Archives

Un estudo con 3.500 vacas leiteiras demostra que os animais híbridos son máis rendibles nas ganderías

O profesor Les Hansen, da Universidade de Minnesota, é un dos autores do estudo que vén de ser publicado

O maior estudo continuo do mundo no que se comparan vacas leiteiras cruzadas con holstein de raza pura amosa resultados concluíntes en relación aos beneficios que os cruzamientos achegan para incrementar a rendibilidade das explotacións: 33% máis de beneficio vitalicio, un custo en tratamentos de saúde un 26% inferior e 147 días máis de produción de leite.

“Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamiento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados. Especificamente, as razas holstein, montbeliard e vermella sueca son adecuadas para este cruzamento rotacional porque se seleccionaron historicamente por trazos que se complementan ben entre si”, conclúen os investigadores Amy Hazel, Brad Heins e Les Hansen.

As vacas holstein xeran nas explotacións de EEUU uns beneficios de 2.800 dólares por cabeza, mentres que as procross incrementan o rendemento vitalicio en 900 euros, até chegaren aos 3.700 dólares

Segundo as conclusións económicas desta investigación, levada a cabo pola Universidade de Minnesota en 7 granxas leiteiras de Estados Unidos e que acaba de ser publicada no prestixioso Journal of Dairy Science, o medio oficial da Asociación Americana de Investigadores Lácteos, o gando Procross, que se selecciona xeneticamente utilizando un sistema rotatorio de cruces de tres razas (holstein, montbeliard e vermella sueca), proporciona ganancias diarias que se sitúan, de media, entre o 13% entre os animais F1 (holstein x montbeliard) e o 9% dos F2 (holstein x montbeliard x vermella sueca).

Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados

Este ensaio empezou inscribindo a 3.550 vacas holstein puras en 2008, que se manterían nos seus rabaños comerciais, cruzando unha parte delas e mantendo puras á outra metade para deste xeito poder comparar en granxa o rendemento dun cruzamento de dúas e tres razas, baseado na xenética holstein (HO), montbeliarde (MO) e Viking Red (VR), concluíndo que estas tres razas eran altamente complementarias, polo que desde entón utilizáronse no desenvolvemento dun programa estruturado de cruzamento de tres vías, que se comercializa baixo a marca Procross.

Un 9% máis de beneficio diario

Os datos concretos do estudo a nivel de campo, no que se monitorizaron desde o ano 2008 ao ano 2018 os custos e beneficios tanto de animais puros como cruzados que compartían instalacións en 7 establos reais, indican que os cruces combinados de 2 razas (holstein e montbeliard) tiveron 47,3 centavos de dólar (13%) máis de beneficio diario e que os cruces combinados de 3 razas (holstein, montbeliard e vermella sueca) tiveron 34,2 centavos de dólar (9%) máis de ganancias diarias en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

As vacas procross xeran ingresos diarios por produción de leite un 1% inferiores ás holstein, algo que compensan de sobra cun aforro do 4% nos custos de produción

Para chegar a estas conclusións investigouse durante unha década unha ampla gama de parámetros de rendemento en milleiros de vacas no estudo, incluída a produción de leite, graxa e proteína, a esperanza de vida, a fertilidade e unha variedade de características de saúde e manexo.

O informe conclúe que o gando leiteiro cruzado que combina as razas holstein, montbeliard e vermella sueca é 0,34 dólares (0,28 €) máis rendible por día de vida que o holstein puro e 55 céntimos se se ten en conta o mellor índice de conversión de alimento.

Un rabaño de vacas cruzadas proporciona cada ano 100 euros máis de beneficio por cabeza que un de frisoas puras

Isto resultou en 173 dólares máis de beneficio anual por vaca para a combinación de 2 razas e 125 dólares máis no caso de tres cruces. Os factores que inflúen na mellora da rendibilidade son numerosos, pero pódense resumir na redución do 4% nos custos de produción, fronte a unha pequena perda nos ingresos diarios por produción de só un 1% en comparación coas vacas holstein puras, ás que, con todo, exceden en produción vitalicia.

Maior produción vitalicia de sólidos

Unha vaca holstein produce de media ao longo da súa vida uns 2.200 quilos de sólidos, cando a produción vitalicia dunha procross supera esa cifra en case 350 quilos. “A produción de graxa máis proteína ao longo da vida foi maior para as vacas Procross que para as súas compañeiras de rabaño holstein, o que se debe á súa maior vida útil nas explotacións”, din os autores do estudo.

Os cruzamientos permiten medrar máis rápido ás explotacións que queren aumentar o seu número de cabezas

A vida produtiva das vacas cruzadas é máis prolongada (147 días adicionais), o que deriva nunha maior produción vitalicia de sólidos (346 kg adicionais de graxa máis proteína), o que equivale a unha rendibilidade vitalicia un 33% maior para as vacas procross. “Este é un dato moi importante a ter en conta para os rabaños en expansión”, asegura Les Hansen, que o xoves pasado participou nun webinar para presentar as conclusións do estudo.

Mellor índice de conversión de alimento

O cálculo do beneficio diario e vitalicio comparativo realizouse ignorando as posibles diferenzas de eficiencia alimenticia, unha vantaxe adicional do gando cruzado. Pero foi algo que non se mediu neste estudo en particular, senón que se documentou nun ensaio separado, dado que “nas 7 granxas estudadas tanto as vacas cruzadas como as holstein puras atopábanse mesturadas, polo que non se puido medir a inxesta de alimento para cada vaca neste traballo”, explica. “Con todo, un estudo posterior levado a cabo na propia Universidade de Minnesota en 2019 monitoreou a inxesta de alimento e observou unha mellora de ata un 8% na eficiencia de conversión de alimento no gando Procross en comparación con animais holstein.

Os animais cruzados son un 8% máis eficientes que os holstein puros á hora de trasladar a inxesta a produción de leite

“Se aplicamos eses resultados ao custo do alimento durante a lactación das vacas no noso estudo, atopamos que o aumento da ganancia diaria para as vacas cruzadas aumenta de 0,34 dólares diarios (0,28€) a 0,66 (0,55€) en comparación coas súas compañeiras de rabaño holstein”, indica Les Hansen.

“Nunha era na que debemos observar coidadosamente os recursos utilizados, así como os custos de producir calquera alimento humano, estas son consideracións importantes”, engade, porque “producir aproximadamente a mesma cantidade de leite, graxa e proteína cunha menor rotación de gando, menos intervencións para manter a saúde e a fertilidade e potencialmente menos alimento é unha vantaxe importante neste gando cruzado”, defende.

Maior lonxevidade

Tras facer un seguimento pormenorizado ás vacas puras e cruzadas das 7 granxas norteamericanas que participaron no estudo, os resultados son concluíntes a respecto da maior lonxevidade do gando cruzado: os cruces de 2 razas tiñan 158 días máis de vida produtiva no rabaño e os cruces de 3 razas estiveran producindo leite 147 días máis en comparación coas súas respectivas compañeiras holstein puras.

A vida produtiva dunha vaca procross é 147 días (4,8 meses) máis longa que a das súas compañeiras de rabaño holstein

De feito, o 16,3% das vacas holstein eran enviadas a matadoiro antes dos 45 meses en produción, mentres que esta porcentaxe de descartes reducíase ata o 12,4% no caso dos animais cruzados, onde aproximadamente o 29% das vacas seguían producindo leite dous anos despois do primeiro parto, fronte a só o 18% das holstein.

Grazas á maior lonxevidade das vacas cruzadas, isto fai que sexa necesario unha menor porcentaxe de substitución e, por tanto, tamén de recría, co que se aforran custos por esta vía, incrementando ademais os ingresos da granxa pola venda de tenreiros (ao xerarse excedentes de recría é posible dedicar un maior número de animais a venda a cebaderos) e o prezo no mercado deste tipo de animais cruzados é tamén maior (130 dólares fronte aos 100 dólares dos xatos holstein).

Menor custo de reposición

Ademais, a maiores da maior produción vitalicia e o incremento na venda de tenreiros, os beneficios vense amplificados polo feito de que as vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro.

Esta é outra das conclusións do estudo, xa que o prezo de venda no momento do sacrificio tamén resultou ser maior no caso dos animais procross en comparación coas vacas frisoas puras. En concreto, as vacas froito de cruces entre holstein e montbeliard proporcionaron 122 dólares máis de ingresos, que se incrementaban ata os 134 dólares no caso de vacas trihíbridas holstein, montbeliard e vermella sueca.

As vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro pola súa mellor condición corporal

A súa maior lonxevidade (158 días no caso de cruces de dúas razas e 147 días en caso de usar de 3 razas) foi a principal razón para un menor custo de substitución diaria das 2 razas (20,1 centavos de dólar) e das 3 razas (21,3 centavos) en comparación coas holstein puras. Os cruces de 3 razas tiñan ademais un menor custo de substitución (28 dólares por animal) debido á súa menor idade ao primeiro parto.

A mellor condición corporal das xocencas procross permite adiantar a súa inseminación. Ademais, mentres só o 37% das xovencas frisoas puras empreña na primeira inseminación, no caso das tenreiras cruzadas a porcentaxe de preñez cunha sóla dose de seme supera o 50%, unha tendencia que se mantén tamén nos seguintes partos.

Tratamentos de saúde

“O vigor híbrido dentro das especies de animais de granxa é maior para os trazos que afectan a aptitude, e eses trazos inclúen fertilidade, mortinatalidade, saúde e lonxevidade para as vacas leiteiras”, explican os autores do estudo. De feito, a mellora destes trazos explicaría en grande medida a diferenza de beneficio diario observado neste estudo para os cruces de 2 e 3 razas en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

O informe final deste importante estudo sobre cruzamentos acaba de ser publicado no Journal of Dairy Science

O custo dos medicamentos fora ignorado ata o de agora na maioría das investigacións anteriores sobre a rendibilidade da mestizaxe. Con todo, un menor gasto en tratamentos de saúde (6,7 centavos de dólar menos ao día no caso de cruces de holstein e montbeliard e 9 centavos menos no caso de holstein, montbeliard e vermella sueca) en comparación coas vacas hosltein puras do rabaño foi tamén un dos motivos importantes que contribuíron a un maior beneficio diario dos cruces neste estudo, pois mentras nunha vaca holstein o custo en tratamentos increméntase entre a primeira lactación e a terceira de 43 dólares a 109 dólares, nas vacas procross ese gasto sitúase en 33 dólares na primeira lactación e pasa a 81 na terceira. 

“O menor custo de substitución, o menor custo dos tratamentos de saúde e o maior valor dos tenreiros foron os tres elementos de ingresos e gastos máis influíntes que levaron a unha maior rendibilidade do gando Procross”, conclúen os investigadores da Universidade de Minnesota.

Un programa de reprodución estruturado desde 2014

As primeiras experiencias sobre cruzamentos en razas leiteiras empezaron a realizarse en California e Minnesota como un intento de frear o acelerado declive que a consanguinidade estaba a provocar en granxas comerciais de Estados Unidos, sobre todo en aspectos reprodutivos e de saúde.

Os informes positivos do cruzamento de tres vías implementado por estes primeiros produtores lácteos norteamericanos resultaron tan alentadores que desencadearon o lanzamento dunha empresa internacional en 2014 utilizando as tres razas involucradas: holstein, montbeliard e vermella sueca. Este método de cruzamento rotatorio, que leva o nome de Procross, está integrado pola compañía danesa VikingGenetics, a francesa Coopex Montbéliarde, e as estadounidenses Select Sires e Creative Genetics of California, quenes proporcionan a xenética das distintas razas para implementar os cruzamentos.

O programa Procross leva anos afianzado en distintos países europeos, como Holanda, Reino Unido ou Portugal e avanza tamén en ganderías de toda España

Unha das razóns do éxito do programa Procross débese á natureza complementaria das razas utilizadas. “Son tres razas que se complementan á perfección: a holstein ofrece características de produción e de ubre; a montbeliard achega fertilidade, condición corporal e forza; e a vermella sueca características de parto, saúde da ubre e fertilidade. Ademais, as tres razas son tamén complementarias pola súa estatura, o que axuda a brindar uniformidade de tamaño e facilidade de manexo”, destacan os investigadores da Universidade de Minnesota, a doutora Amy Hazel e os profesores Brad Heins e Les Hansen, autores principais do informe presentado a semana pasada.

Heterosis

Un dos factores principais no éxito deste cruzamento de tres vías é o fenómeno da heterosis, tamén coñecido como vigor híbrido. Isto confire un mellor rendemento á descendencia de animais non emparentados do esperado tendo en conta os índices de produción media dos pais. A razón de empregar tres razas e non dúas é precisamente a de manter no tempo os efectos positivos da heterosis, xa que usando só dúas razas o vigor híbrido reduciríase do 86% ao 67%. 

Todos estes factores positivos da heteroxis reflectíronse no rendemento do gando no estudo, cunha mellor saúde, fertilidade e esperanza de vida, todo iso contribuíndo á redución dos custos de produción do gando procross.

O vigor híbrido mantense ao redor do 86% nun programa de cruzamento de tres razas, mentres que descendería ao 67% se só se utilizasen dous

A raza holstein, pola contra, usada ata o de agora case como unha monocultura para a produción leiteira en todo o mundo, acabou xerando numerosos problemas debido aos altos niveis de consanguinidade, situados por encima do 8% en EEUU e que continúa aumentando en niveis anuais próximos ao 0,4%. 

“En 1990 a taxa de consanguinidade nas vacas holstein nos EEUU era do 4,4% pero foi subindo rapidamente até chegar ao 5,8% no 2011 e situarse hoxe xa no 8,6% como consecuencia de recriar masivamente de só cinco touros (Supersire, Mogul, Planet, Shottle e O-Man”, detallou o profesor Hansen. 

Esta práctica acabou provocando depresión endogámica (o efecto oposto ao vigor híbrido), un fenómeno que rouba silenciosamente os beneficios da mellora xenética, especialmente en trazos que non se perciben a primeira vista, como perda de embrión, escasa resistencia a enfermidades ou maior taxa de mortandade.

“Hoxe a consanguinidade na raza frisona é un problema para a rendibilidade das granxas”

Afirma que as vacas cruzadas son máis rendibles nas explotacións que as frisonas puras e aporta datos para demostralo. Leslie Hansen é profesor na Universidade de Minnesota e durante os últimos 10 anos estivo comparando en granxas estadounidenses os custos e beneficios aportados polos distintos animais en sete rabaños comerciais diferentes. O estudo foi presentado o verán pasado tras ter analizado unhas 5.000 vacas, a metade holstein puras e a outra metade cruzamentos con outras razas, como a montbeliard ou a roja sueca, un sistema de cruces trihibrido coñecido como Procross.
Trátase de producir o vigor híbrido ou heteroxis mediante o cruzamento entre distintas razas puras
A investigación levada a cabo, na que ademáis de Les Hansen participaron os profesores Amy Hazel e Bradley Heins, trataba de atopar datos concluíntes para unha evidencia científica xa demostrada noutras especies tanto de animais como de plantas: ao cruzar razas puras diferentes da mesma especie lógrase un efecto positivo chamado vigor híbrido ou heteroxis. Esta técnica de mellora produtiva xa se usou, ademais de en vexetais, noutras especies animais (aves, porcos, cabalos e bovinos de carne) e desde fai máis dunha década estase aplicando tamén a vacas de leite, onde os efectos positivos do vigor híbrido acaban notándose na produción de sólidos e na produción vitalicia das vacas, pero tamén na saúde e na reprodución, conclúe o estudo levado a cabo pola Universidade de Minnesota. Niveis de consanguinidade que superan o 8% en EEUU A mellora na raza frisona camiñou nas últimas décadas da man da selección xenética, mediante a escolla dos animais máis produtivos, familias de touros e vacas de EEUU ou Canadá cuxo seme foi implantado en explotacións de todo o mundo. Iso fixo que os niveis de consanguinidade na raza holstein foran aumentando de xeito exponencial desde os anos 80 até a actualidade, pasando nos EEUU do 2% en 1980 a porcentaxes superiores ao 8% na actualidade. "En EEUU levamos décadas cruzando os mellores animais consigo mesmos, levamos 50 anos cruzando basicamente os xens de tres touros. Hoxe temos uns índices de consanguineidade nas vacas hosltein do 8%. Iso é moitísimo, se temos en conta que se cruzamos unha nai co seu fillo a consanguinidade sería do 25%", explica.
A partir do 6,25% é como se cruzaramos primos irmáns. O nivel de endogamia nas vacas estadounidenses é insostible e continúa aumentando a un ritmo anual do 0,4%
En Europa a taxa de consanguinidade é menor que en EEUU e até o 6,25% non é un problema (sería o equivalente á endogamia entre primos irmáns), a partír de aí é cando se empeza a notar, explica. "Comeza a notarse con pérdidas embrionarias e mortinatalidade", asegura Les. "A consanguinidade da raza holstein é un limitante que fai que sexa difícil seguir mellorando o seu potencial de produción, porque a partir do 6,25% é como se cruzaramos primos irmáns e por enriba do 12% sería cruzar medio irmáns. O nivel de endogamia nas vacas estadounidenses é insostible e continúa aumentando a un ritmo anual do 0,4%", explica o profesor Hansen. Efectos non visibles "Isto dá lugar á depresión endogámica, que é o efecto oposto ao vigor híbrido, un fenómeno que rouba silenciosamente os beneficios aos produtores de leite, especialmente en rasgos que non se perciben a primeira vista, como a pérdida do feto, a resistencia ante as enfermidades ou a propia supervivencia da vaca", defende Les. "A consanguinidade non ten moita incidencia no aspecto produtivo en si, pero si en aspectos de saúde e fertilidade, o que evidentemente acaba afectando á produción e xerando custos económicos e perda de ingresos", asegura.
Os cruzamentos eliminan os problemas da consanguinidade porque ao cruzar cancélanse os xens recesivos e prodúcese o vigor híbrido
"Os primeiros efectos visibles da consanguinidade son a mortinatalidade embrionaria, embrións con pequenos defectos ou mutacións xenéticas que non sobreviven e que se reabsorven aos poucos días. A segunda consecuencia é a mortinatalidade de tenreiros, o becerro ou becerra nace morto ou morre nos primeiros días porque non aguanta. En terceiro lugar, tamén a causa da consanguinidade, estamos vendo tenreiras infértiles, que non veñen ao celo e, finalmente, como unha cuarta consecuencia estaría que os xens regresivos e aplotipos, que son infinitos e sempre van saír, acaban multiplicando os problemas postparto na gandaría", resume. Esa é para el a principal vantaxe de cruzar con outras razas bovinas ás vacas holstein. "O vigor híbrido prodúcese porque ao cruzar cancélanse os xens recesivos, é dicir, os cruzamentos eliminan os problemas de consanguinidade", asegura. Exemplos do vigor híbrido noutras especies Pero, se os cruces entre razas leiteiras producen todos eses efectos positivos, por que non todas as gandarías os están a aproveitar cando esas vantaxes levan décadas sendo aproveitadas noutras producións, como por exemplo no millo híbrido ou en sectores como o ovino ou o porcino? Les Hansen atopa unha resposta sinxela: "a agricultura é moi tradicional e conservadora, aos gandeiros cústalles facer cambios e o sistema Procross de cruzamentos é algo aínda moi novo tanto en EEUU como en Europa", afirma.
A agricultura é moi tradicional e conservadora, aos gandeiros cústalles facer cambios
O sistema de cruzamentos rotacional en vacas leiteiras naceu nos EEUU no 2001. As primeiras probas leváronse a cabo en macrogranxas de máis de 1.000 vacas en intensivo de California, pero non foi até 2014 cando se creou Procross como empresa, consecuencia da unión de dúas cooperativas europeas: Viking Genetics, que engloba a máis de 20.000 gandeiros nórdicos, e Coopex Montbeliarde de Francia. "Hai que espertar á xente. Podemos mellorar as razas puras pero os cruces sempre aportan un plus a esas razas puras. E canto mellores sexan as razas puras que cruzamos mellores serán os cruces que obteremos. Por iso temos que aproveitar o progreso xenético logrado en cada raza, usando os mellores touros holstein, montbeliarde e rojo sueco", afirma Les. Por que se escolleron esas tres razas? O profesor norteamericano di que porque se complementan moi ben: "a holstein aporta alta produción e ubre, a montbeliarde fertilidade e condición corporal e a roja sueca saúde, patas e cascos e facilidade de parto". Ademais, explica, "usar as tres razas permite manter o vigor híbrido a un nivel máis alto durante máis tempo porque utilizando só dúas razas en vez de tres nos cruzamentos o nivel de heterosis baixa do 86% ao 67%".
O programa de cruzamento rotacional naceu en macrogranxas intensivas de California no ano 2001 e na actualidade xa se aplica en gandarías tanto dos EEUU como de Europa
A motbeliarde é unha raza antiga da montaña especial para a produción de queixos da que existe unha cabana dun millón e medio de exemplares. Viking Red é en si mesmo un amalgama dos programas de selección xenética das razas roja sueca, ayrshire finlandesa e roja danesa do que existen xa 300.000 animais. A presión da industria de seme internacional Pero o feito de que os animais resultantes non sexan homoxéneos, como ocorre nas razas puras, choca na percepción inicial dos gandeiros, acostumados a ver até agora nas súas granxas como as súas vacas eran case todas iguais.
Hoxe a presión das empresas de xenética fai que miren máis pola súa supervivencia que pola supervivencia da raza
Les Hansen recoñece que como xenetista tivo que sufrir as presións da industria de seme americana e asegura non ter prexuizo algún en relación á raza frisona. "Eu nacín nunha granxa con vacas hosltein, meu pai veu de Dinamarca e todos os meus ancestros veñen de gandarías en Dinamarca e Noruega", explica. Pero engadiu que na actualidade "a raza holstein é como unha monocultura para a produción leiteira en todo o mundo". "Hoxe a presión das empresas de xenética fai que miren máis pola súa supervivencia que pola supervivencia da raza", conclúe o profesor norteamericano.

"As vacas cruzadas dan ganancias ao longo da súa vida un terzo maiores que as holstein puras"

Leslie Hansen comezou a seguir e monitorizar a eses primeiros gandeiros de California que comezaron a usar Procross. "Eses gandeiros querían un control técnico e chamáronme para facer comparación cos dous rabaños, hosltein e cruzadas. Querían respostas claras e científicas", explica. O exemplo daqueles gandeiros de California que comezaron a cruzar o seu gando no ano 2001 foi seguido por granxeiros de Minnesota no 2007. "Os 7 establos de Minnesota que comezaron querían reducir o seu número de vacas enfermas, era o seu principal obxectivo", explica o profesor da universidade local, que lles axudou a implantar o sistema.
O estudo analizou durante 10 anos o beneficio por vaca, sumando os ingresos por produción, venda de becerros e desvelle e descontados os custos de alimentación, tratamentos e reprodución
"Todos se comprometeron a manter un 40% de vacas holstein puras nos seus rabaños para poder facer comparación de resultados durante 10 anos", conta. Eran todos establos de alto nivel, con máis de 14.000 litros de produción media por vaca. "Estamos falando de granxas ben manexadas, que obteñen bos datos nas holstein puras tamén", aclara o autor do estudo. O traballo analizou durante un periodo de 10 anos o beneficio por vaca (rendibilidade vitalicia), sumado producción vitalicia (tanto de litros de leite como de sólidos), venda de tenreiros e valor de desvelle e descontados todos os custos (alimentación, tratamentos, inseminación, etc) cun prezo de venda de leite de 38 céntimos por litro e cun custo de alimentación de 23 céntimos por quilo de materia seca.
As vacas cruzadas obtiveron unha rendibilidade vitalicia un terzo maior que as frisonas puras
"O resultado foi que as vacas Procross son máis rendibles porque producen durante máis tempo e custa menos mantelas no establo", resume Les Hansen. As trihibridas mantéñense producindo no establo de media 147 días máis que as frisonas, que están un promedio de 886 días dando leite. As vacas holstein puras tiveron unha rendibilidade vitalicia de 2.842 dólares por vaca, mentres que as cruzadas supuxeron unha rendibilidade por vaca un 33% maior (920 dólares máis por vaca).
A mellora da rendibilidade que proporciona o vigor híbrido é dun 13% no primeiro cruzamento e dun 9% no segundo
Trasladado a ingresos diarios, as conclusións deste estudo, o maior realizado até o de agora comparando vacas cruzadas con frisonas puras, son que os animais híbridos froito do cruzamento de dúas razas (Montbeliarde x Holstein ou Rojo Sueco x Holstein) proporcionan ganancias que se sitúan de promedio un 13% por enriba das obtidas cunha vaca holstein pura. Cando o cruce é das tres razas os beneficios son un 9% máis que no caso das fisonas cen por cen. Morfoloxía contraproducente nas holstein Rabaño de vacas Procross, de menor tamaño e unha menor angulosidade que as frisonas puras "O sector leiteiro de raza holstein tivo un enorme éxito na selección en base á produción nos últimos 40 anos, pero tamén se seleccionou enfatizando un maior tamaño e un corpo máis anguloso, pero eses son rasgos que posúen un antagonismo xenético con aspectos como a fertilidade, a saúde e a supervivencia polo que a raza holstein tamén sufriu un rápido deterioro neses rasgos funcionais", considera Les Hansen.
Queriamos vacas de pasarela e iso hoxe sabemos que é contraproducente con saúde e con lonxevidade e na maioría dos establos os cubículos quedaron pequenos. Foi un erro seleccionar vacas máis altas e angulosas, que requiren máis comida para manter a súa condición corporal
"Queriamos vacas máis altas, vacas de pasarela, e iso hoxe sabemos que é contraproducente con saúde e con lonxevidade. Cada vez as vacas frisonas son máis altas pola evolución xenética das últimas décadas e na maioría dos establos os cubículos quedaron pequenos. Agora sabemos que foi un erro seleccionar vacas máis altas e angulosas. As vacas máis altas requiren máis alimentación para manter a condición corporal, o rumen non está proporcionado e por iso as grandes vacas holstein teñen problemas de desprazamento de abomaso. O problema é reverter esa selección, porque levamos décadas escollendo vacas máis altas e estilizadas e hoxe non é doado atopar touros baixos bos", argumenta. Do mesmo xeito que o menor tamaño corporal das vacas cruzadas ten vantaxes respecto das frisonas, tamén as ten a configuración morfolóxica do ubre nas vacas Procross, sobre todo de cara á robotización dos procesos de muxido. "A distancia entre pezóns traseiros, moi habitual nas frisonas, é un problema para os robots, o mesmo que os pezóns moi curtos, que son unha incomodidade para muxir en sala pero un auténtico pesadelo para os robots. No caso das vacas cruzadas, os tetos son máis longos", evidencia. Requerimentos de alimentación inferiores Vaca cruzada Procross O gando cruzado, afirma, é máis doado de manexar porque enferma menos e dá menos problemas e costa menos de manter para o mesmo nivel de rendemento. "A conversión alimentaria é mellor nas procross. Precisan un 4,8% menos de inxesta de materia seca na primeira lactación e un 6,5% na segunda e terceira lactación que as holstein puras", asegura Les Hansen. Estas menores necesidades de alimentación danse tanto durante a lactación como no periodo seco. Na actualidade o profesor norteamericano está comparando o comportamento das vacas híbridas fronte ás frisonas puras cando reciben unha ración baixa en almidón e alta en fibra. "A ración habitual ten un 46% de forraxe e a que estamos estudando ten un 59%. Con esta dieta con menor presenza de concentrado e, polo tanto, cun menor custo en alimentación, producen máis graxa e máis proteína os animais cruzados", indica. Máis sólidos e máis produción vitalicia Segundo as investigacións da Universidade de Minnesota, as vacas Procross producen un 8% máis de sólidos en leite que as holstein puras por quilo de inxesta de materia seca. A produción media anual das vacas cruzadas estudadas foi de 13.587 quilos con 512 quilos de graxa e 426 de proteína.
As vacas Procross duran de media 150 días máis producindo leite nos establos
Os niveis de graxa e proteína do leite das vacas Procross é maior, pero ao converter a produción de sólidos a índices de quilogramos diarios viuse que o gando cruzado producía un 1% máis no caso dos cruces de dúas razas e un 1% menos que as súas compañeiras de rabaño holstein puras no caso do cruce das tres razas, dado que a produción de litros de leite era lixeiramente menor nas vacas Procross trihíbridas.
Á cuarta lactación chegan o dobre de vacas cruzadas que de frisonas puras, pois só 2 de cada 10 frisonas chegan a parir catro veces fronte a 4 de cada 10 cruzadas
Pero a diferenza sustancial está na produción vitalicia total, tanto de leite como de graxa e proteína. Só a metade das holstein chegan ao 3º parto e só unha de cada cinco chegan a parir 4 veces. Nas cruzadas o 60% chegan ao terceiro parto e dúas de cada cinco ao cuarto. O nivel de supervivencia do gando híbrido ao cuarto parto dobra, pois, o do frisón puro, xa que mentres nas sete granxas estudadas tan só o 22% das vacas holstein seguían producindo leite ao cuarto parto, a porcentaxe de cruces que seguían dando leite era do 41%, o que repercute nunha menor taxa de reposición e, polo tanto, en menor necesidade de recría. Os becerros pintos de cruce teñen ademais maior valor comercial (nos EEUU valen 30 dólares máis que os frisóns pintos), igual que as vacas cruzadas de desvelle (deixan 150 dólares máis que as holstein ao mandalas a matadoiro). Menores custos sanitarios e reprodutivos Sen embargo, a diferenza máis importante entre os dous rabaños, o frisón puro e o cruzado, deuse tanto nos custos sanitarios coma nos reprodutivos. As vacas cruzadas enfermaron moito menos nas granxas estadounidenses analizadas nos 10 anos de estudo que as súas compañeiras holstein puras, ao sufrir menos casos de mamite e menos problemas metabólicos.
O gasto en veterinario e tratamentos é un 23% menor nas vacas Procross con respecto ás holstein puras
Les Hansen detallou os custos dos tratamentos de saúde obtidos en base aos datos reais, sacados das facturas en veterinarios e medicamentos dos distintos establos. Así, dixo, a saúde dunha vaca holstein custa 43 dólares en primeiro parto, 68 en segundo e 92 en terceiro parto. Eses gastos redúcense en 20 dólares no caso das cruzadas en cada lactación, indicou. Detallou tamén que o gasto en tratamento de mamites é de 12 dólares nunha holstein en primeiro parto fronte a 10 das vacas Procross, 17 fronte a 13 no segundo parto e 23 fronte a 18 no terceiro. No caso dos problemas metabólicos, o custo de tratamento na terceira lactación redúcese á metade no gando cruzado.
A taxa de concepción á primeira inseminación é un 8% maior nas vacas cruzadas, polo que pasan menos días abertos entre lactación e lactación
Ese menor custo tamén se nota a nivel reprodutivo. "As frisonas puras van perdendo fertilidade. No primeiro parto o 62% dos animais logra parir antes dos 14 meses pero na segunda lactación o número de vacas que paren antes dos 14 meses redúcese ao 46% e na terceira ao 41%. Nas cruzadas a porcentaxe das que paren antes dos 14 meses na primeira lactación é do 69% e baixa só até o 63% na terceira", detallou. A metade das xatas procross empreñan coa primeira dose de seme; nas frisonas só o 37% Só o 37% das xovencas frisonas puras empreña na primeira inseminación, unha porcentaxe que no caso das xatas cruzadas supera o 50%, unha tendencia que se mantén tamén nos seguintes partos. "O número de doses necesarias para que a vaca empreñe redúcese das 2,4 nas holstein a 1,9 nas cruzadas e a mortinatalidade (morte dos becerros nas primeiras 48 horas de vida) diminúe do 9% nas frisonas puras ao 1% das fillas das trihibridas", explica Les Hansen, que engade que "no ano 2010 nos EEUU as vacas holstein superaban os dous meses en días abertos, unha cifra que os gandeiros mediante a mellora xenética lograron reducir en 2015 a 57 días", pero que nas vacas Procross se reduce de xeito moi considerable, pois están de media dúas semanas menos abertas.

Gandeiría Rego SC, aposta clara pola xenómica e as calidades do leite

Fernando, na nave de produción da gandeiría, ubicada na parroquia de Armeá de Arriba Os irmáns Fernando e Pedro Rego manteñen unha gandeiría familiar en Armeá de Arriba, no concello de Láncara, que leva anos traballando na mellora xenética. Fernando compatibiliza o traballo na explotación co que realiza en Africor levando o Programa de Acoplamentos. Aproveitamos para falar con el sobre os avances en xenómica. "A primeira proba á recría que tiñamos na nosa explotación fíxemola no ano 2016 e hoxe temos todos os animais do establo xenotipados", explica. "Para poder tomar algunha decisión tes que xenotipar todo e logo escoller, non ten sentido xenotipar unhas vacas si e outras non, porque non se debería traballar con valores, senón con porcentaxes, por exemplo, escollendo o 80% dos mellores animais e en base a iso establecer o punto de corte. O nivel aquí poñémolo en 3.200 puntos, pero noutra granxa pode estar en 2.800 en función do nivel medio da explotación", argumenta Fernando.
Está entre as mellores explotacións da provincia de Lugo tendo en conta a análise combinada de produción, morfoloxía e xenética
Gandeiría Rego xenotipa todas as becerras que nacen para decidir con que tipo de seme son inseminadas. "O punto de corte para nós son 3.200 puntos ICO. A partir de aí poñemos sexado e por debaixo de 3.000 poñemos cruce aínda que sexan xovencas. No caso das vacas adultas, só poñemos frisón se son moi boas", conta. Nesta explotación levan moitos anos apostando pola mellora xenética e contan cun rabaño cunha calificación media de 83 e 2.500 puntos ICO de promedio. Estes valores servíronlle a Gandeiría Rego para entrar varios anos no podio das granxas leiteiras da provincia de Lugo na proba combinada de Africor. "Levamos moitos anos traballando na xenética. En 1989 tivemos un baleiro sanitario e trouxéranse vacas de Francia e a partir desa base fomos seleccionando e mellorando", explica Fernando. As calidades, o prioritario No ano 1989 tiveron un baleiro sanitario e importaron vacas de Francia Pero malia ao alto nivel xenético desta explotación, tanto para Fernando como para Pedro é un feito que consideran como unha ferramenta ao servizo da produción e dos obxectivos cara aos que enfocan a granxa. "Levamos varios anos en Entrepinares e priorizamos a obtención de calidades. Temos vacas MB que inseminamos de cruce. Fixámonos pouco na calificación, miramos sobre todo calidades, o noso obxectivo é a rendibilidade e a prioridade actual para nós son a graxa e a proteína", afirman.
A media da lactación normalizada do último ano foi de 12.500 litros con altos niveis de graxa e proteína
Móvense en porcentaxes do 3,50 de proteína e entre o 3,85 e o 4% de graxa con 12.500 litros de media de produción na última lactación normalizada. Contan cun robot de muxido VMS de Delaval no que logran medias de 42 litros por vaca e día facendo arredor de 2,6 ou 2,7 muxiduras por animal, aínda que é algo que tampouco os obsesiona. "O noso obxectivo non é incrementar a media de muxidos, porque se con 2,5 logras 42 litros, para que queremos muxir máis ás vacas? Hai que muxir 3 veces ás vacas que dan moito leite, as outras non é necesario", argumenta Fernando. Das vacas trabadas ao robot de muxido No 2012 fixeron unha nave de produción nova e agora ampliaron para a recría Gandeiría Rego SC é unha explotación leiteira familiar de moitos anos que ten garantida a súa continuidade grazas á incorporación dos dous irmáns, Fernando e Pedro. Até o 2006 os titulares eran os seus pais, Antonio e Olga, que comezaron a producir leite en 1975 nunha corte coas vacas atadas e muxíndoas mediante cántara. No 1989 incorporaron un circuito de muxido e no 2003 pasaron ao sistema canadense. As vacas en produción están en camas de area e a nave conta con pasillos amplos Pedro incorporouse á explotación no 2006 e no 2011 sumouse Fernando e constituíron a actual SC. Un ano despois construían a nave de produción actual, de estrutura metálica tipo invernadoiro, pensada para estabulación libre (con pasillos amplos de 5,70 e 4,50 metros e camas de area) e robot de muxido. "Pasamos directamente de establo trabado a robot", lembra Pedro, que traballa a tempo completo na gandeiría, que atende coa axuda de Fernando e dun empregado que teñen contratado. Na actualidade esta explotación ten 64 vacas en produción e 152 cabezas totais, sumando 10 vacas secas (4 están engordándoas para vendelas) e 71 animais entre becerras e xovencas. A grande cantidade de recría obrigounos a ampliar as súas instalacións cunha nave nova de 60 metros de longo por 15 de ancho a carón da nave de produción para acoller á recría. A venda de recría, unha fonte de ingresos Tamén engordan as vacas de desvelle para obter mellor prezo por elas Desde o ano 2017 fan a recría na explotación. Antes cebaban os becerros machos na casa e mandaban as femias ao centro de recría Anoca, en Castro de Rei, propiedade da súa irmá Carmen. "Fai tres anos deixamos de cebar os xatos e aproveitamos as instalacións para a recría, pero agora xa non nos collían", xustifican. "As vacas dúrannos bastante, cada vez máis, temos vacas de 7 partos dando moito leite e moitas veces facemos descartes por falta de sitio", indica Fernando. "As últimas 15 vacas que saíron ao matadoiro acumulaban 3,7 partos de promedio cun intervalo entre partos de 414 días e unha produción vitalicia media de 51.200 litros. Para min ese é un dato moi importante", engade.
Cobren o reemprazo necesario para a explotación poñendo sexado ás mellores xovencas e usan seme de carne no resto dos animais
"Ao ter unha taxa de reposición baixa outra parte dos nosos ingresos veñen pola venda de animais para vida", di. En 2019 venderon 33 xatas a outras explotacións. Pero o da venda de recría é un mercado que fluctúa (ten relación tamén co prezo do leite que hai en cada momento) e non sempre hai a mesma facilidade para dar saída ao exceso de recría. "Este ano pasado houbo venda de xovencas, pero igual outro ano non hai e co robot estás moi limitado para asumilas ti", argumenta Fernando. Por iso agora mesmo están poñendo entre o 60 e o 70% das doses de seme de carne. Desinfección dos boxes das becerras Pedro é quen coida das becerras O traballo coas becerras é cousa de Pedro. "Damos leite tres veces ao día o primeiro mes ou mes e medio, tanto leite de vaca como leite maternizado mercado, e o que facemos é desinfectar os boxes cada vez que se desteta un animal. Evitas moitos problemas e ese tempo gáñalo despois cando vas dar o leite", asegura. Desde o destete, que fan entre os dous meses e medio e os tres meses, até o lote de inseminación a crianza é en grupo con cama de viruta de madeira. A alimentación é a base de mestura seca feita pola cooperativa Aira. "Inseminamos a partir dos 15 meses, non antes, entre outras cousas motivado tamén polo exceso de recría que temos", explica Fernando. A partir do momento no que están preñadas, as xovencas comparten ración coas vacas secas. "Facemos unha ración con herba seca, pienso e morea ou nalgúns casos con rolos de silo de herba seco", conta.
Ás becerras danlles tres tomas de leite ao día e as vacas de desvelle engórdanas durante 5 ou 6 meses antes de mandalas ao matadoiro
Dispoñen de carro propio, co que fan tamén a ración para as vacas de produción, que varía entre os 32 e 35 quilos de silo de millo, entre 8 e 11 quilos de silo de herba, 6 quilos de penso (máis os 5 quilos de media de punteo do robot) e medio quilo de herba seca só nalgúns momentos do ano. Ás vacas de desvelle danlles silo de millo e penso para engordalas antes de vendelas. "Non o facemos con todas, se é unha vaca que está tocada das patas mandámola directamente ao matadoiro, pero se está ben engordámola. Fanlles falta entre 5 e 6 meses normalmente, pero todas as que cebamos acaban entre os 400 e os 500 quilos/canal", explican. Toma de datos individualizada de cada finca Gandeiría Rego manexa unha superficie de 25 hectáreas e merca a maiores outras 15 hectáreas de millo. "Levamos xa moitos anos mercando aos mesmos, son dúas gandeirías daquí ao lado", contan. Nas súas 25 hectáreas botaron este ano 5 a millo e 7 a sorgo.
Botaron 7 hectáreas de sorgo nas fincas máis castigadas polo xabarín cunha produción en quilos máis alta que a que obtiñan co millo
"O sorgo foi para botar en fincas onde nos atacaba moito o xabarín, moitas delas a carón do río", indica Fernando. "É o segundo ano que o botamos e a produción en quilos é un pouco máis alta que a de millo en comparación ás producións anteriores de millo nesas mesmas fincas, pero son só 2 anos de análise, habería que coller un periodo máis amplo, 10 anos polo menos, para ter datos máis fiables", aclara. Fernando leva un control individualizado das producións de cada finca, tanto nas que botan millo como nas de herba e agora nas de sorgo e grazas a iso pode sacar conclusións. Boa parte do traballo agrícola fano eles mesmos. "O único polo que pagamos é por picar o millo e por facer os rolos de herba. Antes encargabamos todo pero agora mercamos maquinaria e facémolo nós. Non sei se compensa ou non, seguramente se fas números estrictamente económicos en tan poucas hectáreas non compensa, pero o problema é que tes que depender doutros e esperar por todo", argumentan.
Prefiren ensilar a herba en rolos porque gastan pouca na ración e a conservación do silo é mellor que na pila
O ensilado de herba prefiren facelo en rolos. "A conservación é moito mellor porque abres silo novo todos os días. Comezamos facendo rolos para o verán, porque como gastamos pouca herba na ración o da pila púñasenos malo, pero agora facémolo todo en rolos. Menos enrolar, o resto dos traballos facémolos todos nós (segamos, xuntamos, encintamos), polo que tampouco nos sae excesivamente caro", xustifican. No 2018 fixeron un total de 662 rolos de silo de herba e no 2019 620.

"Moitas veces hai problemas de fertilidade nas granxas que non están relacionados coa consanguinidade"

Gandeiría Rego usa touros xenómicos de Xenética Fontao na maioría dos casos Fernando leva traballando desde o ano 2006 como técnico do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo, no que hai incorporadas un total de 430 explotacións. "É algo que lles aporta comodidade ás gandeirías, porque saben que o están facendo ben e que están evitando a consanguinidade permitíndolles ademais tomar decisións individualizadas para cada granxa en función do que queira o gandeiro, aínda que case todo o mundo quere máis ou menos o mesmo porque case todas as explotacións buscan leite, calidades e ubres e patas", detalla Fernando.
Un total de 430 explotacións fan uso neste momento do Programa de Acoplamentos de Africor Lugo
"A consanguinidade é difícil de medir pero en Africor curámonos en saúde traballando cun dato moi baixo, 1,56% no noso programa informático traballando con 6 xeracións, que pode equivaler a un 4% de Conafe", explica. "Pero hai moitas veces problemas de fertilidade nas explotacións que non están relacionados con iso", engade. Sóbralles recría e poñen cruce en máis do 60% das inseminacións Fernando insemina todas as súas vacas da Gandeiría Rego con touros xenómicos. "Só uso touros xenómicos e a maior parte, diría que un 90%, son de Xenética Fontao. De fóra collo só algunha dose de seme sexado de vez en cando", conta. Arion, Sanxurxo, Salvame ou Donsimon son algúns dos xenómicos actuais que está empregando esta explotación de Láncara neste momento con bos resultados. Tamén implantan algún embrión do programa de Xenética Fontao. "Temos unha becerra que é a número 21 de España con 4.684 de ICO. Foi unha vaca feita na casa decendente de embrións de Fontao. A avoa, MACA, saíu dun embrión e leva en 3 partos 47.000 litros producidos", detalla Fernando.

“A consanguinidade non explica a baixa fertilidade na raza Holstein nos últimos anos”

O aumento da consanguinidade na raza Frisona é un dos retos aos que se enfrontan os gandeiros de vacún de leite. Daniel Martínez Bello, cofundador e especialista en asesoramento xenético de Embriovet aborda nesta entrevista o reto da consanguinidade na raza Frisoa e ofrece aos gandeiros unhas recomendacións para evitala e non ter repercusións negativas na cabana gandeira. ¿Crees que a consanguinidade é xa un problema grave en vacún de leite? A consanguinidade vai experimentando un lixeiro aumento continuo na maioría das razas puras, e a Holstein non é unha excepción, aínda que non é a de maior consanguinidade. É coñecido que un nivel moi alto de consanguinidade causa prexuízos, pero á vista dos datos actuais podemos dicir que é preciso controlala, pero sen que supoña aínda un problema grave. ¿Que danos provoca nunha granxa? Están descritos cientificamente efectos negativos a nivel de fertilidade, saúde dos animais, vitalidade e supervivencia das crías e unha mingua da produtividade asociados á consanguinidade. Sen embargo, o efecto é moi baixo aos niveis máis frecuentes nas nosas ganderías, así que non explica a baixa da fertilidade nos últimos anos. Iso é unha cuestión diferente arrastrada da selección das últimas dúas décadas que xa empezou a corrixirse na era da xenómica. A mellora reprodutiva por efecto xenético xa se está empezando a notar e nun curto prazo creo que será moi evidente e case sinalizada, a pesar do incremento da consanguinidade. Unha cousa é que exista un efecto e outra botarlle a culpa de todos os males. Opino que se sobrevalora a miúdo o efecto da consanguinidade. ¿Que niveis detectades nas ganderías coas que traballades? A raza Holstein en xeral está darredor dun 7% e a maioría das ganderías das que manexamos datos están entre un 5 e un 8%. Non podemos establecer un valor máximo. Hai que ter en conta que se trata dun valor estadístico e estimado, e non real, que aumenta por si só co paso do tempo polo feito de sumar xeracións no pedigrí e que interveñen no cálculo, sen que signifique maior aumento real do problema.
“Sobrevalórase a miúdo o efecto da consanguinidade”
Por outro lado, estase a comparar moitas veces o valor xenómico co valor tradicional ou de pedigrí e non é o mesmo. O valor xenómico calcúlase de xeito diferente tratando de medir a repetición de alelos no xenoma provistos de ambos proxenitores, e son valores superiores frecuentemente. De maneira que unha parte do aumento que se aprecia na poboación ven da maneira de calcularse. O efecto é aditivo de forma que os efectos da chamada "depresión por consanguinidade" aumentan proporcionalmente por cada punto que aumenta o coeficiente de consanguinidade. O traballo científico máis relevante a este respecto (Van Doormal, Canadian Dairy Network 2008) di que o aumento de consanguinidade desde un 5% ata o 10% supón unha redución de 92 Kg de leite na lactación, incremento de 1,4 días abertos e redución 65 días de lonxevidade. A recomendación é tender cara a menor consanguinidade posible, pero sen obsesionarse. A potencia da selección xenética actual compensa con creces esas minguas, pero non quita de que intentemos mantela ao nivel máis baixo posible. Por dar unha referencia, cubrir unha vaca co seu propio pai sería un 25% de consanguinidade, que é unha aberración. Tratamos de non superar nunca o 9% e achegarnos só en casos puntuais e controlando os recesos e haplotipos. ¿En que medida a utilización de touros xenómicos está a incrementar a consanguinidade? Unha das vantaxes que todos pensábamos que tería a xenómica sería a descuberta de novas liñas xenéticas que aportasen sangue nova para reducir a consanguinidade. Sen embargo, aínda que se está a dar en certa medida, por agora ten máis efecto o éxito que alcanzan nos índices máis valorados determinadas combinacións xenéticas. Isto fai que os primeiros postos dos rankings estean copados por touros con pedigrees moi similares que son os que máis se están a utilizar. En paralelo van xurdindo os chamados “outcross”, por vir de liñas menos habituais ou menos presentes na poboación e moitos deles con valores moi interesantes, que se poden usar polo menos nos animais difíciles de acoplar. ¿Seguirá aumentando nos próximos anos coa maior utilización de touros non probados? É posible que si. Como dicía anteriormente, dáse un aumento natural por incrementar o número de xeracións en rexistro xenealóxico e engadir datos, en unión ao cálculo máis preciso que foi a xenómica.
 “Escoller touros especializados en saúde, calidades ou acorne pode axudar a rebaixar a consanguinidade”
Por outro lado, a abundancia de touros moi emparentados con valores moi similares fai que o mercado do seme ofreza gran cantidade de touros de valores altísimos a bo prezo, e como resultado son usados polos gandeiros polo atractivo da relación calidade/prezo, a pesar de aumentar a consanguinidade. A selección por novos caracteres como o “acorne” ou determinadas proteínas lácteas, ou touros especializados en calidades ou caracteres de saúde, tamén pode aportar xenes renovados para unha parte da poboación, e por aí poden contribuír a compensar un pouco este aumento da consanguinidade. ¿De que ferramentas dispomos para reducir a consanguinidade ou os efectos negativos da mesma e como valoras a súa eficacia? A principal é o uso de programas informáticos para os apareamentos, é a forma máis sinxela de establecer límites e controlala. O xenotipado das femias ofrece unha información máis precisa do seu nivel de consanguinidade e tamén do seu contido en xenes receptivos e haplotipos reprodutivos. Evitando cruzar femias portadoras dalgún destes xenes con touros tamén portadores evítanse unha parte importante dos efectos indesexables da consanguinidade. Para facer  ben os acoplamentos e de maneira constante precísanse softwares específicos. Aquí hai que ser coidadosos porque a maioría dos software dispoñibles só controlan a consanguinidade por pedigrí ao xeito antigo, e non teñen en conta os haplotipos, aínda que os animais estean xenotipados. Cómpre asegurarse e se non é así chequealo manualmente. ¿Que aconsellarías ao gandeiro para non incrementar os efectos negativos da consanguinidade? O máis aconsellable é facer un programa xenético acorde ás características e obxectivos da explotación. Un programa global no que a consanguinidade tamén se terá en conta. A redución do número de touros a utilizar cada ano é unha boa medida. Se imos uniformizando a cabana será mais fácil atopar esas liñas distintas, pero se vemos un de cada, será mais difícil atopar un distinto para todas.
“Nos touros que non están na cima da lista é máis fácil atopar liñas xenéticas diferentes”
Por outra parte, á hora de escoller os touros non hai que limitarse aos primeiros das listas. Afortunadamente, hoxe hai unha oferta de touros moi grande, e moitos dos chamados de segunda liña ofrecen unha mellora moi cercana aos primeiros, e nese segmento é máis posible atopar liñas diferentes. ¿Algo máis que queiras engadir? A consanguinidade debe controlarse e intentar mantela no nivel máis baixo posible. Actualmente o progreso xenético é tan rápido que compensa amplamente os efectos coñecidos da depresión en produción, etc. Pero iso non quita de que esas minguas estean aí, restando, ademais de concentrar en paralelo outros efectos indesexables da consanguinidade. Afortunadamente, queda moitísimo traballo por facer na utilización da vía femia, a través da selección xenómica en combinación coas técnicas de reprodución asistida para lograr aumentar o progreso sen depender soamente dos touros e mantendo a consanguinidade en valores aceptables.

Consanguinidade en vacún de leite (I): Situación actual e recomendacións

A consanguinidade en vacún de leite é un dos retos aos que se enfrontan os gandeiros. Abordamos este tema con entrevistas con expertos que nos ofrecen as súas recomendacións.

José Antonio Jiménez, director do Departamento Técnico de CONAFE: “Co progreso xenético aumenta a consanguinidade, pero por acumulación de xenes favorables”

¿É un problema grave a consanguinidade en vacún de leite? É un problema naquelas gandarías que non dispoñen das ferramentas suficientes para xestionala ou en razas con pouco progreso xenético. Afortunadamente, os gandeiros cuxos animais están inscritos no Libro Xenealóxico da raza Frisoa si dispoñen destas ferramentas que son o programa de axustes CONAFEMAT, que usa a xenealoxía completa dos animais e, por tanto, estímase de forma fiable a consanguinidade, e o xenotipado de femias que permite identificar os riscos máis importantes de cada individuo. ¿Que prexuízos pode provocar a consanguinidade no rabaño? A consanguinidade indícanos a probabilidade de que unha posición do xenoma (Locus) presente o mesmo alelo en ambos os cromosomas debido a que proceden do mesmo antepasado; é dicir, o individuo recibiunos un da súa nai e outro do seu pai. Neste sentido, existen xenes cun efecto negativo que só se expresan cando o individuo presenta dúas copias do mesmo alelo. Daquela, a consanguinidade está a indicarnos a probabilidade de que o animal presente estes efectos negativos. Nos casos extremos atopámonos con malformacións incompatibles coa vida do animal, por exemplo a Síndrome da Brachiespina, mortes embrionarias, ou problemas menos evidentes pero que limitan o potencial xenético do individuo. ¿En que niveis estamos en España e nos países da nosa contorna? ¿Cal sería un nivel de maior risco? A media das becerras rexistradas no libro xenealóxico en 2018 foi de 6,86 mentres que a media das vacas vivas está en 5,64. Por tanto, o incremento nos últimos anos foi notable debido fundamentalmente á chegada da xenómica e o maior progreso xenético que trouxo. Por exemplo, en 2012, o ano no que comezamos a publicar avaliacións xenómicas, a media de consanguinidade das xatas nadas foi 5,6 e o ICO 1950; en 2018, o ICO medio estaba en 2965 e a consanguinidade en 6,86. É dicir, pasamos de 348 a 432 puntos de ICO por punto de consanguinidade. A mellora xenética consiste na acumulación de alelos favorables mediante a selección como reprodutores dos individuos que os portan, o que implica directamente un incremento da consanguinidade, neste caso positiva.
“Houbo un incremento da consanguinidade coa chegada da xenómica, pero en boa medida foi por acumulación de xenes favorables”
Se comparamos as medias por ano de valor ICO e nivel de consanguinidade, até a data, as vacas inscritas no libro presentan maior progreso xenético que incremento de consanguinidade. Por tanto, unha gran parte dese incremento de consanguinidade sabemos que se debe á acumulación de xenes favorables. Polo comentado antes, todo incremento supón un maior risco, pero se conseguimos un bo progreso xenético, utilizamos programas de axuste e identificamos os principais relacionados con xenes recesivos, o risco a nivel de granxa está controlado. ¿Seguirá aumentando nos próximos anos coa maior utilización de touros non probados? Si, pero non é problema se o progreso xenético aumenta máis e continuamos identificando e evitando os problemas máis graves. ¿De que ferramentas dispomos para reducir a consanguinidade ou os efectos negativos da mesma? Os gandeiros reciben xunto ás avaliacións xenéticas a súa situación respecto da consanguinidade, tanto a media da granxa como por ano de nacemento. Estes son os valores de referencia. Tamén os poden consultar en SINBAD dentro da web de CONAFE. Co programa de axustes CONAFEMAT poden deseñar axustes limitando a consanguinidade en base ao nivel actual da granxa. Ademais, xenotipando poden coñecer os 14 xenes relacionados coa consanguinidade que provocan os problemas máis graves. Simplemente evitando cruzar unha vaca portadora dalgún deles cun touro que tamén o sexa, o problema desaparece. De novo o programa CONAFEMAT realiza esta tarefa de forma automática. ¿Que aconsellarías ao gandeiro para non incrementala até niveis prexudiciais? Rexistrar os seus animais para ter a xenealoxía controlada, ser moi coidadoso coa información da inseminación e o parto para evitar erros de filiación, usar o programa CONAFEMAT tendo en conta o nivel de consanguinidade da granxa e, se se quere controlar coas máximas garantías, xenotipar as becerras para asegurar a filiación e coñecer a información de recesivos e utilizar xenética de alto nivel para ter moito progreso xenético. Por último, puntualizar que unha vantaxe dunha raza cun censo tan grande como ten a raza Holstein, é a posibilidade de alcanzar un gran progreso xenético e ao mesmo tempo, grazas aos programas de avaliación, evitar aqueles individuos onde a consanguinidade se poda traducir en problemas para o gandeiro.