Archives

“A escaseza de produción de leite para atender a demanda mundial vai ser a nova normalidade”

O mercado lácteo a nivel mundial vive momentos de volatilidade. A inestabilidade foi unha constante no último ano e continúa na actualidade. O incremento de custos e o descenso de produción elevou en 2022 o prezo do leite a niveis de máximos históricos que se perderon a partir de decembro. Este 2023 arrincou cun repunte na produción e unha aminoración de prezos pero, será esta a tendencia para os próximos meses? Un recente webinar organizado pola rede de investigación láctea internacional IFCN augura “un forte crecemento da demanda nos países emerxentes que fará insuficiente o actual rebote na produción de leite a nivel mundial”. Os especialistas do IFCN, Muzaffar Yunosov e Saeed Dalil aseguran que “estamos ante un cambio de paradigma: a oferta xa non é unha variable fixa”. “Os países exportadores netos de lácteos enfrontan problemas e estamos a presenciar unha nova normalidade no mundo lácteo, con escaseza na produción de leite”, aseguran.
Estamos diante dun cambio de paradigma: escaseza na produción de leite
O comercio de lácteos en 2021 desacelerouse debido á baixa dispoñibilidade nos principais países exportadores netos e ás interrupcións na cadea de subministración a nivel mundial. O mapa de superávit e déficit de leite por países a nivel internacional mostra un alto crecemento da demanda en economías emerxentes, liderada por China e outros países do sueste asiático. “Que outros operadores do mercado internacional teñen o potencial de proporcionar o leite adicional necesario para cubrir probables perdas de produción da UE ou Nova Zelandia, afectadas por regulacións ambientais e desaparición de granxas?”, pregúntanse Muzaffar e Saeed. Efectos da inflación na demanda Para facer predicións realistas neste momento hai que ter en conta a volatilidade dos prezos e as tendencias cara á sustentabilidade impostas nos principais países produtores, tanto na UE como en EEUU, Australia e Nova Zelandia, pero tamén os problemas económicos actuais de alta inflación, que están a afectar á demanda de importación de produtos lácteos. “Algúns shocks temporais actuais poden contribuír ou mesmo converterse en megatendencias máis a longo prazo”, aseguran os analistas do IFCN. Algúns destes shoks actuais serían:
  • Economía (estanflación, taxas de interese)
  • Cambio de prezos (insumos agrícolas, crise enerxética)
  • Mercado laboral (salarios, inmigración)
  • Políticas ambientais (Pacto Verde europeo)
  • Guerra de Ucraína e outros conflitos
  • Loxística (rotura da cadea de subministración)
En canto ás megatendencias identificadas, con pervivencia no tempo máis a longo prazo, establecen as seguintes:
  • Custos de produción (capacidade de reserva, investimentos)
  • Consolidación de granxas
  • Produtividade/eficiencia agrícola (progreso técnico)
  • Crecemento da demanda (forte nos países emerxentes)
  • Cambio climático
  • Man de obra vs. automatización (man de obra cualificada)
  • Desglobalización (autosuficiencia, acordos bilaterais)

“As marxes cada vez máis axustadas están acelerando o cambio estrutural no sector e limitando o crecemento da produción de leite”

Con sede en Kiel (Alemaña) o IFCN é unha das principais entidades de investigación do sector lácteo a nivel internacional. Con presenza en máis de 100 países, realizan seguimento do mercado en 65 países a través dunha rede de investigadores e colaboradores pertencentes a máis de 140 compañías. Dispoñen ademais dunha rede de “granxas tipo” nos distintos países para analizar aspectos como os custos de produción. “Os custos de produción láctea están a cambiar continuamente e estanse incrementando máis e máis, especialmente nos últimos tempos”, alertan Muzaffar e Saeed. A análise de custos de produción que leva a cabo o IFCN está realizado en base a unha monitorización continua de granxas tipo representativas de cada rexión produtora, de modo que se realiza un seguimento continuado que permite estudar a súa evolución ao longo do tempo nas distintas zonas.
Nestes tempos de cambios rápidos, a competitividade provén da aprendizaxe rápida
Os custos de produción incrementáronse considerablemente nas principais rexións produtoras a nivel mundial no último ano, aínda que con diferenzas notables entre países en función de que a dieta das vacas estea baseada en cereais, que aumentaron considerablemente o seu prezo, ou en pasto e outras forraxes. Dentro da UE, hai diferenzas entre países. Por exemplo, España é dos países con custos de produción máis elevados, xunto a Alemaña, Italia ou Países Baixos, con niveis entre 50 e 60 céntimos por litro de leite, fronte a países como Irlanda, Francia ou Portugal, onde se sitúan por baixo de 50 céntimos.
China e Canadá están entre os países con custos de produción láctea máis elevados
Mesmo en países limítrofes estes custos de produción difiren notablemente. É o caso de Alemaña e Polonia. En Alemaña, principal produtor de leite da UE, con 30 millóns de toneladas anuais, os custos de produción medios das granxas lácteas superan aos 50 céntimos de euro por litro, mentres en Polonia sitúanse no entorno dos 40 céntimos, un 20% menos. O incremento de produción láctea na UE está a minorarse, desde un ritmo dun 2,5% anual en 2007 a un 0,5% actual, cun episodio negativo no ano 2022. “As granxas están a verse afectadas por diversos factores, desde o incremento de custos a leis ambientais, requirimentos de benestar animal, problemas de man de obra e unha pobre imaxe social dos gandeiros”, indica Muzaffar. De granxas familiares a un modelo empresarial Na UE, Nova Zelandia e EEUU o ritmo de desaparición de granxas nos últimos 5 anos foi do 1,8, 1,6 e 7%, respectivamente, e o aumento de tamaño das que quedan moveuse en porcentaxes similares. “O número de granxas segue decrecendo e o seu tamaño segue aumentando. Esta tendencia é máis forte nas principais rexións produtoras de leite a nivel mundial”, explican os investigadores do IFCN. “As marxes máis axustadas están a acelerar o cambio estrutural e limitando o crecemento da produción de leite”, asegura Muzaffar. Evolución do número de granxas leiteiras por estratos de tamaño en Alemaña En Alemaña, por exemplo, nos últimos 15 anos acelerouse a fase de transición desde un modelo de granxa láctea familiar a unha tipoloxía de explotación empresarial. Desde 2006 á actualidade, o número de ganderías produtoras de leite con máis de 100 vacas triplicouse, pasando a ser a día de hoxe o tamaño de granxa maioritario, con 1.500 explotacións encadradas neste estrato, do mesmo xeito que o número de explotacións de máis de 300 vacas alcanza as 500 e de máis de 1.000 vacas hai xa máis de 100.

Balance de Agaca na súa asemblea anual

La Asociación Galega de Cooperativas Agro-alimentarias (Agaca) celebrou esta mañá, en Santiago de Compostela, a 34 edición da súa Asemblea Xeral na que participaron como convidados, o actual director xeral de Cooperativas Campo-alimentarias de España, Agustín Herrero, que está a piques de xubilarse e o seu sucesor no cargo, Gabriel Trenzado que informou sobre os Ecoesquemas da PAC. A asemblea transcorreu na normalidade en canto á aprobación das contas anuais e resultados do exercicio do 2021, pero o resumo da Memoria de Actividades amosa que foi un ano de recesión para o agro galego pola escalada de prezos dos custos de produción. Tal e como indican dende Agaca, ós produtores estalles resultar imposible trasladar este incremento dos prezos á cadea alimentaria, debido á posición oligopolista da gran distribución, pese a que os produtores foran cualificados como esenciais durante a pandemia.

Sector gandeiro

O leite e as carnes en xeral, sufriron un pésimo ano de rendementos económicos soportando unha situación inflacionista espectacular onde cada partida de gastos se viu incrementada (no caso dos fertilizantes máis que duplicada). Todo incrementou o seu valor: as materias primas de alimentación animal e os pensos; en consecuencia, a luz, os carburantes, o ferro e os materiais básicos das instalacións a repoñer, os fertilizantes, mesmo os salarios do persoal contratado, os servizos técnicos, o transporte... Cara a finais do ano 2021 algúns dos prezos de alimentos comercializados polos gandeiros comezaron unha leve recuperación, desigual, con dentes de serra e nada estable a medio prazo. Dende Agaca alertan que o leite e as carnes seguen a ser, xunto con algún produtos de horta como as leitugas, produtos reclamo da gran distribución, para os que desenvolven estratexias de banalización dos produtos consentidas polas autoridades. "Un ano máis houbo perdas claras de rendas pola política económica imposta polos oligopolios da distribución, que provocou unha caída de rendas e de marxes económicas netas, mentres se segue agardando por unha lexislación efectiva que impida a tradicional destrución de valor que practican os últimos elos da cadea", valoran en Agaca. O porcino foi o subsector que proporcionalmente máis renda perdeu, sendo duramente castigado polas caídas das exportacións a China, ademais da carestía brutal dos custos de produción. A carne de polo e a avicultura en xeral tiveron un ano malo con máis vales que picos, que a inflación dos pensos acabou de castigar. Máis estable se comportou a carne de coello, pero cuns custos de produción desbocados que terminaron de penalizar as rendas en relación co ano anterior. O vacún de carne comezou a recuperar prezos prepandemia lentamente no segundo semestre do ano, sen lograr compensar a elevación dos custos de produción. "O vacún de carne de Galicia é un sector que necesita de urxencia cambiar, pois son varios anos en declive continuo, con prezos que non acaban de despegar", indican. Ademais, preocupa que os prezos dos animais da IXP Ternera Gallega reduciron a achega de valor ao resto de animais. "Urxe xerar valor para frear o declive produtivo do sector", apuntan.

Sector agrícola

O sector agrícola resultou substancialmente mellor que o gandeiro. A produción e comercialización de viño viuse inicialmente afectada pola pandemia a causa das caídas de vendas na restauración. Con todo, o 2021 pasará globalmente coma un dos mellores anos do sector de viño de Galicia: houbo axilidade comercial na resposta á crise que pronto atopou na alimentación, e mesmo na exportación unha vía de escape que reduciu os efectos económicos da pandemia. A mediados de ano comezaba a escasear o viño galego nos mercados nacionais e internacionais, o que animou os prezos de venda. "Ao final, para o sector do viño (con gran presenza de cooperativas) podemos afirmar que foi un bo ano onde melloraron os prezos de comercialización, tanto da uva como do viño. Subiron os custos (laborais, dos fertilizantes, a reparación de parras, luz...), porén, a mellora dos prezos de venda do individuo viticultor e da adega compensaron suficientemente o incremento dos custos", valoran en Agaca. Ademais, 2021 foi un ano de boas colleitas, polo que globalmente o crecemento das rendas medias do sector foi importante. Na produción de horta, que leva varios anos en cifras globais positivas, o 2021 tamén foi favorable: melloraron lixeiramente os prezos medios (arredor do 4%) e as producións, provocando unha compensación coa escalada de custos de produción. De media estabilizáronse as rendas de explotacións produtoras, o que supón un bo resultado se se compara co doutros sectores. O subsector de flor e planta viva, que tivo un ano 2020 tan malo coma os sectores gandeiros máis afectados, mellorou substancialmente no ano 2021, acadando os niveis previos á pandemia. Aínda que os custos subiron, as entidades produtoras puideron acercarse ás rendas do ano 2019, despois dun ano 2020 totalmente desastroso en termos económicos. O mel manifestou un comportamento globalmente positivo no exercicio, pero segue estando atacado e perseguido polas diferentes pragas de difícil control (vespa velutina...) e que reduce os volumes agardados. Agaca tamén destacou 'o excelente traballo' desenvolvido polas cooperativas de subministración e servizos: fábricas de penso, almacéns de venda de alimentación, fertilizantes, plásticos..., así como as cooperativas con prestación de servizos ás persoas socias: servizos veterinarios, agronómicos, seccións de crédito, de maquinaria etc. "Estas cooperativas, sempre vinculadas cos sectores produtivos, tiveron unha actividade e un exercicio difíciles pois deberon afrontar a escalada de prezos internacionais. Hoxe, o sector agroalimentario galego é coñecedor da importancia que supón dispoñer dunha rede de empresas ao servizo de gandeiros e gandeiras que fomentan a competitividade e a redución dos custos de produción. Sen esta rede de empresas cooperativas os custos de produción nunca serían os máis reducidos do Estado", valoran en Agaca. Tamén apuntaron que a boa campaña forraxeira do 2021, con incremento de producións e de calidade, resultou clave para conter, aínda que fose minimamente, a escalada dos custos de produción nas granxas, especialmente as de vacún. Como sinalaron durante a asamble xeral, o ano 2021 foi un ano de recesión global de rendas no agro galego, ante a forte escalada dos custos de produción. Con relación á evolución da renda media de profesionais da agricultura e da gandería galega, esta foi claramente negativa en relación á media dos do resto de España onde hai moita máis presenza agraria que gandeira.

Agricultores e gandeiros da Limia propoñen en Xinzo 20 medidas urxentes

Produtoras e produtores da comarca secundaron esta mañá a concentración convocada pola Asociación de produtores da pataca, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a Federación rural Galega, Unións Agrarias e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). A protesta celebrouse na Praza Carlos Casares de Xinzo a mediodía. Os produtores demandan aos gobernos galego e estatal medidas inmediatas que freen o impacto da actual suba de custos de produción no sector agrogandeiro, que agravou a situación precaria que xa arrastraba o sector nos últimos anos. As organizacións convocantes instaron a mudar o actual modelo, dependente da especulación e a compra de insumos do exterior, ao tempo que presentaron unha batería de 20 medidas concretas a activar pola Xunta de Galicia e o Goberno estatal para comezar a frear a suba de custos. 1. Un gasóleo profesional libre de impostos para as explotacións agrícolas e gandeiras. 2. Flexibilización da PAC nesta campaña para que se poidan sementar os barbeitos co fin de paliar a escaseza de cereal. [Sobre este punto, o Ministerio xa avanzou esta semana que había un compromiso de Bruxelas]. 3. Búsqueda dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha vez feita a solicitude, sen ningún tipo de gravamen, para que os produtores teñan liquidez. 4. Flexibilizar os ecoesquemas para a PAC 2023. 5. Bonificación dos intereses e morataria, alomenos de 2 anos, nos préstamos das explotacións agrogandeiras. 6. Redución de módulo acorde coa suba de custos de produción a tódalas actividades agrogandeiras. 7. Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa para o ano 2021, polo menos do 15%. 8. Condonación da Seguridade Social dos agricultores e gandeiros tanto por conta propia como por conta allea durante un ano. 9.Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes. 10. Incremento do apoio dos fondos Next Generation para que cheguen a proxectos sostibles de produción primaria. 11. Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e planta de compostaxe. 12. Habilitar unha liña específica para o acondicionamento dos almacéns da pataca. 13. Aplicación real da lei da Cadea Alimentaria. Os prezos teñen que integrar as subas dos custos. 14. Bonificación da enerxía nas comunidades regantes e nas explotacións agrarias. 15. Reducir as autorizacións de forestar terras agrarias e autorizar os cambios de uso forestal a agrícola para atender as demandas de terra e premiar os cultivos forraxeiros, vexetais, cereal... 16. Facilitar a producción en terras de abandono. 17. Controlar que as importacións cumpren as normas vixentes na Unión Europea. 18. Incrementar a aposta definida para potenciar a pataca e o cereal da Limia a través dos Consellos Reguladores. 19. Activar mecanismos de diálogo para buscar solucións conxuntas e activar as dinámicas de produción e non depender tanto da importación. 20. Fomentar os mercados locais para a venda de produto de proximidade e fomentar o autoabastecemento. Tractorada o venres Gandeiros e produtores volverán saír o venres á rúa, esta vez nunha tractorada que recorrerá as rúas da Limia para amosar o seu descontento polo incremento dos custos de produción. A marcha comezará ás 12.00 horas e piden o apoio do resto dos veciños, sumándose tanto á marcha; así como do comercio, con peches solidarios da actividade durante a manifestación.

Acruga cifra unhas perdas duns 350 euros por exemplar de Tenreira Galega Suprema que levan ó matadeiro

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, cifra unha perda media de 350 euros en cada exemplar de Rubia Galega que se leva ao matadoiro, cun peso medio duns 250 quilos de carne e que se comercializa baixo o selo de Ternera Gallega Suprema.  Así, dende o colectivo estiman que producir un quilo de carne desta calidade custa uns 6 euros, mentres que o prezo por quilo está a pagarse agora entre 4,60 e 4,80 euros, no mellor dos casos. "Actualmente os gandeiros de Rubia Galega atópanse producindo a perdas, cun déficit de 1,40 euros por quilo, e vendendo moi por debaixo dos seus custos de produción, o que a longo prazo supón pagar do seu peto uns 350 euros por cada exemplar que levan ao matadoiro”, explica César Dorado. O presidente deste colectivo, que comercializa carne baixo a marca Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Galega, reclama unha vez máis ás administracións que senten a dialogar para adoptar as medidas necesarias que poñan fin a esta situación. Dorado Pin lembra que no último ano o prezo da tonelada de penso viuse incrementado en máis de 100 euros por tonelada, é dicir máis dun 40% do seu custo; o gasóleo, que representa un 20% dos gastos de produción, dobrou o seu prezo, mentres que os abonos e plásticos agrícolas aumentaron a súa contía en máis dun 60%. "Todo isto fai que os custos de produción se incrementasen de maneira considerable, custando máis de 6 euros producir un quilo de carne desta cualificación”, detalla Dorado.  O presidente desta asociación sinala ademais que “a situación actual vén apontoar un panorama que xa era malo nos últimos anos”. De feito comenta que “os prezos de venda da carne mantéñense en niveis de hai 30 anos”. Por último, dende o colectivo, fan fincapé en que “esta situación condena á desaparición a miles de ganderías tradicionais que basean a súa produción no aproveitamento do pastoreo e na que os animais maman nas súas nais ata o momento en que van ao matadoiro. Creo que isto non só afectará os gandeiros de Rubia Galega, senón que condenará ao abandono do medio rural”, sentenza César Dorado.