Archives

Convocadas as axudas para as asociacións de control leiteiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde mediante a que se convocan 750.000 euros nunha nova liña de axudas para financiar o labor que desenvolven as entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia. Poderán beneficiarse destas axudas as entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma e terceiros para a realización do control leiteiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá. As actividades subvencionables para realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais. Esta achega ten como finalidade compensar en parte os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.

“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira. Leva máis de 20 anos traballando no control do leite das ganderías socias e na actualidade supervisa e asesora a granxas da zona de Taboada, parte de Chantada e Monterroso, Antas de Ulla e algunhas granxas de Rodeiro. Con el abordamos algunhas das cuestións de interese sobre a calidade do leite e aspectos a ter en conta nas granxas coma a redución de usos de antibióticos e as rutinas do muxido. -Que te levou como veterinario a especializarte en calidade do leite? -Aínda que ó principio quería traballar en clínica, comecei en calidade do leite, gustoume este traballo e xa decidín non cambiar. Xa levo máis de 20 anos traballando sobre isto. -En que consiste o teu traballo dentro da cooperativa AIRA e como está organizado o servizo de calidade do leite dentro da mesma? -Dentro do servizo de calidade do leite en AIRA centrámonos, sobre todo, no control da mamite, pero tamén prestamos moita atención ó risco de inhibidores e á bacterioloxía. -Como puntuarías de 1 a 10 a calidade hixiénico sanitaria do leite das explotacións gandeiras nas que traballas e por que motivo? -É certo que hai variacións entre as granxas, pero a nivel global as ganderías melloraron moito e agora mesmo se tivera que dar unha nota media sería un 8 ou máis alta. As granxas traballaron duro por mellorar nos últimos 10 ou 12 anos.
“O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por encima dos esixidos para ter un leite de gran calidade”
-Cales son as calidades medidas do leite das explotacións que controlas en canto a bacterioloxía e sólidos lácteos? -É tamén complicado dar unha media xeral, xa que as granxas máis grandes, novas e profesionalizadas están por debaixo de 10.000 xermes e cun reconto de células somáticas tamén menor a 150.000. En granxas pequenas é máis difícil acadar esas cifras, aínda que estean a facer un moi bo manexo e estean a ofrecer un leite de calidade. A bacterioloxía está hoxe moi controlada. O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por riba dos esixidos para ter un leite de calidade. -Cales son os aspectos clave que inflúen na calidade hixiénico sanitaria do leite e en cales ves máis marxe de mellora? -Os aspectos fundamentais é a ausencia de inhibidores, o punto crioscópico, a bacteroloxía (que está moi relacionada coa limpeza e funcionamento da maquinaria de muxido e refrixeración), así como as células somáticas. En xeral, non hai moita marxe de mellora, porque xa se está traballando por encima do esixido. Puntualmente cando se producen subidas das células centrámonos en baixar eses valores, pero o resto xa en cada gandería está a traballarse axustado ós estándares e dentro das posibilidades de cada gandería. -No caso do muxido, que pautas imprescindibles se deberían seguir? -É fundamental a rutina de limpeza para estimular ben a vaca e axustarse ós tempos que marcan estes procedementos. Comézase polo despunte dos tetos, seguido do pre dipping e a continuación o secado do teto, previo á colocación da máquina de muxido. Cada granxa debe establecer unha rutina de muxido na que se axusten o mellor posible as características desa gandería (tamaño da sala de muxido, número de persoas para o muxido...) cos tempos e procedementos para poder facer un bo manexo. Tamén é importante un bo funcionamento da máquina de muxido e ter identificadas as vacas con mamite para poder muxilas ó final. -Por que a presenza de patóxenos nos silos, sobre todo os de herba, repercuten tamén negativamente na calidade do leite? -Os silos mal conservados, con presenza de micotoxinas, silos que quecen acaban provocando non só problemas na calidade do leite, senón que deixan mamites, problemas en reprodución, na lonxevidade do animal, problemas de patas... Se as forraxes teñen pouca calidade inflúen en tódolos aspectos da granxa. Cada vez hai menos, pero segue habendo silos que saen mal e neses casos sae máis barato tirar esa forraxe, polos problemas que provoca na granxa. -O muxido robotizado incide nunha mellora da calidade do leite? Por que? -Normalmente si. Non se debe a que o robot de muxido mellore a calidade do leite senón porque eses gandeiros teñen máis tempo dispoñible para o control do gando e estar na granxa atendendo dos animais. Tamén é verdade que hai gandeiros que teñen o robot porque non queren ou non poden pasar tanto tempo na granxa, neses casos non se aprecia esa mellora ou mesmo pode ir a peor. -O punto crioscópico é a veces motivo de disputa entre gandeiros e control leiteiro. ¿Que factores inflúen no mesmo? -Hoxe ninguén lle bota auga ó leite, xa que as calidades son un dos parámetros para pagar o leite, polo que o tema do punto crioscópico adoita deberse a problemas de arrastre no lavado. Nalgunhas granxas débese ó tanque de frío que é demasiado potente e non está ben dimensionado para as características da granxa, polo que pode chegar a conxelar o leite do primeiro muxido, mentres está baleiro e despois queda esa auga no leite. A solución nestes casos pasa por prender o tanque unha vez que se estea xa muxindo, para evitar que se conxele. -Como valoras a implantación nas granxas da nova normativa sobre o uso restrinxido de antibióticos? -Nas granxas de Aira estase facendo xa dende antes de que entrara en vigor a nova normativa. Levamos anos sabendo que isto ía pasar e dende xa hai máis dun ano, os veterinarios clínicos e de calidade do leite reducimos ó mínimo o uso do secado, pese a que os parámetros da normativa aínda non se coñecían. -E en concreto, no secado selectivo, está sendo complicado a súa extensión? -O cambio está a resultar moi ben, pese a que tamén levou a noites sen durmir tanto ós veterinarios como para os gandeiros, pola preocupación das consecuencias do cambio. Agora a maioría dos gandeiros xa non volvería ó secado, aínda que se puidera. O novo sistema élles agora unha tranquilidade, porque xa saben que non van ter inhibidores no leite e iso é significativo sobre todo cando tes rabaños grandes. -Que foi o que máis custou para dar o paso ó secado selectivo? -En Aira fixemos moito traballo cos gandeiros para ensinarlles a rutina, acompañándoos para que soubesen como se deben colocar os seladores internos, que é totalmente diferente á colocación dunha cánula de mamites, aínda que é o mesmo aparato, pero ten diferentes obxectivos. A maioría das granxas están facendo un secado selectivo. En Aira non diferenciamos entre granxas de alto ou baixo risco, senón que diferenciamos entre vacas sas ou enfermas á hora de aplicar o secado selectivo, xa que en tódalas granxas hai vacas sas coas que se poden facer estas técnicas sen necesidade de tratar de xeito sistemático. Así conseguimos que tódalas granxas reducisen, na medida das súas posibilidades, o uso de antibióticos.
“É vital realizar un test de California no momento do secado, para comprobar os valores dese animal no momento de iniciar o tratamento”
-Que pautas seguides na cooperativa Aira? -O procedemento que estamos a seguir é aplicar selado nesa lactación ás vacas que teñen mamite ou que teñen recontos altos no control leiteiro. Para min é vital realizar un test de California no momento do secado, para mirar a vaca cando realmente a vou secar para comprobar que os datos do control leiteiro nese momento seguen a ser como para tratar o animal. -Desafortunadamente, de vez en cando circulan "fake news" sobre a presenza de antibióticos no leite de consumo. Por que é moi difícil ou practicamente imposible que iso ocorra en España? -O uso dos antibióticos nas ganderías de vacún de leite é moi reducido. Das 90 granxas coas que eu traballo podo facer de media ó ano un total de 6 informes sobre inhibidores, o que dá xa boa conta do uso mínimo que se fai destes medicamentos. O problema de residuos de antibióticos no leite hoxe en día nas granxas galegas é practicamente cero e o risco de que chegue ó consumidor é cero. -O control da calidade do leite depende da administración, do LIGAL, nutrólogos, persoal dos Africores, e gandeiros e veterinarios. En que aspectos cres que se podería mellorar nesta tarefa tan importante e na que participan tantos axentes? -Xa se está traballando a un nivel moi alto. Estar por debaixo de 100.000 células e de 10.000 xermes son valores que están rexistrando moitas granxas e que xa son indicadores de calidade moi alta.

“O leite galego é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado”

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha Asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, na que teñen presenza paritaria os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia. A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria, sendo unha ferramenta fundamental tanto para o pago por calidade como para o Control Leiteiro. O carácter multiservizo do laboratorio busca dar resposta ás necesidades do sector lácteo no seu conxunto, implementando desde a súa creación servizos adicionais como analítica de forraxes, calidade da auga ou identificación de patóxenos causantes da mamite.
O LIGAL analiza unha media de 10.000 mostras diarias
O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas. Coñecemos máis en detalle o seu traballo. – Cal é a función que xoga o LIGAL no sector lácteo galego? – A función principal pola que se crea o LIGAL era dar unha resposta independente e transparente ás distintas partes, tanto aos produtores como ás industrias, pero co paso dos anos convertémonos nun laboratorio multiservizo e tentamos dar unha resposta o máis integral posible ao conxunto do sector lácteo galego. A nosa actividade principal seguen sendo as analíticas do leite producido nas explotacións lácteas para o establecemento do pago por calidade diferencial. Un día de traballo normal no LIGAL analizamos no entorno das 10.000 mostras, sobre as que se obteñen case 80.000 resultados paramétricos que emitimos aos nosos clientes, principalmente gandeiros e operadores lácteos. As nosas analíticas pódense dividir en dous grandes bloques: un sería a composición físico-química do leite (contido graxo, proteico, etc) e o outro o paquete de calidade hixiénico-sanitaria e de control de residuos no leite. – Das análises do LIGAL depende en boa medida o prezo final do leite que cobran as explotacións. Poden estar tranquilos os gandeiros galegos da imparcialidade e fiabilidade dos resultados? – Absolutamente. A imparcialidade está fóra de toda dúbida. O LIGAL créase no ano 1989 para dar unha resposta á problemática das mostras do leite, que até ese momento estaban só nas mans da industria, é dicir, para que a análise fose fiable, independente e trazable. Ademais, supuxo a incorporación do resto de parámetros do pago por calidade até ese momento non incluídos no sistema.   O poder nos órganos de dirección desde a creación do LIGAL está repartido ao 50%. En consecuencia, para que algo sexa aprobado no seo da Xunta Directiva ou da Asemblea ten que ser apoiado polo 75% dos votos, o que leva a que ten que haber consenso entre ambas partes, unha parte non ten capacidade para impoñer ningunha decisión á outra.
Os gandeiros poden estar absolutamente tranquilos coa imparcialidade e a fiabilidade dos resultados
En relación á fiabilidade, boa parte dos nosos ensaios, non só a totalidade dos de pago por calidade, senón tamén moitos outros, están acreditados pola ENAC. Están referenciados a normas internacionais e este organismo, a Entidade Nacional de Acreditación, acredita que se fan as cousas correctamente. Iso é un indicativo claro da nosa aposta pola calidade e independencia e de que hai unha absoluta trazabilidade e transparencia nos procesos de análise. – Os gandeiros quéixanse de que a toma de mostras e o sistema de custodia está en mans das industrias que lles recollen o leite. Hai garantías dabondas para o produtor? – O sistema de toma de mostras está regulado por un Real Decreto de obrigado cumprimento, que di, entre outros aspectos, como hai que facer a toma de mostras nas explotacións e como teñen que ser transportadas ata os operadores. Desde a nosa óptica, o sistema funciona razoablemente ben, pero sempre pode haber algúns matices a mellorar. De feito, estamos traballando sobre un novo bote e os automatismos internos asociados, que vai aportar novas garantías e información adicional que creo que nos vai permitir dar un salto cualitativo nese sentido.
Ao longo deste ano melloraremos o sistema de toma de mostras nas explotacións e a súa trazabilidade; teremos un novo bote que vai aportar máis garantías e información adicional
Levamos tempo traballando neste novo sistema e eu confío que a mediados de ano ou no terceiro trimestre poidamos implementalo, aínda que durante algún tempo coexistirán os dous sistemas. A súa posta en marcha vainos obrigar a facer cambios tamén no sistema automatizado de análise das mostras. – Nalgunhas ocasións tense demandado un sistema de dobre mostra lacada, unha delas para o gandeiro, como existe por exemplo noutras comunidades. Por que non se implanta? – É un sistema complexo. Está implantado en Castela-A Mancha, polo tanto, con moitas menos explotacións que aquí, onde estamos focalizados nos 6.000 produtores lácteos de bovino, mentres que alí traballan sobre todo con ovella e cabra. No LIGAL aseguramos os procesos de análise das mostras que recepcionamos no laboratorio, non facemos directamente nin a toma de mostras nin o transporte ata os operadores. Como indiquei antes, estas fases están reguladas polo Real Decreto de referencia. Pero non quere isto dicir que o LIGAL non actúe sobre elas. De feito. actuamos sen previo aviso ás partes por medio do servizo de inspección, tanto en paralelo sobre as rutas como no peirao de descarga na industria, verificando aleatoriamente os aspectos normativos de toma de mostra e control de temperatura de transporte. 
Calquera produtor que teña algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico pode chamar ao LIGAL e nós actuamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste
Dentro das rutinas de análise desas 10.000 mostras que se están analizando diariamente entre pago por calidade e Control Leiteiro temos un control estatístico en tempo real sobre as mostras. É dicir, a medida que se están facendo as análises estanse referenciando aos datos que temos da explotación para ver se se desvía significativamente ou non da súa poboación de referencia. Ademais, calquera das partes pode chamar ao LIGAL se tivese algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico e nós actuariamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste para verificar se é coincidente coa poboación que temos do gandeiro dentro do laboratorio.   A realidade é que un número moi reducido de produtores poñen en dúbida a praxe da toma de mostra e, tralas nosas actuacións a petición de parte, as diferenzas non son significativas respecto da práctica totalidade dos resultados de referencia.  O LIGAL conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza – Ademais das mostras de leite, do total de mostras que analizades, cantas son de alimentación animal, calidade da auga ou sanidade animal? – No último ano sumaron unhas 80.000 mostras en conxunto estes tres aspectos, das que boa parte delas son para a detección do patóxeno causal das mamites.    – Fálanos un pouco dese papel de apoio prestado aos técnicos que traballan nas explotacións, por exemplo veterinarios ou nutrólogos. – Son dúas áreas de traballo que temos máis aló do noso traballo rutineiro de análise do leite cru. Temos por un lado a liña de alimentación animal e por outro a de control de mamites. As ecuacións coas que traballamos para as análises de silos de herba, silos de millo e outras materias primas que entran na ración do gando foron desenvoltas nun traballo colaborativo xa iniciado na década dos 90 do pasado século co CIAM que segue na actualidade e responden á realidade da nosa produción forraxeira. Non pode haber unha alimentación de precisión se non hai precisión nos resultados analíticos, que son a base dos sistemas de nutrición, polo que estas melloras logradas grazas ao esforzo entre o centro de referencia en investigación agrogandeira e o LIGAL redundan nunha mellora da economía e rendibilidade das nosas explotacións lácteas. 
A identificación dos microorganismos causantes de mamitis por espectrometría de masas ofrece a máxima fiabilidade no resultado a un coste moi reducido
Na liña do control das mamites infecciosas tamén somos moi activos e facemos a identificación do patóxeno causal a través dun equipo de espectrometría de masas e non recurrimos a unha identificación visual simple, recomendando apoiar esa identificación nun antibiograma, que vai indicar cal é o antibiótico máis acaído para tratar ese patóxeno. É dicir, procuramos emitir informes completos que axuden á toma de decisión dos veterinarios clínicos. – O control da mamite mediante a identificación do patóxeno causante a través dos antibiogramas pode ser unha ferramenta moi útil para a efectividade dos tratamentos. É unha práctica xa estendida no sector ou aínda é minoritaria? – O sector está cada vez máis sensibilizado con este tipo de cuestións, non só os gandeiros senón tamén os técnicos que os asesoran. Evidentemente os veterinarios clínicos son os primeiros interesados en que os tratamentos que prescriben funcionen. Esa liña está trazada desde hai tempo, tanto por parte da Axencia Europea do Medicamento como por parte do propio Ministerio en España.

“A presenza de inhibidores no leite galego é residual”

– Nos máis de 30 anos transcorridos desde a creación do LIGAL, como evolucionou a calidade do leite producido en Galicia? – Houbo unha mellora sobresaínte en relación aos datos de partida. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90 na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE, tendo ademais en conta que A Unión Europea é máis restritiva nos umbrais de calidade hixiénico-sanitaria do leite no contexto mundial. A calidade físico-química responde ao tipo de acopio que quere facer a industria láctea das explotacións aprovisionadoras en relación, entre outros, ao contido en graxa e proteína do leite. Por outro lado está a calidade hixiénico-sanitaria, é dicir o reconto bacteriolóxico e de células somáticas.
A calidade hixiénico-sanitaria mellorou ostensiblemente, o que nos sitúa neste momento ao nivel das principais rexións produtoras de leite no contexto da UE
O sector lácteo leva moitos anos implicado na mellora continua da calidade hixiénico-sanitaira e do control dos residuos, adaptándose aos cada vez máis esixentes requerimentos normativos. Desde o ano 1989 no que se creou o LIGAL e se arrinca coas analíticas no ano 1990, a mellora na calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular, cunha redución do reconto bacteriolóxico no 90% e á metade o do contido en células somáticas. – En que aspectos habería que seguir incidindo ou mellorando? – Extremar a boa praxe nas rutinas de muxido e as condicións hixiénicas de manexo dos animais e seguir mantendo moita atención aos requerimentos de enfriaxe do leite. – Cres que debería facerse a nivel de granxa maior fincapé na mellora das rutinas de muxido e na formación do persoal encargado destas tarefas? – É certo que cada vez hai máis problemas para contratar persoal para traballar nas explotacións lácteas e sobre todo persoal que teña os coñecementos e a formación previa, polo que hai un período de demora na súa adquisición. Sería necesario incidir nos aspectos formativos e tamén no control por parte dun responsable da explotación dos momentos críticos, e un deles é o momento do muxido. – E en canto á presenza de antibióticos?            – A mellora na presenza de inhibidores bacterianos, principalmente antibióticos, tense producido en paralelo á calidade hixiénico-sanitaria e hoxe falamos de niveis residuais. A mellora acelerouse sobre todo a partir da implantación no ano 2008 do protocolo de inhibidores. O 100% das cisternas son analizadas desde o punto de vista dos parámetros hixiénico-sanitarios e de residuos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite e tamén nas explotacións, nunha porcentaxe próxima ao 100%, se están analizando diariamente eses parámetros. – Existe aínda marxe de mellora na utilización de antibióticos nas explotacións leiteiras? – Hai que facer unha defensa da boa praxe na utilización de antibióticos en bovino de leite en comparación con outras especies. A mellora de novo é continua, todos os anos se avanza, pero é certo que cando chegas aos niveis residuais que temos acadado é máis difícil que baixen. – Galicia conta con protocolos diferenciais de actuación ante resultados positivos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite. Como funciona? – O protocolo de autocontrol actualmente vixente remóntase ao ano 2007-2008. Noutras zonas de produción do Estado cando hai un resultado positivo comunícase á Autoridade competente e a actuación queda nas súas mans, o que implica a introdución dun certo factor de demora. Nós somos máis rápidos, primando non ter o leite retido máis tempo do estritamente necesario. Para iso facemos unha actuación na explotación por medio do servizo de inspección do LIGAL que implica unha proba rápida ao produtor para ver se o novo leite que se está a muxir é apto e cumpre cos requerimentos de control de residuos e é válido para volver a ser integrado na cadea alimentaria. No caso de resultar negativa esta nova mostra, ese leite queda liberado para que poida ser entregado á industria. En caso de que resultase positivo, entón si que se bloquearía ese tanque e pasaría o procedemento a mans da Autoridade competente.
Os índices de positivos actuais a inhibidores xa son moi difíciles de mellorar
Ademais dos protocolos habituais tamén temos protocolos específicos reforzados en colaboración coa Administración. Un deles é o das quinolonas en leite e outro o de control da aflatoxina M1. Estamos moi sensibilizados con cuestións que afecten á seguridade alimentaria, intentamos ser proactivos para adiantarnos a posibles riscos emerxentes que poida haber, porque o peor que lle pode pasar a calquera sector é unha alerta grave de seguridade alimentaria, porque xa non será un problema puntual dunha explotación, senón que se converte nun problema do sector lácteo galego no seu conxunto. – Nos casos que detectades, cantos son debidos a neglixencias ou malas praxes e cantos a descoidos? – Ninguén entrega voluntariamente un leite que sabe que ten residuos de inhibidores. Eu estou convencido de que boa parte dos moi poucos resultados positivos que se están producindo a inhibidores do crecemento bacteriano débense a descoidos, por exemplo porque unha vaca que está a tratamento pasa ás rutinas de muxido ou porque non se cumpre estritamente o tempo de supresión. – Cando o consumidor na súa casa bebe un vaso de leite, pode ter a certeza de que é un produto absolutamente seguro? – Por todo o que comentamos e tamén complementados polas actuacións das Autoridades competentes, podemos asegurar que o leite é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado e, por extensión, do que os consumidores poden ter maior garantía de control e trazabilidade na súa produción. Todo o leite de Galicia está controlado desde que se produce ata que se descarga nos centros de transformación dos operadores lácteos. As características propias da produción de leite, continua e diaria, requiren un importante esforzo neste sentido pero a nosa actividade dá como resultado este control e trazabilidade da cadea de produción de leite. – Que papel xogou e xoga o Control Leiteiro na modernización e profesionalización vivida polo sector lácteo galego nos últimos anos e que aspectos consideras interesante introducir no Control Leiteiro para seguir afondando nesta mellora? – O Control Leiteiro é un piar fundamental na liña de mellora das nosas explotacións lácteas ao poder ter monitorizadas as nosas ganderías a nivel de vaca individual, contribuíndo á mellora xenética e aportando información sobre a calidade sanitaria dos animais de produción. Ademais, novos parámetros monitorizados sobre cada unha das nosas vacas abre novas liñas de traballo, algunhas están en desenvolvemento e permitirannos seleccionar aos animais en base á súa produción de metano, por exemplo. – O LIGAL conta con tecnoloxía punteira. Podemos dicir que é un centro que está na vangarda a nivel europeo? – Eu penso que si. Os nosos equipamentos, calibracións e desenvolvementos ad hoc están á vangarda e en consonancia coas liñas de traballo que se están seguindo nos centros de investigación dentro de Europa. Por exemplo, a relación entre dieta e calidade do leite ao conseguir extraer da analítica do leite a información sobre a orixe alimentaria; ou a pegada de CO2, medida pola compoñente de metano, que estamos empezando a desenvolver, en ambos casos en colaboración coa AGACAL-CIAM. O LIGAL non deixa de ser un reflexo do que é o potente sector lácteo galego. Catro de cada 10 litros que se producen en España saen das nosas explotacións lácteas cara os operadores e estas unidades de produción representan o 56% das de todo o Estado.

Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Falar do Control Leiteiro é para moitos gandeiros pensar nos valores de calidade do leite como a porcentaxe de proteína, graxa ou o reconto de células somáticas, xa que son os valores que puntualmente destacan nas analíticas. Porén, como apunta Ramiro Fouz, veterinario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os datos que se recollen nestas analíticas, máis alá de ditos parámetros destacados, poden ser claves para a granxa, aportando información sobre puntos favorables, pero tamén indicadores de posibles problemas. “Cos datos do Control Leiteiro pódeste facer unha idea do que tes na granxa”, destaca. Fouz recordou que o Control Leiteiro é unha das ferramentas destacadas do programa de Mellora Gandeira co que conta Galicia e que cada ano analizan de media 1.850.000 mostras de leite procedentes de boa parte das ganderías de vacún de leite de raza frisoa da comunidade.
O Control Leiteiro galego analiza cada ano 1,8 millóns de mostras de leite. É o único de España en aportar niveis de ácidos graxos
Ademais, o Control Leiteiro galego é punteiro neste tipo de analíticas de leite en granxas. “A nivel nacional, o Control Leiteiro galego é o único que aporta niveis de ácidos graxos nas súas analíticas de forma sistemática, vaca a vaca e sen custe engadido na cota xeral”, sinala Fouz.

Parámetros de interese para a granxa

No marco das xornadas organizadas por Africor Pontevedra e celebradas recentemente en Lalín, Fouz abordou algúns destes datos claves que se inclúen nas analíticas do Control Leiteiro e que pasan máis desapercibidos para os gandeiros, aínda que poden resultar de gran utilidade.

Días en leite

Os días en leite (DEL) son a media de días que levan paridas as vacas. Debería coincidir coa metade da duración da lactación para esa gandería. Este valor pode ser un indicativo de problemas reprodutivos, cando tende á alza. Mentres, se estas cifras son moi baixas adoita deberse a un lote de vacas mercadas recentemente, vacas paridas de pouco ou á concentración de partos. Tal e como sinala Fouz, tamén cómpre ter en conta que esta baixada se pode deber a que haxa poucos efectivos para atender o volume de partos e traballo da granxa. Ademais, é importante ter presente que “cando aumentan os DEL, a graxa e a proteína tenden a aumentar e o leite a diminuír”, explica Fouz. Así, este valor é significativo para entender variacións das calidades e da produción de leite na granxa.

Leite corrixido por enerxía

O leite corrixido por enerxía exprésase na analítica como L. É un valor que aparece situado entre a produción de leite e a porcentaxe de graxa e que se estandariza para todas as vacas. Este dato permite ó gandeiro estimar canto leite produciría de máis ou de menos se diminuíse ou aumentase a graxa e a proteína do leite que producen as súas vacas. “Resulta un valor moi útil para comparar a produción de vacas de razas distintas entre si”, concreta Fouz.

Puntuación lineal

Nas analíticas, a puntuación lineal amósase como PL e expresa o nivel de células somáticas. Dado que non se poden facer medias con este valor, transfórmase nunha escala de tal xeito que un reconto de 50 células por mililitro representa un valor de 2 e increméntase de xeito gradual ata un valor máximo de 9 cando representa 6.400 células por mililitro. Escala de puntuación lineal. Este valor é tamén de gran utilidade para as granxas, xa que pode ser un aviso de alerta sobre cuestións como o secado, cando ese índice se dispara.

Ratio graxa/ proteína

Máis alá da porcentaxe de graxa e proteína, nas analíticas do Control Leiteiro tamén se inclúe unha ratio de graxa e proteína, un indicador metabólico que proporciona información sobre o estado de saúde dos animais e serve para detectar posibles afeccións dos animais. Así, os ratios baixos, inferiores a 0,9, son indicadores de acidose ruminal. Mentres, os ratios altos, superiores a 1,4, son indicadores de cetoses. Este é un dos indicadores que permite coñecer o estado de saúde da granxa mediante as analíticas.

Urea

É un dos indicadores de maior utilidade que aportan as analíticas do Control Leiteiro e que adoita pasar desapercibido para os gandeiros. “Non se lle dá o valor real que pode proporcionar esta analítica. É realmente valioso para lograr un bo equilibrio na ración do animal”, reivindica Fouz.
“As variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode haber outros factores para que a ración non estea equilibrada”
Cando os valores de urea son altos reflicten que hai unha falta de enerxía ou que sobra proteína (ou é moi dixerible) na ración. Neste caso, os valores adoitan situarse por encima de 280. Pola contra, os niveis baixos de urea adoitan presentalos vacas subalimentadas. “Estas variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode deberse a outras causas como non estar ben mesturada e producirse deste xeito unha ración que non estea ben equilibrada aínda que fose ben deseñada”, explica o veterinario. Ademais, a urea é un indicador que axuda a detectar problemas hepáticos do animal, posto que o fígado é o órgano que se encarga de destoxicar o amoníaco que se produce no rume, amoníaco que transforma en urea. “Os valores altos de urea indican que o fígado está soportando un traballo extra e é un órgano que hai que coidar moito, xa que é de gran importancia para as vacas, posto que se encarga de detoxicar o sangue, sintetizar proteínas e glucosa, transformar o amoníaco (que é tóxico para o animal) en urea, metaboliza lípidos ademais de ser depósito de elementos esenciais como o ferro, cobre ou vitamina B12...”, detalla Fouz. Por outra banda, a presenza elevada de urea é un indicador de que tamén hai moito nitróxeno nos ouriños desas vacas, o que produce un impacto maior da granxa a nivel ambiental.

Ácidos graxos

Galicia é a única comunidade onde as analíticas do Control Leiteiro inclúen os ácidos graxos, que foron dos últimos parámetros incorporados. A graxa do leite esta composta nun 94% de ácidos graxos e a proporción de cada un deles depende, en gran medida, do que acontece no rume, de aí que sexa importante telos en conta. Os ácidos graxos poden clasificarse en base a distintas cuestións como a lonxitude da cadea (cadea curta, media ou longa) ou o grao de saturación (saturados, monoinsaturados ou poliinsaturados). Nas analíticas identifícase a cantidade de ácidos poliinsaturados debido a que están presentes na maioría das forraxes e cereais como a soia ou o millo e porque poden proporcionar información sobre o aporte nutricional da ración. “Os ácidos graxos insaturados teñen propiedades antibacterianas, polo que as bacterias ruminais transfórmanos en saturados para que non lles sexan tóxicos á vaca. Se o leite presenta unha elevada cantidade de ácidos graxos poliinsaturados pode ser debido a que as bacterias non están facendo esta transformación de xeito correcto”, explica o experto. Un dos valores de referencia no caso dos ácidos graxos poliinsaturados é 0,09. Por outra banda, os ácidos graxos tamén se poden clasificar atendendo á súa orixe. Poden dar información sobre a saúde do animal e establécense tres tipos, que tamén aparecen identificados nas analíticas do control leiteiro: - DeNovo. Son ácidos graxos de cadea curta, prodúcense na glándula mamaria a partir do butirato e do acetado procedentes da fermentación ruminal, é dicir, proporcionan información sobre o estado do rumen da vaca. -Preformados: Ácidos graxos de cadea longa que proceden do alimento ou da mobilización das reservas corporais. -Mixtos: Trátase de ácidos graxos de cadea media que poden ser sintetizados na glándula mamaria ou proceder do alimento ou da mobilización das reservas corporais. Neste caso o importante é ver a tendencia, máis que ter un valor de referencia, de aí que nas analíticas apareza o valor e ó lado unha frecha (ascendente ou descendente segundo a tendencia) ademais dun valor entre paréntese que indica a evolución con respecto do mes anterior. “Cambian moito en función da alimentación, por iso é importante ver a evolución e non quedarse con valores de referencia”, detalla Fouz. En liñas xerais e de xeito práctico, para lograr bos resultados na granxa, Fouz recomenda manter os ácidos graxos Preformados o máis baixos posibles e os DeNovo canto máis altos mellor. Como valores de referencia das mellores granxas, os DeNovo atópanse en valores por encima de 29% (porcentaxe sobre o total de ácidos graxos do leite). Cando estes ácidos se sitúan por debaixo do 26%, poden non estar funcionando correctamente. Así, os ácidos graxos son indicativos do estado do rumen e poden ser preditores de problemas como o cuajar. Estes valores mudan con factores de variación como o número de partos, polo que Fouz recomenda sempre prestar atención ós datos tendo en conta o contexto da granxa e non perseguir esas cifras sen analizar o resto de información da gandería en cada momento. O experto reivindica a importancia dos datos facilitados polo Control Leiteiro como unha ferramenta de gran utilidade na toma de decisións da gandería.

Que efectos pode ter a mamite subclínica na taxa de reprodución nas granxas de vacún de leite?

A mamite segue sendo unha das patoloxías máis frecuentes nas ganderías de vacún de leite e ás veces faino de xeito silencioso, cando se trata de mamite subclínica, posto que cando a enfermidade se presenta deste xeito caracterízase por non ter síntomas visibles nos animais, porén esta mamite deixa tamén consecuencias. Un dos efectos que arrastra a mamite é a diminución do rendemento dos animais en aspectos como a produción e a fertilidade. Un estudo no que participaron investigadores da Universidade de Santiago fixouse na relación entre a mamite subclínica e a taxa de preñez. Ter en conta o reconto celular no leite e os días transcorridos entre a inseminación pode ser determinante para lograr que a vaca preñe. “O estudo buscaba investigar os efectos da mastite subclínica antes e despois da primeira inseminación en vacas de leite de raza Frisoa en Galicia, xa que non se contaba con moita documentación ó respecto”, indican os investigadores no artigo que recolle o traballo.
Os investigadores traballaron cos datos de 80 granxas de Lugo e coa información de máis de 2.000 lactacións
A investigación foi realizada tomando os datos de 80 granxas de vacún de leite situadas todas elas na provincia de Lugo. Ademais, todas eran ganderías con vacas de raza Frisoa. En concreto, no estudo dispuxeron de datos de 2.053 lactacións. As granxas tiñan de media unhas 35 vacas en muxido e en todas elas se facían dúas muxiduras ó día. Ademais, como tódalas vacas estaban incluídas no Programa de Control Leiteiro de Galicia, os investigadores contaban con toda a información referida a mastite subclínica dispoñible. No estudo tamén tiveron a colaboración do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

A incidencia da mamite

O reconto de células somáticas é un dos indicativos da incidencia de mamite subclínica na granxa, así como a baixada de produción de leite. Así, recontos celulares por encima das 200.000 células por mililitro de leite evidencian que o animal ten unha mamite subclínica. Tendo en conta isto, os investigadores decidiron botar man deste reconto celular para avaliar os efectos na fertilidade vinculados á mastite subclínica. “A incidencia da mastite está asociada con efectos negativos no rendemento reprodutivo, así como na taxa de concepción”, explica a investigación. Estudos previos a esta investigación xa tiñan amosado que un incremento do reconto celular antes e despois da inseminación provocaba efectos negativos na fertilidade, aínda que había dificultades para establecer a franxa de tempo que era crítica para a preñez. Así, había estudos que sinalaban como período crítico os 10 días anteriores e os 30 días posteriores á inseminación. Mentres outros apuntan que dende o día 31 ó 45 despois da inseminación os riscos aumentan. Deste xeito, un incremento do reconto celular nos primeiros 90 días de xestación apuntaba que podía haber risco de aborto.
As vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas
Na investigación realizada nas granxas galegas, os datos amosan que o período crítico abrangue os 30 primeiros días despois da inseminación. En base ós recontos celulares puideron determinar que as vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas que aquelas vacas que tiñan un reconto celular máis alto. “Un episodio de incremento do reconto de células somáticas dentro dos 30 días posteriores á inseminación artificial ten un efecto disruptivo na taxa de preñez do animal”, sinala a investigación. Os achados do estudo demostran que a mastite subclínica dentro dos 30 días posteriores á primeira inseminación resulta decisiva e prexudica a posibilidade de preñez da vaca. Mentres, os investigadores non atoparon evidencias de que se produza o mesmo efecto se a mastite subclínica se produce nos 30 días antes de realizar a inseminación. Analíticas de leite.

O control leiteiro, ferramenta para mellorar resultados

En base ás conclusións do estudo, os investigadores recomendan extremar a prevención da mastite subclínica sobre todo despois da primeira inseminación. “ A prevención durante un período crítico de 30 días trala inseminación é importante para maximizar o rendemento produtivo”, explican.
“Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”
A relación entre o incremento dos recontos celulares, a mastite e a fertilidade das vacas fai que ferramentas como os informes do control leiteiro se volvan unha ferramenta de utilidade para mellorar os resultados na granxa, ó ofrecer información sobre os recontos celulares de xeito periódico. “Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”, detallan. O estudo amosa que tomar medidas para previr a mastite subclínica é un xeito para diminuír as perdas económicas da gandería, debido ós efectos que pode traer sobre a fertilidade das vacas.

Así é a nova plataforma web de Conafe para o cálculo de índices de calidade do leite

A Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) e a Asociación Nacional de Especialistas en Medicamento Bovino de España (Anembe) acaban de presentar unha nova plataforma para o cálculo de índices de calidade do leite. Trátase dun servidor web, LecheIQ, dispoñible tanto para gandeiros socios como para profesionais do sector, no que estiveron traballando nos últimos anos e que emprega os datos do control leiteiro das explotacións.
A presentación da nova plataforma de índice de calidade de leite reuniu de forma virtual a preto de 100 profesionais do sector
A ferramenta aspira a ser unha forma para unificar criterios entre profesionais e a vía para ofrecer datos tanto por autonomías como a nivel estatal, de maneira que se poidan establecer comparativas con outras rexións ou países. As dúas asociacións organizaron un webinar en días pasados para ofrecer todos os detalles do novo servidor web. A cita conectou de forma virtual a preto de 100 profesionais tanto gandeiros como veterinarios e técnicos do control leiteiro.

Selección de datos

A creación da plataforma online procura proporcionar un método común para a análise de datos das gandarías, un sistema que permita unificar os índices utilizados por todo o sector. "A maioría de veterinarios dedicados á calidade do leite e as asociacións de control leiteiro traballamos con índices técnicos a partir dos datos individuais de reconto de células somáticas, pero botabamos en falta unha serie de datos expresados nunha linguaxe común para veterinarios, gandeiros e técnicos de control leiteiro", apuntou o veterinario Xabier Bermúdez, da vocalía de calidade de leite de Anembe durante o encontro dixital. Tras esta petición realizada desde Anembe para lograr unha linguaxe común, en Conafe xestouse a plataforma, co obxectivo de poder agrupar os datos de control leiteiro en base ás propostas epidemiolóxicas expostas desde Anembe. Así, o novo servidor web ofrece información para o traballo diario tanto dos veterinarios e técnicos como dos gandeiros. Trátase dunha ferramenta que permite ver datos históricos e tendencias, ademais de comparar as granxas respecto da súa contorna. A plataforma permite consultar entre outros, as gráficas coas tendencias en reconto de células somáticas ou os informes sobre infeccións intramamarias, xestión reprodutiva ou o resumo de índices de calidade de leite. Un dos gráficos que proporciona a plataforma, neste caso sobre os días en lactación.

Principais índices de calidade de leite

Á hora de seleccionar os datos necesarios para fixar os índices de calidade que achegaría a plataforma, desde Anembe tiñan claro que tampouco sería adecuado tentar abarcar todos os datos, senón que era necesario priorizar. "Queriamos contar con tantos datos índices como sexa necesario e tan poucos como sexa posible", recoñece o veterinario Xabier Bermúdez. O sistema proporciona gráficas cos recontos celulares e inclúense 14 índices de calidades que se establecen en 3 grupos: último control leiteiro, comparación de dous controis consecutivos e análises da saúde de ubre durante o secado.
Establecen tres grupos de índices de control do leite: o último control leiteiro, os controis consecutivos e a análise do período seco
No grupo do último control leiteiro inclúense datos como a porcentaxe de animais sans no período fixado, é dicir, aquelas vacas cun reconto celular por baixo das 200.000 células somáticas. Tamén figuran as vacas primeirizas con menos de 100.000 células somáticas, así como a media de reconto celular da gandaría e a media de Lineal Score (LS), un índice que permite ter unha aproximación máis acertada da situación real da granxa. "O Lineal Score é unha transposición logarítmica do reconto de células somáticas que permite amortecer o desfasamento que se produce en rabaños pequenos e eliminar a pequena distorsión que pode darse só coa media do reconto celular", detalla Bermúdez. Un exemplo de dúas ganderías de como o Lineal Score (LS) serve para dar unha mellor imaxe da situación real da granxa en canto ó seu reconto celular. Outro dos grupos establecidos é o de comparativa de 2 controis, onde se analizan outros 4 índices que permiten establecer esta comparación. Así, figura o índice de risco de nova infección, o índice de probabilidade de curación, que se obtén da diferenza entre os animais que inicialmente contaban cun reconto celular superior a 200.000 células somáticas e aquelas vacas que na actualidade xa baixan desas cifras. Tamén se inclúe un índice que ofrece a porcentaxe de animais cun reconto celular por debaixo das 200.000 células somáticas en ámbolos dous controis e un índice que mostra a porcentaxe de vacas crónicas, obtido con en base a aqueles exemplares cun reconto superior ás 200.000 células somáticas en ámbolos dous controis. Tamén crearon un grupo de índices centrado na análise do período seco, máis amplo que os anteriores e no que figuran índices de risco de nova infección durante o secado, así como de curación neste período ou a probabilidade de curación corrixido, é dicir probabilidade de infección durante o secado. Tamén se inclúen neste grupo índices do primeiro control posparto, con controis sobre as primeiras crías daqueles animais con menos de 100.000 células somáticas ou de vacas adultas cun reconto celular por baixo das 200.000. Ademais, neste grupo atópase un índice elaborado a base da porcentaxe de vacas cun reconto celular igual ou superior a 200.000 células no momento do secado. Un dos índices de calidade de leite que ofrece a plataforma. Á marxe destes índices, tal e como sinalou o tamén veterinario e membro da vocalía de calidade de leite de Anembe Oriol Franquesa trátase dunha "plataforma viva" na que se poden engadir ou quitar índices segundo vaian resultando de interese.

Datos estatais e por autonomías

A creación desta plataforma atende tamén a demanda dos profesionais de coñecer a situación a nivel estatal ou por autonomías. "Como asociación nacional botabamos de menos ter datos globais, tanto de comunidades autónomas como de país, máis aínda cando todos tiñamos unha base común como é o control leiteiro", valora Bermúdez.
"Grazas a esta plataforma imos ter unha idea da situación das gandarías en España e en cada comunidade": Oriol Franquesa, veterinario membro de Anembe
Nas gráficas tamén se pode contextualizar a situación da granxa con respecto dos datos da comunidade autónoma ou dos manexados por Conafe. A plataforma proporciona ás granxas a capacidade de compararse coa súa contorna. De feito, tal e como sinalou Oriol Franquesa na súa intervención, o servidor proporciona gráficos moi visuais, que empregan uns sistemas de luces de semáforo, para contextualizar os datos con respecto á situación da comunidade autónoma. Desta forma, os valores en vermello indican que se atopa entre o 25% de granxas con peores resultados da rexión e o verde que se atopa entre o 25% de gandarías cos mellores. "Imos ter unha idea da situación en España e en cada comunidade", destaca Franquesa.

A incorporación de datos

O acceso á plataforma e aos datos é restrinxido aos gandeiros e aos técnicos autorizados por estes. Mentres que para os gandeiros membros de Conafe o alta e acceso ao servidor tramítase de forma automática, os técnicos do control leiteiro deberán solicitalo enviando un email cos seus datos a conafe@conafe.com. Para o cálculo dos distintos índices, Conafe botou man dos datos remitidos polas asociacións e organismos de control leiteiro. Nacho Almoguera, do Departamento TIC de Conafe explicou que con 40 anos de experiencia, Conafe dispón dunha base de datos con información de 3.500.000 de animais en control leiteiro e máis de 10.000.000 de lactacións, grazas ao cal puideron crear uns Índices de Calidade de Leite con información desde o ano 2000 en adiante. O novo servidor tamén permite unha maior actualización dos datos procedentes das asociacións. "Antes de comezar con este servizo os envíos realizábanse cada 2 meses e agora temos asociacións que nos están facilitando os datos cada semana e o resto unha vez ao mes", detalla Almoguera.
Desenvolveron unha base de datos sobre mamite, que pode contribuir á xestión dos secados selectivos.

O control da mastite, clave na granxa

A nova plataforma contempla ademais unha nova base de datos sobre diagnóstico de mamite, que se materializou xa en 2012 coa firma dun acordo coa cooperativa galega Seragro. "Os rexistros de casos clínicos de mastite permiten tomar decisións claves. A análise combinada dos rexistros de mastite clínica e os recontos individuais de células somáticas das vacas poden revelar que patróns de infección son máis importantes nun rabaño nun momento determinado", explicou Noureddine Charfeddine, xenetista do Departamento Técnico de Conafe. Ademais, dispor desta información tamén pode ser moi útil para os programas de secado selectivo e permite seleccionar directamente aqueles animais que transmiten menor incidencia de mamite.
Contar cunha base de datos sobre mamite axuda a tomar decisións na gandaría como o secado selectivo ou seleccionar animais con menor incidencia da patoloxía
Actualmente esta base de datos sobre mamite clínica e subclínica recompila datos de 80.000 diagnósticos, 45.071 lactacións e 34.428 vacas e o obxectivo de Conafe é poder presentar con esta información sobre mamite, os mesmos informes e gráficas dispoñibles xa sobre reconto celular. Galicia acumula 63.208 diagnósticos e é unha das comunidades con rexistros desde 2013, cando contaron con 8.951 diagnósticos. En 2020 contabilizáronse nesta base de datos 7.127 avaliacións galegas sobre mamites. Desde 2016, data na que se inicia o proxecto I-SA (Índices de Saúde Animal) de Conafe, con datos de diferentes patoloxías, sumáronse outros proxectos como o de Africor-Lugo coa empresa Elanco para a recollida de patoloxías a través do control leiteiro e o da Asociación Frisoa de Madrid (Afridema) de 2018, para recollida de datos de saúde animal.

Cooperativa do Burgo de Negral, a experiencia da primeira gandería de leite ecolóxico de Galicia

José Manuel Vázquez, un dos 6 socios actuais da Cooperativa do Burgo de Negral No mesmo lugar que loce o nome da cooperativa, Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, pertencente ao concello de Friol pero no límite xa con Guntín e Palas, está a primeira gandería de leite ecolóxico de Galicia e unha das pioneiras tamén a nivel español.  A súa aposta pola produción certificada en base ao pastoreo das súas vacas serviu para abrir outras portas na nosa comunidade a un sector daquela, e aínda hoxe, dominado polo modelo convencional de estabulación intensiva. A súa experiencia foi desbrozando o camiño a outras granxas que seguiron os seus pasos nestas dúas décadas de produción de leite ecolóxico da cooperativa. Hoxe segue a ser unha das ganderías ecolóxicas máis grandes de Galicia, con 170 cabezas totais. "Muximos de media entre 100 e 110 vacas, cando máis no mes de abril, que podemos chegar ás 130, porque temos os partos agrupados", conta José Manuel Vázquez, un dos 6 socios actuais. 
Segue a ser unha das ganderías ecolóxicas máis grandes de Galicia, con 170 cabezas totais. Moxen de media entre 100 e 110 vacas, agás en abril, que poden chegar a 130
Coma esta, pensada para aproveitar mellor o pasto, foron moitas as novidades que Burgo de Negral introduciu en Galicia, como os cruzamentos con distintas razas, desde a montbeliard á roja sueca, pasando pola jersey, o frisón danés ou a pardo alpina. 153 hectáreas de superficie A gandería dispón de 153 hectáreas de terreo nun radio de 2,5 quilómetros. "Ao lado da nave temos 35 hectáreas, as vacas en produción están nas fincas máis próximas, entre quilómetro e quilómetro e medio de distancia. A cooperativa ten 42 hectáreas e o resto da superficie é propiedade dos socios e temos alugadas entre 30 e 40 hectáreas, unha parte é monte comunal da parroquia", conta José Manuel. 
Durante un tempo producimos o leite sen ensilado e a nosa idea era poñer un secadeiro de herba coma o que teñen as granxas ecolóxicas en países como Francia, Austria ou Suíza, pero finalmente non se levou a cabo
Na primavera as vacas de Burgo de Negral pacen día e noite e o resto do ano un mínimo de seis horas diarias. "As xovencas grandes e as vacas secas están sempre fóra, agás as tres semanas máis duras do inverno. As vacas en produción tamén saen todos os días, agás que non haxa pasto ou chova moito e estea o terreo encharcado, que entón pode haber algún día no que non saian", explica.  As vacas en produción pacen día e noite só na primavera, mentras as xovencas e as vacas secas están sempre fóra 200 gramos de penso A base da alimentación do gando é o pasto pero nesta zona non aguanta todo o ano. "Estamos a 500 metros de altitude e o chan é de pizarra. No verán afecta a seca e no inverno encharca e se van as vacas destrozan as pradeiras", explica. Por iso, a maiores do que as vacas pacen, suplementan cunha ración en pesebre a base de silo de herba, alfalfa e concentrado e que vai variando nas súas proporcións en función do pasto que haxa en cada momento. 
A cantidade de concentrado varía en función do pasto dispoñible, situándose entre os 150 e os 300 gramos por vaca e día
En función do pasto dispoñible e da súa composición van xogando cos aportes de concentrado que reciben as vacas. "Damos 200 gramos de media, cando hai máis pasto baixa diso e cando hai menos que pacer pode subir a até 250 ou 300 gramos diarios. A idea é que o penso sexa unha golosina, pero nas recén paridas é difícil que manteñan un estado de carnes aceptable sen concentrado", recoñece José Manuel. 
A produción media é de 26 litros na primavera e 20 cara ao final do verán
Esa cifra dos 200 gramos é a media de todo o ano contando o conxunto da cabana gandeira, porque neses 200 gramos entra a totalidade do penso que merca a cooperativa. "No cómputo das vacas de leite meto todo o penso que compro na granxa, tamén o das becerras e as xovencas", aclara José Manuel.   Ás vacas secas, que están sempre fóra, lévanlles a ración ao prado, formulada a base de silo de herba e tamén algo de concentrado, pero sen alfalfa, mentres que a recría unha vez destetada sae adiante co pasto, herba seca e algo de penso.  Pradeiras co 50% de leguminosas Fan silo de herba e herba seca para suplementar o pasto nos periodos de escaseza O coidado das pradeiras é a base fundamental dunha explotación como Burgo de Negral. "Buscamos que a porcentaxe de leguminosas sexa do 50%. Cando vemos que a relación do trevo co resto das herbas baixa diso renovamos. Iso pode suceder aos 4 ou 5 anos de sementar", explica José Manuel. Están tentando aumentar a durabilidade das pradeiras para non roturar tanto as fincas, que sementan cunha mestura de trevo, raigrás, festuca e datilo. "Unhas aguantan e outras non, sempre as hai que se van impoñendo", di. Malia que é unha zona na que afecta a seca no verán, polo tipo de chan e por estar a 500 metros de altitude sobre o nivel do mar, logran que os prados aguanten máis tempo verdes ao encalar e abonar con purín e esterco a base de palla. 
Agás a sementeira das pradeiras, o ensilado e recoller a herba seca, que contratan cunha empresa externa, o resto dos traballos agrícolas fanos eles
Agás a sementeira das pradeiras, o ensilado e recoller a herba seca, que contratan cunha empresa externa, o resto dos traballos agrícolas fanos eles. Este ano botaron ademais 20 hectáreas a millo e a sorgo por mor da climatoloxía. "Tiñamos a terra preparada na primavera para renovar pero choveu e non puidemos facer a pradeira, así que para non tela baleira botamos o millo e o sorgo, pero a nosa idea non é seguir con eses cultivos", aclara.   21 anos entregando o leite á mesma empresa Martín, un dos fillos de José Manuel, na sala de muxido, que é a mesma desde que se pasaron a ecolóxico en 1999 Durante moitos anos Lactalis foi a única empresa que recollía leite ecolóxico en Galicia. A irrupción no último lustro de Leche Celta no mercado serviu para incrementar os prezos en orixe e animar a numerosas explotacións galegas a dar o paso da conversión cara a certificación ecolóxica. 
O sector do leite ecolóxico viviu un boom fai un par de anos coa irrupción de Leche Celta no mercado pero Burgo de Negral mantívose fiel a Lactalis
Pero Burgo de Negral seguiu entregando á mesma empresa que comezou a recollerlle o leite aló polo ano 1999. Como premio a esa fidelidade, José Manuel protagonizou fai un ano un vídeo co que a empresa francesa vinculada á familia Besnier, a que máis produción absorbe en Galicia, tamén en convencional, celebraba os seus 20 anos recollendo leite ecolóxico en España.  Produción estacional O ano pasado, dúas décadas despois, a cooperativa entregou a Lactalis 900.000 litros de leite, sendo a produción media diaria de 26 litros por vaca na primavera e 20 cara ao final do verán, o que lles reporta un promedio por lactación de 7.300 litros. As calidades tamén varían, situándose en valores que se moven arredor do 4% de graxa e o 3,40% de proteína nos meses de inverno e baixa até o 3,60% de graxa e o 3,15% de proteína na primavera. En conxunto, a media dos últimos 12 meses foi nesta explotación dun 3,83% de graxa e un 3,25% de proteína, 8,72 de extracto seco, 23 de bacterioloxía e 206.000 células somáticas.  
Inseminan só 5 meses no ano (abril, maio, xuño, novembro e decembro) para ter os partos agrupados e aproveitar mellor o pasto da primavera e o outono
Teñen os partos agrupados para aproveitar mellor o pasto e, por iso, a súa produción é moi estacional. "En maio damos 90.000 litros ao mes e, sen embargo, cara no mes de setembro poden ser menos da metade, uns 40.000. Hai moita diferenza ao termos os partos agrupados", di José Manuel.  Inseminan só 5 meses ao ano pero en dúas épocas diferentes: na primavera en abril, maio e xuño e en outono nos meses de novembro e decembro. Teñen tamén un touro, que anda no medio das vacas durante o mes de xullo para asegurar a reprodución naquelas que non quedaron preñadas. "O touro metémolo durante tres semanas de xullo para as que non lles ves o celo, porque en ecolóxico non podes axudar con hormonas", indica.  18 anos facendo cruzamentos A cabana é do máis variada aínda que actualmente apostan polos cruces de frisona, roja sueca e montbeliard Burgo de Negral ten unha moi boa taxa de fertilidade que se nota nos índices reprodutivos. "Andamos nunha media de 1,2 pajuelas por vaca preñada e 430 días entre parto e parto, tendo en conta que en xuño paramos de inseminar e as que non quedaron preñadas esperan a mediados de novembro, que é cando retomamos as inseminacións, polo que ese parón distorsiona os datos", explica José Manuel.  Parte da culpa da boa fertilidade da granxa téñena os cruzamentos, polos que apostaron case desde o comezo. "Levamos 18 anos facendo cruces. Fixen experimentos con pardo alpino e jersey, empecei con jersey coa idea de muxir só unha vez ao día, pero agora apostamos por frisón, rojo sueco e montbeliard, que son os que mellor funcionan", di. 
Seguen o sistema Procross de cruzamentos alternando tres razas: frisón, rojo sueco e montbeliard
"Insemino coa raza que queda máis lonxe e vou rotando. Así nunca tes problemas de consanguinidade, é unha das cousas que solucionas con este sistema, pero non merco un touro calquera, escollo os mellores de cada raza tratando de potenciar os aspectos positivos e de marxinar os negativos de cada unha. Por exemplo, en rojo sueco escollo sempre touros que non teñan muxido lento. De media vimos gastando uns 15 euros por dose", explica. Logo de levar 18 anos facendo cruzamentos, toda a cabana é híbrida e a totalidade do gando pasou xa polas tres razas. Son eses animais trihibridos os que José Manuel considera que mellor funcionan nunha gandería, ao tratarse de vacas moi equilibradas ás que cada unha das razas aporta diferentes aspectos positivos.  Inseminan con jersey as primeirizas Ademais das tres razas que van rotando nas vacas, traballan cunha cuarta que usan só nas primeirizas. Para ese primeiro parto inseminan case sempre as xovencas con jersey, aínda que de vez en cando empregan tamén algún touro asturiano das montañas ou cacheno, pero mantendo sempre a premisa da facilidade de parto. "Aquí ninguén atende os partos, as xovencas teñen que parir soas, por iso lles poñemos sempre touros con facilidade de parto porque chéganos só con recriar das vacas", explican. 
Hoxe facer cruces de distintas razas nas vacas vese como algo normal, pero cando empezamos nós era algo absolutamente inusual
Sen embargo, nas vacas adultas empregan unicamente as rotacións de tres razas: frisón, rojo sueco e montbeliard. "Con 4 sangues habería moita variabilidade, esa é unha moda perigosa porque ás veces sáeche algo moi diferente ao que buscas ou persegues realmente", considera José Manuel. "Nós mantemos en hibridación 5 ou 6 sangues, pero controladas e seleccionadas por individuo", matiza.  Burgo de Negral comezou poñendo jersey fai xa máis dunha década. "A intención era muxir só unha vez ao día, pero a baixada de produción que tivemos foi moi importante, cun 30% menos de litros cada día, polo que volvimos ás dúas muxiduras. Pero non descartamos volver a implantar o monoordeño. Esa baixada de produción por vaca eu pensaba compensala cun maior número de vacas", conta. Excedentarios en recría A taxa de preñez nesta gandería está moi por enriba da media de todas as explotacións da provincia de Lugo, incluíndo as convencionais, o mesmo que a taxa de eliminación é moi inferior. "A media das nosas vacas son 5,2 partos", detalla José Manuel.  Isto supón que son excedentarios en recría, ao sobrarlles as xovencas que saen cada ano para cubrir o reemprazo necesario na granxa. "Cando acontece iso que facemos é vender vacas, nunca vendemos das xovencas nin poñemos carne ás vacas, o que se fai sempre é vender vacas das problemáticas. Tiñamos bastante incidencia de mamite de ubre e como os tratamentos en ecolóxico son limitados optamos por facer descartes neses animais", conta.
Tiñamos bastante incidencia de mamite de ubre e como os tratamentos en ecolóxico son limitados cando nos sobran xovencas facemos descartes deses animais
Até os 6 ou 7 meses manteñen dentro a recría, primeiro en boxes individuais e logo en lotes compartidos. "Ás becerras dámoslles dúas tomas de leite diarias até os dous meses, con dous litros en cada toma, pola mañá e pola noite, logo pasamos a unha soa toma diaria con 4 litros até que cumpren 4 meses, que é cando destetamos e pasan a comer penso e herba seca dous meses máis", explica. A partir dos 6 ou 7 meses as xatas empezan a saír ao pasto durante o día e volven durmir ao establo pola noite. "Unha vez habituadas xa van para fóra, para aquelas parcelas máis marxinais até que se achegan ao momento do parto. Veñen parindo aos 27 meses, pero non é por problemas de fertilidade, porque a reprodución é algo que nos funciona moi ben e as xatas empreñánnos practicamente con unha soa dose pero non apuramos a inseminación e se cadra o parón do verán polo medio eses prazos alónganse", indica.   

O rompexeos do leite ecolóxico galego

A experiencia da Cooperativa do Burgo de Negral e as prácticas que José Manuel foi aplicando na explotación nestas dúas décadas de produción ecolóxica foron un rompexeos que abriu camiño a outras granxas galegas de leite en ecolóxico, como Casa Grande de Xanceda, a segunda en certificarse na nosa comunidade e que seguiu os pasos de Burgo de Negral para facelo. A súa aposta deixou tamén pegada na zona, en ganderías que nesa mesma época se pasaron ao ecolóxico, como Gandería A Cernada ou Arqueixal. O mérito de Burgo de Negral é aínda maior se se ten en conta que se trataba no seu momento dunha das cooperativas con maior produción de leite de Galicia, con 220 cabezas xa a finais dos anos noventa, e que contaba cunhas instalacións modernas e preparadas para a produción intensiva convencional, o sistema no que estiveron desde o ano 1991 ao 1999.
Burgo de Negral pasou dunha produción intensiva e sen pastoreo con 220 cabezas ao modelo ecolóxico no ano 1999
Pero aínda así a querencia de José Manuel por un modelo diferente logrou saír adiante. "Sempre me tirou este outro sistema", conta. E foi quen de convencer ao resto de socios para sair do sistema imperante na maioría de unións parroquiais de gandeiros que, como a súa, se estaban a producir en Galicia, para adoptar uns métodos nunca vistos na produción moderna que se aveciñaba na nosa comunidade. "A miña referencia era unha subscrición a unha revista de produción de leite francesa, por aquí non había para quen mirar e a Administración desincentivaba os cambios", lembra José Manuel.   A unión de 8 veciños Corría o ano 1987 cando 8 veciños do Burgo de Negral decidiron xuntarse para superar deste xeito as limitacións dunha produción minifundista a pequena escala. "Empezamos a xuntarnos aquel ano e tralo papeleo de constituirnos empezamos a facer as obras do establo. O proxecto era para 200 vacas xa en pastoreo e o 1 de xaneiro de 1990 entraron aquí os animais. Pero un ano despois xa deixaramos o pastoreo, meteuse carro mesturador e comezamos a producir en intensivo. Non había parcelaria e era a inercia que había naquel momento. No ano 95 fíxose a parcelaria na parroquia e no 99 tiñamos unha produción moi por enriba da cota que tiñamos asignada. Outras granxas parecidas á nosa a solución que adoptaron foi comprar cuota, nós apostamos por unha fórmula distinta para resolver aquel problema. Lactalis comezou entón a comercializar leite ecolóxico, metímonos e até hoxe", resume José Manuel. 
No ano 1999 tiñamos unha produción moi por enriba da cota que tiñamos asignada. Outras granxas parecidas á nosa a solución que adoptaron foi comprar cuota, nós apostamos por unha fórmula distinta para resolver aquel problema
Daqueles 8 socios iniciais dous decidiron vender a súa participación á cooperativa cando se xubilaron e noutro caso seguiron os herdeiros tralo falecemento doutro dos socios. Na actualidade a cooperativa está formada por seis persoas, das que tres traballan tamén na explotación (José Manuel, José Antonio Folgueira e Rubén Villamor), que conta ademais con dous empregados a maiores.  Consensuar as decisións Entre os fundadores da cooperativa estaba o pai de José Manuel, que estudou Veterinaria e é quen se encarga hoxe da parte clínica e de reprodución da granxa. "Cando se xubilou o meu pai seguín eu", conta. Hoxe el ten dous fillos que, aínda que se adican a outras actividades, tamén botan unha man na explotación cando fai falla. A fórmula que mantén a Cooperativa do Burgo de Negral obriga a consensuar a toma de decisións. "Cando fas cambios ou probas cousas novas ás veces son decisións complicadas, porque estás xogando cos cartos de todos, e obrígate a meditalas ben", di José Manuel.   Ser pioneiro en moitas decisións supón non contar moitas veces con referentes. "Hoxe o cruce de distintas razas nas vacas vese como algo normal e aplícase xa en moitas ganderías, pero no momento no que nós empezamos cos cruzamentos, fai 18 anos, era insólito, unha aventura", exemplifica.
É unha das poucas ganderías ecolóxicas que está no Control Leiteiro
"Tiñamos problemas até para dar de alta o gando porque para o programa de saneamento da Xunta cruzado quería decir de carne e non se entendía que estivesemos producindo leite con gando cruzado. Mesmo tivemos que deixar o control leiteiro, porque só nos quedaban 10 ou 12 frisonas puras e as cruzadas non nolas querían controlar; despois déronlle unha volta a iso e agora contrólanas a todas, pero durante un tempo non. Eses datos do Control Leiteiro a min axúdanme a tomar decisións, porque tes datos individuais das túas vacas e podes ademais facer comparativas co resto de ganderías e coa media de toda a provincia", defende José Manuel.    Impedimentos para ampliar A esterqueira non lles chega e non lles deixaron facer outra por estaren preto do Camiño de Santiago As instalacións da cooperativa, construídas en 1990, atópanse a carón mesmo do Camiño Primitivo e o paso da ruta xacobea é a día de hoxe un hándicap importante para esta explotación, que se atopa con moitos problemas para facer obras coas que ir modernizando e ampliando as súas naves, para poder deste xeito adaptalas ás necesidades actuais. 
Facíanos falla unha esterqueira máis grande pero non nola autorizaron ao pasar o Camiño de Santiago e facela lonxe do establo e andar carrexando o esterco a diario non ten sentido
"Inicialmente tiñamos cubículos e tiráranse no seu momento para facer cama libre de palla pero este ano tivemos que volver aos cubículos polas dificultades que tiñamos para o manexo do esterco. Facíanos falla unha esterqueira máis grande pero non nola autorizaron ao pasar o Camiño de Santiago e facela lonxe do establo non ten sentido, porque implica ter que andar transportando o esterco todos os días", explican.  Mellora na xestión dos residuos Engaden ao xurro microorganismos que axudan a desfacer o purín A xestión de residuos como o xurro ou o esterco é un dos factores clave aos que se enfrontan as explotacións de cara aos vindeiros anos para reducir a súa pegada de carbono e cumprir coas novas esixencias medioambientais marcadas por Bruxelas. En Burgo de Negral comezaron a empregar microorganismos que descompoñen o purín para mellorar a súa xestión do xurro. É unha solución ecolóxica aportada pola empresa galega Bioprana que consiste na pulverización dos corredores cun cóctel de bacterias que axudan a desfacer os excrementos das vacas e os restos de palla ou comida, evitan a creación de costra nos pozos de purín e fan máis doada a súa distribución nos prados. No caso desta explotación de Friol, instalaron unha tubaxe cun dispensador automático na zona da cornadiza, para que as vacas leven os microorganismos nas súas patas cando van ao comedeiro e se encarguen de distribuilos polo resto do establo. Sen embargo, no pasillo dos cubículos o que fan nesta gandería é pulverizar a solución, mesturada con auga e leite, cunha sulfatadora vella enganchada a un tractor que non usaban. "No caso do esterco, nós o que facemos é remexelo coa pa de empuxe aos 5 ou 6 meses de depositalo na pila para axudarlle a cocer e despois esparexelo polas fincas en coberteira na superficie", explica José Manuel.   Cambio traumático a cubículos En xullo cambiaron de cama libre de palla a cubículos con colchoneta para reducir o esterco que xeraban Pero a modificación nas camas e a volta ao sistema de cubículos resultou ser traumática para unha parte das vacas da gandería. "Os cubículos teñen unha colchoneta de goma de 5 centímetros de espesor que amortigua e botámoslles palla por enriba para mellorar o purín e para incentivalas a ir deitarse, porque estaban acostumadas á palla, pero aínda así hai 15 ou 20 vacas que non hai maneira. Estaban acostumadas a deitarse como se estivesen no prado e aquí é distinto e aínda que os cubículos foron feitos de novo e están ben dimensionados entran mal neles. Eu sufro moitísimo vendo vacas de pé ou deitadas no pasillo, porque son vacas boas que se deterioran, así que as que non se deitan nos cubículos paseinas de novo á palla e múxoas unha vez ao día", relata José Manuel.  
Desde que puxemos os cubículos estamos producindo 600 litros de leite menos cada día con respecto ao ano pasado máis ou menos co mesmo número de vacas
A adaptación aos cubículos supuxo unha merma considerable na produción da cooperativa. "Fixemos as obras en xullo e nestes meses estamos producindo 600 litros de leite menos cada día con respecto ao ano pasado máis ou menos co mesmo número de vacas", admite. Ter feito o cambio de cama en pleno verán tampouco axudou. E menos nun establo construído fai 30 anos, con teitos de uralita e pechado polos laterais no que se notan os efectos do estrés por calor no gando. "A orientación da nave é fundamental e non foi a axeitada, xa que neste caso é norte-sur. Fíxose así para non ter que facer tanto desmonte pero o sol incide moito máis e as vacas agólpanse nas zonas máis frescas", recoñece.  O concentrado sírvellelo Avega Ao igual que son fieis a Lactalis, a industria que empezou a levarlles a produción de leite ecolóxico, os socios desta gandería tamén seguen mercando o penso á mesma empresa que comezou a subministrárllelo no seu día. "Daquela non había concentrado e Avega comezou por aquel entón co das pitas ecolóxicas e servíanos unha mestura regular de amidón e proteína", lembra José Manuel. 
Máis caro aínda é hoxe, pero daquela non había nin sequera penso ecolóxico para vacas
Burgo de Negral chegou a un acordo coa empresa con sede en Agolada do que se beneficiaban ambas partes: "eles servíannos o penso e nós entregabámoslles o leite, porque Avega facía queixo naquel momento", explica. Para iso, o leite da cooperativa de Friol non levaba ensilado naqueles anos. "A nosa idea era poñer un secadeiro de herba con aire quente pero iso non se levou finalmente a cabo e entón era difícil seguir adiante así co rabaño sen ensilar. É algo que para min é interesante, sexa ou non o leite para facer queixo. En Francia, Austria ou Suíza teñen este tipo de secadeiros nas granxas ecolóxicas, pero aquí cando o plantexamos na oficina agraria directamente ríanse de nós e non había por aquí ningunha experiencia nin ninguén que che fixese un triste cálculo diso", lamenta. 

SAT A Vereda, cara as 300 vacas en muxido con paso seguro

Manuel Sandamil, na nave de produción de SAT A Vereda, construída en 2011 e que agora van ampliar Se hai unha máxima coa que traballan en SAT A Vereda desde a súa constitución fai 9 anos é a de tratar de ser autosuficientes. Lógrano en aspectos tan importantes como o das forraxes ou o da recría, cuestións importantes para reducir custos e riscos e poder seguir medrando con seguridade de cara ao futuro. "Non te podes quedar estancado, hai que ir cos tempos, seguir mellorando e modernizándose", defende Manuel Sandamil, un dos socios desta SAT constituída por catro explotacións veciñas, tres pertencentes ao concello da Pastoriza e unha ao de Castro de Rei, na parroquia de Pacio, no lugar da Vereda, que dá nome á sociedade, onde construíron a nave de produción conxunta inaugurada en novembro de 2011. Poder cubrir as necesidades de alimentación da propia granxa e o reemprazo de animais necesario é unha garantía de cara aos novos investimentos que están a piques de afrontar, cunha ampliación da nave de produción para poder muxir 100 vacas máis, un espazo novo de preparto e a incorporación dun separador de purín e unha célula hixienizadora para poder reutilizar a fracción sólida como material para as camas. "A primeira fase logo de xuntarnos e constituír a SAT foi facer a nave nova para o gando, incluída a sala de muxido, a leitería e a zona de oficina e conseguir as fincas e a superficie necesaria para sermos autosuficientes. Agora que xa saímos dese primeiro investimento forte podemos acometer novos proxectos para ir modernizando e redimensionando a explotación", explica Manuel. Este ano, por exemplo, veñen de estrear tres silos de trincheira que remataron de facer xusto para poder ensilar neles a colleita de millo e están a piques de comezar as obras de ampliación das instalacións, algo que xa quedou previsto cando hai 9 anos construíron a nave, deixando o pasillo de alimentación nun dos laterais para agora poder desdobrar e que quede no medio. Chegar ás 300 vacas en produción Vista xeral das instalacións para as vacas en produción, que están divididas en dous lotes A día de hoxe SAT A Vereda conta con 430 cabezas de gando totais, das que 220 son animais en produción neste momento. "Movénomos entre 215 e 230 vacas en muxidura ao longo do ano", contan, pero a idea trala vindeira ampliación é poder chegar nun prazo de dous anos aos 300 animais en produción. "Queremos ir aumentando progresivamente para chegarmos ás 300 vacas. Non vai ser de golpe, porque queremos medrar en base á nosa propia recría. Nisto tamén somos autosuficientes e polas previsións que temos consideramos que imos poder cubrir perfectamente coa nosa recría a ampliación que imos facer", engaden.
A intención é que nos chegue a recría propia para completar a ampliación nun par de anos
Para iso están a recurrir ao seme sexado, tanto en primeirizas coma nas mellores vacas. "Levamos empregando seme sexado 4 ou 5 anos, pero nos últimos dous anos intensificamos unha miguiña a súa utilización pensando precisamente en medrar. Nas xovencas poñémolo no 90% delas e nas vacas só nas mellores. Penso que sempre é mellor medrar co que un ten aínda que hoxe se o que mercas son animais de aquí as condicións sanitarias do gando son boas e non hai problema", di. Unha parte da recría, externalizada por problemas de espazo Zona de recría, que teñen repartida entre a nave principal, o antigo establo dun dos socios e o Rancho Las Nieves O importante volume de recría co que contan neste momento, que suma un total de 166 animais, fai que as instalacións para acollelas quedaran pequenas. Ao igual que fan coas vacas secas, empregan para as xatas o antigo establo dun dos socios, que complementan co envío dunha parte dos animais ao Rancho Las Nieves de Zaragoza. "Tes o espazo que tes e non podes medrar tampouco todo o que queres. A alimentación chegaríanos, pero o sitio que temos para a recría non. Agora mesmo temos en Zaragoza 22 xovencas, o que representa máis ou menos un 15% dos animais de recría totais. Dous dos socios xa as mandabamos alí antes de facer a SAT e seguimos enviando as que non nos collen aquí. O resto das xatas recriámolas nós", conta Manuel.
Comezan coa primeira dose de inseminación a partir dos 13 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos
A externalización é para esta gandería unha necesidade por razóns de espazo máis que por obter mellores resultados. "Cando empezamos quizais houbese diferenza entre as que viñan dalá e as nosas, pero hoxe non, fomos mellorando o manexo e a xenética nas nosas e agora son animais similares, mesmo na idade de parto", explica. Comezan coa primeira dose de inseminación entre os 13 e os 14 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos. "A idade de parto está nos 23 meses e medio. Antes dos 13 meses non inseminamos e a partir desa idade decidimos en función do tamaño", detallan. Para detectar os celos axúdanse de podómetros, aínda que a primeira inseminación, tanto nas xovencas como nas vacas adultas é sempre programada. Están a empregar unha media de 1,2 doses nas xatas e 3 na media das vacas e a taxa de reposición do gando na granxa é do 27%, cun promedio de 2,5 lactacións por animal cando é descartado cara ao matadoiro. Touros uniformes cos que corrixir defectos do rabaño Tan só fan a proba xenómica a aquelas xatas que eles consideran que teñen potencial Teñen asignadas a maioría das tarefas da granxa e Manuel é dos que se encarga, por exemplo, da reprodución. "Inseminamos nós case todo e o que tratamos é de ver e identificar os defectos máis importantes que temos nos animais para tratar de correxilos. O que máis valoramos nos touros son aspectos como as patas, as ubres e os caracteres de saúde, pero procuramos que sexan touros o máis uniformes posibles, touros positivos a todo aínda que non sexan moi sobresaíntes en ningunha cuestión especial", describe.
O xenotipado é unha das cuestións que queremos incrementar
SAT A Vereda traballa con varias empresas de seme, tanto estranxeiro como con Xenética Fontao. "Collemos 4 ou 5 touros distintos tanto en sexado como en convencional e facemos os acoplamentos con Africor", indica. Aínda que empezaron a xenotipar algúns animais, polo momento é só unha parte minoritaria. Sen embargo, Manuel considera que é unha ferramenta interesante para atinar na toma de decisións en materia reprodutiva e mellora xenética da granxa, polo que recoñece que é un dos aspectos nos que queren avanzar. "Permíteche ter máis seguridade cando apostas por unha xata que consideras que ten potencial e tamén descubrir animais que doutro xeito igual pasaban desapercibidos", considera. Sete postos de traballo Na explotación traballan neste momento sete persoas. Ademais dos socios (Manuel Sandamil, Jesús Villamel, José Antonio Iglesia e Manuel Iglesia) traballa tamén a media xornada Maruja Anllo, a muller de Manuel Iglesia, que fai os reforzos para muxir, e contan con outros dous empregados a tempo completo cos que se atopan moi contentos. "Poucas explotacións poden dicir coma nós que teñen dous bos empregados", asegura Sandamil, consciente de que as dificultades para atopar man de obra cualificada é un dos graves problemas actuais de moitas ganderías. A organización das labores diarias na explotación faise en función das libranzas e dos turnos para muxir, con tarefas preasignadas das que se encarga cada un. "Vimos librando un día pola semana e unha fin de semana de cada tres e logo temos 15 días de vacacións no inverno e outros 15 no verán, que distribuímos en función de como teñamos o traballo e o forte das campañas", detallan. Moxen ás sete e media da mañá e ás seis e media da tarde, sempre cun mínimo de dúas persoas. Dispoñen dunha sala de muxido traseira de 2x16 puntos e lévalles dúas horas e cuarto muxir pola mañá e dúas horas pola tarde, sen contar o tempo de lavado. Entre 34 e 36 litros de media Entregan o leite a Reny Picot desde fai anos. "Antes estabamos en Pascual pero cando pechou a planta de Outeiro de Rei e decidiu rebaixar o volume de recollida que tiña en Galicia empezamos con Reny Picot e estamos con eles desde entón. Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa, pero decidimos seguir", explica Manuel. Valoran a estabilidade que lles ofrece. "Vendo o resto do panorama estamos ben, sen moitas fluctuacións ou grandes subidas e baixadas no prezo", engade.
Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa pero decidimos seguir en Reny Picot
A produción media de SAT A Vereda sitúase entre os 34 e os 36 litros de media por vaca e día, con porcentaxes do 3,90% de graxa e do 3,30% de proteína, un reconto celular que se move entre 160.000 e 180.000 e en torno a 10 en bacterioloxía. Respectan un periodo de secado de 65 días e o destete das becerras de recría ten lugar aos 70 días.  120 hectáreas de superficie Sementan entre 80 e 85 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con raigrás Ademais do traballo na nave de produción e de atender os lotes de vacas secas ou recría que teñen repartidos nos antigos establos dos socios, tamén se encargan, na medida do posible, de facer a maior parte dos traballos agrícolas. "Menos o picado do sillo de millo e de herba e a sementeira do millo o resto facémolo nós", explica Manuel. Contan cun total de 120 hectáreas de superficie, o 90% delas nun radio de 2 quilómetros. Aínda que as catro explotacións aportaron as súas fincas, a maior parte da superficie actual é alugada, nunha zona onde o prezo pode rondar os 300 euros por hectárea. "Por aquí de momento non abunda, vai pechando algunha explotación e vai quedando algunha finca, pero non é coma noutras zonas. Pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo", argumenta Manuel.
Nesta zona as fincas están caras, páganse a uns 300 euros por hectárea, pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo
As parcelas que están máis lonxe resérvanas para facer herba seca e no resto unha parte téñenas a raigrás para facer silo de herba e noutras 80 ou 85 hectáreas, dependendo do ano, sementan millo. Este ano botaron algo menos porque tiñan reservas da colleita anterior. "Somos autosuficientes en forraxe, só mercamos algo de palla e o penso, que ogallá non houbera que comprar, porque o prezo do leite non sobe pero o resto das cousas si", lamenta. Alimentación pola tarde A composición da ración de primeirizas e multíparas varía para axustala á súa capacidade de inxesta Nesta explotación de Castro de Rei fan dúas racións distintas para as vacas en produción, que teñen en dous lotes. "Facemos unha ración para as primíparas e outra para as adultas, que non varían moito, só as adaptamos un pouco ás súas necesidades e capacidade de inxesta, que son diferentes", explican. A das primeirizas leva 31 quilos de silo de millo, 10 de silo de herba, 10 de concentrado e 0,5 quilos de palla picada. No caso das multíparas, está composta por 36 quilos de silo de millo, 13 quilos de silo de herba, 11 quilos de penso e medio quilo de palla. A maiores elaboran outras dúas racións para as vacas secas e as xovencas. Neste momento SAT A Vereda non dispón de carro mesturador propio, polo que é un servizo que ten contratado cunha empresa externa. "Tiñamos nós carro, pero fai un ano estropeouse e estivemos valorando que facer e desde entón a alimentación fáinola unha empresa de servizos", conta Manuel.
O carro vén ás 8 da tarde. Para o verán véxolle vantaxes ao feito de que veña a esa hora
A externalización dese traballo levounos a ter que mudar os horarios habituais de alimentación do gando. "Antes faciamos nós as racións pola mañá pero agora o carro vén ás 8 da tarde. Non notamos maiores consecuencias máis que o feito de que antes tiñamos unha diferenza importante en litros na muxidura de pola mañá con respecto á da noite e agora iso nivelouse máis. Para o verán é certo que lle vexo vantaxes ao feito de que veña a esa hora, porque a comida non quece nas horas centrais do día", argumenta. Cambios nas camas Empezaron con area, agora empregan carbonato con serrín e cascarilla de arroz e queren pasar a usar compost Outro dos cambios que fixeron no último ano foi no material empregado nos cubículos. "Desde o inicio, desde cando fixemos a nave no 2011, tiñamos area, pero a area é moi boa nas camas pero non tanto fóra delas e este ano cambiamos a unha mestura de carbonato cálcico con serrín e cascarilla de arroz", explica Manuel. Con todo, o cambio de material é transitorio, xa que nos plans inmediatos desta explotación está a introdución do compost como material de recheo nas camas. "Queremos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost, xa a fomos ver a Italia. Aínda que o investimento é importante, eu penso que se se pode empregar o compost nas camas logo se rendabiliza", considera.
Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite pero imos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost como material de recheo para os cubículos
A colocación do separador de purín ten un dobre obxectivo nesta gandería, por un lado tratar de reducir o custo económico de manter os cubículos e por outro avanzar no cumprimento das normativas medioambientais que se aveciñan. "A Xunta anunciou a instalación de catro plantas de tratamento, unha delas no concello da Pastoriza, pero eu penso que sempre vai saír mellor poder reutilizar o purín na propia granxa sen ter que levalo a ningún outro sitio", defende. Manuel, que xogou durante anos ao fútbol, unha afección que aínda non abandonou de todo, e é tamén piloto de ralies, non quere sen embargo riscos na súa faceta como gandeiro: "Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite", di. Pero unha vez visto o seu funcionamento están decididos a incorporar o novo sistema.

Paralízase o control leiteiro na Coruña e Pontevedra durante o tempo que dure o estado de alarma polo coronavirus

Os controladores visitan unha vez ao mes as gandarías e toman mostras de cada vaca durante o muxido As explotacións lácteas galegas quedarán sen control leiteiro durante o tempo que dure o estado de alarma motivado polo coronavirus COVID-19. Africor Coruña comunicou este luns aos seus asociados a "suspensión temporal do Control Leiteiro" ante o "agravamento da pandemia do coronavirus" e a "negativa e desconfianza dos gandeiros ós que se visitaran nas súas explotacións". En Pontevedra solicitaron xa un ERTE para o conxunto do cadro de persoal e desde Africor Lugo están buscando unha fórmula que lles permita tamén suspender o servizo co menor prexuizo posible para os traballadores. "Decidimos suspender temporalmente o Control Leiteiro desde hoxe, 23 de marzos de 2020, e até que a situación se normalice", explica o aviso colgado na páxina web de Africor Coruña e remitido ás gandarías. O parón inclúe todo o traballo de campo e de oficina, incluída a realización do control leiteiro, a extracción de mostras para xenotipos e filiacións e a venda e reparto de doses de seme. Desde Africor Coruña habilitan un teléfono para posibles dúbidas durante este periodo. É o 666 820 242. Africor Coruña acorda suspender a súa actividade cando menos durante as vindeiras tres semanas, até despois de Semana Santa, aínda que o reinicio das visitas ás granxas está condicionado polo levantamento das medidas excepcionais decretadas tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.
Africor Coruña mandou unha comunicación aos seus socios avisando da suspensión do Control Leiteiro desde este luns e até que a situación se normalice
A decisión, que inclúe a presentación dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que afecta a 29 traballadores, foi comunicada xa aos gandeiros socios na provincia da Coruña e implica que non se poderán completar os datos do control leiteiro deste mes de marzo, xa que unha parte das explotacións terían que recibir a visita dos controladores nesta derradeira semana, nin  tampouco os do vindeiro mes de abril. Á espera da aprobación do ERTE presentado Unha decisión semellante foi adoptada na provincia de Pontevedra. Rafael Méndez Guerra, presidente de Africor Pontevedra, confirmou a Campo Galego a solicitude de despedimento temporal da totalidade do cadro de persoal, un total de 15 persoas entre controladores e persoal de oficina. No seu caso están agardando a ver se o ERTE solicitado é aprobado ou non polas autoridades laborais para facer a comunicación ás explotacións, aínda que Rafael recoñece que "a maior parte dos gandeiros non quere que lle vaimos controlar estes días", o que os obrigaría a parar aínda que o Expediente de Regulación Temporal de Emprego non fose autorizado.
Moitos gandeiros conviven con persoas maiores na casa e decidiron restrinxir as visitas ás explotacións por temor á transmisión do virus
"Estamos intentando rematar o control leiteiro deste mes mentres non chega a resposta ao ERTE, a nosa intención é acabar este mes a toma de datos e despois igual hai que habilitar o mes de agosto para substituir ao de abril", explica.  Cada visita de campo dos controladores ás explotacións ten lugar cun intervalo de entre 22 e 33 días desde a anterior e no mes de agosto non se controla como consecuencia das vacacións do persoal. Un cento de traballadoresReal Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma non impide as visitas de técnicos ás explotacións, cuxo funcionamento está considerado actividade esencial e polo tanto garantida a súa continuidade. De feito, Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra mantiveron a semana pasada o traballo dos controladores e os seus desprazamentos ás granxas, pero as reticencias mostradas por unha parte dos gandeiros por temor á transmisión do virus fixo que este luns na Coruña e Pontevedra tomaran a decisión de paralizar as visitas.
O cese temporal da actividade supón o despedimento de 29 traballadores na Coruña e 15 en Pontevedra
Africor Lugo é a única das tres asociacións provinciais que continúa polo momento a prestar o servizo aínda que o seu presidente, José Carlos Vega, admite que "está claro que haberá que parar". "Non sabemos aínda que día ou de que maneira se fará, que é o que se está mirando neste momento, tratando de buscar unha fórmula na que mellor saiamos todos", explica. A situación de Africor Lugo é diferente á dos outros dous Africores, dado que é o que máis traballadores ten. A Asociación que preside José Carlos Vega e da que Ramiro Fouz é secretario executivo dálles servizo a 1.380 ganderías socias a través dun cadro de persoal de 51 empregados, segundo se recolle na súa última memoria anual publicada, a do ano 2018.
A Xunta Directiva de Africor Lugo celebrou unha xuntanza a mediados da semana pasada na que se tomou a decisión de continuar polo momento
Isto implica que pasarían do tope fixado en 50 empregados para os despedimentos por causa maior sen custo para as empresas afectadas, recollido nas medidas económicas aprobadas polo Goberno central para paliar os efectos da crise sanitaria. Até o momento Africor Lugo non mandou notificación algunha aos gandeiros e a Xunta Directiva celebrou a mediados da semana pasada unha reunión co Comité de Empresa na que se tomou a decisión de continuar polo momento realizando o control leiteiro na provincia de Lugo, aínda que José Carlos Vega considera que será inevitable parar nos vindeiros días, entre outros motivos porque "non ten sentido controlar unhas explotacións e outras non". A paralización dos controis deixaría sen traballo a case un cento de persoas en toda Galicia, encargadas da súa realización. No caso de Africor Coruña afrontarán un ERTE que afectará á totalidade dos seus 29 controladores e técnicos. No caso de Africor Pontevedra serán 15 persoas as damnificadas, aos que se sumaría o medio cento de Lugo no caso de decidiren finalmente parar tamén.

Subministro mensual de datos e información a 2.700 explotacións en toda a comunidade

Os tres Africores galegos dan servizo a un total de 2.737 gandarías: 1.380 en Lugo, 913 na provincia da Coruña, 430 en Pontevedra e 14 na provincia de Ourense, que son atendidas desde Africor Pontevedra. No seu conxunto, controlan anualmente un total de 1,8 millóns de toneladas de leite, o que equivale ao 70% do leite muxido en Galicia e ao 27% do total producido en España. As Asociacións Provinciais de Gandeiros para o Control de Rendementos (Africor) son asociacións sen ánimo de lucro que veñen realizando desde o ano 1992 o control leiteiro oficial nas distintas provincias. Os controladores visitan mensualmente todas as explotacións asociadas durante a realización do muxido, recollendo datos de produción, reprodución e mostras de leite de cada vaca, o que permite obter unha información que, unha vez procesada, é remitida ao gandeiro en informes con periodicidade mensual.
Sete de cada 10 litros de leite producidos en Galicia pasan polo Control Leiteiro
Toda esta información serve para unha mellor xestión das gandarías asociadas, tanto a nivel reprodutivo como sanitario, para o control da alimentación, a orientación sobre a mellora xenética, a recría, etc. Asimesmo, con esta información realízanse as avaliacións xenéticas oficiais a nivel nacional, que permiten valorar tanto ás vacas coma aos touros utilizados na inseminación artificial. O control leiteiro é a actividade principal desenvolvida polos Africores e ten carácter oficial, ao estar integrada no Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), entidade que coordina a realización do control leiteiro oficial en Galicia. A maiores realizan outras actividades, como o Programa de Acoplamentos, extracción de mostras para xenotipar animais, xestión de envío de datos á árbore xenealóxica ou reparto de seme.

O Ministerio recúa na proposta de delegar nos transportistas os controis sanitarios do leite

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente dá marcha atrás ao borrador de Decreto presentado en abril polo anterior Goberno e polo que se delegaba nos transportistas realizar os controis sanitarios do leite ao recollelo nas explotacións. Para diversas organizacións agrarias, como UPA, a proposta baleiraba de contido aos laboratorios interprofesionais de análise de calidade do leite, como o LIGAL, e penalizaba ás pequenas explotacións. Porén, o novo equipo que dirixe o Ministerio de Agricultura decidiu aparcar este decreto polo momento e tentar lograr un maior consenso no sector para presentar en 2019 un novo documento que permita simplificar as cargas administrativas nos controis sanitarios do leite. Así o confirma en resposta a Campo Galego Valentín Almansa, Director Xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. ¿Por que decidiu o Ministerio modificar o sistema de control de calidade sanitaria do leite cru? É certo que no primeiro borrador da proposta de modificación de normativa expúxose a eliminación dos parámetros comerciais (graxa, proteína..) e deixar só a análise dos parámetros ligados á calidade sanitaria (reconto de células somáticas, colonia de xermes e residuos de antibióticos). Sen embargo, tras unha primeira revisión deste borrador con todos os implicados decidimos manter a obrigatoriedade do seu cálculo, aínda que con obxecto de evitar duplicidades con outras bases de datos, mantense a non obrigatoriedade de comunicar estes datos na base de datos Letra Q. Para que este cambio normativo estivese publicado o máis axiña posible aproveitouse a tramitación doutro Real Decreto que afecta directamente ao sector para incluír esta modificación, o Real Decreto sobre contratación no sector lácteo. Cales serían os obxectivos? Cremos que, despois da experiencia adquirida neste eido desde que se puxo en marcha o modelo de control, cómpre levar a cabo unha revisión en profundidade, adaptándonos a novas necesidades e eliminando as duplicidades e cargas administrativas innecesarias para facelo máis eficaz. Con este obxectivo expúxose un primeiro borrador para abrir o debate e  recibir información de todos os implicados neste sistema de control sobre as súas fortalezas e debilidades. Trátase dunha proposta completamente aberta a modificacións cuxo principal obxectivo é a refundición normativa, que actualmente está espallada en varios actos lexislativos, para unha maior claridade, e a redución ao mínimo das cargas administrativas, mantendo á súa vez o control sanitario que se instaurou desde o ano 2004.
 “Na primeira metade de 2019 presentaremos outro documento para reducir ao mínimo as cargas administrativas”
Actualmente estamos a tentar refundir todas as observacións recibidas e esperamos ter un novo documento no que seguir traballando durante a primeira metade do ano 2019. Segundo o borrador do Ministerio, ¿Que cambios suporía para os actuais laboratorios interprofesionais de análises da calidade do leite? Tendo en conta que se decidiu manter a análise os parámetros de calidade, ligados aos parámetros sanitarios, non debería ter un impacto significativo sobre os laboratorios, agás a redución da carga de traballo na gravación dalgúns parámetros no sistema. Representantes dos produtores advirten de que a nova norma deixaría fóra da recollida do leite ás pequenas e medianas explotacións, que non teñen capacidade para realizar analíticas do leite in situ. ¿Que responde o Ministerio respecto diso? Valoramos as achegas recibidas neste aspecto, precisamente para evitar este impacto nas explotacións decidimos retirar a proposta da análise in situ mantendo a que leva a cabo tras a descarga da cisterna na industria láctea. ¿Prevense axudas para que o sector, e sobre todo as gandarías, se adapten á nova norma? En principio non está previsto un incremento de cargas significativo derivado da nova norma para o sector, polo que non debería ter impacto económico sobre este. Cando debería estar aprobada a nova normativa? Como xa sinalei ,estamos a realizar unha revisión en profundidade da proposta en contacto cos sectores implicados que durará o tempo que sexa necesario para acadar o mellor acordo posible para todos os implicados. O sistema actual de control de leite cumpriu os seus obxectivos nestes anos grazas á implicación tanto do sector como das administracións involucradas, por iso necesitamos que haxa un debate participativo nos próximos meses, que nos permita identificar as carencias e establecer as modificacións necesarias para facer o sistema máis eficiente, mellorando desta forma o fluxo de información en toda a cadea de control.

As 2.800 explotacións en Control Leiteiro terán prioridade nas axudas para plans de mellora e incorporacións

A Consellería do Medio Rural primará a aquelas explotacións gandeiras que conten con control leiteiro na próxima convocatoria de axudas para plans de mellora e novas incorporacións ao agro, unha petición das asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) de Galicia, agrupadas na Federación Frisona Galega (Fefriga). Así o anunciou este venres a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no marco do xantar anual organizado por estas entidades que tivo lugar en Melide e no que se entregaron os premios e distincións honoríficas por parte de Fefriga ás mellores produtoras e explotacións de Galicia. En concreto, a titular de Medio Rural explicou que as explotacións incorporadas ao control leiteiro das Africores obterán máis puntos na valoración, de forma que terán tamén máis posibilidades de recibir maiores importes. Engadiu que a incorporación das granxas ao control leiteiro é un beneficio para todo o sector, xa que redunda nunha mellora da calidade do produto e da xenética dos rabaños. Por iso, sinalou Ángeles Vázquez, a Consellería do Medio Rural apoia o traballo que realizan as africores e Fefriga mediante diferentes achegas, que ata o ano 2020 superarán os 5 millóns de euros. Así, este departamento da Xunta aporta ata un máximo de 2,6 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza frisona. Ademais, a consellería ten asinado un convenio co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) para asumir o custe das analíticas de control leiteiro, algo que tamén redunda finalmente en beneficio das africores. O acordo está subscrito para as anualidades 2017-2020 por un importe total de 1,8 millóns de euros, a razón de 455.000 euros cada ano. 2800 explotacións inscritas en Control Leiteiro Fefriga e as africores contan na actualidade con 2.800 explotacións inscritas en control leiteiro e no libro xenealóxico da raza frisona. O volume total de animais destas granxas está arredor das 290.000 cabezas. En canto a número de granxas, representan aproximadamente o 35% das que se dedican á produción de leite en Galicia, pero o volume producido ronda o 70% do total da comunidade autónoma. A explotación gandeira tipo de control leiteiro ten mais de 50 vacas en muxido e a produción diaria por animal rolda os 32 Kg. Estas gandarías resultan fundamentais para o funcionamento e viabilidade de entidades como Xenética Fontao e o LIGAL. No primeiro caso, por seren estes gandeiros os que compran a maior parte do seme producido polo centro, e no do LIGAL porque as mostras de control leiteiro axudan a consolidar unha parte importante da súa actividade.

Fefriga recupera a Escola de Xuíces Gandeiros

A Federación Frisona Galega (Fefriga), en colaboración coas asociacións provinciais de Control Leiteiro, acordou volver organizar este ano a Escola de Xuíces Gandeiros. O curso celebrarase en ganderías da provincia de A Coruña, Lugo e Pontevedra e abordará, entre outras temáticas, a morfoloxía da vaca Frisoa. Está aberto a gandeiros e técnicos do sector e prevese que se celebre os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo. En vindeiros días será publicado o programa e o impreso de inscrición que se tramitará a través da páxina web da Federación Frisona Galega.

As Africores de Galicia acordan ampliar ata 20 os controis por lactación

As Africores de Galicia decidiron na súa última reunión mensual incrementar o número de controis por lactación dos 18 actuais a 20 para axustarse á nova realidade de alongamento do período en leite, un logro que é posible grazas á mellora xenética. Así, dende Africor Lugo salientan que “cada ano increméntase a porcentaxe de vacas que teñen unha lactación por riba dos 305 días, un 63,6% das vacas que se controlan na provincia de Lugo, cun aumento do 6,4% nos últimos dez anos”. Unha tendencia que “é similar en todas as provincias galegas”, segundo informan dende Africor Coruña.
“Un 63,6% das vacas de Lugo superan os 305 días en lactación”
Con este incremento dos controis a 20 será posible ampliar a información de vacas con lactacións moi prolongadas, incluíndo un cálculo máis preciso da produción vitalícea, que antes se cortaba no control 18. A ampliación de controis foi posible grazas á colaboración da Consellería do Medio Rural, que incrementou o seu orzamento adicado ao pago de mostras de Control leiteiro. “Calcúlase que unhas 2.450 vacas por ano superan o límite dos 18 controis”, salientan dende Africor Lugo.

Medio Rural asina co Cegacol un convenio para a mellora xenética e a rendibilidade das explotacións lácteas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración cos responsables do Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol) destinado á realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona, para o período 2016-2019. O orzamento máximo establecido neste acordo é de 2,6 millóns de euros. A finalidade deste convenio é regular as condicións de cooperación entre a Xunta e o Cegacol para levar a cabo un correcto desenvolvemento das probas que determinen o rendemento do gando leiteiro daquelas explotacións que participen no Control Leiteiro Oficial e mellorar así a calidade xenética do gando vacún frisón de Galicia. Así, o devandito centro comprométese a realizar a toma de mostras e recollida de datos para o control de rendementos. Eficiencia O obxectivo do control leiteiro oficial é a valoración xenética dos reprodutores, de cara a determinar cales son mellorantes, polo que a recompilación dos datos e a súa correcta asignación aos animais inscritos no Libro Xenealóxico da Raza requiren unha alta eficiencia nos rexistros, para garantir a fiabilidade da información. Un control leiteiro eficiente é pois unha premisa básica para acadar un programa de mellora propio que implica que os produtores non dependan do material xenético importado. A maiores, mediante a subscrición deste convenio, facilítaselle tamén ás explotacións unha ferramenta fundamental na súa xestión, posto que permite ao gandeiro tomar decisións técnicas de gran importancia, como son a optimización da alimentación dos animais de acordo coa súa produción ou a eliminación de femias pouco eficientes, obtendo así un maior grado de produtividade. Isto permitiralle acadar unha mellor calidade do leite e, por conseguinte, unha maior solvencia económica e rendibilidade para a explotación. O Cegacol O Real Decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e cabrúa, ten carácter de normativa básica. Esta norma indica que a organización do control leiteiro debe estruturarse arredor de centros autonómicos de control. En Galicia, o Decreto 120/2011, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura organizativa responsable do funcionamento do control leiteiro oficial, recolle no artigo 2 que se designan ás asociacións provinciais de control de rendemento leiteiro (Africor) como Centro Galego de Control Leiteiro.