Archives

As aldeas modelo poderán xestionar as comunidades enerxéticas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Inés Santé, participou hoxe nunha xornada informativa sobre a contratación do servizo de desenvolvemento e implantación dunha solución innovadora e integral para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas modelo, promovida por dita Axencia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Nesta xornada tamén estivo presente o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Fernández Vila. O contrato que se presenta forma parte do proxecto de Compra Pública de Innovación denominado “Aldeas intelixentes: solucións de futuro para aldeas sostibles”. O documento descritivo deste contrato está publicado na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, conta cunha primeira licitación dotada cun orzamento de case 1,2 millóns de euros de fondos propios. Este evento serviu para abordar os elementos esenciais do procedemento de contratación co fin de ofrecer unha visión detalla e clarificadora do mesmo. O obxecto do contrato é o deseño dun modelo de comunidade enerxética aplicable a calquera aldea. Este prototipo levarase a cabo como un proxecto piloto en varias aldeas modelo, coa pretensión de ofrecerlles un modelo enerxético innovador e integral. Isto fundamentarase no uso de enerxías renovables e dará prioridade ao aproveitamento da biomasa e os residuos da actividade agraria, co fin de potenciar a autosuficiencia enerxética e utilizar as sinerxías coas comunidades de montes veciñais e cos produtores agrogandeiros. Este sistema enerxético deberá conformar unha garantía de subministro enerxético e unha redución de custes co fin de atraer novos residentes e actividade económica á aldea, grazas a aparición de novos negocios e aos fomento do turismo. O contrato que se presentou na xornada correspóndese coa fase de deseño, na que se desenvolverá unha solución innovadora que incluirá un modelo técnico, tecnolóxico e xurídico de comunidade enerxética local adaptada á realidade das aldeas galegas. Nun posterior contrato, correspondente á fase de piloto, aplicarase en varias aldeas modelo. Axudas para as comunidades enerxéticas A xornada tamén serviu para informar, no marco do compromiso co cumprimento dos obxectivos de descarbonización, de que ademais de iniciativas como a presentada na xornada, a Administración autonómica tamén conta con mecanismos que facilitan a constitución de comunidades enerxéticas, como por exemplo a convocatoria de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, que conta cun orzamento de 800.000 euros. Nesta convocatoria, aberta ata o 15 de maio ou o esgotamento do crédito, cóbrense os custos, cunha intensidade de axudas do 80% e un máximo de 15.000 euros, da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes.

A Deputación de Pontevedra avanza na creación da oficina +Renovables

A Deputación de Pontevedra está a avanzar na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar ás comunidades enerxéticas da provincia. Instalarase, de xeito piloto ata o 30 de setembro de 2025, no Viveiro de Empresas da Deputación en Barro e conta cun orzamento de preto de 750.000 € dos que a Unión Europea achega 500.000 € a través dos fondos NextGenerationEU. O principal obxectivo desta oficina, que ademais da sede de Barro contará con oficinas itinerantes, é fomentar e impulsar a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación. No que respecta á difusión está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como de dúas xornadas anuais (unha este ano e outra no 2025) para expoñer casos de éxito, problemáticas e oportunidades a carón das comunidades enerxéticas. Ademais, organizarase de cara ao vindeiro ano un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e para analizar desenvolvementos futuros. +Renovables tamén realizará acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas, como na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén prestarase asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realizaranse estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise de capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos. O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra e o observatorio provincial de comunidades enerxéticas, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético xerado polas comunidades, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, +Renovables impartirá formación dirixida, inicialmente, a todo aquel persoal das entidades locais e comunidades enerxéticas, para que sexan capaces de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.

‘Condado Paradanta Xera’: un proxecto rural que aposta pola transición enerxética

A Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta exporá na xornada que organiza o proxecto europeo EC4RURAL a iniciativa ‘Condado Paradanta Xera’, recollido na súa estratexia de desenvolvemento local participativa ‘Reverdecendo Condado Paradanta’. EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo, busca impulsar comunidades enerxéticas en 22 concellos. Esta iniciativa do GDR Condado Paradanta pretende dar un servizo á poboación facilitando o aforro enerxético e a implantación dunha economía verde de escala; fomentar a cultura da enerxía innovadora para crear un entorno medioambientalmente sostible e establecer canles colaborativas comunitarias coa fin de facer realidade a creación da primeira comunidade enerxética comarcal.  Ao igual que ‘Condado Paradanta Xera’, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais, e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.  EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos. Así mesmo, reúne a un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica). O consorcio está liderado pola UVIGO e participan diferentes autoridades públicas locais e autonómicas, xunto con diferentes entidades capaces de proporcionar aos concellos, cidadáns e pemes, o apoio necesario para desenvolver, implantar e controlar as comunidades enerxéticas rurais.

Proxectan dotar de redes de calor e paneis fotovoltaicos a dúas aldeas modelo

A Xunta incluíu a dúas aldeas modelo galegas, a de Mouteira Parada (Cerdedo, Pontevedra) e a de Infesta (Monterrei, Ourense), nun proxecto para a transición enerxética. Medio Rural está a impulsar a iniciativa 'Aldealix_Aldeas Modelo', que se integra no instrumento Interreg e que suporá a achega de case dous millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O seu obxectivo é promover a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no territorio rural como unha alternativa viable para producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna. En concreto, estas comunidades inclúen redes de calor con biomasa complementadas con enerxía fotovoltaica, nas aldeas modelo dos concellos de Cerdedo-Cotobade (Parada-Mouteira) e Monterrei (Infesta), para as que se destinará un orzamento de arredor de 700.000 euros. Precisamente, o municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade acolleu hoxe a xornada de lanzamento deste proxecto europeo. Na súa clausura participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto ao alcalde desta localidade pontevedresa, Jorge Cubela, e o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez. Novas solucións Neste foro, os representantes da Xunta coincidiron en destacar que este proxecto aproveita a iniciativa das aldeas modelo, e a gobernanza social creada neste instrumento de recuperación de terra agraria, co fin de promover o desenvolvemento de novas solucións que permitan mellorar a calidade de vida da poboación no rural, neste caso no eido da transición enerxética. Para iso, propón o desenvolvemento de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa nas aldeas, co obxectivo de producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento da biomasa dos montes da contorna e que carece de saída comercial. Así, o foco destas comunidades será o abastecemento de necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos mediante a creación de pequenas redes de calor, que se complementarán coa xeración de enerxía eléctrica fotovoltaica. Contribúese á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables á vez que se promove o emprego local vinculado á biomasa local forestal. O proxecto ten ámbito transfronteirizo (Galicia-Norte de Portugal) e, ademais do liderado da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, conta como socios coa Axencia Galega da Industria Forestal -ambas adscritas á Consellería do Medio Rural-, os concellos galegos de Cerdedo-Cotobade e Monterrei, os municipios portugueses de Arcos de Valdevez e Vila Pouca de Aguiar e a Comunidade Intermunicipal de Alto Támega, tamén do país luso.

A cooperativa láctea Grille constitúe unha pioneira comunidade de enerxía renovable dentro do sistema agrogandeiro galego

A sociedade cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, constituíu unha innovadora comunidade enerxética de fontes renovables en Galicia Grille convértese deste xeito, e grazas ao asesoramento e a planta fotovoltaica instalada nas súas cubertas por E.nova Enerxía, nunha cooperativa pioneira dentro do sistema agrogandeiro galego ao conformar unha comunidade deste natureza, que ten como obxectivo acadar o dereito de producir, consumir, almacenar e vender a súa propia enerxía renovable, así como compartir a súa produción no seo da comunidade.

As comunidades enerxéticas son entidades xurídicas baseadas na participación aberta e voluntaria que, entre outras vantaxes, permiten acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte as convulsións que poden afectarlle ao mercado enerxético, tal e como se está a experimentar nos últimos meses por mor do encarecemento do gas, da invasión da Ucraína ou das tensións no pool enerxético. Estas innovadoras comunidades, ademais, procuran o fomento da sustentabilidade, a redución das emisións e a eficiencia enerxética, obxectivos esenciais no proceso de descarbonización que se recollen na lexislación que as regula: a Directiva da UE 2019/944 sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade ou o Real Decreto-Lei 23/2020 do 23 de xuño polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Autoconsumo e aforros do 20%

Grille conta na actualidade cunha planta fotovoltaica de 38 kWp, instalada no mes de novembro, e que medrará nunha próxima fase de ampliación até os 80kWp. Coa cifra de produción inicial, Grille SCG cobre un 35% do consumo actual cunha fonte renovable e sen emisións. A enerxía solar que se produce nas cubertas da cooperativa está a implicar aforros do 20% nas facturas nestas primeira fase da comunidade enerxética.

“En Grille, que é unha cooperativa na que traballamos doce persoas, na que contamos con máis de 600 cabezas de gando e realizamos catro ordeños por xornada, precisamos uns 10.000 KW ao día”, explica Pablo Suárez, de Grille SCG, que engade que a redución nas facturas “supera, polo momento, os máis de mil euros” nun contexto de encarecemento da luz. O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite nun depósito de 30.000 litros, moi por riba do consumo que implican os sistemas de ventilación, de rego ou da propia sala mecanizada de ordeño. “A experiencia que estamos a ter en Grille indícanos que estas instalacións son o futuro para o sector” sentenza Suárez.

Os paneis da fotovoltaica en Grille administran enerxía a través do sistema de autoconsumo remoto a Ganxabar SCG, cooperativas de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala, que inclúe entidades asociadas dos concellos de Mazaricos, A Baña, Negreira e Santa Comba. A enerxía producida dende Grille achega actualmente unha cobertura próxima ao 40% do consumo e proporciona un aforro de preto do 30%

Sen investimento inicial

Grille SCG conta co asesoramento, o servizo e as instalacións de E.nova Enerxía, enerxética con capital galego especializada nas enerxías renovables como a fotovoltaica, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas.

A cooperativa acóllese ao modelo PPA (Power Purchase Agreemen), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial e paga pola enerxía consumida dende a planta, pero a un prezo máis baixo que o de comercialización da electricidade. Deste xeito, Grille aforra dende o primeiro momento e ten a opción de facerse coa propiedade de planta fotovoltaica no momento en que venza o prazo da PPA.

Comunidades enerxéticas, un camiño ó aforro eléctrico

As comunidades enerxéticas locais son unha vía colectiva para a produción e autoconsumo de enerxías renovables que comezou a impulsarse nos últimos anos en toda Europa. En Alemania hai xa preto de dous milleiros de comunidades enerxéticas,se ben en España o modelo está aínda arrancando, con pouco máis dunha trintena de proxectos en marcha. No caso galego, un dos primeiros proxectos é o da comunidade de montes de Tameiga, que se está a dotar de diversas instalacións de paneis fotovoltaicos. A comunidade enerxética de Tameiga, que se puxo en marcha co apoio técnico da cooperativa Nosa Enerxía, é un exemplo dun modelo que se podería extender nos próximos anos. “As comunidades enerxéticas son un instrumento que paga a pena. Permiten a autosuficiencia enerxética, aforro e desenvolvemento sustentable”, resume José Eiras, asesor de Nosa Enerxía.

Dez claves das comunidades enerxéticas

1. Que son? As comunidades enerxéticas son pequenos proxectos con instalacións de enerxías renovables impulsados por cooperativas, agrupacións, Concellos ou pemes. O obxectivo principal, segundo detalla o Ministerio de Transición Ecolóxica, “é o beneficio colectivo da enerxía limpa obtida, supoñendo unha mellora da eficiencia enerxética ou un desenvolvemento de sistemas de mobilidade sostible”. Instalación de paneis fotovoltaicas da cooperativa Nosa Enerxía 2. Como é o procedemento de creación? A creación pode levala a cabo calquera colectivo con personalidade xurídica. “Poden ser persoas físicas ou xurídicas baixo a figura dunha comunidade, unha agrupación, unha cooperativa, etc.”, explica Jose Eiras. A partir da conformación deste colectivo, “deberá existir unha vontade conxunta, seguida por un deseño do proxecto, pola busca de financiamento para levalo a cabo, e pola súa materialización. Unha vez feito isto poderase solicitar unha subvención a comunidades enerxéticas para axudar a cubrir os gastos”. 3. Poden as comunidades de montes ser comunidades enerxéticas? De xeito directo, non, xa que as comunidades de montes carecen da personalidade xurídica precisa. Terían que constituír unha asociación ou cooperativa paralela para a xestión da comunidade enerxética, coas complicacións burocráticas que iso xenera. Por iso, a Organización Galega de Comunidades de Montes vén de manter un encontro co Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (Idae), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, ó que lle trasladou a necesidade de que modifique a normativa. Ese cambio facilitaría a posta en marcha de comunidades enerxéticas a cargo de comunidades de montes, favorecendo tamén que poidan acceder de xeito máis sinxelo a axudas para a posta en marcha das iniciativas, como as convocatorias do propio IDAE para proxectos piloto. 4. Que proxectos se están desenvolvendo en Galicia? A parte da comunidade enerxética do monte veciñal de Tameiga, é público o proxecto da asociación Moaña Solar para constituírse en comunidade enerxética local. Espérase que máis proxectos veciñais, cooperativos ou de comunidades de montes se poñan en marcha nos próximos anos, da liña do que sucedeu noutros países de Europa. 5. Cales son os requisitos para creala? Trátase de entidades xurídicas “que teñen que ter unha participación totalmente voluntaria e aberta, onde o control o exercen directamente os membros”, destaca o Ministerio. Pola súa parte, Eiras aporta que outro dos requisitos destas comunidades é que “a maior parte da produción debe quedar para o uso interno do colectivo xestor, importándose a mínima enerxía externa posible. Para obter as axudas a este tipo de proxectos, a comunidade enerxética non pode estar orientada a vender enerxía, senón a consumir o que se produce, e facer un intercambio de excedentes coa comercializadora”. 6. Que tipos de comunidades se poden levar a cabo? O Ministerio fai referencia á “produción e consumo de renovables con recursos locais que teñan ao seu alcance”, sexa enerxía eólica, minihidráulica, solar, biomasa (redes de calor) ou outras. 7. Que axudas e subvencións están dispoñibles? “Polo momento, a parte das convocatorias estatais, en Galicia hai liñas de axudas para renovables ás que tamén poden acceder as comunidades enerxéticas. Entre as liñas dispoñibles, “hai unha convocatoria do Inega dunha liña de axudas para o impulso de enerxías renovables, o autoconsumo, e o almacenamento enerxético, por valor de 37M€, dentro da cal, existen dous tipos de aportes económicos, un de máis de 11,5 M€, e outro, de 5,6 M€”, detalla José Eiras. 8. Que beneficios aportan? As comunidades enerxéticas ofrecen amplos beneficios medioambientais e socioeconómicos. “A redución de custos por subministro de enerxía, a dependencia enerxética, ou a seguridade e estabilidade de aprovisionamento enerxético” son algunhas das cuestións que destaca Jose Eiras. Ademais, o tesoureiro de Nosa Enerxía aporta que “todas estas accións encáixanse no marco da transición enerxética do país”, nun segundo plano de necesidade de redución de emisións e substitución de enerxías fósiles por renovables. As achegas de “autosuficiencia” que Eiras comenta van en paralelo a unha “optimización dos solos”. Segundo afirma o tesoureiro “moitas comunidades enerxéticas que se levan a cabo instalan paneis fotovoltaicos en cubertas e tellados de edificios, o que permite deixar o solo para outros usos e optimizar a superficie das edificacións”. 9. Estas iniciativas, teñen dificultades? A novidade asociada á recente posta en marcha das comunidades enerxéticas deixa un marco normativo con falta de definición. Outro dos desafíos que Eiras destaca é “o requirimento dun grupo de persoas que se poñan de acordo para levar a cabo o proxecto”. Tamén existen dificultades asociadas a “dimensionar o proxecto para facelo viable, e buscar unha vía de financiamento para levalo adiante”, explica Eiras. Aínda que moitas convocatorias de subvencións son por concorrencia non competitiva, isto é, por orde de presentación das solicitudes, “é necesario materializar o proxecto de enerxías renovables para optar ás axudas, polo que esta inversión require dun financiamento que algunhas comunidades tardan en conseguir”, recalca Jose Eiras. Eiras apunta ademais como problema á fiscalidade, posto que “a concesión dun crédito demasiado grande é susceptible dun aumento dos tipos de interese”. 10. En conclusión. As comunidades enerxéticas teñen unha serie de riscos e dificultades asociadas á súa posta en marcha, tales como o financiamento ou un correcto dimensionamento do proxecto. Da mesma maneira, son unha das propostas clave para conseguir a transición das enerxías a renovables fixada para 2030, e así frear a dependencia enerxética española que se aproxima ao 70%, segundo datos do Ministerio.

Tameiga, o primeiro monte veciñal en crear unha comunidade enerxética

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, situada na parroquia de Tameiga (Mos, Pontevedra), integra diversas liñas de traballo, a maiores da xestión do seu espazo forestal. A comunidade administra parte do polígono industrial de Monte Faquiña, ubicado nos seus terreos, e xestiona o seu propio centro sociocultural. Un dos últimos pasos do monte veciñal foi a creación dunha das primeiras comunidades enerxéticas de Galicia, iniciada con paneis solares ubicados no centro social e nos teitos de naves do polígono. A comunidade enerxética é unha nova figura que se abriu nos últimos meses para posibilitar que agrupacións de persoas ou entidades produzan, consuman, compartan ou vendan a súa propia enerxía. Na idea inicial dos comuneiros de Tameiga non estaba a creación dunha comunidade enerxética. Antes da irrupción da pandemia, nos anos 2018-19, “estabamos implementando programas de xestión e control de custos e observamos como cada ano había un incremento de consumo eléctrico, polo que procuramos reducir o gasto cambiando iluminación, instalando bombas máis eficientes, etc., ata que chegamos a un punto que non conseguimos baixar máis o consumo”, explica Gonzalo Pérez, comuneiro e coordinador da comunidade. Visto que a actividade da comunidade estaba aumentando e que, a medida que se ampliaban as infraestruturas, medraba cada vez máis o consumo de enerxía, “plantexamos como se podía reducir o gasto e estudamos a opción dunha instalación de enerxías renovables para autoconsumo na parte da nave forestal que temos no polígono”, detalla o coordinador.
“Pensamos no autoconsumo, a través de paneis fotovoltaicos, para reducir un consumo que era cada vez maior” (Gonzalo Pérez)
En paralelo á valoración da iniciativa de autoconsumo por parte da comunidade, no 2021 o Goberno decidiu impulsar as comunidades enerxéticas no marco do ‘Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia’. Este foi o momento no que a xerencia de Tameiga, coa asesoría da cooperativa Nosa Enerxía, decidiu crear unha comunidade enerxética e “apostar pola instalación de paneis fotovoltaicos en tres tellados, tanto no centro sociocultural de As Pedriñas coma en dous tellados máis das naves do polígono”, amplía Gonzalo Pérez. En total, a comunidade de Tameiga instalou paneis cunha potencia total de xeración de 225 kilowatios, que poden chegar a producir 300 megawatios hora ó ano, unha electricidade que se destina “principalmente á enerxía necesaria nas naves e no centro”, explica Pérez, á vez que engade que “está sendo un modelo que xera interese entre os propios comuneiros, e mesmo xa hai veciños que están vendo a posibilidade de poñelo en marcha nos seus fogares. Neste sentido, nós fomos, en certo modo, un banco de probas”, comenta o coordinador de Tameiga. A idea da comunidade enerxética de Tameiga é medrar de xeito progresivo, tanto con novos paneis nas naves dos polígonos como con paneis que poidan instalar os propios veciños. "O obxectivo é que a comunidade enerxética sirva para producir e intercambiar a enerxía" -explican-. "Nun futuro, no caso de veciños que non teñan paneis instalados, se houbese dispoñibilidade de enerxía tamén se lles podería vender a baixo custo", valoran. Sinalización dun roteiro trazado por unha parte do monte veciñal de Tameiga

Desafíos e perspectiva de futuro

Polo momento, este tipo de intercambio ou venda de enerxía non é posible en Tameiga, pois "a posta en marcha de puntos de envorcado á rede aínda non se materializou, a pesar das diversas peticións que se realizaron; polo que estamos pendentes das autorizacións pertinentes para ter os puntos de conexión á rede eléctrica”, sinala Gonzalo Pérez. A adquisición deste enlace permitiríalle á comunidade de Tameiga levar a enerxía excedente do autoconsumo ás casas dos comuneiros. Outra das trabas que expón o coordinador é “que as comunidades de montes non teñen personalidade xurídica pero si capacidade xurídica plena, é dicir, poderíamos vender enerxía sobrante ou facer negocio con ela, por exemplo, pero non podemos acceder a determinadas axudas, como algunhas do Idae ás que non puidemos optar por esta cuestión”, cuestiona Gonzalo Pérez. A pesar das trabas, a comunidade continúa avanzando coa pretensión de seguir aumentando a capacidade enerxética, e planificando novos horizontes. “Nun inicio, unha das ideas que tiñamos era a de incluír un coche eléctrico, cun punto de carga, para uso e desfrute de todas as persoas comuneiras, na busca dunha mobilidade sostible; pero por mor da pandemia e as limitacións que implica, deixamos a iniciativa en pausa”, especifica Gonzalo Pérez. “Agora que conseguimos acceder á enerxía van xurdindo cuestións accesorias á comunidade enerxética co obxectivo de optimizar os recursos e reducir o gasto, e así, ser cada vez máis eficientes”, adianta Pérez. Unha das propostas actuais é a posta en marcha “dun sistema de bombeo que leve o 3% ou o 5% de auga da piscina que, por normativa sanitaria temos que renovar a cada día de uso, cara as balsas antilumes dos montes”, exemplifica o coordinador. Plan de ordenación En canto ao futuro que contemplan para o seu monte, de 88 hectáreas de superficie,un primeiro paso radica en “establecer un novo plan de ordenación forestal, co apoio da Xunta, co que se pretende xerar un espazo multifuncional de aproveitamentos e no que se conserven os recursos acuíferos que alimentan as casas da parroquia, autoxestionados polos veciños a través de varias Comunidades de Augas Veciñais. O monte de Tameiga está na actualidade ocupado de xeito maioritario por piñeiros, con rodais tamén de eucaliptos e, en menor medida, de frondosas. De cara ó futuro, a comunidade proxecta adicar máis espazo á produción de castaña e ós cogomelos. Tamén se manterá a actual extracción de leñas, procedentes de rareos e podas, que se suministran sen custo a tódalas casas comuneiras que a demandan.

A defensa do comunal: de recuperar terreos a un novo intento de expropiación

A comunidade de montes veciñais de Tameiga está conformada por unhas 300 familias; “en número de usuarios estará polos 900 ou 1000 comuneiros”, comenta Pérez. A superficie de monte que abarca correspóndese con dúas parcelas, “unha de 88 hectáreas, aproximadamente, e outra que ten a parte industrializada do polígono de Monte Faquiña, dunhas 40 hectáreas, da que conseguimos recentemente a titularidade, posto que inicialmente non se clasificaran eses terreos como comunais e estaban sendo xestionados polo Concello”, apunta o coordinador. Tras esa recuperación de terreos, a comunidade atopouse hai uns anos "cun intento de expropiación por parte do Concello de Mos e da SAD Celta de Vigo dun terreo rústico de especial protección forestal para construír unha cidade deportiva e un megaproxecto comercial”, expón Pérez. Ata o momento, “a maxistrada do xulgado contencioso nº3 de Pontevedra revocou a licenza municipal concedida e declarou a cidade deportiva ilegal”, amplía o coordinador e comuneiro. O proxecto inicial afectaba a unha parte do monte da comunidade, de onde se extraen unha parte dos recursos acuíferos para as casas da veciñanza. Así as cousas, Tameiga é hoxe en día unha comunidade de montes cunha estrutura cada vez máis profesionalizada. Conta cunhas 20 persoas contratadas, incluíndo unha cuadrilla de traballadores forestais e os apartados de xestión socio-cultural e deportiva do centro As Pedriñas, restauración e cafetería do centro, e a parte da administración que lle corresponde das naves do polígono, isto é, mantemento, xestión, arrendamentos, etc. “Podemos afrontar novos retos, canalizar a axuda de comuneiros que aportan traballo voluntario e plantearlle iniciativas ós comuneiros. Temos unha xunta reitora proactiva”, conclúe Perez Imaxe dunha das concentracións dos comuneiros contra o macroproxecto do Celta.