Archives

María José Gómez toma posesión como nova conselleira do Medio Rural

Esta mañá produciuse a toma de posesión do novo Goberno galego, cun total de catro caras novas como protagonistas, entre elas a da conselleira do Medio Rural María José Gómez, que nos últimos cinco anos fora alcaldesa de Guntín e desde xullo do 2023 senadora pola provincia de Lugo. Agora deixará ambos cargos para adicarse por completo ó Goberno autonómico. Gómez é a terceira titular da carteira de Medio Rural desde que no outono do 2015, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, decidiu recuperar unha Consellería en exclusiva para os asuntos do agro, pois os anos anteriores levara as competencias a conselleira do Mar e Medio Rural, Rosa Quintana. Trala crise de prezos do sector lácteo, no 2015, Feijoo optou por nomear unha conselleira do Medio Rural, cargo para o que elixiu a Ángeles Vázquez, tamén daquela un valor da política municipal, como alcaldesa de Melide. Vázquez estaría no cargo durante tres anos e no 2018 pasou á Consellería de Medio Ambiente, deixando en Medio Rural a José González, que xa levaba uns anos bregándose como deputado na comisión de Agricultura do Parlamento autonómico. Recuperación de terra agraria Durante os seus 6 anos en Medio Rural, a José González deulle tempo a encamiñar a estratexia da Consellería, cunha intensa actividade lexislativa e de planeamento. Destaca no seu mandato a Lei de Recuperación da Terra Agraria, que deixou novos instrumentos, longamente demandados, para frear o abandono de terras e superar o minifundio: principalmente polígonos agroforestais e agrupacións forestais de xestión conxunta, xunto coas aldeas modelo, orientadas a previr a chegada dos lumes ós núcleos rurais. González deixa a Consellería con estes instrumentos aínda no inicio da súa posta en práctica. Un dos retos ós que se enfrontará a nova conselleira será precisamente o impulso á recuperación de terra agraria e á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta. Plan forestal Durante o mandato de José González, tamén destacou no 2021 a aprobación do Plan Forestal de Galicia, que profundizou na ordenación de usos do monte galego, cunha moratoria do eucalipto que remata en principio no 2025. A nova conselleira enfrontaráse á ‘pataca quente’ de definir a ordenación futura das plantacións de eucalipto en monte. No plano lexislativo, tamén lle quedan pendentes no ámbito forestal unha lei de prevención de incendios, que modificará a do 2007, e outra de montes veciñais, que substituirá a actual do 1989. González iniciou ambos procesos, pero será tarefa de Gómez culminalos. Sectores gandeiros Os sectores gandeiros son os que lle tocan máis de preto á nova conselleira, pois se ben a súa profesión foi durante unha década a ensinanza do inglés nun instituto público (2008 – 2017), mantén vinculación familiar coa gandería de leite, un mundo que coñece de primeira man. Gómez chega á Consellería nun momento marcado por uns prezos razoables no sector lácteo, pero mellorables na gandería de vacún de carne. O seu predecesor, José González, deixou anunciada unha axuda para as granxas de vacún de carne que aínda non se fixo realidade, algo que lle tocará sacar adiante a ela. Desde as organizacións agrarias levan tamén varias semanas demandando a adopción de medidas complementarias no sector da carne, co que esta será unha das primeiras frontes que terá que encarar. En vacún de carne, tamén está pendente, sen executar, a sentencia sobre a axuda da Covid, pois os tribunais resolveron que as granxas de menos de 10 vacas nodrizas tamén tiñan dereito a cobrar a subvención convocada pola Xunta no seu día, sen que o Goberno galego aclarara por agora como vai proceder ao respecto desta sentencia. Xestión da PAC e normativa A chegada de Gómez á Consellería prodúcese no segundo ano do novo ciclo da PAC, que xa quedou encamiñado no 2023, pero coincide tamén cun momento convulso, de novas normativas que son discutidas polas granxas. Dentro das súas competencias, terá que batallar pola simplificación das normas e da carga burocrática que arrastran as explotacións, un camiño no que xa se conseguiron cambios importantes, pero onde aínda quedan cuestións, como a normativa do veterinario de explotación, que non gustan no sector. Xurros Outra cuestión polémica é a xestión dos xurros e neste capítulo o seu antecesor, José González, légalle a Gómez un asunto controvertido, o plan anunciado pola Xunta para poñer en marcha unha rede de plantas de biogás para tratar os xurros gandeiros, un proxecto no que a Xunta contaba coa colaboración de Repsol, Naturgy e Reganosa. Nos próximos meses, a Gómez tocaralle ademais encarar a declaración da Limia como zona vulnerable a nitratos, un proceso para que o que a Xunta ten de prazo ata o 2025, se non se quere expoñer a sancións europeas.

Cambios na Xunta

María José Gómez. / Concello de Guntín. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o seu novo Goberno, con poucos cambios de caras en relación ó anterior Executivo. Pero en Medio Rural sí hai novidades. O ata agora conselleiro de Medio Rural, José González, foi nomeado novo conselleiro de Emprego, Comercio e Migración, e o posto en Medio Rural é ocupado por María José Gómez, ata agora alcaldesa de Guntín (Lugo). O cambio en Medio Rural pódese interpretar a nivel político como un ‘ascenso’ para José González, do mesmo xeito que no seu día a anterior conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, cargo que mantén no novo Executivo. A outra lectura do cambio é que Medio Rural perde a unha persoa cunha bagaxe de anos de coñecemento e xestión nas políticas do ámbito agrogandeiro e forestal. O seu lugar será ocupado por María José Gómez Rodríguez, de Guntín (Lugo), alcaldesa da localidade desde o ano 2019, que se ben carece de experiencia no Executivo autonómico, mantén vinculación familiar co sector gandeiro, un ámbito que tamén formaba parte da súa xestión no Concello de Guntín, polo que desde as filas populares considérana un perfil axeitado para o cargo en Medio Rural. Desde o 2023, tralas últimas xerais, Gómez era tamén senadora pola provincia de Lugo, e no Senado formaba parte da comisión de Agricultura. Nada en Pradedo de Abaixo (Guntín) no ano 1976, Gómez é licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades. Desde 2008, é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés. Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia. Ao longo das próximas semanas, queda por ver que modificacións se producen na Consellería en postos intermedios de dirección. Novo executivo autonómico As novas caras no Executivo autonómico complétanse con José López, o ata agora alcalde da Estrada, que pasa a ser conselleiro de Cultura; María Martínez, que era deputada autonómica, como conselleira de Vivenda, e o médico Antonio Gómez como conselleiro de Sanidade.

Saen novas axudas para apoiar ás agrupacións de xestión conxunta e ó asociacionismo forestal

A Consellería do Medio Rural sacou tres liñas de axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) e ao asociacionismo forestal. A primeira liña de axudas destínase para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das AFXC. A segunda, é para apoiar as asociacións sen ánimo de lucro que teñan por obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Por último, conceden axudas para a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta. As dúas primeiras liñas de axudas teñen un prazo de solicitude de 30 días hábiles, mentres que para a terceira o prazo amplíase a 45 días, contados hábiles, contados desde o próximo luns, incluído. Divulgación das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta Poderanse beneficiar destas axudas asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidades de montes veciñais de man común. Serán subvencionables os gastos imputables ás actividades divulgativas que acrediten a asistencia mínima de 10 persoas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais ou gráficos. Recibirán a axuda por recursos humanos (gastos de persoal en materia de coordinación ou administración; custos de relatores, gastos de aloxamento e desprazamento), gastos de publicidade para a difusión da actividade, ou gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil. Para esta liña, asignouse un crédito total de 200.000 euros. Este importe distribúese como segue: 160.000 euros para o ano 2024 e 40.000 euros para o ano 2025. Comercialización conxunta de produtos forestais Nesta segunda liña de axudas, poderanse beneficiar asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais sempre que, con anterioridade á publicación da orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela. As actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación, salvo que a actuación estea supeditada á inspección previa. A entidade beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total ou parcial das actuacións que constitúen o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. Esta segunda liña conta cun orzamento de 400.000 euros, e distribúese en 320.000 euros para o ano 2024 e 80.000 euros para o ano 2025. Creación de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta A terceira das liñas de axudas destínase para a creación das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan. As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR). Para esta liña asignouse un crédito total de 1.798.931 euros, que se divide en 1.439.145 euros para o ano 2024 e 359.786 euros para o ano 2025.

Convocadas axudas para elaboración e comercialización de viño

A Consellería do Medio Rural vén de publicar as bases das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. As persoas interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para facer a súa solicitude. Os posibles beneficiarios destas achegas son as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4 % dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas. Orzamentos e obxectivos Trátase dunhas axudas anuais que se convocan por un importe de 4.500.000 euros, co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Farase con cargo dos orzamentos xerais para o ano 2024 cunha dotación de 2.000.000 euros, e para o ano 2025 cunha dotación de 2.500.000 euros. Con esta convocatoria búscase fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario. Tamén impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos. Outro dos eixos é fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Entre os obxectivos tamén está favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións.

O Sindicato Labrego critica a demora de máis de tres meses nas axudas destinadas á EHE

Hai tres meses que foron declarados os primeiros casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia nas granxas de vacún. Dende entón, varias explotación sofren perdas económicas derivadas da enfermidade e dende o Sindicato Labrego Galego afirman que a Consellería de Medio Rural se negou a axudar a compensar os gastos (tratamentos, medicamentos e atención veterinaria, perda de produción durante varios meses e, en casos extremos, a morte do animal) derivados desta problemática e "só se limitou a prometer axudas polo sacrificio dos animais recoñecidos oficialmente". Lembran que foi a primeira comunidade en "destinar o maior número de axudas para facer fronte a EHE". Pero ante isto, indican que tres meses despois a Orde segue sen estar pública e as granxas sen poder solicitar ditas axudas nin cobrar por elas. Reivindican que "é agora cando as gandeiras e os gandeiros precisamos axuda económica" para tentar compensar as perdas. Ademais, din que é un insulto ás granxas o retardo na tramitación das axudas, así como a ausencia doutras medidas como a compensación dos gastos do tratamento de animais e mesmo as perdas económicas na produción ou para a reposición de animais mortos. O Sindicato sinala que xa trasladou "en varias ocasións" á Consellería as graves consecuencias da EHE en Galicia, pero "Medio Rural nunca estivo á altura das circunstancias". Por todo iso, solicitan que se fagan públicas as axudas de maneira inmediata para que as gandeiras e gandeiros poidan recorrer a elas agora, "que é cando máis o precisan".

Medio Rural reclama ao Goberno Central que lidere un Plan Nacional contra a EHE e que destine axudas para compensar os danos

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural lembran que "tal e como a Xunta sinalou dende o primeiro momento en que se anunciaron estas indemnizacións -coas que Galicia foi pioneira-, na convocatoria de subvencións do ano que vén destinada a indemnizar aos gandeiros pola morte de bovinos nas explotacións incluiranse achegas, con carácter retroactivo, para as mortes que se constaten causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)". "Estes fondos cubrirán, polo tanto, o 100 % das mortes das vacas que se constate que foron causadas pola EHE", engaden dende a Consellería.

Medio Rural cambia a normativa para poder darlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

En xaneiro publicouse a convocatoria autonómica de axudas para investimentos das industrias agroalimentarias, unha liña de apoios na que este ano se especificaba, por primeira vez, que “non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes que fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Ley 12/2013 de la cadena alimentaria”. En resumo, a normativa excluía ás empresas que fosen sancionadas de xeito grave pola Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), encargada de velar polo cumprimento de contratos e pagos na cadea alimentaria. Pero as regras de xogo acaban de modificarse. Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha modificación nas bases das axudas para suprimir ese artigo. A Consellería argumenta que, “con posterioridade á publicación da orde, realizouse unha análise máis profunda dos efectos da aplicación deste novo requisito nas iniciativas empresariais do sector agroalimentario. Nesa análise, púxose de manifesto que o novo requisito podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas, xa que a amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas na Lei 12/2013 podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións, ou o reintegro delas, constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida” Por todo iso, a Xunta sinala que “co obxecto de manter a debida proporcionalidade nas actuacións, considérase aconsellable suprimir o referido requisito desta liña de axudas”. Críticas de Unións Agrarias A decisión de Medio Rural xerou a indignación de Unións Agrarias, que en nota de prensa tacha de “inaceptable” que a Xunta dea marcha atrás e levante o veto a que industrias sancionadas reciban axudas públicas. “Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias”, lamenta a organización. Unións lembra que esta é a primeira ocasión en que se incluíu nas bases un veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave nos dous últimos anos en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria”. Ademais, establecíase a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda. A organización considera que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea. Este primeiro trimestre do ano, cómpre lembrar que a AICA fixo pública por primeira vez unha lista de empresas sancionadas, entre as que figuraba unha industria láctea asentada en Galicia, Inleit, que semanas despois recibiu a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Proclamados os vogais electos nos consellos reguladores

A Xunta Electoral vén de proclamar hoxe os vogais electos no proceso de votación que tivo lugar o pasado domingo 19 de febreiro para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agrolimentario galego. Pendentes de posibles reclamacións que se poidan presentar deica este venres 24 de febreiro contra os resultados das votacións, quedaría establecida a repartición de vogalías nos 15 consellos reguladores que se renovan, sumando os nove onde houbera candidaturas únicas ou pactos. Cabe lembrar que o domingo procedeuse coas votacións en determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún, para os que hoxe quedou establecida a repartición de vogalías. Así, no caso do Consello Regulador das IXP das Carnes de Vacún de Galicia, Asogacarne ten 8 vogalías, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) conta con 3, a Asociación de Gandeiros de Suprema ten 2 vogais -Santiago Rego e Francisco Rivas-, Unións Agrarias (UUAA) outros 2 -Hermanos González SCG e Nazaret Chaín- e o Sindicato Labrego Galego (SLG) 1 -Samuel Formoso-. Todo despois de que este domingo se producise votación no censo de gandarías tradicionais e a lista máis votada fose a da Asociación de Gandeiros da Suprema. No Consello Regulador da DO Monterrei, hai 2 vogais da Federación Rural Galega (Fruga), 2 para a Asociación Agraria de Galicia, outros 2 para Unións Agrarias e 1 vogal para Terras do Cigarrón. Isto a expensas de posibles reclamacións despois das votacións do domingo no censo de adegas de menos de 30.000 litros, onde a lista máis votada foi a da Fruga. Respecto do Consello Regulador da DO Rías Baixas, quedarían 7 vogalías para a Asociación Empresarios Bodegueros y Viticultores Rías Baixas, 5 para a Asociación Agraria de Galicia, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e 2 vogais de Sindicato Labrego Galego. Mentres, a Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas, Unións Agrarias, a Agrupación Profesional Viticultores Rías Baixas e a Asociación Adegas do Salnés teñen 1 vogal cada unha. Cabe recordar que o domingo votouse en tres censos desta denominación. En concreto, no de viticultores de máis de dúas hectáreas do Condado de Tea e Soutomaior -onde a lista máis votada foi a do Sindicato Labrego Galego- e no mesmo censo das subzonas do Val do Salnés e da Ribeira do Ulla -onde a lista máis votada foi a da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas-. Dentro do sector industrial, só houbo votación no censo correspondente a adegas de menos de 100.000 litros e liderou a Asociación Agraria de Galicia. No Consello Regulador da DO Ribeiro, quedan 3 vogais para a Asociación Agraria de Galicia, 3 vogais para a Cooperativa Viña Costeira, 2 para Unións Agrarias, 1 vogal para Candidatura Independente de Adegas e outro vogal para a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal. Todo a expensas de posibles reclamacións despois de que o día 19 votase o censo de viticultores, no que venceu a lista de UUAA. Seguindo co Consello Regulador da DO Valdeorras, 2 vogais son para Asaga, outros 2 para a Candidatura Independente Viticultores Independentes Valdeorras, 1 vogal para a Candidatura Independente por unha DO Valdeorras de Prestixio e Calidade, outra vogalía para a Candidatura Independente Ruvirco, outro vogal para a Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e un último para o SLG, logo de sorteo realizado pola Xunta Electoral ao estar esta candidatura empatada en votos coa de Asaga. Isto sempre que non se presenten reclamacións despois de que se votase o domingo no censo de viticultores de maior dimensión económica, no que a lista con máis apoios foi a da Candidatura Independente Viticultores Independentes de Valdeorras, e no censo dos viticultores de menor dimensión, no que gañou tamén Viticultores Independentes de Valdeorras. Dentro do sector industrial, tan só se votou no censo das adegas de menor dimensión, sendo a lista con máis apoios a da Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras. Por último, no referido ás votacións do domingo, no Consello Regulador da IXP Mel de Galicia atribúense 6 vogalías á Agrupación Apícola de Galicia e 3 a Erica Mel Sociedade Cooperativa Galega, despois de que hai dous días se votase no censo de apicultores con máis de 400 colmeas e a lista máis votada a de fose Erica Mel SCG. Pódese consultar a lista de vogais elixidos o pasado domingo neste documento. Resto de consellos reguladores que non foron a eleccións Esta repartición de vogais xa se tiña decidido no caso doutros nove consellos reguladores, con censos onde se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías. Así, na denominación de orixe Ribeira Sacra, corresponden 8 vogais á Candidatura Independente de viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra, 3 á Candidatura independente dos vitivinicultores de Ribeira Sacra e 1 á Candidatura Independente e viticultores non comerciais. Mentres, no Consello Regulador das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia a Candidatura profesional Augardentes e Licores de Galicia foi a única presentada, logrando un total de 10 vogais. No caso dos queixos, a denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa ten 2 vogais para Unións Agrarias e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso dos produtores; mentres na industria hai 3 vogalías para a Candidatura Independente Pequenas Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa e outras 3 para a Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa. Na DOP Queixo Tetilla quedan tamén 2 vogais para UUAA e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso do sector produtor; mentres no industrial houbo unha candidatura única correspondente a Queixerías da DOP Queixo Tetilla, que ten 5 vogais. Na DOP San Simón da Costa, pola súa banda, hai 2 vogais de Unións Agrarias no caso dos produtores e 5 para a candidatura independente Queixeiros de San Simón no das industrias. Na IXP Pataca de Galicia, no sector produtor UUAA ten 2 vogalías, e Asaga, Fruga e SLG contan con 1 vogal máis cada un; mentres no sector industrial a Candidatura Independente Envasadores de Pataca de Galicia ten 5 vogais. Na IXP Pan de Cea houbo unha candidatura única denominada Candidatura Independentes de Cea, con 4 vogais, no único censo de elaboradores. Na indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, a repartición é de senllos 3 vogais tanto para Unións Agrarias como para a Asociación Agraria de Galicia, no caso da produción; mentres no sector industrial a candidatura única correspondente á Candidatura Independente Procesadores de Castaña de Galicia queda con 6 vogais. Para rematar, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), no sector produtor, repártense 2 vogais para UUAA, outros 2 para Asaga e outros 2 para o SLG. No sector industrial, a Asociación Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, única presentada, queda con 7 vogais. Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias. Pódese consultar máis información na web de Medio Rural sobre o proceso.

Biogás, cultivo de pataca e intercambios, principais focos da visita de Medio Rural á Bretaña francesa

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandería, José Balseiros, conclúen hoxe unha visita de tres días á Bretaña francesa. O encontro centrouse en coñecer dous sectores nos que Galicia e a Bretaña francesa manteñen importantes similitudes, a produción de leite e o cultivo de pataca. A maiores, Medio Rural valorou con centros de formación agrícola da Bretaña a posibilidade de aumentar os intercambios de agricultores e estudantes, incorporando a alunos dos Centros de Formación e Experimentación Agraria que xestiona a Xunta a estas viaxes. En canto ó sector lácteo, unha das principais visitas centrouse en coñecer unha granxa de leite que xestiona a súa propia planta de biogás. A granxa, con 160 vacas en produción e 170 hectáreas, xestiona, en conxunto con outras dunhas granxas próximas, unha instalación para producir metano coas dexeccións gandeiras. A maiores da planta, a instalación dotouse dunha zona de almacenaxe de xurros e residuos vexetais, a fin de facilitar o transporte e reducir desprazamentos entre as explotacións participantes. Estas explotacións intégranse na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia, que conta con arredor de medio milleiro de granxas en todo o país galo. A planta visita produce electricidade suficiente para abastecer anualmente a arredor de 1.000 fogares, pero ademais a planta aproveita o calor xerado para secar a alfalfa que producen as explotacións nas súas terras. O conselleiro galego, José González, lembrou que a Xunta traballa “nesta mesma liña, fomentando a correcta xestión e aproveitamento das dexeccións xeradas polas producións gandeiras”. Se ben, cómpre precisar que no caso da Xunta, o seu proxecto oriéntase a macroplantas provinciais de biogás, acompañadas de plantas comarcais de pretratamento; en tanto na Bretaña francesa, igual que noutros países europeos (Alemania, Holanda), apostouse polo modelo de pequenas plantas de biogás ubicadas en grandes explotacións ou agrupacións de granxas. O titular da explotación láctea visitada na Bretaña é tamén presidente dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) que aglutina un cento de socios, dos que uns 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo, ben alugando o material. Conta ademais cunha decena de empregados, entre condutores, técnicos e mecánicos. A maiores, a CUMA propiciou a posta en marcha dun proxecto relacionado coa produción de auga quente comunitaria, que facilita enerxía a edificios públicos mediante a venda dos restos de talas e/ou podas dos socios da cooperativa. Visita a unha cooperativa de pataca Na xornada de hoxe mércores, a delegación galega visitou a cooperativa Bretagne Plants, que agrupa a 270 produtores de pataca, con 6.700 hectáreas e arredor de 180.000 toneladas de produción. A cooperativa exporta case dous terzos da súa produción a arredor de 60 países. É de destacar que o sector de pataca bretón conta con dúas estacións experimentais, unha orientada ó cultivo in vitro e á experimentación de técnicas de cultivo, así como a controles de calidade, e outra centrada na creación varietal. González agradeceu a recente visita de técnicos da Bretaña á Limia e a Coristanco, onde ofreceron charlas divulgativas sobre os métodos de traballo dos agricultores na Bretaña. Intercambios de experiencias Outro dos focos da visita da delegación galega radicou en encontros coas autoridades rexionais e cos centros de formación agraria. A Consellería interesouse pola posibilidade de aumentar os intercambios de experiencias entre agricultores e gandeiros de ambas rexións, así como do alunado dos centros de formación agraria de Galicia, tanto das Escolas Familiares Agrarias (EFA), como a de Fonteboa, como dos Centros de Formación e Experimentación Agraria que xestiona a Consellería. Houbo tamén unha reunión de traballo con responsables de Space Feria, un certame internacional dedicado á gandería de referencia na rexión.

Xornada técnica sobre produción e etiquetado de alimentos artesáns

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- celebrou este martes na Coruña unha xornada técnica de divulgación e formación no etiquetado de produtos de artesanía alimentaria, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse baixo esta marca de calidade diferenciada. A formación levouse a cabo no salón de actos do Edificio Administrativo de Monelos, de 10.00 a 13.00 horas. Ao longo da xornada abordáronse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratou o propio proceso de inscrición ao selo e o inicio da actividade artesanal. Ademais, tamén houbo un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas. Neste senso, cabe sinalar que o pasado 4 de marzo foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as primeiras 14 normas técnicas que veñen desenvolver o decreto que regula a artesanía alimentaria na nosa comunidade, así como os distintivos que identificarán os produtos artesáns, os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña. En cada unha destas normas fíxanse, entre outras cuestións, as materias primas autorizadas, os procesos de elaboración permitidos e prohibidos, e o límite máximo de produción artesanal. Tamén se indica como debe ser a presentación e envasado, as especificacións para os produtos artesáns caseiros e os controis de calidade e a sistemática da rastrexabilidade necesaria para proporcionar aos consumidores todas as garantías.

Actívase dende hoxe a tramitación electrónica para as agrupacións forestais de xestión conxunta e os silvicultores activos

Logo de que se presentara no Consello da Xunta deste xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A previsión que manexa a Xunta é de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos ata o 2025. As agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. As agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas. Os procedementos voluntarios de rexistro que se estrean hoxe estarán abertos permanentemente. Como se indica na orde, as solicitudes dirixiranse ao órgano forestal, ao Servizo de Montes da xefatura territorial correspondente. No caso das agrupación forestais de xestión conxunta poderán inscribirse as sociedades de fomento forestal (Sofor), as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais. Mentres, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultores activos as persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que dispoñan dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente. Como destacan dende Medio Rural, estas dúas figuras buscan incidir na mellora da xestión das arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais que hai en Galicia. Así as cousas, as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

- Máis información:

-Orde no DOG.

-Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

Prohíbense as queimas agrícolas e forestais de particulares polas condicións meteorolóxicas

A Consellería de Medio Rural acaba de anunciar que dende este martes quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Porén, quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e que dispoñen dos medios de extinción precisos. Isto implica que, dende este martes, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento.

Como informan dende a Consellería, a decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este momento e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Convocadas as axudas a incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. A partida conta cun orzamento global de 37,5 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

O reparto do orzamento total de 37,5 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

Actividades subvencionables

No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

Os beneficiarios da liña de axudas a incorporación de mozos ao agro estarán exentos da achega de garantías. Deste xeito, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria non terán que presentar unha garantía do 100% do importe a aboar no pagamento a conta, nin verse sometidos a controis a posteriori, quedando só obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial. Así, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación. Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ó desenvolvemento de pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.

– Consulta aquí a convocatoria.

Inician a aprobación dos polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, cos que se inician os procedementos de aprobación para o desenvolvemento de dous polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva e ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, tras as solicitudes por parte destas dúas administracións locais e despois de abrir un período de información ou actuacións previas para coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural acaba de iniciar os procedementos para a súa tramitación. “O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acabaron abandonadas ou infrautilizadas, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal”, indican dende Medio Rural. O polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas, cunhas 70 parcelas de 70 propietarios, que se dedicará esencialmente á gandería en extensivo. O polígono de Oímbra disporá dunha superficie de case 22 hectáreas repartidas nunhas 70 parcelas de 73 propietarios. Neste caso, o polígono destinarase a cultivo de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra. Estes dous polígonos agroforestais impúlsanse debido a que alomenos un 50% da superficie de ditos polígonos se atopa abandonada ou infrautilizada. Ademais, os propietarios do 70% da superficie das terras incluídas dentro deste perímetro está dacordo coa iniciativa.

Instrumentos de recuperación das terras agrarias

Por outra banda, este luns a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou nunha nova reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, onde se abordaron os obxectivos e os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no marco do convenio asinado entre esta axencia e a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. Reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Inés Santé salientou nesta reunión trimestral a importancia de que os propios grupos poidan aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporen á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Además, incide en que o traballo destes 24 GDR favorece o desenvolvemento dos territorios, xa que facilitan o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural. Nesa liña, dende Medio Rural recordan que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compensará os gastos nos que incorra a Asociación de GDRs de Galicia para impulsar estes proxectos, ao ter asinado un convenio de colaboración que se prolongará ata finais do 2022, podendo prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais. Na mesa tamén abordaron a nova liña de axudas para futuras estratexias de desenvolvemento local no período 2023-2027. Santé explicou que os GDRs, que se encargan da tramitación das axudas dos plans Leader, deberán desenvolver estratexias afíns ás novas políticas europeas como son o Pacto Verde, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Estratexia de Biodiversidade para 2030 ou a Estratexia Forestal da UE e, para iso, contarán con preto de 900.000 euros.

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas para vides, cerdeiras e castiñeiros en Larouco

A Xunta e o Concello ourensán de Larouco estudan a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas na parroquia de Freixido. Esta é unha das iniciativas impulsadas pola Consellería de Medio Rural para recuperar a terra abandonada na provincia de Ourense, na liña da presentada recentemente en Xunqueira de Ambía para a produción de cereal. En concreto, o polígono agroforestal de Freixido está proxectado nun total de 1.227 parcelas pertencentes a 517 propietarios. Tal e como está concibido e solicitado polo Concello de Larouco, destinaríase a cultivos leñosos, concretamente, á plantación de vides, cerdeiras e castiñeiros. A proposta foi presentada polo conselleiro do Medio Rural, José González, na propia localidade ourensá, onde participou na primeira edición de Facer Galicia Rural, unha serie de eventos que irán percorrendo a comunidade para dar a coñecer as accións que se están a promover co gallo de recuperar actividade agraria e fixar poboación no rural. O titular de Medio Rural sinalou que os polígonos agroforestais non só permiten poñer en valor parcelas en situación de abandono ou infrautilización, senón que van aparellados de xeito prioritario ás producións de proximidade distinguidas pola súa calidade e á remuda xeracional no agro. Con estes polígonos agroforestais apóstase pola volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal) segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto. González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia da Lei de recuperación á que calificou como unha caixa de ferramentas para poñer en valor terras en estado de desuso. Ademais recordou as 14 aldeas modelo xa aprobadas e a decena de polígonos agroforestais impulsados, aos que agora se suma o de Freixido, como iniciativas que permiten ademais avanzar na anticipación aos incendios forestais. 

Curso de reciclaxe da cera de abella en Boqueixón

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acolle este sábado, día 20, un curso sobre a reciclaxe da cera de abella. A xornada será en horario partido, de 10.00 a 1400 horas e de 15.30 a 19.30 horas. O obxectivo desta xornada é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas. O curso versará sobre os tipos e calidades de cera, a preparación e o fundido. Tamén se abordarán os distintos tipos de laminación e estampación, así como os residuos que poida ter este produto natural. A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas no curso poden obter información adicional no teléfono 881 867 331. Para formalizar a inscrición na xornada deberá descargarse o formulario e remitilo cuberto ó enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. O curso inclúese na oferta formativa que a Consellería do Medio Rural está a levar a cabo a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).