Archives

Eliter, unha ferramenta para dar valor aos becerros das explotacións de leite

Elio López cun dos crotais que certifican a calidade dos becerros

Lograr que os xatos que saen das explotacións de leite galegas sexan tenreiros de élite. Ese é o obxectivo de Éliter, unha iniciativa creada por unha empresa galega que busca diferenciar aqueles animais que cumpren cuns parámetros de idade, sanidade e benestar idóneos para que o seu valor no mercado se incremente.

O veterinario Elio López, responsable da idea, explica que “actualmente os xatos lactantes en Galicia e no resto de España cada día valen menos e teñen menos venda. Isto débese a que moitas gandarías non fan ben o manexo dos xatos pequenos, aos que non lles prestan a atención e os coidados necesarios (non pertencen a unha ADSG ou non levan os programas sanitarios idóneos, non encalostran ben aos animais ou mesmo manipulan as datas de nacemento para poder mandalos antes de tempo). As consecuencias destas prácticas acaban pagándoas todas as granxas, tanto as que fan ben as cousas como as que non, porque até agora non había unha certificación que diferenciara os xatos que foron atendidos axeitadamente dos que non”, evidencia.

Coa finalidade de botar unha man aos gandeiros nestes momentos difíciles, decidimos dar o servizo gratis nas primeiras 100 granxas que nos chamen e se apunten ao noso sistema de certificación

Esa é precisamente a finalidade de Éliter, distinguir aos becerros daquelas explotacións que os coidan baixo unhas condicións determinadas de saúde e benestar que os predispoñen para un mellor crecemento e desenvolvemento posterior. “Os cebadeiros na actualidade prefiren importar xatos do norte e centro de Europa a un prezo superior porque son animais máis homoxéneos, de maior idade e que provocan menos baixas”, explica Elio.

O sistema de certificación de Éliter non só aporta maior valor aos machos que saen da granxa ás dúas semanas de vida, senón tamén ás femias que quedan na gandeiría, xa que os veterinarios de Éliter van axudar aos gandeiros a mellorar a recría propia e asegurar deste xeito un óptimo reemprazo de vacas en produción. “Non só imos dar este servizo de certificación para os xatos, senón tamén de asesoramento aos gandeiros para a mellora da recría de xovencas con recomendacións relacionadas co encalostrado e co coidado das xatas”, engaden.

Non só damos máis valor aos xatos que se venden, senón que axudamos ás explotacións a mellorar a recría propia da gandeiría

Coa finalidade de botar unha man aos gandeiros nestes momentos de dificultades, en Éliter pensaron en poñer o seu gran de area cunha oferta de lanzamento de balde para axudar deste xeito aos produtores nun momento no que é máis necesario ca nunca. “As dificultades para a saída dos becerros das explotacións nestas últimas semanas evidencia a necesidade de diferenciación no mercado, polo que farémolo gratis nas primeiras 100 granxas que nos chamen e se apunten ao noso sistema de certificación”, anuncian.

Un sistema simple e sinxelo

O sistema ideado por esta empresa de certificación de bovino lactante é moi doado de usar por parte do gandeiro, de maneira que non lle supoña un esforzo engadido. Coa App de Éliter descargada no seu móbil, unicamente tería que facer unha foto ao xato no momento do nacemento e un pequeno vídeo o día 13 e subilo á plataforma de certificación, que non permite modificar as datas da toma das imaxes. Deste xeito, quedaría demostrado que o becerro chega ao mercado con dúas semanas de vida.

O gandeiro unicamente tería que facer unha foto ao becerro cando nace e un pequeno vídeo o día 13 para deste xeito demostrar que chega ao mercado con dúas semanas de vida

O persoal técnico de Éliter, un equipo formado por dous veterinarios e un informático, encargaríase de comprobar mediante unha análise inicial da explotación e de revisións periódicas posteriores que as instalacións nas que se atopan os animais e as atencións que reciben son as axeitadas. “Visitamos as granxas para ver as características das súas instalacións para becerros estudando distintos aspectos como por exemplo o benestar animal ou o estatus sanitario da explotación e comprobamos mediante analíticas a un número determinado de animais, que varía en función do número de cabezas da explotación, o correcto encalostrado”, explica Elio.

“Se a gandaría xa o fai ben non tería que cambiar nada, simplemente nós comprobámolo e certificámolo. En caso de que non se cumpliran ao 100% todos os requisitos que nós establecemos, asesorariámola para que cheguen ao obxectivo fixado”, engade. Isto supón que coa certificación non só se lle axuda ás ganderías a mellorar a saúde e o benestar dos becerros que van vender, senón que tamén reciben asesoramento para mellorar a recría propia da explotación.

Se a gandaría xa fai ben o encalostrado non tería que cambiar nada, simplemente nós comprobámolo e certificámolo. En caso de que sexa necesario facer algún cambio, asesorámola para que chegue ao obxectivo fixado

Tómanse mostras tanto do costro subministrado como do animal, extraendo soro sanguíneo dos xatos, que se analiza mediante espectofomometría para valorar as proteínas totais dos animais. Os resultados deben conter un nivel de máis de 5,2g/dl de proteínas totais, que se relaciona cun nivel de inmunoglobulinas axeitado para garantir a transferencia axeitada de inmunidade pasiva ao becerro.

Crotais diferenciadores con código QR

Os crotais de Éliter

Todos os xatos pertencentes ás explotacións gandeiras inscritas son identificados e certificados de xeito individual mediante crotais específicos que teñen un número e un código QR que permite acceder a todos os datos do animal podendo comprobar deste xeito a trazabilidade individual de cada xato. “Deste xeito tamén lle damos un valor para a xestión dos crotais dos becerros na explotación xa que identificamos aos animais ao nacer cunha imaxe”, destaca Elio.

Os técnicos de control de Éliter validan de xeito individual todo o proceso de cría e asignan un número de crotal específico. O equipo está formado por dous veterinarios e un informático

O certificado individual que acompaña a cada becerro indica:
– Que procede dunha explotación con cando menos nivel 1 de ADSG ou equivalente fronte a Rinotraquítis Infeccionsa Bovina (IBR) e Diarrea Vírica Bovina (BVD), acreditando que se realizan plans de control contra estas enfermidades e que a granxa leva un ano sin presentar posivos
– Que o animal foi sometido a un correcto encalostrado e recibiu os coidados neonatais axeitados
– Que ten máis de 14 días de vida reais á data de saída da explotación
– Que os becerros lactantes da explotación atópanse nunhas condicións de aloxamento e encamado axeitados
– Que se garanten as condicións xerais de benestar dos animais

O sistema de certificación está xa en funcionamento e é válido tanto para machos pintos como para machos de cruce, aínda que as restricións aos movementos impostas nas últimas semanas como consecuencia do estado de alerta sanitaria por mor do coronavirus retrasou as novas altas de explotacións, que a partir da entrada hoxe da comunidade galega na fase 1 da desescalada xa se poden levar a cabo.

Os xatos son un activo nas explotacións que hai que aproveitar, pero hoxe non se valora a aqueles gandeiros que tratan e coidan mellor aos seus becerros

“É convinte que as gandarías que queiran empezar a certificar os seus becerros se poñan en contacto con nós para ir preparando toda a documentación e que unha vez pasen estas limitacións do confinamento poidan beneficiarse xa das vantaxes da certificación ante unha previsible baixada de prezos”, explica Elio.

Para contactar co equipo responsable de Éliter pode facerse a través da súa páxina web ou chamando ao teléfono 672620791. Para máis información tamén se pode descargar neste enlace o Prego de Condicións do servizo.

O coronavirus agrava a necesidade de diferenciación

A parálise e ralentización do mercado como consecuencia da crise do coronavirus motivará previsiblemente cando se reactive a actividade con normalidade nos mercados de gando unha acumulación de becerros que fará descender aínda máis o seu prezo. Isto fará que só os mellores animais terán unha saída garantida. Por iso, considera Elio, “nos vindeiros meses vai ser moi útil poder distinguir a aqueles xatos que cumpren cos estándares axeitados”.

Xa hai cooperativas en Galicia interesadas en acreditar a calidade dos seus becerros, como Aira ou Xallas, que queren certificar deste xeito os coidados que reciben xatos das ganderías que as integran. O sistema posto en marcha por Éliter leva xa tamén semanas testándose na SAT Xusto, no municipio de Cospeito, que actuou como explotación piloto para o desenvolvemento do proxecto de certificación de becerros lactantes.

As cooperativas Xallas e Aira xa mostraron o seu interese neste sistema de certificación dos xatos, que podería incrementar os ingresos que logran as explotacións pola venda de machos pintos e de cruce

Tamén son varios os cebadeiros que mostraron o seu interese por mercar xatos certificados, como unha maneira evitar baixas e, polo tanto, as perdas que isto lles ocasiona. “Hai cebadeiros de fóra de Galicia que deixaron de mercar machos na nosa comunidade porque as condicións nas que lles chegaban non eran as axeitadas e está claro que os cebadeiros, no momento en que poidan escoller os mellores becerros, vano facer, preferindo mercar os xatos con mellores condicións”, asegura Elio.

Utilidade para os cebadeiros

Boa parte dos cebadeiros cataláns, destino habitual dunha parte importante dos xatos das explotacións de leite galegas, decidiron cambiar os xatos galegos por outros, procedentes por exemplo de Francia. Foi o caso de Guissona, que era a principal consumidora de becerros galegos, levando preto de 500 animais á semana, e que deixou de mercar en Galicia.

“O mercado de fóra está aumentando en cantidade e prezo mentres aquí os becerros pintos non valen a nada, con prezos en mínimos históricos entre 40 e 50 euros por animal. En Francia, por exemplo, coidan os xatos, que veñen cun mes. Aquí canto menos valen menos se coidan e canto menos se coidan menos valen, é un círculo vicioso”, razoa o creador de Éliter.

En Francia cóidanse os machos e teñen valor. Aquí canto menos valen menos se coidan e canto menos se coidan menos valen, é un círculo vicioso

“Os xatos son un activo nas explotacións que hai que aproveitar, pero non todos os becerros son iguais e hoxe non se valora a aqueles gandeiros que tratan e coidan mellor aos seus tenreiros machos porque o que merca é incapaz de diferenciar ao que o fai ben do que o fai mal e páganse todos os xatos igual, polo que os malos fixan o prezo á baixa tamén dos bos”, afirma.

Diferenzas de entre 40 e 50 euros máis por xato

“A nosa idea é que o valor dos animais certificados se poida incrementar ata poder alcanzar ou mesmo superar os prezos dos xatos que veñen de Europa. Desta maneira os gandeiros galegos entrarían a competir cos franceses pero coa vantaxe de que nós podemos garantir cousas que eles non poden”, explica Elio.

Na actualidade hai diferenzas de arredor de 40-50€ en animais das mesmas condicións de peso e conformación. Xa que logo, poñendo un exemplo práctico, para unha granxa de 100 vacas en produción que mande ao ano 70 becerros machos ao mercado suporía uns ingresos a maiores de 3.500 euros con respecto aos actuais. Con todo, o responsable de Éliter é consciente de que este proceso de revalorización non será inmediato, xa que “até que non haxa oferta suficiente deste tipo de becerros tampouco a demanda o vai a valorar dabondo”.

Xa hai moitos gandeiros que o fan ben, eu calculo que entre un 30 e un 40% dos animais que chegan á feira están ben coidados, pero hoxe non se ven recompensados

Aos tres mercados de referencia galegos, agora suspendidos por mor do Covid-19, chegaban cada semana entre 1.500 e 2.000 animais de recría. “Xa hai moitos gandeiros que o fan ben, eu calculo que entre un 30 e un 40% dos animais que chegan á feira están ben coidados”, afirma Elio. A eles é aos que vai dirixido en primeiro lugar Éliter, porque sen necesidade de facer ningún cambio, acadarían un valor engadido do seu traballo.

Para o resto de explotacións serviría como incentivo para mellorar na medida en que visen que compensa economicamente mellorar o manexo dos machos de recría ao ver que os prezos son superiores cando se garante que o xato foi ben coidado.

Válido para machos pintos e de cruce e para femias de recría

Aínda que este sistema de certificación está pensado sobre todo para os machos pintos, os de menor valor a día de hoxe, pode aplicarse tamén aos xatos rubios ou de cruces cárnicos. Asimesmo, tamén sería válido para a venda de femias de recría e de xovencas a outras explotacións, que terían unha garantía absoluta dos coidados recibidos desde o momento do nacemento. “Un bo encalostramento pode supór un incremento de 1.700 kg extra de produción na primeira lactación, algo que está demostrado con estudos científicos. Polo tanto, é moi interesante coñecer iso de antemán, dende a orixe, cando nace a xata”, insiste Elio.

Este veterinario está convencido de que tanto aos cebadeiros, no caso dos machos pintos e de cruce, como ás explotacións que mercan recría noutras gandarías, compénsalles pagar un pouco máis por saber que o animal que adquiren e reciben nas súas instalacións e entra en contacto co seu gando é o axeitado e cumpre unha serie de garantías sanitarias e de manexo.

Facer ben o encalostrado e seguir uns protocolos correctos de coidados neonatais reduce nun 50% as probabilidades de enfermidade dese animal no seu primeiro mes de vida. No caso das xovencas equivale a 1.700 quilos de leite máis na primeira lactación

“Facer ben o encalostramento e seguir uns protocolos correctos de coidados neonatais reduce nun 50% as probabilidades de enfermidade dese animal no seu primeiro mes de vida”, explica este veterinario. Do mesmo xeito, o IBR é o principal causante do síndrome respiratorio e o BVD é un inmunodepresor que fai que no caso de que outra enfermidade patóxena entre na granxa cause moitas máis baixas.

“Hai explotacións que son conscientes disto e están vacinando pero despois á hora de vender os seus animais non se diferencian do resto. Tampouco o valor das ADSG se ve recompensado”, conclúe Elio.

Matilda: Un novo avance no encalostrado dos becerros

O encalostrado é un paso clave na recría: é o primeiro aporte nutritivo e de defensas naturais que recibe o becerro da nai. De que o costro se administre no momento e na cantidade e temperatura adecuada e, sobre todo, que estea libre de patóxenos, dependerá a saúde da becerra e mesmo da futura xovenca, tal e como conclúen os últimos estudos científicos.

Neste sentido, a multinacional estadounidense DairyTech, cunha longa e acreditada traxectoria no sector, acaba de sacar este ano ao mercado a Matilda, unha máquina que non só pasteuriza o costro, senón que co seu avanzado sistema de bolsas Perfect Udder® permite que dunha forma rápida e sinxela o costro estea dispoñible en todo momento e en óptimas condicións. O seu distribuidor oficial en España é a empresa Develatt.

Estas son as grandes vantaxes de Matilda:

É pequena: Mide 79 cm x 56 cm x 64 cm

Fácil manexo: O seu control de pantalla táctil, fácil de usar, fai que o funcionamento sexa sinxelo. Seleccione o seu programa (pasteurizar costro recén muxido e baixalo a 38 graos para darllo ao tenreiro, desconxelar costro e quentalo a 38 graos; pasteurizar costro e baixalo a 18 graos para gardalo…etc) e Matilda ocúpase do resto, e pode facelo en múltiples idiomas.

Pódese controlar desde o teléfono móbil: A conectividade Bluetooth permítelle programar desde o seu teléfono e devólvelle a información do sistema da mesma maneira.

Mantemento sinxelo: a tecnoloxía de autodiagnóstico de Matilda supervisa o seu motor, resistencias de quecemento e outros compoñentes comúns para a notificación de reparacións ou erros do sistema dispoñibles con monitoreo remoto de Dairy Tech

Envío fácil e rápido: Matilda envíase por paquetería en 24 h directamente á porta da súa gandaría. Conéctea á auga e á corrente e ela estará lista para traballar para vostede e para os seus tenreiros.

Pequena pero de alto rendemento: Matilda pode procesar até 8 litros de costro á vez en bolsas especiais para o manexo de costro Perfect Udder®, tamén fabricadas por DairyTech.

Un costro libre de patóxenos: Ademais, Matilda realiza unha pasteurización lenta do costro, a unha temperatura de 60 graos durante 1 hora, o que permite que preserve as inmunoglobulinas e demais compoñentes beneficiosos do costro.

Pola contra, Matilda elimina todos os patóxenos principais (Salmonella, Johne´s, E Coli, S. Aureus, Mycoplasma, etc) que se poden transmitir da nai ao xato a través do calostro.

Fabricada por unha empresa referente en Estados Unidos: Desde 1999, os pasteurizadores Dairy Tech, Inc. utilizáronse en case todos os estudos universitarios e ensaios de campo nos Estados Unidos relacionados co leite de descarte e o costro materno.

Bolsas que evitan contaminación do costro e facilitan a súa administración: As bolsas para manexo de costro Perfect Udder® son a solución para o manexo do costro, desde a recolección até a alimentación, sen o temor dunha
nova contaminación.

Están dispoñibles en tres volumes, con doses específicas para cada tipo de tenreira:

– 4 litros para tenreiros de 40kg
– 3 litros para becerros de 30kg
– 2 litros para a segunda toma de costro.

Os puntos claves para un bo encalostrado dos xatos:

Como pedir unha Matilda?

Na páxina web de Animal Vit

Chamando ao teléfono 633 155 126 ou enviando un email a   info@animalvit.com