Archives

“O metano de vacas, ovellas e cabras representa só o 5% das emisións de gases de efecto invernadoiro en España”

David Yáñez Ruíz é investigador do CSIC na  Estación Experimental do Zaidín (EEZ-CSIC), en Granada, e responsable do equipo de investigación que participou no desenvolvemento de Bovaer, un aditivo con capacidade de reducir as emisións de metano do gando vacún nun 30 %. Falamos con el para coñecer cales son os avances e as investigacións relacionadas coa produción gandeira e a inclusión de aditivos na alimentación do gando para rebaixar as emisións de metano, un gas cun potente efecto no quecemento global. -Que motivacións te levaron a investigar os efectos das emisións de metano desde explotacións gandeiras? A motivación principal é que son veterinario e especialista en nutrición animal, tema sobre o que vira a tese coa que obtiven o meu doutoramento, e máis concretamente sobre a modulación da fermentación ruminal. Este elemento espertou moito interese en relación á produción de metano entérico. Actualmente existe unha crecente demanda, tanto no sector gandeiro como no sector de alimentación animal, na procura de vías para reducir emisións, aí está a razón fundamental das miñas investigacións. -O metano ten un comportamento diferente ao resto de gases de efecto invernadoiro (GEI) como pode ser o CO2? Si, o metano ten unhas características que o fan diferente a outros GEI. Se temos en conta os tres principais GEI como son o dióxido de carbono (CO2), o óxido nitroso (N2O) e o metano (CH4), e se comparamos o CO2 co metano, este ten dúas características fundamentais. Unha, o seu poder de quecemento, xa que cando está na atmosfera é vinte e oito veces maior que o do CO2 nunha escala temporal de cen anos. Unha molécula de metano ten un poder de quecemento na atmosfera superior a unha de CO2, por iso require unha atención importante. Doutra banda, caracterízao unha permanencia máis curta na atmosfera que o CO2, uns doce anos aproximadamente, fronte a máis de cen no CO2. Isto ten unha gran relevancia porque o cambio climático xa non é unha cuestión de futuro, é xa parte do presente. Xa temos visto que o patrón climático xa cambiou, e ademais dunha maneira acelerada debido a que non segue un patrón de cambio lineal. Por todo isto, debemos desenvolver estratexias de redución a curto e longo prazo. No curto prazo, o metano ten moito interese, porque se o reducimos, os efectos beneficiosos verémolos nun prazo de tempo máis reducido, precisamente pola súa curta presenza na atmosfera. Con todo, aínda que reducir emisións de dióxido de carbono é importante, os efectos veranse nun prazo de tempo máis longo. Estes son os motivos polos que case cen países, entre eles España, puxeron sobre a mesa unha proposta (Global Methane Pledge) para rebaixar as emisións totais do CH4 un 30 %, precisamente por iso, porque se poden reducir os seus efectos nun período menor de tempo sobre o patrón climático. -Cal é o papel que realmente xogan os ruminantes na presenza de metano e os seus efectos como GEI, e no caso de España? No caso dos ruminantes, as emisións de GEI, en España o CH4 supón 12,2 % das emisións totais, delas o 41 % prodúceo a fermentación entérica por ruminantes, polo que a contribución ás emisións de GEI totais en España do metano de todos os ruminantes (vacún, ovino e caprino) é do 5 %. Ten unha contribución importante, pero parcial e moito menor á que teñen outras fontes. Entendo que cando aparace máis en prensa parece que se esaxera, pero é necesario e importante dar os datos exactos para poder comparar con outras fontes.
“Non é xusto asociar o cambio climático á gandería”
O que si é certo é que todo tipo de actividade humana ten un impacto a efectos de emisións de gases de efecto invernadoiro, por exemplo como nos quentamos, como nos arrefriamos, como nos vestimos, como nos transportamos ou como nos alimentamos. Creo na importancia de que o sector se faga cargo da súa porcentaxe de contribución aos GEI, que é o que é e reducir na medida do posible as emisións de metano. Isto dependerá das marxes de mellora posibles dentro do sector. -Estaríanse sobredimensionando as emisións procedentes da gandería? Se falamos de cifras, non. O que si se pode sobredimensionar é a atención que ás veces ten este sector, mais por intereses doutros sectores que compiten en imaxe. A industria de enerxías fósiles, por exemplo, ten detrás unha maquinaria de publicidade e de márketing que empuxan moi forte, por iso a eles lles interesa máis que saian nos medios outros sectores. O que se sobredimensiona non son as cifras senón a atención e isto é importante que se teña en conta. Non é xusto asociar o cambio climático á gandería, que ten unha repercusión porcentual como calquera outra actividade. -Inflúen tanto a forraxe que se lle dá ao gando como a xenética do mesmo nas emisións de metano? Inflúe todo. A fonte desde o punto de vista biolóxico é a fermentación do alimento que toma o animal pola microbiota no seu estómago, o rumen. Sen dúbida inflúe a calidade dese alimento, canto máis dixerible e de mellor calidade sexa, prodúcese menos metano porque se refuga menos nese proceso de fermentación. Si é certo que os animais cuxa xenética é mellor, tendo en conta a xenética desde un punto de vista de produción vitalicia, non dunha lactación soa, van producir menos metano porque son máis eficientes ou porque teñen unha lonxevidade maior. Por exemplo, un animal que teña un valor xenético moi alto, mais que só poida dar un servizo nunha lactación ou unha lactación e media, a súa produción de metano será maior que a doutro animal porque ese animal vai ter que pasar por un proceso de recría igual para todos, dous anos aproximadamente.
“Reduciremos as emisións de metano con vacas máis lonxevas e de alta produción”
A eficiencia en canto á utilización dun animal, a capacidade de tela en servizo máis lactaciones, e que sexan boas lactacións. Iso repercute enormente xa que o 20 ou 30% das emisións dunha gandería proveñen da recría, animais que non dan leite e que en realidade son un investimento. Animais que teñen unha lonxevidade maior e máis lactacións, xerarán menos emisións porque van amortizar mellor os dous anos de crecemento e xestación, período no que non producen leite. -En canto á eficiencia en alimentación do gando, que supuxo Bovaer? Bovaer é un produto comercializado por unha empresa coa que traballamos. Eu son un investigador do CSIC que participou con outros colegas en proceso de desenvolvemento desta molécula. En canto ao produto, supón un elemento máis para reducir as emisións, pois o seu deseño está pensado para a inhibición dos organismos que producen metano sen afectar o resto do proceso de dixestión e á saúde do animal. É importante resaltar que, aínda que é un produto moi interesante e consegue unha redución do 30% na produción de metano, non é unha solución máxica nin é a única solución que hai sobre a mesa. O produto recibiu a aprobación para que se poida comercializar e entendo que é a empresa a que está a chegar a acordos con cooperativas ou empresas de tamaño medio ou grande para o seu uso. Descoñezo en que países estase xa empregando en granxas comerciais. -Existe a opinión de que as emisións de metano desde granxas compénsanse co CO2 que capturan os campos de cultivo e os pastos. Compartes este punto de vista? Non, iso non se compensa. Si, é certo que as plantas capturan CO2 que forma parte do ciclo do carbono, pero ese balance non é neutro e non se compensa. É verdade que nalgúns ecosistemas, sobre todo aqueles con menos carbono no chan, si se captura máis C, pero é un proceso que en xeral non compensa as emisións, non deixa a ecuación a cero. Si, hai certos ecosistemas máis extensificados nos que tamén se inclúe arboleda, con máis capacidade de captura de emisións, pero trátase dun proceso máis a longo prazo e que por unha mala xestión do chan pode perderse nun curto espazo de tempo. Por tanto, o argumento de que cultivos e pastos compensan as emisións non é certo. Reducen pero non compensan.
“Cultivos e pastos restan parte das emisións de metano das vacas, pero non as compensan”
-Que outras liñas están a seguirse para a redución de emisións de metano? Séguense buscando novos aditivos, Bovaer supuxo un gran desenvolvemento, mais hai outras moitas empresas traballando en novos aditivos que igualmente poidan reducir emisións. Tamén se traballa na mellora do sistema de racionamento na alimentación, é dicir, a dieta base debe estar ben racionada e que sexa de boa calidade, esa é a principal vía para reducir a produción metano. Está a traballarse moito a xenética, pero non só relacionada co metano senón en relación coa eficiencia alimenticia. Espérase poder incorporar nos sistemas de selección xenética non só animais que son baixos produtores de metano, senón que ademais sexan máis eficientes en dixerir e utilizar o alimento.
“En España os residuos urbanos, por exemplo, emiten case tanto metano como os ruminantes”
-Que consellos prácticos darías a gandeiros e gandeiras para reducir as emisións das súas granxas? Fundamentalmente, mellorar e optimizar a calidade da forraxe que utilizan e ter unha xestión da xenética e recría o máis adecuada posible. Todo isto, independentemente de poder ou non, utilizar aditivos. Ademais é importante tamén lanzar a mensaxe de que o sector gandeiro non debe avergoñarse de xerar emisións. Todas as actividades humanas emiten GEI, pero que se resalte máis o sector gandeiro entendo que pode parecer máis pintoresco e sen dúbida máis vantaxoso para outros sectores asociar o gando ruminante co efecto invernadoiro. Por exemplo a produción de metano de xurros de porco, animais monogástricos, é moi relevante e a que se xera no almacenamento de residuos urbanos en entulleiras é equivalente á que producen os ruminantes.

Deixarán os grandes tractores paso ás frotas de pequenos robots autónomos no campo?

Serán as frotas de robots autónomos o futuro da agricultura en lugar dos grandes tractores? Esa é unha das alternativas que puxo sobre a mesa o investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Dionisio Andújar, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado en días pasados en Lugo. “Estamos xa ante outro novo ciclo da agricultura, onde o reto é producir máis alimento dunha forma máis sostible. Atopámonos inmersos nunha nova revolución agrícola: a agricultura dixital”, apunta Andújar. Nesta nova fase, que o investigador acuña como agricultura dixital, a automatización dos traballos vinculada á agricultura de precisión deixa paso a unha agricultura que camiña da man da innovación. Xunto cos avances tecnolóxicos, o novo perfil dos gandeiros e agricultores, cunha maior formación e con grandes empresas interesadas no sector primario, abre camiño a este novo modelo. Unha das alternativas innovadoras que se barallan é a utilización de frotas de robots autónomos que poidan asumir os traballos realizados nestes momentos con grandes máquinas agrícolas. Do mesmo xeito que a súa compañeira do CSIC Ángela Ribeiro apuntara algunhas das vantaxes das frotas de robots de pequeno tamaño, Andújar sinala que estas frotas de autómatas de pequeno tamaño poden ser unha opción fronte aos grandes investimentos en maquinaria agrícola que se levan realizando nos últimos anos. Flota de robots autónomos para sementeira de Fendt. // Foto de Fendt. Estes sistemas multirobots teñen, entre outras vantaxes, ser máis facilmente reemplazables en caso de avaría, ademais de poder asumir labores de maneira máis localizada. É o caso, por exemplo, da solución proposta por casas comerciais como Fendt e a súa frota de robots pensados para sementeira localizada que realizan mediante sistemas de gps. Aínda que tamén é certo que esa é unha realidade que, polo momento, apenas chegou ao campo de forma xeneralizada. Así, algunhas grandes marcas só presentaron polo momento prototipos, sen chegar a desenvolvelos de forma estandarizada. Outras firmas desenvolveron estas frotas sen que resulten propostas que faciliten un manexo sostible, é o caso, por exemplo, de frotas de robots empregadas para o sulfatado, ás que lles falta implementar sistemas que permitan unha aplicación máis selectiva.

Tecnoloxía para unha agricultura máis sostible

Uns dos retos que asume esta agricultura dixital é lograr unha produción máis sostible a nivel ambiental deixando atrás un manexo sistemático dos cultivos. Optimizar o abonado e os tratamentos fitosanitarios en función das necesidades específicas ou realizar plantacións diferenciais son exemplo deste novo modo de proceder. “Se os cultivos son heteroxéneo non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Tratar os cultivos coma se fosen homoxéneos levounos aos problemas que hai hoxe en día na agricultura, desde resistencias das pragas, residuos fitosanitarios en solos e auga, a perda de biodiversidade no campo…”, sinala o investigador.
“Se os cultivos son heteroxéneos non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Esta forma de proceder levounos a problemas por resistencias, contaminación e perda de biodiversidade”
Fronte a esta problemática, os avances tecnolóxicos poden permitir aplicacións máis localizadas e selectivas. Baixo estas premisas traballaron no proxecto europeo Eit-Food Dacweed, no que tamén participou o CSIC e que busca atallar as malas herbas dunha forma máis efectiva e sen ter que recorrer á aplicación de herbicidas de forma xeneralizada. “Vemos, procesamos e trátase”, resume o investigador o procedemento seguido. Maquinaria desenvolvida no marco do proxecto europeo Eit-Food Dacweed. No caso do tratamento de malas herbas, a identificación das especies é un dos maiores obstáculos a superar, debido ás similitudes entre especies ou o aspecto diferente que presentan en función da fase de crecemento na que se atope. Actualmente con este método de detección e control de malas herbas en tempo real teñen xa máis de 40 especies herbáceas identificadas e case un millón de etiquetas xeradas, o que lles permite que a detección e identificación das malas herbas sexa cada vez máis precisa. Aínda que, un dos inconvenientes desta proposta é o seu elevado prezo, polo que ademais de contar con tecnoloxía adecuada, outra das prioridades sobre as que incide Andújar é a necesidade de dispoñer de solucións económicas que poidan chegar ao campo.

Solucións adaptadas ao sector

Neste afán por expor propostas alcanzables, Andújar desenvolveu un sistema de tratamento de malas herbas buscando botar man de tecnoloxías que xa están presentes en moitos dos tractores actuais como o sistema Isobus, que permite a comunicación tanto entre tractores como equipos dos principais fabricantes, e botando man de cámaras máis asequibles. Teñen xa o prototipo funcionando aínda que pendente de melloras. Andújar tamén sinala que nesa procura dunha agricultura máis sostible, o tratamento mecánico das malas herbas vólvese unha alternativa moi atractiva. De feito, o investigador traballou no desenvolvemento dunha grade de púas para malas herbas, que desenraiza as malas herbas. Trátase dun sistema que integra tanto o uso de ultrasóns para a detección de biomasa e a presenza de malas herbas, como cámaras para adaptar o tratamento. Grade de púas flexibles activadas por ultrasons.

O valor dos datos

Outro dos eixos fundamentais da innovación na agricultura e a gandería, do mesmo xeito que noutros sectores, é a obtención de datos que permitan contar coa información necesaria para axustar o manexo. “A información é moi útil, pero hai que saber manexala”, sinala o investigador. Así, é que moitos produtores e gandeiros atópanse que despois de ter recollido os datos para mellorar a súa explotación, quedan sen poder xestionar dunha forma axeitada toda esa información, é aí onde a innovación e a robótica teñen tamén un papel fundamental no desenvolvemento de ferramentas que poidan procesar ese volume de información.
Os avances tecnolóxicos permiten unha maior obtención de datos en granxas e explotacións que achegan información valiosa, o que fai necesaria unha regulación sobre este tratamento e o acceso a estes datos
Nesta xestión, obtención e tratamento de datos queda aínda pendente de resolver a protección deste tipo de información dado o valor que pode chegar a alcanzar. Así, os datos obtidos nunha gandería ou explotación agrícola ademais de revelar información importante para o propio sector tamén resultan de gran interese e mesmo imprescindibles para que a tecnoloxía se axuste cada vez máis ás necesidades do campo. Neste sentido, tanto o investigador como os asistentes á xornada celebrada en Lugo recalcaron a necesidade de que esta obtención de datos por parte das grandes empresas se compense aos produtores. Aínda que, na actualidade as grandes firmas están a obter estes datos, ben sexa a través da maquinaria como dos dispositivos e aplicacións, sen chegar a compensarllo ou mesmo advertirllo aos produtores polo que tampouco hai opción a negarse a este transvasamento de información. Así, desde os sistemas incorporados no tractor para a elaboración de mapas ou a aplicación coa que se xestiona o abonado pormenorizado da parcela poden acabar proporcionando información interesante non só ao gandeiro ou agricultor. Por iso é polo que son moitas as voces que reclaman xa a regulación e control sobre o acceso que se ten deses datos para que se poida compensar aos produtores e que teñan a capacidade de decidir que facer con esta información.

Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

“A robótica en agricultura ten e vai ter moito sentido e mesmo menos limitacións que outros ámbitos nos que hai postas moitas esperanzas, coma os coches autónomos”. Así de clara se amosaba a investigadora Ángela Ribeiro, que traballa no Centro de Automática e Robótica, centro mixto entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Politécnica de Madrid, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado recentemente en Lugo.
“En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”
Ribeiro reivindicou ademais os importantes avances en robótica e dixitalización do agro que se están levando a cabo en España e que sitúan ao país na vangarda tecnolóxica. “En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”, recomenda. A investigadora sinala que, mentres en tarefas como a preparación dos solos e sementeiras se ten avanzado moito na robotización, na produción da colleita aínda queda moito sobre o que traballar. Un dos exemplos sobre este avance da robotización no campo no manexo da colleita é o proxecto Flexigrobots, no que está a traballar Ribeiro nestes momentos. Neste caso buscan o desenvolvemento dunha plataforma para sistemas multi-robot autónomos, flexibles e heteroxéneos que facilite a automatización intelixente no manexo de precisión de cultivos. Trátase dun proxecto internacional no que participan tamén empresas e organismos de países como Finlandia, onde se centran no cultivo de colza; así como en Centroeuropa, que traballan en plantacións de arandos. En España, o CSIC traballa en viñedo. Ademais, está a desenvolverse en viñas galegas, grazas á colaboración da adega de Rías Baixas, Terras Gauda, situada na subzona do Rosal. Primer prototipo de robot de asistencia á vendima. Colaboración cunha vendimiadora nas Bodegas Terras Gauda en setembro de 2021.

Facilitar a vendima

Aínda que o proxecto aínda está en plena fase de desenvolvemento, xa levaron a cabo probas nos viñedos galegos durante a pasada vendima e patentaron a plataforma de asistencia á vendima, que está pensada para facilitar a vendima, e que resulta especialmente interesante naquelas zonas onde arrastrar as caixas das uvas vólvese un traballo físico esgotador. A plataforma, na que se carga a caixa, segue ao operario mentres este vendima. Trátase de que identifique e siga a un operario concreto, adaptándose ao seu ritmo de recollida e permanecendo a unha distancia de menos de medio metro. “Nas primeiras probas a persoa que vendimiaba estaba pendente do robot e tentaba inconscientemente adaptarse a el, pero buscamos xusto o contrario, que sexa o robot quen se adapte ao ritmo do vendimiador”, explicaba Ribeiro.
O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado
O robot recoñece e segue a un único viticultor que localiza mediante un identificador situado nun medallón que leva colgado. Ademais, o sistema conta cun receptor GPS para os desprazamentos que teña que realizar aos puntos de recollida e carga. O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado, xa que se trata de que unha vez que a caixa estea chea, outro robot veña a substituílo e este mentres poida trasladar a caixa ata o punto de recollida. Neste sentido, máis que un único robot, a idea coa que traballan desde o CSIC é en desenvolver unha frota de robots que traballe cooperativamente cos vendimiadores.

Frotas de pequenos robots 4.0

Do mesmo xeito que expoñen no proxecto Flexigrobots coa automatización na vendima, Ribeiro apunta cara a un novo salto na robotización da agricultura, no que se aposte polas frotas de robots de pequeno tamaño que poidan realizar labores de forma autónoma e baixo a supervisión dun operario. “Defendemos a implantación da robótica no campo con frotas de pequenos robots”, explica Ribeiro. A utilización destas frotas de pequenos robots presenta vantaxes como: -Son menos perigosos. Ao tratarse de robots de pequeno tamaño os riscos e consecuencias derivados de que se produza un fallo son menores para o ser humano. Con este tipo de tecnoloxía increméntase a seguridade. -Fácil substitución. Ao traballar cunha frota se un dos equipos se estraga pode substituírse por outro de maneira que poida realizarse a tarefa, a diferenza do que ocorre coas grandes maquinarias automatizadas, onde un fallo pode atrasar de maneira importante a tarefa ou mesmo comprometer o cultivo ao ser máis complexa a súa substitución. - Ao tratarse de robots de menor tamaño tamén se reduce a compactación do terreo, que adoita ser un dos inconvenientes de utilizar grandes maquinarias en agricultura. -Tamén supoñen un menor gasto en comparación co desembolso que supoñen outras maquinarias de maior tamaño. -Do mesmo xeito que a maquinaria tradicional e de maior tamaño, estas frotas, a pesar de ser autónomas, requiren por seguridade da supervisión dun operario.

Aproveitar e adaptar tecnoloxía para o campo

Máis aló do desenvolvemento de novas propostas tecnolóxicas innovadoras, tamén se está traballando en aproveitar e adaptar aos traballos no campo solucións xa existentes. É o caso, por exemplo, da adaptación que fixeron desde o CSIC dun vehículo eléctrico convencional transformándoo nun vehículo automatizado que se empregue na mostraxe do viñedo, para detectar pragas como a Botryte. Robot autónomo basado en Twizy para a inspección de viñedos. A Rioxa 2017. Así, optaron por utilizar o modelo de coche eléctrico Twizy de Renault para este uso. As prestacións que presenta este vehículo, como a súa robustez, a súa autonomía de 80 quilómetros, a súa recarga mediante un enchufe convencional ou o seu baixo prezo (11.000 euros fronte aos 60.000 euros que poden custar outros robots de campo equivalentes) convertérono nunha opción competitiva para a súa automatización. Con el realizaron mostraxes en viñedos da Rioxa con cámaras RGB-D, que achegan profundidade na toma de imaxes e que permiten unha maior precisión na elaboración de mapas de volumes que permiten contar con información de utilidade como o grao de afectación de patóxenos do viñedo, como a Botryte, para o seu posterior tratamento. “Con estas mostraxes pódese extraer moita información sobre o viñedo, útil para o xestor”, apunta a investigadora. Cabe destacar que, nesta liña de automatización e adaptación da tecnoloxía, o equipo de investigadores liderado por Ribeiro no CSIC xa deu importantes pasos, debido a que foron dos primeiros en integrar a utilización de drons nos tractores, comezando xa en 2007 co seu uso. A frota de robot terrestres RHEA e a Estación Base desde onde se supervisaba o traballo da frota de robots utilizando unha Interfaz Gráfica de Usuario, que proporcionaba unha recreación realista en tempo real do traballo dos robots. Ademais, participou no desenvolvemento de proxectos europeos de gran impacto como RHEA (Robot fleets for Highly Effective Agriculture and forestry management), co que conseguiron os primeiros pasos en tractores autónomos que realizaban o traballo de campo supervisados por un operario desde unha estación base, co apoio de programas informáticos para a detección rápida dos problemas que xurdían durante o traballo e a procura de solucións eficaces para atallar os mesmos canto antes, preferiblemente sen a intervención do operario e sen deter o traballo dos robots.

Últimos avances na recuperación das oliveiras propias de Galicia

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, e financiado pola Fundación Juana de Vega continúa desenvolvendo o proxecto sobre a caracterización das 20 castes autóctonas descubertas. Actualmente, 11 delas atópanse en rexistro, “e tardarán en torno a dous anos en pasar o proceso para a súa posterior comercialización”, amplía Carmen Martínez, xefa do grupo de investigación. En paralelo, Vior puxo en marcha dúas parcelas experimentais, en campo e unha colección en macetas en invernadoiro, cunha dobre finalidade: “Temos exemplares de cada unha das castes en macetas illadas e cubertas cunha malla, para conservalas e evitar a súa afección por virus, outras enfermidades, ou pragas, e tamén en diversas parcelas de campo de diferentes zonas para ver nos próximos anos o seu comportamento agronómico e a súa evolución en diferentes escenarios”, avanza Martínez. Polo tanto, os obxectivos inmediatos que procuran para cada caste desde o grupo de investigación son “saber como medran, como é o seu desenvolvemento, rexistrar a época óptima de maduración do froito, etc.”, destaca a xefa do grupo. Paralelamente, “procederase con pequenas elaboracións de poucos kg de aceituna para sacar mostras de aceite dos cultivos, mediante un equipo ‘olimaker’; unha vez se teña unha maior produción faranse elaboracións de maior cantidade en almazara. En ambos casos, os aceites resultantes someteranse en distintas catas organolépticas”, explica.

Variedades e algunhas características

Ata o momento, ‘Brava Galega ’ e ‘Mansa Galega’ son as únicas dúas recoñecidas oficialmente. A pesar disto, “existen aínda dificultades para afrontar a multiplicación, e non damos atendido a todas as peticións que nos chegan”, polo que “se solicitou recentemente un proxecto na última convocatoria de Grupos Operativos da Xunta, para poder poñer a punto o sistema de multiplicación a gran escala, mellorar o sistema clásico de estaquillado e implementar outros novos métodos como a multiplicación in vitro”, especifica Carmen Martínez. O clima galego e o tipo de chan no que se cultivan as diferentes variedades representan factores diferenciadores para a produción de aceites con froito autóctono, en comparación con outros producidos noutras zonas de España. Polo momento, ao respecto, o grupo de investigación realizou estudos preliminares con ‘Brava Galega’ e ‘Mansa Galega’, onde identificaron un rendemento graxo lixeiramente superior nas olivas da variedade ‘Brava’ -un 17%- que na ‘Mansa’ -un 15,80%-. En canto á composición en ácidos graxos, os resultados extraídos neste estudo inicial co método Abencor presentan cifras nos rangos esperados para aceites de oliva virxe extra, coa excepción do ácido graxo monoinsaturado margaroleico do aceite monovarietal de ‘Brava Galega’, que superou lixeiramente o límite especificado para esta tipoloxía. Pola súa banda, as características organolépticas diferenciadas ata o momento para estas dúas castes, aparecen definidas no artigo publicado na Revista Almazaras, ‘Bases científicas para a creación dunha DOP ou IXP Aceites de Galicia’, como “aceites equilibrados, cun afroitado acentuado con moitas notas verdes a herba e cuns niveis medios de picante e amargo”. Así mesmo, tamén están traballando na denominación de cada variedade. A xefa do grupo de investigación afirma que “un dos problemas é que non hai rexistro algún de nomes, como no caso das vides no viño, polo que temos que ‘bautizalas’ en torno a diferentes criterios, pero sempre intentando que calquera persoa de fora que escoite o nome, lle sone a Galicia”. Hai que ter en conta que “quen pon o nome son os autores da descrición da variedade, pero tamén que está suxeito a unhas normas: non se poden poñer nomes de lugares, ou nomes que xa estean rexistrados para outras especies o incluso outros produtos. Non é fácil, aínda que neste caso, cada nome que puxemos ten unha historia detrás”, comenta Martínez. Deste xeito, utilizaron resgos propios da zona onde se atoparon para denominar algunhas delas, como ‘Brétema’, ‘Carapucho’, ‘Amoreira’, ‘Folgueira’, ou ‘Hedreira’. Noutros casos, recorreron a criterios de vellos botánicos do S. XIX para darlles nomes galeguizados dalgúns dos investigadores e colaboradores do proxecto, como ‘Santiagueira’, ‘Carmeliña’, ‘Maruxiña’, ‘Susiña’ ou ‘Xoana’ pola Fundación Juana de Vega. Actualmente, destas últimas variedades existe un artigo de investigación sobre un estudo con caracterizacións a nivel molecular e botánico, onde tamén se fai referencia a ‘Brava’ e ‘Mansa’. Neles amósase medicións en torno a varias partes, como a folla ou diferentes partes do froito. Algunha das conclusións que destaca o estudo é que a pesar das diferencias de tamaño entre ambas partes, a súa forma mantense constante. Esta imaxe sacada dun estudo do grupo de investigación representa as similitudes en forma do froito: 

Localización das variedades

Aínda que todas estas castes de oliveira se atopan dentro de Galicia, existen algunhas delas con predominancia en certas zonas concretas, mentres que outras aparecen en toda Galicia. Nun primeiro momento, o grupo de investigación liderado por Carmen Martínez actuou sobre partes do territorio que se adecuaban a estes cultivos, ou das cales existían referencias do cultivo olivareiro. A zona limítrofe con Portugal, Ourense, ou as partes sur e norte das provincias de A Coruña ou Pontevedra sitúanse entre as que existía unha maior presencia. Imaxe das diferentes zonas de estudo En municipios como Sergude, Lestedo ou Boqueixón -sur de A Coruña-, ou Campo Lameiro e Cotobade -provincia de Pontevedra-, a maioría de exemplares centenarios localizados pertencen á variedade ‘Brétema’, mentres que na comarca de Vigo, por exemplo, se corresponde máis coa caste ‘Mansa Galega’. Sen embargo, no sur da provincia de Lugo -en municipios como Quiroga ou Ribas de Sil- predomina ‘Brava Galega’, ‘Folgueira’ e ‘Carmeliña’. Do mesmo xeito, a variedade ‘Xoana’, de novo xunto a ‘Brava’ ocupan especialmente o noroeste da provincia de Ourense.

A recuperación de oliveiras autóctonas achega novas posibilidades ao sector agrario galego

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, finaliza a primeira fase da liña de investigación sobre a recuperación, descrición e recoñecemento de antigas variedades autóctonas de oliveiras de Galicia. A Fundación Juana de Vega financiou a totalidade do proxecto, ata o momento. Os resultados materializáronse na identificación de 20 variedades autóctonas únicas no mundo. O Consello Superior de Investigacións Científicas iniciou o proceso de rexistro de 11 delas, de gran interese comercial, e proseguirán coa certificación de varios clons de cada unha.

Resultados e potencial futuro

A diversidade natural galega amplía horizontes a partir dos resultados obtidos polo grupo Vior, abrindo un novo campo de traballo con futuro. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, afirmou que “hoxe comezouse a recuperar algo que co tempo se foi perdendo: unha gama de variedades autóctonas de oliveira que agora cómpre poñer en valor”. A xefa do grupo de investigación, María del Carmen Martínez, anunciou que “a diferenciación destas variedades, descoñecidas ata o momento, contribúe a ampliar a diversidade do patrimonio agrario común”. Deste xeito, “Galicia pasa a ser, xunto con Portugal, unha das zonas olivareiras máis occidentais do continente europeo”, expuxo. “Trátase de variedades únicas e diferentes que producen aceites de diferentes calidades, que ata agora estaban desaparecidas”, informa a xefa do grupo de investigación. “A partir dunha subida de impostos do Conde Duque de Olivares, en Galicia cortáronse moitos pés, pero quedaron repartidos por todo o territorio exemplares destas variedades”, detalla Martínez. Con este proxecto de investigación o grupo Vior percorreu todo Galicia, “atopando oliveiras centenarias mesturadas en montes de castaños e en espazos moi plurais”, relata a xefa do grupo. Estas oliveiras non tiñan nome, estaban sen rexistrar, “só se conservaban por tradición oral os nomes de ‘brava galega’ e ‘mansa galega’", aínda que en ambas denominacións albergábanse variedades diferentes pola folla, o froito ou o perfil de ADN, entre outras”, amplía. Isto levou á necesidade de “darlles un nome, unha descrición e rexistralas; requisitos indispensables se se quere proceder á súa plantación nun futuro”, explica Martínez. Paralelamente, para achegar estes resultados á sociedade e aos produtores, o que fixeron desde o grupo investigador foi “multiplicar planta dalgunhas destas variedades para transferirlla a cinco viveiros, a partir da colaboración da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (Apaag)”, avanza Martínez. A pesar de que estas oliveiras estaban repartidas por todo o territorio, existen zonas de maior protagonismo como “Quiroga, a zona do Ulla, Ourense, Verín, Tui, e incluso a zona do Ribeiro”, especifica a investigadora. O xeito de abordar este traballo foi “ir recollendo mostras por todo Galicia, facendo descricións botánicas, e establecendo unha serie de códigos rexistrados”, comenta a xefa do grupo. Os retos máis próximos que se achegan a esta liña de traballo pasan pola multiplicación a gran escala das variedades descritas ou á súa adaptación a diferentes zonas de Galicia. Ademais, isto pode supoñer o xermolo dunha Denominación de Orixe de aceite galego debido a que “temos todos os ingredientes para conseguila”, comenta Martínez. Pola súa parte, o delegado do Csic en Galicia, Javier Rei, destaca “a súa convicción de que os aceites galegos teñen un futuro inmellorable e que, ademais de promover o consumo de kilómetro cero, teñen unha altísima calidade”. A este respecto, a investigadora fai fincapé de novo na “diversidade, e nos toques aromáticos propios de Galicia” que puido identificar nun par de probas realizadas.

Inicios e próximas colaboracións

 Este proxecto parte do 2012. Inicialmente o grupo de investigación do Csic estaba enfocado ao aceite de semente de uva ata que, unha colaboración coa empresa desaparecida Invatia Research cambiou o foco de investigación á oliveira. Este cambio deu lugar a apertura dunha nova liña de traballo centrada na recuperación de variedades autóctonas. No 2017, a colaboración da Fundación Juana de Vega consolidou o proxecto de ‘Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveira autóctonas’. O interese do proxecto motivou recentemente a apertura de conversacións coa Xunta de Galicia para o establecemento de campos de ensaio que permitan unha caracterización agronómica das diferentes variedades, así como a multiplicación da planta de cara a trasladala ao sector produtivo.

“Foi un éxito apostar polas variedades galegas para diferenciar os nosos viños aromáticamente”

Mar Vilanova, doutora en Bioloxía e investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), foi premiada recentemente pola Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) polo seu libro "O potencial aromático das variedades de vide cultivadas en Galicia", un galardón que recolleu o 18 de setembro en París. Trátase dunha obra que recolle os resultados de máis de 20 anos de traballos de investigación que realizou a autora sobre as variedades de vide cultivadas na comunidade galega. O libro, editado pola Xunta de Galicia, foi presentado o pasado 27 de xullo por Ángeles Vázquez, exconselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, no Pazo de Quián (Boqueixón). ¿Como xurdiu o teu interese por elaborar un libro sobre “O potencial aromático dás variedades de vide cultivadas en Galicia”? O estudo da composición aromática das variedades de cultivo tradicional en Galicia xorde a partir da colaboración coas adegas coas que veño traballando durante anos e cuxo obxectivo sempre foi a procura da mellora da calidade e diferenciación dos viños galegos. O aroma dun viño é unha das características máis importantes á hora de avaliar a calidade e a tipicidade e diferenciación, e esta calidade vén dada polas características da uva. Levo máis de 20 anos caracterizando as variedades de vide de cultivo tradicional en Galicia nas miñas investigacións, primeiro estudando como o lévedo de fermentación afecta ao aroma dos viños, traballo que desenvolvín na Universidade de Bordeus (Francia), a Universidade de Santiago de Compostela e no Australian Wine Research Institute de Adelaida (Australia).
“Cada vez valóranse máis os aromas moi ligados á variedade e ao ambiente de cultivo”
Posteriormente, na Universidade do Minho en Portugal e no CSIC, onde levo xa 15 anos, dirixín a miña investigación cara ao estudo do efecto do ambiente (solo, clima, prácticas de cultivo) sobre o aroma. Isto permitiume crear unha enorme base de datos dos aromas das variedades de cultivo tradicional en Galicia que é o que se inclúe no libro, a modo de fichas nas que se presenta o perfil aromático de cada variedade. ¿Que parámetros resultan máis relevantes para medir o potencial aromático dunha variedade? Gustaríame facer fincapé na calidade diferenciada, posto que o concepto de calidade cambiou na última década pasando de definir a calidade como uva sa e madura tendo en conta unicamente os metabolitos primarios, como son o azucre e os ácidos orgánicos, a valorarse como factores positivos as características sensoriais que achegan os produtos do metabolismo secundario, e máis concretamente os aromas moi ligados á variedade e ao ambiente de cultivo. Por este motivo espertouse un enorme interese cara ao estudo do metabolismo secundario da uva pola súa implicación na tipicidade varietal e por tanto na diferenciación. En base a isto no libro faise un estudo completo da composición aromática das variedades a nivel das diferentes familias de aromas: terpenos, norisoprenoides, esteres, ácidos, aldehídos, alcois, fenois volátiles e lactonas. Cada familia de compostos revela unha familia de aromas, como pode ser aromas froitais, florais, vexetais ...etc, e cada composto de cada unha das familias ten un aroma particular (mazá, pera, pexego, rosa, herba cortada, ..etc). Desta forma podemos elaborar o perfil aromático de cada variedade, tan importante á hora de valorar a calidade dun viño. Este é un traballo que non se fixo até agora, xa que fan falta moitos anos para chegar a caracterizar unha variedade, ademais de laborioso do estudo do aroma onde identificamos e cuantificamos mais de 50 compostos. ¿Nótanse moitas diferenzas de perfís aromáticos entre as variedades autóctonas de Galicia e as foráneas? Non se inclúen variedades foráneas neste libro, unicamente as de cultivo tradicional en Galicia e por tanto na súa maioría minoritarias. Porén, hai que dicir que cada variedade é diferente ás demais, algunhas teñen un perfil máis floral outras son afroitadas, nalgunhas destacan os aromas fenólicos (coiro, regaliz....). O importante é a diferenciación e esta vén dada non só pola variedade senón tamén polo ambiente no que se cultive. É moi difícil sacar un produto similar cando xogas con estas dúas variables tan diferentes. Quero facer fincapé nisto, variedade e ambiente deben ser respectados no proceso de vinificación para non perder a nosa identidade e diferenciación.
“Pódense plantar variedades de vide en calquera lugar do mundo pero o ambiente no que se cultiven fainas diferentes”
As variedades de vide son propiedade da humanidade, pódense plantar en calquera lugar pero as características varietais cando esas variedades cultívanse nun ambiente determinado non se poden imitar. Iso é o que nos diferencia. Non debemos esquecer que debido á globalización varietal o consumidor está cansado de beber sempre o mesmo vaia onde vaia. ¿Algunha variedade que che sorprendeu? Todas me gustan porque son diferentes ao que existe fóra de Galicia. Os nosos viños son diferentes non só porque as variedades son únicas, senón tamén porque os ambientes nos que se cultivan son tamén únicos e isto é o que marca a tipicidade e diferenciación dos nosos viños e por tanto o éxito nun mundo vitícola tan globalizado. Doutra banda, a decisión tan acertada da administración de non permitir o uso de variedades foráneas para a elaboración de viños de calidade amparados en Denominación de Orixe Protexida (DOP) está detrás deste éxito, xa que potenciou e puxo en valor as nosas variedades tradicionais. ¿Desde o punto de vista agronómico, cales son as localizacións, os sistemas de condución e as prácticas agronómicas que máis potencial o perfil aromático das uvas? Os diferentes ambientes dan lugar a matices aromáticos diferentes ás variedades de vide, pero non cambian a súa identidade. Isto é debido, fundamentalmente, á influencia do clima no aroma das variedades de vide que é tamén o causante das diferenzas entre colleitas. A nivel de prácticas de cultivo traballamos no “esfollado precoz” que mellora moito a calidade aromática das variedades de vide. O sistema de condución é moi importante á hora de captar a maior insolación e así a mellor maduración aromática da uva. A elección dun bo portainxerto, adaptado ao solo e con boa afinidade coa variedade vimos que tamén inflúe na calidade aromática.
 “O esfollado precoz mellora moito a calidade aromática da uva”
Agora estamos a traballar no efecto da rega sobre o aroma das variedades de vide, buscando unha viticultura sustentable baseada no uso responsable da auga e estamos a ver a gran influencia da auga na calidade aromática. Vemos que se gasta auga inutilmente, moitas veces sen saber en que momento a planta necesita esa auga e isto vai en detrimento da calidade. ¿Que tipos de perfís aromáticos detectas que demanda o mercado e que vantaxe poden ter neste sentido as variedades galegas? A vantaxe fundamental das nosas variedades e ambientes é a diferenciación dentro dun mundo vitícola tan globalizado. Non debemos esquecer que a nivel mundial prodúcese unha importante redución da biodiversidade varietal, xa que das 6.000 variedades existentes unicamente 13 variedades son as que se cultivan en practicamente todos os países e supoñen xa un 36 % da superficie mundial dedicada ao cultivo da vide, segundo datos achegados pola OIV.
 “O reto actual da viticultura non é só o de producir uva da máis alta calidade senón que, ademais, lograr maiores cotas de diversidade, diferenciación e tipicidade”
Esta tendencia xeral conduce, coa excepción dalgúns grandes viños, cara produtos indubidablemente bos pero de gusto estandarizado e onde o único elemento de diferenciación é o prezo. A única forma de saír desta espiral é a de producir viños con perfís de calidade peculiares ligados ao territorio e diferenciando máis os produtos. Por tanto, o reto actual da viticultura non é só o de producir uva da máis alta calidade senón que, ademais, o de lograr maiores cotas de diversidade, diferenciación e tipicidade. Neste sentido Galicia conseguiu diferenciarse apostando por variedades de cultivo tradicional conseguindo unha calidade diferenciada que supuxo un maior valor e unha maior competitividade e isto foi debido a que apostamos pola nosa diversidade varietal. ¿En que liñas de investigación estás a traballar neste momento? Neste momento estamos a traballar nun proxecto a nivel nacional sobre o uso responsable de auga de rega e como inflúe na calidade aromática das variedades de vide a cantidade de auga e o momento de aplicación. O obxectivo deste proxecto é estudar a influencia de diferentes estados hídricos no metabolismo da uva implicado na calidade de diferentes variedades brancas de vide (Verdejo, Moscatel, Airen, Macabeo, Ciguente e Albariño) co fin de facer un uso responsable da auga. Tamén estamos a traballar coa variedade Loureira, unha variedade moi interesante aromáticamente, estou a estudala no Rosal e tamén no norte de Portugal. É unha variedade que mellora moito cando se aplica o esfollado precoz e por iso estámolo aplicando a esta variedade para ver como se comporta a nivel de calidade aromática. Tamén estamos a traballar, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e con adegas da DOP Ribeira Sacra, no estudo da calidade e sanidade da uva mediante cámaras multiespectrais soportadas por un dron. Outro dos proxectos nos que participo é sobre o uso do OZONO para mellorar a calidade aromática e a sanidade de acio. Este é un proxecto que se desenvolve na Universidade de Turin (Italia) e cos que levo traballando desde o ano pasado.
Mar Vilanova, primeira pola esquerda, na presentación do libro O libro “O potencial aromático das variedades de vide cultivadas en Galicia” conta ademais cunha ampla introdución dividida en tres capítulos nos que colaboraron persoas de prestixio nos seus respectivos ámbitos: No primeiro capítulo, Ricardo Rivas (Subdirector Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural) e Juan Carlos Alonso, que tamén traballa nesta Consellería, describen os profundos cambios que se produciron na viticultura galega nos últimos 30 anos. Partindo dunha viticultura familiar de autoconsumo, como en pouco tempo os nosos viños situáronse nun alto nivel de calidade e son demandados a nivel internacional. O segundo capítulo, desenvolvido por José Miguel Martínez-Zapater, Director do instituto de Ciencias da Vide e o Viño de Logroño, xenetista de prestixio internacional que xunto con Javier Ibañez investigador do mesmo centro, abordaron un capítulo interesantísimo sobre a orixe e as relacións de parentesco das variedades de cultivo tradicional en Galicia. E por último o terceiro capítulo, escrito por Juan Cacho, Profesor emérito da Universidade de Zaragoza e que dedicou toda a súa vida ao estudo do aroma dos viños, introdúcenos no mundo do aroma e as familias aromáticas implicadas na calidade e na diferenciación dos viños.

Investigadores galegos avanzan na mellora xenética do millo fronte ás pragas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Vigo continúan avanzando, a través da súa Unidade Asociada “Agrobioloxía ambiental. Calidade de solos e plantas”, constituída en 2014 e da que en 2017 se prevé asinar a súa renovación por outros tres anos, en novos coñecementos científicos acerca dos mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a pragas e a outros estreses do millo, o que abre a porta a novos programas de mellora xenética da especie cos que se incremente a calidade e produción do cultivo. Dirixida a afondar no coñecemento científico do papel da parede celular na resistencia do millo á praga do insecto perforador, esta Unidade Asociada suma o traballo que se está a levar a cabo entre o Grupo de Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra), centrado sobre todo en xenética e mellora da resistencia, e do grupo multidisciplinar BEV1 do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía, que achega a súa experiencia no coñecemento e análise da parede celular. Polo momento os datos obtidos, que están xa a ser publicados en numerosas revistas de referencia en Ciencias Agrarias, suxiren que as paredes celulares máis fortificadas ou de maior grosor producen millos máis resistentes, chegando a descubrir rexións no xenoma que albergarían xenes involucrados na síntese de certos compoñentes da parede e que terían un destacado papel na resistencia. Por que algunhas plantas resisten mellor as pragas, as secas ou as xeadas? “Estamos a traballar na identificación dos mecanismos xenéticos de defensa do millo fronte aos estreses que afectan o cultivo, tentando comprender por que hai plantas que resisten dunha forma diferencial ás pragas ou enfermidades e toleran distintos estreses ambientais como a seca ou o frío. Neste contexto, obtivemos importantes avances. Así, recentemente identificáronse rexións do xenoma do millo que inflúen en certos compoñentes da parede celular e que tamén albergan xenes de resistencia á praga dos perforadores”, destacan Rosa Ana Malvar Pintos, do CSIC, e Manuel J. Reigosa Roger, da Universidade de Vigo. “Estudos previos atoparan unha relación directa entre as cantidades de hidroxicinamato nas paredes celulares dos tecidos da medula do millo e a resistencia á praga dos perforador. Un aumento dos hidroxicimanatos na parede celular fortifica as mesmas e dificulta o acceso das larvas ao alimento”, explican os investigadores. Neste contexto, a Unidade Asociada desenvolveu unha poboación de millo que segregaba para o contido en distintos hidroxicinamatos. Esta poboación foi xenotipada usando marcadores moleculares e avaliada para resistencia aos perforadores (medindo a lonxitude das galería producidas polas larvas) e fortificación da parede celular (analizando o contido en hidroxicinamatos). Iso permitiu detectar que certas rexións do xenoma do millo que controlan o contido en determinados hidroxicinamatos tamén poden ter un papel importante na resistencia, o que corrobora a relación xenética entre resistencia e fortificación da parede que xa fora suxerida en estudos previos. Novos proxectos Aclarado este aspecto, a Unidade Asociada está agora inmersa nun estudo que pretende dilucidar que compoñente ou que grupo de compoñentes da parede ten unha maior influencia sobre a resistencia. A isto únese a recente concesión do proxecto “Composición da parede celular. Función e balances entre resistencia a estreses (bióticos e abióticos), dixestibilidade animal e produción de bioenerxía”, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo avanzar no estudo da influencia dos compoñentes da parede celular na tolerancia á seca, a dixestibilidade animal e a produción de bioetanol.

Os compostos fenólicos, unha nova vía para combater as enfermidades fúnxicas da vide

As enfermidades causadas por fungos na videira, e dun xeito moi particular naquelas zonas xeográficas nas que –como na Galiza- o desenvolvemento dos patóxenos vese favorecido polas condicións climáticas, son unha das maiores preocupacións dos viticultores. Son moitas, en efecto, as enfermidades de orixe fúnxica que sofre de forma sistemática a vide nas comarcas vitivinícolas galegas, moitas e de moi diversa consideración. Sen dúbida, mildeu, oídio e botrite (producidas polos fungos Plasmopara viticola, Erysiphe necator, e Botrytis cinerea respectivamente) son as enfermidades fúnxicas que máis afectan aos nosos viñedos, que tamén son atacados por outros fungos como a armilaria (Armillaria mellea), a excoriose (Botryosphaeria dothidea) e a esca, unha complexa enfermidade da madeira atribuída hoxe á acción conxunta de alomenos dous fungos ascomicetos (Phaeomoniella chlamydospora e Togninia minima) e o basidiomiceto Fomitiporia mediterranea. E todos estes fungos provocan, en maior ou menor medida, unha caída da produción e da calidade do froito –ben sexa pola redución do vigor da planta, ben pola infección directa das uvas- e obrigan aos viticultores a efectuar importantes desembolsos económicos na compra de produtos químicos para o control e tratamento dos seus viñedos. Pero xunto ao importante custe económico, hai que considerar outros impactos negativos derivados do uso abusivo de produtos químicos no tratamento e control dos patóxenos, entre outros a contaminación ambiental, a aparición de residuos indesexábeis ou mesmo tóxicos nas uvas e/ou viños, e o desenvolvemento de poboacións resistentes entre os axentes patóxenos.

O papel dos compostos fenólicos na protección das videiras fronte aos fungos

Xustifícase así o crecente interese na procura de métodos alternativos para o control das enfermidades fúnxicas, tanto pola vía da chamada loita biolóxica como pola da investigación de estratexias que explotan as fontes de resistencia natural das plantas fronte aos patóxenos. Sen esquecer por elo que nos mecanismos de defensa dos vexetais participan outros factores, tanto mecánicos (grosor da epiderme, características dos estomas,...) coma bioquímicos (síntese de proteínas relacionadas coa patoxénese, reforzamento da parede celular, lignificación,...), nin o papel que os compostos fenólicos xogan nalgún destes mecanismos, centrareime naqueles que implican a intervención das chamadas fitoalexinas.
 “As fitoalexinas interveñen na defensa fronte a enfermidades fúnxicas”
Os vexetais producen unha grande variedade de metabolitos secundarios que amosan propiedades de interese na defensa fronte a enfermidades de orixe fúnxica; son as chamadas fitoalexinas, moléculas que teñen unha vida curta (72-96 horas) producidas polas plantas ben como un xeito de protexerse fronte aos ataques de axentes patóxenos, ben para adaptarse a condicións de estrés abiótico; trátase, xa que logo, de mecanismos de defensa fronte a estreses, tanto bióticos como abióticos. O termo fitoalexina aplicouse ás moléculas sintetizadas “de novo” a partires doutras precursoras pero hoxe sábese que poden ser tanto sintetizadas como acumuladas trala exposición a determinados microorganismos ou axentes abióticos coma a radiación UV. Patxon, no 1980, define ás fitoalexinas como “compostos antimicrobiáns de baixo peso molecular que son sintetizados e acumulados nos vexetais despois da exposición a microorganismos ou axentes abióticos”, unha definición amplamente aceptada hoxe. Pois ben, entre os compostos que actúan como fitoalexinas nos vexetais, xogan un importante papel aqueles de natureza fenólica, compoñentes do metabolismo secundario que poden estar localizados como formas libres nas vacuolas ou formar parte das paredes celulares e que abundan nos froitos. Pola súa estrutura química, pódense definir como substancias que posúen un anel aromático que contén polo menos un grupo hidroxilo, incluíndo derivados funcionais (glicósidos, ésteres,...); así, o composto fenólico máis sinxelo sería o fenol, cun único anel aromático e un grupo OH como única substitución na súa molécula, e a partir desta estrutura constrúese toda unha serie de compostos de maior complexidade (fig. 1). No reino vexetal téñense descrito varios milleiros de compostos fenólicos, que se clasifican en distintos grupos e posúen unha chea de propiedades de interese. Moitos deles inflúen nas características organolépticas de alimentos e bebidas (cor, astrinxencia, aroma, sabor,...) e, en moitos casos, téñense asociado con efectos beneficiosos na saúde humana pola súa actividade antioxidante. É o caso do resveratrol e os seus derivados (relacionados coa redución do risco de padecer enfermidades cardiovasculares) ou dalgúns derivados da quercetina, aos que se lle atribúen actividade fisiolóxica contra alerxias, hipertensión, artrite e mesmo como axentes preventivos contra o cancro. Pero, como xa adiantamos, moitos destes compostos –particularmente os chamados estilbenos (fig. 2)- poden actuar como fitoalexinas fronte a determinadas situacións de estrés. Desde que Langcake e Pryce observaron no 1976 a presenza do resveratrol nas follas da vide como resposta á infección pola botrite, a busca de novas fitoalexinas na vide e o estudo do seu papel na protección das plantas fronte aos ataques de fungos, ten progresado de forma importante. Estes autores, constatan que nos extractos das follas infectadas pola Botrytis cinerea ou irradiadas con luz UV aparece este composto ou algúns derivados aos que chamaron de forma xenérica “viniferinas”, que non aparecen nos extractos obtidos a partir de follas sans. Estudan a súa actividade contra o crecemento do micelio da botrite e suxiren que o resveratrol é un precursor das viniferinas e doutros derivados que –como o chamado pterostilbeno- serían as verdadeiras fitoalexinas, un feito que comproban mediante a exposición das plantas á luz ultravioleta.

Vides tolerantes á botrite, ao oídio e ao mildeu

Xa no 1981 Pool e os seus colaboradores falan da existencia dunha correlación positiva entre a síntese do resveratrol e a resistencia das castes de vide ás enfermidades fúnxicas (botrite e mildeu sobre todo), unha relación que quedou probada traballando con plantas de cultivo in vitro no 1995. Púidose comprobar que as uvas dos cultivares tolerantes á Botrytis cinerea sintetizan máis resveratrol e viniferinas que as susceptíbeis, e que os híbridos de V. riparia por V. berlandieri producen máis resveratrol que os cultivares de Vitis vinifera. No ano 2004, Pezet e os seus colaboradores, observan que as plantas susceptíbeis ao mildeu, tras a infección, sintetizan grandes cantidades de resveratrol, que logo é rapidamente transformado en piceido, un estilbeno non tóxico para o fungo, mentres que nas plantas resistentes o resveratrol –que tamén se sintetizaría en cantidades importantes- sufriría unha reacción de oxidación que daría lugar á síntese das viniferinas, cunha elevada toxicidade para o fungo, unha conclusión á que chegan outros autores con plantas susceptíbeis ao oídio. Aínda que hai pouca información sobre o papel dos compostos fenólicos na loita contra das enfermidades da madeira na vide, vense afirmando que –no caso da esca- existe unha relación directa entre o contido en compostos fenólicos e o grado de susceptibilidade ao patóxeno, de tal xeito que os cultivares con menor contido en compostos fenólicos son os máis susceptíbeis á esca. Os compostos fenólicos abren a posibilidade de combater as enfermidades fúnxicas por métodos alternativos No noso laboratorio da Misión Biolóxica de Galicia, traballando con plantas con e sen síntomas de esca, puidemos tirar algunhas conclusións; citaremos as dúas que semellan abrir máis posibilidades de traballo futuro: 1ª.- A concentración de compostos fenólicos en follas é sempre maior nas plantas enfermas que nas sans, mentres que nas uvas a concentración maior dáse nas plantas sans. 2ª.- Todos os estilbenos presentan maior concentración nas plantas enfermas, tanto nas follas como nas uvas (fig. 3). En base a estes coñecementos, pódense propor diferentes estratexias que permitan o control das enfermidades de orixe fúnxica por métodos alternativos: 1.- Aplicación de fitoalexinas (ben naturais ben de síntese) como funxicidas. 2.- Selección e mellora de plantas con maior nivel de produción de fitoalexinas ou precursores de natureza fenólica. 3.- Obtención de exemplares que sobreexpresen os xenes que regulan a produción de estilbenos e outras fitoalexinas. E, desde o noso punto de vista, serían as dúas últimas propostas as que maior interese presentan. En efecto, o feito de que os estilbenos e algún outro composto fenólico teñan unha marcada actividade antifúnxica suxire a súa utilidade como marcadores da resistencia aos fungos e, evidentemente, a obtención de plantas que sobreexpresen o xen que regula a produción de estilbenos semella un camiño cun inmenso futuro. En todo caso hai que facer constar que, na meirande parte das plantas transformadas xenéticamente para potenciar a produción de estilbenos, o produto final predominante é o piceido, un derivado glucosilado do resveratrol que –como xa dixemos- semella ter unha actividade antifúnxica baixa.

Unha tese abre a porta a lograr verduras aínda máis saudables

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no marco da tese doutoral realizada por Tamara Sotelo Pérez na Misión Biolóxica de Galicia (MBG), avanzou no coñecemento dos xenes implicados na síntese e regulación de compostos biosaudables nas brásicas ( verza, repolo, brócoli..) e observou que as follas destes cultivos posúen maior capacidade antioxidante e os brotes maior concentración de glucosinolatos. Estes resultados, que se publicaron en revistas científicas de impacto como "Plos One", apuntan cara á recomendación dun consumo habitual de brásicas que inclúa diferentes partes destas e abren novas posibilidades para programas de mellora xenética enfocados a incrementar a calidade nutricional destes cultivos a través da modificación tanto do contido de glucosinolatos coma de compostos antioxidantes. A tese, con mención internacional, "Brassica oleracea como fonte de compostos biosaudables: aproximación xenética", realizouse baixo a dirección de Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, e Pilar Soengas Fernández, científica do CSIC. Defendeuse recentemente na Universidade de Vigo e obtivo a cualificación de Sobresaliente cum campa. O xénero Brassica está integrado por 37 especies e numerosos cultivos, entre os cales destacan pola súa importancia económica o grelo, berza, repolo, coliflor ou brócoli. Constatouse que o seu consumo regular ten un efecto beneficioso para a saúde grazas ao seu contido en determinados compostos biosaudables. "Ábrese a porta á mellora da calidade nutricional das brásicas" Neste contexto, a tese centrouse en estudar e identificar os xenes implicados no contido nestes compostos, o que abre novas posibilidades aos programas de mellora xenética da especie, ata agora enfocados na produtividade, a resistencia a enfermidades, a uniformidade do produto e a calidade comercial," explica Tamara Sotelo Pérez, autora da tese. Por iso, un dos principais obxectivos da investigación foi incrementar o coñecemento das bases xenéticas da actividade antioxidante (fundamentalmente, compostos fenólicos e carotenoides) e dos compostos glucosinolatos para non só coñecer a súa síntese e regulación, senón para poder modificar a súa concentración en futuros programas de mellora xenética e obter cultivos cun perfil de antioxidantes e/ou glucosinolatos específico. Por unha parte, realizouse un estudo e busca de rexións do xenoma implicadas na actividade antioxidante en brásicas e na acumulación e composición de glucosinolatos en diferentes órganos de Brassicaoleracea. Todo iso co fin último de identificar posibles xenes relacionados. Os compoñentes saudables das brásicas son herdables e pódense mellorar Por outra parte, a investigación mostrou que a concentración de glucosinolatos nas brásicas é un carácter altamente herdable e que pode modificarse mediante métodos de selección convencional. Ademais, ten visto que a modificación da concentración dun glucosinolato en particular ten un efecto, xa sexa en maior ou menor medida, sobre o resto de glucosinolatos da planta. Tamén se realizou un estudo pioneiro que analizou a relación entre os diferentes métodos científicos empregados actualmente para medir a actividade antioxidante dun cultivo (entre eles, o ABTS,FRAP e DPPH) co contido en compostos fenólicos, carotenoides e antocianinas. Os datos obtidos indican que aínda que os resultados dalgúns métodos son comparables entre si, é conveniente empregar varias técnicas para unha correcta avaliación da actividade antioxidante dun cultivo.