Archives

O Tribunal Supremo confirma o dereito das pequenas ganderías de carne a cobrar a axuda do 2020 pola covid

Rolda de prensa de Samuel Formoso, responsable do sector vacún de carne do SLG O Tribunal Supremo confirma a anulación dos criterios fixados pola Xunta para as axudas establecidas no ano 2020 para paliar os efectos da crise provocada pola covid-19 nas ganderías de vacún de carne, segundo vén de anunciar o Sindicato Labrego en rolda de prensa. No mes de setembro de 2020 a Consellaría do Medio Rural publicou, entre as Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19 (Orde do 28 de Outubro do 2020), unha axuda para o sector do vacún de carne. As bases desta axuda sinalaban como un dos criterios para poder solicitala ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda só a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Ternera Galega Suprema, segundo o Sindicato Labrego.
Tan só puideron cobrar a axuda 4.621 das case 19.000 explotacións de vacún de carne que hai en Galicia, segundo o Sindicato Labrego
Esta "discriminación" foi denunciada por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Presentamos unha demanda contra o punto 5.4 da Orde, onde se fixaba como criterio para ser persoa beneficiaria ter máis de 10 vacas nutrices, ao entendermos dende o SLG que era claramente discriminatoria contra a maioría de granxas de vacún de carne do país, e en especial contra o modelo tradicional de produción”, explica Samuel Formoso, responsable do sector vacún de carne do Sindicato Labrego.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a orde de axudas no mes de abril, pero a Xunta acudiu a Tribunal Supremo, que agora desestima o recurso presentado
No pasado mes de abril o TSXG resolveu a favor da demanda do SLG recalcando o discriminatorio que é por parte da Consellería do Medio Rural incluír ese criterio, e sentenciou anulalo, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada. A Consellaría do Medio Rural, non conforme con esta sentenza, recurreu ante o Tribunal Supremo “visibilizando claramente a súa vontade de impedir o acceso das pequenas e medianas granxas a este financiamento público”, considera o SLG Pero o pasado 19 de outubro o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da Consellería, mantendo en firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que dende o SLG esixen á Consellería que “de xeito inmediato subsane este importante agravio contra as granxas que foron excluídas desta axuda, reparando o dano causado”. Desde o SLG consideran que desde a Xunta estase privilexiando a industrialización da produción. “Para favorecer este modelo, o conselleiro está decidido a acabar coas granxas familiares e tradicionais, precisamente as que vertebran as zonas máis desfavorecidas do noso territorio”, argumentan.

Gandeiros de vacún de carne reclaman en Lalín axudas directas para paliar as perdas pola Covid-19

Unha vintena de gandeiros de vacún de carne concentráronse esta mañá diante da oficina comarcal da Xunta en Lalín (Pontevedra) para reclamar axudas directas coas que paliar as perdas que están a sufrir pola crise sanitaria do Covid-19. O acto, organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG), contou coa participación de Samuel Formoso Salgado e Mari Carmen López Varela, responsables polo sector de vacún de carne na organización agraria, elixidos no último congreso celebrado no mes de abril. Entre consignas reivindicativas, os gandeiros participantes informaron das súas peticións tanto a veciños como a outros produtores que se achegaban ás oficinas. Ademais, leron un manifesto que entregaron por rexistro para solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Medio Rural, José González. Reclámanlle á Consellería axudas directas e urxentes orientadas a paliar as perdas derivadas pola caída dos prezos dende o inicio da pandemia. “O sector da carne de vacún, con preto de 20.000 granxas en Galicia e sendo un dos principais sectores económicos que vertebra o rural, é un dos que máis sufriu o impacto do confinamento, cunha caída dos prezos que aínda non se recuperou e que á que agora se suman as subidas nos pensos, combustibles ou na luz”, valorou Formoso na concentración na capital do Deza. Solicitan unha liña de pagos non sexa excluínte, logo de que as aprobadas pola Xunta en outubro do 2020 deixaran fóra a preto de 10.000 granxas con poucos animais. Os produtores reivindican que estas axudas en ningún caso sexan excluíntes por número de vaca nutriz, de maneira que compensen o diferencial entre o prezo baixo cobrado e o prezo normal, ó que se debería vender o becerro, sempre por encima dos custes de produción. “A mellor maneira de activar estas axudas sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado á vaca nutriz, que permita equilibrar os prezos e facer un pago directo para aquelas explotacións compostas por persoas agricultoras a título principal (ATP), non sendo este pago inferior a 3.000 euros por ATP”, explicou López Varela durante o acto. Dende o Sindicato Labrego indican que con estas fórmulas evitaríase a especulación con empresas ou industrias que non se dedican á profesión. O SLG reclama que Medio Rural bote man dos fondos sen gastar do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR 2014-2020) para crear liñas de apoio ó sector da carne e resolver así esta situación.

Ordenación da cadea alimentaria e do territorio

Outra das medidas que reclaman dende o Sindicato Labrego é a ordenación da cadea alimentaria para evitar os abusos ós que, segundo denuncian, os está a someter a industria, que din que impón prezos á baixa. Reprochan que as actuacións da industria están detrás desta baixada de prezos ós produtores dende o comezo da crise sanitaria, mentres os consumidores seguen a pagar o mesmo pola carne. “É preciso establecer mecanismos reais que permitan outras vías de comercialización alternativa á industria, como a venda directa”, apuntan. Tamén solicitan crear plans de ordenación territorial que permitan salvagardar e aumentar a superficie agraria útil, o que permitiría a estas ganderías, boa parte delas en extensivo, incrementar a súa base territorial, abaratar custes e non depender de insumos externos. “Galicia é a que menor superficie agraria útil ten de toda Europa, cun 21%”, concretou López Varela.

“A pandemia fixo aumentar o consumo de leite pero se non seguimos traballando para expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro”

Carlos Spuch, investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur O Día Mundial do Leite foi establecido no ano 2001 pola FAO para recoñecer a súa importancia como alimento global. Cada 1 de xuño, produtores de distintos lugares do planeta, tamén galegos, reivindican o seu traballo e a súa contribución á saúde da humanidade. Pero un dos alimentos máis sans e completos que existe está a sufrir desde fai anos ataques inxustificados e sen base científica. Para desbotar estas fake news consultamos co investigador galego Carlos Spuch, que nos aporta argumentos reveladores para seguir confinado ao leite un papel preponderante na nosa dieta diaria. – Cales son os beneficios do consumo de leite e produtos lácteos? – Os beneficios dos produtos lácteos son inmensos, ao leite e produtos lácteos pódeselles considerar como un superalimento porque só tomando unhas racións diarias de produtos lácteos estás a tomar case todos os nutrientes que necesitamos para vivir saudablemente. Sabemos que o leite é moi bo polos nutrientes que ten, para o noso sistema cardiovascular, para o noso sistema inmune, para evitar a obesidade, para controlar a presión arterial, e o máis importante, porque está moi boa.
O leite é un superalimento: é bo para o sistema inmune, para o sistema cardiovascular, para evitar a obesidade e para controlar a presión arterial
Aquí quero resaltar algo moi importante, a maior parte dos beneficios están na graxa dos produtos lácteos, e o sabor destes tamén. Que significa isto? Que o máis san e saudable, aínda que pareza paradoxal, é tomar os produtos lácteos coa súa graxa, é dicir, leite enteiro, iogures coa súa graxa, queixos coa súa graxa, manteiga, xeados, etc. – Que recomendacións darías en canto a consumo de leite e derivados? – As recomendacións de racións diarias varían entre as diferentes idades, obviamente non é o mesmo falar de nenos, adolescentes, adultos ou persoas maiores, pero tampouco me gusta falar de recomendacións diarias porque iso implica como unha obriga para comer certas cousas e cantidades. O máis importante cando comemos é que gocemos a comida, que o que comamos sexa san, de proximidade e que non sexa procesado, pero non pensemos en que temos que comer certas cousas ao día, hai moitos produtos lácteos diferentes para que cada un tome o que queira nese momento. – É preocupante a rebaixa do consumo de leite nun grupo de idade como son os nenos? – Se nos centramos nos nenos, o leite é un produto fantástico. Moitas veces os nenos, porque non teñen fame ou queren irse xogar rápido, queren comer rápido. Pero o que lles damos ten que ser algo nutricionalmente bo, san e que os encha e aí temos nos produtos lácteos unha das grandes estrelas: achégalles o calcio, vitaminas, proteínas e graxa necesarias para poder facer a súa actividade diaria e para medrar, xogar e desenvolverse cognitivamente.
A maior parte dos beneficios do leite están na graxa; hai que tomalo enteiro
Por iso é tan importante manter o consumo de lácteos nos nenos, e como dixen antes, que os gocen. Que mellor maneira de que coñezan un gran produto lácteo como un bo xeado, ou un iogur? E desde aí, co desenvolvemento do padal, podemos ir aos diferentes tipos de queixos. E como non, tomarse un bo vaso de leite para hidratarse despois de xogar no parque ou adestrar. – Consideras que as xeracións máis novas como os adolescentes ou mesmo os mozos de 20 a 30 anos están a abandonar o consumo frecuente de lácteos e introducindo na súa dieta outros produtos como snacks, doces ultraprocesados ou bebidas enerxéticas? – Esa é probablemente una das causas polas que estamos a empeorar a nosa saúde e seguramente sexa a causante da obesidade infantil e adulta ou enfermidades crónicas como a diabete. É importante saber que un pode comer o que queira, pero non podes abusar e a base da alimentación non poden ser estes produtos. Estamos a condenar ao noso corpo ás futuras enfermidades relacionadas co metabolismo, e aquí van desde as enfermidades cardíacas, cancro, trastornos mentais, obesidade, etc. Temos a obriga de transmitir de forma correcta e educativa, que saiban que poden gozar de alimentos sans e ao mesmo tempo moi ricos, porque poden comer un xeado artesanal só feito con leite e zume de froita, iogures, etc.
Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás
Outro punto importante, esta actividade témola que facer desde a educación, os rapaces teñen que probar os alimentos, teñen que probar un bo xeado, ou un bo iogur e as súas variedades, ou os diferentes tipos de leite que temos en Galicia, para que eles digan, recoiros que bo está isto! e non o refuguen porque unha vez obrigáronos a tomar algo que non lles apetecía. Os pais e nais, os produtores e a Administración temos a obriga de darlles esta información e que eles decidan en base aos seus gustos e personalidade. Isto é moi importante. – A pandemia fixo aumentar no último ano o consumo de leite, queixo e iogures nos fogares. Pensas que esta tendencia se vai consolidar ou que é algo pasaxeiro e volveremos ao descenso no consumo de leite dos últimos anos? – É certo que a pandemia provocou este aumento do consumo de leite, pero creo que se non seguimos traballando en expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro. – A que achacas o aumento de demanda de lácteos durante a covid-19? – A razón foi que estivemos moito tempo pechados na casa, sen reunións no exterior, así o que se fixo é diminuír a necesidade de consumir snacks e ultraprocesados porque a maior parte consómense no traballo, no instituto, en reunións, etc. A pandemia, dentro de todo o malo que sufrimos, dános unha oportunidade de cambiar, desde as nosas vidas ata as nosas relacións sociais e económicas. Unha das moitas cousas que evidenciou esta crise sanitaria é que a nosa actividade e produtividade económica propia é baixísima. Isto fixo que un país como España quedase sen moitos produtos. Galicia é moi rica en produtos alimentarios, pero case todo o importamos téndoo en Galicia. Algo bo que tivo o coronavirus é que durante estes meses chegaron aos supermercados produtos galegos que antes non chegaban porque viñan de fóra.
Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos
Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos, que traballaron igual ou máis que durante un ano normal para que continuase a subministración de produtos aos nosos supermercados. Os produtos lácteos galegos son de moi alta calidade nutricional e empresarial, e o primeiro sitio onde debemos velos e valoralos é en Galicia e España en xeral. Isto non só será bo para a nosa saúde, será moi bo para a nosa economía. Se compramos produtos de proximidade, quen se beneficia é a nosa xente. – Malia ás campañas de desprestixio das últimas décadas, seguimos asociando o leite a un produto saudable?  – As campañas de desprestixio van encamiñadas a baixar o valor económico dos produtos lácteos e poder sacalos en forma de procesados, onde pagas pouco aos gandeiros e véndelos ti moito máis caros. – Consideras que hai suficiente información e coñecemento sobre o leite entre os consumidores? – Neste punto sinto ser crítico, pero creo que se fixo moi mal a comunicación e educación da poboación en favor dos beneficios dos produtos lácteos. Isto provocou que gañasen os que os descualifican e rexeitan. Un exemplo disto estámolo vivindo agora coas vacinas. Un produto que está a salvar millóns de vidas e que nos sacará desta pandemia, está a ter cada vez máis rexeitamento, e o problema non foron as vacinas, foi a comunicación e a censura exercida, isto ao final provoca rexeitamento social.
Co leite ocorreu o mesmo que pasa neste momento coas vacinas, fíxose tan mal a comunicación e a educación que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente
Dun modo máis lento ocorreu cos produtos lácteos, a comunicación foi tan mala, non se fixo, e o que provocou é que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente. Isto témolo que cambiar, e aquí teñen que coller as rendas os produtores. Persoalmente colaboro neste aspecto con algunhas empresas como Bico de Xeado, Deleitar ou Kalekói, onde tratamos de chegar aos nenos e adolescentes. Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás de todos estes produtos. Aquí animaría aos produtores e distribuidores a realizar unha intensa actividade de educación para que a xente coñeza os beneficios, poidan preguntar e probar os produtos. – E entre outros sectores que deberían ser prescriptores de leite? Dígoo porque cando vas co cativo ao médico porque ten mocos ou está acatarrado o primeiro que che dí é que non lle deas leite durante uns días. – Isto é un problema complicado porque hai máis cuestións a parte dos lácteos en si mesmo. Pero liquídase da mesma forma. Resólvese con educación e sobre todo con investigación. Os médicos fíanse e nútrense das novas investigacións, se queremos que os médicos non digan isto habería que educalos coa información que xa se sabe, habería que realizar investigacións propias con produtos lácteos galegos e demostrar os seus beneficios. Moito xa está feito, pero, coma sempre, fóra de España. Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde, se non nunca lograremos que un médico cambie de opinión, e aínda que sexa triste dicilo, en Galicia e España en xeral a investigación neste campo e baixísima.
Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde feita con produtos lácteos galegos
– Por qué cada vez se consume menos leite enteiro? – Sinxelo, seguimos crendo que o consumo de graxa é malo, e así nolo venden. – Pero tense descuberto que, lonxe do que se pensaba, a graxa do leite é beneficiosa para o organismo. En qué nos axuda? – A realidade é que o consumo excesivo de graxa é malo, pero o consumo de graxa de forma moderada é san. Unha cousa que sempre digo nas charlas, o cerebro é un 70% graxa; se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non o fornecemos da graxa que necesita para crecer e funcionar.
O cerebro é un 70% graxa, se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non lle estaremos aportando o que necesita para crecer e funcionar
Cando antes che dicía que o leite é bo nas súas accións cardiovasculares, inmunolóxicas, cognitivas, tensión arterial, etc, pois o que fai isto son as graxas que teñen os lácteos. Se os retiras ao beber ou comer lácteos sen graxa, non tomas os beneficios do leite. O tema da graxa é moito máis complexo que o que vemos, non é quitala e xa está, é saber consumila de forma correcta e consumir as graxas adecuadas. Hai dous produtos que son os mellores en canto a graxa de calidade, o leite e o peixe azul. Por iso debémolo tomar sempre enteiro.
O leite debémolo tomar sempre enteiro, se lle retiramos a graxa non estaremos tomando os beneficios do leite
– A quen beneficia entón que o leite que se bebe sexa semidesnatado ou desnatado? – O beneficio é para a industria, porque da graxa sácase manteiga, e agora é moi cara e dela obtéñense moitos beneficios. Pero vexo ben que se faga, que aproveiten os outros produtos para facer manteiga, porque agora xa hai moita xente á que non lle gusta o sabor do leite coa súa graxa, e para esta xente, que é moita, os produtos semidesnatados e desnatados son unha gran oportunidade para seguir tomando lácteos sen graxa.
O consumo de manteiga de forma axeitada é moi san
É importante pensar en toda a xente e na variedade de consumidores que temos. E aquí hai un punto que comentaba antes, os alimentos, e no noso caso os produtos lácteos, telos que gozar e paladear. E haberá persoas ás que lles guste o sabor da graxa do leite e outras ás que non. Algúns leites frescos comercializados por ganderías galegas – Ao contrario do que acontece en países como o Reino Unido ou os países nórdicos aquí o leite que se bebe é maioritariamente UHT, no canto de leite fresco pasteurizado. Por que? É máis unha cuestión de comodidade por parte das industrias ou dos consumidores? – Este é un paradoxo cultural que veu provocado pola industria que vende estes produtos. O leite UHT sería como un procesado do leite fresco pasteurizado. Sempre o digo, se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é unha solución perfecta e a única forma de facelo. Pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado.
Se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é a única forma de facelo, pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado
A nivel persoal cada vez teño máis evidencias de que moitos dos problemas do rexeitamento ao leite veñen deste predominio do leite UHT sobre o pasteurizado, pero obviamente, isto fai falta demostralo cientificamente, e non se fai nin interesa. Outro punto é o sabor, quen proba o leite UHT por unha banda e diferentes tipos de leites galegos pasteurizados nótase no sabor e na textura. – Non é unha incongruencia que pasando diariamente as cisternas cheas de leite do día por diante das nosas casas das ganderías cara ás industrias acabemos tomando leite ultraprocesado e con varios meses de envasado? – Totalmente, é como ver pasar ouro por diante nosa e non poder nin tocalo, e se o usamos é para triturarlo e facer barro. Nun artigo de prensa definín ao leite como o noso ouro branco e así o penso, temos unha gran materia prima que non aproveitamos e non valoramos, e isto só se fai con educación e investigación. – Que habería que facer, pois, ao teu xuízo, para relanzar o consumo de leite pasteurizado? – Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo, non hai que inventar nada. Eu isto compararíao cos viños galegos: se collemos toda a uva galega, xuntámola e facemos un viño barato todo igual, que sería o leite UHT, ou facemos como é agora o sector do viño, onde temos diferentes tipos de uvas, diferentes zonas e isto fai que teñamos grandes viños galegos e moi diferentes. Isto sucede cos lácteos, as nosas vacas non son as mesmas en canto a alimentación, rexión climatolóxica, actividade física, e isto dá diferentes tipos de leite, nin malos nin bos, só con diferentes sabores. Isto é o que temos que lograr en Galicia e España en xeral, e sobre todo, sabelo valorar.
Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo
– Cales son as principais diferenzas nutricionais e en materia de saúde do leite pasteurizado e do leite UHT? – O procesado do leite UHT é darlle un golpe de calor forte uns segundos, mentres que a pasteurización é facelo máis suave e máis tempo. Para entender os cambios que se producen nos alimentos a xente ten que entender que estes están formados por moléculas onde a súa estrutura tridimensional é moi importante. Cando damos un golpe de calor moi forte (UHT) modifícanse estas estruturas, isto de modo resumido significa que cando os comemos provocan unha leve actividade inflamatoria, non nos pon enfermos nin nada, só xera malestar, pero é suficiente para que a longo prazo provoque rexeitamento ao consumo destes produtos.
O leite pasteurizado conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas, o UHT non
Co leite pasteurizado ocorre o contrario, este conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas. Hai moitas diferenzas e traballos publicados fóra de España, pero sería moi importante facelo en Galicia co obxecto de que gañe valor e todos gañen, os gandeiros, distribuidores e consumidores. – Tes falado de que as persoas que teñen dificultades para dixerir a lactosa poderían chegar a consumir leite pasteurizado... – A lactosa é o azucre do leite, e a súa dixestión vén da molécula o encima lactosa. Esta molécula témola os europeos de forma natural no intestino, a través das bacterias do intestino, o que agora está tan de moda, coñecido como o microbioma. Se non tes esta molécula no teu intestino a lactosa non a dixires e pode sentarche mal. As bacterias que teñen esta molécula son as do xénero lactobacillus. Estas bacterias son moi beneficiosas para a nosa saúde en moitos aspectos, non só na dixestión da lactosa. Pero para que estas bacterias vivan no noso intestino hai que darlles para comer, e a única forma é tomando produtos lácteos. Agás que sexas alérxico, o mellor é ir comendo lácteos moi aos poucos durante meses e anos, e así recuperar estas bacterias. Así teremos dous beneficios, un é que tomamos azucre dun modo san, e outro pola presenza destas bacterias no noso microbioma a nivel de enfermidades mentais e neurodexenerativas. – É seguro o consumo de leite cru? Ou é aconsellable fervelo, como se fixo sempre nas casas labregas, para garantir a súa seguridade alimentaria? – O leite denominado cru é directamente o leite muxido da vaca sen máis procesamentos. Obviamente, este tipo de leite necesita controis microbiolóxicos que aseguran que non se contamina e a distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema se se fai ben, non hai que miralo raro, se nos fixamos noutros sectores vemos que isto é habitual. Por exemplo, o peixe e marisco fresco das lonxas galegas transpórtase a Madrid e outros lugares para a súa distribución por toda España. Se se fai ben non hai ningún problema; pois co leite pasa o mesmo, se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar.
A distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema e se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar
As empresas que se dedican a este tipo de leite son moi conscientes da calidade deste produto e das medidas de seguridade, mesmo máis que calquera, por iso eu non teño ningunha dúbida de que este tipo de leite é moi seguro cando se compra. Outra cuestión é cando chega á casa; se non rompes a cadea de frío non hai ningún problema de contaminación, pero para estar seguro pódese ferver que é como pasteurizalo e segues tendo un leite fantástico. – Noutros países tamén é frecuente a venda directa do leite por parte das ganderías. Por que en Galicia é practicamente anecdótico? – Esta parte paréceme unha pena que non se faga e non sexa máis frecuente, non só cos produtos lácteos, senón tamén cos produtos frescos e de tempada de Galicia. Deberiamos volver poder vender estes produtos de modo próximo e sinxelo, porque así estimularías as pequenas economías, e algo importante, poderías escoller un produto dun sitio porque che gusta a xente que o produce, ou a súa forma de facelo, etc. Así só sabemos que compramos leite, como moito que é galego e nada máis. Estamos a sacar valor ao produto local, e agora máis que nunca deberiamos potenciar e valorizar estes produtos, así fortalecemos o rural e que os mozos queiran volver a traballar neste marabilloso mundo.
Deberiamos volver poder vender leite e outros produtos frescos e de tempada de modo próximo e sinxelo
– O pasado mes de novembro o Parlamento europeo reiteraba a prohibición (xa en vigor trala sentenza do 2017 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea) de denominar como leite ás bebidas de orixe vexetal. Cres que será dabondo para evitar o engano ao consumidor? Por que non se está a cumprir a normativa que reserva termos como leite, manteiga, queixo ou iogur unicamente aos produtos lácteos? – Menos mal que esta normativa continúa en vigor, porque foi un gran paso lograr isto en España e na UE. Pero neste tema o mal xa está feito, durante anos permitiuse e usouse esta mala denominación, porque son produtos diferentes, e a xente non o sabe. A existencia desta normativa sabémolo os que estamos involucrados, pero non a sociedade en xeral, e segue a usarse fraudulentamente a palabra leite. – Aportan estas bebidas vexetais algúns dos beneficios que antes describías para o leite? – As bebidas vexetais e o leite son dous produtos alimentarios completamente diferentes, non teñen nada que ver nutricionalmente nin en composición, pero non son nin malos nin bos, son diferentes. Non hai comparación posible, a xente plantéxase se as bebidas vexetais poden substituír ao viño?, pois non, son cousas diferentes, e aquí co leite pasa o mesmo. O problema veu da trampa de permitir o nome de leite porque se parecía na cor, e para vendela máis cara obviamente.
A xente non se plantexa se as bebidas vexetais poden substituír ao viño porque son cousas diferentes. Pois co leite igual
– Que opinas do leite de pastoreo? – O leite pastoreo paréceme unha gran idea, debería ser toda así, as vacas teñen mellor calidade de vida e saúde veterinaria se están libres pastoreando, e o leite e a súa carne teñen moita maior calidade, e a industria sábeo e por iso lanzáronse con esta campaña. – Está demostrado que as súas cualidades son superiores ao leite de produción estabulada e intensiva? – O Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo investigouno e teñen datos fantásticos de como o leite ten maior calidade nutricional. – A Xunta pretende sacar unha certificación oficial para o leite de pastoreo. Está a haber engano con isto? – O que sucede é que quen di se é de pastoreo ou non é a propia empresa, teste que fiar deles, e se mentisen ou mesturasen leite non se podería facer nada porque non hai certificación. Hai anos desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Laboratorio Interprofesional Gallego de Análise de Leite (LIGAL), o meu laboratorio en Vigo, e grupos de Asturias e Navarra expomos un proxecto de investigación ao Ministerio para investigar o leite de pastoreo e obter unha proposta de certificación para evitar a trampa e dar seguridade ao consumidor e á propia industria. Era un proxecto de investigación moi ambicioso e moi bonito, pero non conseguimos o financiamento, aínda que foi ben avaliado. O da certificación deberíase facer e temos un gran laboratorio como o LIGAL que é capaz de facelo.

"En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo, hai que investir en ciencia e que as empresas se beneficien desas investigacións"

Carlos Spuch Calvar é doutor en Bioloxía e Neurociencia pola Universidade de Vigo e ten unha longa traxectoria como investigador en prestixiosas institucións tanto españolas como internacionais, como no Instituto de Neurobioloxía Ramón y Cajal (CSIC, Madrid), o Instituto Karolinska (Estocolmo, Suecia), ou o Instituto de Investigación Hospital 12 de Octubre (Madrid). Desde 2009 desenvolve a súa actividade no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Vigo) onde, malia a escaseza de fondos, segue a investigar sobre o leite e a colaborar con diversas empresas galegas para sacar ao mercado novos produtos. – Galicia é unha potencia produtora de leite tanto no Estado español como mesmo a nivel europeo pero temos eivas evidentes a nivel de transformación. Como estamos en investigación? – Resúmocho rápido, en España en investigación moi mal, e en Galicia, comparado con outras autonomías, peor aínda; os recursos son moi baixos, somos dos peores países en investimento en ciencia de Europa. Mentres que países motores de la UE incrementaron os seus orzamentos para ser competitivos economicamente, como Alemaña, Francia, Reino Unido, Finlandia, Suecia, etc., nós reducímolo moito. Pero non só iso, desde o 2008 levamos perdendo investigadores, formámolos, pero logo deixámolos en condicións precarias e vanse a países punteiros. Esta sangriza na ciencia deixouna ao descuberto esta pandemia, non tiñamos case nada para loitar contra este virus, e a nosa única alternativa era comprar todo de fóra.
En materia de investigación en Galicia estamos moi mal, e comparado con outras comunidades peor aínda
En que se traduce isto a nivel do sector lácteo?, pois en que se os recursos científicos son poucos, os grupos de investigacións teñen que competir por fondos moi competitivos e ao final búscanse outros campos máis rechamantes como o cancro, a nanotecnoloxía, o Alzheimer ou os satélites. O meu grupo leva os últimos anos traballando no leite materno humano como potencial orixe de fármacos para o cerebro, este proxecto quíxeno desenvolver con leite de vaca, e estudar os seus beneficios na saúde, pero foi imposible, non conseguín financiamento, pero o peor é que non hai convocatorias onde poida solicitalo.
Quixen desenvolver un proxecto de investigación sobre os beneficios do leite de vaca na saúde pero foi imposible, non conseguín financiamento
Como me dixeron varias veces investigadores famosos falando do tema, a investigación no leite é de pobres, e iso non interesa. Ou de verdade a Administración aposta pola ciencia e por este sector en Galicia ou non sacaremos nada, máis que seguir vivindo do turismo. Levamos loitando pola ciencia estes anos e hai un lema que o dí todo: sen ciencia non hai futuro. – Que sería preciso entón para que Galicia, ademais de producir, fose tamén unha potencia en desenvolvemento de novos produtos a partir do leite? – En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo hai que investir en ciencia, de xeito multidisciplinar, e que as industrias grandes e pequenas poidan beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben en Suecia ou en EEUU, e así llo fixen chegar ao Secretario de Estado de Ciencia nas reunións pola modificación da lei de ciencia, pero hai que ser proactivos, a ciencia dá riqueza á rexión, e temos un exemplo en España, o País Vasco. O noso grupo está a traballar no desenvolvemento de novos fármacos procedentes de leite materno humano, pero a formulación orixinal do meu proxecto era o leite de vaca. No noso grupo, xunto con outro de IIM-CSIC, estamos a traballar tamén nos efectos protectores dos ácidos graxos mariños, e gustaríame poder facelo co leite galego.
A ciencia crea riqueza, e temos un exemplo en España: o País Vasco. As industrias grandes e pequenas teñen que beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben Suecia ou en EEUU
O leite A2 naceu da investigación que se fixo das caseínas a nivel xenético e molecular, e agora xa se comercializa en moitos países, e fai pouco comezou a facelo a empresa Kalekoi en Galicia. Onte estaba a revisar un artigo científico dunha revista prestixiosa onde demostran que unha proteína do leite de vaca ten efectos ansiolíticos. Outra investigación moi recente dunha empresa xaponesa descubriu no costro de vacas unha molécula con actividade antiinflamatoria moi potente e están a desenvolver un ensaio clínico para tratar con iso a COVID-19. – Fai xa algún tempo que nos EEUU está aumentando a demanda de leite e produtos lácteos A2, unha tendencia que comeza a chegar timidamente tamén a Europa. Por que se caracteriza o leite A2 e cales son os seus beneficios para o organismo? – A denominación do leite A2 significa que só contén a beta caseína A2. Para entender que significa hai que explicar a composición do leite, que está formado polas graxas, que constitúen ao redor do 4% do contido sólido do leite de vaca; as proteínas, que son aproximadamente o 3,5%; e a lactosa, o 5%, aínda que a composición química bruta do leite de vaca varía segundo a raza. Dentro das proteínas do leite temos dous tipos de proteínas: o 18% da proteína é soro, a parte que se elimina na fabricación do queixo, e o restante 82% corresponde á caseína. Esta proteína é unha familia de proteínas cunha composición de aminoácidos diferente e a máis abundante desta familia de caseínas é a beta caseína. Dentro das beta caseínas temos dous tipos: a beta caseína A1, presente principalmente no leite das vacas orixinarias do norte de Europa, como as Holstein Friesian, Ayrshire e Shorthorn; e a beta caseína A2, que se atopa no leite das vacas da rexión da Canle da Mancha e o sur de Francia, como as Guernsey, Jersei, Charolais e Limousin.
Hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal
Os dous tipos de proteínas difiren na súa estrutura proteica debido á substitución do aminoácido na posición 67. Esta diferenza fai que cambie un pouco a estrutura tridimensional da caseína e varíe un pouco as súas funcións. Dentro do máis descrito é que a beta caseína A1 ao ser dixerida descomponse en varios péptidos, un deles é a beta-casomorfina-7 (BCM7), a cal se asocia a certa actividade inflamatoria no intestino. Con todo, hai que puntualizar que os estudos que demostran isto fano inxectando en sangue a BCM7, e isto é relativamente normal que cause actividade inflamatoria, porque unha cousa son os péptidos no intestino e outra os que son capaces de entrar no sangue. A beta caseína A2 non provoca a liberación deste péptido, ou en moita menor medida, e crese que esta proteína é máis similar á beta caseína do leite materno humano. O certo é que hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal. Nun dos primeiros ensaios clínicos realizados en Nova Zelandia, demostraron que o leite de beta caseína A1 conduciu a valores de consistencia das feces significativamente máis altos (Escala de Feces de Bristol) en comparación co leite de beta caseína A2. Tamén houbo unha asociación positiva significativa entre a dor abdominal e a consistencia das feces na dieta A1, pero non na dieta A2. Conclúen que o leite de tipo A2 ofrece mellores respostas na inflamación e dor abdominal, pero necesítanse máis participantes para demostralo.
É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do leite A2 en relación co A1
En resumo, hai evidencias que mostran que o consumo de leite A1 está correlacionado coa iniciación de marcadores de resposta inflamatoria e unha maior expresión dos receptores Toll, que están implicados na activación das vías proinflamatorias, con respecto ao leite A2. Ademais, hai evidencias de que o consumo de leite A1 tamén está asociado co atraso do tránsito intestinal e unha consistencia máis solta das feces con respecto ao leite A2. Ademais, o malestar dixestivo correlaciónase cos marcadores inflamatorios en humanos para o A1 pero non para o A2. É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do A1 en relación co A2 en diferentes poboacións e contornas alimentarias, e outro aspecto que non se tivo en conta nestes estudos, e que eu creo que é moi importante, é que non se fixeron diferenzas entre estes tipos leite en diferentes procesados, é dicir, entre leite UHT ou pasteurizado para A1 e A2. – Hai anos empezouse co leite con Omega 3, logo con calcio e agora ultimamente leites suplementados con vitaminas e tamén produtos lácteos con altas doses de proteínas, orientados a deportistas. Que suplementacións consideras de máis interese nos produtos lácteos en función do tipo de consumidor? – Todo son modas, a industria necesita sacar novos produtos, pero teñen os seus problemas: os ácidos graxos omega3 oxídanse, e se isto acontece non atravesan o intestino; moitas vitaminas non son estables moito tempo, logo degrádanse; e o calcio engadido non se absorbe, necesita de transportadores que fagan que atravese o intestino. Cal é o mellor produto que fai todo isto de forma natural sen necesidade de engadir nada? O leite fresco e enteiro.
O calcio engadido non se absorbe, moitas vitaminas non son estables e degrádanse e os ácidos graxos omega3 oxídanse, así que o mellor produto sen necesidade de engadidos é o leite fresco enteiro, o resto son modas
– É necesario que os cativos de curta idade tomen leites infantís ou con que tomen leite chega? – Os lactantes o que necesitan é o leite materno, a da súa nai, é moi similar ao leite doutros mamíferos. Se unha nai polo motivo que sexa non pode darlle de mamar hai bancos de leite materno humana nos hospitais facendo un gran traballo aos que se pode recorrer. Desde o meu punto de vista persoal, co noso fillo, foi lactante ata que el decidiu ir probando a nosa comida e comeu natural sempre, esa é a mellor opción. Ese é o meu consello como pai.

“A pandemia foi un revulsivo para as Prazas de Abastos”

Jesús Somoza, no seu posto da Praza de Abastos de Lugo A Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros son dúas instalacións ubicadas en pleno centro da cidade que levaban anos en decadencia, con postos pechados e afluencia de público minguante. Nin as obras millonarias acometidas nos dous edificios nos últimos anos serviran para reflotar a súa actividade, que seguía pouco a pouco esmorecendo. Pero nisto chegou a covid-19 e todo cambiou. "Nótase moita máis afluencia de xente ca antes, a xente veu a comprar no confinamento e quedou como clientela fixa. Foi como un revulsivo", asegura Jesús Somoza, que leva 29 anos á fronte da Carnicería Somoza, ubicada xusto fronte á porta principal de entrada á Praza.
A carnicería era dos meus avós e logo dos meus pais; levamos en total 90 anos na Praza
O seu é un deses negocios "de toda a vida" que mantiñan unicamente ese tipo de clientela fiel. "Levamos 90 anos en total na Praza, antes ca min estiveron os meus pais e primeiro os meus avós", detalla Jesús. "Pero tan importante como manter a clientela de toda a vida é renovala e atraer a outra nova", recoñece. Ser un dos establecementos máis antigos do recinto permítelles facer en primeira persoa un percorrido cronolóxico polo devir destes comercios de proximidade e percibir os cambios que se deron no último ano. "No confinamento deuse un cambio de clientela, comezou a achegarse máis xente nova a mercar e aumentou moito a venda os sábados", asegura Jesús. Trazabilidade e confianza Os días fortes na Praza de Abastos de Lugo sempre foron os martes e os venres, cando se celebra o mercado tradicional no que os produtores da contorna se achegan a vender os seus excedentes. Moitos deles son persoas xubiladas que traen queixos, chourizos ou verduras da casa, produtos sen envasar nin etiquetaxe que non chaman a atención do novo perfil de compradores.
Os martes e venres segue vindo a xente de sempre pero os sábados agora hai moita xente nova que comezou a vir no confinamento e quedou como clientela fixa
Estes buscan outro tipo de artigos e refúxianse na trazabilidade que lles ofrecen negocios de confianza como o de Jesús. "Eu creo que é polo bo produto que hai aquí na Praza a respecto dos supermercados, eu merco a tenreira directamente ao gandeiro e sei como foi criada, non pido nada a ningún matadoiro nin sala de despece e a zorza, as hamburguesas ou as albóndigas son de elaboración propia, facémolas nós. Deste xeito podemos garantir a calidade e a trazabilidade aos nosos clientes", conta. Maior demanda de alimentos saudables Ana, no seu posto de produtos ecolóxicos e carne de produción propia de Traloagro Se o de Jesús Somoza é un dos postos máis antigos da Praza de Abastos de Lugo, o de Ana Lozano é dos máis novos. Fai dous anos en xuño que se instalou, logo de coller un traspaso. Vende produtos ecolóxicos, algúns deles de produción propia, xa que forma parte do proxecto de Traloagro, unha explotación de cría de polos e vacún de carne en extensivo asentada no veciño concello de Friol, onde contan tamén con ecotenda e centro de despece e elaboración. "A filosofía nosa é vender directamente ao consumidor", explica.
Hai máis concienciación sobre a saúde e máis interese polos produtos ecolóxicos
Ana constata a mesma percepción que ten Jesús, que os mercados municipais están a recuperar unha parte da clientela roubada fai anos polos supermercados e grandes superficies. O consumidor segue querendo comodidade, pero agora busca tamén produtos máis saudables. "A xente está máis concienciada coa saúde, nótase máis interese polos produtos ecolóxicos", di. Pero apostar pola calidade non ten por que supoñer renunciar á comodidade. "Cando empezou o confinamento comezamos a facer entregas a domicilio e moita xente encarga por teléfono para non ter que agardar aquí pero despois vén ela a buscar o pedido", explica Ana. Porque en Prazas de Abastos como a de Lugo ou as de moitas outras cidades ir mercar os sábados pola mañá estase a consolidar como unha actividade de ocio máis para facer en familia. Cando menos foino nos tempos dos peches perimetrais, pero tanto Ana coma Jesús confían que esa sexa una das poucas cousas boas que nos deixe o coronavirus.

Un terzo máis de afluencia no último ano

Porta de entrada principal á Praza de Abastos de Lugo, que extremou as medidas de hixiene e limpeza durante a pandemia para presentarse como un lugar seguro onde mercar O interese polas tendas tradicionais incrementouse a raíz da covid-19. É un feito que constatan tamén desde o Concello de Lugo, titular das instalacións tanto da Praza de Abastos como do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, situados un enfronte do outro. Calculan arredor dun terzo o aumento de afluencia a estes dous recintos no último ano e iso está a tirar tamén da demanda de postos onde instalarse por parte de comerciantes e produtores. Hai tan só dous anos, unha cuarta parte do cento de postos de venda cos que contan a Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros estaban baleiros. Hoxe quedan xa poucos libres, despois do proceso seguido a nivel municipal para adxudicar os postos vacantes. Trátase de concesións por 25 anos que serven para fixar emprego e dar garantía ás persoas que exploten estes espazos. Na Praza só quedan neste momento tres postos dispoñibles pero xa hai ofertas para eles, como a da cooperativa A Carqueixa, que reúne a produtores de vacún de carne dos Ancares e que trala boa acollida da súa iniciativa de venda a través da internet queren agora establecer un posto de venda físico na Praza lucense. O consumidor busca refuxio no comercio de proximidade "Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado cheguen a ter o total dos seus postos ocupados e en funcionamento", indica Cristina López, a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, que destaca que "na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto".
O comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria
Para a responsable municipal, "o comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria", por iso, di, "neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social mercando no comercio de proximidade". Peonalización e obras no soto da Praza Ás obras de remodelación e mellora levadas a cabo na última década tanto na Praza como no Mercado lucense con fondos europeos do Plan Urban, súmanse neste momento os traballos de peonalización que se están a acometer nas rúas do seu entorno, o que permitirá convertelo nun lugar atractivo para o paseo e as compras. “A peonalización da rúa Quiroga Ballesteros permitirá ter un entorno axeitado para dinamizar a economía nun lugar privilexiado do centro da cidade”, asegura Cristina.
Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico
Ao mesmo tempo, tamén se están a levar a cabo obras de mellora no soto da Praza, que acolle os mercados tradicionais dos martes e os venres, coa intención así de potencialos a través dunha mellora da imaxe e presentación dos produtos. “Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico", conclúe a súa responsable.

Unións avoga por novas axudas Covid para as granxas profesionais de vacún de carne

As granxas de vacún de carne continúan arrastrando os baixos prezos da pasada campaña, derivados da crise da Covid, que reduciu as vendas en hostelería e restauración. Á espera de que co fin do estado de alarma e a relaxación das medidas de prevención se poida producir unha recuperación do mercado, Unións Agrarias considera necesarias novos apoios para as ganderías profesionais de vacún de carne. O responsable de Gandería Extensiva na organización agraria, José Ramón González, avoga por axudas de arredor de 2.000 euros por granxa para tódalas ganderías que superen as 20 vacas. “Estamos a falar de arredor de 6.000 granxas en Galicia que teñen unha actividade profesional e que se xogan os cartos coa súa actividade”, valora González. Por provincias, em vacún de carne destaca Lugo, con 3.500 granxas de máis de 20 vacas. Séguelle A Coruña, cunhas 1.300; Ourense con algo máis de 600, e Pontevedra con 400. Medidas sobre prezos De cara a mellorar a situación de prezos no campo, Unións Agrarias é partidaria dunha maior transparencia na formación do prezo da carne. “É preciso que haxa un Observatorio de Prezos que aclare os custos das ganderías, de xeito que se poidan establecer contratos que garantan pagos por riba de custos de produción, como establece a Ley de la Cadena Alimentaria”, defende José Ramón González. Outra cuestión pendente para Unións é a Mesa de Prezos de Ternera Gallega. “Os prezos de referencia que marca esta Mesa non son un reflexo da realidade. Precisamos unha Mesa de Prezos máis profesional, que marque cotizacións que sexan fiel reflexo das liquidacións que hai no campo” -propón González-. “Hai exemplos, como o de Mercolleida, que demostran que iso é posible. Precisariamos dunha ferramenta informática, a desenvolver, que recollese a situación real de pagos no campo, e unha arbitraxe na Mesa entre as distintas partes da cadea para marcar tendencias”, conclúe.

COAG aposta pola colleita en verde para reequilibrar a oferta e a demanda antes da vendima

Racimos de uva dous meses antes da vendima na comarca de O Salnés A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) considera a colleita en verde a medida máis adecuada para abordar a curto prazo a crise do sector vitivinícola, xa que é a única actuación que elimina materia prima do mercado antes mesmo da súa transformación a viño. Así llo trasladou COAG ao Ministerio de Agricultura, en resposta o cuestionario remitido ás organizacións agrarias para abordar a preocupante situación do sector. O vitivinícola foi desde o primeiro momento uno dos máis afectados pola pandemia da covid-19 debido ao peche e posteriores restricións da canle HORECA, que representa o 60% do consumo de viño, así como a cancelación de todo tipo de festas e eventos nos que o consumo tamén era importante.
Debería aplicarse en todo o territorio nacional e contar cun orzamento extraordinario de 40 millóns de euros, á marxe do Plan de Apoio estatal ao sector Vitivinícola (PASVE)
Para que esta medida sexa eficaz debería aplicarse en todo o territorio nacional e dotarse dun orzamento extraordinario de polo menos 40 millóns de euros, achegados por UE, Ministerio de Agricultura e comunidades autónomas, reclama COAG, á marxe do Plan de Apoio ao Sector Vitivinícola (PASVE). Inmobilización de viño e mosto para 2022 “Deixamos moi claro ao Ministerio de Agricultura que para executar as medidas extraordinarias por mor da crise do coronavirus debe establecerse un orzamento extraordinario á marxe do PASVE. Non se pode hipotecar, por un problema conxuntural alleo ao sector, un orzamento asignado ás medidas ordinarias que son moi necesarias para mellorar a competitividade do sector vitivinícola, tales como a reestruturación do viñedo, modernización de adegas ou promoción en terceiros países”, subliñou Joaquín Vizcaíno, responsable do sector vitivinícola do sindicato. Con todo, se non se habilitasen finalmente fondos adicionais, e non quedase máis remedio que retraer fondos do PASVE, COAG aposta porque este diñeiro vaia destinado exclusivamente a financiar a colleita en verde. Esta medida é máis que necesaria para lograr un reequilibrio entre oferta e demanda antes da vendima e evitar o impacto dos baixos prezos de mercado sobre os prezos pagados polas uvas aos viticultores. Tamén se confía en que en xaneiro de 2022 se poida activar a norma de comercialización de inmobilización de viño e mosto se a situación o require.

O Sindicato Labrego pide manter as axudas pola Covid para a gandería de carne

Na reunión que houbo esta semana do comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), o Sindicato Labrego planteou a necesidade de manter este ano os apoios pola Covid para as ganderías de carne. A reunión serviu principalmente para definir a prórroga do PDR para os anos 2021 e 2022. A ese respecto, a organización agraria expresou o seu acordo co mantemento ou ampliación de fondos para medidas que son básicas para os distintos sectores (incorporacións, axudas zonas de montaña e outras zonas con limitacións específicas, plans de mellora) e coa nova convocatoria tanto para as axudas agroambientais como para as axudas de conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “Porén, pensamos que estas deberíanse ter convocado xa no ano 2021, xa que hai granxas que levan anos esperando por esta convocatoria e para elas tería sido moi importante ter aproveitado xa este exercicio”, valoran. A maiores o Sindicato Labrego subliña que pediu que se manteñan as axudas excepcionais temporais para paliar as consecuencias do Covid. A normativa europea (Regulamento (UE) 2020/2220) permite a súa concesión de novo durante o exercicio 2021 (pagada a 31/12/21 e aprobada pola autoridade competente a 30/06/21). O SLG valora que durante o ano 2021 as circunstancias seguen a ser malas ou moi malas en determinados sectores, polo que estas axudas deben manterse. Críticas a medidas do PDR Por outra banda, desde a óptica do Sindicato Labrego hai determinadas medidas do PDR nas que non se executaron os fondos, unha cuestión sobre a que pide unha maior análise. A organización cuestiona que non se investise no apoio a circuitos curtos de comercialización nin no aconsellamento a explotacións, segundo detalla en nota de prensa. Demandan tamén, por último, información transparente sobre os procesos de aldeas modelo e polígonos agroforestais, que se queren financiar parcialmente co PDR. Futuro Plan de Desenvolvemento Rural Outra cuestión que preocupa ó Sindicato Labrego e o próximo Plan de Desenvolvemento Rural, que se aplicará a partir do 2023. “A día de hoxe, as organizacións agrarias non tivemos ningunha reunión nin canle de participación para reallizar achegas ou propostas ao novo Plan de Desenvolvemento Rural que a Xunta ten que remitirlle ao Ministerio de Agricultura nos vindeiros meses. Neste senso, lembramos que, na etapa anterior do PDR, a propia Unión Europea advertiu á Xunta da necesidade de garantir participación efectiva dos diversos axentes do sector no deseño do PDR”, conclúen.

Congreso de vacún de carne da organización

O Sindicato Labrego celebra este sábado o seu Congreso de Vacún de Carne, un evento asembleario no que a afiliación debaterá e analizará os principais problemas e desafíos deste sector gandeiro e como abordalos dende a organización agraria durante os vindeiros catro anos. Ademais, a afiliación tamén decidirá se renova a Dirección da Carne do SLG. Debido ás restricións sanitarias derivadas da Covid-19, o Congreso da Carne do SLG celebrarase cun aforo limitado e respectando todos os protocolos sanitarios nas instalación do Restaurante O Gallegón (Alto do Couso, Maceda). Con este acto, ábrese o proceso que desembocará a final de ano no X Congreso do SLG.

O sector forestal recupérase trala baixada da facturación pola crise da Covid

O impacto da crise do coronavirus na industria forestal resultou ser menor do agardado polas empresas do sector. As previsións que se manexaban nos primeiros meses da pandemia facían agardar que a facturación se reducise un 26%. Porén, finalmente 2020 pechouse cunha baixada dos ingresos do 17%. Os datos recóllense da segunda enquisa realizada no pasado mes de febreiro pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, entre 171 empresas do sector galego, nas que se inclúen tres firmas asentadas en Cuenca, Madrid e Valladolid.
En maio do 2020, en pleno confinamento, as empresas agardaban unha redución da facturación do 26%. Nos últimos meses conseguiuse recortar
“A industria forestal galega amosouse ata o momento coma un sector moderadamente resiliente, que malia ó parón do segundo trimestre conseguiu recuperar o ritmo no terceiro e cuarto”, valorou Juan Picos, director da Escola durante a presentación dos resultados, realizada de xeito telemático este venres. Os datos recollidos nas empresas evidencian como algunhas delas mesmo conseguiron incrementar a facturación nos últimos meses do 2020 e tamén se amosan mellores perspectivas para este 2021. Facturación do 2020 con respecto do 2019. Neste contexto de crise sanitaria, un 12% das empresas galegas do estudo, sobre todo serradoiros e rematantes, mesmo incrementaron as inversións. Unha cifra que quixo destacar o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde que participou no acto de presentación dos resultados, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa. “Estamos a ver unha evolución positiva no sector. Cómpre ser prudentes, pero tanto a previsión dun incremento de facturación para este 2021, como os investimentos realizados, xa dan boa conta desa evolución”, valora Conde. En maio de 2020, data na que a Escola de Enxeñaría fixo a primeira enquisa entre os seus asociados para coñecer a situación do sector, a maior parte das empresas crían que a crise lle afectaría moito ou alomenos algo. Case un ano despois, un 15% delas aseguran que non lles afectou e un 3% ata valoran positivamente estes últimos meses. Rematantes, serradoiros, carpintería e moble están a ter tamén resultados favorables nestes tempos.

O contract, un dos máis prexudicados

Con todo, a crise sanitaria está a deixar unha fonda pegada para un importante número de empresas. Así, un 60% das entidades afirma que a Covid-19 lle afectou negativamente e un 22% delas recoñece un gran impacto negativo na súa actividade. O sector do contract, moi vinculado á restauración e á hostalería, dúas das actividades que máis se viron afectadas nestes meses; está a ser un dos máis damnificados no sector forestal. Arredor do 25% das empresas de contract que participaron na enquisa pecharon este último ano cunha redución de entre o 50 e o 60% na facturación. O resto das empresas experimentaron unha baixada dos ingresos que se sitúa entre o 50 e o 30% con respecto de 2019. Outros subsectores coma o da pasta e papel valoran de xeito semellante a situación dos últimos meses. Do mesmo xeito, na construción con madeira ou a biomasa, tódalas empresas que responderon á enquisa están a ter dificultades pola pandemia. Tamén houbo casos, nos que a crise afectou de xeito diferente a empresas do mesmo subsector. Así, no taboleiro houbo firmas que viron reducida a súa facturación máis dun 60%, mentres que outras tiveron un incremento do 10%. Facturación de 2020 con respecto de 2019 nos principais subsectores da industria forestal. Nestes subsectores, o principal problema está a resultar a caída da demanda, o que deriva en dificultades en ámbitos como tesourería ou nos cobros. As propias características da crise sanitaria, cos repetidos encerros e restricións da actividade e mobilidade, provocaron atrancos tanto para conseguir abastecementos necesarios como nos transportes e a loxísticas do produto. O sector mira con certo optimismo ó 2021, onde máis do 35% das empresas agarda pechar o ano cun incremento do 10% na facturación. Tamén aumentan as firmas que prevén entre un 10 e un 20% máis de ingresos neste exercicio con respecto do 2020. No lado contrario, non hai ningunha empresa que agarde un descenso da facturación maior ó 60%, como acontecía en maio do ano pasado e vaise reducindo o número de entidades onde a previsión pase por unha redución da facturación de máis do 20%. Con todo, un 25% aínda conta que os seus ingresos sexan un 10% inferiores.

Salvagardar ós traballadores

A maioría das empresas forestais afrontaron a crise sen ter que facer axustes no seu cadro de persoal nin nos salarios. Aínda que houbo firmas que tiveron que realizar despedimentos ou baixadas na remuneración dos seus empregados, contabilizáronse empresas que contrataron máis persoal e que incrementaron as partidas para salarios. Mentres, os axustes producíronse en aspectos como stock de insumos ou materia prima, así como nas existencias de produto, onde arredor dun 35% das empresas tiveron un descenso en ámbolos dous.
As empresas apenas fixeron axustes no cadro de persoal nin nos salarios e destinaron esforzos para mellorar a protección dos traballadores
As enquisas tamén revelan que a protección dos traballadores, dotándoos con máscaras protectoras ou establecendo sistemas para evitar os contaxios foi un dos ámbitos ó que máis atención prestaron. O impacto da Covid-19 na saúde do persoal da empresa é unha das principais preocupacións no sector xunto coa incerteza e a posible caída da demanda. Porén, nestes meses tampouco se detectaron importantes gromos de Covid-19 que afectaran á actividade das empresas do sector. “En xeral, non se recorreu á diminución da masa salarial e houbo un esforzo na aplicación xeneralizada de medidas preventivas e maniféstase entre as principais preocupacións as que atinxen á saúde dos traballadores”, detalla Picos. Neste último ano, só un 2% das empresas se viu inmersa nun concurso de acredores, ben fose necesario ou voluntario. Na mentres, un 43% das firmas solicitou financiamento a través de préstamos ICO (37%) e do Igape (6%) e un 14% tiveron que acollerse a un ERTE.

Novas tendencias

Esta radiografía do sector permitiu coñecer a valoración que fan as empresas sobre novas megatendencias que están a repercutir de xeito directo na industria forestal. Neste senso, unha das maiores preocupacións céntrase no rexurdimento das fronteiras nacionais, derivadas tanto da crise sanitaria como de cambios políticos como o Brexit en Inglaterra. Outras tendencias son consideradas como positivas no sector polas oportunidades que poden brindar. Así, destacan aquelas que teñen que ver coa mellora do hábitat e o confort, a volta a áreas rurais ou a preferencia do consumidor por produtos locais.
O rexurdimento das fronteiras e a consolidación do comercio online atópanse entre as preocupacións da industria forestal
A consolidación do comercio online é outra das preocupacións do sector, que o observa tanto como unha oportunidade para os seus produtos como unha forte competencia. Polo momento, ó contrario que aconteceu con outros sectores, que deron un importante salto na comercialización dixital dos seus produtos durante esta pandemia, motivados pola falta de mobilidade, a industria forestal aínda non avanzou nesta dirección. Porén, como apuntaba Juan Picos durante a presentación dos resultados, cómpre indagar se existen barreiras como a falta de cobertura das áreas rurais que estean a limitar a implantación da comercialización online do sector forestal.

Todo o que se sabe dos fondos de recuperación que poden chegar ó agro

Europa deseñou un ambicioso proxecto, o Next Generation, para impulsar a recuperación do continente das consecuencias económicas e sociais da Covid. O obxectivo principal céntrase en lograr unha economía máis competitiva baseada en tres piares: transición verde, dixitalización e emprego. Son todas elas cuestións nas que o agro pode atopar encaixe, polo que os fondos Next Generation configúranse como unha gran oportunidade. Explicamos a continuación as posibilidades. Que fondos adicionais recibirá España para abordar a recuperación económica trala Covid? No marco dos fondos Next Generation, a España correspóndenlle 155.000 millóns de euros no periodo 2021 – 2027, dos que arredor de 80.000 millóns serán axudas a fondo perdido e o resto créditos. Estes fondos non chegarán de xeito automático a España, senón que o Goberno teralle que presentar a Bruxelas un Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia antes do 30 de abril de 2021. Ese Plan debe ser validado por Bruxelas. En que áreas se investirán os cartos que chegan a España? Nos presupostos 2021, o Goberno prevé recibir arredor de 26.000 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación. Deses cartos, uns 17.000 millóns destinaranse á transformación da economía cara a axenda verde e á dixitalización. Outros 9.000 millóns irán para emprego e políticas sociais (saúde, educación, etc.). Que partidas poden chegar ó agro? O Ministerio de Transición Ecolóxica xestionará arredor dun 25% dos fondos de recuperación dos presupostos do 2021, polo que configúrase como un dos principais organismos que pode aportar fondos para proxectos ligados ó rural e ó agro. En decembro do 2020, este Ministerio mantivo aberta unha convocatoria para localizar proxectos tractores que loitasen contra a despoboación do rural. En concreto, buscábanse actores interesados en desenvolver proxectos en municipios de menos de 5.000 habitantes e que contribuísen á bioeconomía -incluíndo o aproveitamento de recursos agrarios e forestais-, á transición enerxética, á conectividade dixital ou á atención e coidado das persoas, entre outras cuestións. Como se xestionarán as axudas? Unha das principais vías para a xestión dos fondos de recuperación son os chamados PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica). Trátase de iniciativas público – privadas ás que se lles outorga unha gran capacidade de arrastre para o crecemento económico e o emprego. Estes PERTE, nos que participarán actores privados, terán que ser aprobados polo Consello de Ministros a partir de criterios obxectivos. Outra vía de xestión dos fondos serán as axudas de concurrencia competitiva, como as que lanzará o Ministerio de Agricultura este ano. Tamén se prevé que haxa fondos específicos nos Plans de Desenvolvemento Rural 2021 – 2027. Que convocatorias de axudas directas lanzará o Ministerio de Agricultura no 2021? No marco dos fondos Next Generation, o Ministerio de Agricultura lanzará este ano convocatorias por importe de 307 millóns de euros, dos que 83 millóns irán para xestión de residuos gandeiros e subprodutos, 68 millóns para enerxías renovables e economía circular, 36 millóns para agricultura de precisión (orientada á maquinaria) e 120 millóns para modernización de invernadoiros. Aproveitará Galicia os fondos Next Generation? Os principais movementos da Xunta en relación co agro orientáronse a captar fondos dos proxectos tractores que impulsan o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Ministerio de Industria. Hai dous ámbitos principais nos que se está a mover o Goberno galego:
  • Captación de fondos para a recuperación de terras agrarias abandonadas e para desenvolver aldeas modelo. A Consellería do Medio Rural vén de lanzar unha convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos. A Xunta habilitou un correo electrónico, proxectos.medio-rural@xunta.gal, para captar o interese de entidades interesadas en participar nos proxectos tractores. En concreto, a Administración sinala en nota de prensa que "anima ó sector primario e agroalimentario galego a presentar iniciativas que sexan susceptibles de optar ó Plan de Recuperación deseñado polo Goberno central".
    A convocatoria da Xunta para as pequenas empresas do agro chega sobre a campana, pois o Goberno central ten que ter presentado o seu plan en Bruxelas antes do 30 de abril
    A convocatoria da Xunta chega sobre a campana, pois o Goberno central ten que ter presentado en Bruxelas o seu Plan o 30 de abril. Con esta convocatoria da Xunta, búscase implicar a pequenas e medianas empresas e cooperativas do rural, logo de que durante os últimos meses o esforzo do Goberno autonómico se centrase en proxectos con grandes empresas, en distintos sectores.
  • Posta en marcha dunha planta de viscosa para crear fibras téxtiles a partir da madeira. En novembro do 2020, o Goberno galego anunciou que solicitaría 950 millóns de euros para impulsar unha planta de viscosa orientada á produción de fibras téxtiles a partir da madeira. É un proxecto que aparece ligado a Inditex.

Medio Rural abre unha convocatoria de iniciativas para optar ós fondos de recuperación pola Covid

A Xunta vén de abrir unha convocatoria para que pequenas e medianas empresas do agro e do sector agroalimentario manifesten o seu interese en optar ós fondos do Plan de Recuperación pola Covid, que está a deseñar o Goberno central. O obxectivo da convocatoria é identificar a entidades interesadas en participar nos proxectos cos que a Consellería do Medio Rural proxecta captar fondos do Plan de Recuperación. A Consellería indica que os seus obxectivos se centran en dúas grandes liñas, a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra agraria abandonada e o desenvolvemento de 200 aldeas modelo. Desde a Xunta sinálase que ademais búscase identificar iniciativas que persigan o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, así como a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Por último, incídese en que os fondos de recuperación buscan promover a transición enerxética, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica, así como aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. Os interesados en presentar iniciativas ligadas a estas cuestións poden enviar os seus proxectos ata o 16 de abril ó correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal. A documentación relacionada coa manifestación de interese de proxectos autonómicos pode atoparse nesta web.

Detectado un novo positivo de coronavirus nunha granxa de visóns galega

A Consellería do Medio Rural vén de comunicarlle hoxe ao Ministerio de Agricultura a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Santiago de Compostela. Tras a detección, procederase a efectuar novas analíticas aos animais da explotación para determinar as actuacións futuras a levar a cabo. Este é o segundo caso que se produce en Galicia en granxas de visóns, tralo detectado noutra explotación do concello da Baña (A Coruña). En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 na granxa de Santiago en dúas mostras. Dende ese momento, a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural. A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia. En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns da nosa comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas, así como tomas de mostras e análises rutineiras cada 15 días. A granxa compostelá na que se detectou o foco conta con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos) e estanse realizando os estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección. En toda Galicia, actualmente existen un total de 25 granxas deste tipo en estado de alta, cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións. Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

Croketas D’, elaboracións gourmet feitas con produtos galegos

Ligia Marques, responsable de produción, nas instalacións de Castro Riberas de Lea Chourizo con verza galega, chacina e queixo San Simón, luras na súa tinta, salmón afumado e queixo do Cebreiro, lacón de porco celta con grelos, mexilóns... Así até 13 variedades distintas, cada unha co seu peculiar sabor galego. É a aposta de Croketas D', unha empresa asentada no polígono de Castro Riberas de Lea que busca espallar o sabor das croquetas gourmet galegas. Nas súas instalacións, un obradoiro de máis de 300 metros cadrados, Elena, Enrique, Cristóbal e Ligia coidan con mimo o produto, empezando pola materia prima. Chourizos e derivados do porco de Casa Castelao e de Embutidos Lalinense, leite pasteurizado de Quintián, queixo de Don Crisanto e de Santo André ou grelos e verzas de A Rosaleira son algúns dos ingredientes base a partir dos que se elaboran as distintas receitas.
Aquí non facemos croquetas de recortes
Empregan pezas enteiras de produto, é dicir, non fan croquetas con queixo raiado ou con tacos de xamón, para deste xeito garantir a máxima calidade dos ingredientes que empregan. "Aquí non facemos croquetas de recortes, con iso tentamos protexernos de produtos de segunda calidade. Escoller ben as materias primas asegúrache que o sabor da croqueta sexa moi estable e duradeiro ao longo da vida útil do produto", insiste Ligia Marques, a responsable de produción. Esta enxeñeira de Tecnoloxía dos Alimentos portuguesa, que acabou en Lugo e estivo traballando seis anos na Aula de Produtos Lácteos, é tamén a encargada do desenvolvemento de novas receitas, gardadas como segredos de Estado e probadas durante meses antes de sacalas ao mercado. Na última novidade, a croqueta de carabineiro, tardaron dous meses en desenvolver o produto. "As receitas que acaban en éxito levámolas a produción, pero facemos moitas probas antes", explica.
Tentamos que os nosos subministradores sexan produtores de proximidade para incentivar o consumo local
Na escolla dos ingredientes procuran que os subministradores sexan de preto, como a manteiga, que vén de Outeiro de Rei; o leite, do Páramo; os chourizos, da Fonsagrada; ou os queixos, de Vilalba e Castroverde. "Tentamos que sexan produtores de proximidade para incentivar o consumo local e evitar grandes desprazamentos en transportes", salienta. Feitas coma as da casa Elena engadindo o leite fresco pasteurizado de Quintián á mestura para facer a masa de croquetas Ademais da calidade da materia prima, outro dos segredos é o bechamel, que tamén fan eles con fariña, manteiga e leite fresco pasteurizado e que modifican en función do ingrediente principal da croqueta para que a masa final resultante non sexa nin moi líquida nin moi espesa.
Fan as croquetas con ingredientes 100% naturais, sen aditivos e elaboradas coma na casa, con leite, manteiga, fariña e o produto correspondente a cada receita
É precisamente a cremosidade e o sabor auténtico os dous aspectos que máis valoran os consumidores. Para facer protagonista o xamón, por exemplo, nunha croqueta de xamón, non engaden potenciadores nin aditivos químicos, senón máis xamón. Tamén fan elaboracións específicas para terceiros, croquetas á carta para clientes que buscan diferenciarse con receitas únicas e personalizadas. É o caso da croqueta de chourizo de porco celta elaborada para Verde Cúbico, unha food truck que vende hamburguesas e outros produtos a base de porco celta.  Almacén de materias primas, onde gardan os ingredientes que empregan nas distintas elaboracións "Todas as nosas croquetas levan leite pasteurizado de gandería Quintián, manteiga de Central Lechera Asturiana, que está aquí ao lado, en Outeiro de Rei, e fariña e logo os demais ingredientes segundo a receita da que se trate. O proceso é igual que cando un se pon a facer croquetas na casa: quéntase a manteiga e engádese a fariña e a continuación o leite para facer o bechamel e despois vanse botando o resto de produtos, en función da croqueta que sexa, para facer a masa", detalla Ligia.
Todas as nosas croquetas levan leite fresco pasteurizado de gandería Quintián
A partir de aí, unha elaboración artesá, malia contar con maquinaria para axilizar o proceso. E mentras Elena atende á marmita na que fan as mesturas, coma se se tratara da pócema de Astérix e Obélix, para a seguinte remesa, Enrique e Cristóbal envolven co pan raiado as croquetas que van saíndo por unha pequena cinta transportadora e van apartando aquelas que non quedan cunha forma perfecta. 16.000 unidades diarias A masa colócase en bandexas para que arrefríe antes de dar forma ás croquetas Os que as proban aprecian un toque caseiro nas súas elaboracións malia seren feitas a moita maior escala. Producen neste momento unhas 16.000 croquetas ao día con uns 400 quilos de masa e fabrican todos os días de luns a venres. Ademais de croquetas fan tamén os tigres (mexilóns rebozados recheos de bechamel).
No resultado final destaca a cremosidade do bechamel que leva dentro a croqueta e o contraste co triscante do rebozado
Aínda que o destinatario final é o consumidor, o tipo de produto que elaboran condiciona a súa distribución. "Non podemos facer venda directa a cliente final porque é inviable cos custos de envío do conxelado, polo que traballamos a través de distribuidores que nos colocan o produto en tendas de alimentación, pescadarías e establecementos especializados en conxelados e que tamén subministran a bares e restaurantes", explican. Malia que o seu pode considerarse un produto delicatessen, non todas as tendas que teñen produto gourmet están preparadas para telo, porque moitas non contan con expositor de conxelado. Completando a súa rede de distribución por toda España Ligia e Enrique entregando produto a un cliente de Madrid que acode a Castro a recollelo nun furgón refrixerado Entre os seus clientes están negocios de hostalaría e tendas de toda España. "Vendemos a un grupo de hoteis de Navarra e temos clientes en Cádiz, Málaga ou Sevilla", contan. Deste xeito tamén contribúen a dar a coñecer os produtos máis afamados de Galicia aínda que sexa no interior dunha croqueta. "Aínda que en Sevilla non coñezan o queixo San Simón e nunca o comeran, acaban sabendo que é un queixo afumado galego porque ese é o sabor que transmiten as nosas croquetas cando as comen", asegura Ligia.
Aínda que en Sevilla non coñezan o queixo San Simón e nunca o comeran, acaban sabendo que é un queixo afumado galego porque vai nas nosas croquetas
Ese sabor auténtico, din, é a súa mellor carta de presentación e estratexia comercial. "O boca a boca fai que nos chame moita xente que proba as nosas croquetas porque alguén lles fala delas", contan. A ampla variedade permite escoller, aínda que a máis vendida segue a ser a clásica croqueta de xamón. Outra das que triunfa é a de chacina con queixo San Simón, malia que isto vei moito en cuestión de gustos e de zonas. "No sur de España ten moito éxito a de cocido galego, ou pucherito, que é como eles lle chaman, igual que a de luras e a de carabineiro, que tamén se venden moito en Andalucía", explica Ligia.

Unha idea nacida nos Estados Unidos

A idea de montar unha empresa que fixese croquetas delicatessen con produtos galegos de calidade xurdiu nos Estados Unidos. Alí, entre hamburguesas e restaurantes de comida rápida, Marcos Álvarez observou que tamén tiñan moito éxito este tipo de elaboracións precociñadas de sabores distintos. As croquetas inventáronse en Francia (a denominación vén da palabra croquer, é dicir, cruxir) pero estendéronse da man da cociña de orixe español, tanto que viven un boom na actualidade en distintas partes do mundo nos restaurantes de tapas (até o punto de teren a súa propia efeméride, o 16 de xaneiro, Día Internacional da Croqueta). Á volta da súa estancia nos EEUU, este mozo galego, que fixo Empresariais e marchou alá completar a súa formación, puxo en práctica o seu espíritu emprendedor: quería montar unha fábrica de croquetas. E propúxollelo a Jacobo e Javier Viaño, dous irmáns que anos antes crearan Patatotas, unha empresa de patacas fritidas galegas que tamén se atopa no polígono industrial de Castro Riberas de Lea. Da unión de Marcos, promotor da idea, e de Javier e Jacobo, que xa tiñan experiencia na produción alimentaria, naceu o proxecto de Croquetas D', que botou a andar no ano 2015. O nome da empresa é Precoalvi, que reflicte esa unión entre os Álvarez e os Viaño para facer precociñados.
Marcos Álvarez, o promotor do proxecto, propúxolles aos irmáns Javier e Jacobo Viaño, de Patatotas, montar unha fábrica de croquetas caseiras
O proxecto funcionou e, até agora, marchaba vento en popa. "Iamos disparadísimos, a empresa estaba funcionando fenomenal a principios do ano pasado e as espectativas eran boísimas, mesmo pensabamos facer unha ampliación se seguiamos así", explica Ligia. Pero, en pleno crecemento, chegou o coronavirus e trastocou os plans. "Nós durante o confinamento tivemos que pechar porque, aínda que eramos unha empresa considerada esencial, ao cerrar a hostalaría quedamos sen moitos dos nosos clientes", lembra. Volveron abrir no mes de xuño e até a terceira semana de agosto traballaron con normalidade. Pero de novo a situación da covid empeorou e Croketas D' volveu notalo. "Menos mal que nos colleu sen empezar a ampliación que tiñamos prevista e sen grandes investimentos enriba", di Ligia. O coronavirus obriga a reinventarse Ao non vender en supermercados, esta empresa de Castro non puido beneficiarse do aumento de consumo nos fogares que se produciu tanto naquelas primeiras semanas de confinamento como posteriormente cada vez que as restricións se iban endurecendo. Pero iso non os fai desistir. "O noso espíritu é positivo sempre e enfrontamos isto sen negatividade, con traballo, esforzo e constancia para seguir adiante. O da covid é un obstáculo que hai que superar coma moitos outros que van xurdindo no camiño", aseguran. "A xente ten que comer e nós somos unha fábrica de alimentación e o que hai que facer é evolucionar e adaptarse ás novas circunstancias. A covid non é máis que unha circunstancia a superar e unha oportunidade para reinventarse", razoa Ligia. Ela e o seu equipo son constantes e non se rinden e por iso xa teñen en pleno desenvolvemento novos produtos cos que buscan chegar a clientes distintos. "Son dous proxectos novidosos pero de momento son unha sorpresa", avanzan.
A comezos do ano pasado iamos disparadísimos e as espectativas eran boísimas pero a covid-19 trastocou todos os plans
Pero ademáis de producir e crear novas receitas, acudían a feiras e certames gourmet por toda España para dar a coñecer o seu produto, pero iso tamén se caeu por mor da covid-19, trastocando tamén os seus plans de expansión comercial e de incremento de puntos de venda no último ano. "Iamos a moitas feiras, era parte da estratexia dunha empresa como a nosa, que está en fase de dar a coñecer o produto", indican. Pero mentras a pandemia non permita retomar eses plans, Croketas D' segue a traballar para facer, con produtos galegos, "as mellores croquetas do mundo". Díxollo Ligia nunha feira a un cociñeiro dun hotel importante e a resposta del foi que xa estaban moi cerca de logralo.

Un ano de Covid, con incertidume nas granxas de vacún de carne

As ganderías de vacún de carne completan un ano de crise e sen un horizonte claro de recuperación. Como é habitual, estes primeiros meses de ano son os de maior oferta de animais nas granxas, derivada do pico de partos de cada primavera. Ese escenario de gran oferta encaixa mal coa tendencia dos últimos meses, marcada polos peches e restriccións na hostelería. Parte do sector recoñece un certo “atasco” de animais nas granxas e é xeralizada a inquietude polos baixos prezos. As limitadas marxes nas que se movía tradicionalmente a gandería de carne aprétanse aínda máis polo encarecemento dos pensos, que subiron entre 15 e 20 euros por tonelada. Con este panorama, a única boa noticia para as granxas foi a concesión de axudas compensatorias derivadas da crise da Covid, pero o problema de fondo continúa sen arranxarse, o que xera incertidume de cara ó futuro. “Hai preocupación porque agora mesmo non se cubren custos coa venda de xatos e temos por diante unhas semanas de dificultades no mercado” -valora o responsable de Gandería extensiva de Unións Agrarias, José Ramón González-. “A cuestión é que os gandeiros pouco podemos facer. Somos uns suxeitos pasivos que dependemos dos matadoiros, sen que haxa nin contratos nin capacidade de negociación”, analiza.
"Somos un sector sen contratos e con prezos que non cobren custos de produción. Precísanse movementos por parte das Administracións" (José Ramón González, Unións Agrarias)
“Necesitamos que se avance na Ley de la Cadena Alimentaria, que prohíbe vender por baixo de custos de produción. A Consellería ten que implicarse en facer un estudo de custos das granxas galegas, ademais de recuperar a Mesa da Carne, para que dialoguemos industria e sector gandeiro, pois foi algo no que se comprometera con nós e que segue sen cumprir”, cuestiona González. Á procura de estabilidade de prezos Desde a asociación Gandeiros Galegos de Suprema, constituída o pasado ano por granxas da provincia de Lugo, destacan a preocupación polos baixos prezos, con casos de xatos de Suprema vendidos a 4,20 – 4,30 Kg. canal durante o último peche da hostelería. “Seguimos cuns prezos baixos e quen máis, quen menos, temos as granxas con bastantes animais pendentes de saír. Os custos de produción polo outro lado subiron, tanto pensos como combustibles ou fertilizantes”, explican.
"Queremos ter unha tranquilidade como as granxas de leite, un prezo estable para todo o ano" (Asociación Gandeiros Galegos de Suprema)
Cando rematen os problemas de mercado derivados da Covid, o obxectivo que se marca a asociación consiste en negociar prezos estables para todo o ano. “Queremos ter unha tranquilidade como teñen as granxas de leite, que por contrato saben o que van cobrar ao longo de todo o ano. Se non é un prezo liñal todo o ano, que sexa un prezo para o verán e outro para o inverno, pero lograr esa estabilidade é o futuro”, valoran na asociación. Axudas da PAC Entre tanto non melloran as cousas, as granxas a penas cubren custos coa venda dos xatos e o que lles queda de salario débese ás axudas da PAC, polo que as perspectivas dun recorte das axudas tamén xera preocupación. “Xa hai granxas que se están vendo afectadas pola conversión dos dereitos cara o valor medio de cada rexión agronómica e o que se espera da reforma da PAC, que entrará en vigor no 2023, son máis recortes, pois fálase dun sistema de pagos que non é moi adaptable a Galicia, onde temos menos superficie e máis minifundio que outras comunidades”, cuestionan na asociación Gandeiros Galegos de Suprema. “Vemos que son todo trabas e cando falamos entre nós, hai xente que está pensando en pechar a explotación e mirar de gañarse un soldo por outro lado”, recoñecen na asociación.
A Carqueixa está a lograr na venda online arredor de 100 - 200 euros máis por animal do que percibe pola venda a matadoiro
O caso singular da Carqueixa Os que están a capear un pouco mellor a crise son as granxas da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), pois a iniciativa de venda directa ó consumidor que emprenderon hai un par de anos estase demostrando exitosa. Un 30% dos animais xa os están vendendo por internet, o que para os gandeiros representa uns ingresos adicionais de 100 – 200 euros por animal, en comparación co prezo que perciben polas vendas a matadoiro. “A venda online está funcionando ben; é certo que nos animais que mandamos a matadoiro os prezos seguen baixos, nun arco de 4,35 – 4,65 euros Kg. canal, con penalización para os animais de máis quilos, pero esperamos que os prezos se recuperen de cara ó verán, cando haberá menos animais no mercado. Estes meses, de febreiro a abril, son máis complicados”, recoñece o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.
"Os prezos son baixos tanto nos animais de recría como nos xatos cebados e é previsible que poidan baixar máis" (Elio López, Cospeito)
Situación nos cebadeiros Nos cebadeiros galegos, que maiormente se abastecen de xatos cruzados das explotacións de leite, atravesan por unha situación de mercado similar ás granxas de vacas nodrizas. “No mercado hai moita oferta, con prezos máis baixos do normal tanto nos xatos de recría que compramos como nos animais cebados que vendemos” -explica Elio López, de Cospeito-. “De cara ás próximas semanas, non sería de extrañar que houbese máis baixadas no prezo”, admite con resignación.

Alroma SC, un cebadeiro con relevo xeracional e novas instalacións

Iván xunto ao seu pai, Moncho, nas novas instalacións do cebadeiro construídas en 2018 na parroquia de Millán Un dos sectores que máis notou os efectos do coronavirus foi o do vacún de carne, con descensos importantes nas cotizacións como consecuencia do confinamento e o peche da hostalaría na primavera e que non lograron recuperarse de todo durante o 2020. Pero este 2021 comezou de xeito parecido, novamente con restricións en bares e restaurantes que están a agravar a menor demanda de carne de tenreira que sempre se dá nos meses de inverno. A situación é, pois, complicada neste momento para as explotacións que se adican a abastecer eses mercados. Entre os máis prexudicados están os cebadeiros, afectados pola incertidume, os prezos baixos e a suba dos pensos. "As vendas xa afrouxaban nesta época todos os anos pero neste momento estamos vendendo a 3,95€ quilo canal e se son máis grandes, os de 300 quilos, a 3,80. Iso non cubre os custos, porque no penso xa houbo dúas subidas desde o mes de setembro", contan en Alroma SC, ubicado na parroquia de Millán, no concello de Sober, e que dá saída a uns 300 becerros ao ano.
Neste momento estamos vendendo os xatos a 3,95€ e o penso xa subiu dúas veces desde setembro. Coincide que cando menos prezo hai na carne máis suben as materias primas, todo son inconvintes
Ademais, as axudas establecidas a finais do ano pasado pola Xunta para paliar a caída de prezos no sector vacún de carne non incluíu aos cebadeiros, senón só ás ganderías de vacas nodrizas, polo que o seu colchón de resistencia é escaso. "Neste momento todos son inconvintes e factores en contra, porque coincide que cando menos prezo hai na carne é cando máis soben as materias primas e, aínda por enriba, fálase de recortes na PAC, cando sen esas axudas esta actividade sería inviable", aseguran. Forman parte de Proterga desde o ano 2000 Alroma SC forma parte de Proterga, unha cooperativa de produtores de Tenreira Galega formada por uns 20 socios. Todos os animais que ceba esta explotación de Sober son comercializados a través da cooperativa. "Sacrificamos normalmente con 11 meses. Van para Carnicosa ou para Novafrigsa, non hai tampouco moito máis a onde mandar", evidencia Moncho, o pai de Iván. "Se houbera máis opcións iso sempre sería positivo. Cando estaba Artesáns Gandeiros notábase no prezo porque tiraba das cotizacións para arriba", engade.
Mandamos para Carnicosa ou para Novafrigsa, non hai tampouco moitas máis opcións. Cando estaba Artesáns Gandeiros notábase no prezo
Outro factor que están a sufrir desde fai un ano os produtores de carne de tenreira é a inestabilidade nos prezos. "En Proterga véndese a prezo de mercado, sen pechar para todo o ano pero até agora había estabilidade e as cotizacións podían moverse ou oscilar como moito 10 ou 20 céntimos do inverno ao verán, pero agora non sabes como vai estar a cousa dentro dun mes ou dous porque hai moita variación e iso non che permite planificar", lamentan en Alroma. 
Nos últimos anos había estabilidade nas cotizacións, podían oscilar 10 ou 20 céntimos do inverno ao verán, pero neste momento non sabes como vai estar a cousa a dous meses vista e iso non che permite planificar
Neste cebadeiro colleunos o momento actual de restricións decretadas na hostalaría desde principios de ano con poucos animais para saír. "Tivemos a sorte de que tiñamos menos gando para sacar. No mes de xaneiro saíron só 10 becerros e en febreiro 15, cando o habitual son uns 30 cada mes, pero coincide que os que están saíndo agora son os que entraron no momento no que se decretou o confinamento, e nesa época metemos menos gando porque os mercados estaban pechados e tamén había temor pola situación", explica Moncho.   Becerros de máis idade A ampliación da idade de sacrificio dentro de Ternera Gallega dos 10 aos 12 meses aportou algo de flexibilidade aos produtores para adaptarse á demanda nos meses de máis parón. "Nos momentos de menos saída foi beneficioso para nós, porque deu marxe para manter un pouco máis os animais sen que se pasasen de idade e ao colleren máis quilos compénsase un pouco a baixada de prezos. Se non se tivera producido esa ampliación da idade de sacrificio permitida habería un problema maior, porque se pasarían moitos becerros a añojo e aínda lles teriamos perdido máis cartos", argumenta Moncho.
Nos momentos de menos saída foi beneficioso para nós a ampliación da idade de sacrificio dos 10 aos 12 meses dentro de Ternera Gallega
Neste cebadeiro lembran os momentos máis duros do pasado ano, logo do aumento pasaxeiro da demanda nas primeiras semanas de confinamento. "Os primeiros quince días aquilo era cargar seguido, pero logo houbo un parón tremendo e case estivemos un mes sen sacar animais. Iso repercutiu despois nunha caída de prezos. Os becerros de 260 ou 270 quilos estiveron pagándose durante case todo o ano a 3,90€ quilo canal e os máis grandes 20 céntimos menos, cando un ano antes estabamos en 4,30€ en animais de 240 ou 250 quilos. Hai 40 ou 50 céntimos de diferenza, que é moita diferenza, porque 50 céntimos é case a rendibilidade da explotación", din. Máis de 40 anos cebando xatos Na casa de Moncho sempre se cebaron xatos. "O meu pai xa cebaba desde os anos 80 ou antes. Naquela época cebaban varios veciños de aquí da parroquia. Cebábanse uns 15 ou 20 xatos ao ano", conta. "No ano 89 foi cando me empecei a encargar eu e no 99 constituímos Alroma SC. Foi un proxecto pensado xa de inicio para 170 xatos en total. Aquel ano fixemos unha nave e no 2001 a outra, pero o proxecto xa fora deseñado para as dúas naves", explica.
Trátase dunha explotación familiar na que figuran Iván e os seus pais, Ramón Álvarez e María Amable Martínez
No 2018 o seu fillo Iván sumouse á actividade, na que está tamén a súa muller, María Amable Martínez. Foi entón cando construíron unha terceira nave, con capacidade para outros 70 becerros. "Seguimos usando tamén o establo onde cebaba o meu pai. Alí temos o destete, que son máis ou menos 40 becerros e outros 20 xatos de ceba", explica Moncho. En total suman uns 300 animais, todos marcados como Ternera Gallega. Mercan os becerros directamente en Silleda Contan cun camión para trasladar os martes os becerros desde a feira de Silleda até Sober Alroma subminístrase de becerros mamóns na feira semanal en Silleda e contan cun camión propio para faceren o traslado dos animais até as súas instalacións en Sober. "Mercamos directamente nós na subasta en Silleda. Normalmente metemos cada 15 días para que entren uns 30 ou 32 xatos ao mes. Vimos facendo entre 300 e 340 animais cebados en total ao ano", indican.
O prezo de compra dos becerros na feira baixou algo, en torno a uns 20 euros por xato, pero iso non compensa a caída no prezo da carne e a suba dos pensos
Durante o tempo que a Central Agropecuaria de Silleda estivo pechada o ano pasado tralo estado de alama, víronse obrigados a recurrir a tratantes para poder manter a entrada de gando. "Explotacións por aquí hai poucas, así que temos que comprar becerros procedentes doutras zonas e como non podiamos mercar directamente tivemos que mercar a tratantes o tempo que Silleda estivo pechado", contan. Agora levan tamén varias semanas sen iren á feira e non teñen previsto meter nas súas instalacións becerros até o mes de marzo. "Imos traendo a medida que imos tendo espazo no destete e neste momento temos cheos eses lotes. Compramos según temos sitio nas instalacións", explica Moncho.   Sen cambiar de lote Os animais son alimentados un mes con lactoreemprazante e logo do destete repártense en lotes por tamaño Cando os bercerros chegan da feira están un mes na nave de destete alimentados cun lactoreemprazante do 60% e logo xa se reparten entre as distintas naves onde son cebados até que saen cara o matadoiro. Están divididos en distintos lotes, dunhas 15 cabezas, según van saíndo do destete, que é cando homoxenizan os animais por tamaño. Unha das regras que seguen no manexo é non cambiar xa despois de lote aos xatos até que finalizan o seu proceso de crecemento e engorde para seren sacrificados. "Non os cambiamos de lote porque con iso xéraslles estrés e perden de medrar, durante unha semana non comen igual, por iso procuramos non cambialos de cubículo", explica Moncho. Fórmulas específicas para o penso O proceso de ceba baséase nunha alimentación a base de palla de centeo, herba seca que eles mesmos recollen e concentrado de cereais que lles subminstra Proterga e que elaboran na fábrica de penso da cooperativa Aira en Taboada. "Empregamos as nosas propias fórmulas para o penso, unha mestura de cereais para o destete e outra intermedia desde o destete até acabar. Proterga ten outra fórmula máis para rematar, pero nós non a usamos, empregamos sempre a intermedia", detalla Moncho. A suba do penso, a raíz do incremento no prezo das materias primas que se está a vivir desde o mes de setembro, trasladouse xa ás explotacións. "No penso que nós gastamos de Aira houbo xa dúas subas, unha no mes de outubro e outra agora a principios de febreiro, que foi máis grande. E tendo en conta que un becerro consume 1.500 quilos de concentrado nos 10 meses que come penso, esas subas nótanse moito", argumentan.  Palla de centeo Xunto ao penso, a palla, que mercan en Castela, é parte fundamental da alimentación. "A palla é esencial porque con ela reduces moitos problemas de timpanismo, por iso nós no pesebre botámoslles unha capa debaixo do penso para que a vaian comendo mesturada porque senón, aínda que a teñen a libre disposición nunha tolva, non garantes que todos os animais a coman", asegura.
A palla é esencial porque con ela reduces moitos problemas de timpanismo
As pacas nas que vén a palla non son, polo seu tamaño, doadas de manexar no interior das instalacións, polo que idearon un invento acoplando unha estrutura metálica a unha carretilla para repartila polos comedeiros. "Traemos a palla en pacas grandes porque sae máis barato e despois repartímola coa carretilla, que nos colle polos pasillos", indican. Superficie insuficiente e valorización do purín Alroma dispón dunhas 13 hectáreas de superficie adicadas a herba seca, pero o forraxe que logran facer non lles chega. "Aquí pegada á granxa hai superficie dispoñible que está abandonada e non está producindo, pero aquí para xuntar 10 hectáreas tes que falar con 200 propietarios e é unha tarefa imposible se a Administración non intermedia. Pero se a Administración xuntara e preparara 20 ou 30 hectáreas de terreo no entorno do cebadeiro nós animabámonos a collelas para ampliar superficie e non ter problemas futuros co purín e, ao mesmo tempo, diversificar metendo vacún de carne en extensivo", di Moncho.
Aquí pegada á granxa hai superficie dispoñible que está abandonada e non está producindo, pero aquí para xuntar 10 hectáreas tes que falar con 200 propietarios e iso é unha tarefa imposible se a Administración non intermedia
Precisamente por non contar con superficie dabonda para todo o purín que xeran e co obxectivo tamén de valorizalo, separan desde fai 5 anos o compoñente sólido do xurro para facer con el compost e poder comercializalo como abono. "Empezamos a facelo no 2016, que foi cando mercamos o separador e a medida que a xente vai coñecendo e probando o produto a demanda aumenta moito. Hai momentos nos que non damos servido", indican.
Para valorizar o purín que produce a explotación separan a parte sólida e comercialízana como abono para os viñedos que hai na zona
A parte líquida resultante do proceso vai para abonar as súas fincas e tamén as de outras explotacións da zona. "Catro ou cinco explotacións pequenas con gando en extensivo que non xeran purín para abonar as pradeiras veñen tamén buscar", contan. Non ocultan tampouco a súa preocupación pola nova normativa de puríns. "Se nos prohiben botar o purín e temos que deixar de traballar esas 13 hectáreas que mantemos limpas, acabarían tamén abandonadas, polo tanto, será todo monte e entón, cando arda, si que haberá contaminación por C02. Os que dirixen e toman este tipo de medidas eu penso que non saíron moito do despacho", opina Moncho. Maiores esixencias en canto ao benestar animal Algo parecido é o que pensa dalgunhas das esixencias da normativa en materia de benestar animal que deben cumprir as granxas. "Ningún gandeiro anda a paus cos seus animais porque é tirar pedras contra o teu propio tellado. Eu penso que, en xeral, fanse ben as cousas pero cada vez nos piden máis cuestións a cumprir. E creo que o certificado Welfare as cadeas de supermercados úsano como márketing pero ás explotacións obrígannos a facer reformas, algunhas delas discutibles, que nos supoñen meternos en gastos", lamenta.
O certificado Welfare as cadeas de supermercados úsano como márketing, pero ás explotacións obríganos a facer reformas e a meternos en gastos
Un deses aspectos que cuestionan en Alroma é o que os obriga a teren máis dun bebedeiro por lote. "Para o certificado puntua ter máis dun punto de auga para cada lote. Nós temos un bebedeiro grande ao lado do comedeiro, iso permíteche ter a outra zona, a máis alonxada do comedeiro, enxuita para que se deite alí o gando, pero se nos obrigan a instalar alí outro bebedeiro xa non habería zona seca", argumentan. "Como mides realmente o benestar animal? Habería que preguntarlle ao xato", din, porque "cronometrar os segundos que tarda un becerro en deitarse non é algo exacto nin representativo do benestar animal", opinan. Iván co sistema que idearon para o reparto da palla no interior das instalacións Iván e o seu pai acoden dúas veces ao día a ver aos seus animais. "Vimos ao establo de 8 a 10 pola mañá e de 5 a 7 pola tarde. Aí é cando facemos a alimentación e comprobamos que todos os xatos están ben", din. A orientación da nave nova, en paralelo ao desnivel do terreo, é máis cómoda de traballar porque é chá e toda ao mesmo nivel. "A antiga está feita no outro sentido, no sentido da pendente, aproveitando o desnivel do terreo, porque os veterinarios daquela dicían que ao estaren así en socalcos as cortes ventilaban mellor e deste xeito dificultábase a transmisión de enfermidades", revela Moncho.
Gústanos ir xogar ao pádel e á xente que vai sorpréndelle moito que sexamos gandeiros porque aínda se ten a idea de que vivir no campo é estar todo o día cos animais e que non tes tempo libre para facer outras cousas
Iván anima a máis xente nova a incorporarse ao sector e atopar nel unha saída laboral. "Ao meu pai e a min gústanos ir xogar ao pádel e á xente que vai sorpréndelle moito que sexamos gandeiros porque aínda se ten a idea de que vivir no campo é estar todo o día cos animais, pero non é así, tamén tes tempo libre para facer outras cousas", asegura.

Contribuíndo a manter a tradición das roscas de Millán

Elaboran por encarga todos os venres de marzo a outubro nun forno de leña artesán que teñen na casa Ademais de adicarse á explotación gandeira, esta familia é unha das casas que está a contribuír a manter viva a tradicional Rosca de Millán. Os seus ingredientes son azucre, fariña, ovos, auga, levadura, sal e un pouco de azafrán e o seu proceso de elaboración é artesán. Logo da coción no forno, o interior queda esponxoso e a parte de fóra triscante e acostuma acompañarse de queixo.  No mes de agosto este produto local ten a súa propia feira de exaltación, aínda que a última edición non se puido celebrar por culpa da pandemia. A do 2020 debería ser a edición número 25 desta celebración que comezou no ano 1995 como un xeito de preservar esta tradición.
O día de elaboración é os venres, un día de pouco traballo no cebadeiro, o que lles permite compatibilizar as dúas actividades 
A Rosca de Millán é, de feito, orixinaria desta parroquia do concello de Sober e antigamente elaborábase en case todas as casas, pero nos últimos anos son moi poucos veciños os que seguen facéndoa. En concreto, tres son na actualidade os rosqueiros que manteñen a tradición, dous da parroquia de Millán (Mar Piñeiro e Óscar Fernández, que tamén fan pan artesán, e Moncho e a súa muller, Amable). A maiores, está Teresa, da parroquia de Bulso, que aínda que non é orixinaria de Sober, senón de Quiroga, comezou fai uns anos a facer roscas e a colaborar coa Festa que cada ano honra este produto da repostería tradicional da zona. 
Os ingredientes para este doce típico da zona (azucre, fariña, ovos, auga, levadura, sal e un pouco de azafrán) amásanse á man e o forno no que se cocen quéntase con leña de carballo
"Nós empezamos a facelas no 2012 porque se xubilaron varios rosqueiros da zona e non queriamos que a tradición se perdera. Facemos todos os venres de marzo a outubro por encarga e comercializámolas no mesmo obrador que temos na casa. No verán hai venres que botamos todo o día facendo roscas polas encargas que temos. É un ingreso complementario máis que sempre vén ben e máis este ano pasado, aínda que se notou que non houbese nin a Feira do Viño nin a propia Feira da Rosca, que era cando máis traballabamos. Para a Feira da Rosca do mes de agosto estamos facendo roscas dous días enteiros porque o forno é pequeno e das 48 horas estamos unhas 42 horas cocendo para facer unhas 300 unidades", explica Moncho.
As roscas son un complemento máis que nos aporta uns ingresos que sempre veñen ben e máis este ano pasado cos prezos baixos que houbo na carne
O día que Moncho e a súa muller, María Amable, escolleron para facer roscas, os venres, permítelles ter os doces para vender na fin de semana e, ao mesmo tempo, compatibilizar ben o traballo no cebadeiro. "Os venres non hai que cargar gando, así que coincídenos ben tendo en conta a organización do traballo cos animais na explotación", di Moncho.