Archives

A praga da couza guatemalteca da pataca avanza na provincia da Coruña

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena “Tecia solanivora povolny”, ou couza guatemalteca da pataca, na comunidade autónoma de Galicia. En termos xerais a praga remite na provincia de Lugo pero segue espallándose na da Coruña. Mediante esta resolución, a Xunta levanta formalmente a prohibición do cultivo de pataca -medida que se mantiña para evitar a expansión da couza deste tubérculo- nas parroquias de Chamín (Santaia) e Corrizo (San Pedro) en Arteixo; e na parroquia de Caión (Santa María do Socorro) na Laracha, tamén na provincia da Coruña; así como na totalidade do concello lucense de Burela. Ademais, declara como novas zonas infestada as parroquias de Abegondo (Santaia), Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María de Sarandós), no concello de Abegondo; as parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), no concello de Carral; e as parroquias de Barallobre (Santiago) e Maniños (San Salvador), no concello de Fene. Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias coruñesas de A Pedra (Santa María), no concello de Cariño, e San Xurxo de Moeche, en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo. Polo tanto, son zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo-, na provincia da Coruña, as parroquias de Cerneda (San Salvador), Folgoso (Santa Dorotea), Mabegondo (San Tirso), Meangos (Santiago), Montouto (Santa Cristina), e Viós (San Salvador), no concello de Abegondo; a parroquia das Somozas (Santiago Seré), no concello homónimo; Laraxe (San Mamede), en Cabanas; Vigo (Santa María), en Cambre; Cariño (San Bartolomeu), Landoi (Santiago) e Sismundi (Santo Estevo), en Cariño; as parroquias de Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), en Carral; Régoa (Santa María), en Cedeira; As Encrobas (San Román), en Cerceda; Castelo (Santiago), en Culleredo. Tamén son zonas tampón as parroquias de Limodre (Santa Eulalia), Magalofes (San Xurxo), e Perlío (Santo Estevo), no concello de Fene; Labecengos (Santa María), San Xoán de Moeche (San Xoán) e Santa Cruz de Moeche (Santa Cruz), no concello de Moeche; as parroquias de Franza (Santiago) e Piñeiro (San Xoán), no concello de Mugardos; e as parroquias de Ferreira (San Paio) e Lamas (San Xiao), en San Sadurniño. E na provincia de Lugo, son zonas tampón as parroquias de San Xusto de Cabarcos, no concello de Barreiros; Santo Tomé de Lourenzá e Santo Adrao de Lourenzá, en Lourenzá; A Fórnea, A Valboa (Santa María Madanela), Sante (San Xiao), Vidal (San Mateo) e Vilapena (Santiago), no concello de Trabada. Todas as zonas tampón declaradas con anterioridade e non incluídas na presente resolución pasan a ser zonas libres.

Medidas nas zonas infestadas

Os agricultores das novas zonas infestadas deberán declarar as existencias de pataca almacenada na oficina rural máis próxima, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o código de procedemento MR465B. O prazo para presentar esta declaración será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución (26 de marzo de 2024). A pataca almacenada será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución. Posteriormente, os titulares deberán desinsectar o solo, as paredes e o teito da zona onde estivera almacenada. En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona. Todos os produtores das novas zonas declaradas como infestadas que teñan que destruír ou arrancar patacas poderán solicitar a correspondente indemnización, a través dunha liña de axudas que sairá nas vindeiras semanas. Medidas nas zonas tampón En todas as zonas tampón declaradas, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. Esta declaración poderá presentarse nos mesmos lugares que os indicados para a declaración de existencias ou a través da sede electrónica utilizando o código de procedemento MR465C. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Evolución

A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. Dende a Consellería do Medio Rural afirman que “na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo -a través da rede de monitorización da Xunta, que conta con 2.100 trampas no territorio para realizar análises sistemáticos- mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación”. No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. No período 2017-2023, a Xunta investiu 5,2 millóns de euros no Plan de choque contra a couza guatemalteca da pataca.

Enlace á resolución no DOG

Convocadas axudas da Xunta para viveiros e agricultores afectados por pragas de corentena

As pragas están afectando a diversos tipos de cultivos en Galicia, provocando a diminución de ingresos entre agricultores. Por iso, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismo de corentena deste ano, concedidas pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas e entidades sen personalidade xurídica, cuxos vexetais ou produtos vexetais fosen afectados por medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración da presenza dunha praga de corentena pola autoridade competente. Os organismos polos que se poderá solicitar unha indemnización son a couza guatemalteca da pataca, o Fusarium circinatum do piñeiro, o virus rugoso do tomate e a flavescencia dourada da vide. As achegas destinaranse para o financiamento de procesos de destrución, desinfección, esterilización ou tratamento aplicado a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados, ou a materias de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estivesen en contacto con ditos vexetais. A novidade deste ano é que se indemnizará aos titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de vide fosen eliminadas e destruídas baixo control oficial como consecuencia da detección de flavescencia dourada de vide, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde. As solicitudes poden presentarse por vía telemáticas a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, o prazo de presentación para solicitalas será dun mes a partir do día seguinte á súa publicación no DOG.

Actualizadas as zonas afectadas pola praga da couza guatemalteca da pataca

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución do 28 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se establece unha prórroga de todas as medidas fitosanitarias para o control da couza guatemalteca da pataca ata novo aviso. Igualmente, actualízase o mapa de zonas afectadas. Sae da corentena todo o concello de Muxía e amplíase o radio de prohibición á parroquia de San Xurxo de Moeche, no concello de Moeche (A Coruña). As persoas desta parroquia deberán presentar unha declaración de existencias de pataca almacenada para que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución, cun prazo de 20 días hábiles contados a partir de mañá. Esta documentación poderá presentarse na oficina agraria comarcal, a través da sede electrónica (procedemento MR465B) ou en calquera dos lugares de rexistro establecidos na normativa reguladora. Pola contra, deixan de ser consideradas zonas infestadas e pasan a ser zonas tampón as parroquias de Lendo (San Xián), no concello de A Laracha, e todo o concello de Muxía. Deste xeito, os agricultores destas últimas zonas deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con patacas nos mesmos lugares habilitados para a presentación da declaración de existencias -neste caso, na sede electrónica correspondese co procedemento MR465C-. Ademais, nas zonas tampón deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente, e os operadores deberán instalar no local destinado a almacén unhas trampas de feromona específica para a captura destes organismos. Anexo II da resolución onde se especifican as novas zonas infectadas e zonas tampón. Fonte; Consellería do Medio Rural/DOG

Couza guatemalteca: A Xunta levanta a prohibición de cultivar pataca no concello de Muxía

A Xunta vén de levantar a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza guatemalteca que afecta a este tubérculo. Así se decidiu hoxe na Comisión de seguimento desta praga, que estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Neste senso, pasan a ser consideradas zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo- a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián), Ozón (San Martín) e a parroquia de Lendo (San Xián) no concello da Laracha, tamén na provincia da Coruña. Por outra banda, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; A Pedra (Santa María) en Cariño; Caión (Santa María do Socorro) na Laracha e San Xurxo en Moeche. En Lugo a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na totalidade do concello de Burela e na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo. A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. “Na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo están mostrando un avance significativo na súa contención, o que sería a fase previa para valorar a súa posible erradicación”, sinalan dende Medio Rural. Deste xeito, a Comisión de seguimento propón un novo mapa de concellos afectados para que algunhas zonas deixen de ser consideradas como infestadas. No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. Prevese que esta praga poida erradicarse en Galicia nos vindeiros dous anos. Segundo a normativa fitosanitaria, para que unha zona infestada deixe de selo cómpre que non se detecte ningún individuo desta especie durante dous anos seguidos no seu territorio.

Como informar á Xunta das fincas onde se labre pataca dentro da zona tampón da couza guatemalteca?

En moitos municipios do norte da Coruña e Lugo andan preparándose xa para volver plantar patacas despois de catro anos de prohibición por causa da couza guatemalteca e unha vez que a Xunta autorizou as plantacións dentro do ámbito de aplicación das medidas para o control e erradicación da praga. Porén débese ter presente que moitos destes concellos seguen a estar declarados zona tampón, o que supón unha serie de condicionantes á hora de botar o tubérculo.  Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle á Consellería do Medio Rural inmediatamente despois da sementeira (e sempre antes do 1 de abril) todas as parcelas que teñan cultivadas, independentemente da superficie plantada e de se esta é para autoconsumo ou para a venda. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.
Tanto os propietarios das leiras como os almacenistas de pataca para semente deberán levar un control do tubérculo
O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente ben nas oficinas agrarias comarcais, ben nos Concellos, para mandarllo directamente a Medio Rural a través do Portelo Único municipal. A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas que vendan pataca de semente mediante un formulario específico, ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona para a captura da Tecia solanivora povolny. Colaboración desde as entidades locais Na zona de Ferrolterra están declarados como libres da praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes e As Somozas. A maiores, está declarada zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén teñen esta condición as parroquias de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. En toda a comarca só a parroquia da Pedra, pertencente tamén a Cariño, continúa coa cualificación de zona infestada, na que non se poderá plantar.
O Concello de San Sadurniño axúdalle á veciñanza a tramitar a declaración das plantacións de pataca para facilitar os trámites para a recuperación do cultivo
Ante a necesidade de facer as comunicacións á Xunta, algúns Concellos da comarca están a axudar aos veciños co papeleo. "Co tempo solleiro que temos xa hai quen anda preparándose para volver plantar patacas e nos últimos días foron varias as persoas que se achegaron ao Concello para preguntar que tiñan que facer. Por esta razón, na oficina do Rexistro Municipal xa están ao tanto para facilitarlles as cousas", explican no Concello de San Sadurniño. "O trámite é ben doado para persoas que estean afeitas a andar con papeleos relacionados cos montes ou coas terras, pero tamén hai quen non se manexa ben co ordenador nin tampouco cos formularios en papel", evidencian. "A declaración hai que facela despois de plantar, non antes, e para quen non saiba como cubrir e presentar o papel, no Concello hémoslle de axudar", indican.

Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño manteñen a corentena e non poderán plantar

Trampa para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros O Consello da Xunta analizou este xoves un informe sobre as actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural para a erradicación da praga de corentena da Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) na comunidade galega, que supuxeron máis de 4 millóns de euros de investimento por parte da Xunta. Así, desde a súa detección en 2015 e tras a aplicación das pertinentes medidas, constatouse que unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza. Mentres, só quedan seis municipios galegos (Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño) con áreas nas que actualmente non se pode cultivar pataca, entre outras medidas.
O control da praga supuxo un gasto de 4 millóns de euros por parte da Xunta
En concreto, seguen a ser zonas infestadas pola couza a parroquia da Pedra, no municipio de Cariño; as parroquias de Sorrizo e Chamín, en Arteixo; as de Lendo e Caión, no concello da Laracha e as de Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía, dentro da provincia da Coruña. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo. Nestes casos, a prohibición de plantar pataca prolongarase durante un período mínimo de dous anos desde a aparición do último caso de couza.
Desde a detección dos primeiros casos en 2015, unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza
Mentres, están na zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e as parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha e Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, na localidade de Cariño. Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias de Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada. Revisión periódica das trampas con feromonas Os traballos efectuados tras a detección da couza en Galicia consistiron no establecemento dunha rede de trampeo para capturar masivamente o insecto nas zonas infestadas e controlar a súa expansión, así como na zona tampón nas franxas estremeiras coa área infestada. Tamén se instalaron trampas nas principais zonas produtoras de pataca, nomeadamente na comarca coruñesa de Bergantiños e na ourensá da Limia.
Na actualidade, o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga, así como na vixilancia de todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais
A maiores, desde o comezo da praga procedeuse á recollida de patacas de semente nos almacéns comercializadores das zonas infestadas, así como do propio produto nas explotacións dos concellos afectados, ademais de controlar o movemento de pataca producida na zona infestada, dentro desta zona e entre a zona infestada e a zona tampón. Na actualidade o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga. Ao mesmo tempo, séguese a vixiar todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais.

Declarados libres da praga da couza da pataca 16 novos concellos das provincias da Coruña e Lugo

Trampeo para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros, declarado como zona tampón Este martes celebrouse en Santiago unha nova reunión da Comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, onde os datos acadados das trampas en campo e en explotacións mostran un avance significativo na contención desta praga de corentena, "un paso previo a unha posible erradicación", asegura a Xunta. Así, tras os últimos datos de capturas, quedan totalmente libres desta praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.
En Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada séguese detectando presenza deste organismo nocivo, polo que seguirán permanecendo, ben na súa totalidade ou nalgunha parroquia concreta, na zona infestada
Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñan e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha; Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño.
En zona tampón os propietarios deberán comunicar antes do 1 de abril as parcelas nas que labraron patacas
Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada. En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora. Zonas infestadas Doutra banda, incorpórase a parroquia da Pedra, no concello coruñés de Cariño, á zona infestada pola existencia da praga da couza. Esta área súmase ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora A O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo.
Segue detectándose a praga en parroquias dos concellos de Cariño, Arteixo, A Laracha, Muxía, Burela e Trabada, onde está prohibido plantar pataca
En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír de novo da dita zona.

Axudas para agricultores e viveiros afectados por organismos de corentena

A Consellería do Medio Rural vén de publicar as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismos de corentena, en especial a couza guatemalteca da pataca e o fungo ‘Fusarium circinatum’, que desde o 2006 se ten detectado de xeito puntual en piñeiros en Galicia.

O orzamento dispoñible para estas achegas é de 75.000 euros, un 15% superior ao ano anterior, e poderá incrementarse en función das necesidades detectadas e a dispoñibilidade orzamentaria, segundo sinala a Xunta.

En concreto, poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración dunha praga de corentena pola autoridade competente.

Estas empresas poderán ser beneficiarias sempre e cando teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria. No caso dos produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais. Neste sentido, o prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir de hoxe.

Couza guatemalteca: ¿En que concellos non se poderá plantar pataca este ano en Galicia?

A Consellería do Medio Rural publica este venres no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que decide ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca) na Comunidade Autónoma de Galicia ás parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, na provincia da Coruña. Nestas parroquias, por tanto, estará prohibido plantar pataca a partir de agora. Consideraranse zonas tampón, estremeiras con estas novas zonas infestadas, as parroquias de Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo na provincia da Coruña. Os agricultores de todas as zonas tampón poden plantar pataca, pero deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira e, en todo caso, antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas co tubérculo.

Concellos deixan de ser zona infestada

En canto as medidas de erradicación da praga, a Xunta informa de que as medidas adoptadas están dando os seus froitos: “A día de hoxe, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación, xa que nos concellos de Cariño, Neda e Ortigueira na provincia da Coruña e Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro na provincia de Lugo, non se ten detectado a presenza deste organismo durante dous anos consecutivos”.  Xa que logo, Medio Rural informa de que os devanditos concellos deixan de ser considerados como zonas infestadas por Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e pasan a ser considerados dentro da zona demarcada como zonas tampón, podendo plantar pataca de novo este ano, aínda que informando á administración.

Concellos de Galicia nos que está prohibido plantar pataca debido á couza guatemalteca

Pola contra, considerase zona infestada na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e das anteriormente citadas parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo. Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Zonas tampón

Considérase zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas, unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo e, ademais, as parroquias de Monteagudo (San Tomé), Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo, Rebordaos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e a parte norte da parroquia de Noicela (Santa María), segundo figura no anexo, no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha. Na provincia de Lugo a zona tampón supón os concellos de Abadín, Lourenzá, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro e unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas do concello de Muras.

Enlace á resolucón do DOG

Críticas do Sindicato Labrego á xestión da couza guatemalteca da pataca

Trala decisión da Xunta de levantar a prohibición de plantar pataca nun total de 9 concellos que en anos anteriores estiveran afectados pola couza guatemalteca, o Sindicato Labrego emitiu un comunicado para demandar máis transparencia da Administración galega. Advirte a organización agraria de que todo o procedemento de peches e aperturas de concellos pola praga faise sen explicación dos datos que motivan esas decisións, polo que solicita maior claridade. O Sindicato Labrego empraza á Xunta a facer públicos os datos de capturas de exemplares de couza guatemalteca por municipio e suxire que nos casos onde sexa posible, se vaia a prohibicións de sementeira por parroquias, en lugar de por concellos enteiros. Desde a delegación do Sindicato Labrego na Mariña lucense tamén cuestionan que non exista información da Xunta directamente ás organizacións do agro nin ós produtores que viven da pataca, “que deberían ter unha información puntual por parte da Administración”, valoran. Por outra banda, a organización entende que o anuncio do levantamento do peche coñeceuse en datas excesivamente tardías, a finais de novembro, “nunha época na que a semente estaba xa sendo encargada, xerando consultas e chamadas urxentes ás que non podemos dar resposta desde as organizacións agrarias nin desde as oficinas agrarias comarcais, pois só se coñecen os datos publicados pola prensa”, conclúen.

Couza guatemalteca: Estes son os 9 concellos nos que a Xunta levanta a prohibición de plantar patacas

Unha das trampas con feromonas que a Consellería ten distribuídas para o seguemento e control da praga A couza guatemalteca (Tecia solanivora Povolny) seguirá impedindo botar patacas en 17 concellos galegos o vindeiro ano, aínda que a evolución da praga desde a súa aparición no 2015 e o establecemento das primeiras medidas de control no 2017 está a permitir o levantamento progresivo das restricións naqueles lugares onde as trampas instaladas por parte da Consellería do Medio Rural non detectan presenza de avelaíñas. Segundo as previsións da Xunta, que teñen que ser ratificadas polo Goberno central, encargado da supervisión e control das medidas para a erradicación da praga a través da aprobación en 2017 do Real Decreto 197/2017 polo que se establece o Programa Nacional de Control e Erradicación da Tecia solanivora Povolny (BOE número 54, do 4 de marzo), a partir da publicación da resolución no DOG poderanse facer plantacións controladas de tubérculo en 9 concellos galegos, que pasan de estar declarados "infestados" a ser considerados "zona tampón".
Os produtores encadrados nas zonas tampón deberán comunicar á Consellería a localización exacta das parcelas onde planten patacas para facer un seguemento do cultivo
Trátase de catro concellos da Mariña de Lugo (Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá e O Valadouro), dous da Terra Chá (A Pastoriza e Riotorto) e tres da comarca de Ortegal (Ortigueira, Neda e Cariño). Nestes municipios poderanse botar patacas pero os propietarios das parcelas terán obriga de comunicar á Consellería o lugar exacto onde se fan as plantacións para que os técnicos poidan facer control e seguemento por se reaparecese a praga.  Para esta comunicación, onde se deberán recoller todas as parcelas cultivadas con pataca, deberase empregar o modelo establecido no anexo I da resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro). A Consellería establece a data do 1 de abril como o prazo máximo para presentar as declaracións de cultivo nestas zonas tampón. 18 concellos abertos en dous anos Os 9 concellos onde está previsto o levantamento das restricións para que se poidan facer plantacións o vindeiro ano engádense aos outros 9 que xa foran abertos no mes de xaneiro deste ano. As prohibicións iniciais tiñan unha vixencia de dous anos, coa posibilidade de seren prorrogadas se neste tempo a praga non desaparecía ou, pola contra, modificadas se a evolución así o permitía, como finalmente aconteceu nestes casos. Os datos de seguimento efectuados en 2018 e 2019 en Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes de García Rodríguez na provincia de A Coruña e Abadín e Ourol na provincia de Lugo permitiron que neste ano xa se puideran retomar as plantacións, do mesmo xeito que en 2021 se poderá facer nos outros 9 concellos que agora se suman á reapertura, e onde os controis mostraron que non se detectou a presenza da praga durante polo menos dous anos consecutivos. Tamén se fixeron controis nos 9 concellos abertos no mes de xaneiro pasado e en todos eles confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, segundo informou a Xunta este xoves a través dunha nota de prensa. 
O levantamento da prohibición está condicionado a que non se detecte presenza de insectos durante dous anos consecutivos no trampeo permanente que se realiza 
Como consecuencia da modificación da zona infestada actual podería haber cambios tamén na considerada zona tampón, como xa aconteceu en xaneiro deste ano ao quedaren excluídos desta zona de seguridade toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia de A Coruña e os concellos de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo, que adquiriron desde entón o status de zona libre da praga. 17 municipios manteñen a corentena Malia a efectividade das medidas e a evolución positiva xeralizada no control da praga, manteranse as restricións en 7 concellos da provincia da Coruña e 10 de Lugo onde o trampeo de control establecido segue capturando exemplares de couza guatemalteca, aínda que en moito menor número que ao inicio, pasando nalgúns casos de capturar 240 exemplares en 40 días a tan só media ducia na actualidade. Deste xeito, os concellos que manterán a declaración de infestados (e, polo tanto, onde seguirá prohibido facer plantacións de pataca un ano máis) serán na provincia de Lugo Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, O Vicedo, Trabada, Viveiro e Xove. Na provincia da Coruña os concellos infestados son os de San Sadurniño, Mañón, Muxía, Narón e Valdoviño e as parroquias de Lendo e Caión no concello da Laracha, así como a parte sur da parroquia de Noicela no concello de Carballo.
A Limia, principal comarca produtora de Galicia, semella a salvo da praga, que sen embargo avanzou pola provincia da Coruña até concellos como Carballo e A Laracha en Bergantiños ou Muxía na Costa da Morte, a onde se ampliou no 2018 a zona demarcada
As medidas fitosanitarias decretadas o 8 de marzo de 2017 pola Xunta para o control e erradicación da praga da couza guatemalteca da pataca na comunidade autónoma de Galicia pretendían evitar a propagación da zona infestada até as principais comarcas produtoras de pataca na comunidade, como son a de Bergantiños na Coruña ou a Limia en Ourense. Aínda que semella que polo de agora a Limia, principal comarca produtora de Galicia, está a salvo da praga, a Tecia solanivora ten avanzado na provincia da Coruña até chegar a concellos como o de Carballo e A Laracha ou mesmo Muxía, a onde se ampliou a zona demarcada en marzo de 2018 tras terse detectado a presenza da praga en plantacións particulares realizadas neste municipio. Problemas derivados do almacenamento para consumo As recomendacións pasan por non almacenar nas casas máis dun saco ou dous de patacas para que o consumo sexa rápido e non permitir deste xeito a reprodución do insecto As distintas medidas establecidas para o control da Tecia solanivora Povolny son de obrigado cumprimento tanto para os agricultores profesionais e de autoconsumo (os que máis abundan na zona en corentena) como para os operadores comerciais e puntos de venda tanto de pataca de consumo como para semente e a Xunta incrementou o número de sancións impostas a plantacións ilegais, venda a granel ou movementos de patacas non permitidos entre unhas zonas e outras, dado que non só o cultivo fai posible a permanencia da praga.   De feito, aínda que xa van tres anos sen plantárense patacas nos concellos onde continúa vixente a prohibición e a couza só é capaz de sobrevivir en contacto co tubérculo, a súa almacenaxe segue a permitir a súa propagación e a captura de avelaíñas nas trampas aínda a día de hoxe.
En Burela existe un foco relacionado co acopio de patacas para consumo nas casas en cantidade suficiente para que a avelaíña se reproduza
Isto ocorre, por exemplo, en Burela, onde hai detectado un problema puntual localizado nun barrio concreto desta vila, onde se sospeita que a causa se atopa na almacenaxe privada nas casas de pataca mercada para consumo propio. As recomendacións neste eido pasan por non almacenar máis dun saco ou dous de tubérculo, para que o consumo sexa rápido e evitar que o acopio prolongado e en cantidade suficiente posibilite a reprodución da avelaíña.
Casos como o de Alfoz, que levaban dous anos sen positivos, volveron dar este verán
Noutros casos non se sabe a orixe concreta da propagación e logo de non se detectar a presenza de praga durante varios meses esta reaparece coa captura dalgún exemplar solto nos trampeos. Ocorreu isto, por exemplo, no caso do concello de Alfoz, que até o pasado mes de xullo levaba dous anos sen dar ningún positivo, pero nunha das trampas caeu un exemplar nese mes e volveu facelo en setembro, o que impedirá que en todo o concello se poidan labrar patacas o vindeiro ano, mentras sen embargo se prevé que sexa autorizado no veciño concello do Valadouro.

Agricultores profesionais e afeccionados, á espera para planificar o calendario anual de cultivos

No norte de Lugo e da Coruña comézase a labrar a pataca nos meses de xaneiro e febreiro A decisión sobre en que concellos se vai manter a prohibición, cales pasan a zona tampón e cales se declaran libres foi tomada esta semana logo da reunión da Comisión de Seguemento da praga, pero falta agora que a resolución sexa publicada no DOG tralo visto bo do Ministerio para a súa entrada en vigor.  Non é unha cuestión menor, porque unha das características que comparten a maior parte dos municipios con restricións é a plantación temperán do tubérculo. Son as chamadas patacas de cedo, labradas nos meses de xaneiro e febreiro con miras á súa recollida a finais da primavera e principios do verán.
Os propietarios de parcelas en zonas onde se prevé a apertura reclaman axilidade á Xunta na publicación da resolución para poder encargar a semente e preparar as terras
Por iso, nas zonas afectadas había incertidume nas últimas semanas por coñecer a decisión da Xunta e son moitas as persoas, tanto a título particular como profesionais do sector da horta, que agardaban ter información sobre os posibles cambios de cara a planificar o calendario de cultivos da vindeira campaña. Outro dos aspectos comúns nos concellos costeiros das provincias de Lugo e A Coruña é que se trata de lugares onde se labra fundamentalmente pataca para autoconsumo, o que multiplica o número de fincas e pequenas parcelas onde se bota o tubérculo e onde a Xunta deberá o vindeiro ano supervisar os cultivos.
Na Mariña e Ortegal abundan as plantacións de cedo destinadas a autoconsumo
O anuncio do levantamento das restricións en Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá, O Valadouro, Riotorto, A Pastoriza, Ortigueira, Neda e Cariño, permitirá aos seus veciños planificar as plantacións de cara ao ano que vén e encargar a pataca de sementeira pero non poderán retomar o cultivo até que o DOG publique a resolución modificando a demarcación da praga e así o cambio de situación destes concellos entre en vigor oficialmente. Por iso, nestes concellos agárdase que a resolución se publique canto antes para poder mercar a semente e preparar as terras para poder labrala.  San Sadurniño terá que agardar Pataca afectada pola couza guatemalteca Malia que se debateu na comisión técnica se levantar ou non as restricións no concello de San Sadurniño, finalmente a Consellería decidiu manter a este municipio como zona infestada. O Concello desta localidade de Ferrolterra advertía a principios de semana que había xente "interesándose nas agrotendas por cando vai empezar a vir pataca da semente para as plantacións de cedo", pero desde o Goberno municipal mantiñan a prudencia e recomendaban aos seus veciños non mercar pataca de semente mentres non houbese un levantamento oficial da prohibición de plantar para que non lles acontese o mesmo que pasou no 2017, cando a prohibición da Xunta chegou a mediados do mes de marzo, cando moitos veciños  tiñan xa a semente mercada nas súas casas, ou mesmo botada xa nas súas leiras, o que obrigou á Xunta a ter que recollela, indemnizar a súa compra e a decretar o levantamento das plantacións efectuadas.
Abonda con capturar un só un exemplar para constatar que a praga segue presente nun concello e, en consecuencia, que todo seu territorio siga pechado ao cultivo, independentemente do lugar onde se producise a captura
"Medio Rural ten distribuídas polas 7 parroquias deste concello un total de 52 trampas dotadas de dispositivos con feromonas que atraen aos insectos de Tecia solanivora Povolny e en setembro de 2018 aquí aínda caeron nas trampas algúns insectos. Durante 2019 non se detectou ningún e, se se respectou a prohibición de plantar e a normativa sobre movementos e almacenaxe, en 2020 tampouco deberían ter aparecido, dado que esta praga só pode sobrevivir e reproducirse onde hai patacais", indican desde a entidade local, que lamentan non ter "datos oficiais que nos permitan saber cal é o estado da praga no noso municipio" e temen "que a Xunta manteña as restricións ata o 2023, posto que terían que pasar dous anos sen presenza da praga -2021 e 2022- para volver autorizar as plantacións".
A día de hoxe, non trascenderon datos oficiais que nos permitan saber cal é o estado da praga no noso municipio (Concello de San Sadurniño)
Por iso, desde o Concello insisten en transmitir aos veciños que "en San Sadurniño as restricións seguen vixentes e non se pode plantar patacas, polo que os veciños que se adiantaron á decisión da Xunta e mercaron xa a semente non poderán labrala e "tampouco é demasiado aconsellable comer esa pataca ante a dúbida dos tratamentos antixermolantes que poida traer que, por certo, están prohibidos", lembran desde o Concello de San Sadurniño.

A Xunta convoca axudas para agricultores e viveiros afectados por pragas de corentena

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural que establece as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectados por organismos de corentena. O orzamento dispoñible para estas achegas é de 65.000 euros. En concreto, poderán solicitar estas subvencións tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración dunha praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dalgún dos organismos de corentena determinados na orde publicada hoxe. Así, poderán solicitar fondos os produtores afectados por estes 4 organismos en concreto: o fusarium circinatum, fungo que afecta o piñeiro; a thekopsora minima, outro fungo que, neste caso, ataca as plantas de arandos; o psílido africano, que afecta os cítricos e, por último, os que se visen prexudicados pola couza guatemalteca da pataca. As subvencións están destinadas a financiar procesos de destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou a materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estiveran en contacto con ditos vexetais. Tamén se poderán sufragar as inspeccións ou probas efectuadas oficialmente ou por mor dunha petición oficial, para verificar a presenza ou o grao de contaminación por parte dun dos organismos nocivos contemplados. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses a contar desde mañá, día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á orde de axudas no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200710/AnuncioG0426-010720-0003_gl.html

Couza da pataca: Lista dos 9 concellos galegos nos que se poderá volver plantar en 2020

A Consellería do Medio Rural proporá proximamente o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca, ao cumprirse o prazo de dous anos, establecido pola normativa, desde que se rexistrou nestes municipios algunha captura do insecto. Trátase dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se abordou este asunto. Acordouse trasladar esta proposta en breve na xuntanza prevista para principios de xaneiro próximo en Madrid con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do Principado de Asturias. Na reunión da comisión desta mañá, na que participaron técnicos de Medio Rural, do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, tratouse a situación da couza nas zonas demarcadas en 2017, tras detectarse o primeiro foco. Así, constatouse unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón. Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación. No encontro avaliáronse tamén as medidas adoptadas recentemente, tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos concellos coruñeses da Laracha e Carballo, que xa foron destruídos. Entre as actuacións levadas a cabo figuran, ademais da destrución das patacas infectadas, a colocación de trampas para a captura de couzas e o reforzo dos labores de inspección. Neste sentido, dende Medio Rural agradecen a colaboración dos produtores e comercializadores da zona, “que fixo posible a retirada dunhas nove toneladas de tubérculos de diversos almacéns nesta área, para evitar a propagación do insecto”.

Xornadas informativas

Precisamente hoxe e mañá estanse celebrando tamén encontros informativos nas zonas afectadas, para dar conta de todas estas medidas e explicar aos interesados como deben actuar fronte a couza. A vindeira semana terán lugar xornadas semellantes nos concellos da zona tampón.

Unións critica que a Xunta reduciu un 25% as axudas para loitar contra a couza da pataca

O sindicato Unións Agrarias critica que “a Xunta de Galicia decidiu reducir o xa escaso orzamento que destinaba a axudas polos danos derivados da praga da couza guatemalteca, nun 25% a pesar de ser cada vez maior a superficie afectada”. A organización agraria lembraque “na actualidade hai 60 concellos afectados e coa produción de pataca suspendida do que se derivan miles de parcelas sen colleita”. “Para todo eles a Consellería do Medio Rural ten previsto un investimento irrisorio de 75.000 euros o que supón unha irresponsabilidade que vai a causar a continua extensión da praga”, advirten. Neste sentido, o sindicato Unións Agrarias “resulta imprescindible unha maior vontade orzamentaria na que se inclúa o lucro cesante por non plantar patacas nas zonas afectadas para atallar a praga con maiores posibilidades de éxito”. “A partida que se tería que dispoñer –uns 3,5 millóns de euros para cubrir unha demanda dunhas 180.000 toneladas de consumo-, resulta pequena se se teñen en conta os danos económicos aos que habería que facer fronte se a praga non se contén e chega as zonas de produción de pataca para comercialización como agora ameaza en Coristanco”, argumentan dende Unións Agrarias. Por parte da organización agraria tamén poñen de manifesto a necesidade de que se faga público o traballo da Comisión de seguimento que o Parlamento ordenou abrir sobre esta praga á Medio Rural, “posto que a falta de datos coñecidos fai pensar da escasa dimensión dos traballos que acometeu”. Finalmente, desde Unións Agrarias voltan a insistir na necesidade de que a Xunta pida á Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) un seguro específico sobre a praga que poida afectar aos profesionais do sector.

Hortícolas Javier Miranda, unha empresa que medra a base de seriedade, innovación e traballo

Javier Miranda apañou este ano máis de 500 toneladas de pataca, unha cifra que conta dobrar en 2020 Javier Miranda é un mozo que cando fala transmite a ilusión que pon en todo o que fai. Adícase ao que lle gusta e iso nótase. A súa empresa ten só 7 anos pero é un exemplo de profesionalización no sector da horta e non para de medrar, innovar e diversificar. Pero o que é quizais máis importante, dá emprego fixo a 7 persoas durante todo o ano, un número de traballadores que se multiplica por tres nas campañas, nun concello pequeno como é Riotorto. Javier coida aos seus empregados igual que coida as súas plantacións. Ese é tamén parte do éxito da súa explotación: rodearse de xente preparada e profesional nas diferentes facetas.
"Tiñamos unha explotación de leite con 30 vacas pero viamos que con iso non iamos a ningunha parte porque non eramos competitivos"
Se houbese que poñerlle cara a iso de ser emprendedor levaría a deste mozo que con 28 anos e despois de diversas experiencias laborais en distintos sectores dentro e fóra de Galicia decidiu apostar polo que lle gustaba, por vivir da terra. "Empecei no 2012 con 28 anos porque me gustaba. No 2010 vendérase a explotación de leite que tiña miña nai, dunhas 30 vacas. Viamos que con iso non iamos a ningún lado, non eramos competitivos nun escenario sen cuotas. Nunca tiveramos horta máis que para autoconsumo na casa, pero a min era o que me tiraba", conta. Os comezos non foron doados. Colleuno de cheo o veto ruso á importación de produtos españois e a corentena da couza da pataca. Sen embargo, no canto de tirar a toalla, Javier sobrepúxose ás dificultades que unha tras outra lle ían chegando. "Ás veces dos problemas saen solucións, aprendes máis dun ano malo que de 5 bos", di. Aínda se acorda do que lle dixo o seu pai, José, que procede dunha familia de 11 irmáns e leva traballando desde os 15 anos, a primeira vez que a Javier lle apareceu un contratempo no negocio. "A primeira vez que me deixaron tirado con 7 hectáreas de repolo plantadas díxome: como me gusta que empeces así, sabendo o que custan as cousas", lembra.
"Ás veces dos problemas saen solucións, aprendes máis dun ano malo que de 5 bos"
Con ese espírito de superación enfrontouse a ese primeiro problema, no segundo ano de actividade. "O primeiro ano botara unha hectárea de repolos para un almacenista. Ao ano seguinte pedíronnos 7 hectáreas e botámolas, pero cadrou co veto ruso e non había saída para elas. Así que non nos levaron a produción. Quedou o repolo nas terras despois do gasto que fixeramos para plantalo. Así que para poder cubrir custos comezamos a movernos e buscar clientes tanto nesta zona da provincia de Lugo como en Asturias. De día recolliamos e de noite distribuiamos nunha furgoneta. Así libramos ese ano e co que sacamos puidemos afrontar a seguinte campaña", conta. Un novo obstáculo: a couza guatemalteca No 2017 tivo que buscar terras en Sobrado dos Monxes para plantar as patacas e non abandonar aos seus clientes Salvada esa colleita, Javier planificou xa o seguinte ano. "Buscamos outros distribuidores e seguimos coas rutas das furgonetas para subministrar directamente ao pequeno comercio e a restaurantes, que é o que nos empurra a medrar", di. Quéixase, entroques, da falta de seriedade dalgúns intermediarios e distribuidores. "Falta aínda moita seriedade e concienciar á xente de que somos empresas e que o quilo de tomate non se pode vender a 70 céntimos", afirma. "Nós producimos baseándonos sempre en compromisos e contratos previos e aínda así sempre hai cousas que saen mal", di. Pero o seguinte contratempo non veu da distribución senón dun pequeno bichiño que mantén en corentena aos concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo. Javier decidira ampliar e diversificar a súa explotación coa produción de patacas cando no ano 2017, coa campaña de plantación a piques de comezar, a prohibición de plantar tubérculo decretada pola Xunta colleuno de cheo. En previsión polo que se viña falando nas semanas anteriores á aprobación do Decreto 197/2017 e contando con que Riotorto quedara dentro da zona de corentena, alugou 18 hectáreas de terreo en Pacio, no concello de Castro de Rei coa intención de botar alí as patacas. Pero a redacción final da normativa para a erradicación da praga da Tecia Solanivora establecía a Castro de Rei como zona tampón, polo que tampouco podía arriscarse a botalas alí, non fora ser que saltara un positivo e llas fixeran arrincar. Así que, coa semente xa mercada, de novo ás présas tivo que buscar unha nova ubicación. Atopouna no concello coruñés de Sobrado dos Monxes, pero os custos dese ano disparáronse e o único que logrou foi non perder os clientes aos que lles servía pataca. Faba branca e verdina En San Martín de Ferreiros, no concello de Pol, plantou unha finca de 8 hectáreas con faba verdina Pero malia ser naquel momento un dos produtores profesionais máis afectados pola prohibición de plantar tubérculo como consecuencia da couza guatemalteca, Javier volve aplicar a máxima de que non hai mal que por ben non veña. "Coa prohibición da pataca metímonos coas fabas para darlle un uso ás terras", explica. Este ano botaron 26 hectáreas de faba verdina e 8 de faba branca. A verdina recóllena primeiro e poñen nesas terras repolo para o inverno. Outras 16 hectáreas adicáronas este ano a pataca kenebec e 4 hectáreas e media a cebola redonda e plana.  Poñen tamén xudía, pepino, cabaciño, verza, acelga, coliflor, porro, berenxena ou pemento. Para estas plantacións deixan as fincas da zona de Riotorto, que son máis pequenas pero tamén máis frescas.  Esa foi outra das vantaxes que agora, pasado o tempo, Javier lle ve ao feito de non poder plantar patacas nelas no seu día. "Puidemos dedicalas a outros cultivos e viñemos para a zona da Terra Chá buscando terras para as patacas, onde hai fincas máis grandes e máis rendibles á hora de traballar con maquinaria", argumenta. 70 hectáreas de plantacións este ano, todas ao aire libre Plantación de repolos nas fincas de Riotorto No 2018 xa se arriscou a botar as patacas nas fincas de Castro de Rei, onde tamén ten as fabas. A meirande parte da terra que traballa Hortícolas Javier Miranda é alugada e malia que compiten en zonas gandeiras onde hai importantes explotacións de leite, non teñen máis dificultade para ter superficie que o de ter que pagala a un prezo superior ao de outras zonas de Galicia. "Non temos problemas para ter terras porque nós coidamos moito as fincas (abonamos con esterco, sacámoslles as pedras) e a xente tamén ve iso", di Javier.  En total manexa hoxe unha superficie de 52 hectáreas nos concellos de Riotorto, Castro de Rei (na zona de Pacio), Pol (en San Martín de Ferreiros) e A Pastoriza (na parroquia da Reigosa), aínda que ao facer máis dun cultivo por ano a superficie total traballada increméntase. "Se sumamos o dobre cultivo, este ano chegamos ás 70 hectáreas de horta plantadas", aclara. As fincas máis grandes son de 4 e 6 hectáreas nunha peza. "Vin para esta zona por culpa da prohibición da pataca. Naquel momento foi un pau, pero ao final resultou ser positivo. Son fincas máis grandes, máis doadas de traballar, o que reduce os custos", di. 
Cultivan todo ao aire libre e fan plantación todas as semanas para que as producións veñan repartidas. A planta sírvenllela desde Cantabria
"Logo temos moitas máis pequenas a carón do río que adicamos aos cultivos verdes por seren máis frescas", indica. "O sur da península non dá competido con nós en frescura. Eles apañan a moita máis temperatura e esa mercadoría ten que pasar por Mercamadrid, así que cando dá chegado aquí ao cliente leva varios días por aí dando voltas. A nosa apañámola máis fresca e chega moito máis fresca ao cliente", asegura. "Aquí dase todo, temos un microclima. Por exemplo nós sacamos máis produción de xudía ao aire libre que na zona da Terra Chá en invernadoiro", di. "Nesta zona non hai moita oscilación térmica, nin vai moita calor no verán nin as temperaturas baixan moito polas noites", engade. Por iso Javier cultiva todo ao aire libre. Só ten dous invernadoiros, que usa para secar a faba verdina e tamén como semilleiro, aínda que case toda a planta é mercada. "Case toda a traemos de Cantabria, de Viveros Barbas SAT, un dos máis grandes de España con 35 hectáreas de cultivo e 30 empregados", indica Javier. "Case non facemos semilleiro nós porque non podes estar a todo. Veñen a traernos planta todas as semanas porque plantamos todas as semanas para que a produción veña repartida. Cando empeza a campaña programamos as plantacións e comunicámosllo ao viveiro e así vannos subministrando segundo a programación que temos feita", explica. Dobrarán a produción de pataca en 2020 Este ano recolleron máis de 500 toneladas de pataca, a maioría kenebec "O que pide o mercado é calidade e continuidade, é dicir, poder ofrecer o mesmo produto o máximo tempo posible, e para iso tes que ter superficie e produción dabonda", asegura. Hortícolas Javier Miranda pasou en pouco máis de 5 anos de cultivar unha hectárea a botar 52 nesta última campaña, unha cifra que incrementarán para a vindeira, debido a que un dos seus fortes, a pataca, ten maior demanda. Este ano apañou máis de 500.000 toneladas de pataca e a comercializadora á que entrega a maior parte desta produción pediulle dobrar para o ano que vén até chegar ao millón de toneladas. É a consecuencia de apostar pola calidade. "Nós non usamos secantes para secar a rama da pataca. O 90% do tubérculo que hai no mercado ten secante, que fai que en 5 días poidas recollela e ademais engorda a pataca", explica.
"O que pide o mercado é calidade e continuidade, é dicir, poder ofrecer o mesmo produto o máximo tempo posible, e para iso tes que ter superficie e produción dabonda"
Tamén recurren ao sistema tradicional de usar as patacas para renovar as terras e rotar os cultivos. "Queremos empregar o menos posible os herbicidas, polo que hai que rotar moito", explica. Sempre fan dobre cultivo, ben con algunha produción de horta de inverno ou senón con algún cultivo pensado para empregar como abono verde na primavera. Fixérono este ano na metade das 52 hectáreas que tiñan, nas que botaron veza con trigo ou mesmo guisante. Logo de triturar esas colleitas abonan con purín de explotacións da zona e encalan antes de facer a plantación de primavera. "Nunca deixamos as terras baleiras, porque son fincas pendentes e sen plantación a chuvia arrastra a terra para o fondo da leira", explica Javier. Visitan todas as fincas dúas veces por semana Fan plantación e recollida escalonada e un viveiro de Cantabria sérvelles planta todas as semanas Unha das claves desta empresa de Riotorto é a vixiancia continua tanto das terras como dos cultivos, o que fai que poidan atallar antes as enfermidades tendo que usar menos tratamento. "Visitamos todas as fincas dúas veces á semana, ou vou eu ou vai o noso técnico, Juan, polo que calquera incidencia que detectamos podemos corrixila máis rápido. É coma cando tés un resfriado, se o tratas a tempo non tés que usar antibiótico, se te descoidas e empeora pode acabar en neumonía", compara. "As fincas e as plantas son agradecidas, se as coidas obtés resultados, aínda que non sexa algo matemático e ás veces aínda facendo as cousas ben acaban saíndo regular", recoñece este mozo horticultor, que considera fundamental a toma de datos durante todo o proceso de produción e comercialización. "Tendo información e datos tés poder, tanto para producir como para vender", asegura.
Realizan unha exhaustiva toma de datos de cada unha das fincas e cultivos para mellorar en eficiencia en campañas sucesivas
Por iso contan cun programa específico para a recollida de datos de cada unha das fincas que traballan, que inclúe un caderno de campo de cando se fixo a sementeira e o resto de traballos até a recolección, a cantidade de semente, abonos e fitosanitarios utilizados e o volume de produción obtido. "Anotamos todos os custos e ingresos de xeito pormenorizado e individualizado para cada finca e cultivo para intentar mellorar en anos sucesivos no que fallamos", explica. Un dos condicionantes fundamentais á hora de tomar decisións no sector da horta é a meteoroloxía e no caso desta explotación dispoñen de datos moi precisos. "Meteogalicia involucrouse, solicitámola a través do Concello e puxéronnos en Roitorto unha estación meteorolóxica de última xeración que nos aporta un montón de datos interesantes que usa o noso técnico", indica. Control dos tratamentos fitosanitarios Aínda que conta con maquinaria propia e persoal especializado no seu manexo, moitos traballos agrícolas fainos a través de empresas de servizos. Agás a aplicación dos distintos tratamentos tanto ás terras como ás colleitas. "Nos tratamentos fitosanitarios hai que ser moi estrictos e prefiro facelos eu", di. Poñen o foco na redución do número de tratamentos e para iso a clave é adiantarse na detección para aplicar menos doses. "A xente pensa que comer unha leituga é comer san, pero non mira a etiqueta do que leva esa leituga", argumenta. Ao gañar volume e aumentar o número de hectáreas traballadas a sulfatadora que tiñan quedoulles pequena e vén de mercar unha nova con maior capacidade, na que investiu 60.000 euros. "A outra sulfatadora que tiñamos era moi pequena e levábanos moito tempo aplicar os tratamentos, ademais tiñamos que dar moitas viaxes e parecía que estabamos sempre sulfatando, daba mala imaxe para os nosos produtos", argumenta.
"Estamos a medio camiño entre convencional e ecolóxico, nós queremos ter unha horta tradicional pero en gran superficie, é dicir, facer o que se fixo sempre pero mecanizados"
"Nós estamos entre convencional e ecolóxico. Abonamos con esterco e usamos herbicidas e insecticidas de residuo cero. Queremos ter unha horta tradicional pero en gran superficie, é dicir, facer o que se fixo sempre pero mecanizados", asegura. Contan na actualidade con 3 tractores. "Un era o que había na explotación de miña nai pero equipámolo con rodas estreitas para traballar entre cultivos", explica. Teñen tamén un pequeno de 45 cabalos e outro máis grande, de 110, que é co que fan "os traballos máis brutos". Contan tamén cunha telescópica, abonadoras, tres tipos de sulfatadora, arados, cultivadores, remolques, cisternas para regar, e equipo GPS para o tractor. "Moitas veces a falta de persoal obríganos a meternos a comprar máquinas. A min non me gusta ter unha inversión millonaria en maquinaria por gusto", xustifica. Os animais que ceban son de raza rubia galega e asturiana de los valles Parte do esterco que empregan para o abonado sae da explotación de carne que segue mantendo a súa nai, Dominica Vidueiro, e a onde van parar tamén os excedentes de produción. "Cebamos 80 xatos ao ano das razas rubia galega e asturiana. Os animais cumpren unha dobre función. Por un lado estramos e aproveitamos o abono para as fincas e ademais os xatos son uns grandes consumidores de produto de segunda. Hoxe no mercado como o produto non sexa todo de primeira non ten saída e a grande distribución é moi esixente con iso", explica.
Cos excedentes e o produto de segunda ceban 80 xatos ao ano, que producen tamén o esterco para as terras
Así que patacas, repolos, cabaciños ou outros produtos que saen da horta serven para cebar os becerros, dando así saída aos excedentes. Tamén venden directamente a clientes na propia explotación ese produto de segunda, que comercializan á metade de prezo como un xeito de recuperar parte do gastado en producir eses artigos que contan con menor valor comercial no mercado ou directamente son rexeitados.

O 15% das vendas realízanas xa a través da páxina web

Javier, cunha das tres furgonetas que teñen para o reparto Unha das apostas desta empresa de horta de Riotorto é a venda online. Aínda que a simple vista semella que os produtos da horta non son os que mellor encaixan para vender a través da internet, tanto polo seu menor prezo como polo carácter perecedeiro dos produtos, a experiencia de Hortícolas Javier Miranda demostra que se trata dun perxuizo que o consumidor non ten ou cando menos está a perder a pasos axigantados. "Empezamos coa venda online no 2016. Ao principio foi un fracaso pero hoxe o 15% do que facturamos é xa a través da venda por intenet, que é algo que nos serve tamén para darnos moita visibilidade", explica Javier. Dous son os seus principais tipos de clientes online: restaurantes gourmet de toda España e galegos que están fóra e que queren produto de tempada de Galicia.
Restaurantes gourmet de toda España e galegos que están fóra son os seus dous principais clientes por internet
O proceso que seguen está perfectamente protocolizado. "Recollemos pola mañá, a mediodía preparamos os paquetes, unha empresa de mensaxería recólleo pola tarde e antes da unha do mediodía do día seguinte a mercadoría ten que estar en destino", indica. Os prezos que ofertan a través da súa web xa inclúen o incremento que supón a caixa e o transporte, que son dous elementos que van a prezo de custo porque o seu interese non é gañar cartos con isto senón coa venda dos seus produtos. "O prezo final resultante é en moitas ocasións o que te podes atopar en moitos mercados deses lugares de destino", asegura Javier, que cando se lle pregunta se compensa mandar produtos de horta deste xeito resposta moi á galega, case con outra pregunta: "Habería que preguntarlle ao cliente galego de Barcelona se lle compensa comer un caldo de grelos de verdade, eu cando estaba en Maiorca, estiven alí un ano, valoraba moito estas cousas", conta. E fai unha reflexión en voz alta: "Todos os que producimos horta centrámonos no cliente de ao lado da casa, e aí non hai mercado para todos, pero como estamos tan centrados en producir e cunhas marxes tan curtas non temos tempo de pensar en vender nin nos centramos niso", argumenta. Un equipo profesional formado por xente nova A clave para que a venda online lle funcionara a esta empresa foi a incorporación de Ana Fernández, unha moza da Pontenova de tan só 23 anos licenciada en Económicas e con formación especializada en Márketing Dixital e Xestión Comercial. Ela é a que se encarga da páxina web e a venda por internet. "A base desta empresa é rodearme de xente profesional, eu non o poido facer todo nin estou capacitado para saber de todo e moito e ben non hai quen, xa o dí o refrán. Levabamos investido 24.000 euros na páxina web e non nos funcionaba. Até que chegou Ana", destaca Javier, que explica que outro gran problema ao que tiveron que facer fronte para poder vender por internet foi o do transporte. "Collíannos unha caixa de tomates e tirábana como se fosen tornillos", quéixase.
Contan cunha especialista en márketing dixital, un técnico agrícola, un conductor para andar coa maquinaria e unha persoa que se encarga das bases de datos
A mesma estratexia que seguiu coa incorporación de Ana aplicouna tamén a outros postos clave da empresa, que conta cun plantel fixo de 7 persoas todo o ano, con persoas especializadas nas distintas facetas (ademais da responsable de márketing conta cun técnico de campo, cun condutor especialista para a maquinaria e cunha persoa responsable da base de datos). O persoal fixo chega a multiplicarse por tres coa man de obra contratada de xeito temporal durante as campañas de produtos como as patacas ou as cebolas. Javier pón enriba da mesa o problema existente para atopar este tipo de man de obra. "Aquí pagamos o que marca a lei e os horarios tamén son os que marca a lei pero non damos encontrado persoal", di. "Aquí non hai xente para traballar porque a xente nova marchou e os inmigrantes non queren vir para un sitio coma Riotorto, onde non hai comunidade senegalesa ou marroquí como hai en Lugo, por exemplo", argumenta. E insiste: "queremos xente profesional aínda que teñamos que pagar máis". Conta o que lle aconteceu xa en varias ocasións: "Na campaña da plantación da cebola tiñamos unha cuadrilla que como se puxo a chover e non podía traballar e cobraba por peonadas, marchou para o sur no medio da campaña. Na pataca pasounos o mesmo, porque andan ao sol que máis quenta", afirma. Javier ten traballando consigo de xeito permanente a catro inmigrantes que están perfectamente integrados tanto na empresa como en Riotorto. "Agora van traer as familias para aquí, que é tamén o que queremos nós porque é algo importante para un concello que perde 80 habitantes cada ano", di. Chegar directamente ao cliente final O feito de chegar directamente co produto ao cliente final, ben sexa a través da venda online ou do punto de venda minorista, encaixa á perfección coa filosofía que aplicaron desde o comezo para salvar a primeira das crises á que tivo que facer fronte a explotación cando o distribuidor co que tiña apalabrada a produción de repolos os deixou tirados: contar cunha rede de distribución propia.
"Coa venda directa sácaste intermediarios, pero supón máis gasto, ten uns custos importantes"
Recentemente separaron administrativamente a explotación de horta adicada á produción, que figura a nome de Javier Miranda como persoa física, da canle de distribución, que funciona xurídicamente baixo a fórmula dunha SL. Contan con tres furgonetas de reparto e 5 persoas adicadas a estas labores, tanto preparando a mercadoría e os pedidos como facéndoos chegar ao cliente. "Coa venda directa sácaste intermediarios, pero supón máis gasto, ten uns custos importantes", di. "As grandes superficies líbrante de todo iso pero esíxenche exclusividade e logo ao ano seguinte tíranche os prezos", denuncia. Para cumprir con todos os pedidos e abarcar unha gama máis ampla de produtos ten acordos con outros produtores. "Ademais do que nós labramos, tamén mercamos a outros produtores da zona para poder dar servido aos nosos clientes", explica. "Temos unha produtora en Lourenzá que nos pón leituga todo o ano e outro en Castro que nos labra o tomate. Nós aportámoslles todo, a planta, o asesoramento técnico e a embalaxe e eles producen para nós", conta. "Quero prezo nos meus produtos para poder pagar ben aos meus empregados" A empresa conta con 7 empregados fixos todo o ano e en campaña dá traballo a case 20 persoas "Eu quero prezo para os meus produtos porque non quero explotar á xente e ser un negrero. Eu non busco só o beneficio para min, búscoo para todos os que están comigo. Cando o mercado me obrigue a pagarlles 700 euros aos meus traballadores eu pecho porque eu non quero iso", afirma rotundo Javier. "A xente neste sector é pouco profesional pero eu defendo que os agricultores temos que ser unha empresa e funcionar e tomar decisións como tal. Nós o ano pasado tiramos faba de Lourenzá, porque había moita, e hai veces que trituramos fincas de repolo enteiras. Non queremos meter produto no mercado a calquera prezo porque iso é tirar os prezos para a tempada seguinte", asegura.
"Cando o mercado me obrigue a pagarlles 700 euros aos meus traballadores eu pecho porque eu non quero iso"
Sofía, a súa filla, naceu cando arrincaba coa explotación. "Eu sempre digo que a empresa é como criar un fillo, hai que ir educándoa conforme vai medrando, a cada idade as súas cousas", compara. E cos sete anos que ten agora Hortícolas Javier Miranda xa se pode permitir o luxo de seleccionar os clientes. "O ano pasado fixemos unha criba moi importante de clientes. Estabamos saturados de clientela e fixemos unha selección, quedámonos cos que nos interesaban máis para centrarnos máis neles, coidalos e producir para eles á carta", explica. Javier é un mozo valente e con ética que está orgulloso do que fai pero bota de menos no consumidor en Galicia a cultura que hai no País Vasco, onde "a xente le as etiquetas dos produtos", di. "Aquí a xente quéixase de que non queda ninguén no rural pero logo vai ao supermercado e compra as leitugas de Portugal e as xudías de Marrocos. Con esa mentalidade non se fixa poboación nin no sector da horta, nin no do leite, nin no da carne nin en ningún outro", argumenta.
"Hai veces que trituramos fincas de repolo enteiras. Non queremos meter produto no mercado a calquera prezo porque iso é tirar os prezos para a tempada seguinte"
Por iso, asegura, "todo pasa por cambiar ao consumidor, porque se o almacenista vende máis leituga de Portugal que de aquí porque é máis barata seguirá traendo leituga de Portugal", evidencia. E engade falando da falta de concienciación do consumidor galego: "Eu non poido entender que na casa dun gandeiro que tivo que pechar porque lle pagaban pouco o leite se vaia agora ao supermercado a mercar leite de marca branca". "A Administración, máis que as subvencións que nos poida dar aos produtores, a grande axuda que nos faría sería vixiar que non viñera produto de fóra sen as mesmas esixencias e garantías que se nos esixen aos que producimos aquí, porque iso chámase competencia desleal", reclama. Cando Javier comezou a súa oficina era a cociña da casa. "Iso era antiempresarial total, porque viña calquera comercial e acababa tomando café ou comendo uns chourizos", ri. Agora contan cun pequeno local con dúas mesas e dous ordenadores. Este mozo emprendedor agradece a axuda que lle prestaron os seus veciños. "Moita xente se involucrou ao ver que eu me quería adicar a isto e deixáronme as súas fincas de balde en moitos casos", lembra. Onde fai a recepción do produto e prepara os pedidos era unha antiga cuadra dun veciño que levaba 20 anos pechada e sen actividade. Pero a empresa foi medrando e xa non lles collen as cousas. "Necesitamos unha nave nova con cámaras", evidencia Javier. Estes sete anos que leva producindo cultivos de horta obrigárono a pensar doutro xeito. "Ás veces arrepintome de meterme nisto. Eu era feliz collendo o tractor. Agora pasei de ser agricultor a resolver problemas de todo tipo todos os días e poucos teñen que ver coa agricultura, porque son os problemas propios dunha empresa", razoa.