Archives

A Audiencia Nacional confirma a multa a cinco industrias lácteas polo cártel do leite

A Audiencia Nacional vén de emitir a sentencia sobre o chamado cártel do leite, coa que se pronuncia sobre a decisión da Comisión Nacional da Competencia de sancionar con 80 millóns de euros a un grupo de industrias lácteas. O fallo da Audiencia confirma a multa a cinco industrias e estima parcialmente os recursos doutras tres industrias por erros nos periodos de cálculo, polo que lle pide á Comisión Nacional da Competencia que recalcule a sanción para estroutros tres casos. A sentencia confirma as multas a Calidad Pascual, con 8,5 millóns de euros, a Lactalis, con 11,6 millóns de euros e a Nestlé, con 6,8 millóns de euros. Eses son os principais importes, aos que hai que sumar os 929.000 euros da sanción a Schreiber Foods -fabricante de iogures para Mercadona-, e os 53.300 euros a Celega, proveedora de Schreiber. As outras empresas que foran inicialmente sancionadas por Competencia, Capsa, Danone e Puleva viron parcialmente estimados os seus recursos, xa que a Audiencia pídelle a Competencia que recalcule as multas, ao entender que algún dos periodos de sanción están prescritos. No caso da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, retíraselle a multa, que fora de 60.000 euros. O fallo xudicial, por tanto, considera acreditado que por parte das empresas existiu un intercambio de información sobre prezos, a fin de acordalos, así como outras prácticas irregulares, como os pactos sobre granxas proveedoras. Todos estes comportamentos, entende a Audiencia, prexudicaron o poder de negociación dos gandeiros durante o periodo 2000 – 2013, polo que se consideran acertadas as sancións de Competencia por fixación de prezos e reparto do mercado. Contra esta decisión da Audiencia Nacional, as industrias poderán interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo, se ben preséntase como unha vía complicada. Reclamacións de indemnizacións O fallo da Audiencia Nacional que confirma as multas dictadas por Competencia abre a porta a que as granxas cursen as correspondentes peticións de indemnizacións contra as industrias lácteas multadas. Só en Galicia calcúlase que arredor de 7.000 granxas teñen iniciado o proceso para presentar as correspondentes reclamacións a través dos xulgados do mercantil, un proceso que estaba só pendente de arrancar a que chegase este fallo da Audiencia Nacional. Valoracións desde Unións Agrarias Tras trascender a sentencia xudicial, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, subliña que a sentencia confirma "a comisión do delito de pactar prezos" por parte de tódalas industrias sancionadas no seu día por Competencia. "Imaxinamos que as industrias tratarán de alongar o proceso xudicial, pero esta sentencia abre xa a vía para que desde os servizos xurídicos de Unións Agrarias -en colaboración con Eskariam- presentemos máis de 5.000 demandas, en nome doutras tantas granxas, para reclamar a cantidade apropiada indebidamente por parte das industrias", conclúe.

Cobideza reclamará ás industrias polos prezos pactados

A cooperativa Cobideza acordou iniciar as reclamacións ás industrias lácteas polos prezos pactados á baixa, logo da sentenza da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. A decisión, tomada durante a asemblea extraordinaria, celebrada onte na sede da cooperativa en Cercio (Lalín), foi apoiada pola maioría dos socios asistentes. A denuncia tramitarase a través do equipo xurídico de Unións Agrarias e abrangue os pagos pendentes do período 2005 ó 2013, etapa na que a cooperativa exerceu como primeiro comprador. Mentres, dende o 2000 ata o 2005 realizouse unha facturación individual, polo que serán os propios gandeiros os que deban presentar as reclamacións. “Ábrese unha etapa de traballo de recompilación de datos antes de poder dar unha estimación do que deben as empresas ós gandeiros”, explica Román Santalla, presidente da cooperativa. Tal e como informou o secretario xeral de Unións, Roberto García, durante a charla informativa na cooperativa, os gandeiros afectados poderán tramitar as reclamacións a través de Unións, que se encargará de todo o procedemento. García aclarou que, no caso de non conseguir un fallo favorable para os afectados, os gastos asumiraos a entidade. Mentres, de conseguir os cobros pendentes, ós afiliados cobraráselle un 10% da contía percibida e no caso dos non afiliados será un 20%.

A nova PAC

No transcurso da asemblea tamén se abordaron outros temas como a futura PAC 2021-2027. O secretario xeral de Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Lorenzo Ramos, insistiu na importancia de que as novas políticas agrarias europeas estean orientadas a unha dobre vía de financiamento, asentadas nuns prezos máis xustos para os produtores e un orzamento axeitado por parte dos estados membros. Esta dobre vía pretende reconducir a concepción actual, máis orientada cara o pago de subvencións, a modo de compensacións. “Os gandeiros e produtores estamos tendo cada días máis esixencias en materia ambiental ou sanitaria, que asumimos e respectamos, pero non podemos seguir cos mesmos prezos á baixa porque iso conduce ó abandono das pequenas e medianas explotacións”, reprocha Santalla. Nesta mesma liña, Roberto García tamén recriminou a decisión da Xunta de destinar a outros fins os fondos do PDR previstos para o desenvolvemento agrario de zonas de montaña.

Eficiencia enerxética

Outro dos temas que se abordou durante a xornada foi a eficiencia enerxética nas granxas, xa que os custes eléctricos supoñen unha importante contía. Entre outras cuestións incidiuse na importancia de saber ler ben os recibos para poder axustar ó máximo as contratacións ás necesidades das ganderías. Tamén se abordou o emprego de enerxías renovables nas ganderías, non só como unha alternativa sostible para o autoconsumo, senón como unha vía para xerar ingresos ó vender a enerxía sobrante, un aspecto que aínda está pendente do desenvolver xuridicamente. “As ganderías non podemos perder a oportunidade que nos brindan enerxías renovables como a fotovoltaica ou a eólica”, apunta Santalla.

Unións tramita as reclamacións contra o ‘cártel lácteo’ por un 10% das indemnizacións

As industrias lácteas recibirán nos próximos meses unha chuvia de reclamacións xudiciais, segundo as previsións que manexa o sector. As empresas sancionadas este verán por Competencia por prácticas ilegais, coma pactar os prezos do leite, enfróntanse ás peticións de indemnización que están comezando a cursar as granxas afectadas. Unións Agrarias anuncia que procederá a tramitar tódalas reclamacións xudiciais de xeito gratuíto a cambio dunha porcentaxe das indemnizacións que se obteñan, en caso de que tal cousa suceda. Tanto Unións Agrarias coma o Sindicato Labrego desenvolveron no último mes unha campaña de charlas por toda Galicia para informar ó sector, en tanto as cooperativas, pola súa banda, agardan a que a resolución de Competencia se confirme na Audiencia Nacional, onde recurriron ás empresas afectadas. O interese das granxas é claro, pois a cantidade que se lle pode reclamar ás industrias é de arredor de 3 céntimos por litro de leite vendido entre o 2000 e o 2013, segundo Unións. Poden reclamar tanto as granxas en activo como as que pecharon a partir do 2000, o que en total suma arredor de 32.000 explotacións en Galicia. Unións Agrarias vén de anunciar que se ofrece a tramitar tódalas reclamacións xudiciais de xeito gratuíto. Só percibirá unha porcentaxe das indemnizacións que se obteñan, pero se os fallos xudiciais son contrarios, a organización sinala que asumiría tamén o pago das posibles costas xudiciais. En concreto, Unións ofrécelle as súas granxas socias tramitar as reclamacións por un 10% das indemnizacións, unha cifra que se elevaría ó 20% no caso de ganderías que non fosen socias da organización. As industrias que se enfrontarán ás reclamacións son en primeiro termo as multadas por Competencia (Capsa, Lactalis, Puleva, Pascual, Danone e Nestlé), pero na organización agraria valoran tamén a posibilidade de solicitar indemnizacións doutras firmas que incurriron en prácticas ilícitas, pero que non foron sancionadas por Competencia por prescripción das infraccións. É o caso, por exemplo, de Reny Picot, Celta ou Río.

Campaña informativa sobre a petición de indemnizacións ás industrias do ‘cártel do leite’

O Sindicato Labrego Galego iniciou este xoves na Estrada unha campaña de asembleas informativas nas comarcas leiteiras galegas. Nas sesións abórdase a posibilidade de reclamar xudicialmente contra o cártel de industrias lácteas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. Os gandeiros, como parte afectada, teñen un prazo dun ano, dende a publicación da sanción o pasado 11 de xullo, para demandar ás industrias multadas para recuperar os cartos que deixaron de percibir a causa das prácticas fraudulentas. Neste senso, o colectivo analizou os pros e contras desta accións co asesoramento do experto Albert Poch, do bufete Redi Abogados, especializado en demandas contra cárteles industriais, e decidiu comezar unha serie de sesións informativas ós gandeiros para que valoren esa demanda.
As ganderías contan cun prazo dun ano para demandar ás industrias sancionadas
Desde o Sindicato Labrego teñen previsto realizar as reclamacións das perdas de cada gandería a través dunha mesma demanda, coa intención de agrupar o maior número posible de granxas. De feito, segundo apuntan dende o Sindicato Labrego, en Cataluña este proceso xudicial está xa avanzado e conta con centos de demandantes, pese a que só quedan unhas 437 ganderías en activo. Cómpre ter en conta que tamén poden reclamar todas as granxas que venderon leite entre o 2000 e o 2013, aínda que xa cesaran a actividade. No caso galego, o Sindicato Labrego confeccionará unha listaxe de granxas interesadas en iniciar o proceso de reclamación para estudar e asesorar sobre a viabilidade de iniciar accións xudiciais. O colectivo ten programadas unha vintena de actos por toda Galicia. Polo momento ten fixadas xa reunións ó longo de todo o mes nas bisbarras de Ferrol, Ortegal, Eume, A Mariña, Terra Chá, Betanzos, A Coruña, Ordes, Arzúa, Compostela, Lugo, Meira, Deza, Sarria, Chantada, Lemos, Bergantiños ou na Costa da Morte.

O agro comeza a reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas por Competencia

O agro está a iniciar un proceso de reclamacións millonarias ás industrias lácteas multadas por Competencia. As empresas sancionadas este verán con 80 millóns de euros por prácticas ilegais terán que enfrontarse nos próximos meses ás peticións de indemnizacións que xa comezan a tramitar granxas e cooperativas afectadas. En Unións Agrarias recibiron nas últimas semanas arredor de 200 consultas e esperan que o número se dispare en canto remate a campaña de ensilado do millo. Será entón cando a organización emprenda unha rolda de asembleas comarcais para informar ó sector. As posibilidades de reclamación abarcan ás 32.000 granxas de leite que estaban activas en Galicia no ano 2000, das que quedan unhas 7.000 activas. O periodo polo que se poden pedir indemnizacións é o correspondente ó sancionado por Competencia, do 2000 ó 2013. Unións calcula que as ganderías poderán reclamarlle ás industrias lácteas uns 3 céntimos por litro de leite vendido nese periodo, en total, uns 315 millóns de euros.
Unións iniciará unha rolda de asembleas comarcais en canto remate a campaña de ensilado do millo
As industrias que se enfrontarán ás reclamacións son en primeiro termo as multadas por Competencia (Capsa, Lactalis, Puleva, Pascual, Danone e Nestlé), pero na organización agraria valoran tamén a posibilidade de solicitar indemnizacións doutras firmas que incurriron en prácticas ilícitas, pero que non foron sancionadas por Competencia por prescripción das infraccións. É o caso, por exemplo, de Reny Picot, Celta ou Río. “Será máis complicado, pero está demostrado por Competencia que estaban defraudando ós gandeiros, polo que hai motivos para demandarlles indemnizacións”, subliña Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias. En Unións lembran que sería conveniente que as granxas tivesen as facturas de cobro do leite do periodo 2000-2013 para proceder ás reclamacións, se ben son conscientes de que a gran maioría de ganderías carece desa documentación. “Estamos falando dun periodo de cota láctea, polo que o Fondo Español de Garantía Agraria conta con tódolos datos do leite entregado por cada granxa a cada industria, así que contamos con concretar un sistema sinxelo para proceder ás reclamacións sen necesidade das facturas”, explica o secretario de Servizos de Unións, Óscar Pose. Das arredor de 200 granxas que se puxeron en contacto con Unións, unha parte delas xa está a iniciar os trámites para as reclamacións. Hai tanto granxas activas como ganderías que xa pecharon e que están a ter noticia do caso a través dos medios de comunicación.
"As cooperativas afectadas, como é lóxico, estudarán tódalas posibilidades de reclamar indemnizacións" (Higinio Mougán, Agaca)
Proceso O proceso de reclamación prevese longo. Trala resolución sancionadora de Competencia, dictada o pasado xullo, Unións interpreta que as granxas potencialmente afectadas teñen un ano de prazo para solicitar unha petición de indemnización. Claro que, dado que a resolución de Competencia non é firme, pois as industrias lácteas recurrírona ante a Audiencia Nacional, tamén hai partidarios no sector de agardar a que haxa unha sentencia firme. É o que están facendo a gran maioría de cooperativas primeiro compradoras de leite, que aglutinan o leite dos seus socios para venderllo ás industrias. O director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, considera que a gran maioría de cooperativas afectadas valorará a posibilidade de reclamar indemnizacións. “É un proceso que temos a percepción de que comezará en canto haxa unha sentencia firme sobre a sanción ás industrias. Entón, as cooperativas afectadas, como é lóxico, estudarán tódalas posibilidades de reclamar indemnizacións”, apunta Higinio.

As granxas galegas poden reclamarlle ata 315 millóns de euros ás industrias lácteas multadas por Competencia

A multa de 80 millóns de euros que a Comisión Nacional de la Competencia lle confirmou este verán a un grupo de industrias lácteas por prácticas ilegais é só o primeiro chanzo dun proceso que se pode dilatar durante anos. Sobre a base da multa de Competencia, que sanciona conductas como pactos entre as industrias para baixar os prezos do leite no campo, as granxas poden, individualmente, reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas ás que suministraran leite no periodo 2000 – 2013. Unións Agrarias calcula que en Galicia as granxas poderían demandarlle ás lácteas o pago de 315 millóns de euros. A organización agraria, que nas últimas semanas está a atender numerosas consultas dos seus afiliados, iniciará unha campaña informativa para explicarlle ás granxas as posibilidades de reclamación que existen. Unións fora no seu día a impulsora da investigación de Competencia que rematou cun grupo de industrias lácteas con sancións millonarias, caso de Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), Lactalis – Puleva, Pascual, Nestlé ou Danone.
"Está demostrado por Competencia que as industrias tiñan acordos para baixar o leite no campo no periodo 2000 - 2013" (Óscar Pose)
Todas estas industrias poden enfrontarse nos próximos anos a reclamacións millonarias por parte dos gandeiros. “Está demostrado por Competencia que estas industrias nos pagaron de menos no periodo 2000 – 2013 porque tiñan acordos para baixar os prezos no campo, así que tódalas granxas que estaban vendendo leite no 2000 – 2001, que eran unhas 31.000 en Galicia, teñen dereito a reclamarlle ás industrias unha indemnización” -explica Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias-. “A parte de a estas industrias, hai outras ás que Competencia non sancionou por estar prescrito o seu caso, pero ás que tamén se lles poderían reclamar cantidades por parte das granxas”. O importe que poden demandar as ganderías galegas ronda os 315 millóns de euros, segundo Unións, que calcula o dato a partir do total de leite que se lle vendeu a estas industrias no periodo 2000 – 2013, aplicando correccións de prezos do leite en base a factores como a situación de cotizacións nos países de referencia en Europa ou os índices da Interprofesional Láctea. “Estamos falando de preto de 3 céntimos por litro que terían que ter ido para as granxas e que se quedaron as industrias”, sostén Óscar Pose, que hoxe compareceu en rolda de prensa. As reclamacións poden formularse tanto por parte das granxas que quedan activas en Galicia, algo máis de 7.000, como polas máis de 23.000 que botaron o peche desde o ano 2000. “As ganderías que desapareceron tamén teñen dereito á reclamación. Informaremos tanto ás explotacións activas como as outras a través dos nosos servizos xurídicos. Despois cadaquen que decida o que quere facer e se quere presentar unha reclamación a través nosa ou a través de quen el decida”, sinala Óscar Pose. Desde Unións advirten de que hai unha serie de bufetes de avogados madrileños que nas últimas semanas están tratando de captar granxas interesadas en presentar reclamacións. “Vemos que non se está dicindo toda a verdade sobre como é o proceso, que será longo, ou sobre as cantidades que se poden reclamar. De aí que vaiamos iniciar nós unha campaña de comunicación ó sector. Por outro lado, non sabemos onde estaban todos estes despachos de avogados cando as industrias nos estaban metendo a man no peto. Fomos desde Unións os que denunciamos o cártel lácteo ante Competencia”, lembra Óscar Pose.

Situación do proceso xudicial con Lactalis

Unións Agrarias mantén unha segunda fronte de reclamación xudicial, neste caso só con Lactalis – Puleva, polo incumprimento dos acordos subscritos en decembro do 2015 entre as cadeas de distribución e os gandeiros. Daquela, as principais cadeas de supermercados comprometéranse a aumentar en 2 céntimos os pagos ás súas industrias proveedoras de leite de marca branca, coa condición de que lle trasladaran ese pago ás granxas. Desde Unións interpretan que Lactalis quedouse con todos eses cartos, “arredor xa de 5 millóns de euros”, polo que procederon a denunciar no xulgado á industria láctea francesa. O proceso, que se está seguindo no xulgado de Vilalba, está pendente de resolución.