Archives

Levántanse as restricións ao movemento de animais sensibles á infección por lingua azul

A partir de mañá, día 15 de decembro, toda Galicia será considerada zona estacionalmente libre do insecto vector transmisor da lingua azul no gando. Así o comunicou a Consellería do Medio Rural, ao incluírse nesta área as provincias da Coruña e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias da Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental, as tres localizadas na provincia de Lugo. A consecuencia principal desta medida é que non se aplican estacionalmente as limitacións ao movemento das especies sensibles que se manteñen o resto do ano. Así, permítese o movemento de bovinos e ovinos sen vacinar e sen ter como orixe unha explotación vacinada, sendo o único requisito para o movemento de animais de especies sensibles que non presenten signos da enfermidade. Neste sentido, cómpre sinalar que dende o 1 de decembro xa tiñan esta consideración de zona libre do vector a provincia de Ourense e as comarcas veterinarias de Terra Chá-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Terra Cha-Castro, Meira, A Fonsagrada, Lugo, A Ulloa, Sarria, os Ancares, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, todas elas na provincia de Lugo. Continuará a campaña de vacinación A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (axentes biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. A campaña de vacinación continuará en 2024 para todo o territorio de Galicia, trala inclusión o 13 de novembro de toda a comunidade como zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto de vacinación obrigatoria. O desenvolvemento desta campaña é fundamental, para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, e porque a partir dese momento volverán existir restricións ao movemento dos animais sen vacinar. Ao respecto, no ámbito nacional execútase un programa de vixilancia da enfermidade, fundamentado na vixilancia entomolóxica mediante trampeo continuado das especies de mosquitos transmisores, en controis serolóxicos e virolóxicos en explotacións sentinelas distribuídas xeograficamente polo territorio, e na investigación oficial en caso de comunicación de sospeita da enfermidade. O trampeo durante todo o ano, aporta información tanto da presenza como da cantidade e distribución do insecto vector no territorio nacional. Con esta información o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) declara como zonas estacionalmente libres do vector aqueles territorios nos que se demostra que nunha determinada época do ano non existe a súa presenza. Segundo a información obtida dos trampeos, o MAPA comunicou recentemente o inicio da zona estacionalmente libre do vector en diferentes zonas de España, entre as que se atopa Galicia. Esta información é trasladada á Comisión Europea. 

A Xunta crea un servizo para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e frear a venda a perdas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o decereto polo que se establece a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural para crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. Deste xeito, o Goberno galego asume as competencias de supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria, de acordo coa súa modificación de decembro de 2021. Este servizo de nova creación terá diferentes competencias, entre elas, de xeito destacado, a análise e estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea. Con base nisto, realizarán tamén as actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación. Ademais, en virtude deste decreto, modificarase a Relación de Postos de Traballo para crear as correspondentes xefaturas de sección e de negociado dentro deste Servizo, incluíndo os técnicos provinciais, que serán os encargados dos labores de control sobre o terreo.

Equilibrio e xestión da cadea

Este novo servizo, que se crea dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, terá entre os seus cometidos a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria, acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria e procurar o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción. Ademais, centrarase en garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria e traballará na elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción, así como no desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Agencia de Información y Control Alimentarios e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control. A posta en marcha desta nova unidade compleméntase co funcionamento do Observatorio da cadea alimentaria galega, que se vén de poñer en marcha. Fíxose mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia 2ª e as consellerías de Emprego, e do Medio Rural. Por medio deste acordo regúlase a colaboración entre estes departamentos da Xunta para a realización conxunta de actividades asociadas a este observatorio, que serán coordinadas pola Consellería do Medio Rural.