Archives

“Sen estabilidade nos prezos do leite non vai haber remuda nas explotacións”

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas centrada no lácteo. Na xuntanza, que dá continuidade á que mantiveron a semana pasada con representantes das industrias lácteas, participaron responsables de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego, da Asociación Agraria de Galicia, da Federación Rural Galega e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias. O encontro prodúcese nun momento de inquedanza no sector tras unha baixada media de 10 céntimos no prezo do lei no que vai de ano e anuncios de baixadas de entre 2 e 3 céntimos para o mes de decembro. Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural salientan que “este encontro serviu para reiterar o apoio do Goberno galego aos gandeiros -un elo que require un esforzo adicional na súa defensa” e para insistir na mensaxe trasladada a pasada semana á industria láctea: “É primordial garantir unha estabilidade en prezos para asegurar a sustentabilidade e a remuda xeracional no sector”. Neste sentido, José González destacou que nun momento de negociación de contratos, grazas á existencia de Contaláctea -a aplicación informática creada ao abeiro da Estratexia sectorial-, é posible trasladar á industria que “non pode haber baixadas de prezos, porque poríamos en perigo a rendibilidade e a competitividade do sector”. De feito, reiterou que “o maior perigo para a competitividade do sector é que non haxa gandeiros que produzan leite e por iso precisamos que as súas explotacións sexan rendibles”.

Estabilidade no tempo

Ademais, o conselleiro demandou que esa estabilidade “se manteña no tempo para ser capaces de garantir a remuda xeracional e que a medio e longo prazo sigamos tendo sector gandeiro de vacún de leite en Galicia”. A maiores, José González insistiu en trasladar que “non comprendemos nestes momentos a existencia de diferenciais de prezos” entre Galicia e outros territorios, que “non se xustifican por cuestións de calidade do produto”. Na xuntanza coas organizacións profesionais agrarias tamén se puxo sobre a mesa a demanda da Xunta, trasladada á Interprofesional Láctea (Inlac), para que poña en marcha o antes posible unha campaña publicitaria de fomento do consumo do leite con orixe España. Neste sentido, por parte da Consellería do Medio Rural xa se amosou a súa disposición a colaborar na iniciativa.

Félix Porto (Unións Agrarias): “A Xunta ten ferramentas para actuar como non dar axudas públicas a industrias lácteas que incumpren a Lei de Cadea”

Antes da reunión, Félix Porto, responsable de Gandería de Unións Agrarias, lembrou que a Xunta ten capacidade para actuar e que é o momento de facelo. “Non se pode permitir diferenza de prezos de 6 céntimos por litro entre Galicia e outras comunidades e por outra que as industrias que cometan infraccións graves á Lei de Cadea Alimentaria e con sentenzas firmes entendemos que a Xunta de Galicia non debe concederlles axudas públicas, o mesmo que a aquelas que están amparando a desigualdade dos prezos simplemente pola ubicación xeográfica da explotación”, subliñou. Como prioridade, o representante de Unións destacou que “neste momento hai que impedir por todos os medios que se produza unha nova baixada do prezo do leite en Galicia que incremente ese diferencial con outras comunidades autónomas”.

As importacións de leite e nata aumentaron un 66% no que vai de ano

Chegada dunha cisterna de leite procedente de Portugal á planta de Inleit en Teixeiro España, que importa cerca dun terzo dos produtos lácteos que se consomen no país, mantiña en maio un diferencial positivo de 8 céntimos no prezo do leite con respecto á media da UE (6 céntimos no caso de Galicia), unha situación que podería mudar nos vindeiros meses, á vista das ofertas que están a presentar as empresas que mercan leite en Galicia ás explotacións das que se subministran.  As industrias alegan abundancia de leite barato noutros países para xustificar a corrección de prezos á baixa e, no caso das empresas enfocadas a produtos industriais, como Inleit, Reny Picot, Galacteum ou Entrepinares, nula rendibilidade na coxuntura actual, transformando leite mercado nas granxas a 50 céntimos e vendido no mercado a 35. 
A situación é preocupante, o leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€
"O leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€ o quilo. A situación é preocupante porque temos un desfase moi importante con Europa e mentres iso non se corrixa hai moita incertidume e iso sempre é malo tanto para o gandeiro como para a industria", recoñece o xefe de compras dunha empresa que opera en Galicia e que apostou por renovar contratos a moi curto prazo.  Analizamos a continuación unha serie de condicionantes que están a influir na decisión das industrias de baixar o prezo ás granxas para os vindeiros meses:  1. Os produtos industriais frean a caída pero non acaban de remontar Despois dos máximos históricos acadados no verán de 2022, as cotizacións dos principais produtos industriais sufriron un descenso en picado no outono de 2022 e o inverno de 2023 que se freou nesta primavera. Pero aínda que semella que a caída tocou fondo e enceta unha pequena recuperación, os valores seguen estancados.   O prezo da manteiga tocou teito no verán do 2022, cando chegou a cotizar a 6.826€ a tonelada. Pero desde o pasado mes de outubro até este mes de xaneiro caeu a plomo, até valores de 4,600-4.800€, onde se mantén hoxe.  O mesmo lle pasou ao queixo, que chegou aos 5.234€/tn e está cotizando na actualidade a 4.000€. O leite en po, que chegou daquela aos 3.996€/tn, sitúase hoxe arredor dos 2.500€; e o soro en po, que chegou a valer 1.448€/tn, está hoxe a 638€ nos Países Baixos, 570 en Alemaña e 461 en EEUU. En canto ao leite spot en Italia está neste momento, mércase a 52,5 céntimos, case un 20% máis baixo que ás portas do verán do ano pasado e un 23,5% máis baixo que o prezo acadado no outono, cando chegou aos 68 céntimos, pero xa remontou desde niveis por baixo dos 45 céntimos marcados en abril deste ano, o que podería estar apuntando un rebote nos vindeiros meses nos valores de compra nas granxas europeas, sa que se trata dun termómetro da demanda que se usa habitualmente como referencia para anticipar a tendencia nos prezos en orixe.  2. Os excedentes dos principais países europeos seguen sen caer Aínda que se agarda unha caída de produción para o outono, como acostuma acontecer dentro do ciclo lácteo habitual, polo de agora a produción nos países do norte segue alta, con Holanda (+3,4%) e Alemaña (+2,5%) liderando o incremento, que tamén se está a dar en Dinamarca (+1%), Polonia (1,5%), Romanía (13,6%) ou Bélxica (+4,3%).  Pola contra, no lado oposto, atoparíanse as caídas de Francia (-1,9%), Irlanda (-1,3%), Italia (-1,4%) ou España (-0,7%), mentres que Portugal atópase xa en valores positivos (+0,6%).
Portugal aumentou a súa produción nos primeiros catro meses deste ano nun 0,6% mentres España perdeu un 0,7%
A rexión da Europa Central, na que se atoparía tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite e acapara 2 de cada 3 litros muxidos na UE. O incremento de produción nesta zona fixo que os excedentes lácteos se incrementaran un 4% desde xaneiro, pasando así Europa Central de producir un 30% de leite máis do consumido a un 34% na actualidade.  Esta tendencia de incremento de produción entre os países máis leiteiros de Europa repítese este ano tamén no resto das principais zonas produtoras a nivel mundial: EEUU +0,8%; México +1,8%; Nova Zelandia +2,9%; Rusia +4,3%; Bielorrusia +4,6%; Turquía +3,8%; Reino Unido +1%. Tan só Australia (-2,5%), Brasil (-1,6%) e Arxentina (-0,3%) amosan índices negativos. 3. Situación interna: a produción en España non se recupera En España, a oferta de leite segue estancada. O mercado interno segue lastrado pola caída de produción en comunidades como Castela e León, Cataluña ou Andalucía debido á seca e os altos custos de produción. O último informe FEGA publicado polo Ministerio, relativo á produción e prezos no mes de maio, indica que a produción baixou no conxunto de España (incluíndo Galicia) en 1.300 toneladas en comparación con maio do 2022, o que supón un descenso do 0,8%. En Galicia, sen embargo, as entregas subiron arredor do 0,5% en comparación con maio do 2022 (foron 1.400 toneladas máis as producidas).
Os gandeiros galegos cobraron en maio 5,5 céntimos menos polo leite que os de Asturias
En canto aos prezos, a media no conxunto de España en maio situouse de 54,3 céntimos (para un 4% de grasa e 3,30% de proteína), mentres en Galicia o prezo medio foi de 52,2. Na parte alta están novamente Asturias (57,7 céntimos), País Vasco (57), Cataluña (56,4), Castela e León (55,6) e Andalucía (55,4), mentras Galicia é das comunidades onde menos cobran os produtores, xunto con Murcia e Baleares. 4. Distorsión do mercado polo incremento das importacións de leite Importacións de produtos lácteos en toneladas nos primeiros catro meses do ano (Fonte: DataComex) No que vai de ano (xaneiro-abril) importáronse en España case 110.000 toneladas de leite e nata, 11.000 de manteiga, 73.000 toneladas de soro, e case 112.000 de queixo, segundo as estatísticas de Comercio Exterior do Goberno central. Supón un incremento considerable das entradas de produtos lácteos a respecto do mesmo período do ano pasado, xa que nos primeiros catro meses deste 2023 están chegando unha media de 33 cisternas diarias de leite e nata, fronte ás 20 que entraban pola fronteira o ano pasado.
Están a entrar pola fronteira unha media de 33 cisternas diarias
Estas entradas están motivadas polo aumento da produción láctea europea desde o mes de xaneiro. Os excedentes están a ser canalizados cara a países deficitarios coma España en forma de queixo barato fabricado en Alemaña ou Holanda e de leite líquido, procedente neste caso sobre todo de Francia e Portugal. 5. Leite barato de Europa: oportunidade para pagar máis en Galicia? A correción de prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de antelación na decalaxe. Por exemplo, o prezo medio da UE en maio situouse en 46,64 céntimos, un prezo similar ao que anticipan os novos contratos en Galicia a partir de agosto.  O diferencial de prezo existente neste momento a favor do leite e do queixo importados está tensionando o mercado interno, tanto para as queixerías como para as industrias envasadoras de leite para consumo.
A corrección dos prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de anticipación na decalaxe
Para aproveitar a coxuntura, en Galicia, algunhas empresas cambiaron a etiquetaxe das súas botellas e bricks de Orixe España a Orixe UE para poder envasar leite procedente de fóra. Pero ao mesmo tempo, o leite que chega ás fábricas galegas a un prezo máis competitivo está a permitir incrementar a conta de resultados das industrias, aumentando a marxe coa que traballan ao reduciren o prezo medio de compra da materia prima, o que daría pe a pagar máis aos gandeiros galegos polo seu leite. É o mesmo que fai CAPSA, pero á inversa, en Asturias, pagando máis o leite aos seus socios aproveitándose do leite barato que merca en Galicia. 

Onde sobra e onde falta leite en Europa?

De xaneiro a abril deste ano o conxunto da UE produciu 48,6 millóns de toneladas de leite, un 0,8% máis ca nos primeiros catro meses do ano pasado. Ese incremento deuse sobre todo en países que xa son excedentarios, como Bélxica (+10%), Holanda (+80%), Alemaña (+32%), Polonia (+31,5%) ou Dinamarca (115,8%).
A produción no conxunto da UE de xaneiro a abril foi un 0,8% superior á do mesmo período de 2022
Pola contra, a perda de produción dos países do sur de Europa no que vai deste ano, caso de Italia, España ou Grecia, fixo que se elevase aínda máis o seu grado de dependencia das importacións de leite e derivados, como países deficitarios que son a nivel de produción.  Pero máis aló dos desequilibrios no nivel de autosuficiencia por países, a propia UE, no seu conxunto, é excedentaria na produción de leite. Moxe neste momento un 17% máis leite ca precisa para cubrir a súa demanda interna e é, despois de Nova Zelandia, o segundo exportador de lácteos a China, primeiro comprador mundial e verdadeiro árbitro co comercio de produtos lácteos a nivel internacional.
A UE acabou o ano 2022 con 144,5 millóns de toneladas de leite producidas, un 17% máis do que consume
A produción láctea conxunta dos 27 países acadou en 2022 os 144,5 millóns de toneladas, 25 máis das que se consomen dentro da UE. Alemaña produce o 22% do leite da UE, Francia o 17%, Holanda o 10%, Polonia e Italia o 9% cada un, Irlanda o 6%, España o 5%, Dinamarca o 4% e Bélxica o 3%. 

O Sindicato Labrego acusa ás industrias lácteas de querer aumentar beneficios baixando o prezo do leite no campo

Acción de protesta do SLG polos baixos prezos do leite no ano 2015. / Arquivo. O Sindicato Labrego Galego rexeita as ofertas de renovación de contratos que están chegando ás granxas de leite, con propostas de prezo con baixadas importantes respecto ao que están a cobrar neste momento e iniciará accións de denuncia pública que poñan o foco nas industrias que abandeiran esta baixada, sinalando as súas marcas comerciais e informando ás persoas consumidoras para visibilizar que parte da distribución está a quedar coas marxes de beneficios. "Unha vez máis, a estratexia da industria é engordar os seus beneficios a costa de estrangular o elo máis desprotexido da cadea: as granxas. Estamos a comprobar que, independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, o que hai é unha baixada orquestrada dos prezos por parte das empresas", denuncia Xulio Fernández, coordinador do sector leiteiro no SLG. 
Unha vez máis, a estratexia da industria é engordar os seus beneficios a costa de estrangular o elo máis desprotexido da cadea: as granxas
"Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas estamos a facer un seguimento polo miúdo desta estratexia de presión operada polas industrias lácteas, a través da cal procuran aumentar inxustificadamente a súa marxe de beneficios nun contexto comercial no que non se produciron baixadas de prezo ás persoas consumidoras, nin unha baixada do consumo, nin existe un aumento da produción suficiente para influír na demanda", considera.  "Coaccións" ás granxas para que acepten a oferta presentada "Esta situación de coacción ás gandeiras e gandeiros estase agravando coa chantaxe que algunhas industrias están a realizar cos propios contratos. Lonxe de respectar a obriga vixente dende o 30 de xuño de inscribilos no rexistro de contratos na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) antes da súa entrada en vigor, están a comunicalles por escrito ás granxas que no caso de non asinar os contratos e entregar o leite asumen a aceptación automática da proposta de contrato ofertada pola industria", denuncian. O Sindicato Labrego Galego xa procedeu a denunciar esta práctica ante a AICA, dependente do Ministerio de Agricultura, xa que considera que non é un método válido para dar por aceptada a relación contractual entre produtores e industrias.  Xuntanzas cos grupos políticos ás portas das eleccións Ao longo desta semana o SLG manterá xuntanzas con representantes dos grupos políticos a fin de trasladarlles que o "desequilibrio de forzas na cadea de produción láctea está impactando unha vez máis no elo máis débil: as granxas".
A prórroga da supresión do IVE do leite está a privar de certa liquidez ás granxas
"Dende o SLG defendemos o establecemento de prezos de abaixo cara arriba, que tomen como punto de partida os custos de produción e a remuneración do traballo da base da cadea produtiva, as gandeiras e gandeiros, e que os beneficios ao longo da cadea sexan articulados, como en calquera eido profesional, en base ao respecto da normativa a aplicar. Neste caso, canto menos, a Lei da Cadea Alimentaria, que de contar coa vontade da Xunta de Galicia e o Ministerio para a súa aplicación, debería ter impedido estratexias colectivas de baixada de prezo como as que as industrias lácteas nos están a impoñer arestora", conclúe Xulio Fernández. 

"A Xunta é cómplice dos abusos das industrias lácteas"

O Sindicato Labrego Galego acusa á Xunta de "actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas". "A Xunta failles un grande favor incumprindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción, dificultando con iso o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo", argumentan.  "Logo de décadas denunciando a posición de superioridade coa que as industrias lácteas impoñen o prezo ás granxas, coas que negocian de unha en unha, a Xunta segue sen proporcionar as ferramentas e o escenario axeitado para poder desenvolver unha estratexia de negociación colectiva, como está perfectamente normalizado na práctica totalidade dos sectores laborais", insisten. "As actuais ameazas de baixadas de prezos prodúcense nun momento no que os custos de produción mantéñense altos, sen que de momento se noten baixas importantes en insumos principais como a alimentación, e nalgunhas zonas a seca condiciona a produción de forraxes", explica Xulio Rodríguez. 
As industrias están a impor unilateralmente os prezos que lles peta
"Cada vez vemos máis incumprimentos da Lei da Cadea: empresas que tratan de impoñer unilateralmente prezos abusivos mesmo por debaixo de custos de produción, empresas que non fan as ofertas no prazo que indica a Lei, contratos a curto prazo, etc", denuncia o Sindicato Labrego. Ademais, engade, "nos últimos tempos estase a ver novamente a entrada de leite e derivados lácteos de fóra, sen que a Administración sexa transparente e aclare esta situación, nin tome medidas ao respecto, no que supón outra ameaza para a supervivencia do sector".  O conselleiro, "calado e desaparecido" Xulio Rodríguez lembra que "até o de agora, nas puntuais ocasións nas que houbo subas de prezos do leite, ao conselleiro faltoulle o tempo para saír de contado afirmando que era mérito do traballo da Consellaría. Agora, na que a imposición de prezos á baixa, a entrada de leite de fóra e os flagrantes incumprimentos da Lei da Cadea condicionan o escenario a favor das Industrias, o conselleiro e a Xunta están desaparecidos, mentres a sangría de peche de granxas de leite continúa agravándose: das 6.251 que había fai un ano, xa só quedamos 5.892", detalla. "O que necesita o sector é transparencia e unha Administración que pare as baixadas de prezo e cumpra coa súa responsabilidade de facer respectar a Lei da Cadea. Pero a Xunta, lonxe de cumprir coa súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, vai na contra do obxectivo propio da mesma, introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria. É o caso, por exemplo, de Inleit, que incumpriu os contratos asinados coas explotacións e agora a Xunta vai premiala con axudas públicas", critica o SLG. 

Xa é obrigatorio para industrias alimentarias e produtores usar o Rexistro de Contratos Alimentarios: Claves para utilizalo

O 20 de decembro de 2022 aprobouse o Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o Rexistro de Contratos Alimentarios en España. Trátase dun rexistro dixital no que deben inscribirse obrigatoriamente aqueles contratos alimentarios que subscriban as empresas cos produtores primarios e as agrupacións destes, e as súas modificacións, antes da entrega do produto obxecto do contrato (leite, carne, uva…etc).

Aínda que xa é posible subir documentos a ese rexistro, é desde o pasado venres, do 30 de xuño, cando é obrigatorio que os compradores de materias primas usen este Rexistro de Contratos Alimentarios, coa carga de traballo administrativo que iso vai implicar.

O non cumprimento desta normativa implicará importantes sancións de entre 3.000 e 1.000.000 de euros. “Existe unha gran preocupación e incerteza por parte de moitas empresas produtoras e comercializadoras, especialmente aquelas que moven volumes importantes, xa que, coa nova normativa, cada vez que realicen calquera compra aos seus provedores terán que cumprimentar o contrato ou adenda correspondente, realizar a sinatura dixital e subilo ao Rexistro de Contratos Alimentarios da AICA, o cal podería consumir moito tempo e retardar significativamente o negocio”, conta Daniel Cerqueiro, CEO de Docuten Tech, unha empresa galega que ofrece solucións a industrias agroalimentarias e produtores para cumprir dunha forma sinxela, eficaz e rápida con esta nova obrigación legal.

“Esta tarefa pode reducirse a segundos grazas a Docuten”

Así, Daniel destaca que “esta nova normativa fará que as xestións administrativas limiten o ritmo das operacións destas compañías, que é o realmente importante. Afortunadamente, esta tarefa, que levará aproximadamente uns 15 minutos por cada contrato de compra se se fai de maneira manual, pode reducirse a segundos grazas a Docuten, unha solución completa que desenvolvemos con varios dos nosos clientes no sector alimentario”.

De acordo co representante deste software, con Docuten pódese automatizar o proceso, desde a sinatura dixital dos contratos e adendas até o envío automático desa documentación e modificacións ao rexistro, garantindo o cumprimento da normativa vixente. “A verdade é que estamos a recibir un gran interese por parte do sector”.

A solución: firma dixital + automatización do proceso de subida ao rexistro

O proceso de automatización comeza co contrato entre comprador e provedor. Docuten é unha ferramenta que permite enviar os contratos e asinalos dixitalmente por ambas as partes, comprador e provedor, de forma totalmente legal e segura.

“As empresas do sector deben ter en conta que a propia Lei da Cadea Alimentaria indica unha serie de campos que deben estar incluídos, de forma obrigatoria, nos contratos cos provedores. En caso de facelo de maneira física, en papel, é complexo asegurar que eses campos serán cumprimentados polos provedores antes de ser asinados e rexistrados na AICA. En Docuten, contamos cun sistema de plantillas que favorece que eses campos sempre sexan cubertos correctamente, a través da creación de contratos tipo editables e a validación dos campos obrigatorios”, sostén Daniel Cerqueiro.

“Despois de que os documentos estean asinados dixitalmente, a nosa solución permitirá comunicarse automaticamente co rexistro alimentario, sen necesidade de acceder á páxina web do Rexistro Alimentario e subir os contratos un a un”, engade.

Deste xeito, “o cliente só terá que iniciar o proceso clicando nun botón da aplicación e o noso sistema realizará automaticamente estes 3 procesos”, asegura o representante deste software.

“Ademais, a normativa recolle a obrigatoriedade de conservar, durante 4 anos, non só o contrato, senón tamén a documentación relacionada, incluída a correspondencia. En Docuten, como Prestador Cualificado de Servizos de Confianza, axudamos a cumprir co anteriormente exposto, xa que podemos evidenciar as comunicacións dixitais, os anexos, así como garantir a inalterabilidade do documento asinado e a súa custodia, durante 4 anos, como obriga a lei, nunha plataforma 100% segura e legal”, afirma Daniel.

Seminario o próximo día 12 en Santiago organizado con CLUSAGA

O mércores 12 de xullo, celebrarase no edificio FEUGA, en Santiago de Compostela, un seminario sobre “Como automatizar o Rexistro de Contratos alimentarios na AICA e cumprir coa lexislación vixente”.

Este evento presencial, organizado por Clusaga en colaboración con Grant Thornton e Docuten, quere aclarar as cuestións que máis preocupan ás compañías do sector respecto ao novo rexistro de contratos alimentarios.

Así, no evento informarase sobre as seguintes cuestións:

-En que consiste o novo Rexistro de Contratos Alimentarios: obrigacións e obxectivo.

– Marco legal da nova lei e obrigacións legais que teñen as empresas do sector alimentario en relación co novo rexistro alimentario.

– Solución tecnolóxica que permite dixitalizar e automatizar todo o proceso, cumprindo coas esixencias da nova lei. Desta maneira, ademais das multas correspondentes, redúcense custos e erros.

Podes inscribirte no evento nesta ligazón

Para máis información:

Daniel CerqueiroDocuten Tech S.L.,T: (+34) 655 679 169
daniel.cerqueiro@docuten.com
www.docuten.com

 

As empresas lácteas volven apostar por renovar contratos a curto prazo con novas baixadas

Arrinca o momento clave da renovación de contratos do leite en Galicia. A un mes para a finalización dos acordos de compra vixentes entre industrias e gandeiros, estanse a producir xa os primeiros movementos. A entrada en vigor do cambio normativo que obriga a subir os contratos ao rexistro creado pola AICA con carácter previo ao inicio da recollida obrigará a axilizar as negociacións e impedirá que a sinatura se alongue até os primeiros días de agosto, unha práctica que até agora era habitual nos momentos de renovación.  A negociación verase acelerada nas vindeiras dúas semanas pero hai algunhas industrias en Galicia que xa están comezando a asinar os primeiros contratos, con baixadas de 2 e 3 céntimos sobre as producidas no mes de maio, o que augura un prezo para os vindeiros meses de entre 45 e 50 céntimos en función da empresa. A asturiana ILAS (Reny Picot) está a ser das primeiras en asinar novos contratos coas súas granxas provedoras, unhas 450 ganderías en Galicia. Sen oferta previa, o novo contrato ten unha vixencia de dous meses (agosto e setembro) cun prezo base de 44 céntimos, máis primas por volume e calidade.
Reny Picot sitúase de novo como unha das industrias que menos paga o leite en Galicia
O grupo catalán TGT, propietario das queixerías Ferrado Verde en Santa Comba e Ruta Xacobea no Pino, tamén está a ser das primeiras en asinar contratos, con baixadas de prezo de ente 2 e 3 céntimos. As 25 ganderías ás que recolle nas comarcas de Arzúa e o Xallas recibiron un contrato para os meses de agosto e setembro a 47 céntimos máis prima por cantidade. Contratos de 2, 3 e 4 meses Para non collerse os dedos do que poida acontecer tralo verán, as empresas que están a asinar contratos de renovación están a facelo a moi curto prazo, unha das características que se repite con respecto á renovación efectuada en maio. De feito, aínda que a maioría de ofertas presentadas até o de agora cumprían co prazo mínimo legal establecido de vixencia (1 ano), agárdase que ao final os contratos que se asinen durante este mes se prolonguen, como moito, até decembro, que sería cando tocaría de novo renegociar.
As industrias prefiren negociar coas ganderías todas ao mesmo tempo e foron acompasando neste ano tanto os prazos como os prezos de renovación
As industrias prefiren facelo, ademais, todas ao mesmo tempo e foron equiparando neste ano prazos e prezos para que iso sexa así. A disparidade nas datas de renovación, en función da empresa que se tratara, deron paso a unha situación de renovación acompasada nos meses de maio e agosto por parte de todos os compradores. Tan só Nestlé segue manténdose un mes por diante da competencia, con contrato en vigor até o 31 de agosto, pero Leche Celta e Naturleite, que renovaban tradicionalmente un mes máis tarde que o resto de industrias asentadas en Galicia, foron converxendo nas datas de renovación, tocándolles tamén facelo agora en agosto, logo dun contrato actual de tan só 3 meses de duración (maio, xuño e xullo). Terceira baixada neste ano En canto aos prezos, malia que as distintas empresas negan ningún tipo de acordo entre elas, unhas e outras míranse de reollo á hora de ofertar as súas propostas, baixo o argumento de “non quedar fóra de mercado”. Todas as ofertas feitas até o da agora sitúanse por baixo dos 50 céntimos, 10 menos dos acadados no mes de decembro, o que augura unha sinatura de contratos na horquilla dos 45-50 céntimos para a segunda metade do 2023, logo de varias correccións á baixa consecutivas sufridas polas granxas: marzo, maio e agora agosto.
O prezo do leite en orixe baixou 10 céntimos desde decembro
En principio, non se agardan movementos de prezos á alza de cara aos vindeiros meses, a non ser que a produción caia no norte de Europa, o que tiraría de novo dos prezos cara arriba (de feito o leite spot en Italia xa comezou a subir), como aconteceu o ano pasado, cando en outono se deu unha situación de escaseza de oferta; pero polo momento as industrias apostan por achicar as marxes de beneficio actuais das explotacións co argumento de que hai dispoñibilidade de leite noutros países, unha situación que podería cambiar tralo verán debido, entre outros factores, á caída de prezos producida tamén a nivel europeo. Nestlé e Inleit ceden explotacións a favor do grupo Lence A falta de ver que movementos se producen trala sinatura de contratos deste mes, o resultado da renovación producida en maio deixa un panorama en canto á recollida de leite en Galicia no que o Grupo Lence gaña peso, adiantando a Larsa e converténdose neste momento na segunda empresa en volume, só por detrás de Lactalis. A multinacional francesa segue a ser a empresa que máis leite recolle en Galicia, 1,5 millóns de litros diarios (uns 550 millóns ao ano), o que representa cerca do 20% da produción total da comunidade. Lactalis precisa manter neste momento a súa recollida en Galicia para compensar a perda de 90 millóns de litros anuais da súa planta de Puleva en Granada trala marcha da cooperativa Alba Ganaderos a COVAP.
Lactalis precisa manter a súa recollida en Galicia para compensar a perda de 90 millóns de litros anuais na súa planta de Granada trala rotura coa cooperativa Alba Ganaderos
Trala compañía propiedade da familia Besnier, o grupo galego Lence, propietario das marcas Río e Leyma, sería a industria con máis capacidade de recollida, cun 11% do volume total de leite producido en Galicia, movéndose neste momento en case 900.000 litros diarios (uns 330 millóns ao ano), logo de incorporar na primavera granxas que deixou Inleit e Nestlé. No ránking de recollida en Galicia, a continuación situaríase Larsa, propiedade da cooperativa asturiana CAPSA, cuns 800.000 litros diarios, e Reny Picot, con arredor de 700.000. Leche Celta estaría en 670.000 litros , Entrepinares en 600.000 e Naturleite en 350.000. O leite líquido gaña rendibilidade Aínda que as circunstancias de cada empresa son diferentes en función da súa orientación de produto, as industrias enfocadas aos produtos industriais son as que peor o están a pasar neste momento, fronte ás que se adican ao leite líquido, tradicionalmente con menor marxe no mercado. 
O consumo e os prezos do leite e o queixo mantéñense sen apenas oscilacións nos supermercados, mentres os produtos industriais seguen sen remontar
Inleit baixou de maneira importante a súa recollida directa, na que chegou a contar con 200 explotacións, e moito do leite que a compañía hispanoamericana procesa actualmente na súa planta de Teixeiro é leite de oportunidade, ben sexan excedentes doutras empresas galegas como tamén cisternas importadas.
Inleit reduciu a recollida directa para procesar máis leite de oportunidade
No caso de Nestlé, a multinacional suíza deixou de recoller esta primavera 25.000 litros diarios á cooperativa de Ordes, que foron parar a Río e Lactalis. Eses 9 millóns de litros ao ano que mingua Nestlé supoñen arredor do 10% dos 90 millóns de litros que procesa ao ano na planta de Pontecesures.
Nestlé deixou de recoller á cooperativa de Ordes uns 25.000 litros diarios, reducindo nun 10% a capacidade produtiva da súa planta de Pontecesures
Tamén houbo cambios na cadea de aprovisionamento de Danone, que recolle o leite a unhas 60 ganderías en Galicia. A multinacional francesa non conta con planta de transformación en Galicia e o transbordo que facía en Monforte, na planta propiedade agora da chinesa Yeeper Dairy, está a facelo agora nas instalacións de Leite Río no Ceao, tras un acordo co Grupo Lence.

Repaso ás distintas ofertas presentadas, que se moven entre os 42 e os 49 céntimos

Co obxectivo de cumprir cos prazos legais establecidos no Paquete Lácteo e a normativa de contratos do sector, as distintas empresas fixeron chegar ás ganderías nas últimas semanas ofertas de renovación que se moven entre os 42 e os 49 céntimos de prezo base. É necesario matizar que se trata de ofertas, non de contratos, e que as propias industrias se encargaron de restar importancia aos documentos presentados, explicando nas explotacións que se trataba dun mero formalismo, non da proposta definitiva, que chegará nos vindeiros días.  Moitas das empresas optan nestas ofertas cun ano de duración por prezos variable, mentres que finalmente o acordo de compravenda que se asine entre granxas e industrias poderían ter cláusulas distintas. Con todo, son útiles para facerse unha composición de lugar, polo que facemos a continuación un repaso por cada unha delas: - Lactalis: oferta a un ano co 75% do leite a prezo fixo de 47 céntimos e o 25% restante ligado ao prezo do leite en po enteiro (prezo de leite equivalente), o que deixaría a media no entorno dos 45 céntimos, entre 4 e 5 menos que no contrato vixente ata o 31 de xullo. - Entrepinares: prezo base 49 céntimos (no contrato actual é de 53 céntimos) durante un ano indexado ao índice A3 da Inlac, que encadea tres meses de forte caída, sobre todo polo descenso nos 5 países europeos que se toman como referencia (Francia, Portugal, Alemaña, Países Baixos e Dinamarca). - Inleit: fixo unha proposta de renovación a un ano en maio que moitos dos seus gandeiros aceptaron, cun prezo base de 48 céntimos máis 1 céntimo por dobre AA hixiénico-sanitaria e prima por volume (1€ por cada 10.000 litros producidos ata un máximo de 3 céntimos/litro). Aínda que o contrato está tamén indexado ao índice A3, o que suporía unha baixada de 3 céntimos en maio, a empresa comunicou que non aplicará baixada algunha. Aos gandeiros que non asinaron a un ano e preferiron facelo a curto prazo, uns 70, teñen agora sobre a mesa a mesma oferta, propoñéndolles a empresa sumarse ao acordo asinando ata marzo de 2024 nesas mesmas condicións.   - Larsa: oferta a 11 meses co 70% do leite a prezo fixo pero distinto en función dos meses, empezando en agosto e setembro a 47 céntimos, subindo a 48 en outubro e novembro e a 49 en decembro, xaneiro e febreiro para volver logo baixar en marzo a 48 e de abril a xuño a 47. O 30% restante iría vinculado ao valor de mercado dos derivados lácteos (manteiga e leite desnatado en po), segundo o prezo do Observatorio europeo do mes en curso, que neste momento colocaría o prezo para ese 30% do leite en 35 céntimos. A maiores, habería unha prima por volume de ata 4,5 céntimos para granxas de máis de 3 millóns de litros. - Celta: oferta a 12 meses con dous prezos diferentes, de agosto a outubro a 45 céntimos e o resto de meses a 40 céntimos. - Naturleite: oferta a 12 meses a 45 céntimos de base e 2 céntimos de primas (0,5 por benestar, 0,5 por boas prácticas medioambientais e 1 por calidade hixiénico-sanitaria AA). - Nestlé: ten contrato en vigor até o 31 de agosto (58 céntimos en abril, 53 en maio e 51 en xuño, xullo e agosto) e presentou xa oferta de renovación de cara a setembro cun contrato a un ano no que o prezo base varía en función dos meses, cun descenso até os 38 céntimos na primavera de 2024, quedando a media de todo o ano en 41,42 céntimos. - Pascual: prezo base de 47 céntimos para as 80 ganderías que recolle en Galicia, máis prima por volume. - Lence: distintos baremos de prezo en función da produción da granxa, que van desde os 42,7 aos 46,5 céntimos.

As industrias lácteas adoptan unha postura común de baixar o leite no campo un mínimo dun 10%

O arranque da nova campaña láctea, que comeza o 1 de abril, preséntase quente. A maioría das industrias esperaron ata esta semana para comezar a presentarlle ofertas de renovación de contratos ás granxas, a penas a 10 días de que expiren os anteriores. Esas ofertas ademais chegan con malas noticias, pois o conxunto de industrias adoptou unha postura común de baixar o leite un mínimo dun 10 – 13% (5 – 8 céntimos), con casos nos que a baixada chega ós 10 céntimos. As propostas das empresas transformadoras representan unha forte baixada de ingresos para as granxas nun intre complicado, pois os custos de produción mantéñense especialmente disparados, tanto en pensos como en fertilizantes, enerxía e outras materias primas. As ganderías atópanse ademais sen marxe para buscar alternativas no mercado, pois as ofertas de renovación estanse a entregar a última hora por parte da gran maioría de industrias, con excepción de Lactalis, que é das poucas industrias que presentou unha primeira oferta con dous meses de antelación.
"Ou se prorrogan os actuais contratos dous meses máis ou as industrias teñen que recibir multas contundentes por un grave incumprimento de prazos na presentación de ofertas" (Roberto García, Unións Agrarias)
Ante este escenario, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, emprazou hoxe ó Ministerio de Agricultura e á Consellería do Medio Rural a actuar con urxencia. Dado que a normativa establece que as industrias tiñan que ter presentadas as súas ofertas a día 1 de febreiro, dous meses antes de expirar os contratos, García plantexa unha disxuntiva: ou solución negociada ou multas de ata 100.000 euros a cada industria, “como establece a lexislación vixente en materia de cadea alimentaria”. “As axencias de control alimentario, tanto a estatal como a galega, deben emprazar ás industrias a manter en vigor dous meses máis os actuais contratos, a fin de que cumprir cos prazos que establece a normativa, que sinala claramente que os contratos se teñen que presentar con dous meses de antelación e que a granxa ten 15 días para respondelos”. defende García. “Se eses contratos non se prorrogan, a única solución é impoñer as sancións correspondentes. A Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) ten xa desde febreiro escritos nosos nos que lle advertimos do incuprimento de prazos na presentación de contratos”, lembra o secretario xeral de Unións.
"Sospeitamos que as industrias teñen un acordo para baixar o prezo que pagan no campo, como xa ocurriu no pasado" (Antonio Sufuentes, gandeiro de Agromuralla)
En similar modo exprésase Agromuralla, que pediu hoxe en rolda de prensa a intervención inmediata da Aica ante os “graves incumprimentos” das industrias no proceso de renovación de contratos. “A poucos días de que venzan os contratos, as industrias non nos trouxeron aínda oferta de renovación, incumprindo o establecido pola normativa. Isto fainos sospeitar que as industrias teñen un acordo para baixar o prezo que pagan no campo, como xa ocurriu no pasado”, sinalou na rolda de prensa de Agromuralla o gandeiro Antonio Sufuentes, de Guntín (Lugo). Acusacións dun novo Cártel Lácteo “Estamos ante un novo Cártel do Leite encuberto”, coincide José Manuel Díaz, gandeiro de Láncara socio de Agromuralla, que denunciou a “total indefensión” dos produtores por non ter recibido a oferta das distintas empresas con 2 meses de antelación, como fixa a normativa. De existir este acordo tácito entre as distintas industrias, “estaríamos ante un novo Cártel Lácteo”, asegura Agromuralla, pois “este tipo de prácticas son contrarias á normativa reguladora da competencia”. A mesma visión é compartida con Unións, que sinala o feito extraño de que todas as industrias tendan a un prezo similar. “Se este escenario de baixadas similares e prezos copia uns dos outros se confirma, teremos que acudir á Comisión Nacional da Competencia”, advirte o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. “Se como argumentan as industrias, a baixada de prezos no campo se debese a motivos de mercado, xa se terían ido anunciando con tempo as ofertas das distintas empresas, pero todas agardaron a última hora para facer un mesmo movemento común”, reflexiona García. Situación de mercado A análise sobre a situación de mercado que trasladan as industrias no campo tamén é cuestionada polas organizacións agrarias. “É certo que os prezos dos produtos lácteos industriais baixaron, pero tamén hai que dicir que no supermercado mantense alto o prezo do leite líquido, que é o principal produto que condiciona o prezo do leite en España. Loxicamente, se as industrias baixan o prezo do leite no campo, as cadeas de supermercados aplicarán as correspondentes baixadas nos seus contratos coas industrias, co que estase destruíndo de novo valor na cadea do leite. Destrúese todo o que se avanzara nos últimos meses”, lamenta Roberto García.
"Se baixa o prezo no campo, baixará no supermercado, co cal se destrúe valor ó longo de toda a cadea" (Roberto García)
Outro factor que Unións considera que as industrias deberían ter en conta é a baixa produción de leite no campo. “A produción séguese mantendo baixa. Se agora caen os prezos no campo, máis que baixará a produción e pecharán máis granxas, co que as industrias atoparanse de novo no outono con que lles falta leite”, pronostican en Unións Agrarias.

Principais propostas de contratos das industrias que se coñecen ata o de agora

As propostas de contratos das industrias comezaron a chegar esta semana ás granxas a contagotas. Estos son os principais que trascenderon estos días no sector:
  • Lactalis. A última proposta de Lactalis é un contrato a 4 meses a un prezo fixo de entre 48,60 e 51,60 céntimos, en función do volume da gandería. Ese prezo inclúe primas AA e de certificación. En calidades que superen o 3,2 de proteína e o 3,7 de graxa, Lactalis paga 4 euros adicionais / tonelada a décima de graxa e 3 euros a décima de proteína.
  • Larsa. A oferta de renovación de Larsa segue a fórmula de 70% do leite a prezo fixo (51,5 céntimos) e 30% variable, ligado ó prezo de produtos lácteos industriais. Na actualidade, ese 30% estaría a 37,2 céntimos, co cal o prezo base real do litro de leite sería de 47,2 céntimos. A isto habería que engadir as primas por cantidade, con dous baremos distintos (2,5 céntimos para un millón e medio de litros anuais e 4,5 nas explotacións de máis de 3 millóns de litros), e por dobre A (1,5 céntimos por menos de 190.000 células e 25.000 xermes). O prezo final resultante, no mellor dos casos (dobre A e máis de 3 millóns de litros) situaríase en 53,6 céntimos, aínda que a maioría de explotacións, cun volumen inferior de produción, situaríase por debaixo dos 52 céntimos.
  • Inleit. Está ofrecendo dúas posiblilidades, un contrato de un ano de duración indexado ao índice A3 da Inlac, que se situaría neste momento no entorno dos 48 céntimos pero cun risco de descenso nos vindeiros meses, e outra oferta de renovación a 47 céntimos de prezo base a tres meses, máis 3 céntimos como máximo por cantidade e 1 máis por dobre A, aínda que Inleit, ao igual que Naturleite, penaliza as células e a bacterioloxía por mostra no canto de por media mensual. Ao fío desta oferta, desde Unións criticaron hoxe ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por “ir facerse a foto a Inleit” xusto nun momento en que a industria está presionando á baixa os prezos do leite e incumprindo os prazos de presentación de renovación de contratos. "Hai que lembrar que este mesmo ano Inleit xa foi sancionada pola Aica”, sinalou García.
  • Outras. Reny Picot está a facer ofertas de 49 céntimos, mentres que Danone renovou a comezos de marzo cunha baixada de 10 céntimos. No mellor dos casos unha granxa proveedora da empresa francesa estaría cobrando entre 50 e 51 céntimos. Polo que respecta ás empresas proveedoras de Mercadona asentadas en Galicia, Entrepinares e Naturleite, aínda non moveron ficha e non fixeron chegar polo momento oferta algunha aos seus gandeiros. Tampouco saíu a oferta de Pascual, a do Grupo Lence, que se espera para finais desta semana, nin a de Celta, que finaliza contratos un mes máis tarde, o 30 de abril.
Na maioría dos casos as ofertas das industrias son a curto prazo. No caso de Inleit a 3 meses e no de Lactalis e Larsa a 4 meses. Nestlé, que ten contrato en vigor ata o 31 de marzo, ofrece contratos de un mes de duración, entre 55 e 56 céntimos para abril e a 53 para maio. Prezos nas granxas con menor volume de recollida Desde Unións Agrarias advirten dun problema adicional, os baixos prezos nas granxas con menor volume de recollida, arredor de 1.500 ganderías con menos de 200.000 litros. “Pode haber ata 11 céntimos de diferenza, o que semella excesivo e pouco lóxico”, valora Roberto García. “A partir de abril, pasarían a vender por debaixo de custos, o que lle trasladaremos á Aica estatal e á axencia autonómica correspondente”, advirte.

Reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

A Consellería do Medio Rural convocou un encontro do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, un foro ó que acudiron as principais industrias lácteas, cadeas de distribución e organizacións agrarias. A reunión era agardada con expectación no sector gandeiro, pois situouse ás portas da renovación de contratos do leite no campo, pero acabou en decepción, ó constatarse que o plantexamento da reunión era só de análise de mercado, sen entrar nas cuestións candentes. Na reunión, Medio Rural presentou un informe coa xa coñecida evolución de prezos do leite no 2022, tanto no campo como nos supermercados. A Consellería subliñou o récord de facturación que acadou o leite no campo, así como as subas dos produtos lácteos no supermercado: desde decembro do 2021 o leite subiu un 39% no supermercado e os derivados lácteos (queixos e iogures) entre un 23 e un 26%. O encontro, celebrado onte xoves en Santiago, serviu tamén para que a Xunta insistise nos instrumentos da Lei de Recuperación de Terras (polígonos agroforestais, aldeas modelo, agrupacións de xestión conxunta), así como para avanzar que este ano porase en marcha o Banco de Explotacións. Ao remate do encontro, desde Unións Agrarias manifestaron a súa decepción polo que entendían como falta de contido do foro. En canto ó informe presentado pola Xunta, Unións considera que faltaba a referencia ó aumento de custos de produción, que vén afectando ás granxas xa desde o 2020-2021, moito antes de que comezase a subir o leite. “Estamos nunha situación de custos disparados que fan preciso manter os prezos do leite no campo nos novos contratos da primavera, pero a pesar de que plantexamos esta cuestión, eludiuse. Estabamos ante unha oportunidade de abordar as perspectivas para os próximos meses, xa que se trataba dunha reunión con tódolos axentes de importancia do sector, industrias lácteas, cadeas de distribución e organizacións agrarias, pero iso non sucedeu”, lamenta Óscar Pose, de Unións Agrarias.

As ganderías pequenas cobran ata 15 céntimos menos por litro de leite que as grandes

O mesmo leite, a mesma bacterioloxía, as mesmas calidades de graxa e proteína, e vendido á mesma industria láctea, pero unha granxa cobrouno o pasado mes de outubro a 44 céntimos o litro e outra gandería veciña a 59. Ata 15 céntimos de diferencia en litro que non teñen máis xustificación para a industria láctea que o tamaño da granxa. Esta é a realidade que se vive no sector lácteo de Galicia, e tamén de España, dende o mes de xuño, cando ante a baixada da produción de leite as industrias comezaron unha carreira de prezos para garantir o aprovisionamento de materia prima, pero realizando as mellores ofertas ás ganderías de maior tamaño. Así o reflicte o último informe do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Se en xaneiro deste ano a diferenza de prezo entre as ganderías máis pequenas, as do estrato 1 -de menos de 100.000 litros anuais de produción- e as de maior tamaño, as do estrato 6 -con máis de 700.000 litros- era de algo menos de 5 céntimos en litro -31,48 € por litro fronte a 36,63- no mes de outubro disparouse a 10 céntimos -44,17 euros por litro para as máis pequenas, fronte a 54,69 para as de maior tamaño- Unha diferencia que segundo Óscar Pose, responsable de Unións Agrarias para o sector lácteo, “chega ata os 15 céntimos nas ganderías de máis de 1 millón de litros, ás que as industrias lácteas lle están a pagar ata preto de 60 céntimos o litro”. Deste xeito, se ben é certo que o prezo medio do leite aumentou para todas as granxas, houbo importantes diferencias segundo o tamaño. Así, e tal como reflicten os datos do FOGGA, dende xaneiro a outubro o prezo ao que cobran o leite as ganderías máis pequenas, as dos estratos 1 e 2, incrementouse nun 40,17 e nun 42,62% respectivamente. Porén, as dos estratos 5 e 6 viron incrementados os seus prezos nun 45,88 e nun 49,30%, respectivamente. En porcentaxe non parece moito -a diferencia porcentual entre as que máis cobran e as que menos pasou dun 16% en xaneiro a un 20% en outubro- pero cuantitativamente a diferenza é moi significativa.

“É unha diferenza de prezos que non se xustifica”

“Até o de agora había unha diferencia de 3 a 4 céntimos en litro entre as granxas máis grandes e as máis pequneas, polos maiores costes de recollida para as ganderías de menor tamaño, pero o diferencial que hai neste momento non se xustifica. Así, dáse o contrasentido de que hai industrias lácteas que compránlle o leite ás ganderías que máis están cobrando por litro en Galicia e ás que menos o están cobrando, por esa carreira por asegurarse o subministro”, esegura Óscar Pose. Unha carreira na que as industrias lácteas premian ás granxas de maior tamaño, algo que pode ser entendido do punto de vista empresarial pero non socialmente, xa que penaliza o mantemento do maior número posible de ganderías, e polo tanto de poboación e de paisaxe coidada, no rural. Neste sentido, o representante de Unións Agrarias lembra que “hai que ter en conta que as ganderías dos estratos 5 e 6 concentran case o 70% da produción de leite en Galicia e o estrato 6, aínda que representa só o 15% das ganderías, supón xa o 53% da nosa produción de leite”. No mes de xaneiro as industrias empezarán a presentar as novas ofertas de contratos lácteos para o 2023 e veremos se esta tendencia se corrixe ou se mantén.

Medio Rural destaca que as ganderías cobran un 51% máis polo leite que en outubro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidirá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria.
foto xoán crespo O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria. Alí, debullou o último informe do sector lácteo e destacou que os prezos pagados a produtores de leite da comunidade incrementáronse en case un 55% desde outubro de 2021, situándose nos 53 céntimos/litro. Neste senso, Balseiros sinalou que a evolución do prezo medio do leite “é moi boa” e agarda que “o incremento siga nos vindeiros meses”. Ademais, concretou que desde decembro de 2021, o incremento deste prezo medio foi de 17,4 cts/litro de leite, é dicir, preto dun 50% máis. No tocante á produción, o director xeral sinalou que Galicia segue sendo a maior produtora de leite con 2,4 millóns de toneladas de leite entregada no 2022, o que representa o 40,75% das entregas de toda España. En canto ao impacto do prezo da enerxía e das materias primas desde decembro de 2021 supuxo unha suba dos custos dun 11,76%. Transformación industrial Durante a súa intervención, o director xeral lembrou que a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego fixa como obxectivo para 2025 transformar en Galicia o 75% do leite producido. “A realidade -destacou Balseiros- indica que no ano 2021 industrializouse na nosa comunidade o 63,23% deste produto. Así, a transformación de leite na nosa comunidade incrementouse nun 50,32% entre os anos 2016 e 2021, o que supuxo un incremento na transformación de máis de 630.000 toneladas”. Galicia vai camiño de converterse na oitava rexión produtora de leite da Unión Europea O director xeral subliñou que, dentro do contexto europeo, Galicia foi a décima rexión produtora de leite no ano 2021, con cifras moi próximas a outras rexións relevantes de Alemaña, Francia e Polonia. Neste senso, José Balseiros destacou que “a nosa comunidade mantén un crecemento constante ano tras ano na súa produción de leite, polo que de manterse esta tendencia podería chegar a situarse -a medio prazo- como a oitava rexión produtora da Unión Europea”.

Río e Lactalis aclaran que as sancións da Aica están pendentes de recurso ante o xulgado contencioso administrativo

Tras emitir Agromuralla unha nota de prensa na que aseguraba que tres industrias lácteas recibiran sancións por supostas irregularidades de contratos, Río e Lactalis saíron ó paso para aclarar que se trata de sancións que están recurridas ante o xulgado contencioso administrativo. Río ademais precisa que a sanción que recibiu foi por non ter facilitado a documentación requerida pola Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) no tempo marcado. Trátase, segundo Río, “dun mero erro administrativo”, polo que a empresa decidiu presentar un recurso ante o xulgado contencioso administrativo, estando pendente de celebración a vista o próximo mes de maio. A industria lucense nega que a sanción fose motivada, tal e como afirmou Agromuralla, porque os seus contratos non incluísen a información mínima requerida pola Ley de la Cadena Alimentaria. No caso de Lactalis, a compañía precisa que a sanción recibida, correspondente ó exercicio 2021, debeuse a unha “disparidade de criterios na interpretación da Ley de la Cadena Alimentaria”, polo que a sanción tamén foi recurrida ante o xulgado contencioso administrativo e está pendente de resolución.

Competencia propón “boa fe” para resolver as disputas sobre prezos do leite e aumento de custos

O proxecto do Ministerio de Agricultura para modificar a normativa de contratos lácteos topouse coa Comisión Nacional de Mercados e Competencia. A iniciativa ministerial busca garantir que os prezos do leite pagados no campo cubran os custos de produción das granxas, pero o proxecto do Goberno non é do gusto de Competencia, segundo se desprende dun informe elaborado polo organismo. Tócalle agora decidir ao Ministerio como sacar adiante a normativa, pois o informe de Competencia non é vinculante. No seu proxecto para modificar a normativa de contratos lácteos, Agricultura propuxo introducir novas garantías para as granxas, tanto para as gandarías que subscriben acordos a prezo fixo como para as que o fan a prezos variables. No caso de contratos a prezo fixo, o proxecto de Real Decreto marca que se durante tres meses ese prezo se sitúa por baixo de custos, a granxa ten dereito a unha revisión do contrato. De non efectuarse esa revisión, abriríase o correspondente procedemento sancionador contra a industria.
Agricultura propón que os contratos a prezos variables se referencien a índices públicos e obxectivos
En contratos con prezos variables, o Ministerio propón que a evolución do prezo se axuste a "parámetros obxectivos, verificables, facilmente identificables polas partes (") e que procederán de fontes públicas e accesibles, que deberán ser tamén especificadas no contrato". O Ministerio precisaba que "as análises e informes publicados polo Ministerio de Agricultura ou as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que no seu caso sexa achegada". Postura da Comisión Nacional da Competencia O informe de Competencia comeza sinalando que o organismo é consciente dos desequilibrios que se producen na cadea alimentaria, dada a distinta capacidade de negociación dos actores, pero é contraria ás garantías que pretende introducir o Ministerio de Agricultura para as granxas.
Competencia defende que as partes teñen que ser libres para decidir como queren marcar os prezos
En concreto, Competencia sinala "a necesidade de garantir a libre vontade de elección das partes a este respecto, tanto á hora de establecer prezos variables como de mecanismos de revisión dos prezos fixos nos contratos". Competencia non cuestiona que a información sobre custos de produción publicada polas diferentes administracións poida ser de utilidade para concretar parámetros obxectivos, pero advirte de que o regulamento europeo da Organización Común de Mercado, no seu artigo 148, permite que nos métodos de cálculo do prezo final se teñan en conta tanto indicadores públicos como "outros que consideren pertinentes" as partes.
A Comisión Nacional teme que haxa unha inflación nos prezos do leite no campo
Sobre a revisión de contratos a prezo fixo no caso de que durante tres meses os custos de produción superen ao prezo do leite, Competencia tamén se mostra contraria. A Comisión considera que esa medida pode provocar unha inflación no prezo do leite, "posto que se obriga a axustar os prezos dos contratos á alza, pero non á baixa". Competencia tamén sinala as dificultades de auditar os custos de cada gandeiro, pois é unha "información que pertence en exclusiva ao vendedor (granxa) e sobre a que este pode influír (por exemplo coas súas decisións de compra de insumos). Iso pode conducir a inseguridade xurídica entre as partes", valora Competencia. "Unha posibilidade alternativa" -completa o informe- "é que ambas as partes utilicen referencias externas para constatar aumentos nos custos de produción, pero debe terse en conta que unha variación nos prezos dos insumos non ten porque afectar na mesma medida aos custos de todos os produtores", considera. Conclusións Ante esta situación, Competencia permítese recomendar como mellor opción, tanto para os contratos a prezo fixo como a prezo variable, que industrias e gandeiros, por acordo contractual, establezan "de boa fe" as cautelas debidas para axustar os prezos (do leite) ante cambios nos prezos dos insumos (...) Iso deixaría ás partes liberdade para concretar o modo de cumprir coa obrigación legal", conclúe Competencia.

Advirten de que o posible peche da planta láctea de Outeiro de Rei compromete a ducias de gandeiros

Tegestacín, a empresa propietaria da planta láctea localizada no concello de Outeiro de Rei, está a reducir a súa actividade, cun posible peche no horizonte ao longo deste ano. A Asociación Agraria de Galicia (Asaga) emitiu unha nota de prensa para trasladar a súa preocupación pola difícil situación na que quedarían ducias de gandeiros que lle venden leite á compañía. Aínda que a maior parte deles seguen con contratos en vigor, se o peche se confirma, terían moi difícil, ante a actual situación de mercado, conseguir un comprador que lles ofrecese un prezo xusto polo leite. Ademais, tería que aparecer inmediatamente, porque a produción dos animais non se pode parar. Asaga pide ás administracións públicas que intenten atopar unha solución para reducir o impacto que o peche pode ter sobre as persoas prexudicadas. A asociación fai fincapé en que deberían ter comezado as xestións para buscar un posible comprador para esta planta de produción láctea, así como solucións para as granxas proveedoras da mesma.

As industrias lácteas pechan as renovacións dos contratos de leite cunha leve tendencia á baixa

O proceso de renovación dos contratos do leite está pechándose estes días sen que haxa boas noticias sobre a mesa. A maioría das industrias ou mantivo os mesmos prezos do pasado ano ou aplicou leves baixadas, no entorno do medio céntimo, caso de Lactalis, Reny Picot ou Leche Río. Esa tendencia de prezos á baixa coincide no tempo cun aumento dos custos das ganderías, sobre todo os de alimentación animal, polo que as marxes das granxas vense comprometidas. Movementos en primeiros compradores de Lugo Os únicos movementos á alza nos prezos, con ofertas de 1,5 – 2 céntimos por riba do mercado, chegaron dun par de primeiros compradores intermediarios, principalmente na provincia de Lugo, na zona centro e na zona sur da provincia, se ben desde o punto de vista de Unións Agrarias trátase de movementos sospeitosos. “Temos visto no pasado casos de determinados primeiros compradores que deixaron serios impagos nas granxas, polo que é necesario que se regule esta figura con maiores garantías para as granxas” -valora Félix Porto, secretario de Coordinación de Unións Agrarias -. “É necesario que se lles esixa ós primeiros compradores o depósito de avais para enfrontar posibles impagos”, conclúe. Desde a organización agraria lémbrase que a gran maioría dos primeiros compradores adoitan cumprir os compromisos asinados coas granxas, pero advirten tamén de que nestes momentos “hai cantos de serea” dun primeiro comprador de Lugo, “sobradamente coñecido no sector polos impagos que acumulou nos últimos anos coas ganderías, que están a día de hoxe no xulgado”. Condicionantes pola normativa de benestar animal Outro movemento das últimas semanas que trascendeu no sector foi a decisión de Leche Río de deixar a recollida do leite dunha decena de pequenas granxas. O peche da relación con estas granxas veu motivado, segundo explica a empresa, por cuestións de benestar animal, pois a certificación de benestar que teñen as marcas de Río impídelle á empresa facer a recollida en granxas nas que as vacas permanecen trabadas de xeito permanente, sen ter saída ó exterior. Houbo conversas previas de Río con tódalas ganderías afectadas, por ver se podían facer cambios no manexo e/ou nas instalacións, pero nos casos nos que non foi posible o acordo, a empresa optou por deixar a recollida. Río destaca ademais que en tódolos casos, antes do cese da relación coas ganderías, comprobou que as granxas atoparan xa outro comprador para o seu leite. Preguntada Unións por estes casos, a organización agraria restoulle trascendencia e sinalou que entre as ganderías de Ulega que lle entregan o leite a Río non detectaron ningunha incidencia.

“Queremos contratos ligados é evolución dos custos de produción e ós prezos dos produtos lácteos”

A principal preocupación de Unións céntrase nos novos contratos do leite que están pechando as industrias, un proceso no que pide unha áxil intervención do Goberno central e da Xunta. “Estamos nun bo contexto do mercado lácteo, con bos niveis de consumo en España no 2020, e con prezos á alza na manteiga e no leite en po, polo que non se entende que se lle impoñan ás granxas contratos do leite á baixa”, explica Óscar Pose, responsable do sector lácteo de Unións, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto a Félix Porto. Unións Agrarias pide que o Ministerio de Agricultura faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, que en teoría impide que as granxas poidan vender o leite por baixo dos seus custos de produción. Chama tamén a Xunta a intervir, “pois o único que nos chega da Consellería é a propaganda dun suposto Plan de Dinamización do Sector Lácteo”, cuestiona Óscar Pose. A organización considera que a Xunta debería condicionar as axudas ás industrias lácteas a que se asinen no campo contratos que cubran os custos de produción. Desde Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, propuxéronlle este inverno ás industrias a posta en marcha de contratos cun prezo variable, ligado á evolución dos custos de produción e ás cotizacións dos produtos lácteos industriais, pero foi imposible o acordo. “Só chegamos a pequenos acordos con algunhas industrias, pero na cuestión do prezo, ningunha está disposta a negociar”, critica Óscar Pose, que pide un maior papel da Administración como árbitro das negociacións.

Calculan que a escalada dos pensos supón un sobrecusto mensual nas granxas galegas de 2,7 millóns de euros

A escalada de prezos dos pensos ronda xa un 20%, segundo os cálculos de Unións Agrarias, que estima que ese encarecemento representa un sobrecusto mensual de 2,7 millóns de euros para as granxas galegas de leite. Tal escenario chega nun momento no que a maioría de ganderías están renovando os contratos de suministro de leite coas industrias, polo que o sector agardaba unha suba do prezo do leite que compensase os maiores gastos en penso, pero o escenario está a ser distinto. As principais industrias que operan na comunidade están ofrecéndolle ás ganderías contratos nunha liña similar á pasada campaña, segundo advirte Unións Agrarias en nota de prensa, que reclama das industrias un xiro nas súas propostas. “É preciso que o prezo do leite se ligue ós custos de produción, pois o encarecemento do penso repercútelle ás granxas polo menos en 2 céntimos por litro de leite”, valora Óscar Pose, de Unións Agrarias. A organización agraria lembra ademais que a Ley de la Cadena Alimentaria prohíbe asinar contratos por baixo dos custos de produción das ganderías. Na actualidade, o Ministerio está a ultimar un estudo de custos nas granxas, pero non estará listo para esta campaña. Tamén a Xunta anunciara no outono a inminente posta en marcha dunha aplicación de cálculo de custos que vía útil para a negociación de contratos do leite, pero polo de agora nada máis se soupo dela. Mercado O aumento de gastos das granxas coincide cun bo momento de mercado para os produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po, soro, queixos, etc.), polo que Unións entende que os contratos das industrias coas granxas teñen que ter en conta ambos factores. “Estamos de acordo en asinar contratos a un ano porque danlle estabilidade a granxas e industrias, pero neste escenario teñen que ser contratos que se revisen en función da evolución dos custos de produción e da marcha do mercado lácteo. Non poden ser contratos a un prezo fixo igual ó do ano pasado”, defende Óscar Pose. A falta de articulación das relacións entre produtores, industrias e cadeas de distribución é outro dos factores que Unións chama a correxir, pois percíbese ás cadeas de supermercados como un factor que dificulta a suba de prezos do leite ó longo de toda a cadea. Problemas estruturais Un último aspecto sobre o que chama a atención Unións é a base territorial das granxas galegas. “Temos unha superficie por explotación moi inferior á media comunitaria. Precisamos aumentar esa base territorial para non ser tan dependentes do penso”, subliñan. A organización agraria calcula que na produción dun litro de leite consúmense de media nas granxas galegas arredor de 400 gramos de penso, unha cantidade que se podería baixar cunha maior produción de forraxes propias.

COAG denuncia a 5 industrias lácteas por “incumprimentos reiterados” da Lei de Cadea Alimentaria

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) denunciou diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) a 5 "grandes" empresas lácteas por diversos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria no relativo aos contratos para a compra de leite en orixe. Aínda que toda a documentación foi xa remitida á AICA, a investigación atoparíase nunha fase inicial, segundo fontes da organización agraria. "Nos contratos presentados obrígase aos gandeiros a recoñecer uns prezos por baixo de custos baixo ameaza de non recollida do leite, á vez que se introducen cláusulas que incumpren os prazos máximos de pago. Ademais, hai empresas que están a empezar a incluír cláusulas de confidencialidade nos seus contratos para evitar que os gandeiros acudan ás organizacións agrarias a denunciar", afirma COAG.
Se se segue espremendo así ao produtor imos quedar sen granxas familiares (Andoni García, COAG)
“As leis están para cumprilas e non se poden tolerar prácticas comerciais ilegais e abusivas que atentan de forma reiterada contra os gandeiros. Se se segue espremendo así ao produtor imos quedar sen granxas familiares. No último ano, 733 gandeiros víronse obrigados a botar o peche. Hoxe quedan apenas 12.500 gandeiros lácteos en España. A AICA ten que abrir unha investigación para evitar novos atropelos e garantir un prezo xusto para os gandeiros que lles permita vivir dignamente“, reclama Andoni García, responsable de Mercados Agrarios de COAG. Pagos a mes vencido A lei 3/2004 de medidas de loita contra a morosidade establece que “os aprazamentos de pago de produtos de alimentación frescos e dos perecedoiros non excederán en ningún caso de trinta días”. Nos exemplos de contratos denunciados por COAG, varias industrias lácteas especifican que se agruparán as facturas de todas as entregas de leite realizadas no período dun mes e abonaranse por parte da empresa, antes do día 30 do mes seguinte. "Por tanto, prodúcese un incumprimento da lei de morosidade en canto aos aprazamentos de pago, que se pode sancionar a través da Lei de Cadea Alimentaria", argumenta a organización agraria. Aínda que COAG prefire non facer público neste momento o nome das industrias denunciadas, da documentación remitida á AICA despréndese que unha delas sería Reny Picot. Un dos contratos de Reny Picot denunciados por COAG ante a AICA Posición de dominio das empresas COAG denuncia asimesmo a presión que exercen as empresas compradoras sobre os seus subministradores con claro abuso de posición dominante na negociación sobre os termos do apartado j) do artigo 9.1 da lei 12/2013 do 2 de agosto de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, que fai referencia a que nos contratos en orixe debe existir "indicación expresa de que o prezo pactado entre produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación destes e o seu primeiro comprador cubre o custo efectivo de produción". Con todo, a organización agraria denuncia as presións levadas a cabo este verán por parte das industrias lácteas para que os gandeiros asinasen adendas aos contratos en vigor nas que se fai constar que os prezos cubren os custos de produción. Carta remitida a un gandeiro que se negou a firmar a adenda ao seu contrato sobre custos de procución