 16.000 litros na súa primeira lactación, colocándose entre as 10 con máis produción ao primeiro parto da provincia de Lugo e Campiña Rosendo 5738 mesmo subiu ao podio como terceira clasificada cun total de 17.609 litros producidos no 2018 co 3,62% de graxa e o 3,25% de proteína. Man de obra estable Ademais dos tres socios e da muller de José Manuel, que atende a recría en Recelle, contan con tres traballadores, logo da incorporación en 2019 dun terceiro empregado. O que máis tempo leva na explotación é Ricardo, portugués asentado en Vilaxuste e que leva traballando na granxa desde o principio. Fai 10 anos empezou Enrique e Álvaro leva 6 meses.  "Nós temos todos entre 50 e 60 anos e non temos fillos que queiran seguir coas vacas pero a idea é seguir polos empregados", explica Ricardo. As camas son unha mestura co 80% de carbonato e o 20% de serrín ou cascarrilla de arroz Nesta SAT teñen distribuido o traballo de xeito semanal con horarios que facilitan a libranza tanto dos socios como dos traballadores. "Os horarios na explotación son de 6 a 10 pola mañán e de 7 a 9 pola tarde pero se acaban o traballo antes marchan. Se non hai traballo non os queremos aquí para nada, as vacas se están listas non hai que estar aquí, teñen que descansar as vacas e tamén os empregados. A nós interésanos que se faga o traballo, non se un día fan unha ou dúas horas menos e marchan antes porque acabaron", afirma.
Despois da xubilación dos socios pretenden seguir coa explotación uns anos máis polos empregados, que levan moito tempo con eles
Na Campiña os traballadores teñen día e medio libre á semana e "se fan unha hora máis págaselles, non regateamos niso, porque a xente se non a tratas ben non che dura", engade Ricardo. A organización do traballo busca descargar as fins de semana para que as necesidades de persoal sexan mínimas. "Nas camas, por exemplo, o que facemos é picalas os mércores cunha gradiña e meter material o xoves, para que o venres quede encamado e a fin de semana non haxa que tocarlles", explica. Deste xeito, os sábados e domingos só fan os muxidos e a alimentación do gando e revisan se hai vacas para parto ou para inseminar. "Non temos colares nin podómetros e facemos a detección visual dos celos", indica Ricardo, que engade que el, José e José Manuel vanse turnando "para que un dos tres socios estea sempre na fin de semana". Vilaxuste Sociedade Cooperativa Galega Maquinaria pertencente á CUMA e que dá servizo a 6 explotacións da zona SAT A Campiña é unha das 6 explotacións que forman a CUMA Vilaxuste S. Coop. Galega, xunto a SAT A Cruz, Abrita SC, Gandeiría Luchana, San Martiño SL e Gandeiría Outeiro. Foi a primeira CUMA en crearse en Galicia e segunda a nivel de todo o Estado, no ano 1998, e conta cun parque de maquinaria e cunha persoa contratada que leva a xestión de todas as granxas. "A CUMA fainos todos os traballos, pero temos límites, porque todas as explotacións que a formamos fomos ampliando e non temos horas para todos, así que as explotacións máis grandes temos maquinaria de apoio para a CUMA que empregamos sobre todo en campaña. No noso caso son 2 tractores e unha cisterna para sacar purín", indica Ricardo.
Ademais de maquinaria, a CUMA conta cunha persoa que leva a xestión de todas as granxas
Vilaxuste S. Coop. Galega conta con 5 empregados fixos durante todo o ano: tres tractoristas, unha persoa que se encarga do carro mesturador e a persoa da oficina. "En campaña metemos un tractorista máis e axudamos tamén os socios", explican. Aínda que a CUMA fai todos os traballos agrícolas nas 6 explotacións que a forman, nos últimos anos decidiron contratar a outra empresa externa o picado para o ensilado. "Antes tiñamos colleitadora propia na CUMA pero agora non, contratamos unha ou dúas colleitadoras en campaña e nós poñemos os remolques e sáenos máis rendible. A campaña hai que sacala rápido porque o millo non pode agardar e somos moitos socios con moita superficie", razoa Ricardo. 170 hectáreas de superficie SAT A Campiña dispón de 170 hectáreas de terreo e ten dificultades para ampliar a súa base territorial por atoparse nunha zona con moitas explotacións de leite e pola presión que exercen sobre os terreos agrícolas as plantacións forestais. "Levamos terras nos concellos de Guntín e de Portomarín e pagamos 250 euros por hectárea de aluguer, vánsenos moitos cartos niso", indican.
Baixaron as hectáreas que sementaban a millo porque non en todas as parcelas lograban bos rendementos
Esta explotación decidiu nos últimos anos reducir a superficie que botaban a millo para sementalo só naquelas parcelas onde os rendementos por hectárea eran interesantes, adicando a herba o resto da superficie agrícola. "Cambiou a climatoloxía e non todas as fincas son produtivas para millo, nalgunhas sacabamos rendementos pequenos, así que este ano botamos só 60 hectáreas, pero houbo anos que chegamos a botar o dobre, unhas 120 hectáreas, pero penso que igual nos compensa mercar, porque escolles forraxe e así é sempre de calidade", conta Ricardo. Ración dúas veces ao día Nave de produción Cada unha das seis explotacións que forman a CUMA de Vilaxuste ensila nas súas propias instalacións e diariamente o carro mesturador que teñen en común acode ás granxas dos distintos socios a facer as diferentes racións de alimentación de cada unha delas. No caso de SAT A Campiña o carro da CUMA vai dúas veces ao día, a primeira delas ás 7 da mañá, porque para as vacas en produción prefiren facerlles a mestura fresca dúas veces ao día.
En 2019 quedaron escasos de silo de millo e tiveron que suplilo con máis silo de herba
Este ano a colleita de millo nesta zona foi boa, pero a do 2018 fora moi escasa, polo que non lles chegou para todo o ano. "Quedamos escasos dous meses", admite Ricardo. Nesta explotación da alimentación encárgase o nutrólogo Ángel Ávila e víronse obrigados entón a suplir a falta de silo de millo con silo de herba variando a ración de leite por unha con 14 quilos de penso, 1 quilo de herba seca e 33,5 quilos de silo de herba. "Arreglamos ben co silo de herba que tiñamos porque era de boa calidade, cun 17% de proteína", aclara. No caso das vacas secas a ración leva 3,5 quilos de herba seca, 3,2 quilos de concentrado, 12 quilos de silo de herba e 1,5 quilos de morea (un penso liquido complementario elaborado con azucares de alta dixestibilidade, microelementos minerais e vitaminas). A das xovencas de recría é semellante á das secas pero sen silo de herba e con 2 quilos de morea. Melloras no confot dos animais Separan as vacas que van secar para baixarlles progresivamente á alimentación e reducirlles a cantidade de auga dispoñible Un dos maiores énfases que poñen nesta gandeiría é na comodidade do gando e nos últimos anos foron facendo melloras buscando o aumento do confort das vacas. "A nave de produción era unha granxa de polos dun dos socios que reconvertimos, polo que son instalacións antigas e máis baixas do debido, e aínda que son ventiladas, temos chorros de auga e ventiladores para combater o estrés por calor, porque aquí aperta no verán e o ano pasado chegamos a estar a 40 grados", explica Ricardo. O sistema de ventiladores e aspersores de auga acende automaticamente cando a temperatura pasa dos 25ºC. A cama das vacas en produción é dunha mestura de carbonato (80%) con serrín ou cascarrilla de arroz e na última ampliación, acometida en 2019, apostaron por un espazo con cama quente con capacidade para 50 animais, pensado para aquelas vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos. Tamén unha parte da recría, a que se atopa en Guntín, está en cama quente. "As secas témolas en palla porque queremos que estean cómodas", di tamén Ricardo. A instalación das secas conta cunha cuberta con trabantes e acceso ao exterior, a unha finca a carón da nave de produción, pero métenas todos os días a comer para tamén vixialas e telas controladas. "Respectámoslles a todas as vacas dous meses de secado. Nalgún caso é difícil facelo ben porque chegan dando 50 litros, pero o que facemos cando secamos é separalas durante uns días para baixarlles á alimentación e á auga", explica.

Conflito pola xestión do monte comunal entre gandeiros e veciños sen vacas que queren plantalo

"A maioría das fincas que temos era antes monte pero foi roturado e lévanse traballando moitos anos. Temos 40 hectáreas alugadas ao Monte Veciñal en Man Común Rañadoiro, da parroquia de Vilaxuste, e outras 20 hectáreas alugadas ao monte comunal de Recelle", explican os socios da SAT A Campiña. Pero nesta parroquia, coma noutras moitas en Galicia, a presión das plantacións forestais sobre as explotacións que quedan en activo é cada vez maior, sobre todo por parte daqueles veciños que non teñen vacas e queren obter un rendemento madeireiro do monte. A acta fundacional do monte comunal de Vilaxuste, un documento orixinal do século XVIII, establece que o monte terá "usos agrícolas" para aqueles veciños "que demostren que a casa está aberta e que hai fume na cheminea", aclarando ademais que "non concede dereitos nin aos curas nin aos viandantes". Pero este uso agrícola tradiconal do monte comeza a estar en perigo en moitas parroquias a medida que os gandeiros foron quedando en minoría na comunidade de montes. Foi o que ocorreu en Vilaxuste. A nova directiva da CMVMC quixo fai 5 anos modificar o uso de moitas das parcelas que foran convertidas en pastizais, algúns mediante subvencións públicas, e que as explotacións usaban para alimentar o gando, poñendo así en perigo a viabilidade das gandeirías da parroquia e que suman en conxunto máis de 1.500 cabezas de gando.
NOTA ACLARATORIA: O XORNALISTA DE CAMPO GALEGO VISITOU ESTA GANDERÍA PARA REALIZAR A REPORTAXE ANTES DA CRISE DO CORONAVIRUS COVID19

La Croisière: Un exemplo do bo funcionamento das CUMA´s en Francia

A Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) La Croisière é un exemplo de bo funcionamento deste tipo de fórmulas cooperativas en Francia, un país que foi pioneiro no mundo na creación destas entidades ao remate da Segunda Guerra Mundial. Situada no concello de La Bruffière, no departamento de La Vendée, esta CUMA presta neste momento servizo integral de maquinaria agrícola a 83 explotacións agrícolas e gandeiras, o 100% das existentes no concello. E é que a organización e a colaboración entre os produtores para reducir os custos de produción, neste caso da maquinaria agrícola, é un dos sinais de identidade dos gandeiros franceses e que lles axuda a ser máis competitivos. Durante unha visita organizada pola EFA Fonteboa o pasado mes de marzo, o presidente de La Croisière, Olivier Fonteneau, explicou as claves do éxito do seu modelo. “Os custos de mecanización das nosas explotacións son moi baixos grazas á CUMA, e de feito temos tarifas incluso máis baixas que as das empresas de servizos agrícolas. E todo sen axudas públicas, porque non temos axudas para a compra de maquinaria agrícola, a non ser que sexan moi innovadoras para reducir o impacto medioambiental. Nese caso temos un 25% de subvención, pero o 95% das nosas máquinas mercámolas sen axuda”, explica Olivier.
 “O 95% das máquinas comprámolas sen axudas públicas”
Creada no ano 2010, a partir da fusión das 7 CUMAS que previamente había no concello, esta CUMA dispón dun moderno parque de maquinaria agrícola co que cada ano cultivan unhas 2.600 hectáreas de millo e de herba e 1.800 de cereal, colza e millo para gran, realizando todas as labores, dende a preparación do terreo e sementeira, a aplicación de fitosanitarios ou a colleita. E é que, grazas a dispoñibilidade de base territorial, en Francia é común que os gandeiros de vacún de leite ou de carne tamén produzan cereal, unha parte do cal destinan á venda e outra a penso para o seu gando. O pasado ano La Croisière facturou preto de 1 millón de euros, dos que 65.000 corresponderon a ingresos pola venda de electricidade das placas solares que teñen instaladas nos teitos das naves de maquinaria. En canto ao cadro de persoal, esta CUMA conta 4 traballadores a tempo completo que desempeñan os traballos de mecánicos e de chóferes. Tamén teñen contratada unha secretaria a media xornada e un aprendiz, unha vía de formación moi implantada nas empresas francesas.

Como se toman as decisións?

A lei de CUMA´s francesa establece que se debe celebrar un mínimo dunha asemblea xeral ao ano, pero no caso de La Croisière teñen 4 reunións anuais e o consello reitor, formado por 20 dos 100 socios, xúntase unha vez ao mes. Os GAEC, o equivalente en España ás SAT ou ás SC, teñen máis votos na asemblea xeral, segundo o número de socios cos que conten. Por último, contan cun comité directivo formado por 4 socios. “Cada un dos 20 membros do consello reitor é responsable dunha área da CUMA e deste xeito repartimos mellor o traballo e todos nos facemos máis partícipes do bo funcionamento da cooperativa”, destaca o presidente. En canto á compra de maquinaria, tanto nova como usada, na CUMA La Croisière a decisión ten que ser adoptada pola asemblea xeral. De ser aprobada, solicítase información a todos os distribuidores de maquinaria agrícola da zona. Os orzamentos que reciban son analizados por unha comisión que elabora unha proposta que é debatida e aprobada de novo en asemblea xeral. Para mercar a maquinaria recorren ao préstamo con dúas entidades financeiras coas que manteñen acordos en condicións vantaxosas. “E entre 5 e 7 anos solemos devolver o diñeiro prestado”, engade Olivier. Os directivos teñen unha pequena indemnización polo tempo que lle dedican a CUMA, gastos de desprazamento e dietas. “No meu caso, son uns 800 euros ao ano”, aclara o presidente.

Dereitos e obrigas dos socios

A CUMA La Croisière está aberta a calquera gandeiro ou agricultor. Para poder forma parte dela o socio aporta o 40% da súa facturación prevista coa CUMA durante un ano. “Esa é a cota de entrada, que cando se xubila recupera xunto cos intereses”, explica o presidente. En canto á facturación, o socio abona por adiantado cada trimestre a súa previsión de gasto na maquinaria da CUMA e no cuarto trimestre do ano axustan coa facturación real, devolvendo ou cobrando cartos ao socio, segundo o caso.
Todo está regulado e por escrito para evitar conflitos
Cada máquina autopropulsada ten un contador de horas e de kilométros e o socio paga unha tarifa horaria, diferente segundo a máquina, que inclúe os custos fixos (préstamos para a compra da máquina, mantemento, seguros...) e os variables (carburante e os asalariados, en caso de que contrate o servizo con chófer). No caso das máquinas máis eficientes (por exemplo unha picadora de millo) factúrase ao socio por hectárea e non por hora. Todo está regulado e por escrito para previr conflitos. Así, en caso de avaría, se é debida a desleixo do socio (pedras grandes no campo que estragan unha rotativa, por exemplo) el corre cos gastos da reparación, e do contrario paga a CUMA.

¿Como se reparten as quendas para o uso da maquinaria?

En épocas nas que se concentra o traballo, como o ensilado do millo ou da herba, o reparto das quendas para ter o servizo da maquinaria da CUMA pode ser unha fonte de conflito. En La Croisière resolvérono establecendo unha rotación anual: “É dicir, os primeiros aos que se lles ensilou o millo no 2017 son os últimos en ensilar a herba no 2018”, asegura Oliver Fonteneau. Pero este criterio pode verse modificado ou corrixido por outro segundo factor. Así, explica que “nas épocas de maior traballo, cada semana os luns ás 9 da mañá citámonos todos os socios na CUMA para facer un recordatorio de como están programados os traballos coa maquinaria para esa semana, e se o socio chega tarde, córrelle a quenda que lle correspondía. E tamén pódense cambiar quendas entre socios”. “Sempre hai solucións”, subliña.

A CUMA La Croisière en imaxes:

Anterior
Siguiente

Cooperación entre CUMAS

Outra característica das CUMA´s en Francia é que colaboran entre elas, incluso entre distintas rexións, para a realización dos traballos agrícolas. “No noso caso temos un acordo cunha CUMA de Brest, situada a 400 kilómetros, na Bretaña, e con outras dúas, unha de Rennes, e outra da rexión do Nord Pas de Calais. No caso das de Bretaña caso é a colleita do trigo ou o ensilado do millo imos primeiro facer o traballo ás fincas dos seus socios, e logo baixan eles a axudarnos a nós, xa que o momento da colleita tamén é diferente. Así facemos en menos tempo o traballo e non precisamos aumentar a maquinaria”, explica Olivier Fonteneau.

As claves para que unha CUMA funcione ben:

-”A clave para que unha CUMA funcione ben son as contas claras, responsabilidade de todos os socios e confianza duns noutros”, subliña Olivier. -Todos os socios teñen os mesmos dereitos e obrigas. -O consello de administración renóvase para incorporar xente nova. “É preciso ir transmitindo responsabilidades á xente nova pensando no futuro e no relevo na dirección da CUMA”, destaca o presidente de La Croisière. -”Quand on est cumiste, on doit être bénévole”, destaca Olivier. É dicir, cando un é socio dunha CUMA debe estar disposto a colaborar e dedicarlle parte do seu tempo. -O persoal asalariado non ocupa postos directivos na CUMA. -O coidado das relacións humanas entre todos os socios. No caso da CUMA La Croisière entre todos os socios elaboran a súa propia sidra natural e na sala de reunións tamén contan cunha barra para tomaren algo xuntos ao remate das xuntanzas. -As CUMAS en Francia están federadas e teñen asesores técnicos en común. -Establecer estratexias para resolver posibles conflitos.

Francia: un país pioneiro na creación das CUMA´s

As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA´s) foron creadas en Francia en 1946 ao finalizar a segunda guerra mundial. Cunha economía en forte crise, o entón presidente francés, Charles de Gaulle, quixo modernizar e mecanizar o campo francés, no que traballaba aínda a maior parte da poboación activa. Pero quería que as pequenas granxas familiares puidesen mecanizarse e modernizarse sen ter que endebedarse á hora de adquirir maquinaria agrícola, que ademais necesitaban poucos días ao ano. Foi así como naceron as CUMAS. Nos seguintes anos este modelo foise estendendo a Bélxica, Italia ou Portugal. E no ano 2000 creáronse as primeiras CUMA´s en España. Hoxe no noso país existen unhas 200, concentradas principalmente en Galicia, cunhas 50, e as comunidades da Cornixa Cantábrica, sobre todo en gandarías de vacún de leite.