Archives

Adxudicados 40 lotes de madeira en poxa pública por 1,8 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 40 lotes de madeira en Ourense por un total de 1.828.175,12 € nunha poxa electrónica. Amais destes lotes, outros catro quedaron desertos e serán alleados -a un prezo menor- en próximos procedementos. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. Os lotes adxudicados suman máis de 63.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, incluíndo unha pequena porción de eucalipto branco e chopo negro. Toda a madeira é verde e será vendida baixo os sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final. Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións. Certificacións forestais sostibles A Xunta destaca o feito de que 29 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros 14 teñen a dobre certificación PEFC e FSC. Isto significa que cumpren polo menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Como nas poxas electrónicas de madeira anteriores, os licitadores realizaron todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para este fin. A plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas. Ademais, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse neste enlace que leva ao enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural. Medio Rural, por último, lembra que a explotación destas árbores representa unha absorción de CO2 de máis de 44.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida. Estas árbores serán substituídas por outras novas que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

O sector agrario de Galicia reuniuse hoxe coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación no agro pola seca e o aumento de custos de produción. Se ben a seca en Galicia polo de agora a penas tivo impacto, sí que o problema xa se deixou notar no encarecemento das forraxes, con casos como a palla, que triplicou o seu prezo. Sobre a mesa estivo ademais o desaguisado que provocou o Ministerio de Agricultura coas axudas pola seca. As axudas do Ministerio de Agricultura pola seca e o aumento de custos, anunciadas o xoves pasado, poden quedar de exemplo para o futuro de como convertir en mala unha medida en principio boa. O Ministerio acordou destinar máis de 600 millóns ó agro pola actual crise, acompañando os apoios de beneficios fiscais e medidas de flexibilización da PAC, pero cometeu dous erros claros. Primeiro, non consultou a medida nin con comunidades autónomas nin con organizacións agrarias e cooperativas, co risco que iso implica, e segundo, anunciou datos errados. Agricultura comunicou o pasado xoves que as granxas de vacún de carne se beneficiarían dun apoio de 100 euros por vaca, un apoio que no caso do vacún de leite fixaba en 40 euros e no ovino e caprino de carne en 15 euros. Ao día seguinte, o Boletín Oficial del Estado chegou coa sorpresa de que os importes eran outros. No sur de España, nas comunidades máis afectadas pola seca, 157 euros por vaca de carne, 61 polas de leite e 18 por ovella e cabra de carne, pero en Galicia e na Cornisa Cantábrica, un 25% desas cantidades: 39,25 euros por vaca nutriz, 15,25 por vaca de leite e 4,5 por ovella e cabra. Entre medias, Castela e León e comunidades do centro, co 50% dos apoios. O cambio dos números, obviamente, sentou mal en Galicia. A Xunta, organizacións agrarias, cooperativas e a IXP de Vacún de Galicia mantiveron hoxe un encontro no que acordaron solicitar unha reunión urxente co Ministerio, a fin de pedirlle que rectifique a orde de axudas. “O Ministerio ten que ter en conta o aumento de custos das forraxes que están experimentando as granxas galegas pola seca xeralizada” -defende o conselleiro de Medio Rural, José González-. “Tampouco vemos lóxico que dúas provincias con condicións climáticas semellantes, como Zamora e Ourense, teñan un trato tan diferente”, advirte González, dado que os gandeiros de Zamora cobrarán o dobre que os de Ourense. A falta de axudas para os apicultores galegos, “que no mellor dos casos ingresarán 15.500 euros en conxunto” -pronostica o conselleiro-, é outro dos motivos do malestar. Grupo de traballo O sector acordou ademais crear un grupo de traballo en Galicia para facer un seguemento da seca e do aumento de custos no agro. O obxectivo é tanto trasladarlle ó Ministerio a evolución da situación como adoptar posibles medidas propias. “Temos que pensar que esta seca non é unha situación coxuntural, senón estrutural” -apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non se precisarán só axudas para os sectores máis afectados, tamén será preciso adoptar medidas en infraestruturas para o almacenamento da auga e para aumentar a base territorial das explotacións”, defende. Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considerou “moi importante” a creación do grupo de traballo, pois “Galicia pode verse nun mes en problemas de seca como os que teñen agora outros territorios”, valorou. De cara ó futuro, en caso de que se agudice a crise de seca e custos, García apuntou que unha posibilidade pasaba pola convocatoria de axudas autonómicas, ben con fondos Feader -previa autorización de Bruxelas-, ben con fondos propios da Xunta. Preguntado a ese respecto, o conselleiro non negou tal posibilidade de axudas complementarias, se ben subliñou que o prioritario era que o Ministerio de Agricultura modificase a súa orde de axudas pola seca, que considera “electoralista e discriminatoria con Galicia”, unha postura que compartiu o responsable de Asaga Galicia, Francisco Bello.

Poxa de madeira de montes conveniados o 21 de xuño en Lugo

A xefatura en Lugo da Consellería do Medio Rural organiza unha poxa electrónica de madeira o 21 de xuño. Adxudicaranse 89 lotes de madeira por importe de saída de 4.560.679,01 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. Nesta poxa, unha das máis importantes dos últimos anos, os lotes suman máis de 185.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, das que o 83 % é piñeiro insigne, un 13 % piñeiro do país e o resto piñeiro silvestre; así como unha pequena partida de eucalipto. Ademais,cómpre aclarar que todos os lotes son de madeira verde e alléanse polo sistema de risco e ventura. Medio Rural lembra que estas árbores absorberon durante a súa vida máis de 139.000 toneladas de CO2 que foron retiradas da atmósfera. agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro. Cómpre destacar que 41 lotes contan con certificación da xestión forestal sostible PEFC e 14 máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. As empresas que opten aos lotes certificados deben dispoñer tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto. O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas. Os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse nesta web.

Jonatás Gago, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei reuniuse este pasado mércores 8 de marzo para elixir o novo órgano de goberno desta denominación. A reunión estivo presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. A elección fíxose dentro do proceso de renovación dos órganos gobernativos de quince consellos reguladores agroalimentarios. José Luis Cabarcos entregou as credencias aos vogais elixidos. Deste xeito, a mesa do novo pleno quedou constituída por 7 vogalías, das cales 2 corresponden á Asociación Agraria de Galicia; outras 2 para Unións Agrarias; outras 2 para a Federación Rural Galega e a restante correspóndelle a Terras do Cigarrón, S.L. Unha vez tomada a posesión das diferentes vogalías procedeuse á votación para elixir a nova presidencia da D.O. Monterrei. Por unanimidade foi elixido novo presidente do Consello Regulador Jonatás Gago García, quedando como novo vicepresidente Manuel Vázquez Losada. Gago García é diplomado en Educación Infantil e licenciado de Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo, ademais é profesor de Educación Infantil no Colexio María Inmaculada de Verín. Será a oitava persoa que presidirá a D.O. “Agradezo o apoio outorgado polo sector vitivinícola por confiar na miña persoa para este cargo”, destaca o novo presidente. Ademais indica “que afronta o reto con moita ilusión e compromiso con Monterrei”. No acto, tomaron tamén posesión os vogais electos e proclamados. O director de AGACAL foi o encargado de entregar as credenciais aos vogais Lara Da Silva Rodríguez (representante de Gestión Vitivinícola, C.B.), Aníbal Blanco Núñez e Asunción Rodríguez Zarraquiños (representante de Viticultura Monterrei, S.L.). Todos eles polo sector produtor (Censo A). No Censo B (industrial) como vogal do Subcenso B1 atópase Manuel Vázquez Losada, e xa no Subcenso B2,Amadeo Salgado Cid (representante de Adega Pazo de Valdeconde, S.L.) e José Fernando Boo Paradela (representante de Adega Abeledos, S.L.). Por último no sector cooperativo (Censo C), entregóuselle a credencial a Miguel Ángel Tubio Fernández (representante de Terras do Cigarrón, S.L.). Segundo lembra a Cosellería de Medio Rural, nas pasasdas eleccións só votaran determinados censos de consellos reguladores das denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras). Tamén votaran as indicacións xeográficas protexidas (IXP) Mel de Galicia e Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo. No que queda de semana constituiranse tamén os consellos reguladores das diferentes IXPs Carnes de Vacún de Galicia e das denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras.

Medio Rural destina 8,3 millóns de euros para vehículos do servizo de extinción de incendios

O Consello da Xunta autorizou á Consellería do Medio Rural para a compra de 15 motobombas e 12 batracios -que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer-, coa opción de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023. Con este investimento, a Xunta sinala que trátase de garantir o éxito das operacións de defensa contra os incendios forestais, incrementando a seguridade do persoal e apostando por medios de prevención que minimicen a carga de biomasa nos montes galegos En concreto, prevense comprar 15 motobombas por un importe de 4,2 millóns de euros e outros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer, por importe de 4,16 millóns de euros. Así, vaise licitar a compra de 15 vehículos motobomba que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga. Doutra banda, Medio Rural sinala que cómpre afondar nos medios relacionados con traballos preventivos nos montes, de cara a minimizar a carga de biomasa e, polo tanto, reducir tamén a virulencia dos incendios forestais. Así, a Consellería sacará a licitación a compra de 12 batracios, que permitirán desenvolver traballos de limpeza e mantemento de pistas forestais, liñas de defensa contra incendios e cortalumes. Tamén se empregarán no mantemento de puntos de auga e apoio nas queimas prescritas que se levan a cabo no dispositivo de prevención contra incendios forestais. Ademais, poderanse empregar, en caso necesario, para tarefas de extinción de lumes. Cómpre salientar que a compra de todos estes equipamentos está financiada ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2014-2020, cuxa execución se prolongou ata o 2022. Por último, cabe indicar que, en ambas as licitacións, se especifica unha cláusula de modificación do contrato que permite a compra de ata 3 vehículos motobombas e 2 batracios adicionais no ano 2023, a través do programa operativo Feder 2014-2020. O importe máximo destas adxudicacións será de case 700.000 euros no primeiro caso e de 580.000 euros no segundo. Investimentos adicionais no 2022 A parte dos investimentos anteriores, neste ano 2022 mercáronse outras 13 novas motobombas por importe de 2.717.000 euros, que serán entregadas no ano 2023 e que están financiadas con fondos NextGeneration da UE. Renovación do parque móbil da Consellería Medio Rural informou tamén recentemente dun investimento de 7,5 millóns de euros dirixido a renovar o parque móbil da Consellería. En concreto, este ano investiranse 3,8 millóns de euros para 89 vehículos de axentes ambientais e persoal técnico, en tanto que no 2023 destinaranse 2,7 millóns de euros para 61 vehículos. Outro millón de euros irá a parar ó renting de 137 pick-ups para as brigadas de 6 meses dos servizos de extinción.

Obxectivo de recuperación de terras para o leite, 35.000 hectáreas

O sector leiteiro galego presenta importantes fortalezas, pois é a décima rexión de toda a Unión Europea en produción de leite, pero tamén ten debilidades significativas. Entre elas, salienta a escasez de base territorial en Galicia en comparación coas grandes rexións lácteas de Europa. Cada granxa galega ten de media 25 hectáreas, repartidas nunhas 60 parcelas, cunha superficie de 0,4 hectáreas por finca. Un informe elaborado polas Universidade de Santiago e pola Uvigo considera que o sector lácteo galego podería aumentar a súa superficie agraria útil nunhas 53.600 hectáreas, o que suporía un crecemento dun 26,5%. Existen en toda Galicia arredor de medio millón de hectáreas abandonadas que son recuperables para o agro, segundo ese informe, das cales 110.000 corresponden a terras aptas tanto para cultivos como para prados, e o resto sería apta, en diferentes graos, para prados. As principais terras abandonadas de valor, aproveitables para cultivos e prados, sitúanse no occidente da provincia da Coruña (ver mapa), en tanto un segundo nivel de terras válidas para prados poderíase recuperar tamén na zona occidental de Lugo, no interior da Coruña e en zonas con menor tradición leiteira, como o val do Miño ou Verín, que terían capacidade para acoller novos proxectos lácteos (ver mapa). Terras abandonadas con aptitude para cultivos e prados (mapa da esquerda) e para prados (mapa da dereita). En consonancia con ese escenario, o Plan Estratéxico 2020 – 2025 para o sector lácteo propón a recuperación de 35.000 hectáreas de terras agrarias para as granxas de leite. Esa medida permitiría que as granxas galegas continuasen a medrar nos próximos anos cunha menor dependencia de compras de alimento externo. O aumento da base territorial sobre terras abandonadas posibilitaría reducir ademais a presión de carga gandeira, que é especialmente significativa nos 20 concellos galegos con maior produción láctea, pois sitúase en arredor de 2,05 unidades de gando maior por hectárea, existindo nalgún deles cargas próximas a 3 unidades por hectárea.

Principais concellos en produción de leite

O ránking dos 10 concellos con maior produción de leite encabézao Mazaricos, seguido da Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito e Mesía. Se a estes concellos se lle une tamén a produción dos dous seguintes, Guntín e Pol, a suma da produción destes doce concellos supera en produción a Castela e León, segunda comunidade autónoma con maiores entregas de leite en España. A explotación media de Galicia produce 340 toneladas de leite ao ano, con 42 vacas e 22 becerras en recría.

Transmisión de granxas sen relevo

O Plan Estratéxico do Sector Lácteo Galego, coordinado pola Fundación Juana de Vega, marca outro obxectivo importante en relación coa base territorial, como é o de promover a continuidade de granxas viables sen relevo xeneracional. Con esta medida trataríase de evitar a perda de superficie agraria e de investimento produtivo realizado. Arredor do 40% das granxas galegas teñen como titular a unha persoa de máis de 55 anos que, no caso de non ter sucesión, pechará nos próximos dez anos. Un factor que dificulta a transmisión das explotacións é a súa forma xurídica, pois na maioría non hai separación do patrimonio persoal co das explotacións. O 71% das granxas son titularidade de persoas, un 21% de sociedades civís, un 3,5% Sats, un 0,7% cooperativas e só un 1’8% ten unha forma xurídica mercantil, como unha sociedade limitada. Na presentación do Plan Estratéxico do Sector Lácteo, realizada recentemente, a Xunta reiterou a súa intención de crear un Banco de Explotacións para promover o relevo de granxas que cesan na actividade sen substitución.

Aumento do pastoreo e da produción ecolóxica

De xeito paralelo ó aumento de base territorial, o Plan Extratéxico considera que é posible para parte das granxas reorientar a súa produción cara modelos máis sostibles. Nunha enquisa realizada a gandeiros, só o 4,6% manifestou producir en base a pastoreo, pero un 28% dos enquisados considera que podería pasarse a ese tipo de produción ou a ecolóxico. A porcentaxe aumenta en granxas pequenas, cun sistema máis facilmente adaptable. En canto á produción ecolóxica, que na actualidade representa o 0,6% da total, o Plan entende que é posible duplicar esa porcentaxe nos próximos cinco anos.

Formación e calidade de vida no rural

Outros dous obxectivos estratéxicos do Plan ligados co tecido produtivo sitúanse na formación e na mellora da calidade de vida no rural.
  • Formación. A formación do colectivo de profesionais gandeiros considérase indispensable, tanto en termos técnicos como a nivel de xestión empresarial e comercial. O Plan entende que é un elemento imprescindible de competitividade para adaptarse a un mercado cambiante. En Galicia, na enquisa realizada a gandeiros, dúas terceiras partes teñen estudos primarios ou secundarios, en tanto un 10% ten tamén Bacherelato, un 20% formación profesional e un 4% formación universitaria. Das persoas con formación profesional, só un terzo estudou unha familia agraria, en tanto que na formación universitaria un 38% correspóndese á rama agraria. Son números que poñen de manifesto a insuficiente formación do agro en cuestións técnico – produtivas e de xestión empresarial. Por outra banda, o curso modular de incorporación á empresa agraria, requerido polas axudas de incorporación, é valorado en xeral de xeito negativo polos gandeiros, pois un 27% considera que a formación recibida non é axeitada, un 82% pide máis especialización en temas de leite, un 85% máis formación en xestión empresarial e un 67% máis formación práctica.
  • Mellora da calidade de vida no rural. Un dos aspectos que contribúe a manter o atractivo do rural para as persoas mozas é a existencia de servizos de calidade, a distancias prudentes, que garantan unha calidade de vida. Nas mesas de traballo realizadas con axentes do sector, púxose de manifesto a necesidade de servizos como gardarías, colexios, médicos ou servizos de atención á terceira idade. Outro aspecto imprescindible hoxe en día nas granxas é o acceso a tecnoloxías da información e comunicación.