Archives

Que se está facendo para mellorar a posición do agro na cadea comercial?

A situación actual dos mercados alimentarios caracterízase por un elevado nivel de concentración da gran distribución comercial, cun gran poder de negociación, fronte a unha industria máis atomizada e con menor poder de negociación dos prezos e das condicións. Esa situación de desprotección aumenta aínda máis no último elo da cadea, as explotacións agrarias e ganderías.

“Esta realidade fai que sexa preciso equilibrar o poder de negociación ó longo da cadea”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, unha das entidades galegas que está a traballar de xeito activo nesta liña.

Cómpre lembrar que o fortalecemento do papel dos produtores ao longo da cadea é un dos obxectivos prioritarios marcados pola PAC no novo ciclo 2023-2027. Tanto institucións públicas como entidades ligadas ao sector agrario están a implicarse nesta liña de traballo, por medio de medidas, organismos e ferramentas específicas.

Debullamos a continuación o papel que están desempeñando na cadea alimentaria distintas entidades públicas e tamén as organizacións de produtores, un instrumento impulsado por Bruxelas como vía para fortalecer a posición do agro na cadea de valor. É de destacar que son entidades ás que se lle recoñecen excepcións na normativa de competencia da UE, no sentido de que se lles permite negociar e pactar prezos en conxunto para as producións dos seus asociados.

O papel da AICA

Dende a súa creación no ano 2014, a axencia española AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) realizou máis de 6.700 controis de oficio en toda España, a maioría no sector da froita e hortalizas (1.763), seguido do sector do viño (1.216) e o lácteo, onde efectuaron 1.048 controis. Nestes 9 anos de traxectoria, a AICA tramitou un total de 1.978 expedientes de sanción, onde a maior parte deles débense a incumprimentos dos prazos de pago e á falta de contratos escritos entre as partes.

Expedientes sancionadores tramitados pola AICA dende a súa creación no 2014.

Coa última modificación da Lei de mellora da cadea alimentaria, introducida en 2021, as comunidades autónomas pasan a asumir funcións de control no seu territorio, que ata o momento desenvolvía exclusivamente a AICA.

Galicia: o Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais

Con este fin, Galicia habilitou a finais do ano pasado o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. “A posta en marcha do novo servizo está producindo unha maior concienciación por parte dos operadores da cadea alimentaria na necesidade do cumprimento das obrigas legalmente establecidas nas súas relacións comerciais”, indican dende Medio Rural.

As principais actuacións coas que nace este servizo son:

– Mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea agroalimentaria.

– Ofrecer un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais.

– Fortalecer o sector produtor e potenciar actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

– Garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.

– Elaborar un observatorio de prezos e de custos de produción.

– Manter un intercambio de información e coordinación coa AICA e outras comunidades autónomas.

“Este servizo permitirá obter un coñecemento máis profundo do funcionamento da cadea alimentaria en Galicia e das relacións comerciais dos seus operadores. Iso permitirá detectar posibles desequilibrios no sistema e buscar medidas correctoras en colaboración cos membros da cadea”, explican dende Medio Rural.

Os primeiros controis realizados pola Administración galega prestaron especial atención ós contratos e ás prácticas comerciais abusivas, eixos da Lei de Mellora da Cadea Alimentaria. “Ata o momento, as actividades desenvolvidas centráronse en labores informativos e de inspección realizadas cos operadores de diversos sectores da cadea alimentaria”, indican.

Control da cadea de valor en Portugal

Portugal tamén aborda xa no Plan Estratéxico da PAC a necesidade de mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor, unha liña de traballo na que xa vén traballando dende o 2011 por medio da Plataforma de Acompañamento das Relacións na Cadea Alimentaria, un órgano impulsado polo Goberno portugués, con participación de distintos Ministerios (Economía, Agricultura e Mar, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

A Plataforma creouse co obxectivo de fomentar o equilibrio na cadea alimentaria, promovendo o diálogo para aumentar a transparencia e un axeitado reparto do valor entre os sectores da produción, da transformación e da distribución dos produtos agrícolas e agroalimentarios.

No marco do traballo da Plataforma, creouse no outono do 2022 o Observatorio de Prezos Nacional e Sostible, orientado a facer un seguimento das cotizacións medias dos produtos agroalimentarios, tanto dos vexetais como dos procedentes da gandería. O obxectivo do Observatorio é facer unha comparación de series homólogas entre a evolución dos prezos ó produtor e dos prezos ó consumidor, con actualizacións mensuais.

Co Observatorio gáñase en transparencia do mercado e facilítase o traballo da Autoridade de Seguridade Alimentaria e Económica (ASAE), creada no 2005 para velar polo cumprimento da normativa na cadea alimentaria, entre outros cometidos. Desde setembro do 2022 a marzo deste ano, a ASAE inspeccionou un total de 1.223 operadores económicos e cursou 93 denuncias por especulación e 115 procesos por infraccións administrativas.

A maiores das medidas de control gobernamentais, son de destacar tamén as medidas de autorregulación pactadas pola cadea agroalimentaria de Portugal, con participación de asociacións de todos os elos (produción, transformación e distribución). En concreto, o sector impulsou un Código de Boas Prácticas na Cadea Alimentaria, que inclúe un mecanismo de mediación e resolución de litixios entre as partes.

As organizacións de produtores (OP) en Galicia e Norte de Portugal

Con gran importancia na teoría para fortalecer a capacidade de negociación do agro, a aplicación práctica das organizacións de produtores foi polo de agora limitada en Galicia, con presenza puntual en sectores como o leite e o vacún de carne.

En Galicia, hai unha OP recoñecida en vacún de leite, Ulega, se ben con pouca incidencia no volume de leite negociado. Tamén hai OPs en proceso de inscrición en vacún de carne, como as ligadas a Gandeiros Galegos de Suprema ou a Unións Agrarias.

No Norte de Portugal, en cambio, hai 20 organizacións de produtores recoñecidas, de distintos ámbitos: 5 de froitas e produtos hortícolas, 5 de froitos secos (castaña, améndoa), 3 de viño, 3 de leite, 2 de carne, 1 de vacún de carne e produtos apícolas, e 1 de aceite.

Unha das organizacións de produtores que está a operar no norte de Portugal é a xerada hai 3 anos no seo da cooperativa vitivinícola Favaios, situada na rexión do Alto Douro e considerada unha das máis grandes e recoñecidas do país, cunha traxectoria de máis de 70 anos.

“Convertémonos nunha organización de produtores porque deste xeito podíamos obter vantaxes económicas. Foi un paso máis no camiño da Cooperativa e que os produtores aceptaron de bo grao, ó ver que era unha vía positiva, que tamén lles redunda a eles en apoios adicionais do 5-10% nas axudas da PAC que reciben”, sinala Mário Monteiro, presidente da adega cooperativa Favaios.

En Galicia, varios colectivos de gandeiros de vacún de carne están traballando na actualidade para constituír organizacións de produtores que lles axuden a ter unha mellor posición de negociación na cadea alimentaria.

É o caso de Gandeiros Galegos de Suprema: “Os socios demandan constituír unha organización de produtores para tratar de salvar as ganderías, xa que os custos de produción están afogándonos e non damos subsistido”, explica Santiago Rego, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, unha asociación que se constituíu hai un ano e que na actualidade conta cuns 600 socios, boa parte deles da provincia de Lugo.

A asociación calcula que ten o apoio xa do 50% dos produtores para botar a andar a OP este ano e que logo se sigan sumando máis produtores. O seu obxectivo é conseguir mellores prezos para a carne das súas ganderías.

En Galicia creouse a ferramenta Conta Láctea para calcular os custos de produción nas granxas e establecer un prezo acorde.

Ferramentas para proporcionar maior transparencia

Para promover maior facilidade nas negociacións -individuais ou colectivas- entre as partes, un dos eixos nos que cómpre avanzar é no coñecemento dos custos de produción. Con este obxectivo, en Galicia creáronse dúas ferramentas informáticas: Conta Láctea e Contacarne, desenvolvidas pola Fundación Juana de Vega, cun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural.

Trátase de dúas aplicacións informáticas para uso das ganderías de leite e de vacún de carne,respectivamente. Foron deseñadas para un funcionamento sinxelo e intuitivo, de xeito que ó introducir unha serie de datos técnicos e económicos da granxa se poidan estimar os custos de produción.

A Conta Láctea suma xa máis de 450 usuarios de alta e mesmo se deseñou un módulo de usuario profesional, -xestor de varias granxas-, atendendo á demanda do sector. “Outras comunidades como Cantabria acaban de incorporar tamén esta ferramenta, que resulta de gran utilidade para establecer os custos de produción e defender a correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria”, informa José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega.

As ganderías de Cantabria tamén disporán da aplicación ContaLáctea creada pola Xunta

Cantabria adheriuse a aplicación Contaláctea, impulsada pola Xunta, para facilitarlle o cálculo dos custes de produción aos seus gandeiros de leite. Deste xeito, o conselleiro de Medio Rural, José González explicou que “a adscrición do Goberno cántabro plasmouse nun convenio de colaboración para que os seus gandeiros lácteos poidan beneficiarse dunha aplicación gratuíta, sinxela, accesible e manexable”. Este instrumento en liña permítelle aos produtores desenvolver a xestión empresarial das súas explotacións e fomentar as negociacións do prezo do leite para mellorar a súa posición. “Controlar os investimentos e os custos de produción, de forma que poidan calcular canto lles custa producir un litro de leite e, o máis importante, a que prezo se debe vender, son algunhas das vantaxes diferenciais que aporta a Contaláctea”, sinala o titular de Medio Rural. Así mesmo, “esta ferramenta -elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega- ofrece a posibilidade de emitir unha conta de resultados completa e un informe pensado, precisamente, para ser empregado polos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria. Por iso, seguiremos traballando para incorporar a máis comunidades autónomas a esta liña de acción”, destaca González.

Trazo e Curtis acollen cursos sobre competencias empresariais nas ganderías

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará a próxima semana dous cursos en Trazo e Curtis sobre competencias empresariais nas ganderías. A formación de Trazo empeza o vindeiro martes 25 de outubro e celebrarase no Centro Social Polivalente de Trazo. O taller de Curtis, pola súa banda, comeza o mércores 26 de outubro no Centro Etnográfico Río Mandeo. Ambos cursos desenvolveranse ao longo de 6 días en horario de 9:30 a 14:30 horas e terán unha duración total de 30 horas. O eixo central desta formación é dotar ós empresarios gandeiros dunha visión máis ampla do potencial sobre a súa actividade gandeira co fin de procurar un maior valor engadido e innovación nas súas actividades. Para iso, achegaranse coñecementos sobre ferramentas relacionadas especialmente co ámbito do control e a xestión dos custos que contribúan á mellora da eficiencia das ganderías. Así, darase formación relacionada coa aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para mellorar a xestión profesionalizada das granxas, así como para facilitar ós gandeiros o cálculo dos seus custos de produción e, consecuentemente, do prezo de venda do seu leite. O obxectivo último é mellorar a posición negociadora dos gandeiros en relación cos prezos dos seus produtos. Esta iniciativa formativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán formalizar a inscrición que figura xunto coa información do curso no catálogo de accións formativas deste 2022 da Consellería de Medio Rural. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 609 832 862 ou enviar un correo a atorres@epseaga.com. .

A Xunta comparte coas Illas Azores a súa experiencia para profesionalizar e dinamizar o sector lácteo

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada de técnicos da Consellería do Medio Rural, mantivo esta semana un encontro por videoconferencia con representantes do Goberno dos Azores, interesados en coñecer a experiencia da Xunta no incremento da profesionalización e da competitividade do sector lácteo da nosa comunidade. Na xuntanza, tratáronse os avances no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo implementada polo Goberno galego a finais de 2020, con accións no eido da produción, da industria, dos mercados, da cadea de valor e da formación e investigación. Así, o executivo azoriano amosouse interesado -por exemplo- nas vantaxes que ofrece a aplicación Conta Láctea, que permite aos gandeiros mellorar a xestión empresarial das súas explotacións calculando os seus custos de produción e reforzando, en consecuencia, a súa posición negociadora dos prezos do leite ante as industrias. Coa vista posta nas axudas da nova Política Agraria Común (PAC) e nas novas esixencias aos gandeiros en materia ambiental, os representantes deste goberno rexional de Portugal tamén mostraron interese nas liñas de traballo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. En concreto, nas que inciden na mellora dos pastos e na valoración nutricional de forraxes, co obxectivo de aumentar e mellorar a produción de leite desde un punto de vista sustentable. Por parte da Xunta, ademais da directora xeral estaban presentes na reunión o xefe do Servizo do Sector Lácteo e Mercados Agrícolas do Fondo Galego de Garantía Agraria, Pablo Fernández, ademais do xefe de área do departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Ramón Lamelo. Pola súa banda, o Goberno dos Azores estivo representado por Carolina Câmara, presidenta do Instituto de Alimentação e Mercados Agrícolas, por Eduarda Oliveira, técnica especialista do Gabinete do Secretário Regional da Agricultura e do Desenvolvimento Rural, e por Susana Sebastião, directora do Gabinete de Planeamento da Secretaria Regional da Agricultura e do Desenvolvimento Rural.

Máis información sobre a produción de leite nos Azores