Archives

O Caxigo, unha cooperativa con 40 anos de servizo ás granxas da Terra Chá

O Caxigo é unha cooperativa de gandeiros ubicada no lugar de Vián (A Pastoriza, Lugo), da que os socios se benefician de diversos servizos, dende o apoio na xestión a servizo veterinario. É unha cooperativa que se mantivo fiel a súa esencia de servizo de proximidade, adaptándose ás necesidades de cada explotación, aínda que isto lle supoña ter un tamaño máis reducido. A orixe do Caxigo sitúase no ano 1984, cando un grupo de gandeiros decidiu asociarse para facer a compra conxunta de abono. Un par de anos máis tarde xa se iniciaban os tramites de constitución da nova sociedade, sumando progresivamente novos servizos aos gandeiros, como a comercialización en conxunto do leite, un equipo veterinario propio, servizo de substitución ou asesoramento técnico e económico. Nos últimos anos debido ao descenso de gandeiros en activo, algún servizo como o veterinario, foi exteriorizado.
“Chegamos a 115 explotacións entregando leite, hoxe somos 14 de leite e 19 de carne”
Esta sociedade centra a súa actividade en granxas da zona da Terra Chá e a súa traxectoria acompaña paralelamente á situación do agro galego. Explica Antonio Alvite, presidente dende o 2014, “actualmente a cooperativa está formada por 80 socios, principalmente de A Pastoriza, pero tamén de concellos veciños como Meira, Abadín, Riotorto ou Castro de Rei. En activo quedamos 14 explotacións de leite e 19 de carne, nalgúns anos chegamos a ser 115 granxas. Certo é que o volume de venda non experimentou ese descenso, pois entregamos mensualmente uns 400.000 litros de leite e utilizamos a cooperativa como figura intermediaria para a negociación en conxunto”. Antonio lamenta o cambio da normativa de contratos lácteos desde o 2015, pois “dalgunha maneira quedamos desprotexidos, dado que a industria e o gandeiro tiñan que ter relación directa, polo que deixamos de actuar como primeiros compradores”. O Caxigo é unha das tantas cooperativas que había espalladas pola xeografía galega e que posteriormente se foron integrando en grupos de maior tamaño. “Nalgunha ocasión valoramos a posibilidade de integrarnos, pero creo que o trato que pode recibir o gandeiro sería moi diferente. Temos que pensar que cooperativas como esta realizan unha importante labor social no entorno, en primeiro lugar porque sempre axudaron a ter mellores prezos e por outra parte, a proximidade da entidade co socio, xerando unha relación de confianza mutua”.
O Caxigo e a cooperativa O Xeixo colaboran na prestación de servizos ós seus respectivos socios
Esta entidade ofrece servizos propios, pero tamén colabora con outras cooperativas. O Caxigo tira man de Clun e Aira para o suministro de penso e compleméntase con outra cooperativa próxima, como O Xeixo (A Pastoriza), en diversos servizos. “Nós temos un axente de substitución que poden solicitar socios de O Xeixo e igualmente nós podemos utilizar o servizo de calidade de leite ou o subministro de gasóleo que teñen eles. Somos pequenas entidades e debemos colaborar entre nós, pois algúns dos servizos non os poderiamos ofrecer de xeito individual”. Dende un simple trámite de dar de alta ou baixa un animal, ata a xestión de subvencións ou recomendacións para a fertilización das parcelas, o asesoramento do Caxigo ós socios é amplo. “É un traballo simple pero fundamental o de ter un apoio técnico para aquelas granxas que teñen dificultades para realizar trámites. Tamén ofrecemos axuda coa veciñanza en pequenos trámites administrativos, poñendo a cooperativa ao servizo do pobo. Ademais, tal e como se presenta o futuro, con esixencias como o caderno dixital ou o veterinario de explotación, cremos que debemos manter ou, na medida do posible, reforzar esta figura”, explica Antonio, cunha ollada no futuro máis próximo.

“As subvencións dannos mala imaxe, son partidario de que desaparezan e de que a nosa produción se pague polo que vale”

No contexto actual dos ultimos meses, marcado pola oposición do sector en toda Europa ás novas normativas, Antonio explica dende a súa propia perspectiva a situación actual do agro galego. -Cales son as perspectivas a curto prazo, vendo a situación actual e os cambios que se veñen? -Creo que o que se vai conseguir é que se acelere o peche de moitas explotacións. É necesario que teñamos uns controis, pero non vexo ben que despois o noso produto compita no mercado con outros procedentes de zonas con menores esixencias. Ademais dunha competencia desleal, considero que é un engano ao consumidor. Estamos nun mercado global e non podemos pechar as portas, pero temos que protexer o noso. Para competir en igualdade de condicións, o consumidor debe saber a procedencia e os controis que hai detrás de cada produto que hai no supermercado.
“Vexo ben que se reduza o uso de antibióticos, pero non é normal que para tratar unha hipocalcemia teñamos que chamar a un veterinario”
En sanidade animal, en canto ás estratexias que se están a seguir para reducir o uso de antibióticos, véxoo ben porque están aparecendo na sanidade resistencias a algúns antibióticos. O que si que non é lóxico, e entra en contradición coas normativas de benestar animal, é que non poidamos utilizar sen unha visita previa do veterinario algo tan simple como un tratamento de calcio, por exemplo. No momento en que encontramos unha vaca con hipocalcemia, deberiamos poder actuar canto antes, e calquera gandeiro sabe cando é preciso facer un tratamento deste tipo.
“O control da fertilización mesmo pode supoñer un aforro. É bo traballar en base ás necesidades do cultivo e a analíticas de solo”
No límite que pode haber no uso de fertilizantes, non creo que sexa un problema, senón que haberá que acostumarse a traballar de forma diferente e facer un plan de fertilización sobre unha analítica de solo e unhas necesidades para cada cultivo. Ademais, isto pode supoñer un aforro, por non estar abonando por encima das necesidades do cultivo. - Como ves ó sector ante os cambios lexislativos? - Vexo certo desánimo no sector, especialmente por gandeiros de certa idade, que nun sector con problemas de relevo xeracional, é unha parte maioritaria. É triste que desaparezan explotacións familiares porque directamente vai ir desaparecendo a xente dos pobos. En Galicia temos os prezos máis baixos do estado e non entendo como sendo España un país que non produce o leite que consume, continuamente haxa problemas de prezo en orixe. E sinceramente, non creo que os lácteos de países de fora, como por exemplo de Holanda, cheguen aos supermercados a prezos inferiores aos de aquí. Para que as explotacións sexan viables, os prezos non poden baixar. Ademais de todo o traballo diario que hai nunha explotación e as inversións que hai detrás, temos que adaptarnos a outros contratempos. Por exemplo, os vermes que atacan as pradeiras ou a enfermidade da hemorraxia epizoótica. Ao final son pequenos problemas que incrementan os custes de produción. -Como gandeiro, que medidas cres que serían necesarias para manter a viabilidade e garantir o relevo xeracional? -Vexo que o pouco relevo que temos non o coidamos, nin desde a administración, a industria ou a distribución. Este é un traballo digno como outro calquera, pero hoxe valórase moito a calidade de vida e unha explotación familiar, como a maioría das que hai hoxe en Galicia, require moitas horas.
O pouco relevo xeneracional que hai non o coidamos, nin desde a Administración nin desde a industria ou a distribución
É unha profesión que en primeiro lugar ten que gustar porque hai que ter unha dedicación constante. No caso de explotacións de gran tamaño e máis industrializadas, pódese organizar o traballo porque o cadro de persoal é mais amplo, pero temos que ser conscientes de que estas non son as que máis beneficio deixan no entorno. A miña opinión é que as subvencións deberían desaparecer e a produción que temos ten que ser suficientemente valorada e remunerada. Creo que as subvencións crean unha mala imaxe do sector na poboación, a pesar de que todo o que recibe o gandeiro é unha forma de sufragar unha parte dos custes de produción e repercute en beneficios para toda a cadea do leite, incluído o consumidor. - Como ves o futuro da cooperativa? En canto á cooperativa, o futuro irá en consonancia co sector. Nalgunha ocasión consideramos a opción de transformar o noso leite, pero é unha situación complexa. É unha forte inversión e daríanos unha estabilidade e maiores posibilidades para defender o noso produto. É unha posibilidade, pero hai que poñer a mirada a longo prazo e reforzar o espírito cooperativista para facela viable. Hai un problema de relevo xeracional e iso é un problema fundamental para un proxecto deste tipo.

“Os becerros de menos peso son os que están sufrindo máis a baixada de prezo”

A caída de prezos na Ternera Gallega Suprema foi de 60 céntimos desde o mes de decembro As ganderías de vacún de carne en extensivo están a pasar de novo momentos delicados. O prezo dos xatos caeu con forza nos meses de decembro e xaneiro e desde entón acumula unha baixada de entre 60 e 70 céntimos en quilo. As principais industrias que sacrifican e comercializan carne amparada pola IXP Ternera Gallega achacan esta situación aos problemas para dar saída á produción, habituais nesta época do ano. Por parte dos produtores, sen embargo, acúsase aos matadoiros de aproveitarse da situación para baixar artificialmente os prezos, pois interpretan que a axuda de 200 euros por animal certificado da Xunta puxo nas súas mans unha arma inesperada coa que “chantaxear” aos gandeiros con non recollerlles os becerros. A cuestión é que só os xatos certificados en matadeiro como Ternera Gallega poderán cobrar a axuda. Os xatos de menor peso son os que están a sufrir unha devaluación maior e Novafrigsa, o principal operador, xa anunciou un cambio nos tramos polos que paga, subindo o listón dos 180 kg canal até os 200 kg canal, cunha baixada doutros 25 céntimos nos animais que estean por debaixo dese peso.
Estannos pagando a Suprema a 5,60-5,70€ kg canal, ao mesmo prezo que meten os becerros pintos que traen de Salamanca
Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, da que forman parte unhas 500 explotacións de toda a comunidade, quéixase das presións dos matadoiros para seguir baixando as cotizacións de referencia para a IXP Ternera Gallega na Mesa de Prezos do Mercado de Amio, que se celebra os mércores, alegando exceso de oferta, ao tempo que sacrifican becerros frisóns procedentes de fóra da comunidade. “No mes de decembro aproveitaron para baixar en picado. Agora estanse vendendo a 5,60-5,70€ os xatos de Suprema das categorías U e E e están matando becerros pintos que veñen de Salamanca tamén a 5,60€ kg canal, ao mesmo prezo que a Suprema, e mandando añojos de 400 kg para Argelia a 6,10 e 6,20€. Temos unha carne dunha calidade excepcional pero que non repercute en nada no produtor”, quéixase. Os matadoiros penalizan máis os animais con poucos quilos Dentro dos xatos de Suprema, os de menos peso son os que perderon máis valor. “Un macho de conformación U entre 160 e 180 quilos anda polos 5,40€ kg canal, baixaron este ano 30 céntimos”, explica Olaia Rocha Fraga, que se encarga da administración e xerencia de Artesáns Gandeiros, a cooperativa de segundo grado formada por Clun, Cooperativa Lemos e A Carqueixa. “Nós mandamos para Novafrigsa e, según nos comentan, non dan vendido e se conxelan perden a marca. Os animais con menos quilos están máis castigados para que a xente os aguante un pouco máis, pero hai veces que cumpren os 10 meses e as explotacións téñenos que sacar con quilos ou sen eles”, recoñece. Programación semanal Artesáns Gandeiros comercializou o ano pasado un total de 3.845 animais, procedentes dunhas 200 explotacións de toda Galicia, 2.321 deles xatos de Suprema, outros 551 de cebadoiro e 258 sen marcar pola IXP, máis un total de 686 animais de vacún maior. Traballan sempre cunha programación semanal que comunican con anterioridade ao matadorio e en épocas coma esta, de escasa demanda, é cando estas programacións se volven imprescindibles.  “As planificacións semanais son moi importantes e son unha garantía. Nosoutros como cooperativa temos que sacarlle o gando ao socio como sexa, sexa inverno ou sexa verán. Non somos un tratante, que pode mercar menos unha semana porque non hai saída. Temos a obriga de sacarlle os xatos que o noso socio gandeiro ten para vender, por iso para nós a planificación é algo fundamental”, recoñece Olaia.
Facemos unha planificación e adiantámoslle ao matadoiro cantos animais imos mandar cada semana
Neste momento estamos metendo todas as semanas uns 45 animais de Suprema e de momento non tivemos especiais problemas para dar saída ao gando, porque lles adiantamos cantos animais lles imos mandar cada semana. Esa planificación é necesaria e ten que ser o máis axustada posible, e máis nesta época do ano na que hai menos venda e máis gando”, di. A recuperación de cara ao verán faise agardar A caída de prezo nos meses do inverno e comezos da primavera é algo habitual, pero este ano está a darse con máis intensidade. “Os prezos non teñen nada que ver cos do ano pasado nestas datas e o desplome que hai en comparación non ten moita xustificación. Pero nós prevemos que ata mediados ou finais de maio non haxa recuperación nos prezos”, avanzan desde Artesáns Gandeiros.
Tiña que estar subindo a carne xa con forza; a tendencia foi subir sempre despois de Semana Santa
Gandeiros Galegos da Suprema, pola súa parte, esixe aos matadoiros que non retrasen a revalorización dos xatos que sempre se produce a medida que se achega o verán. “Tiña que estar subindo a carne xa con forza; normalmente a partir da Semana Santa subía, pero este ano nin iso. Esta semana na Mesa de Prezos as industrias querían mesmo seguir baixando, dicían que esa era a tendencia para as vindeiras semanas”, denuncia Santiago Rego. Desestacionalizar partos “Din que temos que programar partos e ter eses xatos que temos no inverno para o verán, cando fan falla, pero despois non nolos pagan. Ten que haber unha diferenciación clara para que o produtor teña eses animais nesa data, porque os custos son tamén distintos e para iso no verán ten que estar o kilo no entorno dos 7 euros”, argumenta o presidente dos produtores de Suprema.
Ten que haber unha diferenciación clara no prezo para que o produtor programe partos
“Cambiar a maneira de traballar nalgúns casos é complicado, sobre todo no caso de explotacións de xente maior que están en Suprema. Noutras explotacións con persoas máis novas e máis profesionais podería adoptarse, pero con incentivos, porque iso custa cartos e dá traballo”, concorda tamén Olaia. Os custos de produción seguen altos Santiago é moi crítico coa industria por aproveitarse dos momentos de excedentes para tirar os prezos e non actuar do mesmo xeito á inversa, cando non chega a produción para abastecer o mercado. “Nos momentos nos que falta gando, de xuño a decembro,  subiron só 6 céntimos, cando nas dúas primeiras semanas de xaneiro xa baixaron eses 6 céntimos. Cando falta carne tiran dos prezos para riba co freo de man e cando sobra carne tiran os prezos e meten animais de fóra. Estabamos vendendo a 6,20-6,30€, polo que a baixada foi de 60 ou 70 céntimos. Estamos falando da rendibilidade do xato”, afirma.
Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está
Esta baixada de prezos tan acusada non concorda cun descenso parello dos custos de produción, que se moderaron algo a respecto de hai un ano, pero moito máis levemente. “Os cereais baixaron unha barbaridade pero o penso non tanto, estámolo pagando aínda a case 400 euros co IVE, e a palla está a 200 euros a tonelada. Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está, porque traes un viaxe de palla e fúndeste 4.000 ou 5.000 euros”, di, agardando que a situación cambie de cara ao verán, coa nova colleita en Castela, que se prevé mellor que a do ano pasado. Menor dependencia dos intermediarios Diante do control que a industria acaba exercendo sobre toda a cadea, a estratexia da cooperativa A Carqueixa está a ser a de comercializar directamente a maior parte dos becerros dos seus socios, conseguindo deste xeito manter o prezo medio neste momento nos 6 euros o quilo canal. “No noso caso para maiorista vai moi pouco. Libramos por iso”, asegura o presidente da cooperativa, Antonio Del Pueblo Alonso, gandeiro de Moreira, en Cervantes. Á hora de mandar para matadoiro seleccionan os animais en función do seu uso final para rendibilizalos o máis posible. “Os xatos culóns mandámolos para a industria con destino aos supermercados, son canais con moito rendemento cárnico. Nós, pola contra, buscamos un nivel maior de engraxamento nos animais que comercializamos directamente”, explica.   
O prezo medio seguímolo tendo nos 6 euros neste momento
“Logramos xa dar saída nós ao 75% da carne que producimos  entre a sala de despece e a carnicería. Desde a sala de despece subministramos ao comedor de Inditex e algo tamén a hostelaría e desde a carnicería que temos na Praza de Abastos de Lugo, onde agora temos maior capacidade tras unir dous postos, ademais de vender directamente a consumidores tamén mandamos os lotes de carne por internet, que están a ter moi bo ritmo de venda”, detalla o presidente da Carqueixa.  “A nosa intención é medrar por aí e pola comida elaborada”, conta. Fan catro platos: xarrete con castañas, callos, caldo, e tenreira guisada con salsa de figos. “A idea con iso é darlle maior valor engadido ás partes que menos saída teñen e poder aproveitar todo o animal ao completo”, explica.
O noso obxectivo é ir repercutindo toda mellora no prezo que imos conseguindo no socio
A Carqueixa conta neste momento con 215 socios, que manteñen activas un cento de ganderías de vacún de carne cunha produción total de 750 animais sacrificados ao ano, entre xatos e vacas. “Desde que empezamos coa comercialización directa medramos todos os anos arredor de 150 canais, tanto de socios novos que se incorporan á cooperativa como de socios que non vendían a través da cooperativa e que volven mandar gando con nós. Moita xente vendía a tratantes, pero a diferenza de prezo que temos é moi notable, porque o noso obxectivo é ir repercutindo no socio toda mellora no prezo que imos conseguindo”, asegura Antonio. Outra das claves para este crecemento é a confianza dos socios nos pesos que acompañan as liquidacións. “Nós só descontamos o 2% e hay ademais outros factores a ter en conta, porque existe moita diferenza nos pesos entre matar nun matadoiro e noutro”, di, por exemplo.

“O embudo témolo na industria”

A falta dun prezo de venda que cubra os custos de produción e deixe unha marxe para os gandeiros, a rendibilidade das explotacións de vacún de carne depende neste momento en boa medida das axudas, tanto as da PAC como as subvencións extraordinarias que se levan artellando trala covid e a guerra de Ucraína, ou a anunciada o pasado ano pola Xunta para as granxas inscritas na IXP Ternera Gallega. Esa axuda, de 200 euros por xato, prevese que sexa cobrada neste mes de abril (sempre que os cambios na Consellería non interfiran) no caso dos animais sacrificados en 2023. “Según os nosos cálculos sobra 1 millón de euros dos 12 millóns que había previstos e pediremos unha reunión coa nova conselleira para que a axuda se manteña este ano. Entendo que non vai haber modificacións nese sentido, porque o compromiso era mantela este ano tamén”, lembra Santiago Rego. Pero para cobrala, unha das condicións é que os animais marcados como Ternera Gallega sexan sacrificados en matadoiro e ese requisito estase a converter nun elemento de presión máis á hora de fixar os prezos. “É unha arma máis que lle deron á industria que non necesitaba, porque xa tiñas moitas”, di. Contratos impostos Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema poñen o foco na situación de inferioridade na que se atopan os produtores fronte aos matadoiros, que controlan o sacrificio e a comercialización dos animais amparados pola IXP Ternera Gallega.
Ameázante con que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión
“Téñennos amarrados porque saben que a axuda vai ter que ser certificada polo matadoiro, esa é a realidade. Esa é a presión que temos. Están ameazando que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión, e son contratos que din expresamente que cubres os custos de produción cando non é certo, pero se non os firmas non che levan o animal, e se non che levan o animal non cho certifican, e se non cho certifican non vas poder cobrar a axuda”, relata Santiago. “O embudo témolo na industria. Sería unha válvula de escape polo menos poder despezar fóra de Galicia porque senón ao final tes que caerte na industria de aquí e son 4 as que máis traballan a marca da IXP. Téñeno todo moi amarrado. Se nos dan a axuda de 200 euros por un lado e no la sacan por outro, ao final a axuda non é para nós, é para o matadoiro”, denuncia.  

A cooperativa Lemos integra en fusión a Cogapen

A cooperativa Cogapen, de Sarria (Lugo), unha entidade nada no 1986 e que contaba na actualidade con 200 socios, pasa a integrarse na cooperativa Lemos. As dúas sociedades veñen de validar o proxecto de fusión en senllas asembleas xerais. No caso de Lemos, o voto a favor do proceso foi unánime, en tanto na asemblea da cooperativa Cogapen o voto favorable foi tamén practicamente total, rexistrándose unha única abstención. A cooperativa Lemos tiña ata o de agora preto de 650 socios, dos cales arredor de 380 manteñen explotacións activas, un 80% de leite e un 20% de vacún de carne. Coa incorporación de Cogapen, Lemos pasa a ter máis de 800 socios e arredor de 520 granxas, consolidándose así como un dos polos principais do cooperativismo gandeiro de Galicia. A cooperativa monfortina, creada no 1978, xa dera un salto importante no 2017, cando adquiriu como socio maioritario a industria láctea Celega (Escairón, Lugo), proveedora de Schreiber Foods e que no último ano facturou 100 millóns de euros. Coa fusión por absorción en Lemos, Cogapen disólvese, pasando o seu patrimonio, traballadores e socios á cooperativa Lemos. As instalacións de Cogapen en Sarria quedarán tamén activas, como unha delegación da cooperativa monfortina.
"Somos unha cooperativa que nos caracterizamos pola cercanía. Nos próximos dous meses, o noso equipo técnico volcarase cos novos socios" (José Manuel Rodríguez, director xeral de Lemos)
“A idea da fusión é que Lemos sexa máis competitiva, por unha economía de escala, en tanto os socios entrantes de Cogapen beneficiaranse dunha mellora de servizos”, destaca o director xeral da cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez. “Somos unha cooperativa que nos caracterizamos pola cercanía, así que nos próximos dous meses o noso equipo técnico de veterinarios e agrónomos volcarase cos novos socios, para coñecelos e integralos en Lemos, e para que eles nos coñezan a nós”, subliña José Manuel. Servizos Lemos préstalle ós seus socios unha ampla gama de servizos. Desde a comercialización de insumos a servizos de carros mesturadores, parque de maquinaria, persoal de substitución ou tramitación de PACs. A nivel de comercialización, o grupo de leite de Lemos canaliza a súa produción a Celega, en tanto os socios de vacún de carne que queren comercializar a través da cooperativa, por medio de Artesáns Gandeiros, tamén o fan. En Cogapen, as granxas de leite socias mantiñan acordos individuais con distintas industrias, algo que en principio continuará igual, trala súa incorporación a Lemos. “De cara ó futuro, cando Celega teña demanda de máis leite, as ganderías que queiran poderán apuntarse nunha lista de espera, que é como viñamos funcionando xa ata o de agora”, explica José Manuel, que incide en que tódolos servizos de comercialización e de consumos que ofrece a cooperativa son voluntarios para os socios. Acordo O acordo de fusión foi refrendado en senllas asembleas xerais de Lemos e Cogapen que se celebraron onte. Desde hoxe, ambas entidades xa comezan a funcionar a tódolos efectos como unha soa, a cooperativa Lemos. En Cogapen tiñan outras ofertas de integración cooperativa, pero decantáronse por ampla maioría pola de Lemos por factores como a proximidade entre ambas as cooperativas, os servizos ofrecidos ou unha serie de intanxibles, como o trato directo e próximo que percibían en Lemos, a participación e implicación dos socios ou a aposta continuada de Lemos pola comercialización dos produtos das explotacións socias. Coa incorporación de Cogapen, Lemos gaña aínda maior presenza no sur de Lugo, pois está en toda a comarca monfortina, Chantada, O Incio -onde se fusionou coa cooperativa local no 2002- e Sarria. No último ano, a súa facturación achegouse ós 40 millóns de euros.

Xornadas de emprendemento e innovación en empresas de economía social do sector agroalimentario

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza unha serie de xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.   As primeiras das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración co Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) os días 17 e 24 de xaneiro. Esta xornada na EFA Fonteboa contará cunha parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario e charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias. Tamén haberá unha mesa redonda con entidades sociais do sector agroalimentario que aplican a innovación nos seus plans de negocio, así como cunha visita a unha entidade de economía social.  As xornadas teñen tres grupos destinatarios:  1. Produtores primarios locais que queiran incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal para obter produtos alimentarios de calidade.   2. Propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores.   3. Alumnos e alumnas das escolas participantes (a gran parte deles menores de 30 anos) que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.   

Enlace á inscrición

A cooperativa Delagro recibe o Premio Diamante pola súa innovadora integración de provedores na cadea de valor

DELAGRO, cooperativa de segundo grao e unha das centrais de compras e distribución máis importantes do norte de España, foi galardoada na XII edición dos Premios AERCE El Diamante de la Compra, na categoría de Integración de Provedores na Cadea de Valor, outorgados pola Asociación Española de Profesionales de Compras, Contratación y Aprovisionamientos (AERCE). Un recoñecemento ao compromiso da cooperativa coa innovación, a eficiencia e a excelencia na xestión da cadea de subministración.

A cerimonia de entrega de premios, celebrada na Antiga Fábrica de Damm en Barcelona, congregou na tarde de onte a destacados expertos e profesionais da área de Compras e Procurement. Nesta contorna, DELAGRO reafirmou o seu compromiso no avance de solucións que non só impulsen a automatización de procesos e a xestión centralizada da información, senón que tamén contribúan ao avance do sector agroalimentario no seu conxunto.

“Desde hai algúns anos, atopámonos inmersos nun proceso de automatización de tarefas que non achegan valor e supoñen fundamentalmente un custo administrativo, á vez que avogamos por un sistema de información inmediato que facilite a nosa operatividade interna”, explica Cristina González, técnica de Compras de Delagro. Neste sentido, Paco Ansede, responsable de Compras de DELAGRO engade que “detectamos un pescozo de botella na información que nos facilitaban os nosos provedores. A mercadoría chegaba antes á tenda de que se enviaran os albaráns á central, e como resultado producíanse atrasos na entrada da mercadoría aos puntos de venda, mala xestión de stocks, reclamacións documentais e queixas constantes dos nosos socios”.

A implementación dun sistema de desenvolvemento propio de integración de albaráns polo que a cooperativa foi galardoada na XII edición dos premios “El Diamante de la Compra”, permitiu unha comunicación máis fluída e automatizada cos provedores homologados, cuxos albaráns e documentos comerciais son compartidos en tempo real e posteriormente importados de forma masiva no ERP DelagrOS.

Este software, ideado polo equipo de IT de DELAGRO fai máis dunha década e perfeccionado ao longo dos anos, ofrece ás cooperativas e pemes do sector agroalimentario a posibilidade de planificar facilmente e coordinar os diferentes elementos que dan soporte ao seu proceso produtivo.

A integración de provedores mediante este sistema de desenvolvemento propio ofrece múltiples beneficios. O responsable de compras da cooperativa detalla que, “ademais do aforro de tempo que se consegue automatizando procesos que até agora realizabamos de forma manual, as reclamacións administrativas reducíronse nun 94%, a impresión de documentos comerciais e franqueo nun 83%, contribuíndo á sustentabilidade ambiental, mentres que a experiencia do cliente final ten mellorado substancialmente como resultado duns fluxos de traballo e tempos de resposta óptimos e precisos”.

Durante o acto de entrega de premios, Ansede expresou o seu agradecemento a AERCE por este prestixioso galardón que “recoñece o labor estratéxico que desempeña DELAGRO, a súa aposta pola dixitalización, a efectividade dos seus procesos de compras e a súa achega global ao sector agroalimentario”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o equipo que o fixo posible e que sitúan DELAGRO á altura de grandes compañías como Ferrovial ou Danone, recoñecidas en edicións anteriores destes premios.

Cabe destacar, que os Premios AERCE El Diamante de la Compra foron creados co obxectivo de recoñecer o labor de persoas e entidades destacadas polo seu apoio ao desenvolvo da área de compras. Ao mesmo tempo, pretende ser unha clara ferramenta de divulgación das mellores prácticas empresariais e promocionar a función de compras como unha función clave nas organizacións.

Sobre DELAGRO S. Coop.

Fundada no ano 2005, DELAGRO ten a súa orixe na fusión de tres cooperativas de segundo grao: Cica (Asturias), Sergacán (Cantabria) e Cecoop (Galicia), que en 1994 decidiron unir esforzos e levar a cabo unha actividade comercial común e buscar sinerxías. 

Cunha facturación próxima aos 200 millóns de euros anuais, DELAGRO está integrada por máis de 25 entidades, algunhas delas de segundo grao, de Asturias, Cantabria e Galicia. Xuntas, achegan 37 cooperativas representadas, con case 26.000 familias asociadas, das que 17.000 son socios con actividade agraria. Un grupo que aposta pola innovación e que se converteu nunha das máis importantes centrais de compras e distribución do norte de España.

Convocadas axudas para instalacións e equipamentos das cooperativas

O desenvolvemento en común de iniciativas no rural e con iso, o emprego de sistemas e infraestruturas en réxime asociativo, permite aumentar as posibilidades de retorno económico ás explotacións agrogandeiras, por iso se realizan achegas tanto desde a UE como das outras administracións para fomentar esta política agrogandeira. É por iso que Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde na que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. O orzamento total para esta liña de achegas é de catro millóns de euros. O seu obxectivo é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ademais, tamén busca reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Trátase dunha convocatoria plurianual e faise dentro do réxime de concorrencia competitiva. Está dirixida a cooperativas agrarias, que poderán financiar todo tipo de instalacións e investimentos de uso común, tanto de reforma como de nova construción, pero que supoñan unha redución dos custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén son financiables cuestións como a compra de terreo, os honorarios técnicos ou as licenzas. A maior novidade en relación ás anteriores convocatorias é a esixencia dun mínimo de 10 socios nas cooperativas solicitantes. Ao tratarse dun réxime de concorrencia competitiva aplicarase un baremo de puntuación, no que se terán en conta cuestións como o número de explotacións agrícolas na cooperativa, investimentos en aforro enerxético, a súa limitación con zonas naturais ou a porcentaxe de mulleres que haxa na asociación. Con axudas coma estas materialízase o compromiso da Xunta de Galicia en prol do asociacionismo das explotacións agrarias, para facilitar o seu acceso á produción e a modernización dos procesos inherentes ó sector. Neste sentido, refórzase o asociacionismo como compoñente esencial nunha agricultura competitiva, sustentable e orientada ao mercado global.

“Transformar o leite dos socios é o maior valor que lles podemos aportar”

Jaime Carneiro, diante da fábrica de penso que a Cooperativa Central de Frades ten en Ledoiras Jaime Carneiro ten unha gandería de leite dunhas 100 vacas xunto á súa muller na parroquia de Marzoa, pertencente ao concello de Oroso. É socio da Cooperativa Central de Frades desde hai máis de 30 anos e o seu presidente desde o 2017. Falamos con el da situación do sector leiteiro nesta zona, de cooperativismo e de novos proxectos que a entidade que preside ten en marcha. – Cantos socios ten a Cooperativa Central de Frades na actualidade? – A acta de fundación da cooperativa é de 1963 e ten agora aproximadamente 800 socios e socias. A maioría somos da comarca de Ordes, dos concellos de Frades e Mesía principalmente, pero tamén de Oroso, como é o meu caso. A maioría somos ganderías de leite. Hainas de todo tipo, pero abundan as de tamaño mediano e grande. Esta é unha zona gandeira por excelencia en Galicia. – Notades os problemas de relevo xeracional? – Temos problemas de cese de actividade, coma noutras zonas, pero o que se observa aquí é unha tendencia cara á profesionalización, con menos explotacións pero cada vez máis grandes. As ganderías más grandes teñen a posibilidade de ter unhas condicións mellores, pero aínda así ser gandeiro segue a ser un traballo moi sacrificado que esixe moita adicación e que non todo o mundo está disposto a facer.
O feito de non atopar man de obra redunda nunha peor calidade de vida e fai moitas veces que os mozos non se animen a continuar
Neste momento o que hai é moita falta de man de obra, a pesar de que as condicións de traballo nas ganderías, como xa digo, son cada vez son mellores. E esa dificultade á hora de atopar traballadores tamén incide moitas veces na decisión de non seguir. – Cal é a actividade principal da cooperativa? – Centrámonos na venda de penso e outros insumos que poden necesitar os gandeiros no seu día a día e despois complementamos a nosa actividade con outros servizos e asesoramento técnico. Por exemplo, temos parque de maquinaria, basicamente carros mesturadores para facer as racións de alimentación nas granxas, pero non labramos nin recollemos forraxe. E contamos con enxeñeiros agrícolas para asesorar aos socios nos cultivos e con veterinarios para poder prestar servizos de reprodución, nutrición e calidade do leite. – Que volume de fabricación de penso tendes? – Arredor de 40 millóns de quilos ao ano. O volume principal é o destinado a vacún de leite porque a actividade principal dos nosos socios é a produción de leite, pero tamén facemos mesturas para cría tradicional destinada a autoconsumo nas casas, tanto en porcino como en aves.
Formulamos e fabricamos de maneira personalizada, en función das necesidades de alimentación de cada explotación
Nós xestionamos as compras directamente, mercamos en porto ou nacional segundo se dean as circunstancias, e logo fabricamos na nosa planta de Ledoiras, en Frades. A maior parte son fórmulas personalizadas á carta en función dos requirimentos que teña cada explotación e en base ás necesidades nutricionais da súa cabana gandeira. – Como fixestes nestes últimos anos, nos que os prezos das materias primas estiveron disparados? – Como todos os fabricantes de penso, tivemos que repercutir as subidas, porque un custo moi alto do produto terminado provén obviamente do valor das materias primas. Traballamos para ofrecer, ademais do mellor produto, tamén o mellor prezo aos nosos socios, pero vímonos obrigados a repercutir esas subidas porque eran demasiado elevadas para poder asumilas a cooperativa.
Imos repercutindo as baixadas no penso segundo podemos; xa fixemos algunha
Depende de como estea o mercado compramos a curto ou máis a longo prazo. Os prezos fóronse moderando este ano, con mellores prezos neste segundo semestre, o que non quere dicir, por desgraza, que vaiamos volver ao nivel de prezos previo e a custos de materias primas do primeiro semestre do 2020. O custo principal da fabricación de penso son as materias primas, pero despois están outros como a enerxía, que tamén se disparou. Para ser máis eficientes e reducir ese gasto queremos instalar paneis solares na planta, podemos aforrar ata 40.000 euros ao ano. – Cales son os principais investimentos que fixestes nos últimos anos? – Nos últimos anos fixéronse moitos investimentos tanto nas instalacións de Lodoiras como coa adquisición dunha nova nave en Abellá, para ter un punto de venda novo, ademais do que hai en Olas, en Mesía, que leva moitos anos funcionando, e poder estar deste xeito máis cerca dos socios.
Imos abrir un punto novo de venda en Abellá para mellorar as instalacións e o servizo que se presta aos socios
Esperamos abrir esa nova tenda como almacén con produtos da cooperativa e con outros servizos, como ferretería ou gasolineira se podemos. E iso é posible grazas aos socios que consomen na cooperativa. Por iso, animamos aos socios a que consuman na cooperativa, porque sempre que o fan están producindo un beneficio para eles mesmos. Iso non ocorre cando mercan a outro vendedor fóra da cooperativa. – Levades a cabo a recollida de leite ás ganderías socias? – Actualmente non recollemos leite, aínda que si se fixera nalgún momento. – E non pensastes nunca en dar o paso cara a transformación? – Si, é un proxecto de futuro polo que apostamos e que esperemos poder levar a cabo, porque cremos que o que máis valor pode aportar á nosa cooperativa é transformar o leite dos nosos socios, porque vender leite líquido non xera valor engadido e hoxe todos estamos vendendo o noso leite á industria. Esa é a pata que nos falta a moitas cooperativas aquí en Galicia porque ofrecer servizos e conseguir bos prezos nos insumos aos socios é necesario pero non resolve o principal problema das granxas, que é o prezo do leite. Nós cremos na economía social cooperativa e a nosa misión ten que ser xerar valor na zona. Hai que apostar polo cooperativismo, porque é o que aporta valor aos socios, a todos, tanto ás pequenas ganderías como ás máis grandes. Nese sentido pensamos que as cooperativas fan unha moi boa labor.

“Non vemos mal as fusións, pero non queremos quedar diluídos dentro dunha cooperativa moito máis grande ca nós”

– Como vistes o proceso de fusión de cooperativas que se deu en Galicia e que desencadeou na constitución de CLUN e AIRA? – Nós non vemos mal eses procesos. Sempre que sexa bo para os socios, que é o noso mantra e o noso obxectivo á hora de traballar, por que non? Non cremos que as fusións sexan malas, pero coa dimensión que temos agora mesmo permítenos ter un trato máis personalizado aos nosos socios, sen deixar de ser eficientes, e que o socio manteña ese sentimento e ese orgullo de pertenza á súa cooperativa, que é a de sempre. Aquí practicamente coñecémonos todos os socios e calquera deles ten acceso directo á xerente da cooperativa, ao presidente ou a calquera membro do Consello Rector para facerlle chegar calquera problema porque somos todos veciños. – Dis que non vedes mal as fusións, pero quedastes á marxe delas no seu momento – Non houbo ese ofrecemento e penso que a unha cooperativa coma a nosa tampouco nos interesaría moito asociarnos con esas cooperativas tan grandes, porque quedariamos desdebuxados, diluídos dentro dunha entidade moito maior, e non constariamos como cooperativa propia que somos hoxe.
Preferimos manter o noso funcionamento autónomo; a sede da cooperativa está cercana aos socios e a toma de decisións tamén
Preferimos manter o noso funcionamento autónomo e a nosa actividade, facendo penso natural e atendendo aos socios directamente. En caso de fusionarnos, o que fariamos sería absorber cooperativas máis pequenas que hai nesta zona. A socios desas cooperativas xa lles prestamos algún servizo neste momento.

A cooperativa CLUN comeza a volta ao cole con visitas a granxas FEIRACO e á iogurtería CLESA

CLUN, a maior cooperativa láctea de Galicia, inicia unha nova tempada de visitas a granxas Feiraco e tamén, a iogurtería de Clesa en Caldas de Reis. Estas visitas realízanse co obxectivo de ensinar todo o proceso de elaboración de produtos lácteos de principio a fin, dende o coidado das vacas e dos campos ata que chega aos nosos fogares; achegando así o rural aos visitantes e poñendo o valor o traballo dos gandeiros e gandeiras. Gandeiro por un día A visita a granxas FEIRACO, que recibe o nome “Gandeiro por un día”, será unha experiencia guiada por parte do equipo e gandeiros socios de CLUN na que os visitantes accederán ás instalacións e coñecerán as becerriñas, as vacas, a sala de muxido e aos exteriores onde se atopan os silos... Unha xornada na que todos os nenos e nenas lles quedará claro de onde vén o leite á vez que se divirten xogando a ser gandeiros e gandeiras por un día. O tour do iogur Tamén comezan as visitas para escolares á iogurtería CLESA en Caldas de Reis, a través do programa “O tour do iogur”. Os colexios realizarán un percorrido polas instalacións da planta e descubrirán como o leite, procedente de granxas da cooperativa, se transforma en iogures e postre e finalmente chega ata as nosas casas.

Xa está aberto o prazo de reserva

A cooperativa xa ten aberto o calendario de reservas tanto a granxas como á iogurtería. As visitas á iogurtería Clesa realizaránse todos os xoves e as visitas a granxas, os venres. É necesario realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico a visitas@clun.es ou chamando ao 600 79 43 68. Ambas visitas están destinada a escolares de primaria e de primeiro ciclo da ESO – Alumnado de 5 a 15 anos-. Ademais, os colexios que reserven a súa visita para o primeiro trimestre escolar, entrarán no sorteo dun bono para conseguir esta actividade gratis!

Cooperativas, industrias agroalimentarias e fábricas de pensos tamén se poderán acoller á nova convocatoria de créditos da liña ICO-MAPA-SAECA

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este venres no Boletín Oficial do Estado (BOE) o extracto da modificación da convocatoria da liña de financiamento ICO-MAPA-SAECA que incorpora a ampliación de 20 millóns de euros do orzamento, ademais dunha serie de novidades aprobadas mediante o Real Decreto-lei 5/2023, de 28 de xuño. Con esta ampliación, o orzamento dispoñible para esta liña destinada a favorecer o acceso ao financiamento ao sector agrario e pesqueiro alcanza xa un orzamento total de 60 millóns de euros, co que o potencial de crédito subvencionable elévase a 500 millóns de euros. Até a data, beneficiáronse desta liña uns 2.500 solicitantes, cun crédito total subvencionado de 103 millóns de euros.

Novidades

Entre as novidades que inclúe a modificación da convocatoria atópase a extensión dos posibles beneficiarios ás cooperativas agroalimentarias, así como ás industrias de procesado e conservación, e aos operadores do comercio ao por maior de froitas e hortalizas, ás industrias de fabricación de produtos para a alimentación de animais de granxa e ás industrias de preparación e fiado de fibras téxtis de algodón. A partir de agora, a liña ICO-MAPA-SAECA permite bonificar de forma xeral o 12 % do principal dos préstamos, e o 15% no caso dos das explotacións gandeiras e os operadores da pesca e a acuicultura, aos que se suman como beneficiarios potenciais as cooperativas agroalimentarias. A axuda está dirixida a préstamos de até 100.000 euros, cun prazo de amortización de até 15 anos e con períodos de carencia de até 3 anos, segundo a duración do préstamo. As solicitudes destes créditos deben realizarse nas entidades financeiras colaboradoras, cuxa relación se pode consultar nesta ligazón da páxina web do ministerio. A data final do prazo de solicitude das axudas ampliouse até o 15 de setembro de 2024 (Real Decreto-lei 4/2023, de 11 de maio), de forma que poida aproveitarse ao máximo o potencial desta liña.

A cooperativa A Carqueixa é premiada polo Ministerio pola Excelencia á Innovación en Actividade Agraria

A Sociedade Cooperativa A Carqueixa, nacida en 1994, conta con máis de duascentas familias asociadas e un consello reitor paritario. Á parte, esta cooperativa promociona dende o ano 2019 o proxecto 'O Sabor dos Ancares' para o que puxo en marcha unha tenda online e unha carnicería física na Praza de Abastos de Lugo. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de conceder á Sociedade Cooperativa A Carqueixa o segundo Premio de Excelencia á Innovación en Actividade Agraria. Trátase dunha das categorías que conforman os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. O galardón, que se fixo público o luns 31 de xullo, recoñece o proxecto por tratarse da única cooperativa que comercializa online Tenreira Galega Suprema e por contar cun consello reitor paritario dende 2022. Actualmente, a Cooperativa A Carqueixa conta con 215 familias asociadas, o que supón case 10 veces máis que na súa fundación hai case 30 anos. Un 43% das cooperativistas son mulleres, unha cifra moi alta e que se traslada a un consello reitor paritario ao 50%. Este consello reitor é o máximo órgano da cooperativa no período entre asembleas. Lucía González, que forma parte do persoal da cooperativa, explica logo de coñecerse esta distinción que “como muller e traballadora da cooperativa A Carqueixa, este recoñecemento significa unha mostra máis de que estamos no camiño a seguir cara un futuro onde os Ancares sexan un exemplo de igualdade”. Salienta que así se pon en valor “o traballo de todas aquelas mulleres que dende sempre foron un alicerce fundamental no desenvolvemento, na creación de iniciativas e na posta en marcha das mesmas, sendo o motor destas montañas”. “Síntome moi orgullosa de formar parte dun proxecto no que se nos poña por fin nome a apelidos”, engade. Pola súa banda, Mari Carmen Fernández, propietaria do Bar Xegunde -onde se preparan os pratos cociñados a domicilio que constitúen a máis recente liña de negocio da Carqueixa-, tamén amosa a súa satisfacción. Con máis de vinte anos de historia, o bar Xegunde é un dos establecementos referenciais de Navia de Suarna e agora chega a toda a península cos seus pratos caseiros. “Este premio recoñece que con esforzo e traballo pódese vivir aquí, na montaña, con calidade de vida”, afirma Mari Carmen. O traballo da Sociedade Cooperativa A Carqueixa está a dar azos a persoas que apostan polos Ancares, e permitindo que a gastronomía da montaña traspase as súas fronteiras naturais. A cociñeira do bar Xegunde salienta que o segredo está, tamén, en cociñar para os demais coa mesma dedicación con que se cociñaría para unha mesma. “A maior satisfacción dun cociñeiro é que o prato quede baleiro”, bromea. Un proxecto en expansión A Cooperativa A Carqueixa impulsa dende o ano 2019 o proxecto O Sabor dos Ancares. A través do mesmo, puxo en marcha unha tenda online e unha carnicería física na Praza de Abastos de Lugo. Son só algúns dos fitos recentes dun proxecto, A Carqueixa, nacido en 1994 cando 27 veciñas e veciños dos Ancares se xuntaron para afrontar a crise demográfica e produtiva do rural cun proxecto que pon en valor a cría e manexo tradicional en extensivo do gando e o coidado da biodiversidade das áreas de montaña. O aval dun número crecente de consumidores e mesmo de empresas e comedores que apostan pola carne da Carqueixa son a mellor garantía de futuro para a cooperativa.

Carlos García é elixido novo presidente da cooperativa Campoastur

O pasado venres celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria dos socios de Campoastur, cooperativa asturiana socia de Delagro e cunha forte presenza en Galicia a través da marca de pensos ecolóxicos Ecofeed. No acto aprobáronse por unanimidade as contas anuais de 2022 na que se alcanzou unha cifra de negocio de 82,91 millóns de euros, cun resultado antes de impostos de 447.876 euros, un 0,47 % máis que o ano anterior. Tamén se aprobou sen discrepancia a elección de novos cargos do Consello Reitor entre os que se atopaba o novo presidente da cooperativa, sendo elixido Carlos García García, que toma o relevo Mª Cruz Rodríguez que deixa o seu cargo tras 10 anos á fronte da entidade. Carlos García García, de 46 anos, é fundador da cooperativa Chaca, unha referencia en gandaría asociativa en Asturias. García incorporouse ao Consello Reitor de Campoastur en xuño de 2015 como secretario, participando activamente nos debates e decisións do consello.

10º Aniversario Campoastur

Tras a súa Asemblea Xeral, Campoastur reuniu a autoridades, empresas, provedores, colaboradores e principais operadores do sector cooperativo do norte España para celebrar os seus 10 anos co campo asturiano. Marcelino González, director xeral de Campoastur, compartiu cos asistentes a evolución dos 10 anos da cooperativa. Destacando que foi unha década de constante crecemento e que "logrou desde os seus inicios, consolidarse como a cooperativa referente do sector no Principado, conservando as súas raíces no territorio e adaptándose á realidade do agro para afrontar a solidez o futuro". Ademais, destacou a importancia dos produtos Campoastur e da nova gama de lácteos ecolóxicos CAMPOBIO como importante vía de desenvolvemento da cooperativa. Os socios, non se esqueceron da presidenta saínte, a pioneira Mª Cruz Rodríguez á que realizaron unha emotiva homenaxe de agradecemento aos seus 10 anos á fronte da cooperativa. Tamén houbo tempo de que os asistentes gozasen dun inspirador relatorio baixo o título "A cuestión rural en Asturias" a cargo de Jesús González Arango, profesor universitario e político con ampla experiencia no goberno rexional e que puxo en valor o medio rural asturiano. Alejandro Calvo, Conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Goberno do Principado de Asturias, clausurou o acto animando a establecer obxectivos ambiciosos e sinalou que "temos que ser un sector económico forte, sendo conscientes de que somos unha minoría pero que xestionamos cuestións claves, como o noso patrimonio natural, que afectan á maioría".

“Na cooperativa Condes de Albarei xeramos riqueza compartida no rural galego”

María Dolores Calvo Méndez é presidenta da cooperativa Condes de Albarei, socia de Delagro, e integrante da representación sectorial de viño de costa da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), sendo ademais a primeira muller que entrou a formar parte do consello de AGACA (2017-2021). O seu compromiso coa igualdade levouna a sumarse á asociación “Nós, as mulleres”. Ademais da súa vinculación co mundo do viño e cooperativo, é profesora, e asegura que non renunciaría a ningunha das súas dúas vocacións. Falamos con ela sobre as tres décadas que leva vinculada á cooperativa. As xornadas de María Dolores Calvo Méndez repártense entre dúas actividades profesionais que vive con entusiasmo a partes iguais: a de exercer como profesora de matemáticas nun instituto de Salceda de Caselas e como presidenta dos cooperativa Condes de Albarei. “Pode haber tempadas tranquilas nas que podes atender a todo sen moitos abafos e outras nas que todo parece coincidir e tes a sensación de non chegar, pero finalmente vaise resolvendo. Hai que organizarse e repartir tempos”, asegura, á vez que recoñece que non podería elixir quedar só cunha das dúas. “A viticultura e o ensino son dous mundos distintos e á vez con bastantes semellanzas. Traballas con seres vivos, que teñen o seu ciclo vital. Ambos requiren de coidados, dedicación, paixón, acompañamento, van crecendo e ves a túa intervención na súa formación. En ambos gozas da vida e a súa evolución. No ensino asumes moita responsabilidade porque o que fas e dis repercute en persoas en formación e hai que coidar moito os sentimentos e sensibilidades. Creo que non hai necesidade de escoller, a combinación paréceme boa e enriquecedora”. En 2006 chegou ao Consello Reitor de Condes de Albarei como vogal e permaneceu no cargo oito anos. “Cando Guillermo Rodríguez decidiu deixar a presidencia en 2014, a cooperativa estaba a pasar un momento económico complicado e parecía lóxico que se presentase alguén do consello reitor que coñecese o funcionamento. Ningún dos meus compañeiros animouse e eu decidín dar o paso e presentarme, contando en todo momento co seu apoio e confianza. Debo dicir que non foi unha sorpresa ver que a sociedade aceptaba con naturalidade que unha muller asumise a presidencia, valorando en todo momento á persoa e non o xénero”, explica. A partir de aí, iniciouse un proceso de traballo e esforzo por reverter o ambiente de descontento e certa tensión que se instalou na cooperativa. “Naquel momento as dificultades viñan dadas pola situación a nivel mundial e a nosa en particular: fixeramos un investimento de gran envergadura, as vendas e os prezos baixaron e o pago a socios foise atrasando. Facer fronte a esta situación era o obxectivo prioritario. Con moito sacrificio logrouse e hoxe podemos estar orgullosos de que hai moita máis cohesión social e unha situación económica desafogada”. Pero empecemos polo principio de todo, que levou a Dolores Calvo a vincularse ao mundo do viño? “Na casa había vacas, viñas, cultivábase millo, patacas e eu colaboraba desde moi pequena en todos os traballos derivados da actividade familiar (munguir, coidar o gando, estercar, cavar, vendimar, pisar as uvas....). Os cheiros, cores e procesos da viña van asociados ás miñas vivencias desde sempre”, rememora. “Daquela non ouvira falar nunca de cooperativismo como tal, aínda que coñecía e participaba dos labores colaborativas entre veciños. A cooperativa Condes de Albarei non existía, nin outras na zona. A finais do oitenta os meus pais cambiaron as viñas á variedade de albariño e nese momento comprendín que xa non se podía facer viño na casa e que a mellor forma de sacarlle produtividade era entrar a formar parte dunha cooperativa. Eu animeime e en 1992 fíxenme socia de Condes de Albarei”.

Unha cooperativa con gran impacto social

Nestes 30 anos que Dolores leva vinculada a Condes de Albarei, a cooperativa creceu e evolucionou, tanto a nivel de servizos aos socios como de implicación social, actuando como dinamizador económico, social e cultural da comarca. “Consumimos e gastamos na nosa zona, achegamos nivel económico aos nosos veciños. Xeramos riqueza compartida”. “A cooperativa achega e crea benestar, fixando poboación. Ademais, ofrece apoio técnico a socios e formación para que coñezan os últimos avances e poidan aplicalos coa finalidade de obter o maior e mellor rendemento das súas viñas. Pero tamén formación noutros aspectos como a igualdade, liderado e xestión, sen esquecer facetas máis persoais como autoestima, motivación.... Destacaría tamén a súa gran implicación no coidado do medioambiente, a saúde alimentaria, a calidade dos viños e a sustentabilidade”. Pero se hai quedar cun momento clave no percorrido pola historia de Condes de Albarei, Dolores destaca cando, hai catorce anos, materializábase a compra de pazo Baión, unha finca con cinco séculos de historia. “É difícil expresar o regueiro de sentimentos que me invadiron naquel momento: sorpresa, alegría, responsabilidade, moitísima responsabilidade, ilusión, expectativa.... Fixemos unha aposta moi forte porque tiñamos moi claro o proxecto que queriamos levar a cabo e o enclave era inmellorable. A adquisición e posta en marcha do proxecto de Pazo Baión supuxo un antes e un despois na nosa historia, pero aínda nos queda moito por escribir!”. Hoxe en día, Pazo Baión é un proxecto consolidado, recoñecido como centro de referencia de enoturismo (en 2016 foi recoñecido como mellor recuncho enoturístico de España pola ruta de viños de España) e que ademais ten unha importante compoñente social: o 5% das vendas dos seus albariños destínanse a programas de prevención contra as drogas á vez que colabora na reinserción sociolaboral de ex drogodependentes. “Co investimento recentemente realizado e unha crise económica mundial, as cousas foron complicadas ao comezo e a sociedade tivo que sufrir, pero hoxe en día valoramos que pagou a pena. É unha contribución de enorme valor colectivo. É unha satisfacción ver que chegan a Pazo Baión visitas de toda España e de países estranxeiros, consomen na comarca, pasan a noite, compran, visitan outros lugares.... É unha forma máis de activar a economía local”.

Unha cooperativa á dianteira en igualdade

Outra dos acenos de identidade da cooperativa Condes de Albarei, socia tamén da cooperativa de segundo grao Delagro,  é o seu traballo pioneiro no ámbito da igualdade de xénero e proba diso é que o seu Consello Reitor mantén unha composición proporcional ao número de mulleres da masa social. “En xeral, nas cooperativas agroalimentarias galegas e españolas, segue habendo pouca participación feminina nos Consellos Reitores e postos de toma de decisións. No noso caso dáse un equilibrio na repartición de postos de responsabilidade entre traballadores e traballadoras, pero son consciente de que somos aínda excepción”, recoñece. O certo é que as tornas van cambiando, e no últimos dez anos a porcentaxe de mulleres foi en aumento. Algo que, para Dolores, “non é froito da casualidade, senón do traballo de concienciación que vén realizando desde distintos ámbitos, aínda que non é suficiente”. Entre eles, destaca dúas iniciativas nas que ela mesma está fortemente involucrada: AMCAE (Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de España) e a Asociación de AGACA “Nós, as Mulleres”. “Na sociedade en xeral e no rural en particular, a presenza da muller na vida pública aínda non está equilibrada. No rural a presenza da muller, sobre todo nova, é fundamental para afianzar poboación e dar un futuro aos pobos. Necesítanse mulleres formadas profesionalmente, competentes, con iniciativa e ganas de desenvolver o seu proxecto de vida no rural. Para iso debemos ofrecer servizos, conectividade e recursos que permitan á xente nova ver o rural como alternativa”. “Entendo que o discurso ten que cambiar. Non podemos transmitir aos nosos fillos que estuden e fórmense en especialidades que nada teñen que ver co mundo agroalimentario e despois pretender ter remuda xeracional. Debemos dar unha oportunidade ao rural e ao mundo agroalimentario. Presumamos do mesmo, poñamos en valor o que facemos e o que temos. Pidamos ás administracións plans de estudos específicos nos que haxa unha oferta formativa relacionada coas actividades agroalimentarias de cada zona”.

A viticultura en perspectiva: esforzo, retos e paixón

Que terá o mundo do viño que, a pesar de esixir sacrificios (e non poder vivir en exclusiva diso nos casos de pequenos viticultores como o seu), engancha tanto? “Cando coñeces de preto o mundo do viño é difícil mirar a outro lado. Ver como cada ano os ciclos da vide repítense, como van progresando os acios, vas acompañando o seu proceso e vaste identificando con el”. Outra recompensa, segundo confesa, vén “cando te atopas unha botella do teu viño nun liñal dun supermercado, nun restaurante, nun país estranxeiro, na que hai algo de ti, do teu traballo, do teu esforzo...., resulta moi motivador e estimulante. Sentes que estás a contribuír á alegría da xente, estás presente nas súas celebracións e as súas emocións”. Os logros da cooperativa chegaron co esforzo dos socios. “Na D.O. Rías Baixas e en Galicia, en xeral, non é fácil vivir da viticultura e o principal escollo preséntao o minifundismo. Somos un D.O. pequena que fixo as cousas ben, apostando sempre pola calidade e agora mesmo estamos moi ben situados no mercado, pero é complicado para os pequenos viticultores medrar, xa que a concentración parcelaria non chegou aínda a todas as zonas. En comarcas tan poboadas como o Salnés, se o pouco terreo que tes dispoñible para plantar non o tes xunto, non é viable facelo. Necesitamos que nos faciliten un pouco as cousas”. Para ir pechando a nosa charla, pedímoslle que bote a vista atrás e cóntenos de que está máis orgullosa como presidenta de Condes de Albarei. “Creo que o maior logro foi chegar até aquí xuntos, permanecer unidos e consolidarse como unha adega de referencia no sector. O meu maior orgullo como presidenta son as persoas que formamos a cooperativa: sociedade e traballadores. A capacidade para tomar decisións conxuntas que nos permitan saír adiante nun mercado moi competitivo, a forza que impulsa ás familias a crer nun soño común e loitar por levalo á práctica, con ilusión compartida2. Por último, fálanos dos retos de futuro para o sector vitivinícola. 2Creo que o principal reto que ten a D.O. Rías Baixas é non perder os seus acenos de identidade. Somos unha D.O. pequena e temos que seguir diferenciándonos, non podemos perder a nosa esencia. Temos ameazas, como o feito de que a variedade albariño é máis coñecida que a D.O. Rías Baixas e pode plantarse en calquera parte do planeta. A isto temos que facerlle fronte distinguíndonos por potenciar a nosa situación xeográfica, a tipicidade do noso clima, as características do terreo: identificándonos co territorio”. Non dubida en detallar cales son os desafíos que están sobre a mesa da cooperativa: “Seguir traballando na cohesión social e achegando calidade de vida aos nosos socios e traballadores. Continuar apostando pola calidade dos nosos viños, xerando valor engadido. Ademais, temos que seguir conservando os nosos valores: solidariedade, igualdade, honestidade, compromiso.... e seguir avanzando cara á sustentabilidade ambiental, económica e social, sen deixar de ser rendibles. En definitiva, seguir mirando ao futuro xuntos con ilusión compartida”.

Viña Costeira e Condes de Albarei reciben o premio á innovación e desenvolvemento rural de Cooperativas Agro-alimentarias de España

Cooperativas Agro-alimentarias de España celebrou hoxe a súa Asemblea Xeral anual na Escola de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid, ETSIAAB, que reuniu a máis dun cento de delegados de cooperativas e representantes do sector agroalimentario. O presidente de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Ángel Villafranca destacou na clausura que “ante a situación de seca actual é necesario investigar, innovar, investir e garantir o uso da auga na agricultura para continuar producindo alimentos”. Así mesmo, reiterou que “se se queren preservar as estruturas produtivas, como son as cooperativas, transformadoras e comercializadores dos alimentos que os nosos agricultores e gandeiros producen é necesario que se amplíen as medidas que presentou o Goberno recentemente”. Durante o seu discurso Ángel Villafranca, destacou que 123.000 persoas traballan en cooperativas, delas unhas 46% mulleres, o que mostra o importante rol que exercen as cooperativas como fixadoras de emprego estable no medio rural, tal e como recolle o Observatorio do Cooperativismo Agroalimentario Español, elaborados cos datos de 2021. Ángel Villafranca incidiu na importancia do cooperativismo e a súa contribución no sector agroalimentario español, non só por manter unha importante actividade económica e emprego estable, senón tamén por seguir fieis ao seu compromiso coas zonas rurais onde se asintan. O cooperativismo agroalimentario en España agrupa a máis dun millón de familias socias, en 3.669 cooperativas, que facturaron 38.428 millóns de euros en 2021, un +12,3% con respecto ao ano anterior. O acto contou tamén coa presenza do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, quen subliñou que é consciente do que supón a diminución de actividade para as cooperativas debido á seca e que para iso se contemplan medidas de índole fiscal, laboral e de liquidez económica. Antes da entrega de Premios e da clausura da Asemblea, os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar a charla “España no mundo 2023: perspectivas e desafíos”, a cargo de Jorge Tamames. O investigador do Real Instituto Elcano referiuse á continuidade da guerra en Ucraína e a presidencia española do Consello da UE durante a segunda metade do ano.

Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España 2023

Durante a Asemblea entregáronse os Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España. Nesta oitava edición, as cooperativas gañadoras foron Grupo AN S. Coop, Condes de Albarei, Bodega Cuatro Rayas e Viña Costeira.

Convocadas as axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e gandeiros

Instalacións de Oviganic Ibérica en Monforte de Lemos, beneficiada con esta mesma liña de axudas o pasado ano O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e buscan incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos. Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Dos 30 millóns de euros de presuposto total, para o exercicio do 2023 están consignados 12 millóns de euros, para o 2024 a cantidade reservada é de 14 millóns e para o 2025 a contía ascende aos 4 millóns de euros.
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será dun mes contado a partir deste sábado
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá sábado, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano. Máxima puntuación para as cooperativas galegas Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. Do mesmo xeito que na pasada convocatoria, apoiaranse as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, nos criterios de valoración concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.