Archives

A Deputación de Pontevedra destinará 900.000 euros para impulsar a agrocompostaxe en empresas da provincia

A reciclaxe dos residuos agrogandeiros necesita de investimentos dentro do sector para acelerar os procesos de modernización das explotacións. Desta maneira, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a mobilización de preto de 900.000 euros en axudas destinadas a impulsar a agrocompostaxe en empresas, no marco do compromiso da institución provincial co medio ambiente e a sostibilidade. Como destacou o presidente provincial, Luis López, esta liña de axudas, dotada inicialmente dun orzamento de 1,5 millóns de euros, púxose á disposición de entidades, firmas, cooperativas e persoal autónomo da provincia para axudarlles na adaptación das súas instalacións a fin de realizar a compostaxe dos seus biorresiduos “en concordancia, ademais, coa fracción orgánica dos residuos municipais da súa contorna”. “É dicir –engadiu- aproveitar os biorresiduos da súa actividade agrogandeira e combinalos cos de orixe doméstica procedentes dos composteiros municipais para fertilizar os seus solos”. A liña de axudas estaba aberta a financiar tanto a obra como a compra da maquinaria para levar a cabo o proceso. Inicialmente, tal e como explicou López, seis empresas concorreron a esta convocatoria das que dúas propostas cumpriron os requisitos. Trátase das firmas Bodegas Martín Códax S.A., que recibirá unha achega de 600.000 euros e Viñas e Terras do Pazo S.L., que contará cunha axuda de 257.015 euros. No caso de Bodegas Martín Códax, a subvención permitirá á empresa construír as instalacións nas que compostarán residuos propios. Estes equipamentos situaranse en San Salvador (Meis) e terán a capacidade para compostar 3.357 toneladas de residuos ao ano. Por outra banda, Viñas e Terras do Pazo SL poderá, na súa instalación de compostaxe de Tomiño, xestionar residuos propios procedentes da poda dos viñedos, restos orgánicos procedentes do comedor, e biorresiduos de orixe doméstica procedentes da recollida municipal. Neste caso, a capacidade de compostaxe calcúlase en 354 toneladas de residuos ao ano.

Convocan as axudas para a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as bases da liña de subvencións coa que busca a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras. Trátase dunha liña pensada para o tratamento dos residuos orgánicos destas empresas ou entidades, mesturados con biorresiduos urbanos. Poderán optar ás axudas empresas do ámbito agrario e gandeiro, silvícola, hortofrutícola e adegas, segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera. A iniciativa pretende ser un xeito sostible de tratamento dos residuos orgánicos urbanos, ó tempo que se proporciona compost de calidade ás entidades que o precisan para fertilizar os solos. Deste xeito, a planta de compostaxe construirase nas propias instalacións da empresa interesada, para facer os mínimos desprazamentos. Así, só se trasladarán os biorresiduos urbanos que precisen, que se axustarán en función dos residuos propios que xeren as empresas para conseguir un compost de calidade que permita despois a fertilización dos solos. Poderán beneficiarse desta liña de subvencións aquelas entidades, empresas, cooperativas e persoal autónomo da provincia de Pontevedra que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos orgánicos que poidan ser compostados. Deben ser entidades consumidoras de fertilizantes ou emendas de orixe orgánica. Ademais, teñen que ter dada de alta a súa actividade, ter unha facturación media dos últimos anos igual ou superior a 500.000 euros e dispoñer dos terreos para a instalación da planta de compostaxe. Cada entidade poderá obter unha subvención de, como máximo, o 75% do custo total da actuación recollida no anteproxecto presentado. O máximo da subvención será de 600.000 euros. Esta subvención incluirá tanto obra civil como calquera tipo de maquinaria precisa para realizar o proceso de compostaxe. As solicitudes poderán presentarse ata o 17 de setembro por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Unha vez presentada a documentación, o persoal do Plan Revitaliza da Deputación iniciará un proceso de asesoramento para cada entidade para elaborar un informe no que se detallará a cantidade de residuos propios que manexarán e a cantidade máxima de biorresiduos de orixe doméstica que poderían tratar nas instalacións de compostaxe. “Con esta orde de subvencións damos un salto adiante nas posibilidades de xestionar os biorresiduos na dirección máis eficiente e avanzada”, reivindicou César Mosquera, presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, durante a presentación da convocatoria. O organismo provincial destina 1,5 millóns de euros a estas axudas, se ben precisa que tal cantidade é ampliable se hai demanda. Esta liña súmase ás iniciativas postas en marcha xa dende a Deputación co Plan Revitaliza, co que se implantou tanto a compostaxe comunitaria como individual, de km. 0, naqueles concellos interesados.

-Consulta aquí as bases da convocatoria publicada o 18/08/2022 no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Hostalaría e empresas, obrigadas a separar os residuos orgánicos

Dende mañá 30 de xuño é obrigatorio por lei e sen excepcións que calquera tipo de negocio, especialmente hostalería e produtores singulares, separen os residuos orgánicos - restos de comida e vexetais- que producen como consecuencia da súa actividade. Así o informou o vicepresidente da Deputación César Mosquera, quen anunciou que a institución provincial realizará unha campaña divulgativa para dar a coñecer todas as novas obrigas da lei 7/2022 que, ao seu entender, supoñen “unha auténtica e verdadeira revolución” na organización, xestión e tratamento dos residuos. Segundo Mosquera hai catro cuestións xerais e novidosas que marca a nova lei e que “é preciso que se asuman canto antes”. A primeira é que toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsable deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión. É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posibles inspeccións. A segunda das novidades é que a lei prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar vaia a un vertedoiro ou a incinerar. Como terceiro punto está a limitación das queimas agrarias, xa que os residuos silvícolas débense achegar como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás. Finalmente, o cuarto punto salientable e de consecuencias máis inmediatas é que hoxe, 30 de xuño de 2022, pasará a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto dos biorresiduos como dos aceites usados sen excepcións. A a nova lei recolle a obriga de que Xunta e concellos realicen inspeccións e sancionen. “As sancións pode que non sexan rápidas, pero están aí e poden supoñer ‘puros’ monumentais”, afirmou Mosquera. O vicepresidente tamén quixo aclarar que o requirimento a negocios e hostalería non está relacionado co tamaño e poboación dos concellos: “non hai excepcións nin máis prazo para os xeradores singulares, teñen que separar xa os biorresiduos porque xa se incumpriu o prazo de 2020”, insistiu. No caso dos domicilios, Mosquera salientou que a cidadanía tamén ten a obriga de separar nos concellos que xa dispoñan dun sistema de recollida ou separación de biorresiduos como o que marca a normativa: xa ben composteiros individuais, comunitarios ou colectores marróns. “Non podemos esixir a unha persoa que separe na súa casa se despois non ten onde depositar as fraccións que separou”, subliñou. Municipios En calquera caso, o nacionalista salientou que a nova lei establece que hoxe día 30 tamén é a data límite para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de maneira separada as fraccións actuais e tamén -e sobre todo- a fracción orgánica domiciliaria. Neste sentido instou ás institucións locais a dar un salto adiante e a poñerse ao día, xa que a meirande parte dos municipios da provincia están moi lonxe de cumprir. “Temos que cambiar o chip e deixar o que estamos a facer cos residuos. Hai que separar, non podemos coller todos os residuos e metelos nun lote porque iso crea grandes problemas dos que a xente non é consciente: non é un modelo sostible no tempo”, afirmou. Situación na provincia de Pontevedra No caso da provincia de Pontevedra, Mosquera explicou que nos Concellos Revitaliza nos que está despregado o sistema baseado na compostaxe (Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove, Tomiño, Valga e a Illa de Arousa), este ano poderase cumprir a normativa porque teñen moito traballo avanzado e a cidadanía está a “respostar moi ben”. O resto de municipios deberán avanzar “a bo ritmo” para poder reconverter a situación aínda estando fóra de prazo. A Deputación, subliñou o nacionalista, tenderá a man a todos os que queiran “en serio” cumprir os obxectivos de reciclaxe e o resto da lei: haberá asistencia técnica provincial, axudas económicas e subvencións e incluso crearase un corpo provincial de inspección. Para que todas as novidades da nova normativa cheguen á cidadanía, concellos e negocios a Deputación vén de poñer en marcha unha campaña divulgativa e de comunicación en radio, prensa, redes sociais, mobiliario urbano (mupis) e transporte público na que se explica a obrigatoriedade da separación dos biorresiduos. “Imos bastante tarde para cumprir. A campaña é unha necesidade”, finalizou o vicepresidente.

“Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos”

A segunda sesión das Xornadas Revitaliza, centradas este ano na agrocompostaxe, puxo sobre a mesa algunhas das vantaxes que pode proporcionar o tratamento conxunto dos biorresiduos urbanos e os procedentes da gandería e a agricultura. Ana García Ráncez, representante da Universidade Miguel Hernández de Alicante foi unha das ponentes que destacou a utilidade da agrocompostaxe para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático. "Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos. Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos", sinala García Ráncez nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida). A agrocompostaxe busca dar un uso útil aos residuos urbanos de carácter orgánico, que hoxe se queiman e dos que poderían obterse abonos e emendas orgánicas de calidade para os solos. Neste senso, o profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, apuntou o beneficio de introducir materia orgánica na terra, polo secuestro de CO2 da atmósfera que permite, sendo unha das poucas ferramentas para mitigar o cambio climático. En base a distintos estudos, Irigoien destaca que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, e a aplicación de compost non só mellora a fertilidade senón o balance neto de emisións de gases de efecto invernadoiro. Liña de axudas Nesta liña, dende a Deputación buscan fomentar estas prácticas de xestión, coas novas axudas que preparan para concellos e axentes agrogandeiros. Así, haberá axudas para as cooperativas e empresas agrogandeiras que se involucren na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser empregados para a fertilización do solo. A liña de axudas contempla tamén aportacións para os concellos que realicen unha correcta xestión dos biorresiduos, de xeito que sexa máis económico o seu aproveitamento no canto de queimalos. Nas Xornadas Revitaliza coñecéronse casos prácticos sobre agrocompostaxe nos que se inspirou o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona. Tamén se abordou a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe, grávase mediante un imposto o verquido de residuos, e foméntase unha tramitación sinxela para utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.

Primeiros pasos para a agrocompostaxe en Pontevedra

A agrocompostaxe, a compostaxe conxunta de biorresiduos urbanos con restos de agricultura e gandería, busca facerse un oco en Pontevedra. A nova normativa estatal de residuos, que previsiblemente se aprobará esta mesma semana, permitirá este tipo de prácticas, que xa se están a impulsar en distintos puntos da xeografía estatal. Algunhas destas iniciativas estanse a presentar dende onte nas Xornadas Revitaliza sobre ‘Biorresiduos municipais retornando ao agro", organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). Neste contexto, a Deputación acaba de anunciar que sacará unha liña de axudas para botar a andar e potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza, a estratexia impulsada polo órgano supramunicipal para a xestión dos residuos. O obxectivo das axudas provinciais será achegar fondos para poñer en marcha proxectos conxuntos e de colaboración entre concellos e empresas agrogandeiras, un obxectivo polo que nestes momentos tamén está a apostar a Unión Europea. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quen fixo o anuncio durante a inauguración das xornadas, explicou que a viabilidade dos proxectos de agrocompostaxe virá dada pola calidade do compost que se obteña. Mosquera incide en que é prioritaria a correcta separación en orixe dos biorresiduos municipais e agrogandeiros. Apunta que debe levarse a cabo un control continuo e correcto do proceso de compostaxe para evitar tanto contaminacións químicas como bacteriolóxicas.
“A agrocompostaxe é unha solución “de sentido común” para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra": César Mosquera, vicepresidente da Deputación
Segundo o vicepresidente, a co-compostaxe dos biorresiduos urbanos e do agro, coñecido como o modelo austríaco, permitirá xestionar unha fracción que supón o 50% dos residuos xerais. Ó mesmo tempo tamén permite achegar fertilizantes naturais á terra, nun exemplo máis de Economía Circular. “A co –compostaxe de residuos urbanos con residuos producidos na agricultura ou na gandeiría é unha solución “de sentido común” para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra”, reivindica Mosquera.

Xornadas Revitaliza

As Xornadas Revitaliza céntranse este ano na co-compostaxe urbana e agrícola, tanto dende a perspectiva pública, privada, de normativa e de investigación. Na xornada inicial expuxéronse diversos casos puntuais de compostaxe tanto a pequena como a gran escala. Un dos proxectos máis singulares foi o que explicou a representante da planta de compostaxe ‘La Prosperidad’, en La Palma, Ana Belén Yuste López, que indicou que na planta se tratan os residuos dun empaquetado de plátanos, entre 1.000 e 1.500 toneladas de residuos agrarios ao ano e que ten como reto de futuro incorporar os residuos municipais, agardando a que a lexislación o permita de maneira clara. Yuste lembrou que hai dous anos estiveran a visitar Pontevedra e o Plan Revitaliza, trasladando despois a compostaxe doméstica e comunitaria á illa. Indicou que a pesares de que nestes momentos La Palma está centrada no acontecido co volcán, nas zonas non directamente máis afectadas por este, estase a facer fincapé en que os residuos non desaparecen, polo que é preciso reciclar levando adiante o programa ‘La Palma orgánica’. Ademais do caso de La Palma tamén se puxeron sobre a mesa iniciativas como a de ‘Millo e Landras’, de agricultura e gandería ecolóxica (Vilasantar – A Coruña) explicada por Victor M. Boga Vázquez, que salientou a circularidade dos refugallos da hostalería da zona como alimento para o gando ou como abono para a terra. Na primeira xornada tamén se abordaron os proxectos de Gurpide Elkartea e o Concello de Larrabetzu (Bizkaia) ; o da Asociación Agroecolóxica para a inclusión social Albalá (Madrid); o de Garden Hotels (Mallorca); o do Concello de Usurbil (Gipuzkoa); o da planta de compostaxe Josenea Bio S.L. (Navarra); ou a iniciativa da Asociación de Economías Biorregionales de Madrid. Hoxe é a quenda das voces profesionais na aplicación industrial, na comercialización e no uso agronómicamente correcto dos diferentes compost, ademais de avanzar nas iniciativas mais prometedoras que se están a xestar no estado, e de achegar visións investigadoras e administrativas.

A Deputación achega a compostaxe a preto de 48.000 escolares da provincia de Pontevedra

No marco do Plan Revitaliza, centrado na compostaxe, a Deputación de Pontevedra tamén está a desenvolver un programa de actividades escolares co que achegar estas prácticas sostibles ós máis novos. Nos catro anos que leva activo este programa, preto de 48.000 escolares participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos sobre esta temática. O balance desta iniciativa posta en marcha pola Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) deuse a coñecer no marco do V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado este xoves e que congregou a diferentes colexios para coñecer os seus proxectos nesta temática. O encontro, que se realizou de xeito telemático, tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses. Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido. Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están “a ser partícipes dun proxecto punteiro e transcendente, xa que o Revitaliza é unha iniciativa novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dá, ou protexer o planeta de plásticos e outras substancias que lle fan dano...”, apunta Mosquera O director do CEIDA, Carlos Vales, salientou que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior. Subliñou que o traballo que se está a facer en materia de compostaxe está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Balance de actividades escolares

Neste 2021 pasarán polas actividades escolares do Revitaliza máis de 9.100 escolares en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia. No ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano. Ademais de nos centros de ensino, o Revitaliza estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Proxectos nos centros

Neste V Encontro de Educación Ambiental tamén se deron a coñecer as distintas iniciativas relacionadas coa compostaxe e as prácticas sostibles que se levaron a cabo nos 4 centros educativos seleccionados. O CEIP Froebel (Pontevedra) foi un dos centros participantes. O alumnando deste colexio de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, puxo en marcha unha experiencia de compostaxe dos propios restos das merendas escolares, unha idea que xurdiu tras unha visita a unha factoría de tratamento de residuos. No curso pasado obtiveron unha saca de compost, que repartiron entre as familias que o solicitaron, e este ano están a mellorar a calidade do produto. No CEP Riomaior (Vilaboa), levan tempo participando no programa do Revitaliza e teñen xa unha gran experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é “ síntome ben”, co que están a impulsar prácticas saúdables e sostibles en alimentación, xestión de restos téxtiles, deporte ó aire libre e recollida de lixo. Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres’ está moi arraigada neste centro, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro con actividades para reutilizar os materiais antes de desbotalos. Tamén teñen moi presente a importancia dunha alimentación sá e o alumnado de infantil e familias participan nun proxecto medioambiental cunha horta permanente no centro. Neste curso incorporan un composteiro para concienciar ó alumnado da necesidade de sacar máis proveito ós residuos orgánicos. O CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar) foi outro dos centros destacados da xornada. O aproveitamento dun vello composteiro que estaba no centro foi o xermolo para achegarse de novo á compostaxe. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e unha das nais con coñecementos en permacultura. Ademais, converteron o antigo galiñeiro da escola nun invernadoiro onde facer as sementeiras e sumaron novos composteiros para seguir afondando e aproveitando os residuos das merendas para compost.