Archives

Asinado un protocolo entre Medio Rural e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para axilizar as cortas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, asinaron esta mañá en San Caetano un protocolo de colaboración para simplificar as autorizacións administrativas dos aproveitamentos forestais. A Xunta asegura que a través deste acordo lograrase maior axilidade no proceso de obtención dos permisos de cortas. Cómpre lembrar que desde hai tempo o sector forestal reclama unha mellora no prazo das autorizacións de corta, sobre todo nos casos de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Co acordo asinado entre Medio Rural e a Confederación, axilízase a tramitación das autorizacións para a execución dos aproveitamentos forestais en zona de policía, adxacente e paralela aos ríos e encoros na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, dun ancho de 95 metros dende a finalización dos cinco metros da zona de servidume. A mesma declaración responsable ou solicitude de autorización forestal única presentada nos Servizos de Montes considerarase solicitude de autorización dos traballos forestais ante a Confederación Hidrográfica, ente dependente do Ministerio de Agricultura. Do mesmo xeito, o organismo de bacía informará directamente ao Servizo de Montes respectivo do resultado do expediente de autorización, unha vez resolto. A tal fin, habilitaranse os mecanismos e medios electrónicos correspondentes que permitan unha comunicación áxil, directa, segura e efectiva na tramitación dos expedientes de autorización e da documentación aportada en cada caso. Novo visor web Dende esta mesma semana, e integrado no portal para solicitudes de cortas privadas da Consellería de Medio Rural, estará accesible un novo visor web coa información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, conforme aos datos subministrados polos distintos órganos competentes. Desta forma, facilitarase aos operadores económicos unha planificación na xestión forestal respectuosa cos devanditos espazos, co carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan.

Xornada sobre os requerimentos de madeira da industria forestal galega

O sector da industria da madeira galega participará o próximo martes 28 de novembro xunha xornada organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O obxectivo, coñecer os requerimentos de produto das empresas galegas e comprobar se esa demanda se adapta ós programas de mellora xenética e silvícola.

Está prevista a participación de representantes de Finsa, Ence, Confemadera, propietarios forestais e investigadores. A xornada vai dirixida tanto a técnicos como a empresas do sector, propietarios forestais e comunidades de montes. Para a inscripción, hai que cubrir a correspondente folla de solicitude e enviala a infolourizan.mr (arroba) xunta.gal.

O programa da xornada é o seguinte:

9 h. – Presentación. Representantes da Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural

9:10 h. – Programas de mellora xenética e silvícola de Pinus de Galicia.
Relatora: Raquel Díaz Vázquez (Investigadora do CIF Lourizán).

9:50 h. – Programa de mellora xenética e silvícola de Eucalyptus spp.
Relator: Federico Ruiz Fernández (ENCE. I+D).

10:30 h. – Requerimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: taboleiro de fibra.
Relator: Carlos Rial Pérez (FINSA. I+D).

10:55 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: pasta de celulosa.
Relator: Federico Ruiz Fernández (ENCE. I+D).

11.20 h. – Pausa café.

11:45 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira: madeira aserrada
Relatora: Ana Oróns (Confemadera).

12:10 h. – Requirimentos das industrias como base para a mellora e a produción de madeira:
madeira estrutural.
Relatores: Manuel Guaita Fernández (PEMADE – USC), Manuel Touza Vázquez (GAIN – CIS Madeira).

13:10 h. – Situación actual dos montes galegos e cortas actuais.
Relator: Juan Picos Martín (Uvigo).

13:35 h. – Visión dos propietarios forestais.
Relator: Francisco Dans del Valle (AFG).

14 h. – Conclusións e perspectiva da Xunta de Galicia.
Representante da Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural.
Representante do CIS Madeira da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

14:15 h. – Debate.

Creadas a Mesa da Castaña e a Mesa da Madeira

A creación da Mesa da Castaña e da Mesa da Madeira, dous organismos que se viñan anunciando desde hai meses, vén de plasmarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Consellería do Medio Rural pon en marcha ambos foros co obxectivo de reunilos alomenos dúas veces ó ano. A Mesa da Castaña contará coa participación de 13 vogais, 5 por parte da Xunta e 8 por parte dos axentes sociais relacionados coa castaña (1 persoa da IXP Castaña de Galicia, 3 de asociacións de propietarios forestais, 1 persoa produtora, 1 persoa en representación do sector de almacenistas e comercializadores en fresco, 1 persoa en representación do sector industrial transformador e outra en representación dos viveiros). O obxectivo da Mesa da Castaña pasa por establecer un foro continuado de diálogo e por estudar e impulsar medidas que contribúan a fortalecer ó sector. Mesa da Madeira En canto á Mesa da Madeira, estará composta pola presidencia e 22 vogais, correspondendo a presidencia á persoa que encabece a Dirección Xeral de Montes. Haberá 5 vogais en representación da Xunta e o resto corresponderanlle ás asociacións máis representativas do sector madeireiro, coa seguinte división: 7 vogais en representación das organizacións de propietarios forestais, 2 persoas en representación das empresas de servizos, 7 nomeadas polas empresas e industrias de primeira transformación e unha polo Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia. O obxectivo da Mesa da Madeira sitúase na creación dun foro que permita facer un seguemento do mercado da madeira e das necesidades da industria. Tamén posibilitará o intercambio de información fitosanitaria e buscarase consenso para as liñas de investigación e traballo no sector.

‘Saluscastanea’, grupo operativo para promover a sanidade do castiñeiro

As dificultades sanitarias que está a experimentar o castiñeiro nos últimos anos, con problemas como o chancro, a tinta ou a avespiña do castiñeiro, levaron á constitución dun grupo operativo a nivel de toda España, Saluscastanea, para promover a mellora da sanidade vexetal dos soutos. O grupo Saluscastanea, que conta con axudas do Ministerio de Agricultura, está integrado por sete entidades en representación de distintas zonas produtoras. Por parte de Galicia están a empresa Alibos Galicia e a Asociación de Productores y Exportadores de Productos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga). Tamén participan a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España -na que está integrada a Asociación Forestal de Galicia-, o Centro de Servicios y Promoción Forestal de Castilla y León, a cooperativa andaluza ‘Castañas Valle del Genal’, a agrupación de cooperativas ‘Valle del Jerte’ y la Asociación de Productores de Castaña de Villuercas (Cáceres). A estes representantes do sector produtor, súmanse a Universitat de Lleida, a empresa pública Tragsa, o Institut de Recerça y Tecnologia Agroalimentarie de Cataluña (Irta), o servizo de investigación e desenvolvemento agrolimentario de Asturias (Serida) e a Asociación Berciana de Agricultores (Aba).

“Hai preocupación nos serradoiros porque pode faltar madeira nuns anos”

Os serradoiros galegos e os profesionais que cortan a madeira no monte, os rematantes, están preocupados polo progresivo cambio do panorama forestal en Galicia. O aumento da superficie de eucalipto, que xa representa a metade das cortas que se fan na comunidade, condiciona o futuro de parte das empresas do sector. Así se puxo de manifesto na última asemblea de Fearmaga, a federación empresarial que agrupa ós serradoiros e rematantes da comunidade. Na asemblea, foi reelixido presidente Elier Ojea, tamén cabeza visible de Confemadera Galicia, a patronal galega que agrupa á maioría do sector da madeira. Falamos con el sobre o decreto de regulación de eucalipto que prepara o Goberno galego e sobre as necesidades e demandas do sector.
"A madeira de calidade está desaparecida en Galicia. Precísanse incentivos fiscais e plantas de boa xenética para promover a súa recuperación"
- Estades preocupados polo aumento da superficie de eucalipto, pero tamén estades en contra da proposta da Xunta para regulalo. Explícanos a vosa postura. - Nós non estamos en contra de regular o eucalipto, o que sucede é que propoñemos unha regulación distinta. Mantemos a mesma opinión desde hai anos, non somos partidarios de penalizar ningunha especie, pero como pymes que somos, que traballamos madeira de calidade, temos que chamar a atención sobre un feito. Hoxe en Galicia a madeira de calidade está practicamente desaparecida. Precísanse apoios fiscais e plantas de boa xenética para incentivar ós propietarios a investir en ciclos de cultivo longos e rendibles, non só en plantacións de eucalipto. - Na última década houbo un peche de serradoiros e de pequenas empresas do sector a causa da crise, entre outros factores. Cres que o aumento da superficie do eucalipto pon en risco a actividade das empresas que quedades? - A situación é complicada. Se non hai cambios de tendencia, moitas empresas veranse abocadas ó peche en 10 anos por falta de madeira. Hai 50 anos, Galicia era importante en cantidade e calidade da madeira. Hoxe en día seguimos sendo importantes en cantidade, pero non en calidade. As dúas principais empresas da comunidade (en alusión a Ence a a Finsa) teñen madeira dabondo, sen necesidade de importala, pero o resto estamos nunha situación delicada. Os serradoiros non poden importar madeira para serrala aquí porque non é rendible.
"Fálase de que en Galicia hai non sei cantos centos de miles de hectáreas de frondosas, pero o que non se di é que só serven para dar sombra"
- O mercado da madeira de piñeiro, non obstante, non remata de despegar. Houbo unha caída de prezos e de demanda no 2008 que non chegou a recuperarse nunca. - Para o pouco piñeiro de boa calidade que hai, si temos demanda. Para o malo, que é a maioría, non. Se falamos das frondosas (carballos, castiñeiros, bidueiros, etc.), no inventario forestal dise que en Galicia hai non sei cantos centos de miles de hectáreas de frondosas, pero o que non se di é que só serven para dar sombra. Non estamos a falar de madeira de calidade. - Que sería preciso facer para poñer en valor as masas de frondosas existentes e fomentar novas plantacións delas en Galicia? - Pódense establecer incentivos fiscais para ese tipo de plantacións e poñer a disposición do propietario planta de boa xenética. Temos o exemplo do traballo de mellora xenética que fixo o Centro de Investigación Forestal de Lourizán coa cerdeira galega, que se podería extender a outras especies. En Francia, sen ir máis lonxe, teñen faia, abeto e cerdeira en cantidade, que nós importamos dalá. A nosa terra non é menos fértil que a francesa. A Administración ten que buscar fórmulas.
"En Francia teñen cerdeira, abeto e faia en cantidade, que nós importamos dalá. A nosa terra non é menos fértil"
- Con este panorama que debuxas, ¿non estariades a favor dunha limitación do superficie ocupada polo eucalipto? - Nós non entramos no que o propietario ten que facer. O que si dicimos é que ás veces fálase moi fácil da riqueza que xenera o eucalipto para o propietario, pero tamén hai que pensar que sucederá en dez anos se resulta que se está sobreplantando eucalipto. As industrias que consumen eucalipto en Galicia poderán ampliar as súas compras, pero non hai perspectivas de que se vaia asentar na comunidade unha industria de gran consumo que atenda toda a oferta de eucalipto que previsiblemente vai haber. Ben é certo que como non temos inventarios forestais actualizados, resulta complicado falar con cifras na man. En calquera caso, é necesario buscar un equilibrio. Igual que no seu día nós apoiamos a continuidade de Ence en Pontevedra porque pensabamos que a nivel económico e social era bo para Galicia, o conxunto do sector da madeira está concienciado en que precisamos de xeito proporcional madeira para distintos usos. Para atraer industria da madeira necesitamos un recurso. As fábricas que se foron non volverán se non hai ese recurso e as que poden vir tampouco o farán.
"Fálase moi fácil da riqueza que dá o eucalipto, pero que sucederá en 10 anos?"
- Hai posibilidades de novos investimentos na industria da madeira galega? - As empresas que quedamos tras a crise temos en mente emprender investimentos. Pensa que somos a primeira industria do rural. Sería positivo tamén que Galicia atraese investimentos no sector, sobre todo no que é a segunda transformación da madeira. - Imaxino que estades satisfeitos coa inminente creación da Axencia da Industria Forestal de Galicia. - Desde logo pensamos que é unha oportunidade. A Axencia está aínda pendente de definir e estamos á espera de manter novos contactos coa Consellería de Economía e coa de Medio Rural.

“Xa pasou suficiente tempo para comprobar que as Sofor non funcionaron, busquemos outra fórmula”

- A parte do teu papel como portavoz de Fearmaga e Confemadera, traballas tamén no sector a título particular. Cóntanos con que madeiras e orientación estades traballando na vosa empresa. - Temos un serradoiro familiar (Maderas Ojea, O Carballiño) que cumpriu xa 80 anos. Antes da crise, traballabamos co piñeiro, pero coa crise quedámonos sen marxes de beneficio e decidimos reorientar a empresa. Agora estamos a facer transformación de madeira en diversidade de pezas dirixidas ó sector da construción, principalmente. Importamos madeira laminada e nobre de diversas procedencias e tamén traballamos algo con piñeiro galego de calidade.
"Teño que recoñecer que moitas parcelas de monte da familia aínda non sabemos onde están. O minifundio é malo para todos"
- Como propietario forestal, que especies tes plantadas nas túas parcelas? - Máis que propietario, son herdeiro forestal. Estamos na provincia de Ourense, polo que o piñeiro e o carballo son as especies predominantes. Cos carballos que temos, estamos tratando de facer podas e silvicultura, de cara a obter unha boa madeira no futuro. Tamén teño que recoñecer que moitos montes da familia aínda non sabemos onde están. O minifundio é un problema para todos. - Hai xa uns anos que a Xunta lanzou a fórmula das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para promover o asociacionismo dos propietarios particulares e reducir o minifundio, pero os resultados son polo de agora escasos. Ves viable o camiño do asociacionismo forestal? - Non queda outra. Con parcelas de 400 metros cadrados non se fai nada. Ou tiramos os valados físicos e mentais, ou estamos condeados ó abandono. Xa pasou tempo suficiente para ver que a fórmula das Sofor non funcionou. Temos que ser capaces entre todos de buscar unha vía de sustitución que alimente a vocación de xuntar as fincas e de facer unha boa xestión do monte.

Desconcerto entre o sector forestal de base pola división de competencias no monte

A decisión tomada nun recente Consello da Xunta de crear unha Axencia da Industria Forestal, que dependerá da Consellería de Economía e que asumirá algunhas das competencias sobre o monte que tiña a Consellería do Medio Rural, está a xerar desconcerto entre parte do sector forestal. Colectivos de propietarios forestais e empresas de servizos pregúntanse que funcións asumirá a Axencia, pois carecen de información e descoñecen se parte das axudas ligadas ó Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) van pasar a ser xestionadas polo novo organismo. A cuestión ten a súa importancia, pois a creación da entidade non se espera ata o mes de febreiro, o que sen dúbida retrasaría parte das convocatorias de subvencións ligadas á xestión forestal. A creación da Axencia da Industria Forestal foi saudada como unha boa noticia polos colectivos que representan ás empresas de transformación da madeira, a patronal Confemadera Galicia e o Cluster da Madeira de Galicia, que se felicitaron porque unha das súas tradicionais reivindicacións fose tida en conta. O Cluster, en nota de prensa, destacaba que a Axencia pasaría a asumir as competencias ligadas coa transformación industrial, en tanto Medio Rural continuaría a levar a política contraincendios e a xestión forestal. Petición de reunión No sector forestal de base, sen embargo, carecen desas certidumes e hai a intención de pedir en conxunto unha reunión coa conselleira do Medio Rural e co conselleiro de Economía para aclarar a situación. Tamén se interesarán polo perfil de persoa que vai dirixir a Axencia, pois entenden que debe ser alguén que coñeza o sector e a Administración.

O sector da madeira apoia a creación da Axencia da Industria Forestal

A decisión da Xunta de crear unha Axencia da Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, é considerada un acerto tanto por Confemadera Galicia, a patronal das empresas do sector, como polo Cluster da Madeira. Ambas entidades consideran un acerto desligar a actividade industrial da política de loita contra incendios, xa que entenden que os lumes ocupaban recursos técnicos e económicos que facían descoidar outras áreas. As empresas da madeira califican de “aspiración histórica” a creación da Axencia da Industria Forestal, anunciada tras o Consello da Xunta do pasado xoves. Confemadera lembra que na comunidade hai arredor de 3.000 empresas da madeira, polo que a posta en marcha da Axencia interprétase como unha “oportunidade para mellorar a competitividade do sector”. Xunta directiva do Cluster O Cluster da Madeira celebrou estes días unha reunión da súa xunta directiva en Vilalba (Lugo), un enclave escollido con motivo do recente incendio de Maderas Goiriz, empresa á que o Cluster quixo transmitir o seu apoio. Participaron no encontro o presidente da patronal nacional Unemadera, José Carballo (Finsa), o presidente da Asociación de Empresas Forestais de Lugo, Daniel Díaz Villapol; o presidente da Federación de Carpintería e Ebanistería de Galicia, Ángel Hermida, así como representantes da gran industria, como Ence, Grupo Losán ou Finsa.

Resolución das axudas para transformación forestal

A Consellería do Medio Rural vén de resolver as axudas para investimentos en tecnoloxías forestais. As achegas divídense en dúas ordes, unha cofinanciada polo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, que beneficiará a 114 empresas; e outra liña dirixida a grandes serradoiros que lle aportará achegas a 6 firmas do sector. En total, as dúas liñas de subvencións rondan os 10 millóns de euros, para un investimento total de 29 millóns de euros. A liña de axudas cofinanciada polo PDR orientouse a facilitar investimentos en maquinaria, así como tecnoloxía para viveiros forestais ou á posta en marcha de plans empresariais con criterios de xestión forestal sostible. En canto ás axudas para serradoiros con máis de 10.000 metros cúbicos de produción, as achegas orientáronse tanto á adquisición de maquinaria como a obra civil para naves de serrado e almacenamento de madeira.

Galicia, terceira comunidade en exportacións de moble no primeiro semestre

O mercado español do moble aumentou as exportacións ó exterior un 12,4 por cento no primeiro semestre do ano en relación ó mesmo periodo do 2015. Galicia, que rexistrou unha suba do 10 por cento, participa desa tendencia xeral e mantense como terceira comunidade con máis vendas ó exterior, cun 8,8 por cento do total, segundo os datos difundidos por Confemadera Galicia, a patronal do sector da madeira. Cataluña e Comunidade Valenciana seguen a liderar o mercado, cun 49,3 % do total entre as dúas comunidades (Cataluña, 25,7% e Comunidade Valenciana, 23,7%). Galicia sitúase en terceira posición das exportacións cunha cota de mercado do 8,8%. Se ben o mercado familiar e da construción non remata de despegar, as empresas galegas que traballan no canal contract, que serve a grandes clientes corporativos públicos e privados, si están a experimentar unha evolución positiva, tal e como destacaba recentemente Confemadera Galicia. Desde Anieme (Asociación de Industriales y Exportadores de Mueble de España), valoran que hai unha boa marcha do sector tanto nos mercados internacionais coma no doméstico. De feito, as importacións de moble tamén aumentaron arredor do 10% e continúan moi por riba das exportacións. Se no primeiro semestre se exportaron mobles por arredor de 1.000 millóns de euros, as importacións chegaron ós 1.492 millóns, un déficit na balanza que tamén se confirma en Galicia. En Confemadera Galicia, a patronal galega da madeira, adoitan incidir na necesidade de aumentar o valor engadido da transformación en Galicia, pois se ben a comunidade é a potencia indiscutible na primeira transformación da madeira (aserrado e taboleiros) en España, en canto a mobiliario sitúase a moita distancia do Levante. Dáse ademais a circunstancia de que boa parte da materia prima empregada na industria galega do moble procede de importacións (madeira de cerdeira, carballo, castiñeiro, bidueiro, etc.). Mercados En canto ós mercados de exportación, destaca Francia, cun 26,9% do total, seguido de Portugal (11,8%) e de Alemania (8,5%). Os seguintes países na lista son Reino Unido, Estados Unidos e Italia, con entre un 4 e 5%. En importacións, o mercado chino, caracterizado polos seus baixos prezos, continúa dominando o sector, cun 22,5% do total. Séguenlle Portugal (14,5%), Alemania (9,9%) e Polonia (9,8%), mercado este último que medrou un 30% no primeiro semestre do ano.

A industria galega da madeira e do moble facturou un 11,2% máis en 2015

A industria galega da madeira e do moble facturou 1.941 millóns de euros no 2015, o que supuxo un incremento do 11,2% respecto a 2014. Son as cifras globais dun sector que xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e no que 2015 supuxo un ano de récords en múltiples factores, entre eles, o volume de cortas: 8,25 millóns de metros cúbicos, o mellor rexistro desde 1996. Estas son só algunhas das cifras que se recollen no Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia, un traballo que, tras múltiples anos de colaboracións puntuais, foi elaborado por primeira vez de xeito conxunto entre docentes da Escola de Enxeñaría Forestal e a Confederación Galega de Empresarios da Madeira, Confemadera Galicia. O informe foi presentado este xoves na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra, un acto no que interviron o secretario e profesor da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e o presidente de Confemadera, Elier Ojea. Máis exportacións, máis cortas, máis ingresos para as familias... Respecto aos resultados do informe, o secretario da EE Forestal, admitiu que “aínda que o sector segue pagando moitos danos da crise, xa é apreciable un cambio de tendencia, especialmente en canto a corta de madeira en monte, volvendo a alcanzar e incluso superando a barreira dos oito millóns de metros cúbicos de madeira”. Neste sentido, o incremento no volume de cortas rexistrouse en todas as especies: eucalipto (19%), coníferas (1,5%) e frondosas (7,5%), representando o eucalipto, por sétimo ano consecutivo, máis do 50% das cortas realizadas. Un dos datos cos que se exemplificou a tendencia favorable do sector son as exportacións, que ascenderon en 2015 a 768,1 millóns de euros, un 2,5% máis que no ano anterior, sendo a pasta para papel o principal produto exportado (189,2 millóns de euros) , mentres que a madeira e os mobles representan 578,9 millóns de euros, un 2% máis. Sen embargo, se se comparan estes últimos datos cos das demais Comunidades Autónomas, Galicia foi a segunda na que menos medraron as exportacións de madeira e mobles, caendo ao terceiro posto en volume dende o segundo que ocupaba o pasado ano. Así, as exportacións seguen sendo lideradas por Cataluña, con 638 millóns e un crecemento do 15,3% en 2015 e pola Comunidade Valenciana, que desbanca a Galicia do segundo posto, cunhas exportacións por valor de 610 millóns e un incremento do 9,7%.
 “Importante caída das exportacións galegas de madeira en bruto”
A destacar a importante caída das exportacións galegas de madeira en bruto que pasaron de 122 millóns de euros en 2014 a 71 millóns o pasado ano. Con todo, a principal nota positiva é o aumento da balanza comercial favorable a Galicia neste sector, xa que mentres as exportacións, como se sinalou, medraron un 2,5% e ascenderon a 768 millóns, as importacións caeron un 11% en 2015 ata situarse nos 262 millóns de euros. Polo demais, esta maior actividade industrial tamén beneficia ás familias. Neste sentido, os expertos indicaron que o sector xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e máis de 80.000 familias percibiron rendas pola venda de madeira de case 300 millóns, o que supón un incremento do 14% en comparación con 2014. Consolidación dun sector vital para Galicia En canto ao volume de negocio da industria da primeira transformación (rematantes, serradoiros, taboleiros e pasta...) medrou en 2015 un 12% e situouse en 1.555 millóns de euros, o que, a xuízo dos autores do informe, supón a consolidación da súa fortaleza en Galicia. Nesta liña o informe especifica que os rematantes tiveron unha maior actividade de cortas de madeira, pero cuns prezos lixeiramente inferiores, alcanzando unha facturación de 424 millóns de euros, un 5% máis ca no ano anterior. No caso da industria de serradoiros aumentou a produción un 3% e alcanzou unha facturación de 306 millóns de euros e os subsectores de envase, embalaxe e mobiliario de exterior rexistraron tamén un comportamento máis positivo ca os tradicionalmente vinculados á construción.
Medra un 12% o volume de negocio da industria da primeira transformación
Destaca tamén o incremento dun 20% na facturación conxunta do taboleiro e a pasta, que ascendeu a 825 millóns de euros, crecemento que os autores atribúen á recuperación económica que se rexistrou no mercado europeo e á situación cambio euro/dólar, moi favorable naqueles mercados e produtos que teñen de referencia a divisa norteamericana. Na segunda transformación obtivéronse en 2015 mellores resultados, cunha facturación de 386 millóns de euros, un 7,8% máis que en 2014, xa que as empresas souberon aproveitarse de diferentes segmentos de mercado con gran potencial. Perspectivas “revolucionarias” para o futuro: madeira transparente, líquida... Respecto ao futuro do sector, Picos incidiu especialmente nun feito: as enormes perspectivas que o futuro depara a este sector. “A día de hoxe non somos aínda conscientes dos produtos forestais revolucionarios que imos ver nun futuro non moi lonxano. De aquí en dez anos disporemos de múltiples produtos derivados da madeira e que a día de hoxe non imaxinamos”. Entre os diferentes exemplos, este experto universitario falou de conceptos madeira transparente e madeira líquida. “Son diferentes desenvolvementos tecnolóxicos que van facer que a madeira deixe de ser un material tradicional para pasar a converterse nun produto absolutamente innovador e, neste sentido, Galicia ten moitas posibilidades de beneficiarse desta mellora tecnolóxica global”, recalcou Picos, que non dubidou en afirmar que a comunidade autónoma ten “todos os alicerces necesarios para destacar nun sector que vai ser revolucionario nos próximos anos”.

Descarga aquí o informe completo

A Xunta abrirá unha liña de axudas para os serradoiros industriais

O Consello da Xunta aprobou habilitar unha partida de axudas de 600.000 euros para as empresas forestais que superen os 10.000 metros cúbicos de materia prima empregada ó ano. Con esta liña de subvencións, a Administración autonómica busca apoiar ós serradoiros industriais, que quedaron fóra este ano dos apoios previstos no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR 2014-2020) de Galicia. O problema de fondo no PDR radica en que a normativa da Comisión Europea non prevé axudas para serradoiros que movan máis de 10.000 metros cúbicos de materia prima ó ano, unha situación que preocupa no sector das empresas forestais galegas. A propia conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, abordou esta cuestión na viaxe que realizou a Bruxelas en febreiro. As empresas forestais confían en que a limitación de 10.000 metros cúbicos para acceder as axudas do PDR se poida resolver de cara a próximos anos, pero entre tanto, recibiron de xeito positivo a nova liña de axudas que vén de habilitar a Xunta con fondos propios para apoiar a aquelas empresas forestais que movan máis de 10.000 metros cúbicos ó ano. Características Cada empresa solicitante poderá beneficiarse dunha axuda por importe do 25% dos gastos a afrontar. A axuda elevarase a un 35% no caso de pequenas empresas. A máxima cuantía por solicitante será de 100.000 euros e mediante estes fondos financiaranse investimentos en equipamentos e instalacións, incluida obra civil. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da publicación da orde de axudas no DOG.

O secretario xeral de Finsa, novo presidente de Unemadera

A patronal española da madeira e o moble, Unemadera, creada no 2015, renovou os seus órganos de dirección en asemblea xeral ordinaria. Ao primeiro presidente de Unemadera, Elier Ojea, tamén presidente de Confemadera Galicia, sucédelle agora o secretario xeral de Finsa e presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Tablero (Anfta), José Carballo. A asemblea de Unemadera deseñou tamén o seu plan de actuacións 2016 e xa lle propuxo ao Ministerio de Industria e ás organizacións sindicais sectoriais a constitución dunha Mesa Sectorial da Madeira. Esa Mesa tería o obxectivo de avaliar a situación da cadea de valor tras o período de crise que sufriu o sector, así como as perspectivas de futuro da industria madeireira e do moble. A asemblea acordou ademais as bases para o novo convenio colectivo do sector, co que pretende aumentar a produtividade e competitividade da cadea de valor. Comité executivo O novo comité executivo de Unemadera pasa a estar constituído por representantes das organizacións Cemcal, Fedemco, Cluster Habic, Asmadera, Confemadera Galicia, Aeim, Aefcon-Caema, Feim e Anfta, que asume os labores da Presidencia. Durante a Asemblea realizouse un chamamento á unión de todas as organizacións do sector, para ter unha posición máis forte na defensa dos intereses das empresas. Nesta reunión participaron representantes de 12 organizacións territoriais xunto coa maioría das asociacións sectoriais: Ademan (Navarra), Cluster Habic (País Vasco), Cemcal (Castela e León), Confemadera Galicia (Galicia), Femamm (Madrid), Asmadera (Asturias), Cecomadera (Córdoba), Fedemco (Envase), Feim (Multisectorial), Aeim (Comercio), Aefcon (Contrachapado) e Anfta (Taboleiro Aglomerado). Tamén participaron como convidados a Confederación Catalá da Fusta (Cataluña) e Baskegur (País Vasco).

Medio Rural pide cambios en Bruxelas para que os serradoiros poidan optar ás axudas do PDR

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, iniciou hoxe unha visita de 2 días a Bruxelas para entrevistarse cos responsables comunitarios de Desenvolvemento Rural e de Mercados. Na xornada de hoxe reuniuse co director xeral de Desenvolvemento Rural, Mihail Dumitru, e para mañá ten prevista unha xuntanza co director xeral de Mercados, Joost Korte, ó que lle solicitará medidas para regular o mercado lácteo. O primeiro dos encontros, celebrado hoxe, centrouse no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 e na Política Agraria Común (PAC). En relación ó PDR, Medio Rural pediu un cambio da normativa comunitaria para que os serradoiros de menos de 10.000 metros cúbicos de produción poidan optar ás axudas comunitarias, xa que do contrario, a práctica totalidade dos serradoiros galegos non podería recibir subvencións para tecnoloxía e maquinaria. Fearmaga, a asociación que agrupa ás pequenas empresas madeireiras, mantivo precisamente unha reunión a pasada semana para abordar este problema. No encontro, Fearmaga informou os seus asociados de que a Consellería barallaba sacar este ano unha orde de axudas con fondos propios, en tanto non se solucionan os impedimentos para que os serradoiros poidan optar ás axudas do PDR. Outro dos aspectos abordados na reunión de hoxe en Bruxelas foi a Política Agraria Común (PAC). A conselleira expúxolle ó director de Desenvolvemento Rural as particularidades da gandería galega e trasladoulle a necesidade dunha PAC máis simple e que aporte estabilidade para as explotacións.

A produción forestal, presente e futuro para o desenvolvemento do rural

Brasil, o segundo país do mundo con maior superficie forestal despois de Rusia, con 463,2 millóns de hectáreas de masa forestal (o 54,4% do seu territorio) segue mantendo unha aposta incondicional por incrementar a superficie de aproveitamentos. A industria e as administracións traballaron de maneira coordinada para ampliar as súas plantacións forestais en 7,74 millóns de hectáreas nos últimos anos. Puidémolo comprobar na recente viaxe de empresarios de Confemadera Galicia a varias zonas produtoras do país suramericano. Esta aposta tivo un impacto directo no desenvolvemento da economía rural mediante a fixación de poboación entorno á actividade forestal e sobre todo, porque permitiu captar novos investimentos. As empresas do sector teñen previsto investir 15.000 millóns de dólares US para incrementar a súa base forestal, ampliar instalacións ou instalar novas fábricas.
"Podemos importar os modelos de colaboración entre administración, sector e centros de investigación"
Galicia debe mirar a estes países forestais e trasladar aos nosos montes unha política forestal que promova e apoie a produción forestal. Non dispoñemos das extensións de territorio daquel país, pero podemos importar os modelos de colaboración entre sector, administración e centros de investigación para crear as mellores condicións para a industria forestal. Por exemplo, os centros de investigación realizan mellora xenética e técnicas de clonado para que as industrias dispoñan dunha planta adaptada ás características de chan e clima de cada zona do país. E mesmo a planta é seleccionada segundo as necesidades de materia prima da industria, para que esta poida dispoñer dunha subministración estable de materia prima. Prácticas selvícolas Outro dos ámbitos de mellora no que temos que avanzar nos montes galegos é no desenvolvemento de boas prácticas selvícolas, deste xeito, mellorarase a produtividade. Galicia comparte unhas condicións de clima e chan similares a Brasil e co cultivo do monte mediante técnicas selvícolas profesionais podemos chegar a duplicar a produtividade en especies como o piñeiro ou o eucalipto. En Brasil, por exemplo, grazas a ese traballo, desde 1980 a produtividade do piñeiro pasou de 19 a 38 m3 por hectárea e ano. No caso do eucalipto, a produtividade pasou de 24 a 44 m3.
"Mediante prácticas selvícolas profesionais, podemos duplicar a produtividade en piñeiro ou eucalipto"
O sector en Brasil conta ademais cun gran aliado, a Empresa Brasileira de Investigación Agropecuaria (Embrapa), creada no 1978 polo Ministerio de Agricultura, Gandería e Abastecemento (MAPA). Embrapa Forestal foi un axente dinamizador estratéxico para mellorar a eficiencia da produción forestal, aumentar a oferta de produtos forestais no mercado e conservar o medio ambiente. O seu traballo contribuíu a que a industria brasileira se consolide nos mercados internacionais, promovendo a mellora xenética, a optimización de plantacións, a incorporación de biotecnoloxía e nanotecnoloxía para desenvolvemento de novos produtos e mellora dos procesos produtivos. Desde o sector cremos que temos que dar pasos nesta liña, ou Galicia perderá protagonismo no sector forestal. En poucos anos, seremos insignificantes á beira de países que si están a apostar polas masas forestais. O noso destino está ligado aos montes. Como xa deixou escrito Castelao, “vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”. Unidade do sector Desde o ano 2012, as catro asociacións da industria brasileira uníronse nunha única organización co obxectivo de contribuír á mellora da competitividade do sector. Industria Brasileira de Árvores (ÍA) aglutina ás 69 empresas máis importantes, cunha facturación conxunta de 15.000 millóns de dólares US e 4,2 millóns de empregos. As industrias brasileiras defenden que, desde a unidade de acción, pódense lograr mellores condicións socioeconómicas para o desenvolvemento da súa actividade industrial. Este é obxectivo no que traballa Confemadera Galicia desde 2011, e no que imos seguir perseverando co apoio de todos aqueles axentes do sector como asociacións de propietarios, empresas de servizos, administración, universidade e centros de investigación que queiran sumarse. Artigo de Elier Ojea. Presidente de Confemadera Galicia. ANEXO

A industria forestal brasileira

O sector empresarial en Brasil caracterízase pola integración vertical, desde as plantacións ata o produto rematado. Industrias como Fibria (celulosa), Klavin (papel) ou Duratex (madeira técnica) son líderes a nivel mundial. Fibria: líder mundial na produción de celulosa de eucalipto, ten unha capacidade de produción de 5,3 millóns de toneladas de celulosa ao ano, con fábricas situadas en Três Lagoas (MS), Aracruz (É), Jacareí (SP) e Eunápolis (BA). Asociada con CENIBRA, opera o único porto brasileiro especializado en pasta de carga, Portocel (Aracruz, Es). Traballa cunha base forestal de 969.000 hectáreas, das cales 343.000 destínanse á conservación do medio ambiente. No 2012, pechou unha alianza coa empresa canadense Ensyn para investir na industria de combustibles renovables a partir de madeira e biomasa. Klabin: é a maior produtora e exportadora de papel de Brasil. Líder en produción de papel e cartóns para embalaxes, cartón corrugado e sacos e bolsas industriais, ademais de comercializar madeira en troncos. Ten 15 unidades industriais, 14 en Brasil e unha en Arxentina. Pioneira na adopción do manexo forestal en forma de mosaico (sistema que mestura bosques plantados de piñeiros e eucaliptos e bosques autóctonos preservados), ten 239 mil hectáreas plantadas de piñeiros e eucaliptos e 213 mil hectáreas de bosques autóctonos preservados. Primeira no sector no Hemisferio Sur que obtivo a certificación FSC, no 1998. Duratex (São Paulo): É o maior produtor de paneis de madeira e atópase entre as 10 principais compañías mundiais nos sectores nos que actúa. Conta con preto de 12.000 empregados e 15 plantas estratexicamente situadas nos estados de Minas Gerais, Paraíba, Pernambuco, Rio Grande do Sul, Rio de Janeiro, Santa Catarina e São Paulo, ademais de tres fábricas de paneis en Colombia. Ten 272 mil hectáreas de bosques plantados e áreas de conservación nos estados de Minas Gerais, Rio Grande do Sul e São Paulo.

“En Galicia temos que pensar en tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo”

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, analiza a situación do monte galego co foco posto sobre grandes obxectivos como o asociacionismo forestal ou a necesidade de maiores apoios a investigación, formación e xestión silvícola. Aborda tamén nesta entrevista a recuperación das relacións con Medio Rural. Nuns días, a patronal galega da madeira ten prevista unha reunión coa nova conselleira, Ángeles Vázquez. Ojea xa avanza que Confemadera “quere estar e participar” nos órganos nos que se debate a política forestal do país. - Ao fío da elaboración do novo Plan Forestal de Galicia, as organizacións de propietarios advirten do contrasentido de que na comunidade se estea expandindo o eucalipto nitens, cando é unha especie con escasa demanda pola industria do papel e da madeira. Cal é a opinión do sector empresarial sobre esta situación? - Desde a industria entendemos que o Plan Forestal é o traxe que se lle fai a Galicia desde a perspectiva dun desenvolvemento forestal sostible. Pódese definir unha recomendación sobre diversas especies, tamén tendo en conta as características de cada zona da comunidade, pero dicirlle que non a unha especie non nos parece correcto. Tampouco avogamos por ningún monocultivo. No caso do eucalipto, poderiamos ter mesmo unha maior produción de madeira cunha menor superficie ocupada pola especie. O Plan Forestal debe definir que temos, que podemos conseguir e marcar pautas.
"É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos. Ese non é o enfoque correcto"
- A cuestión que se preguntan os propietarios é que especies plantar que poidan ter demanda. O nitens agora semella que non a vai ter e por outra banda tamén hai dúbidas de que haxa unha industria en Galicia que demande frondosas de calidade, como podería ser o carballo americano ou o castiñeiro. - En España somos deficitarios no mercado da madeira e do moble. En conxunto, importamos máis do que exportamos. Polo tanto, hai demanda de madeira. O que sucede é que o sector madeireiro precisa de estabilidade no abastecemento e de bosques para grandes consumidores. Por outro lado, o mercado non se limita a Galicia. Podemos exportar, non hai que poñer barreiras. A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Ese é o marco no que hai que pensar. É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos, ese non é o enfoque correcto. Hai que pensar en políticas para o país. O principal é ter boas plantas e superficies de plantación axeitadas para facer unha boa xestión silvícola.
"A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Hai que pensar en políticas de país"
- O problema do minifundio forestal é unha das vosas preocupacións, pero o asociacionismo forestal a través das Sofor (sociedades de fomento forestal), que permitirían agrupar a xestión de propiedades particulares, non remata de despegar. - En Galicia non podemos seguir pensando que imos facer no monte mentras teñamos centos de miles de hectáreas de monte abandonadas e un minifundio de 600.000 propietarios forestais para 2,5 millóns de hectáreas. Se non desenvolvemos superficies axeitadas para facer silvicultura, estaremos todos os anos falando do mesmo, do balance dos incendios do verán, que xa é un tema cansino. Precisamos dunha definición do territorio e se non se fai, será culpa de todos os axentes. En tanto non sexamos capaces de tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo, pouco se pode facer. - Esta semana estivo a nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nun acto voso en Xinzo, na presentación da campaña ‘O monte é a nosa vida’. ¿Tedes perspectivas de recuperar o diálogo coa Xunta que rachastes na primavera pasada? - En realidade nunca houbo unha idea de irnos definitivamente. Foi un xeito de chamar a atención sobre un sector, o forestal, que entendiamos que non se tiña suficientemente en conta. Outros sacan os tractores a rúa, nós abandonamos temporalmente os foros de interlocución coa Administración, pero está claro que queremos estar e queremos participar. Imos iniciar agora un novo turno de conversacións.
"Nunca houbo a idea de irnos definitivamente dos foros de interlocución coa Xunta. Agora abriremos un novo turno de conversacións"
Nuns días reunirémonos coa conselleira e abordaremos cuestións como a que falabamos do asociacionismo. Pode ser o momento de abrir un camiño de traballo no monte en Galicia para valorar o percorrido que poden ter as figuras de xestión conxunta. Non é fácil, polas nosas características culturais, pero hai posibilidades, quizais pola vía das axudas fiscais ó asociacionismo. Temos que ver como podemos ser capaces de impulsalo. - De cara ós presupostos da Xunta do 2016, aumentan as partidas adicadas a investimentos produtivos no monte. Medio Rural destaca que se pasa de 25 a 51 millóns de euros. Estades satisfeitos con esa mellora? - Todo aumento presupostario, benvido sexa. As expectativas deben ser falar máis cada ano de xestión sostible e de investigación e non estar sempre co tema dos incendios. O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos vén marcada por se hai moitos ou pouco incendios e a produción forestal queda á marxe dese escenario. Que se aumenten investimentos para adicalos a cuestións produtivas é positivo.
"O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos é se hai moitos ou poucos incendios"
- Na loita contra os incendios, o sector calcula que cada ano se gastan arredor de 100 millóns de euros na comunidade. - Non sei a cantidade. O que está claro é que onde se valoriza o monte e onde se fai silvicultura non hai incendios. Aí está o mapa de lumes dos últimos anos para comprobalo. O investimento no monte ten ademais unha rendibilidade social en creación de emprego e en xente que non ten que emigrar. Para promover os investimentos, tanto na parte silvícola como na industrial, precisamos dun marco claro de xestión do territorio. En Galicia levamos 20 anos sen unha instalación industrial nova no sector da madeira.