Archives

“O gando é o mellor sistema de prevención de incendios”

Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes, traballa nun modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. “Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Coñecemos nesta entrevista en que consiste a súa iniciativa que presentou recentemente na Pobra do Brollón nunha xornada organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.  Como xurdiu este proxecto e en que fase se atopa agora? O punto de partida foi o incendio de xullo de 2022 que foi moi distinto dos incendios clásicos. Os especialistas insisten en que este novo tipo de incendios serán máis frecuentes. Demostrouse que os cortalumes clásicos non funcionaron nada, o lume saltounos como se non existiran. Entón pensamos que había que enfocalo doutro xeito, non só facelos máis anchos, senón doutro xeito. A proposta consiste en facer unha pista central nos actuais cortalumes, e mínimo 50 metros a cada lado da pista de pastizal. Así serán máis anchos e resistentes ao lume. Agora mesmo estamos negociando coa Administración xa que moitas comunidades de montes non queren comezar a transformar os seus cortalumes ata que a Xunta non aclare como se vai implicar neste proxecto. As negociación están avanzando pero ainda non sabemos o grao de implicación da Administración Pública e os requisitos esixidos. Durante un tempo invertimos moita enerxía e medios en facer chegar o noso modelo ás comunidades de montes pero agora mesmo preferimos focalizar en levalo a cabo para que sexa unha realidade tanxible e non só un proxecto teórico. As Comunidades de Montes de Froxán e Vilamor están convencidas de levalo a cabo e temos outras dúas Comunidades de Montes que se queren implicar tamén pero precisan máis información para facelo. O que decida a Xunta vai ser clave.
 “O incendio saltou os cortalumes como se non existiran”
Que beneficios e problemáticas presentan estas faixas de pastoreo? Os beneficios son varios: A paisaxe melloraría, pois o impacto visual non é o mesmo. Como cortalumes serían moito máis eficaces e implicaría a creación de emprego e fixación de poboación no rural, pois unha persoa (e quizáis a súa familia) se mudarían á zona para traballar de pastor. Así combatemos algúns dos principais problemas do rural e facilitador dos incendios, a falta de poboación e de actividade económica. Hai varias dificultades: o investimento inicial. Os cortalumes tamén o tiveron pero xa está feito. O investimento é forte, centos de miles de euros. Nós estamos en contacto coa Xunta para intentar que o asuman eles. Outra das dificultades é a cuestión de permisos e autorizacións. Este cambio de pinar e freixeiras (uces) a pastos é un trámite longo co seu custe que non implica a aprobación. O terceiro problema que hai que resolver é quen vai xestionar os pastizais. Hai varias solucións posibles. Poden ser os gandeiros desa zona, hai que ver se lles interesa e en que condicións. Outra opción sería que viñera un gandeiro de fóra. No noso caso, en Froxán e Vilamor, xa temos un empresario interesado en invertir, incluso pagando aluguer polas terras. Outra opción sería a explotación directa por parte das comunidades de montes, como o caso de MVMC de Pinzás (Tomiño), onde recuperaron a actividade gandeira con vacas cachenas. Houbo unha reunión coa consellería para ver se é viable financialo desde a Adminstración e en que condicións. Iso vai ter implicacións nas comunidades de montes, que están á espera de ter máis información para tomar unha decisión. Que requisitos deben cumprir as faixas de pastoreo? Teñen que ser zonas mecanizables, é prácticamente imprescindible, porque hai que facer uns traballos de acondicionamento que se non son mecanizables o prezo dispárase. Como estaba o monte e os cortalumes no incendio do 2022 ? Que se está facendo agora mesmo? A situación non era homoxénea pero en xeral os cortalumes estaban máis ou menos limpos, non estaban abandoados. estaban relativamente coidados. O monte igual. Había zona baixa de uces, zonas rasas, é a vexetación que hai aí. Moitos piñeirais tamén… había bastantes con pouco mantemento. Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros. Agora mesmo o único que se está facendo é retirar a madeira queimada. Está levando moito máis do que imaxibamos todos.
 “Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros”
A idea é recuperar un pouco o traballo tradicional que xa viña facendo o gando no monte, que en moitas zonas se está perdendo? Si, totalmente. Na prevención de incendios, o gando e os gandeiros teñen que ter un papel fundamental, tanto nas faixas como arredor das aldeas, é un pouco o tema da aldea modelo da Xunta. Recuperar gando que paza nos terreos arredor das aldeas. Recuperar cabras, ovellas, vacas… é básico na prevención de incendios.

Vilar, unha aldea do Courel devastada polo lume, emprende a recuperación dos seus soutos

Cando o gran lume do Courel, no verán do 2022, a maior parte das terras queimadas en Vilar foron monte comunal e soutos de castiñeiros privados, ubicados arredor da aldea. Daquela, os soutos non frearon o incendio pola súa situación de abandono e pola extraordinaria potencia do lume, co que o lume chegou ás casas e mesmo queimou o museo etnográfico de Xan de Vilar. Falamos con Emilio Río, un dos poucos veciños que quedan na aldea, para coñecer a situación actual da recuperación do monte.

A recuperación do souto

“O souto é propiedade de todos os veciños, así como o monte comunal. O incendio afectou a todo o souto e ó monte comunal, aquí non quedou nada, ardeu todo. Só se salvaron catro casas. Agora pretendemos recuperar os soutos e o monte queimado, quitando toda a maleza, os castiñeiros queimados, e replantando con castaños novos. Deixarase algún que quedou vivo e faranse inxertos noutros”, explica Emilio.
A idea dos veciños é centrarse en primeiro lugar nunha zona de 20 hectáreas arredor da aldea
“Todo isto -engade- facémolo en común todos os veciños e a Xunta. De momento, todos os veciños están de acordo. Estamos facendo unha asociación de propietarios para que a Xunta poda actuar. A Xunta contratou unha empresa para que faga todo o papeleo e investigue os propietarios dos soutos, pero isto é imposible sen axuda dos veciños, que coñecemos o territorio. Non é fácil porque moitos veciños están fóra e hai que ir falando con todos. Moitos veciños saben que teñen soutos pero non poden identificalos pois levan moito tempo sen vir por aquí”. “Isto sería inviable particularmente, ten que ser en conxunto. De momento estamos implicados 11 propietarios, pero só 4 viven aquí na aldea, os outros andan por Madrid, Barcelona… É difícil conseguir concretar un día e hora para reunirnos, aínda que sexa telemáticamente, pero de momento imos avanzando. Tamén estivemos plantando árbores frutais nas fincas anexas á aldea, fáltannos por plantar máis e facemos un chamamento á xente que poda doarnos árbores frutais, que serían benvidos”, sinala. O proceso de recuperación avanza a modo. O que se fixo ata agora foi a creación dunha pista forestal, por parte da Xunta, e a retirada de parte dos troncos queimados.

Os soutos do Courel, alimento e protección

De sempre, os soutos arredor das aldeas sempre actuaron como sistema preventivo frente aos incendios, xa que son espazos ideais para poder apagalos pola menor velocidade de propagación das lapas, en comparación con zonas de monte baixo ou piñeirais. Pero neste caso, debido ás grandes dimensións do lume e á situación de abandono dos soutos, o de Vilar non funcionou como sistema preventivo e os castiñeiros arderon con facilidade, algo nunca visto polos veciños ata daquela. “Os soutos sempre foron vitais para a nosa aldea, pois aproveitabamos todo, as castañas e a madeira, que se vendía ou se usaba nas casas. Era unha grande riqueza para a nosa aldea. Hai bastantes variedades de castaña e traballábanse todas as que había porque eran todas boas, aquí non quedaba unha castaña abandonada. Os soutos sempre estaban limpos. Parte das castañas vendíanse e as outras consumiámolas en verde e en seco, había castañas todo o ano. Agora os sequeiros tamén arderon todos, non quedou ningún. Din que os queren recuperar, a ver se é certo…”, conta Emilio.

Os problemas do minifundio

A falta de marcos no souto é un dos problemas que se están atopando, de cara a poñer en marcha a agrupación forestal de xestión conxunta. ”O souto nunca estivo no catastro nin limitado por marcos, os veciños sabían cales eran os de cada un… pero moitos deses veciños están fóra ou morreron, entón agora é moi difícil o proceso de identificación dos propietarios. Había familias que tiñan un castiñeiro ou varios, e sabían identificalos, pero non había marcos. Agora mesmo ainda queda algún por identificar ou falar co propietario”, sinala o veciño. O proceso de posta en marcha da agrupación, así como traballos asociados, como a apertura dunha pista e a retirada de madeira queimada, contan co apoio da Xunta. Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación dun fondo público-privado impulsado pola Administración autonómica para anticiparse aos incendios forestais. Este fondo opera en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense, afectados habitualmente polos incendios forestais.

Venda de carbono

Os veciños de Vilar mantiveron tamén unha reunión recente coa Asociación Forestal de Galicia para valorar a posiblidade de financiar parte da restauración do seu monte a través da venda co carbono que vaian capturar as masas forestais. O Rexistro estatal de proxectos de Absorción de CO2 dálle entrada ós montes restaurados tras un incendio forestal, a fin de que poidan captar fondos no mercado voluntario de carbono, por medio da venda do CO2 das masas rexeneradas.

“Vimos que isto se enchía de maleza e trouxemos vacas para ver se axudaban a limpar”

José Antonio Castro é un dos veciños de Moreda (Folgoso de Caurel, Lugo) que colabora no proxecto da aldea modelo, contribuíndo ó coidado de vacas e porcos. A aldea modelo de Moreda está conformada por 38,8 hectáreas, nas que hai 73 parcelas de 44 propietarios. Falamos con el sobre a recuperación do gando no lugar. - Como xurdiu a idea de traer vacas de volta á aldea e como as xestionades? - Vimos que isto se enchía de maleza e tiñamos que facer algo. No 2015 vendéronse as últimas vacas e o meu pai foi o que propuxo traer vacas de novo, soltalas e probar, para que limparan algo. Fomos a Asturias e compramos 15 vacas. Un mes máis tarde voltamos a Asturias e esta vez trouxemos un boi e catro vacas máis vellas, para que guiaran ás máis novas. Sempre o xestionamos o meu pai, eu e tres veciños máis. A cousa foi aumentando, vimos que funcionaba, que o monte se mantiña limpo entre o que limpaban elas e nós. Por iso estamos moi agradecidos, especialmente despois do que pasou aquí cos incendios. Foi máis que nada por non ver o abandono. Nun principio queriamos Cachenas de Triacastela, pero despois coñecimos a Casina Asturiana e gustounos máis. É un gando moi dócil que se adaptou xenial e a penas teñen enfermidades. Aporte de herba seca ó rabaño de vacas este outono. - Como manexades o rabaño de vacas? - Aquí non podemos cebar porque non podemos facer ningunha nave, entón vendemos os becerros para recría. O rabaño anda entre fincas particulares e monte común. Penso que é un beneficio para todos porque fincas que non se ían explotar, polo menos mantéñense limpas. A idea é que anden soltas e recoller herba para pasar o inverno. Aquí o traballo de recoller a herba non é doado pola orografía do terreo. Antigamente usábanse as cabanas para deixar os rabaños, pero están todas destruidas, imos ver se podemos recuperar unha cabana polo menos. Só se meten no verán cando hai moita mosca e fai calor, de día métense nas cabanas e de noite saen comer. De vez en cando é verdade que desaparece algún becerro, pero non sabemos se foi o lobo ou non. - E respecto ós porcos celtas e á posta en marcha da aldea modelo? - Foi a raíz das vacas. Tiñamos un aziñeiral pegado ás casas no que as vacas non entraban. Preferimos para alí o porco celta porque se adapta mellor ao sitio. Foi un proceso de case dous anos, viñeron da Xunta a ver se o sitio valía ou non, e a verdade é que lles encantou, así que montaron unhas instalacións para porco celta, protexidas con arame eléctrico fronte ó lobo. A idea que temos agora é a de crear un obradoiro de elaborados, para poder vender e comercializar aquí esa carne. O proxecto do porco celta fixémolo porque todos os veciños estaban encantados, ninguén puxo problemas, con que un veciño non quixera xa non poderiamos facelo. A maior parte do proxecto de porco celta está en monte común, menos dúas ou tres fincas que son de particulares. Porco celta en Moreda. A creación da aldea modelo foi a través da Xunta e ela pon todo o necesario para montar a explotación do porco celta, despois somos nós os que temos que xestionar, son como unhas instalacións en aluguer. A aldea modelo ofrécenos tamén apoios complementarios, por exemplo en traídas de augas, en axudas para casas de turismo rural e outras. Penso que é unha boa axuda para vivir no rural, deixando claro que temos todos os nosos traballos, que podemos compaxinar coa xestión da aldea modelo, porque vivir só disto sería imposible. - Estades ubicados na Serra do Courel, ao pé da Devesa da Rogueira, que é un dos bosques atlánticos máis visitados e mellor conservados de Galicia. Que importancia ten para vós? - Para o pobo sempre foi un monte moi importante, de onde sacaban madeira que vendían para facer a escola, facer camiños… Fixéronse tamén plantacións de árbores que deron traballo á xente de aquí... Sempre se lle tivo un cariño especial e sempre se coidou. Hoxe en día segue sendo así e certamente atrae bastante turismo. A Devesa está super protexida, entón a idea é manter o que hai, manter limpas as rutas que ten, pero non abrir novas rutas e evitar que isto se masifique, como sucedeu nos Picos de Europa. Houbo unha época, hai 15 ou 20 anos, que houbera un ‘boom’ de xente, despois houbo un baixón e a raiz da pandemia, volveuse producir outro subidón e veu máis xente de fóra, sobre todo de Valencia, Andalucía e Madrid, pero o 80% dos visitantes son de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra. - Que outras intervencións no territorio destacarías nos últimos anos? - Hai 4 ou 5 anos fíxose unha recuperación de soutos a través da Xunta e tamén todos os veciños tiveron que estar de acordo. Daquela limpamos e demoucamos os castiñeiros. A maioría deses soutos xa estaban abandonados e tamén abrimos camiños para poder acceder. Agora levamos catro anos con moi pouca produción de castañas e moitas castañas quedan sen apañar, entón imos intentar facer un paso do aziñeiral aos soutos para que os cochos aproveiten as castañas.

O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega

O Courel sufriu o pasado verán o maior incendio forestal da última década en Galicia, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O incendio levou por diante máis de 7.000 hectáreas de mato e arredor de 4.000 hectáreas arboradas, principalmente piñeirais pero tamén tocou algún souto de castiñeiros e zonas de frondosas. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. O papel que xogan os pastizais como cortalumes naturais posicionan á gandería extensiva como unha ferramenta clave para enfrontar os grandes incendios, uns incendios que nos últimos anos vense favorecidos por fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (secas prolongadas, tormentas secas, etc.). Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar unha xornada no Courel na que se presentaron as experiencias de distintos produtores da comarca. O Courel, como outras zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense, sufriu nas últimas décadas unha perda progresiva da actividade gandeira. Só desde o 2006 ó 2020, a comarca perdeu arredor dun 9% dos seus pastizais e terras agrarias, un declive moi superior ó doutras áreas rurais do sur de Lugo fóra da montaña.
O Courel perdeu un 9% dos seus pastizais e terras agrarias nos últimos 15 anos. Iso é un problema pero tamén abre oportunidades
Ese escenario é un problema, sobre todo no contexto de grandes incendios como o do Courel deste verán. Pero tamén presenta oportunidades, pois existe territorio no que se poden poñer en marcha novos proxectos de gandería extensiva. A xornada do Courel reuniu a distintos produtores de ganderías tanto da comarca como de zonas próximas, que contaron a súa experiencia. Foi o caso de José Antonio Vilariño, que xestiona unha gandería caldelá en Seceda (Folgoso do Courel) e Quiroga, de Lorena Rego (Folgoso) ou de Alejandro Salvatierra (Pontenova). Xornada da Sociedade Galega de Pastos en Seoane do Courel. / Imaxe: SGPF. O gando, ademais do seu interese económico como actividade laboral, xera tamén gran interese nos pobos da zona polo seu efecto de protección das aldeas fronte o lume. Na xornada, contouse a experiencia que veñen de iniciar os veciños de Vieiros (Folgoso do Courel) para manter con gando ovino os prados do entorno das vivendas. Outra aldea que se beneficia da actividade gandeira é Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), na que os prados que xestiona a única gandería do lugar foron decisivos para evitar que o lume do verán chegase ás casas. “Nós tiveramos xa preto un incendio no 2017 e a partir daquela decidimos rozar tódolos anos as fincas do entorno do pobo. Que sucedeu?. Que ao cabo dun par de anos démonos de conta de que ese sistema non era sostible, pois tódolos anos había que pagar para o desbroce, e en moitos casos había que pedirlle a veciños que vivían fóra que pagasen a súa parte”, conta Marcos Ferreira, un dos veciños do lugar.
"Démonos de conta de que pagar desbroces cada ano non era sostible para protexer a aldea e entón decidimos aumentar os pastizais" (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
“Entón foi cando vimos que o máis sinxelo sería controlar o mato co gando” -sinala Marcos-. “Coincidiu esa fase co lanzamento da figura de aldeas modelo por parte da Xunta, e a través de convertirnos en aldea modelo, tivemos apoio para cercados e para transformar as terras do entorno da aldea en zonas de pasto. Agora, coa aldea modelo, os veciños que cederon as súas terras, en vez de pagar polo desbroce, incluso cobran un pequeno aluguer que abona a gandería”. De cara ó futuro, para atraer novos proxectos gandeiros para as aldeas do Courel, Marcos sinala que, a parte de zonas de pasto, é fundamental ofrecer condicións atractivas a nivel de calidade de vida. “Precísanse servizos como bos accesos, internet ou saneamento”, destaca.

A altura do mato redúcese un 90% nas zonas controladas polo gando

O papel do gando para o control do pasto arbustivo (mato) é unha cuestión que se pon de manifesto tanto nas experiencias das ganderías como nas investigacións que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas. Un dos últimos ensaios fíxoo o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo na Finca Marco da Curra (Monfero, A Coruña) no periodo 2018-2021. Sobre parcelas de pasto arbustivo que se desbrozaron, instaláronse dous ensaios, un con bestas de pura raza galega e outro con cabras. En ambas parcelas mantivéronse ademais xaulas de exclusión, nas que non podían entrar os animais, para comparar a evolución do mato nas zonas pastoreadas e nas excluídas do pastoreo. O resultado foi o previsible. Nas zonas sen pastoreo, aumentaron as especies arbustivas e a altura do mato, mentres que nas zonas pastoreadas, o mato mantívose baixo e aumentaron as especies herbáceas.
A biomasa de parcelas sen gando acadou en 3 anos as 12 toneladas por hectárea, fronte ós 400 Kg. de parcelas pastoreadas
En números, ao remate do proxecto, desenvolvido entre o 2018 e o 2021, as zonas sen pastoreo acumulaban unha biomasa de materia seca equivalente a uns 12.000 Kg. / hectárea, en tanto nas zonas pastoreadas, a biomasa limitábase a arredor de 400 Kg. / hectárea, segundo detallou na xornada do Courel o investigador Santiago Crecente. En ambos casos, as terras foran desbrozadas antes do inicio do proxecto. Os resultados da investigación de Marco da Curra son similares á experiencia de ganderías da montaña galega, así como a investigacións anteriores, nas que se constataba que nas parcelas pastoreadas a altura do mato quedaba no entorno dos 15-20 centímetros, fronte ó 1,5 – 2 metros de media que chegaba a acadar en parcelas sen presenza do gando. De cara ó futuro, Marco da Curra ten previsto continuar con esta liña de proxectos. A intención é que o próximo ensaio sexa unha experiencia de pastoreo mixto, con cabras e bestas nas mesmas parcelas (de xeito secuencial ou non), pois iso permitiría un mellor control de todo o mato. Os cabalos adoitan deixar as silvas sen consumir, mentres que as cabras deixan os toxos, polo que ao combinar ambas especies, lógrase un mellor control de silvas e toxos, así como do resto do mato. En xesta e piorno, tanto cabalos como cabras demostráronse efectivos no seu control, igual que nas uces, que medran algo máis cos cabalos.
https://www.campogalego.gal/xente-quere-gando-para-protexer-aldeas/

Xornada no Courel sobre as actividades agrogandeiras como freo aos incendios en zonas de montaña

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza o vindeiro 17 de decembro, sábado, unha xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”. A cita terá lugar na Estación Científica do Courel, a comarca galega máis afectada polos lumes forestais deste ano. O programa da xornada combina as experiencias de explotacións agrogandeiras da zona con ponencias de persoal técnico. Será tamén o primeiro acto oficial da nova presidenta da SGPF, a gandeira Isabelle Gómez, da gandería Traloagro (Friol-Lugo). As inscricións poden realizarse a través dos teléfonos 686 620 154 ou 628 713 263

Solidariedade cos gandeiros afectados polos incendios do Courel

Unha vez máis, trala vaga de incendios, sae a relucir a solidariedade entre gandeiros. Neste caso, membros da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema veñen de facer dous envíos de forraxe destinados a produtores afectados polos lumes deste verán no Courel.  Un primeiro envío, mandado hai tres semanas, contiña 32 rolos de silo con destino a un produtor de Ternera Gallega Suprema de Folgoso. Un novo tráiler enviado esta semana levou 31 rolos de herba seca para outras dúas explotacións da zona, unha de ovino e outra de caprino. "Deste xeito queremos apoiar aos compañeiros e compañeiras afectadas e animalos a seguir traballando polo noso rural", explican desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema. 
Enviáronse en total 32 rolos de silo e 31 de herba seca procedentes da zona de Portomarín
As tres ganderías que van recibir os rolos víranse afectadas polo lume de Quiroga deste verán tanto nas zonas de pasto como de recollida de forraxe, polo que non dispoñían das reservas necesarias para a alimentación do gando durante todo o inverno.  Os rolos procedían da zona de Portomarín, dun gandeiro que tiña excedente de forraxe este ano e foron mercados por parte da Asociación a través das cotas dos socios. Nos envíos tamén colaborou o Concello de Folgoso do Courel, que correu cos gastos de transporte desde a zona de Portomarín, de onde procedían os rolos. "Nós puxemos a forraxe e o Concello pagou o custo dos tráilers", explica o presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que non descarta novos envíos en función das existencias das ganderías da zona que se viron afectadas polo lume. "Se hai explotacións que o necesiten igual facemos outro envío de herba seca", avanza Santiago Rego.

‘Algunhas reflexións sobre a perda da aldea de Vilar, no Courel’

Quen coñecera a aldea de Vilar do Courel antes do lume que a calcinou, co seu museo etnográfico dotado de apeiros relacionados ca cultura rural e forestal courelá, recopilados con moito esforzo por Xan de Vilar, e letreiros que fixo o difunto Paco O Forestal; co castro celta, ca capela do seculo III d.c. e a preciosa tipoloxia constructiva das vivendas da aldea, valorará como enorme a gran perda que tivemos como sociedade. E tamén farase multitude de preguntas. A mais recurrente é como se desaloxa unha poboación e non se envía ningún medio ou recurso do dispositivo público de defensa contra incendios (PLADIGA) a defendela?. Cando un fronte de lume alcanza no seu avance unha poboación o impacto dura poucos segundos, non é unha fonte de calor mantida durante tempo, neses intres comezan a queimarse as ventás, os marcos das portas e as estruturas do teito, pero isto non é inmediato, non empeza a arder de súpeto, senón que desarróllase en varias fases, unha primeira de ignición, nos primeiros instantes, que ofrece unha ventá de oportunidade, se se conta con camión de incendios (camión autobomba) preto, para atallar a ignición das estruturas de madeira nas primeiras fases da ignición e que o lume na vivenda nan vaia a máis.
A pregunta máis recurrente quizais sexa como é que se desaloxa unha poboación e non se envía ningún medio a defendela?
Outra pregunta mais é que, sabendo que as aldeas están expostas no medio rural ó risco que un lume forestal alcance o seu nucleo, como non se forma á poboación residente desas aldeas en medidas para minimizar os danos do impacto: pechar ben as portas e ventás exteriores e interiores, mollar todas estruturas que conteñan madeira, teitos, portas, retirar obxetos que poidan ser combustibles pegados ás vivendas, cortar a electricidade, e ter identificados e sinalados lugares dentro do nucleo onde poidan confinarse en caso de non poder ser evacuados. Por outro lado, se Vilar contaba con Bens de Interese Cultural de gran valor, Castro Celta e Capela do Século III, a que se esperaba a ter un Plan de Protección Fronte Incendios Forestais, onde se planifiquen medidas para evitar o risco de afección ó Ben, e se determinen os medios ou recursos a utilizar para atallar a emerxencia en caso de que esta ocurra, como fan outras comunidades autonomas. En Vilar do Courel celebrabanse multitude de eventos festivos, as marabillosas Romarias de Vilar, onde se cantaba, bailaba e festexaba no fermoso souto que envolvia a aldea, en semana santa, celebrabase o Via Crucis, e era visitado por multitude de persoas. Como non contaba cunhas franxas de protección con xestión da biomasa. A que se agardaba, a que executara esas franxas Xan de Vilar, con 80 anos?. Xestión das plantacións forestais Tamén cómpre denunciar a errada xestión do territorio sobre a que moitas persoas e colectivos levan moito tempo alertando, con caso omiso. A modo de exemplo, as subvencións á plantación forestal, nas que os conceptos subvencionables contabilízanse por unidade: aburatado para plantar, planta, aplicación de fertilizante... Ao considerarse unha densidade mínima de plantación de 1.600 pés por hectarea para piñeiros e 1.100 pés por hectarea para frondosas, as empresas forestais que executan os traballos sempre optan polos piñeiros, xa que así cobran mais diñeiro por hectárea. Estes traballos execútanse en terreos moi ladeiros con moita pendente, a miúdo en zonas que poderian albergar frondosas pola profundidade dos solos. Para as plantacións emprégase maquinaria apta para grandes pendentes, como as retro arañas, máquinas con patas independentes que pódense adecuar ó terreo. Estas máquinas podense utilizar durante a plantación, pero non nos tratamentos posteriores: rozas, clareos e claras das masas forestais instaladas, resultando esas plantacións abandonadas, sen xestión posterior á plantación. Iso crea unha enorme carga de combustible na paisaxe, facéndoa pouco resiliente ó avance dun lume e incrementando o risco de queimar aldeas, como está acontecendo e seguirá, de continuarse con estas politicas. Información Durante a duración da emerxencia por incendios forestais, os mais daninos da nosa terra ata agora, non se coñece ningunha rolda de prensa informando á poboación galega do estado da emerxencia, que durou unha semana. Tampouco houbo información sobre as medidas aplicadas para atallala nin polo Director de Extinción, nin polos xefes de Servizo, nin polo conselleiro do Medio Rural. Noutras comunidades autónomas (Andalucia, Catalunya, Illas Canarias), tanto o Director de Extinción como @ Conselleir@ ofrecen roldas de prensa onde explican o estado da emerxencia e o plan de operacións, no caso de Andalucia dúas diarias, ás 10:00 e ás 20:00 h. Na Galiza, incluso a día de hoxe, resulta tremendamente difícil obter información dese lume. Evacuacións Por último, denunciar o desaloxo obligatorio e imposto á toda poboación, en moitas ocasións provocando conflictividade, cando na maioria das veces son os veciños os que afrontan a emerxencia e salvan as aldeas con contralumes eficientes, grazas ó seu coñecemento no manexo do lume. Ademais en moitos casos, as evacuacións expoñen ós residentes a máis riscos nos traxectos que un confinamento seguro na aldea.

Pastelería Marisa, a repostería feita coas castañas do Courel

Roberto cunha das bicas de castaña que fai no seu obrador de Quiroga Fai "pastelería rustica". Así é como define Roberto Díaz Mourelo o tipo de doces que elabora no seu obrador de Quiroga. "É a pastelería tradicional galega, que é moi boa pastelería", engade. A súa produción é artesá e a súa filosofía, "tirar polas materias primas da zona". "A miña idea de negocio aquí é buscar produtos típicos do val de Quiroga e de Galicia. Eu son anticakes e gústame tirar polas materias primas da zona e a castaña é unha das estrelas da serra do Courel. Levo 20 anos facendo madalenas de castaña", conta. Roberto ten tamén outra máxima para prestixiar este tipo de produtos: vender unicamente aquilo que el elabora. Por iso en Pastelería Marisa non hai ovos Kinder nin se mesturan os produtos artesáns que saen do obrador con produtos industriais. "A miña filosofía é facer todo aquí. Se non o fago, non o vendo. Eu non teño á venda donuts nin chucherías, só o que eu elaboro", explica.
Prefire ver as súas estanterías máis baleiras antes que enchelas cun pupurrí de produtos industriais
O seu establecemento está situado no centro de Quiroga, en pleno Camiño de Santiago, xusto enfronte do albergue de peregrinos e, seguramente, tería oportunidade de vender outro tipo de doces e lambonadas, pero prefire manterse firme á súa idea e ver só nos seus estantes aqueles produtos dos que pode garantir a calidade antes que enchelos cun pupurrí de artigos máis comerciais.

Os sabores tradicionais

Nas bicas e madalenas empregan fariña de castañas producidas na serra do Courel Roberto formouse como pasteleiro en Barcelona, cuna dos ovos de Pascua e do chocolate, pero de volta a Galicia reconvertiuse aos produtos propios para adaptarse aos gustos da clientela local. "Gústame traballar o chocolate, pero nesta zona non ten moita demanda nin moita saída. Nós fómonos adaptando ao cliente. En 30 anos vas vendo os gustos da xente, que tamén van cambiando, pero os sabores tradicionais perduran", asegura.
"En 30 anos vas vendo os gustos da xente, que tamén van cambiando, pero os sabores tradicionais perduran"
Aínda que tamén fan outro tipo de pastelería convencional por encarga, como tartas ou brazos de xitano para as festas, e tamén produtos de tempada para festividades concretas, como turrón artesán polo Nadal, roscón de Reis, distintos doces de Entroido ou buñuelos pola Semana Santa, do obrador de Pastelería Marisa sae, sobre todo, pan, empanadas e produtos de repostería tradicional.
"Gústame traballar o chocolate, pero nesta zona non ten moita demanda nin moita saída"
A gama de elaboracións inclúe roscóns, madalenas e bicas caseiras. No caso das madalenas e das bicas hainas con e sen fariña de castaña pero son, sen dúbida, as feitas a base de castaña seca moída o verdadeiro sinal distintivo de Pastelería Marisa nos últimos anos e a súa aposta por innovar recuperando os sabores propios do lugar.

Materia prima local

Hai un ano pecharon o espazo de cafetería que tiñan para poder ampliar o obrador Roberto coida que a materia prima sexa tamén da zona. Por iso as castañas para a bica e as madalenas son dun produtor do Courel ou a carne para as empanadas dun gandeiro de San Clodio. A comercialización tamén é local. Para o pan fan reparto a diario polas casas das aldeas máis próximas e lévano tamén aos supermercados de Quiroga, O Barco e A Rúa, pero a repostería só a venden na tenda do obrador.
"Facemos según vendemos para que sexa todo o máis fresco posible. Nós non almacenamos produto"
Garanten deste xeito a calidade e frescura das súas bicas, madalenas e roscóns. "Nós non almacenamos produto. As madalenas de castaña, por exemplo, facémolas todas as semanas e outro tipo de pasteis por encarga das fins de semana cócense no día que a xente os vén buscar", explica.
"Ás bicas non lles botamos ningún conservante e duran 21 días"
No caso das madalenas, as bicas e os roscóns tamén adaptan a produción á demanda do momento. "Non é o mesmo no verán ou no inverno. Facemos según vendemos para que sexa todo o máis fresco posible", destaca. Non empregan tampouco conservantes que alonguen artificialmente a vida dos produtos. Aínda así, as bicas, por exemplo, consérvanse en perfectas condicións durante tres semanas, o que facilitaba que en épocas vacacionais como o verán houbese emigrantes ou turistas que as levasen de volta aos seus lugares de residencia.

Elaboración artesá

Un día á semana fan tamén pan de mestura de trigo e centeo Alén da materia prima, outra das características que distingue aos produtos de Pastelería Marisa é a feitura. Son procesos artesáns, tanto no caso do pan e as empanadas coma dos doces. "A bica é laboriosa, porque no amasado hai que ir engadindo os ingredientes pouco a pouco (leva manteiga, azucre, ovos, formento de pan, fariña de trigo e fariña de castañas do Courel) e no forno é media hora de coción", detalla Roberto.
"Eu son sobre todo pasteleiro, o do pan veu despois"
No caso do pan, un día á semana (os xoves) fan pan de mestura (trigo e centeo) e o resto dos días só de trigo. A diario son unhas 120 barras de 300 gramos e uns 150 bolos de medio quilo os que fan, aínda que as fins de semana ou nos meses de verán acostuman dobrar estas cifras.
"Aquí o pan toda a vida se fixo con formento, o de chamarlle masa nai é un invento moderno que me fai graza"
Aos bolos Roberto chámalles pepas, acrónimo de "pan elaborado por artesán", aínda que aclara que el se considera reposteiro máis ca panadeiro. "Eu son sobre todo pasteleiro, o do pan veu despois", di. Con todo, o pan tamén é feito neste obrador co mesmo mimo e esmero que lle poñen aos doces. "O noso pan é todo feito no día, de maneira artesá e respectando os tempos de repouso necesario. Entre que amasamos até que vai ao forno 4 ou 5 horas non llas quita ninguén", conta.

Formación con Matías Loureiro en Sarria e no Gremio de Barcelona e 32 anos de actividade

Roberto coa súa nai diante do forno onde fan o pan e os doces Pastelería Marisa débelle o seu nome á nai de Roberto, que puxo a andar o negocio no ano 1989. Roberto, que daquela tiña 15 anos, axudaba, pero os horarios eran pouco compatibles coa adolescencia. "Daquela a min o oficio non me gustaba pero a miña nai mandoume a traballar un ano a Sarria a xunto de Matías Loureiro. Alí aprendín moito e foi onde me enganchei á pastelería", recoñece.
Marisa, a nai de Roberto, puxo a andar o negocio cando el tiña 15 anos
Logo do paso por esta histórica confitería, aberta nos anos 20 e pechada no 2004, Roberto, xa co gusto no corpo, comezou a ir a cursos e a formarse. Fixo primeiro un ano de cociña en Sober, na Escola de Hostalaría da Fundación Belarmino Fernández e logo outro ano na Escola de Restauración e Hostalaría de Vilamarín, en Ourense. Para especializarse marchou logo a Barcelona, onde estivo dous anos estudando na Escola de Pastelería do Gremio de Barcelona. "Alternaba traballo e estudos, neses dous anos estiven en 8 pastelerías porque me interesaba ver moitos sitios para aprender", conta.
O paso pola histórica confitería de Matías Loureiro en Sarria e os 2 anos que botou na Escola de Pastelería do Gremio de Barcelona marcaron a súa traxectoria formativa
Cando voltou da cidade condal colleu durante 4 anos unha pastelería en Ponferrada mentres a súa nai seguía co negocio en Quiroga. Faltáballe o pan, así que Roberto estivo logo dous anos nunha panadaría tamén en Ponferrada antes de volver para facerse cargo do establecemento da súa nai. "Foi entón cando decidín coller a pastelería familiar e darlle un empurrón ampliando o negocio e diversificando", indica. Hoxe ademais de Roberto en Pastelería Marisa traballan dúas persoas máis, cun reforzo a maiores as fins de semana. Até o ano pasado tiñan tamén cafetería e daban almorzos, pero decidiron pechar este espazo para poder ampliar o obrador e centrarse en producir. "Foi unha decisión acertada pero difícil de tomar. Agora podemos elaborar máis cousas e temos o espazo diferenciado onde facemos os pasteis, onde facemos o pan e onde facemos as empanadas", explica.

Como evitar os ataques do oso aos apiarios

A Fundación Oso Pardo ven de publicar en Youtube un vídeo cun titorial detallado sobre a instalación e mantemento de cercados eléctricos. O obxectivo é previr ataques de oso pardo aos apiarios. A Fundación Oso Pardo segue así a súa ardua tarefa de divulgar o coñecemento sobre estes e outros sistemas de prevención para fomentar a convivencia sá entre apicultores e fauna salvaxe. O vídeo produciuse no marco do proxecto recentemente finalizado, LIFE Oso Courel “Actuacións para favorecer a expansión do oso pardo a novos territorios na Serra do Courel” que foi desenvolvido baixo a coordinación da Fundación Oso Pardo desde xullo 2017 e ata decembro 2020, xunto coa Xunta de Galicia e Asociación Galega de Custodia do Territorio como beneficiarios asociados.  

A empresa lucense Agroamb inviste na conservación da Devesa da Rogueira, no Courel

A empresa lucense Agroamb converteuse na primeira firma española en patrocinar servizos ecosistémicos co seu apoio ao proxecto de conservación que se leva a cabo na Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel.Este bosque foi o primeiro en España e o segundo en Europa en lograr a certificación FSC en servizos ecosistémicos, unha iniciativa da comunidade de montes veciñais de Rogueira e Cabana conxuntamente coa consultora Enxeñería Forestal Asefor. Este tipo de acreditacións emitidas por FSC poñen en valor os beneficios que un ecosistema achega á sociedade e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida das persoas. No caso da Devesa da Rogueira, pon en especial valor á achega desta xoia ambiental á preservación da biodiversidade.
O acordo é unha grande oportunidade para protexer o patrimonio natural do Courel, dando relevancia ao labor dos comuneiros
Este acordo é, en palabras do CEO da compañía lucense Agroamb, Severiano Ónega, "unha excelente oportunidade para protexer o patrimonio natural da nosa contorna, dando relevancia, ademais, ao labor dos comuneiros, que souberon xestionar estes marabillosos montes durante toda a súa vida sen provocar alteracións no ecosistema". O convenio supón igualmente un reforzo do compromiso que Agroamb afirma ter co desenvolvemento sustentable do rural galego e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, iniciativa de Nacións Unidade de cuxo Pacto Mundial é asinante, ademais de vogal do Comité Executivo da Rede Española, a empresa con sede en Castro de Rei.
Este proxecto axudará a fixar poboación no Courel, unha zona especialmente afectada polo éxodo rural
Respecto diso, Ónega subliña a "satisfacción que nos produce apoiar proxectos que axudan a fixar poboación en zonas como O Courel, que sufriron o éxodo rural no pasado, e a alcanzar as metas dos ODS 13 (acción polo clima), 15 (vida de ecosistemas terrestres) e 17 (alianzas para lograr os obxectivos), entre outros", sostén o responsable da primeira patrocinadora de servizos ecosistémicos. Alvarizas no Courel.

Un bosque con ADN 100% galego

A Devesa da Rogueira é, sen dúbida, o paradigma máis puro do que sería un bosque atlántico autóctono galego. Este espazo natural, situado no Courel, alberga varios centenares de especies animais e vexetais nos seus algo máis de 400 hectáreas de extensión. Nel identificáronse 21 tipos diferentes de formacións boscosas. Estas cifras converten este enclave nun dos lugares con maior biodiversidade de toda a península. Para que a variedade deste bosque atlántico permanecera practicamente inalterada foron fundamentais os labores de xestión dos propietarios da comunidade de montes Rogueira e Cabana, que na parte baixa do monte traballan algo máis de 14 hectáreas con gando extensivo. Oso novo no Courel. / Imaxe: Fundación Oso Pardo. A riqueza deste espazo da Rede Natura 2000 en exemplares de especies como bidueiros, teixos, faias, serbais, aveleiras, rebolos, castiñeiros ou orquídeas, valéronlle tamén para recibir por parte da Xunta de Galicia a desginación como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

O bosque ao servizo da xente

Tal vez moitas persoas non sexan capaces de ver a primeira vista o resultado tanxible dos servizos que os ecosistemas achegan ao planeta. A eses beneficios, que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida de todos e todas, denomínaselles servizos ecosistémicos. As cinco dimensións do benestar humano (materiais básicos, boas relacións sociais, liberdade de acción, saúde e seguridade) dependen, de forma directa e indirecta, do tres tipos de servizos que son proporcionados polos ecosistemas e a súa biodiversidade:
  • Servizos de abastecemento. Aquelas contribucións directas ao benestar humano provenientes da estrutura dos ecosistemas. Forman parte deste tipo de servizos a alimentación, a auga doce, os materiais de orixe biótico (madeira, celulosa, fibra téxtil, etc.), os materiais de orixe geótico (sal mariño ou continental), as enerxías renovables, os medicamentos naturais ou os principios activos.
  • Servizos de regulación. Aquelas contribucións indirectas ao benestar humano provintes do funcionamento dos ecosistemas como poden ser a regulación climática, regulación da calidade de aire, regulación hídrica e depuración da auga, control da erosión e fertilidade do chan, regulación de perturbacións naturais, control biolóxico e polinización de cultivos, entre outros.
  • Servizos culturais. Aquelas contribucións intanxibles que a poboación obtén a través da súa experiencia directa cos ecosistemas e a súa biodiversidade. Son exemplos diso o coñecemento científico, o coñecemento ecolóxico local, a identidade cultural e sentido de pertenza, o goce espiritual e relixioso, o goce estético das paisaxes, as actividades recreativas e de ecoturismo ou a educación ambiental.
Con este acordo de patrocinio, pioneiro en España, "Agroamb busca tamén concienciar a todos os actores da súa contorna da importancia de coidar o capital natural e preservar a biodiversidade. Unha preocupación inherente á súa filosofía e á que ha ir realizando diferentes achegas, como pode ser o emprego de sementes autóctonas recuperadas polo Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo, como a do Trigo Caaveiro, das que hoxe en día cultiva máis de 50 hectáreas", explican desde a organización.
A importancia de coidar ese patrimonio é clave porque é a base do benestar humano.
A necesidade é planetaria, pero tamén se pode trasladar á realidade máis próxima. Preservar os ecosistemas españois axuda a reducir a vulnerabilidade a perturbacións naturais externas como incendios, pragas ou enfermidades emerxentes e tamén potencia a independencia antes as crises dos mercados internacionais.

Sobre Agroamb Prodalt

Agroamb Prodalt está especializada na valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola e confórmase a través dunha estrutura empresarial que permite pechar o ciclo da produción agrícola, a prestación de servizos agrícolas e de transporte, co engadido da valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola. Este grupo, que ten no seu ADN a consideración de iniciativa de emprego local, dá traballo a preto de medio centenar de persoas da súa contorna, ás que hai que engadir outras 150 persoas de maneira indirecta en actividades complementarias á agraria. Ademais de prestar servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, ten un firme compromiso con desenvolvemento de proxectos de I+D+i en diversas universidades e centros de coñecemento.

“O turismo rural é un complemento a un sector primario que teña rendemento económico”

Na Serra do Courel aínda está viva a Galicia que foi e da que xa pouco queda. Soutos centenarios con castiñeiros de máis de vinte metros de altura, arandeiras silvestres que agroman nos camiños, cogomelos xenuínos dende a primavera ata o outono, devesas mestas, alvarizas coidadas, castros prerromanos, necrópoles, minas de ouro e, incluso, ata osos pardos. Eiquí séntese ben o pouco que é un home, dicía Uxío Novoneyra e ese foi o testemuño que Marcos Reinoso colleu e fixo seu para botar a andar o proxecto naturalista Pía Paxaro. Hai oito anos, este biólogo vigués, reconvertido agora en courelao, cambiou radicalmente a súa vida urbana para fundar esta empresa que, entre outras cousas, quere divulgar a importancia de manter vivo o sector primario, sen o que o turismo rural non tería o máis mínimo sentido: <<o turismo rural debe entenderse como complemento a un sector primario con rendemento económico. É moi sinxelo de comprender. Se non hai quen coide os soutos, os camiños desaparecen. Se non hai vacas que pazan nas zonas máis altas, os pastos tamén desaparecerán>>.  

Rehabitar o rural

Pía Paxaro adícase a organizar andainas guiadas por tódalas rutas forestais de sendeirismo da comarca e todo tipo de actividades para o tempo de lecer: xornadas micolóxicas, catas de mel e aceite, alugueiro de bicicletas, prismáticos... Todo cunha misión divulgativa clara: <<dar a coñecer a enorme riqueza paisaxística, botánica, fáunica e etnográfica da serra. Por resumilo, transmitir a esencia do Courel>>, explica Reinoso.
É moi fácil de entender. Se non hai vacas que pazan nas zonas máis altas da montaña, os pastos desaparecerán
Aínda que a pirámide poboacional do Courel leva décadas invertida, iniciativas como a de Marcos <<dan traballo, traen gasto á comarca e, en definitiva, ofrecen oportunidades para rehabitar o rural. Son novos enfoques que, ademais, son unha alternativa real ao canon turístico que só dá a opción de crear casas rurais>>, reivindica o tamén presidente da Asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel.
Nos nosos supermercados atopas o mesmo que atoparías na cidade. Non hai produción primaria
<<Dende a nosa asociación levamos anos demandando ás institucións que o Courel reciba a catalogación de Parque Natural e, así, poder contar cos recursos necesarios para protexer o noso ecosistema>>, engade. Ademais diso, Marcos explica a necesidade que existe de que se profesionalice o sector primario: <<O agro só se emprega para facer hortas de autoconsumo. Nos nosos supermercados atopas o mesmo que atoparías na cidade. Non hai produción primaria. Os visitantes non poden mercar castañas nin cogomelos do Courel>>, conclúe.  

O futuro dos castiñeiros

Sen dúbida, resulta contraditorio que non se aproveite a potencialidade dun ecosistema tan rico. De feito, o estado actual dos soutos está a favorecer a aparición de pestes como a da avispiña. Este insecto asiático está a afectar gravemente a unha grande parte dos castiñeiros do Courel, atacando as follas e truncando o seu proceso de fotosíntese. Os veciños e veciñas ven como as colleitas de castaña diminúen e incluso algunha árbore chega a morrer.
Imaxina que existise unha denominación de orixe como Castaña do Courel coa que categorizar as máis de 15 especies de castiñeiro que temos
<<Hai 70 anos, toda a veciñanza organizábase para ir demoucar os castiñeiros e mantelos sans. Interesáballes, claro. Daquela podían chegar a alimentar a máis de 6.000 persoas que vivían no concello>>, explica Reinoso. Agora, con apenas 1.000 habitantes e unha poboación envellecida, non existe esa vontade. Malia todo, Marcos insiste en que se se profesionalizase e se formase á xente ao respecto, todo o concello podería obter un beneficio económico como el mesmo fai dende Pía Paxaro: <<ás veces imaxino que existise unha denominación de orixe como Castaña do Courel coa que, a parte de esixir unha calidade mínima aos produtores, tamén englobaría as quince especies diferentes de castiñeiros que temos na comarca>>.  

O asentamento do oso pardo

Como toda novidade, a reaparición do oso pardo na Serra do Courel xerou opinións dispares. Segundo a Fundación Oso Pardo, o oso desapareceu a finais do século XIX da Serra  do Courel, quedando limitada a súa presenza en Galicia a algúns enclaves de Ancares, próximos ás serras do Alto Sil leonés e o occidente asturiano. Mais a súa historia segue presente grazas á conservación do patrimonio etnográfico.
As numerosas alvarizas de pedra que quedan repartidas pola serra courelá reflicten séculos de convivencia entre osos e humanos
As numerosas alvarizas de pedra que quedan repartidas pola serra courelá reflicten séculos de convivencia entre osos e humanos e tamén os enormes esforzos que realizaron os antigos habitantes para protexer as colmeas. Agora, agás algúns veciños que viven máis illados no bosque e senten un certo <<medo ao descoñecido>>, está a ser ben recibido. <<Gran parte desta normalización débese ao enorme labor educativo que fan os e as docentes do colexio do Courel. As crianzas aprenden a importancia da presenza do oso. Enténdeno como unha louvanza ao noso ecosistema. Logo, chegan ás súas casas, conversan cos pais e segue o ciclo da sensibilización>>, explica Reinoso.
Os apicultores, contra o que se puidese pensar, son dos máis interesados en conservar o ecosistema para o oso
O feito de que o oso non ataque o gando faille ter mellor reputación entre os gandeiros, en comparación co lobo. Ademais, os apicultores, que poderían ser os máis afectados <<son dos máis abertos e interesados na preservación da especie>>. Gran parte deste mérito teno o Proxecto LIFE Oso Courel, que financiou a rehabilitación das alvarizas, a compra de pastores eléctricos para protexer a maior parte das colmeas e máis a recuperación de certos ecosistemas chave.  

Un ano en pandemia

A crise económica derivada da pandemia do coronavirus tamén afectou, como é lóxico, a proxectos como Pía Paxaro: <<teño a sorte de ter máis alternativas e outras fontes de ingresos como investigador, pero está a ser un ano complicado para todos, para que enganarnos. Ademais, aconteceu algo que non viramos ata o momento e que outros compañeiros dos Ancares tamén confirmaron. O perfil turístico de praia e chiringuito viu á serra procurando espazos semellantes a aqueles>>. Isto produciu un evidente choque cultural, pero a Marcos axudoulle a reafirmarse na súa postura e non sucumbir a unha sorte de <<colonización turística>>. Por outra banda, a pandemia impediulles celebrar moitas das xornadas micolóxicas que xeran moito interese, andainas con grande afluencia e festas como a da cantarela -un tipo de cogomelo-, que, ademais de seren grandes reclamos turístico, cobren ese labor divulgativo e converxen nun pulo económico para a comarca.
Delicias do Souto e Caurelor están emprendendo dúas iniciativas de transformación de produtos do souto 
Con todo, o proxecto de Marcos Reinoso non é o único que trata de aproveitar as potencialidades do Courel. Ademais de Pía Paxaro, Delicias do Souto e Caurelor son dúas iniciativas de transformación de produtos do souto e das devesas que van alén do mel. Marmeladas de arando silvestre, licores artesanais e todo tipo de tartas, bicas e galletas feitas —como non-— con fariña de castaña. <<Se coa vontade da sociedade civil conseguimos o que estamos a facer, imaxina o que fariamos cun pouco de axuda institucional>>, conclúe Marcos.

Caurelor, 15 anos dun proxecto que aproveita os froitos da natureza

Verónica, na súa tenda-obrador de Espandariz (Quiroga), con algúns dos produtos que elaboran Moito antes de que o Courel fose declarado Xeoparque Mundial pola Unesco Verónica e Daniel xa confiaron nas súas posibilidades cun proxecto que pon en valor os produtos naturais das montañas orientais de Galicia e do val de Quiroga. A unión de Daniel, natural de Santa Eufemia, unha aldea pertencente a Folgoso do Courel, e de Verónica, orixinaria da montaña do Lor, deu lugar a Caurelor. Corría o ano 2006 e Verónica, xeógrafa de formación, estaba de técnica de turismo na Torre Homenaxe de Pardo de Cela, no municipio mariñán de Alfoz. Daniel, a súa parella, traballaba na pizarra na outra punta da provincia de Lugo, na zona de Quiroga, a 180 quilómetros de distancia. Caurelor naceu, xa que logo, como un proxecto de vida en común. "Montámolo coa idea de levar un proxecto xuntos. Eu teño un máster en enoloxía e inicialmente pensamos montar unha adega, xa estaba creada a Denominación de Orixe Ribeira Sacra pero aínda estaba empezando e o sector estaba fastidiado nesa época, así que enseguida nos sacaron iso da cabeza. Decidimos entón apostar polo que tiña Daniel, que eran as castañas. A xente non nos tomaba en serio e case se ría de nós. Ides vivir das moras e das castañas?, dicíannos", lembra Verónica.
A xente non nos tomaba en serio e dicíanos: Ides vivir das moras e das castañas?
"Pero seguimos adiante e comezamos a probar. O primeiro que fixemos foron castañas en almíbar e crema de castañas e vimos que gustaba moito e a partir de aí fomos diversificando en función dos produtos que había no monte: arandos silvestres, moras, cereixas. E así até o día de hoxe", conta. Aproveitar o que dá o monte e a terra Década e medio despois, e malia o varapau que o coronavirus supuxo para pequenos produtores coma eles, que teñen nas feiras locais un dos seus principais puntos de comercialización, Verónica e Daniel seguen a vivir do que dá a natureza nunha zona, a do Courel, rica en diversidade. "Aproveitamos os produtos silvestres e tamén outras cousas que cultivamos nós", contan.
Traballamos en función do ciclo natural do produto. Cando se acaba a froita que nós mesmos apañamos paramos de producir
Seguen mantendo esa mesma filosofía coa que comezaron, produtos naturais e ecolóxicos elaborados de xeito artesán, co mínimo proceso de transformación, unicamente o imprescindible para garantir a súa conservación para que o cliente, alí onde estea, poida disfrutar deles durante todo o ano malia tratarse de froitos de tempada que hai que apañar no seu momento óptimo. "Traballamos en función do ciclo natural do produto. Por exemplo, acabamos coas moras en outubro e comezamos coa castaña ata decembro e cando se acaba o produto que nós mesmos apañamos paramos de producir", explica Verónica. Por iso o que fan son conservas únicas e case de edición limitada. Mínima manipulación e sen conservantes En cada 'fornada' no autoclave collen entre 60 e 70 quilos de froita No obrador, situado no lugar de Espandariz, ás aforas de Quiroga, a maquinaria segue sendo pouca a día de hoxe: unha trituradora, un autoclave e unha enchedora para os botes de cristal inventada por Daniel, feita cun cántaro do leite.
De case todas as nosas marmeladas temos unha versión só con azucre e outra sen nada, só froita 100% natural
"Non precisamos moito máis porque o importante é o produto que vai dentro do bote, nós non usamos conservantes nin produtos químicos, só froita", destaca Verónica. De case todas as súas marmeladas teñen unha versión sen azucre engadido, unicamente inclúe o que lle aporta a propia froita, e outra con algo de azucre, para adaptarse deste xeito ao padal de todos os consumidores. Máis nada, o resto é o sabor da propia froita. Moras e arandos silvestres, cabazas, figos, uvas, cereixas ou melocotóns forman parte da súa ampla gama de marmeladas e tamén elaboran zumes naturais de cereixas, arandos e moras silvestres. Castañas dos seus propios soutos Un dos seus produtos estrela, co que empezaron, seguen a ser as castañas, que elaboran en media ducia de preparacións diferentes: castaña en almíbar, marmelada e crema de castaña, castaña cocida envasada ao baleiro ou castaña con chourizo e panceta son algúns dos produtos que fan.
Conservan as castañas unha vez apañadas en area para que se intensifique o seu sabor a través dunha lixeira deshidratación
Elabóranos cos froitos dos seus propios castiñeiros, que coidan ao xeito tradicional e coa filosofía propia da agricultura ecolóxica, aínda sen estaren certificados polo Craega. Preocupados polo medio ambiente e a natureza, a súa verdadeira despensa, as conservas de Caurelor teñen unha pegada de carbono moi baixa, calculada por Fademur en tan só 230 gramos equivalentes de CO2 por tarro, polo que son produtos ambientalmente respectuosos. "As nosas castañas son apañadas en soutos centenarios e conservadas despois en area até o momento da súa elaboración, o que lle confire unha lixeira deshidratación que axuda a intensificar o seu sabor", contan. Diversificar e innovar Níscalos con castañas e salsa de tomate, produtos deste ano 2020 Aínda que todos os seus produtos están ligados á tradición e elaborados con receitas propias desta zona, Verónica e Daniel tratan de innovar todos os anos con novos produtos que van ampliando a súa xa extensa gama de referencias. Mel, salsa de tomate e níscalos con castañas son as últimas novidades na listaxe.
Mel, salsa de tomate e níscalos con castañas son as últimas novidades
"Temos catro colmeas e envasamos mel, empezamos este ano, e todos os anos plantabamos tamén tomates e faciamos salsa para nós e para regalar. Pero este ano tivemos moito tomate e decidimos comercializala. Fixemos uns 400 botes de salsa de tomate. Nós aproveitamos todo o que temos, non se pode tirar nada", defende Verónica. Venda online e visitas organizadas Caurelor vende os seus produtos artesáns a través da tenda online da súa páxina web, unha ferramenta coa que levan traballando desde fai cinco ou seis anos pero que agora potenciaron tralo confinamento, con envíos gratuítos a partir de 60 euros e con só 1,99 euros de portes para pedidos de volume inferior sempre que superen os 20 euros. "Se non estás en internet non estás en ningún sitio. Ata agora a venda online tiña momentos puntuais de máis actividade en Nadal, onde temos feito envíos de 80 cestas nun só día, Semana Santa ou setembro, o resto do ano eran pedidos de xente habitual, pero este ano a raíz do coronavirus notamos un incremento de vendas por esta vía", explica Verónica.
Preparan cestas de Nadal que inclúen as súas elaboracións e produtos doutros produtores da zona para empresas ou particulares
Ademais de a través de internet, Caurelor distribúe os seus produtos en tendas e vende directamente nas feiras, unha posibilidade que a pandemia truncou completamente este ano. "Antes iamos a unha ou dúas feiras cada fin de semana, tanto no verán coma no inverno, faciamos entre 80 e 100 feiras ao ano", lembra. Mesmo se sumaran á moda das food truck cun minirestaurante acoplado á furgoneta que baixo o nome de Toma Castaña ofrecía cociña de autor a base de castañas, como unha empanada de chourizo, panceta, acelgas, pataca e castaña ou hamburguesa de tenreira con crema de castañas, que facía as funcións do ketchup. Acudían a entre 80 e 100 feiras cada ano onde promocionaban e vendían directamente os seus produtos Este ano todas esas saídas a feiras e festivais quedou truncado polo coronavirus, pero seguiron mantendo o contacto coa xente na súa tenda-obradoiro, onde tamén reciben a familias, grupos e excursións. "Este ano veu moita xente no mes de agosto. Este ano excursións case non houbo, pero todos os días tivemos visitas, sobre todo moitas familias e mesmo estranxeiros que estaban de vacacións pola zona e que nos chamaban para visitar Caurelor. Tivemos moitos franceses, por exemplo. É algo que imos potenciar o das visitas ao obrador", avanza Verónica. Aproveitarán os meses de inverno para facer algunhas obras e reformas e poder sacarlle todo o partido a esta nova liña de traballo o vindeiro ano. "Ensinamos o souto onde recollemos as castañas e logo facemos unha degustación dos nosos produtos", detalla. Moitos deses visitantes son despois clientes asiduos e confían que trala covid-19 o turismo rural e de natureza siga a incrementarse en zonas como a súa.

"Acumulamos cinco anos malos de castaña nesta zona"

Até non fai tantos anos a castaña era un alimento básico en moitas zonas de Galicia, tanto para a xente como para os animais, un froito nutritivo e abundante en lugares como O Courel. Pero esta realidade está a cambiar. "Acumulamos cinco anos malos de castaña nesta zona, un ano pola seca e outro por outras cousas, non está a haber a produción que había. Este ano, por exemplo, non tivemos nada de castaña. Nas zonas de chaira foi un bo ano e houbo moita, pero aquí na montaña non houbo nada, non sei se foi o tempo, por exemplo unha chuvia rara en mala época, ou a avispiña. Aquí tardou en chegar, pero agora xa afecta moito. Santa Eufemia é un sitio frío e pensabamos que non ía afectar tanto, pero este ano non puidemos nin xuntar 200 ou 300 quilos para poder elaborar", explica Verónica, cando noutras tempadas teñen chegado a recoller entre 4.000 e 5.000 quilos de castañas.
Aquí a avispiña tardou en chegar, pero agora xa afecta moito. Este ano aquí na montaña non houbo nada de castaña. A ver se damos xuntado 200 ou 300 quilos para poder elaborar
Ademáis dos seus soutos, Verónica e Daniel coidan tamén de castiñeiros e froiteiras doutros veciños. "Déixannos as fincas con tal de que llelas teñamos limpas, en moitos casos son xente maior que non as poden atender eles", explican. Pero a recolección de produtos silvestres, que era basicamente o que facían até agora, ten o problema da variabilidade das colleitas un ano con outro, por iso teñen pensado comezar a cultivar máis eles para garantir un subministro máis estable. Plantación dunha hectárea de arandos "Despois da castaña o arando é o noso segundo produto estrela. Temos unha pequena plantación cuns 20 pés que xa nos dan 30 ou 40 quilos eles sós e o resto que apañamos son silvestres. Nun ano bo podemos coller cerca de 1.000 quilos. Antes os arandos silvestres comíanos os gando, pero agora non hai gando e apañámolos nós. Pero queremos facer unha plantación de arandos propia para garantir materia prima e non depender tanto das colleitas naturais e de como veña o tempo. Déronme un viñedo en herdanza na zona do Lor baixo e mercamos outra finca ao lado e así logramos xuntar unha hectárea. Imos arrincar as cepas e vendelas, porque nós non lles sacamos rendemento e poñer arandos na primavera de 2021. É algo máis a longo prazo, porque os arandos tardan dous ou tres anos en empezar a producir", explica Verónica.
Queremos diversificar nos arandos e ademais das conservas secalos e conxelalos para que sirvan para pastelería ou outras aplicacións
"A crema de castaña e a marmelada de arandos son os nosos sinais de identidade actualmente. Imos manter a castaña dos castiñeiros propios e darlle máis cancha aos arandos, porque vemos que é un produto que funciona, é unha froita moi sa que ten moita saída e que gusta a todo o mundo que a proba. A castaña sen embargo non ten esa mesma aceptación en toda a poboación, eu penso que é porque a xente maior aínda ten un mal recordo da castaña de cando se alimentaban a base delas porque case era o único que había para comer", razoa. Pero grazas a iniciativas coma Caurelor, afortunadamente ese abano tense ampliado moito.

Xornada sobre os servizos ecosistémicos da Devesa da Rogueira, no Courel

A comunidade de montes de Rogueira e Cabana, no Courel, celebra este martes 10 de marzo unha xornada para presentar o certificado de servizos ecosistémicos da Devesa da Rogueira, un dos bosques máis emblemáticos de Galicia. Con este certificado, o primeiro obtido en España e o segundo en Europa, o monte veciñal compromete unha xestión do espazo que mellore ou polo menos conserve a actual biodiversidade vexetal que presenta. A xornada contará coa participación de Administración, Universidade, ecoloxistas e sector forestal, así como da entidade encargada da certificación do monte, Asefor (Grupo Alvariza), e do selo certificador, FSC. Este é o programa da xornada. Visita á Devesa da Rogueira 9:00 - 12 Visita e percorrido completo. 11:30 - 12 Visita e percorrido curto. Xornada 12:30 – A industria forestal no contexto actual. Montserrat Rodríguez, XERA, Axencia da Industria Forestal. 12:40 - A visión dos propietarios e do Concello. Dolores Castro, Propietaria Forestal e Alcaldesa. 12:50 - Biodiversidade e produtividade forestal. Antonio Rigueiro, USC e Director da Estación Científica. 13:00 - Preservación do entorno natural. Oscar Rivas, Asociación Galega de Custodia do Territorio. 13:10 - Planeamento e xestión do entorno. Marcos Ferreira, Sistemas de Enxeñería Ambiental. 13:20 - Certificación forestal e diferenciación. Manuel Beiro, Asefor Ingeniería Forestal. 13:30 - Entrega do certificado de Servicios do Ecosistema. Genoveva Canals, presidenta FSC España.