Archives

“En España hai que regular a profesión de podólogo bovino e mellorar a formación”

O pasado 26 de xaneiro constituíuse en Ribadeo (Lugo) a Asociación de de Profesionais de Podoloxía Bovina, aprobando unha xunta directiva e uns estatutos para dar forma á asociación nos próximos meses. O seu obxectivo é favorecer a formación dunha profesión que en España, a diferenza doutros países, non está regulada e que resulta esencial para garantir a saúde podal e o benestar animal de ao redor dun millón de cabezas de vacún de leite e de carne e a rendibilidade de miles de explotacións. E é que as coxeiras son unha das principais causas de descenso na produción e mesmo de baixas nunha gandaría de vacún de leite. Entrevistamos a Pere Malet Martínez, recentemente elixido presidente da asociación, que celebrará o próximo 4 de maio a súa asemblea xeral en Santiago de Compostela. Como empezaches a traballar como podólogo bovino? Desde pequeno tiñamos vacas en casa e unha granxa de vacún de leite en Vic, en Barcelona. Pero no ano 1993 pechou a vaquería familiar e o meu pai, a través de Adrián Gonzáles Sagües, de ANKA, empezou a recortar cascos en gando vacún. Sendo adolescente a miña actividade dos sábados sempre era facer patas, e mesmo algunha tarde despois do colexio. Tamén empecei a ir os veráns a traballar de pateiro e aos 20 anos decidín dedicarme profesionalmente á podoloxía. Quixen ampliar a miña formación e estiven a traballar por diferentes partes de España. En xullo do 2008 uninme á empresa familiar, DIGITRIM SL , fundada polo meu pai xunto a Adrián González, e na que contamos con dous poldros para o traballo. Como xurdiu o voso interese por crear esta asociación? Hai xa anos que se falaba desta necesidade de organizar ás persoas que traballamos neste oficio, sobre todo para mellorar a formación. Eu vía que o meu pai tiña que viaxar para formarse a Estados Unidos ou a Inglaterra e que alí os profesionais si que estaban organizados para formarse e defender a profesionalización do colectivo. Como xermolo desta asociación destacaría as xornadas formativas tanto de ANKA como de SERAGRO e, sobre todo, o programa ISAP de saúde podal que puxo en marcha CONAFE no ano 2011. Neste sentido creo que Noureddine Charfeddine realizou un gran traballo ao crear un marco para que os podólogos nos reuníramos, nos coñecéramonos e intercambiásemos información e inquedanzas. Este programa serviu para incorporar o carácter de saúde podal nas avaliacións xenéticas que realiza CONAFE. Precisamente, foi na cuarta reunión do programa ISAP que organizou CONAFE en Ribadeo o pasado mes de outubro, e onde nos reunimos 50 persoas de todos os puntos de España, cando me animei a lanzar a proposta de crear unha asociación profesional e a raíz de aí empezamos a traballar. Cales son os primeiros pasos que estades a dar? Para crear a asociación asesorámonos a través dunha xestoría, redactamos os estatutos e o pasado 26 de xaneiro celebramos a primeira asemblea en Ribadeo. Nesa asemblea votáronse as propostas, creouse unha xunta directiva con 13 podólogos e houbo un debate moi construtivo, e a partir de aí uniuse máis xente. Neste momento pasamos dos 30 asociados sobre un colectivo de profesionais de podoloxía que rolda os 100, tanto en España como en Portugal. A nosa idea é crear a asociación cunha boa base, cun regulamento interno e ser representativos de todo o colectivo. E posteriormente temos previsto contactar coas asociacións de veterinarios, con ANEMBE, e con outros colectivos para intercambiar información e ver vías de colaboración. O 4 de maio temos convocada unha asemblea xeral en Santiago de Compostela, tanto para socios actuais como para aqueles interesados que queiran facerse socios. Aquelas persoas interesadas poden contactar coa asociación enviando un e-mail a 2018.appb@gmail.com Que obxectivos persegue a asociación? Dignificar a profesión e, sobre todo, realizar formación continuada a través de cursos. As granxas cada vez teñen rabaños máis grandes e en sistemas de estabulación libre, o que fai que a saúde podal sexa cada vez máis importante. Neste sentido, notamos que cada vez o sector, tanto outros profesionais como gandeiros, dan máis importancia á podoloxía e pídennos información aos podólogos sobre as vacas que coxean, por que motivos...etc. Cales son as principais carencias que detectades na profesión? É clave regulamentar a profesión. Aínda que o traballo de podólogo en bovino ten moitos anos de historia, non hai ningunha formación regulada oficial en España que certifique a cualificación e garanta a preparación necesaria para o exercicio desta profesión. É a principal deficiencia, por iso un dos principais obxectivos da asociación é a formación continua dos podólogos. A maioría de pateiros aprendemos doutros profesionais ou fóra de España. No meu caso tiven a sorte de realizar viaxes de formación a Francia, Alemaña e Estados Unidos, un país onde as xornadas de formación podal atraen a máis de 200 profesionais e ves como todos van na mesma liña, a pesar de que cada un teña a súa técnica ou forma de traballar, pero co mesmo obxectivo final: mellorar o benestar animal e ser os mellores profesionais.
“Nótase moito na saúde podal do rabaño cando nunha granxa o veterinario, o nutrólogo e o podólogo traballamos de forma coordinada”
En Francia, por exemplo as cámaras agrarias ofertan cursos específicos de 6 meses de saúde podal bovina. Afortunadamente, en España empezamos a dar un paso moi importante coa primeira edición do Diploma de Podoloxía Bovina, organizado pola Universidade Complutense de Madrid en colaboración con CONAFE, no que participamos 26 alumnos. É a primeira titulación oficial que temos en España para unha profesión tan importante para o sector gandeiro bovino. ¿Tratastes na asociación sobre o establecemento de tarifas para evitar a competencia desleal en prezos? Creo que non debemos marcar máximos nin mínimos en tarifas, pero si esixir que a persoa que está a traballar teña unha formación e sexa profesional. A este respecto, si que temos intención de esixir aos socios unha formación que sexa unha garantía de profesionalización, aínda que traballe cada un co seu estilo. En España contamos cuns moi bos profesionais en podoloxía bovina, cunha alta calidade no seu traballo, pero consideramos imprescindible unha certificación para dignificar esta profesión. Estamos nunha profesión na que hai demanda de man de obra e na que hai dificultade para atopar traballadores, como en todo o sector gandeiro. ¿Como valoras o nivel de saúde podal das gandarías de vacún de leite en España? Creo que cada zona ten as súas problemáticas, pero na miña opinión estamos mellor do que pensamos. É certo que ás veces como pateiro frústrache non chegar a todo e a tempo, pero creo que imos na boa dirección. Considero moi positivo que os gandeiros cada vez lle dean máis importancia á podoloxía e ao recorte funcional de cascos. Aínda que é certo que depende de cada granxa, cada vez tense máis conciencia das consecuencias negativas das coxeiras e empúxase para traballar máis en prevención (recortes, baños de cascos...etc). Nótase moito na saúde podal do rabaño cando nunha granxa o veterinario, o nutrólogo e o podólogo traballamos de forma coordinada. Cando se traballa na mesma dirección hai resultados positivos.

Consellos para reducir as coxeiras nas ganderías de vacún

O investigador de Zinpro, Arturo Gómez, iniciou o seu relatorio advertindo que “cada vez que un gandeiro ten unha vaca con coxeira, perde ao redor de 300 euros e se se trata dunha dermatite dixital 400 litros na primeira lactación”, polo que iniciou na importancia do labor de detección así como nas medidas de prevención. O relator lembrou que “as coxeiras son debidas, nun 90% dos casos, a problemas de maior crecemento do casco externo das patas traseiras”. “É aí onde se concentran os problemas porque ao crecer máis a parte dianteira do casco, sobrecárgase de peso a parte traseira”, subliñou. En canto ás técnicas de detección, a detección visual polo lombo lixeiramente arqueado da vaca segue sendo a técnica máis utilizada, tal e como se aprecia nesta imaxe: Polo que respecta á orixe das coxeiras, Arturo Gómez asegurou que a dermatite dixital segue sendo a enfermidade podolóxica con maior incidencia nas explotacións de gando vacún de Galicia. En canto á porcentaxe de vacas coxas en distintos graos, o técnico de Zinpro situouno en preto do 50% en Estados Unidos e Canadá e unha cifra similar para España e para Galicia. Nas explotacións máis punteiras na prevención desta enfermidade, a súa incidencia é de ao redor dun 3% das vacas.

Consellos para reducir a incidencia das coxeiras nas explotacións de vacún:

Con todo, quizais a parte máis interesante para os gandeiros foi a explicación detallada que ofreceu o técnico de Zinpro dos distintos aspectos a observar para previr as coxeiras, a partir da súa ampla experiencia en ganderías de España, Estados Unidos ou de países como Arabia Saudita ou Exipto. -A importancia do tempo que a vaca está de pé. De media, unha vaca debe pasar deitada entre 12 e 14 horas. Canto máis tempo pasen no cubículo rumiando menos problemas de coxeiras haberá na explotación. Neste sentido, resulta necesario coidar aspectos de benestar animal como o tempo de espera para o muxido, a existencia de suficientes comedeiros e cubículos, polo menos igual ao numero de vacas, e mesmo a temperatura ambiente. Neste sentido, Arturo Gómez lembrou que “mentres que nunha estación quente e húmida as vacas pasan de pé sobre 14 horas, con todo nun ambiente quente pero seco chegan a pasar 21 horas de pé”. Un sistema de ventilación e de aspersores reducirían o risco de coxeiras. -A importancia do chan da corte. O chan debe ser o máis liso posible para que o casco da vaca reparta o peso no maior número de puntos. En canto ao raiado, o técnico de Zinpro recomendou que a distancia entre raias debe de ser duns 8,5 centímetros para garantir que a maioría do casco estea apoiada. En canto á anchura da raia, “entre 1 e 1,2 centímetros funciona ben para evitar que se esvare”, asegurou. A profundidade da raia debe de ser duns 1,5 centímetros e as arestas do raiado deben de ser de 90 graos para resultar eficaces. “Deste xeito a vaca non mete tanto o casco dentro da raia e non se desgasta tanto a aresta”, destacou Arturo Gómez. -Tipo de material para corredores e cubículos. O técnico de Zinpro recoñeceu que “entre os cubículos e os comedeiros é onde se concentra boa parte dos problemas, xa que hai tendencia a poñer chans de goma que acaban sendo contraproducentes, porque se a goma é cómoda a vaca vai estar máis tempo de pé e menos deitada no cubículo”. Neste sentido, a súa recomendación é colocar chans de goma soamente nos corredores de transición entre o curral e a sala de muxido, para que as vacas estean máis cómodas durante o tempo de espera, “pero non recomendaría a goma entre os comedeiros e os cubículos, a non se que as camas de area estean moi ben feitas e mantidas”. En canto ao material dos cubículos, Arturo Gómez sen dúbida decantouse pola area fronte á goma, xa que, a parte doutras cuestións de sanidade das ubres, “nas camas de colchón as vacas coxas pásano mal, mentres que a area facilítalles o descanso”. -Pediluvios efectivos. Os baños de cascos son utilizados nas explotacións gandeiras para previr a dermatite dixital. Arturo Gómez advertiu que “o principal problema é que se constrúen curtos, para aforrar espazo e diñeiro, á conta de perder eficacia”. “O óptimo é un pediluvio de entre 3 e 3,5 metros de longo, que diluíndo en auga sulfato de cobre ao 2% é máis efectivo ca un de 1,5 metros cun 5% de cobre” subliñou. -Interpretación dos problemas podais. O técnico de Zinpro ofreceu tamén unha sinxela guía para interpretar as causas das principais enfermidades podais en gando vacún: Dermatite dixital: problemas de hixiene e xovencas. Úlcera de sola: demasiado tempo de pé. Úlcera de punta: exceso de gasto do casco. Problemas de rugosidade do chan. Fractura axial: problemas de tracción (raiado do chan) e de estabilidade. -Alimentación: É necesario coidar a ración para previr problemas de acidose ruminal. Neste sentido, Arturo López falou dos complementos minerais de Zinpro para a alimentación do gando vacún, e que “no caso das xovencas conseguen baixar ata nun 50% os problemas de dermatite”. -Recorte funcional. Arturo Gómez criticou a tendencia para esperar a que se acumulen casos de vacas con problemas para que “compense” chamar ao podólogo. “Todas as vacas deberían ter un recorte funcional de cascos antes de que aparezan os problemas, se é posible efectualo como vacas secas para que estean preparadas para a carreira da lactación”, explicou. Arturo Gómez subliñou que “as coxeiras en vacas son unha combinación de problemas inflamatorios e de trauma debidos ao tipo de superficie ou a demasiado tempo de pé”.Neste sentido, o técnico de Zinpro concluíu que “as vacas ben tratadas e manexadas non se poñen coxas”.