Archives

O vacún de carne galego perde comba co do resto de España

José Ramón González e Iván Raposo, durante a rolda de prensa deste venres O sindicato Unións Agrarias anuncia mobilizacións a partir do vindeiro 9 de xaneiro pola situación na que se atopa o sector da carne de vacún, cunha redución drástica da rendibilidade das explotacións como consecuencia do encarecemento dos custos de produción, que se prevé que vaian aínda en aumento a partir de comezos de ano, coincidindo ademais cun momento tradicional de baixada nas coticacións da carne. UUAA plantexa “un tempo de diálogo” durante as vindeiras semanas, un ultimátum que concluirá o vindeiro 8 de xaneiro, antes de dar paso a accións reivindicativas enmarcadas dentro dunha campaña de mobilizacións fronte a Administracións Públicas e superficies comerciais que están a “banalizar o produto”, segundo anunciou este venres en rolda de prensa o gandeiro ourensán José Ramón González, responsable de producións extensivas en UUAA.
O produto xenérico subiu de prezo tres veces máis este ano que o produto amparado na IXP Ternera Gallega
José Ramón González denunciou ademais a “situación anómala” que se produciu este ano, onde a recuperación de prezos foi menor en Galicia con respecto ao resto do Estado. “Tendo en conta as cotizacións das distintas lonxas de carne de abasto, os prezos aumentaron desde o mes de xaneiro un 23% a nivel estatal e só un 7% en Galicia. Algunha responsabilidade terá nisto a Xunta de Galicia”, engadiu. Situación de monopolio A maiores, dixo, no sector da carne en Galicia dase unha circunstancia engadida, pois a revalorización das cotizacións foi desigual, afectando en menor medida aos produtores de carne de maior calidade, a amparada baixo o selo Ternera Gallega Suprema. “Desde principios de xaneiro a principios de decembro a suba das cotizacións de Ternera Gallega é do 7,5%, cando o resto da carne do mercado de Amio, fóra do que é Ternera Gallega, subiu un 13%. É dicir, o produto xenérico subiu de prezo dúas veces máis en Galicia e tres veces máis no resto do Estado que o produto amparado pola IXP Ternera Gallega. Se seguimos así imos chegar a que o prezo da carne convencional se iguale ao da Ternera Gallega e iso é a morte para calquera Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida”, asegurou.
Hai un problema na canle de comercialización da carne galega, non hai liberdade real de mercado e os prezos están atrapados
José Ramón González achacou estas disfuncións no mercado de prezos á situación de “monopolio” que exerce a cooperativa Coren, principal compradora de animais da IXP a través do matadoiro Novafrigsa de Lugo. “Hai un problema na canle de comercialización da carne galega, non hai liberdade real de mercado e os prezos están atrapados. Hai unha situación de monopolio que non permite que os prezos do produto se comporten como deberían”, asegurou.

Reunión e mobilización do Sindicato Labrego este luns en Lugo

O Sindicato Labrego Galego convoca ás ganderías de vacún de carne a unha asemblea sectorial o vindeiro luns 20 de decembro ás 11.30 horas no Salón de Actos do Edificio Sindical (Lugo) para analizar a situación do sector. Seguidamente terá lugar unha mobilización ás 13.30 horas diante do edificio da Xunta de Galicia (Lugo). A organización agraria considera que o sector de vacún de carne enfróntase ó “desleixo das Administracións desde fai anos”, unha situación agravada pola suba dos custos de produción. O Sindicato Labrego cuestiona que non existan mecanismos para evitar a venda da carne por debaixo dos custos de produción, algo do que responsabiliza a Xunta e Ministerio. Para paliar provisionalmente a situación, a organización empraza á Xunta a convocar unha liña de axudas directas por vaca nodriza. Demanda igualmente que haxa unha diferenciación no mercado entre a carne das ganderías de vacas nutrices e os cebadeiros, pois consideran insuficiente a diferenciación que introduce no mercado a Ternera Gallega Suprema.
Revalorizar o selo Suprema As organizacións agrarias coinciden na necesidade de diferenciar a carne de Suprema no mercado. “Necesitamos que o buque insignia da comercialización de carne en Galicia sexa a marca Ternera Gallega Suprema, é preciso revalorizala como un produto delicatesen dando a coñecer a marca ao consumidor dentro e fóra de Galicia”, insiste José Ramón González. Neste sentido, José Ramón González esixiu unha campaña de difusión sobre a diferenciación que supón a Ternera Gallega Suprema e unha campaña de promoción fóra de Galicia, “onde esta carne é moi ben valorada”, dixo.
Estamos detectando que nalgunhas áreas comerciais estase producindo unha banalización da carne galega, usando a Ternera Gallega como un produto reclamo
Sen embargo, denunciou a depreciación do produto e a súa utilización como reclamo en determinadas cadeas de supermercados. “Estamos detectando que nalgunhas áreas de distribución estase producindo unha banalización do produto. Non pode estar a Ternera Gallega Suprema ao prezo das carnes xenéricas. Pero estamos vendo que nalgunhas cadeas usan a Ternera Gallega como un produto de reclamo. É algo que non imos consentir”, avanzou. Reivindicacións diante da Xunta de Galicia e o Ministerio O calendario de mobilizacións que Unións Agrarias porá en marcha tralo Nadal inclúe unha serie de reivindicacións diante das Administracións públicas, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central. Á Consellería do Medio Rural UUAA esíxelle que poña en marcha “unha liña de axudas directas á renda das explotacións, igual que a que houbo o ano pasado, porque a situación este ano é moito peor pola suba dos custos de produción que se produciu”, argumentou José Ramón González.
A Consellería ten que garantir a renda das explotacións con axudas directas, como fixo o ano pasado, e adiantar os pagos agroambientais e de alta montaña do PDR
Do mesmo xeito, reclaman unha reprogramación dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural, de maneira que as axudas directas agroambientais e de alta montaña vinculadas á PAC poidan ser cobradas “de xeito anticipado no primeiro trimestre do ano 2022” e que vaian dirixidas “ás explotacións de carne con vacas nodrizas”.
Se hai axudas do Ministerio para paliar a suba de custos de produción do sector lácteo tamén as debe haber para o sector da carne porque non estamos mellor
Pola súa banda, as reivindicacións diante do Ministerio de Agricultura pasan pola inclusión do sector do vacún de carne na previsión de posibles axudas destinadas a paliar o incremento de custos de producción na gandería, como as que se barallan para ás explotacións leiteiras. “Se o ministro o outro día anunciou que está disposto a poñer en marcha axudas para o sector lácteo, esiximos que se habiliten tamén axudas para o sector da carne, porque non estamos mellor”, xustificou José Ramón González.
A viabilidade do sector pasa pola recuperación de prezos, pero as axudas son un parche imprescindible neste momento mentres os prezos non se recuperen
“É necesario un Plan de viabilidade para o ano 2022 para o sector da carne, xa que vai ser un ano moi difícil para as explotacións, que faga fronte á previsible caída de prezos do primeiro trimestre do ano, como vén acontecendo historicamente. Temos claro que a viabilidade neste sector ten que pasar pola recuperación de prezos, pero as axudas son un parche imprescindible neste momento mentres os prezos non se recuperen”, afirmou.

Un sector clave para evitar o despoboamento

En Galicia hai unhas 20.000 ganderías de vacún de carne, 8.000 delas inscritas en Tenreira Galega, das que unhas 6.000 teñen máis de 20 reprodutoras e están consideradas como explotacións profesionais, segundo detallou Iván Raposo, responsable sectorial de carne en UUAA. A provincia de Lugo acapara a metade das ganderías de vacún de carne de Galicia, seguida de Ourense e A Coruña. Un terzo das explotacións atópanse situadas en zonas de montaña e representan o verdadeiro motor económico deses concellos, afectados na maioría dos casos por problemas de despoboamento e avellentamento da poboación.
A idade media dos titulares de explotacións de vacún de carne en Galicia é de 55 anos
“Por mor dos baixos prezos e a suba dos insumos estase a vender por debaixo dos custos de produción. O custo medio de producir un xato hoxe supera en 150 euros o de comezos de 2020 e estase a vender ao mesmo prezo que hai 20 anos. Isto é un problema para a continuidade das explotacións”, asegurou Iván.
O custo de producir un xato supera hoxe en 150 euros o de comezos de 2020
Aos baixos prezos da carne e o incremento dos custos de produción engádese “a redución dos pagos da Administración polos servizos ecosistémicos e medioambientais que realizan este tipo de explotacións". “A foto é moi preocupante”, segundo Unións Agrarias, que augura “unha cadea de despoboación e envellecemento, agravando a situación xa existente nestes concellos”.  
Os mozos que se incorporaron ao sector nos últimos anos non poden abandonar porque teñen compromisos de permanencia por mor das axudas que recibiron
“A maioría das explotacións están tirando de aforros ou de endebedamento, pero malia estaren perdendo cartos, os mozos que se incorporaron ao sector nos últimos anos non poden abandonar, teñen compromisos de permanencia por mor das axudas de incorporación e os plans de mellora”, explicou.  

En 2022, tódolos ovos frescos comercializados por Carrefour procederán de cría sen gaiolas

Carrefour está a traballar para que, a partir de decembro de 2022, todos os ovos frescos baixo a súa marca e de marcas nacionais procedan da cría sen gaiolas. A maiores, a empresa quere que a partir do 2025, tódolos ovos utilizados en ingredientes dos produtos que vende coa súa marca procedan de galiñas criadas fóra de xaulas. En liña co anterior, a compañía convida ós produtores de marca Carrefour e marca nacional (Granja Virgen del Rosario S.L, Producciones Avícolas El Granjero S.L, Camar Agroalimentaria, Dagu S.A, Agustín Roig S.A, Gallega de Alimentación, o seu provedor galego pertencente ao Grupo Coren; Avicultores Malagueños S.A e Agropecuaria La Alameda S.L, entre outros) a unirse a este acordo e bríndase para acompañarlles neste cambio. Por outra banda, Carrefour ampliará este compromiso ao ovo empregado como ingrediente nas elaboracións da súa marca a partir de 2025, asegurando que proveña de galiñas criadas segundo os modelos de cría en solo, campero e/ou ecolóxico. Ademais, a compañía comprométese á non utilización de sistemas de aviarios combinados por parte dos seus provedores. Carrefour defende a importancia que ten para os clientes o acceso ás políticas de sustentabilidade e benestar animal. Jorge Ybarra Loring, director de mercadorías de Carrefour España, declarou: "en Carrefour estamos comprometidos co benestar animal, por iso facemos público este compromiso do que estamos moi orgullosos para os nosos clientes, dentro da nosa política de RSC".

Coren compra 4,7 millóns de quilos de castaña galega para a súa gama de porco Selecta

O Grupo Coren renovou o convenio de adquisición de castaña galega para destinar á alimentación dos porcos da súa gama Selecta ao longo do presente ano. Un acordo de compra que foi ratificado por Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, presidente do grupo Coren, e Jesús Quintá, xerente de Alibós, a maior empresa recolectora e transformadora de castaña de Galicia. Na firma tamén estiveron presentes Manuel Gómez- Franqueira Otero, conselleiro de Coren, e Natalio Rodríguez, director de Frigolouro. O convenio de compra de castaña para 2021 sitúase en 4.720.000 quilos -unha cantidade similar á adquirida o pasado ano-, que, segundo a cooperativa ourensá, supoñen unha achega económica ao campo galego de 7.080.000 euros. A cooperativa adquire a castaña cada ano en tempada, que logo pasa por un proceso de pelado, cocción e posterior conxelado, que permite a súa conservación para a alimentación dos porcos durante todo o ano. Nesta campaña, a colleita de castaña minguou pola incidencia da praga da avispilla, que reduciu a cantidade de froito dispoñible, e o mercado viuse afectado pola caída da demanda en fresco ante a crise do coronavirus.

Unha granxa de porcino galega logra a distinción á mellor de España

A granxa de porcino Gulfar, no concello ourensán da Peroxa, e integrada na cooperativa COREN, logrou o Porc d´Or con Diamante á mellor explotación de porcino de capa branca de España na 27ª edición dos prestixiosos premios Porc d´Or de capa branca, organizados polo Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA). É a primeira vez nestes galardóns que Galicia se alza coa máxima distinción. No caso do ibérico, o máximo galardón, que recaeu no seu tres edicións anteriores en Castela e León, atopa destino por primeira vez en Badaxoz, en Dehesa Solobeña, de Frenegal de la Sierra, que se fixo tamén co premio á Máxima Produtividade, con 19,42 leitóns destetados por porca. Outro dos galardóns especiais da noite é o que entrega o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) á granxa máis valorada polas súas características en materia de "Sanidade, Benestar Animal e Medio Ambiente". Este ano o galardón levoullo a granxa Granja Urieta Lázaro, da empresa Piensos Costa, en Zaragoza, no caso de capa branca e a Ganja La Romana, da empresa MIO1898 SL, en Córdoba, no caso do ibérico. En termos de innovación premiouse á segoviana Granja Producciones Ganaderas da empresa Innoporc, por CheckPig, ferramenta para facilitar o fluxo de información entre os seus centros de produción, e á cordobesa Granja La Romana, polas súas iniciativas en benestar animal e uso responsable de antibióticos; ambas foron merecedoras este ano do Porc d´Or Zoetis á Innovación na categoría de capa branca e ibérico respectivamente.

Oito comunidades e 17 provincias premiadas

Os premios restantes, figuras de ouro, prata e bronce outorgadas en base aos criterios técnicos de Produtividade Numérica (PN), Taxa de Partos (TP) e Lonxevidade (LG), no caso da capa branca, e Nados Vivos (NV), Taxa de Partos (TP) e Produtividade Numérica (PN), no ibérico, repartíronse entre oito comunidades autónomas e 17 provincias. Aragón é a comunidade autónoma máis premiada no que a capa branca refírese, con 18 figuras -entre ouros, pratas e bronces-, 11 para Huesca e 7 para Zaragoza. Séguelle Cataluña con 13 (10 a Barcelona e unha para cada unha das restantes provincias), Galicia con 9 (8 en Ourense e 1 na Coruña) e Castela e León e Navarra con catro. En ibérico, á cabeza Castela e León con 15 premios (7 para Valladolid, 6 para Segovia e un para Salamanca e Burgos respectivamente), seguida de Estremadura, con 14 premios -todos eles en Badaxoz- e, a moita distancia, Andalucía, con dous premios que quedan en Córdoba.

Unha cita ineludible para o sector porcino español

Os premios Porc d´Or representan o gran evento anual do sector gandeiro en xeral, e do porcino en particular. Produtores e técnicos de toda España, empresas e personalidades ligadas á porcinocultura, así como autoridades locais, autonómicas e nacionais, participan cada ano na súa celebración. Nesta edición analizáronse preto de 1.000 granxas e máis de 1.100.000 reprodutoras de capa branca e ibérica, todas elas adheridas ao BDporc, en base aos criterios reguladores e ao Regulamento dos premios Porc d´Or. Os premios Porc d´Or concédense ás granxas que remiten periodicamente os seus datos ao BDporc, atendendo aos criterios xa mencionados en cada caso.

Coronavirus: O sector avícola reorganiza as súas vendas e garante o suministro de ovos e carne

Ó igual que noutros sectores básicos que continúa funcionando, a pandemia do coronavirus tamén está modificando a actividade do sector avícola galego. Continúan a traballar con certa normalidade, aínda que tamén tiveron que facer fronte xa a diferentes escollos nesta primeira semana dende que se decretara o estado de alarma. O peche da hostalería foi un dos maiores condicionantes nestes primeiros días e provoca que a produción se tivese que reorganizar e orientarse cara o consumo directo en supermercados e tendas, que tamén experimentou unha maior demanda. “Mentres a hostalería se parou de repente, a demanda dos supermercados e tendas aumentou durante os primeiros días de alerta. A día de hoxe, nótase un descenso do consumo, como si se estivese normalizando a situación”, indican dende a firma Avigal, con sede na parroquia pontevedresa de Campañó e que conta cunhas 130 granxas de cebo de polo en Galicia.
Granxas de polos e de ovos derivaron a súa produción cara os supermercados e pequenas tendas tralo peche da hostalería
No seu caso, o aumento do consumo nos fogares está case a corrixir a parada da hostalería. “Avigal conta cunha carteira de clientes moi diversificada en nese aspecto somos capaces de adaptarnos ás variacións de consumo dos diferentes canais”, concretan. Nunha situación similar atópase Granja Campomayor, situada en Palas de Rei (Lugo) e centrada na produción de ovo. Ata o comezo da crise polo Covid19 o 45% do ovo fresco destinábase á hostalería polo que tiveron que reorientar a súa produción centrándose nas grandes superficies e no pequeno comercio. O ovo pasteurizado era outro dos produtos que se consumía dende a restauración e que agora comercializan só para a industria co que, entre outros alimentos, se elaboran sobremesas ou repostería. “Ó subir moito a demanda do consumo doméstico o que fixemos foi derivar as producións da hostalería cara ese comercio”, explica Rodrigo García García, director comercial e a cuarta xeración da empresa lucense. Ademais conta con presenza a nivel nacional, o que lles está axudando a distribuír a súa produción e contribuír a que non se produza desavastecemento nos puntos de venta. “Temos capacidade para afrontar a demanda que estamos tendo e para asumir máis. De feito, estannos chamando de novas cadeas para que lle proporcionemos ovos”, concreta García, xa que contan cunha produción de 1 millón de ovos ó día.
A dificultade das cadeas para incorporar novos provedores contribúe ó desabastecemento rexistrado
Así, comezaron a servirlle ovos tamén a cadeas como Carrefour coa que ata o momento non traballaban pero para a que xa estaban autorizados como provedores. De feito, tal e como apuntan dende o sector, conseguir dar de alta novos provedores é un dos problemas cos que se están atopando as grandes superficies e os comercios de alimentación e que contribuíu ó desabastecemento que se viu en días pasados. Porén, no sector aquelas empresas cunha produción centrada na hostalería ou na industria están a ter importantes dificultades para colocar a súa produción. O peche de actividade non só está a paralizar a actividade de bares e restaurantes senón que tamén se pecharon comedores escolares ou de empresas que son importantes consumidores destas ganderías.

Primeiras dificultades

Á marxe do cambio de consumo, nas granxas sigue imperando certa normalidade, aínda que tamén están a notar variacións debido as esixencias do mercado. “De momento non estamos notando nada, incluso parece que se está acelerando a saída dos animais das granxas, pois nas casas consúmese máis e por aí está compensando a caída das vendas en hostalería. Estase saíndo e incluso estase adiantando o día de saída porque hai máis demanda”, indica Xosé Manuel Pérez Bouza, cunha granxa de cebo duns 23.500 polos en Porqueira, (Ourense) e cun período de crianza de 47 días. As primeiras dificultades que xurdiron no sector nestes primeiros días do estado de alarma teñen que ver co abastecemento dalgúns subministros básicos. Mentres que os pensos e medicamentos parecen estar garantidos dende o primeiro momento, comezan a ter outra carencias. “Por agora Coren non nos dixo que tivéramos problemas co penso ou con outros servizos, pero as granxas precisamos moitos outros colaboradores para funcionar”, explica o gandeiro.
O peche dos serradoiros provoca que as granxas teñan dificultades para atopar labras e opten por solucións como a palla para as camas
As labras para a cama dos polos, nas granxas de cebo, está a ser un dos maiores problemas. “O provedor que nos facilitaba alimentos e a cama para poliños pechou e ata novo aviso non hai labras. Imos ter problemas para conseguir material para a cama”, concreta Xosé Manuel. O problema é xeralizado, posto que co parón das actividades non prioritarias pecharon tamén os serradoiros, que eran a principal fonte de abastecemento das labras para as granxas avícolas. “Ímolo solventando de maneira diferente, caso a caso, buscando outro tipo de camas, como por exemplo a palla, que se trae fundamentalmente da zona de Castela”, explican dende Avigal. Mentres, nas distintas granxas de galiñas poñedeiras, como Granja Campomayor, xa non adoitaban empregar labras ó tratarse de animais adultos. Porén, tiveron outras dificultades cos cambios sufridos no mercado. Ó derivar a produción da hostalería cara o consumo en grandes superficies e comercios tamén precisaron unha maior cantidade de envases e nos primeiros días afrontaron certas carencias. “O desabastecemento de envases sufrírono moitas empresas coma a nosa. Nós tentamos anticiparnos e esta semana xa temos subministros garantidos”, concreta Rodrigo García. O peche doutras empresas tamén está afectar a actividade das granxas, aínda que van procurando alternativas. “Vou a un torneiro para reparar un removedor para remexer as camas. As ferreterías tamén pecharon e por aí poden empezar a vir os problemas”, indica Xosé Manuel.
Están organizando quendas para evitar que os traballadores coincidan e reducir as visitas ás granxas
No sector tamén están optando polo teletraballo naqueles departamentos nos que é posible e establecendo novas quendas de traballo para coincidir o menor número de persoas en espazos como oficinas. “Aplicamos protocolos de contacto cero, non se permite a entrada dos condutores nin sequera á oficina de expedicións”, explican dende Avigal. Na empresa tamén estableceron quendas para simplificar os traballos e incrementaron as rutinas de desinfección das instalacións. Nas granxas, os veterinarios acoden só cando é estritamente necesario e nunca coinciden cos propietarios das ganderías. As medidas son similares tamén en Granja Campomayor. “Todos os que podemos estamos traballando dende a casa e nos grupos de clasificación tamén aumentamos a distancia para favorecer que o persoal estea máis disperso”, apunta Rodrigo. Traballan ademais nun plan de continxencia para estar preparados no caso de que se detecte algún caso de coronavirus. “Temos que estar preparados porque a actividade non para aínda que haxa algún contaxio, polo que hai que evitar que o persoal coincida para que non teñan que estar todos en corentena e se poida seguir atendendo ós animais”, concreta.

Mantéñense os prezos

Ata o momento tampouco parece haber variacións nos prezos. No caso das granxas que traballan con firmas como Coren, os prezos adoitan fixarse a comezos de ano e manterse durante todo o período sen variacións e polo momento, tampouco parece haber cambios para os produtores. “En xeral, non houbo variacións nos prezos e séguense respectando as tarifas dos prezos establecidas antes da crise”, concretan dende Avigal.
" Agora mesmo ninguén se está preocupando da rendibilidade das granxas senón de que ó consumidor non lle falte de nada", Félix Porto, Unións Agrarias
O compromiso do sector avícola, ó igual que o resto de produtores de alimentos está en abastecer á poboación. “Abríase unha etapa que xeraba unha expectativas en positivo, coa aplicación do Real Decreto para regular os costes de produción e ninguén tivo a menor dúbida en aparcar ese tema e dedicarse ó prioritario: producir para garantir o abastecemento do mercado. Agora mesmo ninguén se está preocupando da rendibilidade das granxas senón de que ó consumidor, ós veciños, non lles falte de nada. Esa é preocupación básica dos produtores nestes momentos”, sinala Félix Porto, responsable de área externa de Unións Agrarias. Os prezos dos ovos tamén parecen manterse sen grandes cambios con respecto ó comezo do estado de alarma. Na última sesión celebrada na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda, o pasado 10 de marzo, o prezo dos ovos oscilaba entre o 1,52 euros a ducia dos ovos de tamaño XL e os 0,99 euros a ducia dos ovos de menor tamaño.

Medio Rural destina máis de 3 millóns de euros en axudas ó grupo Coren

A Consellería do Medio Rural vén de resolver as axudas para instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, uns apoios cofinanciados con fondos europeos. En total, a Xunta consignou 5 millóns de euros, dos que dúas terceiras partes van parar ó grupo Coren. En concreto, a cooperativa A Ponte, filial do grupo ourensá, recibe 1,7 millóns, en tanto a sociedade cooperativa Unimiño 1,6. Son en total 3’3 millóns de euros ós que van a parar a Coren. A lista de beneficiarios complétase con outras cinco sociedades. As seguintes en apoios son a Gandería Pazos (Dumbría, A Coruña), con 529.000 euros e Cogal (Rodeiro, Pontevedra), con 528.000. Aira recibe 263.000, a Cooperativa Agraria Provincial 250.000 e Cusoviame 97.000.

Coren compra 4,7 millóns de quilos de castaña para a súa gama de porco Selecta

O Grupo Coren formalizou o convenio de adquisición de 4,7 millóns de quilos de castaña galega, que destinará á alimentación dos porcos da gama Selecta ao longo do ano 2020. O acordo de compra foi ratificado por parte de Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, presidente do grupo Coren, e Jesús Quintá, xerente de Alibós, a maior empresa recolectora e transformadora de castaña de Galicia. Grazas á súa gama Selecta de porco alimentado con castañas, Coren converteuse nun dos principais demandantes de castaña en Galicia. Os 4.700.000 quilos de castaña adquiridos -unha cifra lixeiramente superior aos 4.500.000 comprados a pasada campaña- para consumir durante 2020 supoñen, segundo Coren, unha achega económica ao campo galego de 7.100.000 euros. Ademais da súa repercusión en termos económicos, desde a cooperativa ourensá destacan que “esta iniciativa ten un impacto ambiental positivo, xa que os 4,7 millóns de quilos colleitados este ano pola cooperativa representan uns 160.000 castiñeiros e a recuperación de 2.100 hectáreas de terreo, con castiñeiros que absorben ao ano 12.500 toneladas de CO2”. Para a alimentación dos porcos da súa gama Selecta, Coren adquire a castaña cada ano en tempada. Posteriormente, pasa por un proceso de pelado e cocción (para evitar o amargor da casca e facilitar a súa dixestibilidade), e posterior conxelado, o que permite a súa conservación co fin de ter dispoñibilidade para a alimentación dos porcos durante todo o ano, mantendo intactas as súas propiedades nutricionais. Desde que en 2012 lanzou a súa gama de carnes de porco alimentado con castaña, a demanda deste froito por parte de Coren foi continua, contribuíndo así á creación de riqueza no campo galego.

Coren colleita as súas primeiras 50 hectáreas de cereal ecolóxico en Ferreira de Pantón

O Grupo Coren acaba de realizar a súa primeira recollida de cereais ecolóxicos galegos, iniciativa pioneira que promove a cooperativa co fin de destinalos á alimentación das súas producións con certificación ecolóxica. Esta primeira plantación de cereais ecolóxicos galegos promovida por Coren abrangue unha leira de 50 hectáreas situada no monte comunal de Pombeiro, no municipio de Ferreira de Pantón (Lugo). Para iso, acondicionou as parcelas a través dun plan de recuperación do terreo para poñelo en cultivo. Así, entre finais de abril e principios de maio, a cooperativa procedeu a realizar a primeira sementeira de trigo de primavera, que agora vense de colleitar. Xa en breve está prevista a seguinte sementeira, de cereal de inverno. As parcelas do monte comunal de Pombeiro contan coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Máis terreos de cereal ecolóxico en Arzuá e obxectivo de chegar ás 3.000 hectáreas en toda Galicia

Esta colleita é a primeira dentro dun proxecto máis ambicioso do Grupo Coren, que a cooperativa quere estender a outras zonas do país, para o que está a buscar yamás leiras que se poidan destinar a estes cultivos. De feito, xa ten prevista a incorporación de máis terreos en Arzúa (A Coruña). Porén, o obxectivo de Coren é alcanzar unha superficie dedicada a cultivos ecolóxicos que lle permita obter cereal suficiente para cubrir a alimentación das súas producións ecolóxicas exclusivamente con cereais de Galicia. Para iso, a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira márcase o reto de acadar un total de 3.000 hectáreas na Comunidade, certificándoas para colleita de cereais ecolóxicos. Os cereais procedentes destes cultivos destinaranse á alimentación do polo ecolóxico, as galiñas poñedeiras de ovos ecolóxicos, o porco ecolóxico e a tenreira galega ecolóxica producidos por Coren, todos eles amparados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Trátase de producións que Coren está a potenciar, atendendo así a demanda dos consumidores que cada vez solicitan máis alimentos con certificación ecolóxica. De feito, Coren produce actualmente 1.000.000 de quilos de carne ecolóxica e 8.000.000 de unidades de ovos ecolóxicos. Visita do equipo de COREN ao campo de cultivo en Pombeiro

A ameaza da peste porcina africana coloca ó xabarín na diana

Os brotes de Peste Porcina Africana (PPA) detectados nos últimos meses en China, Rusia ou en países do leste de Europa, como Rumanía, e máis recentemente en Bélxica, fixeron saltar as alarmas en Europa ante a expansión desta enfermidade. As consecuencias que a afección pode traer ó sector porcino son graves, pois a enfermidade ten unha taxa de mortalidade próxima ó 90% e é moi contaxiosa. En Galicia, extrémanse as precaucións, mírase cara ás accións que o goberno estatal impulsa e esíxese maior concreción e contundencia da Administración fronte a esta ameaza.
Dende o sector extrémanse as precaucións e esíxese maior concreción e contundencia fronte á ameaza da peste
A peste porcina africana é unha enfermidade hemorráxica orixinada por un virus que afecta tanto ó porco doméstico como ós xabaríns, e para o que actualmente non existe vacina. Isto provoca que tamén se estea a mirar cara estas poboacións de fauna salvaxe polo risco que poden implicar na propagación da enfermidade. Os produtores de porco en intensivo, preocupados pola situación, están a incrementar as medidas de bioseguridade nas súas instalacións, para tentar reducir os riscos de contaxio.

Centrados na bioseguridade

As granxas de porcino en intensivo afrontan a situación “con preocupación máxima porque non está nas nosas mans evitar a expansión da enfermidade e as consecuencias poden ser moi importantes”, valora José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Porcino (Fegapor), que agrupa ó 80% das granxas en intensivo de Galicia. “A situación actual é certamente complexa, pois o mercado mundial da carne de porco está moi globalizado. Se non se controla axeitadamente existe o risco de que a peste chegue a España e poderían paralizarse as exportacións, o que ocasionaría unha drástica caída dos prezos da carne de porco”, indican dende o Grupo Coren, un dos principais produtores galegos.
Recomendan non traer porcos de fóra de España para reducir o risco de que cheguen ás granxas animais contaxiados
Ante o risco de expansión da peste, as granxas están a extremar as medidas de bioseguridade. “Estanse tomando tódalas precaucións para evitar que a PPA poida entrar nas granxas, sobre todo incrementando os niveis de bioseguridade e recomendando que non se traian animais de fóra de España”, explica Beatriz Toimil, veterinaria da ADS de porcino do Deza (Pontevedra). Así, por exemplo, dende a ADS dezá, nas granxas cuxas integradoras traen leitóns doutros países comunitarios estanse a facer probas canto antes e revisan que ningún porco teña signos clínicos da enfermidade, como indica a veterinaria. Namentres outras empresas optan directamente por evitar traer animais doutros países. “En Coren temos un exhaustivo control da orixe dos porcos. O 100% dos leitóns son producidos nas nosas granxas en Galicia”, reivindica a empresa.

Medidas preventivas

A nova normativa que regulará o sector porcino, e que substituirá á actual -en vigor dende o ano 2000-, incide en medidas preventivas nas granxas para minimizar os riscos de contaxios da enfermidade. Inclúese, por exemplo, a obrigatoriedade de contar cun peche perimetral para evitar as incursións da fauna salvaxe nas instalacións. Dende o sector apuntan que a práctica totalidade das granxas xa contan con este valo que, ademais, revisan periodicamente. Xunto con esta medida, estanse a levar a cabo outras accións concretas para incrementar a bioseguridade. “Somos moi conscientes do que nos xogamos. Se se chega a dar un brote de peste, para ese produtor sería a ruína e todos nos veríamos afectados”, apunta Vidal. Recollemos algunhas das medidas sobre as que máis inciden dende Coren ou a ADS do Deza, ademais das xa referidas. - Desinfección dos camións antes de entrar nas granxas. - Evitar ou reducir ó máximo as visitas ás instalacións. É preciso realizar un rexistro de control destas visitas e que as persoas que accedan á granxa se cambien de roupa e de calzado e mesmo se duchen antes de acceder onda os animais. - Control do persoal que entra na granxa e das últimas ganderías que visitara.
É preciso controlar os alimentos cárnicos que entran nas granxas, xa que o virus pode aguantar ata 2 anos nun embutido
- É preciso controlar tódolos alimentos que entran nas granxas, especialmente os produtos cárnicos procedentes de países do leste de Europa, xa que o virus da peste porcina pode aguantar ata 2 anos nun embutido. Aínda que esta enfermidade non afecta ás persoas, ter estes alimentos na granxa pode provocar que os animais rematen infectados. - Contar con arcos e valos sanitarios e supervisar os vehículos que accedan ás instalacións. - Revisar os equipos de mantemento ou reparación que se levan a cabo nas granxas - Contar con zonas específicas de carga e descarga de animais con cumprimento de medias de bioseguridade. - Proporcionar formación e información ós gandeiros para que coñezan os síntomas da enfermidade.

Os xabarís, unha das maiores preocupacións

Logo de que o brote detectado en Bélxica, en xaneiro deste mesmo ano, se orixinase en xabarís, estase a pór o foco, aínda máis, sobre estas poboacións de fauna salvaxe. Os produtores reclaman maior control destes animais. “O máis preocupante é que a peste entre a través dos xabarís, polo que o Ministerio debería de facer canto antes un censo destes animais, xa que neste momento non o hai”, incide Toimil.
Os produtores de porcino reclaman que se faga un censo de xabarís e que se controle a poboación
“Precísase un control da poboación de xabarís, xa que actualmente é un dos grandes riscos para o sector”, apuntan dende Coren. “Noutros países como Bélxica non dudaron en actuar e mesmo sacaron ó exército para controlar a poboación de xabaríns, e aquí non se están a tomar medidas. Só se volve de novo a botar a responsabilidade sobre os granxeiros, que somos os que temos que adoptar medidas de bioseguridade, pero dende as administracións non están a cumprir co que lles corresponde”, recrimina Vidal. Xunto co xabaril, tamén están no punto de mira as ganderías en extensivo, posto que poden estar máis expostas a un contaxio directo co xabarín. “Resulta difícil de comprender como ás granxas de intensivo estásenos esixindo un valo perimetral en perfectas condicións e, en días pasados, anunciábase que para as ganderías en extensivo de porco ibérico abondará con que conten cun valado eléctrico”, apunta Vidal.

Controis ás explotacións cinexéticas comerciais

Precisamente nese intento por abordar os riscos que a poboación de xabaril pode traer para a expansión da peste porcina, o Ministerio de Agricultura mantivo varios encontros coa Federación Española de Caza para tratar a cuestión. Polo de agora, as accións con este colectivo céntranse en incidir na difusión de pautas de bioseguridade que os cazadores deben seguir cando realizan cacerías en países onde se ten detectado algún destes brotes.
Dende a Federación propuxeron ó Ministerio formar ós cazadores para actuar no control do xabaril de detectarse focos de peste
Dende a Federación tamén lle trasladaron ó Ministerio unha proposta para impartir formación especializada ós cazadores sobre o control de poboacións de xabaril, para que poidan actuar, de xeito inmediato, de detectarse algún foco. Unha medida que, polo momento, aínda está por concretar, segundo indican dende a Federación. Porén a nivel autonómico, entidades de cazadores como a Unión de Tecores de Galicia (Unitega) afean que a Administración galega non chegase a reunirse con eles para abordar a problemática. “O lóxico sería que ante un problema grave, como o que pode supor a peste porcina africana, a Xunta se sentase con tódolos implicados e tentase abordalo, pero con nós non houbo ningún tipo de contacto, pese a que temos ofrecido a nosa colaboración”, comenta Antonio Mota, secretario de Unitega.
Reclaman maior control sobre os traslados de xabaríns que se poidan dar nas explotacións cinexéticas comerciais
Dende o colectivo de tecores tamén inciden na necesidade de que a administración extreme o control dos traslados cinexéticos que poidan realizar as explotacións cinexéticas comerciais. Estas entidades, que non abundan en Galicia -a penas se contabiliza una decena delas- están orientadas a una caza comercial. Esta actividade motiva que se fagan traslados de xabarís desde distintos países de Europa co fin de contar con exemplares de mellor calidade xenética para as cacerías que organizan.

Unha oportunidade para o sector

Por outra banda, se a peste non chega a estenderse a España, esta situación pode converterse nunha oportunidade para o propio sector, como recoñecen dende distintas empresas, posto que actualmente China, que lidera a produción mundial de carne de porco, está a atravesar unha grave situación por esta enfermidade. “Se facemos as cousas ben, entre todos, deberíamos poder impedir que a peste porcina africana entre en España, e estaríamos ante unha boa oportunidade para o sector porcino galego e español”, conclúen dende Coren.

Coren planta as súas primeiras 50 hectáreas de cereal ecolóxico

O Grupo Coren iniciou un proxecto pioneiro de cultivo de cereais ecolóxicos en Galicia , co obxectivo de destinalos á alimentación das súas producións con certificación ecolóxica. En concreto, a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira puxo en marcha a súa primeira plantación de cereais ecolóxicos galegos nunha parcela de 50 hectáreas situada no monte comunal de Pombeiro, no municipio de Ferreira de Pantón (Lugo). Para iso, recuperou parcelas que se atopaban en situación de abandono e nas que proliferaba o mato, iniciando un plan de recuperación do terreo para adaptalo a sementeira.. Así, entre finais de abril e principios de maio, a cooperativa procedeu a realizar a primeira sementeira de trigo de primavera, do que se estima alcanzar unha produción de 70.000 quilos. A próxima tempada está prevista unha sementeira de cereal de inverno, cunha produción estimada de 125.000 quilos. As parcelas contan coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

COREN busca máis parcelas en Galicia

Con este proxecto, Coren iníciase no cultivo de cereais ecolóxicos, iniciativa pioneira en Galicia que a cooperativa quere estender a outras zonas da comunidade, para o que está a buscar xa leiras que se poidan destinar a estes cultivos, co fin de cubrir a demanda de cereais de alimento para as súas producións ecolóxicas. De feito, os cereais procedentes destes cultivos destinaranse á alimentación dos animais criados con certificación ecolóxica de Coren , en concreto o polo ecolóxico, as galiñas poñedeiras de ovos ecolóxicos, o porco ecolóxico e a tenreira galega ecolóxica, cuxa produción está amparada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Trátase de producións que Coren está a potenciar, atendendo así a demanda dos consumidores que cada vez solicitan máis alimentos con certificación ecolóxica.

Créase na Limia a plataforma ‘Auga limpa xa’ pola contaminación de nitratos

Un grupo de veciños da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei vén de constituír a plataforma ‘Auga Limpa xa’. O colectivo, no que participan tamén profesionais do sector agrario e forestal, demanda dunha mellora da xestión dos residuos que xeran as granxas intensivas da comarca, a gran maioría ligada a Coren. Imaxe do acto de constitución da Plataforma. A plataforma amosa a súa preocupación polo aumento dos nitratos nas augas subterráneas de consumo humano. “O nivel máximo de nitratos permitido na Unión Europea é de 50 miligramos por litro e nas analíticas da Confederación Hidrográfica Miño Sil chegáronse a rexistrar 174 miligramos por litro en Vilariño das Poldras, preto do canal da Lagoa de Antela” -sinalan desde a Plataforma en nota de prensa.- “A propia Confederación recoñeceu que a orixe do problema está nos residuos gandeiros”, advirten. As arredor de 400 granxas de polos, porcos e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 unidades de gando maior, segundo os cálculos da Plataforma, o que supón unha carga de residuos equivalente a unha poboación de 1,4 millóns de persoas. “É como meter á metade da poboación de Galicia no 1% do territorio”, comparan. “Boa parte dos residuos que se xeran estanse a ciscar sen control en parcelas e montes da chaira limiá e das comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e Baixa Limia”, critican. Balsa de purín sen impermeabilización. / Arquivo. Proposta de solucións A plataforma ‘Auga limpa xa’ fai un chamamento a buscar solucións ó problema. “Como medida urxente, destacamos unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións xa en funcionamento”, demandan. “Defendemos unha gandeiría vinculada á terra produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas”, conclúen.

Coren e Terras Gauda únense para elaborar o novo “Lacón con grelos Coren-A Rosaleira”

Os Grupos Coren e Terras Gauda -a través da Rosaleira Conservas Vexetais-, unen forzas para presentar o seu novo lacón con grelos en conserva, elaborado a partir de produtos de máxima calidade procedentes de Galicia. A experiencia en I+D+i resultou fundamental para preservar e potenciar as propiedades nutritivas e a alta calidade duns ingredientes que representan os estándares de excelencia de ambas as compañías. O lacón con grelos Coren - A Rosaleira, que remite á mellor tradición gastronómica de Galicia, elabórase con lacón oreado e chourizos Selecta de porcos alimentados con castañas, grelos e patacas. Está concibido como un produto para o día a día, rápido e nutritivo, listo para consumir. A Rosaleira, incorporada ao Grupo Terras Gauda en 2007, realiza unha supervisión integral dos grelos, amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia, comezando por unha semente propia que é facilitada a agricultores de confianza. Un equipo propio supervisa sobre o terreo que o vexetal se atopa nas mellores condicións. Nas instalacións do Rosal selecciónase manualmente, escollendo unicamente as mellores follas, e sométese a un procedemento de escalfado que mantén intactas as súas recoñecidas propiedades antioxidantes. A pataca, da variedade Kennebec, cultívase na Limia e está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. O lacón con grelos Coren - A Rosaleira presentouse este venres nun acto celebrado no Pazo de Mos, no que interviñeron o presidente de Coren, Manuel Gómez Franqueira Álvarez; o responsable da unidade de Conservas de Coren, Fernando Córdoba; o presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca Moretón; e o responsable da Rosaleira Conservas Vexetais, Luís de Lorenzo.

COREN compra 4,5 millóns de quilos de castaña galega para alimentar aos porcos da gama Selecta

O Grupo Coren formalizou o convenio de adquisición de 4,5 millóns de quilos de castaña galega, que destinará á alimentación dos porcos da gama Selecta ao longo do ano 2019. O acordo de compra foi ratificado por parte de Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, presidente do grupo Coren, e Jesús Quintá, xerente de Alibós, a maior empresa recolectora e transformadora de castaña de Galicia. Na sinatura tamén estiveron presentes Manuel Gómez-Franqueira Otero, conselleiro de Coren; Natalio Rodríguez, director de Frigolouro; e José Luís Rey, responsable de Compras do grupo. Os 4,5 millóns de quilos de castaña adquiridos para consumir durante 2019 supoñen unha achega económica ao campo galego de máis de sete millóns de euros. Desde que en 2012 lanzou a súa gama de carnes de porco alimentado con castaña, a demanda deste froito por parte de Coren foi continua e prevé que esta tendencia continúe nos próximos anos.

Coren comezará en 2019 a cultivar cereal ecolóxico en Galicia para as súas producións gandeiras

Co obxectivo de reforzar o seu liderado no sector agroalimentario galego, o Grupo Coren pon en marcha o seu Plan de Investimentos Estratéxicos 2019. O plan foi presentado este mércores na sede da cooperativa polo presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira, acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo. O plan aséntase en tres alicerces: desenvolvemento de Centros de Procesado, creación de novos Centros Tecnolóxicos de Incubación e Selección Xenética, e impulso da agricultura ecolóxica. Porá en marcha dous centros de incubación en Portamarín e Vilamarín Así, no que respecta aos seus Centros de Procesado, Coren continuará en 2019 o plan acometido nos últimos anos de actualización permanente das súas plantas para mantelas como instalacións punteiras dotadas das últimas tecnoloxías. En concreto, os proxectos previstos en 2019 continuarán a mellora tecnolóxica dos seus Centros de Procesado Avícola, de Porcino e de Vacún, incorporando novas tecnoloxías 4.0 nas áreas de procesado, transformación e loxística. Na mesma medida, Coren prevé pór en marcha o próximo ano novos Centros de Incubación e Selección Xenética en Avicultura, que lle permitirán dar resposta á crecente demanda e adaptarse ás necesidades específicas de cada un dos 55 mercados nos que está presente. En concreto, trátase do Centro Tecnolóxico de Incubación de Producións Campeiras de Portomarín; e o Centro Tecnolóxico de Incubación de Paviños de Sobreira, en Vilamarín. Produción de trigo ecolóxico en Galicia En paralelo, a cooperativa iniciará un proxecto agrario de produción ecolóxica creando unha división agrícola para o cultivo de trigo ecolóxico, que será destinado ao consumo das producións ecolóxicas de Coren. Nesta liña, COREN informa de que asinouse o primeiro dos convenios previstos co Agader a través do Banco de Terras, polo que a cooperativa promove a recuperación de terreos agrarios en desuso, que comprometeu xa a rexeneración de 350 hectáreas no municipio de Cualedro. Os proxectos promovidos polo Grupo Coren en 2019 suporán un investimento de 26 millóns de euros e levarán a xeración de 325 postos de traballo directos e con carácter estable na provincia de Ourense.