Archives

Reunión entre comerciantes da Praza e do Mercado de Lugo coa concelleira de Participación

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, mantivo unha xuntanza cos representantes das e dos comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal co obxectivo de continuar a traballar da man no futuro de ambas instalacións. Cristina López afirmou que “buscamos consolidar á Praza e ao Mercado como dous referentes do comercio local e de proximidade, destacando a gran calidade dos productos que se comercian aquí e a atención especializada que prestan os distintos comerciantes a toda a veciñanza”. Cristina López destacou o traballo realizado pola área de Participación de cara á promoción da Praza e do Mercado “achegando actividades culturais e realizando distintas iniciativas para fomentar que as veciñas e veciños de Lugo acudan á praza e ao mercado, favorecendo que coñezan ambas instalacións e que aposten por elas á hora de facer as súas compras”: Segundo Cristina López, un exemplo é a campaña O noso mercado é un agasallo, realizada cada ano durante o Nadal, “e que cada sábado supón un gran volume de venta para os distintos postos”. A área de Participación facilitou que a Praza e o Mercado fosen o escenario de actividades diversas e para distintos públicos, acollendo desde obradoiros infantís e visitas escolares ata concertos, mostras científicas ou torneos de futbolín e xadrez.

“Queremos que a praza e o mercado de Lugo sexan tamén un polo de atracción turística”

Cristina López é concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). O seu departamento é tamén o responsable da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros, dous espazos que están a potenciar como referencia en comercio local e de proximidade. Falamos con ela sobre os seus proxectos para estes dous espazos emblemáticos dos produtos lucenses. -Que balance fan dende o Concello de Lugo dos resultados de visitas e compras na Praza de Abastos e do Mercado no 2021? Moi positivo, tanto a Praza de Abastos como o Mercado Municipal están sendo un referente nas compras, o número de persoas usuarias está medrando ano tras ano sendo o punto de inflexión a peatonalización da rúa Quiroga Ballesteros. Estas obras trouxeron consigo a descuberta destes espazos por moitos dos cidadáns e as distintas campañas que vimos facendo tamén están sendo moi ben acollidas. Por exemplo, as luces de Nadal, primeiras luces que se colocan na cidade dando inicio ó Nadal comercial, é outro aliciente  para poder visitar dende novembro a xaneiro, e así o notamos con numerosos turistas e veciños e veciñas  facendo fotografías delas.
“O balance do 2021 para a Praza de Abastos e o Mercado de Lugo é moi positivo”
-E  en concreto, como valoran o impacto da campaña O noso mercado é un agasallo? O ano pasado tivo moi boa acollida pero este ano moita máis: repartimos moitos agasallos e houbo unha gran demanda durante a campaña. Isto é un reflexo do número de compradores e da cantidade de vendas que se realizaron estos días. É a boa acollida que ten o excelente producto que se comercializa, atendido por profesionais que non só o preparan  senón que tamén aconsellan como elaboralo para que as nosas mesas sexan todo un éxito. -O 2022 comeza cun novidoso programa de actividades infantís para aquelas familias que queiran achegarse cos seus fillos a estes dous recintos. En que consisten? En que todos os sábados de 11 a 14 horas no Mercado Municipal vanse celebrar obradoiros con nenos e nenas de 4 a 12 anos, obradoiros que estimulan a súa creatividade, responsabilidade co medio ambiente e, como estamos nun mercado, obradores de cociña que ás crianzas tanto lle gustan. Tamén lles permiten aos seus familiares mercar sabendo que os seus nenos e nenas están atendidas, aprendendo e divertíndose. -Que investimentos teñen previsto realizar dende o Concello tanto na praza como no mercado ao longo deste ano? No Mercado Municipal temos previsto un proxecto de acondicionamento  do espazo con novo mobiliario e na Praza de Abastos o obradoiro de carnes e acondicionamento climático, xunto co mantemento diario que precisan ambos espazos. -Cales son as principais demandas que lle transmiten os comerciantes? No Mercado Municipal solicitaron que se mantiveran as actividades coas nenas e nenos que se desenrolaron no Nadal, e así fixemos, e na Praza de Abastos a climatización, proxecto xa previsto.
“Queremos que ao longo deste ano todos os postos da Praza estean adxudicados”
-En canto aos postos, que previsións hai para a súa adxudicación e renovación? O longo deste ano sacaranse a adxudicación, xa que levan un tempo. -Cidades como Barcelona con La Boquería ou Santiago coa súa Praza de Abastos, lograron que tamén fosen un importante punto de atracción turística. Comparten este obxectivo para Lugo? Así é, a convocatoria que se vai levar a cabo ao longo deste ano para que todos os postos estean adxudicados, xunto co proxecto de renovación do Mercado Municipal vai nesa liña, para que sexan sitios referentes para visitar e gozar da cidade. O Mercado e a Praza son un polo máis de atracción turística que complementa á cidade que é  en si mesma un atractivo turístico e cumpre coa demanda de todas as persoas que queiran achegarse a Lugo. -Cales considera que son os retos para que tanto o mercado como a praza sexan atraíntes para os consumidores, nun contexto de concentración das compras nas grandes superficies e con crecente peso da compra online? As canles online son fundamentais, hai que tratar de chegar a todo o mundo e estamos vendo que o comercio está apostando por este sistema que nos permite comprar a calquera hora e en calquer momento. Ten que estar moi presente na aposta que os comerciantes teñen que facer a curto prazo. En canto á concentración das grandes superficies a tendencia é cada día máis á ir á especialidade. Cada día valorase máis o tempo e as grandes áreas onde os cambios de pasillos son constantes fan que perdamos moito tempo e que moitas veces nos vaiamos sen a metade da compra, por non dar máis voltas. Isto é máis unha desventaxa e por iso creo que o comercio de proximidade, especializado, con productos de  escasa manipulación, atendido por profesionais que coñecen moi ben a materia  que venden teñen un futuro prometedor se son capaces de integrar as maneiras tradicionais de venda cercana  coas novas tecnoloxías que nos ofrecen un excelente escaparate para poder distribuír os seus productos.      -Algo máis que queira engadir? Convido a que se acheguen a visitar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal da cidade de Lugo, onde non soamenta van atopar numerosos puntos de venda onde nos ofrecen productos de cercanía e de alta calidade, senón que tamén poderán gozar de dous espazos con moita historia da nosa cidade.  

A praza de abastos e o mercado de Lugo contarán con actividades infantís

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, anunciou a nova programación de actividades infantís na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, co obxectivo de  "facilitar que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres as familias realizan as súas compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal". Desde a área de participación búscase "facilitar a conciliación familiar nas fins de semana, e facilitar que a veciñanza poida achegarse a coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian na Praza e no Mercado". As novas actividades terán lugar nas mañás dos sábados de xaneiro, febreiro e marzo, en horario de 11 a 14 horas. As actividades consistirán en obradoiros de reciclaxe, creatividade e cociña, adaptadas ás idades das nenas e nenos presentes. A concelleira de Participación afirmou que "continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os productos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións”. Cristina López animou á veciñanza a “realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación”.

“A pandemia foi un revulsivo para as Prazas de Abastos”

Jesús Somoza, no seu posto da Praza de Abastos de Lugo A Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros son dúas instalacións ubicadas en pleno centro da cidade que levaban anos en decadencia, con postos pechados e afluencia de público minguante. Nin as obras millonarias acometidas nos dous edificios nos últimos anos serviran para reflotar a súa actividade, que seguía pouco a pouco esmorecendo. Pero nisto chegou a covid-19 e todo cambiou. "Nótase moita máis afluencia de xente ca antes, a xente veu a comprar no confinamento e quedou como clientela fixa. Foi como un revulsivo", asegura Jesús Somoza, que leva 29 anos á fronte da Carnicería Somoza, ubicada xusto fronte á porta principal de entrada á Praza.
A carnicería era dos meus avós e logo dos meus pais; levamos en total 90 anos na Praza
O seu é un deses negocios "de toda a vida" que mantiñan unicamente ese tipo de clientela fiel. "Levamos 90 anos en total na Praza, antes ca min estiveron os meus pais e primeiro os meus avós", detalla Jesús. "Pero tan importante como manter a clientela de toda a vida é renovala e atraer a outra nova", recoñece. Ser un dos establecementos máis antigos do recinto permítelles facer en primeira persoa un percorrido cronolóxico polo devir destes comercios de proximidade e percibir os cambios que se deron no último ano. "No confinamento deuse un cambio de clientela, comezou a achegarse máis xente nova a mercar e aumentou moito a venda os sábados", asegura Jesús. Trazabilidade e confianza Os días fortes na Praza de Abastos de Lugo sempre foron os martes e os venres, cando se celebra o mercado tradicional no que os produtores da contorna se achegan a vender os seus excedentes. Moitos deles son persoas xubiladas que traen queixos, chourizos ou verduras da casa, produtos sen envasar nin etiquetaxe que non chaman a atención do novo perfil de compradores.
Os martes e venres segue vindo a xente de sempre pero os sábados agora hai moita xente nova que comezou a vir no confinamento e quedou como clientela fixa
Estes buscan outro tipo de artigos e refúxianse na trazabilidade que lles ofrecen negocios de confianza como o de Jesús. "Eu creo que é polo bo produto que hai aquí na Praza a respecto dos supermercados, eu merco a tenreira directamente ao gandeiro e sei como foi criada, non pido nada a ningún matadoiro nin sala de despece e a zorza, as hamburguesas ou as albóndigas son de elaboración propia, facémolas nós. Deste xeito podemos garantir a calidade e a trazabilidade aos nosos clientes", conta. Maior demanda de alimentos saudables Ana, no seu posto de produtos ecolóxicos e carne de produción propia de Traloagro Se o de Jesús Somoza é un dos postos máis antigos da Praza de Abastos de Lugo, o de Ana Lozano é dos máis novos. Fai dous anos en xuño que se instalou, logo de coller un traspaso. Vende produtos ecolóxicos, algúns deles de produción propia, xa que forma parte do proxecto de Traloagro, unha explotación de cría de polos e vacún de carne en extensivo asentada no veciño concello de Friol, onde contan tamén con ecotenda e centro de despece e elaboración. "A filosofía nosa é vender directamente ao consumidor", explica.
Hai máis concienciación sobre a saúde e máis interese polos produtos ecolóxicos
Ana constata a mesma percepción que ten Jesús, que os mercados municipais están a recuperar unha parte da clientela roubada fai anos polos supermercados e grandes superficies. O consumidor segue querendo comodidade, pero agora busca tamén produtos máis saudables. "A xente está máis concienciada coa saúde, nótase máis interese polos produtos ecolóxicos", di. Pero apostar pola calidade non ten por que supoñer renunciar á comodidade. "Cando empezou o confinamento comezamos a facer entregas a domicilio e moita xente encarga por teléfono para non ter que agardar aquí pero despois vén ela a buscar o pedido", explica Ana. Porque en Prazas de Abastos como a de Lugo ou as de moitas outras cidades ir mercar os sábados pola mañá estase a consolidar como unha actividade de ocio máis para facer en familia. Cando menos foino nos tempos dos peches perimetrais, pero tanto Ana coma Jesús confían que esa sexa una das poucas cousas boas que nos deixe o coronavirus.

Un terzo máis de afluencia no último ano

Porta de entrada principal á Praza de Abastos de Lugo, que extremou as medidas de hixiene e limpeza durante a pandemia para presentarse como un lugar seguro onde mercar O interese polas tendas tradicionais incrementouse a raíz da covid-19. É un feito que constatan tamén desde o Concello de Lugo, titular das instalacións tanto da Praza de Abastos como do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, situados un enfronte do outro. Calculan arredor dun terzo o aumento de afluencia a estes dous recintos no último ano e iso está a tirar tamén da demanda de postos onde instalarse por parte de comerciantes e produtores. Hai tan só dous anos, unha cuarta parte do cento de postos de venda cos que contan a Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros estaban baleiros. Hoxe quedan xa poucos libres, despois do proceso seguido a nivel municipal para adxudicar os postos vacantes. Trátase de concesións por 25 anos que serven para fixar emprego e dar garantía ás persoas que exploten estes espazos. Na Praza só quedan neste momento tres postos dispoñibles pero xa hai ofertas para eles, como a da cooperativa A Carqueixa, que reúne a produtores de vacún de carne dos Ancares e que trala boa acollida da súa iniciativa de venda a través da internet queren agora establecer un posto de venda físico na Praza lucense. O consumidor busca refuxio no comercio de proximidade "Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado cheguen a ter o total dos seus postos ocupados e en funcionamento", indica Cristina López, a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, que destaca que "na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto".
O comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria
Para a responsable municipal, "o comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria", por iso, di, "neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social mercando no comercio de proximidade". Peonalización e obras no soto da Praza Ás obras de remodelación e mellora levadas a cabo na última década tanto na Praza como no Mercado lucense con fondos europeos do Plan Urban, súmanse neste momento os traballos de peonalización que se están a acometer nas rúas do seu entorno, o que permitirá convertelo nun lugar atractivo para o paseo e as compras. “A peonalización da rúa Quiroga Ballesteros permitirá ter un entorno axeitado para dinamizar a economía nun lugar privilexiado do centro da cidade”, asegura Cristina.
Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico
Ao mesmo tempo, tamén se están a levar a cabo obras de mellora no soto da Praza, que acolle os mercados tradicionais dos martes e os venres, coa intención así de potencialos a través dunha mellora da imaxe e presentación dos produtos. “Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico", conclúe a súa responsable.

Continúa a mellora do mercado tradicional de Lugo

A área de Participación do Concello de Lugo vén de completar o procedemento de actualización do Rexistro de Vendedoras e Vendedores do mercado Tradicional.  "Con esta actualización, desde a área de Participación podemos ofrecer o mellor servizo posíbel ás usuarias e usuarios destes mercados, garantindo que a actividade se desenvolva dun modo ordenado", explicou a concelleira Cristina López. A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobou a relación de persoas autorizadas a vender no Mercado Tradicional para o ano 2021. "Os mercados son para nós un piar estratéxico para a economía", indicou a edil do BNG, que engadiu que "o mercado tradicional é un exemplo de fonte de creación de valor engadido para as nosas produtoras e produtores". O mercado tradicional celébrase os martes e venres de 08:30 a 14:30. No caso de que un martes ou venres sexa festivo, celebrarase o día  anterior. Os produtos que se venden neste mercado son os propios da colleita, que cumpren a normativa sobre seguridade alimentaria e contan coas autorizacións en vigor.

“No Mercado e na Praza de Abastos de Lugo pódense mercar alimentos de excelente calidade dos nosos labregos con todas as garantías”

Cristina López é concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). O seu departamento é tamén o responsable da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros, dous espazos que están a potenciar como referencia en comercio local e de proximidade. Falamos con ela sobre os seus proxectos para estes dous espazos emblemáticos dos produtos lucenses. Como está a impactar a pandemia da Covid 19 no comercio local lucense, e en concreto na Praza de Abastos e no Mercado Municipal? No inicio do estado de alarma, co cese das actividades que non foron declaradas como esenciais, houbo moita xente que entendeu que o mercado e na praza de abastos estaban pechados. En canto detectamos esta idea errónea atallámola canto antes, para que o comercio local de proximidade siga funcionando. Que medidas adoptastes dende a Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo para apoiar ao comercio local? No momento no que se detectou esta situación iniciamos unha forte campaña informativa, ca posta en marcha do servizo de entrega a domicilio, acción moi ben acollida polas persoas usuarias do mercado dende o primeiro momento, cunha clara repercusión no incremento de clientes e por conseguinte de ventas. Acendemos as luces de Nadal o 13 de Novembro, no mercado e na praza, cunha decoración na que se estivo traballando durante meses para que fose un atractivo máis para visitar estes espazos, feito que tamén axudou a incrementar as visitas que se achegaban e se achegan a facer fotos e a coñecer a vida destes singulares espazos e as oportunidades que nos ofrecen de mercar produtos de excelente calidade. Como está sendo a acollida da campaña "O noso mercado é un agasallo"? A acollida desta campaña é moi boa dende o primeiro día, foi algo moi novidoso, nunca antes se fixera unha acción destas características e que nos agasallen con algo sempre nos gusta. Neste mandato municipal abristes o proceso para adxudicar os postos que estaban vacantes, tanto na Praza coma no Mercado para dar estabilidade e seguridade aos comerciantes deste entorno. Como está este proceso? O proceso está a punto de rematar, soamente nos quedan 2 postos por adxudicar que se resolverá a adxudicación na vindeira Xunta de Goberno Local, e seguimos traballando para sacar algúns postos máis que hai vacantes neste vindeiro ano. Que actuacións tedes previsto acometer de cara a este ano na Praza de Abastos? Proxectos temos moitos, por exemplo o arranxo do soto da praza, que nos vai ofrecer a posibilidade de facer un montón de actividades para nenos e nenas e tamén para persoas maiores, sempre e cando a Covid nolo permita. Debido á situación sanitaria actual estase traballando un pouco sobre a marcha, a potenciación e proxección comercial vai continuar con máis accións que iremos anunciando a medida que se vaian materializando. Cando prevedes que estea rematada a humanización e peonalización da Rúa Quiroga Ballesteros e o entorno da Praza e o Mercado e que agardades que supoña para esta zona? Sería aventurado dar unha data, nas obras nunca se sabe o que pode xurdir, pero si podemos dicir que van moi adiantadas segundo o calendario inicial previsto, se non hai novidades veremos esta zona rematada en moi pouco tempo e agardamos que este novo escenario redunde en beneficio do comercio local da zona. Lugo foi tamén unha das cidades galegas pioneiras en apoiar os mercados labregos de proximidade, coma os que teñen lugar os martes e os venres na Praza e o Mercado. Como están a resistir as limitacións motivadas pola pandemia e que propostas tedes para estes mercados, que noutras cidades europeas viviron un rexurdir nos últimos anos? O inicio do estado de alarma e as limitacións de mobilidade que estivemos e estamos vivindo, loxicamente están afectando, porque hai menos vendedoras e vendedores que se acheguen a vender os seus excedentes de produción. A incidencia do virus marca tamén a afluencia das persoas que se achegan a comprar. Dende a nosa área dispoñemos de tódalas medidas de seguridade que revisamos constantemente e adaptamos en cada momento ós protocolos sanitarios para que o noso mercado tradicional sexa seguro, e coidamos dun xeito moi escrupuloso para que así sexa. As novas instalacións que vamos poder ofrecer cando rematen as obras do soto da praza de abastos, van ser outro atractivo para poder vir e coñecer as labregas e labregos que nos visitan os martes e os venres cos seus produtos que con tanto cariño cultivan. Ademais do entorno urbano que supón a cidade, o Concello de Lugo ten unha extensa zona rural, formada por 54 parroquias, onde se segue a manter unha importante actividade agrogandeira. Que papel pensades que debe ter o rural nunha cidade como a de Lugo e no conxunto de Galicia? Os produtores e produtoras agrícolas e gandeiras son as verdadeiras protagonistas que mantiveron os mercados abastecidos para que non nos faltaran alimentos nas mesas, nas tendas, supermercados, … é un sector primordial no noso país, máis do 10% dos empregos sitúanse nesta actividade laboral, que significan máis do dobre que no resto do Estado. Esta circunstancia con políticas acaídas podería significar fixación de poboación no rural e favorecer a súa continuidade. Mencionar tamén que aumenta unha maior especialización nas explotacións e que os nosos produtos son cada vez máis recoñecidos pola súa calidade. Cales son as prioridades do voso departamento para este 2021 e cales son as principais actuacións que tedes previsto levar a cabo? Queremos seguir traballando en fixar inicialmente as actuacións que mellores resultados nos deron e seguir explorando novas iniciativas para potenciar os nosos mercados, con todo aquel valor engadido do que virán acompañadas, para un maior desenvolvemento tanto do nosa cidade como das 54 parroquias que forman Lugo.

Comeza a campaña “O noso mercado é un agasallo” para potenciar o comercio local e de proximidade de Lugo

A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, informou dos resultados da primeira semana da campaña “O noso mercado é un agasallo”, coa que desde a área de Participación se pretende promocionar o comercio local e de proximidade nunha ubicación tan emblemática do centro de Lugo como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. “No primeiro día de promoción, este pasado sábado, máis de 400 canxearon os seus comprobantes de compra por un agasallo”, explicou Cristina López, que engadiu “a mañá deste sábado os postos da Praza e do Mercado facturaron máis de 16.000€ só en compras superiores a 40€”.

Agasallos durante todos os sábados de decembro e o 2 de xaneiro

A área de Participación agasallará distintos produtos durante todos os sábados do mes de decembro, xunto co sábado 2 de xaneiro do 2021. Entre estes produtos atópanse bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida, calendarios do ano 2021 con fotos históricas da Praza e o Mercado, e material promocional da Praza de Abastos e do Mercado Municipal.

Lugo reactiva a celebración dos seus mercados tradicionais

A actividade volve pouco a pouco á Praza de Abastos e ao Mercado de Quiroga Ballesteros de Lugo. Durante os dous meses de estado de alarma por mor do coronavirus os postos fixos mantiveron a súa actividade adaptándose ás novas circunstancias para seguiren dando servizo á súa clientela, pero agora volven tamén os mercados tradicionais dos martes e venres no soto da Praza e a nave central do Mercado, onde os produtores locais dan saída aos seus excedentes agrícolas e gandeiros. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou a reanudación do Mercado Tradicional no soto da Praza de Abastos, que terá lugar os martes e venres entre as 8:30 e as 14:30 horas. Segundo declarou, “reactivamos o mercado tras asegurar que as distintas vendedoras e vendedores cumpren coas medidas ditadas polas autoridades sanitarias”. “Desde a área de participación revisamos o espazo para garantir que tanto as vendedoras e vendedores como as persoas asistentes poidan manter a distancia interpersoal en todo momento”, afirmou Cristina López, que engadiu que “ademais, proporcionamos ás vendedoras máscaras de protección, elaboradas coa colaboración do IES As Mercedes, que se unen aos dispensadores de luvas e xel hidroalcólico para as persoas que desexen achegarse ao mercado”.
O mercado tradicional celébrase todos os martes e venres no soto da Praza e o pavillón central do Mercado e tamén se realizan neste entorno outras actividades ao longo do ano como o Mercado da Terra ou a Feira do Mel
A reactivación dos mercados tradicionais permite aos produtores chegados da extensa zona rural coa que conta o concello de Lugo, formada por un total de 54 parroquias rurais, dar saída aos seus excedentes, xa que moitos pequenos agricultores e gandeiros venden directamente ao consumidor as súas producións. Os vendedores pagan tan só 1 euro por metro cadrado e día para poder facer uso das instalacións tanto do recinto central do Mercado como do soto da Praza. Medidas de apoio como a suspensión do cobro dos espazos A área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo decidiu suspender ao comezo da pandemia o cobro do alugueiro dos postos do Mercado Municipal e da Praza de Abastos “mentres duren as restricións decretadas polo goberno do Estado, e como medida de apoio ás comerciantes da Praza e do Mercado Municipal, decidimos suspender o cobro do alugueiro dos postos en ambos recintos”, explica a edil de Participación, Cristina López. “Tratamos de reducir ao máximo as perdas que produza a situación de emerxencia no pequeno comercio e nos negocios de hostalería destes dous recintos”, afirmou Cristina López, que vinculou esta medida ao “compromiso que mantemos desde a área de Participación para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico de Lugo”.

Servizo de reparto a domicilio gratuito

Durante os dous meses que levamos de crise sanitaria a Praza e o Mercado de Lugo foron adaptándose ás distintas circunstancias para poder seguir traballando e atendendo aos seus clientes. Desde finais do mes de marzo e co obxectivo de facilitar as vendas e paliar os efectos do estado de alarma, o Concello de Lugo puxo en marcha, coa colaboración de todos os negocios da praza, un servizo de reparto a domicilio na Praza de Abastos e no Mercado Municipal para "facilitar á veciñanza o poder consumir produtos de calidade das nosas prazas e mercados”. O servizo é gratuíto e os pedidos poden realizarse por vía telefónica. Para realizar o seu pedido, as persoas interesadas deben chamar, en horario de 8:30 a 14:00 horas, aos distintos postos da praza, onde se lles informará sobre a dispoñibilidade de cada produto. Unha vez se realicen todos os pedidos, organizarase o reparto e o cobro da mercadoría a domicilio. “Ofrécese tamén o servizo de pre-encarga, que permite facer as recollidas con máis axilidade á xente que prefira acudir ao Mercado e á Praza”; declarou Cristina López.
Queremos facilitar á veciñanza o poder consumir produtos coa calidade e a atención personalizada que se pode atopar nas nosas prazas e mercados, e avanzar noutras formas de comercialización nestes espazos
Segundo Cristina López, “queremos facilitar á veciñanza o poder consumir produtos coa calidade e a atención personalizada que se pode atopar nas nosas prazas e mercados, e avanzar noutras formas de comercialización nestes dous servizos públicos do Concello”. A edil de Participación lembrou que “desde o inicio da crise sanitaria provocada polo COVID-19 estamos a traballar para tentar reducir ao máximo o impacto no pequeno comercio”. Cristina López animou en distintas ocasións ás veciñas e veciños de Lugo a facer as compras no pequeno comercio de alimentación que permaneceron abertos e dando servizo a toda a cidadanía. “A subsistencia de moitos comercios pequenos que están abertos no centro e nos barrios da cidade depende das compras que fagamos, ademais de que nestes establecementos as colas son máis pequenas”, razoa. Contacto dos postos da Praza e o Mercado PESCADERIA ADELITA 619404613 PESCADERIA MARI CARMEN 636373494 PESCADOS MARY PAZ 982245806/648249852 CARNICERIA CORDEIRO 722105201 CARNICERIA ECOLOXICA TRALOAGRO 982470748 CARNICERIA MARQUES Y RODRIGUEZ 629748792 CARNICERIA PEIXEIRO 659178612-982241883 CARNICERIA PETEIRO 608413333 CARNICERIA PICOS DE ANCARES 982242826-622024322 CARNICERIA RAFA 982241664 CARNICERIA SOMOZA 982242116 CARNICERIA Y ELABORADOS PILARICA 654816325 POLLERIA PIO PIO 982102657 ALIMENTACION VAZQUEZ LOLO 638273237 BENEDICTO 626008355 MERCARABASTOS 982250292 PRODUCTOS GALEGOS LOLA 646313717 FRUTAS E HORTALIZAS MAR 698130958 FRUTAS LAURIN 982242231-630205143 FRUTERIA MARTA 722586351 QUESERIA ARCADIO COROAS 609161041 QUESERIA GERARDO 982243338 PANADERIA MANSO 610417501 FERRETERIA DO BARRIO 659646002

O concello de Lugo non cobrará o alugueiro dos postos da praza e do mercado municipal

A área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo suspende o cobro do alugueiro dos postos do Mercado Municipal e da Praza de Abastos. Segundo indicou a edil de Participación, Cristina López, “mentres duren as restricións decretadas polo goberno do Estado, e como medida de apoio ás comerciantes da Praza e do Mercado Municipal, decidimos suspender o cobro do alugueiro dos postos en ambos recintos”. “Desde a área de Participación tratamos de reducir ao máximo as perdas que produza a situación de emerxencia no pequeno comercio e nos negocios de hostalería destes dous recintos” afirmou Cristina López, que vinculou esta medida ao “compromiso que mantemos desde a área de Participación para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico de Lugo”. Cristina López animou ás veciñas e veciños de Lugo a facer as compras no pequeno comercio de alimentación que estes días permanece aberto e dando servizo a toda a cidadanía. "É fácil acceder a moitos comercios pequenos que están abertos no centro e nos barrios da cidade xa que as colas son máis pequenas e a subsistencia das persoas que as rexentan depende das compras que fagamos", declarou a edil de Participación.

16 proxectos optan a ocupar os postos da praza e do mercado de Lugo

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, acompañada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, indicou que a área de Participación continúa a traballar na concesión dos postos baleiros da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. “16 ofertas optan a ocupar un total de 27 postos que saíron a concurso durante o ano pasado”, indicou Cristina López.   O persoal da área de Participación comeza agora o proceso de revisión da documentación presentada polas persoas solicitantes. “Cando remate o proceso de revisión e baremado das solicitudes, onde se terá en conta a antigüidade dos postos que foran ofertados no 2012, continuaremos co procedemento de adxudicación”, indicou Cristina López, quen indicou que este proceso durará aproximadamente dúas semanas.   “Hai corenta anos que non se actualizan as concesións, e temos como obxectivo realizar ofertas de postos baleiros anualmente para revitalizar a praza e o mercado”, declarou Cristina López. “Traballaremos así para favorecer que todas as persoas que queiran emprender teñan a oportunidade de facelo nun emprazamento privilexiado do casco histórico da cidade”, engadiu.

Aberto o prazo de solicitude dun total de 26 postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Lugo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, conversan cun dos comerciantes da Praza O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para optar a un total de 26 postos de venda na Praza de Abastos e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 20 de xaneiro. As bases onde se recollen as condicións de adxudicación foron publicadas no BOP do 29 de novembro de 2019. As persoas ou empresas interesadas poderán optar a un total de 26 postos, 13 na Praza de Abastos e 13 no Mercado Municipal, ademais de 4 cámaras frigoríficas e 4 almacéns. A adxudicación terá unha vixencia de 25 anos. No portal web municipal e na Plataforma de Contratación do Sector Público poden descargarse os pregos técnicos e administrativos, onde se establece a documentación que é necesario presentar.
O prezo actual é de 13,18 euros por metro cadrado ao mes. Polos almacéns páganse 2,40€/metro cadrado e polas cámaras frigoríficas 4,48€/metro cadrado
Entre os 26 postos, que sairán a esta nova oferta, están os 5 do Mercado Municipal e 6 da Praza de Abastos que foron concedidos entre o 4 de maio de 2012 e o 13 de novembro de 2013 por un prazo de dous anos, que foi prorrogado dous anos máis, e cuxa concesión actualmente está caducada. “Estes postos sairán á oferta pública, e poderán presentarse para ocupalos tanto as persoas que os ocuparon durante estes anos, ás que se lles contará a antigüidade, como novas ofertas”, explicou a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López. A edil responsable explicou que os prezos a pagar polos espazos rexeranse polo artigo 3º da Ordenanza Fiscal municipal número 114, reguladora da taxa pola prestación do servizo de mercado, vixente en cada momento. Na actualidade os postos fixos pagan 13,18 euros por metro cadrado ao mes, 2,40 euros/metro cadrado polos almacéns e 4,48€/metro cadrado polas cámaras frigoríficas.

Dous edificios no corazón do casco histórico

Os martes e venres os produtores venden directamente os seus excedentes ao consumidor Tanto a Praza de Abastos como o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros son dous edificios históricos situados un enfronte do outro en pleno corazón do recinto amurallado lucense. As súas sucesivas reformas levaron o nome de prestixiosos arquitectos, como Eloy Maquieira. A última das reformas acometida nesta década modernizou as instalacións en ámbolos dous edificios de titularidade municipal, converténdoos nun lugar atractivo tanto para os clientes como para os vendedores. Agora o reto ao que se enfronta o novo Goberno municipal é o de dinamizar este espazo. “Este é un paso máis para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico, ao actualizar as concesións fixaranse empregos e darase garantía ás persoas que exploten estes postos”, dixo Cristina López. Ademais dos postos fixos, celébrase outras citas e mercados especiais por datas como Todos os Santos, Nadal ou Entroido, así como o Mercado da Terra, a Feira do Mel ou o Mercado de Antigüidades. Algúns dos postos pertencen tamén a gandeiros que comercializan directamente os seus produtos sen intermediarios, como é o caso de Carnicería Brais ou de Traloagro, este último aberto recentemente.
Todos os martes e venres hai mercado tradicional e tamén se realizan neste entorno outras actividades como o Mercado da Terra ou a Feira do Mel
Todas as semanas ten lugar ademais o mercado tradicional dos martes e venres, onde produtores chegados da extensa zona rural coa que conta o concello de Lugo, formada por un total de 54 parroquias rurais, venden directamente ao consumidor os seus produtos e excedentes. Os vendedores pagan tan só 1 euro por metro cadrado e día para poder facer uso das instalacións tanto do recinto central do Mercado como do soto da Praza, que tamén vai ser mellorado e acondicionado no vindeiro ano 2020. Tamén o vindeiro ano, en paralelo coas obras no soto da Praza, se acometerá por parte da área de Infraestruturas do Concello un ambicioso proxecto para peonalizar a rúa Quiroga Ballesteros e o entorno da Praza de Abastos e o Mercado Municipal, unha actuación que servirá para humanizar un entorno chamado a ser un dos emblemas do centro histórico de Lugo nos vindeiros anos.