Archives

Convocadas as axudas á valoración e a segunda transformación da industria da madeira e do contract

A Xunta convoca este ano 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024 -un 30% máis que nos últimos exercicios- en axudas á valoración e a segunda transformación da industria da madeira e do contract. Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense ademais cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural. Así, a primeira abrangue a competitividade e valoración, vencellada á compra de nova maquinaria para procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira. Mentres, a segunda refírese a todo o relativo á compra e venda de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción, co obxectivo neste caso de consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional, competindo coas súas propostas de equipamento integral para uso colectivo por diversos proxectos en materia de retail, horeca (hoteis, restauración e cafeterías) e iates/superiates en diferentes países do mundo. Cabe apuntar que ambas as dúas liñas inclúen obras, instalacións ou bens de equipo necesarios para os proxectos en cuestión. Por outra banda, a terceira liña abrangue o relativo á mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio. Mentres, a cuarta refírese a certificacións da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental; a informes, servizos, bens, equipos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais, entre outros; e a ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado. Por último, a quinta liña abrangue as cuestións vencelladas coa seguridade e a saúde na contorna laboral, como a implantación e certificación de estándares de seguridade e a creación de servizos mancomunados. Canto aos beneficiarios destas axudas, serán as pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract radicadas en Galicia que utilicen madeira e os seus derivados, como a resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para a liña referida á seguridade e saúde na contorna laboral, tamén poderán ser beneficiarias, entre outras, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten estes servizos ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. A convocatoria establece unha reserva mínima de importes para cada unha das liñas citadas. En calquera caso, se non houbese suficientes solicitudes para cubrilas, estes remanentes orzamentarios pasarían a outras liñas con maior demanda. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia

Ligazón á orde de axudas

Beneficiarios das axudas da Xunta a empresas do sector da madeira e do contract

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, na que se indican os beneficiarios destas subvencións, por un importe propio de preto de 2 millóns de euros. Estas achegas teñen como obxectivo apoiar as actividades de valorización e segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract que empreguen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal como materia prima para a elaboración dos seus produtos no mercado interior. Estas axudas buscan contribuír á consolidación das pemes que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. En concreto, beneficiáronse destas achegas 15 empresas e persoas autónomas da industria forestal e do contract radicadas en Galicia e que utilizan madeira e os seus derivados para un investimento de case 4,5 millóns de euros. Destaca a aprobación de varios controis numéricos por computadora (CNC), o que fai que o sector forestal galego sexa máis competitivo grazas á dixitalización dos seus procesos produtivos. As actividades subvencionables son aqueles proxectos de investimento realizados polos solicitantes nos procesos de produción vinculados á transformación de produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Tamén son obxecto de subvención aqueles investimentos e gastos que garden relación directa co proxecto financiado, como compra de maquinaria ou outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto. A porcentaxe das axudas é do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiaro. Os criterios de baremación incluíron cláusulas sociais como puntuación adicional nos supostos de mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia (20 puntos). Así mesmo, recibiron tamén máis puntuación as empresas nas que maioritariamente o cadro de persoal sexa fixo (se é un 70%, 10 puntos; e no caso de chegar ao 80%, ata un total de 30 puntos).

Enlace á resolución no DOG