Archives

O Plan Renove incorporará axudas para maquinaria de mantemento das cubertas vexetais

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que modifica as bases reguladoras para a concesión directa das axudas estatais para a renovación de maquinaria agraria que están estipuladas no Real Decreto o 1055/2021. Este real decreto ten como obxectivo manter o impulso á modernización do parque de maquinaria agrícola mediante o apoio á adquisición de equipos e maquinaria que incorporen novas tecnoloxías e procuren prácticas máis sustentables co medio ambiente. A principal novidade reside na inclusión dos equipos asociados ao mantemento das cubertas vexetais entre os tipos de máquinas subvencionables, modificación que responde a unha demanda do sector, co obxectivo de facilitar a renovación desta maquinaria, en coherencia co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) que inclúe intervencións que fomentan ese tipo de prácticas agrarias. As medidas previstas neste real decreto están orientadas a incentivar a adquisición de maquinaria nova e o achatarramento da antiga, e buscan reducir as emisións de CO2, de amoníaco e de partículas, ademais de optimizar a aplicación de insumos e de fixar carbono no chan. Ao mesmo tempo perséguese tamén mellorar a eficiencia enerxética. Con esta modificación, ademais, clarifícanse algúns documentos que deben presentar os solicitantes para facilitar a tramitación da axuda e mellorar a xestión do procedemento. A modificación do real decreto dá cumprimento á extensión da validez da normativa comunitaria na que se basea, o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se estende tamén a validez das bases reguladoras que agora se actualizan.

“Coas cubertas vexetais no viñedo tamén se buscan viños de máis calidade”

Miguel Soares é técnico comercial de Zona Agro, unha empresa que leva colaborando dende hai moitos anos con Fertiprado, líder na producción de sementes de pratenses.

Neste vídeo explica cales son as principais preocupacións e obxectivos de viticultores e adegas á hora de implantar cubertas vexetais nos viñedos, como son controlar malas herbas, mellorar a fertilidade do solo ou incrementar a súa biodiversidade.

Sogevinus: “Coas cubertas vexetais os solos aguantan mellor a seca e evitamos escorrentía”

Marcio Nóbrega, é responsable de viticultura en Sogevinus, un dos grupos adegueiros máis importantes de Portugal, con 250 hectáreas de viñedo na rexión vitícola do Douro, caracterizada polas súas pendentes e viticultura en solcalcos.

Nesta adega levan dende o ano 2006 traballando con Fertiprado para implantar cubertas vexetais nos seus viñedos. Con esta técnica conseguen mellorar a estructura do solo, incrementar a biodiversidade e reducir os abonos de síntese, xa que as leguminosas das mesturas pratenses que empregan fixan nitróxeno atmosférico. Ademáis, están a ver tamén resultados moi positivos no que é a mellora da capacidade dos solos para reter auga, reducir a escorrentía e resistir mellor as períodos de seca, algo clave nun escenario de cámbio climático.

Quinta das Arcas, unha adega portuguesa con máis de 200 hectáreas de viñedos que aposta polas cubertas vexetais

Luis Miguel Landreiras, é responsable de viticultura en Quinta das Arcas, unha adega con cerca de 200 hectáreas de viñedo na rexión dos Vinhos Verdes de Portugal, ao que suma máis de 40 hectáreas de viticultores colaboradores.

“Nesta adega defendemos que un solo con cuberta vexetal é un solo máis produtivo, melloramos a estrutura do solo, ao tempo que reducimos o uso de herbicidas e de adubos de síntese”, destaca o técnico.

Neste sentido, contan coa colaboración de Fertiprado, empresa líder en produción de sementes de pratenses, que tamén lles ofrece un asesoramento técnico ao longo de todo o proceso.

Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

“Teremos unha PAC máis verde e sostible. Esta nova Política Agraria Europea, asentada no Pacto Verde e na estratexia do Campo á mesa veu para quedar, a pesar de que afrontemos outras dificultades no continente como foi a Guerra de Ucraína, que afecta de forma directa tamén á agricultura e gandería comunitaria”. Así de rotundo se amosa Alejandro García, experto en Política Agraria Europea, que é á vez tamén agricultor e participou recentemente no I Foro sobre Uva e Viño celebrado en Cenlle (Ourense). A última reforma da PAC, que entrou en vigor este mesmo ano e que se manterá ata 2027, introduciu novos cambios en materia de sustentabilidade ambiental que afectarán tamén na xestión dos viñedos. No caso das viñas afectarán a cuestións como a limitación no uso de produtos fitosanitarios ou o fomento de prácticas coas que procurar unha produción máis respectuosa contando con cubertas vexetais ou espazos que sirvan de refuxio á fauna e flora, entre outros aspectos. Alejandro García durante a súa participación no Foro Uva e Viño, celebrado en Cenlle.

Cara a unha produción máis sostible

A nova PAC marcouse uns obxectivos de sustentabilidade para os próximos anos que afectarán á xestión que se realiza a diario dos viñedos, tal e como sinala o experto. Un dos obxectivos é a redución do 50% do uso de fitosanitarios. Entre eles, e a pesar de tratarse dun produto incluído dentro dos autorizados nos viñedos en ecolóxico, establécese unha nova limitación ao uso de cobre nas viñas. Existe un límite anual de 4 quilos por hectárea, de maneira que non poidan excederse os 28 quilos por hectárea en 7 anos. Coa vista posta en reducir nun 20% o uso de fertilizantes para 2030 tamén nos viñedos deberase de controlar a achega que se realiza de nitróxeno e fósforo, tendo en conta a presenza destes elementos xa na auga que se emprega para regar, como sinala o experto. A nova PAC leva tamén parello a redución do uso de antimicrobianos nun 50% e promover o uso de enerxías renovables. As axudas van estar tamén orientadas a reducir a pegada ambiental da viticultura. Así, a agricultura e industria alimentaria (o viñedo e a adega) van ir unidos para lograr un menor impacto. Tendo así os viñedos unha nova oportunidade para compensar as emisións xeradas na adega.
“Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero"
Ademais, neste contexto camiño a unha produción máis sostible, preténdese que o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica. García alerta sobre as dificultades que pode supoñer este obxectivo, podendo reducirse a demanda dos produtos ecolóxicos ao incrementarse demasiado a oferta, o que podería producir unha caída dos prezos e que decaia a súa rendibilidade. Así, o experto avoga máis por unha produción ‘residuo cero’. “Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero’, pero hai que ter en conta, por exemplo, que a necesidade de tratamentos fitosanitarios en viñedo varía moito das zonas de Galicia ás doutras rexións do centro de España. Aínda así, facendo ben as cousas pódese lograr unha viticultura residuo cero”, valora. Outro dos retos que expón a nova PAC e que afectan directamente o sector do viño ten que ver cos fondos europeos reservados á promoción dos produtos. “Nestes momentos en Europa están a ter dúbidas sobre promover unha bebida alcohólica, xa que están a ver o viño simplemente como unha bebida alcohólica máis e non como un alimento ou parte da cultura”, apunta García. Neste sentido, leis como a aprobada en Irlanda sobre a nova etiquetaxe das bebidas alcohólicas, con advertencias sobre o seu consumo, poden ter un impacto directo tamén no viño e na postura da Comisión Europea.

A estrutura da nova PAC e o viñedo

A nova PAC establece dous piares de axudas. Por unha banda establécense as axudas directas, independentes do volume de produción, chamadas axudas básicas á renda, cunha condicionalidade reforzada, unha axuda redistributiva das pequenas explotacións e axudas a persoas mozas, ademais dos ecoesquemas. O segundo piar céntrase en medidas de desenvolvemento rural, para zonas con certas limitacións e no que se inclúe o programa sectorial do viño.
“É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”
Neste primeiro piar, as axudas básicas á renda constitúen o 60% das axudas que recibe o viticultor. O viñedo establécese como superficie para recibir esta achega. Mentres, os ecoesquemas supoñen un 23% da axuda da PAC. “É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”, recomenda.

Os ecoesquemas no viñedo

Nos cultivos leñosos establécense varios tipos de ecoesquemas e para acceder ó cobro destes non é preciso ter dereitos de axuda básica á renda. O propietario cobrará por toda a superficie de viñedo na que estableza estas medidas. -Cubertas vexetais. Trátase de establecer e manter unha cuberta vexetal, ben sexa espontánea ou sementada, durante todo o ano. Está prohibido aplicar ningún tipo de fitosanitario sobre a cuberta, a non ser que se declare un problema sanitario no viñedo. A partir do 31 de marzo pódese rozar para establecer un mulching para protexer o solo. En Galicia, as cubertas vexetais en viñedos poden chegar a supoñer entre 113 ou 165 euros por hectárea. “Se se presenta un número de elevado de solicitudes estas contías poden situarse como mínimo entre os 69 e 113 euros e se non se tramitan moitas solicitudes esta cantidade pode incrementarse a 238 ou 272 euros por hectárea”, explica García. -Cuberta inerte. A diferenza das cubertas vexetais, esta consiste en triturar os restos de poda. Pódese elixir un modelo ou outro, non se pode contar con cubertas vexetais e inertes no mesmo viñedo. Ás cubertas inertes correspóndelles unha achega menor que as cubertas vexetais, polo que o experto, tendo en conta tamén que en Galicia predominan xa estas cubertas vexetais, recomenda que os viticultores galegos opten por  cubertas vexetais, unha elección que debe marcarse xa nas solicitudes da PAC. -Espazo de biodiversidade. Son espazos que sirven de reserva e refuxio para a fauna (aves e insectos) e flora, creando zonas de gran biodiversidade.

O caderno dixital no viñedo

Outra das novidades que trae parella a nova PAC é o caderno de campo dixital. Nos cultivos leñosos, os propietarios con 10 hectáreas de viñedo ou 5 hectáreas en regadío, estarán obrigados a cubrir o caderno dixital a partir do 1 de setembro deste mesmo ano. Deberán incluír xa os datos referidos a cuestións como as cubertas vexetais ou inertes. García lembra que esta ferramenta será fundamental para o control efectivo e a redución do uso de fitosanitarios e fertilización, ao quedar constancia do produto adquirido e o plan de abonado. “Terá que cadrar a superficie que se manexa coa cantidade de produto que se compra e se aplica e coas necesidades do viñedo. Xa non se poderá tratar ou abonar por intuición ou porque o veciño está a facelo. Todo debe estar xustificado”, conclúe García.

“As cubertas vexetais en viñedo favorecen que o chan infiltre e reteña mellor a auga”

Quinta de  Ventozelo é unha adega pertencente ao grupo Gran Cruz, a maior empresa exportadora de viño do Porto. Está situada no Val do Douro, unha rexión vitícola carectizada pola viticultura en pendentes e polas elevadas temperaturas e seca nos meses de verán.

Tiago Maia, responsable de Quinta de Ventozelo, explica que realizan sementeiras de cubertas vexetais con sementes de Fertriprado entre as liñas de vides desde o ano 2005, con bos resultados. “Hai numerosas vantaxes destas cubertas vexetais, entre as que destacaría a redución importante da erosión, e por tanto da perda de chan e nutrientes, especialmente nas viñas en pendente, e tamén o aumento da biodiversidade, con moita máis fauna auxiliar, tanto de insector polinizadores como mesmo de especies de paxaros como a perdiz”, destaca.

O responsable de Quinta de Ventozelo recoñece que “é certo que as cubertas vexetais teñen un custo de mantemento, pero as vantaxes son moito maiores que os inconvenientes”. O manexo é sinxelo: “Hai que realizar unha serie de cortes, en función das precipitacións, para manexar ben a cuberta”. “A sementeira -engade- tamén foi sinxela: no caso de Quinta de Ventozelo pasamos a escarificadora, a continuación realizamos unha sementeira manualmente e logo realizamos un pase de rodete triturador de vides, cunhas pesas encima para enterrar ben a semente. En canto ao abono, soamente utilizamos superfosfato de calcio como fertilizante de coberteira”.

En canto ao temor a que as cubertas vexetais compitan pola auga coa viña, Tiago Maia asegura que “é infundado, pois o que favorecen son unha maior infiltración e capacidade de retención de auga nos solos”. “Nunca notei ningún déficit hídrico anormal na viña debido a estas cubertas vexetais”, destaca.

Isto é así grazas a que Fertiprado  dispón de mesturas biodiversas con variedades de ciclos moi curtos que permiten implantar cubertas vexetais que non fan competencia hídrica co viñedo e mesmo melloran a súa resistencia á seca nunha zona como o Val do Douro.

“Fertiprado ofrécenos asesoramento contínuo para manexar ben as cubertas vexetais no viñedo”

María José Moutinho é técnica de Viticultura da adega Aveleda SA. situada na rexión dos Vinhos Verdes, no Norte de Portugal.  Destaca de Fertiprado o seu amplo catálogo de sementes, “o que nos permite lograr o obxectivo que nos marquemos en determinada viña ou en determinadas particularidades das uvas dunha viña”. “É dicir, se queremos mellorar o vigor da vide ou quitarlle vigor, se queremos que as cubertas teñan unha ou varias floracións ao longo do ano…etc”, explica.

Ademais, destaca tamén  “o servizo técnico que nos ofrece Fertiprado, cun asesoramento permanente que nos permite lograr os obxectivos marcados”.

Cubertas vexetais: Unha “revolución” nas viñas

Moitas das prácticas tradicionais de mantemento do solo nas viñas son agora consideradas insatisfatórias por non garantir sustentabilidade, e por iso desaconselladas. Hai que atopar novas solucións! O número sempre crecente de hectáreas de viña onde xa foron sementadas cubertas vexetais mostra ben que os viticultores son sensibles a este tema e recoñecen as múltiples vantaxes destas cubertas. A compañía Fertiprado, grazas ao seu espírito innovador e fiel ao compromiso de estudar e utilizar a mellor xenética vexetal, desenvolveu novas mesturas adecuadas á necesidade de implantar prácticas de cultivo sustentables na viña. Na elaboración destas mesturas de sementes o concepto adoptado é o da biodiversidade orientada. Falamos de biodiversidade porque se crea un armonioso ecosistema composto por múltiples especies. E orientada porque non é froito do azar, senón que cada unha das especies e variedades foi escollida para integrar a mestura e cumpre un obxectivo. Así, son mesturas para cubertas vexetais en viñedos que cumpren un dobre propósito: Viables e sustentables desde un punto de vista técnico e economicamente rendibles para os viticultores. Actualmente Fertiprado dispón dunha gama completa de mesturas para cubertas biodiversas plurianuais (FERTICOVER). Máis recentemente desenvolveu tamén a gama de revestimentos de cobertura anual. Trátase dun novo concepto de “Cubertas funcionais” (Gama PROTERRA) que utiliza varias especies de gramíneas e leguminosas xuntamente con outras especies menos coñecidas como as mostazas, os nabos, a facélia e o feno grego. Este concepto de “cuberta verde anual” é xa unha ferramenta importante na xestión do solo das viñas posibilitando que todos os anos se poda escoller a cuberta vexetal que mellor se adapta ás necesidades da parcela. De fácil sementeira e rápida implantación, rapidamente a cuberta vexetal queda lista a cumprir os seus propósitos. Estas son as vantaxes das cubertas vexetais para viñedo que ofrece FERTIPRADO: -A capacidade de controlar outras plantas adventicias por competición e alelopatia, reducindo ou eliminando a necesidade de utilización de herbicidas ou de laboreo do chan. -A fixación simbiótica de nitróxeno atmosférico, diminuíndo significativamente os custos que supón o achegue de abono químico. A fabricación, transporte e aplicación de abonos nitrogenados é realizada a través das raíces das propias plantas leguminosas. -O aumento das poboacións de insectos e aves predadoras que actúan contra algunhas pragas e enfermidades. A menos incidencia de enfermidades leva á redución da aplicación de fitosanitarios. -A menor necesidade de utilización de herbicidas, abonos e fitosanitarios diminúe o uso de maquinaria agrícola e a consecuente excesiva compactación do chan. Cando é necesaria a circulación de máquinas esta é facilitada pola existencia de cuberta vexetal. -O aumento da materia orgánica e da fertilidade, mellorando a estrutura do chan. Tamén aumenta a capacidade de infiltración e retención de auga. -A redución da perda de auga por evaporación. A incidencia dos raios solares pasa a ser sobre a cuberta vexetal. Esta cuberta aumenta a dispoñibilidade de auga para a viña. -A forte diminución de perdas de chan e nutrientes por arrastre e erosión. As plantas (incluíndo as súas raíces) evitan estes fenómenos. -A recuperación das poboacións de insectos polinizadores e auxiliares proporcionada pola diversidade de flores destes revestimentos. -O beneficio para o enoturismo. Os interlineados floridas revolucionan a paisaxe dos viñedos. Non é por casualidade que fosen usadas fotografías destas en campañas de mercadotecnia para comunicar o compromiso da viticultura coas xeracións vindeiras. En suma, a biodiversidade orientada cumpre un ou varios obxectivos: xestión do chan, control de pragas, atracción e abrigo de insectos auxiliares, biofumigación e até franxas multi-funcionais. Os impactos positivos das cubertas vexetais biodiversas cando están correctamente orientadas, pasan, con moito, os límites do terreo onde están instalados. Son parte dunha viticultura moderna, regenerativa, aliada coa sustentabilidade e á mitigación das alteracións climáticas. Foto: Fertiprado

Máis información nesta ligazón

Joel Presa / Jorge Ramos Pinto

Sogrape, o maior grupo vitícola portugués, aposta polas cubertas vexetais de Fertiprado para mellorar os seus viñedos

Sogrape, o maior grupo vitícola portugués, con presenza tamén en España como propietario de Bodegas LAN na Rioxa e de Bodegas Santiago Ruiz en Rías Baixas, aposta polas cubertas vexetais de Fertiprado para mellorar os seus viñedos.

Joâo V. Porto, director de Viticultura de SOGRAPE, expica que “desde o ano 2003 comezamos a traballar con Fertiprado, empresa referente en sementes pratenses, porque buscabamos unha solución para unha viticultura máis sustentable, en concreto sementando cubertas vexetais biodiversas entre as liñas de vide”.

Ademais, destaca que “Fertiprado ofrécenos diferentes solucións para os viñedos das distintas rexións nas que SOGRAPE está presente; por tanto cunha variedade importante de climas e de solos, aos que se deben adaptar as cubertas vexetais”.

En todo caso, Joâo V. Porto, subliña que “ademais de pola súa oferta de sementes, o que máis valoramos de Fertiprado é o seu asesoramento, de forma que sempre temos a disposición un técnico que nos axuda a atopar boas solucións para as nosas necesidades, e así cumprir os nosos obxectivos e afrontar os desafios futuros para os sustentabilidade da viticultura”. “Desta forma, a día de hoxe Fertiprado, máis que un subministrador considerámolo un socio de SOGRAPE”, conclúe.

“O manexo da cuberta vexetal en viñedo debe adaptarse cada ano ás condicións climáticas e ós obxectivos”

As cubertas vexetais poden converterse en aliadas fronte á erosión dos solos nos viñedos, máis aínda cos efectos do cambio climático. Aínda que, tamén é preciso un manexo adecuado da cuberta para que esta non se converta nunha competencia directa para as cepas por nutrientes ou a auga. O investigador do Instituto Agro Montpellier, Léo García, que levou a cabo investigacións sobre o manexo das cubertas achega algúns dos aspectos para ter en conta, tales como as datas para destruír as cubertas ou ferramentas a empregar. -As súas últimas investigacións abordan a destrución da cuberta vexetal. En que momento adoita levar a cabo este traballo no viñedo? - No ensaio temos dúas datas: ao final do inverno (a mediados de febreiro), cando os viticultores volven traballar na liña de vide e ao comezo da brotación (finais de marzo ou comezo de abril, segundo o ano). Ambas son datas nas que adoita haber moito traballo de solo.
"Na destrución da cuberta son determinantes as reservas de auga que haxa no solo"
-É determinante escoller ben o momento da destrución da cuberta? Por que? -Si, por suposto. Non escollemos unha data máis tardía, como en maio ou en xuño, cando a vide se atopa en floración, xa que vimos con outros experimentos que cando se deixa a cuberta durante moito tempo seca moito o solo. Nun clima Mediterráneo é difícil manter o rendemento ou o vigor da vide se se deixa a cuberta moito tempo. De todos os xeitos, tamén podería variarse esa data dependendo dos obxectivos que se persigan. Na destrución da cuberta son determinantes as reservas de auga que haxa no chan. Tamén hai que ter en conta as condicións meteorolóxicas dese ano, xa que varían e poden alterar a data de curta. En invernos moi chuviosos, pode resultar que non sexa necesario destruír tan cedo esa cuberta, pero en invernos secos, deixar esa cuberta pode ter importantes consecuencias se despois non hai choivas. -Que outros factores deciden o momento óptimo para destruíla? -Ademais da cantidade de auga que haxa no solo, é determinante a cantidade de biomasa da cuberta, é dicir a cantidade de plantas e o seu tamaño. Na saída do inverno, a cuberta non é tan alta, xa que o frio retarda o desenvolvemento da vexetación e a evaporación é tamén mínima. En cambio, en abril, coa brotación da vide, xeralmente a biomasa da cuberta é máis importante, así como a superficie foliar e a transpiración das plantas. A climatoloxía é máis cálida, o que favorece o crecemento das plantas e consómese máis auga do solo, por iso a necesidade de escoller ben a data. -A idea é realizar ambas destrucións da cuberta ou escoller entre unha delas atendendo ao que pretenda conseguirse? -No proxecto buscábase comparar unha destrución máis precoz (en febreiro) coa destrución máis clásica que se realiza en viñedos. Así, temos unha zona dentra da mesma parcela que se destrúe só en abril e outra que se tritura tanto en febreiro como en abril. Nalgunhas ocasións chega a programarse unha terceira destrución posterior se aínda volve crecer esa vexetación. -En territorios como Galicia, onde o mildio é un dos principais inimigos do viñedo pola humidade e temperaturas moderadas que adoitan producirse durante primavera e verán, a cuberta debería destruírse con antelación? -Existen xa estudos realizados por outros investigadores que abordan esta relación, que resulta un pouco complexa. O feito de contar cunha cuberta vexetal no viñedo propicia un grao de humidade que pode favorecer á súa vez a aparición de mildio, pero a aparición deste patóxeno adoita darse cando a viña ten xa gran cantidade de follas, polo que se se realiza unha destrución da cuberta, a súa incidencia podería ser mínima. Ao mesmo tempo, o investigador chileno Héctor Valdés, da Universidade Católica de Santiago de Chile, que realizou a súa tese neste centro de Montpellier, demostrou que as cubertas vexetais tamén exercen unha competencia coa vide, de maneira que as cepas teñen menos vigor na primavera, o que significa tamén maior ventilación nas follas, de maneira que se reduce a incidencia de mildio, xa que prefiren as plantas de gran vigor, con maior nitróxeno e ambientes húmido e pechados. A clave está en reducir o vigor da viña sen que se dane o rendemento da cepa. É posible, pero require un bo manexo. -Non só a data senón a maneira de destruír esta cuberta parece ser importante. Nos seus traballos estudou diferentes métodos para destruír a cuberta, Por que decidiu avaliar a segadora e o rolo? -Queriamos ver a relación entre servizos e beneficios ecosistémicos que ofrecen estas dúas ferramentas.De feito, comparamos a segadora e o traballo do solo, só empregar segadora e o rollo. A segadora parece ser unha alternativa para conseguir unha mineralización do solo máis rápida si se combina co laboreo do solo. No caso do rolo, é unha ferramenta que está moi en auxe como unha alternativa nun manexo agroecolóxico en determinados círculos de gandeiros en Francia, entre os que reivindican deixar de labrar tanto a terra, e queriamos ter resultados científicos do seu funcionamento. Que diferenzas se atopan con cada un dos métodos? -A segadora adoita empregarse naquelas cubertas permanentes, destruídas máis tarde ou en cubertas espontáneas. Ao cortar a biomasa máis pequena prodúcese unha mineralización do chan máis rápida e hai maior achega de nitróxeno dispoñible para a vide. En comparación co rolo, a segadora permite cortar as plantas en anacos pequenos, e os anacos pequenos mineralízanse mais rápido que os anacos grandes. Aínda que, o mellor para a mineralizacion é mesturar todo con traballo de solo. Co rolo conséguese un acolchado que impide á maleza crecer, polo que tamén permite unha maior retención da auga no solo no verán. Pero este resultado non sempre se consegue. Se se ten unha biomasa abundante, o rolo funciona moi ben, pero en anos nos que non se chegou a desenvolver a cuberta tampouco se logran bos resultados. Neses casos, poida que se teña que pasar o rolo varias veces e aínda así non se consegue destruír especies como as gramíneas e mentres seguirán consumindo as reservas de auga do viñedo. O rolo tampouco termina de lograr bos resultados cando na cuberta hai unha mestura importante de cereais.
“O rolo pode ser unha boa opción, pero é difícil o seu manexo, xa que deben seleccionarse ben as especies da mestura e ter en conta o seu desenvolvemento”
-Outros aspectos para ter en conta sobre a elección destas ferramentas para destruír a cuberta? -No caso da segadora, o feito de que só corte a biomasa, sen chegar a mesturala coa terra dificulta o proceso de mineralización, polo que se se sementa unha cuberta para utilizar como abono verde usar a segadora só non é a mellor opción para favorecer esta fertilización. Ademais, debe terse en conta que o uso da segadora, en lugar de destruír a cuberta pode provocar que creza aínda máis esa biomasa, sobre todo cando se cortan sen que as especies terminasen o seu ciclo. Isto provoca o efecto contrario do que se persegue, xa que tomarán máis auga do solo para volver medrar. O rolo pode ser unha boa opción, pero tamén é difícil o seu manexo, xa que deben seleccionarse ben as especies da mestura e ter en conta o seu desenvolvemento, así como o momento da curta. -En base aos seus traballos de campo, que recomendación pode facer á hora de fixar a destrución da cuberta ou a ferramenta para utilizar? -Tanto a data para a destrución ou a ferramenta a utilizar debe escollerse en base aos obxectivos que se persigan nese viñedo. É fundamental ter claro que se busca con esa cuberta vexetal no viñedo. Se se quere achegar abono verde ás cepas non se fará o mesmo itinerario técnico que se se procura achegarlle maior carbono aos solos. A principal recomendación é adaptarse ás condicións de cada ano, sen ter pautas fixas. Ademais, o cambio climático está a provocar unha maior variabilidade do clima, co que se volve máis importante adaptarse. -Algún outro consello, en base ás súas investigacións, sobre o manexo da cuberta vexetal? -Para aqueles viticultores que comecen a traballar con cubertas vexetais é recomendable facelo con leguminosas, xa que son especies que adoitan crecer en calquera tipo de solo e isto é especialmente importante no caso dos viñedos, xa que moitos dos solos son moi pobres en nutrientes Tamén poden empregarse mesturas de especies, unha opción máis segura, xa que a pesar das variacións climáticas que poidan alterar o crecemento da vexetación, polo menos lograrase contar con algunha especie. Aínda que non fixemos ensaios específicos sobre iso, tamén é moi importante a data na que se sementa a cuberta, xa que iso favorece a biomasa. Ás veces, a sementeira debe realizarse a finais de agosto ou antes da vendima, para que comece a brotar coas primeiras choivas do outono. Tamén é recomendable probar coa cuberta nunha parte da parcela, sen facelo a primeira campaña en todo o viñedo, para así ir comprobando como evoluciona e poder construír a súa propia estratexia no seu contexto.

“En Francia estanse realizando cada vez máis sementeiras de distintas especies nas cubertas"

-Cada vez son máis os viticultores que optan por contar con cubertas vexetais nos seus viñedos, deixará de labrarse a terra dos viñedos para optar sempre polas cubertas vexetais? -Na zona mediterránea teño certas dúbidas sobre que poida chegar a pasar, máis aínda nas grandes adegas e tendo en conta o incremento da temperatura derivado do cambio climático e o consumo de auga que require a cuberta vexetal. Cando non hai auga nin rega é máis complicado abandonar o traballo de solo. Neste sentido estamos a desenvolver outra investigación sobre utilizar certos materiais como cortiza ou casca na liña da vide para reducir a competencia da biomasa pola auga e utilizar a cuberta vexetal entre liñas. Por agora as perspectivas son boas, pero non temos aínda suficientes datos. -Predomina en Francia o uso da cuberta vexetal? Óptase por cubertas espontáneas ou por cultivos complementarios? -Depende das rexións. Nas zonas máis húmidas, case todos os viticultores optan pola cuberta vexetal espontáneas, con gramíneas que manteñen durante varios anos. Ás veces, nestas rexións con moitas chuvias, o primeiro servizo que esperan da cuberta os viticultores é poder entrar no viñedo tras o inverno para aplicar certos tratamentos preventivos. En Francia, estanse realizando cada vez máis sementeiras de distintas especies nas cubertas, unha práctica que era pouco habitual.

Claves para xestionar as cubertas vexetais e optimizar os seus beneficios nos viñedos

A cuberta vexetal nos viñedos é unha das formas para combater a erosión dos solos, un dos grandes desafíos da viticultura actual, aínda que esta non é a única vantaxe que ofrece. O doutor e investigador do Instituto Agro, situado en Montpellier (Francia), Léo García, proporcionou algunhas claves sobre o manexo e os beneficios da cuberta vexetal no viñedo durante o Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais organizado por Vitivin, a plataforma en liña especializada en ofrecer contido para profesionais do sector vitícola. Tal e como sinala García, as cubertas vexetais son unha alternativa en zonas nas que, tras fortes choivas, gran cantidade de terra dos viñedos é arrastrada, o que supón un problema grave en viticultura. Tamén son unha vía para mellorar a calidade do solo (matera orgánica, actividade biolóxica, ciclo de nutrientes) e afrontar os problemas derivados do cambio climático e os episodios de seca cada vez máis recorrentes. “O sur de Francia, España ou o sur de Chile estamos no mesmo barco para afrontar eses problemas de seca no viñedo”, valora García. É preciso ter presente que, comparado con outros cultivos, os viñedos tamén están sometidos a unha gran presión polo uso de fitosanitarios. Ademais, adoita procederse a realizar moito desherbado mecánico de maneira que os solos quedan espidos. O investigador sinala tanto as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais como os inconvenientes que pode carrexar en determinados momentos para o viñedo. García insiste na importancia de ter todos os aspectos en conta e axustar a estratexia para desenvolver no viñedo, é dicir non escoller unha estratexia fixa, xa que esa pauta pode non funcionar ben todos os anos.
A pesar das vantaxes que poida proporcionar as cubertas, García recomenda unha estratexia variable, que permita manexar as cubertas en función dos obxectivos do viñedo e do clima
“Unha estratexia fixa deixa grandes variacións entre os anos de cultivo de maneira, que en ocasións pódense lograr resultados positivos para índices ambientais como a escorrentía, pero outros verase afectada a calidade e a produción. Por iso, é fundamental adaptar a estratexia, o que permitirá lograr bos resultados en ámbolos dous aspectos ao axustar o manexo da cobertura (sementeira, a destrución ou o mantemento da cobertura) en función das necesidades do viñedo en cada campaña”, concreta o investigador. Servizos para o solo e a vide Ante estes retos da viticultura, as cubertas vexetais, preséntanse como unha alternativa para ter en conta. Trátase de cultivos de servizo, é dicir non son cultivos comerciais, xa que non se cultivan nin se venden. Estas cubertas axudan a mellorar as propiedades dos solos. “O obxectivo das cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”, explica o investigador.
“O obxectivo destas cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”
Á hora de avaliar o impacto que as cubertas vexetais teñen no viñedo, García detalla que optar por elas en lugar de labrar o solo contribúe a controlar o rendemento das cepas, á vez que achega unha maior biodiversidade e actividade biolóxica dos solos. “Esta é unha función moi importante tendo en conta que en viticultura o solo é o elemento central á hora do identificativo do terroir, así como de todas as denominacións de orixe protexida”, detalla o experto. As cubertas xogan un papel moi importante na conservación do solo, ao ser un mecanismo para o control da erosión, contribuír a mellorar as condicións físicas do terreo e a lograr un balance de auga e depuración e mellorar a infiltración de auga. “As cubertas achegan estabilidade estrutural, de maneira que evita que as partículas do solo se danen, así como que o solo estea demasiado compactado, xa que reducen a densidade aparente”, explica o investigador. Como demostran algúns estudos, ao saír do inverno hai máis auga no solo naqueles viñedos que tiveron unha cobertura vexetal durante o inverno, débese en gran medida a que se frea a escorrentía da auga. Auga dispoñible en viñedos con cuberta vexetal (verde) e solo nú (azul). Datos de Sergio Ibáñez Pascual Ademais, son ferramentas para incrementar a fertilidade do solo (“abonos verdes”) e que permiten a captura de carbono. Contar con cubertas vexetais é unha ferramenta que axuda á degradación de pesticidas e praguicidas.
“Os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto na follas como no acio”
Optar por cubertas vexetais tamén axuda á regularización do vigor da vide e do microclima dentro das súas follas, e mesmo poden ser un aliado no tratamento de enfermidades fúnxicas, pragas e inimigos naturais do viñedo. “Estudos como o desenvolvido polo profesor Héctor Valdés Gómez amosan que os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto nas follas como no acio”, detalla García. A competencia que exerce a cuberta vexetal provoca que o viñedo teña menos vigor, de modo que o microclima que existe dentro das follas é menos favorable tamén para o mildio. Como sinala García, cómpre ter presente que as cubertas vexetais tamén poden aumentar a humidade do aire no viñedo, o que favorece os ataques de fungos, de aí que sexa fundamental o manexo da cuberta.  Non é un efecto directo, pero a cobertura vexetal tamén contribúe á biodiversidade xeral dos viñedos, o que favorece a presenza de especies animais como os morcegos que son inimigos naturais dalgunhas das pragas que afectan á vide. “Ter biodiversidade ademais da riqueza natural pode ser unha vía de aforro de custos en tratamentos e por tanto de gañar diñeiro no viñedo”, explica o investigador. Nalgunhas rexións vitícolas, as cubertas vexetais dos viñedos son aproveitadas para a produción de forraxes para ovellas, o que abre unha vía para a diversificación no campo. Ademais, as cubertas tamén poden contribuír a incrementar o atractivo turístico dos viñedos ao crear paisaxes cun alto valor estético. Competencia pola auga e nutrientes O investigador Léo García incide en ter presente non só as vantaxes que proporcionan ao viñedo e ao ecosistema as cubertas vexetais senón tamén os efectos contraproducentes que pode xerar, de maneira que poida facerse un balance dos pros e contras que ofrecen. A competencia pola auga é un dos principais inconvenientes das cubertas vexetais. Os traballos realizados polo investigador Florian Celette en 2005 demostran que a cobertura vexetal permite reter a auga no inverno e evitar as escorrentías. Aínda que, estas mesmas cubertas poden favorecer o secado do solo en épocas como verán, ao existir unha maior competencia pola auga entre a viña e o resto de vexetais que crecen. Así, aínda que é favorable contar cunha cobertura vexetal debe valorarse que pode competir directamente coa viña pola auga, dependendo do período de presenza da cobertura vexetal.
“O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”
O rendemento dos viñedos é un dos factores determinantes tanto para os viticultores como para os investigadores e as cubertas vexetais tamén poden influír. Segundo distintas investigacións, os portainxertos sensibles ou cunha sensibilidade media á seca teñen un rendemento máis baixo coa cobertura vexetal que co solo espido. Con todo, se o portainxerto é resistente á seca, hai estudos que avalan que o rendemento pode ser máis alto con cobertura vexetal ou ben non hai cambios en comparación con solos espidos. “O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”, explica o investigador.
“Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”
A calidade e a cantidade de uvas tamén pode verse afectada ou mellorada pola existencia dunha cobertura vexetal. “Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”, comenta o investigador. A cobertura vexetal tamén pode competir directamente por outros nutrientes como o nitróxeno do solo. É importante identificar os períodos críticos para os servizos ecosistémicos. Dependendo do período do ano e do estado fenolóxico do viñedo interesarán uns servizos ou outros. Así, durante os períodos de choiva é moi importante controlar a erosión, pero cando a vide necesita nitróxeno é moi importante contar con nitróxeno e auga. “Hai distintos períodos de absorción do nitróxeno na vide e hai que ser moi preciso en canto ás dinámicas de mineralización do nitróxeno para que poida estar dispoñible para a vide cando o necesita. Así, principalmente ao redor da floración.
As cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte
A floración é un período moi importante. Demostrouse que as cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte.
Cubertas vexetais en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Aproveitar as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais Para conseguir un óptimo aproveitamento da cuberta vexetal no viñedo, García recomenda prestar especial atención á elección da especie ou especies da cuberta. Pódese optar por sementar determinadas especies ou aproveitar os servizos ecosistémicos que prestan as cubertas espontáneas, herbas que crecen de maneira natural sen necesidade de sementalas. “En función das especies que teña a cuberta obteremos uns servizos ou outros no noso viñedo”, concreta. As especies teñen diferente eficacia para limitar a erosión do chan, así especies como Thymus serpylloides ou a Salvia lavandulifolia evitan en gran medida a escorrentía, mentres outras especies como a Lavandula stoechas, coñecida popularmente como tomiño borriqueiro, non conseguen suavizar a erosión. O mesmo ocorre coa achega de nitróxeno. Tamén se observan variacións se se opta por cubertas diversas ou se pola contra se escolle unha única especie. As leguminosas son unha alternativa moi interesante para achegar nitróxeno. “Particularmente nos solos vitícolas que non teñen moita materia orgánica ou nitróxeno mineral, as leguminosas desenvólvense e medran mellor, sendo máis interesantes para o viñedo, sobre todo cando se comeza con esta práctica”, concreta García.
En función das especies da cuberta obtéñense uns servizos ou outros no viñedo, por iso moitos viticultores optan por cubertas diversas, xa que é un método de conseguir eses servizos
As mesturas multifuncionais moitas veces son interesantes, xa que prestan máis dun servizo ao viñedo. “Moitos viticultores optan por cubertas diversas pola seguridade que lles ofrece contar con máis dunha especie para conseguir eses servizos”, explica o investigador. Á hora de sementar as cubertas, moitos viticultores optan por sementeira directa. Hai mesmo viticultores que desenvolveron as súas propias sementadeiras adaptando os seus equipos de fertilización, de maneira que logran labrar e sementar ó mesmo tempo. É un sistema que funciona bastante ben tal e como recoñece o investigador. Equipos empregados para a sementeira da cuberta en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Na sementeira tamén é preciso un axuste da taxa de cobertura na parcela. Pódese optar por unha cobertura total do viñedo ou só en determinados espazos, ben sexa entre rúas ou na propia fileira do viñedo. O rendemento e o vigor da vide están relacionados coa porcentaxe de cobertura vexetal da parcela, tal e como demostraron os investigadores Delpuech e Metay en 2018. “Sen cobertura vexetal o rendemento é máximo e canto máis se incrementa a cuberta vexetal máis se reduce tanto o rendemento como o vigor. Aínda que é certo, tras varios anos este efecto poida que non se note”, especifica García. Outro dos aspectos para ter en conta no manexo das cubertas vexetais é a data e a destrución utilizada. García atópase nestes momentos inmerso nunha investigación sobre esta cuestión. Están a empregar tres métodos: segadora e cultivo do chan, ou ben utilizando a segadora sen labrar o chan ou destruíndo a cuberta co rolo. Ademais probou a destruír esta cuberta tanto ao final do inverno como na brotación da vide. Os primeiros resultados obtidos en 2020 e aínda pendente de novos datos, indican que “dependendo da ferramenta e da data de destrución pódense obter resultados diferentes para o viñedo para manexar a maleza, a auga do solo ou outros factores determinantes para o viñedo”, indica o investigador.

Que especies empregar para ter cubertas vexetais no viñedo?

Cepas en fileiras entre campos verdes ou cheos de cor. Esta é a estampa cada vez máis recorrente dos viñedos nas distintas rexións vitivinícolas e débese á aposta dos viticultores polas cubertas vexetais. Optan por plantar ou simplemente deixar crecer a vexetación que aflora entre as súas cepas en lugar de combatela con herbicidas ou o laboreo. Son unha opción que ofrece protección fronte á erosión e as escorrentías, mellora as propiedades físicas do chan, axuda no control de pragas e é unha alternativa sustentable co medio ambiente e coa que se pode lograr tamén un aforro de custos. Ante estas vantaxes, moitos viticultores optan por este tipo de cubertas. Unha vez decididos por esta opción, cabe preguntarse, cales son as especies que mellores resultados ofrecen no viñedo Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias del Vino y del Viñedo (ICVV) de La Rioja, ofrece algunhas recomendacións a ter en conta á hora de deseñar unha cuberta vexetal no viñedo. Boa parte das súas conclusións baséanse nas investigacións realizadas neste centro mixto de investigacións que integra o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), á Universidade e ao goberno de La Rioja. Ibáñez compartiu estas indicacións na xornada dixital "Cubertas vexetais en viñedos con restricións hídricas" organizada organizada pola Asociación de Técnicos en Viticultura de Castilla y León (Atevical) coa colaboración da Escola Universitaria de Enxeñaría Agrícola. Cuberta vexetal espontánea nun viñedo vello de Garnacha na Serra de Gredos, Ávila.

A selección

Cando comezaron a empregarse as cubertas vexetais en viñedos optábase por sementar mesturas comerciais utilizadas para xardinaría ou mesmo para campos de fútbol. Hoxe en día, sobre todo empréganse leguminosas, gramíneas e crucíferas. "É fundamental que a elección do tipo de cuberta se faga en función do obxectivo que buscamos con ela", explica Ibáñez.
A elección do tipo de especies para a cuberta vexetal debe axustarse aos obxectivos que se pretendan lograr. Cada variedade pode proporcionar diferentes vantaxes
Así, o primeiro paso é ter claro que buscamos ao sementar ou deixar que medre unha cuberta vexetal espontánea nos nosos viñedos. Inicialmente asóciase esta opción como unha solución para evitar ou reducir o risco de erosión naquelas parcelas con pendentes pronunciadas ao estar en ladeiras de montañas, pero as cubertas vexetais poden proporcionar outros beneficios ao viñedo.Son unha alternativa para subministrar abono en verde, axudar a limitar o rendemento da vide e o seu vigor ou poden converterse nun método de biofumigación para algunhas pragas. Estes son só algúns exemplos dos usos que proporciona a cuberta e a elección dunha especie ou outra permite sacar maior partido a estas vantaxes. A cuberta vexetal espontánea, a condición de que cumpra cos obxectivos que queremos, é a opción máis recomendable, xa que é a alternativa máis sinxela e económica, ao non ser necesario sementala. Ademais, estas cubertas espontáneas tamén achegan unha maior biodiversidade ao viñedo. "Non sempre a vexetación espontánea se axusta aos nosos intereses, xa que poden aparecer especies que non nos interesan, co que é máis difícil mantela", apunta Ibáñez. Cuberta vexetal espontánea na que predominan as gramíneas, apenas hai especies de folla ancha invasoras. Á hora de escoller as especies de vexetación a sementar tamén é importante ter en conta factores edafoclimáticos da parcela, xa que poden converterse nun impedimento para o desenvolvemento de determinadas cubertas. A idade do viñedo, a posibilidade de rega e o manexo que se queira facer da cuberta son aspectos determinantes a ter en conta. Conseguir unha boa implantación, así como unha mínima invasión a curto prazo ou lograr que estes espazos se manteñan coas súas propias sementes, sen necesidade de resembrar cada ano son outros dos factores valorados para implantar determinadas especies.
A cebada é unha das alternativas máis populares, aínda que require un maior número de segas que outras especies
Unha das primeiras opcións que se propoñen para sementar como cuberta vexetal é a cebada, tanto polo prezo económico da semente como pola facilidade de atopar este cereal. "É unha opción moi a valorar, xa que se logra unha implantación moi boa, aínda que ao ser unha especie anual ten o inconveniente de que é preciso sementar todos os anos", detalla o investigador. Tamén é certo que pouco a pouco se vai optando por outras alternativas debido á gran cantidade de biomasa que xera. "A cebada, así como a avea ou o triticale, todas elas especies agrícolas, son moi vigorosas, o que fai difícil o seu manexo", concreta Pablo González Cristóbal, técnico da firma Zulueta Corporación, especialistas en céspedes e cubertas vexetais. Para evitar ter que volver sementar cada tempada, tamén se opta por especies similares como o Bromus catharticus, coñecida popularmente como cebadiña polas súas similitudes coa cebada, pero cunha capacidade de sementeira máis alta e cun ciclo máis curto, o que pode resultar interesante para ter unha menor competencia. Unha das opcións empregadas polos seus bos resultados é a festuca ovina. Outras especies populares para utilizar como cubertas son as festucas, que teñen un ciclo máis longo. "Pola nosa experiencia recomendaría a Festuca ovina, dada a súa adaptación, capacidade de resementeira e pola súa pouca competencia", detalla Ibáñez. Nas gramíneas, outra das opcións é o Lolium perenne (Raygrass), cun ciclo máis longo que as festucas. A Vulpia myuros ten unha gran capacidade de autosiembra e un ciclo curto que se adapta moi ben. Un dos maiores inconvenientes desta especie é o elevado custo da semente e que ademais está a resultar difícil de atopar. "Ultimamente a única forma de atopalas é a través de importación, procedentes de California", apunta. Dadas as dificultades para conseguir as sementes de Vulpia, pero os bos resultados que ofrece, no ICVV están a probar especies similares á Vulpia como a Brachypodium distachyum. Esta variedade non alcanza máis de 20 centímetros de altura a diferenza doutros Brachypodium e conta cunha capacidade de autosementeira alta. "Levamos aínda pouco tempo probándoa con adegas que colaboran connosco, pero os resultados son interesantes", comenta o investigador.
A Vulpia, a Festuca, o Bromo e o Raygrass ofrecen unha boa capacidade de autosementeira e un importante aforro económico e enerxético
Tanto a Vulpia, como a Festuca, o Bromo e o Raygrass ofrecen unha boa capacidade de autosementeira e un importante aforro económico e enerxético. Ademais, a Festuca e o Ryagrass de ciclo longo son tamén unha opción para controlar os altos rendementos e vigor do viñedo. Mentres, a cebada, a Vulpia, así como a veza, todas elas de ciclos curtos ou medios, permiten limitar o rendemento e vigor sen comprometer a acumulación de fotoasimiladores na baga. Nas cubertas con gramíneas é conveniente non rozar ata que a planta espigara e producira o resementado, cara a final de xuño. "Desta forma acumúlanse reservas (carbohidratos) nas plantas a nivel radicular e o rebrote outonal é máis potente", explica o técnico especialista en cubertas de viñedos da firma Zulueta Corporación. Os trevos, como o persa, son alternativas interesantes pola súa capacidade de cubrir o solo. O Trifolium resupinatum (trevo persa) é outra das alternativas que estudaron no ICVV. É unha variedade bastante rústica, adaptada a solos cun Ph por encima de 8,5 e case non é preciso recorrer á sega. "O problema que vimos é que despois dos 3 anos de implantación, nalgúns casos xa tras o primeiro ano, hai unha invasión grande doutras especies, polo que se fixo necesario volver sementar", indica Ibáñez. Unha opción que proporciona un gran efecto peneirante nos solos do viñedo é o Medicago truncatula e ao ser unha especie rastreira non é preciso segala. No ICVV fixeron este ano os seus primeiros estudos con esta variedade en colaboración coas Adegas Dinastía Vivanco e os resultados foron moi favorables, aínda que están pendentes de comprobar a capacidade de autosementeira desta especie. Esta adega estaba interesada en probar especies que puidesen utilizar na liña de sementeira para evitar o uso de herbicidas. "A maior dificultade é realizar a sementeira nesta zona, xa que, polo momento, non hai maquinaria para afrontar este traballo", explica.
O uso da veza nas cubertas é unha das mellores opcións se se busca un abono para o solo
O Trifolium fragiferum (trevo fresa) é outra das especies que se está empregando para plantar na liña de sementeira do viñedo. De feito, o centro de experimentación e investigación en viticultura e enoloxía de Navarra, o Evena, levou xa a cabo estudos sobre o seu uso como cuberta ao pé das cepas con bos resultados, posto que destaca pola súa capacidade para cubrir o solo. Cuberta vexetal de veza. Se o obxectivo é que a propia cuberta vexetal sirva como abonado de inverno, unha das mellores alternativas é a veza. "Dada a cantidade de biomasa que xera a veza non ten sentido empregala como cuberta se non se busca un abono para o solo", valora o investigador. Do mesmo xeito que ocorre coa cebada ou a avea, a veza require un maior número de segas. Ademais, é preciso ter presente que a veza é proclive á invasión de flora espontánea, co que a curto-medio prazo perde o carácter de cuberta monoespecífica. A veza, do mesmo xeito que o medicago e o trevo poden mellorar os niveis de nitróxeno no solo.   Características agronómicas das principais especies empreadas para cubertas en viñedo.
As adegas tamén están a empregar cubertas florais, que son un atractivo en sí e que proporcionan unha maior biodiversidade.

Cubertas variadas

Nos últimos anos están a probarse mesturas con aquelas especies que achegaron bos resultados de forma individual. "Con estas mesturas conseguimos mellorar a biodiversidade e lograr diferentes obxectivos ao combinar as especies", indica Ibáñez. Unha das mesturas que probaron con bos resultados é a formada por dúas leguminosas e dúas gramíneas. En concreto, esta composición baséase en: 35% de Esparceta, 25% Trifolium fragiferum, 15% Raygrass e 25% Festuca ovina.
"Se a mestura de especies está ben deseñada non compite co cultivo da vide, senón ao contrario. Pode mellorar o desenvolvemento das cepas e a calidade na produción da uva": Pablo González, técnico de Zulueta
A presenza dunhas especies ou outras tamén está condicionada polo vigor da viña ou a fertilidade do solo. Tal e como explica o técnico Pablo González, a proporción de leguminosas nunha mestura non debe superar o 20%, e a súa recomendación pasa porque se atope entre o 5 e o 10%. "Se a mestura de especies está ben deseñada non compite co cultivo da vide, senón ao contrario. Pode mellorar o desenvolvemento das cepas e a calidade na produción da uva", comenta. Así, aconsella utilizar mesturas polifitas, formadas a base de gramíneas e leguminosas pratenses en proporcións equilibradas segundo as súas diferentes características, a fin de aproveitar as súas distintas calidades. Cada vez máis comezan a verse adegas que apostaron tamén por incluír cubertas cheas de cor, ao sementar flores nas cubertas espontáneas ou ó combinalas con outras especies que cultivan. Un dos maiores inconvenientes destas alternativas é o custo da semente, porén convertéronse nun atractivo máis para o enoturismo. Os estudos realizados no ICVV con cubertas florícolas a base de Caléndula officinalis, Centaurea cyanus, Cosmos bipinnatus ou Papaver californicum, entre outras; demostran que é unha forma de incrementar de forma rápida a fauna auxiliar, pola gran cantidade de pole que ofrecen, o que ofrece unha maior capacidade de proliferación de inimigos naturais fronte ás pragas que afectan o viñedo. Ademais, a combinación adecuada pode proporcionar unha floración graduada que abarque de xullo a setembro.

¿Como inflúen as cubertas vexetais no rendemento e a calidade da uva?

As cubertas vexetais están a implantarse cada vez máis no viñedo como unha alternativa sustentable ao uso de herbicidas. Ademais, contribúen a mellorar a calidade do solo e a equilibrar o rendemento e o vigor da vide, mellorando ao mesmo tempo a calidade do mosto e do viño producido. Neste sentido, Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV), expuxo os resultados de diversos ensaios de cubertas vexetais en viñedo, realizados neste centro mixto de investigación que integra ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), á Universidade da Rioxa e ao Goberno da Rioxa. Fíxoo en Monterrei (Ourense) nunha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Mantemento do solo do viñedo: alternativas ao uso de herbicidas”. A este respecto, expuxo os resultados de 5 anos de investigacións na finca institucional “La Grajera”, pertencente ao Goberno da Rioxa. Trátase dunha parcela con viñedo en vaso, da variedade Tempranillo, con cepas plantadas no ano 1994. Ensaiáronse cinco tipos de tratamentos neste viñedo: - Laboreo, por tanto sen cuberta vexetal - Cuberta Espontánea - Cuberta Sementada - Laboreo-Espontánea, tratamento mixto no que se combinaron estas dúas alternativas a cada lado da liña de plantación - Laboreo-Sementada, tratamento mixto que alternaba laboreo e cuberta sementada, do mesmo xeito que o anterior Segundo Ibáñez, “os datos que estudamos do período 2005-2020 confirman que a cuberta vexetal produce unha mellora na acidez e na cor de mostos e viños”. Os resultados máis significativos dos distintos parámetros que se analizaron móstranse a continuación: Diferenzas en parámetros vexetativos e produtivos:

1) Compoñentes do rendemento:

A produción unitaria do viñedo (kg de uva por cepa) diminuíu unha media do 30% por efecto das cubertas totais e entre un 6-9% nos tratamentos mixtos (laboreo máis cuberta espontánea e laboreo alternado con cuberta sementada). Figura 1. Rendemento Unitario (kg uva/cepa) Pola súa banda, o peso do acio e o peso do bago foron os parámetros que máis influíron nas variacións do rendemento por efecto da cuberta vexetal, orixinando valores máis baixos en ambos os casos. Figura 2. Peso do acio (g) Figura 3. Peso de 100 bagos (g)

2) Avaliación da superficie foliar:

No que corresponde aos parámetros vexetativos da cepa, as cubertas vexetais nos viñedos ocasionaron: -Unha diminución da superficie foliar -Un menor desenvolvemento de brotes secundarios ou netos -Unha Relación máis baixa, con respecto ao laboreo, entre o Índice de Área Foliar (LAI) e a Superficie Foliar Exposta (SFE), expresados ambos os como unidades de superficie foliar (m2) por unidade de superficie de solo (m2), expresando así unha menor superposición foliar e unha mellor exposición dos acios. -En definitiva, posibilitan mellorar as condicións microclimáticas para a planta. Figura 4. % LAI correspondente a netos Figura 5. Relación LAI/SFE

3) Microclima na zona dos acios:

As cubertas vexetais permitiron mellorar o microclima na zona dos acios, con respecto ao laboreo, grazas a: -Un aumento da temperatura nesta zona debido ao incremento da porosidade da vexetación, manténdose esta diferenza máis acusada en torno ao mediodía solar. -Unha maior amplitude térmica, sendo este un indicador importante na calidade dos viños, relacionado coa acumulación de sustancias polifenólicas. - Unha diminución da humidade relativa, cos efectos favorables que iso leva con respecto á sanidade vexetal, que tamén foi máis evidente no período comprendido entre as 10 e as 14 horas solares. Figuras 6 e 7. Temperatura media na zona de acios por períodos, considerando 24 h e a franxa 10-14 h.s. Ano 2010 Figura 8. Amplitude térmica media por períodos. Ano 2010 Figuras 9 e 10. Humidade relativa media na zona de acios por períodos, considerando 24 h e a franxa 10-14 h.s. Ano 2010

Diferenzas nos parámetros de calidade do mosto e do viño:

1) Gradación:

O grao probable e o grao alcohólico aumentaron lixeiramente por efecto da cuberta vexetal, posiblemente debido á diminución do rendemento unitario xerado pola cuberta. Figura 11. Grao probable do mosto (%vol.) Figura 12. Grao alcohólico do viño (%vol.)

2) Variacións na acidez:

Detectouse un incremento do pH, como indicador da acidez real de mostos e viños, asociado aos tratamentos con cubertas. Figuras 13 e 14. pH do mosto e do viño Pola súa banda, o aumento do contido en potasio (K+), outro dos compoñentes que participa na acidez da uva, foi o principal condicionante da perda de acidez de mostos e viños nos tratamentos con cuberta vexetal, influíndo en menor medida os contidos dos principais ácidos orgánicos da uva: ácido tartárico e acedo málico. Este incremento en potasio puido ser debido á variación producida na relación fonte (superficie foliar)/sumidoiro (acios) como consecuencia da acción da cuberta. Figura 15. Contido en potasio no mosto (ppm)

3) Contido en sustancias polifenólicas:

Os tratamentos con cuberta vexetal promoveron un aumento do contido en antocianos e polifenois, debido a factores que favoreceron a acumulación destas sustancias como: un estrés hídrico moderado, un incremento na relación pel/polpa no bago, un microclima máis favorable na zona de acios e un rendemento unitario moderado. Desta maneira, viuse incrementado a cor dos viños e a súa intensidade. Figura 16. Contido en antocianos no viño (mg/l) Figura 17. Índice de Polifenois totais do viño (IPT 280) Figura 18. Intensidade de cor do viño

4) Valoración organoléptica:

O panel de cata manifestou unha preferencia xeral cara a viños procedentes de cuberta vexetal, sendo o mellor valorado o tratamento con cuberta vexetal sementada, en 3 dos 4 anos de estudo, e resultando o tratamento con cuberta espontánea o que obtivo mellor resultado na anada do 2007. Pola súa banda, os viños procedentes de tratamentos mixtos non obtiveron este comportamento intermedio que ofreceron para outros parámetros anteriormente expostos, senón que adoptaron un posicionamento variable. En calquera caso, os viños de parcelas con laboreo do solo obtiveron a peor puntuación na metade das campañas tratadas. Figura 19. Valoración organoléptica. Puntuación total (metodoloxía a partir dunha modificación da ficha INDO que establece maior puntuación para os viños peor valorados e viceversa).

¿Cal é a cuberta vexetal adecuada para o meu viñedo?

As cubertas vexetais están a implantarse cada vez máis no viñedo como unha alternativa sustentable ao uso de herbicidas que, así mesmo, contribúe a mellorar a calidade do solo e a equilibrar o rendemento e o vigor da vide, mellorando a calidade do mosto e do viño producido. Neste sentido, Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV) de La Rioja, expuxo os resultados de diversos ensaios de cubertas vexetais en viñedo, realizados neste centro mixto de investigación que integra ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), á Universidade da Rioxa e ao Goberno da Rioxa. Fíxoo en Monterrei (Ourense) na xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Mantemento do chan do viñedo: alternativas ao uso de herbicidas”.

Desvantaxes do laboreo e os herbicidas:

Actualmente a maior parte dos viñedos en España xestionan o chan mediante laboreo na rúa e aplicación de herbicida na liña de plantación, co obxecto de evitar a implantación de vexetación espontánea (malas herbas) que compitan por auga e nutrientes coa vide e favorecer a retención de auga. Porén, tal e como advertiu Sergio Ibáñez Pascual, o laboreo presenta importantes desvantaxes para a estrutura e fertilidade do chan, especialmente en zonas en pendente. En concreto: -Favorece a formación de sola de labor. -Favorece a degradación da estrutura por baixo do perfil labrado. -Favorece a erosión ao disgregar as partículas do solo. -Non é sinxelo obter a estrutura granular desexable, pois ás veces co laboreo prodúcense terróns moi grandes ou excesivo esmiuzamento. Isto débese a que cando se realiza o labor a terra non está en tempero. - Pode destruír as raíces superficiais da vide. - Presenta risco de feridas no tronco das plantas por golpes coas coitelas ou púas. -En ocasións o labor entre cepas é complicada. - Existe un difícil tránsito de maquinaria en épocas chuviosas, o que impide realizar o labor. -Xérase un alto consumo enerxético de combustibles fósiles (algo cada vez máis importante debido á crecente importancia da pegada de carbono nas producións alimentarias). O uso de herbicidas, ademais da súa aplicación conxunta co laboreo, tamén vén sendo unha práctica frecuente, desde os anos 60 do século pasado, especialmente en viñedos de difícil orografía nos que é complicado empregar maquinaria para labrar. Sen embargo, tal e como puxo de manifesto o investigador do ICVV, os herbicidas teñen as seguintes consecuencias negativas: -Formación de costra superficial -Degradación da estrutura dos 3-4 primeiros centímetros do chan -Problemas de erosión en viñedos con pendente forte -Contaminación de solos e acuíferos, especialmente polo uso de herbicidas residuais. -Riscos de fitotoxicidade -Esixen coñecemento das malas herbas e das materias activas empregadas, así como da súa regulamentación

Vantaxes das cubertas vexetais:

O uso de cubertas vexetais en viñedo, xa sexan en toda ou en parte da plantación vitícola, foise estendendo nos últimos anos ao presentar as seguintes vantaxes agronómicas e ambientais: -Protección contra erosión e escorrentía. Diversos estudos acreditaron unha redución da perda de chan con cubertas de entre un 34 e un 82% segundo as especies. A escorrentía tamén se reduce entre un 22 e un 77% segundo as especies. -As cubertas vexetais incrementan o contido de materia orgánica do solo, o que mellora as propiedades físicas do mesmo: aumentan índices como a estabilidade de agregados, a densidade aparente, a porosidade, a infiltración e a capacidade almacenamento de auga. -Melloran a estrutura do chan ao presentar un maior contido de materia orgánica e un incremento da actividade microbiana unidos a unha menor costra superficial.

Viñedo afectado por escorrentía no que se empezou a empregar cubertas vexetais: 

-Reducen risco de sola de labor ao limitar o laboreo e mellorar a estrutura do chan. -Posibilidade tránsito de maquinaria en épocas chuviosas. -Control de pragas natural: maior diversidade biolóxica e equilibrio entre pragas e depredadores. -Increméntase a capacidade de secuestro de CO2 atmosférico. POor exemplo, calculouse que as cubertas vexetais no viñedo La Grajera (Logroño, A Rioxa), permitiron secuestrar 9,31 toneladas de CO2/ha (Fernández, 2011). -Viñedos con maior sustentabilidade ambiental: as cubertas vexetais melloran as interaccións entre a agricultura e o medioambiente. -Maior sustentabilidade económica: redúcense os custos ambientais e os custos enerxéticos, así como unha menor necesidade de operacións en verde, como podas ou despuntes (Ingelmo, 1998).

Inconvenientes das cubertas vexetais:

Non obstante, Sergio Ibáñez Pascual tamén advertiu de que o emprego de cubertas vexetais tamén presenta inconvenientes. En concreto: -Problemas derivados dun exceso de competencia, sobre todo hídrica, polo que é necesario controlar a intensidade e o momento da competencia. Faise por tanto necesaria a sega, máis ou menos intensa segundo a especie da cuberta vexetal, para que non compita por auga e nutrientes coa vide dunha forma excesiva ou en períodos inadecuados (envero e maduración). -Diminución do desenvolvemento de superficie foliar da vide. -Riscos de maduración óptima en caso de estrés hídrico severo. -En situacións extremas, a competencia da cuberta vexetal mesmo pode pór en xogo a perennidade das cepas -A día de hoxe existe un coñecemento limitado de especies herbáceas para cubertas vexetais en viñedo.

¿Cales son as cubertas vexetais máis adecuadas?

O ICVV dispuxo unha colección de cubertas vexetais en viñedo na Finca Valdegón (Agoncillo, A Rioxa) que permitiu, a través de distintos ensaios realizados, elaborar unhas recomendacións sobre como se comporta cada especie herbácea en viñedo e adaptala así aos obxectivos que se buscan. Iso si, debe terse en conta que os resultados deben interpretarse relativamente, posto que son obtidos coas condicións climatolóxicas da Rioxa:

Conclusións:

Como conclusións, o investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV) da Rioxa destaca que: -As cubertas vexetais constitúen unha ferramenta útil, no marco dunha viticultura de calidade, sustentable e respectuosa co medio ambiente, para equilibrar o desenvolvemento vexetativo e produtivo do viñedo, favorecendo á súa vez unha mellor exposición e microclima dos acios e logrando aumentar a calidade dos mostos e viños elaborados. - Temos que adaptar as cubertas á nosa contorna de tal forma que: Recoméndase, como norma xeral, elixir cubertas temporais con especies de ciclo curto e con capacidade de autosementeira. Ter en conta que a cuberta espontánea é unha alternativa sinxela e económica. Non esquecer que unha cuberta mixta, alternando rúas con laboreo e rúas con cuberta, podería ser unha opción válida para aproveitar as vantaxes tanto do laboreo como da cuberta vexetal. -Aínda que o ICVV quere ampliar ensaios que combinen estratexias de cubertas con rega, as primeiras experiencias son positivas na mellora da acidez e na cor de mosto e viño. - É moi importante, escoller a especie para a cuberta segundo o obxectivo buscado, que non ten por que ser o mesmo para todos os viñedos. -Destacar o Proxecto CUVEGENAT, como unha proposta innovadora no estudo da cuberta como estratexia para o control biolóxico por conservación, que permite incrementar a fauna auxiliar beneficiosa para o viñedo.