Archives

A parcelaria de Baños de Molgas mobilizará 287 hectáreas

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, reuniuse hoxe cos veciños interesados na parcelaria de Almoite, situada neste concello ourensán e que abrangue unha superficie de 287 hectáreas, distribuídas en 2.272 parcelas propiedade de 435 titulares. A directora xeral informou aos asistentes á xuntanza, celebrada ao carón da estación de tren, da contratación dos traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, correspondentes a este proceso. O orzamento previsto para estes labores supera os 155.600 euros. Así, a definición do parcelario suporá a correcta concreción cartográfica da totalidade das parcelas, a rede hidrográfica, as construcións, a rede viaria e os elementos topográficos singulares, así como a delimitación do perímetro definitivo da zona de reestruturación. En canto á investigación da propiedade, consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como na recompilación da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames. Posta en valor do territorio O obxectivo de todos estes traballos é o de poñer en valor o territorio. Así, a través dos diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, a Xunta leva xa mobilizadas en total 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos. Neste contexto, dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. Co fin de manter o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, o Goberno galego destina este ano 24 millóns de euros -un 41% máis que o ano anterior- para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.

Nova parcelaria de 2589 hectáreas en Lalín

A Xunta avanza nos traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, da concentración parcelaria de Goiás-Xaxán-A Veiga, no concello pontevedrés de Lalín. O orzamento para estes labores supera os 487.000 euros, nun proceso de reestruturación que abrangue unha superficie de 2.589 hectáreas, distribuídas en 8.084 parcelas de 1.207 propietarios. A definición do parcelario suporá a correcta delimitación cartográfica da totalidade das parcelas, a rede hidrográfica, as construcións, a rede viaria e os elementos topográficos singulares, así como a delimitación do perímetro definitivo da zona de reestruturación. En canto á investigación da propiedade, consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como na recollida da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames. Parcelarias en Lalín Dentro do concello lalinense, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Trátase dos procesos de Cristimil, Val-Bermés-Sello, Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto e Galegos, ademais deste de Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 19 millóns de euros.

Comezan os traballos da Xunta para a parcelaria de Cristimil, en Lalín

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este mércores unha reunión informativa cos veciños interesados no proceso de reestruturación parcelaria da zona de Cristimil, no concello pontevedrés de Lalín, cuxos traballos se van iniciar proximamente. Neste encontro, a directora xeral deu os detalles desta concentración, que se atopa en fase de decreto e que ten unha superficie de 456 hectáreas, beneficiando un total de 234 propietarios. Segundo explicou Inés Santé, están xa contratados os primeiros traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria. O orzamento previsto para estes labores supera os 162.000 euros, que se suman aos máis de 180.000 euros investidos ata o de agora nesta parcelaria. No termo municipal de Lalín, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Ademais da de Cristimil, trátase dos procesos de Val-Bermés-Sello, Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto; Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 19 millóns.

Mobilización de terras en Galicia

Deste xeito, a Xunta segue traballando para poñer en valor o territorio e, a través dos diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, mobilizáronse en total xa 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos. Así, dende 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. O Goberno galego mantén o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, e este ano destina 24 millóns de euros para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.

Rematada a parcelaria de 740 hectáreas en Santa María de Oroso, no concello da Cañiza

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Oroso, nesta localidade pontevedresa. Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de 740 hectáreas, pertencentes a 629 veciños. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 13.110 parcelas a 1.890 fincas, septuplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar de 564 metros cadrados a 3.915.

Concentracións parcelarias: A Xunta anuncia que no 2024 investirá un 41% máis

A Xunta anuncia que destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para avanzar nos procesos de concentración parcelaria e no arranxo de pistas. Este orzamento representa un 41 % máis de fondos que os consignados no 2023. Así o anunciou este martes o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do “Manual práctico para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria”. O conselleiro estivo acompañado por Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural. Neste contexto, o conselleiro destacou a creación do Manual presentado como unha iniciativa fundamental para planificar, co fin de establecer unha metodoloxía práctica para realizar a reestruturación parcelaria cunha visión o máis integradora posible, sendo a conservación da paisaxe un valor engadido en todo o proceso. Na súa intervención, José González fixo fincapé na importancia da reestruturación parcelaria como “ferramenta necesaria para o desenvolvemento rural, debido á división da terra en Galicia, que segue a ser un impedimento para o desenvolvemento do potencial agrario, polo que ambos intereses deben solaparse”. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxecto de avanzar decididamente nesta materia.

Sustentabilidade

Neste mesmo sentido, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de garantir a sustentabilidade neste tipo de procesos -que inciden na paisaxe, xa que diminúen o número de parcelas e reducen a rede de camiños para permitir o tránsito de maquinaria- mellorando o medioambiente. Así, recalcou que “cómpre establecer consideracións básicas sobre a correcta integración e protección dos elementos culturais, ambientais e paisaxísticos, con criterios únicos e homoxéneos que contribúan tamén á mitigación e adaptación, en especial, aos incendios forestai”s. O conselleiro puxo en valor “as 29 parcelarias rematadas desde 2020 ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”. En consonancia con isto, destacou as tamén 29 parcelarias decretadas desde 2021 ata agora, seguindo -destacou González- o “mantra” segundo o cal “por cada parcelaria rematada, unha nova decretada”.

Aposta por reducir e axilizar trámites

“A Xunta mantén un elevado ritmo de entrega de títulos por toda Galicia e está aberta a decretar novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias, sempre apostando por reducir e axilizar os trámites”, engadiu José González. Nesta liña, e de xeito paralelo, o conselleiro destacou as ferramentas de mobilización de terras da Lei de recuperación. Uns instrumentos que -subliñou- permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras e lembrou que estes mecanismos -polígonos agroforestais, aldeas modelo, permutas e agrupacións de xestión conxunta- xunto coas parcelarias permitiron xa poñer en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

Medio Rural conclúe a parcelaria de 445 hectáreas no concello ourensán de Allariz

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vitoiro-Urrós, nesta localidade ourensá. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 445 hectáreas, pertencentes a 767 veciños, e contou cun investimento de 2,2 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 5.000 parcelas a 1.327 predios, case que cuadriplicando o tamaño medio das parcelas ao pasar de 884 metros cadrados a máis de 3.110. O conselleiro explicou que, en paralelo ás novas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, as parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, detallou, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Nova parcelaria no concello lugués do Páramo para reorganizar 933 hectáreas

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal un novo decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaria de Friolfe, no concello lucense do Páramo. Deste xeito, reorganizarase unha superficie de 933 hectáreas repartidas en 1.618 parcelas propiedade de 211 veciños. Este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. De feito, o municipio do Páramo sitúase na comarca de Sarria, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha importante implantación de explotacións gandeiras.

Dúas novas parcelarias de case 2000 hectáreas no concello coruñés de Ordes e no lugués de Baleira

A Consellería do Medio Rural anuncia o inicio de dúas novas concentracións parcelarias, unha no concello coruñés de Ordes e outra no lugués de Baleira, que en conxunto suman case 2000 hectáreas de terras que se van reestruturar, para aumentar a dimensión das parcelas.  Na primeira, a Xunta anunciou o inicio da tramitación para a avaliación previa da zona de reestruturación parcelaria de Ordes – Pereira II -no concello coruñés de Ordes – cunha superficie de 1.323 hectáreas implicadas.  Así, xa está publicada na web sobre concentracións parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución desta zona, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións ata o próximo 31 de maio. No apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta relacionados, e os planos relativos do proceso.  A maiores, trabállase na zona de concentración parcelaria de Poulo, decretada en 2021 e que afecta unha superficie de 744 hectáreas. Así, de materializarse o proceso de Pereira II, completaríase a concentración do 100 % do territorio municipal de Ordes. Estes procesos realízanse da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Por outra parte, Medio Rural tamén iniciou a tramitación da parcelaria de Retizós, no concello lugués de Baleira, para reorganizar unha superficie de 583 hectáreas distribuídas en 1.661 parcelas de 178 propietarios. Así llo comunicou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ao alcalde da localidade lucense, Ángel Martínez-Puga, na súa recente visita á zona.

Rematada a parcelaria de Fonteo, no concello lugués de Baleira

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Baleira, Ángel Martínez-Puga, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Fonteo, neste concellos lugués. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 145 hectáreas, pertencentes a 112 veciños. Neste acto, o conselleiro destacou que, grazas a este traballo, pasouse de 544 predios a 199 parcelas finais. Desta forma, a superficie media das parcelas case se triplicou, ao pasar de 2.697 a 7.304 metros cadrados. O conselleiro destacou que dende o 2020 a Xunta rematou un total de 27 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.700 hectáreas, beneficiando máis de 13.200 propietarios que recibiron preto de 29.300 títulos de propiedade. Nesta liña, José González reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2021 se decretaron 28 novas parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.881 ha e 109.949 parcelas de 16.098 titulares.

A Xunta defende o seu modelo de mobilización de terras mentres que a oposición critica a falta de medidas concretas no rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu na mañá deste martes día 11 de abril no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia. Sobre este asunto, apuntou que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais ademais de concentracións parcelarias. José González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, como fundamental na loita contra o abandono do territorio e o despoboamento do rural e facer fronte aos incendios forestais. González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización. Outro obxectivo é reducir a complexidade da estrutura de propiedade en Galicia de cara á viabilidade económica das explotacións ampliando a súa base territorial. O conselleiro destacou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.
González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización
Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria. Unha vez identificada a demanda, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras. Instrumentos de mobilización e recuperación de terras O conselleiro José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira. Un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (Pobra do Brollón) e de Osmo (Cenlle). Tamén se busca rehabilitar de forma integral o núcleo das aldeas, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional. Estes plans nacen de cooperacións públicas e privadas. González lembrou que tamén se aposta polas “aldeas intelixentes”, coa conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a s últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.
José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo para poñer en marcha actividades económicas orientadas á produción de calidade
Outro tema foron os polígonos agroforestais, sobre os que González matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras. Estas figuras permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, actuando preferentemente nas concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%. A Consellería tamén puxo en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pastos e obras de infraestruturas asociadas co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. A Consellería súmalle ademais o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas. A figura legal para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras será o Banco de Terras. O Banco de Explotacións porá en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. Tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia. BNG, o rural galego ten nome propio: abandono O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu á intervención do conselleiro de Medio Rural que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando. Rivas cualificou de “insuficientes” as 10 mil hectáreas mobilizadas e denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo. Xosé Luís Rivas criticou as políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92. Estas levaron “a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida”. Isto levou a que actualmente “Galicia xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”. O voceiro do BNG recordou o breve pero aleccionador periodo de tres anos e medio do goberno bipartito. Durante ese tempo apostouse pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que difundiu todos os activos humanos e económicos “ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural”, cousa que “o Partido Popular se empeñou en esganar”.
O BNG denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Segundo o representante nacionalista, a Xunta “leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal pola porta de atrás” para promocionar as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados” que non reverte a situación do rural en Galicia. Rivas apuntou informes parciais que vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola abandonada nos próximos 10 anos será do 35%. Mentres que os informes globais, “os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”. Á parte, o deputado nacionalista destacou que o texto legal defendido polo conselleiro José González, ten un problema de horizonte porque non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán grupos empresariais e agrogandaría industrial. “Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. Dezasete millóns de hectáreas en mans de Cargill, Dupont e Monsanto”. O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres Galicia conta co 23% de SAU, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%. Esas serían as porcentaxes ás que debería aspirar Galicia segundo Rivas. Por outra parte, tamén insistiu en que o rural galego ten un nome, abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas destacou que o texto legal defendido polo conselleiro non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista, é necesaria “vontade política e non vender o noso país”. O grupo socialista denuncia: “Galicia ten 900.000 hectáreas abandonadas” O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. En resposta á comparecencia do conselleiro do Medio Rural, Martín Seco denunciou a “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021. A norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa reducindo orzamentos, medios materiais e humanos e coa falta dun cronograma de actuacións para o cumprimento da Lei, apuntou Seco. O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria. O plan, segundo Seco, vén “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal. Seco apuntou unha serie de puntos sen cumprir por parte de Medio Rural como non desenvolver o banco de explotacións, non elaborar o mapa de usos agroforestais e a falta de conclusión do catálogo de solos agropecuarios e forestais. Martín Seco engadiu ademais que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados coas aldeas modelo”.
O PSdeG criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta
O deputado do Grupo Socialista lembrou que aínda non se enviou o informe de avaliación bianual que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Ademais, esta última Comisión segue sen estar constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”. O parlamentario socialista criticou atrasos na normativa de ordenación territorial e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias. Sobre isto, apuntou unha xestión caracterizada polos retrasos nos traballos de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.
O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria
Martín Seco finalizou a súa intervención denunciando o “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.

Avances na nova concentración parcelaria do concello de Boqueixón que afectará a case 2000 hectáreas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo esta mañá unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, no concello coruñés de Boqueixón. Este proceso prevé reorganizar unha superficie de 1.957 hectáreas divididas en 10.460 parcelas, propiedade de 1.195 veciños. Así, a directora xeral sinalou que “para levar a cabo este proceso, a Xunta ten previsto investir un orzamento de algo máis de 5,8 millóns de euros, co fin de mellorar a estrutura territorial da zona e beneficiar tamén as 136 explotacións agropecuarias existentes”. Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, este proceso declárase mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Imaxes tomadas no trascurso da xornada / Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta inicia unha parcelaria para 300 hectáreas no concello ourensán de Trasmiras

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, mantivo hoxe un encontro cos veciños que se verán beneficiados pola nova concentración parcelaria de Escornabois, neste concello ourensán. Así, José González destacou que se prevé reorganizar unha superficie de case 300 hectáreas, divididas en 2.632 parcelas propiedade de 711 veciños. Neste senso, o conselleiro sinalou que para levar a cabo este proceso, o seu departamento ten previsto investir algo máis de 1 millón de euros, co fin de mellorar a estrutura territorial desta zona, xa que, ao igual que o resto de procesos decretados nos últimos anos, este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. De feito, o municipio de Trasmiras sitúase na comarca da Limia, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha importante implantación de explotacións gandeiras, ademais de cultivos de pataca, millo, cereal e hortícolas extensivos. Así, José González destacou que as concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Neste senso, sinalou que neste mesmo concello desenvolvéronse un total de cinco procesos de reordenación parcelaria (Chamusiños, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres e Zos), que supuxeron unha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas cun resultado total de 7.230 predios de substitución e 5.258 propietarios beneficiados.  

Dúas novas parcelarias reorganizarán case 1000 hectáreas en Becerreá e Castroverde

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe dous encontros informativos con veciños beneficiados polas novas concentracións parcelaria decretadas nos concellos lugueses de Castroverde e Becerreá, co fin de informalos sobre as particularidades de cada un dos procesos, e mediante os cales a Xunta prevé reorganizar unha superficie de case 1.000 hectáreas. Así, a primeira das reunións foi cos beneficiarios da parcelaria de Riomol, no concello de Castroverde. Este proceso prevé reorganizar unha superficie de 494 hectáreas, dividida en 1.192 parcelarias propiedade de 143 veciños. Neste proceso, a Consellería do Medio Rural ten previsto investir preto de 1,5 millóns de euros. Seguidamente, a directora xeral trasladouse ao concello de Becerreá para abordar cos veciños de Guilfrei as características deste novo proceso, que prevé reestruturar unha superficie de 441 hectáreas divididas en 1.871 parcelas, propiedade de 142 veciños. Neste caso, o orzamento previsto pola Consellería ascende a algo máis de 1,3 millóns de euros. Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, estes procesos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, en Castroverde veranse beneficiadas 22 explotacións e en Becerreá 31 granxas agropecuarias.

A Xunta inicia dúas novas parcelarias no concello coruñés do Pino para reestructurar case 1200 hectáreas

A Xunta anuncia o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de reestruturación parcelaria de Arca II e de Montes de San Miguel de Pereira -no concello coruñés do Pino- con 837 hectáreas e 349 hectáreas respectivamente. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural e o alcalde desta localidade coruñesa, Manuel Taboada, nunha reunión na que tamén estivo presente a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Así, xa está publicada na web sobre parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución destas zonas, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 3 de abril. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a estes procesos.

No concello do Pino xa se remataron 12 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 9.319 hectáreas, afectando a 80.724 parcelas e a 11.124 predios resultantes de 5.705 persoas propietarias.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->