Archives

“Pasamos de producir leite desde a excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”

Hai máis de 50 anos, cando o seu avó se asentou en Fisteus, ao lado de Curtis, coas súas 5 vacas nunca imaxinou unha granxa con máis de 1.000 cabezas. “O crecemento sempre estivo no ADN da familia”, di Alberto Lamas, que está á fronte dunha gandería que moxe na actualidade 450 vacas e produce uns 15.000 litros diarios de leite. Ese crecemento experimentado por SAT A Campa obrigouno a tomar nos últimos anos decisións pensando a explotación desde unha óptica empresarial. “Pasamos de producir leite desde o punto de vista da excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”, asegura. O paso da man de obra familiar a depender de traballadores contratados foi o detonante para cambiar o tipo de gando e para apostar pola robotización de tarefas como o muxido ou a alimentación. “Sen os robots e sen buscar a facilidade de manexo nas vacas non seriamos capaces de levar esta granxa con só 6 empregados”, di convencido. Décadas de crecemento constante A Campa sempre foi, en certo modo, unha gandería adiantada ao seu tempo. Pioneira no sistema de estabulación libre e sala de muxido, foi tamén das que apostou no seu día por animais de alto valor xenético e pola implantación e venda de embrións. En 1995 montaron a súa propia queixería, Queinaga, dentro da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, para transformar e valorizar o seu leite e, necesitados de máis materia prima, no 2008 mercaron outra granxa en Cesuras, a 5 km da Campa, cunha capacidade para 150 cabezas, para dobrar a produción.
Alberto está hoxe á fronte da granxa e o seu pai da queixería
No 2019, xa con 180 animais en muxido na Campa e 200 en Cesuras, fixeron un novo establo para concentrar en Curtis toda a produción e destinar a granxa de Cesuras á recría. “Hai 15 anos tiñamos 150 vacas e hoxe estamos muxindo 450”, destaca Alberto, que non ten en mente a día de hoxe seguir aumentando máis. De vacas e touros top a animais funcionais Cando se incorporou, no ano 2010, fíxoo apostando por animais de alto valor xenético. “Cheguei a mercar unha vaca de 22.000 euros en Silleda e xunto con outras dúas ganderías, San Rian e Grilo, tivemos o touro factor vermello número un do mundo, nacido aquí en Galicia, na esquina de Europa, que foi vendido en 40.000€ para ABS Inglaterra”, lembra.
Cando me incorporei cheguei a comprar unha vaca de 22.000 euros nunha subasta en Silleda, pero hoxe cambioume a mentalidade
Agora, con 35 anos, recoñece que lle cambiou a mentalidade. “Ségueme gustando a vaca, igual que me gusta o cabalo, pero hai que mirar a rendibilidade. Cando eu me incorporei empecei a tope coa xenética, indo a concursos e mercando animais en todas as subastas, pero dinme conta de que hai máis mundo ca iso. Tocar ese extremo serviume para ver que non era o camiño”, opina. Paso a Procross buscando facilidade de traballo Hai 5 anos comezou a cruzar as vacas frisonas que tiña na procura de animais máis resistentes e doados de manexar. “Empecei a cruzar cando a situación da granxa cambiou. A medida que as necesidades de man de obra contratada se foron incrementando necesitabamos simplificar o manexo do gando e buscar facilidade de traballo diario. As vacas cruzadas ofrecen iso”, asegura. Hoxe moxen 450 vacas: 140 jersey e o resto holstein puras e cruzadas, que xa representan o 35% das vacas en produción e están a aumentar día a día, a medida que as frisonas puras van abandonando o establo.
O aumento do volume e a necesidade de man de obra externa leváronme a cruzar
“Estamos xa inseminando todo con Procross”, indica, completamente convencido da decisión que tomou. “Moita xente que empeza a cruzar para antes de tempo, porque os primeiros cruces son máis desiguais e ao telas mesturadas coas outras o primeiro que notas é unha pequena baixada de produción, pero os resultados vense a máis longo prazo”, afirma. Un lote jersey para lograr diferenciación no leite Antes de empezar a cruzar, Alberto mercou vacas de raza jersey traídas de Dinamarca. “Introducimos a raza jersey para buscar nicho de mercado e diferenciarnos. Nesa época o leite valía pouco e era todo igual”, di. De modo que cando construíu o novo establo fixo toda unha ala da nave adaptada ao tamaño desas vacas, con cubículos máis pequenos (112 centímetros nas jersey fronte a 128 nas frisonas).
As jersey son áxiles e moi curiosas e van máis ao robot, pero tamén son delicadas
Aquel leite con máis sólidos serviulle para acceder a empresas como Inleit ou Entrepinares pero as dificultades de manexo eran semellantes ás que tiña no rabaño frisón. “É certo que logrei o obxectivo de ter un leite diferente, pero dinme conta de que coa raza jersey tiña os mesmos problemas que coa holstein e que se quería ir a máis volume de gando esa raza tampouco me valía, porque a jersey tamén é delicada, se a apertas dache, como a frisona, pero tamén rompe”, afirma. Da vaca individual ao rabaño Co cambio de concepto de gandería familiar a empresa Alberto tivo que cambiar tamén o modo de entender e xestionar a granxa. “Hoxe en día non é a vaca a que condiciona a rendibilidade de calquera explotación, porque a xenética non é xa o principal factor limitante da produción de leite. Si o son, en cambio, aspectos como o grado de cualificación da man de obra, a calidade das forraxes ou a comodidade das instalacións. E, sen embargo, moitas veces seguimos mirando para a vaca e non para esas outras cousas”, argumenta.
O 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan
“Na actualidade, o 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan. A reprodución é o principal factor de descarte hoxe nunha explotación. Polo tanto, eu sabía que tiña que cambiar iso se quería medrar en cabezas e en rendibilidade económica”, razoa. “A holstein non é a raza que máis me compense. Ás veces é mellor un todoterreo que un Ferrari, porque non se dan as condicións para ir a 300 km/h e porque os gastos de mantemento son menores; é un pouco o que pasa coa holstein”, compara.
En equipo a vaca cruzada traballa moito mellor que a holstein
Desde o punto de vista empresarial e de conxunto, di, “as vacas procross aportan homoxeneidade e uniformidade nunha granxa, non destaca unha sobre a outra. En equipo as vacas cruzadas traballan moito mellor que as frisonas puras; iso téñoo claro”, afirma. Aposta pola robotización Xunto aos cambios xenéticos, a outra gran evolución de SAT A Campa nos últimos anos foi a da automatización. Na nave nova teñen instalados 4 robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación para o gando. “Grazas á robotización somos capaces de atender 450 vacas en ordeño entre 6 persoas”, asegura Alberto, que pensa que a modernización das granxas é indispensable para que os mozos tomen o relevo nas explotacións.
Para min segue a ser máis doado de traballar nunha sala de muxido que con robots, pero aportan outras vantaxes
Na nave antiga, onde segue muxindo en sala, fai tres muxiduras diarias. “Os robots de muxido teñen vantaxes e desvantaxes a respecto da sala”, recoñece. “No meu caso unha primeiriza fai máis leite na sala que no robot, porque na sala fai tres muxiduras si ou si, mentres que no robot tarda 2 meses, mentres non lle perde o medo, en lograr os tres pases”, afirma. Produción e sólidos No establo novo, onde moxe 240 animais, o 60% jersey, a media de produción contando as jersey é de 35 litros, ao 4,30% de graxa e 3,70% de proteína. “No inverno baixo un par de litros de produción, pero subo ao 4,80% de graxa”, explica Alberto. O lote de frisonas e cruzadas están en 44 litros de media diaria e a estratexia de crecemento da explotación pasa por seguir apostando polo gando procross e manter un núcleo jersey puro co que contribuír a incrementar as calidades.
Venden o leite a Inleit, Entrepinares e Queinaga
A produción total de SAT A Campa é duns 15.000 litros diarios e venden o leite a tres compradores distintos: Inleit, Entrepinares e Queinaga, á súa propia queixería. Nos tres casos, as porcentaxes de sólidos son fundamentais nos procesos de transformación industrial do leite que levan a cabo. 190 hectáreas de superficie SAT A Campa traballa unha superficie agraria dunhas 190 hectáreas, das que sementaron a millo este ano 150 hectáreas, tras ensilar 170 de herba. “Facemos dous cortes antes de labrar o millo e no resto tres cortes e herba seca”, explica. “Para nós nesta zona é máis doado traballar o millo que a herba. Eu recoñezo que a herba dá leite, pero é difícil ensilala ben, porque non sempre consegues 4 días de bo tempo no momento óptimo, moitas veces ou se che pasa ou cóllela mollada”, di.
Nesta zona é máis doado de traballar o millo que a herba
No caso do millo, sen embargo, logran producións por enriba dos 50.000 kg por hectárea. “Nesta zona sempre temos moi boas colleitas de millo, porque sempre chove algún día no verán e hai humidade polas noites”, explica. Alberto bota man dunha empresa de servizos para facer os traballos agrarios, agás para sacar o purín, que o fan eles directamente. “Cando hai que facer os traballos hai que facer moitas hectáreas en pouco tempo e deixa de ser factible ou rendible facelo ti”, afirma. Alimentación diferenciada e camas de compost Robot de alimentación, que realiza unha ración para as vacas jersey e outra para as frisonas e cruzadas Neste momento a alimentación é diferente no caso das vacas jersey, que teñen unha menor inxesta aínda que un maior índice de conversión a leite, debido a que as necesidades de mantemento corporal son inferiores polo seu tamaño. No resto das vacas en produción a ración é a mesma, aínda que Alberto recoñece que as súas necesidades non son iguais. “O feito de ter mesturadas no establo as vacas cruzadas e as holstein puras impídeme lograr unha maior eficiencia, porque a enerxía que necesita a vaca procross é inferior á holstein, polo que non estamos optimizando ao máximo a alimentación”, admite. “A medida que o número de vacas frisonas vaia reducíndose iremos axustando máis a ración”, avanza. Para as camas do gando, seguen mantendo a area como material de recheo no establo antigo, pero instalaron un separador con célula hixienizadora para a fracción sólida do purín, que utilizan nos cubículos da nave de produción máis recente, construída no 2019.

Ampliación da queixería para triplicar a súa capacidade produtiva

SAT A Campa foi unha das primeiras explotacións en incorporarse á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, abrindo a súa queixería en 1995 como estratexia para valorizar o leite que daban as súas vacas. Co paso dos anos, ao igual que o fixo a granxa, tamén a queixería foi medrando, até verse obrigada na actualidade a mercar leite doutras explotacións da zona. Queinaga transforma neste momento uns 20.000 litros diarios de leite, pero está ampliando as súas instalacións para triplicar a súa capacidade queixeira. Alberto está convencido de que só transformando o leite se poderá acadar un bo prezo no futuro, polo que non ten en mente seguir aumentando ao número de vacas e á produción de leite na granxa, senón apostar pola queixería incrementando o volume de leite convertido en queixo nela.
A industria ten vantaxe porque sempre vai haber leite en abundancia no mercado
“As industrias válense da abundancia de leite para pagar pouco por el e iso eu non vexo que vaia cambiar a curto prazo, porque hai moitas explotacións que se meteron nos últimos anos en créditos e investimentos para medrar e eses gandeiros están obrigados a dar leite, necesitan producir leite a toda costa, aínda que sexa a base de traballar día e noite; pero esa non é a miña filosofía”, di.  “A queixería é un mundo máis difícil pero tamén multiplica máis que a granxa. Ao principio empezas pola gandería porque é o máis fácil, pero a nosa intención agora non é medrar máis en número de vacas, senón crecer coa queixería”, explica.
De cara ao futuro prefiro seguir crecendo coa queixería; a día de hoxe non teño previsto medrar máis coa gandería
Na queixería, situada enfronte da granxa, elaboran queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla en diversos formatos, así como manteca cocida para repostería, que se obtén da graxa que queda no soro resultante de facer os queixos. Producen uns 2.500 kilos diarios de queixo, que venden principalmente en Galicia, aínda que tamén exportan a outros países, como Portugal, Reino Unido ou mesmo China. “Evolucionar e medrar sempre foi un pouco o lema da familia”, recoñece Alberto.
Queinaga e Queizuar (Bama) son hoxe as dúas grandes queixerías da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa
Apostan pola calidade para os seus produtos e defenden que o crecemento non está reñido con manter o sabor e a elaboración tradicional. De feito, Queinaga acadou na última edición da Cata dos Queixos de Galicia dúas medallas de ouro, unha para o seu queixo tetilla e outra para o Arzúa-Ulloa.
Luis Lamas é neste momento o presidente do Consello Regulador 
Carmen Vázquez, a nai de Alberto, segue a ser a mestra queixeira. O seu pai, Luis Lamas, é neste momento o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, logo de substituír este ano a Xosé Luis Carrera, de Arqueixal, que presidiu a denominación durante 24 anos.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Glogal Genetics

“As vacas cruzadas van máis ao robot porque son máis vivas”

Jose Rodríguez, xunto a un dos dous robots do seu establo, onde a metade son xa vacas cruzadas No lugar de Nogueiras, na parroquia de Ferroi (Guntín), atópase Gallardo SC, unha gandería familiar que medrou e se profesionalizou nos últimos 20 anos, cun novo establo, muxido robotizado e unha aposta clara na actualidade polos cruzamentos no gando. Buscaban animais versátiles e que se adaptaran ben aos robots de muxido para reducir a carga de traballo. Jose Rodríguez atende a granxa coa axuda de 3 empregados. Contan na actualidade con 210 cabezas totais (110 vacas en muxidura, 20 secas e unhas 80 xatas e xovencas de recría) logo dun importante crecemento que se acelerou hai 5 anos. “Os meus pais tiñan unha gandería pequena con 19 vacas; cando realmente se empezou a medrar foi cando me incorporei eu no ano 2003. Fixemos un establo novo para 32 vacas que fomos despois ampliando a medida que iamos medrando”, explica.   Nova nave en 2020 Ao ir aumentando de tamaño, Gallardo SC necesitaba unhas novas instalacións para a recría. Con esa intención deseñaron unha nova nave no 2019 para xovencas preñadas e vacas secas pero un ano despois decidiron duplicar a súa capacidade, instalar dous robots de muxido e pasar para ela as vacas en produción, levando os lotes de secas e recría para o outro establo.
Fixemos un primeiro establo no 2003, no que agora temos a recría e as secas, e no 2020 pasamos todos os animais en produción a unha nova nave
Con esa decisión lograron ter unhas cómodas instalacións para todo o rabaño, que facilitan o benestar do gando e o traballo diario na granxa. “O establo vello non era moi antigo e iso permitiunos lograr moi boas condicións para os lotes de recría e vacas secas, equiparables aos das vacas en produción”, indica Jose. A próxima reforma estará pensada para mellorar o espazo destinado ás becerras pequenas, que son as que están neste momento un pouco máis apertadas, recoñece. Secado e postparto en sala Zona de separación a carón dos robots para ter máis vixiadas ás vacas recén paridas Seguen dispoñendo da sala de muxido no establo construído no 2003, o que lles permite utilizala tanto para vacas recén paridas como para facer o secado, de maneira que minimizan os posibles problemas nos robots, ao teren neles unicamente animais que xa están fóra dos períodos máis críticos da lactación.
O manexo do lote de produción nos robots vólvese máis sinxelo ao non meter as vacas para secar e as recén paridas
“Cando temos 5 ou 6 vacas para secar levámolas para o outro establo, cambiámoslles a alimentación, substituíndo a ración de leite pola ración de secas, e muxímolas na sala durante uns días ata poñerlles o secado”, explica Jose. Do mesmo xeito, o postparto tamén o fan habitualmente na sala, aínda que contan tamén cun espazo a carón dos robots nos que separar vacas para poder vixialas máis exhaustivamente, sobre todo no caso das frisonas.
Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito
“Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito. Nós os primeiros días témolas controladas ao lado do robot. Ás frisonas de máis de 3 partos poñémoslles calcio e un bolo de Kexxtone. Facémolo por sistema porque se unha entra en cetose e acaba en desprazamento de abomaso supón máis gasto”, razoa Jose. “Á hora do parto miramos moito por elas, e nos primeiros días de secado tamén”, recoñece. O control da calidade de leite fáillelo Seragro e están a facer secado selectivo. Venda de recría A lonxevidade é unha das características destacadas desta explotación. “Intentamos chegalas aos 5 partos pero nas frisonas non imos máis aló, porque irse a un sexto parto sería arriscarse a ter problemas e como dispoñemos de recría dabondo imos facendo relevo de animais a través de descartes voluntarios”, explica.
A través do relevo voluntario imos metendo xovencas máis produtoras para elevar a media da granxa
Teñen na actualidade 210 cabezas totais e están a vender o excedente de recría, tanto becerras como xovencas. “Con 30 ao ano xa nos sobraría para cubrir a nosa taxa de reemprazo. Como estamos moi por enriba desa cantidade podemos permitirnos substituír vacas por xovencas máis produtoras para incrementar deste xeito a media de produción da granxa e vender a recría que nos sobra”, indica. Cruzamentos Empezaron a incorporar vacas cruzadas no ano 2017, nunha fase de crecemento da granxa, e ao ver o rendemento que daban optaron por inseminar con montbeliarde e rojo sueco tamén os animais da casa. “Fixeramos unha viaxe a Portugal e trouxeramos 4 xovencas a parir aquí. Vimos que eran animais con máis fortaleza e a día de hoxe xa inseminamos todo con Procross”, conta.
Ás veces invirten a orde dos cruces, poñendo primeiro rojo sueco para buscar animais de menor tamaño
“Até o ano pasado estabamos cruzando a metade das vacas e a outra metade non, pero vemos que funciona e agora xa estamos cruzando todo, neste momento a ningunha frisona pura lle estamos poñendo frisón, ou ben a inseminamos con montbeliarde ou ben con rojo sueco”, detalla. “Gústame unha vaca de tamaño medio, o cruce con rojo sueco a min gústame moito porque é unha vaca máis pequena e con moi boas calidades de ubre”, asegura. A media mensual de células somáticas nesta granxa está nas 123.000, con 12.000 xermes de bacterioloxía. As camas de produción e das vacas secas son de area, as xovencas están en colchoneta e as becerras en cama quente de palla. 42 litros de produción por vaca e día Entregan o leite a Entrepinares desde o ano 2014. Rondan os 42 litros de produción por vaca e día, cun 4,20% de graxa e 3,55% de proteína. “Son producións de frisona pero con máis calidades. Antes empregabamos esmartamina e ácido palmítico, pero agora xa non. A produción estase mantendo e para min as cruzadas son vacas máis resistentes e con máis mobilidade cara ao robot. Son vacas máis activas, que acoden máis a muxirse”, destaca.
"Hai vacas Procross que pican moi alto e son superiores a moitas frisonas"
Teñen os animais de produción repartidos en dous lotes, un por cada robot. Nun están os de primeira e segunda lactación, cun máximo de 57 vacas, e noutro as vacas multíparas, con entre 52 e 54 cabezas. Non saturar os robots Gallardo SC ten neste momento 110 animais nos robots. Prefiren non telos saturados para ter neles un tráfico máis fluído e acadar desta maneira medias de 3 muxidos diarios. “Non queremos pasar dos 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite, porque temos comprobado que metendo 120 animais logras ás veces menos leite porque baixas nas medias de entrada ao robot”, explica.
Procuramos non ter máis de 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite
Na sala levaban xa 4 anos facendo tres muxiduras ao día e logrando altas producións, polo que non notaron un incremento importante nos litros por vaca ao pasar aos robots, senón que o aumento do leite no tanque veu dado polo incremento da capacidade da granxa nuns 25 animais máis en produción. Un manexo diferente Ademais de destacar a maior mobilidade de cara ao robot e o incremento das porcentaxes de sólidos, Jose asegura que as vacas cruzadas “non necesitan tantos coidados porque son mellores en saúde, patas e fertilidade”.
As vacas cruzadas saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo que dura unha frisona pura
“Non é unha vaca que haxa que manexar igual ca unha frisona. As holstein teñen lactacións máis longas. As procross, sen embargo, saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo porque podes inseminalas antes”, explica. Gallardo SC logra unha taxa de preñez do 37% nas vacas procross, con 1,97 doses de media, fronte ao 29% e 2,13 doses das frisonas, que representan o 57% do rabaño total da gandería neste momento, fronte ao 43% de vacas cruzadas.
"Quero vivir das vacas e non para as vacas; para min que non haxa problemas é moi importante"
 “As frisonas necesitan unhas instalacións perfectas e moitas máis atencións; a mesmos coidados, as cruzadas dan moitos menos problemas. En tema de medicamentos non hai que tratalas tanto, é algo que notamos claramente”, asegura. Incremento dos ingresos polas vacas de desvelle Ademais dos ingresos pola venda da recría sobrante, Gallardo SC está a obter tamén un maior retorno polas vacas que manda ao matadoiro. “O valor do desvelle aumenta. As vacas cruzadas se lles estiras a lactación collen moitos quilos e co que che deixan no matadoiro están pagando a xovenca que queda no seu sitio”, destaca Jose.
A maioría dos descartes son voluntarios. Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros
Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros.  A maioría dos descartes son voluntarios, debido á presión das xovencas, o que fai que a porcentaxe de primeiros partos no establo estea situado no 35,5%. O promedio de partos dos animais enviados ao matadoiro é de 3,5, cunha produción vitalicia media de 44.886 quilos. Sexado e azul belga Jose tiña medo cando empezou a cruzar e preferiu non arriscar. “Por medo ao cambio probei só coa metade do rabaño e non puxen os mellores touros; ese foi un erro que cometín, pero hoxe téñoo claro: débense utilizar os mellores touros que se poidan, iso si que llo recomendaría a calquera”, insiste.   “Cando empezamos a nosa mentalidade era distinta e posiblemente nos equivocamos niso. Hoxe, sen embargo, estamos poñendo os mellores touros de cada raza e estamos usando sexado nas primeirizas. De segundo parto para arriba, só nas mellores vacas; sóbranos moitas xatas cos primeiros e segundos partos, polo que no resto poñemos azul belga”, conta.
Destetan entre os dous meses e medio e os tres meses, dependendo do tamaño da xata
Insemina ás xatas ao ano e logran que a media de idade ao primeiro parto sexa agora de 22,3 meses. “Algunha poderíamos inseminala antes, pero como andamos sobrados non as apuramos, pero sempre paren antes de cumprir  os dous anos”, asegura. 4 hectáreas de regadío Gallardo SC traballa 65 hectáreas, das que botan a millo 26. Rotan con herba en case todas, salvo en 3 bastante molladas nas que é difícil entrar no inverno. Aumentaron á superficie nestes últimos dous anos a medida que incrementaban o número de cabezas. Das 26 hectáreas labradas a millo, 4 son de regadío. Están a carón do río e réganas cun aspersor, o que lles permite garantir nelas producións de máis de 60.000 quilos por hectárea. Este ano, ademais, sementaron un ciclo máis longo. Procuran facer eles a maior parte do traballo agrario, aínda que nas campañas contratan fóra para axilizar as tarefas de sementeira e ensilado. “Nós aramos e pasamos a rotofresa, pero o purín veñénnolo sacar, porque senón a nós levaríanos moito tempo facelo”, explica Jose.
Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, lévache todo bastante máis tempo
“Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, por iso lévache bastante máis tempo”, quéixase. “Seis hectáreas que temos lonxe usámolas para facer un bo corte de herba para ensilar”, indica. O custo da alimentación nesta granxa sitúase entre 3,5 e 3,7€ o quilo de materia seca, cun subministro de 20 kg MS en pesebre e 6 máis de media no punteo do robot. Venlles o carro da cooperativa Aira a facer a ración todos os días e estanlle botando 24 kg de silo de millo, 14 de silo de herba e 8 de concentrado, máis 6,5 quilos de concentrado a maiores de punteo do robot de muxido.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

“Unha de cada cinco vacas frisonas italianas estanse cruzando hoxe con outras razas”

Martino Cassandro é profesor da Universidade de Padova e director xeral de ANAFIBJ, a asociación frisoa italiana, que ampliou as súas siglas para acoller a outras razas leiteiras, como a parda alpina ou a xersei. A procura de sólidos e un maior rendemento queixeiro, un dos destinos principais da produción láctea italiana, impulsou nas explotacións a introdución doutras razas e os cruzamentos entre elas. Esta tendencia crecente nas ganderías do país provocou un cambio de mentalidade na propia Asociación, aberta a acoller no seu seo a animais cruzados e prestar servizos neste ámbito aos seus asociados.
A asociación frisoa italiana acolle tamén no seu seo vacas jersey, pardas alpinas e cruzadas
Desde a súa sede en Cremona, no val do Po, unha das principais zonas de produción láctea do país, ademais de frisoas atenden outras razas, entre elas 795 ganderías con 7.025 vacas xersei rexistradas. A xeneralización no uso de seme sexado por parte das explotacións lácteas permitiu tamén ás granxas reducir as súas necesidades de seme frisón e apostar por cruces cárnicos para revalorizar os excedentes de recría. En España, os cruzamientos de vacas leiteiras con razas cárnicas representan xa o 23% das inseminacións, unha porcentaxe similar ao que se dá en Italia.
O uso de cruzamentos é unha tendencia crecente en Italia
Están a incrementarse tamén os cruces con outras razas leiteiras, aínda que a un ritmo menor. Supoñen neste momento o 1% das inseminacións realizadas, fronte ao 75% que levan a cabo con touros frisóns, pero é unha tendencia crecente como estratexia para incrementar a produción de sólidos e reducir os niveis de consanguinidade do rabaño. – Cantas ganderías forman parte de ANAFIBJ? – Temos neste momento 9.280 gandeiros holstein rexistrados en Italia. Somos a terceira asociación no mundo en canto a raza frisoa. Temos un total de 1.148.844 cabezas controladas. Logramos aumentar un 3% as vacas rexistradas e un 15% a produción de leite. As nosas granxas teñen 10.786 kg de produción media cun 3,85% de graxa e 3,35% de proteína na actualidade. Sede de ANAFI en Cremona (Lombardía) – Como evolucionou a mellora xenética en Italia? – Houbo un avance xenético na vaca holstein moi importante, iso é indubidable. Lograr a produción actual e niveis do 4% de graxa e do 3,3% de proteína era un soño hai 30 anos. Pero ao mesmo tempo foron cambiando os distintos aspectos aos que se presta atención e fóronse ampliando os obxectivos para lograr.
A proteína é para nós un dos caracteres máis importantes nos touros
En 1970 os gandeiros querían máis leite, despois na década dos 80 calidade e máis adiante introducimos trazos como a lonxevidade ou a fertilidade. Viamos que empurrando unicamente sobre produción estabamos a perder outros trazos. – Cales serán os aspectos de selección no futuro? – Hoxe tamén se busca sustentabilidade e redución de emisións, que demanda o consumidor, igual que eficiencia e mellora da coagulación do leite para a produción de queixos, que aquí en Italia é moi importante. A proteína é un dos trazos máis importantes para nós nos touros.
Estamos a traballar en selección xenética para reducir emisións, que é algo que demanda o consumidor
No noso centro de selección xenética estamos a analizar a eficiencia alimenticia, non só na inxesta e transformación de materia seca, senón tamén no consumo de auga, e estamos a usar un novo índice económico GIES. O benestar, a aptitude para o muxido robotizado, a resistencia ao estrés térmico e ás enfermidades, a mellora da fertilidade, a redución do impacto ambiental e a protección da biodiversidade xenética serán aspectos fundamentais no futuro. – Que achega a xenómica á mellora xenética? – Está a acelerar a tendencia xenética. O índice global PFT italiano mellorou nos últimos 20 anos, pero antes da xenómica mellorabamos 97 puntos de PFT ao ano, e a partir do ano 2009, coa xenómica, o crecemento é de máis de 300 puntos.
Nos últimos 10 anos aumentamos a produción media por vaca 1.500 kg, pasando de 9.293 kg/ano a 10.786
Temos un total de 508.924 animais xenotipados. Nos últimos 10 anos aumentamos a produción media por vaca 1.500 kg, pasando de 9.293 kg/ano a 10.786. Reducimos as células somáticas en 80.000 células, logrado 92 días máis de produción e 14 días menos abertos, pero mellorar a fertilidade é moi difícil pola vía da selección xenética, porque é un trazo contrario á produción. – A procura de maior produción nas últimas décadas pola vía da selección xenética derivou en países como EEUU en niveis de consanguinidade elevados. En que situación se atopa a cabana holstein en Italia? – Actualmente estamos en niveis de consanguinidade en Italia próximos ao 8%. Ese é un risco que nos obriga a estar preocupados e pensar na asociación en como resolvelo. Estamos a traballar para cambiar o índice PFT e engadir unha penalización pola consanguinidade na fórmula. Temos que ver alternativas para manexar as taxas tan altas de consanguinidade, porque os gandeiros que se preocuparon máis intensamente pola mellora xenética teñen índices de consanguinidade preocupantes. – Que estratexias están a seguirse para reverter esta tendencia? – Por unha banda estamos a preservar a raza pura mediante un programa de acoplamentos, pero a segunda alternativa que estamos a usar son os cruzamientos. Algúns técnicos pensan que a ganancia xenética supera á depreciación por consanguinidade. Nos próximos 5 anos teriamos unha ganancia de 70 quilos máis de leite por vaca e unha depreciación de consanguinidade que nos restaría 22 quilos a esa ganancia. Pero non é unha solución a longo prazo. Granxa de touros de elite da asociación Frisona Italiana – Dentro da Asociación Frisoa Italiana acollestes tamén outras razas, como a parda alpina ou a xersei. Por que? – No pasado a Asociación holstein de Italia non era moi proclive aos cruzamientos pero a situación cambiou. As cruzadas hoxe son parte das vacas leiteiras que hai no noso país e queremos achegar servizos tamén aos asociados que teñen vacas cruzadas. Como che comentaba, unha das solucións para evitar os problemas de consanguinidade son os cruzamentos. De momento no libro xenealóxico estes animais aparecen como cruzados pero imos ser máis exhaustivos á hora de diferencialos.
A tendencia de monta natural reduciuse nos últimos 10 anos 
En ANAFIBJ estamos abertos a novos escenarios presentes e futuros neste ámbito. Queremos prover servizos de selección para realizar cruzamientos, tanto de carne como de leite e xa realizamos certificados de pedigrí para animais cruzados. Case o 20% das frisoas italianas están a cruzarse hoxe con outras razas, cando en 2012 era só o 7%. Cando o nivel de vacas cruzadas está a aumentar como o está facendo o director dunha asociación como a nosa ten que telo en conta. Ás veces é difícil aceptar algún resultado pero é necesario un cambio de mentalidade. – Que representan os cruzamientos a día de hoxe na cabana leiteira italiana? – Prodúcense 2 millóns de inseminacións ao ano en Italia, das que unhas 400.000 son con outras razas, moitas delas con carne. De feito, o 95% dos cruzamientos son con razas cárnicas e só o 5% con cruces para produción de leite, pero están a aumentar moito.
Os cruzamientos con outras razas leiteiras aumentan en Italia a un ritmo de 100.000 vacas cada ano
Cada ano 100.000 vacas que están no sistema de Control Leiteiro pásanse ao sistema de cruzamientos. Temos 1,1 millóns de frisoas puras, pero a segunda poboación son xa as vacas cruzadas, máis que a raza bruna. – En canto aos cruzamentos cárnicos, cales son os máis habituais nas ganderías leiteiras italianas? – Lévanse a cabo 250.000 inseminacións con carne cada ano, de maneira maioritaria azul belga e limusín. Para eses gandeiros que usan razas de carne temos un servizo específico para provelos desa necesidade. O seme sexado abriu esta oportunidade. En Irlanda teñen un índice de cruzamientos con carne e nós estamos listos para aplicar tamén un índice dese tipo. En Irlanda os cruces con carne son o 43%. En Italia estamos na metade, movémonos en cifras similares ás de España.

Condado SL, aposta polos cruzamentos para gañar en calidade de vida

Ramón Lamas Ónega e Susana Vázquez Calaza xunto aos seus fillos: Simón, de 11 anos, e Lara, de 8 “Estas vacas son moito máis fortes, moito máis duras e necesitan moitos menos coidados especiais. Son vacas que paren, empreñan e dan leite. Non dan problemas, polo que o traballo é moito máis simple e rutinario. Con elas gañamos en rendibilidade económica na explotación pero, sobre todo, gañamos tranquilidade e calidade de vida, tanto nós coma os nosos traballadores”. Así resumen Ramón Lamas e Susana Vázquez o cambio producido na súa granxa, Condado SL, ubicada no lugar da Piñor, na parroquia de Santa Leocadia, no concello de Castro de Rei, desde que hai 6 anos decidiron cambiar a estratexia reprodutiva da explotación, inseminando con touros de raza montbeliard e rojo sueco.
Empezamos con moito medo e cunha gran presión en contra do noso entorno
“Empezamos con moito medo e cunha gran presión en contra do noso entorno. Viñamos de ser durante dous anos a granxa a 2 muxiduras con máis produción por vaca de Galicia e tiñamos medo de perder todo ese traballo de mellora xenética que fixeramos”, recoñecen. Vacas cruzadas na sala de muxido de Condado SL, con medias de 38,5 litros a dúas muxiduras Sen embargo, ese medo enseguida desapareceu porque “para ter boas vacas cruzadas tes que ter primeiro boas vacas puras”, defende Ramón. “Aquí nótase a xenética da casa, nós tiñamos moi boas vacas holstein, ao que se engade o vigor híbrido que aportan os cruzamentos”, di.
Durante dous anos Condado SL foi a gandería a dúas muxiduras con máis produción media por vaca de Galicia
No ano 2011 a explotación de Ramón e Susana acadara os 13.379 kilos de produción media. Ao ano seguinte repetía podio, cun total de 13.299 kilos, ao 3,72% de graxa e 3,15% de proteína. Hoxe, co 60% das súas vacas xa cruzadas, Condado segue manténdose no top ten por produción a dúas muxiduras da provincia de Lugo (é sexta). Na última memoria publicada, a do 2021, logrou unha produción media en Control Leiteiro de 13.549 kilos, cun 4,44% de graxa e un 3,44% de proteína. “Para min son vacas máis rendibles, porque a nivel de produción mantéñense ao nivel das outras, mesmo con máis sólidos, gastas menos nelas e dan menos que facer”, describe.
Hai moitos menos imprevistos e problemas. Iso facilítache a vida, tanto a nós como aos nosos traballadores
Este é un aspecto fundamental para Ramón, pois permítelle ter máis tempo para dedicar á súa familia. “Se tes algo programado o normal é que poidas facelo sempre. Hai moitos menos imprevistos e problemas. Iso facilítache a vida, tanto a nós como aos nosos traballadores. De feito, cando empezamos a cruzar, os propios empregados foron os primeiros que dixeron que non querían máis frisonas”, lembra.    En Procross desde o 2017 Algunhas das vacas importadas de Holanda en 2017 Condado SL conta a día de hoxe con 220 animais, dos que 130 son vacas en muxidura. Ramón foi antes camioneiro e no ano 2000 incorporouse á gandería que tiñan os seus pais, unha pequena explotación cunhas 20 vacas en produción nun establo trabado, que agora reformou para a recría. No 2006 construíron a nova nave de produción, que dobraron no 2015 e a súa intención é estabilizar a granxa no número de cabezas actual, incrementando lixeiramente o gando en produción e reducindo as necesidades de recría.
O 100% da recría e o 60% das vacas adultas son xa procross
O 100% das xatas e o 60% das vacas adultas son xa cruzadas, un sistema no que comezaron no Nadal de 2017 traendo 11 vacas procross de Holanda, 3 paridas e o resto sen parir. Delas, as 11 chegaron á segunda lactación e 9 á terceira. “Iso ata empezar a cruzar eu nunca o vivira na explotación, porque de 9 xovencas que che parían o normal era que chegaran 4 como moito á segunda lactación”, di. “Tiñamos vacas moi boas e moi produtivas pero moitas veces parían a primeira vez e xa non eramos capaces de volver a empreñalas e se o lograbamos era despois de moitos intentos, polo que as lactacións se alongaban moitísimo, co que iso conleva: vacas moi gordas ao secado e os conseguintes problemas de retención de placenta e desprazamento de abomaso”, describe. A recría xa é toda cruzada, logrando unha idade ao primeiro parto de 21,4 meses "Froito de varias visitas a granxas procross por diversos lugares decidímonos a probar. No 2017 empezamos a inseminar. Foi unha decisión consciente e meditada porque nalgunha das granxas que visitamos as condicións non eran favorables, ao contrario, e sen embargo os datos eran inmensamente mellores ca os nosos”, lembra.
Ao empezar a cruzar enseguida vimos que os datos melloraban
Condado comezou a hibridación cruzando as vacas que tiña no establo con montbeliard e pouco a pouco foi estendéndoa tamén ás xovencas, que xa son todas cruzadas. “Neste momento quedan unhas 50 vacas adultas holstein, pero a recría é toda cruzada”, explica. Ao mesmo tempo, nunha fase de crecemento que tivo a explotación, incorporou gando procedente de granxas Procross de Holanda e Aragón. Problemas de fertilidade Ramón describe un panorama frecuente en moitas granxas de leite:  “O grave problema que tiñamos aquí era de fertilidade, os datos reprodutivos eran moi malos e a taxa de reposición era case insoportable”, recoñece.
O grave problema que tiñamos aquí era de fertilidade, os datos reprodutivos eran moi malos e a taxa de reposición era case insoportable
“Antes téñense ido de aquí vacas espectaculares en produción pero que non empreñaban, que estaban en 800 días en lactación e non había máis remedio que mandalas. Agora nas cruzadas aos 40 días de parir moitas sáeche xa en celo, xa a inseminamos e xa empreñan”, di. “Aquí o tema de poñer hormonas practicamente desapareceu por completo. Máis do 90% é celo natural. Podes pinchar algunha que che sae baleira no control reprodutivo, que facemos os mércores, pero non para que saian en celo a primeira vez”, explica. Redución de gasto en medicamentos Vacas separadas na zona previa ao secado, onde lles reducen a alimentación para axudarlles a baixar ao leite Asegura ademais que “as procross engraxan menos que as holstein” porque aínda que teñen máis masa corporal, “é músculo, non é graxa”, aclara, polo que os problemas postparto diminuíron. “As cetoses e hipocalcemias desapareceron case por completo, o que evita tratamentos e gastos en suplementos. Antes a todas as vacas se lles poñía o bolo de kestone, agora nas procross non é necesario, só llo poñemos ás holstein”, explica.
O ciclo de antibióticos no que entraramos coas frisonas non conduce a nada
A incidencia de mamites tamén baixou pero, aínda así, di Ramón, “os gastos na comercial veterinaria caen case sempre do lado das frisonas”. Condado SL fai secado selectivo desde fai xa bastantes anos e recoñece que as vacas Procross levan menos antibiótico en comparación coas holstein. Para axudarlles a baixar ao leite separan as vacas a secar e cámbianlles a alimentación. O habitual é que ao terceiro día xa poidan secar, pero nalgún caso danlles mesmo 4 e 5 días de marxe para que a baixada sexa progresiva. Vivir mellor Encaman os cubículos dúas veces por semana e limpan a cama dúas veces ao día Seis anos despois, Ramón está plenamente convencido da decisión que tomou no seu momento: “Mantivemos as medias de produción, incrementando graxa e proteína, e logramos mellorar moito no aspecto reprodutivo, que é facilmente cuantificable; pero tamén en moitos outros aspectos, como na saúde xeral do rabaño, porque hai moita menos prevalencia de enfermidades; no manexo, que é moito máis sinxelo; e na carga de traballo”, di.
A problemática da granxa diminuíu moitísimo e iso facilítache o traballo diario
A explotación aténdena habitualmente entre el e dous empregados. A súa muller, Susana, cubre as libranzas dos traballadores, que sempre descansan un día en fin de semana. “Os horarios son levadeiros: de 7 e media da mañá a 12 e media do mediodía e de 6 da tarde a 9 e media da noite e as fins de semana menos. Procuramos deixar o traballo adiantado, por exemplo, deixamos encamado do venres para que non haxa que encamar a fin de semana, as xatas tamén estradas, para atender só a muxir e á alimentación”, explica. Pero isto é posible, di, “porque a problemática diminuíu moitísimo, non chegas e tes vacas tiradas, por exemplo, nin ese tipo de problemas que dificultan moito o traballo diario”. Hai moita menos prevalencia de enfermidades e iso facilítache moito o manexo do rabaño no día a día, porque as vacas son máis duras e dan moito menos que facer. Isto é outra historia, é outra maneira de traballar completamente distinta”, asegura.
As vacas Procross dan unha cousa moi importante para nós pero moi difícil de cuantificar, que é calidade de vida. Iso é moi difícil de ver nunha gráfica
 “As vacas Procross dan unha cousa moi importante para min pero moi difícil de cuantificar, que é calidade de vida. Iso é moi difícil de ver nunha gráfica”, insiste. Aínda que os resultados económicos marcan o devir da explotación, Ramón e Susana valoran eses outros aspectos, como ter calidade de vida. E quérena tanto para eles como para os seus empregados. “Queremos que os nosos traballadores vivan tamén mellor para que estean máis contentos con nós”, conclúen. Amamantadora para a recría Tamén as xatas pequenas son máis ávidas á hora de mamar, polo que son máis independentes e non requiren tanta axuda inicial. “Aos 3 ou 4 días xa as pasamos á amamantadora e saen adiante sen ningún problema”, conta Ramón. Destetan aos 84 días e Ramón considera que as amamantadoras serven para acelerar o crecemento das becerras, pero “non poden estar saturadas, nin tampouco infrautilizadas”. “Se teñen poucos animais tampouco van ben. A miña experiencia dime que funcionan mellor se teñen máis tráfico e se hai animais pequenos mesturados con outros un pouco máis grandes, porque así nunca queda leite parado nas tuberías, porque se unha xata máis pequena non esgotou o crédito que tiña marcado entra unha máis grande e acábao”, asegura.
Coa amamantadora aforramos unha hora de traballo diaria
Na programación das curvas de lactación procura un ascenso rápido da inxesta ao principio e un descenso moito máis escalonado de cara ao destete. Aos 10 días chegan a tomar máis de 8 litros e aos 30 días 12 litros para comezar a descender a partir dos 2 meses. A amamantadora conta cun cercado de 30 metros cadrados para asegurar unha superficie mínima de 3,5 metros cadrados por animal e para minimizar os contaxios estableceron un plan sanitario específico que inclúe vacinar de diarrea ás nais e intranasal ás xatas cando pasan á amamantadora. “O principal risco da amamantadora é a neumonía porque se tes un caso ao mamar todas da mesma tetina pode contaxiarse ao resto”, recoñece Ramón. Angus e azul belga para carne Ao aumentar a lonxevidade do rabaño e reducir a taxa de reemprazo as necesidades de recría da granxa diminuíron, o que lles permitiu poñer máis seme de carne. “En 2022 notamos moito a diferenza de ingresos por venda de xatos, foi unha suma considerable”, di.
Unha porcentaxe importante dos ingresos da granxa procede do desvelle e a venda dos xatos de cruce industrial
Agora están inseminando máis con angus, en vez de con azul belga, porque “as vacas atrasan máis e paren con máis edema”, admite. Por iso prefire “sacrificar un pouco o valor dos xatos e buscar o benestar da vaca e que estea dando leite antes”. Máis lactacións no mesmo tempo “Ás vacas cruzadas aos 40 días se lles vemos un celo claro xa as inseminamos, polo que logramos vacas que paren mesmo 2 veces no mesmo ano”, explica. O intervalo entre partos é de 376 días nas procross por 398 nas frisonas.
A idade ao primeiro parto é neste momento de 21,4 meses e a media de inseminacións 2,25 doses
Tamén na recría, di, se gaña moito tempo cos cruzamentos. “As xatas F1 de frisón con montbeliard chegamos a inseminalas con 9 e 10 meses; agora retrasamos un pouco o momento da primeira inseminación porque estamos inseminando xa moitas xatas trihíbridas e co rojo sueco o tamaño é un pouco menor”, aclara. En canto ás doses empregadas, Ramón explica que aposta polos mellores sementais de cada raza. “Eu sigo facendo o mesmo que facía antes: antes metía os mellores touros holstein e agora meto os mellores touros montbeliard, rojo sueco e holstein. Para min escatimar cartos no seme non é rendible, é mellor inseminar menos vacas para reposición pero as que inseminas inseminalas con boa xenética”, afirma.

“Coas limitacións ao uso do purín as ganderías temos que tratar de ter a menos recría posible”

Condado SL ten aprobado un Plan de Mellora para facer unha pequena ampliación, máis coa intención de reformar a canle que leva o purín á fosa de xurro que coa de aumentar o número de cabezas. “Non creo que sexa a solución ter máis vacas. Moitas veces cando unha granxa medra ao meu modo de ver non se fai dúas preguntas fundamentais que un se ten que facer: a de por que e a de para que. Se un ten a resposta clara a iso, adiante, pero se non, non ten sentido medrar por medrar, e menos coas trabas que nos van vir agora enriba co tema do abonado”, razoa.
Antes facíannos falla 100 xovencas; agora o noso obxectivo é que con 50 nos cheguen
Dispoñen dunha superficie dunhas 55 hectáreas, polo que a carga gandeira é xa elevada. “O problema que temos aquí é de base territorial e coas limitacións medioambientais que veñen hai que tentar xerar o menos purín posible e para iso temos que tratar de ter na granxa o menor número posible de animais que non estean producindo”, di. Nese sentido, baixar a taxa de reposición serviulles para necesitar menos recría. “Con este volume de vacas en produción antes necesitabamos 100 xovencas; agora o noso obxectivo é que con 50 animais, entre tenreiras e xovencas, nos cheguen. Iso é menos gasto e menos xurro”, destaca. 55 hectáreas de superficie moi produtivas Silo de millo da explotación, a base da ración de alimentación das vacas en produción Na zona na que se atopa a explotación o terreo é moi produtivo desde o punto de vista agronómico e a dispoñibilidade de purín garante boas producións, polo que Ramón móstrase crítico coa fixación dos mesmos topes de fertilización que noutras zonas.  “O ano pasado aquí non tivemos problemas de seca e obtivemos de media uns 50.000 quilos por hectárea de millo máis outros 25.000 de herba. Por iso penso que non ten sentido fixar o mesmo límite ao abonado nunha hectárea que produce 75.000 kg de forraxe a nunha que produce 4.000 quilos de pasto, igual que non poido comer eu o mesmo que un xogador da NBA que mide 2 metros”, compara.  
Temos pouca terra pero moi boa; nun ano podemos sacar 75.000 kilos de forraxe por hectárea sumando millo e herba
Este ano botaron 45 hectáreas e media a millo, nas que rotan con raigrás. Aínda que nas campañas de ensilado e sementeira botan unha man con algúns traballos, a maioría das labores subcontrátanas a unha empresa de servizos para axilizar os tempos. “Este ano o 11 de maio tiñamos o millo todo botado con dous cortes de herba feitos”, explica Ramón, aínda que o habitual é facer a sementeira uns 10 ou 15 días máis tarde. A calidade do silo de herba foi “excepcional” nesta zona, di. Carro propio O nutrólogo da granxa, Javier Murias, é quen lles formula a ración, que leva neste momento 30 quilos de silo de millo, 12 kg de silo de herba, 9,2 de concentrado e 3 de soia para un total de 54,20 kg por vaca. Dispoñen dun carro mesturador propio co que elaborar as racións. O verán pasado facían a de leite dúas veces ao día, para subministrárllela máis fresca ás vacas. Fan a maiores unha ración para as vacas secas e dúas para as xovencas, en función da idade. “Aproveito a ración da recría adulta e engádolle máis concentrado para as xatas máis pequenas”, explica.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Gandeiros de toda España visitan explotacións galegas que están a apostar polos cruzamentos

Medio cento de gandeiros procedentes de toda España visitan esta semana Galicia para coñecer de primeira man a experiencia de catro granxas da comunidade que teñen implantado o sistema de cruzamentos Procross no seu gando, un método de inseminación rotacional que emprega tres razas (holstein, montbeliarde e roja sueca) para mellorar cualidades como a fertilidade, a saúde e a lonxevidade das vacas, así como lograr un aumento das calidades do leite en termos de porcentaxe de sólidos (graxa e proteína). 

O obxectivo destas visitas é dar a oportunidade de analizar polo miúdo os datos de cada explotación e os resultados acadados grazas aos cruzamentos tamén en termos de rendibilidade económica e redución de custos veterinarios e man de obra. 

Aos gandeiros procedentes de Cataluña, Cantabria, Asturias e Castela e León uníronse tamén produtores de distintas zonas de Galicia, que puideron coñecer a experiencia de Villameitide SL, unha das primeiras explotacións que empezou a cruzar seguindo o método Procross en Galicia, no ano 2015, e que hoxe conta co 93% do seu rabaño mestizo. En concreto, esta gandería de Trabada está a muxir 171 vacas cunha produción media de 41 litros a un 4,03% de graxa e un 3,23% de proteína.

As xornadas de portas abertas inclúen Villameitide SL (Trabada), SAT A Campa (Curtis), Gallardo SC (Guntín) e Condado SL (Castro de Rei)

Na xornada deste xoves visitouse tamén SAT A Campa, no concello coruñés de Curtis, que moxe 417 vacas, das que o 35% son Procross, cunha produción media de 39,7 litros cun 3,93% de graxa e un 3,67% de proteína, e Gallardo SC, no concello de Guntín, que dispón de 2 robots de muxido e 110 vacas en produción, o 43% delas Procross, cunha media de 41,5 litros diarios a un 4,20% de graxa e un 3,58% de proteína.

As visitas a ganderías Procross en Galicia inclúen este venres a Condado SL, unha explotación de Castro de Rei que ten 131 vacas en produción, o 60% delas cruzadas, con medias de 38,8 litros, un 3,87% de graxa e un 3,63% de proteína.

Imaxes das visitas: 

Jose Rodríguez, de Gallardo SC, explicando a súa experiencia cos cruzamentos a outros gandeiros Pepe Barcia, de Villameitide SL, exercendo de anfitrión na súa explotación Alberto Lamas, de SAT A Campa, respondendo ás preguntas sobre o funcionamento da súa granxa Ramón Lamas, de Condado SL, dando a benvida á súa explotación este venres en Castro de Rei Vacas cruzadas en Gallardo SC Algúns dos asistentes analizando polo miúdo os datos dunha das granxas Vacas procross en SAT A Campa Vacas procross na sala de muxido de Condado SL Algúns dos gandeiros chegados de outras comunidades atendendo as explicacións sobre as melloras logradas

Visitas este xoves e venres a ganderías Procross en Galicia

Vacas de Villameitide SL, en Trabada, unha das 4 ganderías que contarán a súa experiencia Gandeiros de toda España visitarán esta semana Galicia para coñecer de primeira man a experiencia de catro ganderías galegas que están a aplicar cruzamentos nos seus rabaños de alta produción. En concreto, trátase de Villameitide SL, ubicada en Trabada; SAT A Campa, en Curtis; Gallardo SC, en Guntín, e Condado SC, en Castro de Rei. As catro levan anos cruzando o seu gando con moi bos resultados, pois lograron unha mellora xeral da saúde dos animais e dos índices reprodutivos e un incremento da porcentaxe de sólidos no leite mantendo a produción por vaca. 
Procross é un sistema de cruzamento que aproveita o efecto positivo do vigor híbrido
Procross é un sistema de cruzamentos con tres razas (holstein, montbeliarde e viking red) que aproveita o efecto positivo do vigor híbrido para contrarrestar os efectos negativos da consanguinidade, logrando animais máis sans e resistentes.  Este método está implantado en granxas de EEUU, México e numerosos países europeos, como Holanda, Suecia, Inglaterra, Dinamarca, Francia, Italia ou Portugal. En Galicia as primeiras ganderías en sumarse fixérono no 2015 e na actualidade medio cento de explotacións están a seguir este método rotacional de inseminación. 

Horario e ubicación das granxas a visitar

Calquera persoa que o desexe pode achegarse este xoves e venres a coñecer in situ as vantaxes deste sistema de cruzamentos nas granxas que o aplican e a falar cos gandeiros para coñecer de primeira man a súa experiencia. O horario das visitas e a ubicación das granxas é a seguinte:  XOVES 22 DE XUÑO: 10:00 VILLAMEITIDE SL (Trabada) Ubicación: https://goo.gl/maps/AA9aBitrwab3yAKH8 14:00 SAT A CAMPA (Curtis) Ubicación: https://maps.app.goo.gl/LGfLqU2GXszGdV6d9?g_st=iw 17:00 GALLARDO SC (Guntín) Ubicación: https://maps.app.goo.gl/2ebLGA3arKwqKjqs5?g_st=iw VENRES 23: 9:30 Hotel Torre de Núñez (Lugo) As vantaxes do sistema Procross de cruzamentos 10:30 CONDADO SC (Castro de Rei) Ubicación: https://maps.app.goo.gl/FFZLmXnSJVUWACoY8?g_st=iw

GAEC du Mont du ciel, unha gandería francesa intensiva que produce leite, xovencas e biogás

A familia Cuenot está á fronte desta gandería da rexión de Franco Condado Aproveitar ao máximo os recursos cos que se conta e ser o máis autosuficientes posible. Esa é a filosofía de traballo de GAEC du Mont du ciel, unha gandería de leite francesa de raza montbeliard que decidiu diversificar os seus ingresos cunha planta de biogás propia. A orixe da explotación é a unión de tres granxas do pobo de Rillans, unha comuna situada a medio camiño entre Besançon e Montbeliard, na rexión gala de Franco Condado. Na actualidade conta con 5 socios e un empregado para atender as 180 vacas en produción, os 190 animais de recría e traballar as 477 hectáreas de terreo das que dispoñen. No ano 2010, tras fusionarse, construíron un establo novo, ao que engadiron no ano 2016 a primeira unidade de produción de metano, cun dixestor de 250 Kw/h que foi ampliado no ano 2019 cunha segunda unidade que dobrou a súa capacidade produtiva.
Os ingresos da granxa proceden da venda de leite, da venda de recría e da xeración de electricidade
“Todo o necesario para producir o leite ou o biogás prodúcese na explotación. Tratamos de depender o menos posible das compras fóra e para iso temos un sistema moi intensivo, tanto na produción agrícola como gandeira”, indica Henri Cuenot, un dos socios. Raza montbeliard e cruces con frisón Dispoñen de tres robots de muxido A raza sobre a que traballan é a montbeliard, orixinaria desta zona do norleste de Francia pero estendida xa por todo o país. De feito, a montbeliard é a raza que máis medra en Francia neste momento, impulsada pola cooperativa Coopex, formada por 15.000 explotacións e encargada da mellora xenética a través da venda de seme e da prestación de servizos de acoplamento ou xenotipado aos gandeiros socios.
A montbeliard é a raza que máis medra en Francia e a segunda en importancia na cabana gandeira do país trala holstein
“É unha raza moi dinámica, que non se detén, cun programa de acoplamentos moi bo que permite eliminar rasgos recesivos que non nos interesan e maximizar os valores positivos”, destaca Lydie, incorporada á granxa no 2015. Vacas de máis de 60 litros Teñen vacas de máis 14.000 litros producidos na quinta lactación Aínda que se trata dunha raza rústica, que se adapta moi ben ao pastoreo, en GAEC du Mont du ciel destacan a súa grande versatilidade, o que permite explotar tamén o seu potencial en sistemas intensivos que manteñen o gando estabulado todo o ano, como é o seu caso. Para incrementar o seu potencial de produción fan cruzamentos con touros frisóns. “As vacas cruzadas acadan unha produción de litros de leite un pouco máis alta que as montbeliard puras pero manteñen o nivel de sólidos que nos interesa”, recoñece.
O prezo ao que cobran o leite é de 44,2 céntimos o litro, cun prezo base de 42 céntimos máis primas por proteína e calidade hixiénica
Nesta explotación producen 1,9 millóns de litros de leite ao ano, cunha media de 11.000 litros por vaca ao 3,9% de graxa e o 3,6% de proteína, un dos parámetros que busca a industria que lles recolle o leite, a empresa Ermitage, que fabrica o queixo Raclette.
Aos robots gústalles este tipo de vacas porque teñen unha boa colocación de pezóns
En setembro do ano pasado cambiaron a sala de muxido 2x12 que tiñan por tres robots, co que lograron un incremento de produción de litro e medio por vaca e día. “A mellor vaca da granxa produce hoxe 69 litros ao día e temos varias de máis de 60 litros porque os robots non están saturados e pasan moitas veces a muxirse”, explica Lydie, que afirma que “aos robots gústalles este tipo de vacas porque son animais que teñen unha boa colocación de pezóns”. Eliminación voluntaria O gando está en cama libre de palla, que usan despois para a planta de biogás Malia teren un sistema de produción intensivo, a lonxevidade dos animais é un dos factores destacados desta gandería. “Temos neste momento 5 vacas por enriba dos 100.000 litros de leite producidos e 7 lactacións”, conta Lydie. O 41% das vacas chega á terceira lactación e a taxa de reemprazo da granxa é do 28,5%, aínda que boa parte é eliminación voluntaria e só un 17% é obrigada por enfermidades, accidentes ou infertilidade do gando.
Dan saída a vacas da granxa cando o prezo da carne é bo e logran un valor medio no matadoiro de 2.000€ por animal
“É moi distinto ter que mandar as vacas ao matadoiro porque teñen algún problema que facelo de forma voluntaria cando o prezo que se paga pola carne é grande, porque neses casos decídelo ti”, argumenta Lydie. Venda de xovencas para a exportación Nave de recría de xovencas, que cubre as necesidades da granxa e permite vender os excedentes Outra fonte de ingresos importante da GAEC du Mont du ciel é a venda de xovencas. Recrían en total unhas 90 becerras ao ano, das que se quedan con 55 para cubrir as necesidades de reemprazo da explotación e venden as 35 restantes a través da cooperativa Coopex, que se encarga tamén de dar saída aos excedentes de recría dos socios.
Empregan as probas xenómicas para seleccionar con que xatas se quedan e cales venden
Unha parte delas marchan con destino á exportación, principalmente a países do norte de África, como Alxeria ou Marrocos. Para seleccionar con cales se quedan na granxa e cales venden utilizan as probas xenómicas. Tamén fan uso do seme sexado. “Empezamos por un agasallo de aniversario; gustounos e agora empregámolo de xeito masivo”, relata Lydie. O intervalo entre partos sitúase nesta explotación en 459 días, con dous meses de período seco. A porcentaxe de vacas preñadas á primeira é do 42% e o número de doses empregadas sitúase de media en 2,4.
Tratan de concentrar os partos no outono e o 42% das vacas empreñan á primeira
“Só lles damos un intento con frisón, no segundo xa poñemos carne, tanto azul belga como charolés”, explican. O primeiro cruzamento da montbeliard fano con holstein e o segundo con parda alpina ou roja sueca ou danesa.   Nas vacas tratan de concentrar a tempada de partos no outono e nas primeirizas a idade ao primeiro parto sitúase nos 25 meses. Entre a venda das xovencas sobrantes e o valor que acadan as vacas que saen cara ao matadoiro, practicamente a recría da granxa lles sae a cero, sen custo algún. No tocante aos custos veterinarios, sitúanse en 2,2 céntimos por litro de leite producido.   14 kg de concentrado Os netos, dando unha mestura de grao de millo enteiro e concentrado ás becerras pequenas A alimentación do gando é elaborada con carro mesturador. A ración unifeed das vacas en produción inclúe 13 quilos de silo de raygrass, 11 kg de silo de millo, 10 kg de pastone (a mazorca do millo ensilada), 2 kg de alfalfa deshidratada, 300 gr de palla e 1 kg de herba seca; máis o concentrado, que inclúe 4 kg de soia, 2 kg de fariña de lentellas, 800 gr de melaza de remolacha e 450 gr de minerais.  A iso engádese o punteo do robot, que inclúe cebada, liño e propilenglicol como aditivo. En total, a cantidade máxima de concentrado por vaca e día sitúase en 14 kg (2.600 kg ao ano), cun custo de 1.291€ por vaca e ano, é dicir, uns 13 céntimos por litro de leite producido. 477 hectáreas de superficie “O noso sistema é moi intensivo, tanto na produción das vacas como na produción agrícola das terras”, recoñece Henri. Dispoñen dun total de 477 hectáreas de superficie, das que destinan 152 a millo, 125 a outros cereais, 90 a pradeira de raygrass e 110 a pradeira permanente. Tan só o 1,2% das terras que traballan son da súa propiedade, debido ao alto custo de adquisición, uns 2.800€ por hectárea, e iso malia estar en Francia o prezo regulado por parte da Administración.   Relevo asegurado A día de hoxe a granxa pertence á familia Cuenot, trala xubilación de Etienne, Dominique e Jean-Marie, tres dos socios orixinais. Ademais de Henri e o seu irmán Sebastien, están incorporados os seus fillos Francis, Lydie e Loic. “Os novos van seguir, temos o relevo asegurado”, di orgulloso Henri, que ten 3 fillos e 7 netos. Nos momentos de maior traballo durante a campaña agrícola, á hora de conducir a maquinaria, contan co reforzo doutros parentes. “A unión fai a forza e nós somos unha empresa moi familiar”, remarca.

Unha planta de biogás para diversificar os ingresos

Desde o final das cotas lácteas Francia non está entre os países europeos cun mellor prezo do leite en orixe. De feito, os prezos que están a percibir neste momento os gandeiros franceses polo leite que producen son máis baixos que os que se están a pagar en España. Por iso, GAEC du Mont du ciel decidiu hai uns anos diversificar as súas fontes de ingresos a través da venda de xovencas e de electricidade para non depender en exclusiva da venda de leite á industria. Con ese obxectivo fai 8 anos fixeron un investimento de 3,5 millóns de euros para a construción dunha planta de biogás que produce 500 kw/h de electricidade. Ese investimento non está aínda amortizado, pero permítelles ter uns ingresos mensuais asegurados (80.000 €) mediante un acordo de comercialización da enerxía a 20 anos cunha compañía eléctrica.
Venden 80.000€ de electricidade ao mes mediante un contrato a 20 anos cun prezo estable
“Ás compañías eléctricas gústalles moito este tipo de produción porque é máis estable que a eólica, que tamén hai nesta zona. Pero cando hai neve os aeroxeradores non funcionan e se non fai vento tamén cae a produción”, argumenta Henri. Unha gran vaca máis Henri Cuenot, na planta de biogás construída hai 8 anos e que supuxo un investimento de 3,5 millóns de euros En GAEC du Mont du ciel consideran os tres biodixestores cos que contan como se foran tres cabezas de gando máis. “A planta de biogás é como unha gran vaca de leite; canto máis calidade de forraxe se lle mete maior produción de electricidade”, compara. Por iso, nas rotacións e programacións anuais de cultivos das terras teñen en conta tanto as necesidades da cabana gandeira, como as dos biodixestores, con cultivos específicos destinados á planta de biogás.
Empregan o centeo como cultivo intermedio de valorización enerxética polas súas características agronómicas beneficiosas para o solo
Nunha parte da superficie fan dobre cultivo de herba e millo e na outra parte fan unha rotación máis ampla, a 2 anos, con trigo, sorgo, centeo e millo. Tanto o sorgo como o centeo son empregados en exclusiva para a planta de biogás pero Henri destaca ao mesmo tempo as súas vantaxes agronómicas. “O centeo plantámolo a mediados de setembro apañámolo no mes de abril. Esta planta ten unha raíz que perfora moito o chan e é moi boa para o solo porque permite manter a humidade. O centeo cortámolo inmaduro con segadora e estendémolo para facer o presecado, porque o importante neste caso é ter materia seca”, explica. Agricultura “ecoloxicamente intensiva” Detrás do centeo plantan millo cun sistema de sementeira directa e abonado con nitróxeno líquido tres días despois de plantalo. “A min gústame todo o intensivo, eu chámolle agricultura ecoloxicamente intensiva, porque o chan canto máis se cultiva menos se contamina porque máis consumo de nitróxeno hai”, razoa.
Antes de comezar coa planta de biogás xa faciamos agricultura de conservación e rotacións de cultivos
Pero a utilización deses ciclos tan curtos de cultivo está a provocar unha acidificación do solo, malia que o material dixestado que devolven ás terras ten un pH 8. Para correxir a acidez do chan inxectan cal líquido para subir deste modo o pH. Consome 70 toneladas diarias Fosa de purín que alimenta os biodixestores A produción eléctrica da planta de biogás permite cubrir as necesidades de 1.200 fogares pero para lograr iso necesitan incorporar diariamente aos biodixestores 70 toneladas de “alimento”, entre sólido e líquido. “Temos que darlle de comer igual que a unha vaca. É como se puxeramos 70 toneladas cada día e sacaramos outras 70 toneladas dixestadas despois de pasar 60 días dentro do dixestor a 45 graos centígrados de temperatura”, di. Ese proceso de dixestión anaeróbica permite transformar a calidade do nitróxeno para que sexa máis aproveitable polas plantas, destaca Henri. “O obxectivo da metanización é que se coma os olores e mellorar o abono”, indica.
Botamos moita palla nas camas; así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor
Ademais dos distintos cultivos que producen en exclusiva para a planta de biogás, a base do seu funcionamento está no esterco xerado na propia granxa polo gando, cun sistema de cama quente sen cubículos. “Nós botamos moita palla nas camas. Así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor”, razoa. Cada 8 días baleiran unha parte do establo e levan ese esterco para os almacéns que despois subministran á planta de biogás. Xeran unhas 20 toneladas de esterco á semana, que equivalería a uns 25 metros cúbicos de purín.
O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela
“O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela”, di. Nalgúns cultivos os biodixestores permítelles aproveitar mellor a calidade da forraxe. “Temos unhas 90 hectáreas de pradeira artificial onde facemos produción intensiva de raigrás. Os primeiros cortes son para as vacas e os últimos van para o dixestor”, explica. Tamén no millo reservan unhas hectáreas para ensilar por separado a mazorca para as vacas e o talo da planta para o dixestor. Secadeiro para alfalfa Dispoñen de tres secadeiros que aproveitan a calor producida polos dixestores para secar alfalfa, gran e leña GAEC du Mont du ciel atópase nunha zona de val moi produtiva na que chegan a facer ata 4 cortes de alfalfa que logo secan coa calor xerada polo dixestor. É un proceso no que buscan obter a máxima calidade proteica, que chega ao 18%.
Poñen entre 2 e 3 quilos diarios de alfalfa deshidratada co 18% de proteína na ración das vacas en produción
“O que facemos é segar a alfalfa, estendela con coidado e deixala 72 horas como máximo no chan. É un proceso que con sol non se pode facer.  Logo recollémola con cinta para que non perda a folla e cortámola a 4 centímetros de lonxitude. Iso vai ao secadeiro durante 5 días a 50ºC de temperatura”, detalla Henri. Ademais de alfalfa, nos tres secadeiros que aproveitan a calor xerada polos dixestores tamén secan millo, trigo ou leña. “Farían falla 400.000 litros de gasóleo para xerar ese calor dispoñible”, indica. En GAEC du Mont du ciel tratan de aproveitar ao máximo todos os seus recursos e por iso mediante ese calor manteñen quente, por exemplo, o chan onde teñen as becerras de recría. “É algo fabuloso”, destaca Henri.
  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Milk Unlimited, unha granxa americana con 3.200 vacas que decidiu pasarse aos cruzamentos

Kelly Cunningham, propietario de Milk Unlimited Kelly Cunningham é propietario, xunto á súa muller Christy, de Milk Unlimited, unha explotación láctea con 3.100 vacas en produción situada en Atlantic, na zona rural do condado de Cass, no suroeste do estado de Iowa (Estados Unidos). Hai 24 anos, cando se creou a granxa, arrincou con 1.800 vacas holstein, cunha produción media de 32 litros. A mellora das pautas de manexo e alimentación fixo incrementar a produtividade do gando. Pero a medida que o rabaño ía aumentando, os problemas sanitarios e reprodutivos tamén o facían. “A nosa fertilidade era aceptable no inverno, pero moi pobre nos meses de verán e a nosa taxa de eliminación era moi alta”, admite Kellly, que en 2018 comezou a cruzar o seu gando buscando maior lonxevidade. “As nosas vacas producían ben, pero non duraban. Unha taxa de reposición por enriba do 40% como tiñamos nós é insostible”, asegura.
Cunha taxa de reposición por enriba do 40%, en 2018 comezaron a cruzar o seu gando buscando maior lonxevidade
“En abril de 2018 empezamos a facer a nosa experiencia Procross. Vendemos xovencas holstein e compramos xovencas Procross trihibridas a outras granxas de EEUU en Idaho (Andersens), Michigan (Bradfords) e California (Bergwerffs) que levaban anos facendo cruces para desta forma adiantar o proceso. Ao mesmo tempo usamos nas nosas vacas seme montbeliard na primeira xeración e vermello sueco en segunda xeración”, explica. O 70% do gando é Procross Neste momento contan con 2.700 vacas en muxido, das que o 70% son xa vacas cruzadas e o resto holstein puras. “Estamos a converter o 100% do rabaño a Procross. Estamos moi contentos co resultado. Buscabamos máis produción vitalicia, máis graxa e proteína e menos gasto veterinario e lográmolo”, asegura Kelly.
Buscabamos máis produción vitalicia, máis graxa e proteína e menos gasto veterinario e lográmolo
Antes de seguir o método Procross, Milk Unlimited fixera algunha proba con xersei. “Empezamos a facer cruzamientos con xersei pero tralo primeiro cruzamento non sabiamos que facer. Queremos unha vaca moderada de tamaño, a holstein é demasiado alta e a xersei moi pequena”, insiste. “Eu utilizo o sistema Procross de 3 razas porque me baseo nos resultados científicos, que me din que é mellor que cruzar só con 2 razas. Para min as granxas de cruzamento de holstein con xersei non son comparables. Como primeiro cruzamento prefiro coa montbeliard. A primeira xeración de holstein con montbeliard son vacas moi robustas”, indica. Redución do gasto veterinario “Antes de empezar a facer cruces, os nosos custos de medicinas estaban entre 20.000 e 25.000 dólares ao mes”, contan. Ao manter aínda un 30% de vacas holstein puras, Kelly pode facer comparacións: “Nas frisoas a cetose afecta ao 4% das vacas, mentres nas Procross esa porcentaxe é só do 1%, é dicir, un 72% menos de incidencia de cetose”, explica.
Os nosos custos veterinarios eran demasiado altos, entre 20.000 e 25.000 dólares ao mes de media
O mesmo ocorre co resto de enfermidades habituais: “Mastite: 11% en procross e 27% en frisoas, un 61% menos nas cruzadas. Pneumonía, 11% en holstein e 8% en procross, case un 30% menos. A metrite afecta ao 4% das frisoas, do mesmo xeito que a retención de placenta, mentres que o desprazamento de abomaso preséntase un 65% menos veces en vacas procross. Finalmente, na febre do leite, hai moita diferenza: 1% en procross e 7% nas frisoas, é unha cifra demasiado alta nas holstein”, conclúe. Menos hormonas Malia a mellora sanitaria lograda no rabaño, Kelly asegura que “a reprodución é a gran diferenza”. As vacas procross pasan de media 26 días abertos menos que as frisoas (media de 96,3 días nas vacas cruzadas e 122,3 nas puras). “O 87% das procross están preñadas aos 150 días de lactación, nas holstein lográmolo só nun 81%, iso é un 5,7% máis de vacas preñadas procross”, detalla. “Logramos ademais reducir as doses necesarias, usamos ata 900 inseminacións menos na granxa coas procross, iso reduce tempo e custo na persoa encargada da inseminación. O inseminador empeza ás 6 da mañá e acaba ás 10 e media”, explica. Empregan seme sexado de montbeliard e vermello sueco nas xovencas. “Iso estanos permitindo usar máis carne no resto do rabaño”, conta.
Antes eramos grandes usuarios de hormonas para asegurar a reprodución
“Antes tiñamos que usar hormonas de seguido para lograr fertilidade”, recoñece Kelly. “A min persoalmente non me gustan e na nosa granxa nas vacas procross non usamos hormonas antes dos 100 días en leite. A taxa de utilización a partir de entón é do 20% nas procross, mentres que nas holstein é necesario usalas na metade das vacas e xa a partir dos 50 días en leite”, compara. Maior lonxevidade “A base de gastar moito diñeiro e producir con custos de produción moi altos, as nosas vacas estaban ben, pero non duraban. Unha taxa de reposición do 40-45% como a que nós tiñamos non é sostible, porque fan falta demasiadas xovencas de recría”, afirma Kelly.
Logramos unha lactación máis, polo que necesitamos 635 xovencas menos cada ano
Ao pasarse ao gando cruzado, Milk Unlimited reduciu significativamente a súa taxa de eliminación. “Hai unha lactación de diferenza entre procross (2,8 lactacións de media) e holstein (1,7). A taxa de eliminación é do 19% para as procross e do 47% nas holstein. É un impacto importante, porque necesitamos 635 xovencas menos por ano, e se temos en conta que cada unha custa uns 2.000 dólares, iso implica un aforro de 700.000 dólares na nosa granxa”, calcula. Menor inxesta Aínda que producen millo e alfalfa, esta gandería americana é moi dependente da compra de insumos externos. "Os altos custos de alimentación afectan ao resultado económico final da granxa", recoñece Kelly.
A toma de datos é unha constante nesta granxa como forma de mellorar a eficiencia e reducir custos
“A metade dos nosos custos é a comida e interesábanos baixar isto”, engade. Por iso buscaban un tipo de animal de tamaño medio capaz de manter a condición corporal cunha dieta máis barata, a base de máis fibra e menos concentrado. “O noso rabaño procross produce con 1,2 quilos menos de inxesta de materia seca, iso supón un 5% menos de custo de alimentación”, detalla. Cambio de comprador: de leite líquido a queixo Vista da granxa, formada por catro naves para o gando e almacéns de forraxe Até o 2017 Milk Unlimited vendía a súa produción a unha industria dedicada ao envasado de leite líquido, un mercado máis inestable e con menor demanda actual en EEUU. “O consumo de leite líquido baixou moito, mentres o de queixo e manteiga está a aumentar. O noso comprador de leite líquido deixaba de recollernos e tivemos que buscarnos un novo mercado. Hoxe vendemos a unha queixaría”, explican.
O consumo de leite baixou moito en EEUU, tiñamos que buscarnos un novo mercado
Coas súas 2.700 vacas en muxido, producen cada día 105.000 litros de leite, que envían á planta de fabricación de queixo de Sanborn, que pertence á principal cooperativa láctea de EEUU, AMPI (Associated Milk Producers), formada por máis de 2.000 granxas de 6 Estados americanos (Wisconsin, Minnesota, Iowa, Nebraska, Dakota do Sur e Dakota do Norte). Nas súas 10 plantas de transformación a cooperativa dá emprego a 1.200 persoas e produce o 10% do queixo de EEUU. O cambio de comprador obrigou tamén a Milk Unlimited a modificar a materia prima que producen. A media de graxa e proteína da granxa nos últimos 12 meses sitúase no 4,09% de graxa e o 3,14% de proteína, cando con anterioridade á introdución dos cruzamientos eses niveis eran do 3,5% de graxa e 2,6% de proteína.
De cara ao futuro buscamos producir leite con betacaseina A2 e con capacaseina BB; estamos a seleccionar touros para iso
“Hai moita diferenza na produción de sólidos entre o rabaño cruzado e o holstein puro. As nosas vacas procross están nun 4,21% de graxa e un 3.24% de proteína, mentres as frisoas están en 3,78% de graxa e 3,06% de proteína. De cara ao futuro buscamos aínda máis sólidos, sobre todo máis proteína, chegar a 3,3-3,4%. Estamos a seleccionar os touros para iso. Buscamos tamén máis leite con betacaseina A2 e con capacaseina BB”, conta Kelly. O transporte do leite ata a planta de transformación de Sanborn corre por conta da propia explotación. “Transportar o leite é o cuarto gasto máis importante na nosa granxa”, indica. Por iso, producir máis sólidos é unha forma de reducir gastos. “O custo de transporte do leite é agora un 6% menor, porque podemos meter 100 litros de leite nun recipiente de 94,2 litros”, exemplifica . “A granxa é agora máis rendible” A toma constante de datos é unha ferramenta fundamental nesta granxa como forma de mellorar a eficiencia produtiva e a rendibilidade final da explotación. “Se miramos só o volume de leite por lactación a produción é un pouco menor nas procross (39 litros diarios de media) fronte ás holstein (43 litros), pero se miramos todo o demais o resultado é moi favorable. Gastamos medio dólar menos de comida e o aforro no custo sanitario é de 40 céntimos por vaca e día”, detalla. “Na miña granxa logro medio dólar máis de rendibilidade ao día nas procross, iso en 1.000 vacas son 186.000 dólares ao ano. Temos case 3.200 vacas, iso representa 600.000 dólares máis de ingresos anuais”, indica Kelly.
Custa moito cambiar a mentalidade porque a vaca holstein é case unha cuestión de tradición en EEUU
“Encántannos as Procross; son máis rendibles. Os vendedores de seme que veñen á nosa granxa non poden competir contra iso. Pero custa moito cambiar a mentalidade porque a vaca holstein é case unha cuestión de tradición en EEUU”, admite. No caso de Milk Unlimited ese cambio veu motivado pola necesidade de reducir a taxa de sacrificio e producir máis sólidos para o seu novo comprador, pero os beneficios víronse reflectidos no conxunto da explotación. “Somos máis sostibles porque temos máis saúde, reprodución e lonxevidade e menos carga de traballo e de man de obra. Os cruces cambiaron a nosa granxa para ben”, conclúe Kelly.  

Só 400 hectáreas para 3.200 vacas

Vista aérea das instalacións de Milk Unlimited Milk Unlimited atópase situada no centro de EEUU, nunha importante zona de produción de millo, aínda que a superficie agraria da que dispón esta granxa non lle permite ser autosuficiente. “Temos 400 hectáreas, 300 son para produción de millo para silo e o resto para alfalfa”, indica Kelly.
O 70% da superficie é para silo de millo. O resto de cereais comprámolos
Recollen unhas 36.000 toneladas anuais de silo de millo e empregan unhas 175 toneladas diarias para a alimentación do gando. A ración está formada por silo de millo, alfalfa, fariña de millo e soia. Os animais en produción aliméntanse tres veces ao día con comida fresca recén elaborada. Recría externalizada As instalacións de produción divídense en 3 naves con capacidade para 900 vacas cada unha. A maiores, dispoñen doutra nave para vacas secas e xovencas preñadas próximas ao parto. Teñen unha media de 10 partos diarios e a recría realízana en dúas granxas especializadas, primeiro en Iowa e máis tarde en Colorado, de onde as xovencas regresan mes e medio antes do parto. “Cos cruzamientos, notamos unha gran diferenza no manexo e supervivencia dos tenreiros. Son totalmente diferentes; mostran unha gran vitalidade. Despois dun cuarto de hora xa están de pé e van buscar á nai. Pouquísimas veces hai que intervir sobre eles. Os tenreiros holstein despois de media hora aínda están tombados e hai que intervir máis”, di Kelly. 35 traballadores O volume de animais cos que conta a explotación fai que sexa altamente dependente de man de obra contratada. A granxa conta con 35 traballadores. Por iso, lograr un tipo de gando máis duro, que requira menores atencións é un factor determinante para reducir as necesidades de persoal. “As frisoas hai que estar enriba delas todo o tempo, coas procross o manexo é máis sinxelo, non hai que estar tocándoas tanto. Teño 35 empregados e non queren máis holstein”, asegura Kelly.
Moxen 300 vacas cada hora nunha sala de 60 puntos que está funcionando as 24 horas do día
“Os que se ocupan da enfermería e a paridera están máis contentos, os que atenden a reprodución tamén porque teñen menos traballo, e os que moxen o único do que se lamentan é que as vacas son un pouco máis nerviosas”, recoñece. Clima extremo Análises da calidade dos ensilados de millo Outro factor positivo que Kelly ve ao gando cruzado é a súa mellor adaptación a temperaturas extremas como as que se dan nesta zona de Iowa. “Nesta zona fai moita calor no verán e tiñamos moitos problemas para manter a produción. Coa calor o pasado verán as procross perderon 2,5 litros de produción diaria e as holstein 6 litros. As procross están a resistir moito mellor o estrés por calor do verán”, asegura.
Instalaron sistemas de ventilación para mitigar a calor no verán e reducir as perdas de produción
Os contrastes térmicos son unha das características climatolóxicas na zona onde se sitúa a granxa. “No verán temos problemas respiratorios porque as vacas están confinadas, con alta humidade e temperatura e no inverno na nosa zona a temperatura pode chegar a 20 graos baixo cero. Temos que poñer mantas aos tenreiros”, explica. Coidado do benestar animal e o medio ambiente Esta granxa prioriza as boas prácticas de coidado dos animais e a terra, un labor que lles serviu para lograr o Premio Wergin Good Neighbor, que recoñece aos gandeiros que se enorgullecen de coidar o medio ambiente e ao seu gando.
As camas do gando son de area e non deixan descuberta a terra
“Nas camas empezamos con serrín e agora usamos area e coidamos a terra mediante a implementación de cultivos de coberteira e cunha boa xestión do esterco”, conta Kelly. Neste ámbito, por exemplo, introduciron un sistema de xestión de esterco por aireación que foi pioneiro hai 20 anos en Iowa.
  • Reportaxe elaborada en colaboración con Global Genetics

Gandeiros de Galicia e Asturias coñecen os beneficios de cruzar a raza holstein

Pepe Barcia, un dos dous socios de Villameitide, explica o funcionamento da granxa a outros gandeiros

Gandeiros de distintas partes de Galicia e Asturias coñeceron este mércores os resultados que a gandería Villameitide SL, de Trabada (Lugo), está a obter co sistema Procross de cruzamentos que está a levar a cabo desde o ano 2016. 

Os asistentes puideron analizar os datos da granxa, asistir ao turno de muxido que se fai a mediodía (moxen tres veces ao día) e falar con Pepe Barcia e Álvaro Vázquez, os dous socios desta gandería para coñecer de primeira man a súa experiencia cos cruzamentos. 

Comezaron por poñer touros montbeliard nas vacas e viking red nas xovencas

Villameitide SL decidiu comezar a cruzar o seu rabaño holstein hai 7 anos debido aos problemas reprodutivos e sanitarios que arrastraban. Comezaron por poñer touros montbeliard nas vacas e viking red nas xovencas e os resultados do vigor híbrido non tardaron en aparecer.

As vacas nesta explotación duran hoxe un parto máis, dous de cada tres animais quedan preñados na primeira inseminación e producen máis graxa e proteína sen baixar aos litros de leite. 

Algúns datos da explotación: 

  • Dous establos, un en Vilarbetote (Trabada) para as vacas en produción e outro en Vilaronte (Foz) para a recría
  • Cabana formada por 182 vacas adultas (157 en lactación) e 100 xovencas
  • Produción diaria 41,1 litros ao 4,4% de graxa e ao 3,34% de proteína
  • Xestión das terras (36 ha) e ración diaria de alimentación proporcionada pola cooperativa Clun
  • 4 persoas a tempo completo para manexar a explotación

Contacto para Procross en Galicia: 

Global Genetics
galicia@globalgenetics.es
619760916

Xornada de portas abertas este mércores na gandería Villameitide de Trabada

Pepe e Álvaro, os dous socios desta gandería situada en Vilarbetote (Trabada)

A gandería de leite Villameitide SL, ubicada en Trabada (Lugo) celebra este mércores 31 de agosto unha xornada de portas abertas destinada a outros gandeiros ou a persoas interesadas en coñecer o seu sistema de traballo e o funcionamento do método de cruzamentos Procross que están a seguir.

A xornada comezará ás 11 da mañá e está organizada por Global Genetics, a empresa responsable de Procross en España. Ademais de coñecer as instalacións, o gando e o método de traballo desta gandería, haberá servizo de hamburguesería para que os asistentes poidan xantar na propia granxa. 

Villameitide SL decidiu apostar polos cruzamentos no ano 2016

Villameitide SL é unha das ganderías de referencia na zona, que sempre apostou pola eficiencia na produción de leite, cunha produción media que na actualidade se sitúa en 41,1 litros, con 196 días en leite, un 4,40% de graxa e un 3,34% de proteína, segundo os últimos datos de Control Leiteiro.

A aposta polos cruzamentos mellorou de maneira substancial aspectos clave do día a día da granxa, como por exemplo, o reprodutivo. Neste momento están empregando unha media de dúas doses por vaca, logrando no que vai de ano un 66% de éxito na primeira inseminación.

As vacas pasaron de durar 2 partos a máis de 3 a día de hoxe, cunha produción vitalicia media de máis de 45.000 litros

Outra das cuestións nas que en Villameitide SL notaron os efectos do vigor híbrido foi no aspecto sanitario, xa que as visitas do veterinario a esta granxa reducíronse considerablemente por motivos clínicos.

Medio cento de ganderías Procross en Galicia

Xa son máis de medio cento as ganderías que están a facer cruzamentos con montbeliard e rojo sueco na nosa comunidade e os resultados avalan a súa efectividade.

Máis de medio cento de ganderías están a cruzar as súas vacas holstein con montbeliard e rojo sueco a día de hoxe en Galicia

O sistema consiste na inseminación rotacional con tres razas puras para deste xeito manter un alto nivel de heteroxe que permita superar os problemas en aspectos como a saúde ou a reprodución que está a provocar o incremento da consanguinidade na raza holstein.  

O método Procross foi ideado nos EEUU e estendeuse nos últimos anos por distintos países de América e Europa (Países Baixos, Italia, Francia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal ou España) e conta co aval científico de diferentes universidades a nivel internacional.

Villameitide SL: mellor saúde, máis fertilidade e aumento de calidades grazas aos cruzamentos

Pepe e Álvaro, xunto ás súas vacas en Vilarbetote (Trabada) No lugar de Vilarbetote, no concello de Trabada, atópase unha gandería de referencia que sempre apostou pola eficiencia na produción de leite, cunha produción media que na actualidade se sitúa en 41,1 litros, con 196 días en leite, un 4,40% de graxa e un 3,34% de proteína, segundo os últimos datos de Control Leiteiro. Os seus dous socios, Pepe e Álvaro, xuntaron os seus destinos hai xa 20 anos e desde entón sempre estiveron abertos a introducir os cambios necesarios para adaptar a granxa ás necesidades que ían xurdindo, na procura sempre dunha maior rendibilidade. Por iso, no 2016 tomaron a decisión de empezar a cruzar o gando para acabar deste xeito cunha serie de problemas de saúde e fertilidade que os altos niveis de consanguinidade que arrastra a raza holstein estaban a provocar no seu rabaño.  “A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco”, lembra Pepe. Foi por iso polo que optaron por mudar a súa estratexia de mellora xenética apostando polos cruzamentos.
A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco
A súa empresa provedora de seme, Global Genetics, retirou todas as doses holstein que había no tanque e subtituíunas por montbeliard e rojo sueco. As primeiras empregáronas nas vacas adultas e as segundas nas xovencas, buscando unha maior facilidade de parto. Os resultados non se fixeron agardar e hoxe a gandería está ao 100% no sistema Procross. “Estamos contentos co resultado porque logramos aqueles obxectivos que nos propoñiamos. Penso que estamos na boa liña e imos a continuar por este camiño”, asegura Pepe. Unha lactación máis por vaca A nave ten capacidade para 160 vacas en produción, divididas en dous lotes A aposta polos cruzamentos mellorou de maneira substancial aspectos clave do día a día da granxa, como por exemplo, o reprodutivo. Neste momento están empregando unha media de dúas doses por vaca, logrando no que vai de ano un 66% de éxito na primeira inseminación.
As vacas pasaron de durar 2 partos a máis de 3 a día de hoxe, cunha produción vitalicia media de máis de 45.000 litros
Outra das cuestións nas que en Villameitide SL notaron os efectos do vigor híbrido foi no aspecto sanitario. As visitas do veterinario reducíronse considerablemente por motivos clínicos. "Antes tiñamos bastantes desprazamentos de abomaso pero hoxe no gando cruzado ese problema desapareceu por completo”, indica Pepe. Todos estes factores fixeron que a lonxevidade media se teña incrementado nun parto máis desde que están en Procross. A día de hoxe, a media das vacas que van ao matadoiro pasan dos tres partos e a produción vitalicia media supera os 45.000 litros. Taxa de reemprazo do 25% Para a recría dispoñen dunha nave arrendada no concello de Foz Como consecuencia directa do incremento da lonxevidade e da mellora da fertilidade, a taxa de reemprazo nesta gandería de Trabada baixou do 35 ao 25%. “Chegamos a ter 140 xovencas para cubrir as necesidades da granxa e hoxe con 100 amañamos. Este ano mesmo puidemos vender recría porque nos sobraba”, conta Pepe.
Conseguen que as xovencas estean paridas con menos de 2 anos de idade e á metade das vacas póñenlles cruces cárnicos
E iso que están a reducir considerablemente o número de xatas e xovencas, co que iso implica de aforro económico e incremento de ingresos por venda de tenreiros. De feito, ao 50% das vacas xa lles están a poñer cruces cárnicos, ben sexa azul belga ou rubio galego, para desta maneira obter un maior retorno da venda do xato. Calidades de leite muxindo tres veces ao día Moxen tres veces ao día: á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá Villameitide SL entrega o leite desde hai seis anos a Entrepinares, polo que as porcentaxes de graxa e proteína son importantes nesta granxa para rendabilizar o seu leite. Malia realizaren tres muxiduras (á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá), o cambio a Procross axudoulles a aumentar os niveis de sólidos do leite.
É un problema impresionante atopar man de obra
Realizar tres muxiduras incrementa as necesidades de man de obra, que ás veces é difícil de atopar, admiten. Ademais de Pepe e de Álvaro, teñen dous empregados para muxir e unha persoa máis encargada de atender a recría, que se atopa noutra ubicación, concretamente nunha nave arrendada en Vilaronte, no concello de Foz.   Están muxindo neste momento unhas 160 vacas, ás que hai que sumar 30 secas e un cento de animais de recría, entre xatas e xovencas, para un total dunhas 300 cabezas. Só 35 hectáreas de terreo O CAVI da cooperativa Os Irmandiños subminístralles a ración húmida diaria para as vacas en produción Xunto ás dificultades para atopar man de obra, outro dos problemas que ten esta gandería é o da base territorial. “Toda a vida houbo problema de falta de superficie nesta zona”, admite Pepe. A gandería atópase na parroquia de Sante, que concentra o groso das explotacións leiteiras do concello de Trabada.
Son socios fundadores da cooperativa Os Irmandiños, que lles xestiona as terras e lles sirve a ración diaria
Ante a falla de superficie (manexan só 15 hectáreas en propiedade e outras 20 arrendadas), Villameitide SL optou por sumarse desde o comezo ao proxecto do CAVI da cooperativa Os Irmandiños (hoxe integrada en Clun). Diariamente, ás 11 da mañá, un camión transporta a ración xa elaborada desde o centro de alimentación da cooperativa, ubicado en Vilamartín, no concello de Barreiros, até a gandería e distribúea no comedeiro. “Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando”, recoñece Pepe. Algunhas das vacas do establo, cunha produción media de 41,1 litros É tamén o parque de maquinaria da cooperativa o que se encarga da xestión das fincas e cultivos, así como de sacar o purín, polo que o persoal da granxa está centrado unicamente en atender o gando.
Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando
Por esa razón dispoñen só da maquinaria básica para o día a día da granxa, como un tractor, fresadora, pincho e encamadora. As vacas en produción teñen cubículo de area, mentres que as secas están en cama quente. O custo do servizo de cátering diario de mestura húmida ten un custo importante, que pasou de 150 a 160€/tonelada a raíz da guerra en Ucraína e o incremento de prezos dos cereais. Para compensalo, son necesarias altas producións, que Villameitide logra tanto en litros de leite como a nivel de sólidos. “Só queremos que nos paguen o leite que producimos polo que vale”, reclaman Pepe e Álvaro.

Xornada de portas abertas o vindeiro 31 de agosto

Vista das instalacións, construídas hai 20 anos Villameitide SL celebra o mércores 31 de agosto unha xornada de portas abertas destinada a outros gandeiros ou a persoas interesadas en coñecer o seu sistema de traballo e o funcionamento do método de cruzamentos Procross que están a seguir. A xornada comezará ás 11 da mañá e está organizada por Global Genetics, a empresa responsable de Procross en España. Noel Balsa, de Global Genetics Galicia, explica que xa son máis de medio cento as ganderías que están a facer cruzamentos con montbeliard e rojo sueco na nosa comunidade e que os resultados avalan a súa efectividade.
Máis de medio cento de ganderías están a cruzar as súas vacas holstein con montbeliard e rojo sueco a día de hoxe en Galicia
O sistema consiste na inseminación rotacional con tres razas puras para deste xeito manter un alto nivel de heteroxe que permita superar os problemas en aspectos como a saúde ou a reprodución que está a provocar o incremento da consanguinidade na raza holstein.   O método Procross foi ideado nos EEUU e estendeuse nos últimos anos por distintos países de América e Europa (Países Baixos, Italia, Francia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal ou España) e conta co aval científico de diferentes universidades a nivel internacional.
  • Contido elaborado coa colaboración comercial de Procross

“Ao completar os tres cruces é cando as vacas Procross amosan todo o seu potencial”

Diego, xunto ao seu pai Juan e aos seus fillos Pablo e Mario, en Santalla de Lagos (Láncara) Diego Fernández incorporouse á gandería familiar no ano 2006, xuntou as vacas que tiñan os seus avós no Corgo e o seu pai en Láncara e comezou a aumentar o número de cabezas até muxir hoxe 100 vacas. Pero quixo medrar sen perder a esencia das dúas granxas, que tiñan un sistema de manexo baseado no pastoreo, e apostou polos cruzamentos como maneira de incrementar a rendibilidade económica da explotación.  “Nesta casa sempre houbo vacas, pero antes eran de carne, coas de leite empecei eu no ano setenta e pico”, conta Juan, o pai de Diego. “Fixen este establo con 20 anos, quedara orfo de pai aos 16, e empecei con vinte e pico vacas. E despois a continuación fixen unha nave para coellos”, lembra.
Estamos enfocando a gandería a tratar de producir calidade de leite máis que cantidade
Esa foi a instalación que agora o seu fillo Diego remodelou para as vacas de leite, un total de 100, máis do dobre das que tiña cando se incorporou sumando as dúas granxas. “No ano 2016 foi cando fixemos a obra de remodelación do establo para xuntar aquí as vacas de produción e desde entón aumentamos bastante”, di.
Diego duplicou o número de cabezas desde o 2016 grazas á menor taxa de reposición das vacas Procross
“O gando cruzado dura máis, o que permite reducir a taxa de reposición e medrar máis rápido”, asegura. “Cando empecei o rabaño era todo holstein, pero estaba investindo moito en xenética e os resultados non eran os que eu agardaba, eran vacas moi delicadas. A miña filosofía é ter vacas que me duren, eu fíxome máis na produción vitalicia que nunha única lactación”, indica.
En Santalla de Lagos, en Láncara, moxen 100 vacas e en Arxemil, no Corgo, teñen 30 xovencas
A intención de Diego non é seguir medrando máis, senón estabilizar a explotación no número de cabezas actual. “A nosa idea non é ir a unha macroexplotación, senón manter un rabaño acorde á superficie que temos e que nos permita seguir facendo un manexo en pastoreo como o que temos hoxe”, afirma. Fusión de dúas ganderías En Arxemil, no Corgo, teñen as xovencas, aproveitando a explotación dos avós maternos de Diego A gandería é hoxe o resultado da fusión de dúas explotacións, a iniciada por Juan na década dos 70 en Láncara e a ubicada no Corgo, herdada dos pais de Mercedes, a súa muller. “Eran dúas ganderías moi parecidas, as dúas en réxime de pastoreo e muxindo vinte e pico vacas en cada unha. As instalacións eran antigas, co gando trabado”, explican.
Desde moi pequeno sempre me tirou moito isto das vacas
Para poder atendelas tiñan dous empregados. “A miña nai é enfermeira e o meu pai traballou 30 anos en Caixa Galicia, pero nunca quixo abandonar as ganderías e atendiámolas por esa vía, pero hoxe en día é difícil atopar man de obra”, asegura Diego. El empezou a estudar Enxeñería Técnica Agrícola en Lugo pero deixouno para atender a explotación. “A min desde pequeno sempre me levou moita idea isto das vacas e cando estaba estudando xa era eu un pouco o que me encargaba de supervisar as dúas granxas”, explica.
Non acabei a carreira, pero a formación valeume bastante para levar a granxa
Tras incorporarse, Diego constituíu unha SL xunto co seu pai, Juan, e reformou as instalacións de Láncara. “O que fixemos foi xuntar aquí todas as vacas de leite e alí, no Corgo, ter as xovencas”, conta. Diego tratou de “aproveitar todas as instalacións que puidemos e non gastar moito en obras” para centrar os seus esforzos no gando. De holstein pura a Procross Zona de boxes de recría da explotación, onde a totalidade dos animais son cruzados “Empezamos cos cruzamentos no ano 2009 porque estabamos insatisfeitos co rendemento que nos estaba dando a holstein, viamos que o que estabamos investindo en seme non o viamos despois recompensado nas vacas, non viamos que foran animais que se adaptaran ben para este sistema de pastoreo, penso que as holstein son máis ben vacas para telas nunhas instalacións novas, amplas e con moi boa cama, aí pode que funcionen ben, pero para este sistema eu penso que a holstein pura non é a raza máis rendible”, asegura.
Vacas holstein puras agora mesmo só temos 3 ou 4, o resto son todos animais cruzados ou de outras razas
“Nós non oiramos falar deste sistema de cruzamentos pero sempre nos queixabamos de que as xovencas saían moi brandas e que enseguida comezaban a dar moitos problemas e foi o veterinario o que nos falou de Procross”, explica. “Outra das vantaxes destes animais é que ao durar máis non necesitas tanto reemprazo. A nós, de media, unha vaca pódenos durar 4 ou 5 partos tranquilamente”, detalla. “Neste momento hai unhas 70 tenreiras de recría de todas as idades, entre as becerras pequenas e as xovencas xa preñadas. Até agora estivemos aumentando e facíanos falla, pero a partir de agora vainos comezar a sobrar”, di.
Unha das vantaxes das vacas Procross é que ao durar máis non necesitas tanto reemprazo
Diego ve na venda de xovencas Procross, que contan con moita demanda neste momento, outra fonte de ingresos, o mesmo que a venda dos xatos e as vacas de desvelle, xa que “collen máis quilos que as holstein”, asegura Diego. Vacas trihíbridas despois de 10 anos Lembra perfectamente que cando empezou a facer cruzamentos houbo quen o criticou pero considera que os resultados máis dunha década despois avalan que foi unha decisión atinada. “Galicia sempre foi pouco aberta aos cambios e ás innovacións, aquí tratas de saír do camiño dos demais e chámanche tolo”, argumenta. Hoxe Gandería Valcárcel Láncara ten vacas xa de cuarto e quinto cruce, nas que completou a rotación de holstein, montbeliard e roja sueca. Nestes animais trihíbridos é nos que máis se nota a mellora que aporta o vigor híbrido, asegura Diego. “A vaca vai mellorando en cada cruce porque cada unha das razas aporta un factor mellorante: a holstein aporta produtividade e ubres ben conformados, a montbeliard aporta robustez e estrutura ósea e a roja sueca dureza de patas e resistencia á mamite”, describe.   Menor gasto veterinario “Temos menos gasto veterinario. No tema de cetose nótase moitísimo, antes tiña que tratalas case todas e estar pendente de darlles un bolo de Kexxtone aos 8 meses porque senón xa sabías que había problemas despois no parto, pero coas Procross é unha cousa da que me esquecín completamente”, asegura Diego.
Os problemas de cetose, coxeiras e infertilidade acabáronse por completo
“E dos problemas de coxeiras e infertilidade tamén”, engade. “Antes había que andar pinchando para que se volveran en celo e agora nada, algunha xa aos 20 días ou un mes de parir xa están en celo, aínda que non acostumamos inseminalas tan cedo, agardámoslles dous meses”, explica.
Poñemos sempre os mellores touros de cada raza
“Nós empezamos meténdolles ás xovencas rojo sueco, porque traen crías máis pequenas, e ás vacas montbeliard, e a partir de aí o cruce que lles toque pero, iso si, poñendo seme dos mellores animais de cada raza sempre”, di Diego. Sen problemas de células nin mamites Nas camas empregan carbonato con serrín mesturado ao 50%, que lles sirve Galical. Por debaixo teñen colchoneta e repoñen todos os días o material secante que botan por enriba. “Coa colchoneta levar leva menos, pero tamén tiran máis. Gastamos unhas 9 toneladas ao mes, é un gasto importante, pero para as fincas vénlles ben”, razoa Diego. Fan as camas dúas veces ao día e non teñen problemas de células “tamén porque este gando é menos propenso ás mamites”, asegura. O manexo da cama é máis complexo no inverno, cando todo o gando está no establo, e moito máis doado nos meses de primavera e verán, nas que as vacas botan a maior parte do día no pasto. Efectos positivos do vigor híbrido “O vigor híbrido nótase moi rápido, xa o ves nada máis nacer nos becerros, saen moito máis espabilados e maman moito mellor, na primeira toma xa o ves. Iso é grazas á heterocigose que se logra ao cruzar as tres razas e que é o contrario da homocigose, que é o que dá lugar á consanguinidade, que vai debilitando a raza pura, que é o que lle está a pasar á holstein”, compara.
Son vacas máis doadas de manter, comen moito menos para producir máis ou menos o mesmo
Ademais, afirma, “este tipo de gando adáptase moito mellor ao pastoreo” porque “son vacas cunha maior eficiencia alimentaria, que pacen mellor e son máis doadas de manter porque comen moito menos para producir máis ou menos o mesmo que as holstein puras”, asegura. 32 litros de media Diego conta coa axuda dun empregado para muxir e outra persoa para dar o leite aos becerros e facer as camas A media de produción é de 32 litros, pero Diego ten claro que “ter unha media altísima non é sinónimo de máis rendibilidade, porque hai moitos factores que inflúen”. Eles trataron de non ter que facer investimentos altísimos nin gastar moito en reposición de gando. En canto a calidades, están en 4,20% de graxa e 3,60% de proteína, que soben até 4,65% de graxa e 3,70% de proteína no inverno. “Nos meses de pastoreo notamos unha baixada de calidades: a proteína mantense, pero sobre todo a graxa baixa”, admite Diego.
É unha suma de pequenas cousas: inflúe a alimentación e as instalacións, pero está claro que a xenética tamén
Cando reformaron a nave de coellos para convertela no establo para as vacas de leite mercaron unha sala de segunda man que estaba “en moi bo uso”. “Para este sistema o robot tampouco se adapta, porque para iso teriamos que ter unha finca concéntrica todo ao redor do establo, pero no noso caso non temos esa configuración”, admite.
Non temos concentración e fomos cambiando entre os veciños que quedamos para tratar de ir xuntando
“Aquí non temos concentración, fomos tratando de comprar e cambiar entre nós para ir xuntando, pero non é doado moitas veces chegar a acordos. Nós temos algunha finca grande, de 6 hectáreas, que fixemos xuntando 7 fincas, pero tamén algunha de media hectárea”, explica. Para renovar as pradeiras non as levantan, senón que o que fan para mellorar o pasto é resementalas. “Deixámolas para herba seca para que caia a semente e senón en outono botámoslles semente coa abonadora e logo purín. É un sistema de resementeira que nos funciona ben. Preferimos non laborealas porque se te pos a aralas levantas moitas pedras”, aseguran. Alimentación a base de herba complementada cunha ración no pesebre A rutina diaria na gandería Valcárcel Láncara comeza coa muxidura da mañá. Despois, antes de botar as vacas ao pasto, subminístranlles unha ración suplementaria en pesebre. “Temos un cazo desensilador, mesturador e distribuidor e facémoslles unha ración formada por silo de millo, palla picada e penso. Temos un empregado paquistaní e mentres el moxe eu xa vou facendo a ración e distribuíndoa polo pasillo de alimentación para que a vaian comendo”, detalla Diego.
As fincas que son fondas resérvanas para o millo
Ao acabar de muxir e de lavar as vacas saen para a pradeira, onde permanecen até a muxidura da tarde. “Iso é cando hai pasto bo, nos meses da primavera e o outono, en total poden ser uns catro ou cinco meses, porque aquí no verán seca bastante e no inverno encharca bastante e un rabaño de 100 vacas machaca moito”, explica. Nos meses nos que non hai pasto e as vacas permanecen estabuladas a ración inclúe silo de millo e silo de herba. “Até este ano a herba faciámola toda en rolos pero este ano coa suba dos prezos do plástico pasamos a metela coa picadora nunhas pilas. Tivemos que cambiar polos prezos do plástico, non por que nós quixeramos, porque a herba canto menos picada mellor se conserva e mellor a comen”, din. Plan de Mellora para silos e fosa de xurro Teñen xa un Plan de Mellora aprobado para facer un silo de paredes de formigón, para deixar de ensilar no chan, e tamén para facer unha fosa de xurro de maior capacidade, dun 1,2 millóns de litros, máis un estercoleiro.
Os ecoloxistas de cidade cando veñen ao campo gústalles ver todo coma un xardín, pero quen o coidamos somos nós e máis as vacas
“Son cambios necesarios que temos que facer para adaptarnos á normativa. A fosa que temos a día de hoxe é moi pequena e non podemos aproveitar ben o purín nas épocas de sementeira. Se non fose porque temos o gando fóra 4 ou 5 meses non nos chegaría a capacidade de almacenaxe que temos”, recoñece Diego.  
Dispoñen de 70 hectáreas de superficie repartidas entre Láncara, O Corgo e Paradela
Dispoñen dunhas 70 hectáreas de superficie, repartida en tres ubicacións diferentes: Láncara, O Corgo e Paradela. “En Láncara temos 36 hectáreas, contando as 7 hectáreas de pradeira do monte comunal da parroquia, no Corgo temos 20 hectáreas e en Paradela 15”, detalla. “Eu penso que o futuro en Galicia está na herba” A zona máis próxima á granxa resérvana para facer pastoreo coas vacas en produción, o mesmo que fan no Corgo coas xovencas, e o resto de parcelas adícanas á produción de forraxes para ensilaxe tanto de raigrás como de millo forraxeiro. “Nesta zona dase ben o millo, o ano pasado sacamos de media 40.000 quilos por hectárea e temos fincas boas nas que chegamos a 50.000”, conta Diego, que considera que “por debaixo de 30.000 quilos non compensa botalo debido aos custos que ten”.
Para aproveitar máis a superficie, fan rotación con raigrás nas fincas de millo
Para aproveitar máis a superficie, fan rotación con pradeira tamén nas fincas de millo. “O ano pasado botamos algo de wester gold para probar, pero as vacas non queren saber nada, cómeno moito peor, e volvimos ao raigrás botando un F2”, di. Este ano botaron a millo unhas 27 hectáreas. “Botamos 4 ou 5 hectáreas máis que o ano pasado, porque aínda que se encareceu a sementeira por culpa do aumento de custo do gasóleo e os fertilizantes, é unha maneira de depender menos do penso”, argumenta. Dan uns 11 quilos de concentrado por vaca e día, aínda que na época de pasto reducen un pouco esa cantidade. “Eu penso que o futuro en Galicia está na herba, temos unhas condicións óptimas para producila pero até agora non se lle deu a importancia que ten. Ata hai uns anos tratábase case coma un produto de segunda mentres se apostaba pola alfalfa ou o millo”, asegura Juan.
Nesta zona dase ben o millo e é unha maneira de depender menos do penso
Gandería Valcárcel Láncara nunca chegou a dar o salto ao modelo intensivo co gando completamente estabulado, senón que sempre mantivo o pastoreo, mesmo a medida que ía medrando en número de cabezas. “Eu penso que nos equivocamos tratando de imitar o modelo de granxas intensivas americanas pero se xa estás metido niso é difícil saír”, considera Diego. El puido facelo “porque non estaba metido en grandes créditos” e optou por un modelo mixto máis parecido ao de países como Irlanda ou como o que están a recuperar as ganderías en Holanda ou na Bretaña francesa, zonas onde o pastoreo está a gañar protagonismo. “A xestión do pasto non é unha cousa doada, porque se te pasas xa non o comen e se te quedas curto páceno antes de tempo, trátase de entrar en cada parcela no momento xusto, hai que calcular iso moi ben”, asegura Juan. “Nesta zona a terra está carísima” Na parroquia de Santalla de Lagos quedan aínda 7 ganderías dando leite e outras 3 de vacas de carne. “É unha parroquia pequena e a terra está moi buscada”, asegura Diego, polo que aínda que quixese ampliar superficie sería complicado. “As fincas que saen á venda ou que se poñen en aluguer están carísimas. Nós mercamos unhas 10 hectáreas e a media do que se paga aquí pode estar nuns 12.000 euros por hectárea a día de hoxe e en aluguer andan polos 400 ou 500 euros”, detallan.
Temos moitos factores produtivos que nos limitan, como pode ser o minifundio e a falta de superficie agraria
O monte comunal de Santalla de Lagos ten 100 hectáreas, das que a metade están aproveitadas polos gandeiros da parroquia. “Tócannos unhas 7 hectáreas a cada veciño. Aí nós facemos un corte de silo e outro de herba seca. Ten moita pedra para botar millo e está ademáis o problema do xabarín, ao estar a carón do monte”, razoan. “Temos moitos factores produtivos que nos limitan, como pode ser o minifundio e a falta de superficie agraria. Penso que iso é algo básico e que habería que empezar por aí, para poder traballar con máis comodidade e eficacia”, defende Diego.

“A nosa intención é poder chegar a transformar nós mesmos o noso propio leite”

Mario e Pablo, axudando nas tarefas da granxa O obxectivo de Diego é poder chegar algún día a transformar o seu leite como un xeito de valorizalo. “Agora mesmo non podemos facelo, pero a nosa intención é tratar de facer unha queixería ou facer iogures, queremos pechar o círculo, que era algo que nos inculcaban moito na escola de peritos cando estaba facendo a carreira”, di.  Desde hai 3 anos véndenlle o leite a Larsa e cobran a prima de pastoreo. “Traballamos nun réxime semiextensivo e o leite de pastoreo encáixanos perfectamente no noso sistema de manexo”, explica Diego. “A min o do leite de pastoreo paréceme unha conquista importante, por ser algo intermedio entre o ecolóxico e o intensivo”, engade Juan.
Este ano tivemos varias ofertas no momento de renovación dos contratos pero ao final non nos cambiamos
“Estivemos a piques de cambiarnos na última renovación de contratos, porque tivemos ofertas de varias empresas, entre elas Danone e Entrepinares, pero ao final non marchamos porque estivemos comparando prezos e dado que Capsa indexa o 30% do prezo ás cotizacións internacionais dos produtos lácteos, que están altas, neste momento o prezo final resultante é bo, porque por ese 30% págannos case tanto como polo outro 70%”, explica. O problema vai ser, recoñece, “cando veñas as fracas”, por iso, conta Diego, “estivemos pelexando con Larsa para que nos fixeran só contrato por 6 meses, porque tal como está a cousa, con moita volatilidade, estabamos menos atados. Pero non houbo forma, non aceptaron e ao final tivemos que asinar por un ano. O poder de negociación que temos os gandeiros segue sendo moi escaso, tráenche o contrato, póñencho aí e tes que asinalo ou cambiarte se hai quen te queira coller”, asegura. Neste momento, grazas á cotización dos produtos industriais, están cobrando o leite por enriba da maioría de empresas que recollen en Galicia, pero lembran que o verán pasado, de xullo a novembro, estiveron cobrando por baixo dos custos de produción. “Neses meses pasámolo realmente mal”, admiten. “Se as cooperativas funcionasen ben sería o ideal” Para Diego, “se as cooperativas funcionaran ben sería o ideal, porque sería a maneira de darlle valor ao noso produto, porque eran elas as que tiñan que tratar de transformar o noso leite, sacarlle o valor engadido e comercializalo, pero iso agora é tarde penso, iso había que telo feito antes, porque agora levas moito retraso e para coller cota de mercado é complicado”.
Aquí a mentalidade é máis individualista ca cooperativista
O pai de Diego, Juan, foi socio fundador de Cogasar no ano 1980, pero recoñece que “no tema cooperativo, penso que patinamos”. “Non funcionou como tiña que funcionar no seu día Cogasar nin está funcionando Aira, estou insatisfeito co resultado, porque se miras as cooperativas da Bretaña ou de Holanda e as comparas coas nosas non teñen nada que ver”, di. Para Diego, o problema é que “aquí a mentalidade cooperativista non existe e por iso as cooperativas non funcionan”. Gandería Valcárcel Láncara é socia de Aira, que lles subministra produtos como a semente do millo ou o abono, ademais de prestarlles servizos de asesoramento. “Até fai dous anos mercabámoslle o penso, pero agora cambiamos e tráenolo De Heus”, conta Diego, para quen “o erro é facer funcionar as cooperativas como se fose un negocio privado, cando a súa función debería ser dar servizos aos socios”, conclúe.

Vitorio  SC, pasar de muxir con circuito en praza fixa a robot

José Luis e Berta, xunto ás súas vacas na nova nave que construiron

No lugar de Campoverde, pertencente á parroquia de Buriz, no concello de Guitiriz, atópase Vitorio SC, unha gandería familiar que decidiu modernizar as súas instalacións para poder seguir producindo leite.

Berta Fontela e José Luis Calvo tiñan unha explotación antiga, que mantiña o gando trabado e que facía tempo que quedara obsoleta. “Estaba feita a cachos e era moi incómoda. Aquilo non era vida, nin para as vacas nin para nós”, recoñece Berta.

Este ano, polo San Xoán, estrearon as novas instalacións, ubicadas a 700 metros do establo antigo, nunha parcela a carón do monte alonxada das casas para poder cumprir con todos os requisitos de distancias que a normativa esixe na actualidade ás novas explotacións.

Tiñamos as vacas atadas e muxiámolas cun circuito; aquilo non era vida, nin para as vacas nin para nós

A nova nave, con capacidade para 65 animais en produción e dotada dun robot de muxido Lely Astronaut A5,  está a encherse pouco a pouco con recría propia. Aínda que quedou pensada para poder duplicar nun futuro o número de vacas en produción, a idea de Berta e José Luis a curto prazo non é ampliar, senón aumentar a produción dos animais que agora teñen e gañar en calidade de vida (tanto para o gando como para eles). 

Boa experiencia no paso de circuito a robot

“Nós nunca muxiramos en sala e aínda que no verán botabamos as vacas fóra, levaban xa un ano sen saír da corte vella agardando para facer o traslado para a nova, pero sen estar as vacas acostumadas a andar polo establo e a iren a muxirse libremente, a adaptación foi moi boa, estamos moi contentos”, afirma Berta.

Cambiounos a vida completamente, tanto a nós como ao gando

“A transición foi fantástica, as vacas adaptáronse moi ben e non tivemos ningunha baixa nin tivemos que descargar ningún animal, estamos muxindo as mesmas que muxiamos no outro establo. Aquí as vacas vellas foron as que primeiro entraron ao robot e as que mellor se adaptaron ás novas instalacións. Temos algunha vaca de 7 partos que rexuveneceron desde que viñeron para aquí”, remarca José Luis.

A adaptación foi mellor do que esperábamos. Os robots de hoxe non son os de fai 20 anos, a tecnoloxía avanzou e a fiabilidade que teñen é maior

Para axudarlles a facer o cambio contaron co apoio de Marcos, membro do servizo técnico de Lely, que sempre despraza á granxa a unha persoa durante a fase de posta en marcha para realizar os primeiros dous ou tres pases do gando polo robot xunto aos gandeiros titulares da explotación.

Pasámolo peor os días antes que o día do cambio porque como che meten tanto medo a noite antes xa non durmes. Á hora da verdade non foi para tanto

 “No noso caso foi todo moito mellor do que esperábamos. Había xente que nos metía moito medo pero nós a realidade é que só durmimos aquí a primeira noite”, di Berta, que destaca que “os robots de hoxe non son os de fai 20 anos, a tecnoloxía avanzou e a fiabilidade que teñen é maior, é raro que fallen, os únicos problemas que pode haber e en vacas cos tetos moi pequenos, pero non por unha mala colocación”, asegura.

Comezaron muxindo 48 vacas

Non tiveron que descartar ningunha vaca co paso de circuito a robot e a adaptación dos animais foi rápida

Vitorio SC puxo a andar o seu novo robot de muxido coas 48 vacas que trasladou da corte vella. Malia que os seus animais non estaban acostumados a andar ceibos, optaron por traelas todas xuntas no canto de facer a adaptación de xeito escalonado para non ter que atender aos dous sitios. “Trouxémolas todas de golpe, dun día para outro. O número que tiñamos non era excesivo. Se tiveramos máis igual non o podiamos facer así, porque con 48 o robot tiña tempo libre pero se fosen 60 igual xa era máis complicado”, razoa José Luis.

Trouxémolas todas de golpe o mesmo día e só durmimos a primeira noite no establo

A partir do segundo día, unha vez que as vacas se afixeron ao paso das arrobadeiras e a entrar no robot, xa notaron unha subida constante na produción. “As vacas máis vellas xa deron o leite con normalidade na primeira muxidura, pero as máis novas tardaron máis e os primeiros tres días case non tocaban o pensó do nerviosas que estaban”, din.

A comezos de ano párennos bastantes xovencas. Queremos estabilizarnos entre os 60 e os 65 animais en produción todo o ano

Hoxe están muxindo 52 animais, pero no verán chegaron a ter 56 e agardan un pico de novos partos para comezos de ano que aproximará o número de vacas en produción á capacidade total do robot.

“Queremos estabilizarnos entre 60 e 65 animais en produción todo o ano. Eu penso que esta granxa así, tal como está montada, muxindo 65 vacas ten que dar para vivir unha familia. Eu tampouco quero ser esclava das vacas”, di Berta.

Mellora do benestar do gando e da calidade de vida dos gandeiros

As camas son de carbonato e serrín e os cubículos amplos

Unha das razóns polas que se decantaron pola instalación dun robot de muxido foi para poder seguir atendendo a explotación sen depender da contratación de man de obra externa. “Co que lle pagas a un empregado pagas a letra do robot e a máquina non se equivoca, o leite malo para o tanque non cho manda. Aquí venche calquera traballar, á outra cuadra non che viña ninguén”, di Berta.

Co que che cobra un empregado pagas a letra do robot

“As vacas están moito mellor, máis tranquilas, e nós tamén”, sentencia. “Se imos a algún lado non temos tanta présa porque non tes os horarios tan estritos como se tiveses que virte para muxir. Xa controlas desde o móbil se tes moitos retrasos e xogas con iso porque podes permitirte vir un pouco máis tarde”, razoa.

As vacas están moito mellor, máis tranquilas, e nós tamén

“É unha ferramenta útil, porque ves as que non entraron, que moitas veces son sempre as mesmas, normalmente as que dan pouco leite que están próximas a secarse, polo que tampouco teñen esa urxencia en muxirse, éche o mesmo que pasen 12 horas ou 13. De feito, mantémolas no robot porque de momento temos sitio nel e sóbranlle 5 horas diarias de funcionamento, por iso as estamos aproveitando, pero cando o teñamos completo priorizaremos no lote de produción as vacas que estean dando máis leite e secaremos antes este tipo de vacas que levan xa paridas máis tempo”, explica José Luis.

O software é moi sinxelo de manexar aínda que non teñas moita idea de informática

 “Tiñámoslle bastante medo á parte que ten que ver con revisar os datos no ordenador, porque tampouco é que controlemos moito de informática, pero en realidade son catro cousas e o software é moi sinxelo de manexar”, engade Berta.

Moitas menos horas efectivas de traballo e máis flexibilidade

Berta e José Luis poden pasar agora moito máis tempo coa súa filla Andrea

A rutina diaria de traballo comeza ás 8 da mañá metendo os atrasos, facendo as camas e dándolle o leite ás xatas. “Logo imos almorzar tranquilos, iso é moi importante”, bromea José Luis. O resto do traballo da mañá completase coa alimentación da recría e as vacas secas. “Despois de almorzar imos ver as xatas e as vacas secas que temos nos prados e levarlles de comer se é no inverno, pero sobre as 12 xa estamos outra vez na casa”, di.

Antes botabas o día traballando e non se che vía o traballo; agora temos moita máis flexibilidade

Despois de comer, sobre as 4 e media volven á nave de produción a facer o carro para as vacas de leite, antes de comezar de novo as tarefas de revisión das incidencias do robot e completar a segunda toma diaria da recría pequena. “Pola noite ás 8 ou 8 e media tamén xa temos acabado sempre”, indican. Deste xeito, agora teñen máis tempo para estar coa súa filla, Andrea, que ten 7 anos.

“Aquilo non era viable, tiña os días contados”

Cando se lles pregunta, “e antes que horario tiñades?”, botan a rir. “Ás sete e media da mañá xa tiñas que estar muxindo e á noite acababas ás 9 e media ou máis tarde. Entre muxir e lavar eran dúas horas para muxir só 45 vacas. Botabas todo o día traballando, parabas só o xusto para comer pero moi pouco, e non se che vía o traballo. Por exemplo, estabas todo o día limpando nelas, porque estaban en parrillas, pero non lograbas que estiveran ben”, enumeran.

Berta ten 40 anos e José Luis 45. Na nave vella non podían continuar até a xubilación

A comodidade do gando e a facilidade de manexo son dous dos aspectos que máis valoran das novas instalacións. “Nestes cubículos están moi agusto, as camas aquí son de carbonado con serrín e as vacas están moi cómodas. No establo vello tiñámolas en colchoneta, pero era moi dura, e só tiña 1,10 metros de ancho. E pola parte de atrás tiñan parrillas e trillábanse todas dos pés. Tiñamos que coidalas moito, senón non che duraban nada”, recoñecen.

O deseño da nova nave é aberto e o lugar onde se ubica é aireado, polo que non necesitan ventilación forzada para mitigar os problemas de estrés por calor. “No verán tiñamos unha baixada de produción tremenda e empreñaban moi mal. Nos meses de agosto e setembro era unha casualidade que as vacas quedasen preñadas. Este verán que pasamos aquí non notamos nada iso”, aclara José Luis.

De 26 litros de media a 34 coa mesma alimentación

“No establo vello non lográbamos pasar dunha media de 26 litros e aquí, cos mesmos animais e comendo o mesmo chegamos aos 34 litros. A alimentación é a mesma, o único que se fixo foi sacarlles uns quilos de penso no carro e dárllelos no robot, pero gastar gastamos o mesmo”, remarca José Luis, que considera máis efectivo o aporte de concentrado ao ser personalizado e ir dirixido a aquelas vacas que producen máis.

Cambiou a forma de alimentar pero non a cantidade, seguimos gastando o mesmo

“Antes todas comían o mesmo penso, daba igual que estiveran dando moito leite ou pouco, a todas lles tocaban 10 quilos; aquí sen embargo cada unha come o que merece segundo o que produce”, di. Co salto ao robot, a ración en pesebre de Vitorio SC pasou de levar 10 quilos de concentrado a 6 e o resto subminístrase mediante o punteo do robot.

Silo de millo pouco fermentado

A gandería dispón de carro mesturador propio, o que lles permite facer a ración a medida que os animais a esgotan. “Facémola sempre a mediodía, pero unhas veces antes de comer e outras despois, en función da cantidade que aínda teñan no pesebre. Desta maneira permítenos calcular mellor e que nunca teñan o pesebre baleiro nin botarlles unha comida sobre a outra. Cando che vén o carro a facer a ración vénche sempre á mesma hora e unhas veces pasan fame e outras tiras comida”.

Acabamos o do ano pasado e démoslles uns días alfalfa, pero baixaron moito ao leite e entraban peor ao robot, así que optamos por abrir o silo que acababamos de facer

 A ración que van no carro para as vacas de leite leva normalmente 21 quilos de silo de millo, 21 de silo de herba e 6 de concentrado, aínda que puntualmente neste momento aumentaron un pouco a cantidade de penso para compensar a calidade do silo de millo. “Estabamos metendo 6 quilos de penso no carro pero ao abrir silo novo de millo, mentres non fermente ben, pasamos a 7 quilos”, explica José Luis.

A alfalfa está cara, custounos a 230 euros a tonelada, pero non é capaz de suplir o silo de millo

 “Tivemos que abrilo porque acabamos o silo do ano pasado e metémoslles uns días alfalfa, pero baixaron moito ao leite e incluso entraban peor ao robot porque parecía que estaban máis vagas, así que decidimos abrir o silo novo cando aínda levaba moi poucos días fermentando. O nutrólogo dicíanos que para que fose bo teriamos que deixalo tapado até as Navidades ou cando menos un mínimo de 25 días, pero abrímolo con moito menos tempo ”, engade Berta.

Vitorio SC contrata a maior parte do traballo agrario a empresas de servizos, salvo botar o purín ou segar a herba, “pero a idea é que as vacas dean para pagar a unha empresa que nos faga os traballos de fóra para nós poder centarnos en atender a granxa”, di Berta.

Entregan a Reny Picot

Parideira onde teñen os animais próximos ao parto antes de metelos ao lote de produción no robot de muxido

Vitorio SC entrega o leite a Reny Picot desde hai anos e desde que se cambiou para as novas instalación xa tivo ofertas de outras empresas para lles recoller o leite. “Tal como está o de benestar animal, que cada vez se esixe máis, cos animais atados no establo vello tiñamos menos opción para escoller empresa a quen entregar o leite”, recoñece José Luis.

O aumento da produción fixo que caeran lixeiramente as calidades, que se moven na actualidade no 4% de graxa e no 3,3% de proteína

Están mandando neste momento uns 3.400 litros cada dous días, cando o habitual na corte antiga eran 2.400. Ese aumento de ingresos permítelles pagar o préstamo, aínda que o encarecemento de custos de produción polo que están a pasar as explotacións de leite neste momento está a acurtar as marxes de beneficio.

Dificultades para incrementar a superficie

Pradeira a carón da explotación, que manexa 40 hectáreas de terreo

Vitorio SC dispón dunhas 40 hectáreas de terreo en propiedade e non ven factible a curto prazo facerse con máis superficie. Esa é unha das razón que non lles fai pensar nunha posible ampliación. “Para manter 65 vacas pensó que temos terreo dabondo, pero se quixeramos dobrar para instalar outro robot xa teriamos que facernos con máis superficie”, razoa José Luis.

Dispoñen únicamente de 4 hectáreas en aluguer e incrementaron a SAU a base de mercar e roturar monte

Unha parte da superficie que teñen era terreo de monte de veciños que estaban fóra e que foron mercando e roturando para facer pradeiras e terras de laboreo para o cultivo de millo. Recolleron este ano 16 hectáreas de millo, fronte ás 13 que sementaban habitualmente, pensando en ir incrementando aos animais en produción até completar o robot.

“Case sempre botamos o millo nas mesmas fincas, porque é nas que mellor se dá. Probamos noutras terras pero non funciona igual”, explican. Este ano a colleita foi boa e o xabarín non fixo excesivos estragos. José Luis é moi afeccionado á caza. Vai todas as fins de semana e só no coto de Guitiriz, que ten 24.000 hectáreas, mataron o ano pasado 160 xabaríns, o que contribuíu a recudir os danos nas fincas.

Unha vez ensilado o millo, levantan o cultivo e fan rotación con raigrás. O resto da superficie está a pradeira permanente, nas que ensilan dúas cortas de herba e despois fan pastoreo de limpeza no outono.

Recría en pastoreo

Nunha zona lateral da explotación nova teñen o lote das xatas até que son inseminadas

A nova nave de produción acolle, ademáis das vacas en produción, tamén á recría pequena e as vacas de preparto, o que permitiu a Vitorio SC abandonar por completo a corte vella e centralizar todos os animais nas novas instalacións.

Pero como xeito de reducir custos, Berta e José Luis teñen fóra a recría, nunha parcela de 8 hectáreas a carón da nova nave, que mercaron xa pechada perimetralmente con malla e dotada de todos os servizos (auga e un caseto onde abrigárense no inverno).  “As xatas desde que empreñan e pasan o segundo control de reprodución xa van para fóra. Inseminámolas entre os 13 e os 15 meses de idade”, explica José Luis.

As vacas secas están fóra e volven para o establo de produción na fase de preparto

“As secas e as xovencas xa as tiñamos antes fóra, entre outras cousas porque non tiñamos outra posibilidade onde telas, porque na outra corte dentro non tiñamos sitio. Agora poderiamos telas alí pero así dannos menos traballo fóra”, razoa Berta.

As primeirizas afanse moi ben enseguida. Con poucos días de lactación algunhas xa pasan dos 40 litros

As xovencas non as meten no medio das vacas en produción até que paren para evitar accidentes ou problemas no parto pero aínda así acostúmanse moi rápido ao robot.  “Son moi golosas porque lles gusta moito o penso e en 3 días xa están perfectamente adaptadas ao robot, polo que preferimos non pasalas antes para que non se estresen e non adianten o parto”, explican.

Facer cruzamentos para que as vacas duren máis

Teñen vacas cruzadas de fleckvieh, parda alpina e jersei e van comezar a poñer montbeliard e roja sueca

Debido a que as instalación vellas nas que tiñan o gando non eran cómodas para as vacas, o número de baixas era importante. Por iso levaban anos facendo cruzamentos das súas vacas buscando que os animais lles duraran máis.

Antes cruzabamos sobre todo con jersei para que nos saisen animais máis pequenos pero a partir de agora imos seguir o sistema Procross con montbeliard e roja sueca

“Temos un pouco de todo, algún cruce con parda alpina e con fleckvieh, pero sobre todo con jersei, porque como as vacas tiñan que estar presas e as prazas eran pequenas ao cruzar as frisonas con jersei saíannos animais máis pequenos. Antes non podíamos ter vacas grandes porque se machacaban moito, pero agora xa non temos esa limitación e imos empezar a facer os cruzamentos con montbeliar de roja sueca seguindo o sistema Procross de tres razas”, avanza José Luis.

As holstein igual dan máis litros, pero non máis cartos, porque tes que gastar moito máis na vaca

“As holstein igual dan máis litros pero non máis cartos, porque a frisona pura é unha vaca moi boa pero é máis delicada e o que hai que ver é a rendibilidade a fin de ano ou a ganancia que che deu esa vaca a hora de marchar para o matadoiro. Eu penso que as vacas cruzadas son máis rendibles, porque dan máis calidades, empreñan mellor, duran máis e dan menos problemas metabólicos ou de patas”, resume.

Canto máis nos duren as vacas menos recría imos necesitar para medrar

Consideran que as vacas procross son animais equilibrados en canto a produción e durabilidade que é precisamente o que buscan en Vitorio SC. “Canto máis nos duren as vacas máis rápido poderemos medrar porque menos recría nos vai facer falta e tamén menos imos ter que gastar no mentemento das vacas”, razoa José Luis.

O traslado retrasouse un ano por culpa da luz

Vista do novo establo desde a parte de arriba da parcela

Desde que Berta e José Luis se decidiron a modernizar as instalación nas que traballaban pasaron máis de dous anos até que puideron estrealas. “Viñemos para aquí comer as sardiñas o 23 de xuño, víspera de San Xoán, pero levabamos un ano esperando para trasladarnos por culpa da luz. Desde a casa pedíannos 80.000 euros para traer o tendido, e iso que non está tan lonxe, xa que estamos a 700 metros, así que tivemos que mercar unha finca e traer a luz desde outro transformador que había máis cerca. Pero como levaba máis de 10 anos posto non valeu polo tema dos ruídos, e houbo que mercar outro transformador novo e cambiar unha torreta por un rego que había. Para cambiar a torreta ingresámoslles en outubro do ano pasado 13.000 euros e cambiáronnola en abril. Ao final chegar coa luz até aquí saiunos en máis de 30.000 euros, pero aínda case é peor o tempo de espera con todo listo”, relata José Luis.

Pedíannos 80.000 euros por traer o tendido até aquí, é unha barbaridade, case é medio robot. E despois ter que pagarlles a luz todos os meses, e agora non é barata precisamente

O da luz non foi o único aspecto normativo ao que tiveron que adaptarse. “Cando estábamos facendo os planos para a nave no 2019 saiu unha lei de montes que nos obrigou a movela de sitio porque tiñamos que deixar 50 metros ás masas forestais. Onde a queríamos facer o terreo é máis chao e non tiñamos que picar na pena como tivemos que facer aquí. Iso encareceunos a explanación do terreo. A metade do crédito xa se nos foi niso, e iso que é un amigo noso o que nolo fixo e non nos sableou”, conta Berta.

Fosa de xurro circular

Entre a explanación do terreo, os planos, licenzas e permisos, a construción da nave, a instalación do robot e a fosa de xurro Vitorio SC investiu case 600.000 euros. Para a fosa do purín optaron por un deseño circular en formigón, construída con material prefabricado da empresa Rodiñas.

Aforramos 15.000 euros a respecto dunha fosa cadrada coa mesma capacidade

“Hai poucas feitas deste estilo porque ocupa máis espazo, pero é máis barata que as convencionais de deseño cadrado, nós aforramos uns 15.000 euros nela. Ten capacidade para 1,1 millóns de metros cúbicos e custounos 30.000 euros; se fora das outras saíanos por 45.000”, conta José Luis.

Canto estabamos facendo os planos saíu unha norma e tivemos que cambiar de sitio a nave para retranquear 50 metros das masas forestais

Ademais, ten outra vantaxe á hora de bater o purín co revolvedor, ao non ter esquinas, asegura, e xa vén preparada tamén para a colocación dun toldo circular á medida feito pola empresa Toldos Gómez. “Nós estamos contentos coa elección e se instalásemos un segundo robot montaríamos tamén outra fosa deste tipo, de feito xa deixamos a saída e a canalización preparada tamén”, di.  

As vantaxes dunha transición con poucos animais

Datos da explotación desde a posta en marcha do robot até finais de outubro

A marca Lely, pioneira nos sistemas de muxido automatizado, conta neste momento en Galicia con máis de 300 robots instalados e outros tantos en Asturias, Cantabria e País Vasco. Yolanda Trillo Dono é Farm Management Support (FMS) de Lely e destaca as vantaxes de arrincar o funcionamento do robot cun número de animais inferior á súa capacidade total.

“A vantaxe de ter a posibilidade de facer unha transición con poucos animais deriva nun manexo máis suave e progresivo do rabaño, isto é, unha mellor adaptación para as vacas e o persoal da granxa”, asegura.

Fixeron manexo en lotes os primeiros días e conseguiron alcanzar os 2,5 muxidos de media aos 5 días de arrincar o robot

“Neste caso concreto de  Vitorio  SC, tal como recalcan Berta e José Luis, non necesitaron quedar de noite porque fixeron manexo en lotes os primeiros días e conseguiron alcanzar os 2,5 muxidos de media aos 5 días de entrar no robot con 48 vacas, é dicir, as que precisaban máis de dous muxidos facíanos de forma voluntaria e eles só arrimaban ás vacas máis atrasadas”, aclara.

Ademais, indica, “o incremento en produción foi espectacular e os efectos observáronse rapidamente. Na actualidade, mesmo cos días en leite máis altos con respecto ao momento do arranque, conseguen unha media de 33 kg de leite (4% de graxa e 3,30% de proteína) fronte ao 26 kg de leite (4,2% de graxa e 3,35% de proteína) de media no cortello antigo”, destaca.

Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Lely

Un estudo con 3.500 vacas leiteiras demostra que os animais híbridos son máis rendibles nas ganderías

O profesor Les Hansen, da Universidade de Minnesota, é un dos autores do estudo que vén de ser publicado

O maior estudo continuo do mundo no que se comparan vacas leiteiras cruzadas con holstein de raza pura amosa resultados concluíntes en relación aos beneficios que os cruzamientos achegan para incrementar a rendibilidade das explotacións: 33% máis de beneficio vitalicio, un custo en tratamentos de saúde un 26% inferior e 147 días máis de produción de leite.

“Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamiento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados. Especificamente, as razas holstein, montbeliard e vermella sueca son adecuadas para este cruzamento rotacional porque se seleccionaron historicamente por trazos que se complementan ben entre si”, conclúen os investigadores Amy Hazel, Brad Heins e Les Hansen.

As vacas holstein xeran nas explotacións de EEUU uns beneficios de 2.800 dólares por cabeza, mentres que as procross incrementan o rendemento vitalicio en 900 euros, até chegaren aos 3.700 dólares

Segundo as conclusións económicas desta investigación, levada a cabo pola Universidade de Minnesota en 7 granxas leiteiras de Estados Unidos e que acaba de ser publicada no prestixioso Journal of Dairy Science, o medio oficial da Asociación Americana de Investigadores Lácteos, o gando Procross, que se selecciona xeneticamente utilizando un sistema rotatorio de cruces de tres razas (holstein, montbeliard e vermella sueca), proporciona ganancias diarias que se sitúan, de media, entre o 13% entre os animais F1 (holstein x montbeliard) e o 9% dos F2 (holstein x montbeliard x vermella sueca).

Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados

Este ensaio empezou inscribindo a 3.550 vacas holstein puras en 2008, que se manterían nos seus rabaños comerciais, cruzando unha parte delas e mantendo puras á outra metade para deste xeito poder comparar en granxa o rendemento dun cruzamento de dúas e tres razas, baseado na xenética holstein (HO), montbeliarde (MO) e Viking Red (VR), concluíndo que estas tres razas eran altamente complementarias, polo que desde entón utilizáronse no desenvolvemento dun programa estruturado de cruzamento de tres vías, que se comercializa baixo a marca Procross.

Un 9% máis de beneficio diario

Os datos concretos do estudo a nivel de campo, no que se monitorizaron desde o ano 2008 ao ano 2018 os custos e beneficios tanto de animais puros como cruzados que compartían instalacións en 7 establos reais, indican que os cruces combinados de 2 razas (holstein e montbeliard) tiveron 47,3 centavos de dólar (13%) máis de beneficio diario e que os cruces combinados de 3 razas (holstein, montbeliard e vermella sueca) tiveron 34,2 centavos de dólar (9%) máis de ganancias diarias en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

As vacas procross xeran ingresos diarios por produción de leite un 1% inferiores ás holstein, algo que compensan de sobra cun aforro do 4% nos custos de produción

Para chegar a estas conclusións investigouse durante unha década unha ampla gama de parámetros de rendemento en milleiros de vacas no estudo, incluída a produción de leite, graxa e proteína, a esperanza de vida, a fertilidade e unha variedade de características de saúde e manexo.

O informe conclúe que o gando leiteiro cruzado que combina as razas holstein, montbeliard e vermella sueca é 0,34 dólares (0,28 €) máis rendible por día de vida que o holstein puro e 55 céntimos se se ten en conta o mellor índice de conversión de alimento.

Un rabaño de vacas cruzadas proporciona cada ano 100 euros máis de beneficio por cabeza que un de frisoas puras

Isto resultou en 173 dólares máis de beneficio anual por vaca para a combinación de 2 razas e 125 dólares máis no caso de tres cruces. Os factores que inflúen na mellora da rendibilidade son numerosos, pero pódense resumir na redución do 4% nos custos de produción, fronte a unha pequena perda nos ingresos diarios por produción de só un 1% en comparación coas vacas holstein puras, ás que, con todo, exceden en produción vitalicia.

Maior produción vitalicia de sólidos

Unha vaca holstein produce de media ao longo da súa vida uns 2.200 quilos de sólidos, cando a produción vitalicia dunha procross supera esa cifra en case 350 quilos. “A produción de graxa máis proteína ao longo da vida foi maior para as vacas Procross que para as súas compañeiras de rabaño holstein, o que se debe á súa maior vida útil nas explotacións”, din os autores do estudo.

Os cruzamientos permiten medrar máis rápido ás explotacións que queren aumentar o seu número de cabezas

A vida produtiva das vacas cruzadas é máis prolongada (147 días adicionais), o que deriva nunha maior produción vitalicia de sólidos (346 kg adicionais de graxa máis proteína), o que equivale a unha rendibilidade vitalicia un 33% maior para as vacas procross. “Este é un dato moi importante a ter en conta para os rabaños en expansión”, asegura Les Hansen, que o xoves pasado participou nun webinar para presentar as conclusións do estudo.

Mellor índice de conversión de alimento

O cálculo do beneficio diario e vitalicio comparativo realizouse ignorando as posibles diferenzas de eficiencia alimenticia, unha vantaxe adicional do gando cruzado. Pero foi algo que non se mediu neste estudo en particular, senón que se documentou nun ensaio separado, dado que “nas 7 granxas estudadas tanto as vacas cruzadas como as holstein puras atopábanse mesturadas, polo que non se puido medir a inxesta de alimento para cada vaca neste traballo”, explica. “Con todo, un estudo posterior levado a cabo na propia Universidade de Minnesota en 2019 monitoreou a inxesta de alimento e observou unha mellora de ata un 8% na eficiencia de conversión de alimento no gando Procross en comparación con animais holstein.

Os animais cruzados son un 8% máis eficientes que os holstein puros á hora de trasladar a inxesta a produción de leite

“Se aplicamos eses resultados ao custo do alimento durante a lactación das vacas no noso estudo, atopamos que o aumento da ganancia diaria para as vacas cruzadas aumenta de 0,34 dólares diarios (0,28€) a 0,66 (0,55€) en comparación coas súas compañeiras de rabaño holstein”, indica Les Hansen.

“Nunha era na que debemos observar coidadosamente os recursos utilizados, así como os custos de producir calquera alimento humano, estas son consideracións importantes”, engade, porque “producir aproximadamente a mesma cantidade de leite, graxa e proteína cunha menor rotación de gando, menos intervencións para manter a saúde e a fertilidade e potencialmente menos alimento é unha vantaxe importante neste gando cruzado”, defende.

Maior lonxevidade

Tras facer un seguimento pormenorizado ás vacas puras e cruzadas das 7 granxas norteamericanas que participaron no estudo, os resultados son concluíntes a respecto da maior lonxevidade do gando cruzado: os cruces de 2 razas tiñan 158 días máis de vida produtiva no rabaño e os cruces de 3 razas estiveran producindo leite 147 días máis en comparación coas súas respectivas compañeiras holstein puras.

A vida produtiva dunha vaca procross é 147 días (4,8 meses) máis longa que a das súas compañeiras de rabaño holstein

De feito, o 16,3% das vacas holstein eran enviadas a matadoiro antes dos 45 meses en produción, mentres que esta porcentaxe de descartes reducíase ata o 12,4% no caso dos animais cruzados, onde aproximadamente o 29% das vacas seguían producindo leite dous anos despois do primeiro parto, fronte a só o 18% das holstein.

Grazas á maior lonxevidade das vacas cruzadas, isto fai que sexa necesario unha menor porcentaxe de substitución e, por tanto, tamén de recría, co que se aforran custos por esta vía, incrementando ademais os ingresos da granxa pola venda de tenreiros (ao xerarse excedentes de recría é posible dedicar un maior número de animais a venda a cebaderos) e o prezo no mercado deste tipo de animais cruzados é tamén maior (130 dólares fronte aos 100 dólares dos xatos holstein).

Menor custo de reposición

Ademais, a maiores da maior produción vitalicia e o incremento na venda de tenreiros, os beneficios vense amplificados polo feito de que as vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro.

Esta é outra das conclusións do estudo, xa que o prezo de venda no momento do sacrificio tamén resultou ser maior no caso dos animais procross en comparación coas vacas frisoas puras. En concreto, as vacas froito de cruces entre holstein e montbeliard proporcionaron 122 dólares máis de ingresos, que se incrementaban ata os 134 dólares no caso de vacas trihíbridas holstein, montbeliard e vermella sueca.

As vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro pola súa mellor condición corporal

A súa maior lonxevidade (158 días no caso de cruces de dúas razas e 147 días en caso de usar de 3 razas) foi a principal razón para un menor custo de substitución diaria das 2 razas (20,1 centavos de dólar) e das 3 razas (21,3 centavos) en comparación coas holstein puras. Os cruces de 3 razas tiñan ademais un menor custo de substitución (28 dólares por animal) debido á súa menor idade ao primeiro parto.

A mellor condición corporal das xocencas procross permite adiantar a súa inseminación. Ademais, mentres só o 37% das xovencas frisoas puras empreña na primeira inseminación, no caso das tenreiras cruzadas a porcentaxe de preñez cunha sóla dose de seme supera o 50%, unha tendencia que se mantén tamén nos seguintes partos.

Tratamentos de saúde

“O vigor híbrido dentro das especies de animais de granxa é maior para os trazos que afectan a aptitude, e eses trazos inclúen fertilidade, mortinatalidade, saúde e lonxevidade para as vacas leiteiras”, explican os autores do estudo. De feito, a mellora destes trazos explicaría en grande medida a diferenza de beneficio diario observado neste estudo para os cruces de 2 e 3 razas en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

O informe final deste importante estudo sobre cruzamentos acaba de ser publicado no Journal of Dairy Science

O custo dos medicamentos fora ignorado ata o de agora na maioría das investigacións anteriores sobre a rendibilidade da mestizaxe. Con todo, un menor gasto en tratamentos de saúde (6,7 centavos de dólar menos ao día no caso de cruces de holstein e montbeliard e 9 centavos menos no caso de holstein, montbeliard e vermella sueca) en comparación coas vacas hosltein puras do rabaño foi tamén un dos motivos importantes que contribuíron a un maior beneficio diario dos cruces neste estudo, pois mentras nunha vaca holstein o custo en tratamentos increméntase entre a primeira lactación e a terceira de 43 dólares a 109 dólares, nas vacas procross ese gasto sitúase en 33 dólares na primeira lactación e pasa a 81 na terceira. 

“O menor custo de substitución, o menor custo dos tratamentos de saúde e o maior valor dos tenreiros foron os tres elementos de ingresos e gastos máis influíntes que levaron a unha maior rendibilidade do gando Procross”, conclúen os investigadores da Universidade de Minnesota.

Un programa de reprodución estruturado desde 2014

As primeiras experiencias sobre cruzamentos en razas leiteiras empezaron a realizarse en California e Minnesota como un intento de frear o acelerado declive que a consanguinidade estaba a provocar en granxas comerciais de Estados Unidos, sobre todo en aspectos reprodutivos e de saúde.

Os informes positivos do cruzamento de tres vías implementado por estes primeiros produtores lácteos norteamericanos resultaron tan alentadores que desencadearon o lanzamento dunha empresa internacional en 2014 utilizando as tres razas involucradas: holstein, montbeliard e vermella sueca. Este método de cruzamento rotatorio, que leva o nome de Procross, está integrado pola compañía danesa VikingGenetics, a francesa Coopex Montbéliarde, e as estadounidenses Select Sires e Creative Genetics of California, quenes proporcionan a xenética das distintas razas para implementar os cruzamentos.

O programa Procross leva anos afianzado en distintos países europeos, como Holanda, Reino Unido ou Portugal e avanza tamén en ganderías de toda España

Unha das razóns do éxito do programa Procross débese á natureza complementaria das razas utilizadas. “Son tres razas que se complementan á perfección: a holstein ofrece características de produción e de ubre; a montbeliard achega fertilidade, condición corporal e forza; e a vermella sueca características de parto, saúde da ubre e fertilidade. Ademais, as tres razas son tamén complementarias pola súa estatura, o que axuda a brindar uniformidade de tamaño e facilidade de manexo”, destacan os investigadores da Universidade de Minnesota, a doutora Amy Hazel e os profesores Brad Heins e Les Hansen, autores principais do informe presentado a semana pasada.

Heterosis

Un dos factores principais no éxito deste cruzamento de tres vías é o fenómeno da heterosis, tamén coñecido como vigor híbrido. Isto confire un mellor rendemento á descendencia de animais non emparentados do esperado tendo en conta os índices de produción media dos pais. A razón de empregar tres razas e non dúas é precisamente a de manter no tempo os efectos positivos da heterosis, xa que usando só dúas razas o vigor híbrido reduciríase do 86% ao 67%. 

Todos estes factores positivos da heteroxis reflectíronse no rendemento do gando no estudo, cunha mellor saúde, fertilidade e esperanza de vida, todo iso contribuíndo á redución dos custos de produción do gando procross.

O vigor híbrido mantense ao redor do 86% nun programa de cruzamento de tres razas, mentres que descendería ao 67% se só se utilizasen dous

A raza holstein, pola contra, usada ata o de agora case como unha monocultura para a produción leiteira en todo o mundo, acabou xerando numerosos problemas debido aos altos niveis de consanguinidade, situados por encima do 8% en EEUU e que continúa aumentando en niveis anuais próximos ao 0,4%. 

“En 1990 a taxa de consanguinidade nas vacas holstein nos EEUU era do 4,4% pero foi subindo rapidamente até chegar ao 5,8% no 2011 e situarse hoxe xa no 8,6% como consecuencia de recriar masivamente de só cinco touros (Supersire, Mogul, Planet, Shottle e O-Man”, detallou o profesor Hansen. 

Esta práctica acabou provocando depresión endogámica (o efecto oposto ao vigor híbrido), un fenómeno que rouba silenciosamente os beneficios da mellora xenética, especialmente en trazos que non se perciben a primeira vista, como perda de embrión, escasa resistencia a enfermidades ou maior taxa de mortandade.