Archives

A vermicompostaxe, unha forma de aproveitar o bagazo e fertilizar as viñas

A través do proxecto Viñ@SoStible, a Cooperativa Vitivinícola Arousana, S.C.G. (Paco&Lola) apostou por valorizar o bagazo de uva a través da vermicompostaxe. Mediante as miñocas créase un compost que ofrece un proceso acelerado de biooxidación e estabilización de materias orgánicas do bagazo para a súa incorporación aos solos vitícolas. Emprégase como emenda orgánica xa que é rico en nutrientes, principalmente nitróxeno e potasio, e incrementa a actividade microbiana do solo. Ciclo da vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán Durante a exposición dos primeiros avances do proxecto, que tivo lugar no Pazo de Toubes (Cenlle, Ourense), Daniel Durán Pereira, técnico de innovación e viticultura de Paco & Lola, explicou como foi o proceso de vermicompostaxe. “O bagazo témolo e a necesidade de fertilizar o solo tamén a hai, entón tiñamos que buscar un anexo, que foi a través da vermicompostaxe, para pechar o círculo. O obxectivo é obter biofertilizantes cun gran valor agronómico que serva de abono orgánico con riqueza e diversidade de microorganismos”, indica.

Fases do proceso

As miñocas denomínanse o “muíño biolóxico”, xa que modifican as características físicas, químicas e biolóxicas, acelerando a súa estabilización e hixienizando a materia orgánica. Pasan por dúas fases durante o proceso: unha inicial (actividade da miñoca) e outra activa (poboación microbiana). Para a vermicompostaxe empregaranse as miñocas Eisenia e Dendrobaena. Para realizar os ensaios contaron coa colaboración de EcoCelta. “Establecemos un período mínimo de seis meses, pero finalmente o noso ensaio durou sete. É dicir, se en setembro facemos a vendima, en marzo xa poderíamos ter o vermicompostaxe”, indica Durán. No ensaio partiuse dun volume de 25 m3 de bagazo . Primeiramente, hai unha fase de homoxeneización cunha estabilización durante 12 días de almacenado “para evitar que haxa fermentacións ou outros procesos, xa que o bagazo fresco pode alcanzar máis de 40o C”. Logo xa se preparan os contedores de 600 litros para posteriormente realizar a inoculación das miñocas, que no ensaio realizouse de dous modos: superior e inferior. Caixas onde se empezou o proceso de vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán Durante o proceso é necesario controlar os parámetros de humidade, temperatura e osixenación dos contedores para que se produza unha correcta cría das miñocas. A humidade axeitada é do 80-90 %, que se pode conseguir con rega natural ou ca propia auga da choiva. A temperatura “neste caso foi a ambiental, xa que o proceso realizouse en exteriores” e á osixenación, “se é precio, hai que facer un removido cada certo tempo”. Tamén é necesario observar como vai a evolución da poboación de miñocas, revisar se hai mortalidade de individuos, presenza de ovos etc.

Toma de mostras do primeiro humus

Tomáronse mostras do bagazo recibido e do humus obtido para analizar as súas calidades físico-químicas. “Observouse que o contido da humidade é un factor que limita o desenvolvemento das miñocas”, explica o técnico. Tamén se detectou un incremento do pH durante o proceso de vermicompostaxe, factor limitante na aplicación do bagazo directamente aos solos, particularmente no caso de solos cun baixo pH como é o da subzona do Val do Salnés, da D.O. Rías Baixas. Durante a vermicompostaxe prodúcese unha mineralización da materia orgánica, reducíndose o carbono orgánico total e a relación C/N. Detectaron un incremento ao final do proceso de nitróxeno debido á mineralización da materia orgánica, a vez que que se produce unha redución de composto como opotasio debido a que é un nutriente labil que sofre facilmente os procesos de lixiviación ocasionados pola choiva ou rega.

Aplicación en terreos

Para rematar este proceso, aplicaron o vermicompostaxe en viñedos en produción da subzona Val do Salnés, nas Rías Baixas. Tomaron 189 mostraxes no presente ano, con diferentes obxectivos: analíticas rutineiras de fertilidade do solo e de abundancia e diversidades da microbiota nos solos trala aplicación do vermicompost. Nestas determinacións contouse coa colaboración do Laboratorio de Solos da Estación Fitopatlóxica do Areeiro e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, respectivamente. Humus creado pola vermicompostaxe. Imaxe de Daniel Durán A partir de aí, afirman que “o proceso de transformación do bagazo en humus de miñoca a través do proceso de vermicompostaxe tivo bos resultados a nivel do humus de lombriga obtido”. Engade que como resultado obtívose en sete meses unha emenda orgánica adecuada para abonado ou plantación de viñedo cuxas doses se recomendarían en función das condicións do chan agrícola. “Agardamos confirmar que o vermicompost final é unha emenda cuxa aplicación agrícola mellora as propiedades fisico-químicas, aumentando a actividade microbiana do chan e favorecendo as condicións nutricionais dos cultivos”. Pódese dicir que é unha tecnoloxía de xestión de residuos de bagazo eficiente e respectuosa co medio ambiente. Ademais, do proceso de valorización “tamén se poden obter compostos bioactivos de alto valor engadido para a industria cosmética, farmacéutica e alimentaria”.

SAT Casa Carballo, camiño das 450 vacas en produción

Iago e Jose, xunto a un dos lotes de vacas en produción da súa granxa Casa Carballo é unha SAT familiar ubicada nas Veigas, na parroquia de Torneiros, pertencente ao concello de Pol, que suma xa a terceira xeración de gandeiros. Á fronte están os irmáns Jose e Iago Villamide. Forman parte tamén da SAT os seus pais, José e María, aínda que xa están xubilados. Están a muxir neste momento 360 vacas e contan cunhas 700 cabezas totais, pero queren seguir medrando. “Imos ver como nos podemos adaptar á normativa, porque o novo Real Decreto limita o crecemento de granxas como a nosa”, recoñece Jose. Están a preparar unha ampliación para situarse en dous anos en 450 animais en produción. O proxecto inclúe facer outra nave con capacidade para 180 animais para aumentar ás vacas de leite e ter máis cómodas as vacas secas e as xovencas. “Queremos seguir mellorando tamén outras infraestruturas; imos facer outra fosa de xurro e un novo silo”, explica Jose. Biocélula para poder seguir medrando Cadro de mando do sistema de separación e hixienización do purín Jose incorporouse no ano 1999 e o seu irmán Iago no 2007. Desde entón non pararon de medrar, aínda que desde o 2014 a gandería estaba estabilizada entre 250 e 260 vacas en muxido.  “Ao pasar de 300 cabezas adultas non nos daban licenza por carga gandeira, estabamos limitados”, explica Jose. Para poder seguir medrando víronse obrigados a instalar unha biocélula para tratamento do purín. “Ao poñer o separador xa cumprimos co estudo ambiental e puidemos seguir incrementando o número de cabezas e nos últimos dous anos aumentamos en 80 vacas en produción”, conta.
O custo do sistema achégase ao medio millón de euros
O sistema, de fabricación alemá, achégase ao medio millón de euros de investimento para unha granxa do tamaño desta explotación e para a súa instalación recibiron unha subvención do 35% por tratarse dun modelo innovador. Incremento da recría Zona onde están os tres lotes de recría na amamantadora, con cama tamén de compost Casa Carballo está aumentando a recría coa intención de medrar sen ter que comprar animais. “Estamos poñendo seme sexado en todas as primeirizas e tamén en vacas de primeiro e segundo parto que nos interesan”, detallan. O resto das vacas levan seme convencional e a partir da cuarta inseminación pasan ao touro. “Temos dous, un coas vacas repetidoras e outro coas xovencas inseminadas. É unha boa cousa, porque sempre salvan algunha vaca”, asegura Jose, aínda que a día de hoxe están logrando un índice de fertilidade moi alto.
Teñen dous touros, un para as vacas repetidoras e outro para as xovencas que non quedan preñadas
“Neste momento estannos empreñando moi ben as vacas. Eu achácoo un pouco a todo, a unha suma de distintos factores que fomos mellorando: por un lado, as camas están funcionando moi ben; por outro lado, facemos ración de preparto, que antes non faciamos e as vacas están parindo ben; e no establo de arriba, que é o máis baixo, cortamos a parede e metemos unha lona perforada para que ventile máis no verán”, enumera. Zona exterior onde están as vacas secas, con cama fría de compost O seme que usan é tanto de Xenética Fontao como de ABS, que lles fai tamén os acoplamentos, mentres que os machos para sementais mércanllos de pequenos á gandería Mantoño Holstein.
Preferimos metelas un pouco máis tarde á amamantadora, non nos convence para xatas de 10 días
Contan con amamantadora pero os primeiros 20 días as becerras están en boxes individuais e aliméntanas cun taxi-milk pasteurizador. “Preferimos metelas máis tarde á amamantadora, non nos acaba de convencer para xatas pequenas, de 10 días”, di Jose. Tralo reagrupamento na amamantadora, permanecen no seu lote (teñen tres en función da idade) ata que cumpren coas condicións para ser destetadas. “Imos destetando por peso e condición corporal, se van moi ben e comen xa penso, que teñen dispoñible desde que nacen, destetámolas entre os 60 e os 70 días de vida pero se vemos que van retrasadas témolas un pouco máis, como máximo ata os 3 meses”, explican.   
Nótase moito no crecemento a diferenza de estar en cama quente ou en parrillas
Neste momento están logrando xatas de boa talla e estanas inseminando con 12 e 13 meses. “Nótase moito a diferenza de estar en parrillas a estar en cama quente, nas parrillas frean o crecemento”, asegura Jose. Teñen un establo alugado en Fonfría, pertencente á antiga SAT Os Picos, onde lles caben unhas 120 cabezas e que destinan á etapa intermedia de recría, a partir dos 7 meses. Unha vez preñadas e confirmadas, volven para as instalacións de Torneiros, onde teñen saída ao pasto. Man de obra e relevo xeracional A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando A granxa funciona habitualmente con  6 persoas, 4 empregados e eles dous, aínda que nalgún momento poden contar con algún reforzo puntual para cubrir libranzas ou vacacións. Jose e Iago encárganse de todo o traballo agrario, de facer as racións para o gando e da inseminación, mentres que o traballo dos empregados céntrase en muxir e atender as becerras de recría.
Se non tivesemos relevo por detrás seguramente non nos meteriamos a novos investimentos e ampliacións
Aínda que os dous irmáns son persoas aínda novas, están xa a pensar en dar entrada aos seus fillos na explotación para garantir a súa continuidade. “Eu penso que un dos problemas que se dá moitas veces para o relevo das granxas é que os pais non permiten que os seus fillos entren a tomar decisións mentres que están eles e iso é un erro, porque se os fillos acábanse apartando porque sinten que non son tidos en conta e acaban buscándose outra cousa na que traballar fóra da explotación, iso despois leva a que cando o pai se xubila xa non teña quen colla a granxa”, razoa José. Sala de 28 puntos A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando Moxen tres veces ao día, ás 6 e media da mañá, ás 2 e media da tarde e ás 9 e media da noite. Hai 10 anos que se pasaron aos tres muxidos para aumentar produción e mellorar o benestar do gando. Están a muxir neste momento unhas 360 vacas, con medias de produción de 39 litros por vaca e día, cun 3,90% de graxa e un 3,35% de proteína. Habitualmente hai tres persoas en cada turno de muxido, dúas na sala e unha máis metendo vacas e facendo camas. “Antes tiñamos só dúas persoas, unha na sala e outra metendo os lotes, pero facíase algo xusto para o que estaba muxindo, porque temos unha sala de 28 puntos”, detalla Jose.
Hai ano e medio substituíron os podómetros por colares en todos os animais para ter máis datos e mellorar a detección de celos
Os animais en produción están repartidos en 5 lotes: un de primeiro parto; outro de vacas adultas; un terceiro lote de vacas preñadas que están para secar e vacas retrasadas que non empreñaron, onde teñen un dos touros; o cuarto de vacas paridas de menos de 2 meses;  e o último de vacas que é necesario tratar. Secado selectivo Separan as vacas dous días antes de secalas e cámbianlles a alimentación pola ración das secas As limitacións crecentes ao uso de antibióticos leváronos a introducir o secado selectivo. “Antes poñiamos antibiótico e tapón a todas as vacas e agora só poñemos o selador interno. O antibiótico só o levan os casos problemáticos, que representan arredor do 1% das vacas”, explica Jose. Para favorecer a baixada no leite un par de días antes do secado sepáranas para unha zona aparte na que lles reducen a alimentación, pasándoas á ración de secas. Logo fan muxiduras alternas, unha si e unha non. “É algo máis complexo de levar a cabo e non tes tantas garantías. Nós antes, cando poñiamos antibiótico, nunca unha vaca perdemos por problemas no secado; agora hai veces que si, porque no cambio as vacas sufren estrés e se teñen unha pequena infección dalles mamite e fiebre e xa non logras recuperar a vaca”, din.
O Centro Veterinario de Meira é quen lles leva tanto a parte de calidade do leite como a parte de reprodución
Por iso Jose considera que as restricións no uso de medicamentos en moitas ocasións están a levar ás ganderías a mandar prematuramente ao matadoiro vacas que doutro xeito se tratarían para tentar curalas. “Como cada vez tes menos alternativas para darlles, moitas veces cando xorde un problema xa non te arriscas a gastar nelas. Cando nós podiamos ter un pequeno botiquín, nada máis detectar un caso xa o tratabamos, agora hai que agardar a facer un antibiograma e que veñan os resultados e pérdese un tempo que é fundamental para atallar a enfermidade, tanto no caso de mamites en vacas como no de diarreas en xatas pequenas”, afirma Jose. Baixada de 7 céntimos en abril As xovencas preñadas saen ao exterior nunha finca a carón do establo Casa Carballo entrega desde hai catro anos o leite ao Grupo Lence, despois de estar moitos anos en Lactalis e un ano en Reny Picot. Renovaron contrato coa empresa lucense en abril, por 3 meses, cunha baixada de 7 céntimos, e esperan que non se produzan novas baixadas en xullo. “A ver como se presenta a segunda metade do ano pero non hai razóns para que o leite siga baixando, porque no resto de España está habendo moi pouca produción pola seca. É necesario que o prezo suba algo porque as marxes son moi axustadas e non animan a facer investimentos. Para iso necesitamos tamén estabilidade, pero neste momento non hai garantía do que vai pasar”, di Jose. Compost nos cubículos, na recría e nas vacas secas Mesturan o compost con carbonato cálcico e bótano cunha encamadora cada 4 días Até fai tres anos utilizaban como material de recheo dos cubículos unha mestura de palla e carbonato pero neste momento usan o compost hixienizado que obteñen do separador e a biocélula. Inicialmente instalaron un sistema con capacidade para 400 cabezas pero non lles daba abasto e o material non saía coas condicións idóneas para botalo nos cubículos, o que lles xerou moitos problemas de mamites. “Perdemos unhas 150 vacas e o resto quedaron tocadas. Son animais aos que lles custa empreñar e xa non se recuperan de todo para as seguintes lactacións”, asegura Iago.
As camas de compost agora estannos funcionando moi ben, estamos entre 100.000 e 120.000 células, pero ao primeiro tivemos moitos problemas de mamites
Recoñece que os problemas iniciais fixéronlles dubidar do uso do compost como material para as camas do gando, pero substituíron a biocélula por unha de maior capacidade e neste momento están moi satisfeitos co resultado. Tanto que están a empregar o compost nos cubículos das vacas en produción e tamén na cama libre da recría ou das vacas secas. “O material bota entre 24 e 26 horas dentro do tambor a máis de 60 grados de temperatura e sae completamente hixienizado. Desta maneira logramos un produto inerte que non apelmaza e que fai moi boa cama”, afirma Iago. Da planta o compost sae a unha temperatura de 60 grados, cunha humidade do 40% e o que fan é estendelo para que acabe de secar. Despois mestúrano con carbonato de calcio para darlle un pouco máis de peso e que non tiren tanto cos pés as vacas. Ao botalo coa encamadora a mestura aínda se seca máis. “Recheamos os cubículos cada 4 días e xa non temos que facerlle máis nada, nin sequera hai que movelo, as vacas cos pés xa se encargan diso. A palla co carbonato tiñamos que mollala e apelmazaba moito máis”, contan. Vantaxes a nivel agronómico Zona de almacenaxe do compost que utilizan para rechear os cubículos e na cama das vacas secas e a recría O material compostado pode usarse como abono orgánico nas fincas, cun alto poder fertilizante e maior nivel de asimilación que o xurro sen tratar, pero o feito de que, por normativa medioambiental, non se poida almacenar ese material compostado sobrante ao aire libre nas fincas fai que neste momento non estean a empregar eses excedentes como abono. Pero Jose asegura que mesmo a parte líquida resultante do proceso de separación e compostado contén un poder fertilizante maior que o do purín en si. “Vémolo na herba, que medra moito máis, a planta asimila moito mellor ese nitróxeno unha vez que o xurro pasou varias veces pola biocélula”, di.
As plantas asimilan moito mellor o xurro tras pasar polo separador; a herba medra moito máis
A capacidade de almacenamento de xurro da gandería aproxímase aos 4 millóns de litros neste momento, pero teñen previsto a construción doutra fosa para ampliar en 2 millóns de litros máis para deste xeito poder gardar o purín para os momentos de demanda dos cultivos. Mesturarlle carbonato cálcico ao compost responde tamén ao interese de mellorar o pH das terras sen ter que encalar despois á hora de facer os cultivos. “Hai máis de 20 anos que non encalamos, antes porque usabamos carbonato nas camas e agora porque llo botamos ao compost. Usamos unha bañeira cada mes e medio e temos un pH do 7 nas terras”, explica Iago. Placas solares Ao non usar o compost como abono, neste momento teñen adaptado o funcionamento do sistema de tratamento do purín ás necesidades de compost da granxa, con paradas de 10 minutos cada 10 minutos. Deste xeito logran reducir tamén o consumo eléctrico do sistema, que está a metade do tempo en stand by. Para abaratar a factura da luz, Casa Carballo conta con 60 kilowatios de potencia instalada, que montaron en dúas fases. A primeira, de 25 Kwh, está destinada a venda de enerxía, mediante un contrato asinado no ano 2007 a prezo fixo e cunha vixencia de 25 anos. “Fanche falta uns 14 anos para amortizar o investimento e despois cada tres meses de facturación un vai para pagar impostos”, explica Jose. A outra instalación, de case 40 Kwh, foi montada hai 5 anos e está destinada a autoconsumo da granxa.

“Temos reservas extra de comida para 10 meses; iso danos moitísima tranquilidade”

Van facer un novo silo para meter nel en outubro a colleita de millo deste ano Casa Carballo traballa unha superficie de 170 hectáreas. Unha parte delas son en propiedade e outra parte arrendadas, de ganderías que van pechando. Deste xeito conseguiron ampliar nos últimos anos a superficie agraria a medida que ían medrando en número de cabezas mesmo a un ritmo superior ao que ían precisando. “Dispoñemos neste momento de comida extra para 10 meses. Acabamos de abrir o silo de millo do ano pasado e o que estamos gastando de herba é de hai dous anos. Esas reservas que temos almacenadas dannos moita tranquilidade para poder medrar e son unha garantía en caso de que veña unha colleita mala”, din. Nunhas 135-140 hectáreas fan rotación millo-raigrás e as restantes están centradas da produción de herba. “Hai fincas nas que non compensa botar millo porque igual che dan só trinta e pico mil quilos de millo e se as deixas a herba vanche dar outras dúas cortas e a esas dúas cortas vaslles sacar outros vinte e pico mil quilos de herba sen ter o gasto que ten o millo.
Hai fincas nas que non compensa botar millo porque se as deixas a herba vas ter case a mesma produción con moito menos gasto
Fan eles todo o traballo agrícola, agás colleitar e picar o millo para o silo. Dispoñen dun amplo parque de maquinaria completamente equipado. Teñen segadoras rotativas, xuntadores e remolques para recoller a herba; grada rotativa, grada rápida e sementadora para botar o millo; cisternas con inxectores para botar o purín, telescópicas, carro mesturador, etc. Están a apostar por máquinas de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado ou unha sulfatadora equipada con sistema GPS que permite optimizar as pasadas e reducir o volume de fitosanitarios utilizado. Adiantar a sementeira por mor da seca Labran unhas 140 hectáreas a millo, que rotan con raigrás Dispoñer de parque de maquinaria propio permítelles recoller o raigrás no seu momento óptimo, mellorando deste xeito a calidade do silo. “O de herba estanos dando un 30% de materia seca e un 15% de proteína. O silo de millo saíunos o ano pasado bastante seco, cun 38% de materia seca e un 36% de amidón”, detalla Jose. A campaña de ensilado de herba deste ano foi “moi boa” nesta gandería, que fai 2 cortes nas fincas que rotan con millo, e mesmo 3 nas parcelas que son mellores. “Sempre faciamos tres cortes en todas, pero este ano preferimos botar o millo un pouco antes. Aquí nesta zona é bastante seco e hai pouco solo, polo que necesitamos que cando vén a calor no verán o millo estea xa ben criado”, explica Jose.
Este ano preferimos facer unha corta menos de herba e botar máis cedo o millo por se vén a seca
Comezaron a sementeira arredor do 20 de abril nas primeiras parcelas que labran e remataron un mes despois nas 30 hectáreas nas que fixeron unha terceira corta de herba, nas que acabaron de botalo na semana do 20 de maio. “O millo quere abono” O primeiro corte de herba fano a principios de marzo, aínda que este ano adiantárono a finais de febreiro. Despois cada 40 días fan outro. Para os primeiros cortes abonan só con purín e para o terceiro utilizan un NAC 27. O consumo de abono é, sen embargo, moito maior na sementeira do millo. “O millo necesita abono. A planta para dar 50.000 quilos ten un consumo para ese crecemento e hai que aportarlle esas necesidades. Como o prezo do abono está sendo moi alto, houbo moitas ganderías que este ano mercaron abonadoras para aplicación localizada para botar menos quilos, pero eu penso que iso non funciona de todo. Quizais para que arranque e enraice ao principio si, pero despois a raíz ten que buscar para que cando chegue a seca teña máis superficie”, razoa Jose.
Empregamos uns 600 quilos de abono por hectárea e logramos uns 50.000 quilos de produción
Casa Carballo o que fai antes de arar é abonar con purín e despois complementar cun abono químico nitroxenado de liberación lenta 25-9-9. Nas fincas que non levan purín botan un abono NPK 8-24-16 ou 8-24-8 e algo tamén de liberación lenta. “Até hai poucos anos botabamos entre 800 e 1.000 quilos de abono por hectárea, pero agora baixamos a uns 600 quilos e esa cantidade faille falta”, asegura. “Levabamos 4 anos moi bos de produción, logrando entre 48.000 e 50.000 quilos por hectárea, pero o ano pasado sacamos sobre 10.000 quilos menos por hectárea con respecto ao habitual. Aquí apertou moito a seca”, lembra Jose.   Pesan os rendementos para ter control da produción das fincas Báscula á entrada da explotación, pola que pasan todos os insumos que entran á granxa Casa Carballo ten instalada unha báscula á entrada da granxa pola que pasan todos os insumos que entran na gandería. Tamén as forraxes que eles mesmos producen. “É unha maneira de levar control da produtividade das terras. É algo que che axuda a tomar decisións porque ás veces lévaste sorpresas”, recoñece Jose. A báscula montárona xa fai bastantes anos despois dunha visita a varias explotacións en Cataluña. “Dixéronme este é o aparato máis rendible da granxa, pero só llo vas notar os tres primeiros meses. E aquí pasou iso”, di. Compra directa das materias primas en porto Silos para a colza e a soia, que mercan directamente no porto Esta gandería de Pol foi das primeiras en mercar directamente os cereais e elaborar os seus propios concentrados. “Comezamos tendo muíño hai máis de 20 anos pero dábanos algo de alerxia o po. Agora seguimos traendo directo do porto a soia e a colza, pero a fariña de millo traémola xa moída e mesturada cos correctores”, conta Jose. Sempre mercan cun ano de antelación, tratando de pechar prezos que lles permitan un aforro económico. Pero, ademais do abaratamento logrado, un dos principais aspectos que destacan é o de “saber o que estás metendo na ración”. Dispoñen de carro mesturador propio e elaboran ata 5 racións diferentes para o gando. Aínda que elaboran só unha para os distintos lotes de produción, fana dúas veces ao día para subministrala fresca aos animais. Leva 30 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, 6,5 kg de fariña de millo e correctores, 2,5 kg de colza e 3 kg de soia.  
Fan unha ración única para as vacas en muxidura dúas veces ao día
A maiores fan unha ración para vacas secas, outra de preparto, e dúas para a recría, unha para xatas ata 12 meses e outra para xovencas xa preñadas. Este ano van facer tamén herba seca nas fincas nas que non botan millo para substituír a palla nas racións das vacas secas e xovencas. “Na ración das secas agora mesmo xa estamos a un 50% de palla e outro 50% de herba seca e nas xovencas xa non estamos metendo palla. Nós mercamos a palla a 90€ pero xa subiu moito porque hai moita escaseza”, admite.

A Deputación achega a compostaxe a preto de 48.000 escolares da provincia de Pontevedra

No marco do Plan Revitaliza, centrado na compostaxe, a Deputación de Pontevedra tamén está a desenvolver un programa de actividades escolares co que achegar estas prácticas sostibles ós máis novos. Nos catro anos que leva activo este programa, preto de 48.000 escolares participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos sobre esta temática. O balance desta iniciativa posta en marcha pola Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) deuse a coñecer no marco do V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado este xoves e que congregou a diferentes colexios para coñecer os seus proxectos nesta temática. O encontro, que se realizou de xeito telemático, tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses. Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido. Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están “a ser partícipes dun proxecto punteiro e transcendente, xa que o Revitaliza é unha iniciativa novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dá, ou protexer o planeta de plásticos e outras substancias que lle fan dano...”, apunta Mosquera O director do CEIDA, Carlos Vales, salientou que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior. Subliñou que o traballo que se está a facer en materia de compostaxe está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Balance de actividades escolares

Neste 2021 pasarán polas actividades escolares do Revitaliza máis de 9.100 escolares en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia. No ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano. Ademais de nos centros de ensino, o Revitaliza estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Proxectos nos centros

Neste V Encontro de Educación Ambiental tamén se deron a coñecer as distintas iniciativas relacionadas coa compostaxe e as prácticas sostibles que se levaron a cabo nos 4 centros educativos seleccionados. O CEIP Froebel (Pontevedra) foi un dos centros participantes. O alumnando deste colexio de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, puxo en marcha unha experiencia de compostaxe dos propios restos das merendas escolares, unha idea que xurdiu tras unha visita a unha factoría de tratamento de residuos. No curso pasado obtiveron unha saca de compost, que repartiron entre as familias que o solicitaron, e este ano están a mellorar a calidade do produto. No CEP Riomaior (Vilaboa), levan tempo participando no programa do Revitaliza e teñen xa unha gran experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é “ síntome ben”, co que están a impulsar prácticas saúdables e sostibles en alimentación, xestión de restos téxtiles, deporte ó aire libre e recollida de lixo. Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres’ está moi arraigada neste centro, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro con actividades para reutilizar os materiais antes de desbotalos. Tamén teñen moi presente a importancia dunha alimentación sá e o alumnado de infantil e familias participan nun proxecto medioambiental cunha horta permanente no centro. Neste curso incorporan un composteiro para concienciar ó alumnado da necesidade de sacar máis proveito ós residuos orgánicos. O CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar) foi outro dos centros destacados da xornada. O aproveitamento dun vello composteiro que estaba no centro foi o xermolo para achegarse de novo á compostaxe. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e unha das nais con coñecementos en permacultura. Ademais, converteron o antigo galiñeiro da escola nun invernadoiro onde facer as sementeiras e sumaron novos composteiros para seguir afondando e aproveitando os residuos das merendas para compost.

Rousil SC: Unha aposta por producir leite de pastoreo A2A2 no Val de Camba

O Val de Camba, na concello pontevedrés de Rodeiro, é coñecido polas súas terras fértiles, motor indispensable para moitas das ganderías de vacún tanto de leite como de carne asentadas no municipio. Ese potencial é un dos motivos que levaron a Manuel Faílde e Alberte Lamazares, dous mozos da parroquia de Río, a sumar esforzos e asociarse para impulsar un proxecto gandeiro centrado no pastoreo. Da unión das dúas ganderías familiares asociadas xorde Rousil SC. Porén a terra está a ser tamén un dos lastres do proxecto nestes momentos. O proceso de reestruturación parcelaria que leva anos iniciado no Val de Camba estalles a atrasar o avance das obras para a nova granxa. A falta de prazos concretos pode chegar mesmo a condicionar a viabilidade dun proxecto que busca unha alternativa de futuro apegada á terra e ó rural.
“Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro”
O seu é un proxecto orientado ó pastoreo, un modelo no que ambas ganderías levan traballando dende sempre e polo que queren seguir apostando dun xeito máis profesional e competitivo. Dende maio xa teñen aprobado o Plan de Mellora que presentaron ante a Consellería de Medio Rural. “Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro. Vemos que a sociedade entre dous amigos, dúas familias, pode brindarnos unha oportunidade para incrementar a produción, facturación, ingresos e mellorar en calidade de vida”, argumenta Alberte Lamazares. Os dous mozos atopábanse á fronte de cadansúa gandería familiar, centradas na produción de leite en pastoreo, dúas granxas moi condicionadas pola falta de espazo e unhas instalacións que precisaban renovar. Tanto Manuel coma Alberte tomaron o relevo de seus pais, agora xubilados, e atopáronse con ganderías co gando trabado e sen posibilidade de ampliar as naves actuais. “Agora mesmo tanto un coma o outro temos moi pouco espazo nas nosas granxas e o manexo resulta moi incómodo”, comenta Manuel. Por iso, optaron por construír unhas novas instalacións a medio camiño entre as vivendas de cada un dos integrantes da sociedade. A granxa situarase nas proximidades dun cruce de camiños a escasos 200 metros das vivendas dos dous socios, nun zona coñecida como Rousil, de aí o nome da propia gandería. Este ano, nunha das parcelas nas que teñen previsto construír a granxa sementaron millo.

A parcelaria, un atranco e unha oportunidade

O proceso de reestruturación da terra en Val de Camba preséntase como unha oportunidade, coas vantaxes a medio-longo prazo que se lle presupoñen a este tipo de modificacións da paisaxe, ó xerar unha rede de camiños, mellorar os accesos e poder contar con parcelas de maior superficie. Todas elas poden supoñer unha mellora interesante para esta gandería, pero ó mesmo tempo a concentración parcelaria estase convertendo nun dos seus maiores obstáculos. A lentitude do proceso fai temer ós dous gandeiros que se vexan apurados para cumprir o prazo de 2 anos para a posta en funcionamento da gandería. “Agora mesmo non temos aínda parcela dispoñible para poder comezar coas obras. No momento no que está agora a parcelaria non se permiten cambios, compras nin construír”, explican Faílde e Lamazares. Logo de asignar as parcelas provisionais e rematar a fase de alegacións aínda está pendente a tramitación definitiva dos predios. Dende Medio Rural tampouco lles proporcionaron ningunha solución e esgrimen a que o proceso se debe resolver na súa totalidade.
“É contraditorio que se as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”
Os gandeiros apuntan á necesidade de activar mecanismos nos que se poidan establecer dúas vías para resolver o proceso de concentración, para axilizar os trámites naquelas parcelas con proxectos en firme sobre elas. “Só pedimos que se non houbo alegacións sobre estes terreos nos deixen levar a cabo o proxecto, xa que a nós o tempo xa nos está contando. É contraditorio que as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”, comentan.

Frisoas para leite A2A2

A súa previsión para as novas instalacións é sumar unhas 90 vacas en muxido, e contar con entre 125 e 130 cabezas de gando. Na actualidade, na granxa de Manuel moxen uns 32 animais e na de Alberte uns 23. A excepción dalgún exemplar de Montbéliard e Parda, a maioría do gando das dúas ganderías é Frisón. Aínda que están abertos a poder facer cambios, en principio queren seguir apostando por esta raza. “Dentro da Frisoa, nós queremos ir a vacas máis resistentes. Non buscamos grandes producións e vacas que se acaben ós poucos partos, procuramos lonxevidade e que os animais se adapten ben ó pastoreo”, xustifica Lamazares. Na gandería de Faílde levaban tempo xa escollendo touros holandeses para a súa recría, co gaio de seguir esta liña para o seu rabaño. Ademais, miran con expectativa a unha produción de leite A2A2. “Todo o seme que estamos empregando na gandería é xa de A2 para ir nesa dirección”, argumenta Manuel Faílde. As súas producións sitúanse nos 8.600 litros no caso do rabaño de Lamazares e os 7.900 quilos de leite no de Faílde, cunhas calidades de entorno a 3,50 % de graxa e 3,20% de proteína. Coa nova granxa agardan situarse nunha produción de 9.000 litros por vaca ó ano. Na actualidade o leite véndenllo a Larsa e comercialízano a través da cooperativa O Rodo, na que Lamazares forma parte da directiva. “Nós cremos no cooperativismo, senón non nos teríamos asociado e imos seguir apostando polos servizos que nos ofrece a cooperativa”, comentan.
“Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria”
Ademais da comercialización do leite, na cooperativa mercan as sementeiras e tratamentos que precisan e botan man da maquinaria. “Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria que logo non poderíamos desempeñar porque non traballamos con ela. Temos os apeiros imprescindibles para o día a día e non contemplamos mercar máis que o imprescindible. Non cremos nas grandes inversións en maquinaria na granxa”, coinciden os dous produtores.

O pasto marca o compás

Están asentados no pastoreo e a súa aposta de futuro é continuar con este manexo do gando. Nestes momentos xa están levando a cabo un pastoreo intensivo, onde as vacas están fóra non só boa parte do día senón tamén a maioría das noites. “Agás no mes de agosto, cando non hai pasto ó que levalas e nos meses máis duros do inverno, o resto do ano as vacas están no pasto día e noite”, explican os gandeiros. Hoxe as ganderías manexan unha superficie dunhas 50 hectáreas. Unha vez que incrementen o número de cabezas de gando estiman pasar a xestionar unhas 80 hectáreas, adicadas boa parte delas a pasto. Nestes momentos, a terra téñena adicada toda ela a pradeira, das que obteñen tanto o silo de herba como a herba seca. “Hai tempo que as dúas ganderías deixamos de sementar millo para ensilar, aínda que temos algunha parcela sementada é unha cantidade mínima”, comentan. Asentados no modelo de pastoreo xa dende que seus pais levaban as rendas da gandería, os dous mozos gandeiros son conscientes da importancia de levar a cabo unha boa xestión e manexo do pasto. “O pastoreo é máis complexo do que poida parecer, xa que o pasto vai mudando e tes que compensar o aporte que lle proporciona ó gando para lograr boas producións. Facer un bo pastoreo é complicado. Necesítase traballo, estar sobre a terra e ir vendo como vai evolucionando o pasto”, explican.
Pretenden manter un pastoreo intensivo e controlado para optimizar a produción do gando
Ó mesmo tempo tamén recoñecen a rendibilidade deste modelo. “Ademais de ser saudable para o gando é moito máis barato do que poida ser a produción intensiva”, argumentan. Ademais, están apostando por un pastoreo baseado no coñecemento da pradeira. Así, Lamazares traballa co asesoramento do especialista en manexo de pastos Xan Pouliquen dende hai 3 anos. Afondar no coñecemento do pasto mediante analíticas deixoulle algunha sorpresa e permitiulle comprender ata que punto hai variacións neste sistema. “Analizamos dous prados ós que estabamos levando o gando e que aparentemente eran moi similares. Descubrimos que o que a simple vista nos parecía igual era ben diferente. Mentres na finca na que tiñamos o gando polo día a pradeira tiña un 23% de proteína, na parcela na que pasaban a noite apenas chegaba a un 12% de proteína”, recorda o gandeiro. Contan con pradeiras cunha gran diversidade de especies, que non renovan e que lle proporcionan os primeiros pastos na primavera. Ademais, apostan por mesturas de leguminosas como o trevo e raigrás inglés. Detalle do proxecto da nova granxa.

Cama de compost para gando en pastoreo

O deseño das novas instalacións tamén está pensado para favorecer o manexo dun rabaño en pastoreo, que pouco tempo estará na granxa. Así, por exemplo, o aporte do penso ó gando farano na propia sala de muxido. “Se as vacas boa parte do ano van estar mantidas co pasto non ten sentido ter que darlle o penso no pesebre. Así podemos facer un punteo axeitado de cada animal e unha vez muxidas poden saír de novo sen ter que prendelas para proporcionarlle o penso”, argumentan. Tamén a distribución da granxa se sae dos modelos máis tradicionais. Eles apostarán pola cama de compost, polo que o rabaño permanecerá nun espazo aberto, sen cubículos, e no que unha cerca móbil separará as vacas secas. “Ter unha cerca móbil permítenos axustar o espazo en función do número de animais que haxa en cada lote en cada momento do ano”, indican. Terán unha superficie de 80 x 14 metros dedicado á cama do gando. Son unha das poucas granxas que van apostar polo compost estando en pastoreo. “Cremos que pode ser un sistema de cama que se adapte ben para o pastoreo intensivo que queremos facer, xa que as vacas van estar pouco máis de 2 meses ó ano dentro, e parte dese tempo será no mes de agosto cando non hai pasto, pero tampouco hai problema para manter a cama seca”, explican. Ademais, escolleron este modelo convencidos do benestar que pode proporcionar ós animais, de xeito que as vacas só estean trabadas en momentos moi puntuais.
Coa cama de compost buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros
Cunha base de materia orgánica, aínda por definir, o mantemento da cama farano mediante o fresado da mestura, para conseguir unha ventilación e unhas condicións hixiénicas axeitadas para proporcionar comodidade ó gando. “Agardamos mellorar a produción grazas a este tipo de cama, aínda que nós escollémola principalmente pola comodidade que lle pode proporcionar ó gando”, concretan. Para favorecer o éxito deste modelo de cama prevén programar os partos. Ademais, estudan empregar tamén carbonato cálcico para favorecer o secado da cama en determinadas épocas. “Temos que avaliar as necesidades que teñen as nosas pradeiras deses aportes e se resulta rendible empregalo para aforrar así custos en fertilizantes”, apuntan. Nun futuro, tamén barallan empregar como materia orgánica para o gando o toxo, cun alto aporte nutricional para a terra. Optar polo toxo permitiríalle aproveitar esta biomasa forestal ó tempo que limpan o monte e reducen o risco de incendios. Con esta cama buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros, optando por unha alternativa baseada nos principios da Economía Circular, na que os residuos se transformen en recursos. Con todo mantéñense cautos e á expectativa dos resultados que lles poida proporcionar este tipo de cama por se é preciso volver á instalación de cubículos. Rousil nace coa vista posta nos obxectivos medioambientais que marcan xa dende Europa, co que tamén teñen previsto avaliar a pegada de carbono da granxa e levar a cabo iniciativas como a plantación de arborado, co que compensar as emisións, na procura dun modelo de produción de leite neutro ou negativo en canto a emisións. Ademais, aínda que non se atopa entre as metas a curto prazo, os produtores tamén deixan a porta aberta xa a poder levar a cabo proxectos de transformación e posta en valor do leite. Nesta nova etapa tamén queren seguir apostando pola colaboración con outras entidades e colectivos, como veñen facendo agora xa, pese ás limitacións actuais. "Na nosa granxa levamos tempo colaborando con investigadores e outros gandeiros e nas novas instalacións queremos seguir mantendo esa liña de traballo, mesmo contemplando poder realizar visitas ou xornadas coas que achegar máis o noso traballo como produtores de alimentos a outros sectores da sociedade", reivindica Lamazares.  

O Plan Revitaliza de compostaxe de residuos orgánicos prevé un salto no 2021

O Plan Revitaliza de compostaxe, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, vai modificar a súa ordenanza no próximo pleno do organismo provincial para que os concellos dean un “salto adiante” na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia. Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, dende a Deputacion búscase proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumplir a normativa tanto europea como estatal e galega. O vicepresidente destacou, de feito, que “o Revitaliza está absolutamente alineado, pero total e absolutamente, cos principios da normativa marco da Unión Europea e ca lexislación estatal española e galega. Está metido, integrado na quinta esencia dos principios da política europea”. Mosquera explica que para a UE hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobles do tratamento de residuos. Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: “Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as últimas, menos valiosas e as que hai que reducir e prácticamente facer desaparecer”, insistiu. “A mensaxe que quero lanzar é que separación e reciclaxe son os principios do tratamento dos residuos para que os residuos volvan ser un ben, para que volvan meterse no circuito produtivo, na terra, no que se chama economía circular, e para iso é fundamental a separación en orixe e a reciclaxe. Eses son os principios do Revitaliza que este ano lle imos dar un impulso para poder apurar máis”, apuntou. Concellos Revitaliza Nestes momentos hai 47 concellos adheridos ao Plan Revitaliza en diferentes fases. Nove deles (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Grove, Tomiño, Valga, A Illa de Arousa e Pontevedra, xa co seu propio plan). Todos eles verán ‘revolucionada’ a súa estratexia de residuos coa nova normativa do Revitaliza. Os concellos que comezaron a ‘aventura Revitaliza’ en 2015 foron Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. En xullo de 2017 adheríronse Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, O Grove, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión, na que se incorporaron os concellos de Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas e Sanxenxo; en 2018 uníronse os concellos de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces, e decidiron dar o salto á implantación global A Illa de Arousa, Bueu, Cangas e Moaña (como mancomunidade), Poio, Ponteareas, Tomiño e Valga; en 2019 formalizaron a súa adhesión ao Plan Revitaliza os concellos de Marín e Meis e no 2021 o concello de Meaño.

A Deputación de Pontevedra prevé reducir máis de 2.600 toneladas de emisións de carbono grazas á compostaxe

A Deputación de Pontevedra prevé reducir neste 2021 máis de 2.600 toneladas de emisións de dióxido de carbono á atmosfera grazas á compostaxe de proximidade nos composteiros comunitarios e individuais repartidos e en funcionamento ao abeiro do Plan Revitaliza. Os datos fíxoos públicos o deputado responsable do plan provincial, Uxío Benítez, quen destacou que nestes momentos o despregue de composteiros instalados “está indo cun ritmo moi alto, a pesares da pandemia, e prevese incrementar no segundo semestre do ano”, informa. Dende o órgano supramunicipal agardan poder celebrar, sen as restricións vixentes, todas as reunións e charlas de formación previstas para a veciñanza nos próximos meses. A día de hoxe hai repartidos 12.305 composteiros individuais entre os ‘concellos Revitaliza’ e hai instalados 160 composteiros comunitarios con 1.184 unidades modulares e unha capacidade de tratamento de máis de 7.000 toneladas de biorresiduos (materia orgánica e estruturante) nun ano. Os cálculos reflicten que eses refugallos suporían, co actual sistema de Sogama, unhas emisións de CO2 de preto de 7.100 toneladas, debido á contaminación tanto pola recollida, o transporte á planta de tratamento, e a incineración. Os números baixan sensiblemente no caso do tratamento do lixo mediante a compostaxe de proximidade, xa que se eliminan a recollida e o transporte, e o tratamento pasa a depender dun proceso natural, no canto da incineración. As emisións coa compostaxe, así, baixarán un 55% ata as 4.474 toneladas, é dicir, deixarían de emitirse á atmosfera máis de 2.600 toneladas de CO2. Benítez destacou que estes datos revelan que o Plan Revitaliza da Deputación está demostrando os seus froitos a nivel económico, posto que cada tonelada de biorresiduos que non vai a Sogama alixeira a factura para os concellos. Ademais, tamén proporciona claros beneficios ambientais. “Os números son bos, pero se todo vai como está previsto, o despregue de composteiros aumentará e polo tanto o aforro económico tamén e o aforro de emisións baixarán aínda máis”, insistiu.

Concellos no plan Revitaliza

Nestes momentos, os concellos máis aplicados na compostaxe están a ser Vilaboa, As Neves, Mondariz, e Mondariz Balneario, que xunto a Tomiño, Valga e a Illa de Arousa (ademais de Pontevedra, con plan propio), atópanse a piques de cumprir a normativa europea do 50% de residuos preparados para reciclar ou reaproveitar. En total son 46 os concellos adheridos ao plan provincial. Benítez fixo un chamamento, ao igual que fixera esta semana o vicepresidente Mosquera, a tomar con seriedade os problemas ambientais e a contaminación. Destacou que a Deputación prevé seguir traballando arreo para cumprir coa lexislación ambiental, tanto con fondos propios como cos programas incluídos no Plan Estratéxico de Fondos Europeos, presentado en días pasados. Nesta fase do Plan Revitaliza buscarán unha maior implicación dos concellos que queiran apostar pola compostaxe para “acelerar” o cambio nos sistemas de xestión do lixo de cada municipio. O deputado ratificou que a fase demostrativa na que se poñía de manifesto a viabilidade da compostaxe xa rematou. “Temos que ter claro que as nosas actuación teñen consecuencias no medio ambiente. Os recursos naturais son escasos e non podemos pensar que podemos contaminar libremente sen ter repercusións”, finalizou.

A Deputación de Pontevedra pecha 2020 con 47 concellos adheridos ó seu plan de compostaxe de residuos

Neste 2020 o programa da Deputación de Pontevedra para a xestión de residuos baseado na compostaxe, o Revitaliza, chegou a 47 concellos, logo de sumar A Cañiza e Dozón. Segundo os datos que manexa o deputado responsable da área, Uxío Benítez, nestes momentos hai instalados 160 centros de compostaxe comunitaria (CCC) e repartiron 9.500 composteiros individuais. Ademais, realizaron preto de 23.000 seguimentos, un traballo que levou a cabo persoal técnico, ben sexa de maneira presencial ou telefónica durante o confinamento. “As cifras poñen de manifesto que se cumpriron os obxectivos marcados para este exercicio que acaba de rematar”, explican dende a Deputación. As previsións manexadas eran que a veciñanza compostase os seus biorresiduos en ata 170 centros comunitarios e en preto de 7.100 individuais, segundo as contas que facía o persoal técnico provincial a finais de 2019. Como perspectiva de mínimos, para os vindeiros meses a idea é superar os 250 centros comunitarios e 13.000 composteiros individuais en activo. Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal. No caso de Vilaboa hai 10 CCC instalados e repartidos 1.134 COIN, o que fai que proporcionalmente sexa un dos que teña maior xestión do seu lixo baseado na compostaxe, coa maioría dos grandes produtores adheridos ao programa.

Datos por concellos

En Pontevedra, que xa dispón do seu propio plan (Composta), as cifras en 2021 comezan con 34 composteiros comunitarios instalados, 2.568 individuais e 5.888 visitas de seguimento. No Grove teñen 10 comunitarios e alcanzan preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz Balneario hai xa 12 e 10 comunitarios, e 814 e 97 individuais, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos 5 actuais e os individuais entregados subiron ata os 1.104. Das novas incorporacións de concellos á Liña 2 previstas, Poio finalmente desistiu. Namentres, Valga e Tomiño, xunto con A Illa están a dar un pulo importante aos repartos de composteiros en tempo récord. Na Illa tutelarán un total de 800 composteiros individuais e 5 comunitarios, dos que un xa está montado; en Tomiño, actualmente xa distribuiron 903 individuais dun total de 3.000 e están funcionando 11 comunitarios dos 16 previstos. En Valga están xa distribuídos 450 COIN dun total de 1.300 e ten funcionando dous comunitarios, a metade dos planeados.

O 2021, momento de consolidarse

Dende a Administración provincial agardan que no ano 2021 o plan Revitaliza se consolide definitivamente nos concellos da provincia. Os concellos máis adiantados do plan de compostaxe provincial serán quen de cumprir as esixencias da UE en canto a reciclaxe, xa que en breve chegarán ao 50% dos residuos preparados para reciclar, tendo o tratamento dos biorresiduos un papel chave no respecto ao medio ambiente.
Buscan conseguir maior implicación para que os residuos se traten en plantas con colaboración de empresas gandeiras ou vinícolas
Aínda que continuarán asistindo aos municipios que están en fase de concienciación (con centros de compostaxe illados) apostarán por salvagardar as necesidades dos concellos en liña 2, que buscan xestionar de maneira global os residuos baseando a súa estratexia na compostaxe. Tamén prevén buscar unha maior implicación de entidades e produtores rurais, co fin de seguir o modelo austríaco, que defende que os residuos municipais sexan tratados en plantas con colaboración de empresas de gandería, vinícolas ou doutro tipo. Por outra banda, o Revitaliza continuará no 2021 coa súa proxección internacional, de forma que manterá a colaboración existente coa Illa de Príncipe, con novas illas africanas, así como con outras administracións e organismos estatais, xa ben para replicar o modelo pontevedrés, ou para colaborar na posta en marcha de nova normativa aplicable, como é o caso do Ministerio de Transición Ecolóxica.

O Revitaliza, o programa de compostaxe da Deputación de Pontevedra, un potencial aliado contra os lumes forestais

Os aportes de residuos leñosos ou biomasa forestal serven para evitar os lixiviados e malos cheiros O Revitaliza, o programa de compostaxe da Deputación de Pontevedra, é un potencial aliado contra os lumes forestais na provincia pola necesidade de biomasa no proceso de elaboración do compost. Así o asegura o deputado Uxío Benítez, quen destaca a importancia de entroncar o traballo do Revitaliza coa prevención dos incendios e cunha liña de traballo e de relación cos axentes forestais na que se debe afondar de cara ao futuro. Benítez anunciou este xoves que o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, participará a finais deste mes nunha xornada de Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de Xestión Forestal conxunta para prevención de icendios forestais en territorio POCTEP, cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.
Proponse o uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais
Pérez participará no terceiro relatorio das xornadas, o 30 de novembro, e falará sobre o plan de Xestión circular de residuos municipais pola Deputación de Pontevedra. Dará a súa visión sobre a situación actual da prevención de incendios forestais mediante a xestión forestal integrada e sobre a potencial achega dunha xestión eficiente e sustentable dos residuos forestais, en concreto, da proposta de uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais (FORM) e de como encaixa o Revitaliza ao respecto. Residuos forestais como estruturante no composteiro Hai que lembrar que no proceso de compostaxe dos biorresiduos cada vez que unha persoa realiza unha achega de lixo a un composteiro debe achegar tamén a parte correspondente de estruturante, isto é, materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos (biomasa). Estes materiais secos, moi ricos en carbono, teñen como función principal a de dar estrutura ao material a compostar, permitindo que se airee e compensando a humidade, evitando tamén coa súa utilización a aparición problemas como os lixiviados ou malos cheiros. De feito, achegar estruturante é unha das reglas básicas para compostar correctamente. Tendo en conta o número de centros de compostaxe comunitaria e de composteiros individuais repartidos polo Plan Revitaliza na provincia a cantidade de biomasa necesaria en toda a provincia sería moi elevada. Por este motivo o produto resultante da limpeza dos montes existentes podería ter saída de maneira automática dentro do plan provincial de compostaxe.

Curso de Mestría en compostaxe, con participación do Plan Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para a xestión do lixo está a formar parte dun curso de Mestría en compostaxe promovido por Amigos da Terra e financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Fondo Social Europeo dentro do programa ‘Emprega Verde’. Unha das mestras composteiras da Deputación, Beatriz Fernández Lorenzo, visitará os centros de compostaxe comunitaria existentes en Caldas de Reis e supervisará as prácticas que se realizarán alí. O Curso de Mestría en Compostaxe ten como intención formar a persoas técnicas especializadas en compostaxe de residuos orgánicos, especialmente persoas en situación de desemprego e preferentemente mulleres de menos de 35 e máis de 45 anos co fin de achegar saídas laborais. Forma parte dos seis ciclos que se están a realizar entre Madrid (2) e Galicia (1 por provincia). O obxectivo xeral dos cursos é formar a persoas e preparalas tecnicamente para os próximos anos, nos que os municipios terán que separar a fracción orgánica dos seus residuos municipais e xestionalos principalmente mediante compostaxe. Nos cursos abórdase o ciclo completo da xestión do lixo orgánico de forma que o persoal técnico poida realizar labores como poñer en marcha programas de compostaxe individual, facer promoción e campañas educativas, xestionar iniciativas de agro-compostaxe, centros de compostaxe comunitaria ou realizar tarefas auxiliares en plantas de compostaxe. A implicación do Plan Revitaliza da Deputación nestas xornadas vén dada pola súa política de xeración de emprego local. Hai que lembrar que o plan provincial é un modelo de xestión do lixo baseado na proximidade e na economía circular que aposta polo coñecemento técnico máis que por utilizar alta tecnoloxía, co que iso supón para a xeración e dinamización local do emprego e o asentamento no rural, en moitos casos.

O Plan Revitaliza

En canto á formación, e ante a ausencia de persoal técnico cualificado, a Deputación puxo en marcha a ‘Facultade da Compostaxe’, un curso de formación especializado en compostaxe e homologado pola UVigo que xa leva varias edicións, no que se formou a práctica totalidade da xente que despois foi contratada para o propio Revitaliza, con profesorado galego, do resto do estado español e tamén internacional, especialistas na materia. En canto á xeración de emprego, o Revitaliza realizou ata o de agora 74 contratos de bolseiros ou en prácticas (en catro edicións), contratou a 20 interinos por execución de programa, e facilitou a contratación de 27 interinos nos concellos da provincia. A partir da formación adquirida na ‘Facultade da Compostaxe’, o persoal técnico da Deputación está a formar a outras persoas, como neste ciclo de cursos de Amigos da Terra. Tamén fan labores divulgativos de colaboración con outros países, como é o caso de Illa de Príncipe, que quere replicar o modelo pontevedrés e precisa persoal formado, polo que agora mesmo están en Pontevedra 4 persoas da illa africana que terán 2 meses de aprendizaxe. Dende a Deputación, reivindican que o plan Revitaliza, ademais de apostar por un modelo sustentable de xestión de lixo, está a potenciar un nicho de emprego que vai ter moita saída dadas as indicacións en materia de medio ambiente e sustentabilidade da Axenda 2030 e das obrigas da UE en materia de tratamento de lixo.

SAT Lodos e Pérez, innovacións buscando funcionalidade e comodidade para o gando

María del Mar e Alfonso, xunto á súa filla María e aos seus sobriños Cándido e David "A nosa ilusión era ter algo moderno para que a xente que vén detrás o vexa atractivo e se decida a seguir con isto". Alfonso Lodos define así a motivación que levou a esta explotación familiar, SAT Lodos e Pérez, a construir un novo establo con todas as innovacións tecnolóxicas dispoñibles no mercado para facilitar o traballo na granxa e a comodidade do gando.  "Tiñamos feita nesta finca una fosa de purín desde había 7 anos coa previsión de facer aquí un establo novo, pero non había relevo e non nos acababamos de decidir. Sen embargo, desde que tivemos a cativa iso foi un incentivo para meternos a isto. Meu irmán ten dous fillos, Cándido e David, e nós unha nena, María. Agora quédalles isto cómodo para seguir se queren, para nós sería unha felicidade que algún dos tres continuase", di.
O investimento feito foi elevado pero as instalacións contan con melloras tecnolóxicas e numerosas innovacións que fan máis eficiente o seu funcionamento 
Logo dun importante investimento feito, no mes de decembro de 2019 comezaban a muxir as primeiras vacas nas novas instalacións, situadas na parroquia de Lousada, a un quilómetro da explotación antiga, que a partir de agora acollerá a recría da granxa. Colaboración de tres irmáns Coma todas as decisións que se toman nesta explotación, o deseño do novo establo tamén foi meditado e moi pensado. E iso nótase en moitos detalles que ao final marcan a diferenza. Os tres irmáns Lodos aportaron os seus coñecementos e a súa experiencia, cada un no seu ámbito (Manuel é arquitecto, Juan Carlos veterinario e Alfonso gandeiro), para lograr funcionalidade no resultado final. "Meu irmán Juan viaxou e viu cousas e detalles que logo aplicamos aquí, o feito de que a construción fose supervisada por un veterinario foi importante", afirma Alfonso. Apostaron pola robotización por falta de man de obra A SAT está formada por Alfonso, a súa muller María del Mar e o seu irmán Juan Carlos e contan a maiores con dous traballadores a xornada completa (un está sempre na nave nova e outro atende a explotación antiga e fai as racións de alimentación. "O novo establo foi pensado ante a expectativa da pouca man de obra dispoñible que hai, de maneira que unha persoa soa sexa capaz de encargarse de atendelo", conta Alfonso. 
Ademais dos robots, nesta explotación contan tamén con arrimador automático e amamantadora para as becerras
Apostaron pola robotización, tanto no muxido coma noutras tarefas, como a alimentación do gando, e contan con arrimador automático e amamantadora para as becerras. "É outro xeito de traballar, non quere dicir que non teñas que estar aquí pero é outro sistema de traballo. Horas quizais botamos tantas agora coma antes, pero é un traballo diferente, máis de supervisión, porque chegas pola mañá e mentres metes catro retrasos fas as camas e estras as xatas. Ningún sistema te saca de traballar, a robotización tampouco, pero é un traballo distinto. Aínda que eu penso que isto é todo cuestión de ilusión e interese e se che gustan as vacas ao final as cousas saen ben nun ou noutro sistema, aínda que de vez en cando saian tortas", engade.  Altura máxima permitida A estrutura foi construida con ferro galvanizado e é totalmente aberta para facilitar a ventilación O primeiro que chama a atención é a altura da nave, superior á maioría das que se constrúen en Galicia. "Fómonos ao máximo que permite a Lei do Solo e a normativa urbanística do Concello, que son 7 metros máis 3,60 de diferenza ao punto máis alto, é dicir, a estrutura ten 7 metros na parte baixa e alcanza os 10,60 metros ao cume de altura máxima na parte central, cando o que se fai normalmente é ir a 7 metros pero no punto máis alto", detalla Alfonso. 
A nave ten 7 metros na parte máis baixa e chega aos 10,60 metros no cume
Desta maneira, ao ser unha nave aberta polos seus catro lados, con aperturas cenitais e moi ventilada non teñen problemas de estrés por calor do gando no verán nin tiveron que adoptar ningunha medida correctora. "Aquí non hai ventiladores, non fan falta. Á hora de construír son uns metros máis de ferro pero despois ao ser tan alta non notas acumulación de aire quente nin correntes, porque o aire igual que entra sae porque ten por onde saír", di.   "As vacas non notan frío, notámolo nós, pero elas non o notan e vanse deitar onde dá o aire. Até agora buscábase temperatura nos establos porque se buscaba a comodidade para o gandeiro pero non para as vacas. Pero elas agradecen e compensan con leite estas condicións, que están pensadas para elas", engade. 
As vacas agradecen e compensan cunha maior produción de leite estas condicións, que están pensadas para elas
A estrutura é de ferro pero está toda galvanizada para evitar a aparición de óxido. "Se fose pintada aforrabamos cartos, pero así hai menos problemas de corrosión", argumenta Alfonso, que explica outra das vantaxes do material que elixiron: "meter a estrutura en ferro permitiunos facer a obra a medida, ao noso xeito e meterlle as aperturas no teito do tamaño que nós queriamos", indica.  O único inconvinte dunha nave tan alta é a súa menor protección contra a choiva, algo que resolveron colocando unha malla cortaventos na parte orientada ao sur para evitar que a chuvia molle as camas.  Comedeiro e separadores de cubículo flexibles As barras xiran cara adiante 30 centímetros, o que permite ás vacas chegar á comida en todo o comedeiro Entre outros elementos innovadores de confort para o gando que incorporou esta explotación atópanse tanto separadores de cubículo como no comedeiro flexibles. Neste caso non se trata dunha cornadiza convencional, senón que carece de trabantes ou barra limitadora superior, o que permite moita maior liberdade ás vacas, reducindo o seu nivel de estrés á hora de alimentárense.  "Os separadores de cubículo flexibles están ben porque evitan golpes das vacas, pero a min gústame incluso máis o sistema do comedeiro, penso que foi un gran acerto. Teño que recoñecer que eu tiña algunha reticencia inicial, pero a meu irmán gustáballe e puxémolo e penso que foi o maior acerto que tivemos, porque a vaca está libre totalmente. O comedeiro xira ademais 30 centímetros cara adiante, o que permite á vaca chegar comendo tamén máis adiante", explica Alfonso. 
O feito de non ter trabantes súplese cunha manga en cada lote que facilita a aplicación de tratamentos, inseminacións e saneamento
O feito de non dispoñer de trabantes que faciliten a inmobilización das vacas súplese coa presenza dunha manga integrada no interior de cada lote. A manga conta cunha porta con trabadiza e cun foso para acceder ao ubre para o secado. Con este sistema aplícanse os tratamentos ao gando, realízanse as inseminacións e faise o saneamento.  Capacidade para 160 vacas en produción Vacas da explotación agardando para entrar nun dos robots de muxido Lodos e Pérez conta na actualidade con 262 cabezas totais, das que 140 son vacas en muxidura. As novas instalacións foron construídas para contar con 3 robots e unha capacidade máxima de 160 animais en produción, aínda que polo de agora só ten instalados dous robots. "Queremos poñer o terceiro mediante un plan de mellora", explica Alfonso. Neste momento aínda moxen no establo vello algunhas vacas, sobre todo aquelas que peor se adaptaron aos robots instalados na nave nova. "Neste momento temos funcionando os dous robots con 115 animais e muximos outras 25 vacas na sala no outro establo. Poderiamos ter todas as vacas aquí, pero o feito de manter a sala nas instalacións antigas permíteche seleccionar o gando que tes nos robots e seguir aproveitando as vacas que teñen dificultades de adaptación este primeiro ano, aínda que é un pouco rollo ter que muxir nos dous sitios e fai máis lioso o manexo o feito de que non teñamos todos os lotes de produción xuntos cos tres robots funcionando", recoñece. 
Podiamos ter todas as vacas aquí, pero o feito de manter a sala no establo vello permítenos selecionar máis o gando que temos nos robots e aproveitar este primeiro ano as vacas que non se adaptan
Deste xeito, di, "a adaptación foi extraordinaria, case tardaron máis en adaptarse ao sistema de limpeza e ao paso das arrobadeiras que ao robot. Nese sentido, non houbo moito que pelexar con elas, tamén porque como as nosas vacas foran criadas nun centro de recría estaban acostumadas a pasar por mangas e entraron ben aos robots desde o primeiro momento. As xovencas son as que mellor entran, nunha semana xa están totalmente acostumadas, o resto das vacas que van parindo sempre hai algunha que tes que ir buscar, nós dámoslles de prazo 11 horas desde o anterior muxido antes de metelas ao robot, salvo que estean recén paridas, sempre se lles dá un tempo para deixar que sexan elas as que tomen a iniciativa de vir", conta. Altas producións con medias de 45 litros SAT Lodos e Pérez entrega a Naturleite desde esta primavera e, aínda que contaba xa con altas producións na explotación antiga, lograron mesmo incrementala nuns 5 litros diarios por vaca coa posta en funcionamento do novo establo. "Nós viñamos de producións medias de 40 litros xa na outra cuadra e agora cos robots e con máis ordeños temos tamén máis produción. No novo establo temos as vacas máis produtoras, con medias de 48-49 quilos por día e no vello obtemos medias de 32 litros dos animais que alí temos. En conxunto o promedio por vaca é de 45 litros con 3,60% de graxa e 3,20% de proteína", detalla Alfonso.
Non por sobrecargar os robots sacas máis leite, moitas veces con menos vacas fas máis muxiduras e sacas o mesmo leite
Cos 115 animais en produción actuais que teñen repartidos nos dous robots logran medias de máis de 3 muxiduras. "Non por sobrecargar os robots sacas máis leite, moitas veces con menos vacas fas máis muxiduras e sacas o mesmo leite", considera. Con esa filosofía contan completar os tres robots só con 160 vacas.  Vacas secas en cama de compost Fresan dúas veces ao día o compost para airealo e no inverno engádenlle carbonato A nova nave de SAT Lodos e Pérez foi pensada para acoller, ademáis dos tres lotes de produción, o lote das vacas secas e o das becerras até o destete. "As vacas secas tiñámolas fóra e agora están en cama de compost nunha zona con capacidade para 39 animais e os metros necesarios correspondentes a ese número de animais. Fresamos o compost dúas veces ao día e no inverno botamos ademais algo de carbonato. No verán chegaría con fresar só unha vez ao día pero no inverno é necesario airear dúas veces para que enxugue, porque os días húmidos nótanse moito", recoñece. 
Tiñan a recría externalizada no Rancho Las Nieves de Zaragoza por falta de sitio pero agora xa comezaron a facela eles
As camas dos animais en produción son agora de area nas novas instalacións e manteñen as camas de palla no establo vello. "A outra cuadra ten 22 anos pero xa era unha explotación moderna naquel tempo, con estabulación libre e un sistema de limpeza innovador, xa que se limpa coa auga da fosa de purín, que vai a uns depósitos que hai nas cabezas dos pasillos e cando se lle abre a esa auga limpa por arrastre e leva o que hai. Agora funciona moi ben porque hai poucos animais, pero é un sistema bastante traballoso", explica Alfonso.  Sistema de canalización para regar os pasillos Aínda que na nova nave hai arrobadeiras automáticas para a limpeza, tamén deixaron instaladas unhas chaves de paso nos laterais para poder humedecer os pasillos con auga e facilitar deste xeito a limpeza en épocas secas. "Meteuse un sistema de canalización desde o pozo de purín para regar os pasillos para que non se resequen tanto e limpen mellor as arrobadeiras", conta. Debido á falta de capacidade no establo vello, Lodos e Pérez optara por mandar a recría ao Rancho Las Nieves de Zaragoza, co que viñan traballando desde fai 17 anos. "Aínda temos alí 55 xovencas, pero xa deixamos de mandar as becerras que nacen para facer nós a recría. Até destetar témolas con amamantadora, están uns 79 días e logo pasan a outro lote na nave nova outros 70 días e despois van para o establo vello, que queremos deixar para a recría", avanzan.  70 hectáreas de superficie As camas son agora de area, antes eran de palla, o que aportaba maiores niveis de materia orgánica ás terras Un dos principais factores limitantes para esta SAT, igual que para moitas outras en Galicia, é o feito de non contar con superficie dispoñible na zona. "Aquí facerse con terreo é algo case milagroso. Como non temos moitas hectáreas temos que facer que as que hai sexan produtivas. Todos os anos se encalan as fincas e cada dous anos apórtaselles tamén fósforo", detalla.  A base do abonado é o purín que sae da propia explotación, aínda que Alfonso admite que a partir de agora a calidade do xurro vai empeorar. "Está claro que para o purín a area non é o mesmo que a palla, a materia orgánica non é a mesma, aínda che cambia ben o conto", opina. 
Sen unhas boas forraxes non tes produción de leite, é algo imprescindible
En total contan con 70 hectáreas, 10 con pradeira permanente de raigrás inglés e 60 en rotación anual de millo con dúas cortas de raigrás. "A base dunha boa produción son unhas moi boas forraxes, sen iso non tes litros", asegura Alfonso.  Dispoñen de carro propio para elaborar as distintas racións de alimentación e esta circunstancia permítelles facer a mestura dúas veces ao día para as vacas de leite, algo que xa facían tamén antes, pero agora con racións diferenciadas para os animais que se moxen no robot (con menos penso ao suplementar despois o concentrado o robot según produción até un máximo de 8 quilos) e os que se seguen a muxir na sala no establo vello.  A ración de robot inclúe 28 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba, 6 quilos de penso e 1 de palla e para as de sala fana con 30 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba, 10 quilos de penso e sen palla. As vacas secas teñen tamén unha ración diferenciada, mentres que as becerras pequenas comen a ración de robot e nas de máis de 8 meses usan a ración das secas pero con máis soia. 

"Á hora de facer obras e melloras moitas veces bota para atrás o papeleo e os trámites coas Administracións"

Cuberta da fosa de purín, para a que lles volveron pedir a documentación aportada dous anos antes As obras das novas instalacións de SAT Lodos e Pérez duraron un ano pero os trámites para o seu inicio comezaron moito antes e os gastos imprevistos multiplicáronse. "Estivemos un ano enteiro pagando un grupo electróxeno para poder facer a obra porque non nos daban posto a luz. Tardaron un ano e medio en poñérnola e iso que tiñamos pagado xa. Foron 40.000 euros por poñer tres postes e un transformador, un roubo", denuncia Alfonso.  Para reducir o consumo eléctrico da granxa instalaron ademais placas solares para unha potencia máxima de 20Kw que os fai, en boa medida, autosuficientes. "No verán abastécese a cuadra de sobra e cos excedentes puxemos un termo e quentamos a auga que usamos para lavado e limpeza do sistema de muxido e do tanque do leite", explica.  Pero ademais do custo, Alfonso denuncia a excesiva burocracia á que se enfrontan as explotacións que, coma eles, se deciden a mellorar e ampliar as súas instalacións. "Bota para atrás o papeleo e os trámites coas Administracións, co Concello, coa Xunta, con Medio Ambiente", enumera.
Tivemos que recurrir a unha empresa de xestión de puríns porque nós, por impacto ambiental, tiñamos que ter 400 hectáreas de terreo para que nos autorizaran a obra
"Nós, por impacto ambiental, tiñamos que ter 400 hectáreas de terreo para que nos autorizaran a obra e como non as temos tivemos que incluir a xestión de puríns mediante unha empresa autorizada para que nos aprobaran a obra", conta. Pero os problemas volvéronse repetir tan só dous anos despois de facer a solicitude para a construción da nave. "Pedimos un plan de mellora para cubrir a fosa de purín e volveron pedirnos todas as cousas que presentaramos dous anos antes para facer a nave. É absurdo, digo eu que en dous anos non cambiaron as fincas de sitio", razoa. Nesta SAT reclaman unha necesaria simplificación e axilización dos procedementos para a concesión de axudas por parte das Administracións pero tamén unha maior valoración por parte das industrias lácteas do esforzo e os investimentos feitos por parte dos gandeiros. "É unha mágoa que non teñamos un prezo do leite un pouco decente para axudar a pagar isto en menos anos", conclúe Alfonso.  

Beneficios para a viña e o viño do uso de bagazo compostado como biofertilizante

“Tras máis de tres anos de traballo fomos quen de demostrar a eficacia da vermicompostaxe na biotransformación dos bagazos de uva albariño e mencía e do bagazo destilado nun potente bioestimulante, así como os beneficios da aplicación deste vermicompost na saúde do viñedo e a vide e na calidade do viño”. Así de rotundo se amosa o catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo Jorge Domínguez, director do Grupo de Ecoloxía Animal, tras a presentación de resultados do proxecto de I+D+i Vitalver, un traballo levado a cabo de maneira conxunta entre as universidades de Vigo e Santiago de Compostela e as bodegas Adegas Moure (DO Ribeira Sacra) e Terras Gauda (DO Rias Baixas). O principal obxectivo deste traballo foi investigar as posibilidades que ofrecen as miñocas de terra e a vermicompostaxe para a economía circular e a viticultura sostible mediante o desenvolvemento dun ciclo integrado que permitiu converter in situ o bagazo, tanto fresco como destilado, xerado na industria vitivinícola en vermicompost de alta calidade con propiedades bioestimulantes e de defensa da vide. Para isto, contouse cun orzamento global de 917.448 euros, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) con fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020.

Procesáronse máis de dez toneladas de bagazo

Baixo o liderado científico de Jorge Domínguez e da profesora Marta Lores, catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago (Lidsa-Cretus), procesáronse máis de dez toneladas de bagazo mediante vermicompostaxe. “Este proceso reduciu substancialmente a biomasa inicial e transformouno en vermicompost, un abono orgánico rico en nutrientes, microbioloxicamente moi rico e activo, do que se poden separar facilmente as pebidas”, apunta Domínguez, ao tempo que explica que a separación das pebidas elimina a fitotoxicidade residual asociada aos polifenois no vermicompost. “ Ademais, poden procesarse as pebidas facilmente para obter extractos ricos en polifenois, antioxidantes e aceite rico en ácidos graxos saudables”, explica o catedrático vigués.

Efectos beneficiosos nas vides...

Os efectos do vermicompost nas vides, nas uvas e no viño estudáronse durante varias tempadas de cultivo en catro viñedos de mencía de Adegas Moure: un viñedo maduro con cepas de máis de 25 anos; dous viñedos novos con cepas de cinco anos, e un viñedo con videiras recentemente plantadas. Fixéronse experimentos de biofertilización con vermicompost sólido, líquido e aplicacións de spray foliar, fronte a vides control, abonadas segundo os protocolos estándar da adega. No caso de Terras Gauda seleccionáronse 6,5 hectáreas de viñedo en dúas contornas con características edafoclimáticas diferenciadas, no Rosal e na Cañiza (Valeixe) ás que se incorporou no último ano unha parcela de caíño branco en desenvolvemento que se replantara recentemente. “Unha vez comprobado que a utilización de vermicompost de bagazo de uva mellora a estrutura do chan e favorece a presenza de microorganismos beneficiosos para a saúde da planta, ampliouse o alcance para coñecer o seu efecto como bioestimulante e xerador de defensas naturais”, recalca o responsable científico da investigación.

Nas uvas

Durante o proxecto tomáronse e analizáronse mostras de chan, follas e uvas de máis de 3000 cepas de mencía e albariño. A fertilización con vermicompost e a aplicación do mesmo en forma de spray foliar nas partes aéreas produciu unha diminución das enfermidades causadas por fungos  fitopatóxenos. Biofertilizante a partir da vermicompostaxe do bagazo

... e nos viños

Durante tres colleitas consecutivas elaboráronse 1000 litros de viño con uvas de cepas abonadas con vermicompost, e 1000 litros con uvas das cepas control. No caso do mencía, as fermentacións foron espontáneas; é dicir, realizadas polos fermentos propios das peles das uvas, e chamou a atención, en palabras de Adrián Rodríguez, enólogo de Adegas Moure, a “explosión aromática no tanque de fermentación do viño experimental”. Pola súa parte, Evaristo Rodríguez, xerente e director técnico destas adegas, engade que “as diferenzas entre o viño experimental e o viño testemuña son salientables e significativas, incluso máis do que se podía agardar”. Neste sentido, Rodríguez destaca que “visualmente, o viño experimental presenta unha maior viveza e mocidade: no nariz preséntase sen reducións, aberto e expresivo, e na boca é profundo, persistente e máis complexo”. En canto ao albariño experimental, o ácido málico foi netamente máis baixo, o que o suaviza e o fai máis amable; e o pH foi inferior, o que indica maior estabilidade no viño. Finalmente, “na cata a cegas das tres colleitas destacou sempre o viño experimental, tanto polos seus recendos como polo seu equilibrio gustativo, untuosidade e lonxitude”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda.

Papel da Universidade de Vigo..

Vermicompostaxe do bagazo Desde a Universidade de Vigo,  traballaron a fondo neste proxecto non só o director do  Grupo de Ecoloxía Animal, o profesor Jorge Domínguez, senón tamén  o técnico xefe deste equipo, Alberto Da Silva, e o investigador de posdoutoramento Hugo Martínez. Eles foron os encargados de estudar a vermicompostaxe dos tres tipos de bagazo (o de albariño, o de mencía e o destilado) en vermireactores instalados nas propias instalacións universitarias. Neste senso, realizaron un estudo continuo da dinámica de poboación de miñocas en todos os vermireactores mediante a determinación da densidade, reprodución e biomasa destes animais (adultos, xuvenís e botóns) durante 12 meses desde o seu establecemento. “Grazas a isto temos datos da evolución da poboación de miñocas ao longo destes tres anos de estudo que nos dan unha valiosa información para o correcto funcionamento destes procesos a longo prazo”, explica Domínguez, quen tamén recalca que, unha vez completado o proceso, tamizouse todo o vermicompost que se obtivo. Por outra banda, estes investigadores foron tamén os responsables de optimizar os métodos de obtención dos test de vermicompost que se elaboraron en depósitos de 500 litros e se aplicaron nos viñedos, así como os de obtención dos sprays foliares que se aplicaron nos mesmo momento que os produtos fitosanitaios nas plantas control dos experimentos. En canto á realización dos experimentos de biofertilización nos viñedos, realizouse un seguimento continuado das cepas no viñedo mediante a avaliación das condicións ambientais, a fenoloxía, o diagnóstico das follas, a presenza de enfermidades, o contido na clorofilas das mesmas, así como as características físico-químicas e biolóxicas do chan de cada cepa nas parcelas experimentais de todos os viñedos.

… e da Universidade de Santiago de Compostela

A USC traballou nas análises químicas mais complexas, sobre todo na caracterización dos polifenois nos bagazos e nos vermicompost, así como nas uvas e no viño. Todos estos análisis que incluen A evolución dos polifenois e dos aromas dos viños das tres colleitas (2017 a 2019) estudouse nos laboratorios do grupo LIDSA na Facultade de Química, nunha investigación levada a cabo por Marta Lores e o seu equipo. Utilizando técnicas cromatográficas acopladas a espectrometría de masas ( LC-MS/ MS, GC-MS/ MS) analizáronse os principais marcadores polifenólicos e aromáticos en mostras tomadas en oito etapas da vinificación, dende o mosto ata o viño final. Os resultados analíticos das tres anadas confirmaron claramente os matices sensoriais percibidos na cata. Tamén traballaron na caracterización dos polifenois e dos ácidos grasos das pébedas (sementes) e de fariñas elaboradas tanto con estas pébedas como con as propias miñocas de terra.

A escola de capataces de Lourizán súmase á compostaxe e incorpora un centro comunitario

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (CFEA), en Pontevedra, acaba de sumarse á compostaxe coa incorporación dun centro de compostaxe comunitario, dentro do Plan Revitaliza, que ten en marcha a Deputación de Pontevedra. O centro de estudos ten xa instalado o composteiro comunitario de tres módulos, que previsiblemente comezará a funcionar no mes de setembro, dependendo do reinicio da actividade educativa. Unha das novidades deste centro con respecto aos que se instalan nas demais zonas da provincia é que será o propio alumnado e profesorado o que se encargue do mantemento e control do proceso da compostaxe dentro das prácticas curriculares. A maiores, contarán coa supervisión do persoal técnico provincial da Deputación, co fin de que se cumpran tódolos parámetros de temperatura, aireación ou trasfegas, para acadar un compost de calidade, que despois sexa de utilidade para fertilizar os espazos verdes. O centro de compostaxe dará servizo e recibirá o lixo das 40 persoas que comen no comedor -con cociña- que existe nas instalacións de Lourizán. Así mesmo, implicará a implantación da recollida separada da fracción orgánica (a maiores de papel, vidro e envases lixeiros) na residencia e no resto do centro onde estudan ou traballan unhas cen persoas. A comunidade educativa poderá depositar no centro de compostaxe tódolos restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede acabado de cortar ou plantas de todo tipo). Unha vez depositado o lixo orgánico deberán tapalo con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo. O alumnado da Escola de Lourizán xa se involucrou na instalación do propio centro de compostaxe comunitaria, posto que a plataforma base sobre a que se instalaron os módulos foi construída nas prácticas dos alumnos antes do confinamento.

Tipos de camas para vacas de leite: análise comparativa

Á hora de poñer en marcha unha explotación de leite preséntanse varias disxuntivas nas que o gandeiro debe tomar unha decisión. Unha delas é escoller entre robot ou sala de muxido; outra, o tipo de cama para o gando. Analizamos desde distintos puntos de vista as vantaxes e inconvintes dos distintos materiais empregados máis frecuentemente. Este foi un dos aspectos da produción de leite abordados nas últimas xornadas técnicas organizadas por Seragro, onde distintos profesionais mostraron a súa visión sobre a incidencia do tipo de cama no benestar do gando e nos resultados produtivos acadados. Gonzalo Gómez Grobas, do servizo de xestión técnico-económica de Seragro, fixo unha análise da situación actual das camas na nosa comunidade en función do tipo de gandaría e do material empregado. Os dous sistemas máis frecuentes en Galicia nas camas das vacas en produción son a area e a mestura de serrín con carbonato cálcico, aínda que nos últimos tempos e empurrado polas maiores esixencias sobre o purín estase introducindo tamén o compost e perviven aínda ganderías con camas de goma.
As explotacións máis grandes empregan area, as intermedias materiais como serrín, viruta e cascarilla e nas pequenas perviven aínda as mantas de goma
A antigüidade das instalacións e o tamaño da explotación determinan tamén o tipo de material empregado. Deste xeito, afirmou, "canto máis grande é a granxa máis tende á area", que usan só o 7% das gandarías de menos de 50 vacas, o 20% das que teñen entre 50 e 100 animais, o 35% das que están entre 100 e 150, o 46% das que se sitúan entre 150 e 200 e o 62% da que contan con máis de 200 vacas. Ao contrario que as mantas de goma, que perviven sobre todo en explotacións de pequeno tamaño (o 28% das explotacións de menos de 50 vacas teñen este sistema fronte a unicamente o 3% no caso das de máis de 200 cabezas). Tamén inflúe a localización xeográfica, dado que "na provincia da Coruña é onde máis camas de serrín hai porque tamén é onde máis aserradeiros hai", argumentou. Materiais como o serrín, a viruta ou a cascarrilla son utilizados sobre todo por explotacións de tamaño intermedio, de entre 50 e 150 vacas. Gonzalo explicou que, independentemente do material empregado ou do tamaño da explotación, hai unha diferenza de 6 litros diarios en produción por vaca en función do estado das camas se o mantemento é óptimo con respecto a se é deficiente. "Unha cama boa ou mala determina 6 litros de diferenza en produción por vaca e día. Non é só pola cama, senón que como está a cama é tamén un indicativo de como se fai o manexo noutros aspectos", considera.
Unha cama boa ou mala determina 6 litros de diferenza en produción por vaca e día
"Unha cama ten que estar seca, limpa e ben traballada, iso é un bo manexo da cama", afirmou, e explicou que "cando o material é barato a xente encama máis a miúdo e os cubículos acostuman estar máis cheos". Tamén indicou que a época do ano tamén inflúe no estado das camas. "Inflúen factores como a humidade, moi importante cando se usa compost, pero tamén aspectos do comportamento do gando. No verán as vacas déitanse e levántanse máis veces porque están máis estresadas e tiran máis material", dixo.

Diferenzas de custo considerables

Gonzalo Gómez Grobas O técnico de Seragro, que asesora ás explotacións desde o punto de vista da súa xestión económica, comparou o custo actual das distintas alternativas utilizadas para o descanso das vacas en Galicia. Estudando unicamente o custo de adquisición do material empregado nos cubículos, o máis económico sería o compost, dado que é xenerado na propia explotación e non é preciso mercalo, seguido, por esta orde, da area, a palla, o carbonato e o serrín.
O gasto anual usando serrín con carbonato case duplica ao da area
A diferenza de custo anual para un rabaño de 100 cabezas en produción é considerable. O gasto sería de 5.000 euros en area, 7.000 euros en palla (aínda que o custo por tonelada é o maior de todos, emprégase menor cantidade -kg/día- que no resto de sistemas), 8.000 euros en manta de goma con recheo, 10.000 euros empregando mestura de serrín con carbonato e 12.000 euros usando só serrín. Así pois, o custo do serrín con carbonato, unha das alternativas máis empregadas xunto coa area, practicamente duplicaría á area.

CUSTO DO MATERIAL EMPREGADO NO ENCAMADO

                            Area   Serrín   Serrín+carbonato    Palla   Goma+recheo Kg/vaca/día              12          5                   6                               2                4 €/tonelada                11,54   66,66          44,50                        95              54,40 €/vaca/día                 0,14      0,33             0,27                         0,19           0,22 €/ano/100 vacas     5.054   12.165        9.745                       6.935         7.957 Cando se emprega compost elaborado a partir da fracción sólida do purín como material o caro é a compra do separador, que ascende a uns 100.000 euros, e supón tamén un incremento mensual na factura eléctrica da granxa, que varía en función das horas de funcionamento necesarias, debido ao consumo do sistema de hixienización, que deriva nun custo enerxético importante. Tendo en conta estes dous factores (custo de adquisición do separador e consumo eléctrico necesario para a hixienización) a utilización das camas de compost resulta o sistema máis caro malia que o material en sí é o máis barato.
Os danos que provoca a area nas instalacións supón 300 euros máis ao ano en mantemento polo desaste e 870 da retirada dos residuos da fosa do purín
No caso das camas de goma ou de goma con recheo habería tamén un custo inicial, o de adquisición das mantas de goma, que sería duns 200 euros por unidade. En canto ao desgaste das instalacións, estímase que no caso da area supón unha media de 300 euros máis ao ano con respecto ao resto de sistemas en mantemento, así como outros 870 euros a maiores cada ano na retirada dos residuos da fosa do xurro.
Nos casos de cama de compost hai un custo enerxético importante polo consumo do sistema de hixienización, que ten ademais un custo de adquisición elevado
En canto á man de obra necesaria, cando se utiliza mestura de carbonato e serrín o custo é superior tanto polo tempo necesario empregado en facer a mestura de materiais como para traballar a cama, que endurece máis, do mesmo xeito que o compost tamén compacta máis e require máis tempo para a súa elaboración. O custo de adquisición dunha encamadora para area, serrín, carbonato ou compost rondaría os 5.000 euros, mentres que para palla subiría até os 12.000 euros, destacou finalmente Gonzalo.

Incidencia sobre a saúde podal

Jose Maria Garcia Nieto O seu compañeiro José María García Nieto, do servizo de podoloxía de Seragro, fixo, pola súa banda, un repaso aos distintos problemas que máis frecuentemente presentan as vacas de leite estabuladas nos cascos poñéndoos en relación co tipo de material de cama existente na gandaría. Desde Seragro analizaron durante dous anos o comportamento de 23.434 vacas en 131 explotacións leiteiras estabuladas, das que 42 usaban area, 36 cama de goma e as 53 restantes serrín, palla ou mestura de carbonato con serrín. O 27% das intervencións foron urxencias e as restantes, revisións podolóxicas periódicas. O 35% do total de vacas estaban coxas e en canto ás incidencias e patoloxías máis frecuentes que presentaban, o 36% dos animais tiñan úlcera na planta, un de cada catro enfermidade de debilitamento e separación da liña branca, un 5% hemorraxia localizada (predecesora da enfermidade da liña branca), noutro tanto dos casos suela fina e un 2% dos animais flemón interdixital.
O material de recheo da cama determina o tipo de enfermidade podolóxica máis habitual na gandaría
O material de recheo da cama determina o tipo de enfermidade podolóxica máis habitual na gandaría así como o seu grao de incidencia. "Globalmente as que mellor se comportan para as enfermidades de podoloxía son as camas de area, seguido do serrín-carbonato, e a que peor, a colchoneta, aínda que hai diferenzas en función da enfermidade podal da que se trate", afirmou José María.
O 12% das vacas que dormen en cubículos con area presenta a enfermidade de suela fina por desgaste, que non se dá con outro tipo de materiais de recheo
Así, o 42% das vacas que dormen en mantas de goma presentan úlceras. "As granxas con mantas de goma teñen máis úlceras porque non son camas tan confortables como o resto de materiais e as vacas descansan menos e pasan máis tempo de pé", asegurou. Por outra banda, as enfermidades de suela fina por desgaste só se dá nos cubículos con area, indicou, cunha porcentaxe de incidencia do 12%. "O desgaste nas camas de area depende do traxecto que camiñen as vacas para ir a beber, a comer ou a muxirse e tamén de se os patios son novos ou non", explicou.
A menor incidencia de coxeiras dase en cubículos con area, mentres que as mantas de goma provocan maior número de patoloxías, sobre todo úlceras
Segundo os datos aportados por José María, a menor incidencia de coxeiras, así como das demais patoloxías, dase en cubículos con area, seguido dos recheos de serrín ou carbonato, mentres que 4 de cada 10 vacas coxas descansaban en manta de goma. Este material tamén provoca maiores porcentaxes de repetición de coxeiras (24%) nos animais tratados unha vez curados, aínda que o técnico de Seragro indicou que "as vacas desde que están coxas unha vez as probabilidades de volver estar coxas outra vez na súa vida son maiores".
As vacas desde que están coxas unha vez as probabilidades de volver estar coxas outra vez na súa vida son maiores
Para reducir o número de animais aqueixados de problemas nos pés, o técnico de Seragro recomendou encamar "polo menos" unha vez á semana "con suficiente cantidade de material" e arar as camas "unha vez ao día cando menos, sobre todo nas camas de serrín-carbonato, que endurecen máis", dixo.

Efecto da area nas terras

Adolfo Lopez Fabal Un dos contratempos que provoca o uso de area nos cubículos do gando é a súa acumulación na fosa do xurro. Moitas gandarías non retiran esa area de maneira separada, senón que é esparexida nas terras de labor e pradeiras mesturada co purín. Adolfo López Fabal, doutor enxeñeiro agrónomo e investigador da USC explicou o efecto que ten o depósito desa area sobre a fertilidade física dos solos. "O solo é un capital que a explotación ten e que é irremprazable, polo que hai que coidalo", asegurou. A fertilidade (a capacidade do solo de proporcionar ás plantas boas condicións para o seu correcto crecemento e desenvolvemento), explicou, ten que ver coas súas propiedades físicas (ancoraxe, extensión radicular, aireación, dispoñibilidade de auga), químicas (nutrintes, fitotóxicos) e biolóxicas (microbioloxía, micro e mesofauna).
A adición de area procedente das camas, vía purín, pode alterar a fertilidade do chan
Por iso, dixo Adolfo, "a adición de area procedente das camas, vía purín, pode alterar a fertilidade do chan". "O solo non é algo estático e podemos influir na súa evolución ou en como vai cambiando, pero a súa evolución vai depender do material de partida (pizarras e cuarcitas no leste de Galicia e granitos no oeste) e iso danos solos diferentes", explicou.
Cando os solos se degradan moitas veces degrádanse para sempre porque despois esas propiedades físicas son moi difíciles de reverter
"O solo vai gañando en profundidade e en materia orgánica co paso dos anos, pero é un proceso longo que pode levar moitos séculos e mesmo miles de anos. Ademais, as propiedades físicas cando son malas son moi difíciles de corrixir, polo que os solos cando se degradan moitas veces degrádanse para sempre porque despois son moi difíciles de reverter", asegurou. Por ese motivo tamén recomendou "non deixar nunca zonas en pendente sen cultivo en inverno, unha vez recollido o millo, por exemplo, porque a terra que se perde non se recupera en miles de anos". Propuxo botar un cultivo de inverno para evitar a erosión ou mesmo poñer pacas de herba seca ou facer uns regos profundos ao traveso no fondal das parcelas para poder recoller esa terra cando hai escorrentía. É máis problemático botala nuns solos ca noutros Un solo equilibrado en canto ás súas características funcionais denominaríase solo franco, composto por un 40% de area, outro 40% de limo e un 20% de arxila. A arxila aporta mellor fertilidade a longo prazo, xa que permite ter máis reserva de nutrintes e retén tamén mellor a auga que os chans areosos, que sen embargo drenan mellor e son máis doados de traballar, pero pola contra tamén sofren máis problemas de seca no verán e reteñen menos nutrintes.
Se o chan é areoso estamos incidindo nun problema que xa ten o solo, pero se o chan é limoso ou arxiloso co aporte de area estamos mesmo mellorando o solo
Como non todos os solos teñen as mesmas características, tampouco a area afecta de igual xeito en todas as parcelas. "Se partimos dun solo franco estariamos pasando enseguida a un solo areoso e se o chan é areoso estamos incidindo nun problema que xa ten o solo, pero se o chan é limoso ou arxiloso co aporte de area estamos mesmo mellorando o solo", contou. Pero os chans en Galicia acostuman ser franco-areosos. "Os solos de granito son moi areosos e tamén os de esquistos, que son os segundos máis frecuentes na nosa comunidade", explicou este enxeñeiro agrónomo do Campus Terra. "A area procedente dos cubículos fai máis areoso o chan, porque é un material inerte que non se descompón, polo que ten un efecto aditivo, é dicir, non desaparece e vaise sumando a area que engadimos un ano coa do ano seguinte. Imos acumulando doses", afirmou Adolfo.
Hai que repartir a arena na base territorial, evitando acumular doses elevadas sempre nas mesmas parcelas
Nunha terra de labor na que durante 25 anos se bote toda a area procedente das camas das vacas da gandería estaríaselle engadindo unhas 3.000 toneladas por hectárea, calculou, cando 500 toneladas por hectárea sería o límite máximo de aporte de area aceptable por parte do chan. "Serían moitos anos botando area se repartimos a area proporcionalmente en todas as fincas, pero se por comodidade botamos sempre nas mesmas parcelas por estar máis perto o problema increméntase", dixo. Medidas correctoras Outra estratexia sería sacrificar algunha das parcelas que teñamos e que sexa xa de por si pouco produtiva, botando a area sempre nela para non prexudicar ao resto. "Cando as fincas que temos xa son de por sí areosas, pódese concentrar a aplicación en pouca superficie, que se sacrifica, iso si, de xeito irreversible", indicou. As consecuencias do deterioro dun chan debido aos continuos aportes de area son irreversibles, pero pódense corrixir botando máis materia orgánica. "Un solo ao que aportamos materia orgánica mellora na retención de auga e nutrintes, polo que se pode corrixir a falta de arxila no solo aportando materia orgánica", explicou. Sen embargo, como a materia orgánica se degrada e a area non, ese sobreabonado desa parcela hai que facelo a partir de entón todos os anos.
As técnicas paliativas dos efectos de doses elevadas de area en solos xa de por si areosos serían dúas: aumentar o nivel de humus (materia orgánica) se é baixo e a labra ocasional máis profunda (desfonde), aínda que isto non sempre é viable
Outra maneira de mitigar as consecuencias da area no chan sería labrar máis profundo nesas parcelas, para mesturar a area con máis cantidade de solo, reducindo deste xeito a súa incidencia sobre o chan. Pero non sempre se pode aplicar esta técnica paliativa de desfonde a 50 centímetros porque en ocasións a profundidade do chan non o permite porque debaixo hai limo ou pedras, argumentou Adolfo. Ademais, a fertilidade global diminúe, porque estamos traendo á superficie e mesturando a materia orgánica con terra que non foi abonada.
O problema da incorporación da area das camas ao chan é posible sobrelevalo se facemos un uso axeitado desa area, estudando en que terras se bota e que uso posterior se vai dar a esas terras
Así pois, concluíu este experto, "o problema da incorporación da area das camas ao chan é posible sobrelevalo se facemos un uso axeitado desa area, estudando en que terras se bota e que uso posterior se vai dar a esas terras", afirmou.

"O compost é un bo material para a saúde do ubre e pode usarse sen problema en Galicia"

Cama de compost en SAT O Liñar de Sarria Oriol Franquesa Oller é veterinario especialista en calidade do leite en Q-Llet e traballa en granxas en Cataluña, onde levan máis tempo que en Galicia empregando camas de compost. "En calidade de leite a area segue gañando, pero o o compost é unha alternativa que permite unha redución de custos na explotación. Ademais, o compost ten menos problemas de manexo que a area e estamos reciclando un residuo da granxa, polo que non hai que mercar outro material e cando vai para o campo é mellor material aínda. En definitiva, o compost é un bo material para a saúde do ubre e pódese usar en Galicia", asegura. Existen distintas modalidades en canto ao uso de compost na cama. Unha delas é a cama fría, utilizada tanto en vacas en produción como en vacas secas ou recría (o máis común en Galicia). Para o seu uso requírese unha maior superficie a cuberto nas instalacións pero afórranse os cubículos e o cemento, xa que se usa directamente sobre a terra, á que se engade unha capa inicial de material (normalmente serrín ou viruta, aínda que pode ser tamén palla), que se traballa despois removéndoa a diario mesturada cos excrementos do gando para que seque e enfríe na parte superficial, a que está en contacto cos animais.
Na cama fría de compost a densidade é un factor limitante en canto a resultados: con 14 metros cadrados por vaca é unha marabilla pero con 8 metros cadrados por vaca convértese nun pesadelo
"A densidade é un factor limitante en canto a resultados. Con 14 metros cadrados por vaca é unha marabilla pero con 8 metros cadrados por vaca convértese nun pesadelo", asegura. En canto ao manexo, "hai que airear dúas veces ao día e canto máis fondo en canto a profundidade mellor", di. Vacas secas en cama fría de compost en Gandaría Varela de Castro de Rei A clave para que o sistema de cama fría de compost funcione consiste en controlar a temperatura da cama. "Debe estar por debaixo de 35-40ºC medida a 15-20 centímetros do chan. A superficie debe estar fría e se hai humidade hai que engadir máis material", recomenda. "A cantidade dependerá da densidade de animais que teñamos, da ventilación das instalacións ou da humidade ambiental que haxa", explicou, pero, en función deses factores, "hai que aportar material novo", asegurou.
A clave está en airear dúas veces ao día e controlar a temperatura e humidade na superficie engadindo novo material cando sexa preciso
Do mesmo xeito, Oriol non recomendou substituir por completo o material compostado. "É moito mellor sacar só unha parte, por exemplo, retirar a metade do material unha vez ao ano", indicou. Uso de compost en cubículo Oriol Franquesa Oller Nos últimos anos foron tamén varias as explotacións en Galicia que substituíron a area dos cubículos por compost logrado a partir da facción sólida do purín. Existen varios métodos para obtelo, desde o compostado natural (que en Galicia non funciona polo alto grado de humidade, que impide secar o material deste xeito) á utilización de inxectores de aire e separadores. Para poder usar o compost según sae do separador (sistema denominado green bedding) o material debe ter un 35% de materia seca, indicou o técnico catalán. "Se o separador non é bo e en vez de ao 35% sae ao 28% de materia seca vainos dar problemas para usalo directo do separador", dixo.
O compost é fantástico de inicio en canto a bacterias como Klebsiela ou E-coli porque está hixienizado, pero hai que airealo para que non se incremente o nivel bacteriano ás 48 horas de botalo nos cubículos
Nese caso habería que utilizar un proceso intermedio de secado entre o separador e o cubículo, ben a través de inxectores de aire ben a través de tambores de secado, que supoñen un custo máis elevado de investimento e tamén de consumo enerxético. En relación ao comportamento do compost na saúde do ubre, Oriol considerou que "o material compostado ou secado é fantástico de inicio en canto a bacterias como Klebsiela ou E-coli porque está hixienizado, pero hai que airealo para que non se incremente o nivel bacteriano ás 48 horas de botalo nos cubículos", advertiu. O uso de compost obriga tamén a poñer maior énfase nunha boa limpeza do pezón antes do muxido.
O uso de compost obriga a poñer maior énfase nunha boa limpeza do pezón antes do muxido
"O sistema hai que axustalo e traballalo en cada granxa até atopar o seu punto óptimo de utilización", opinou. Con todo, unha vez encamado co compost o manexo pasa despois por remover diariamente o material depositado nos cubículos. "Hai que pasar as gradillas cunha altura de púas suficiente para que entren dabondo no compost para airealo", afirmou. Alternativa para dar unha solución ao purín O uso de compost en vacas de produción de leite, ben sexa en sistema de cama fría ou en cubículo, é desigual nos distintos países. En Inglaterra, por exemplo, é un material que non triunfa porque Arla Foods non quere ese leite, dado que o Reino Unido ten un problema endémico de tuberculose, que resiste a esas temperaturas de hixienización do compost (que é sometido a un proceso de pasteurización a 60-70ºC). Nos Países Baixos, sen embargo, é un sistema frecuente, tanto en cama fría nas granxas máis novas, como en cubículos, con plantas móbiles de tratamento do purín que se desprazan de gandaría en gandaría elaborando o compost necesario para 2 ou 3 semanas, que é depositado en almacéns con forma de silo cuberto para a súa posterior utilización no encamado. Con todo, algunhas empresas como Friesland Campina, que conta cun importante mercado de exportación nos países árabes, prefire camas de palla antes que de compost. Pedro Ezcurra Osácar En España, o compost está a abrirse camiño como unha alternativa ante o endurecemento da normativa en relación ao tratamento de puríns. Pedro Ezcurra Osácar é socio da gandaría Aldapa SCL, unha explotación situada na zona norte de Navarra, dentro da Rede Natura 2000 e, polo tanto, sometida a unhas limitacións en materia medioambiental moi estritas. "Ao estar en Rede Natura mírasenos con lupa", dixo. A granxa, froito da unión de catro explotacións familiares, conta con 355 vacas en produción, 30 secas e unha cabana gandeira total de 715 animais. Dispoñen dunha superficie de 170 hectáreas de terreo, das que 90 son terras de cultivo en rotación de millo con raigrás forraxeiro e as outras 80 pradeiras para pasto e sega para ensilado.
Usan compost nas camas desde fai catro anos, antes botaban palla nos cubículos e mandaban o purín a tratar a unha planta de biogás
A produción media da explotación é de 39,5 litros por vaca e día e contan con 370 cubículos para as vacas en muxidura nos que desde fai catro anos botan compost. Antes empregaban palla e desde o ano 2000 ao 2016 trataban o purín nunha planta de biogás mancomunada pertencente ao Val de Ulzama que pechou pola suba do custo da electricidade. Pedro recoñece que "a primeira reacción como gandeiros ante o compost é sempre na miña granxa non", pero que ante a falta de alternativas para o purín tralo peche da planta de biogás decidiron colocar un separador na propia explotación. Descartaron o uso directo do compost que saía del nas camas e tamén instalar ventilación forzada para secalo na pila de compostaxe por falta de espazo.
A gran vantaxe do compost é que ao ter material de sobra enchemos os cubículos a mansalva e o que reborda ou tiran as vacas volve ao pozo do purín e non pasa nada
"Finalmente decidímonos polo tratamento térmico mediante unha biocélula vertical, que precisa menos espazo", contou. Teñen o hixienizador programado para que traballe a 71ºC, por enriba dos 60ºC que recomenda o fabricante. "Sae un produto hixienizado en máis dun 95% pero no momento en que o botamos no cubículo comeza a contaminarse con bacterias", explica. Os dous primeiros anos, até o 2018, enchían as camas cada 5 días, rastrillaban a diario e retiraban a bosta 2 veces ao día. Pero o ano pasado cambiaron o manexo das camas e agora énchenas unha vez ao día (polas tardes) e rastríllanas igual unha vez ao día (polas mañás). "A gran vantaxe para min do compost é que ao ter material de sobra enchemos os cubículos a mansalva e o que reborda ou tiran as vacas volve ao pozo do purín e non pasa nada", razoou.
O 60% do material que obteñen da facción sólida do purín emprégano para a cama das vacas en produción e o sobrante vai para os campos como abono, igual que a parte líquida do xurro, que usan nas terras a través dunha cisterna con tubos colgantes
O 60% do material que obteñen da facción sólida do purín emprégano para a cama das vacas en produción e o 40% restante úsano nas camas da recría ou ben vai para os campos como abono. A parte líquida do xurro unha vez separada bombéana a un quilómetro de distancia até a balsa da antiga planta de biogás, onde a almacenan para usar despois nas terras a través dunha cisterna con tubos colgantes. Como se comporta con calor ou humidade extremas? Un dos medos máis habituais dos gandeiros á hora de valorar a introdución do compost nas súas granxas son as dúbidas sobre o seu comportamento en condicións de humidade ou temperatura altas. "Non notamos ningún incremento de células ou mamite cando a humidade é alta", asegurou Pedro. Os niveis nesta explotación sitúanse hoxe en 218.000 células e un 17% de mamites subclínicas; antes de pasarse ao compost estaban en 235.000 células e un 36% de mamite. Ademais da mellora no reconto celular, tamén lograron reducir os casos clínicos de mamite, que están hoxe por debaixo do 1,5% (un caso de mamite clínica por cada 60 vacas).
Baixaron o nivel de células somáticas e as mamites clínicas e melloraron en produción, fertilidade e lonxevidade
Trala súa experiencia destes 4 anos, para este gandeiro "o tema da humidade é un pouco excusa, xa que onde nós estamos chove máis que en moitas zonas de Galicia", dixo. As condicións climáticas desta explotación, situada a 550 metros de altitude e con clima atlántico, é de 1.300 mm de precipitación media anual (con 143 días de chuvia) e unha temperatura media anual de 10,8ºC (a media de mínimas sitúase en 5,1ºC e a de máximas en 16,6ºC). "Ademais, as condicións da nosa nave de produción son moi negativas, porque está nunha vagoada, é moi baixa e ten pouca ventilación", dixo.
O tema da humidade é un pouco excusa, onde nós estamos chove máis que en moitas zonas de Galicia
Logran hoxe un compost con máis do 40% de materia seca e unha granulación menor, o que, xunto coa mellora no manexo das camas (frecuencia de receo e rastrillado) permitiulles mellorar no reconto de células somáticas e na saúde do ubre ao lograr un produto máis seco. "Baixamos tamén o grao do compost, polo que absorve mellor a humidade", conta Pedro. Melloras en fertilidade e redución de descartes Outros beneficios do cambio de material nas camas déronse a nivel reprodutivo. "Notamos incrementos na fertilidade, aínda que seguimos tendo picos baixos, pero son debidos a un problema de estrés por calor no verán na nave de produción", explica. Lograron tamén incrementos na produción e mellorar o nivel de reemprazo da granxa, cuxa taxa de reposición se sitúa na actualidade por debaixo do 30%. "As vacas coxas que antes marchaban máis rápido ao matadoiro agora dúrannos máis na explotación porque conseguimos maior confort nas vacas e están deitadas máis tempo", razoa Pedro.
Todas as melloras comezan a verse aos 7 ou 9 meses de facer o cambio ao compost, xa que arrástranse vacas con problemas crónicos que se tardan en superar
Aclara, se embargo, que o proceso para ver resultados é longo. "Todas as melloras comezan a verse aos 7 ou 9 meses de facer o cambio ao compost, xa que arrástranse vacas con problemas crónicos que se tardan en superar e en moitos casos non se aprecian cambios globais no rabaño até que eses animais abandonan a explotación", dixo. Ademais, son necesarios uns meses iniciais de adaptación para axustar ben todos os parámetros do hixienizador e adaptar o manexo das camas da gandaría ao novo material. Outro dos beneficios colaterais da separación do purín nesta explotación navarra foi a redución de cheiros na gandaría. "A nosa granxa está ubicada a 300 metros dun hotel de turismo rural, así que ao reducir os olores que provoca a nosa explotación tamén melloramos as condicións do entorno para eles", concluíu Pedro.

O Plan Revitaliza contará con 170 centros comunitarios de compostaxe e 7.100 composteiros

A Deputación de Pontevedra habilitará neste ano novos puntos comunitarios para a xestión de residuos orgánicos, á par que repartirá máis composteiros individuais ós concellos adheridos ó Plan Revitaliza. O obxectivo da administración provincial é chegar a 170 centro comunitarios, fronte ós 127 que hai na actualidade. En canto ós composteiros individuais, que se reparten a veciños con casas con horta ou xardín, estiman entregar 1.555 para chegar a contar con 7.100 composteiros na provincia. Así, tódolos concellos adheridos na provincia estrearán tanto centros comunitarios como composteiros individuais. A Deputación pretende que os concellos que aínda non comezaron a empregar este tipo de xestión dos residuos orgánicos comproben as bondades do sistema. Mentres, aqueles que xa están a utilizar estes métodos continúen avanzando para cumprir os obxectivos marcados dende Europa, que obrigará a reciclar o 50% do lixo neste ano 2020. Ademais, tamén será obrigatorio nos vindeiros anos recoller e tratar de forma separada o 100% da fracción orgánica, ben mediante compostaxe ou outras formas sostibles.

A compostaxe nos concellos

Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal. O caso de Vilaboa vai incluso máis adiantado, xa que ademais de ser o que proporcionalmente ten máis composteiros repartidos, está a traballar na modificación da ordenanza de lixo. Alí están instalados 14 centros de compostaxe e a previsión é chegar aos 1.200 composteiros individuais entregados.
Os concellos con mellores resultados son os que ampliaron, con axudas da Deputación, o sistema de compostaxe municipal
En Pontevedra as cifras en 2020 pasarán dos 25 centros de compostaxe actuais a 30, chegando aos 800 composteiros individuais. No Grove a previsión é ter 11 puntos comunitarios e alcanzar os preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz Balneario prevense 13 e 10 comunitarios e 900 composteiros individuais e 100, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos cinco actuais e os individuais subirán ós 1.104. Nas novas incorporacións de concellos á Liña 2, o obxectivo é que Poio instale o seu primeiro comunitario e preto dun cento de individuais. Na Illa de Arousa prevén chegar a 3 comunitarios e dispor de 715 individuais. Tomiño, pola súa banda, ampliará a 3 os comunitarios e chegará a 300 individuais.

Ampliar e estrear

Outro dos obxectivos do Plan Revitaliza pasa por aumentar as instalación de centros comunitarios nos concellos que xa dispoñen de algúns –aínda que a través de cesión da institución provincial-, co obxectivo de que cada vez os gobernos locais sexan máis autónomos e se encarguen do mantemento. Nesta situación estarán Vilagarcía, Portas, Campo Lameiro, Barro, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Cangas, Moaña, Soutomaior, Redondela, Baiona, Gondomar, O Porriño, Tui, Oia, O Rosal e Ponteareas. Salceda de Caselas, pola súa banda, está xa no límite dos 5 centros de compostaxe propiedade da Deputación e deberá dar o salto de maneira inminente á Liña 2 para continuar con medios da súa titularidade.
Os municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe
Dende a Deputación tamén apuntan a que ó longo deste ano continuarán a informar sobre o sistema de compostaxe nos 44 concellos adheridos ó plan para que comproben as vantaxes. Desta maneira agardan que concellos como Valga, Catoira, Cuntis, Meis, Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda, Ponte Caldelas, Marín, A Guarda, Covelo, Salvaterra ou Poio conten co seu primeiro centro de compostaxe. A administración provincial tamén advirte que aqueles municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe, engrosando a lista que forman Moraña, Vilanova, Meaño, Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Pazos, Fornelos, A Lama, Mos, Nigrán, Arbo, Cañiza e Crecente. Estes municipios a día de hoxe nin están no Plan Revitaliza nin contan cun programa específico para cumprir a nova normativa europea. Tamén está fóra do cómputo o concello de Vigo, ó non poder estar dentro do plan provincial polo seu número de habitantes.