Archives

Piden a execución da sentenza que recoñecía o dereito de todas as granxas de carne ás axudas da Covid

O Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte da falta de cumprimento da sentenza favorable ás 10.000 granxas de carne que quedaran fóra das axudas autonómicas ós sectores agrarios desfavorecidos na crise da Covid 19. Inicialmente a Xunta deixara fóra ás ganderías de menos de 10 vacas, pero tras un proceso xudicial iniciado polo Sindicato Labrego, unha sentenza recoñeceu o dereito destas granxas a cobrar a axuda. “Dende o Sindicato solicitamos no mes de outubro do ano 2023 unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para debater como vai aplicar a Xunta de Galicia a sentenza favorable ao SLG onde se recoñece que as granxas de carne de menos de 10 vacas teñen dereito a cobrar a axuda”, sinalan. “Varios meses despois aínda non observamos resposta a dita solicitude, polo que, como avanzamos a pasada semana, estamos comezando a asumir que a Xunta de Galicia non ten intención ningunha de cumprir o ditado pola Xustiza”, agregan desde a agrupación. Deste xeito, sinalan que se “non recibimos contestación da Xunta verémonos na obriga de pedir a execución da sentenza. É a nosa responsabilidade facer que o ditado pola Xustiza se cumpra e que se garantan os dereitos desas máis de 10.000 granxas que quedaron excluídas de dita axuda por estratexias do conselleiro”. Antecedentes da sentenza As bases da orde sinalaban como un dos criterios para poder solicitala “ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda só a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Tenreira Galega Suprema”, apuntan desde o SLG. Tras a denuncia desta discriminación, e a demanda contra esta Orde e a Consellería do Medio Rural por parte do Sindicato Labrego, “en abril do 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu a favor da demanda do SLG e sentenciou anular o inciso 5.4 do texto, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas -que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade- a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada”, explican. A Consellería do Medio Rural recorreu ao Tribunal Supremo ao non estar conforme coa sentenza pero “en Outubro do 2022 o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da Consellería, mantendo en firme a sentenza favorable ás esixencias do SLG”, afirman.

Como afrontar o encarecemento do penso nas ganderías galegas?

A guerra de Ucraína deixou en xaque o mercado dos cereais en Europa. A invasión rusa do país, coñecido como o ‘celeiro de Europa’, está a ter consecuencias non só nos países europeos senón en todo o mundo. As ganderías galegas están a notar nestes meses xa algunhas das consecuencias máis directas, co encarecemento dos cereais e os pensos. Aínda que as limitacións ao cereal procedente de Ucraína foi só un factor máis que propiciou o incremento dos prezos destas materias primas. A reactivación da actividade tras a pandemia do Covid-19 pillou aos mercados con moi pouco stock, en parte debido aos problemas climáticos que deixaron colleitas reducidas. A iso sumouse o importante incremento do custo das materias primas, non só de cereais tanto para alimentación animal como humana, senón tamén carburantes e minerais.
A guerra de Ucraína sumouse á falta de stock, as consecuencias da pandemia do Covid-19 ou a crise porcina africana para incrementar o prezo e a escaseza de cereais
Ademais, nestes últimos anos levouse a cabo certo aprovisionamento de cereais por parte de países como China, derivado da peste porcina africana. O incremento dos fretes marítimos tamén foi determinante para chegar á situación actual. Con esta ‘tormenta perfecta’, que se pode esperar para os próximos meses? Que alternativas poden ter as granxas galegas fronte ao incremento de prezos dos cereais e pensos? Estas foron algunhas das cuestións que abordaron nunha sesión de debate virtual realizada recentemente entre os socios do grupo operativo supranacional Proteinleg, centrado na procura de proteínas alimentarias de calidade en base ao cultivo de leguminosas.

Malas perspectivas

A pesar de que a situación actual en canto a prezos e stock de cereais é xa crítica, as previsións a curto prazo tampouco son esperanzadoras. Países como India acaban de anunciar xa que pecharán as exportacións de cereal, para poder abastecer as necesidades do seu mercado interior. E as previsións en territorio nacional tampouco son favorables. “Deixamos moito en man das importacións, deixando de lado a produción propia e poida que sexa momento de retomar estes cultivos”, apunta Lucio García, investigador e responsable do departamento de producións agroalimentarias, medio ambiente e territorios no Centro Tecnolóxico da Carne ( CTC). Aínda que este ano se incrementou a superficie de cultivo de cereal en España, tampouco servirá para substituir o gran procedente de Ucraína, xa que debido ao elevado prezo dos fertilizantes non se realizou un abonado adecuado, co que non se agardan importantes producións en Castela.
“Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”: Higinio Mougán, Agaca
Ademais, aínda que quedaban en Ucraína uns 30 millóns de toneladas de cereal, existen grandes limitacións para sacalas do país, debido ás dificultades de facelo por barco, dado que boa parte dos portos están minados. Mentres, outros medios de transporte por terra tampouco están a ser viables. A guerra tamén reduciu case á metade o cultivo de cereais no país este ano e tamén haberá dificultades para sacar esa produción do país, polo que a curto prazo espérase que os prezos sigan altos, tal e como apuntaron os socios do grupo Proteinleg. “Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”, valora Higinio Mougán, xerente da Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia (Agaca). Mesmo se apunta xa a que poidan producirse maiores episodios de fame en países de África ou Asia, así como en México, ao reducirse as reservas mundiais de cereais.

A dependencia da soia, como acabamos así?

Unha das materias primas importadas por España é a soia, fonte de proteína na maioría dos pensos para o gando. Xunto co millo ou o trigo, este legume experimentou nos últimos meses un notable incremento do prezo, que contribuíu ao incremento do penso. Pero, é viable o cultivo de soia en España ou Galicia para reducir a importación? “En Galicia, polas condicións climáticas da rexión non somos capaces de producir soia e en España hai importantes dificultades para lograr produción”, indica García. Ademais, nalgúns dos países produtores de soia está permitida a utilización de variedades transformadas xeneticamente e resistentes ao glifosato. “Logran producións moi rendibles coas que é realmente difícil competir nun modelo convencional, como o que se expón aquí. Non se produce en igualdade de condicións”, apunta o investigador.
"Resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”: Lucio García, do CTC
Como sinala o investigador do CTC, a soia é unha leguminosa moi completa, xa que despois de extraerlle o aceite, a torta aínda ten máis de 40% de proteína, mentres que outras leguminosas reducen esa porcentaxe a un 22%. De feito no proxecto Proteinleg, que están a formular pensos para porcos celtas e pitos de Mos en extensivo cunha achega de proteína procedente doutras leguminosas, tiveron dificultades para conseguir a cantidade de proteína requerida. Outro dos condicionantes para o cultivo de soia en España ou Galicia é a falta de superficie para o seu cultivo, se se compara coas terras dispoñibles noutros países produtores, sobre todo de América. “En España é moito máis rendible ter a terra con millo ou trigo que con soia”, apunta Mougán. “En definitiva, resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”, recoñecen desde o CTC.

Na procura da autosuficiencia e de alternativas

Como coinciden en sinalar os socios do grupo Proteinleg, esta crise dos cereais volveu a poñer de manifesto a importancia de reducir a dependencia das importacións e as vantaxes dunha maior autosuficiencia das ganderías.“Esta crise está a volver a poñer o foco na gran dependencia das ganderías e temos que ser conscientes de que se non é unha guerra será o cambio climático, vai haber factores que encarezan as materias primas, polo que temos que procurar ser máis autosuficientes nas nosas ganderías. Aínda que non podamos ser autosuficientes ao 100% si podemos traballar en reducir esta dependencia e aproveitar os recursos que temos”, comentan desde a Asociación de Produtores de Porco Celta.
Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental para unha maior autosuficiencia das granxas
Outra das cuestións fundamentais para incrementar a autosuficiencia das ganderías é poder ofrecer garantías aos gandeiros. Por iso, como sinala Mougán, é clave a investigación sobre forraxes de inverno que poidan achegar proteína á ración do gando e así reducir a dependencia de soia. “No caso do vacún de leite, alternativas como a veza ou o chícharo poden ser fundamentais para pasar de silos de herba que teñan un 16% de proteína a lograr, con estas leguminosas, ensilaxes que poidan alcanzar un 22 ou un 24% de proteína”, explica. Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental. É nesta liña precisamente na que traballa o proxecto Proteinleg, que xa estudou o comportamento de chícharo, o chícharo silvestre ou xudías como fonte de proteína para a alimentación do gando. “Non podemos afrontar grandes cambios. Non imos poder eliminar por completo as importacións de materias primas como a soia, pero poderemos facer axustes para ter unha menor dependencia”, indica Mougán.

Balance de Agaca na súa asemblea anual

La Asociación Galega de Cooperativas Agro-alimentarias (Agaca) celebrou esta mañá, en Santiago de Compostela, a 34 edición da súa Asemblea Xeral na que participaron como convidados, o actual director xeral de Cooperativas Campo-alimentarias de España, Agustín Herrero, que está a piques de xubilarse e o seu sucesor no cargo, Gabriel Trenzado que informou sobre os Ecoesquemas da PAC. A asemblea transcorreu na normalidade en canto á aprobación das contas anuais e resultados do exercicio do 2021, pero o resumo da Memoria de Actividades amosa que foi un ano de recesión para o agro galego pola escalada de prezos dos custos de produción. Tal e como indican dende Agaca, ós produtores estalles resultar imposible trasladar este incremento dos prezos á cadea alimentaria, debido á posición oligopolista da gran distribución, pese a que os produtores foran cualificados como esenciais durante a pandemia.

Sector gandeiro

O leite e as carnes en xeral, sufriron un pésimo ano de rendementos económicos soportando unha situación inflacionista espectacular onde cada partida de gastos se viu incrementada (no caso dos fertilizantes máis que duplicada). Todo incrementou o seu valor: as materias primas de alimentación animal e os pensos; en consecuencia, a luz, os carburantes, o ferro e os materiais básicos das instalacións a repoñer, os fertilizantes, mesmo os salarios do persoal contratado, os servizos técnicos, o transporte... Cara a finais do ano 2021 algúns dos prezos de alimentos comercializados polos gandeiros comezaron unha leve recuperación, desigual, con dentes de serra e nada estable a medio prazo. Dende Agaca alertan que o leite e as carnes seguen a ser, xunto con algún produtos de horta como as leitugas, produtos reclamo da gran distribución, para os que desenvolven estratexias de banalización dos produtos consentidas polas autoridades. "Un ano máis houbo perdas claras de rendas pola política económica imposta polos oligopolios da distribución, que provocou unha caída de rendas e de marxes económicas netas, mentres se segue agardando por unha lexislación efectiva que impida a tradicional destrución de valor que practican os últimos elos da cadea", valoran en Agaca. O porcino foi o subsector que proporcionalmente máis renda perdeu, sendo duramente castigado polas caídas das exportacións a China, ademais da carestía brutal dos custos de produción. A carne de polo e a avicultura en xeral tiveron un ano malo con máis vales que picos, que a inflación dos pensos acabou de castigar. Máis estable se comportou a carne de coello, pero cuns custos de produción desbocados que terminaron de penalizar as rendas en relación co ano anterior. O vacún de carne comezou a recuperar prezos prepandemia lentamente no segundo semestre do ano, sen lograr compensar a elevación dos custos de produción. "O vacún de carne de Galicia é un sector que necesita de urxencia cambiar, pois son varios anos en declive continuo, con prezos que non acaban de despegar", indican. Ademais, preocupa que os prezos dos animais da IXP Ternera Gallega reduciron a achega de valor ao resto de animais. "Urxe xerar valor para frear o declive produtivo do sector", apuntan.

Sector agrícola

O sector agrícola resultou substancialmente mellor que o gandeiro. A produción e comercialización de viño viuse inicialmente afectada pola pandemia a causa das caídas de vendas na restauración. Con todo, o 2021 pasará globalmente coma un dos mellores anos do sector de viño de Galicia: houbo axilidade comercial na resposta á crise que pronto atopou na alimentación, e mesmo na exportación unha vía de escape que reduciu os efectos económicos da pandemia. A mediados de ano comezaba a escasear o viño galego nos mercados nacionais e internacionais, o que animou os prezos de venda. "Ao final, para o sector do viño (con gran presenza de cooperativas) podemos afirmar que foi un bo ano onde melloraron os prezos de comercialización, tanto da uva como do viño. Subiron os custos (laborais, dos fertilizantes, a reparación de parras, luz...), porén, a mellora dos prezos de venda do individuo viticultor e da adega compensaron suficientemente o incremento dos custos", valoran en Agaca. Ademais, 2021 foi un ano de boas colleitas, polo que globalmente o crecemento das rendas medias do sector foi importante. Na produción de horta, que leva varios anos en cifras globais positivas, o 2021 tamén foi favorable: melloraron lixeiramente os prezos medios (arredor do 4%) e as producións, provocando unha compensación coa escalada de custos de produción. De media estabilizáronse as rendas de explotacións produtoras, o que supón un bo resultado se se compara co doutros sectores. O subsector de flor e planta viva, que tivo un ano 2020 tan malo coma os sectores gandeiros máis afectados, mellorou substancialmente no ano 2021, acadando os niveis previos á pandemia. Aínda que os custos subiron, as entidades produtoras puideron acercarse ás rendas do ano 2019, despois dun ano 2020 totalmente desastroso en termos económicos. O mel manifestou un comportamento globalmente positivo no exercicio, pero segue estando atacado e perseguido polas diferentes pragas de difícil control (vespa velutina...) e que reduce os volumes agardados. Agaca tamén destacou 'o excelente traballo' desenvolvido polas cooperativas de subministración e servizos: fábricas de penso, almacéns de venda de alimentación, fertilizantes, plásticos..., así como as cooperativas con prestación de servizos ás persoas socias: servizos veterinarios, agronómicos, seccións de crédito, de maquinaria etc. "Estas cooperativas, sempre vinculadas cos sectores produtivos, tiveron unha actividade e un exercicio difíciles pois deberon afrontar a escalada de prezos internacionais. Hoxe, o sector agroalimentario galego é coñecedor da importancia que supón dispoñer dunha rede de empresas ao servizo de gandeiros e gandeiras que fomentan a competitividade e a redución dos custos de produción. Sen esta rede de empresas cooperativas os custos de produción nunca serían os máis reducidos do Estado", valoran en Agaca. Tamén apuntaron que a boa campaña forraxeira do 2021, con incremento de producións e de calidade, resultou clave para conter, aínda que fose minimamente, a escalada dos custos de produción nas granxas, especialmente as de vacún. Como sinalaron durante a asamble xeral, o ano 2021 foi un ano de recesión global de rendas no agro galego, ante a forte escalada dos custos de produción. Con relación á evolución da renda media de profesionais da agricultura e da gandería galega, esta foi claramente negativa en relación á media dos do resto de España onde hai moita máis presenza agraria que gandeira.

“Apostei polos tintos do Ribeiro, cando todo o mundo estaba centrado nos brancos”

A carón do Avia ó seu paso por Leiro, e a poucos metros da antiga sede da Cooperativa do Ribeiro, a “pequena” adega de Xulia Mar Bande Pivida, como ela mesma fala dela, serve a modo de bastión pola recuperación e a diferenciación do viño do Ribeiro. Xulia leva toda unha vida abríndose camiño entre as cepas e no mundo do viño. Autodidacta e emprendedora, Xulia comezou hai máis de 30 anos e agora ten un proxecto consolidado e cargado de identidade. Seu avó, que era arrieiro, foi quen despertou esa curiosidade pola viticultura nela. O propio nome dos seus viños, Son de Arrieiro, é un recoñecemento a ese legado familiar. Os viños desta colleiteira son unha aposta continua por combinar tradición con innovación. Manter aquelas variedades tradicionais coas que traballaba seu avó levouna a recuperar castes case desaparecidas. Nun tempo no que os viños do Ribeiro só podían ser de ano, Xulia só elaboraba viños de garda. Agora volve rachar con convencionalismos e ten no mercado un rosado desta zona, aínda que sen o amparo da Denominación de Orixe (DO). Xulia é das que goza no viñedo e na adega, para quen traballar nisto “agás cando unha xeada ou a saraiba che leva todo” é un gusto e non unha obriga. Na súa adega e tras atender unha visita, coñecemos máis en detalle o seu xeito de traballar e as súas elaboracións. -Como comezaches no mundo das vides? -Foi cando meu avó, que era un gran apaixonado das vides, comezou a ter dificultades para manter o viñedo. Eu quixen botarlle unha man co coidado dos viñas, pero daquela non tiña moito tempo e tampouco atopei ninguén que fixera o traballo. Isto, xunto co feito de que xa me gustaban as vides, fixo que me decidise montar unha empresa de servizos para traballar nos viñedos. Comecei cuns amigos que estaban sen traballo e ó pouco xa tiña 25 empregados repartidos por toda Galicia e o norte de Portugal. Realmente co viño empecei xa daquela, vai facer 32 anos. Trala morte de meu avó, durante uns anos tiven que deixar aparcadas un pouco as súas viñas, porque non daba atendido a todo, xa que estaba empezando coa empresa e tiñamos moito traballo. Pero en canto puiden xa retomei os coidados do viñedo e propúxenme tamén manter aquelas variedades que traballaba meu avó e que non se vían xa por ningures e que a min me resultaban moi interesantes. -E coa adega, cando deches o paso? Por que te decidiches? -Meu avó, que era arrieiro, ademais facía un viño bárbaro e eu non atopaba ese tipo de uva en ningún sitio, polo que decidín recuperar as súas viñas e comezar a plantar. Ó principio fíxeno coa idea de vender a uva, pero co tempo decidín probar a elaborar o meu propio viño. No seu momento non aproveitei a sabedoría de meu avó e logo tiven que aprendelo pola miña conta. O primeiro ano que fixen viño faría uns 2.000 litros, que vendín a granel e o resto das uvas vendías directamente. Botei así uns 10 anos. Na campaña do 2015 foi cando me decidín a sacar o meu primeiro viño etiquetado como Son de Arrieiro. Era un xeito de non ter que vender as uvas e poder apostar polos tintos, nun momento no que todo o mundo seguía dicindo que o Ribeiro era só de brancos, algo que xa foi cambiando. A sorpresa veu cando o presentamos ós Premios de Galicia nese mesmo ano e resultou o mellor tinto de Galicia. Iso fíxome pensar que igual non o estaba facendo moi mal e tomalo máis en serio. Fixemos unha reforma na adega para incorporar un equipo de frío e seguir traballando nos viños que buscaba. -Tiñas claro que tipo de viño querías elaborar cando comezaches como colleiteira. Xa lograches dar coa receita de teu avó? -Eu tiña un viño na cabeza e creo que aínda non cheguei a el. Sabía que uvas empregaba meu avó, pero non as proporcións e tiven que traballar moito niso. Eu son autodidacta e tiven que traballar moito porque non tiña coñecementos sobre a elaboración do viño.
“Teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona”
- Con que variedades traballas? -Agora mesmo teño un pouco de todo. De feito, mesmo teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona. En tinto teño Carabuñeira, que é unha variedade que moi pouca xente coñece, Espadeiro (da que hai moi pouca), Raposeira e Ferrón. En brancos traballo con Albilla do Avia ou Lado, entre as variedades máis descoñecidas. Logo teño Sousón, Caíño, Brancellao, Treixadura ou Godello. -Por que te decidiches a apostar por elas? Que che resulta atractivo destas variedades? -Comecei a interesarme por elas un pouco por recuperar o patrimonio que tiñamos. Son variedades moi delicadas e que foron caendo en desuso por ser menos produtivas. Un ano tes colleita e outro pode que case non teñas nada. Moitos deixaron de ter estas variedades porque non se lograban grandes cantidades de uva cando, en pleno auxe do Ribeiro, as grandes adegas só buscaban ter quilos de uva. Fomentouse que moita xente perdera estas variedades e foi unha mágoa porque moitas delas son resistentes mesmo a enfermidades como a filoxera. Ademais, estaban adaptadas ás condicións de aquí. Para min o realmente interesante destas variedades é que son uvas de moita calidade e iso é o que che permite elaborar un viño diferenciado. -Como está sendo o proceso de recuperar estas variedades? -Teño a sorte que ó ter a empresa de servizos recorro moito viñedo e sempre atopas plantas interesantes. Mesmo teño levado á Evega plantas para que identifiquen porque non eramos capaces de saber que caste era. Tes que andar buscando por plantas en viñas moi vellas, como algunhas das que teño que teñen máis de 80 anos. De aí vas aproveitando algunha testemuña para poder ir enxertando. O malo é que antes non plantaban con criterio. Se secaba unha planta podían plantar unha cepa tinta no medio dunha parcela de branco. Así, agora resulta máis difícil facerte con elas. É un labor importante, pero que xa estou facendo para os que veñen detrás, realmente eu pouco proveito lle vou sacar. -Que superficie manexas? -Miñas teño sobre unhas 3 hectáreas. Foi moi difícil chegar a ter esta superficie. Partíamos de 3.000 metros herdados de meu avó e meus tíos. Para xuntar esta terra tivemos que mercar 178 parcelas, moitas delas de propietarios que estaban emigrados. Isto atrasou moitos anos o proxecto. Logo teño tamén sobre 8.000 metros cadrados de viñedos arrendados. Son viñedos moi vellos, normalmente con accesos complicados e que non se poden mecanizar.
“Fago coupage de variedades e de zonas porque cada caste compórtase de distinta maneira dependendo do sitio e dá un viño moi diferente”
-Onde tes estas viñas? -Fago coupage de variedades, pero tamén fago coupage de zonas. Así, teño viñas nas tres subzonas máis marcadas do Ribeiro, xa que se algo aprendín nestes anos coa empresa de servizos é que cada variedade compórtase de distinta maneira en cada zona e dá un viño moi diferente. Para min é moi interesante ter un pouco de todos os solos, así temos zonas de cuarzo, de granito, de xistos... -Tes pensado incrementar a produción? -Son máis de facer un produto diferenciado que de apostar por grandes cantidades. Ademais, o que plante agora vou ter que agardar uns 8 ou 10 anos para poder elaborar con esas uvas e xa me pillaría con 68 anos... Si é verdade que sigo collendo fincas que me resultan interesantes, de xente que se vai xubilando e que teñen variedades das que non teño.
“Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que xa se encargan de rozar e do abonado”
-Que manexo fas do viñedo? -Nós facemos viños naturais, apostando pola mínima intervención, aínda que non estamos en ecolóxico. Aquí é bastante sinxelo facer un viño ecolóxico en adega, pero na viña é practicamente imposible, segundo me demostrou a experiencia. Digamos que fago unha viticultura ecolóxica con sentido común, xa que non me podo permitir o luxo de perder toda a colleita, pois vivo disto. Facemos moi pouca intervención, de feito non aplicamos ningún herbicida. Temos un manto verde todo o ano, con vexetación espontánea, xa que o que naza en cada sitio indícache as carencias da terra co manexo que estás a facer e guíate un pouco sobre o que tes que facer. Damos moita rozadoira de mochila, cando hai moita vexetación. Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que se encargan de desbroce e abonado e botan alí 6 meses. Como imos a producións baixas, de 1,2 quilos por planta aproximadamente, chéganos con este abonado sen máis aporte. Tampouco empregamos insecticidas, nin acaricidas ou produtos sistémicos. -Estás ti soa na adega ou contas con colaboración? -Conto con Benigno Freijedo, a miña parella e a metade imprescindible deste proxecto. Eu son máis a que matina nas elaboracións, pero el encárgase en gran medida do coidado das viñas e de botar unha man na adega.
-Xa na adega, mimas especialmente algún proceso na elaboración do viño? -Na adega, cada viño ten a súa fermentación e os seus tempos e temperaturas, pero non podes facer moito máis para diferenciarte. O único que podes facer para buscar un viño diferenciado é traer un produto diferente á adega para que lle aporte matices. Logo, as mesturas son horas de estar probando combinacións que se me van ocorrendo e vendo se funcionan ou non. Tamén é verdade que todo o que fixen ata o momento non houbo nada que non sacara ó mercado. -Como son os viños que elaboras? -Son viños naturais e diferentes, alo menos esa é a pretensión. Buscamos que sorprendan ó consumidor, por iso optamos por as variedades diferenciadas e distintas zonas, xa que agora mesmo hai moita xente facendo moi bo viño. -Cantos viños comercializas nestes momentos? -Temos seis viños no mercado. Gústame experimentar e vou sacando distintas elaboracións. Todos eles son viños de garda, que alomenos pasan dous anos na adega antes de saír ó mercado. Os viños cos que comecei Son de Arrieiro, branco e tinto, son viños que botan cando menos un ano en depósito e outro na botella. Temos Son de Arrieiro sobre leas, que está 15 meses en crianza de leas e que sae da adega como mínimo con 3 o 4 anos. Logo temos Son de Arrieiro añadas (branco e tinto), unha elaboración de 6 anos en adega, un coupage de 3 ou 4 colleitas, dependendo das características de cada unha delas. Ó ser viños naturais, dependendo de como sexa o ano vai determinar moito o resultado, polo que eu tento xogar co que me aporta cada unha delas. Ademais, teñen un paso moi lixeiro por madeira. O ano pasado por primeira vez fixen un rosado, aínda que está fóra da DO, porque como din: 'é algo que nunca se fixo aquí'. Eu son das que digo que alguén debe ser o primeiro... A verdade é que encantou e teño xa o outro para sacalo e agardando que teña o mesmo éxito. A este púxenlle A argallada de Xulia, precisamente por non ter a DO e adícollo así ó Consello Regulador para ver se abren o abano e nos deixan medrar, xa que tamén é necesario. -Algunha novidade máis na que esteas inmersa? -Estamos traballando cun monovarietal que polo momento apunta moi ben, aínda que non me quero adiantar nin dar máis detalles polo momento.
“Tódolos meus viños son de garda. Paréceme moi interesante como evolucionan os viños do Ribeiro e creo que se perde moito vendéndoos pronto”
-Nunha terra como o Ribeiro, como resultou apostar por viños de garda? -Foi unha das cousas que a xente non entendía ó principio, sobre todo os viticultores do Ribeiro. Dicíanme que o Ribeiro é un viño para beber no ano, que senón derrámase. Agora iso cambiou e a tendencia é a ir agardando para vendelos e non perder no camiño todo o que poden aportar estes viños. Paréceme moi interesante como evolucionan e creo que se perde moito vendéndoos moi pronto. -Como ves o Ribeiro na actualidade? -O Ribeiro está nun moi bo momento, se o sabemos aproveitar coido que vai ser moi interesante. Estanse elaborando viños de moi boa calidade e iso nótase no mercado nacional e internacional, xa que cada vez vén máis xente para ver se é verdade o que contamos. Estamos despertando o interese fóra, nótase que a xente ven buscando o Ribeiro. Se hai unha remuda xeracional, que é o problema máis grave que temos, isto pode chegar a moi bo porto, porque o Ribeiro acaba de renacer.
-En que mercados teñen presencia os teus viños? -O noso é un viño que se comercializa para restauración e en tendas gourmet. Vendemos moito en Galicia e en Asturias. Temos moito na Coruña e Lugo e tamén vendo bastante en Ourense, aínda que foi onde máis tarde entrei e onde máis me custou. Fíxeno cun pequeno distribuidor do Porriño que está traballando moi ben, xa que se interesou dende o primeiro día por coñecer o produto. -Interésache o mercado internacional? -Agora estamos moi centrados niso, xa que é onde máis valoran economicamente os viños que facemos. É un xeito de facer viable o proxecto e afianzarse no mercado. Estamos en Holanda, Inglaterra e Canadá. Esta mesma semana cerrei unha venda cuns escoceses ós que lle encantou o noso viño tras estar na adega e probando elaboracións na zona. -Tamén tiveches xa contactos co mercado asiático... -Tiñamos un contrato pechado por 5 anos para comercializar boa parte da produción, pero o Covid-19 atrasouno todo, xa que para eles é un viño novo que aínda teñen que dar a coñecer ó mercado.
“Botamos máis dun ano sen vender unha botella de viño. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo”
-Houbo outros inconvintes polo coronavirus? -O Covid-19 freounos en todo, agás na viña onde tivemos que seguir traballando. Botamos máis dun ano sen vender nin unha botella de viño, ó pecharnos a hostalaría. Ademais, pilloume coa páxina web a medio facer. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo ata quedar sen viño preparado para sacar ó mercado. Non foi só que non se vendese o viño, agora temos dificultades para atopar dende botellas, ata etiquetas ou tapóns. Así teño o viño do 2020 aínda todo en depósito. -Cambiaron tamén as visitas á adega pola pandemia? -O Covid-19 fixo que moita xente se achegase por primeira vez á adega, xa que era unha alternativa de ocio segura. Nós reducimos moito o aforo da visita, cun máximo de seis persoas cando antes chegamos a ter visitas de máis dun cento. O pouco viño que sacamos na pandemia foi así, coas visitas da adega. Axudounos a saír do paso e deunos a oportunidade de ensinarlle o noso traballo e historia a xente que non houbera vido noutras circunstancias. Veu moita xente nova, fixemos cultura do viño, que é un dos retos do sector. Algúns dos premios recibidos nestes anos de traxectoria. -Acabas de recibir o premio Unha vida entre Vides da Consello Regulador da DO Ribeiro. Que significa para ti este galardón? -É o premio que máis ilusión me fixo porque nunca pensei que fora a optar a el. Cando me chamaron por teléfono para dicirmo non llo crin. Comecei a crelo cando o vin publicado nos medios. Non podía crer que me desen un premio desta importancia a min, que teño 53 anos, cando llo levan dado a xente cunha traxectoria moito máis longa ou mesmo xa a título póstumo. Un premio coma este é o máis bonito que che pode pasar cando estás loitando pola túa terra e máis aínda sendo como son crítica co traballo da DO. -Non foi o único premio que recibiches nestes primeiros anos de andaina. Como recibes estes premios?  -Nos últimos tempos xa recibimos unha ducia de medallas de ouro e dous grandes ouros. Os premios son moi importantes para vender o viño, axudan a dalo a coñecer. É un xeito de que lles pique a curiosidade por aproximarse ó teu produto. O que atopen dentro é o que fará despois que repitan ou non, pero os premios axúdannos a que o consumidor se achegue ó noso viño.

As adegas pequenas son as máis castigadas pola crise do Covid19: Un 25% menos de vendas en 2020

As adegas pequenas están a ser as máis castigadas pola crise do Covid19 debido á perda de vendas na canle horeca (hoteis, bares e restaurantes. En concreto, o seu volume de vendas no mercado español caeu nun 25% en 2020. Esta é unha das conclusións do proxecto "Evolución das Canles de Venda do Viño en España", realizado polo Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv) e Wine Intelligence por encargo da Organización Interprofesional del Vino de España (OIVE) Para realizar este estudo realizouse unha enquisa con adegas españolas entre xuño e xullo deste ano, con respostas de 110 das principais adegas españolas. Os resultados son que un 82% delas viron reducido o seu volume de vendas no mercado español en 2020 por comparación co ano anterior. De media, as adegas viron reducido o seu volume de vendas en España ao redor dun -18%. E foron as adegas pequenas as que máis sufriron (-25% en volume), ao non poder compensar en igual medida que moitas outras as perdas sufridas na canle HoReCa, nin por incrementos na canle de alimentación nin por vendas directas. En concreto, en canto á variación das canles de venda segundo o tamaño das adegas, o estudo conclué que:  -As adegas pequenas (menos de 500 mil L) en 2020 viron reforzada a súa venda directa e algo as vendas en alimentación aínda que non de forma suficiente como para compensar as perdas na súa canle prioritaria, a canle Horeca. -As adegas medianas (entre 0.5 e 10 millóns de L) reforzaron moito as súas vendas directas en 2020, pero estas suponlles aínda unha pequena porcentaxe das súas vendas e pasan a depender moito máis da canle alimentación . -As adegas máis grandes (máis de 10 millóns de L) benefícianse do auxe de vendas na canle de Alimentación, mentres as caídas en Horeca, aínda que fortes, apenas lles inflúen por ser unha canle relativamente minoritaria para elas; aínda que crecen de forma exponencial as súas vendas directas e online, estas seguen sendo unha porcentaxe menor da súa comercialización.

As adegas duplicaron a venda directa de viño, que xa supón o 8,4%

A canle alimentación creceu dun 37% a un 47% e convértese na canle máis importante para as adegas, aínda que a canle que máis creceu foi o de venda directa desde a adega que case se duplicou pasando dun 4,6% a un 8,4%. En canto ao impacto do Covid-19 segundo o tipo de viño: -Viño tranquilo con DO: en 2020 os viños con DO creceron na canle Alimentación e viron como descendeu o Horeca en liña co conxunto do sector. Destaca o descenso de importancia das Viñotecas e tendas especialistas no ano da pandemia mentres creceu en importancia a venda directa. -Viño tranquilo sen DO: Os viños sen DO creceron na canle Alimentación pasando a ser a súa canle máis importante pero desenvolvéronse menos que os viños con DO na canle de venda directa. -Viño espumoso: Os viños espumosos sufriron especialmente polo esborralle da canle Horeca xa que dependen máis desta canle en 2019 que os viños tranquilos, aínda así tamén se desenvolveu a venda directa. -Outros viños (xenerosos): Dun modo similar ao espumoso, pero de forma aínda máis marcada, os viños xenerosos, dependen moito da canle Horeca, polo que sufriron especialmente durante 2020.

Descarga aquí o informe completo

Detectado un gromo de coronavirus nunha granxa de visóns de Carral

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (Mapa) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada no concello coruñés de Carral. En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano, tras as análises  laboratoriais  realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa en cinco mostras. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural. A enquisa epidemiolóxica realizada na granxa non amosa ningunha sintomatoloxía nos animais presentes. A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos Ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia. No marco deste programa, nesta granxa estábanse a facer controis e tomas de mostras rutinarias de animais cada 15 días e ata o momento tódolos resultados foran negativos. Así, tras a detección do foco positivo, a granxa foi inmobilizada polos servizos veterinarios oficiais da Consellería e sometida a probas sanitarias que resultaron positivas a SARS-CoV-2 en cinco dos animais mostrexados. As cepas virais detectadas nos animais serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección, aínda que todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana, neste caso dun traballador que estivo afectado polo coronavirus.

Terceiro caso en Galicia

Este é o terceiro gromo en granxas de visións americanos que se rexistra en Galicia. O primeiro deles detectouse a comezos deste ano nunha gandería de A Baña (A Coruña). Daquela foron sacrificados tódolos animais da explotación, máis de 3.000 exemplares, para evitar o risco de propagación ás persoas. O da Baña foi o segundo caso detectado en España, logo do que obrigou a sacrificar a 92.000 animais nunha granxa de Teruel hai agora un ano. En Galicia, o segundo contaxio produciuse no mes de marzo, nunha granxa de máis de 6.500 animais situada en Santiago de Compostela. En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as ganderías activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións. Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas. “O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación coa Consellería de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía”, informan nun comunicado remitido esta tarde pola Consellería de Medio Rural. Este foco comunicarase oficialmente por parte do Ministerio á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.

Medio Rural da Deputación de Lugo apoia ao sector agrogandeiro fronte á Covid 19

A área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo reuniu as asociacións agrogandeiras máis importantes da provincia: ASOPORCEL – Asociación de criadores de raza porco celta; BOAGA – Federación de Razas Autóctonas de Galicia, OVICA – Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia e PURAGA – Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega, nun acto organizado no Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla) no Concello de Láncara, no que se fixo balance das iniciativas emprendidas conxuntamente durante o último ano para paliar o impacto da crise sanitaria no sector. No encontro, a deputada Mónica Freire agradeceu ás asociacións beneficiarias destas achegas excepcionais “o seu compromiso inequívoco co agro e co proxecto vital das persoas que queren vivir no rural. Son gandeiras e gandeiros orgullosas da súa orixe, da súa tradición e do seu traballo, que apostan por producións de calidade e modelos extensivos que fomentan o desenvolvemento económico e social e contribúen a frear a hemorraxia demográfica de moitas zonas do interior e de montaña, que doutro xeito quedarían abandonadas. A pandemia puxo en evidencia as grandes debilidades do sistema e veu amosar a urxencia de reformular a política agraria seguindo estas orientacións”. “Trátase dun sector que tamén sufriu e está a sufrir o impacto da crise sanitaria, social e económica desatada pola Covid 19, que reduciu as vendas á restauración e suspendeu feiras e eventos moi importantes para a promoción dos produtos, como é o caso da feira agrogandeira ExpoLugo “A Rural” que se celebra durante o San Froilán. Atendendo a este contexto e ás demandas que nos foron trasladando ao longo do último ano, desde a área de Medio Rural optamos por reasignar o orzamento destinado a este evento e priorizar o investimento en accións e gastos orientados á comercialización e á promoción e posta en valor dos seus produtos, a través de axudas excepcionais”, explicou a deputada nacionalista. No último ano, Medio Rural asinou convenios de colaboración coas entidades representadas no encontro. Así, a área dirixida por Mónica Freire colaborou con Ovica no impulso da marca “Pastores de Galicia” e cunha campaña de Puraga para dar a coñecer a carne e embutidos de poldro de Pura Raza Galega. Tamén apoiou mediante a renovación da web “O Sabor dos Ancares” da Cooperativa A Carqueixa e a promoción dos seus produtos, recentemente galardonada co premio Aresa, onde os consumidores poden mercar, directamente, sen intermediarios, os produtos cárnicos dos case 200 cooperativistas que a integran. No caso de Asoporcel e Boaga, as achegas destináronse ao financiamento de certificacións e procedementos que garanten a trazabilidade dos produtos que se comercializan coas marcas de calidade destas razas autóctonas. Ademais, Medio Rural tramitou as axudas ás granxas de vacún de carne de Raza Rubia Galega, vinculadas ao convenio de colaboración subscrito entre a Deputación de Lugo e Acruga para a promoción e potenciación de reprodutoras inscritas no rexistro do libro xenealóxico da raza rubia galega nas granxas de vacún de carne, destinadas a titulares de explotacións gandeiras, coa finalidade de fomentar a inscrición de reprodutoras no Rexistro Definitivo da raza bovina Rubia Galega. En total, a área de Medio Rural xestionou axudas directas ao sector agrogandeiro da provincia de Lugo por un importe de máis de 400.000 euros.

Muvicla ampliou a súa exposición cunha achega de Medio Rural

O acto celebrouse no Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), ubicado na Casa de Vázquez, na parroquia de Trasliste en Láncara, que conta con diferentes mostras de maquinaría agrícola de época reunidas polo seu promotor, Marcos Vázquez Marey. O proxecto museolóxico, integrado nunha casa de labranza en activo, tamén recibiu o apoio da área de Medio Rural a través dunha achega destinada a creación dunha exposición temporal onde se expoñen diversos exemplares de marcas de automóbiles de luxo - Aston Martin (David Brown), Lamborghini, Mercedes ou Porsche, que comezaron a súa traxectoria sendo pioneiros na fabricación de maquinaria agrícola.

Nos próximos meses presentará a plataforma de promoción e apoio aos pequenos/as agricultores/as e gandeiros/as locais “Son de Lugo”

A actividade actual da área de Medio Rural está centrada en lograr mellorar o valor engadido das producións agroalimentarias dos pequenos e medianos produtores/as da provincia de Lugo. Nos próximos meses farase pública a presentación da plataforma de promoción e apoio aos pequenos/as agricultores/as e gandeiros/as locais “Son de Lugo” que deste xeito poderán ofrecer e comercializar os seus produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e contrastada, directamente ao consumidor final con todas as garantías sanitarias, como punto de partida para xerar un valor engadido que asegure unha renda xusta e digna polo seu traballo. Esta medida converteuse en prioritaria despois da necesidade que trasladaron a Mónica Freire, a deputada de Medio Rural, as diferentes asociacións de produtores agrarios e gandeiros trala crise provocada pola pandemia da Covid-19, fundamentalmente no sector da restauración e hostalaría, a través da canle horeca.

Apoio ao sector agroalimentario fronte á Covid 19

Enlaces webs das axudas excepcionais que a área de Medio Rural asinou no 2020 con posibilidade de executar ata o 31 de marzo de 2021. http://www.deputacionlugo.gal/gl/node/74665 http://www.deputacionlugo.gal/gl/node/74776

Axudas por asociacións: 

 
Asoporcel: 
 
 
 
Boaga: 
 
 
 
Ovica: 
 
 
 
Puraga:
 
 

Piden ampliar a validez da ITV agrícola fronte ós problemas de calendario derivados da Covid-19

Os axustes no calendario das revisións de vehículos agrícolas, derivados das restricións pola Covid-19, seguen a xerar prexuízos ós produtores. No Concello de Moeche (A Coruña) advirten de que os propietarios deberán de pasar dúas veces a revisión en pouco máis de 5 meses. Ante esta situación o goberno local reclama unha nova ampliación do prazo para a revisión. No 2020, a raíz do primeiro Estado de Alarma, SYC-ITV Applus+ suspendeu as inspeccións das unidades móbiles que se desprazaban ao rural para pasarlle a revisión aos tractores e outra maquinaria agrícola. A suspensión foi acompañada dunha ampliación da validez da ITV. En concellos como o de Moeche esta ampliación supuxo que a revisión da ITV se retomase en decembro. Agora, só 3 meses despois, anuncia que volverá ó municipio dentro dun mes, cando a data habitual era en marzo, e que non regresará de novo ata marzo ou abril de 2022. “Este reaxuste supón que os tractores obrigados á revisión anual que foron inspeccionados a finais do ano pasado terían que volver a San Ramón en maio, é dicir, pasar e pagar a ITV dúas veces en pouco máis de cinco meses- ou ben acudir á estación de Ferrol en decembro, con todo o que iso implica en gasto e tempo”, explican dende o consistorio. Ademais, quen non faga nin unha cousa nin a outra botaría desde decembro de 2021 até marzo ou abril de 2022 coa ITV caducada, expoñéndose a sancións e a problemas de cobertura do seguro no caso de accidentes.

Prolongar a validez da ITV

“A situación é unha enguedellada que require unha solución inmediata”, valoran dende o goberno local. Dende o Concello esta mañá solicitaron á concesionaria, á Xunta e á Delegación do Goberno unha ampliación da validez das revisións que venzan en decembro de 3 meses, o que permitiría recuperar o calendario e os prazos pre-COVID sen causarlle prexuízos ás persoas usuarias. “O cambio na data habitual das revisións e o aviso de que a unidade móbil non volverá até marzo ou abril de 2022 causa un prexuízo para a veciñanza de Moeche e de concellos limítrofes pois dalgún xeito obriga a aboar a taxa da ITV dúas veces nun curto período de tempo de 5 meses”, indican dende o Concello. Inciden que o calendario actual para a ITV agrícola supón un gasto que resulta máis preocupante dada a situación económica de moitas familias e nuns tempos en que todas as Administracións están en aprazar pagamentos, establecer liñas directas de axudas ou nalgún caso rebaixar taxas. Dende o Concello tamén apuntan que aínda que as persoas que pasasen a revisión en decembro de 2020 poderían agardar a decembro de 2021, nese caso estarían obrigadas a trasladar os seus tractores, remolques ou cisternas a outros puntos como Ferrol, feito que encarece o servizo e dificulta as tarefas, especialmente na poboación de maior idade. "Non ofrecer a ITV coa unidade móbil ata marzo ou abril de 2022 leva a que as persoas usuarias agarden a esa data co conseguinte risco de manterse uns meses sen a correspondente revisión", advirten. Denuncian que a solución adoptada SYC-ITV Applus+ para corrixir as demoras xeradas pola pandemia causa un prexuízo ás persoas a quen lles debe dar servizo, sendo as que finalmente pagan totalmente as consecuencias da situación. Así, instan á empresa, á Xunta de Galicia, responsable de outorgarlle a concesión, e á Delegación do Goberno, de quen depende a DXT en Galicia, a que se busque "unha solución doutro tipo". Inciden na posibilidade de solicitar unha ampliación extraordinaria da vixencia da actual revisión, de 14-15 meses no canto dos 12 actuais. Deste modo recuperaríase o calendario e os prazos de inspección anteriores á pandemia "sen causar estes prexuízos ás persoas destinatarias deste servizo, que son moitas", apuntan.

O sector forestal recupérase trala baixada da facturación pola crise da Covid

O impacto da crise do coronavirus na industria forestal resultou ser menor do agardado polas empresas do sector. As previsións que se manexaban nos primeiros meses da pandemia facían agardar que a facturación se reducise un 26%. Porén, finalmente 2020 pechouse cunha baixada dos ingresos do 17%. Os datos recóllense da segunda enquisa realizada no pasado mes de febreiro pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, entre 171 empresas do sector galego, nas que se inclúen tres firmas asentadas en Cuenca, Madrid e Valladolid.
En maio do 2020, en pleno confinamento, as empresas agardaban unha redución da facturación do 26%. Nos últimos meses conseguiuse recortar
“A industria forestal galega amosouse ata o momento coma un sector moderadamente resiliente, que malia ó parón do segundo trimestre conseguiu recuperar o ritmo no terceiro e cuarto”, valorou Juan Picos, director da Escola durante a presentación dos resultados, realizada de xeito telemático este venres. Os datos recollidos nas empresas evidencian como algunhas delas mesmo conseguiron incrementar a facturación nos últimos meses do 2020 e tamén se amosan mellores perspectivas para este 2021. Facturación do 2020 con respecto do 2019. Neste contexto de crise sanitaria, un 12% das empresas galegas do estudo, sobre todo serradoiros e rematantes, mesmo incrementaron as inversións. Unha cifra que quixo destacar o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde que participou no acto de presentación dos resultados, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa. “Estamos a ver unha evolución positiva no sector. Cómpre ser prudentes, pero tanto a previsión dun incremento de facturación para este 2021, como os investimentos realizados, xa dan boa conta desa evolución”, valora Conde. En maio de 2020, data na que a Escola de Enxeñaría fixo a primeira enquisa entre os seus asociados para coñecer a situación do sector, a maior parte das empresas crían que a crise lle afectaría moito ou alomenos algo. Case un ano despois, un 15% delas aseguran que non lles afectou e un 3% ata valoran positivamente estes últimos meses. Rematantes, serradoiros, carpintería e moble están a ter tamén resultados favorables nestes tempos.

O contract, un dos máis prexudicados

Con todo, a crise sanitaria está a deixar unha fonda pegada para un importante número de empresas. Así, un 60% das entidades afirma que a Covid-19 lle afectou negativamente e un 22% delas recoñece un gran impacto negativo na súa actividade. O sector do contract, moi vinculado á restauración e á hostalería, dúas das actividades que máis se viron afectadas nestes meses; está a ser un dos máis damnificados no sector forestal. Arredor do 25% das empresas de contract que participaron na enquisa pecharon este último ano cunha redución de entre o 50 e o 60% na facturación. O resto das empresas experimentaron unha baixada dos ingresos que se sitúa entre o 50 e o 30% con respecto de 2019. Outros subsectores coma o da pasta e papel valoran de xeito semellante a situación dos últimos meses. Do mesmo xeito, na construción con madeira ou a biomasa, tódalas empresas que responderon á enquisa están a ter dificultades pola pandemia. Tamén houbo casos, nos que a crise afectou de xeito diferente a empresas do mesmo subsector. Así, no taboleiro houbo firmas que viron reducida a súa facturación máis dun 60%, mentres que outras tiveron un incremento do 10%. Facturación de 2020 con respecto de 2019 nos principais subsectores da industria forestal. Nestes subsectores, o principal problema está a resultar a caída da demanda, o que deriva en dificultades en ámbitos como tesourería ou nos cobros. As propias características da crise sanitaria, cos repetidos encerros e restricións da actividade e mobilidade, provocaron atrancos tanto para conseguir abastecementos necesarios como nos transportes e a loxísticas do produto. O sector mira con certo optimismo ó 2021, onde máis do 35% das empresas agarda pechar o ano cun incremento do 10% na facturación. Tamén aumentan as firmas que prevén entre un 10 e un 20% máis de ingresos neste exercicio con respecto do 2020. No lado contrario, non hai ningunha empresa que agarde un descenso da facturación maior ó 60%, como acontecía en maio do ano pasado e vaise reducindo o número de entidades onde a previsión pase por unha redución da facturación de máis do 20%. Con todo, un 25% aínda conta que os seus ingresos sexan un 10% inferiores.

Salvagardar ós traballadores

A maioría das empresas forestais afrontaron a crise sen ter que facer axustes no seu cadro de persoal nin nos salarios. Aínda que houbo firmas que tiveron que realizar despedimentos ou baixadas na remuneración dos seus empregados, contabilizáronse empresas que contrataron máis persoal e que incrementaron as partidas para salarios. Mentres, os axustes producíronse en aspectos como stock de insumos ou materia prima, así como nas existencias de produto, onde arredor dun 35% das empresas tiveron un descenso en ámbolos dous.
As empresas apenas fixeron axustes no cadro de persoal nin nos salarios e destinaron esforzos para mellorar a protección dos traballadores
As enquisas tamén revelan que a protección dos traballadores, dotándoos con máscaras protectoras ou establecendo sistemas para evitar os contaxios foi un dos ámbitos ó que máis atención prestaron. O impacto da Covid-19 na saúde do persoal da empresa é unha das principais preocupacións no sector xunto coa incerteza e a posible caída da demanda. Porén, nestes meses tampouco se detectaron importantes gromos de Covid-19 que afectaran á actividade das empresas do sector. “En xeral, non se recorreu á diminución da masa salarial e houbo un esforzo na aplicación xeneralizada de medidas preventivas e maniféstase entre as principais preocupacións as que atinxen á saúde dos traballadores”, detalla Picos. Neste último ano, só un 2% das empresas se viu inmersa nun concurso de acredores, ben fose necesario ou voluntario. Na mentres, un 43% das firmas solicitou financiamento a través de préstamos ICO (37%) e do Igape (6%) e un 14% tiveron que acollerse a un ERTE.

Novas tendencias

Esta radiografía do sector permitiu coñecer a valoración que fan as empresas sobre novas megatendencias que están a repercutir de xeito directo na industria forestal. Neste senso, unha das maiores preocupacións céntrase no rexurdimento das fronteiras nacionais, derivadas tanto da crise sanitaria como de cambios políticos como o Brexit en Inglaterra. Outras tendencias son consideradas como positivas no sector polas oportunidades que poden brindar. Así, destacan aquelas que teñen que ver coa mellora do hábitat e o confort, a volta a áreas rurais ou a preferencia do consumidor por produtos locais.
O rexurdimento das fronteiras e a consolidación do comercio online atópanse entre as preocupacións da industria forestal
A consolidación do comercio online é outra das preocupacións do sector, que o observa tanto como unha oportunidade para os seus produtos como unha forte competencia. Polo momento, ó contrario que aconteceu con outros sectores, que deron un importante salto na comercialización dixital dos seus produtos durante esta pandemia, motivados pola falta de mobilidade, a industria forestal aínda non avanzou nesta dirección. Porén, como apuntaba Juan Picos durante a presentación dos resultados, cómpre indagar se existen barreiras como a falta de cobertura das áreas rurais que estean a limitar a implantación da comercialización online do sector forestal.

Máis de 4.600 gandeiros de vacún de carne benefícianse das axudas pola Covid-19

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas temporais e excepcionais aos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise da covid-19. Así, un total de 4.621 produtores de gando vacún de carne recibiron preto de 7 millóns de euros para sufragar parte das perdas ocasionadas pola emerxencia sanitaria. Trátase dunha liña de achegas temporal e excepcional, motivada polas especiais circunstancias derivadas da Covid-19, que ocasionaron unha interrupción económica para determinadas actividades do sector primario, causando problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores. Desde a Consellería sinalan que a selección dos sectores máis afectados -vacún de carne e o sector da planta ornamental e flor cortada, que tamén recibiron axudas- fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario. No caso das axudas directas de vacún de carne, os beneficiarios destas subvencións foron os titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún, inscritas no Reaga con clasificación zootécnica de reprodución para produción de carne ou mixta, e que tiveran polo menos 10 vacas nutrices o 14 de marzo do 2020, segundo a información da base de datos oficial de explotacións gandeiras e de identificación individual dos animais bovinos. As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

-Consulta aquí a resolución publicada no DOG, co listado de tódolos beneficiarios.

 

Máis exportación de viño e venda en canle alimentación: As claves das adegas para superar a crise da Covid 19

O sector do viño foi un dos máis afectados pola crise da pandemia da Covid19. E é que ao redor dun 60% das vendas das adegas españolas concéntranse na canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafetarías), un sector que pasou gran parte do 2020 pechado ou traballando a medio gas debido ás restricións de apertura. Neste sentido, catro adegas galegas (Crego e Monaguillo, Godeval, Ramón do Casar e Terra de Asorei) e Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) cóntannos como están a superar a crise de vendas provocada en 2020 pola Covid 19 no sector do viño e como encaran este 2021

Rafael del Rey (OeMV): “A gran lección desta crise é que as adegas deben diversificar as súas canles de venda”

Para o director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) “a gran lección desta crise é que as adegas deben diversificar as súas canles de venda, para non depender en exclusiva da hostalaría, apostando máis pola exportación, a venda en canle alimentación e a través de internet”. Outra conclusión que extrae desta crise é “a gran capacidade de resistencia das adegas: é un sector maioritariamente de pequenas empresas familiares que tiveron unha gran capacidade de adaptación e de buscar novos mercados”. En canto á valoración do 2020, segundo os datos do OeMv “globalmente foi un ano malo, cunha perda do consumo de viño en España duns 200 millóns de litros -a media sitúase nuns 940 millóns de litros-, debido á redución de 300 millóns de litros nas vendas da canle hostalaría, onde houbo unha caída do 40%, que se compensou só en parte cun incremento das vendas de viño en canle alimentación, que subiron nuns 100 millóns de litros”. “As exportacións son o que a moitas adegas lles permitiron paliar e suavizar as perdas no mercado interior e fundamentalmente na hostalaría”, engade Rafael del Rey. E é que España se mantivo como o primeiro exportador mundial de viño: uns 2000 millóns de litros, e foi dos países que menos sufriu a baixada de prezos.

Terra de Asorei (Rías Baixas): “Aumentamos as exportacións, que xa representan o 75% das nosas vendas”

Roque Durán_Bodega Terras de Asorei Xosé Ramón Durán é conselleiro delegado de Terra de Asorei, unha adega da Denominación de Orixe Rías Baixas que atopou nas exportacións un balón de osíxeno para paliar a caída das vendas de viño en España. “Antes da crise da Covid19 vendiamos un 50% do noso viño fóra de España, ao longo do 2010 potenciamos ese mercado exterior que xa supón agora o 75% das nosas vendas”, destaca. Desta forma, os viños de Terra de Asorei están agora presentes en 18 países e ao longo destes meses teñen previsto ampliar a súa presenza noutros 3 países. “Aumentamos sobre todo as nosas vendas nos países nórdicos, Alemaña e Países Baixos, e iso permitiunos compensar a caída de ao redor do 50% que tiveron as nosas vendas nos mercados galego e español, debido en gran parte ao peche da hostería”, explica Xosé Ramón Durán. Para este 2021 o seu obxectivo é manter os prezos e o nivel de vendas, aínda que recoñece que “nesta situación non podemos facer previsións a varios meses, temos que ir analizando a situación e tomando decisións semana a semana”. “Creo que o 2021 vai ser un ano de transición e oxalá que a partir do verán comece a haber una certa recuperación, pero non será até o primeiro trimestre de 2022 cando poderemos volver á normalidade e a facer previsións a varios meses”, conclúe.

Ramón do Casar (DO Ribeiro): “Empezamos o 2021 con moita incerteza”

Javier González Sabucedo é un dos propietarios da adega Ramón do Casar, na DO. Ribeiro, e recoñece que o 2021 comezamos como o 2020, con moita incerteza. “Somos unha adega pequena, elaboramos ao redor de 130.000 botellas, e no 2020 conseguimos manter tanto prezos como volume de vendas, aínda que baixamos ao redor dun 5%”, explica. Nesta adega ao redor do 70% das vendas concentrábanse en HORECA, unha canle que, segundo Javier González Sabucedo, “tivo un comportamento moi irregular debido ás restricións de apertura, de forma que houbo meses case sen vendas, pero nos meses nos que se permitiu á restauración unha maior apertura notamos un incremento de vendas respecto dun ano normal”. A caída nesa canle suplírona cun aumento nun 50% da exportación, que xa representa ao redor do 30% das súas vendas. “Tivemos un bo resultado en Inglaterra e en Estados Unidos e conseguimos manter a nosa presenza noutros países. Ademais, incrementamos a nosa presenza na canle alimentación, onde pasamos dun 3 a un 7% de vendas, o que tamén representou unha axuda”, explica. A previsión coa que traballan en Ramón do Casar para este 2021 é que “ao longo dos próximos 7 meses a hostalaría recupere certa normalidade e seguir aumentando as nosas exportacións”.

Crego e Monaguillo (Monterrei): “Entrar na canle alimentación salvounos a campaña”

O balance que fan na adega Crego e Monaguillo do 2020 é razoablemente positivo: “Baixamos as vendas nun 20%, non porque vendésemos menos senón porque os meses de febreiro, marzo e abril estivemos practicamente parados e é moi difícil recuperar iso ao longo do ano”. Esta adega estaba especializada na canle HORECA, onde concentraba case o 90% das súas vendas, pero souberon adaptarse á nova situación. “Entramos na canle alimentación, onde non estabamos presentes, e agora vendemos en Gadis, Froiz e Carrefour. As expectactivas superáronse e agora mesmo esa canle xa supón ao redor do 30% das nosas vendas”, valoran. En canto á canle HORECA, recoñece que nos meses de verán “as vendas foron superiores a outros anos, aínda que non compensou o parón que houbo no resto do ano”.
“Mantivemos a compra de uva aos viticultores e a un prezo xusto”
Onde si notaron un peor comportamento foi na venda directa -”temos un mercado de empresas que nos compran viño para agasallo en Nadal, e este ano reduciuse notablemente”- e tamén na exportación. “As vendas ao exterior representan sobre un 5% da nosa facturación e notamos unha importante baixada, sobre todo no Reino Unido, e onde mellor nos mantivemos foi en Irlanda”. Crego e Monaguillo compra boa parte a uva a viticultores da comarca de Monterrei e aseguran que en 2020, a pesar das dificultades, mantiveron os seus compromisos. “Mantivemos o nivel de compra que tiñamos acordado cos viticultores, a uns prezos xustos, e mesmo aumentamos o número de provedores. É certo que os prezos baixaron sobre 10 céntimos por quilo con respecto á anterior vendima, pero foi máis polo aumento da colleita de uva”, subliñan. En canto ás súas previsións para 2021 en Crego e Monaguillo temen que sexa peor que o 2020: “En termos empresariais cremos que vai ser un ano peor porque a crise económica vaise a notar moito máis. Vai ser un ano de aguantar con vistas a que en 2022 a economía se recupere”.

SAT Godeval (Valdeorras): “O 2020 foi mellor do que esperabamos”

Xornada de cata en SAT Godeval Araceli Fernández é xerente da adega SAT Godeval, na Denominación de Orixe Valdeorras e recoñece que “globalmente o 2020 foi mellor do que esperabamos pois conseguimos manter os prezos de venda dos nosos viños e o nivel de vendas”. “Afectounos o peche da restauración, onde pasamos de vender sobre o 70% do noso viño ao 62%, e compensámolo aumentando a venda en canle alimentación, onde pasamos dun 17 a un 25%, e aumentamos tamén as vendas por internet, aínda que partiamos duns niveis baixos. En canto ás exportacións, baixamos dun 16 a un 12% das nosas vendas, en gran medida polo mercado de Estados Unidos, onde se uniu a Covid19 aos aranceis”, explica a xerente de SAT Godeval. As súas previsións para 2021 dependen tamén de como evolucione a situación sanitaria e socioeconómica: “Esperemos que a restauración poida empezar canto antes, e a ver como afecta a crise económica. España é un país de servizos e de turismo e mentres non se normalice a maneira de vivir vai condicionar moito”.

Concentración en Melide para esixir a reapertura do mercado labrego

Un cento de persoas, entre as que se atopaban boa parte dos produtores que venden alimentos na feira dominical de Melide, protestaron este domingo pola mañá na praza do Convento nunha concentración de protesta para esixir ao goberno municipal a reapertura inmediata do mercado labrego dos domingos, sempre baixo o cumprimento estrito dos protocolos marcados polas autoridades sanitarias de cara a evitar a expansión da Covid 19. Con esta accción, convocada polo Sindicato Labrego Galego, quixeron protestar contra a decisión do Concello de Melide de prohibir o mercado de alimentos a causa da pandemia. Porén dende a organización agraria argumentan que “este mercado, por celebrarse ao aire libre, ten mellores condicións de seguridade para a compravenda de bens esenciais que non os espazos pechados”. “A pesar diso, e en contra de toda lóxica, o concello decretou por terceira vez en menos de un ano o peche do mercado sen que houbese ningunha orde de autoridades sanitarias ou políticas que obrigase a facelo, e sen ningún estudo ou informe que indique que no mercado de alimentos labregos se teñan producido gromos ou contaxios de Covid-19”, engaden dende o SLG. Na concentración desta mañá berráronse consignas como “Queremos mercar os grelos ás veciñas!” ou “Espazos labregos, espazos seguros!”. Posteriormente, deuse lectura a un manifesto no que se lle esixían catro demandas fundamentais ao executivo melidense: 1. Reapertura inmediata do mercado dominical de alimentos, reorganizándoo temporalmente coa distribución dos postos de venda en novos espazos que garantan as distancias e os protocolos sanitarios vixentes, tal e como indica o decreto 202/2020 do 3 de decembro. 2. Dotación de recursos materiais e humanos para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios anti-covid no mercado. 3. Recomendación a través de bandos, radio municipal e outros medios de difusión ao alcance do Concello de Melide, da opción de adquirir alimentos no mercado labrego como a máis segura na conxuntura actual. 4. Revisión das políticas municipais de cara a apoiar e reforzar este mercado, xa que con el se apoian a economía local, os proxectos agrogandeiros da bisbarra, o mantemento de postos de traballo, a creación de riqueza no rural ou o reforzamento da soberanía alimentaria.

Denuncian a prohibición dos mercados labregos debido á Covid19

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que na última semana, houbo varios concellos que decretaron unilateralmente o peche dos seus mercados de alimentos labregos (caso de Melide, Cambre...) debido ao incremento de casos de Covid 19. Porén, para a organización agraria esta decisión “pode, sen dúbida, contribuír a incrementar os contaxios por dúas razóns”. “En primeiro lugar, está demostrado que son máis seguras as actividades ao aire libre, onde habitualmente se celebran este tipo de feiras alimentarias; que en recintos pechados como supermercados. Ademais, mentres que nos primeiros non existe contacto entre os consumidores e os produtos até que se fai a compra, nos segundos é imposíbel controlar a manipulación dos produtos nos andeis por quen queira tocalos ou manosealos. En segundo lugar, nas localidades onde se decretou a prohibición, estase forzando ás persoas que facían a compra en mercados labregos a acudir aos supermercados, incrementándose o aforo destes e, polo tanto, os riscos de contaxio por aglomeración”, argumentan. Neste sentido, dende o SLG non entenden o que consideran “fixación dalgúns gobernos municipais por entorpecer e prohibir a venda directa de alimentos cando, ademais, se trata de produtos de primeira necesidade cuxa circulación está protexida polas autoridades comunitarias e estatais en tempos de crise”.

“Os mercados labregos ao aire libre son máis seguros que comprar nun sitio pechado como son os supermercados”

“Ademais -engaden-, nin sequera existe unha orde oficial, nin do Goberno do Estado nin da Xunta, que obrigue a pechar estes mercados de alimentos. Se a lóxica é a de reducir a incidencia de contaxio, daquela deberían pechar os supermercados, pois o perigo de contaxio é maior neles. Obviamente, aducirase que se debe garantir o fornecemento de bens de primeira necesidade á poboación: Pois, precisamente, iso é o que fan os mercados labregos que, ademais, venden produtos de cercanía, favorecendo o desenvolvemento económico local e, especialmente, o rural”. Ante esta situación esixen que “non se force a aquelas persoas que elixen mercar produtos locais a ir aos supermercados e que se garanta a súa libre elección á hora de consumir produtos labregos de cercanía”. Dende o Sindicato Labrego Galego, anuncian que “estamos estudando a posibilidade de organizar accións de protesta e de desobediencia civil para denunciar unha prohibición que non se pode xustificar dende ningún punto de vista, ao tempo que os nosos servizos xurídicos traballan na elaboración dunha demanda legal polos riscos sanitarios que supoñen estas prohibicións e por impedir o desenvolvemento dunha actividade que se debe garantir en tempos de crise, tal e como ordena explicitamente a Unión Europea nas súas instrucións para facer fronte á Covid 19”.  

5611 ganderías de vacún de carne de Galicia recibirán de media 1400 euros de axudas pola Covid 19

A Xunta resolverá antes de final de ano as case 6.000 solicitudes recibidas para as axudas directas aos sectores agroalimentarios máis afectados pola covid-19. A meirande parte das solicitudes de achegas, un total de 5.611, corresponden ao sector bovino, que recibirá unha media de 1.400 euros por explotación. Así o recolle o informe analizado este xoves polo Consello da Xunta, onde se dá conta dos 18 millóns de euros en achegas convocadas para axudar aos produtores de planta ornamental, flor cortada, vacún de carne e viño, dando cumprimento ao Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19. A maiores, en 2021 prevese convocar outros seis millóns no marco do instrumento financeiro para as industrias agroalimentarias, no caso de que sexa preciso pola situación do coronavirus. Así, este luns 30 de novembro vén de rematar o prazo para solicitar as axudas directas concibidas para os sectores da planta ornamental, da flor cortada e do vacún de carne. Ao abeiro desta convocatoria, a Xunta repartirá un total de 12 millóns de euros, tres para os produtores de planta e flor e nove para os do sector bovino. A meirande parte das solicitudes recibidas, un total de 5.611, correspóndense con explotacións de carne, mentres 133 proceden dos produtores de flor e planta. O Goberno galego anuncia que terá resoltas todas estas solicitudes antes de final de ano -en apenas dous meses desde a súa convocatoria o 29 de outubro- co obxectivo de axilizar os pagamentos o máximo posible. Mentres, poden solicitarse aínda -ata o 21 deste mes de decembro- os chamados préstamos vendima, para os que a Xunta habilita seis millóns de euros co obxectivo de garantir que as bodegas poidan mercar toda a uva desta campaña a prezos de mercado. A Consellería do Medio Rural prevé mobilizar ata 37,5 millóns de euros ao abeiro destes empréstitos na presente convocatoria, aos que habería que sumar outros 37,5 millóns mobilizados o ano vindeiro, de convocarse unha nova orde de axudas doutros seis millóns de euros no caso de que fose preciso pola evolución do coronavirus. Neste caso, a Xunta financia a garantía co fin de cubrir posibles impagos.