Archives

Fachadas ventiladas de madeira no centro formativo de Sergude, un exemplo da aposta pública pola bioconstrución

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou as obras levadas a cabo no centro de formación agroforestal de Sergude. José González estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Ademais, estiveron nesta visita ao centro, situado en Quián, os arquitectos do proxecto -deseñado por César Portela, Magdalena-Arousa Portela, Jorge Salgado e Celso López- e o propio director do CFEA, Juan Carlos Ferreras. Nesta primeira fase do proxecto de Sergude, dotado con 3,4 millóns de euros, o titular do Medio Rural resaltou a importancia de avanzar nunhas obras enfocadas na mellora das actuais instalacións e a construción dun novo edificio para os estudantes, permitindo ampliar o número de prazas da residencia -de 52 a 82- . González recalcou que con esta actuación búscase que o alumnado deste CFEA, “futuros traballadores do rural galego”, poidan formarse nunhas instalacións modernas, sustentables e que atendan a criterios de eficiencia enerxética. Tanto o novo edificio en construción como as instalacións reformadas contarán cunha fachada ventilada en madeira. “Estas dúas envolventes amosan, con feitos, a nosa aposta por impulsar o emprego de madeira estrutural como ferramenta de sustentabilidade, ademais de contribuír á potenciación do noso sector forestal”, dixo José González. Ata un 20% das edificacións impulsadas pola Xunta contarán con madeira estrutural Nesta mesma liña, ata o 20% das edificacións impulsadas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que irá medrando gradualmente a partir do ano que ven. E dentro desta aposta, o Consello da Xunta avaliou hoxe a Guía para fomentar a madeira na contratación pública de edificacións sustentables, co fin de facilitarlle ás administracións que así o desexen o uso deste material na licitación pública de edificios sustentables. O uso da madeira estrutural na construción constitúe un eixo clave nas políticas de descarbonización e, ademais de por razóns técnicas e sociais, ten un potente retorno económico: cada euro investido neste material supón outro euro no circuíto rexional, nun efecto que se multiplica co emprego de madeira local. En paralelo ao fomento da demanda pública, e dentro do mesmo compromiso co sector forestal, a Xunta de Galicia habilitará en 2024 unha liña de dous millóns para seguir promovendo o emprego de madeira estrutural en edificacións de particulares e empresas. Obras realizadas en Sergude A renovación destas instalacións estase a facer atendendo aos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Ademais, servirá para responder á demanda existente para a residencia do centro, en consonancia coa oferta do CFEA. O centro conta actualmente con máis de 130 alumnos de ciclos formativos, cursando o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal e o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambos en réxime ordinario presencial. Tamén o grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e o grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial). Con respecto ao conxunto do proxecto, o conselleiro recordou que o obxectivo é crear o “Espello do rural galego”, un espazo que propicie unha visión global do que é o noso medio rural, dende o punto de vista agropecuario, forestal e hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora das instalacións formativas e residencias. Así, o pazo de Quián e a súa contorna converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos seus tres usos fundamentais: forestal, agrícola e gandeiro.

A Xunta manterá no 2024 os apoios á construción en madeira

A Xunta mantén a aposta no que atinxe ao uso da madeira como material de construción destinado a vivenda. Así, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou hoxe en Lobios varias edificacións que recibiron axudas do goberno autonómico para a súa construción en madeira. Alí destacou a aposta da Xunta de Galicia polo fomento do uso en madeira como elemento estrutural, para a que destinará dous millóns de euros no 2024. Nesta liña de apoio, estes complexos turísticos da Baixa Limia forman parte das 164 empresas e particulares que recibiron na última convocatoria resolta achegas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. En total, as axudas concedidas ás catro edificacións visitadas hoxe ascenden a preto de 185.000 euros. Segundo indicou o director, estas subvencións teñen como obxectivos principais loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian a habitar edificacións construídas en madeira. Uns obxectivos que, ademais, se enmarcan dentro dos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira. Nesta liña, Jacobo Aboal lembrou o compromiso ambiental da Xunta na loita contra o cambio climático e na busca dun monte multifuncional e sustentable, polo cal a partir do vindeiro ano unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas polo Goberno autonómico terán que empregar madeira na súa estrutura. Apoio ao sector forestal Ademais de fomentar a construción en madeira, a Xunta seguirá centrando os seus esforzos na mellora da competitividade do sector forestal. Neste sentido, o director da Axencia Galega da Industria Forestal destacou diferentes convocatorias de achegas públicas como o os 2,5 millóns de euros para investimentos de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira; ou os 14,1 millóns de euros en investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, o maior importe dunha convocatoria deste tipo. Con todo, a Axencia volverá incrementar o orzamento -ata chegar aos 2,4 millóns- para axudas ás actividades en materia de valorización e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, o director lembrou os 11 millóns de euros do seu orzamento a investimentos para a construción de tecnoloxías forestais, unha medida incluída nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para 2024. Incrementarase esta partida en máis dun 100%. Ademais, unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas pola Xunta de Galicia utilizarán madeira estrutural, unha liña xa avanzada en proxectos como o da Base da Unidade Operativa (BUO) de Muíños. A maiores, a Consellería do Medio Rural xa está a traballar nun novo paquete de axudas á industria forestal; con achegas, entre outras, á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas galegas e do contract ou subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Crearase tamén unha nova liña específica para a dixitalización das empresas do sector forestal en Galicia e para realizar investimentos necesarios que lle permitan ás empresas acudir dun xeito máis sinxelo e económico aos seguros da súa maquinaria e instalación.

“No centro e norte de Europa nunca deixaron de construír en madeira, aquí sí, e agora temos que recuperar esa cultura”

A ampliación do centro de saúde do Porriño é a segunda edificación en madeira do Sergas, trala boa acollida que tivo o centro de urxencias da Laracha (A Coruña). De ambos proxectos encargouse o estudo Ezcurra e Ouzande Arquitectura, que leva apostando pola construción en madeira desde os seus inicios. “Para os centros de saúde, o uso da madeira aporta calidade de ambiente interior. A madeira é un material que contribúe a dar tranquilidade e acouga, dálle benestar tanto ás persoas traballadoras como ás usuarias, algo moi importante tras todo o que vivimos na pandemia”, valora a arquitecta Cristina Ouzande, unha das responsables do proxecto do Porriño. - Fálenos do proxecto de ampliación do centro de saúde do Porriño. - Este proxecto sae dun concurso que nós gañamos. A Administración pedía que fose un edificio basicamente de madeira e nós propuxemos un sistema mixto, que leva uns forxados de madeira contralaminada e uns paramentos de entramado. Practicamente é unha construción 100% de madeira, salvo a cimentación, que é de formigón. Tanto na estrutura como nos acabados interiores empregamos madeira. As carpinterías son de madeira, con emprego tamén de taboleiros derivados da madeira en baños e consultas. Nas fiestras, a parte de poñer uns vidros baixo emisivos, colocamos unhas celosías nas fachadas leste e sur, que tamén axudan a que non se produza un quecemento importante dentro do edificio, que é un problema que había no edificio inicial do centro de saúde, onde faremos unha intervención posterior para intentar controlar este aspecto. Por último, incorporamos cubertas axardinadas, que é un elemento que a nós nos parece moi interesante a nivel térmico e ambiental. - Tódalas fachadas exteriores son tamén de madeira. Explíquenos o material que empregaron para as fachadas. - Esta é unha madeira de piñeiro de Galicia, termotratada, que ten unha clase 3 de resistencia ó exterior e leva un tratamento ignifugado, de resistencia ó lume, xa que é obrigatorio nestes edificios. É toda unha madeira que leva trazabilidade. Poremos na entrada un código QR que permitirá que calquera poida ver no seu móbil todo o percorrido da madeira, desde que se cortou en monte ata a súa chegada á obra. Nos interiores traballamos tamén con piñeiro nalgúns acabados e con outras madeiras, como o castiñeiro para as tarimas ou o cedro para as fiestras. - A construción estrutural en madeira é unha tendencia que se está introducindo en Galicia nos últimos anos. Que cre que se necesita para que colla impulso? - Creo que se precisa algo máis de difusión todavía e que a xente vexa que é un sistema que non xera problemas. Porque unha persoa cando inviste nalgo quere que teña unha durabilidade, entón ver que estes sistemas teñen esa durabilidade e que aportan beneficios que non aportan outros sistemas construtivos é unha das claves. Outra cuestión importante é que en Galicia temos xa empresas fabricando material con madeira galega para construción, pero precisamos máis gamas de produto para poder ter un suministro local e que a pegada de carbono da edificación sexa relativamente pequena. - A durabilidade das construcións en madeira é unha das dúbidas habituais entre a cidadanía. Que nos pode dicir sobre iso? - A durabilidade é toda a que se poida necesitar. O único a ter en conta é que a arquitectura de madeira hai que pensala como arquitectura de madeira, hai que deseñala como arquitectura en madeira. Non serve facer un proxecto de formigón e despois executalo en madeira, xa que precisas ter as solucións constructivas ben traballadas para que funcionen e a madeira permaneza en bo estado todo o tempo que se precise. - Incluso nos exteriores? - Como se pode ver aquí no centro de saúde do Porriño, nós non temos ningún medo. Hai que coidar certas cousas, adaptar as solucións. Por exemplo, nós temos uns verteaugas nas fiestras para recoller as cabezas do entaboado, temos uns petos cubertos cuns topetes que protexen da auga os remates superiores, etc. En definitiva, tendo en conta unha serie de cuestións á hora de construír, non debería haber ningún problema, pero son cuestións que tamén tes que ter en conta con outros materiais, non é tan extraordinario, é construír ben, máis nada. - Falaba antes da necesidade de máis materia prima de orixe galega. Onde ve necesidades? - Por exemplo, a día de hoxe, hai materiais como os laminados de piñeiro silvestre (‘pino rojo’) que veñen de fóra, cando o piñeiro do país, nalgúns aspectos, é mesmo mellor a nivel técnico para usos estruturais. Que sucede?. Que os europeos nunca deixaron de construír en madeira. Eles levan moitos anos facendo silvicultura coidada e sostible, cunha industria xa moi potente, e nós temos que collelos, imos un pouco atrás. Nin Francia, nin Alemaña, nin os países nórdicos nin en Inglaterra se deixou de construír en madeira. Nós deixamos de construír absolutamente en madeira. Entón, claro, tamén se perderon os oficios e se perdeu coñecemento. De feito, atopar carpinteiros é un problema. Vista aérea das obras no centro de saúde de O Porriño. - No contexto da bioeconomía, a madeira preséntase como un material renovable e sostible de gran interese. Cre que pode coller máis importancia na construción? - A madeira é importante en construción porque ten unha pegada de carbono moi baixa e ese é un elemento bastante definitivo, tendo en conta o cambio climático. A propia Unesco vén de pedir máis madeira e materiais reciclados nos edificios, xa que a pegada de carbono da construción é moi alta. Outro factor a ter en conta é que cos actuais sistemas de traballo, que permiten fabricar as pezas en taller e reducir o traballo da obra case a unha montaxe, logramos acurtar moito os tempos de construción e obtense moita precisión. Unha vantaxe adicional é que se trata dunha construción en seco, co que eliminas as humidades dos morteiros e todo isto son melloras sobre os sistemas tradicionais. - Pódese dicir que a madeira ten tamén vantaxes técnicas en comparación cos edificios tradicionais de formigón e ladrillo? - Si, é un material que ten un bo comportamento dentro da hidrometría ambiental do edificio, ten un bo comportamento técnico, tamén acústico e aporta esa calidade de ambiente interior que, por exemplo no caso do centro de saúde do Porriño, é moi importante para os usuarios. - Cre que proxectos como o do Porriño, de iniciativa pública, poden ser importantes como modelos de referencia para a cidadanía? - Crear modelos de referencia é importante porque cando alguén decide facer algo en madeira, necesita ver outras cousas, para ver que realmente hai máis que cabanas, xa que o imaxinario da xente en relación á construción en madeira é o dunha casiña para ir as fins de semana. Non se entende que poida haber unha arquitectura cun programa xa complexo e cunhas instalacións importantes. Por iso é interesante que se poidan ver estes exemplos. Tamén hai que destacar que unha cousa boa é a liña de axudas autonómicas que se están a sacar para incentivar a arquitectura en madeira.
“A arquitectura tradicional galega era basicamente en madeira”
- En Ezcurra e Ouzande Arquitectura destaca a especialización que tedes na construción en madeira. Como chegastes a esta liña de traballo? - Tanto a miña socia, Cristina Ezcurra, coma min arrancamos traballando nunha oficina de rehabilitación, entón estivemos traballando en intervencións de arquitectura protexida e aquí a arquitectura tradicional é basicamente madeira. Temos os muros de pedra, pero tanto os forxados como a tabiquería como as carpinterías son de madeira. Para nós é un material moi próximo, que entendiamos moi ben, e que unha vez se xunta coa maneira en que nós cremos que se debe facer a arquitectura, tendo en conta as necesidades sociais e ambientais do momento, pois optamos por traballar coa madeira tamén na arquitectura de nova planta. - Que proxectos destacarías dos que levades acometido? - Un proxecto moi querido para nós é un proxecto de rehabilitación, que é a intervención no castelo de Monterrei (Monterrei, Ourense), tanto do interior do castelo como da casa reitoral. No caso da reitoral, estaba en ruínas, polo que nela fixemos unha intervención de rehabilitación estricta, con reposición dos sistemas estruturais en madeira, entaboados, carpinterías e cubertas, tal e como era en orixe. Tamén destacaría a rehabilitación de Vila Concepción (Cambre) como Casa de Cultura. É unha casa de inicios do século XX, estilo palacete parisino, e ten un interese moi importante polos oficios de madeira e de metal, por como están traballados os elementos decorativos. É un sitio para ver como eran os oficios nese momento, que é algo que en Galicia non se ve habitualmente, xa que en Galicia o modernismo pasou con moita discreción. - E en obra nova? - En obra de planta nova, destacaría o PAC da Laracha, porque foi un cambio de paradigma na concepción en que se ten que facer un edificio público. En principio, o Sergas non tiña en mente cando se fixo ese edificio facer nada en sistemas de madeira. Propuxémolo nun concurso, que gañamos, e a partir de aí fomos pechando con eles a solución, para ver a viabilidade do sistema, que funcionou moi ben, xa que tivo moi boa acollida por parte dos sanitarios e dos usuarios, e iso para o Sergas foi importante.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

A construcción en madeira escala novos chanzos en Galicia

Un vídeo que vén de presentar a Fundación Arume analiza as perspectivas na comunidade da construción en madeira. Trátase dunha tendencia en auxe en toda Europa e que en Galicia gañou peso trala apertura no 2021 dunha industria especializada en madeira contralaminada (CLT), un produto orientado a un uso estrutural nas edificacións (muros, vigas, forxados, etc.), en substitución de formigón e ladrillos. Tanto a madeira contralaminada como outros materiais en madeira deseñados para a construcción (revestimentos exteriores, madeiras laminadas, etc.) presentan unhas boas condicións técnicas a nivel de resistencia, durabilidade e illamentos, con vantaxes engadidas a nivel de calidades estéticas e de sostibilidade, pois a madeira é un material renovable cunha baixa pegada de carbono. En Galicia, o impulso inicial ó emprego da madeira na construción está a chegar da iniciativa pública, con casos como o do Sergas, que está a apostar polo uso da madeira nas reformas e ampliacións dos centros de saúde, tras un convenio coa Consellería de Medio Rural. Por parte de Medio Rural, tamén desenvolven á súa vez proxectos propios en madeira, como as novas bases contraincendios. No tocante a iniciativa privada, hai principalmente proxectos de obras singulares, en especial complexos turísticos, e vivendas unifamiliares. O interese que está xerando a convocatoria anual de axudas de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, para construcións con uso de madeira estrutural, é un termómetro das boas perspectivas que se lle presentan a este modelo de edificacións. Como reto de futuro en Galicia, sitúase a introdución da madeira nas construcións a media altura en entornos urbanos. En España xa hai exemplos como o de Barcelona, que levantou en madeira un edificio de oito plantas de vivendas de promoción pública, en tanto outras comunidades tamén valoran o seu uso para vivendas sociais.

O polideportivo Lugo Sport Life, terceiro edificio público da cidade en madeira estrutural

No entorno municipal, o Concello de Lugo é o que está amosando unha aposta máis decidida polo emprego da madeira. Tras o edificio Impulsa Verde e o centro social Abella, o Concello impulsará un polideportivo cun alto emprego de madeira na súa estrutura, o Lugo Sport Life, na rúa Veiga Grande, cun orzamento de 2,9 millóns de euros. “Este proxecto ten por obxectivo dotar á zona norte da cidade dunha instalación que complemente a intensa actividade deportiva que temos no noso municipio. O futuro centro `Lugo Sport Life´ terá capacidade para uns 1.000 espectadores e executarase con criterios de arquitectura pasiva. De feito, o uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente na construción dos novos equipamentos públicos representa todo un selo de identidade do noso Goberno”, sinala a alcaldesa, Lara Méndez. Polo momento, o anteproxecto xa está aprobado e nel destácase o interese da madeira para acadar unha envolvente axeitada, que permitirá limitar a demanda enerxética necesaria para o benestar térmico. Deste xeito, “a edificación da instalación seguirá a liña marcada polo edificio Impulso Verde, o cal emite un 90% menos e absorbe 280 toneladas máis de emisións que os edificios actuais, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel local”, apunta Méndez. “O polideportivo ocupará unha superficie de 3.490’60 m2 e disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe, adecuadas para competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton, ximnasia rítmica e outros deportes de interior. Tamén contará cunha zona de recepción e un espazo de carácter social e con bancadas retráctiles que lle aportarán gran versatilidade ao recinto”, indica a rexedora.

Curso de formación en construción industrializada e eficiente con madeira

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Fundación Laboral da Construción, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal e a Fundación Arume, organizan un curso sobre construción industrializada e eficiente con madeira. A formación ten por obxectivo capacitar a operarios do sector da madeira e a construción na fabricación e montaxe de estruturas de madeira baseadas en armazóns lixeiros de madeira e CLT, con illantes térmicos que permitan realizar construcións eficientes de consumo enerxético case nulo. O curso está destinado especialmente a carpinteiros e montadores, pero tamén a empresarios do sector da madeira e a construción e a todos os operarios e técnicos da construción en xeral que poidan levar a cabo construcións en madeira. A formación impartirase durante dúas semanas, do 11 ó 22 de setembro. Contará cunha parte teórica, que se impartirá de forma online en directo durante 15 horas a razón de 3 horas ó día durante 5 días (do 11 ó 15 de setembro). A segunda semana (do 18 ó 22 de setembro) impartirase a parte práctica, presencial, que terá unha duración de 35 horas, a razón de 7 horas diarias durante 5 días para construír unha pequena construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira. Será nas instalacións da Fundación Laboral da Construción, en Santiago, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Inscricións e prazas

O número de prazas é limitado a 20 alumnos. O curso pecharase coas 20 primeiras inscricións, admitidas segundo o orde de inscrición. A asistencia ó curso é gratuíta, xa que está financiado ó 100% pola Axencia Galega da Industria Forestal, pero a empresa deberá aboar 85 euros por alumno en concepto de reserva cando se formalice a inscrición, que lle devolverán unha vez terminado o curso, se o alumno asistiu como mínimo o 80% do curso. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición e obter máis información sobre o programa do curso aquí.

“Se o eucalipto se planta por rendibilidade, onde non sexa rendible, quizais non debamos telo”

Jacobo Aboal cumpre estes días 10 meses á fronte da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA. Falamos con el sobre as cuestións máis candentes que ten sobre a mesa a Xunta en materia forestal – madeira, como a moratoria do eucalipto, e Aboal insiste nunha idea clara: “Para tomar decisións, temos que saber de onde partimos, e nese sentido serán claves os datos que nos aporte o Inventario Forestal Continuo de Galicia, do que esperamos contar cun avance de superficies este primeiro semestre”. - No último ano e medio viviuse unha situación de prezos disparados e alta demanda no mercado da madeira, especialmente no piñeiro, se ben esta tendencia aminorouse nos últimos meses. Como cre que evolucionará o mercado? - Sabiamos que a demanda de madeira estaba medrando a nivel internacional e chegamos a unha situación na que se dispararon os prezos. Son prezos que, estando eu na Consellería, nunca vira. Falando do piñeiro, os prezos sempre estiveran nos 25-30 euros a tonelada en verde en quenda final, e de repente comezouse a incrementar a 45-50 euros e seguiron subindo ata acadar prezos de 70-80 euros, como nunca viramos antes.
A sensación é que os prezos da madeira están estancados, pero aínda que haxa picos de serra, baixando un pouquiño, a tendencia vai ser ascendente
A sensación que temos agora é que os prezos da madeira están estancados, pero en liñas xerais, se fas una gráfica, aínda que haxa picos de serra baixando un pouquiño, a tendencia vai ser ascendente. Teño clarísimo que todo o que nos están dando os informes, tanto a nivel internacional como a nivel europeo, é que vai haber unha demanda elevada de madeira pola eco-substitución doutros materiais con maior pegada de carbono e ambiental. Desde envases e embalaxes ata téxtil ou usos estruturais na construción, as posibilidades son amplas. O feito de construír en altura en España non é o máis habitual, aínda que si noutros países, polo que hai un nicho importante de mercado aí. - Que falta para avanzar na construcción estructural de altura en Galicia?. Se miramos as axudas que concede XERA para construción en madeira, na maioría dos casos trátase de proxectos de vivendas unifamiliares, rehabilitacións en madeira ou complexos turísticos... - É preciso un liderazgo inicial, como aconteceu noutros sitios. Estou falando de Francia ou de Cataluña e Euskadi, onde o impulso inicial das construccións en altura chegou pola banda das Administracións públicas. En Galicia, creo que iso estámolo conseguindo. O Sergas xa iniciou ese camiño, cunha serie de centros de saúde feitos en madeira, e a Consellería do Medio Rural tamén vai predicar co exemplo. As bases operativas de prevención contra incendios van ir en madeira. Por parte de XERA, o noso obxectivo é chegar a nivel transversal a toda a Xunta de Galicia, para que cando menos unha porcentaxe das novas construcións introduzan a madeira en usos estruturais, e aí temos determinados departamentos que poden dar ese salto cualitativo e comezar a traballar na construción en altura, con materiais como a madeira laminada ou o CLT (Cross Laminated Timber).
O obxectivo de XERA é que cando menos unha porcentaxe das novas construcións públicas introduzan a madeira en usos estruturais
- Pasemos á cadea do eucalipto, coa planta de Ence en Pontevedra aparentemente consolidada e con proxectos sobre a mesa de Altri, para elaborar fibras téxtiles en Palas, e da propia Ence, nas Pontes, coa idea de elaborar produto reciclado. Como ve o escenario? - Teño claro que un dos obxectivos que debe ter o Goberno, e que ten que ter Galicia, é intentar que o número de exportacións que fagamos de madeira en rollo, sen ningún tipo de transformación, sexan as mínimas posibles. A única maneira de xerar produtos de alto valor que xeren emprego e que deixen ingresos en Galicia é por esa vía. Por tanto, calquera proceso de desindustrialización é negativo para Galicia.
As exportacións de madeira en rollo, sen ningunha transformación, deben ser as mínimas posibles. Temos que crear emprego e xerar valor en Galicia
En canto á iniciativa da fábrica de fibras téxtiles, que supón todo o proceso produtivo, desde a elaboración da pasta de celulosa ata a obtención de fibras téxtiles, vai na liña de obter un produto rematado ou semi-rematado de alto valor. - Para complementar á cadea do eucalipto, faltan quizais máis proxectos industriais. Poden ser boas opcións unha biorrefinería de lignina e unha segunda transformación da celulosa, á marxe do proxecto de Altri, para obter produto final en papel? - En canto á biorrefinería, todo o que sexa traballar por procesos químicos, dáme igual a especie, sexan frondosas ou coníferas, tratando de outorgar valor por esa vía, eu creo que temos que intentalo. Sobre a segunda transformación da celulosa, é certo que en Galicia sempre traballamos coa pasta de celulosa e nunca obtivemos produto final. Todo o que sexa pechar ciclos produtivos, ten que ser un obxectivo a nivel de Galicia. En definitiva, se producimos e cortamos preto de 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano, o obxectivo ten que ser transformalos e darlles valor dentro do territorio. - Os proxectos de Altri e de Ence nas Pontes están agora mesmo á espera de fondos públicos Next Generation. Que perspectivas hai de que se confirmen eses fondos? - Esta cuestión estase levando desde a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía e Industria. Como director da Axencia, eu insisto en que todo o que sexan procesos de industrialización son fundamentais para Galicia. Xerarán postos de traballo, aportarán mellores prezos da madeira en monte e iso vai facer que a xente siga apostando por plantar, por facer silvicultura e, sobre todo, por non abandonar o monte. - O último inventario forestal nacional feito en Galicia data de hai 15 anos. Daquela, na comunidade había arredor de 1,4 millóns de hectáreas arboradas, das que máis de 550.000 correspondían a piñeiros, arredor de 480.000 a frondosas e unhas 368.000 a eucaliptos, tendo en conta as masas mixtas. A tendencia dos últimos anos semella ser a de aumento das plantacións de eucalipto e tamén das frondosas caducifolias espontáneas, en zonas en abandono, así como a diminución dos piñeirais. Tedes xa uns primeiros datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia que confirmen estas tendencias? - O primeiro que vou dicir do Inventario é que se trata dunha demanda histórica do sector. Tiñamos un inventario nacional que era moi acaído para un determinado tipo de masas -grandes piñeirais, montes públicos, etc.-, pero polo carácter que ten Galicia,non era moi axeitado. Por exemplo, cando en Galicia se marca unha determinada extensión circular do territorio para inventariar, é frecuente que aparezan varios tipos de especies -piñeiro do país, insigne, unha zona de frondosas, etc.-, pero iso non é unha masa mixta, son tres masas monoespecíficas de pequena superficie en distintas parcelas catastrais. Co Inventario Forestal Continuo de Galicia imos obter datos máis precisos, grazas tanto ao traballo da Universidade de Santiago de Compostela como da Universidade de Vigo, co respaldo da Consellería.
Achégase o momento de sentar outra vez a tódolos axentes da cadea monte – industria e, á vista dos datos que teñamos, tomar decisións sobre a Galicia que queremos
Os resultados a nivel de superficies irémolos obtendo, eu creo, ao longo deste primeiro semestre, seguramente separando os tres piñeiros e as frondosas caducifolias. A partir de aí, buscaremos lograr información de volumes de madeira, pero tamén chegará o momento de sentar outra vez a todos os axentes da cadea monte-industria e, á vista destes datos, tomar decisións acerca do modelo que se quere para Galicia. O Inventario vai poñer cuestións enriba da mesa que despois teremos que desenvolver no Plan Estratéxico da Industria forestal, así como aspectos que se poderían establecer no Plan Forestal de Galicia, posto que está sometido a revisións cada quinquenio. Para poder tomar decisións, primeiro é fundamental saber de onde partes, logo saberás a onde queres ir, pero difícilmente podes saber a onde ir se non sabes onde estás. O Inventario Forestal Continuo de Galicia vainos dar un fiel reflexo de onde nos atopamos. - Polos avances de datos que manexan do Inventario, ata que punto medrou a superficie de eucalipto en Galicia? - Para min sería moi precipitado porque neste momento xusto están elaborando na Universidade de Vigo todos os informes e os últimos mapas para ter claro cales son as superficies. O que si que nos transmiten é un elevado incremento da superficie de frondosas caducifolias, e respecto a piñeiros e eucaliptos, están traballando para afinar ben eses datos porque sabemos que son datos moi importantes para tomar decisións. A verdade é que o desafío pola banda das Universidades é moi importante. Pensemos que os datos non deixan de cambiar porque fanse 40.000 ou 50.000 solicitudes de corta ao ano en Galicia, con repoboacións constantes tras corta. Todo iso estase monitoreando con información satelital e trátase de afinar na interpretación, pero non é sinxelo, xa que precisas que a árbore teña unha idade mínima para identificala. En calquera caso, dentro duns meses, poderemos ter xa algúns resultados. - Unha vez que teñan os datos do Inventario, falaba de tomar decisións. A ese respecto, que pensa que vai pasar coa moratoria a novas plantacións de eucalipto, establecida ata o 2025? - Temos una moratoria que, ó final, eu teño que estar de acordo en apoiala. Cando estás vendo que se están producindo uns cambios rápidos no territorio, eu creo que o máis acaído é parar, saber onde te atopas -repito, Inventario Forestal Continuo de Galicia-, e unha vez saibas onde te atopas, é o momento de tomar decisións. Unha delas vai ser esta, o tema da moratoria do eucalipto.
Debemos buscar un balance entre as distintas demandas industriais, e incluso as demandas sociais
E para min, ao respecto disto, o punto é buscar o balance para que poidan existir e abastecerse as distintas demandas industriais, e incluso as demandas sociais. Por iso, creo que hai puntos intermedios, e poñer os ovos nunha única cesta é un risco, un risco incluso empresarial: hai que intentar diversificar. Se hai un problema fitosanitario e tes todo apostado a unha única especie, tes un problema enorme. Por tanto, hai que saber diversificar. Temos una industria grande fundamentada no piñeiro que, dende logo, ten os seus requerimentos, e non podemos deixar atrás esta situación, senón todo o contrario. Creo que temos que traballar por varias vías: unha delas, así o pon o Plan Forestal de Galicia, é plantexarse que determinadas superficies de eucalipto aquí en Galicia teñen escasa saída industrial. Penso que ademais vai ser unha das cousas que se porán de manifesto no Inventario Forestal Se un dos motivos da aposta do propietario forestal polo eucalipto é o rendemento económico, que sentido ten que haxa superficies de eucalipto en determinadas zonas, onde pola sua situación, non vai haber unha saída industrial?. Estou pensando en zonas elevadas, rochosas, con extraccións difíciles, lonxe de calquera saída a través de estradas... Nalgúns casos, son zonas que se queiman recurrentemente e que están cheas de gromos, pero non hai ninguén detrás delas, xestionando. A miña pregunta é se esas superficies pagan a pena.
En eucalipto, máis que pensar en aumentar superficies, son partidario de centrarse en poñelas onde teñen que estar, é dicir, facer ordenación do territorio
Ao mellor, unha das posibilidades é ir pola vía da compensación, é dicir, non centrarse tanto en pensar en aumentar superficies como en poñer as superficies onde teñen que estar, e facer ordenación do territorio. Se ó final ten que haber unha superficie mínima de eucalipto para destino industrial, pola súa demanda, poñámola nun sitio onde realmente sexa rendible, pero ter miles de hectáreas en eucalipto onde non existe ningún tipo de xestión ou saída industrial, e non vai haber interese industrial, eu non lle vexo ningún sentido. Como dicía, se o eucalipto é unha elección do propietario pola rendibilidade económica, onde non sexa rendible, non teñamos eucalipto. Esta podería ser unha das propostas. En calquera caso, eu xa digo, ten que ser froito dun proceso de reflexión dos axentes da cadea monte-industria e mesmo da sociedade civil, para vermos que quere Galicia para os seguintes 15-20 anos. - A ordenación do territorio que propón podería ir pola vía de plans de xestión por Distritos Forestais? - Sempre acabamos no mesmo, a vía é a planificación do territorio, que é un debate que vai máis aló do debate simplemente forestal: polos núcleos habitados, pola calidade agronómica do solo, pola presenza de explotacións agrogandeiras, que son fundamentais... E logo existe unha superficie arborada, moi interesante a nivel industrial, pero tamén ambiental, social e como sumidoiro de carbono, que ten que estar onde ten que estar. Dentro da superficie arborada, por cuestións industriais e ambientais, teremos que decidir que porcentaxes das distintas especies queremos. Ao respecto disto, estanse elaborando uns mapas de usos da terra, a raíz da Lei de Recuperación da Terra Agraria, e servirán para definir que queremos ter e onde. -En relación ós aproveitamentos forestais, tedes tamén en marcha un plan de valorización sostible da madeira das frondosas caducifolias, que son masas cun escaso aproveitamento industrial en Galicia. Veslles posibilidades de maior uso industrial? - Nas frondosas caducifolias temos unha fiestra de oportunidade. Podemos obter madeira destas masas cun alto valor engadido. A idea é preparar as masas de frondosas actuais para que de aquí a 20 ou 30 anos teñan madeira de calidade, que se poida aproveitar de xeito sostible, con cortas puntuais en entresaca, non con cortas a feito. Para preparar esas masas, hai que facer unha serie de rareos e tratamentos silvícolas, que teñen uns custos. Desde o CIS Madeira estamos buscando calquera tipo de saída, xa sexa por procesos químicos ou de valorización enerxética, para satisfacer os custos destes traballos silvícolas. Cómpre tamén lembrar que nas axudas silvícolas da Consellería xa hai unha liña de tratamentos, podas e rareos para masas de frondosas caducifolias.

“O Rexistro autonómico de carbono primará que se faga unha xestión forestal activa e sustentable”

- Outro aspecto no que estades traballando é nunha regulación autonómica da comercialización de créditos do carbono almacenado nos montes. Xa sacastes a finais do 2022 unha normativa para darlle máis transparencia á compra – venda de carbono, e estades traballando na creación dun Rexistro autonómico, alternativo ó do Ministerio de Transición Ecolóxica, coa idea de que se poida vender carbono de montes que demostren unha captura adicional de carbono por medio dunha silvicultura activa. Como está este proceso? - Estamos traballando e dando pasos. Queremos compoñer un sistema de créditos de carbono propio da Xunta de Galicia que poña o acento na xestión forestal activa e sustentable, incluso establecendo unha diferenciación daqueles créditos de carbono que procedan de superficies que aporten a nivel medioambiental ou social, por exemplo, a nivel de servicios ecosistémicos. Nós o que queremos primar é que cando se faga unha xestión forestal activa e sustentable, se poida acceder a un sistema de créditos de carbono. Iso obríganos a establecer unha liña base de captura de carbono para as diferentes especies, e esa liña base sairá do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Digo liña base porque para ti poder poñer no mercado os teus crédtos, tes que poñer unha base, isto é, o que captura a túa masa de xeito usual e a partir de aí, establecer que actuación estás a facer, medir cal é o teu carbono adicional despois desa actuación, e con ese diferencial coa liña base usual, ir ó sistema de transacción de créditos de carbono. - En que prazos calculades que estará o Rexistro autonómico e o sistema en marcha? Eu creo que ao longo deste ano e do seguinte estaremos en condicións. Temos que facer un traballo acompasado entre ter o coñecemento destes créditos de carbono adicionais, a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia, e montar a plataforma de venda dos mesmos.
- O outono pasado, a Consellería anunciou a posta en marcha dun plan estratéxico da cadea forestal – madeira. Están xa traballando neste plan? - A idea de lanzar este plan estratéxico é o resultado dunha demanda histórica de diversas entidades do sector monte-industria. Pola miña experiencia, o único xeito de que este tipo de plans teñan éxito pasa por involucrar ao conxunto dos axentes do sector desde o inicio, e non aparecer cun documento case rematado para achegas. Por tanto, ese será o enfoque, estamos comezando a traballar coa idea de que sexa un traballo conxunto de todo o sector. Desde logo, ese plan estratéxico ten que estar perfectamente engranado no Plan Forestal de Galicia. Difícilmente un plan que establece unha política con respecto ao recurso pode estar á marxe dun plan do lado da transformación dese recurso. - En canto á folla de ruta da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, a previsión é a de continuar coa liña de traballo e de axudas dos últimos anos? - A liña de traballo da Axencia está marcada na Axenda de Impulso da Industria Forestal, que ten o foco no fomento da innovación e da formación e recrutamento, especificamente a través da formación regrada, como pode ser a Formación Profesional. Sobre innovación, todo o que sexa traballar en novos nichos que están saíndo, estaremos aí. Poño o exemplo do apoio ó uso da madeira estrutural na construción. Nós imos seguir traballando co cliente, é dicir, dando apoios ó consumidor, dando moita formación a profesionais da arquitectura e tamén a instaladores e outras empresas contratistas, para que os seus operarios se formen nestas cuestións ou polo menos saiban a quen poden acudir. Logo seguiremos dando axudas ó conxunto dos elos da cadea a nivel de maquinaria e de transición dixital. Este ano é de mencionar que abrimos unha liña a maquinaria de menos peso, de cara a facilitar a mecanización dos tratamentos silvícolas. - Se falamos de innovación no sector, unha das referencias en Galicia nos últimos anos foi o contract, con empresas especializadas no suministro internacional a cadeas comerciais e corporativas. Que perspectivas lle ve? - O segmento do contract é un exemplo de crecemento do sector da madeira en Galicia. Hai 4 ou 5 empresas a nivel internacional que están abrindo o mercado por diferentes puntos, como Miami, México ou Dubai, e iso é pola súa excelencia.
O patrón de negocio do contract é un exemplo para todo o sector. Adicaron moito tempo e esforzo a grandes departamentos técnicos e aportan solucións chave en man
Este segmento conta cun patrón de negocio que eu creo que se podería trasladar a outros segmentos da cadea: dedican moito tempo e esforzo a grandes departamentos técnicos, tanto en materia de deseño como de fabricación; e logo aportan una solución chave en man para todo o conxunto de produtos que traballan. Ese modelo, acompañado da excelencia, pois o resultado é o que é. - Falabas de recrutamento de persoal e de formación, que é unha das eivas que preocupan ó sector. Que perspectivas lle ves? - É certo que é un tema preocupante, sobre todo nas partes da cadea máis achegadas ó monte, pois a medida que imos cara ao produto final, o problema non é tan significativo. A cuestión é que o persoal que sae dos ciclos de formación non é suficiente para cubrir a demanda que está habendo do sector. A formación dual pode ser unha das posibles solucións, e ademais a Dirección Xeral de Formación Profesional acaba de lanzar un plan, o Plan Conecta, para impulsar esa vía e o primero dos sectores que se presentou a este plan foi o forestal-madeira.
Unha tarefa importante é prestixiar as profesións ligadas á madeira, de cara a atraer xente nova. Tamén temos que facer chegar ó sector ás mulleres, pois o cadro de profesionais do sector está moi masculinizado
A falta de persoal e de persoal cualificado é unha eiva, pero tamén se ten que presentar como unha oportunidade para atraer capital humano. Vemos tamén que o forestal é un sector masculinizado, polo que hai que prestixiar a profesión e facer chegar este sector ás mulleres. Neste sentido, temos previsto continuar coa iniciativa Elas Xeran Sector, que viñemos desenvolvendo nos últimos anos para visibilizar ás mulleres na cadea forestal – madeira.

“O uso nas cidades de materiais elaborados con madeira ten gran potencial para enfrontar o cambio climático”

Galina Churkina, investigadora e profesora de Ciencias de Ecosistemas Urbanos na Universidade Tecnolóxica de Berlín centra a súa liña de investigación en torno ao crecemento urbano e a mitigación do cambio climático. Churkina, que estivo este ano en Santiago de Compostela, no Foro Esenciais en Bioeconomía, organizado por XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, estuda este eido coa finalidade de avanzar no “desenvolvemento da urbanización dunha maneira sostible, favorecendo, ao mesmo tempo, a mitigación do cambio climático”. A bioeconomía e o uso de materiais a partir de biomasa nas cidades “representan unha boa oportunidade e un alto potencial para avanzar na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Pódese avanzar na fixación de dióxido de carbono nas cidades mediante unha transición a un tipo de construción fundamentado na madeira”, afirma Churkina. Fálenos das claves do seu traballo sobre crecemento urbano e cambio climático. Hai dúas tendencias que nós observamos. Unha delas é que hai cambios no clima que están afectando a todo o mundo no noso planeta. A segunda é o crecemento da poboación e o crecemento das cidades, isto é, tendencias na urbanización. Neste sentido, estamos vendo que necesitamos atopar a maneira de abordar ambas tendencias, e así mitigar o cambio climático á vez que construímos cidades que sexan sostibles, sen ampliar o efecto da urbanización no clima. Polo tanto, penso que a bioeconomía e o uso de materiais a base de biomasa nas cidades representan unha oportunidade e teñen un amplo potencial para contribuír co medio ambiente e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Basicamente, trátase de extraer unha parte do Co2 mediante o proceso de fotosíntese, e acometer unha transición a unha construción baseada na madeira, para así almacenar parte do carbono nos edificios. É difícil explicarlle este tipo de cuestións á poboación. Como poderíamos explicar a compatibilidade entre a conservación do medioambiente e o aprovisionamento de materias primas nos bosques? Hai dous tipos de movementos diferentes; un é protexer o bosque, que pretende ter máis masa forestal protexida e sen xestionar. Por outra banda, vemos o crecemento da industria forestal, dunha industria da construción fundamentada na madeira, e dunha industria téxtil con produción a partir de madeira e residuos de roupa. Entón, o desafío sería combinalos e para isto, unha das fórmulas é extraer recursos do monte asegurándonos de que despois eses bosques sigan medrando. Ademais, é moi importante que estes materiais que cheguen ás cidades estean nelas o maior tempo posible, reutilizándoos e reciclándoos para así contribuír á fixación de carbono. Cómpre entender que non só temos que reciclar a nosa roupa, senón tamén os materiais de construción.
Un gran reto é cambiar a forma de construír para conseguir edificios rexenerativos, que poidan ser desmontados e reciclados ao final da súa vida útil
Desta maneira, creo que un gran reto é cambiar o sector da construción e a forma de construír para conseguir crear edificios rexenerativos, que poidan ser desmontados ao final da súa vida útil. Cal é a súa perspectiva do sector forestal e dos cambios que está supoñendo o cambio climático? Fai un tempo, colaborei nun estudo chamado ‘O panorama do sector forestal ata 2014’, que xorde do esforzo dun conxunto de científicos de diferentes disciplinas e diversos países. Este proxecto abordaba dúas grandes temáticas: unha era a dos cambios no sector forestal, e a outra era o cambio climático. Esta iniciativa pretendía poñer foco nun final conxunto, intentando prever o que sucedía se se comezaba construíndo con madeira, e vendo o efecto que tería nos montes desde a perspectiva do cambio climático. Unha das cuestións que se plantexou foi que se tiña que facer para salvar parte deste carbono que está no monte -e que se podía queimar no seguinte incendio-, e como podía transferirse aos edificios de xeito sostible. Así que o ideal era ver ambas cousas, ata que chegamos ao punto de querer ver o crecemento deste tipo de economía que se basea nos materiais que proveñen do monte de forma natural. Iso si, sempre baixo a premisa de manter o monte vivo, e coa necesidade de xestionar este sumidoiro global de carbono xunto co desenvolvemento da industria. Que cuestións cambiaría na xestión dos produtos da industria forestal? Debería haber un impulso serio para a xestión sostible dos bosques e da construción resiliente co entorno forestal. Tamén creo que a industria ten que aprender a utilizar non só as plantacións forestais, senón os bosques mixtos. Así que as futuras plantacións deberían apostar por ese modelo, e ir acompañadas de cambios na industria. Como chegou a investigar este tema e a partir de que formación o puido facer? Comecei como matemática. Empecei matemáticas pero eran un pouco áridas para min, polo que me especialicei en ecoloxía matemática. Por iso, completei a miña educación en matemáticas pero dun xeito máis aplicado a esta rama, e máis tarde fixen o doutorado na Escola de Forestais da Universidade de Montana, nos Estados Unidos. Nese momento adentreime nun campo completamente diferente ao meu, pero, de novo, desde o meu coñecemento das matemáticas. Foi entón cando me puxen a traballar na creación de diferentes modelos numéricos e outras ferramentas para estudar o efecto dos cambios do noso planeta no clima, e viceversa. Ao principio estudaba sobre todo ecosistemas naturais, pero dinme de conta de que as cidades son, actualmente, moito máis interesantes e complexas que os ecosistemas naturais, e substancialmente menos investigadas que os montes ou as pradarías. Polo tanto, fai dez anos decidín afrontar o desafío e comecei a estudar as cidades e aspectos da súa organización.

A construción industrializada en madeira, novo horizonte para as coníferas galegas

O sector da construción está a cambiar de paradigma. Da edificación húmida en obra, con formigón, aceiro e ladrillo, pasarase nos próximos anos a un modelo híbrido, no que o formigón convivirá cunha introdución progresiva da madeira. “É a única vía de avanzar cara a unha construción máis ecolóxica” -resume o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña-. “A poboación mundial está medrando, precísanse máis vivendas e a madeira é o único material de construción renovable e que axuda a mitigar o cambio climático”. A maiores do factor verde, a edificación en madeira presenta outras vantaxes para o sector da construción, como a redución de tempos da obra, pois o material chega ó terreo coas medidas e cortes requeridos, listo para a súa ensamblaxe. “No País Vasco, un proxecto de edificación de 68 vivendas en madeira rematou a súa montaxe en 12 semanas” - pon como exemplo Daniel Ibáñez-. “A madeira ten un gran potencial en edificios de altura media, entre 6 e 14 plantas, de cara a promover a bioconstrución nas cidades. Pensemos que o 60% da pegada de carbono dun edificio está na construción”, subliñou Ibañez, que onte participou no encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume en Santiago para abordar os novos horizontes que se abren para as coníferas, principal madeira empregada na construción.
"As estruturas de madeira son ideais para edificar nas cidades, en alturas de ata 12 ou 14 pisos" (Daniel Ibáñez, Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña)
“Estamos ante un proceso de industrialización da construción, no que o groso do traballo faise por parte de arquitectos e industrias de madeira, antes do inicio da obra no terreo”, explica José Carballo, presidente da Fundación Arume, que augurou unha progresiva introdución da madeira na construción en España, na liña do que se está a facer noutros países europeos. En España constrúense cada ano máis de 160.000 vivendas, das que actualmente menos do 1% se levanta en madeira estrutural, unha tendencia que se espera que cambie radicalmente nos próximos anos. O presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España, Juan Antonio Gómez-Pintado, salientou tres obxectivos clave para lograr unha maior presenza da madeira estrutural na construción. “En primeiro lugar, precísase unha maior capacidade de industrialización da madeira para construción, para o que é necesaria a obtención de boa materia prima nos montes e tecnoloxía para a súa transformación. En segundo lugar, hai que reducir custos, co que chegaremos ó terceiro obxectivo, facilitar un maior acceso á vivenda” -detallou-. “Se non melloramos a capacidade de acceso á vivenda da cidadanía, o impacto que teremos será insuficiente”, valorou.
O Grupo Casais introduciu en Portugal a construción con estruturas híbridas prefabricadas de formigón e madeira. "Tódalas semanas temos peticións para edificar con este sistema, pero aínda non temos capacidade de resposta" (Antonio Carlos Rodrigues)
Desde Portugal, Antonio Carlos Rodrigues, director do Grupo Casais, unha das maiores empresas do sector da construción, presentou en Piñeiros 22 unha solución híbrida de estruturas de formigón e madeira que está a empregar o seu grupo. “O primeiro proxecto inmobiliario con este material fixémolo nun edificio do grupo, que está a servir de modelo. Desde que o edificamos, tódalas semanas temos visitas de profesionais e políticos que nos piden edificacións con este sistema, pero na actualidade non temos capacidade de resposta. Precisamos alinearnos coa cadea de valor da madeira e contar con máis recursos”, sinala Rodrigues, que pronostica que nos próximos 2 – 3 anos cambiará o xeito no que se constrúe. Demanda Para a produción dos novos materiais que esixe a construción en madeira (madeira contralaminada, estruturas lixeiras en madeira maciza, laminados, etc.), os expertos que se xuntaron en Piñeiros 22 coincidiron en que se precisará recurso en cantidade e calidade suficiente. Ao fío diso, o Centro Pinus (Portugal), que aglutina á cadea forestal – madeira do país veciño, advertiu da necesidade de aumentar a superficie e volume de produción das coníferas, xa que na actualidade o consumo de piñeiro da industria portuguesa da madeira é superior ó crecemento dos piñeiros en monte. “Houbo unha regresión dos montes de piñeiros, en boa medida propiciada polo abandono e por factores desincentivadores da actividade forestal, como os incendios e a praga do nematodo”, analizou a directora do Centro Pinus, Susana Carneiro. Outro risco que perciben en Portugal é o aumento do consumo de madeira de piñeiro para pellets e centrais de biomasa, o que introduce unha competencia adicional polo recurso forestal. En Galicia, estase a elaborar na actualidade unha análise da situación do recurso en monte, a cargo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), responsable de acometer o Inventario Forestal Continuo de Galicia. En canto ese Inventario estea rematado, poderase facer un diagnóstico da situación dos montes de coníferas na comunidade, pero desde a perspectiva do sector e da propia Administración xa se avanza que son necesarias máis plantacións de piñeiro, e en masas sometidas a coidados silvícolas (podas e rareos), para garantir a produción de suficiente madeira de calidade nos próximos anos. Máis de 200 profesionais do sector forestal, madeira, arquitectura e construción déronse cita en Piñeiros 22. O encontro Piñeiros, organizado pola Fundación Arume e cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), contou cun panel de relatores que incluiu a destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos. Inaugurou a xornada o director de XERA, Jacobo Aboal, que destacou a boa acollida que teñen as subvencións convocadas para construción en madeira, pois en menos de dúas semanas desde que se abriu a convocatoria xa se esgotou a partida presupostaria prevista, segundo os cálculos que manexan na Axencia. Por parte da Consellería do Medio Rural asistiu tamén o conselleiro do Medio Rural, José González, quen clausurou o encontro.

Ábrense o 13 de outubro as axudas para o uso da madeira como elemento estrutural na construción

O Consello de Goberno deulle luz verde á creación de novas axudas destinadas ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción, por valor de 2,6 millóns de euros. Trátase dunha convocatoria bianualizada, cun investimento para este exercicio 2022 de 300.000 euros, en que corresponden os restantes 2,3 millóns á anualidade de 2023. Farase efectiva o vindeiro xoves, 13 de outubro, mediante a súa publicación do Diario Oficial de Galicia. Esta convocatoria ten un carácter de concorrencia non competitiva, de xeito que se irán concedendo, na orde de presentación, aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. A porcentaxe de axudas será do 70 % dos investimentos realizados, e poderase chegar ata un 90 % do gasto subvencionable en dous casos. Incrementarase un 10 % no caso de empregar algún produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (coas certificacións PEFC ou FSC). Para demostrar esta orixe e calidade, debe aplicarse tecnoloxía ‘blockchain’ para a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia denominada Fortra. Tamén pode incrementarse un 10 % no caso de utilizar algún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia. O destino destas subvencións son á nova construción, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados. Exclúese para este cómputo o uso da madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores. Os beneficiarios poderán ser tanto pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como persoas físicas. Serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. O importe máximo de subvención total acumulada por beneficiario será de 70.000 euros para pemes e asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro e de 50.000 euros para persoas físicas. As solicitudes deben presentarse de xeito telemático a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación da convocatoria (que se fará efectiva o vindeiro xoves, 13 de outubro) ata o 15 de novembro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e para a segunda o 30 de xuño de 2023 -a execución non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda-.

O centro de urxencias da Laracha, exemplo de construcción sostible

Galicia celebra o Día Mundial da Construción Sostible e para iso, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia homenaxeará o Centro de Urxencias de A Laracha, obra de Ezcurra e Ouzande Arquitectas, como exemplo de intervención que representa a defensa dos valores sostibles, así como a súa integración co entorno e o emprego de materiais naturais na arquitectura, e neste caso, os beneficios que reportan nunha obra sanitaria. O acto terá lugar o vindeiro 23 de setembro, ás 11.00h da mañá na Casa da Cultura da Laracha; a súa asistencia require de inscrición nesta páxina. Ademais, durante a mesma sesión, e en colaboración co Clúster Saúde de Galicia, celebrarase unha xornada na que diferentes expertos abordarán a importancia que representa o emprego de materiais naturais nos centros de saúde e na recuperación de pacientes, así como o contacto coa natureza. Do mesmo xeito, seguindo o fío da cita, as arquitectas Ezcurra e Ouzande realizarán unha visita guiada polo Centro de Urxencias de A Laracha para amosar as súas peculiaridades construtivas. Programa: 11.00h.- Benvida á Mesa de Debate na Casa da Cultura de A Laracha José Manuel Iglesias, presidente del Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia Rocío Mosquera, presidenta del Clúster Saúde de Galicia Jacobo Aboal, director da Axencia Galega da lndustria Forestal José Manuel López, alcalde de A Laracha 11.20h.- Mesa de Debate sobre o emprego de materiais naturais en Centros de Saúde Jesús Álvarez Flórez, director xeral de Obras e Investimentos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) Centro de Urxencias de A Laracha, Ezcurra y Ouzande Arquitectas Beatriz Piñeiro, Green Hospitals Begoña Jiménez, TimberSoul by Cándido Hermida 12.50h.- Fin da mesa redonda e traslado ao Centro de Urxencias de A Laracha para conmemorar o Día Mundial da Construción Sostible 13.00h.- Lectura de Manifesto Día Mundial da Construción Sostible Visita guiada polas arquitectas Ezcurra e Ouzande ao Centro de Urxencias de A Laracha para coñecer as súas particularidades 14.20h.- Fin da xornada