Archives

En todo o 2023 a Xunta realizou 28 inspeccións e impuxo 7 sancións por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Os contratos entre viticultores e adegas son os que máis inspecciona de oficio a Consellería A Xunta de Galicia levou a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 un total de 28 inspeccións de oficio en relación ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, 20 delas no sector do viño, 7 no sector vacún de leite e 1 no de leite cru de ovella. Ademais foron revisados un total de 250 contratos. Segundo os datos feitos públicos este mércores durante a reunión do Consello Asesor da AICA, a Comunidade Valenciana (0), Murcia (4), Navarra (11), Estremadura (12), Cantabria (13), Asturias (16), Canarias (18), Aragón (19), Baleares (20), País Vasco (20) e A Rioxa (27) levaron a cabo o ano pasado menos inspeccións de oficio que Galicia; fronte ás 44 de Cataluña, as 47 de Andalucía, as 49 de Madrid, as 73 de Castela-A Mancha ou as 324 de Castela e León. Destas inspeccións deriváronse un total de 167 sancións, das que 7 foron impostas en Galicia, todas elas ao elo da cadea que representa a industria alimentaria: 4 delas á industria cárnica bovina por non formalizar contratos por escrito, 2 ás adegas vitivinícolas polo incumprimento dos prazos de pago e 1 á industria láctea por non incluír nos contratos todos aqueles extremos que por lei han de conter. En canto ás denuncias presentadas, en todo 2023 a Xunta de Galicia tan só investigou 2 no sector da produción avícola de carne.
O 62% das denuncias presentadas ante a AICA desde a súa creación acabaron en imposición de multas
Desde a súa creación, a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura e encargado de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria coa colaboración das comunidades autónomas, recibiu un total de 210 denuncias, das que 130 acabaron en sanción. Un total de 23 destas multas corresponden ao sector lácteo, derivadas de 44 denuncias presentadas, a maior parte por produtores e organizacións de produtores. Outras 23 sancións corresponden ao sector vitivinícola, mentres a maior parte (57 en total) proceden do sector das froitas e hortalizas. Un 40% máis sancións en 2023 Ao longo do 2023, a AICA impuxo un total de 382 sancións a operadores da cadea alimentaria, o que supuxo un aumento do 40,4% en comparación co ano precedente. Case a metade delas (un 48%) corresponderon a infraccións por incumprimento de prazos de pago, sobre todo, na parte maiorista.
O ano pasado a AICA impuxo 382 sancións ao amparo da Lei da cadea alimentaria, un 40,4% máis que en 2022, ás que hai que sumar outras 167 das comunidades autónomas (+33,6%)
Tamén foron obxecto de sanción a ausencia de contratos ou a falta, nos que si se realizaron, de elementos mínimos como, por exemplo, o prezo do produto motivo de transacción. As modificacións unilaterais non pactadas por contrato e a destrución de valor na cadea alimentaria tamén aparecen na listaxe dos principais motivos de penalización. Por sectores, os que rexistraron máis infraccións con sanción foron o de froitas e hortalizas, que acaparou 165, seguido do vitivinícola (96), o de aceite de oliva (40), bovino (37), oliva de mesa (19) e lácteo (17). A estas sancións hai que sumar as aprobadas polos organismos autonómicos que tamén teñen competencias no control e vixilancia do cumprimento da Lei da cadea alimentaria. O ano pasado impuxeron 167 sancións, un 33,6% máis que en 2022. Estas últimas recaeron principalmente en empresas do elo da industria alimentaria.

Reparto de competencias de inspección entre o Ministerio e as comunidades autónomas

Primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano, celebrada esta semana Todas as sancións impostas no 2023 son froito dos controis de oficio da AICA e as comunidades autónomas, así como das investigacións realizadas en ambos os casos tralas denuncias recibidas por supostos incumprimentos da Lei da cadea. A AICA, en concreto, investigou durante o pasado exercicio 32 denuncias, un 39,1% máis que no 2022, e as comunidades autónomas, outras 18. O ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou durante a primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano a necesidade de que se traslade aos organismos de control e vixilancia do funcionamento da Lei da cadea alimentaria toda irregularidade comercial que se constate. Remarcou o carácter confidencial das denuncias e precisou que o ano pasado, case dous terzos das recibidas e investigadas terminaron en sanción.
A AICA vixía as relacións entre empresas de distintas comunidades e os gobernos autonómicos os contratos que se asinan dentro do seu territorio
En total, as denuncias e as actuacións de oficio durante 2023 traducíronse no control dun total de 2.371 relacións comerciais da cadea alimentaria, o que representa un 59,4% máis que nos doce meses anteriores, segundo o Informe da actividade inspectora e de control de AICA no ámbito da cadea alimentaria en 2023. A AICA ten competencia sancionadora en relacións comerciais que teñen lugar entre empresas con sedes en distintas comunidades autónomas ou nas que, por razóns de rastrexabilidade previsible do produto obxecto do contrato, exceda do ámbito autonómico. Os organismos de inspección de cada comunidade autónoma, pola súa banda, controlaron no seu territorio outras 2.871 relacións comerciais, segundo o Informe da actividade das comunidades autónomas en 2023. O ministro, durante a sesión inaugural do encontro, resaltou “o bo funcionamento de cadea alimentaria”. Descontos non acordados previamente nos contratos O ministro aproveitou para lembrar que desde o 30 de xuño de 2023 é obrigatorio inscribir no Rexistro de Contratos Alimentarios, ao que se accede a través dunha aplicación da web de AICA, os contratos alimentarios con produtores primarios e agrupación de produtores. Ao seu xuízo, o devandito rexistro converteuse xa nunha “ferramenta determinante” para o labor de inspección deste organismo.
Ao longo de 2024 priorizarase o cumprimento de contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir de descontos
O ministro tamén avanzou que ao longo de 2024 a actividade da AICA priorizará a comprobación e o cumprimento dos contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir da aplicación de descontos non acordados previamente. Tamén se dará preferencia ao control dos sectores con máis risco de que as súas liquidacións e pagos non sexan superiores ao custo efectivo de produción, así como á vixilancia de cancelación de pedidos. Cambios legais a nivel español e na UE O ministro de Agricultura confirmou ademais durante a apertura da primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano que a conversión deste organismo en axencia estatal traducirase “nunha maior estrutura, con máis medios humanos e materiais para desempeñar as súas funcións”, o que lle permitirá “reforzar significativamente a súa capacidade inspectora”. O ministerio quere dar unha resposta rápida a unha das principais preocupacións dos agricultores e gandeiros que se mobilizaron estas semanas, o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria en todos os elos, para que nas relacións comerciais, sobre todo nas que participan os agricultores e gandeiros, o prezo sexa xusto, supere o custo efectivo de produción e asegure a viabilidade económica dos operadores.
A conversión da AICA en axencia estatal dotaraa de máis persoal e medios para reforzar significativamente a súa capacidade inspectora
Luis Planas explicou que a posta en marcha da axencia estatal require da aprobación dunha norma con rango de lei, polo que o Goberno estuda na actualidade o menor percorrido temporal para a súa creación, ben a través dun texto legal ad hoc ou mediante a introdución dunha disposición adicional na futura Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. A futura Axencia Estatal de Inspección da Cadea Alimentaria manterá o acrónimo de AICA. Prevense ademais modificacións lexislativas sobre prácticas comerciais na Unión Europea. De feito, a Comisión presentou a mediados do pasado mes de decembro unha serie de propostas a medio prazo para revisar a Directiva de prácticas comerciais desleais de 2019 e o Regulamento da Organización Común de Mercados Agrarios (OCM) que, en boa medida, seguen a senda emprendida a nivel nacional en países como Francia ou España. O Executivo comunitario propuxo a instauración do Observatorio de custos de produción, marxes e prácticas comerciais, e a implementación de novas regulacións para garantir o cumprimento das prácticas comerciais a nivel transfronteirizo.
 

Aberto o prazo das axudas ás adegas para a adquisición de uva

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, mantivo este mércores un encontro nas sedes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e da DO. Monterrei con bodegueiros destas denominacións para presentarlles o préstamo que ofrece o Igape para a adquisición de uva nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas de Galicia pola vendima deste 2023. Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago aos viticultores previstos na normativa. O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende onte, 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobro da axuda ao Igape. As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases. O cálculo da axuda será a suma dos préstamos, ou de ser menor, a suma dos pagos de uva -DO e IXP- co IVE engadido.

A mellor vendima da última década

A vendima deste ano 2023 foi a máis abondosa da última década, na que se recolleron 77,3 millóns de quilos, quedando preto da mellor da historia (2011). O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria continuará hoxe con estas presentacións sobre as axudas do Igape, trasladándose ata os consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras para informar aos bodegueiros.

Primeiras ofertas de prezos da uva: 2 euros o quilo de godello na DO. Monterrei

Dentro dunhas 2 semanas está previsto que comece a vendima en Galicia e xa comezan a transcender as primeiras ofertas de prezos da uva. Segundo informa o xornal Diario do Támega a adega Tapias de Mariñán, unha das de maior tamaño da Denominación de Orixe Monterrei, notificou na reunión anual cos seus viticultores provedores que o prezo de compra será de 2euros/kg este ano para a uva godello. Desta forma márcase unha nova marca no prezo que pagará pola uva godello.

Xa é obrigatorio para industrias alimentarias e produtores usar o Rexistro de Contratos Alimentarios: Claves para utilizalo

O 20 de decembro de 2022 aprobouse o Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o Rexistro de Contratos Alimentarios en España. Trátase dun rexistro dixital no que deben inscribirse obrigatoriamente aqueles contratos alimentarios que subscriban as empresas cos produtores primarios e as agrupacións destes, e as súas modificacións, antes da entrega do produto obxecto do contrato (leite, carne, uva…etc).

Aínda que xa é posible subir documentos a ese rexistro, é desde o pasado venres, do 30 de xuño, cando é obrigatorio que os compradores de materias primas usen este Rexistro de Contratos Alimentarios, coa carga de traballo administrativo que iso vai implicar.

O non cumprimento desta normativa implicará importantes sancións de entre 3.000 e 1.000.000 de euros. “Existe unha gran preocupación e incerteza por parte de moitas empresas produtoras e comercializadoras, especialmente aquelas que moven volumes importantes, xa que, coa nova normativa, cada vez que realicen calquera compra aos seus provedores terán que cumprimentar o contrato ou adenda correspondente, realizar a sinatura dixital e subilo ao Rexistro de Contratos Alimentarios da AICA, o cal podería consumir moito tempo e retardar significativamente o negocio”, conta Daniel Cerqueiro, CEO de Docuten Tech, unha empresa galega que ofrece solucións a industrias agroalimentarias e produtores para cumprir dunha forma sinxela, eficaz e rápida con esta nova obrigación legal.

“Esta tarefa pode reducirse a segundos grazas a Docuten”

Así, Daniel destaca que “esta nova normativa fará que as xestións administrativas limiten o ritmo das operacións destas compañías, que é o realmente importante. Afortunadamente, esta tarefa, que levará aproximadamente uns 15 minutos por cada contrato de compra se se fai de maneira manual, pode reducirse a segundos grazas a Docuten, unha solución completa que desenvolvemos con varios dos nosos clientes no sector alimentario”.

De acordo co representante deste software, con Docuten pódese automatizar o proceso, desde a sinatura dixital dos contratos e adendas até o envío automático desa documentación e modificacións ao rexistro, garantindo o cumprimento da normativa vixente. “A verdade é que estamos a recibir un gran interese por parte do sector”.

A solución: firma dixital + automatización do proceso de subida ao rexistro

O proceso de automatización comeza co contrato entre comprador e provedor. Docuten é unha ferramenta que permite enviar os contratos e asinalos dixitalmente por ambas as partes, comprador e provedor, de forma totalmente legal e segura.

“As empresas do sector deben ter en conta que a propia Lei da Cadea Alimentaria indica unha serie de campos que deben estar incluídos, de forma obrigatoria, nos contratos cos provedores. En caso de facelo de maneira física, en papel, é complexo asegurar que eses campos serán cumprimentados polos provedores antes de ser asinados e rexistrados na AICA. En Docuten, contamos cun sistema de plantillas que favorece que eses campos sempre sexan cubertos correctamente, a través da creación de contratos tipo editables e a validación dos campos obrigatorios”, sostén Daniel Cerqueiro.

“Despois de que os documentos estean asinados dixitalmente, a nosa solución permitirá comunicarse automaticamente co rexistro alimentario, sen necesidade de acceder á páxina web do Rexistro Alimentario e subir os contratos un a un”, engade.

Deste xeito, “o cliente só terá que iniciar o proceso clicando nun botón da aplicación e o noso sistema realizará automaticamente estes 3 procesos”, asegura o representante deste software.

“Ademais, a normativa recolle a obrigatoriedade de conservar, durante 4 anos, non só o contrato, senón tamén a documentación relacionada, incluída a correspondencia. En Docuten, como Prestador Cualificado de Servizos de Confianza, axudamos a cumprir co anteriormente exposto, xa que podemos evidenciar as comunicacións dixitais, os anexos, así como garantir a inalterabilidade do documento asinado e a súa custodia, durante 4 anos, como obriga a lei, nunha plataforma 100% segura e legal”, afirma Daniel.

Seminario o próximo día 12 en Santiago organizado con CLUSAGA

O mércores 12 de xullo, celebrarase no edificio FEUGA, en Santiago de Compostela, un seminario sobre “Como automatizar o Rexistro de Contratos alimentarios na AICA e cumprir coa lexislación vixente”.

Este evento presencial, organizado por Clusaga en colaboración con Grant Thornton e Docuten, quere aclarar as cuestións que máis preocupan ás compañías do sector respecto ao novo rexistro de contratos alimentarios.

Así, no evento informarase sobre as seguintes cuestións:

-En que consiste o novo Rexistro de Contratos Alimentarios: obrigacións e obxectivo.

– Marco legal da nova lei e obrigacións legais que teñen as empresas do sector alimentario en relación co novo rexistro alimentario.

– Solución tecnolóxica que permite dixitalizar e automatizar todo o proceso, cumprindo coas esixencias da nova lei. Desta maneira, ademais das multas correspondentes, redúcense custos e erros.

Podes inscribirte no evento nesta ligazón

Para máis información:

Daniel CerqueiroDocuten Tech S.L.,T: (+34) 655 679 169
daniel.cerqueiro@docuten.com
www.docuten.com

 

Así subiu este ano o prezo das uvas en cada unha das denominacións galegas

A boa evolución das vendas dos viños galegos, coas adegas cos stocks case esgotados, e un mercado á alza permitiron que este ano subiran os prezos das uvas nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Así consta nos datos achegados en rolda de prensa este xoves en Santiago polo sindicato Unións Agrarias, que reflicten unha suba dende o 7,7% do Ribeiro ata o 53% máis que se chegou a pagar pola uva albariño nas Rías Baixas en relación á vendima pasada. “Non había remanentes nas adegas e, en liñas xerais, había unha necesidade de uva, o que levou que malia haber unha colleita histórica, con arredor de 73 millóns de quilos de uva, os prezos non foron á baixa, senón ao contrario”, destacou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. Desta forma, a importante demanda e o temor das adegas a quedar sen suficiente uva, levou a unha suba xeneralizada dos prezos, que beneficiaron a uns 10.000 viticultores galegos, a metade deles na DO. Rías Baixas. Precisamente foi nesta DO onde máis se encareceu a uva: pagouse entre un mínimo de 1,8 e un máximo de 2,3 euros o kilo, o que supón unha suba do 38 e do 52%, respectivamente, en relación ao 2020. No resto das denominacións de orixe o prezo que se pagou polas uvas incrementouse, pero bastante menos, arredor dun 12%, tal e como se reflicte na seguinte táboa:

“Seguen sen cumprirse de forma xeneralizada os contratos no sector do viño”

A nota negativa desta vendima, segundo Unións Agrarias, é o imcumprimento xeneralizado por parte das adegas galegas da Lei de Cadea Alimentaria, que obriga a que antes da vendima, estean negociados e asinados cos viticultores os contratos de compravenda de uva, cos prezos que van cobrar. “A excepción de Rías Baixas, onde este ano houbo un cumprimento alto, con arredor do 90% de contratos por escrito, debido á necesidade de uva por parte das adegas, no resto das denominacións de orixe seguiuse incumprindo a norma, con contratos meramente verbais, de forma que os viticultores entregan a uva á adega e non saben a que prezo van cobrala nin cando”, advertiu Roberto García. Neste sentido, volveu defender unha vella reivindicación de Unións Agrarias: “As múltiples axudas que a Xunta lle dá ás adegas, así como o préstamo vendima, deberían estar vinculadas a que asinen contratos homologados cos viticultores”.

A partir do 2022 será obrigatorio asinar o contrato antes da vendima

Porén, Roberto García prevé que estes incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria por parte das adegas teñan os días contados cos cambios que se veñen de aprobar no Congreso á esa norma. En concreto, Roberto García destacou tres: -Costes de produción: Á hora de calculalos haberá que ter en conta tamén a man de obra do titular ou titulares da explotación. -Prohibición á distribución de vender a perdas. -E sobre todo, que a partir da entrada en vigor desta lei, en tramite neste momento no Senado, os contratos das adegas cos viticultores non vai ser posible facelos con data a posteriori á vendima, senón que deberán estar rexistrados nunha instancia pública antes de iniciar a vendima. “A negociación colectiva de prezos no sector do viño vai ser unha realidade para a próxima vendima”, pronosticou o secretario xeral de Unións Agrarias. Ademáis de Roberto García, na rolda de prensa participaron Manuel Ángel Dopazo, presidente da Sectorial Vitivinícola de Unións Agrarias; e Carlos Basalo, secretario xeral técnico da mesma.

Unións valora positivamente o novo contrato homologado para a compra de uva

Unións Agrarias solicita a implicación da Xunta de Galicia para que o novo contrato tipo de homologación de compravenda de uva entre adegas e viticultores, que impulsou a nivel estatal a Interprofesional del Vino de España, se convirta no método habitual de relación entre produtores e adegas. A organización valora positivamente a nova ferramenta; e insta ao goberno galego a “mover ficha para conseguir que o seu uso aporte as garantías que os pequenos e medianos viticultores precisan”. UUAA entende que a posta en marcha dun novo contrato plurianual “permitirá dotar de maior estabilidade ao conxunto do sector vitivinícola”. A organización considera que a aplicación dunha relación contractual a tres anos “suporá un importante espaldarazo para os produtores de uva e permitirá avanzar cara a unha relación máis igualitaria entre estes e as adegas; evitando sorpresas así como a posible aplicación de cláusulas abusivas”. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a vincular o uso deste novo contrato tipo a liñas de axudas públicas ás adegas como as recollidas na nova “Estratexia do Viño”, así como ao despósito dos contratos asinados nun rexistro público antes do inicio da vendima. UUAA entende que “este é momento perfecto para activar o rexistro público de contratos” que a organización leva tempo reclamando. “Unha ferramenta indispensable para dotar de garantías aos produtores e evitar a sinatura de contratos en branco; así como a posibilidade de que as adegas realicen modificacións no prezo pactado ou o adapten ás súas necesidades unha vez recollida a uva”, advirten.

Máis información sobre os novos contratos para a compra de uva

O Ministerio iniciará unha campaña para comprobar os contratos no sector agrogandeiro

O secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas, presidiu este xoves o Consello Asesor da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), onde se presentou o novo Plan de Control 2016, que inclúe un Plan de Traballo específico para comprobar a existencia e contido de contratos alimentarios nos sectores agrícolas e gandeiros. O Plan de Control comprende tanto as actuacións de oficio como as investigacións derivadas das denuncias que se reciban por parte de empresas ou organizacións. Neste contexto, AICA, un organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, vai iniciar unha campaña de inspección para controlar que os contratos de compra-venda entre produtores e compradores están a asinarse. O obxectivo desta campaña é comprobar que todas as transaccións comerciais que superen os 2.500 euros queden recollidas por escrito nun contrato alimentario. Para iso, a Axencia de Información e Control Alimentarios prevé realizar máis dun milleiro de inspeccións. A AICA impuxo 28 sancións no que vai de ano No que vai de ano, a Axencia propuxo 28 sancións por incumprimentos da lei da cadea alimentaria: 7 no sector de froitas e hortalizas, 2 no sector lácteo, 10 no sector do aceite de oliva e 9 no sector do viño. Así mesmo, neste período recibíronse 32 denuncias: 17 no sector lácteo, 7 en froitas, 2 en viño, 3 en aceite de oliva, 2 en oliva e 1 en carne de polo. Sete destas 32 denuncias recibidas refírense a venda a perdas, polo que foron trasladadas ás correspondentes comunidades autónomas para a súa investigación e posible sanción, xa que entra no seu ámbito de competencia. Desde a creación de AICA enviáronse máis de 260 comunicacións aos responsables de Comercio das comunidades autónomas para que investiguen as presuntas vendas a perdas.

Unións pide que as adegas cumpran os prazos de pago aos viticultores

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, demandou este mércores en Pontevedra que as adegas cumpran este ano os contratos cos viticultores, especialmente no relativo aos prazos de pago. A Lei da Cadea Alimentaria obriga a que as compra-vendas de uva no sector vitivinícola superiores a 2.500 euros teñan un contrato por escrito, asinado antes da entrega, cun prezo determinado e que a adega pague ao viticultor, como norma xeral, nun prazo máximo de 30 días, contados a partir da última entrega de uva á adega. Establécese unha excepción para as adegas cooperativas en relación cos seus socios. Soamente poderase pagar a 60 días nas Denominacións de Orixe nas que os Consellos Reguladores teñan validación de colleita. Sen embargo, Roberto García denunciou que “o grao de cumprimento por parte das adegas en Galicia é moi deficiente, con prazos de pago que na pasada vendima chegaron aos 90 e ata os 120 días”. “É certo que é un avance con respecto ao ano que tardaban en pagar antes as adegas aos viticultores, pero séguese incumprindo a lei”, subliñou. UUAA esixe que se convoquen as mesas do viño do Ribeiro e de Rías Baixas Ante esta situación, o secretario xeral de UUAA anunciou que enviaron unha carta á conselleira de Medio Rural para que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convoque nos próximos días as mesas do viño das denominacións de orixe Ribeiro e Rías Baixas.
Roberto García: “En Rías Baixas demandamos un prezo da uva de 1,20 euros o quilo”
Neste sentido, Roberto García anunciou que “tendo en conta que as previsións de colleita de uva son dunha baixada media do 20%, que as adegas apenas teñen stock e que os gastos dos viticultores disparáronse esta campaña pola necesidade de realidade máis tratamentos antifúnxicos”, demandarán unha suba de prezos, que sitúa no caso de Rías Baixas, en 1,30 euros por quilo como prezo mínimo. “Convocaremos asembleas de viticultores para que ninguén venda por baixo dese prezo”, avanzou García. Por último, o secretario xeral de Unións Agrarias anunciou que “seremos especialmente belixerantes coas adegas que incumpren os contratos, sobre todo no relativo aos prazos de pago”.

Ata o 30% dos viticultores galegos inspeccionados por AICA venderon uva sen contrato

Ata o 30% dos viticultores galegos inspeccionados pola Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) venderon a uva nesta vendima sen contrato, unha porcentaxe superior á media española, que se situou no 20% de incumprimentos. Así o puxo de manifesto José Miguel Herrero, director da AICA, na “Xornada sobre a relación adega-viticultores coa Lei da Cadea Alimentaria”, organizada polo sindicato Unións Agrarias e que se celebrou onte na cidade de Ourense. José Miguel Herrero lembrou que desde o ano 2014 a Lei da Cadea Alimentaria obriga a que as compra-vendas de uva no sector vitivinícola superiores a 2.500 euros teñan un contrato por escrito, asinado antes da entrega, cun prezo determinado e que a adega pague ao viticultor, como norma xeral, nun prazo máximo de 30 días, contados a partir da última entrega de uva á adega. Establécese unha excepción para as adegas cooperativas en relación cos seus socios. Neste sentido, o director da AICA indicou que “fixemos en toda España 425 requirimentos a viticultores de forma proporcional ao volume de uva comercializada por cada zona vitícola e en Galicia fixéronse inspeccións nas principais zonas produtoras, sobre todo en Rías Baixas e tamén no resto de Denominacións de Orixe”. O resultado, segundo José Antonio Herrero é que “entre un 25 e un 30% dos viticultores inspeccionados en Galicia non nos entregaron os contratos, polo que imos visitar esas adegas para comprobar se incumpriron ou non a lei”. No caso de España os incumprimentos en contratos con viticultores roldan o 20%. Soamente poderase pagar a 60 días nas Denominacións de Orixe nas que os Consellos Reguladores teñan validación de colleita En canto aos prazos de pago, o director da AICA advertiu que “soamente aqueles Consellos Reguladores que teñan nos seus pregos de condicións a posibilidade de validación de colleita poden facer o dobre pago”. O dobre infesto consiste nun pago base a 30 días desde a última entrega de cada viticultor, e un pago adicional, que é un plus, cando o Consello Regulador valida esa uva e cualifícaa, amparándoa dentro da Denominación de Orixe. Desde o momento que se lle comunica ao viticultor que a uva foi amparada ou descualificada a adega ten un prazo de 30 días para pagarlle ese plus. “Se o Consello Regulador non ten a validación de uva nos seus pregos, as adegas terían que pagar as uvas a 30 días desde a última entrega de cada viticultor”, advertiu José Miguel Herrero.
“En febreiro empezarán as inspeccións ás adegas para comprobar que cumpriron os prazos de pago a viticultores”
“De momento, o Consello Regulador de Rías Baixas realizounos unha consulta e se que teñen esta posibilidade nos seus pregos, no resto dos consellos reguladores galegos non se se o teñen”, engadiu. Ademais, Ferreiro anunciou que durante os meses de febreiro e marzo a AICA empezará a realizar inspeccións, algunhas delas sorpresa, nas adegas para comprobar que cumpriron os prazos de pago cos viticultores. Sancións por incumprimento das obrigacións de contratos e de prazos de pago En canto ao sistema de penalizacións, o director da AICA explicou no seu relatorio que as sancións son de 3.000 euros para a ausencia de contrato ou as modificacións unilaterais e de 3.001 a 100.000 euros para os incumprimentos dos prazos de pago. “Pero hai que ter en conta que as sancións se multiplican en función dos contratos que non se fixeron ou das facturas que non se pagaron en prazo, polo que se unha adega non asinou un contrato con 4 viticultores terá que multiplicar a sanción de 3.000 euros por catro”, subliñou. Os representantes dos consellos reguladores critican que “se creou un problema onde non o había” A aplicación da Lei da Cadea Alimentaria no sector do viño foi analizada posteriormente nunha mesa redonda na que participaron, ademais do director da AICA, a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños; o vicepresidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, José Felicísimo Pereira Freijido, e o secretario de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González.
 Presidenta da DO Monterrei: "Hai adegas que teñen problemas para cumprir cos novos prazos de pago"
Neste sentido, a presidenta da D.O. Monterrei foi especialmente crítica coa lei “por non ter en conta as distintas realidades”, sobre todo no prazo de pago da uva. “Antes en Monterrei non había problema no prazo de pago da uva e agora si hai algunhas adegas que non poden afrontar os pagos nese prazo”, asegurou. Na mesma liña pronunciouse o represente da D.O. Ribeiro. José Felicísimo Pereira recoñeceu que “o viticultor é a parte máis débil pero habería que ver tamén a situación das adegas, porque pagar a 60 días pode ser un prazo moi curto para algunhas”. “O aconsellable -subliñou- sería que non se dilatasen os pagos da UVA ata o verán e chegar a acordos con solucións viables para viticultores e adegas”.
José Miguel Herrero: “É unha revolución no sector, pero era necesario acabar con malas prácticas moi antigas”
A este respecto, o director da AICA lembrou que “a lei da Cadea Alimentaria prohibe acordos entre as partes para ampliar os prazos de pago”. “Somos conscientes de que é unha revolución no sector, pero era necesario acabar con malas prácticas que levaban moitos anos presentes”, subliñou. Neste sentido, asegurou que “na Axencia temos as portas abertas para resolver todo tipo de dúbidas e estamos dispostos a axudar e a asesorar a adegas e viticultores en canto a modelos de contratos”. José Ramón González (UUAA): “O que falta é determinar os custos de produción da uva en cada DO” Participantes na mesa redonda Por último, o secretario de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González, advertiu de que “o que nos falta é determinar uns índices de referencia obxectivos, verificables e non manipulables para determinar canto nos custa producir a uva”. Neste sentido, defendeu “a negociación dos contratos de forma colectiva por denominación de orixe, e aínda que non fixemos un prezo, porque a lei prohíbeo, si que podemos falar de custos de produción e logo negociar coas adegas a marxe de beneficio”.