Archives

Leite Río sostén que nunca dixo que mantería o prezo no actual contrato

Foto publicada por Carmen Lence no seu perfil de Linkedin o pasado 9 de novembro para defender a súa galeguidade Continúa o cruzamento de acusacións entre Leite Río e as organizacións agrarias polo prezo do leite. Se este xoves Unións Agrarias denunciaba que o Grupo Lence efectúa unha baixada dun céntimo no contrato de compra asinado coas ganderías de decembro a marzo, a empresa contesta que “é falso que estea dicindo unha cousa e facendo a contraria”, como sinalaba a organización agraria, porque “en ningún momento se comunicou ningunha subida nin baixada do prezo do leite” nin fixo “ningunha comunicación oficial nin declaración a este respecto”. O grupo galego, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, asegura que paga o leite “por enriba da media de Galicia”. “Isto tradúcese en que as ganderías familiares que traballan con Lence leváronse á súa casa ata o mes de outubro, en conxunto, máis de 2 millóns de euros máis que as que traballan con empresas que pagan como máximo a media de Galicia”, argumenta.
Grupo Lence depende totalmente dos produtores galegos; polo tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable, aseguran
A empresa lucense lembra que “só compra leite en Galicia” e acusa a “outras compañías” de “pagar o leite máis caro fóra de Galicia mentres manteñen prezos baixos nas ganderías galegas”. “O Grupo Lence é a segunda empresa que máis leite compra en Galicia e depende totalmente dos produtores galegos. Por tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable”, asegura.

A relación entre Carmen Lence e as organizacións agrarias ténsase

A tensión entre Carmen Lence, CEO de Leite Río, e as organizacións agrarias foi en aumento nas últimas semanas, despois de que o SLG lle afease que diga defender ás mulleres do rural de Galicia ao mesmo tempo que lles baixe o prezo do leite nos contratos e de que Unións Agrarias emitira unha nota sinalando que lograra parar a baixada dos prezos do leite no campo. A estas acusacións, Carmen Lence contestou o pasado día 9 de novembro cunha “carta aberta” no seu perfil na rede social Linkedin na que, baixo o título Quen son os “galegos de conveniencia”? A verdade tralas medias verdades e as mentiras completas, negaba ter negociado nada con ningún sindicato e defendía a súa galeguidade e a da súa empresa.
Dicía o meu pai que como deixes que os demais che leven a empresa, en dous días non tes empresa (Carmen Lence)
Para o Sindicato Labrego Galego argumentaba: “Que levemos máis de 40 anos creando emprego e riqueza en Galicia, que compremos só a ganderías galegas, que transformemos todo en Galicia deixando todo o valor engadido na nosa comunidade, que paguemos os nosos impostos en Galicia… segundo estes señores, non é suficiente para chamarnos galegos”. En tanto, sobre Unións, dicía: “Pregúntome con quen negociarían estes señores, que ata o de agora non se molestaron nin en chamarnos por teléfono e moito menos en vir negociar nada. Imaxínome que despois de falar coas empresas de fóra que mencionan, non consideraron importante falar coa única empresa galega entre as catro que máis leite recollen en Galicia”, lanzaba a Unións Agrarias.
Unións sinala que Río é unha industria que "nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión"
Consultados sobre esta cuestión, desde Unións Agrarias sinalan que lle solicitaron a mediados de ano unha reunión a Río a través da súa organización de produtores (Ulega), "á que a día de hoxe segue sen contestar". "Temos reunións cotiás coa maioría das industrias, logo poderemos chegar a acordos ou non, pero Río nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión", sinala Óscar Pose, que insiste en que a industria se comprometeu coas granxas a non baixar o prezo en decembro, en relación ó de outubro. "Maior compromiso que ese non pode haber", conclúe.

Unións asegura que Lactalis e Naturleite comprométense a manter o prezo do leite no próximo contrato

Este mes de decembro agardábase unha baixada xeral dos prezos do leite coa entrada en vigor dos novos contratos, logo de que boa parte das industrias lácteas anunciaran unha redución de entre 2-3 céntimos por litro. Agora algunhas delas desmárcanse e comprométense a manter os prezos para os próximos contratos. Trátase de Lactalis e Naturleite, que respectarán os prezos do leite no próximo contrato. Así o aseguran dende Unións Agrarias, logo de manter unha negociación con ambas industrias. Dende a entidade valoran moi positivamente que estas empresas comprenderan que unha nova caída de 3 céntimos no prezo do leite sería moi prexudicial para as ganderías. “A retirada deste recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña, abre o camiño para que outras compañías do sector afonden neste compromiso coas granxas”, apuntan nun comunicado dende Unións.

Campaña de denuncia das empresas que baixen prezos

Unións iniciará tamén unha campaña de denuncia contra aquelas empresas que teñan previsto realizar estas baixadas dos prezos. Ó mesmo tempo, recriminan que precisamente esta redución dos prezos a contemplen “aquelas firmas que máis se envolven na bandeira galega, só como estratexia de marqueting”. Neste senso advirten a empresas como Leite Río e Celta que non van a consentir unha nova baixada do prezo do leite en orixe logo de ter sufrido xa outras en marzo e agosto deste mesmo ano. Apuntan que unha baixada de 2-3 céntimos por litro como a que propoñen agora suporá o peche de granxas, dada a delicada situación financeira na que se atopan pola suba dos custes de produción e a caída dos ingresos. Tamén fan un chamamento ás administracións para que actúen de xeito decido. “Xunta e Ministerio teñen instrumentos de sobra para impedir que esta situación siga agrandando a fenda de mais 5 cts/l que separa aos produtores galegos respecto dos do resto do Estado”, valoran dende Unións.

Os contratos do leite deberán presentarse ante a Administración antes do inicio da recollida nas granxas

A actual situación de incertidume e volatilidade dos prezos do leite está a retrasar a sinatura de contratos no campo. As distintas empresas agardan ata o último momento para tratar de coñecer antes o que está a facer a competencia e adiviñar as tendencias que veñen de Europa. Esta situación evidenciouse claramente na última renovación de contratos, acometida a finais de abril, con ofertas de última hora e recollida de leite sen contrato nos primeiros días do mes de maio. Pero este tipo de prácticas será máis difícil que se repitan desta volta na renovación de agosto. Dado que a maioría de empresas optaron por unha estratexia a curto prazo, renovando en primavera contratos só por catro meses, tocaría asinar de novo a finais de xullo, pero a entrada en vigor hoxe do Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o rexistro de contratos alimentarios, obrigará a adiantar a negociación coas granxas.
En maio foron habituais as ofertas de última hora e a recollida de leite sen contrato
A partir deste 30 de xuño, calquera contrato agroalimentario deberá estar rexistrado na AICA con anterioridade á súa entrada en vigor. A industria compradora será a responsable de subir á plataforma da Axencia de Información e Control Alimentario o documento completo, con todas as súas páxinas e asinado polo produtor, como mínimo un día antes de que se faga efectiva a recollida de leite na explotación. Arma de dobre fío para o produtor Aínda que a priori este cambio normativo está pensado para favorecer aos produtores, na práctica pode volverse en contra dos gandeiros, que non poderán estirar a negociación e o tirapuxa coa industria á que subministran ante o risco de non poderlle entregar finalmente o leite, unha ameaza habitual por parte das empresas que raramente se cumpría até o de agora.
As industrias ameazaban con non recoller o leite pero rara vez se cumpría
Até a entrada en vigor deste novo Real Decreto, a industria compradora dispoñía dun prazo de 15 días para rexistrar o contrato logo da data da súa sinatura e entrada en vigor, unha marxe de seguridade que agora desaparece. Do mesmo xeito, calquera modificación, adenda ou cambio de prezo que se produza durante a súa vixencia tamén as hai que comunicar á AICA. A norma afecta só aos contratos, non ás ofertas previas, froito da negociación entre as partes. 15 días para aceptar a oferta No campo, existe un gran descoñecemento de como é a dinámica de negociación dos contratos e os prazos legais establecidos. A presentación das ofertas aos produtores por parte das industrias deben chegar cunha antelación mínima de dous meses á finalización do contrato en vigor, segundo o establecido no Real Decreto 95/2019, polo que se regulan as condicións de contratación no sector lácteo. Unha vez presentada a oferta (o gandeiro asina normalmente que a recibiu), dispón de 15 días para aceptala, comunicándoo por escrito á empresa. Se non o fai, transcorrido ese prazo, a oferta considérase automaticamente rexeitada na súa totalidade.
A maioría das ofertas iniciais presentadas polas industrias xa expiraron, ao non seren aceptadas polos gandeiros nos 15 días seguintes
Este cambio foi introducido o ano pasado a través dunha modificación do chamado Paquete Lácteo, xa que con anterioridade o produtor tiña que comunicar tamén o seu rexeitamento por escrito, do contrario o que se entendía rexeitado era a duración da oferta (1 ano), pero non nos termos de prezo e as demais condicións, que permanecían vixentes e aos que o gandeiro se podía acoller en caso de non recibir unha proposta mellor.
As industrias presentan unha oferta de arranque de negociación e se non ten resposta positiva por parte do gandeiro veñen directamente co contrato para asinar, sen facer unha contraoferta
Esta circunstancia supón tamén un cambio substancial no proceso de negociación, xa que na actualidade, ao entenderse rexeitada por completo en todos os seus termos, a industria non está obrigada a manter as condicións máis aló dos 15 días posteriores á súa presentación, podendo presentar finalmente un contrato con peores cláusulas ou mesmo deixando de recoller a esa granxa sen darlle outra alternativa. “Moitos gandeiros cren que se despois traes un contrato peor que a oferta inicial pode acollerse a ela, pero non é así, porque a oferta xa caducou”, explica o responsable de compras dunha empresa que recolle leite en Galicia.

Contratos asinados a posteriori cos matadoiros

No sector da carne, a obriga de subir os contratos con carácter previo á compra dos becerros nas ganderías podería acabar cunha práctica estendida: a de asinar o contrato a posteriori á entrega do xato. Este modus operandi de boa parte dos matadoiros que operan en Galicia coarta na realidade o poder de negociación dos produtores, que se ven abocados a asinar o contrato co prezo fixado pola industria logo de que o animal teña sido xa sacrificado, aínda que no documento figure unha data anterior. O feito de que esta documentación teña que estar a partir de agora nas mans da AICA con carácter previo á entrega do xato impedirá esta práctica fraudulenta.

O Sindicato Labrego critica que os contratos lácteos son “tan complexos que os gandeiros non saben a que prezo van cobrar o leite”

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas recomenda ás ganderías de vacún de leite “revisar moi ben” os contratos lácteos que lle presentan as industrias estes meses de cara á renovación. E é que nunha situación de forte incremento dos custos de produción -suba do penso, do combustible, electricidade...etc- fai que “á hora de asinar un contrato para os próximos seis meses ou un ano supón que deberías coñecer ben o que asinas”, algo moitas veces difícil porque “os contratos que estamos subscribindo arestora os gandeiros non teñen un prezo claro do litro de leite”, advirten. Neste sentido, e de cara a aclarar a información, dende o Sindicato Labrego inciden en fixarse no prezo fixo máis prima de graxa e prima de proteína, nada máis (ou descontos, de selo caso). “Aínda así -advirten-, é importante saber que estes contratos van ter ese prezo durante a súa vixencia, pase o que pase cos custes”. En canto ao máis importante, o prezo do litro de leite, aseguran que “oscilou no último trimestre do ano 2021 desde os 18 cts. deica os 35,6 cts., e no medio existen todas as variables posibles”. “As industrias teñen prezos base distintos en función da granxa, e é máis acusada esta diferenza se non hai prima por volume, posto que se lles ofrece ás granxas distinto prezo base en función do volume de leite”, explican. A este prezo variable, o Sindicato Labrego, lembra que se lle engaden as primas e penalizacións diversas “que inflúen moito no prezo final do leite”. As máis comúns, e as que se pagan en función de algo coñecido son: -A graxa e a proteína. Non todas as industrias pagan o mesmo, polo que hai que ter moito coidado con estas dúas primas. Dependendo da calidade do leite, pode variar moito o importe por esta prima en función da empresa. O máis habitual é 3 ou -3 céntimos por décima de desvío, pero hainas de 1,5 ou 6. Outras poñen un tope máximo, a partir do cal xa non pagan as décimas. Lembran que tamén hai algún contrato no que o importe da prima por graxa tamén varía en función da variación do prezo da manteiga en función de algún índice. -Pastoreo. Cada empresa ten os seus requisitos, fai os seus controis e tamén paga un importe distinto. -Calidade AA ou calidade extra ou leite especial. As gandeiras e gandeiros teñen que prestar especial atención para identificar en función de que se paga, porque non todas as industrias pagan polo mesmo e tampouco é igual o importe. Para algunhas é xermes menos de 50, ou 25, ou 30; células menos de 200 ou 240 ou 250 e pto. crioscópico superior a 518 ou 519 ou 520. -Benestar animal. Varía en función da empresa os requisitos. Tamén pode certificar unha empresa externa, e a prima vai en función do nivel que certifique. -Prima por volume. En función do leite que a granxa se comprometa a vender ao mes ou ano ano durante o período de duración do contrato. É moi variable tamén entre as distintas empresas. A esta variedade de primas, dende o SLG lembran que podemos engadir á hora de desagregar o prezo por litro de leite as seguintes, presentes en función de parámetros que unhas veces figuran nos contratos e outras veces non: Prima complemento comercial, Prima complemento prezo, Prima calidade (ademais da AA), Prima b, Prima aumento de custes, Prima b+c, Prima varios, Prima leite especial, Prima compensación, Prima axuste, Prima complemento temporal, Prima sostibilidade, Prima pago seguridade alimentaria, Prima leite n, Prima leite n+, Prima complemento, Prima por contrato, Prima, Prima galega, Prima certificación, Prima cooperativa, Prima por consumir na cooperativa, Prima diferencias, Prima trazabilidade. A todas estas particularidades, dende o Sindicato Labrego lembran que hai que engadir as diferencias de cálculo derivadas de se a forma de fixar o prezo base é variable ou mixta. Así, lembran que “ás veces coñecemos os índices que nos aplican e podemos ter unha idea da súa evolución ou de como van afectar ao prezo nos próximos meses, pero outras veces, son índices dos que non temos nin idea como evolucionan e, polo tanto, non temos forma de saber se un prezo referenciado a estes índices pode servirnos no caso dun incremento de custes nos seguintes meses”. Estes son exemplos dalgúns dos índices que figuran nos contratos: -Prezo da manteiga, leite enteira en po (WMP) e o do leite en po desnatado (SMP) que figure en determinadas datas no European Milk Market Observatory (https://ec.europa.eu/info/sites/default/files/food-farming-fisheries/farming/documents/eu-dairy-commodity-prices_en.pdf) -Prezo da manteiga e do leite en po desnatado que figure no observatorio da cadea láctea dos Países Baixos (https://www.zuivelnl.org/marktinformatie/zuivelnoteringen) -Prezo do penso vacuno de leite do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (https://www.mapa.gob.es/es/agricultura/estadisticas/informeestimacionpreciospiensosdiciembre2021_tcm30-582872.pdf) “As gandeiras e gandeiros, logo de que localizamos os índices nos contratos e os traducimos, temos que asegurarnos ben tamén de que a referencia temporal é a que nos di no contrato, porque tamén é moi variable”, subliñan. Unha vez feitos tódolos cálculos enumerados, para saber canto nos van pagar polo leite inda temos que aplicar unha fórmula matemática, que pode ser dos tipos seguintes: -Sinxela: Prezo do leite= 0,70*A+0,30*B . Na que A=fixo, B = prezo medio da leite en po, por exemplo. Pode ter un mínimo e un máximo para o B -Intermedia: Prezo do leite = (0,045627*(euros/manteiga-0,2461)+0,085035*(euros/leite en po -0,387))-0,022 -Complexa: Prezo do leite=[0,7*(prezo fixo trimestral +-primas)]+0,2*[(0,0442*(prezo x-0,442))+(0,085*prezo y-0,5715))]+0,1*1,2188*prezo z Visto esta complexidade, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que “as gandeiras e gandeiros galegos moitas veces nin negociamos o contrato nin sabemos de que prezo partimos e, como vimos de explicar, é ben difícil sabelo”.

O sector gandeiro únese para denunciar a discriminación da industria ás pequenas ganderías de leite

As organizacións agrarias galegas e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias únense para recoller información dos contratos lácteos das industrias que lle paguen ás granxas de vacún por debaixo do que costa producir o leite, unha situación que afecta especialmente ás pequenas ganderías. Estas denuncias, de carácter anónimo para os produtores, serán investigadas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura e poderían derivar en sancións ás industrias lácteas por incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa en Santiago os representantes das entidades que participan nesta iniciativa: as organizacións Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega (FRUGA), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

Contratos de entre 6 e 7 céntimos por litro menos para as pequenas granxas

“Neste momento as industrias lácteas estanlle ofrecendo contratos de entre 6 e 7 céntimos por debaixo dos custos de produción, estimados pola propia Xunta en 0,40 euros o litros, ás ganderías pequenas e medianas, cunhas entregas anuais de menos de 200.000 litros, o que é claramente discriminatorio e incumpre a Lei da Cadea Alimentaria, que prohíbe claramente a venda a perdas”, denunciou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. Como mostra da gravidade da situación, das pouco máis de 6.100 ganderías de vacún de leite que quedan en Galicia, o 49%, é dicir, algo máis de 3000, entregan menos de 200.000 litros ao ano e vense penalizadas pola industria polo seu pequeno tamaño. Unha situación que agrava a crise xeral que padece o sector debido ao incremento dos pensos, electricidade, gasóleo ou fertilizantes. Esta discriminación no prezo segundo o tamaño da explotación confírmase cos datos de prezos de xaneiro publicados polo Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): o prezo base pagado polas industrias variou máis de 5 céntimos entre as ganderías segundo o seu tamaño: de 0,3148 euros o litro para as máis pequenas a 0,3663 euros o litro para as de maior tamaño. Neste sentido a elección do momento para esta iniciativa do sector gandeiro non é casual: Neste mes de marzo renóvanse arredor dun 80% dos contratos lácteos en Galicia e coa última reforma da Lei da Cadea Alimentaria as denuncias poden ser anónimas e realizarse un seguimento de todo o proceso do expediente. "As ganderías que denuncian a título individual o incumprimento dos contratos por parte das industrias normalmente non acaban ben e sofren represalias. Coa nova Lei de Cadea as denuncias poden ser presentadas polas organizacións do sector, co cal hai anonimato, e ademáis a administración ten que informar de como vai o proceso de instrucción", destacou Ana Rodríguez, viceresponsábel do sector lácteo no Sindicato Labrego. "Non pode ser -engadiu- que se lle estea permitindo a industria que reestructure o sector lácteo abocando ao peche ás granxas pequenas e medianas, ao castigalas cun prezo do leite bastante menor que o das explotacións grandes". Ademáis, coa reforma da Lei de Cadea as Comunidades Autónomas tamén poderán realizar a investigación dos posibles fraudes por contratos con prezos por debaixo dos custos de produción. Neste sentido, o representante de Unións Agrarias lembrou que “temos o compromiso da Consellería do Medio Rural de que ao longo do mes de marzo publicarán a normativa para crear o Observatorio Galego do Sector Lácteo, que será o instrumento legal para aplicar en Galicia a Lei de Cadea”. Unha vez realizada a investigación, e se a industria non resolve as ilegalidades no contrato, será o Ministerio de Agricultura, a través da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), a que impoña á industria a sanción correspondente. Todos esperan que co novo prodecemento as aplicación de sancións sexa moito máis rápida e efectiva que ata o de agora. Para lograr este obxectivo, as organizacións agrarias e cooperativas realizarán unha recollida de información entre os contratos que as industrias lle presentan ás ganderías e presentarán unha denuncia conxunta daquelas que ofrezan aos produtores contratos por debaixo dos custos de produción.

Outras reclamacións: Recuperación da Mesa do Leite

Outra reclamación que saiu da reunión do grupo de traballo creado esta mañá foi a reclamación á Xunta de Galicia de recuperar unha mesa permanente de interlocución na que estean presentes produtores, industrias lácteas e distribución. “A Xunta ten que volver convocar a Mesa do Leite, que non se reúne dende o ano 2009, para analizar a evolución dos custos de produción e que os gandeiros perciban no prezo ese incremento que si lle trasladou a industria á distribución e esta aos consumidores”, defendeu Elías Somoza, responsable do sector lácteo na Federación Rural Galega. Por último, Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia, defendeu tamén a creación dunha AICA galega, con capacidade de supervisión e inspección a nivel autonómico, ligada a un Observatorio Galego do Leite, “que determine de xeito obxectivo e imparcial os custos de produción”.

Medio Rural asegura que “estamos en liña coas demandas dos gandeiros”

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural asegura que “estamos en liña coas demandas dos gandeiros e dos seus representantes e por iso, por suposto, poremos en marcha as actuacións que sexan necesarias para que se cumpra a Lei da Caea Alimentario, e farémolo mesmo sen agardar a ter formalmente constituída a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia”. Ademáis, dende o departamento que dirixe José González, demándanlle ao Ministerio de Agricultura que “actúe dunha vez para solucionar os problemas do sector, que derivan dunha situación xeneralizada de venda a perdas provocada polo incremento dos custos de produción”. “Reiteramos -engaden- ao Ministerio que promova un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia, de 4 céntimos por litro durante todo o 2022, que garanta a viabilidade do sector”. Esta medida foi desbotada polo Goberno Central ao considerar que vai en contra da lexislación europea de libre competencia. Igualmente, dende a Xunta critican que o Ministerio de Agricultura non tivese en conta as súas propostas como que se recoñecese a aplicación informática Conta Láctea como medio de proba do custo efectivo de produción. En todo caso, dende a Consellería do Medio Rural aseguran que “nós seguiremos traballando, coas ferramentas que temos a man, entre elas a lei de cadea alimentaria, a prol do sector en xeral e nomeadamente do elo máis fráxil, que é o dos gandeiros”.

Cobideza ultima a compra dunha parcela para crear un novo centro loxístico

A cooperativa Cobideza atópase en plena negociación para a adquisición dunha nova parcela coa que aumentar a capacidade de almacenaxe e servizos aos socios. Segundo informou o presidente da entidade agraria, Román Santalla, nun comunicado, a cooperativa está interesada en adquirir un predio situado no lugar de Mato, na parroquia de Cercio, en Lalín (Pontevedra). Santalla indicou que as negociacións están xa moi avanzadas, tras varios encontros entre a xunta directiva e os responsables do Grupo Vilariño, os propietarios da parcela. Así, agardan formalizar a compra nun breve prazo. Cobideza procura coa adquisición aumentar a capacidade de almacenaxe, tanto de forraxes e fertilizantes como de maquinaria agrícola e, deste modo, incrementar os servizos aos socios, ao tempo que mellora a operatividade e a loxística da cooperativa.

Próxima á sede central

O predio ten unhas dimensións aproximadas de 8.000 metros cadrados e o seu perímetro está completamente pechado cun sólido muro de pedra e formigón. A superficie é regular e atópase completamente explanada. Ademais, conta xa con tódolos servizos públicos como son electricidade e abastecemento de auga. A parcela ten unha parte destinada a uso agrario e outra dedicada a solo rural. Román Santalla explicou que esta adquisición “é unha aposta da cooperativa para seguir aumentando a cantidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos socios”. A súa ubicación, moi preto da nave principal da cooperativa de Cercio, así como as súas dimensións, equipamento e demais características fana apropiada para aumentar a capacidade de almacenaxe da cooperativa, así como para resgardar con maior comodidade e seguridade a maquinaria no tempo que non estea en uso. A parcela ten, pois, o obxectivo de ser convertida nun novo centro loxístico e operativo de Cobideza, co que mellore tamén a organización da cooperativa.

Negociación do contrato lácteo

A cooperativa celebra este sábado 29 de agosto unha asemblea xeral extraordinaria para analizar o contrato que mantén coa empresa Reny Picot para a recollida do leite. A reunión celebrarase no pavillón de deportes do colexio de Cercio, situado a escasos metros da sede da entidade agraria. A xunta terá lugar ás 12.00 horas. Na asemblea, a xunta directiva proporcionaralle ós socios información sobre a situación do contrato que manteñen coa empresa láctea. Se os cooperativistas deciden ratificar o acordo, que se propón en condicións semellantes ao anterior, dito contrato permanecerá en vigor ata o 30 de xuño de 2021.

Revolución nos contratos do leite no campo?

Desde a pasada semana, cando o Goberno aprobou un real decreto de medidas urxentes en agricultura, as industrias lácteas están obrigadas a incluír os custos de produción das granxas como un condicionante do prezo do leite. A nova normativa colleu ó sector lácteo en plena época de renovación de contratos entre granxas e industrias, un proceso que se está a ralentizar á espera de que se concrete como incluír os custos de produción nos acordos. A organización de produtores(OP) Ulega, que negocia coas industrias preto dun 25% do leite de Galicia, correspondente a unhas 1.800 ganderías, paralizou as conversas á espera de clarificar nos próximos días coas industrias e coa Administración como aplicar a normativa. O resto das granxas de Galicia ou xa teñen contratos asinados a nivel individual ou estanos recibindo estes días por parte das industrias.
"A primeira recomendación é que ninguén asine un contrato que non cubra os seus custos de produción" (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Óscar Pose, de Ulega, a OP ligada a Unións Agrarias, explica a situación: “Estamos agora clarificando como se poden elaborar os contratos en base ós custos da produción das granxas, pero unha primeira recomendación para tódalas ganderías que están recibindo contratos estes días é que non asinen ningún contrato que non cubra os seus custos de produción. Hai industrias que poden incluír unha cláusula nos contratos indicando que o prezo ofertado cubre os custos de produción, co cal, se iso se asina, serviralle á industria para certificar que está cumprindo coa normativa”, advirte Pose. Para a elaboración dos novos contratos, Pose sinala que se contemplan dúas alternativas: “Poderiamos ligar os contratos a un índice de custos de produción medios, como o Rengrati, do Ministerio de Agricultura, ou establecer unha metodoloxía que permita definir os custos por granxa”, apunta. A normativa permítelle tamén ás industrias asinar contratos coas cadeas da distribución na mesma liña, garantindo que se cubren os custos de produción para toda a cadea. “É unha normativa que beneficia a toda a cadea do leite, pero a primeira impresión que temos é que as industrias son máis partidarias de seguir dando a batalla no campo e non ante a distribución”, valora Óscar Pose. Desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) pronúncianse polo momento con cautela e manifestan dúbidas sobre a aplicación da normativa na práctica, unha cuestión que, din, "teremos que aclarar co Ministerio tanto nas nosas relacións coa produción como coa distribución. En todo caso, como valoración xeral, a nosa opinión sobre o Real Decreto é positiva na medida en que é un intento de que se recoñeza no mercado o gran valor que aporta o sector lácteo desde a produción primaria, pasando pola transformación", conclúe a Fenil.

Maior demanda polo leite

A renovación de contratos no campo está marcada estas últimas semanas polo interese de determinadas firmas en aumentar a súa recollida no campo. É o caso de Inleit, que comezou a operar a finais de decembro na planta láctea de Teixeiro e que quere gañar presenza no campo para abastecerse de xeito directo, pois ata agora estaba suministrándose en boa medida de compras a outras industrias e primeiros compradores. Outra industria que tamén está aumentando recollida é Río, que segundo trascendeu no sector pechou contratos de abastecemento de marcas brancas para cadeas de supermercados, o que lle obriga a gañar volume de recollida. Un terceiro actor que gaña presenza no campo é Leite Noso, a sociedade galega que comercializa as marcas Deleite e Muuu, que, sobre a base de contratos estables a longo prazo e con bos prezos, está captando a novas granxas. O seu obxectivo sitúase en primar a calidade e cubrir as necesidades de leite que lle están trasladando as cadeas de supermercados para os próximos meses.

Xornada sobre as perspectivas do sector lácteo

O sector leiteiro centra unhas xornadas que se desenvolverán na mañá deste mércores en Santiago de Compostela. O acto está convocado por Unións Agrarias, que busca analizar as perspectivas de futuro das explotacións e as novas normativas que están entrando en vigor neste comezo de ano, como a da identificación da orixe do leite, xa en vigor, ou a reforma do Paquete Lácteo, que se publicará previsiblemente nos próximos días. A xornada contará, entre outras intervencións, con Francisco Sineiro, quen foi catedrático de Economía Agraria na Universidade de Santiago, e co secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda. Espérase tamén a presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, para a clausura do acto.

Programa

10.30 – Recepción. 11 h. - Presentación e inauguración das Xornadas - Oscar Pose Andrade. responsable de Servicios de UUAA. - Martiño Noriega Sánchez, alcalde do Concello de Santiago de Compostela. - Lorenzo Ramos Silva, secretario general de UPA. 11:15 h. - Ponencia: “O Sector Leiteiro: Evolución e Perspectivas de Futuro” - Presenta e modera: Javier Iglesias Fernández, responsable de Gandería de UUAA. - Ponente: Francisco Sineiro García, Catedrático de Economía Agraria da Universidade de Santiago de Compostela. 11:45 h. - Debate 12:00 h. - Ponencia: Novos Retos do Sector Leiteiro. Paquete lácteo e Identificación de Orixe - Presenta e modera: Román Santalla Agra. secretario de Ganadería de UPA. - Ponentes: - Silvestre José Balseiros Guinarte. director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. - Fernando Miranda Sotillos. secretario general de Agricultura y Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. 13:00 h. - Debate. 13.30 h. - Acto de clausura. - Fernando Miranda Sotillos. secretario general de Agricultura y Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. - José González Vázquez. conselleiro do Medio Rural. - Roberto García Gozález. secretario xeral de Unións Agrarias- UPA.

Agricultura convoca a comisión do acordo lácteo para analizar a banalización do leite

Os problemas de abaratamento do leite detectados nas últimas semanas, con ofertas á baixa de leite envasado tanto por parte de industrias como de cadeas de distribución, abordaranse a mediados de marzo nunha reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo. É o que lle comunicou onte o Ministerio de Agricultura ó secretario xeral de Unións Agrarias-Upa, Roberto García, e ó secretario de Gandería de Upa, Román Santalla, que mantiveron unha reunión co director general de Mercados, Fernando Miranda, e coa subdirectora de Ganadería, Pepa Lueso. A organización agraria trasladoulle ó Ministerio a súa preocupación polas campañas de abaratamento do leite e pediulle a Agricultura que faga cumprir o asinado no acordo lácteo. “En España, o aumento da produción foi anecdótico nos últimos meses se o comparamos co que sucedeu no resto de Europa, así que non hai xustificación que sirva para as ofertas que estamos vendo estos días”, cuestiona Roberto García. Xurros Outro dos temas abordados na reunión foi o problema dos xurros. Unións Agrarias propúxolle ó Ministerio unha regulación alternativa para o 2019 que non implique cambios de cisternas e sistemas de reparto. A organización agraria considera que se poden reducir as emisións de amoniaco da gandería por medio de accións como a cobertura das foxas de purín ou a fixación de datas e temperaturas para a aplicación dos xurros. Desde a organización piden que non se tomen medidas precipitadas e que o Ministerio abra unha mesa de traballo. En relación á orde de axudas orientada a financiar a sustitución ou adaptación das cisternas á nova normativa, Unións solicita que as axudas se incrementen ata o 70% do gasto, en tanto o Ministerio prevé un apoio dun máximo do 30%. Paquete lácteo O último tema abordado no encontro foi a reforma do paquete lácteo, que se espera para este ano. Unións insistiulle a Agricultura na necesidade dunha arbitraxe pública entre industrias e gandeiros que permita solucionar discrepancias nas negociacións ou resolver conflictos na aplicación dos contratos. A organización trasladoulle tamén ó Ministerio a súa disconformidade coa práctica das industrias de referenciar os contratos ó prezo medio do leite en Galicia. “Se todas as industrias usasen esa referencia, o prezo en Galicia sería plano, sen variacións”, critican. Queda tamén por resolver a regulación dos primeiros compradores. Unións entende que no caso de primeiros compradores intermediarios que traballan en exclusiva cunha ou dúas industrias, ten que haber unha responsabilidade subsidiaria das industrias. “Os primeiros compradores non poden ser unha ferramenta das empresas transformadoras para abaratar o leite ou abandonar a súa recollida”, advirten.

Que cambios propón o Goberno nos contratos lácteos?

O Ministerio de Agricultura está a traballar nun Real Decreto para regular os contratos no sector lácteo entre gandeiros e industria ou primeiros compradores. O documento é un borrador que está en fase de alegacións para que as organizacións agrarias, cooperativas e industria láctea presenten alegacións.

Descarga aquí o borrador do Real Decreto de contratos lácteos.

Estas son as principais novidades que se propoñen:

1) Esíxese unha fianza para os primeiros compradores: 150.000 euros para todos, independentemente do seu volume de compra

A principal novidade que introduce o borrador do Ministerio de Agricultura é que se regula a figura dos primeiros compradores, uns intermediarios entre a industria e os gandeiros, que en comunidades como Galicia chegan a recoller ata o 30% do leite. Neste sentido, e para protexer aos gandeiros fronte a situacións de impagos, o borrador de Real Decreto obriga aos primeiros compradores a que “para poder exercer a súa actividade (..) deberán constituír a favor da autoridade competente da Comunidade autónoma en que radique a súa sede (...) unha fianza por importe de 150.000 euros para responder as súas obrigacións ante os produtores primarios”. Dáselles un prazo máximo de tres meses para depositar esta fianza. En caso de impago, a autoridade competente da Comunidade Autónoma abrirá un proceso para executar a fianza. Iso si, previa denuncia do gandeiro, que non poderá recorrer aos tribunais de xustiza para reclamar a débeda.

2) Os prezos acordados nos contratos non poderán estar referenciados só ao Fega.

A outra novidade que introduce o borrador de Real Decreto é que os prezos do leite que establece a industria nos contratos non poderán estar referenciados en máis dun 50% aos publicados mensualmente polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Desde o sector produtor veñen denunciando que os datos do Fega non son fiables e tiran á baixa dos prezos, xa que consideran que a industria se referencia aos prezos pagos por ela mesma nos meses anteriores, sen ter en conta a evolución do mercado. Isto notouse especialmente en España o pasado ano, no que, impulsados polo prezo da manteiga, os prezos do leite en orixe en España subiron tres veces menos que na media da Unión Europea. De saír adiante esta proposta do Ministerio, como outro índice que se podería utilizar a maiores é o da INLAC, acordado por industria e produtores, e que reflicte mellor a evolución dos prezos nos países da nosa contorna.

2) Desacordos sobre os contratos: a arbitraxe será voluntario e a petición das dúas partes

En canto ao sistema de mediación entre industria e gandeiro en caso de desacordo polo contrato (prezo, cantidades, primas...etc.) o texto no que traballa o Ministerio propón un sistema de mediación, pero que poderá solicitarse soamente por mutuo acordo entre as partes.

Unións Agrarias-Upa critica que “non hai avances nos temas importantes”

Unións Agrarias critica que o Ministerio tardase dous anos e medio en presentar este borrador desde a firma do acordo lácteo. Pero máis aló dos tempos, o secretario xeral do sindicato, Roberto García, advirte de que “segue sen resolverse a falta de equilibrio na negociación entre industria láctea e gandeiro, porque os contratos seguen sendo de adhesión: a industria presenta o contrato cos prezos e a duración que lle interesa e o gandeiro ten que asinar”. En canto aos primeiros compradores, considera positivo que se lles esixa unha fianza de 150.000 euros, pero considera que “non é a fórmula máis axeitada”. “O importe da fianza debería ser proporcional ao volume económico de compras de leite do primeiro comprador e ao número de gandeiros aos que lle recolle o leite”, asegura.
“A fianza aos primeiros compradores debería ser proporcional ao volume de leite que recollen”
Ademais, bota en falta que non se recoñeza a responsabilidade ante falta de pagamentos por parte da industria láctea á que o primeiro comprador lle vende o leite. “Cando un primeiro comprador factura máis dun 60% a unha industria láctea estamos ante un claro caso de autónomo dependente, e por tanto debería ser a industria láctea a que se faga responsable en caso de impagos aos gandeiros, e que estes teñan as mesmas condicións contractuais dos produtores aos que si lles compra directamente”, engade Roberto García. Por outra banda, o secretario xeral de UUAA considera excesivo que os prezos do Fega poidan representar ata un 50% á hora de referenciar os novos contratos. Pola contra, defende que “deberíase prohibir utilizar como referencia o Fega, ou que polo menos teña un peso moito menor, e se empreguen índices como o da INLAC, que reflicte a evolución do mercado nos 5 países cos que temos máis intercambios comerciais no mercado lácteo”. Por último, Roberto García considera que a mediación que se propón no borrador é “ficticia”. Lembra que en Francia a mediación é obrigatoria en caso de desacordo, sendo o árbitro o Ministerio de Facenda. Ademais, advirte de que “os honorarios da Corte Nacional de Arbitraxe española son moitas veces superiores ao que pode cobrar o gandeiro se gana”. “É un borrador que lles pode valer á industria e ao Ministerio pero non aos gandeiros. Presentaremos alegacións para que no caso de que chegue outra crise de prezos do leite non nos colla tan indefensos como en 2015”, conclúe.

Lactalis declara no xulgado por presunta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros

O pulso que manteñen desde hai un ano Lactalis – Puleva e os gandeiros entrou xa en vía xudicial. O apoderado e responsable de compras da industria, José Enrique García, compareceu no xulgado de Vilalba en calidade de imputado para declarar pola presunta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros por parte da empresa. A denuncia partiu de Unións Agrarias, que acusa a Lactalis de reterlle as súas granxas proveedoras 2,5 millóns de euros que as cadeas de distribución lle pagaron a maiores no último ano. Eses cartos adicionais corresponden ó aumento de 2 céntimos por litro que Lactalis vén recibindo polo leite de marca branca tras ós pactos ós que chegaran gandeiros e cadeas de distribución en decembro do 2015.
O proceso xudicial veu precedido de mobilizacións e de dúas reunións de mediación arbitradas polo Ministerio
En base a eses acordos, as cadeas de distribución aumentaron os pagos as súas industrias proveedoras, coa encomenda de que as cantidades suplementarias lle fosen entregadas ós gandeiros. Parte das industrias cumpriron, pero no caso de Lactalis, só fixo un pago adicional nos primeiros meses do 2016. A interrupción dos pagos orixinou xa no pasado ano mobilizacións por parte dos gandeiros, que desembocaron finalmente na mediación do Ministerio de Agricultura. “O Ministerio, logo de contrastar as cifras que aportabamos nós coa distribución, deunos a razón, pero Lactalis negouse a pagar” -lembra Óscar Pose, de Unións Agrarias.- “Daquela, Lactalis recoñecía que cobrara os cartos, pero puña diversas excusas para xustificar que non llos entregara ás granxas”. Estratexia A organización agraria sinala que na comparecencia de onte no xulgado houbo un cambio de estratexia por parte de Lactalis. “No xulgado, o responsable de compras de Lactalis dixo que non sabía a ciencia certa onde estaban os cartos. Ata agora nunca negaran a existencia dos pagos adicionais”, sinala Óscar Pose. A situación aclararase máis para a semana, cando está previsto que comparezan no xulgado de Vilalba varias cadeas de distribución en calidade de testemuñas. Desde Campo Galego puxémonos en contacto con Lactalis para coñecer a súa versión, pero polo de agora non recibimos contestación.

Galicia é a Comunidade con menor duración dos contratos lácteos

Galicia é a Comunidade Autónoma con menor duración dos contratos lácteos, se se exceptúa Murcia, unha comunidade cunha produción láctea testemuñal. En concreto, a duración media dos contratos entre industrias lácteas e gandeiros en Galicia, con datos do mes de xuño, é de 6,58 meses, mentres que a media de España atópase en 8,53 meses. Así se desprende do informe sobre a situación do sector lácteo en España que foi presentado o pasado xoves polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente aos representantes do sector lácteo. Entre as autonomías con maior produción láctea, a mellor situación rexístrase en Asturias, Andalucía e o País Vasco, con duracións dos contratos lácteos de 11,68, 11,87 e 12,97 meses respectivamente, mentres que en Castela e León atópase en 8,79 meses. Non é casual que nas tres comunidades con maior estabilidade contractual haxa un forte peso da industria láctea de carácter cooperativo. Pola contra, despois de Galicia a peor situación en canto a duración do contrato sitúase en Cantabria, con 7,30 meses de duración media. Baixan os contratos de menos de 3 meses entre industrias e gandeiros e soben os de 3 a 6 En canto á evolución da duración dos contratos, o informe do Ministerio analízaos de abril a xuño por estratos de duración (de menos de 3 meses, de 3 a 6 meses, de 6 a 12 meses e de máis de 12 meses), e en dúas categorías: contratos individuais entre industria e gandeiro e acordos entre cooperativas e industrias. En canto aos contratos individuais, as principais conclusións son que os contratos de menos de 3 meses reducíronse notablemente do case o 45% ao 34%. Un descenso que se trasladou aos contratos de 3 a 6 meses, que aumentaron pasando de representar o 19% do total en abril ao case o 32% de xuño. Os contratos de 6 a 12 meses tamén aumentaron lixeiramente do 17 ao 19%, mentres que descenderon os contratos de máis de 12 meses entre industria e gandeiros individuais: dun 17% en abril a un 14% en xuño. En canto aos contratos cooperativos non houbo practicamente variacións e mantivéronse nun 35% de contratos de máis de 12 meses; un lixeiro incremento nos contratos de 6 a 12 meses, que supoñen o 56%, mentres que os contratos de 3 a 6 meses baixaron dun 7,2 a un 5,8% e os de menos de tres meses de duración mantivéronse en ao redor do 2,5%.

O BOE publica o contrato tipo homologado entre gandeiros e industrias lácteas

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a orde pola que se homologa o contrato-tipo de subministración de leite cru de vaca aplicable a gandeiros con código REGA, que rexerá durante un período dun ano. O modelo de contrato-tipo, que regula cómpraa venda de leite entre gandeiros e industrias, foi aprobado previamente o pasado 17 de decembro na Interprofesional Láctea (Inlac) co único voto en contra de Coag, a organización estatal coa que mantén unha alianza o Sindicato Labrego Galego (SLG). Leste contrato-tipo entra en vigor mañá e a súa homologación por parte do Ministerio terá unha vixencia de 1 ano, ata o 20 de xaneiro de 2017. Máis información: - Modelo de contrato de compra venda de leite publicado no BOE.

Convocada unha concentración en Teixeiro en solidariedade coas granxas abandonadas por Leche Río

A decisión de Leche Río de abandonar a recollida dunha vintena de granxas sen previo aviso está a xerar inmediatas reaccións no agro. Gandeiros de Curtis convocaron para este domingo 28 unha concentración en Teixeiro (Praza de España, 12 horas, ante o Concello), coa que queren chamar a atención da sociedade galega sobre os problemas do sector lácteo. A mobilización está organizada por produtores dunha cooperativa local e conta co respaldo das organizacións agrarias e dos alcaldes da comarca. O Sindicato Labrego e a Federación Rural Galega (Fruga) tamén celebraron hoxe sendas roldas de prensa para denunciar a situación.
"Esta semana tocoulles a eles; mañá pódenos tocar a nós", advirten os gandeiros de Curtis que organizan a protesta
Os gandeiros de Curtis que convocan a concentración de protesta para este domingo buscan así amosar a súa solidariedade coas granxas abandonadas por Leche Río e tratan tamén de chamar a atención sobre un problema, o do sector lácteo, que está pasando polos peores momentos dos últimos anos. “Esta semana tocoulles a eles, mañá pódenos tocar a nós”, resumen. “Estamos producindo cuns prezos que nos están levando a ruína e coas industrias facendo de nós o que queren mentres a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura miran para outro lado”, critican na convocatoria da concentración. As mobilizacións do sector continuarán previsiblemente no mes de xullo. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego anunciaron decisións ó respecto na próxima semana. “Levamos tempo tentanto arranxar as cousas pola vía do diálogo e do consenso, pero hai un ambiente social de que son precisas xa outras actuacións” -valorou hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “A nosa idea é que sexan mobilizacións conxuntas do sector; pensamos que é un erro tentar sacar unhas siglas ante problemas como os que estamos atravesando. En calquera caso, haberá mobilizacións, conxuntas ou por separado”, concluiu.
Parte dos afectados polo abandono de Leche Río lograron que Reny Picot lles leve o leite. O prezo, sobre 18 céntimos
Falta de garantías de recollida As explotacións lácteas están a atravesar nas últimas semanas dificultades tanto polos baixos prezos do leite como pola falta de garantías de recollida. O Sindicato Labrego tivo coñecemento hoxe mesmo de novos problemas con gandeiros que lle estaban entregando a súa produción a Leitigal e que terán que buscarse outro comprador a partir do 1 de xullo. Peor situación correron a vintena de explotacións que deixou Leche Río dun día para outro e que se viron obrigadas a tirar o leite e a buscar, sen ningunha posibilidade de negociación, outro comprador. Parte dos afectados xa conseguiron que Reny Picot lles recollese o leite, aínda que “sen saber a que prezo llo van pagar”, segundo indicou un dos gandeiros de Curtis que participa na organización da concentración deste domingo. Desde as organizacións agrarias especúlase con que o prezo rondará a cotización do leite en po, 18 céntimos, moi por baixo dos custos de produción.
"A distribución está a mercar leite a 37-39 céntimos, un prezo inaguantable para industrias e produtores" (Isabel Vilalba, SLG)
Problemas coas cadeas de distribución O sector gandeiro é consciente de que hai excedentes de leite no mercado que perxudican tanto ós produtores como ás empresas. “As industrias teñen problemas de excedentes que non dan colocado, unha situación que se está aproveitando desde as cadeas de distribución, que nas últimas subastas aprovisionáronse de leite a 37-39 céntimos” -explica a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba-. “Eses prezos trasládanlle a industrias e produtores unha situación inaguantable e que non se está afrontando de ningún xeito por parte da Administración”, critica. As organizacións agrarias coinciden en amosar a súa sorpresa polo que entenden como “desaparición” da Consellería. “Estamos vivindo unha situación insólita –describe o coordinador de sectores gandeiros da Fruga, Elías Somoza- “Hai gandeiros de Curtis tirando o leite e estamos vendo que a Consellería é incapaz de evitar que se tire o leite ou que se entregue a cambio dunha limosna”.
"Vivimos unha situación insólita. A Consellería é incapaz de evitar que se tire o leite" (Elías Somoza, Fruga)
Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego, coincide en idéntico diagnóstico. “Levo nas negociacións do sector lácteo desde a época de Albor e Laxe e nunca vin tal falta de liderazgo. Sempre que había épocas de crise, había reunións coa Xunta e as industrias. Non sempre se ten logrado o que se quería, pero téñense reconducido moitas crises”, lembraba hoxe na rolda de prensa do Sindicato Labrego. Desde o agro advírtese da necesidade dunha estratexia conxunta para o sector lácteo galego que teña en conta tanto a gandeiros como a industrias. “Hai un claro risco de deslocalización da produción a outras comunidades máis próximas a centros de consumo”, advirte a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. Na Fruga, o seu coordinador de sectores gandeiros, Elías Somoza, compara a situación industrial galega coa doutras comunidades, como Asturias, con Clas, ou Cataluña, con Llet Nostra, e advirte da necesidade de accións que muden o panorama no medio prazo.