Archives

As debilidades do sistema de produción de leite en Galicia

Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pero fíxoo a costa de seguir intensificando o seu xeito de producir e incrementando a súa dependencia dos mercados internacionais de insumos para a alimentación do gando. Galicia importa cada ano dous millóns de toneladas de materias primas para alimentar á súa cabana gandeira. Polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía entran cada ano 800.000 toneladas de cereais (outro millón de toneladas procede do mercado interno do resto de España) e un millón máis de proteaxinosas (soia e colza fundamentalmente), cos que se elaboraron o ano pasado 3,1 millóns de toneladas de penso.
As ganderías de leite galegas son tremendamente dependentes da cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de proteaxinosas como a soia ou a colza
Desde o fin das cotas lácteas a fabricación de concentrados incrementouse en Galicia un 10%. A maior dimensión das ganderías de vacún de leite, principais consumidoras de materias primas en Galicia, estaría detrás deste aumento, xunto coa multiplicación de granxas de porcino e avícolas. De feito, o sector bovino encabeza as estatísticas de consumo de preparados para animais, con máis de 1,3 millóns de toneladas, moi por enriba de polos e porcos (unhas 750.000 toneladas cada un). Menos vacas pero máis produtivas Galicia contaba no ano 1985, previo á entrada na UE, con 100.000 explotacións leiteiras, que producían 1,2 millóns de toneladas de leite ao ano. A día de hoxe quedan 6.300 e producen case 3 millóns de toneladas. É un dato revelador que dá idea da transformación e reconversión vivida no sector leiteiro galego nas últimas décadas.
Galicia perdeu un terzo das súas explotacións leiteiras desde o final das cotas lácteas
O incremento da produción é froito do alto grado de profesionalización acadado polos produtores, dos investimentos realizados en ampliación de granxas e dunha crecente intensificación da produción, tanto a nivel das zonas onde se produce o leite como a nivel das granxas que se manteñen dando leite, e que pasaron de 9.600 no ano 2015 a 6.300 a día de hoxe.
Desde o 2015 producimos un 15% máis de leite con case 20.000 vacas menos
O número de vacas por explotación está a incrementarse, pasando dunha media de 35,8 no ano 2015 a 51,4 na actualidade, mais no global, a cabana gandeira produtora de leite está a diminuír levemente (Galicia contaba con 343.920 vacas adultas no 2015 e ten hoxe 324.195). Así pois, as que hai hoxe son vacas máis produtivas (a media de produción sitúase en 9.212 litros por vaca e ano cando no 2015 era de 7.512).

Escasa superficie agraria  


Concellos galegos con máis produción de leite no ano 2019 (Fonte: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego a partir dos datos do FOGGA) Mais o incremento na produción de leite en Galicia non levou aparellado un aumento na base territorial das granxas. Cunha superficie agraria adicada á produción láctea dunhas 200.000 hectáreas, equivalente ao 8% do territorio galego, a comunidade produce o 40% do leite de todo o Estado, cunha carga gandeira moi superior á do resto de países europeos.
O promedio de terras por explotación no 2019 era de 25 hectáreas repartidas en 60 parcelas
Segundo os datos incluídos na Estratexia do Sector Lácteo aprobada pola Xunta, a explotación promedio de Galicia contaba no ano 2019 con 68 cabezas (46 vacas e 22 becerras), producía 380.000 litros de leite ao ano e dispuña de 25 hectáreas de terreo repartidas en 60 parcelas, o que equivale a unha ratio de 1,84 UGM/ha.
A carga gandeira increméntase a medida que aumenta o tamaño da explotación e o 50% do leite de Galicia prodúcese en só 20 concellos
Pero a medida que se incrementa o tamaño da explotación diminúe a proporción de superficie por cabeza. As ganderías máis grandes, que equivalen ao 7% do total e producen un terzo do leite galego, teñen de media máis de 250 cabezas (163 vacas e 97 becerras) pero dispoñen tan só de 68 hectáreas para alimentar o gando, é dicir, 2,4 UGM/ha.
A intensificación acelerouse de xeito importante desde o final das cotas lácteas
A especialización na produción de leite en determinadas comarcas fixo tamén que a intensificación produtiva nesas zonas sexa moi elevada. Catro concellos galegos (A Pastoriza, Pol, Rodeiro e Frades) teñen máis dun 80% da súa superficie agraria útil destinada á produción de leite e outros 11 (Castro de Rei, Portomarín, Chantada, Silleda, Touro, Arzúa, Mesía, Curtis, Monfero, Trazo e Mazaricos) dedícanlle máis do 60% da súa SAU.

A dependencia das importacións de millo e soia  

Control de calidade do cereal chegado ao porto da Coruña O millo é a materia prima máis descargada no porto da Coruña, a onde chegan unhas 50.000 toneladas mensuais coas que abastecer ás industrias de fabricación. Até o comezo da guerra o millo que chegaba a Galicia viña de países como Ucraína ou Rusia a través dos portos do Mar Negro. Para substituílo a UE vén de flexibilizar os límites aos transxénicos e fitosanitarios que impedían traer millo de países como EEUU ou Arxentina. A soia é a outra materia prima fundamental, malia que nos últimos anos foi perdendo peso a favor da colza nas racións das vacas de leite. Aos portos galegos chegan anualmente 750.000 toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.
A fabricación de pensos é un gran mercado que factura en Galicia máis de 1.200 millóns de euros
O sector fabricante de pensos está formado en Galicia por unhas 30 empresas, que crean 1.500 empregos directos (outros tantos indirectos) e a súa facturación representa o 1,5% do PIB da comunidade, cun volume de negocio superior aos 1.200 millóns de euros. Con máis do 12% da producción de pensos a nivel nacional, Galicia é a quinta comunidade autónoma en fabricación de alimentos preparados para animais. Cataluña, onde a produción de pensos ascende a 7,7 millóns de toneladas anuais, encabeza o ránking.  

O gando porcino desequilibra a balanza en España   

España é deficitaria en cereais para alimentación animal e debe importar arredor do 50% da maior parte de materias primas e o 100% no caso da soia. Aos portos españois chegan anualmente 4 millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos
Malia ter que importar a meirande parte das materias primas, España é o principal produtor de pensos da UE. A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).
España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais
Esta alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal e ás ganderías ás que subministran tremendamente vulnerables diante de subas de prezos como as que se levan producindo no último ano ou diante de problemas de abastecemento como os xerados pola guerra de Ucraína ou a folga de transportes.

“Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”

Francisco Sineiro, exconselleiro de Agricultura e profesor xubilado da Escola Politécnica Superior de Lugo, é un bo coñecedor do sector leiteiro galego e da súa evolución nas últimas décadas. Recoñece os problemas polos que está atravesando na actualidade, pero foxe de dar unha mensaxe negativa nin catastrofista e pon en valor o traballo que están a realizar os gandeiros. “Estamos nunha situación delicada sobre a que hai que actuar pola vía dos custos, con medidas en relación á fiscalidade e ao control de prezos para evitar a especulación, e tamén pola parte do prezo do leite. Hai que pasar da letra á realidade e que os prezos se correspondan coa situación real de mercado, que é hoxe moi favorable. Porque se se recibirá en orixe un prezo axustado ao momento actual do mercado a situación nas ganderías non sería tan delicada”, asegura. Falta de terras e escasa industrialización “Ao meu entender o sistema de produción de leite que temos en Galicia ten dúas debilidades fundamentais: unha é a falta de terra e outra a falta de industrialización”, resume Sineiro. “A produción veu aumentando de modo importante nos últimos anos, leva facéndoo varias décadas, e a superficie de terras non o fixo, coa Administración deixando vía libre á forestación de terras agrarias”, denuncia. “A medida do impass para as plantacións de eucalipto chega tarde. E eu dubido de que a moratoria se estea a cumprir e que se estean controlando as novas plantacións que se están a facer porque en teoría levamos 9 meses de moratoria e eu vexo plantacións novas en moitos sitios. Non só hai que escribir os papeis senón que hai que facer que se cumpran”, insiste.
Temos claras as superficies que son aptas, o que hai que facer é facilitar esas superficies aos gandeiros a curto prazo
A falta de terras é un factor que condiciona o medre das explotacións e o seu xeito de traballar. “Teñen que facer produción intensiva de forraxes, forzando as producións de millo e raigrás. Ese réxime tan intensivo ten consecuencias para o solo e a produtividade da terra a longo prazo”, advirte Sineiro.
A Lei de Recuperación da Terra Agraria aprobada o ano pasado ten aspectos interesantes pero chega tarde, tiñáse que ter posto en marcha 20 ou 30 anos atrás
Galicia é un caso case excepcional, di, entre as rexións produtoras de leite a nivel europeo, pois “parécese máis a Suecia ou Finlandia". "A superficie que dedicamos á agricultura está por debaixo do 25% e a que destinamos específicamente á produción de leite só representa o 8% da superficie galega. E iso non é porque non teñamos terras aptas para a produción de forraxe nin é pola vontade dos gandeiros senón pola carencia de políticas agrarias durante moitos anos, que fixo que parte desas terras estean abandonadas ou dedicadas a outras cousas”, explica.   Prezos baixos “O outro problema que eu vexo é a falta de industrialización e de capacidade de negociación de prezos. Non ten sentido que desde a última crise do sector leiteiro do ano 2015-2016, os prezos do leite non teñan mellorado apenas, tan só tiveron un lixeiro incremento nos últimos 5-6 meses pero a media de todos estes anos foi de 32 céntimos para España e menos para Galicia. En Europa na maior parte dos países europeos houbo un incremento notable de prezos e aínda máis nos últimos meses. A media da UE está en 42 céntimos, cun máximo actualmente en Irlanda de 45 céntimos”, detalla.   “Un dos pescozos de botella que temos tradicionalmente é a dependencia do leite envasado e as marcas de distribución. Pero nos últimos meses eses produtos pasaron nos liñais dos supermercados de 55 a 67 céntimos, unha revalorización que non se trasladou á produción”, lamenta. Por iso, di, “os gandeiros galegos vense afectados neste momento por unha dobre tesoira, a dos prezos do leite, que non se corresponde coa realidade do mercado, e a dos custos de produción, polas compras de fertilizantes e concentrados derivados dun sistema intensivo forzado polas circunstancias de falta de terras”. Alto grado de profesionalización acadado polos gandeiros “En momentos de prezos elevados de materias primas sufrimos máis, tamén porque a situación dos prezos do leite non se adecúa á situación real do mercado. Tiña que aumentar o prezo do leite en orixe a parte industrial, porque hoxe ten marxe para facelo tal como está a situación do mercado; eu non son partidario de compensar o prezo con axudas públicas”, defende. Onde si reclama Sineiro a intervención da Administración é no control dos custos aos que fan fronte as granxas ante o aumento dos prezos das materias primas, “que aínda poden aumentar máis”, advirte. “Fan falla medidas de control e diminución dos prezos dos cereais, o gasóleo ou a luz”, exemplifica.
Fan falla medidas de control de custos por parte da Administración e que o prezo do leite en orixe reflicta a situación real do mercado; a industria ten marxe para subir
Pero malia as dificultades actuais, Sineiro destaca os aspectos positivos do sector leiteiro galego: “ten feblezas pero ten as súas fortalezas tamén. Para os medios e a terra de que dispoñen os nosos gandeiros son capaces de conseguir unha produción de leite importante, practicando un sistema intensivo pero onde os resultados son bos. As explotacións fixeron un esforzo en investimento, recursos e profesionalización importante. Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”, conclúe.

“A produción de leite en Irlanda está a medrar a un ritmo dun 10% anual”

A República de Irlanda é o Estado da Unión Europea que máis aumentou a súa produción de leite desde o final do sistema de cotas lácteas na UE, pasando dos 5 millóns de toneladas en 2015 aos case 8 millóns da actualidade. James Humphreys é investigador do Teagasc e revélanos cales son as claves do éxito do despegue irlandés. – Igual que pasou durante tres décadas en Galicia, o sistema de cotas vixente na UE até o 2015 tamén limitou durante anos o potencial leiteiro de Irlanda. Pero o Goberno irlandés preparou un plan para o escenario post-cotas que está dando os seus froitos.   – O sector leiteiro está evolucionando moi ben nos últimos anos en Irlanda. Houbo unha gran expansión da produción láctea no país desde o fin das cotas, cun incremento do 10% anual nos últimos 5 anos. No ano 2015 fixámonos como obxectivo un incremento do 50% e hoxe xa estamos por enriba desa porcentaxe acumulada de crecemento e penso que vai continuar. – Efectivamente, Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite tralo fin das cotas lácteas, cun aumento do 57%. Como se logra isto? – Penso que había capacidade para iso. Irlanda realmente tiña asignada unha cantidade baixa, 5 millóns de toneladas de cota láctea, para unha cantidade de terra moi importante. Comparado con países como Holanda, Bélxica ou mesmo o Reino Unido, onde os norirlandeses mercaban cota láctea para poder producir, realmente a presión sobre o terreo era moi baixa. – Cal é o límite? Até onde pode seguir aumentando a produción de leite ou cal pode ser a capacidade máxima de produción de Irlanda? – Un dos riscos para seguir aumentando a produción é o medio ambiente e as limitacións aos gases de efecto invernadoiro porque en Irlanda temos unha poboación pequena de humanos pero unha gran poboación de animais e o aumento no número de vacas de leite o que fai é aumentar tamén as emisións de gases de efecto invernadoiro, así que ese é o gran desafío para a produción de leite en Irlanda. O pasto é a base da alimentación do gando en Irlanda e supón entre o 60 e o 70% da dieta das vacas leiteiras – Na estratexia levada a cabo nos últimos anos participaron de xeito coordinado o Goberno, as industrias, os gandeiros e o Teagasc.  – O Teagasc é a entidade estatal responsable da investigación, a formación e os servizos de asesoramento aos gandeiros e traballa man a man cos produtores de leite e hai outro factor que influiu para incrementar a produción nestes últimos anos e é o feito de que en Irlanda o 90% do procesado do leite pertence a cooperativas. Estas empresas fixeron investimentos para aumentar a capacidade industrial de procesado de leite e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción de leite.
En Irlanda o 90% do procesado pertence a cooperativas, que fixeron investimentos para aumentar a súa capacidade industrial e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción
Pero para iso foi necesario facer investimentos tanto no procesado como nas explotacións. O Goberno irlandés apoiou todas estas decisións e medidas porque cada novo litro de leite producido tiña como destino a exportación, xa que o mercado interno é pequeno e non tiña capacidade para absorber máis produción. Realmente nós temos un sistema de producir leite moi barato e producimos a prezos moi competitivos que nos permite exportar e competir no mercado exterior. – Fala vostede desa capacidade que ten Irlanda para producir leite barato, o que permite exportar, pero tamén aos gandeiros obter marxes duns 15 céntimos en litro. O sistema de produción irlandés está baseado precisamente niso, na redución de custos de produción mediante o aproveitamento do pasto. Desaproveitamos o pasto en Galicia? – Seguramente. O noso sistema, baseado case exclusivamente no pastoreo, permite obter un leite de gran calidade a uns custos de produción moi baixos. O custo por litro é duns 28 céntimos e o prezo de venda en orixe nos últimos anos estivo entre 34 e 40 céntimos, ao que hai que sumar as axudas da PAC e outros ingresos, así que a marxe é de case a metade. O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa.
O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa grazas ás marxes que se obteñen de alimentar o gando case exclusivamente con pasto
Imaxe de Kerry Group con destino ao mercado asiático. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora – Un dos destinos máis importantes para o leite irlandés sempre foi o Reino Unido. Pode verse ese protagonismo exportador prexudicado tralo Brexit? – É certo que o 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como o seu principal mercado, polo que o Brexit tamén abre grandes incertidumes neste país. Sen embargo, a industria láctea irlandesa está abrindo novos mercados e o incremento de máis de 2,5 millóns de toneladas producido desde o fin das cotas no 2015 foi absorbido fundamentalmente polos envíos fóra da UE, sobre todo a EEUU, Oriente Medio e Asia, mentres as exportacións ao país veciño de leite e produtos lácteos mantivéronse practicamente nas mesmas cifras, sen case variacións.
O 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como principal mercado, pero estanse abrindo novos mercados sobre todo en EEUU, Oriente Medio e Asia para absorber o incremento de produción
Outro gran reto tralo Brexit é ao que se enfrontan as cooperativas irlandesas, que operan aos dous lados da fronteira, tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte, onde tamén recollen leite que logo é transportado e transformado maioritariamente en fábricas de Irlanda, polo que se como consecuencia do Brexit se produce unha alteración do mercado os gandeiros de Irlanda do Norte poderían verse moi afectados e ter serios problemas porque non teñen realmente unha alternativa para dar saída ao seu leite.

"Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante"

Irlanda incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015 O pasto supón entre o 60 e o 70% da dieta diaria das vacas en Irlanda, un país que incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015. Pero este feito, que provocou un aumento espectacular da produción leiteira, está a xerar tamén importantes problemas de contaminación. O 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro de Irlanda proveñen da agricultura e a gandeiría. A maior parte delas débense ao metano (un gas máis potente que o CO2 na destrución da capa de ozono aínda que o dióxido de carbono sexa moito máis persistente na atmósfera) e ao nitróxeno (que supón un factor importante na emisión de amoniaco).
En Irlanda o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría, unha porcentaxe que mesmo se está a incrementar porque a cabana gandeira está aumentando moito
James Humphreys é especialista en emisións e ciclo de nitróxeno, un campo no que o Teagasc está a traballar intensamente para lograr unha produción de leite máis eficiente e respectuosa medioambientalmente, unha preocupación crecente tanto das autoridades do país como da sociedade no seu conxunto. – O Plan de Acción Climática do Goberno irlandés establece como obxectivo reducir as emisións da agricultura e a gandeiría. É factible reducir esas emisións entre un 10 e un 15% en 2030, tal como pretende o Goberno irlandés? – A metade dos gases de efecto invernadoiro son metano relacionado coas emisións producidas polas vacas, outro 40% é óxido nitroso procedente dos puríns e a fertilización química do solo e o 10% restante é dióxido de carbono vinculado á combustión (vehículos, transportes, etc).
As accións van dirixidas a reducir a fertilización química con nitróxeno nas pradeiras porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo
O metano é difícil reducilo, hai pouca marxe de acción neste eido, polo que o noso principal foco de atención será reducir o óxido nitroso e aí é onde imos actuar principalmente. As accións van ir dirixidas a iso fundamentalmente, a diminuir o nitróxeno, porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo. – E como se pode logo mellorar esa eficiencia produtiva das granxas leiteiras nas condicións irlandesas? – O nitróxeno é un factor moi importante na emisión de amoniaco tanto polo óxido nitroso que se emite como polo lixiviado de nitróxeno que se produce. En Irlanda, igual de en Galicia, o 97 ou 98% do amonio vén das actividades agrícolas. Por iso en Irlanda temos un programa forte para a redución da utilización de nitróxeno amoniacal nas pradeiras. Táboa comparativa da situación do sector leiteiro en Galicia e Irlanda na campaña 2014/2015, último exercicio do sistema de cotas. Desde entón a produción en Irlanda tense disparado un 57% Nós, en comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno ao ter un sistema de produción láctea baseado na produción de herba e para conseguir unha cantidade de produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno.
En comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno. Para lograr con herba unha produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno
As solucións son en primeiro lugar unha mellor utilización do xurro, aplicado como fertilizante nas pradeiras usando para iso inxectores, para substituir abonos químicos por orgánicos. Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante. A urea é un dos abonos químicos máis concentrados en nitróxeno (46%) e normalmente o máis económico do mercado, pero xenera unha alta concentración de amonio no seu proceso de hidrólise. Os gandeiros están sobre aviso e deberán utilizar urea protexida, de baixa emisión.
As solucións pasan por substituir abonos químicos por orgánicos e empregar máis leguminosas para reducir as necesidades de óxido nitroso nas parcelas
E finalmente, é preciso empregar máis leguminosas, en concreto especies como o trevo branco. Usando leguminosas como trevo branco redúcese de xeito importante o óxido nitroso porque déixase de usar óxido nitroso de orixe química nas parcelas. Este é o reto. O doado é usar Nitramón pero hai que cambiar o chip. A mentalidade dos gandeiros cambiou e están moito máis predispostos agora que fai 15 anos para facer ese cambio, porque hai moitas noticias negativas nos medios de comunicación e hai presión da sociedade neste sentido. – Esa presión social da que fala dase mesmo nun país coma Irlanda onde a gandeiría goza dunha grande valoración por parte da poboación? – Si, pero Irlanda está cambiando. Na miña xeración, teño 52 anos, todo o mundo tiña conexión co campo pero nas xeracións actuais esta estreita relación co rural non se dá. Irlanda é un caso peculiar, porque o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría e mesmo se está incrementando esa porcentaxe porque se está incrementando a produción de leite e a cabana gandeira.

“¿Está mellor o sector lácteo galego tras 5 anos sen cotas?”

Parece que fican lonxe aqueles días de leites negros, comprimidos, de Churtales ou Audiencia Nacional. Estas palabras que xa a moitos lles soarán lonxanas e para algúns descoñecidas, marcaron unha época na que en Galicia conviviuse cun réxime da taxa láctea, comunmente coñecido como cotas lácteas. Desde o primeiro de Abril de 2015 a taxa láctea deixou de existir na Unión Europea e en España expirou despois de 30 anos da súa aplicación desde 1986, ano no que o estado se incorpora á UE daquela conformado por tan só 10 Estados Membros. Estes cinco anos sen réxime de cotas, que someramente vou analizar, significaron en liñas xerais un avance do sector lácteo galego, con luces e sombras, un sector produtor máis profesional pero con debilidades estruturais nunca superadas, unha industria que parece quere espertar da súa zona de confort na que sobreviviu durante moitos anos e unhas relacións entre os actores da cadea que parece que todo queren cambiar para que nada cambie.

A produción, o elo forte da cadea

Galicia segue a ser a primeira rexión produtora de leite española e segue a figurar entre as principais produtoras a nivel europeo. Esta posición dominante de Galicia no contexto estatal acádase sobre todo polo gran impulso que tomou a produción nos quince anos previos a derogación do réxime da cota láctea. No período 2001-2014 o incremento da produción de leite en España foi de 428 mil toneladas das que a Galicia corresponden 790 mil. Estas cifras resultan de que mentres que os nosos gandeiros medraban, nun contexto de máxima dificultade, xa que incrementar a capacidade produtiva significaba comprar cota láctea, o resto do Estado deixaba de producir mais de 360 mil toneladas de leite. Neste punto hai un traballo pendente, pois pouco se ten debatido e estudiado sobre este inmenso capital investido e o esforzo financeiro que este supuxo para o sector lácteo galego, descapitalizándose en parte para poder seguir producindo. Aquí foi onde se fixo o esforzo que colocou a Galicia entre as grandes rexións produtoras de leite europeas.
“Galicia pasou no 2001 de producir o 28% do leite de España ao 39% na actualidade”
Xa a partir do ano 2015 a velocidade de incremento de produción cambia, seguindo Galicia a liderar os incrementos na produción pero cunha contribución importante tamén do resto das CCAA que a finais do ano 2019 conseguen recuperar o que perderan nos pasados 15 anos. Todas esta cifras lévannos a que Galicia no ano 2001 producía un 28% do leite de España (1,8 MTm) e estamos moi próximos ao 39% na actualidade (2,8 MTm) , falando de leite sen normalizar pois se o normalizamos superamos con creces a cifra do 40% de produción, porque hai que dicir que seguimos a producir o leite con máis sólidos do Estado, e tamén o peor pagado.

Debilidades do sector:

O sector posicionouse e segue a facelo pero segue a ter fortes debilidades : Dependencia excesiva de insumos externos O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como “referente”, é excesivo. O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 kilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 kilos é fácil, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito. O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite. Conciencia medioambiental escasa As demandas medioambientais son de aqueles que consumen os nosos produtos, e vense claramente reflectidas nas políticas que se implementan desde a UE. Quen non entenda esto vai quedar fóra do mercado sen dúbida algunha. Por isto é moi importante que a produción interiorice estas demandas de “urbanitas” e que as faga súas e mesmo que vaia por diante delas mostrándolle á sociedadeas externalidades que ten unha gandería baseada na terra, no local e en alimentar animais que transforman algo incomestible polos seres humanos, como é a forraxe, en enerxía e proteína de gran valor nutricional. Cobertura de fosas de xurro (50% aínda descubertas), ir preparando parcelas para que os animais podan pasar tempo no exterior das naves -non botedes as mans a cabeza, isto volo van pedir porque ademais reduce a emisión de amoníaco en gran medida-, ou facerse gardiáns da biodiversidade son prácticas facilmente asumibles e que mellorarían a imaxe do sector dun xeito radical. Debilidade asociativa O sector produtor de leite factura anualmente (leite+subsidios+carne) mais de 1.000 millóns de euros en Galicia. Debe de ser o único sector, que con este volume, non ten unha asociación que exerza como altofalante do mesmo e que traballe con profesionais que fagan que o sector teña voz e que se faga ver e valer nunha sociedade que cada vez está mais lonxe do rural. Hai que saber posicionarse en positivo. Coido que gran parte do abandono que sufre o mundo rural débese en parte a que o rural non xera novas positivas e o único que difunde son laios, bágoas e miserias. Un asociacionismo profesionalizado, que tivera unha gran labor de difusión, que estivera en contacto cos centros de formación e investigación para poder liderar proxectos de interese para a produción é máis que necesario en Galicia. Por exemplo, medio millón de euros de orzamento significaría que as 5000 granxas galegas con máis produción pagaran unha cota mensual de 8 euros. Supoño que a razón para que isto non se faga é que non interesa, e non lle deamos máis voltas, os produtores están cómodos coa situación actual.

A industria, parece que esperta do seu sono

España debe de ser o país de Europa cunha deslocalización industrial máis forte no sector lácteo, e iso estámolo pagando. Italia ten a súa industria láctea no norte, Francia en Bretaña e curiosamente España non ten industria láctea na medida da súa produción en Galicia. O cincuenta por cento do leite de Galicia transfórmase fóra de Galicia. Esta cifra é moi preocupante para Galicia e tamén o é polo que implica en termos de redución da competitividade desta industria. Esta inoperatividade industrial compénsase a base de pagar o prezo máis baixo de España aos gandeiros que están a producir o leite máis semellante ao estándar que circula por Europa. Resulta paradigmático que exista en Galicia industria con capacidade ociosa que estea a transportar leite a centos de quilómetros por causa de ter contentos aos seus accionistas. Coido que esta alegría pouco vai durar nestas condicións. A chegada de industria con gran capacidade de transformación, con procesados moi completos, produtos de nova gama ou con alta penetración no mercado, esperemos que varíe substancialmente o panorama descrito anteriormente, eliminando inoperantes e pagando prezos xustos pola materia prima. Non esquezamos que a industria é tan necesaria como a produción e unha non pode vivir sen a outra, pero a industria é moito máis conxuntural que a produción que ten unha compoñente estrutural moi forte.

As relacións entre os actores

O período post cotas trouxo novidades nas relacións entre actores: a UE creou o marco en 2012, pero a mágoa foi que os actores estragaran un marco que noutros Estados membros funciona. Estamos a falar do paquete lácteo. Este deu por unha banda a oportunidade de establecer contratos de compra entre partes. Todos lembramos os días de regateo curto e cutre de prezos que a máis da industria facía no campo galego. Sempre serían os produtores os que tiñan que pagar a ronda, pois a industria tiña que salvar os mobles in extremis con vergoñentas rebaixas de prezo de última hora. Eses tempos son pasados, pero podemos dicir que a aplicación dos contratos foi pola forma maioritaria e non xeral en que se aplicaron, unha decepción para a inmensa maioría. A lei daba oportunidade de establecer fórmulas para prezos ligadas a variables coa filosofía de compartir perdas e beneficios,. Pero non, os máis dos nosos primeiros compradores preferiron un contrato plano que deixa a produtores e industria descolocados en prezo no contexto europeo,; estes prezos “negociados” serán sempre á baixa para que os primeiros compradores teñan as súas costas cubertas. Mención a parte merecen as Organizacións de Produtores Lácteos, coido que aquí se nos debe unha explicación de como despois de anos desde a súa creación a actividade para a que foron creadas é nula en Galicia. Outra oportunidade perdida e os actores botándose os trastes á cabeza, pero en síntese cero litros negociados ilustran o que foi outro fracaso de todos os actores implicados.

O COVID-19. Reflexións sobre o futuro do sector

O pasado 13 de Abril o Presidente francés Emmanuel Macron nun discurso televisado ante máis de 40 millóns de persoas dixo que “hai bens e servizos que deben de estar fóra das leis de mercado”, destacando en primeiro lugar a agricultura e a alimentación. Esta idea forza esperemos que se plasme nalgo tanxible a nivel global e que os actores que interveñen no mercado de materias primas sexan aqueles que as producen, as transforman, as distribúen e as consumen, eliminando desta ecuación aqueles especuladores que son agora os que manexan este mercado. A mediados de Marzo o Goberno español decretou o estado de alerta creándose unha situación nova para toda a poboación. Todos temos en mente cal foi a reacción da poboación en canto a cobertura de necesidades básicas. O aprovisionamento de alimentos para o confinamento foi prioritario e as compras de comida incrementáronse na primeira semana de confinamento un 29,8 % en España. O garante do aprovisionamento alimentario é unha das claves do confinamento pois se houbera o mínimo risco de desabastecemento alimentario as medidas de confinamento saltarían polos aires por causas que todos entendemos. O prioritario é poder comer todos os días. Luis Enjuanes, investigador do CNB-CSIC para o coronavirus, declaraba hai uns días que daba mágoa ver como non temos unha industria que fabrique cousas tan simples como máscaras, respiradores ou traxes de protección. Ten razón este investigador, a economía española diminúe ano tras ano a súa capacidade industrial, fabricamos fóra, e o sector servizos co turismo á cabeza marcan o destino económico do país. A alimentación non quedou fóra desta tendencia, segundo datos do ICEX no ano 2018 a balanza comercial alimentaria española foi de +11.376 M€, pero nunha análise de volumes vemos que a balanza é negativa en 9 Millóns de toneladas ao ano, coa preocupante cifra dun déficit en cereais de 16 Mtm. -En Galicia, verxel atlántico, as cifras son desoladoras, segundo datos oficiais do ICEX, desde o ano 2011 onde a balanza alimentaria era case cero, pasamos no ano 2017 a un déficit alimentario de -586,40 millóns de euros (1% do PIB galego). De novo a cifra de cereais é moi preocupante, cunha balanza negativa de 202,90 millóns de euros anuais. Espero que a sociedade e gobernantes interioricen despois desta pandemia a importancia que ten producir alimentos. É por elo que me atrevo a facer os seguintes desiderata: -Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos trinta anos. Reverter esta situación é unha prioridade máxima. Levamos dous anos escoitando o da “ Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia” e seguemos sen ter novidades sobre ela. -Podemos dicir que a dependencia da produción de concentrados en Galicia para alimentación animal é próxima ao 100% da importación de materias primas. Isto crea unha debilidade estrutural nos sectores de gandería intensiva e en menor medida nos ruminantes. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade, non é producir menos senón que é producir diferente. Para elo producir máis e mellores forraxes faise clave na estratexia a seguir polo sector. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite.
“Necesitamos máis terras en Galicia para as ganderías de vacún de leite”
A investigación agraria debería volver ocupar un lugar prioritario na política agraria, estámolo vendo co episodio do COVID-19, a investigación ten que ser estrutural e non unha conxuntura. A clave de todo o anterior está en que os gobernos asuman a responsabilidade para a que son elixidos e agora máis que nunca, priorizar o ben común sobre os intereses particulares. A produción de alimentos debe de ser prioritaria en calquera acción de goberno. Os cidadáns temos a nosa responsabilidade tamén na posta en valor dos alimentos que consumimos. Italia, un país de renda per cápita semellante a española gasta un 19% mais na súa alimentación que o gasto medio español. César Resch Zafra Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Investigador Vogal de Terra e Leite

O primeiro ano sen cotas defrauda as expectativas de crecemento en Galicia

O fin do sistema de cotas lácteas, o 31 de marzo do 2015, abría as portas a aumentos na produción de leite en toda Europa, se ben, un ano despois, pódese concluir que as expectativas das granxas, alomenos das galegas, víronse defraudadas. Galicia medrou un 3% a produción durante a primeira campaña sen cotas (abril 2015-marzo 2016), pero ese crecemento está agora bloqueado pola saturación do mercado lácteo. En marzo do 2016, a comunidade produciu un volume de leite similar ó de marzo do 2014, só un 0,5% máis. Se a comparación se fai con marzo do 2015, un mes marcado polo medo á supertaxa, o crecemento é do 1,7%, en todo caso lonxe do 4,8% que medrou a produción no conxunto de España en marzo do 2016 en comparación con marzo do 2015.
Hai un ano, Galicia producía o 38,9% do leite de España. En marzo deste ano situouse no 37,4%
As cifras revelan que as restriccións impostas polas industrias á recollida de leite están a bloquear o crecemento da produción en Galicia, en tanto no resto de España e no resto de Europa segue a medrar. Empresas como Larsa, Logística Alimentaria ou Reny Picot xa estiveron pagando ó longo da última campaña parte das entregas a prezos de leite en po, moi por baixo do prezo de mercado, co fin de desincentivar o aumento da produción nas granxas galegas. Outras firmas como Lactalis ou Feiraco tamén se sumaron este ano a pagar parte do leite recibido a menores prezos, de cara a restrinxir unha produción que aseguran non dar colocado no mercado. O problema é de especial calibre en máis de medio milleiro de granxas galegas que están entregando toda a súa produción a prezos de leite en po. Esta situación obriga ás granxas a facer cambios no manexo das vacas para conter a produción, con variacións na alimentación ou cun maior tempo de secado dos animais. Parte das granxas máis afectadas están a optar tamén polo envío de reses ó matadeiro. Prezos O balance da primeira campaña sen cotas dista de ser bo para Galicia. Hai un ano, a comunidade entregaba o 38,9% do leite producido en España, en tanto no último mes con datos, marzo do 2016, Galicia representaba o 37,4% da produción española. Perdeu, por tanto, un 1,5 %, derivado do interese das industrias en primar a produción en zonas próximas ós grandes centros de consumo. Os prezos, entre tanto, continúan a baixada iniciada en xaneiro. Este mes de marzo situáronse en Galicia en 28,2 céntimos, polos 28,5 de febreiro e polos 30,3 de marzo de 2015. En España, o prezo medio tamén baixou e situouse en marzo en 30,3 céntimos. Situación en Europa Os últimos datos do Observatorio Lácteo Europeo revelan fortes aumentos da produción no primeiro ano sen cotas en Irlanda (+17,5%) e en Bélxica e Holanda, ambos por riba do 11%. O restos dos principais produtores europeos sitúase en cifras de aumento de arredor do 2-3%, coa excepción de Francia, que se quedou nun 1,3%. O escenario de saturación do mercado lácteo, cunha oferta superior á demanda, fai que diversos países exploren a posibilidade de restrinxir a produción de xeito voluntario, tal e como autorizou recentemente Bruxelas. En España, a Interprofesional Láctea traballa nesa opción, se ben está tamén á expectativa do que sucede no resto de Europa, pois considérase problemático reducir só a produción en España, en tanto outros países poden seguir medrando e exportando os seus produtos cara o sur de Europa.

A crise de prezos do leite abre o debate sobre o recorte da producción

Co fin da cota láctea, a regulación da producción e dos prezos do leite quedou en mans do mercado libre. Sete meses de campaña marcados polos excedentes de leite e polos baixos prezos servíronlle a boa parte do sector para tomar conciencia dos problemas que presenta un mercado libre sen unha rede de seguridade de políticas pública. Gandeiros de toda Europa abren agora o debate sobre a necesidade de programas para recortar a producción en periodos de crise. “Cando hai un ano analizabamos as perspectivas para despois das cotas, xa nos dabamos de conta de que non había ningunha política sobre a mesa. Só tiñamos o mercado libre e a nosa pregunta era que pasaría cando os prezos baixasen, porque sabíamos que ían baixar” -explica Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche (OPL)-. “É necesario cambiar as políticas leiteiras a nivel europeo para evitar que esteamos atascados nunha situación de crise como a actual”, valora.
"Hai un ano xa vimos que non había ningunha política pública sobre a mesa para despois das cotas" (Manuel Iglesias, OPL)
A Organización de Productores de Leche, que está integrada a nivel comunitario na European Milk Board (EMB), celebrou onte unha rolda de prensa en Santiago xunto coa directora do EMB, Silvia Därebitz, para abrir tamén en Galicia o debate sobre a necesidade de programas de reducción da producción. “O mercado libre non é a solución. Propoñemos un programa de responsabilidade do mercado que axude a recuperar o equilibrio en intres de crise” -expuxo Därebitz-. “A sobreproducción baixa os prezos en toda Europa e queremos que se reduza para que o prezo mellore”. Os actuais mecanismos de regulación de mercado, axudas ó almacenamento privado e intervención pública a baixos prezos de excedentes, demostráronse para a EMB como insuficientes. Programa de responsabilidade do mercado Ante ese escenario, a European Milk Board suxire introducir nas políticas públicas programas de control da producción. “Unha primeira fase para afrontar a crise pasaría por un programa de reducción voluntaria das entregas con compensacións” –detallou Däberitz-. “Nas zonas de Europa onde o prezo é máis baixo, pode ter máis sentido non producir e recibir unha compensación. Non é que os produtores sempre queiran producir máis, moitas veces é o mercado o que forza que sigan esa vía para sobrevivir”.
"Non é que os gandeiros sempre queiran producir máis. Moitas veces é o mercado o que os forza a ese camiño" (Silvia Därebitz, EMB)
Se esa medida se quedase curta nalgúns periodos de crise, a EMB propón unha seguinte fase que consistiría nun programa de reducción obrigatoria da producción, “que podería estar no entorno dun 2%”, valora Däberitz. “Estamos trasladándolle as nosas propostas ós políticos e ós axentes do sector, como as industrias, e estamos a ver que os gandeiros somos os únicos que propoñemos unha alternativa para o mercado libre. A industria claramente non está de acordo con nós porque ten outros intereses e a Comisión Europea acepta a actual situación, na que moitas explotacións se enfrontan á perspectiva de ter que pechar”, critica Däberitz. Protesta o 12 de novembro En demanda dun cambio das políticas lácteas a nivel europeo, a EMB convocou unha xornada de protesta para o día 12 de novembro en toda Europa. En Galicia, a Organización de Productores de Leche (OPL) confirmou onte que se sumará ás protestas cun acto simbólico que está pendente de concretar.
"O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións" (Silvia Därebitz, EMB)
“Queremos políticas fronte á crise de prezos, que os políticos escoiten e saiban que teñen que facer algo. O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións. Estamos dispostos a tomar a responsabilidade de afrontar medidas como o control da producción, pero os políticos teñen que traballar con nós nese camiño”, conclúe a directora do European Milk Board, Silvia Därebitz. Posturas en común con Vía Campesiña A proposta da European Milk Board ten puntos en común coas liñas de traballo doutras organizacións agrarias, caso da Coordinadora Europea Vía Campesiña, na que participa o Sindicato Labrego Galego (SLG).
"A situación actual é peor que coa cota láctea. Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción" (Isabel Vilalba, SLG)
A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, coincide na importancia de abrir o debate sobre o control da producción. “Estamos nun escenario de excedentes e baixos prezos que precisa dunha regulación europea e pública. A situación para os gandeiros é peor que coa cota láctea”, resume Vilalba. “Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción, aínda que nós pensamos que non a todos os países nin a todas as granxas se lles pode pedir unha reducción das entregas por igual. Nas granxas con menor producción ou nos países que non cubran o seu consumo interno, o enfoque ten que ser outro, pero son cuestións nas que haberá que profundizar e debatir”, conclúe.

‘Deberes’ pendentes e propostas para o sector lácteo

A actual crise do leite, de carácter global pero especialmente aguda en Galicia, suscitou nas últimas semanas dous documentos de expertos do sector nos que se reflexiona sobre os ‘deberes’ pendentes do sector e se aportan propostas para o curto e medio prazo. Asínanos Xosé Turnes, presidente da asociación Terra e Leite (Documento completo), e Tomás García Azcárate, alto funcionario da Dirección General de Agricultura da UE (parte I e parte II). Resumimos as súas principais aportacións. Ambos informes coinciden nunha análise de prioridades común. En canto ó sector produtor é de vital importancia -din- aumentar a base territorial para depender menos das forraxes de importación. Con respecto ás industrias, ao entender dos expertos, o camiño pasa por traballar en produtos de maior valor engadido. Ás Administracións pídeselles un maior control do conxunto da cadea de valor do leite, en especial da distribución, e Azcárate sinala o verdadeiro cabalo de batalla que se presenta no medio prazo: “evitar o abuso de posición dominante das autoridades de competencia, que teñen unha situación de cuase monopolio da decisión política”. Do acordo do sector lácteo asinado o día 23, Azcárate valora que será positivo “se se cumpre”.
"As autoridades de Competencia teñen unha situación de cuase monopolio da decisión política que habería que evitar" (Tomás García)
Repasamos a continuación máis en detalle as principais propostas e análises no tocante ós diferentes eslabóns da cadea. Como reflexión xeral de inicio, Turnes incide en que os diferentes actores, a parte de mirar os seus intereses persoais, deben traballar no marco dunha “estratexia compartida de sector”, de xeito que haxa unha maior vertebración da cadea láctea. Sector produtor - O esforzo por aumentar a base territorial e depender menos das materias primas de importación preséntase vital. “Por un lado, as explotacións sofren de cheo a volatilidade dos prezos dos cereais; por outro, sempre haberá alguén máis competitivo que un gandeiro galego para producir leite Uht vendida en Madrid ou Barcelona con millo francés e soia do Brasil. En Irlanda e Alemania, as explotacións que mellor resisten a crise son as que mobilizan recursos forraxeiros propios e dependen menos das compras” (Azcárate).
"Sempre haberá alguén máis competitivo que un gandeiro galego producindo leite Uht para Madrid con soia do Brasil" (Tomás García)
En valoración de Azcárate, é previsible un desprazamento da produción desde a Cornisa Cantábrica cara a Castilla y León, onde existen recursos (alfalfa e cereais) e maior proximidade ós centros de consumo. “A desesperación de moitos gandeiros que foron empurrados nun calexón sen saída, a base de explotacións máis grandes, máis intensivas, máis endebedadas e polo tanto, máis fráxiles financieiramente, producindo cada vez máis para consumidores cada vez máis lonxanos, é perfectamente lóxica e comprensible. Reclaman solucións xa”. - Nas cooperativas, convén diferenciar entre as que actúan como primeiro compradoras intermediarias, “de escaso interese”, según Turnes, e as cooperativas industriais, “fundamentais” se logran unha gran dimensión e lideran ó sector na súa zona de implantación, valoran desde Terra e Leite. Azcárate destaca que en España o sector produtor está desorganizado, xa que foi incapaz de montar un potente sistema cooperativo similar ó doutros países europeos: “Oportunidades houbo, pero a división do sector, as riñas persoais e políticas, impediron transformalas en realidades”.
"Os primeiro compradores contribúen a que moitas explotacións galegas estean cobrando o prezo máis baixo de España" (Xosé Turnes)
- Faise preciso tamén un maior protagonismo do sector produtor no establecemento de alianzas coas industrias (Turnes). Compradores sen industria - Os primeiro compradores, intermediarios entre o gandeiro e a industria, teñen pouco interese e contribúen na actualidade a que moitas explotacións galegas estean cobrando os prezos máis baixos de España polo leite, dada a súa falta de capacidade de almacenamento, o que lles obriga a liquidar os seus stocks a calquera prezo, advirten desde Terra e Leite. Industrias - A maioría do leite producido en España comercialízase como leite líquido Uht, “o produto banalizado por excelencia, con pouco valor engadido, no que as empresas doutros Estados membros comercializan o que non puideron valorizar doutro xeito” -destaca Azcárate-. “Ademais, predomina a marca do distribuidor”. O documento de Terra e Leite fai tamén unha análise das perspectivas industria por industria. Distribución - O emprego do leite como produto reclamo supón na práctica unha transferencia de valor desde o sector lácteo cara outros sectores, sen que as Administracións actúen para impedir este tipo de prácticas, critica Terra e Leite. Administracións - Os dous expertos discrepan sobre a conveniencia de mellorar o prezo europeo de intervención do leite en po e manteiga para sacar produción do mercado en intres de crise. Para Turnes, sería unha medida positiva, en tanto Azcárate entende que a suba dos prezos de intervención levaría ós gandeiros a continuar aumentando a produción, o que cortocircuitaría o sistema de intervención cuns sobrecustos excesivos. - En Europa, ó entender de Azcárate, o debate débese centrar en lograr ante as autoridades de Competencia unha singularidade para o sector lácteo que permita maiores concrecións sobre prezos nos acordos entre as diferentes partes da cadea. - En canto ás Administracións central e autonómica, Terra e Leite sinala a necesidade de que velen polo cumprimento das normas –“sen poñerse do lado do máis forte da cadea”- e de que deseñen un plan de futuro para o conxunto do sector. Acordo do sector lácteo Sobre o acordo do sector lácteo, asinado o 23 de setembro, posiciónase Azcárate suliñando que será positivo “se se cumpre”, en tanto o informe de Terra e Leite, que é previo a esa sinatura, non entra por tanto a valorar o acordo.
"O contido do acordo pode parecer demasiado vago, pero estamos no límite do que as autoridades de Competencia poden admitir hoxe" (Tomás García)
O documento de Azcárate lembra que este non é o primeiro acordo ó que se chega no sector e compara o acordo actual co do 2009, cando era secretario de Agricultura do Ministerio o socialista Josep Puxeu. “Aquel acordo establecía que industrias e cooperativas comprometíanse a xeralizar o sistema de contratos homologados para o pago do leite, contratos que deberían incluir o prezo acordado entre gandeiro e industria a partir dun sistema de indexación” -explica Azcárate-. “Contrasta o contido daquel acordo, elaborado cando Zapatero era presidente, coa esixencia do Psoe de que o acordo actual debe fixar un prezo mínimo que cubra custos de produción”. “O contido do acordo pode parecer demasiado vago –engade Azcárate-, pero estamos ó límite do que as autoridades de competencia poden admitir hoxe”. Sobre a posibilidade de acordar un prezo mínimo, o experto insiste en que “debe ser un obxectivo estratéxico de primeira importancia mobilizar axeitadamente a excepción do dereito á competencia prevista para o sector agrario no Tratado Europeo”. Propostas prioritarias de traballo Entre as propostas que realiza Terra e Leite para abordar a actual crise, figuran as seguintes: - Estabilizar os contratos entre gandeiros e industrias, simplificando a súa posta en marcha e facilitando que as dúas partes se sintan cómodas evitando as actuais rixideces. - Eliminar aos compradores sen industrias, sexan particulares ou cooperativas, que contribúen en gran medida aos baixos prezos.
"Industrias e produtores deben esforzarse por establecer estratexias conxuntas no marco da Interprofesional" (Terra e Leite)
- Asegurar un servizo de inspección que garanta o seguemento dos prezos ao longo de toda a cadea e que aplique, de ser o caso, as sancións previstas na normativa vixente. Azcárate avoga tamén pola elaboración dun informe trimestral que dea seguemento a todas as denuncias presentadas, cos nomes dos denunciados, e advirte da necesidade de axilizar e homoxeneizar o proceso inspector. - Estabilizar as relacións na interprofesional láctea onde industrias e produtores deben esforzarse por establecer estratexias conxuntas. Débese forzar tamén á distribución a participar na interprofesional láctea para tratar de lograr os obxectivos do “paquete lácteo”. - As administracións, tanto agora no curto prazo, como no futuro, teñen que asumir o protagonismo na defensa do sector.

A UE produce un 2,8 % máis de leite no primeiro cuatrimestre da campaña

O primeiro cuatrimestre da campaña (abril – xullo) pechouse na UE cun aumento medio da produción de leite dun 2,8%. Dos 28 países da UE, en 19 producíronse aumentos da produción, destacando o caso de Irlanda, con máis dun 12 % de crecemento. En España, o aumento foi do 4,1 %, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo. Ese crecemento trasladouse nunha maior produción de manteiga e leite en po, produtos que acumulan un semestre de tendencia á baixa dos prezos. Con todo, nas últimas semanas tanto o leite en po como a manteiga experimentaron leves repuntes dos prezos a nivel da UE e dos mercados internacionais. As últimas tres subastas do Global Dairy Trade, a plataforma impulsada pola neozelandesa Fonterra, remataron con subas dos prezos medios nos produtos lácteos industriais tras cinco meses de baixadas continuas. Desde o Panel Económico do Obsevatorio Lácteo Europeo, que recentemente celebrou unha reunión, valórase que quizais o peor da crise teña pasado, se ben tamén se advirte de que os leves signos de mellora de mercado son aínda insuficientes para falar dunha tendencia positiva nos próximos meses. En canto ó prezo medio do leite cobrado polos gandeiros europeos, hai quen pensa que pode haber aínda máis recortes e quen opina que a tendencia é á estabilidade.

Irlanda lidera os aumentos de produción de leite en Europa tras o fin das cotas

O fin do sistema de cotas está a levar a significativos aumentos da produción láctea en toda Europa. En Irlanda, no primeiro trimestre de campaña (abril-xuño), as entregas de leite medraron un 12% en relación ó mesmo periodo do ano anterior, en tanto en países como Portugal, Holanda ou a República Checa, as subas rondan o 5%. España sitúase nun posto intermedio en canto ó incremento da produción, cun 3,9%, segundo os últimos datos do Observatorio Lácteo Europeo. Entre os países que menos incrementaron a produción está Francia (0,5 %) e tamén hai algúns onde baixou, caso de Austria. As estatísticas sinalan a Irlanda como o país que lidera o aumento da produción en Europa, un dato que se corresponde coas expectativas previas do sector, dada a dispoñibilidade de pastos e forraxes propias que caracteriza ás granxas irlandesas, o que lles permite aumentar a produción con baixos custos. En España, onde se produciu un aumento do 3,9%, os datos de Galicia no primeiro trimestre de campaña –correspondentes ó Fega- apuntan a un incremento da produción que rondaría un 5,5 %, por tanto, por riba da media española. Desaxustes estatísticos dos primeiros meses de campaña fixeran temer un retroceso en Galicia e unha certa deslocalización da produción a outras zonas de España, se ben, o sector gandeiro da comunidade está polo de agora a aguantar o tirón a pesar dos baixos prezos e das dificultades de comercialización do leite producido. Mercado internacional Os aumentos da produción de leite en Europa coinciden tamén con incrementos significativos noutros mercados, como o de Estados Unidos (+ 1,6% no primeiro semestre do ano) ou os de Oceanía. Esta situación de aumento de oferta coincide con intres complicados nos mercados de exportación. O veto ruso segue a perxudicar ós produtores europeos e o principal mercado de exportación, China, non remonta. En China, no primeiro semestre do ano, as importacións de leite en po enteira caeron un 56%, en tanto as de leite en po desnatado un 28%. O país asiático tamén reduciu a súa compra de manteiga nun 38%; se ben outros produtos como o soro en po manteñen os niveis do ano pasado. Así as cousas, os principais produtos de referencia nos mercados de exportación proseguen a súa cotización á baixa. En Europa, o leite en po desnatado sitúase nunha media de 170 euros (100 quilos), segundo os últimos datos do Observatorio, a penas por riba do prezo fixado para a intervención pública (169,8 euros). Reunións polos prezos en Bruxelas e Madrid Os aumentos de produción e a mala situación dalgúns dos principais mercados de exportación están a levar a progresivas baixadas dos prezos en orixe do leite nos últimos meses. Nos próximos días están previstas reunións clave en Bruxelas e en Madrid para analizar posibles medidas que contribúan ó repunte dos prezos. En Bruxelas, os ministros de Agricultura da UE analizarán a posibilidade dun aumento do prezo de intervención do leite, de xeito que se poidan retirar do mercado parte dos excedentes. O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, oponse a esta medida e xa advertiu de que calquera decisión ó respecto debería ser revalidada polo Parlamento Europeo e polo Consello Europeo. En Madrid, industrias, distribución, cooperativas e organizacións agrarias abordarán, coa mediación do Ministerio de Agricultura, posibles compromisos para a recuperación do prezo do leite.

Seminario para analizar o impacto do fin das cotas en Galicia

Teo acollerá o próximo venres 4 de setembro unha xornada para analizar o impacto da liberalización do sector lácteo en Galicia no contexto europeo e internacional. A actividade, organizada por Alternativa Galega de Esquerda (Age), estará precedida dun seminario sobre o fin das cotas que se celebrará en Bruxelas os días 2 e 3 de setembro, ó que acudirá un grupo de 25 gandeiros galegos. A actividade foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola eurodiputada de Age Lidia Senra. A xornada que se celebrará en Galicia iniciarase ás 11.30 horas do venres coas intervencións de Isabel Vilalba (Sindicato Labrego) e de Phillippe Collin (Confederation Paysanne, de Francia). Senra incidiu na presentación de hoxe no interese que ten coñecer a situación no país veciño tras o acordo pechado en xullo polo Ministerio de Agricultura de Francia entre industrias, distribución e gandeiros. Na sesión de tarde, a partir das 15.30 horas, inservirán Diane Dowling (National Farmer’s Union (Canadá) e Néstor Alfredo Díaz (Fensuagro, Colombia – Vía Campesina). A actividade terá lugar na Casa Común de Oza (Ribas, Teo, a escasos quilómetros da capital galega.

“Europa ten que reducir a produción de leite”

A eurodeputada de Age, Lidia Senra, que fora no seu día secretaria xeral do Sindicato Labrego, analizou, a preguntas dos xornalistas, a crise actual de prezos do leite e as perspectivas dunha posible regulación da produción en Europa. - O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, foi contundente esta semana á hora de dicir que as cotas lácteas remataron e que non volverán. ¿Vós defendedes un retorno temporal ás cotas e novos instrumentos de regulación do mercado? - En primeiro lugar, hai que dicir que é normal que o comisario diga que as cotas non volverán, xa que é un gran defensor da liberalización do sector lácteo e dos agronegocios. Desde a nosa perspectiva, Europa ten que reducir a produción a nivel global, ata un nivel que lle permita cubrir o mercado interior e ter uns pequenos excedentes. Ademais, tería que producirse unha redistribución dos dereitos de produción na UE.
"Coas cotas, había cousas que non funcionaban, pero o abandono do control da produción só agravou os problemas"
- Estes días, un articulista sostiña nun xornal galego que os que antes estaban en contra das cotas, agora defenden o seu regreso. Estás de acordo con esa perspectiva? - Eu o que sempre dixen foi que a implantación das cotas deixou a este país cun volume de produción ridículo e que inviabilizaba ó sector lácteo. A demanda fundamental era de máis cota. A comezos dos 90 tiñamos 100.000 granxas familiares e hoxe xa só quedan 10.000. Tamén nos opuxemos ó mercado de cotas, que levou a que o sector se endebedase de xeito tremendo, pero sempre defendemos un control da produción, un modelo de explotacións de tamaño humano, familiar, e que se resolvese o problema do prezo, que é algo que non resolvían as cotas por si soas. Había cousas que non funcionaban, pero co abandono do control da produción, estamos peor aínda. - En canto á situación de crise de prezos pola que pasa o sector. Cre posible unha intermediación política que impulse un acordo entre industrias, gandeiros e distribución? - Eu lémbrome de reunións que había no pasado entre os sindicatos agrarios e a industria nas que se chegaban a acordos de prezos. Outra cousa é que eses acordos foran máis ou menos difíciles e que houbese que presionar. O escenario agora é que ese tipo de negociacións se quere desarticular e non hai vontade política para intermediar na crise do sector. De aí que a conselleira estea a dicir que as solucións pasan polas organizacións de produtores, cando nunca fixeron falta organizacións de produtores para negociar o prezo do leite.

Unións Agrarias esixe a comunicación urxente das multas por supertaxa

O sindicato Unións Agrarias solicita a comunicación urxente aos gandeiros dos datos correspondentes ás sancións por supertaxa. “Resulta necesaria e urxente a comunicación individualizada por parte das empresas recolledoras ás explotacións sancionadas, xunto cos importes a reter nas liquidacións”, demandan dende a organización agraria. Nun comunicado UUAA sinala que “deste xeito débense liberar as retencións a conta do gran número de granxas, que a pesar de que non figuran entre as sancionadas, tiveron que alugar cota para cubrir esa posible incidencia”. Ademáis, a organización agraria sinala que “ademais estas explotacións teñen sen cobrar o leite de marzo e manteñen vivos avais bancarios para cubrir unha  sanción que non se vai a producir, co que iso supón nun momento de afogamento económico como actual”. Priorizar o leite español ante o boicot  francés Por outra parte, e despois de coñecer a sabotaxe en Francia a unha cisterna que contiña nata procedente de España, o sindicato Unións Agrarias pide ás empresas transformadoras que “prioricen a produción láctea española fronte ás importación de leite en po e produtos terminados de Francia”. “Esta acción suporá un alivio para a situación que atravesa o sector en Galicia e un xesto de compromiso para coa supervivencia do medio rural galego”, sinalan. Neste sentido, UUAA denunciará diante dos consumidores ás empresas que manteñan as importacións francesas.

Un total de 66 gandeiros galegos terán que pagar 4,4 millóns de supertaxa láctea

Un total de 66 explotacións lácteas galegas terán que pagar 4.465.247 € de multa por superar a súa cota na campaña pasada, que finalizou o pasado 31 de marzo. A media por sanción en Galicia é de 66.520 euros. No conxunto do Estado a supertaxa láctea da UE correspondente á última campaña con cotas afectou a 138 gandeiros que terán que pagar 10,44 millóns de euros de multa, cunha media por explotación de 75.660 €. Así se desprende dos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, que acaba de facer públicos os datos finais do último período de taxa láctea, tras realizar as análises e depuracións das declaracións anuais de entregas e a xestión dos transvasamentos de cota. Inicialmente, cos datos provisionais dos que dispoñía o FEGA, a supertaxa láctea ascendía afectaba a uns 150 gandeiros por un importe de 11 millóns de euros e estimábase que en Galicia afectaría a unhas 100 explotacións por un importe que roldaría os 6 millóns de euros. Realizando unha análise dos datos obsérvase que o 47% dos gandeiros de España que terán que pagar supertaxa láctea son galegos, que pagarán á súa vez o 42% da multa do conxunto do Estado. Dende o Ministerio destacan que só terán que pagar supertaxa o 0,78% do total dos gandeiros que teñen entregas declaradas. Polo tanto, só terán liquidación aqueles gandeiros que excederon considerablemente a súa cantidade de referencia individual. En concreto, no período finalizado o pasado 31 de marzo, superouse a cantidade de referencia nacional de 37.500 toneladas, o que vai dar lugar a unha liquidación da taxa láctea por un importe inferior aos 10,5 millóns de euros. Pagamento graduado da supertaxa Por outra parte, o Ministerio destaca que o pagamento da supertaxa se poderá realizar de forma graduada en tres prazos sen intereses. O primeiro deles ata o 30 de setembro de 2015, co pagamento de polo menos un terzo do total. O segundo prazo ata o 30 de setembro de 2016, co pagamento tamén de polo menos un terzo do total e o terceiro prazo ata o 30 de setembro de 2017 co último terzo do total. O pagamento da taxa efectuarase polos compradores e polos gandeiros de venda directa. No caso dos compradores, deberán repercutir aos produtores as cantidades nas mesmas porcentaxes nas que fixesen os pagamentos. O pagamento graduado considérase como un dereito do gandeiro, non como unha obriga, polo que se non queren acollerse a esta posibilidade abonda con manifestar a súa vontade en contra, ou ben facer o pagamento da cantidade debida dunha soa vez antes do 30 de setembro de 2015.

Galicia aumentou a produción de leite en abril nun 2%

Galicia, finalmente, sae ben parada nos datos de entregas de leite do mes de abril. De acordo coas últimas estimacións, a comunidade aumentou a súa produción en abril, primeiro mes sen cotas, en torno a un 2% en relación a abril do 2014, unha porcentaxe similar á media de aumento estatal, que se sitúa no 3%. As entregas galegas en abril foron de 225.000 toneladas, fronte ás 220.000 de abril do 2014. O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de correxir os datos provisionais de entregas que fixo públicos hai 15 días, dos que se desprendía un freo á produción de leite na comunidade e un aumento significativo noutras áreas con pouca tradición leiteira, caso de Andalucía ou Castilla La Mancha. Finalmente, nin Galicia perde peso na produción a nivel estatal nin o aumento das entregas noutras comunidades foi tan elevado como indicou o Fega nun principio. Andalucía pasa só de 41.000 a 44.000 toneladas (non a 48.000 como se indicara) e Castilla La Mancha de 20.000 a 22.000 (non a 26.000); se ben os datos actuais son aínda provisionais e suxeitos a variación. O enredo coas cifras de abril débese a que co fin da cota láctea, desapareceu a obriga de industrias e primeiros compradores de leite de comunicar os datos de entregas ó Ministerio, polo que foi precisa a publicación dun novo decreto que restablecese o protocolo de traslación de datos á Administración. Eses cambios levaron a problemas no procesamento da produción do mes de abril, o primeiro sen cota láctea, pero agárdase que as estatísticas se vaian normalizando nos próximos meses. As cifras iniciais de entregas, coñecidas hai 15 días, suscitaran preocupación no sector produtor, que advertira dunha posible deslocalización da produción de Galicia a outras zonas con menos tradición gandeira.

O freo das entregas de leite en Galicia preocupa no sector produtor

Os datos provisionais de entregas de leite no mes de abril, que confirman o freo da produción en Galicia, preocupan entre os produtores, que advirten de que o sector lácteo galego perde peso no Estado. Se habitualmente Galicia viña entregando en torno ó 39% do leite producido no conxunto de España, en abril a porcentaxe foi do 33 %, segundo as cifras provisionais do Fega. Desde o sector enténdese que se trata de datos coxunturais, pero tamén se demandan accións para evitar que esa coxuntura se transforme en estrutural. A mala situación de mercado e os baixos prezos en orixe do leite retrotraen a produción na comunidade, aínda que desde as organizacións agrarias inciden en que a situación é distinta noutras zonas como Andalucía ou Castilla La Mancha. “Non se entende que en Andalucía medre a produción un 17% e en Castilla máis dun 25% cando alí teñen que producir en base a concentrados, con maiores custos de produción, en tanto aquí, que temos unhas condicións máis propicias para a gandaría, están baixando as entregas” -critica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “De cara ó futuro, podemos vernos de novo con problemas para garantir a recollida do leite en Galicia, como xa pasou nas últimas semanas”.
"Hai que manter unha regulación do mercado que garanta a recollida e prezos que cubran custos" (Manuel Iglesias, OPL)
Desde a Organización de Productores de Leche (OPL) lamentan tamén a “incapacidade” que está a mostrar a industria para recoller todo o leite producido en Galicia. “Moitos gandeiros pensaban en aumentar a produción co fin das cotas, pero con frecuencia non está a ser posible” -conta o presidente da OPL, Manuel Iglesias- “En xeral, as industrias están a recoller os mesmos volumes do ano pasado, pero temos algunha que mesmo está a restrinxirlle as entregas ós gandeiros por debaixo dos volumes producidos na campaña anterior”. A OPL entende que é precisa a actuación das Administracións estatal e autonómica para buscar unha solución ós problemas de mercado. “É certo que as medidas de intervención da UE no mercado lácteo se están a reducir, pero hai que manter unha regulación que garanta a recollida e prezos dignos que cubran os custos de produción”, sinala Iglesias. A medio prazo, o sector entende que a solución debe pasar polo fortalecemento da industria láctea asentada en Galicia, actualmente nunha posición de debilidade estrutural e financieira. Entre as empresas que están a incentivar a redución da produción na comunidade figura a asturiana Capsa (Larsa, Clas), que en relación ós volumes recollidos o ano pasado, paga o 80% a prezo de mercado e o 20% a prezo de leite en po. Outras, sen embargo, están a permitir certa flexibilidade, caso de Feiraco, que admite a prezo de mercado ata o 110% do leite entregado o pasado ano, en tanto paga o restante a prezo de leite en po, segundo produtores consultados. Os problemas de mercado, con todo, non son exclusivos de Galicia. En Cantabria, Lactalis vén de anunciar unha redución do leite que recolle, segundo fontes do sector, en tanto en Castilla y León, a cooperativa Gaza tamén acordou unha limitación das entregas de leite.
"Os alugueres de cota xeraron en Galicia unha 'supertaxa na sombra' duns 8 millóns de euros" (Roberto García)
Supertaxa Unións Agrarias ofreceu onte unha rolda de prensa para criticar a xestión da supertaxa por parte do Ministerio de Agricultura. A organización agraria destacou que ao final só pagarán a supertaxa arredor de 130 gandeiros en todo o Estado, que deberán facer fronte a uns 11 millóns de euros de multa. O 20% desa cantidade correspóndese a dúas explotacións de Navarra, segundo os datos da organización, que considera que o Ministerio pecou de alarmismo nos primeiros meses de campaña ó falar da posibilidade dunha supertaxa da orde duns 75 millóns de euros. Desde Unións inciden en que esa mensaxe levou ás explotacións á adopción de medidas drásticas, coma o sacrificio de parte do rabaño. A organización calcula tamén o impacto dos alugueres de cota na última campaña. Segundo os datos de Medio Rural, máis de 3.800 gandeiros alugaron arredor de 205.000 toneladas de cota. A un prezo medio de 4 céntimos por quilo, a organización agraria calcula que as explotacións galegas tiveron que desembolsar nese concepto máis de 8 millóns de euros, “o que supón unha supertaxa na sombra”, critican.

España aumenta un 3% a produción de leite tras o fin da cota

Os datos de entregas de leite no mes de abril, o primeiro tras o fin do sistema de cota láctea, revelan un aumento da produción española de arredor do 3%. En abril do 2014, as industrias recolleran 575.200 toneladas, que se elevaron a 593.900 este ano, segundo as cifras provisionais do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Galicia, segundo esas estimacións provisionais, quedaría á marxe do aumento xeralizado da produción. O fin do sistema de cotas abriu a posibilidade a unha produción liberalizada, se ben a mala situación de mercado e os baixos prezos en orixe do leite desincentivan os aumentos de produción. Con todo, en España as entregas ás industrias medraron en torno a un 3%, unha situación distinta da rexistrada en Galicia, onde os datos iniciais do Fega apuntan a entregas inferiores ás do mesmo mes do pasado ano.
Os aumentos de produción no Estado concéntranse en Andalucia e Castilla La Mancha
Se en abril do 2014, Galicia producira 220.000 toneladas (axustadas por materia graxa), en abril do 2015, o Fega computa, segundo os seus datos provisionais, 201.000 toneladas sen axustar por materia graxa, polo que a cifra final será lixeiramente inferior. O Fega aínda non ten todos os datos dos primeiros compradores de leite e calcula que lle restan por computar arredor de 22.780 toneladas, pero aínda que boa parte desa cantidade corresponda a Galicia, como é previsible, a comunidade a penas igualaría a produción de abril do 2014. En Galicia, a produción si medrou entre as explotacións máis profesionalizadas, como reflicten os datos de Africor Lugo, pero no conxuto do sector, a tendencia é outra. Entre tanto, as entregas de leite están a aumentar de xeito significativo en comunidades como Castilla La Mancha, que pasa de 20.000 a 26.000 toneladas (este último dato sen axustar aínda por materia graxa), ou Andalucía, que pasa de 41.000 a 48.000 toneladas. Temor á deslocalización da produción Os datos do Fega confirman os temores do sector agrario galego a unha lixeira deslocalización da produción de leite. En Galicia, as industrias están restrinxindo a recollida e tratan de limitar os aumentos de produción das explotacións, en tanto no resto do Estado, en comunidades deficitarias na produción de leite ou máis próximas ós grandes centros de consumo, as entregas medran. O caso de Asturias, cun emprazamento e situación no mercado similar a Galicia, non se corresponde sen embargo con eses patróns, pois na comunidade veciña tamén medrou a produción de leite, que pasou de 48.000 a 50.000 toneladas (sen axustar este último dato por materia graxa). O diferencial de prezo tamén é significativo. Galicia está en 28,7 céntimos por litro, o prezo máis baixo de España, en tanto Asturias supera os 33 céntimos. A media española sitúase nos 31,1 céntimos e ningunha comunidade, salvo Galicia, baixa dos 30 céntimos por litro.